Archives

Xa hai data para Galiforest Abanca: Do 27 ao 29 de xuño de 2024

O monográfico forestal Galiforest Abanca celebrará a súa sétima edición do 27 ao 29 de xuño de 2024 no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, situado no concello de Boqueixón (A Coruña). Así o decidiu hoxe o seu Comité Organizador nunha reunión celebrada na Feira Internacional de Galicia ABANCA, entidade organizadora do certame. Ademais da elección de datas, tamén se analizaron os resultados da pasada edición, sobre a cal os asistentes felicitaron de forma unánime á organización, destacando tanto os bos resultados obtidos en exposición e visitantes como o carácter máis maduro e profesional que conseguiu o certame. Así mesmo, manifestaron o seu pleno apoio a esta nova convocatoria. Por outra banda, abordáronse diversos temas tanto organizativos como de promoción do certame para seguir mellorando a proposta de Galiforest Abanca. No encontro participaron representantes de empresas e entidades con gran relevancia no sector forestal, como son a Federación Empresarial de Aserradores e Rematantes de Madeira de Galicia (FEARMAGA), o Clúster da Biomasa de Galicia, a asociación galega promotora da certificación forestal PEFC Galicia, Andreas Stihl, Finanzauto, Forcar-Cardelle Hidráulica, Forest Pioneer, Grupo Gestán, Hidráulica de Barro, Industrias Guerra, Recambios Frain e Abanca. Estiveron acompañados polo director xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural, Manuel Rodríguez, e do director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal.

Unha feira que non para de medrar

A última edición de Galiforest Abanca, a cal tivo lugar do 30 de xuño ao 2 de xullo do ano pasado, foi a maior celebrada ata o momento, superándose tanto en firmas e expositores presentes como en superficie e público asistente. Así, acudiron 7.161 visitantes vinculados co sector forestal (un 27% máis que na anterior cita, celebrada en 2018). Estes puideron coñecer na área expositiva os produtos, servizos e propostas de 371 firmas expositoras (un 47% máis) de 26 países (un 24% máis), das cales 96 foron expositores directos (un 26% máis) de distintos puntos de España, Portugal, Italia, Letonia e Eslovenia. Na súa área expositiva, que ocupou 13.726 metros cadrados (un 16% maior), mostrouse maquinaria forestal, equipos e recambios cun valor superior aos 40 millóns de euros, o cal significou un 74% máis. Unhas cifras e un respaldo do sector que supuxo que Galiforest Abanca se consolidara xa como a maior feira forestal de España

A marca Pino de Galicia acada máis de 20 empresas adheridas nos primeiros meses de lanzamento do selo

A marca Pino de Galicia comezou a funcionar na práctica a inicios do 2022, cando quedou definido o seu regulamento e se abriu a porta para que as empresas do sector da madeira se foran sumando á marca. En só seis meses, máis dunha vintena de empresas xa lograron superar as auditorías precisas para certificarse na marca ou están ultimando ese proceso. Espérase ademais que nos próximos meses continúen entrando na marca empresas de toda a cadea galega do piñeiro, pois moitas teñen manifestado o seu interese ou teñen comprometido o inicio inmediato do proceso de auditorías preciso para rexistrarse. Este é o balance que presentou esta mañá en Galiforest o secretario do comité de marca de Pino de Galicia, David Lorenzo, que participou nunha xornada técnica sobre os retos e oportunidades ós que se enfrontan as coníferas. Lorenzo explicou como se foron inscribindo na marca empresas de toda a cadea da madeira, desde rematantes (os profesionais que cortan as árbores en monte) ata serradoiros, empresas de segunda transformación da madeira e almacenistas.
A implicación de toda a cadea da madeira está a permitir certificar xa a madeira de Pino de Galicia, dende materia prima ata produtos de primeira e segunda transformación
A implicación de toda a cadea da madeira está a permitir certificar xa a madeira de Pino de Galicia desde o monte ata o consumidor final, pois a marca ampara tanto a materia prima (rolla) como os produtos de primeira transformación (táboa convencional e táboa estrutural), así como os produtos de segunda transformación (envases, tarimas, molduras ou CLT, entre outros). A importancia da marca sitúase en garantir a trazabilidade, a calidade e a uniformidade da oferta. Pino de Galicia estableceu un sistema de clasificación de calidades, a fin de estandarizar a oferta ante o mercado, e está a contribuír así a prestixiar a madeira galega ante os prescriptores e consumidores finais. Cómpre salientar ademais que toda a madeira de Pino de Galicia ten que contar cos selos de certificación forestal FSC ou PEFC, o que garante que, a parte de ter orixe galega, a materia prima procede de montes xestionados dun xeito sostible. Guaita, Busto, Lozano e Lorenzo durante a celebración da xornada técnica esta mañá en Galiforest.

A madeira de coníferas para a construción

Xunto coa presentación da marca Pino de Galicia, a xornada de hoxe en Galiforest contou coa intervención de Manuel Guaita, catedrático da Universidade de Santiago e Director da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade), que abordou as posibilidades da madeira de coníferas na construción. Guaita incidiu en que é tempo de apostar pola madeira, xa que é unha vía para lograr edificacións máis sostibles, ó actuar como sumideiro de CO2 e reducir así o impacto ambiental. Ademais, as innovacións técnicas desenvolvidas nos últimos anos, como a construción en altura con estruturas de madeira e madeira contralaminada, abriron un abano de posibilidades en edificacións en madeira que ata entón parecían inviables. En Galicia estanse a dar pasos non só no uso estrutural da madeira senón tamén en contar con madeira galega nestas construcións, que inicialmente se realizaban con madeiras importadas de Centroeuropa. A construción dun prototipo de edificio en altura realizado en Lugo con madeira de Pino de Galicia é un dos pasos nesa liña. Optar por madeira de proximidade na súa construción permitiu xa secuestrar unhas 280 toneladas de CO2.
“Galicia é xa 100% autónoma en madeira e fabricación para a construción con madeira seguindo un paradigma sostible”: Manuel Guaita, Pemade
Máis alá destas iniciativas demostrativas están a xurdir xa empresas que ofrecen este tipo de solucións construtivas en madeira. “Galicia é xa 100% autónoma en madeira e fabricación para a construción con madeira seguindo este paradigma sostible”, apunta Guaita. Ademais, o sector traballa en innovacións tecnolóxicas que están aportando vantaxes significativas para a construción e que xa se están a empregar en Galicia. Así, as madeiras modificadas, como a madeira acetilada ou a madeira termotratada, están a ser solucións para un uso da madeira en fachadas e exteriores, xa que son tratamentos que lle confiren unha maior durabilidade ó reducir a súa degradación natural. Á marxe destas propostas, no sector e dende Pemade traballan xa noutras iniciativas que permitan seguir avanzando no uso da madeira estrutural, como é o desenvolvemento de solucións lixeiras con vigas e estruturas que reducen e optimizan a cantidade de madeira empregada, buscando ser unha solución sostible tanto a nivel ambiental como económico. Outra das liñas sobre as que están traballando é unha estrutura mixta que combine formigón e madeira.

As cifras do mercado de coníferas en Galicia

Na xornada, Laura Lozano, de Maderas Goiriz, firma asentada en Vilalba (Lugo), adicada ó serrado de táboa, encargouse de facer un percorrido polas cifras e a situación que atravesa o mercado de Pino de Galicia. Lozano destacou a importante contribución do sector da madeira á creación de emprego en concellos rurais e a dispersión de postos de traballo por todo Galicia que se proporcionan. Os 200 serradoiros que se manteñen operativos en Galicia serraron o ano pasado uns 2 millóns de toneladas de piñeiro, o 40% da produción nacional. Con esta madeira, producíronse case 1 millón de metros cúbicos de táboa destinada principalmente á embalaxe (60%), así como á fabricación de caixas de viño (14%), á construción (7%) ou ó moble (3%). “Con estas cifras, Galicia é un referente para todo o país”, reivindicou Lozano.
En só 2 anos o prezo da madeira de piñeiro chegou a duplicarse debido ó incremento da demanda logo da crise da Covid-19 ou á redución das exportacións de Rusia pola guerra con Ucraína
En canto á evolución dos prezos da madeira de piñeiro, nestes últimos dous anos experimentouse unha importante suba, pasando dos 30 euros por tonelada en madeira de rolla en pé a chegar a preto de 60 euros neste 2022, segundo os datos manexados pola Fundación Arume sobre a evolución dos prezos de venda en poxas privadas. Evolución dos prezos de venda de madeira en monte en poxas privadas. Elaborado pola Fundación Arume. Como detallou Lozano, este importante incremento dos prezos debeuse en primeiro lugar á crise da Covid-19 e a redución de stocks a nivel mundial ante o temor dunha caída da actividade. Porén, outros factores como o incremento dos custos dos fletes de madeira foron tamén decisivos. En só un ano, o prezo dun contedor de madeira procedente de México pasou de custar 2.800 euros a acadar os 12.000 euros. Este mesmo ano, o estalido da guerra de Ucraína mantén á alza os prezos da madeira de coníferas ó reducirse as exportacións procedentes de Rusia. Lozano aproveitou tamén para incidir na importancia de levar a cabo unha boa silvicultura nas plantacións para lograr madeira de calidade, reducir as mermas de madeira que teñen os serradoiros e poder repercutir nun prezo máis competitivo para os produtores forestais. Tralas ponencias e para rematar a xornada, houbo un debate, moderado por Ana Busto, de Serrerías Rodríguez, no que ponentes e públicos coincidiron no escenario optimista que se está abrindo para as coníferas, con boa demanda e con bos prezos que se esperan sostidos no tempo. A xornada de hoxe en Galiforest, organizada pola Fundación Arume, contou coa cofinanciación da Axencia Galega da Industria Forestal.

Xornadas sobre mellora xenética do piñeiro e lanzamento da marca Pino de Galicia

A Fundación Arume presentará en Galiforest (Sergude, Boqueixón) un balance das súas principais liñas de traballo en dúas xornadas, o xoves 30 de xuño e o venres 1 de xullo. O xoves está prevista unha xornada sobre planta forestal mellorada, entre 11 e 13 horas; en tanto o venres, entre 11 e 14 horas, analizaranse os retos e oportunidades de ‘Pino de Galicia’, a marca de madeira impulsada pola Fundación Arume. Ambas xornadas contan coa cofinanciación da Axencia Galega da Industria Forestal, XERA.

O programa das xornadas é o seguinte

Planta forestal mellorada

(Xoves 30, 11 – 13 horas. Carpa auditorio da feira)

Mesa redonda con:

– Isabel Álvarez (Braña SCL)

– Enrique Fandiño (xerente de Hifas Foresta)

– Margarita Fraga (directora técnica de Cultigar, Fundación Paideia)

– Francisco Lario (responsable de proxectos MFR Tragsa).

– José Martel (xefe do servizo de Saúde e Vitalidade do Monte. Dirección Xeral de Ordenación e Planificación Forestal).

– Modera Enrique Martínez Chamorro (director Centro de Investigación Forestal de Lourizán).

Pino de Galicia: retos e oportunidades no contexto actual de mercado

(Venres 1 de xullo, 11 – 14 horas – Carpa auditorio da feira)

11 h. – A marca Pino de Galicia. Presenza actual no mercado (David Lorenzo. Secretario do comité de marca de Pino de Galicia. Profesor da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra).

11.30 h. – Novos usos da madeira cara a unha construción sostible e industrializada (Manuel Guaita. Catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e director de Pemade).

12 h. – Descanso café.

12.30 h. – Evolución dos prezos das coníferas e perspectivas de futuro (Laura Lozano, directora comercial de Maderas Goiriz).

13 h. – Retos e oportunidades das coníferas no contexto actual de incertidume. (Modera Ana Busto, adxunta á dirección en Serrerías Rodríguez).

Conferencias sobre produtos forestais non madeirables e sobre dixitalización

Galiforest contará tamén con dúas xornadas organizadas pola Axencia Galega da Industria Forestal sobre produtos forestais non madeirables e sobre dixitalización.

A primeira delas, que terá lugar o xoves 30 (16.30 – 19.30 h.) abordará os produtos forestais non madeirables (NTFP) e os servizos ecosistémicos do monte, é dicir, os beneficios que a poboación pode obter dun ecosistema para o seu benestar. Comezará coa verificación de servizos ecosistémicos na Devesa de Rogueira (Lugo), por parte de Manuel Beiro, da Asociación Bioeco2 e representante de Enxeñería Forestal Asefor, para logo expoñer as perspectivas dos sistemas agroforestais en Europa, de man de Mercedes Rois, consultora en bioeconomía forestal, doutora enxeñeira de montes e secretaria do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia.

A continuación, falarase sobre a explotación de resina na comunidade de montes de Mougás, sendo o encargado Venancio Miniño, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Mougás. A análise dos resultados dos ensaios de silvicultura dirixidos á obtención de madeira e cogomelos pechará a xornada, sendo realizado por Javier Pereira-Espinel, enxeñeiro de montes da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O moderador será Roque Rodríguez, catedrático universitario e profesor de silvicultura da área de Produción Vexetal da Universidade de Santiago de Compostela.

Dixitalización
A segunda das xornadas será o venres (16.30-19.30 h.) e versará sobre a transición dixital. Nela Julia Armesto, doutora enxeñeira de montes e profesora titular da área de Enxeñería Cartográfica da Universidade de Vigo (UVIGO) dará a coñecer a aplicación práctica e resultados obtidos no uso do dispositivo Lidar Móbil Geoslam. En canto á dixitalización na administración forestal, será exposta por Odón López, xefe de servizo de Xestión Forestal da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia.

Así mesmo, abordarase o uso do Lidar aplicado á xestión forestal, de man de Alberto López, da Asociación Bioeco2 e departamento de I+D de Enxeñería Forestal Asefor; e tratarase a incorporación nos inventarios do módulo de elasticidade e densidade básica, por parte de Esther Merlo, directora de Madera Plus Calidad Forestal.

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, encargarase de moderar a xornada.

Pódese consultar neste PDF o programa completo de actividades de Galiforest.

Demostracións de maquinaria forestal en Galiforest

A feira Galiforest, que se desenvolverá do xoves 30 de xuño ó sábado 2 de xullo en Sergude (Boqueixón), contará con máis de 180 demostracións de maquinaria, tanto no monte anexo á feira como nas parcelas expositivas de cada empresa.

As demostracións inclúen procesadoras forestais e de leña, autocargadores, colleitadoras de biomasa con cabeza procesadora, centro de corte e fendido de leñas, aserradoiros portátiles, trituradoras ou destoconadoras, entre outra maquinaria.

Asimesmo, desenvolveranse demostracións de sistemas de trepa á árbore, poda en altura, manexo de motoserra, simuladores de maquinaria forestal ou preparación de estacas de castaño, entre outras tarefas forestais.

As demostracións, segundo informa a organización da feira, serán a cargo de empresas como Aroz Berri, Forestcorte Máquinas, Honda/Echo, Arbogal, Hitraf, Husqvarna, Internaco, J.J.E. Hernández – Hersan Wood-Mizer España, Logosol-Timber Tools, Millasur, Pinosa, Seppi M. Península Ibérica, Serrat Trituradoras, Stihl e Log Max Iberia.

A realización das demostracións de maquinaria nun entorno real de traballo é un dos principais atractivos que ofrece a feira, tanto para os expositores como para os visitantes profesionais.

As distintas marcas programaron ademais actividades paralelas, como talleres ou competicións. Así, Husqvarna fará talleres de afilado e corte seguro con motoserra, en tanto Honda/Echo e Stihl farán figurismo, é dicir esculturas de madeira con motoserra, así como diversos concursos e demostracións.

Pódese consultar neste Pdf o programa completo de actividades de Galiforest.

Certame de innovación forestal

Galiforest contará tamén co seu tradicionalConcurso de Innovación Tecnolóxica, que distinguirá as máquinas, produtos, servizos e procesos presentes que destaquen polo seu deseño, calidade de traballo e prestacións. Búscase así contribuír ao fomento do I+D+i no sector forestal.

Nesta edición valoraranse 13 innovacións, dúas máis que na súa a última cita, entre as que figuran unha trituradora de fresado de chan e cepas ou raíces cun sistema de corte e fixación único no mercado, unha abonadora autopropulsada cuxo proceso de esparexemento está controlado mediante GPS, para mapear a superficie e regular o material dispensado, unha taladora deseñada para calquera especie que tala ata 50 centímetros de diámetro con sistema de cizalla, unha solución intelixente que permite controlar o progreso da explotación forestal en tempo real, unha caldeira de gasificación de leña compacta con pantalla táctil e monitorización da instalación vía App ou Pc e o único colector solar plano de baleiro do mercado.

Tamén entran no certame un sistema de aforro para produción de biomasa composto pola combinación de triturado primario e criba de sinfíns, unha procesadora semiautomática de troncos que corta, racha e extrae a leña a través dun tapete volante e que completa o proceso en seis segundos de media, un serradoiro que permite cortar troncos dunha lonxitude de ata 2,7 metros e diámetros de ata 135 centímetros, un método de extracción de resina para mellorar a produtividade das masas de piñeiro, o primeiro Eucalipto Niten con mellora xenética resistente ao fungo Mycosphaerella e dúas motoserras, unha delas conta coa batería máis potente do mercado e outra é a primeira a nivel mundial con pistón de magnesio, tecnoloxía xa utilizada na Fórmula 1 que reduce peso e aumenta rendemento.

O xurado de expertos que as valorará terá en conta as melloras significativas que aportan, así como cuestión como os materiais, fiabilidade, sustentabilidade, seguridade no traballo ou ergonomía.

O Concurso concederá o Premio de Innovación Galiforest Abanca 2022 e mencións especiais. Uns galardóns que se darán a coñecer e serán entregados na xornada inaugural do monográfico, o 30 de xuño.

Galiforest celebrará a súa maior edición, superando expositores e superficie

A Feira Internacional de Galicia ultima a organización da sexta edición do seu monográfico forestal Galiforest Abanca, que se celebrará do 30 de xuño ao 2 de xullo no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), próximo a Santiago.

En canto á súa exposición, a algo máis de quince días para a celebración da feira, Galiforest conta con 86 expositores directos confirmados, un 15% máis respecto á cifra final da pasada edición, celebrada no 2018, cando foran 75. Estas empresas e entidades, entre as que se encontran moitas das máis importantes do sector, ocupan unha superficie neta de 13.682 metros cadrados, un 16% máis de espazo que o contratado na anterior convocatoria, xa que entón foran 11.837 metros cadrados.

Estas cifras supoñen que o certame celebrará a súa maior edición, á vez que demostran tanto o respaldo do sector a este monográfico como a súa consolidación como cita forestal.

Programa de actividades
De forma paralela a esta exposición o certame ofrecerá un atractivo programa de actividades, tanto dirixidas a profesionais como a outros perfís relacionados, entre eles os estudantes vinculados co sector.

“Enfocámonos en lograr un mercado con animais de calidade, o que está atraendo a novos compradores e mellora os prezos”

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra cada martes no recinto feiral da Semana Verde en Silleda (Pontevedra), converteuse nun mercado de referencia en España. É o único especializado en vacún con poxas informatizadas e nos últimos meses introduciron novas melloras para seguir avanzando na dixitalización do mercado. Coñecemos de man do director da Fundación Semana Verde e da propia Lonxa agropecuaria, Ricardo Durán, a situación actual e os proxectos que encara a Central, así como as próximas citas agrogandeiras e forestais nas que traballan, como Galiforest ou GandAgro. -Nos últimos meses a Central Agropecuaria de Galicia estivo batendo marcas na venda de gando varias semanas. Estamos nun bo momento para as vendas de carne de vacún, en especial para o vacún maior, ou debeuse a cuestións puntuais? -En todo o referente á central hai un cúmulo de circunstancias e factores que determinan os prezos. Algúns deles dependen de nós e outros non. Desde a Central levamos anos animando aos veterinarios a que sigan sendo moi estritos e non permitan que animais de baixa calidade veñan ao mercado. Queremos promover un mercado de animais de calidade e moi coidados. Buscamos que os compradores se afagan a ver este tipo de exemplares e veñan á Central buscándoos e dispostos a poxar boas cantidades por eles. Estamos vendo que este proceso está a dar xa os seus froitos. Cada vez vemos animais de maior calidade e veñen compradores doutras zonas de España e Portugal, para comprar estes animais, con boas ofertas por eles; tal e como ocorreu coas marcas rexistradas en novembro. Tamén introducimos novidades tecnolóxicas, como unha aplicación (App) para facilitar a poxa aos compradores, que ademais lles proporciona información sobre todas as poxas. Infórmase tamén aos vendedores, sen necesidade de que estean fisicamente no recinto, do resultado das poxas e ofrece maior comodidade. Son alicientes endóxenos que axudan a que o mercado vaia tendo bos resultados.
"O que vimos este ano no vacún maior foi espectacular. Viuse un incremento do número de animais, pero tamén das cotizacións"
-Afiánzase Silleda como referente na venda de vacún maior? -Houbo unha importante demanda de carne madurada, o que leva a que os prezos suban e os compradores busquen este tipo de carne. O selo de Vaca e Boi de Galicia tamén contribuíu a iso e é unha boa liña de traballo. O que vimos este ano no vacún maior foi espectacular. Viñeron 11.485 animais de vacún maior, o que supón un 65% máis que o ano pasado, que non serve moito de referencia, xa que no 2020 perdemos 10 poxas. Aínda así, comparando con 2019, supón 2.000 animais máis. Viuse un incremento do número de animais, pero tamén das cotizacións. Experimentamos un incremento do 114% nas cotizacións de 2020 a 2021 e se comparamos con 2019 houbo un aumento significativo, pasando dunha facturación de 8,3 millóns a alcanzar os 12,1 millóns de euros.
"Este ano alcanzáronse os 21 millóns de euros de transaccións, unha cifra récord"
-Con eses datos, o Covid-19 parece non pasar factura ao mercado. Cal é o balance da Central neste 2021? -Este ano chegamos aos 21 millóns de euros de transaccións entre compradores e vendedores, por encima dos 18 millóns que se alcanzaron no 2019. De feito esta é unha cifra de récord do volume de transaccións desde que son director. É unha tendencia que non só se viu en Silleda, senón que noutros mercados de España tamén se apreciou unha recuperación. En moitos non se chegou ás cantidades que se manexaban en 2019, pero si estiveron moi preto. O problema doutros mercados é que non teñen o cálculo das transaccións que temos en Silleda, xa que aquí sabemos até o último euro que se ofrece na poxa e faise público. Aínda así, a sensación xeral é que o prezo está a ser maior. En Silleda esperamos lograr un efecto atracción e multiplicador tamén neste novo ano e seguir nesa liña. -Aínda que os prezos en vacún maior poidan estar á alza, non ocorre o mesmo para a recría e os becerros carniceiros. Que está a motivar que os prezos sexan máis baixos do esperado polos produtores? -É certo o que estás a dicir e os datos corrobórano. Este ano, a recría incrementouse un 19% con respecto de 2020. Se miramos a 2019 baixamos un pouco, situándonos nos 28.000 animais fronte aos case 31.000 que se lograran nese ano. Tamén as transaccións van nesa liña, con 5,2 millóns este ano fronte aos 6 millóns logrados en 2020. Neste mercado de tenreiros seguimos insistindo moito na calidade. Gustaríanos que todos os gandeiros visen no recría non un subproducto, senón unha aposta, para que os animais veñan en boas condicións e coticen máis, xa que iso é bo para o comprador, o criador e o consumidor.
"Insistímoslle ós gandeiros para que non vexan no gando de recría un subproduto, senón unha aposta. Se os animais veñen en boas condicións, cotizarán máis e será mellor para todos"
Nós estamos sendo moi estritos en temas veterinarios, admitindo só os animais que cumpren cos parámetros e tentamos fomentar que veñan animais de calidade. Necesitamos ese cambio de mentalidade no gandeiro para que se mellore nesta sección. -Desde a primavera deste ano tamén introduciron novos servizos como o seguro de vida para todas as categorías e custeado pola central. Foi unha medida para atraer compradores ao mercado? -Foi un gran apoio para os compradores. Quixemos dar maior seguridade ao comprador, para que compre con confianza e poida ofrecer mellores prezos, sabendo que se algo sae mal, o mercado vai responder. É unha garantía moi alta para o comprador e crea unha confianza de compra que é moi interesante para que se poidan ofrecer mellores prezos. A nivel físico, na Central introducimos tamén melloras no último ano en temas como as camas do gando, para mellorar o confort dos animais mentres están no recinto, pero aínda queremos seguir mellorando nas instalacións, para facilitar a descarga dos animais ata que quedan fixados no pavillón. Estamos a ver como mellorar ese manexo aos transportistas. -Outra das novidades que introduciron na Central é a aplicación (App) de venda. Como está a resultar a experiencia? -O feedback é moi bo. Polo Covid-19 moitas persoas evitan vir ao mercado ou están no recinto o menor tempo posible e saben que poden ir para casa tranquilamente, xa que van recibir os resultados e as poxas directamente con marxe para admitir a poxa gañadora. Teñen plena confianza na tecnoloxía, posto que lles permite gañar tempo e ser máis eficaces. -Ademais de poder seguir a poxa de forma directa, supón máis vantaxes para os usuarios? -Para os gandeiros, os compradores e mesmo para o propio mercado este sistema supuxo un aforro de tempo, xa que os datos finais téñense dispoñibles ao terminar a mañá. Mantense que compradores e vendedores non saiban o que se está poxando até o resultado final, pero é moito máis cómodo facelo coa APP. Ademais permite gardar os datos das compras e ter un histórico ao quedar todo rexistrado na sesión de cada un. No mercado sérvenos para ir aumentado a información e o número de servizos que podemos dar ao que poxa e ao vendedor, ao longo do tempo. Por iso insistimos en que empecen a usala, xa que van ter un abanico de vantaxes. -E que pensan da aplicación que anunciou a Xunta para facilitar a compra venda de gando á marxe dos mercados. Afectaralles? -Coido que é necesario un punto de encontro e de concentración do gando, tamén para facer un control veterinario. En novembro estiven en Irlanda, no mercado de Kilkenny (Irlanda), e aí teñen xa moi informatizada a venda, con poxas online e presenciais ao mesmo tempo, pero sempre usando o mercado como punto de concentración do gando, onde pesar e ver as características do exemplar, o que dá tamén seguridade ao mercado. -En máis dunha ocasión tense comentado no sector a posibilidade de trasladar o Mercado de Amio a Silleda. Está sobre a mesa esa opción? -Esa posibilidade está sobre a mesa desde 2011. Aí hai dúas opcións: ter dous días de mercado (martes e mércores) ou concentralo todo nun Supermartes, onde todo o sistema sexa a través de poxa; iso significaría deixar atrás o modelo tradicional que se está utilizando hoxe en Santiago, que ten máis do dobre de animais que Silleda. Hai que ter presente que grazas a que existe o mercado de Silleda pódense delimitar prezos, ao facerse públicos, e téntase maximizar o prezo dos animais.
"Implantar un supermartes implicaría deixar o modelo tradicional de venda que se segue hoxe en Santiago. Nós nestos momentos non temos capacidade para un supermartes, pero si cunha ampliación na que investísemos arredor de 400.000 euros"
Se os vendedores valorasen ese diñeiro que se pode lograr cun sistema público de poxas como o de Silleda, levaría a que tamén fose crecendo en volume de animais da Central en detrimento doutros mercados. Ten que haber un convencemento por parte de compradores e vendedores para poder sumar todo nun só martes e un único sistema de compra venda de animais. -Está Silleda preparada para afrontar este Supermartes? -Significaría facer ampliacións no noso recinto. Nós neste momento non somos capaces de absorber Amio nun Supermartes. Si poderiamos facelo tendo dous días de mercado (martes e mércores), pero isto só suporía un cambio de localización, non de modelo. Creo que todos estamos máis por un Supermartes, para o que sería preciso acometer ampliacións na nave 3 e 4, creando novos peiraos para facilitar a carga e descarga. Estariamos a falar dun investimento duns 400.000 euros, que supera as capacidades do Mercado. -Que vantaxes podería ofrecer ese Supermartes? -As vantaxes son que o vendedor maximiza o prezo do animal, os compradores poxan en termos de igualdade, a diferenza do que ocorre no sistema tradicional. A oferta ampliaríase moito ao sumar os dous mercados e ampliaríase a posibilidade de conseguir lotes unitarios. Concentraríanse máis os transportes. Os animais sufrirían menos, xa que estarían un só día no mercado e logo xa irían ao destino final, posto que agora hai animais que pasan por Silleda e logo van a Santiago. Desde o punto de vista económico, faríanse visibles os prezos e sería moito máis transparente. -A nivel nacional, que papel ocupa a Central Agropecuaria de Galicia? -A Central é un dos mercados puxantes a nivel nacional, aínda que hai outros con moito maior número de animais. Ao ser a única poxa informatizada de España e ser tan transparentes cos prezos sempre ofrecemos un compoñente de luz á hora de fixar prezos e iso permitiunos ser o termómetro do sector en España. Os nosos compañeiros honráronnos situando a sede nacional da Asociación de Mercados de Gando en Silleda e o secretario xeral, de forma permanente, tamén é un dos traballadores da Fundación Semana Verde, Julio Pérez. A Central é un dos mercados puxantes a nivel nacional, aínda que hai outros con moito maior número de animais.
"En 2021, sen o tirón do turismo, comprobamos que hai mercados estranxeiros que están a absorber cantidades de animais que antes se consumían en España"
-No seu labor na vicepresidencia da Asociación Nacional de Mercados de Gando (Asemga), en que se están centrando? Cales son as prioridades desde a Asociación? -O 2020 foi, como en moitos sectores, un ano de supervivencia, tentando que nos deixasen traballar e manter a actividade para garantir a subministración. Todos botamos de menos o turismo, xa que ten moito tirón. Por iso son aínda máis importante as transaccións que logramos en Silleda, aínda vendo que o turismo non estaba no seu mellor momento. Isto demóstranos tamén que hai mercados estranxeiros que están a absorber cantidades de animais que antes se consumían en España. Abordamos esta situación para ver como nos afectou e ver como seguir avanzando e estreitando lazos entre os distintos mercados. -Desde o ano pasado ocupa tamén a vicepresidencia da Asociación Europea de Mercados de Gando. Cales son as tendencias do mercado europeo? -Hai unha forte aposta pola informatización dos mercados desde hai anos. Un exemplo diso é o mercado de Kilkenny, en Irlanda, que está 10 anos por diante de Silleda en temas de informatización. Cuestións que estamos a comezar a introducir e valorar aquí, xa levan anos utilizándoas neste mercado, traballando con softwares potentes que facilitan a actividade do mercado. -Coñeceu de primeira man o funcionamento deste mercado na súa recente visita. Algunha mellora que baralle incorporar á Central neste sentido? -A intención é reducir esa distancia e ir conseguindo unha maior informatización de Central. No mercado de Kilkenny un pode asistir á poxa desde a súa propia casa, vendo como o animal entra no ring e é pesado. A propia aplicación facilítache todos os datos do animal, mentres que o comprador pode ver en todo momento e desde distintos ángulos ao animal. A partir de aí comeza unha poxa na que podes participar desde o teu teléfono. Isto facilita aos compradores que poidan asistir a varios mercados nunha soa xornada e desde a súa casa. Paréceme que podemos traballar nesa dirección.

"Estamos a conseguir que Galiforest sexa unha cita ineludible no sector da maquinaria forestal"

-Á marxe da Central, a Fundación Semana Verde é o motor dalgunhas das feiras agrogandeiras e forestais máis importantes. Neste 2022 está previsto que se retome Galiforest. Como se presenta esta edición, despois de ser aprazada polo Covid-19? -É un evento que se fai ao aire libre, no Centro de Experimentación Agraria de Sergude, polo que esperamos que a evolución da pandemia nos permita celebrala nas datas previstas, do 23 ao 25 de xuño, xusto tres semanas despois da Semana Verde. -Como foi a evolución desta cita nos últimos anos? -Ilusiónanos moito esta cita, xa que é a feira profesional máis importante da que facemos agora mesmo desde a Fundación Semana Verde, en canto a extensión e importancia dentro do sector. Algunha edición desta chegou a ter máis metros cadrados que a Semana Verde. Na última edición tiveramos 6.000 visitantes e queremos seguir incrementando este número de asistentes e de empresas participantes. Estamos a conseguir ser unha cita ineludible no sector da maquinaria forestal e recibindo un gran apoio do sector para seguir a nosa expansión. -Haberá que esperar a 2023 para a feira de Gandagro. Están a traballar xa en novidades para esa cita? -Do mesmo xeito que Galiforest, estamos a desexar facela. Temos xa o programa perfilado ao 75%. Só necesitamos que se achegue a data para darlle forma. É unha feira moi solvente e con tradición. -Tamén a Semana Verde, a icona do recinto feiral, conta cunha sección dedicada ao agro, pero foi a menos... -Foi unha feira que comezou tendo 4 sectores: alimentación, gandaría, maquinaria agrícola e maquinaria forestal. Realmente perdeu 3 deles ao realizar as feiras específicas, e podiamos pensar que se resentiría por estes cambios, pero a verdade é que non foi así. Ao incluír tanto o turismo, moi vinculado á alimentación, así como a caza, a pesca e a natureza, moi relacionados co sector agropecuario e forestal, conseguimos que se manteña o seu atractivo e se incrementase. As propias características da feira propiciaron que se manteña maquinaria agrícola e gandaría coas exposicións de razas autóctonas, co que se logrou pasar de pouco máis de 10.000 metros cadrados a 19.000 no 2019. En 2021 tivemos un retroceso pola pandemia, pero que esperamos recuperar neste 2022 en gran medida apoiándonos nos sectores agropecuarios que son fundamentais para a cita.
"Buscamos facer eventos útiles para os sectores, de forma que sexa un punto de encontro para a compra e a venda"
-Un dos obxectivos do seu nomeamento, hai xa 8 anos, era conseguir que o recinto feiral de Silleda fose viable. Logrouno? -Participaron moitos actores para conseguilo. A min tocoume ser o director, e unha porcentaxe é a miña responsabilidade, pero hai moita xente que estivo traballando duro para que o recinto feiral poida ser o que é hoxe. Había moitos problemas legais e de actividade e traballouse moi duro. En dous anos conseguimos poder pensar só nas actividades que podiamos organizar e xa non en que tivésemos que pechar o recinto. Buscamos facer eventos útiles para os sectores, de forma que sexa un punto de encontro para a compra e a venda, que teñan ferramentas para iso e abríndonos a novos sectores, de feito incrementamos notablemente o número de feiras que se facían. -A nivel organizativo, cal é a estrutura actual da Fundación Semana Verde? E a súa relación coa Xunta? -Dependemos directamente da Vicepresidencia primeira, xa que Alfonso Rueda é o presidente da Fundación Semana Verde, da que eu son director. Aínda así temos moita vinculación con boa parte das Consellerías polo tipo de eventos que organizamos. O padroado está integrado por 13 membros: 7 deles son da Xunta, dous da Deputación de Pontevedra, outros 2 da Asociación Feiral, así como o Concello de Silleda, Abanca e como patrón patrocinador, con dereito a voz pero sen voto, está R. -Nos últimos anos, o recinto feiral de Silleda incorporou tamén o Museo do Campo e a Mecanización. Que relación teñen con el? Preséntanse novidades para este 2022? -Legalmente cedémoslles o edificio no que se empraza e compartimos o uso do auditorio. Estamos encantados de que haxa un museo destas características e tan necesario. Na última reunión do Padroado abordouse prestar a colaboración ao Museo no seu impulso da actividade, xa que se toparon de cheo coa pandemia nada máis abrir as súas portas.

Galiforest aprázase a xuño de 2022

A sexta edición do monográfico forestal Galiforest Abanca será finalmente do 23 ao 25 de xuño de 2022. Así o decidiu o seu Comité Organizador nunha reunión celebrada por videoconferencia na que participaron representantes dunha vintena de empresas e entidades do sector forestal, que estiveron acompañados por José Ignacio Lema Piñeiro, director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) e Ramón Lamelo Otero, xefe da área de promoción da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). O certame fora aprazado en 2020 debido á crise xerada pola Covid-19 e estaba previsto celebralo do 8 ao 10 de xullo deste ano. Porén, o seu Comité Organizador avaliou distintos aspectos que o levaron a trasladala cita a 2022. Así, moitas empresas do sector consideran que a día de hoxe segue existindo incerteza respecto á situación sanitaria derivada da Covid-19. Esta opinión compartida supón que numerosas firmas teñan decidido restrinxir ou descartar a asistencia este ano a calquera tipo de evento, o que podería afectar á exposición do certame tanto dende o punto de vista cualitativo como cuantitativo. Así mesmo, distintos fabricantes están a ter dificultades en canto á subministración de materias primas, o que complicaría ou imposibilitaría a fabricación de determinada maquinaria para presentar na feira.

Garantir a alta participación

Por todo iso, Galiforest Abanca atrásase e volve situarse nas súas datas naturais, que foron desde os seus inicios en anos pares e entre os meses de xuño e xullo. Dende a organización buscan con esta decisión garantir a excelente progresión da feira forestal, que na súa última edición, a maior e máis internacional ata o momento, contou coa participación de 254 firmas expositoras, un 40% máis que na anterior convocatoria, e con 76 expositores directos, un 33% máis. Entre estes últimos triplicouse o número de empresas estranxeiras, o que permitiu que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo lle concedera á feira o selo de internacionalidade a efectos aduaneiros. En total os expositores ocuparon 11.875 metros cadrados netos, un 24% máis, e foron visitados por 5.600 profesionais do sector. Galiforest Abanca converteuse nun referente para empresas, institucións e profesionais do mundo forestal e o seu Comité Organizador pretende é que a cita non se vexa condicionada por aspectos derivados da Covid-19.

A feira Galiforest Abanca será do 8 ao 10 de xullo de 2021

O comité organizador de Galiforest Abanca, o cal se reuniu esta mañá a través de videoconferencia, decidiu que a sexta edición deste monográfico forestal se celebre do 8 ao 10 de xullo 2021. Será de novo no monte do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (en Boqueixón, preto de Santiago de Compostela). O certame, previsto inicialmente entre o 25 e o 27 do pasado mes de xuño, pospúxose debido á alerta sanitaria xerada polo covid-19, con intención de ser celebrado en setembro ou outubro. Sen embargo, a incerteza que segue existindo sobre a situación derivada do coronavirus, levou ao comité organizador a tomar esta decisión. Con este novo aprazamento o obxectivo é que o monográfico garanta o seu alto nivel de resultados tanto no plano expositivo como de público, o cal supuxo unha magnífica progresión que na súa última edición se traduciu na participación de 254 firmas expositoras, un 40% máis que na anterior convocatoria, das cales 76 eran expositores directos, un 33% máis. Entre estes últimos triplicouse o número de empresas estranxeiras, o que permitiu que o Ministerio de Industria, Comercio y Turismo lle concedera á feira o selo de internacionalidade a efectos aduaneiros. En total os expositores ocuparon 11.875 metros cadrados netos, un 24% máis, e foron visitados por 5.600 profesionais do sector. "Estas cifras conlevan unha gran satisfacción por parte de expositores e visitantes que ten convertido a Galiforest Abanca nun espazo de referencia para o sector forestal, unha condición que a organización quere seguir mantendo. E para iso é necesario asegurarse de que o certame non se verá prexudicado de ningún xeito por posibles aspectos derivados da crise sanitaria de covid-19", aseguran dende o comité organizador.

Este ano non haberá Semana Verde e a feira Galiforest trasládase a outono

Unha edición anterior da Semana Verde

O coronavirus está a trastornar os plans, a actividade e o programa de actos previsto para este ano no recinto feiral de Silleda. A Feira Internacional de Galicia ABANCA decidiu non celebrar este ano a 43 edición da Semana Verde, prevista para principios do mes de xuño, e aprazar a outono a sexta edición do seu monográfico forestal Galiforest, prevista entre o 25 e o 27 de xuño deste ano, debido á alerta sanitaria xerada polo Covid-19.

A Feira Internacional Semana Verde de Galicia é un dos eventos centrais do calendario anual da Feira de Silleda, que reúne a máis de 100.000 visitantes e inclúe eventos como Salimat ou os concursos morfolóxicos de razas autóctonas. A data prevista para a edición deste ano era do 4 ao 7 de xuño pero a organización decidiu non celebrala e trasladar a 2021, concretamente entre o 3 e o 6 de xuño, a próxima edición.

“Esta decisión está motivada pola situación de alerta sanitaria xerada polo coronavirus, que supón que non sexa convinte a súa celebración este ano por responsabilidade social e económica con todos os axentes que participan no certame, pero que servirá para centrar todos os esforzos en facer unha gran edición en 2021, un ano moi importante por ser Xacobeo e cumprirse o 25 aniversario do recinto, e tamén para continuar co importante crecemento das últimas edicións”, indican desde a Fundación Semana Verde.

Preténdese que a edición de 2021, que coincide co 25 aniversario do recinto feiral, sexa un gran evento dentro do Xacobeo

A análise da situación realizada polos organizadores, á que se sumou a opinión da inmensa maioría de expositores confirmados, determinaron que o máis adecuado é non celebrar a feira en 2020 e preparar esta gran edición de 2021. “A celebración da Semana Verde en xuño non é pertinente pola incerteza sobre a evolución a curto prazo da pandemia, pero levala a cabo noutras datas tampouco sería idóneo. Sendo unha feira cunha importante porcentaxe de expositores e actividade situados no exterior, non debería celebrarse máis tarde das primeiras semanas de outubro para minimizar o posible impacto negativo do clima. Pero moitas empresas non confían en que a evolución da pandemia poida facer que a sociedade recupere nesas datas a normalidade necesaria para celebrar un evento que contou con 128.000 visitantes en 2019, sendo previsible que os asistentes sexan nese momento remisos a acudir a un certame con este volume de visitantes”, indican.

A situación económica actual afectaría á presenza de moitos expositores e o medo a posibles contaxios limitaría a asistencia de numeroso público este ano

Así, moitos expositores consideran que a súa participación veríase comprometida e non tomarían en todo caso a decisión de participar ata o último momento, coas consecuencias que iso tería a nivel organizativo e económico para a feira. Asimesmo, moitos dos expositores trasladaron á Fundación a súa inquietude pola súa situación futura a curto e medio prazo, debido ás diferentes medidas derivadas do Estado de Alarma e as consecuencias que estas lles están ocasionando a nivel económico e laboral. Unha situación pola que indican que non poden garantir a súa presenza na feira se se celebrase neste exercicio e que, de facelo, minimizarían considerablemente o seu investimento.

Saturación de eventos no último cuadrimestre do ano

Ademais, esta feira conta cunhas datas moi específicas nun calendario cada vez máis concorrido, o cal tamén é un dos segredos do seu éxito. Neste sentido, o seu traslado a unhas datas que non son as súas supoñería entrar en competencia con grandes feiras de alimentación, turismo e caza que ou ben se trasladaron xa ao último cuadrimestre do ano ou que xa ocupaban estas datas.

Isto traería consigo unha perda adicional de expositores que teñen comprometida a súa participación noutro certame nesas datas ou que non poden asumir estar presentes en varios certames en tan pouca marxe de tempo por aspectos económicos, loxísticos ou organizativos. A Fundación Semana Verde de Galicia seguirá traballando con todo para que todos os eventos previstos en 2020 se celebren no último cuadrimestre do ano, agás a feira Abanca Semana Verde.

Galiforest trasládase ao outono

Unha das demostracións dunha edición anterior de Galiforest

A análise da situación realizada pola entidade feiral e a opinión dunha ampla representación dos expositores confirmados nesta cita determinaron así mesmo a decisión de pospoñer a feira Galiforest. A incerteza de cal será a situación desta alerta sanitaria no mes de xuño é un motivo esencial neste aprazamento, ao que se suma a situación que están a vivir nestes momentos as empresas en canto a adaptarse ás medidas económicas e empresariais derivadas desta crise e tamén á dificultade tanto para transportar agora doutros países maquinaria que se expoñería na feira como para a asistencia por parte de profesionais internacionais.

As empresas e entidades confirmadas manifestaron de forma xeneralizada que manterán a súa participación nas novas datas do certame, as cales se decidirán proximamente xunto co comité organizador do mesmo. Estas probablemente serán entre os meses de setembro e outubro, ao realizarse no monte e, por tanto, en exterior. Na súa pasada edición Galiforest reuniu a máis de 5.000 persoas.

No aire cando retomará a actividade o mercado semanal de gando

A primeira consecuencia do avance da pandemia sanitaria foi o aprazamento da feira Enerxétika 2020, que debería celebrarse do 26 ao 28 de marzo, un certame de enerxías renovables que na súa última edición xuntou a máis de 6.000 persoas. A Feira Internacional de Silleda fixará novas datas co seu comité organizador tan pronto a situación relativa a esta crise sanitaria se normalice. Os expositores xa confirmados para esta terceira edición trasladaron tamén de forma xeneralizada á organización a intención de manter a súa participación nas novas datas.

A seguinte damnificada como consecuencia da suspensión de actividades e actos públicos tanto pola declaración de alerta sanitaria por parte da Xunta como do decreto de estado de alarma do Goberno central foi a feira de gando semanal que se celebra nas instalacións de Silleda, que non se celebra desde o 10 marzo, cando tivo lugar o último mercado. Non se poderá celebrar mentres non se levante o estado de alarma, vixente polo de agora ata o 26 de abril, pero o momento definitivo para retomar a actividade dos mercados atópase no aire e a data do 26 de abril podería verse comprometida en función da evolución da situación sanitaria.

Máis de 5.600 persoas visitaron a feira forestal Galiforest Abanca

A quinta edición do monográfico Galiforest Abanca, a cal se celebrou do 28 ao 30 de xuño no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), contou con 5.618 visitantes vinculados co sector forestal procedentes de distintos puntos de España e tamén doutros países, especialmente Portugal. Unha notable afluencia, semellante á da pasada convocatoria (cando foran 5.800 persoas) a pesar das intensas choivas do sábado, unha xornada na que tradicionalmente se rexistra unha importante porcentaxe da asistencia ao certame. En canto a resultados cualitativos, dende a organización destacan a “satisfacción xeralizada dos expositores, moitos dos cales expresaron á organización a intención de contratar máis espazo na vindeira convocatoria”. O certame contou con 254 firmas expositoras (un 40% máis que na pasada edición, celebrada en 2016) das cales 76 foron expositores directos (un 33% máis). Ocuparon unha superficie neta de 11.875 metros cadrados, superando nun 24% a da última cita, mentres que a bruta foi de 35.200 metros cadrados. En canto aos expositores directos, 9 foron internacionais de Portugal, Italia, Suecia e Austria, o triplo que na pasada edición. Respecto ás firmas, foron de 21 países, tres máis. A feira contou así cunha gran área expositiva na que se mostraron máquinas, equipos, recambios e pezas cun valor superior aos 23 millóns de euros. A isto sumáronse os produtos e servizos de empresas de reparación electrónica, pasta de papel e fertilizantes, ademais de viveiros forestais, asociacións, institucións ou prensa técnica. Así, Galiforest Abanca 2018, organizada pola Feira Internacional de Galicia ABANCA co apoio da Xunta de Galicia conveuse na maior edición celebrada ata o momento tanto en superficie expositiva como en número de empresas e firmas presentes. Un crecemento que se uniu a un completo programa de actividades. Demostracións e xornadas O certame contou cun amplo programa no que destacaron as máis de 150 demostracións de maquinaria realizadas, moitas das cales se caracterizaron pola súa espectacularidade. Foron desenvolvidas, entre outras máquinas expostas, por procesadoras autocargadores, grúas, raxadoras, aserradoiros portátiles, astilladoras de biomasa, peladoras de troncos, trituradoras, cabestrantes para motoserras, sistemas de embalaxe para leña, destoconadoras, cabezais forestais para triturado ou desbrozadoras. Así mesmo, leváronse a cabo de manexo de motoserras e tamén de uso e configuración de parámetros de determinadas máquinas a través de simulador portátil. O sábado, ademais, tiveron lugar varios simulacros de extinción de incendios con helicóptero realizados pola brigada antiincendios con base en Toén (Ourense). Ademais destas demostracións, o certame acolleu outras de carácter máis lúdico que tamén incluíron competicións como as do coñecido como deporte da madeira, as cales foron realizadas por competidores oficiais que desenvolveron todas as súas modalidades, que son corte de tronco en vertical, horizontal, con velocidade, con serra de man, corte en altura e con prototipo. Sumáronse a elas exhibicións de figurismo (elaboración de esculturas en madeira con motoserra) e tamén actividades nas que os visitantes puideron probar motoserras cos debidos equipamentos de seguridade. O certame acolleu tamén xornadas técnicas, que abordaron entre outros temas, certificación forestal, construción con madeira certificada en Galicia, historia e presente da fabricación de maquinaria forestal e primeira transformación en Galicia, seguridade en manexo con motoserra e desbrozadora, a presentación dos proxectos Biomasa-AP e Valornature nos que participa a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) ou a nova tramitación electrónica de aproveitamentos madeireiros e leñosos por parte da Consellería do Medio Rural. Concurso de Innovación Galiforest Abanca 2018, no seu obxectivo de contribuír ao fomento do I+D+i no sector, celebrou o seu Concurso de Innovación Tecnolóxica, ao cal concorreron 11 proxectos. Nesta edición o primeiro premio foi para a procesadora Komatsu 901 XC de 8 rodas con sistema Maxifleet e 3PS, presentada pola empresa Hitraf (Vila de Cruces, Pontevedra), mentres que as mencións foron para un camión astillador Heizohack HM 14-860 KL, que concorreu de man de Motogarden (Oroso, A Coruña) e unha procesadora forestal híbrida Logset 12H GTE Hybrid, presentada por Forest Pioneer (Irún, Guipúzcoa).

Unha procesadora forestal máis adaptable ao terreo, premio de Innovación en Galiforest

A procesadora forestal Komatsu 901 XC, comercializada pola empresa Hitraf (Vila de Cruces), vén de facerse co primeiro premio do certame de Innovación da feira Galiforest, que se celebra ata o sábado en Sergude (Boqueixón). O xurado destacou a capacidade da procesadora para adaptarse a terreos irregulares de xeito estable, o que a fai propicia para o monte galego. A máquina galardonada conta cunha articulación central ríxida e un eixo traseiro oscilante sobre o que se montan as rodas. Esa configuración, xunto cos cilindros de inclinación da cabina, confírenlle á procesadora Komatsu unha maior estabilidade e eficacia na súa adaptación ás irregularidades do terreo. Camión astillador No certame de innovación de Galiforest tamén se concederon dúas mencións, sendo unha delas para o camión astillador Heizohack HM 14-860 KL, presentado por Motogarden (Oroso, A Coruña). Este vehículo une nunha mesma máquina o transporte, alimentación e o astillado, sendo a súa principal diferencia con respecto á oferta existente no mercado o incremento substancial do diámetro de corte e a produción, xa que permite trocear todos os residuos de madeira, como listóns, vigas, leña, podas ou troncos cun diámetro de ata 80 centímetros. Procesadora híbrida A outra mención concedeuse á procesadora forestal híbrida Logset 12H GTE Hybrid, presentada por Forest Pioneer (Irún, Guipúzcoa). Esta máquina incorpora tecnoloxía híbrida, xa implantada noutros sectores pero de nova incorporación no sector da maquinaria forestal. Consta dun motor eléctrico de 210CV que, combinado cun motor de 300CV de combustión interna, proporciona unha gran potencia de 510CV, reducindo ao mesmo tempo as emisións de C02 entre un 15 e un 30%. Os premios foron entregados esta tarde pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, durante o percorrido de inauguración da feira. Ademais das máquinas galardoadas, concorreron ao certame dous cabezais taladores, un centro de produción de leña para queima, unha raxadora horizontal progresiva, un sistema de embalaxe de leña, unha trituradora híbrida e dous tipos de pneumáticos forestais. As innovacións participantes foron examinadas esta mañá por un xurado conformado por sete expertos pertencentes a outras tantas institucións e entidades. Foron Raúl Rodríguez, técnico da Axencia Galega de Innovación (GAIN); Ana Oróns, secretaria xeral da Federación Empresarial de Aserradores e Rematantes de Madeiras de Galicia (FEARMAGA); Alejandro Arias, membro da xunta directiva da Asociación de Empresas de Servizos Forestais de Galicia (SERFOGA); Enrique Martínez, director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán; Patricia González, xerente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia; Pablo Vila director do Departamento de Enxeñería Agroforestal da Escola Politécnica Superior de Lugo (Universidade de Santiago de Compostela) e Juan J. Isorna, xefe de explotación do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude.

Galiforest superará a superficie expositora da anterior edición

A máis dun mes para a celebración de Galiforest, o certame forestal organizado pola Feira Internacional de Galicia, os expositores xa teñen contratada unha superficie que supera nun 28% á da pasada edición. O evento desenvolverase entre o 30 de xuño e o 2 de xullo no monte e nas instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón). A progresión do certame, de carácter bianual, é continua en número de expositores e superficie ocupada. Dos pouco máis de 4.000 metros de exposición do 2012 pasouse ós 5.600 do 2014 e a estas alturas, cando aínda quedan acordos por pechar, hai xa 7.200 metros contratados, o que dá unha idea do interese do certame para o sector. Foro A Feira Internacional de Galicia (Semana Verde), organizadora de Galiforest, conta tamén con superar os máis de 5.000 visitantes do anterior certame. A parte expositora de Galiforest, orientada a maquinaria e servizos de explotación forestal e biomasa, completarase cun foro monográfico de debate, cuxo programa está ultimando a comisión organizadora, integrada pola propia Feira, Xunta, empresas e colectivos sectoriais.