Archives

Pódese substituír o penso por unha ración máis sostible, de proximidade e coa que reducir custos?

“Buscabamos un xeito de alimentar ós nosos animais que fose acorde coa filosofía do noso proxecto. Nós ofrecemos unha carne e ovos como os de antes, cunha textura conseguida a base dun manexo tradicional, con cría en liberdade e quendas de sacrificio máis longas que as das granxas en intensivo. Temos un manexo semellante ó que se facía nas casas galegas e precisabamos unha alimentación que se axustase a iso”, explica David Sueiro, promotor xunto con Patricia Lorenzo da gandería avícola en ecolóxico Sueiro e Lorenzo Avicultura Artesanal, situada en Vila de Cruces (Pontevedra) e que comercializa os seus produtos baixo a marca Galo Celta.  Ese foi o punto de partida dun proxecto de investigación co Centro Tecnolóxico da Carne (CTC). Tres anos despois contan cunha fórmula personalizada para alimentar tanto ós galos como ás galiñas poñedeiras ou ás pulardas que crían na súa gandería. A nova fórmula trouxo, entre outras vantaxes, unha drástica redución dos custos, unha mellora significativa tendo en conta que a alimentación dos animais é o principal gasto nas granxas. En concreto, substituír o penso en ecolóxico por esta mestura de cereais e legumes personalizada e certificada en ecolóxico supuxo un aforro de máis do 50% dos gastos en alimentación. “Conseguimos unha fórmula coa que reducimos á máis da metade o gasto que viñamos tendo en penso e gañamos outras prestacións”, explica Sueiro.
Substituír o penso en ecolóxico por esta mestura de cereais e legumes personalizada e certificada en ecolóxico supuxo un aforro de máis do 50% dos gastos en alimentación
Unha das prioridades do proxecto era procurar unha fórmula elaborada a base de cereais de proximidade, para ser máis sostible e reducir a pegada de carbono da propia gandería. Así, case tódolos ingredientes que conforman a ración actual son galegos. “Buscabamos que os ingredientes da ración procederan dun radio máximo de 200 quilómetros de distancia á gandería”, concreta Sueiro. Recoñecen que nestes últimos meses, nos que os pensos e os cereais importados experimentaron importantes subas ante a escaseza, ó optar por produtos de proximidade case non sufriron subas. Contar cunha fórmula propia permitiulle dispoñer dunha ración adaptada ós tempos de crianza que teñen na gandería e que se afastan das quendas propias das granxas cun manexo intensivo. “Os nosos galos sacrificámolos cando teñen un ano, cando os pitos doutras ganderías intensivas saen ós 50 días. As nosas galiñas chegan a ter 5 ou 6 anos, o que permite conseguir uns ovos especiais, aínda que teñamos unha produción máis baixa. Todos estes factores son diferentes das esixencias que teñen que cumprir os pensos pensados para unha granxa en intensivo, por iso buscabamos unha fórmula personalizada e certificada en ecolóxico”, indica o produtor. Reduciron o uso do plástico na gandería, xa que os cereais chéganlle a granel.

Os ingredientes da ración

Sueiro e Lorenzo tiñan claro que nesta nova fórmula querían suprimir a soia, polo impacto que supón incluíla na ración tanto a nivel ambiental, xa que a maior parte dela impórtase; así como polo prezo que ten habitualmente esta legume. A solución que atoparon para proporcionar a proteína necesaria para os seus animais foi incluír outra leguminosa na ración: o chícharo. “Os chícharos son os únicos ingredientes que traemos de fóra de Galicia, proceden de Castela”, comenta.
Coa nova ración tamén procuraban mellorar o aporte nutricional dos ovos e carne ó incrementar a achega de ácidos graxos saudables
Xunto cos chícharos, a ración, que lle prepara a cooperativa asturiana Campoastur, está baseada en trigo e millo, ambos chegados de Ourense. Ademais, no proxecto traballaron con outros ingredientes coa intención de mellorar o aporte nutricional e conseguir así mellores cualidades para a súa carne e ovos. Cun aporte do 5% de bagazo de cervexa, outro tanto de bagazo de aceite e a mesma cantidade de liñaza, conseguiron que os seus produtos teñan un maior contido tanto en Omega 3 coma Omega 6. “Deseguida puidemos etiquetar os nosos ovos como produtos con contido destes ácidos graxos saudables e logo tamén a carne das nosas aves, xa que en ambos casos superan amplamente a cantidade requirida para poder indicalo na etiquetaxe”, especifica o produtor. Mestura de cereais ecolóxicos empregada pola gandería. Logo da experiencia de incorporar estes ingredientes (bagazo de cervexa e aceite e liñaza) durante o proxecto de investigación van continuar co aporte tanto do bagazo de cervexa como coa liñaza, non só polos bos resultados senón tamén pola súa dispoñibilidade e facilidade para incorporalo á ración. O bagazo de cervexa procede de Chantada (Lugo), da fábrica que a firma Estrella Galicia ten na localidade. “Aproveitar o bagazo para a alimentación das aves é un exemplo de Economía Circular, xa que para a cervexeira é un residuo e para a gandería supón un recurso óptimo para alimentación dos nosos animais e cun gran aporte nutricional”, engaden. O bagazo proporciónanllo en bidóns de xeito que poden conservalo sen dificultade.
“Aproveitar o bagazo é un exemplo de Economía Circular, xa que para a cervexeira é un residuo e para a gandería supón un recurso óptimo cun gran aporte nutricional”
A liñaza procede de Ourense, ó igual que o bagazo de aceite, que decidiron non continuar administrando ós seus animais pese á súa achega nutricional. “Resultábanos moi difícil o manexo do bagazo de aceite e garantir a súa conservación en boas condicións, polo que debido a estas dificultades decidimos suprimilo e só seguiremos aportando un 5% de liñaza e de bagazo de cervexa”, concretan. A fórmula compleméntase cun corrector certificado en ecolóxico e libre de químicos.

Producir cereais e horta en ecolóxico

Polo momento, os cereais e a leguminosa que conforman a ración mércanos, pero están xa a xestionar a disposición de terreos para producir de xeito ecolóxico parte dos seus cereais. “A intención é producir tanto o trigo, como o millo e o chícharo en ecolóxico. Xa dispoñemos de terras e este ano comezaremos coas primeiras sementeiras a modo de proba”, detalla o produtor. Os prazos para acreditar que a parcela e a produción son ecolóxicos por parte do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) tamén adiaron o proceso de producir o seu propio gran. Ademais dos cereais, as aves da gandería Galo Celta aliméntanse a base de verduras como a verza de col ou os grelos. Este foi un aspecto no que tamén estiveron a traballar dende a gandería para conseguir unha certificación para as súas leiras de verzas. Hoxe teñen xa acreditada a súa horta como verza galega certificada en ecolóxico para produción avícola. “Cando quixemos certificala atopámonos con que non había sementeira nin planta certificada, co que tivemos que conseguir tamén esa certificación”, detalla. Da man da empresa Horta da Lousa e o traballo realizado no CTC e no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam), lograron a primeira semente e planta galega de verza certificada en ecolóxico. Horta de verza galega ecolóxica. Na actualidade teñen xa unha parcela de 4.000 metros cadrados de verzas de col para alimentar ás súas aves. Este ano tamén sementaron unha leira de Grelo de Santiago, que xa contaba coa certificación, e que ademais de aporte para complementar a dieta dos seus animais, empregáronos como abono verde. “O aporte vexetal diario dos animais proporciona a pigmentación amarela característica tanto da carne como do ovo criados baixo este tipo de alimentación e manexo, que é tan apreciado”, detalla. A curto prazo tamén queren instalar un muíño na gandería que lle permita moer o gran que lle proporcionan ós animais e seguir traballando nunha produción sostible. Polo momento, con esta nova fórmula tamén desterraron os plásticos, xa que o gran chégalles a granel e teñen huchas nas que gardalo.

Dez anos recuperando a crianza tradicional do galo e a galiña

Cando Sueiro comezou hai 10 anos con Galo Celta fixouse na crianza tradicional que se facía das galiñas e galos no rural galego. A súa granxa baséase en tres piares: a cría das aves en liberdade, manter as quendas de sacrificio tradicional e recuperar os sabores da carne e do ovo producido baixo estes criterios, afastados dos ritmos dunha avicultura intensiva. Con estas premisas, as súas aves viven máis que as que permanecen en granxas intensivas. No caso dos galos, as quendas de sacrificio chegan ós 12 meses, os polos sacrifícanos ós 6 meses e as galiñas de carne ós 24 meses. Ademais da produción, Sueiro e Lorenzo comercializan directamente os seus produtos. Así, é habitual que os dous socios da gandería participen en feiras e encontros gastronómicos especializados e tamén dispoñen dun posto de venda directa dos seus produtos no Mercado de Abastos de Santiago de Compostela.

Eurolemos, un santuario das razas autóctonas galegas

Mari Carmen e Ramón, na súa tenda, ubicada en Monforte de Lemos, cos produtos que eles mesmos producen Se no sur da provincia de Lugo hai un lugar de referencia para as razas autóctonas galegas, ese espazo atópase no número 15 da rúa Chantada de Monforte. Alí é onde Ramón e a súa muller Mari Carmen teñen unha tenda de alimentación na que dan saída a todo canto producen, que non é pouco, desde carne de vaca cachena, porco celta ou galo de Mos a ovos, embutidos, produtos da horta, marmelo ou mel das súas propias colmeas. O nome do establecemento xa é toda unha declaración de intencións: chámase Eurolemos Autóctono. E nada máis entrar queda clara a filosofía do local e dos seus propietarios, a de apostar pola calidade. Cartelería e folletos explicativos sobre as bondades e a forma de cría de ovellas, porcos, vacas e galiñas galegas e que informan sobre as características diferenciais da carne destes animais reciben ao cliente (e aos peregrinos que pasan por diante camiño a Santiago) anticipándolle o que van atopar no interior.
A min o que me gusta é facer cousas diferentes e ter o que non ten todo o mundo. Hoxe en día hai que especializarse
Ramón recoñece que vende tamén outro tipo de carne de tenreira ou de porco porque hai que ter para todos os gustos (e petos) pero sempre que ten oportunidade convida á súa clientela a levar as razas que el mesmo cría, convencido de que quen probe repetirá. Dubido que haxa mellor comercial para as razas autóctonas que unha persoa coma el, que leva 20 anos de carniceiro, desde nada máis cumprir os 18. "Levo 15 anos nas asociacións de razas autóctonas galegas integradas en Boaga, como Avimós, Asoporcel ou Cachega e participando nas súas actividades", destaca. Importante labor de promoción No 2014 comezaron a criar vacas cachenas "Hoxe en día hai que especializarse", asegura, a mesma recomendación que fai aos negocios de hostalaría para superar a actual crise xerada pola pandemia sanitaria. Ramón sempre que pode é dos que está disposto a organizar degustacións en feiras, bares ou restaurantes para dar a coñecer a calidade dos seus produtos e decantar ao consumidor cara as razas propias de Galicia para apuntalar un proceso de recuperación que pouco a pouco vai gañando espazo timidamente no mercado. "Son produtos todos en perigo de extinción, algo máis caros, pero a xente que economicamente pode optar está decantándose por produtos de máis calidade. Notamos algo iso a raíz do coronavirus", indica.
As feiras téñense que recuperar porque se ti queres un produto local non podes ir a unha grande cadea de supermercados a buscalos porque alí non están
Él é dos que outorga neste camiño unha importancia vital á promoción. "Fixen unha neveira pequena portátil específica para levar ás feiras", conta. É habitual velo tanto con animais como con produtos na Semana Verde de Silleda, en Expolougo, en Xantar de Ourense ou noutras citas locais como a Feira de Santos de Monterroso. Moitas delas non se celebraron este ano por mor do coronavirus, pero Ramón defende a utilidade destes mercados de proximidade. "Todo este tipo de mercados pegou un golpe grande con isto da pandemia. Levamos un ano parados, coa desculpa do coronavirus estanse facendo moitas cousas sen sentido, pero eu penso que as feiras téñense que recuperar porque se ti queres un produto local non podes ir a unha grande cadea de supermercados a buscalos porque alí non están", evidencia. Dar saída ao que eles mesmos producen Elaboran distintos produtos, como chourizos, salchichóns ou marmelo caseiro Moitos dos produtos que un se pode atopar en Eurolemos son de produción propia. "Nós vendemos moitos produtos nosos ademais da carne, como ovos, grelos, verzas, castañas, cabazas, mel, marmelo caseiro, chicharróns, manteca de porco celta, chourizo, salchichón. Moitas cousas son limitadas e puntuais. Por exemplo, fai dous meses matei unha vaca de 5 anos e fixen cecina e chourizo con ela engadíndolle un 20% de graxa de porco celta", explica Ramón.
Son produtos algo máis caros, pero a xente que economicamente pode optar está decantándose por produtos de máis calidade. Notamos algo iso a raíz do coronavirus
Pero ademais dos produtos propios, na súa tenda hai tamén mercadoría doutros produtores da zona, como os lácteos de Casa da Fonte, a gandería que elabora queixos e iogures no veciño concello de Pantón, onde eles teñen tamén as súas cachenas. "Hai outros criadores de razas autóctonas aos que tamén lles damos saída nós ao produto que eles producen", conta Ramón. Diversificar a produción Ademais de cachenas teñen ovella galega e galiña de Mos e están a aumentar con reprodutoras de porco celta "Matamos entre 3 e 4 xatos ao mes entre os nosos e o de outros produtores. Sacrificamos os animais cando teñen entre 10 e 12 meses, con entre 110 e 130 quilos a canal. Cando foi do confinamento pola covid-19 xente que antes levaba medio becerro levouno enteiro. O que temos dámolo vendido e máis non damos feito porque atendemos nós os dous sós tanto a carnicería como a explotación e non se pode estirar máis os pés do que dá a manta", engade. Por iso, máis que ampliar en volume ou número de cabezas o que queren é diversificar a produción. "Queremos seguir vendendo un pouco de todo coma sempre, pero o que nos interesa é sobre todo vender o noso e ter variedade, porque ao ter variedade de produtos pechas moito máis o círculo da produción. Así que ademáis das cachenas queremos ampliar con porco celta e outras cousas", avanza.
Ao ter variedade de produtos pechas moito máis o círculo da produción
Ramón ten tamén seis exemplares de ovella galega e 10 nais reprodutoras de porco celta que quere ir aumentando até chegar ás 20. Contan tamén con 16 colmeas nun colmear ubicado a 20 quilómetros de Monforte, enriba dos Peares. "Tiñamos máis de 20 colmeas, pero o ano pasado despois de sacar o mel metíanse dentro as velutinas e atacáronas moito", conta. Do medio cento de galiñas de Mos que teñen comercializan os ovos, que venden a 4 euros. Malia a diferenza de calidade, na súa zona moita xente aínda ten galiñas na casa para autoconsumo e consideran que é por iso que non hai moita demanda e son pouco valorados ovos como os que eles teñen á venda na súa tenda, pero en entornos máis urbanos ou mesmo fóra de Galicia son moi aprezados. Agora están preparando o obrador que teñen en Monforte para poder etiquetar alí os ovos e non ter que levalos a envasar a Fontefiz,  en Ourense, onde se atopa a sede de Avimós, a asociación que reúne aos criadores da única raza recoñecida de galiña autóctona gallega. "A produción destas galiñas é menor, pero a calidade é moito maior. Para facer un polo de Mos de dous quilos e medio fai falta un ano, catro veces máis tempo que para criar un polo industrial, igual que un xato de cachena pesa ao ano menos da metade que un xato de cebadeiro. Son produtos de baixo rendemento pero de gran calidade", destacan. 

Das avestruces ás cachenas de Pantón

A Ramón véselle destreza como vendedor e como carniceiro, pero onde realmente disfruta é como gandeiro. "Cando empezou o coronavirus para non estar tanto tempo expostos empezamos a abrir só polas mañás a carnicería e así temos as tardes para atender o gando. Na explotación é onde mellor se está sen pelexar coa xente", di medio en broma medio en serio. A súa filla Romina cun ovo de avestruz "Sempre me gustaron moito os animais e ir probando cousas diferentes. Houbera unha época hai 15 anos na que houbera un boom das avestruces e probei con tres e logo fun aumentando. Daquela cada exemplar podía custar case un millón de pesetas. Aínda teño algunha e véndolles tanto os ovos como as crías pero cebar para carne non compensa moito porque aínda que un zanco de avestruz pode dar tranquilamente 15 quilos de carne e ten un sabor totalmente distinto ao polo ou ao pavo, non hai moitos matadoiros autorizadas onde sacrificalas e non compensa moito o gasto de cebalas durante un ano e os portes e custos de matanza. Ás avestruces saqueilles cartos durante uns anos, pero houbo outra xente que investiu moito nelas e acabou arruinándose. Eu despois o que fixen foi cambiar as avestruces polas galiñas de Mos. Incubadora xa tiña, antes collíanme 50 ovos de avestruz e agora 1.000 de pita", conta.
Cada ovo de avestruz, que se pode comer frito, asado, en revolto ou en tortilla, equivale a dúas ducias de ovos de galiña
Pero a súa verdadeira paixón son neste momento as vacas cachenas. Ten unhas 40 cabezas repartidas en distintas fincas tanto a carón da casa en Monforte como en Ferreira de Pantón. "En Monforte teño 9 e en Pantón dous lotes con 18 cabezas en cada grupo. Están sempre fóra en fincas de 7 e 8 hectáreas con auga nas fincas e o único que lles damos é herba seca. Pero eu non empecei coas cachenas porque fora unha raza máis doada de manexar, senón por convencemento", matiza. "No ano 2014, cando comecei coas cachenas, tiñamos unha vaca para limpar arredor da casa e para muxir o leite para autoconsumo. Cando decidín ampliar, de todas as carnes de vacún galego que eu probei noteille diferenza á cachena, as outras razas son máis parecidas no sabor á rubia galega, pero nesta o sabor é diferente, máis forte, estaría entre a carne de tenreira e a de boi, cunha textura tamén diferente porque é unha carne máis compacta que non merma nin solta auga. E como a min sempre me gustou ir a contracorrente e un pouco ao revés para non ter o mesmo que teñen os demais apostei por meter cachenas, que é unha raza anana, máis pequena e que produce menos quilos, por iso quizais haxa menos, aínda que está en proceso de recuperación", razoa. A aquel primeiro exemplar, de nome Cartera, sumáronse enseguida outras femias e un touro, chamado Curro, e a gandería medrou axiña en poucos anos. 
O que hai véndese ben, tanto para vida como para carne, vendo os meus xatos e os de 2 ou 3 produtores máis
"A primeira que touxen merqueina no Faro, en Chantada, a un criador do que hoxe son moi amigo e ao que lle compro os becerros da súa explotación para comercializar aquí na carnicería. Vendo os meus xatos e os de 2 ou 3 produtores máis. Nós sacrificamos só os nosos machos, pero as femias van para vida todas. Vendémolas a 400 euros. Dache pena sacrificar esa xeración e tamén serve para seguir extendendo a raza, que segue en perigo de extinción. Nós temos todo certificado e dado de alta, polo que a nosa recría vai con todas as garantías, procuramos facer as cousas sempre o mellor posible. O que hai véndese ben, tanto para vida como para carne", asegura. Con todo, coa carne de cachena pásalles un pouco como cos ovos de galiña de Mos e case venden máis para fóra, con envíos a toda España, que para a zona de Lemos. 40 reprodutoras en 60 hectáreas de terreo Moitos veciños cédenlles as fincas para que llelas limpen A explotación de Ramón e Mari Carmen, coñecida co nome de Cachenas de Pantón, ten hoxe unhas 40 vacas reprodutoras en pastoreo extensivo en distintas fincas que suman unhas 30 hectáreas de superficie. A maiores a gandería conta con outras 30 hectáreas de terreo destinadas a facer herba seca para o inverno e para outras épocas do ano nas que escasea o pasto, como pode ser, nesta zona do sur da provincia de Lugo, o mes de agosto e setembro se vén seco. "Se o tempo é bo e hai que comer botas dous meses sen darlles herba e se non hai pasto gastamos dous rolos cada día", explican.
En seis anos pasamos de ter unha vaca a ter 40 porque o terreo a xente dacho para que llo limpes. Pero hoxe xa temos o cupo cuberto. Non precisamos máis traballo, precisamos máis cartos e máis rendabilidade
Este ano Ramón fixo uns 700 rolos de herba seca. "Facemos nós todo, temos maquinaria e non dependemos de ninguén para facer os traballos". "O terreo a xente dacho para que llo limpes pero hoxe temos o cupo cuberto, chéganos moito atender a todo. E preferimos ter menos dunha cousa e ter máis variedade. Non precisamos máis traballo, precisamos máis cartos e máis rendabilidade", engade. Animais moi agradecidos Fan uns 700 rolos de herba seca para suplementar o pasto nas épocas nas que escasea A única forraxe que empregan na actualidade é herba seca, aínda que algún ano ten feito silo de herba tamén. "Probei a ensilar algún ano, pero non lle vin moito resultado e o custo engadido que ten o silo sobre a herba seca é duns 6 euros por rolo porque eu non teño máquina de encintar. Eu penso que o silo é bo para o leite pero as pradeiras desta zona son un luxo para elas, porque o seu hábitat natural son zonas de montaña con moita pedra e pouco alimento", afirma.
Non empecei coas cachenas porque fora unha raza máis doada de manexar, senón por convencemento, porque o sabor da carne é distinto a das demais
"Estes son uns animais moi agradecidos, que están acostumados a criarse fóra, á auga e ao frío, á intemperie, e a defenderse doutros animais como os lobos. Pero tamén teñen boa memoria, á persoa que un día lles faga algún dano fíchano para toda a vida", asegura. Ademais do sabor da súa carne, a Ramón gústalle a conformación estética da raza cachena e tamén o seu carácter. "Son unhas vacas ás que a xente lles ten medo polos seus cornos grandes, pero son uns animais moi nobles, de feito era un gando co que se facían os traballos agrícolas. Se te fixas, as casas de Entrimo, Olelas e esa zona da que son orixinarias tiñan as cortes cos dinteis das portas baixos, porque eran animais pequenos, pero anchos, polos cornos", describe. El hoxe exhíbeos con fachenda na súa carnicería.

“Parece unha incongruencia pero para que unha raza en perigo de extinción se salve hai que comela”

Francisco José Monasterio no seu galiñeiro en Mourence, en Vilalba Sete criadores decidiron no ano 2001 fundar Avimós e iniciar o camiño da recuperación dunha raza de galiña autóctona que estivera presente en toda Galicia pero que practicamente quedaba reducida xa a unha pequena zona da Terra Chá, en torno á parroquia de San Xiao de Mos, no concello de Castro de Rei, de onde toma o nome a primeira raza avícola recoñecida polo Ministerio de Agricultura, e a primeira de toda España que obtivo tamén o distintivo de Autóctona 100%. – Por que é diferente a galiña de Mos? – As aves din que proceden todas de Asia, pero a avicultura entrou na península Ibérica de dúas maneiras distintas e por dúas vías distintas: unha entrou polo sur de España a través dos gregos, os romanos e os fenicios, que xa traían como animal de consumo as galiñas e outra entrada foi polo norte, cos bárbaros, os vándalos, os suevos e os celtas, que non as traían como animal de consumo, senón como animal de pelexa. Non as comían, usábanas só como divertimento. Por iso a nosa raza é aínda unha raza que se chama raza combatinte porque teñen aínda ese xen, aínda que co paso dos anos fóronse domesticando e comendo. Daquela cando comezamos non nos dabamos conta pero hai unha cousa moi clara: para que unha raza que está en perigo de extinción se recupere, aínda que poida parecer unha incongruencia, hai que comela. No momento que a comes esa raza ten un salvavidas para moitos anos. No momento que deixas de comela esa raza desaparece en nada. – E neste caso, está salvada? – A raza non está salvada pero pódese dicir que a raza está viva e sa. Intentamos que a raza se recuperara e está nun camiño perfecto para logralo. Criadores con Rega, que significa que son xa un pouco máis profesionais, podemos ser 180 nestes momentos por toda Galicia, aos que hai que sumar outros 500 ou 600 criadores de autoconsumo sen Rega e outro importante número de persoas que teñen esta raza pero que non o sabemos. Nós apostamos desde o principio por que a galiña de Mos fose unha raza gandeira. Démonos conta de que nos momentos grandes de crise que houbo despois de 2008 esta raza podía, se non permitir vivir dela, si que axudar a vivir a moita xente. Cando foi a última crise houbo xente que comezou con galiñas e que logo foi diversificando, porque cando levas os ovos ao restaurante dinche e se me traes unha patacas tamén chas compro, ou unhas verduras, e así foron complementando con produtos da horta, por exemplo, que producían eles mesmos ou que mercaban ao veciño e que de paso que ían levar os ovos todas as semanas pois tamén levaban o resto de produtos. Dentro de Avimós tamén hai xente que a maiores da súa, dá saída a parte da produción doutros compañeiros, porque hai persoas que crían moi ben pero que teñen menos habilidades comerciais.
Nós apostamos desde o principio por que a galiña de Mos fose unha raza gandeira, non de simple exhibición
Nós o que queremos con esta forma de gandeiría é potenciar o campo e o rural. Nós unha das cousas que fixemos para conseguir apoio da Administración galega foi facelos reflexionar sobre que isto era unha maneira de axudar a asentar poboación. Hoxe cunha explotación un pouco profesional pódese vivir disto, daquela era impensable iso, pero podía axudar a complementar as rendas das familias e que o restaurante do lado poida dar unhas tortillas con ovos de galiña de Mós producidos na zona, xerando deste xeito riqueza e emprego a nivel local, que non se xera se os ovos veñen de fóra. Explicámosllelo ben e entendérono ben. – Pódese logo vivir de criar galiñas de Mos? – Hoxe temos xente en Avimós que vive disto, se non ao 100% si ao 80%, pero para iso habería que ter máis cantidade da que teño eu. O Rega de avicultura artesá diche que podes ter 50 galiñas de posta con galo, 50 galiñas de cría sen galo e cebar 400 galos ao ano. Con 250 galiñas e criando 1.500 galos ao ano penso que se pode vivir dignamente disto perfectamente. Un galo pode valer 50 euros e a ducia de ovos sobre 4,50. Hai que descontar custos, a alimentación, perdas, etc., pero para sacar un soldo de máis de 1.000 euros dá, non é algo descabelado. Temos que velar por que siga sendo crianza artesá pero podería ampliarse coas condicións de superficie necesarias para que en vez de 400 galos por produtor se puideran ter 1.000 para poder vivir disto. Tivemos empresas avícolas importantes que querían que lles aportaramos 10.000 pitos, pero a parte de que é imposible porque non os temos, aínda que os tiveramos nunca os tiveramos subministrado, porque desnaturaliza a cría e deixa de ser artesá. Queremos que cando unha persoa paga 50 euros por un galo de Mos teña a garantía de que os vale porque está fóra e son moitos meses de crianza. – Un dos problemas habituais dos produtores son os circuitos de comercialización. No voso caso? – Unha das cousas que conseguimos coa Xunta de Galicia foi que nos autorizaran a cada criador ter uns minicentros de embalaxe de ovos para que os nosos ovos poidan ir a todos os sitios cun selo como o que levan os ovos industriais, que marca a data de posta e de caducidade. Iso foi unha cousa moi importante porque profesionalizamos a comercialización. Temos un centro de embalaxe tamén en Fontefiz para todas as persoas que non dispoñan dese minicentro na súa explotación para poder ir alí a marcar e embalar os seus ovos.
Cada produtor xa conta neste momento cun minicentro de embalaxe de ovos. Agora o seguinte paso é que se autoricen tamén as salas de matanza domiciliarias e que haxa unhas canles de distribución e comercialización
Cos minicentros de embalaxe non temos ningún problema para sacar os ovos, pero se a min mañá un restaurante me pide que lle leve 3 ou 4 galos non teño onde matalos, porque os matadoiros están lonxe e non nos é rendible. Por iso outra das cousas polas que levamos loitando moito tempo é por aplicar ese mesmo modelo ás matanzas. Nós fomos os primeiros en esixirlle á Administración galega e estatal que autorice as salas de matanza domiciliarias para produtores, que é un modelo que en Europa está regulado e xa leva moitos anos implantado. De feito, nós vímolas en Francia e en Portugal e, sen embargo, aquí non se permiten. Con isto xa levamos moitos anos pelexando e o que fixemos foi tamén involucrar a outros sectores e a outras zonas de España que poidan ter este mesmo problema para que os tiros lle veñan á Administración de varios lados e por varias vías distintas. – A Xunta anunciou a posta en marcha dun matadoiro móbil. – Si, a Consellería neste momento está apostando por un matadoiro móbil, pero a nós non nos resolve nada, eu xa llo dixen ao conselleiro. O matadoiro móbil está moi ben para o capón de Vilalba ou o galo de curral de Vila de Cruces, porque se concentran as matanzas nun mesmo día. Pero a min mañá chámame o Mesón do Campo de Vilalba que quere dous galos e o matadoiro está en Tui e que fago, lévoos eu a Tui ou vén aquí o matadoiro desde Tui por dous galos?
A nós o matadoiro móbil que propón a Xunta non nos serve nin nos resolve nada. Vexo máis operativo que certos concellos cabeceira de comarca teñan unha sala pequena para poder matar ovino, caprino e aves dos produtores desa zona
É máis factible e máis barato para a Administración que nos autorice o modelo das salas de matanza domiciliarias, porque a Consellería calcula que o matadoiro móbil ten un custo dun millón de euros e logo custa outro millón ao ano o seu mantemento e funcionamento. Con eses cartos moitas axudas se poden dar para que os criadores interesados poidan facer as súas propias salas de matanza, as axudas concédelas unha soa vez e tes o problema resolto para sempre. Penso que hai que buscar cousas lóxicas e o ideal sería que cada un mate na súa casa, con control e regulación e coas condicións hixiénicas e sanitarias necesarias que se esixan. O único problema que terían é que esas salas domiciliarias servirían para comercializar a nivel de comunidade autónoma, pero todo o que mandes para fóra tería que ir a un matadoiro, pero cubriríanos moito as costas xa. Sen embargo, están empeñados co matadoiro móbil pero eu non o vexo, vexo máis operativo en tal caso que haxa certos concellos cabeceira de comarca que teñan unha sala pequena para poder matar ovino, caprino e aves para que os produtores desa zona leven alí e onde poidas matar dous días á semana, por exemplo. Nas salas domiciliarias só se poderían matar os animais da propia explotación, estas salas comarcais serían compartidas. É máis barato iso que ter un camión andando por toda Galicia cun custo anual dun millón de euros. Unha galiña de Mos vive en liberdade e pon arredor de 200 ovos no ano – É difícil competir con razas industriais que sacan polos con 40 ou 50 días? – Nós xogamos cunha vantaxe, porque é unha raza cunha calidade cárnica tremenda e unha calidade de ovos máis que tremenda. Os ovos coñécense máis pero a carne de galiña de Mos é a gran descoñecida. Cando a estamos metendo en restaurantes de moito postín ao principio cústalles moito poñer galo ou polo na súa carta, porque asóciano cun prato de terceira división, pero cando proban o noso e ven que é un produto delicatesen e que a xente volve a comer ese prato, ese galo que se comía nas festas e nas vodas fai 60 anos, as reticencias desaparecen. As galiñas saen cun peso bo e os galos cun peso moi bo e a carne é moi magra, moi escura e moi forte. Nós estamos vendendo case todo para restaurantes dunha certa categoría, porque é certo que o prezo non é barato, aínda que pode pagalo calquera un día, pero é certo que ao principio lles custa apostar por este produto porque se asocia o polo cun prato de 2ª ou 3ª categoría. Nós estamos matando galos con 9 meses, iso require o seu tempo e ten o seu custo.
Aos restaurantes cústalles moito poñer galo ou polo na súa carta, porque o asocian cun prato de terceira división, pero cando proban o noso esas reticencias iniciais desaparecen. É o que se comía nas festas e nas vodas fai 60 anos, é un produto delicatesen
O bo tes que dicir que é bo e que hai pouco, tamén co prezo. E hai mercado para todo, aínda que ao mellor non estea aquí. O meu mercado de ovos está por exemplo en Madrid. Cal é o problema? Ningún. Pero moitas veces a xente ten medo a iso. As nosas razas autóctonas, todas, están criadas en extensivo ao 100%, outras non, e iso é un plus. Por iso alá onde van sempre triunfan, por esa crianza en extensivo de estar todo o tempo fóra. Como pasa cos nosos galos. Son carne máis magra por estar sempre en continuo movemento, non paran. Hai outros galos, incluso en ecolóxico, que están nun metro cadrado e non se moven daí porque hai outros cinco ao seu arredor. E o prezo non ten por que ser o mesmo. Non ten por que valer o mesmo unha frisona que unha cachena ou un pito comercial que un galo de Mós. Pero ten que haber de todo, porque a xente ten que comer, e ao mellor non todo o mundo pode pagar 15 euros todos os días polo quilo de galo de Mos de 9 meses pero pode pagar dous euros por un quilo de carne de polo de granxa de dous meses e pico.
Nós estamos matando galos con 9 meses, iso require o seu tempo e ten o seu custo. O bo tes que dicir que é bo e que hai pouco, tamén co prezo
Pero ti na túa tenda ou no teu restaurante tes que vender o que o cliente quere comprar, por moito que te empeñes ti noutra cousa. Eu acórdome cando no Viveiró había unha das explotacións máis grandes de vacún de raza hereford de Europa, da familia Páramo Neira, pero non triunfou porque a hereford era unha carne que tiña moitísima graxa e aquí non gustaba, a xente non a quería, hoxe tivera triunfado, porque os gustos do consumidor tamén cambian. – Dis que envías os ovos a Madrid. Onde está o mercado da galiña de Mos, en Galicia ou fóra? – Está tan considerada fóra de Galicia como en Galicia. A miña produción de ovos vai o 100% para Madrid, para dous restaurantes dalí, Taberna La Falda de Lavapiés e La Lorenza, e máis que tivera. En Galicia é máis difícil que os restaurantes aposten polos ovos de galiña de Mos. Eu comecei mandándolle unha caixa á semana con 15 ducias a La Falda de Lavapiés e foi un martes por alí Mikel Iturriaga, El Comidista, probou a tortilla, volveu o xoves ver se era sempre así, veu que era verdade e ese mesmo día na súa páxina puxo "mi tortilla de patatas preferida" e desde ese momento empezaron a pedirme máis e máis ovos. A calidade alí valórase. Nesa tortilla van ovos de verdade, non vai huevina nin ovos de un euro e pico a ducia e que son todo auga.
A galiña de Mos está tan considerada fóra de Galicia como en Galicia. O meu mercado de ovos, por exemplo, está en Madrid. Cal é o problema? Ningún. Pero moitas veces a xente ten medo a iso
Eu neste momento ando próximo ao límite das 100 galiñas e crío 400 galos, pero quedeime sen eles xa en Nadal. Unha galiña de Mos vén producindo entre 200 e 210 ovos ao ano, cando é nova pon un pouco máis e cando vai vella un pouco menos. Teño dúas incubadoras, pero hai xa máis dun ano que non crío, porque se me dedico a vender ovos non teño ovos que incubar, polo que recurro á sala de incubación que hai en Fontefiz, da que eles que aportan os pitiños cando os precisas. – Supoño que mandando a bares e restaurantes tamén che afectaría o coronavirus o tempo que estiveron pechados – Pois mira, mandaba cada semana un mínimo de 4 caixas de 15 ducias cada unha e agora estou mandando unha, porque os bares e restaurantes están arrincando moi despacio. E durante os meses de confinamento que estiveron pechados ningunha. Así que estes meses non gañamos nin para pagar o penso para alimentar as galiñas. Os ovos teñen unha caducidade de 28 días e non se poden gardar, así que neste tempo estiven facendo parroquia con eles, é dicir regalándoos a amigos e coñecidos, porque tampouco podes buscar outros clientes ou outras vías de comercialización, porque a produción que tes é limitada e tes uns clientes fixos desde fai tempo aos que lles envías a túa produción de xeito habitual e tes que volver garantirlles o subministro cando eles retomen a actividade de xeito normal. – Hai criadores que están tentando recuperar en Galicia outra raza, a pita piñeira, supón competencia ou é bo? – Para Galicia cantas máis razas autóctonas haxa e canta máis xente haxa adicada á avicultura mellor. A nós non nos afecta. Pero para que unha raza sexa considerada raza autóctona ten que dicilo o Ministerio e tes que demostrarlle ao Ministerio que durante moitísimos anos está documentado que esa ave estaba aí e o problema é que ás veces atopar esas probas é difícil. Nós xogamos cunha vantaxe, porque no ano 1936 no Rof Codina en Lugo houbo un veterinario que reuniu moita documentación sobre esta raza e tiña documentada a súa existencia por toda Galicia nesa época, entón con esa documentación foi chegar ao Ministerio e foi todo moito máis doado, porque se temos que reunir nós toda esa documentación igual nos levaba moito máis tempo lograr o recoñecimento de raza autóctona. Atopar aquilo foi chegar e bicar o santo porque había xa unha documentación preparada, con fotos e cun estudio sobre a raza elaborado por un veterinario da Sección Pecuaria de Lugo do Ministerio no seu momento. Monasterio, coa súa nai, a súa irmá e unha galiña de Mos en Tui a comezos dos 60 Eu son de Guillarei, en Tui. Nacín no 59 pero levo en Vilalba desde os 12 anos. Pero teño unha foto de cando era eu pequeno, de comezos dos 60 en Guillarei coa miña nai e a miña irmá, na que aparece xa unha galiña de Mos. A galiña de Mos estaba por toda Galicia, quizais donde se mantivo máis tempo foi na zona da Terra Chá por ser unha zona de interior. En Tui, por exemplo, perdeuse porque ao estar Portugal ao lado sempre entraban as cousas antes e entraron outras razas. – Como xurdiu Avimós? – Pois Avimós naceu no ano 2001. Fundámola 7 gandeiros que tiñamos algunha galiña de Mos. Comezamos co obxectivo de recuperar a raza, para que volvera estar en moitas casas, pero máis ben como hobie e para ter unhas galiñas e uns pitos de calidade para autoconsumo. Foi por iso polo que decidimos xuntarnos e crear Avimós. Logo, coa axuda da Xunta de Galicia, leváranse 7 lotes de galiñas, un de cada criador, para Fontefiz, para o Centro de Recursos Zooxenéticos, onde aínda temos a nosa sede. Aínda seguen alí as estirpes dos 7 primeiros criadores. E o que fixemos tamén desde o primeiro momento foi ir a moitas feiras e exposicións para dar a coñecer a raza para que se reintroducira. Desde Avimós o que seguimos facendo é promocionar moito a raza en feiras como Silleda, Expolugo ou San Xiao de Mos, en Castro de Rei, onde organizamos os campionatos morfolóxicos a nivel galego, provincial e comarcal. É moi importante que a xente saiba o que ten porque ás veces tes animais e pensas que tes moi bo material e resulta que non é tan bo, ou ao revés.
Os concursos morfolóxicos non son para competir co veciño, senón para comparar e mellorar
Os concursos morfolóxicos non son para competir co veciño, senón para comparar e mellorar. A Silleda imos con exposicións de animais individuais, galos e galiñas, outra de lotes e outra de galiñas con pitiños pequenos. Para que nos vale? Pois para dar a coñecer a raza á xente e para que os nosos criadores comparen o que teñen e poidan mellorar porque ven no que fallan, e ao mellor teñen unhas galiñas boas pero o galo non é tan bo e mércanlle a outro criador un galo bo ou viceversa. Tamén para facer un pouco de parroquia entre nós e animarnos uns aos outros. Ao principio viaxamos bastante por España, sobre todo a Cataluña, e tamén a Francia para entender un pouco o que é a avicultura, porque aquí iamos un pouco atrasados con respecto a esas zonas, aínda que alí a avicultura non ten carácter produtivo como ten aquí, senón que son animais de exposición. Nós aquí en Galicia apostamos por que fora unha raza gandeira, pero si que aprendemos moito do que fan os cataláns a nivel de exposicións e feiras. Hoxe en día non temos que aprender nada deles, somos quizais pioneiros en España en moitas cousas, de feito a raza Galiña de Mos foi a primeira raza de galiña autóctona considerada polo Ministerio de Agricultura e a que ten a día de hoxe un maior número de exemplares de toda España, quizais teñamos máis exemplares que todas as outras razas xuntas e conseguimos xa fai máis de dous anos que o Ministerio nos concedera o logo de autóctona 100%, que parece unha chorrada pero deunos moita visibilidade e moito caché e houbo unha campaña importante de promoción en Paradores por parte do Ministerio.

"Englobar si, pero especificando. Se se mantén a diferenciación e se indican, no caso da carne, as distintas razas, a marca Galicia Calidade valería para todos"

Os ovos que produce Monasterio baixo a marca Aves do Concello teñen unha caducidade de 28 días Ademais de socio fundador de Avimós e presidente desde o 2006, Francisco José Monasterio é directivo de Boaga, a federación que engloba a algunhas das razas autóctonas galegas: galiña de Mos, ovella e cabra galega e gando vacún agás a rubia galega (cachena, caldelá, limiá, vianesa e frieiresa). – A Consellería do Medio Rural recuperou recentemente a marca Galicia Calidade para aplicar a todos os produtos agroalimentarios galegos. Que vos parece que as razas autóctonas se engloben todas en Galicia Calidade? – Desde Boaga nós o que non queremos é entrar nun mesmo lote por exemplo con Ternera Gallega sen maior especificación. Non habería problema en estar todos dentro de Galicia Calidade ou mesmo dentro da IXP Ternera Gallega pero engadindo na etiquetaxe Ternera Gallega de raza rubia galega, Ternera Gallega de raza cachena ou mesmo Ternera Gallega de raza frisona. O problema é a preposición, o feito de non especificar a raza, tamén nos restaurantes. Custa tanto poñer chuletón de raza tal? A que sexa.
Cando traballas por facer unha cousa diferente non podes despois metela no mesmo lote porque entón estás desvirtuando ese traballo
É necesario diferenciar e diferenciarse. Deste xeito non estás metendo no mesmo lote todo. De feito, nós falando con restaurantes en Madrid dinnos que non mercan carne de Ternera Gallega precisamente por iso, porque a carne que lles chega non é uniforme, un día chégalles unha canal dunha maneira e ao día seguinte doutra, e prefiren mercar por exemplo Asturiana de Los Valles porque son sempre máis ou menos iguais. Se ti no teu restaurante ao teu público o que lle gusta é a carne de rubia galega non queres que che chegue unha limiá ou unha limusín. Para min o fallo que ten Ternera Gallega é ese, que non especifica. E dentro colle todo, porque se o animal nace e se cría en Galicia é ternera galega, evidentemente, sexa da raza que sexa. Pero non é o mesmo unha limiá que unha vianesa ou unha caldelá que unha cachena. A ovella de raza galega ten unha carne exquisita, son años moi pequenos e que non cheiran, hai que diferenciala, non pode ir todo no mesmo lote. Cando traballas por facer unha cousa diferente non podes despois metela no mesmo lote porque entón estás desvirtuando ese traballo. Por iso, meter todo nun lote sen especificar non é positivo pero, se se especifica, a marca Galicia Calidade valería para todos. Monasterio é o único criador de raza Mos que acude cada ano á Feira do Capón de Vilalba – Falas da IXP Ternera Gallega. O recoñecemento da IXP para o Capón de Vilalba pode ser tamén un respaldo para o galo de Mos? – Os capóns valos mellorando xeneticamente e a alimentación tamén inflúe, pero os nosos capóns son máis pequenos. Podes sacar capóns de raza Mos de 4 quilos, que é o normal, pero en Capón de Vilalba o que se fixo foi sacar os galos de Mos e cambialos por galos de crecemento rápido e raza pesada, mentres a de Mos é unha raza de crecimento lento e semipesada, pero eles apostaron por crecimento rápido e ao principio mesmo meteron galos brancos que en catro meses daban 7 ou 8 quilos, logo cambiaron aos broilers industriais franceses que en 5 ou 6 meses, que é o tempo que ten un capón agora, sacan 6 ou 7 quilos. Pero antigamente decían ovos de marzo, pitos de abril que eran os que se deixaban para os capóns. Por iso cando vou á feira teño problemas, porque os meus capóns son máis pequenos e teño que andar explicando que son de raza Mos, senón a xente vai ao grande porque cabalo grande ande ou non ande. Aínda que desde que Capón de Vilalba quixo facer a IXP unha das cousas que che esixe a normativa é que te tes que basear nunha raza autóctona, polo que foi necesario incluir a raza Mos na IXP e agora as outras razas que se usen teñen que ser tamén de crecimento lento e semipesadas. Eu penso que os capóns de 6 quilos van desaparecer, porque non é normal.
Orixinariamente os capóns eran de raza Mós, máis pequenos que os actuais. Logo introducíronse outras razas de crecimento rápido, pero penso que os capóns de 6 quilos terán que desaparecer porque non era o tradicional. Antigamente decían ovos de marzo, pitos de abril, que eran os que se deixaban para os capóns
E logo hai outra cousa. Cada criador de Avimós ten a súa propia marca, Avimós o único que fai é garantir que ese animal é de raza Mos, pero despois como traballe ou como crie cada produtor xa é problema del. A miña marca comercial, por exemplo, é Aves do Concello, porque a finca onde se atopa a explotación estaba escriturada como Concello. Pois no capón terá que pasar igual. O mesmo que pasa coas denominacións de orixe do queixo ou do viño. Cando vas á feira do Queixo San Simón, ves queixaría Crisanto, Fontela, Prestes ou outras e cada un represéntase a si mesmo aínda que son San Simón todos e no capón terá que pasar o mesmo. Capón de Vilalba si, pero do criador Pepito ou Manolito. No viño é igual, todo é Ribeira Sacra pero cada marca e cada bodega ten o seu prestixio. O que marca a diferenza é iso. En Capón de Vilalba non se está facendo e non sei por que. É unha cousa importante que a xente se dea conta de que as cousas hai que facelas ben. De todos os criadores que imos á feira só hai dous que teñamos Rega. E o único criador de capón de Vilalba de raza Mos que vai á feira do capón son eu. – Ademais do peso, en que outras cuestións se diferencian os capóns de raza Mos do resto? – No tipo de carne e no seu sabor. O capóns de raza Mos teñen máis de oito meses pero malia ter máis idade a súa carne é moito máis tenra porque esta raza ten menos coláxeno que as industriais e, ao mesmo tempo, é unha carne máis escura, con máis hemoglobina e sabor máis forte, semellante ao da caza. A explotación conta con 6.000 metros cadrados parcelados en varias zonas para ir rotando – ¿Precisa moita extensión a galiña de Mos para a súa cria en extensivo? – É unha raza que destaca pola súa facilidade de manexo, porque é unha raza moi rústica e moi dura que está todo o tempo fóra. Como están sempre fóra hai que ter terreo, porque se non tes terreo dabondo hai leña en vez de vexetación e se hai leña hai moitas baixas. Parcelamos e imos cambiando, eu teño 6.000 metros cadrados. A nosa produción guíase polo regulamento de agricultura artesá e temos que ter mínimo catro metros cadrados por animal. Ao vivir ao aire libre e sen estrés enferman menos e non hai que empregar vacinas nin antibióticos.
Esta galiña nunha casa para autoconsumo pode durar 4 ou 5 anos tranquilamente e ven producindo uns 200 ovos ao ano
Esta galiña nunha casa pode durar 4 ou 5 anos tranquilamente, porque diminúe na frecuencia de posta e en vez de poñerche un ovo cada día e medio ponche un cada dous días ou dous días e medio pero os ovos son cada vez máis grandes e compensa igual mantelas, porque non che consumen porque están pacendo, así que che merece a pena telas. Se te adicas a isto profesionalmente para vender os ovos non podes aguantalas tanto tempo porque tes un límite máximo de 100 de animais e tes que garantir unha produción estable para os clientes que tes. Eu cámbioas cada dous anos e medio máis ou menos, renóvoas entre os dous e os 3 anos, cada ano meto unhas 40 galiñas novas. Pero cando acaban o seu ciclo de produción mátalas e obtés ao mellor 3 quilos de carne, non é como as de produción comercial, que ao ano mátalas e non tes máis ca ósos, aquí aproveitas a galiña. – Como é a alimentación? – Trigo, millo, soia, verzas e o que pacen elas pola finca. A mesma alimentación tanto para as galiñas como para os galos, tan só a variamos cando son pequenas, até que teñen 3 meses, que comen penso para que saian para adiante e teñan un bo desenvolvemento. Pero o penso hoxe é cereal, non é como fai anos, que era veleno. Hoxe o penso non ten mal ningún, pero non se lles dá penso todo o ano porque o penso é moito máis caro, pero é a base de cereal, non leva as fariñas animais e as fariñas cárnicas que levaba antes. Os pitiños xa saen fóra a partir de mes e medio ou dous meses de vida e están até os 8, 9 ou 10 meses, depende un pouco da época do ano e a demanda.
Nalgún momento teño cultivado eu os cereais, pero sacounos moito as gañas de cultivar o xabarín e os custos da recolección
– O trigo ou o millo son de cultivo propio? – Nalgún momento teño cultivado eu, pero sacounos moito as gañas de cultivar o xabarín e os custos da recolección. Houbo épocas que eu labraba 3 e 4 hectáreas de millo pero logo para collelos non hai máquinas por aquí para apañar o gran, hainas para o ensilado do millo para o gando vacún, pero para apañar o gran hai pouco. Plantamos trigo do país tamén fai 2 anos. Moitas veces boto un ano si e outro non porque che vai quedando e reduces custos a respecto de botar todos os anos. Bota para atrás o xabarín, porque custa preparar o terreo e labrar e logo non sacas o rendemento que tiñas que lograr.

Castro de Rei homenaxea a súa galiña autóctona o día 27

Momento da comida-degustación de pratos con Galiña de Mos elaborados in situ. O domingo 27 de outubro, a parroquia de San Xiao de Mos, no concello de Castro de Rei, celebra un ano máis a súa Expodegustación de Galiña de Mos. A cita, que se celebra no campo da festa da parroquia, a carón da igrexa, inclúe diversos actos durante toda a xornada para promocionar a única raza de galiña galega que se conserva e que toma o seu nome deste lugar. Un grupo de veciños e criadores, pertencentes á Asociación de Veciños, organizan un ano máis en colaboración co Concello de Castro de Rei, a Deputación, Avimós e Leitigal, unha degustación que se servirá nunha carpa para máis de 700 comensais. O xantar realízase no mesmo lugar a cargo dun equipo de cociñeiros profesionais. O menú inclúe empanada de carne, unha ración completa de galiña acompañada de ovos fritos e patacas, pan, bebida e queixo da empresa local Leitigal de postre. Os veciños que crían esta raza implícanse de cheo na celebración xa que son eles mesmos os que crian os máis de 200 galos que se ofrecen na comida, a partir da unha e media da tarde. Desde primeira hora da mañá, nunha carpa anexa, haberá exposición de exemplares de Galiña de Mos, de criadores da zona e da comarca da Terra Chá, patrocinada polo Concello de Castro de Rei en colaboración con Avimós. O concurso, no que se reparten premios aos mellores exemplares, chega á súa VII edición. Comezará ás 10 e media da mañá e acudirán á cita uns 70 criadores. Entrega de premios aos participantes no concurso morfolóxico nunha edición anterior Haberá tamén, como complemento, diversas actividades durante todo o día, como exposición de maquinaria agrícola, feira de artesanía e diversas actuacións que animarán a xornada festiva, como xogos populares e música. A partir das dez e media da mañá, hora na que abrirá o recinto feiral, o público asistente poderá disfrutar dunha exposición de vehículos clásicos e dos distintos stands de artesanía. Durante todo o día, o grupo de música tradicional Foliada de Bosende animará a xornada. Xa pola tarde, tralo xantar, haberá xogos populares a cargo da asociación Cadaval e tamén unha actuación musical de José Anido a partir das catro da tarde.

Unha das razas de galiña máis antigas da península

A galiña de Mos é unha das razas de galiñas da Península Ibérica máis antigas. A orixe xenética da Galiña de Mos, foi coa chegada dos celtas a Galicia, pobo que introduciu este tipo de aves. Estaba extendida por todo o interior de Galicia pero para facer a selección da raza mercáronse no ano 2000 os primeiros exemplares na parroquia de San Xiao de Mos, no concello de Castro de Rei, na provincia de Lugo, dándolle á raza o nome de Galiña de Mos. A raza Galiña de Mos está catalogada como raza autóctona en perigo de extinción polo Real Decreto 2129/2008, de 26 de decembro, polo que se establece o Programa nacional de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras e a súa carne conta tamén co selo Autóctona 100%. Pero pese a que nas últimas décadas estivo ao borde da extinción, hoxe podemos voltar a desfrutar da súa beleza e da calidade da súa carne grazas ao esforzo dos criadores. A Asociación de Avicultores da Raza Galiña de Mos (Avimós) é a entidade encargada da súa promoción e recuperación. A galiña de Mos ten unha crista moi característica, denominada técnicamente en chícharo por ser pequena e ter tres filas de papilas e puntos. E unha raza moi dura e adáptase perfectamente ás condicións climatolóxicas máis extremas, polo que é ideal para a cría ao aire libre. A carne de galiña de Mos, de cor máis escura, ten unha porcentaxe de pel e de graxa subcutánea, ao igual que na peituga e no zanco moi inferior ás estirpes industriais. Ao mesmo tempo, contén maior contido en Omega 3 e Omega 6. O proceso de recuperación da raza Tralas alarmantes noticias que se tiñan sobre o gravísimo risco de extinción da raza, a mediados do ano 2000, a Xunta de Galicia inclúe á Galiña de Mos nos programas de recuperación de razas gandeiras e desde a Dirección Xeral de Producción Agropecuaria da administración galega, comézase o Programa de recuperación e Conservación da raza Galiña de Mos. O programa de recuperación da raza dividíuse en tres fases principais, comprendidas en periodos de seis anos, comezando actualmente o terceiro ciclo, que incluirá unha inclusión definitiva nos mercados. As medidas principais de cada unha das fases foron as que se sinalan: - Fase 2000-2006: documentación, estudo, localización de exemplares, aprobación do patrón da raza, conservación de grupos reprodutivos, creación de Avimós, incremento de censos, establecemento do Libro de Rexistro. - Fase 2007-2013: Incremento de censos dos grupos reprodutivos, expansión, fomento, marketing, creación de marcas individuais, entrada dos produtos nos mercados, propostas de adaptación de normativas, estudos de investigación. - Fase 2014-2020: Incremento da producción, mellora da produción e especialización das explotacións avícolas, innovación no sistema produtivo e de comercialización, estratexias de comercialización, potenciación do concepto de raza, campañas de información. Nas primeiras prospeccións constatouse o deterioro que estaba sufrindo a raza ó localizar os poucos exemplares que quedaban. Trala observación dos resultados dos exemplares que se tiñan e sobre a base dos datos históricos observados, redactouse o patrón da raza e se creou o Rexistro de exemplares, tendo oficialidade coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia o 11 de maio de 2001. No mesmo ano, os escasos criadores da raza que había neses momentos, conscentes do grave deterioro que sufrían os seus exemplares, crean a Asociación de avicultores da raza Galiña de Mos (AVIMÓS) co obxetivo de aglutina-los esforzos na recuperación da raza. O impulso definitivo para a recuperación da raza foi a creación, a finais do ano 2001, da Unidade de Recuperación da raza Galiña de Mos no Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, pertencente á administración galega. Dez anos despois, no ano 2011 chegou a haber 500 criadores inscritos no Rexistro de Criadores e no de Reprodutores, do Libro de Rexistro da raza. Como era previsible o número de criadores vai descendendo, debido a unha maior profesionalización das ganderías existentes, que teñen que obter o código REGA, pero buscando unha maior media de reprodutores por explotación, pretendendo unha maior especialización e unha maior rendibilidade de cada explotación. Este programa de recuperacion da raza está a dar os seus froitos, xa que considérase que existe un número suficiente de femias reprodutoras, actualmente de en torno a 6.000, para pasar a obxectivos máis ambiciosos. Pese a iso a Unión Europea, para considerar a unha raza de galiñas como fóra do perigo de abandono, indica que debe superar as 25.000 femias reprodutoras, cifra que aínda está moi lonxana.
 

Galería de imaxes e lista de premios nos distintos Concursos de gando de Expolugo 2019

Vaca cachena da gandería de Mari Carmen Álvarez, de Pantón, en Expolugo Os certames morfolóxicos das distintas razas autóctonas volveron ser un ano máis o prato central de Expolugo, a mostra agrogandeira que reuniu durante esta fin de semana, coincidindo co San Froilán a criadores das distintas razas autóctonas galegas no Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo. Nesta 22 edición, Expolugo contou con 200 cabezas de gando de 8 razas autóctonas diferentes e actividades complementarias como premios, mostras de artesanía, presentación de produtos, degustacións, etc. Outro dos puntos fortes foi unha vez máis o desfile de gando que discorreu o sábado pola mañá polas rúas do centro da cidade e que volveu congregar numeroso público. En Expolugo están representadas as principais razas autóctonas galegas, coa presenza das súas asociacións xestoras e mostra de animais en vivo. Razas de bovino, caprino, equino, porcino e avícola mostran unha selección dos seus mellores exemplares, chegados de distintos puntos da provincia de Lugo. As principais asociacións gandeiras de razas autóctonas de Galicia están presentes con animais vivos en Expolugo: ASOPORCEL (Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta), OVICA e ASOVEGA (Ovella e Cabra galegas), AVIMÓS (Galiña de Mos), BOAGA (Vacas das razas Cachena,Vianesa, Limiá, Caldelá e Frieiresa ), ACRUGA (Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega) e PURAGA (Cabalo Pura Raza Galega). Algunhas destas asociacións levaron a cabo en Expolugo 2019 os seus concursos morfolóxicos, como é o caso do III Concurso Monográfico Provincial da Raza Porco Celta, o Concurso de Raza Rubia Galega, o XIII Concurso Monográfico de Can de Palleiro ou o Concurso Morfolóxico de Cabalo de Pura Raza Galega.

Galería de imaxes de Expolugo 2019

Toura co seu becerro, da gandería da Morena (Friol)

Ganderías de Friol, Samos e O Corgo, premiadas por Acruga

A Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (ACRUGA) foi un ano máis a que aportou máis exemplares a Expolugo, con 90 animais procedentes de cinco ganderías: Gandería da Morena (Friol), Manuel López Quiroga (Samos), gandería Santos Buján (Friol), Penín Puente SC (Friol), gandería Santalla SC (O Corgo). Tamén aportou 14 animais procedentes do centro de recría da Granxa Gayoso Castro. A gandería da Morena, de Friol, fíxose co premio á mellor vaca parida A celebración do Concurso de Gando V Memorial Luciano Sánchez distinguiu aos mellores exemplares nas diferentes categorías. En total, entregáronse 14 premios ademais do de mellor lote, que foi a parar ao gandeiro de Samos, Manuel López Quiroga, quen obtivo o primeiro premio en touros e crías menores de dez meses, ademais de tres segundos premios. A gandeiría da Morena, de Friol, acadou a máxima distinción na categoría de vacas paridas, xunto a outros dous premios. Pola súa banda, a gandeiría Santos Buján, de Friol, fíxose co primeiro premio de xovencas e becerros, e cun terceiro posto a maiores. Tamén obtiveron segundos e terceiros premios os exemplares procedentes da gandeiría Santalla, do Corgo, e da explotación Penín Puente, de Friol. Os alumnos do curso de xuices foron os encargados de evaluar e calificar aos animais para decidir os premios desta nova edición. Os 19 particiopantes no décimo curso de xuices recibiron o seu diploma que os acredita como xuices amateur, auxiliar e principal.

Cabalos de toda Galicia no Concurso Morfolóxico PURAGA

Sección sementais maiores de 3 anos: 1º - Jalisco da gandeiría Marcelino Freire Abad, da localidade de Oza-Cesures cunha puntuación de 77,90. 2ª - Artabro, da gandeiría Miguel Alfonso Vázquez, da localidade de Ourense, cunha puntuación de 70,50. 3º - Campeiro da gandeiría Antonio Campos, da localidade de Cerceda, cunha puntuación de 69,80. 4º - Moreno III da gandeiría José Fandiño Vázquez, da localidade de Ferrol, cunha puntuación de 64,10. Sección eguas maiores de 3 anos: 1º - Shakira, da gandeiría G. Fontenla, da localidade da Estrada, cunha puntuación de 78,50. 2º - Támega da gandeiría Marcelino Freire Abad, da localidade de Oza-Cesures cunha puntuación de 73-10. 3º - Dane, da gandeiría Marvelino Freire Abad, cunha puntuación de 72,70. 4º - Leixa da gandeiría José Fandiño Vázquez, da localidade de Ferrol, cunha puntuación de 71,95. O xuíz foi Estanislao Pérez Paz e o diretor técnico Xacobo Pérez Paz.

Concurso morfolóxico provincial da raza Porco Celta

Categoría femias reprodutoras: 1º Premio - María Pena (Friol) 2º Premio - Francisco Oca (Viveiro) 3º Premio - Adrián Sixto (O Valadouro) Categoría machos reprodutores: 1º Premio - José Barreira (Muimenta) 2º Premio - Antonio Díaz (Friol) 3º Premio - José Zapata (Castro de Rei)

Expolugo volve converterse esta fin de semana no escaparate das razas autóctonas

O desfile de gando, que terá lugar o sábado pola mañá, percorrerá as rúas da cidade Coincidindo co San Froilán, o Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo acolle esta fin de semana a mostra agrogandeira Expolugo 2019, con 200 cabezas de gando de 8 razas autóctonas diferentes e actividades complementarias como premios, mostras de artesanía, presentación de produtos e degustacións. Trátase dunha mostra xa consolidada no sector e un referente tanto na provincia de Lugo como no resto da comunidade, que amosa á perfección a importancia e o potencial do sector primario na provincia de Lugo e que chega este ano xa á súa XXII edición coa presenza de 40 expositores. Acto de presentación de Expolugo 2019 O sábado 5 e o domingo 6 durante todo o día (de 12 da mañá a 9 da noite) e con entrada de balde o público poderá disfrutar dun completo programa. O ano pasado asistiron máis de 15.000 persoas a esta feira especializada no eido gandeiro e agroalimentario, complementada con empresas relacionadas co sector primario. Como xa é tradicional, en Expolugo están representadas as principais razas autóctonas galegas, coa presenza das súas asociacións xestoras e mostra de animais en vivo. Razas de bovino, caprino, equino, porcino e avícola mostran unha selección dos seus mellores exemplares, chegados de distintos puntos da provincia de Lugo. Outro dos puntos fortes é todos os anos o desfile de gando polas rúas do centro da cidade, que congrega numeroso público e levanta grande expectación. Neste enlace podes ver unha galería de fotos da pasada edición. Concursos morfolóxicos Expolugo convértese de novo esta fin de semana na máis completa exposición gandeira de razas autóctonas de Galicia, na que participarán máis de 200 animais de distintas especies. As principais asociacións gandeiras de razas autóctonas de Galicia están presentes con animais vivos en Expolugo: ASOPORCEL (Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta), OVICA e ASOVEGA (Ovella e Cabra galegas), AVIMÓS (Galiña de Mos), BOAGA (Vacas das razas Cachena,Vianesa, Limiá, Caldelá e Frieiresa ) e ACRUGA (Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega). Algunhas destas asociacións levan a cabo en Expolugo os seus concursos morfolóxicos, como é o caso do III Concurso Monográfico Provincial da Raza Porco Celta, o Concurso de Raza Rubia Galega, o XIII Concurso Monográfico de Can de Palleiro ou o Concurso Morfolóxico de Cabalo de Pura Raza Galega. Expolugo tamén contempla actividades para os máis pequenos, como paseos en cabalos de pura raza galega, que terán lugar o domingo entre as 17:00 e as 19:00 horas. Presentación de novidades en agroalimentación ou maquinaria e mostra de artesanía Ademáis da zona expositiva agrogandeira, agroalimentaria e artesá, cun total de 40 expositores, a feira verase completada con outras actividades habituais en Expolugo, sempre relacionadas co sector primario: – Presentación de produtos e novidades no sector en servizos, ferramentas, aplicacións, maquinaria, etc. – Charlas técnicas a cargo das asociacións participantes no evento, como poden ser as organizadas por ACRUGA, ASOPORCEL, OVICA, etc. Charlas sempre abertas a todos os públicos e nas que sobre todo asiste público especializado nas diferentes temáticas que se aborda. – Celebración de asembleas e xuntanzas de socios: cada ano algunhas das asociacións que participan na mostra agrogandeira, deciden facer coincidir en datas a celebración das suas asembleas anuais. É o caso de AVIMÓS ou ACIVO. – Mostra de artesanía: os principais artesáns da provincia participarán nesta mostra onde se poderán ver demostracións e adquirir produtos elaborados artesanalmente (tear, madeira, coiro, etc.). Protagonismo para as razas autóctonas galegas Unha parte moi importante de Expolugo xira arredor da visibilización e posta en valor das razas autóctonas galegas, cunha serie de accións encamiñadas ao intercambio de experiencias entre os criadores e ao seu coñecimento tanto entre o público en xeral como entre os consumidores: – Degustación de produtos de raza autóctona: Como maneira para achegar este tipo de produtos ao cidadán, realizarase unha degustación, onde se explicarán as características dos produtos das razas autóctonas. Como novidade este ano, o domingo entre as 13:30 e as 16:00 horas, Expolugo contará cunha degustación gastronómica de produtos de razas autóctonas de Galicia a cargo de 100% Feito en Galicia, elaborado polo prestixioso cociñeiro Oliver Fernández Batista, do Barco de Valdeorras. O prezo será de 3€ e inclúe unha tapa a escoller con cabra galega, cachena, galiña de mos ou porco celta máis bebida. Entregarase documentación a todos os visitantes de onde poden adquirir os produtos das nosas razas autóctonas. – Mercado Alimentario de Razas Autóctonas, con venda de productos directamente do produtor ao consumidor. – Exposición das razas autóctonas bovinas en perigo de extinción (Cachena, Caldelá, Limiá, Frieiresa e Vianesa). – Exposición das razas Ovella Galega e Cabra Galega. – VII Concurso-Exposición Provincial da Galiña de Mos – Exposición de raza Porco Celta – Curso de Xuíces de Raza Rubia Galega (V memorial Luciano Sánchez) e concurso-exposición de gando de raza Rubia Galega Desfile de gando polo centro da cidade O desfile de gando conta cunha mostra de animais de distintas razas e maquinaria clásica Expolugo é un complemento esencial do San Froilán, que naceu como feira de carácter anual. Para lembrar esta orixe, o sábado pola mñá  terá lugar un ano máis un desfile de gando polas rúas do centro da cidade na que participarán exemplares das distintas razas autóctonas que logo se poderán ver no Pazo de Feiras e Exposicións até o domingo á noite. A gandería e os produtos do campo eran o eixo sobre o que se conformaba historicamente a festa do San Froilán, á que acoden todos os anos persoas de toda a provincia e de distintos puntos de Galicia. Expolugo contribúe así a manter a tradición das feiras polo San Froilán, á vez que se revaloriza a importancia do sector primario na provincia de Lugo, esencial na economía de moitos concellos e para manter un rural vivo. A prensenza dos animais polas rúas do centro da cidade, moi perto do lugar onde outrora se celebraba a Feira de Gando, no espazo que hoxe ocupa a estación de autobuses, congrega cada ano a numeroso público e serve para lembrar o carácter rural dunha cidade coma Lugo, cunha perfecta simbiose entre o rural e o urbano dentro dun termo municipal que conta con 54 parroquias rurais.

PROGRAMA EXPOLUGO 2019:

SÁBADO 5 DE OUTUBRO 11:15 h.- Desfile de Gando pola cidade de Lugo. Participarán no desfile exemplares de animais das asociacións ASOPORCEL, OVICA, ACRUGA, BOAGA, GALIÑA DE MOS, ASOVEGA , AVIMOS, CAN DE PALLEIRO e MUVICLA (MUSEO VIVO INTEGRADO DO CAMPO E DA LOCOMOCIÓN AGRARIA). O percorrido transcorre polo tramo peonil da Ronda da muralla, Praza da Constitución, entrada pola Porta do Campo Castelo, Praza maior (recepción diante da casa do Concello), Rúa Bispo Aguirre, volvendo ao punto de partida. 13:15 h.- Inauguración Oficial Expolugo, A Rural 2019 13:45 h.- Entrega de diplomas e clausura do Curso de Xuíces de Raza Rubia Galega – V Memorial Luciano Sánchez. 17:00 h.- XIII Monográfico Can de Palleiro Outras actividades: – III Concurso Monográfico Provincial de Raza de Porco Celta. – Concurso – Exposicións de Gando de Raza Rubia Galega. V Memorial Luciano Sánchez DOMINGO 6 DE OUTUBRO 12:00 h. a 14:00 h.- Concurso Morfolóxico de Cabalo de Pura Raza Galega 13:30 h. a 16:00 h.- Degustación de produtos de razas autóctonas de Galicia a cargo de 100% Feito en Galicia, elaborado polo prestixioso cociñeiro Oliver Fernández Batista do Barco de Valdeoras (prezo degustación: 1 tapa a escoller con cabra galega, cachena, galiña de mos ou porco celta + auga, viño ou caña, tres euros). 17:00 h. a 19:00 h.- Paseo en cabalos de pura raza galega para nenos. 19:00 h.- Entrega de premio do III Concurso Monográfico Provincial de Raza de Porco Celta 21:00 h.- Clausura da XXII edición de Expolugo, A Rural 2019 Outras actividades: – III Concurso Monográfico Provincial de Raza de Porco Celta.

O Valadouro acollerá o vindeiro 2 de febreiro a segunda edición da Feira de Razas Autóctonas Galegas da Mariña

A localidade de Ferreira do Valadouro acollerá o próximo 2 de febreiro por segundo ano consecutivo unha feira de animais de razas autóctonas galegas. A cita reunirá a animais de todo tipo e nela repartiranse un total de 4.000 euros en premios. A novidade deste ano é a celebración da primeira poxa de gando rubio galego na comarca da Mariña.

A partir das 10 da mañá e durante todo o día poderán verse nunha carpa ubicada no parque Concepción Arenal da localidade exemplares de distintas razas de gando galego, desde ovellas, cabras ou cabalos de pura raza galega, a porcos celtas, galiñas de Mos, cans de palleiro ou vacas das razas cachena, caldelá, frieiresa, limiá, vianesa e rubia galega.

O evento, organizado pola Concellería de Cultura coa colaboración das distintas asociacións que promoven a recuperación destas razas autóctonas, como Acruga, Can de Palleiro, Asoporcel, Puraga ou a Federación de Razas Autóctonas Boaga, reunirá a criadores chegados desde distintos puntos de Galicia e dará a coñecer entre o público asistente as características destas razas tradicionais do noso país e que en moitos casos estiveron a piques de desaparecer.

O concelleiro de Cultura, Eduardo Chao, impulsor desta cita, agarda que volva despertar, igual que o ano pasado, o interese tanto dos gandeiros da comarca coma do público en xeral e contribúa a dar a coñecer as distintas razas de gando autóctono e axudar deste xeito á súa cría e conservación. Insiste ademais que a aposta por recuperar as razas autóctonas é tamén unha aposta pola calidade.

Dentro das actividades da feira terá lugar precisamente unha conferencia de Juan Carlos Puente, que é vicepresidente da asociación Can de Palleiro, sobre as razas autóctonas galegas. Será ás 12 e media do mediodía no salón de actos da Casa da Cultura da localidade.

Amplo programa

A feira abrirá as súas portas ao público ás 10:00 horas. O lugar habilitado para o seu desenvolvemento será o aparcadoiro a carón da piscina municipal. Pero ademais do tradicional mercado de gando están previstas diferentes actividades:

Ás 11:00 horas no campo da feira a Asociación de criadores de cabalo de Pura Raza Galega organiza o concurso morfolóxico de cabalo PRG.

Seguidamente, Xacobe Pérez (presidente da Asociación Pura Raza Cabalo Galego) fará unha demostración de traballos pé a terra con rédeas longas con cabalo de PRG.

Ás 13:00 no recinto feiral realizarase a I Poxa de gando de Raza Rubia Galega na Mariña.

Xa pola tarde, sobre as 16:30, o público asistente poderá observar unha demostración de Monta á Amazona con cabalos da PRG.

Rematará a xornada sobre as 18:00 horas coa entrega de premios, na que se repartiran máis de 4000 € entre as distintas especies de gando, nas inmediacións da carpa, sobre as 18:00 horas.

Os asistentes poderán contar con amplos aparcadoiros e un posto onde comer polbo á feira e/ou xamón cocido.

Os interesados en participar poden recibir información e inscribirse entre o 21 e o 29 de xaneiro na Casa da Cultura da localidade, no teléfono 982571516 ou no enderezo electrónico cultura@valadouro.org.

4.000 euros en premios

Esta cita pioneira na comarca da Mariña contará ademais cunha importante dotación económica para animar a participación dos distintos criadores. En total, repartiranse 4.000 euros en premios entre os máis de 30 galardóns que serán entregados aos lotes máis numerosos de cada unha das categorías participantes (cabalos, vacas, porcos, ovellas e cabras), así como para os mellores sementais exemplares de xeito individual.

O diñeiro dos premios distribuirase entre unha gran variedade de categorías co que a organización tentará recoñecer e fomentar a participación da maior cantidade posible de animais de distintas especies. En concreto, repartiranse premios nun total de catorce especialidades diferentes. Serán premiados tanto lotes de animais como exemplares individuais.

Manter viva a actividade agrogandeira do municipio e recuperar as razas do país

O Concello do Valadouro está tentando recuperar nos últimos anos a actividade agrogandeira do municipio con iniciativas como a posta en marcha da Escola de Horta Ecolóxica, así como coa recuperación das feiras e mercados tradicionais. Trátase dun traballo no que está implicado todo o Goberno municipal e no que traballan de xeito coordinado o alcalde, Edmundo Maseda, e o tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, Eduardo Chao.

O Valadouro mantén aínda unha importante actividade gandeira, e a cria de cabalos e gando vacún en liberdade ten unha fonda tradición en distintas parroquias, sobre todo nas zonas máis altas deste concello do interior da comarca da Mariña, ubicado ao pé da Serra do Xistral, onde todos os anos se celebra a comezos de agosto a rapa das bestas no curro de Santo Tomé.

Ademais, nos últimos anos vense impulsando desde o Concello a recuperación de feiras e mercados tradicionais, como o Mercado da Primavera, a Feira do Mel ou o Mercado da Castaña, aos que agora se suma desde o pasado ano a Feira de Razas Autóctonas Galegas.

Exaltación da galiña de Mos o domingo 28 no concello de Castro de Rei

O domingo 28 de outubro, a parroquia de San Xiao de Mos, no concello de Castro de Rei, en Lugo, celebra un ano máis a súa Expodegustación de Galiña de Mos. A cita, que se celebra no campo da festa da parroquia, a carón da igrexa, inclúe diversos actos durante toda a xornada para promocionar a única raza de galiña galega que se conserva e que toma o seu nome deste lugar. Un grupo de veciños e criadores, pertencentes á Asociación de Veciños, organizan un ano máis en colaboración co Concello de Castro de Rei, a Deputación, Avimós e Leitigal, unha degustación que se servirá nunha carpa para preto de 1.000 comensais. O menú inclúe empanada de carne, unha ración completa de polo acompañada de patacas guisadas, pan, bebida e queixo da empresa local Leitigal de postre. Os veciños que crían esta raza implícanse de cheo na celebración xa que cinco deles crian os máis de 200 galos que se ofrecen na comida, a partir da unha da tarde. O prezo por persoa é de 9 euros e como agasallo entregarase aos comensais unha bolsa de compra ecolóxica. Nunha carpa anexa, haberá exposición de exemplares de Galiña de Mos, de criadores da zona e da comarca da Terra Chá, patrocinada polo concello de Castro de Rei en colaboración con Avimós. O concurso, no que se reparten premios aos mellores exemplares, chega á súa VII edición. Comezará ás 10 e media da mañá. Haberá tamén, como complemento, diversas actividades durante todo o día, como exposición de maquinaria agrícola, feira de artesanía e diversas actuacións que animarán a xornada festiva, como xogos populares e música. Unha das razas de galiña máis antiga da península A galiña de Mos é unha das razas de galiñas da Península Ibérica máis antigas. A orixe xenética da Galiña de Mos, foi coa chegada dos celtas a Galicia, pobo que introduciu este tipo de aves. Estaba estendida por todo o interior de Galicia pero para facer a selección da raza mercáronse no ano 2000 os primeiros exemplares na parroquia de San Xiao de Mos, no concello de Castro de Rei, na provincia de Lugo, dándolle á raza o nome de Galiña de Mos. A raza Galiña de Mos está catalogada como raza autóctona en perigo de extinción polo Real Decreto 2129/2008, de 26 de decembro, polo que se establece o Programa nacional de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras. Pero pese a que nas últimas décadas estivo ao borde da extinción, hoxe podemos voltar a desfrutar da súa beleza e da calidade da súa carne grazas ao esforzo dos criadores. A galiña de Mos ten unha crista moi característica, denominada técnicamente en chícharo por ser pequena e ter tres filas de papilas e puntos. E unha raza moi dura e adáptase perfectamente ás condicións climatolóxicas máis extremas, polo que é ideal para a cría ao aire libre. A carne de galiña de Mos, de cor máis escura, ten unha porcentaxe de pel e de graxa subcutánea, ao igual que na peituga e no zanco moi inferior ás estirpes industriais. Ao mesmo tempo, contén maior contido en Omega 3 e Omega 6. O proceso para a recuperación da raza Tralas alarmantes noticias que se tiñan sobre o gravísimo risco de extinción da raza, a mediados do ano 2000, a Xunta de Galicia inclúe á Galiña de Mos nos programas de recuperación de razas gandeiras e desde a Dirección Xeral de Producción Agropecuaria da administración galega, comézase o Programa de recuperación e Conservación da raza Galiña de Mos. O programa de recuperación da raza dividíuse en tres fases principais, comprendidas en periodos de seis anos, comezando actualmente o terceiro ciclo, que incluirá unha inclusión definitiva nos mercados. As medidas principais de cada unha das fases foron as que se sinalan: - Fase 2000-2006: documentación, estudo, localización de exemplares, aprobación do patrón da raza, conservación de grupos reprodutivos, creación de Avimós, incremento de censos, establecemento do Libro de Rexistro. - Fase 2007-2013: Incremento de censos dos grupos reprodutivos, expansión, fomento, marketing, creación de marcas individuais, entrada dos produtos nos mercados, propostas de adaptación de normativas, estudos de investigación. - Fase 2014-2020: Incremento da producción, mellora da produción e especialización das explotacións avícolas, innovación no sistema produtivo e de comercialización, estratexias de comercialización, potenciación do concepto de raza, campañas de información. Nas primeiras prospeccións constatouse o deterioro que estaba sufrindo a raza ó localizar os poucos exemplares que quedaban. Gallina de Mos en una muestra ganadera. Trala observación dos resultados dos exemplares que se tiñan e sobre a base dos datos históricos observados, redactouse o patrón da raza e se creou o Rexistro de exemplares, tendo oficialidade coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia o 11 de maio de 2001. No mesmo ano, os escasos criadores da raza que había neses momentos, conscentes do grave deterioro que sufrían os seus exemplares, crean a Asociación de avicultores da raza Galiña de Mos (AVIMÓS) co obxetivo de aglutina-los esforzos na recuperación da raza. O impulso definitivo para a recuperación da raza foi a creación, a finais do ano 2001, da Unidade de Recuperación da raza Galiña de Mos no Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, pertencente á administración galega. Dez anos despois, no ano 2011 chegou a haber 500 criadores inscritos no Rexistro de Criadores e no de Reprodutores, do Libro de Rexistro da raza. Como era previsible o número de criadores vai descendendo, debido a unha maior profesionalización das ganderías existentes, que teñen que obter o código REGA, pero buscando unha maior media de reprodutores por explotación, pretendendo unha maior especialización e unha maior rendibilidade de cada explotación. Este programa de recuperacion da raza está a dar os seus froitos, xa que considérase que existe un número suficiente de femias reprodutoras, actualmente de en torno a 6.000, para pasar a obxectivos máis ambiciosos. Pese a iso a Unión Europea, para considerar a unha raza de galiñas como fóra do perigo de abandono, indica que debe superar as 25.000 femias reprodutoras, cifra que aínda está moi lonxana.

“A Galiña de Mos ten un futuro enorme: é un produto diferenciado que se demanda máis”

“A raza Galiña de Mos supón un cambio de cantidade por calidade”. Así resume Diego Rois Losada a súa tese de doutoramento que vén de presentar na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo baixo o título ‘Caracterización da raza Galiña de Mos’ e que mereceu a cualificación de sobresaliente cum laude. Diego Rois Losada, que na actualidade traballa como veterinario na Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) augura un futuro “enorme” para esta raza autóctona galega xa que o mercado cada vez demanda máis este tipo de produtos cárnicos diferenciados. De onde xorde o teu interese pola Galiña de Mos? Fai quince anos a administración galega incluíu á Galiña de Mos no Programa de Recuperación de razas autóctonas galegas, tendo en conta a información que se tiña sobre a súa case extinción e á vista da cantidade de datos antigos que existían sobre ela. As miñas orixes e as da miña familia pola vía materna, son da comarca da Terra Chá, na provincia de Lugo. Nas nosas casas sempre existiron este tipo de galiñas e as lembro desde pequeno, pero observábamos que cada vez eran máis escasas. Cando a Xunta de Galicia comezou co interese na súa conservación, tiven a sorte de formar parte do equipo de veterinarios que comezaron co traballo de recuperación da raza. Co paso dos anos e coa estabilización dos seus censos observamos que é imprescindible para unha raza autóctona analizar as súas cualidades, as características dos seus produtos e as demandas do mercado específico para axudala á súa conservación e fomento, comparándoas con outras existentes, buscando nichos de mercado. Esta foi a base da miña tese, desenvolvida principalmente nos últimos cinco anos. É importante coñecer que as razas autóctonas de galiñas, poden aportar xenes específicos, nun mercado avícola altamente especializado, no que en tempos pasados unicamente se empregaron un reducido número de razas, para crear estirpes avícolas industriais a base de cruces para acadar cada vez mellores rendementos. Ata onde se remonta a orixe desta raza? Estaba extendida por toda Galicia? A orixe xenética da Galiña de Mos, foi coa chegada dos celtas a Galicia, pobo que introduciu este tipo de aves. A raza foi amplamente empregada en Galicia para obter produtos de alta calidade, sendo exportados a mercados do territorio Peninsular desde tempos remotos. O que sucedía era que os granxeiros fai séculos non se preocupaban moito por facer unha selección morfolóxica das súas aves. Máis ben o que facían era ter galiñas dun tamaño axeitado ao produto que comercializaban, de aí que esas aves existiran en diferentes colores.
“A orixe xenética da Galiña de Mos está na chegada dos celtas a Galicia”
As primeiras referencias da raza son do ano 1936, trala creación da Estación Pecuaria Rexional de Lugo, onde se efectúa un Programa de Selección da raza, a partir das galiñas que había na comarca da Terra Chá e noutras zonas do interior de Galicia, e que eran empregados para a produción de capóns. Estaba estendida por todo o interior de Galicia pero para facer aquela selección da raza, mercáronse os primeiros exemplares na parroquia de San Xiao de Mos, no concello de Castro de Rei, na provincia de Lugo, dándolle á raza o nome de raza Mos. Así tomou o seu nome desa maneira tan anecdótica. Desde ese momento a raza contou xa co seu primeiro estándar e a partir de aí, xa se admitiron os rasgos morfolóxicos actuais. Pódese falar de que xa non está en perigo de extinción? A raza Galiña de Mos está catalogada como raza autóctona en perigo de extinción polo Real Decreto 2129/2008, de 26 de decembro, polo que se establece o Programa nacional de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras. Seguindo as recomendacións nacionais, europeas e internacionais en materia de xestión de recursos xenéticos animais e coñecendo a realidade censual da raza, estase a aplicar un programa de conservación, no que prima o mantemento da súa variabilidade xenética, coa conservación da súa rusticidade, produción oveira media, características morfolóxicas, da canal e da carne, e a súa evolución censual positiva, ademais de evitar a deriva xenética na raza.
 “Hai agora unhas 6.000 galiñas de Mos, pero necesitamos chegar a 25.000 para que non estea en perigo de extinción”
Este programa está a dar os seus froitos, xa que considérase que existe un número suficiente de femias reprodutoras, actualmente de en torno a 6.000, para pasar a obxectivos máis ambiciosos. Pese a iso a Unión Europea, para considerar a unha raza de galiñas como fora do perigo de abandono, indica que debe superar as 25.000 femias reprodutoras, cifra que aínda está moi lonxana. ¿Qué diferencia a súa carne con respecto á doutras razas comerciais? Neste traballo o que fixemos foi analizar as características de calidade da canal e da carne dos produtos principais da raza, como son o galo, o capón, a pularda e a galiña, comparándoa coas estirpes industriais de tipo campeiro máis empregadas en Galicia. E atopáronse moitas diferenzas. En todos os produtos o rendemento das partes nobres (peituga, ás, zanco e contrazanco) foi superior ao das estirpes industriais.
 “A Galiña de Mos rende máis nas partes nobres e ten menos graxa que as estirpes industriais”
Teñen un mellor rendemento carniceiro, xa que teñen unha porcentaxe baixa de pel e graxa subcutánea, moi inferior ás estirpes industriais, que nalgúns dos casos foi do dobre. A cantidade de graxa na peituga e no zanco é menor que en estirpes industrias, que ademais é de alta calidade cunha mellor relación de Poliinsaturados/Saturados (P/S) que nos industriais, maior contido de omega 6 e de omega 3 e, unha mellor relación entre estes, sendo unhas carnes moi nutritivas, escuras e apreciadas polo consumidor. Pese a que a cantidade de graxa nas carnes dos produtos da Galiña de Mos é menor, ao ter un contido inferior en coláxeno e maior humidade fan unhas carnes máis brandas. Isto é importante xa que en moitas ocasións pensamos que unha carne se ten máis graxa é máis branda, cando en realidade inflúen outros factores. Neste caso a raza sae beneficiada xa que como sabemos, un menor contido en graxa é beneficioso para a nosa saúde. ¿Inflúe a idade de sacrificio e o peso nesas cualidades? ¿Cal sería o ideal? O peso e a idade determinan o tipo de produto que queremos criar. Segundo a idade obtemos polos ou galos e si se castran capóns. Nas femias pulardas ou galiña. As cualidades cambian en función de cada produto pero así tamén se pode chegar a todo tipo de consumidor. Se queremos obter un produto de calidade e diferenciado é moi importante que teñan unha idade ben definida. Nos galos e capóns o ideal é levar a crianza ata os oito meses. Nas últimas décadas no rural galego isto non se está a facer xa que debido ao emprego de estirpes de crecemento rápido, se sacrifican cada vez antes, en detrimento da calidade do produto.
“Nos galos e capóns o ideal é levar a crianza ata os 8 meses e nas pulardas aos 5”
Fai moitos anos para a produción de capóns de cara ao Nadal había unha máxima que dicía “ovos de marzo e pitos de abril, nunca mellores os vin”. Polo tanto deducimos que como o sacrificio era en decembro o ideal son oito meses de crianza. No estudo comprobamos como é unha idade idónea para estes produtos na Galiña de Mos, momento no que alcanzan 4,220 quilos de peso vivo de media os galos e 4,360 os capóns. Para as pulardas o ideal son os cinco meses xustos de vida, cando pesan en vivo de media 2,3 quilos. As galiñas vellas cando acaban o segundo ou terceiro ciclo de posta alcanzan os 3 quilos de peso, sendo moi apreciada a súa carne como en tempos pasados. Como din moitos consumidores “por fin se pode volver a comer unha galiña”. ¿Os seus ovos tamén teñen características diferentes? A Galiña de Mos, criada nun sistema artesanal ao aire libre, ten unha produción oveira inferior á das galiñas de tipo industrial, pero o seu ovo ten unhas maiores cualidades nutritivas xa que ten maior cantidade de aminoácidos esenciais (4826,20 mg/100gr. nos ovos Mos, fronte a 4659,13 mg/100gr. na estirpe Isa Brown). Teñen unha maior proporción de xema (30,64% vs. 24,49%) e menor de clara (53,82% vs.61,49%) e un menor contido de auga (74,98% vs. 77,65%), contido de auga moi inferior ao de galiñas en batería (79,9%), o que provoca que salten menos na tixola cando se friten, ofrecendo un aspecto máis consistente no prato. A xema dos ovos de Galiña de Mos ten un color amarelo máis intenso e a súa casca é de cor máis clara que a das estirpes de color industriais.
“Os ovos de Galiña de Mos teñen maiores cualidades nutritivas”
Unha das obxeccións que se lle pon á crianza da Galiña de Mos é que o seu crecemento é bastante máis lento que outras. ¿Que hai de certo? Segundo con que se compare. A nivel de razas autóctonas españolas é a que ten un crecemento maior, pero se a comparamos coas estirpes industriais, que están seleccionadas a partir de moitos cruces para acadar crecementos moi rápidos aí perde, loxicamente. Pero o problema é que existe moito descoñecemento. As estirpes industriais de crecemento rápido están feitas para producir polos dun gran tamaño nun período curto para facer un produto, os polos que atopamos nos supermercados, cun rendemento espectacular. Pero desgraciadamente se tende a comparar a ese tipo de aves que se comercializan como polos coas autóctonas, cando o produto que se obtén non ten nada que ver. Son sistemas de produción e produtos obtidos totalmente diferentes. É coma se comparamos viños brancos ou tintos e de colleita, crianza ou reserva. Non teñen nada que ver un con outro e cada un ofrece sabores diferentes.
As normas europeas obrigan a que os polos campeiros sexan de crecemento lento, a partir de razas autóctonas, algo que non sempre se cumpre”
Ademais, convén informar ao consumidor que as normas europeas indican que para producir aves criadas ao aire libre e baixo sistemas campeiros tradicionais, é obrigatorio empregar estirpes ou razas de crecemento lento, entre a que se inclúe a Galiña de Mos, xa que se consideran estes tipos de crecementos coma os de maior calidade, pese a que nalgúns casos estase a empregar en Galicia aves de crecemento rápido. Aí é onde a Galiña de Mos desenvolve mellor o seu potencial, xa que se a comparamos coas estirpes de orixe francesa de polos de crecemento lento, para o emprego de aves criadas ao aire libre, os crecementos son similares pero os rendementos cárnicos son mellores no caso da nosa raza autóctona. Para unha persoa que queira dedicarse á crianza desta raza, ¿Que recomendacións lle darías para unha xestión eficiente da súa crianza? O primeiro é que se debe ter ben claro se quere ter as galiñas por simple afección ou ben para facer unha comercialización das súas producións. No primeiro caso pode ter a raza tendo en conta os beneficios que pode sacar de ela, que non serán económicos pero si nun plano sentimental e de orgullo polo noso, disfrutando duns produtos saudables para a súa casa e participando co seu gran de area nunha conservación dun patrimonio que nunca se debeu perder. Pero no caso de querer obter un rendemento económico, debe ter en conta que a avicultura é un tipo de gandería e debe formarse e posuír coñecementos relativos ao sistema de produción. Este tipo de aves deben criarse ao aire libre e sen masificacións para ter éxito na crianza. Ao xuntarse co sistema de tipo artesanal, podemos adaptar galiñeiros de construcións xa existentes, co conseguinte aforro de custes, valorando o aproveitamento de terreos colindantes para a plantación de cereais, etc. Empezan a aparecer pequenos proxectos empresariais en Galicia centrados na Galiña de Mos e na comercialización tanto de Galo, Capón, Pularda como dos ovos. ¿Cal cres que son as claves para que económicamente e comercialmente estes proxectos saian adiante? Actualmente no mercado atopámonos con polos de tipo industrial que se sacrifican con algo máis dun mes de vida, feitos a partir de estirpes de crecemento moi rápido e tamén, outros polos de tipo campeiro que rondan os dous meses de vida. Pero pouco máis ata o mercado de Nadal, onde xa aparecen galos, capóns ou pulardas en unidades limitadas. Cunha xestión eficiente poderíamos poñer no mercado estes produtos o resto do ano, como xa se está comezando a facer, atendendo a demanda actual que existe.
“Hai un mercado, fóra da época de Nadal, para o galo, capón ou a pularda”
O avicultor artesanal debe adquirir cultura empresarial, o que lle chamamos o gandeiro como empresario. Ten que ser capaz de poñer o seu produto directamente no mercado, sen intermediarios, responsabilizándose da súa propia marca comercial e establecendo sinerxias cos seus clientes. É importante que vexan o que está a facer e ter relación o máis directa posible cos seus compradores. É a maneira de que se sinta orgulloso e recoñecido polo seu traballo. Para iso debe explotar o mercado local que é o principal nicho de mercado que ten esta produción. As tendas e carnicerías dos pobos, os restaurantes da zona, a venda directa ao consumidor final en feiras ou no propio domicilio e sendo máis ambicioso, explorar a curto prazo mercados noutros territorios da península, que están a demandar esta produción diferenciada. Galiña de Mos. Autor: Galo Celta Neste sentido, ¿Que futuro lle prevés á raza Galiña de Mos? Enorme. A avicultura rural pero cun nivel destacado de especialización, está pouco desenvolvida. Desde décadas pasadas a avicultura industrial en España ten un alto grao de especialización, existindo un salto enorme ata atoparse cos galiñeiros de tipo familiar onde se crían un reducido número de aves para autoconsumo. Existe o camiño intermedio, que está a demandar o consumidor, que en Galicia está enchendo a Galiña de Mos grazas ás producións avícolas de tipo artesán. Unha raza autóctona como a Galiña de Mos debe entrar no mercado a través da súa diferenciación. O mercado avícola está moi saturado dos polos comúns que se atopan no supermercado, xa sexan de produción intensiva ou de tipo campeiro. Existe un nicho de mercado interesante noutras producións avícolas diferenciadas, como pode ser a carne de galo, de capón, de pularda, de galiña ou de ovos diferenciados. ¿Que outras razas autóctonas de galiñas hai ou houbo en Galicia? Actualmente a única raza de que existe en Galicia é a Galiña de Mos, tal como recoñecen as normativas existentes da Xunta de Galicia e do Ministerio de Agricultura. No ano 1920 Santos Arán fala de dous tipos de galiñas que existían en Galicia, a da costa e interior, de máis volume e peso, e a da montaña, de menor talla. A da costa e interior foi a que a partir do ano 1935 seleccionaron como a Galiña de Mos pero a da montaña, co paso dos anos foise perdendo, sendo posible que hoxe estea desaparecida.
“Había outra raza autóctona en Galicia, a Galiña da Montaña, pero é posible que estea desaparecida”
Nas investigacións históricas realizadas para o traballo desenvolvido na tese, non atopamos referencias escritas a outro tipo de razas de galiñas definidas existentes no noso territorio. Pese a iso, nos últimos anos sonan algunhas outras posibles poboacións autóctonas de galiñas como a galiña piñeira, susceptibles de ser considerada como raza, que ben poderían estar englobadas nalgúns tipos de aves antigas que aínda recordan os galegos de máis avanzada idade. ¿Algo máis que queiras engadir? Que en xeral a raza é ideal para un tipo de produción mixto carne-ovos, en sistemas de crianza artesanal e ao aire libre, ofrecendo produtos de maior calidade nutritiva e organoléptica fronte ás estirpes industriais, aínda que de menores crecementos. É un cambio de cantidade por calidade. Coa raza autóctona recupéranse os sabores de antes, a importancia do xenotipo, da raza. O sabor de raza.