Archives

Leite Río relanza en toda España a súa marca Río de Galicia con novos formatos e unha imaxe renovada

María Luisa é un paradigma de Actitude Río, abrindo camiño ás mulleres nun terreo inexplorado

María Luisa Cabañero aprobou en 1986 unha oposición para formar parte do parque de bombeiros de Almadén, en Ciudad Real. Tiña entón 20 anos e era a primeira muller en logralo. Aquel fito no ámbito da igualdade de xénero en España foi recuperado por Leite Río na súa nova campaña promocional con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

“É unha pioneira, abrindo camiño nun terreo no que ningunha muller o fixera antes”, destaca a empresa galega dirixida por Carmen Lence. A propia María Luisa conta a súa historia en primeira persoa nun vídeo publicado na páxina de facebook de Leite Río.

Ademais da súa faceta profesional como bombeira, María Luisa, de 54 anos, atesoura numerosos premios de natación a nivel internacional, foi tamén a primeira persoa en cruzar o Estreito de Xibraltar a nado ida e volta (52 quilómetros) en 1990 e, anos máis tarde, bateu o récord do mundo e entrou no Libro Giness tras estar 24 horas seguidas nadando nunha piscina percorrendo nese tempo un total de 82.575 metros.

Nai de catro fillos, María Luisa ía adestrar tras deixar aos seus cativos deitados, do mesmo xeito que moitas mulleres seguen a día de hoxe tendo que compatibilizar as súas responsabilidades familiares e laborais. Esta pioneira sufriu tamén a invisibilidade por parte da sociedade pois a súa fazaña de cruzar o estreito a nado pasou desapercibida, todo o contrario a cando, tempo despois, fixo o mesmo o nadador David Meca.

Nos autobuses municipais de Madrid

Baixo o lema Rompe os moldes, María Luisa protagoniza esta campaña publicitaria de Leite Río coa súa imaxe como bombeira presente nos autobuses da Empresa Municipal de Transportes de Madrid. Con ela, a primeira empresa láctea galega por volume de recollida e transformación quere levar a Actitude Río a toda España.

Espírito de superación e esforzo son os valores que Leite Río quixo transmitir, os mesmos que atesoura a empresa galega nos seus case 50 anos de historia

Leite Río segue impulsando deste xeito as súas principais marcas na súa aposta por unha maior valorización dos seus produtos no mercado. Se o ano pasado xa relanzara a imaxe de Leyma cun novo envase e varias campañas promocionais, como a protagonizada pola gandeira Lorena Cives e o recolledor de leite Miguel Vázquez, agora tócalle a quenda ao outro emblema da compañía, a marca Río.

Novo deseño en homenaxe ao fundador da empresa

A nova imaxe, aínda que renovada, mantense fiel ao espírito orixinario da compañía fundada polo empresario Jesús Lence en 1975. Loita, espírito de superación, esforzo e coraxe son os valores que Leite Río quixo plasmar na súa nova campaña, os mesmos que atesoura a empresa nas súas case 50 anos de historia, pero innovando na presentación do produto.

Ao verse ao bordo da quebra o meu pai, Jesús Lence, aceptou tres camións para transportar leite como pago por parte dun cliente. Así naceu Leite Río

A imaxe renovada de Río achega un novo deseño que inclúe un texto asinado pola propia Carmen Lence na que explica a orixe da empresa fundada polo seu pai: “Ao verse ao bordo da quebra o meu pai, Jesús Lence, aceptou tres camións para transportar leite como pago por parte dun cliente. Así naceu Leite Río”. E facendo un símil coa imaxe corporativa orixinal de Río, que se mantén no novo packaging, a actual responsable da empresa avanza o novo espírito que está a tratar de imprimir á compañía: “Aínda que ás veces cáeche ese cántaro cheo de esperanzas, cada amencer é unha nova oportunidade”, di.

Leite 100% galego

A marca matriz da empresa lucense, reforza tamén a súa orixe ao engadir o apelido “de Galicia” a Río. Desta forma, a compañía dirixida por Carmen Lence, que colleu o relevo na empresa familiar hai dous anos trala morte do seu pai, quere evidenciar que o leite que comercializan é 100% galego. “Chamámonos Río de Galicia porque o noso leite é exclusivamente galego”, destacan.

De feito, as marcas de produtos lácteos Río de Galicia e Leyma Natura están amparadas polo selo Galega 100%, outorgado polo Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal) e forman parte de Galicia Calidade desde outubro de 2020. Galicia Calidade é unha entidade oficial dependente da Xunta de Galicia que certifica ás empresas máis representativas do sector alimentario galego e o seu selo é garantía da máis alta calidade dos produtos e da súa orixe e produción 100% en Galicia.

Desde outubro do ano pasado tanto Río como Leyma contan co selo Galicia Calidade

Leite Río recolle na actualidade a produción de 450 ganderías, a maior parte granxas familiares das provincias de Lugo e A Coruña. “Tamén nós somos unha empresa familiar cun compromiso claro e decidido cos gandeiros galegos e a economía rural”, asegura a compañía, que conta na actualidade con catro plantas de envasado e un volume de recollida duns 800.000 litros diarios.

Ganderías con certificado de benestar animal

A totalidade das granxas que entregan a súa produción de leite tanto a Leyma como a Río contan co certificado de benestar animal tras superar unha aditoría que analiza un total de 12 criterios específicos en ámbitos como a alimentación, as instalacións e o manexo do gando.

O coidado da contorna é algo que persigen non só as ganderías produtoras do leite senón tamén a propia empresa nas súas plantas de envasado, incorporando novos envases totalmente reciclables, para cuxa fabricación se utilizan fontes sostibles como a cana de azucre ou fibras de madeira procedentes de bosques con certificado FSC.

O novo envase en brick de Río ten nun 89% orixe vexetal e as botellas eliminan o aluminio para que sexan totalmente reciclables

A empresa destaca ademais, dentro da súa responsabilidade social corporativa, que os seus produtos manteñen “prezos xustos” tanto cos gandeiros como cos consumidores, asegurando que tanto Río como Leyma ofrecen “a mellor relación calidade-prezo do mercado”.

Novos formatos e produtos

Ademais dos formatos en brick de 1 litro e botella de litro e medio, Río conta cun formato en brick de medio litro, pensado para familias pequenas, nas que o leite mantén todo o seu frescor. Neste mesmo formato comercialízase tamén a nata, o principal produto derivado da empresa lucense nestes momentos, aínda que a intención da compañía é seguir avanzando en novos produtos de maior valor engadido, como leites enriquecidos ou con compoñentes específicos para deportistas ou grupos de idade avanzada.

A intención da compañía lucense é seguir avanzando en produtos de maior valor engadido

Por iso, ás tradicionais gamas de leite enteiro, semidesnatado e desnatado, únense tamén o leite sen lactosa e o que inclúe un alto contido en calcio natural. Leite Río conta tamén con formatos específicos para hostalería, tanto en nata como en leite. En numerosos bares os seus cafés distínguense precisamente pola cremosidade e escuma que achega o leite das marcas Río e Leyma, que dentro da súa gama Natura conta tamén con leite fresco pasteurizado.

Casa Gallardo, unha gandería premiada pola calidade hixiénico-sanitaria do seu leite

Esther, Antonio e Yoel, o seu sobriño, que esta tempada estivo botándolles unha man na explotación A historia de Casa Gallardo, en Vilarmao (Guntín), é a historia de moitas outras explotacións familiares galegas, que fixeron un importante esforzo nos últimos anos por ir adaptando as súas instalacións e mellorando o manexo do gando até acadaren niveis de excelencia na calidade do seu leite, algo que non está condicionado polo tamaño da gandeiría.  En Casa Gallardo teñen neste momento 100 cabezas totais, a metade delas en produción. As limitacións de espazo no establo obrígaos a sacar o máximo partido a cada animal e con 35 hectáreas de superficie agraria adicadas a pradeira foron adaptando a súa ración, a base de herba e bagazo de cervexa, para lograr litros sen perder calidades.  Outro dos cambios que introduciron nesta explotación, que xestionan Antonio Sufuentes e a súa muller Esther Vázquez sen contratación de axuda externa, foi a substitución do carbonato por serrín nas camas, un material que lles está a dar bos resultados, como demostran as analíticas, con niveis inferiores a 100.000 células somáticas e por baixo das 10.000 unidades formadoras de colonias en bacterioloxía.  Estas cifras servíronlle a esta gandería familiar de Guntín para lograr o pasado mes de novembro o Premio Exceleite, outorgado pola Xunta en base ás análises realizadas polo Ligal. "Para nós foi unha sorpresa, non sabiamos nin que había ese premio. De feito, o día que nos comunicaron que estabamos seleccionados mandáronme da Consellería unha mensaxe ao móbil, pero tiña aquí o saneamento e nin caso lle fixen", lembra Antonio, que lle resta importancia ao galardón en si pero ao mesmo tempo admite: "gústache que che recoñezan o traballo, nós sempre procuramos facer as cousas ben, así que motiva para seguir e non deixa de ser unha honra nese sentido". Da carne ao leite En Casa Gallardo sempre houbera vacas, pero a explotación estaba enfocada fundamentalmente á produción de carne con animais de raza rubia galega. "Meus pais tiñan vacas rubias, eu traballei fóra moitos anos e cando nos casamos decidimos coller a explotación e cambiar as vacas rubias por vacas pintas. Na produción de leite empezamos case de cero, porque non tiñamos cota e tivemos que mercar. O último ano de vixencia do sistema de cotas aínda invertimos un bo capital, pois compraramos 90.000 de cota ese ano, xusto antes de que desapareceran. O problema do campo é que sempre estivemos autoenganándonos, porque nós xa vendiamos algo de leite das rubias pero cando foi de establecer as cotas non se comunicara e despois á hora da verdade, esa produción de leite non figuraba", lembra Antonio.
O problema do campo é que sempre estivemos autoenganándonos
El incorporouse no 1999 e naquel momento tomou a decisión de aproveitar as instalacións coas que xa contaba, pero iso obrigouno a ter que realizar continuas reformas no establo nestes trinta anos. "Empezamos cos animais trabados e sen sala, cunha muxidora de cántaro. Quixeramos aproveitar o establo das vacas rubias, que tiña capacidade para 15 animais. Deixamos o centro para o pasillo de alimentación e ampliamos para o lado. Tiramos as paredes exteriores e metimos os cubículos. Os tellados son os que había, pero o resto reformámolo todo e fixémolo todo nós, con man de obra da casa", resume Antonio. "Foi unha mágoa non ter empezado de novo nunha finca aí abaixo", lamenta hoxe Esther. O seu home está dacordo pero xustifica que "daquela estabas moi limitado pola cota". "Dicían que era para manter os prezos, pero eu non estou dacordo, porque cando estabamos no réxime de cotas tamén tiveramos anos de prezos baixos. Agora tamén os hai, pero polo menos podes producir", di.  Traballar máis cómodo Desde novembro botan serrín nas camas pero non dispoñen de limpeza automática Aquela decisión de aproveitar o que xa había segue condicionando a día de hoxe o funcionamento da gandeiría e a comodidade á hora de traballar nela. Ademais dos problemas de espazo, que lles impiden aumentar o número de animais, non contan por exemplo con limpeza automática, que é a próxima reforma que teñen en mente. "Adaptar un establo coma este para arrobadeiras é difícil. Xa lle levo dado moitas voltas a como facelo pero non é doado. Primeiro, para facer as obras xa tes que botar as vacas fóra e xa perdes produción porque as vacas non queren cambios", razoa.
Relevo non hai e para nós chéganos. Non temos previsto ampliar, simplemente modernizar un par de cousas e nada máis
En Vilarmao foron pouco a pouco pechando todas as explotacións de leite que había e Casa Gallardo non conta tampouco a priori con relevo. "Temos dúas fillas pero están xa traballando, buscaron outra alternativa, así que relevo non hai e para nós chéganos. Non temos previsto ampliar, simplemente modernizar un par de cousas para traballar máis cómodo e nada máis", indica Antonio. Recoñece, con todo, que "cando chegue ese momento de pechar seguro que me vai doer".  35 hectáreas de superficie A explotación conta cunha superficie agraria dunhas 35 hectáreas, a metade delas en arrendo, situadas nun radio duns 3 quilómetros. "Nesta zona quedamos nós sós. No que é este pobo xa levamos nós todas as fincas practicamente e hai xente das parroquias do lado que deixaron as vacas e que che pide que lles leves as fincas pero non damos feito ao ser dous sós e se metes un empregado xa tes que ampliar e logo ademais que non é doado atopar", explican.  Esta tempada de confinamento pasouna con eles o seu sobriño e afillado Yoel, que lles botou unha man en toda a campaña do ensilado. "Aquí traballo sempre hai, porque o traballo agrario facémolo tamén todo nós. Aquí non notamos o confinamento niso, e cadrando en plena campaña menos. Pero aínda así eu non o cambio, porque ter que estar metido dous meses nun piso sen saír ten que ser fastidiado", opina Antonio.  Maquinaria propia para non depender de empresas externas No último ano mercaron un tractor e unha cisterna Casa Gallardo é tamén autosuficiente en canto á maquinaria. Ten catro tractores, o último mercado esta mesma primavera, un CASE IH 135, "e nas campañas non folga ningún, fan falta todos", din. Contan ademais con carro mesturador (enganchado ao tractor vello da casa), todos os aperos necesarios para segar, xuntar e enrolar a herba e unha cisterna para botar o purín mercada tamén este ano e que ven xa adaptada para poder incorporar inxectores cando a normativa obrigue a usalos no canto dos sistemas de prato habituais.  Pero sen dúbida, a máquina que máis traballa na gandería é unha telescópica pequena, a primeira vendida en España deste modelo, que en 5 anos acumula xa máis de 5.000 horas. "Facémoslle 1.000 horas por ano, xa ten as rodas lisas, traballa día e noite, anda seguido, usámola para limpar o establo, para gradar as camas, para sacar o esterco, para botar no carro todos os elementos da ración", enumera Esther.  Ensilan toda a herba en rolos Nesta explotación pararon de cultivar millo hai uns 5 anos porque "para botar para o xabarín é mellor non sementar", afirma Antonio. Iso obrigounos a recompoñer a ración incrementando en 2 quilos máis a fariña de millo, que pasou de 5 a 7 quilos. "Non notei nada na calidade do leite nin na saúde das vacas, no meu corpo si, e nos tractores tamén", argumenta, porque "na época de sementar o millo andabas tolo para ensilar a herba e preparar as terras e despois estabas en tensión constante porque había que pechar as fincas e vixiar o peche a diario para que non che entraran, así que hoxe penso que os xabaríns até me fixeron un favor, porque vivo máis despreocupado", ri.    
Para botar para o xabarín é moito mellor non sementar millo
Protexen os rolos cunha rede para evitar que os furen os paxaros ou outros animais Desde fai dous anos ensilan toda a herba en rolos, un sistema ao que lle ven vantaxes. "Para nós é máis cómodo, ensilamos nós sen depender de ninguén e a calidade é mellor porque colles as fincas según van vindo, e tamén é mellor a conservación porque estás abrindo un silo novo todos os días", argumenta Esther. Fan uns 1.200 rolos ao ano entre herba seca e silo e, ademais de buscar o momento óptimo de recollida para lograr unha calidade óptima, procuran manter as forraxes en bo estado até o momento de consumilas. A herba seca téñena nunha palleira que fixeron nova co sistema de invernadoiro e ao silo bótanlle unha malla por enriba para protexelo de posibles picaduras.  
Ao non ter silo de millo tes que coidar moito o silo de herba
Hai tres anos que mercaron unha rotoempacadora que é tamén picadora, para poder empregar o silo dos rolos no carro. Usan dous rolos cada día e mesturan ensilaxes de calidades distintas para que non haxa cambios ao longo do ano e a ración sexa o máis homoxénea posible. "O bo dos rolos é que podes mesturar dous silos, podes coller un rolo da primeira corta de herba deste ano, que é forraxe máis tenra e máis húmida, e un das últimas cortas do ano pasado, que é herba máis seca e máis fibrosa, deste xeito logras unha mestura homoxénea todo o ano. De feito, nós levamos dous anos sen meter seco no carro, nin herba seca nin palla", explica Antonio.
O bo dos rolos é que che permite mesturar distintas calidades de ensilaxe para que a ración sexa homoxénea todo o ano
"Ao non ter silo de millo tes que coidar moito a calidade do silo de herba e cos rolos abres silo novo todos os días, nos de trincheira empezas hoxe un silo e está moi bo durante un mes, pero despois polas beiras xa empeza a perderse. Antes faciamos unha pila de abono dos desperdicios que tiñas, agora nada", asegura.    

Bagazo de cervexa na ración desde fai máis de 20 anos

Sen o silo de millo na ración, o silo de herba é o protagonista da alimentación do gando nesta explotación xunto co bagazo de cervexa. Hai xa máis de 20 anos que o empregan. Tráeno de Portugal, da Super Bock e Antonio aínda lembra a aventura que foi conseguilo. "Hai máis de 20 anos que o usamos, aínda non existía o euro. Comezamos traendo o bagazo de cebada da Mahou de Madrid, porque Estrella Galicia daquela tiña pouca produción e só tiña un cupo para os gandeiros da zona. Coa Mahou pasaba un pouco igual, no verán tiñas o bagazo que quixeras porque facían máis cervexa, pero no inverno non cho servían porque o acababan repartíndoo na zona máis próxima, así que un día marchamos tres daquí á aventura a Oporto en busca da fábrica da Super Bock. Preguntando por alí demos con ela pero non nos querían vender, até que lles dixemos que pagabamos a mercancía diñeiro en man. Fomos os primeiros aos que serviron en España", recorda Antonio. A día de hoxe terían posibilidade de conseguir o bagazo de cervexa máis perto, pero en Casa Gallardo consideran que a calidade non é comparable. "De prezo sáenos un pouco máis caro, pero a calidade é superior, non merma nada porque ven máis seco e ten máis proteína", din.
Co bagazo de cebada fas unha ración super barata pero se tiras moito do bagazo hai leite pero non hai graxa, que cae moito
O problema do bagazo de cebada, igual que o de outros subproductos industriais como a pulpa de remolacha, é que "é bastante inestable no verán". "Hai que ter moito coidado con sellalo e tapalo ben e á hora de facer os cortes", asegura Antonio. Nesta explotación traen unha bañeira con 27.000 quilos de bagazo de cebada e ensílano en trincheira. Dúralles un mes. "Co bagazo de cebada fas unha ración super barata pero se tiras moito do bagazo hai leite pero non hai graxa, cae moito", explica Antonio. "Nós durante moito tempo estivemos só con silo de herba, 20 quilos de bagazo de cervexa e fariña de millo pero non subiamos do 3,40 de graxa. Cando as industrias comezaron a esixir calidade baixamos ao bagazo e foi cando introducimos a pulpa e a colza. A pulpa introducina con idea de subir á graxa e o que me sube é a proteína, téñoo moi comprobado", conta.  Non empregan concentrado A ración a día de hoxe téñena estabilizada en 30 quilos de silo de herba, 7 quilos de bagazo de cebada, 7 quilos de fariña de millo, 3 quilos de colza e un quilo e medio de pulpa de remolacha seca granulada. "Non gastamos penso, traballamos todo con materias primas, que mercamos a distintos proveedores", explican. 
Non gastamos penso, traballamos todo con materias primas
Ademais do bagazo da Super Bock, empregan millo e colza que lles sirve Almacenes Chaos Montero de Sarria e pulpa de remolacha da cooperativa Aira. O feito de non consumir todos os insumos de Aira penalizábaos na entrega do leite, polo que desde fai ano e medio cambiáronse a Reny Picot, con quen xa traballaran había moitos anos.  "Dabamoslle o leite a Reny Picot fai moito tempo. Despois sempre entregamos á cooperativa, primeiro a Planmiño e logo a Agris (xurdida no 2004 da fusión de Fricoaga de Friol, Leitulla de Palas de Rei e Planmiño de Lugo e agora integrada en Aira). En Agris estabamos moi contentos, eramos todos unha familia, unha piña, e podías opinar. Agora seguimos sendo socios de Aira pero xa non entregamos o leite á cooperativa porque non nos parece de recibo que nos penalicen no prezo do leite por non mercar o penso a Aira", argumenta Antonio.   Recría de sobra e secado curto A recría e as vacas secas dispoñen dun patio con comedeiros A produción de Casa Gallardo neste momento é de 3.400 litros cada dous días, cun 3,72% de graxa e un 3,28% de proteína, o que supón unha media diaria de 34,5 litros por vaca. Moxen dúas veces ao día, ás 8 da mañá e da noite, e non barallan a instalación dun robot de muxido polo importante investimento que supón.  Ao dispor dun espazo limitado no establo non teñen capacidade para incrementar o número de cabezas e a súa estratexia baséase en sacar o máximo partido ás vacas que muxen en cada momento. "Temos que aproveitar as lactacións, polo que facemos un secado curto de 45 días, porque non temos sitio para máis vacas no establo", explica Antonio. "As secas témolas fóra só co que comen nos comedeiros", conta.   
Temos que aproveitar as lactacións, polo que facemos un secado curto de 45 días, porque non temos sitio para máis vacas no establo
Tamén nas xovencas o proceso de recría se completa fóra. Unha vez destetadas as becerras abandonan os boxes e pasan a unha corte onde están estradas, pero a partir dos sete meses saen a un patio a carón da explotación no que contan con comedeiros para herba seca e silo de herba, que teñen a discreción. "A maiores diso metémolas á noite e fágolles unha ración para elas no carro con bagazo, herba seca e fariña de millo para complementar a herba que comen nos comedeiros", indica. 
Sempre temos xatas de sobra e por iso non aguantamos moito as vacas
Contan con recría de sobra para as necesidades da explotación e iso permítelles maior liberdade á hora de facer os descartes. "Poñemos cruce a algo menos da metade das vacas e o resto recriamos todo cando sae femia. Non usamos seme sexado, só puxemos unha tempada, durante 8 meses, porque ese ano cadrada que nos saíran moitos xatos e decidimos poñer sexado para asegurar recría dabondo. Pero non me convenceu, penso que as xovencas de sexado son máis débiles, ou polo menos aquí aguantáronnos menos tempo no establo que as outras", argumenta.
Até o terceiro parto as vacas non acostuman dar problemas, despois moitas veces xa as tes que aguantar a base de máis gasto
A lonxevidade nesta gandería é de entre 3 e 4 partos de media, aínda que moitas veces teñen que facer sitio no establo para as xovencas próximas ao parto, o que os obriga a mandan vacas ao matadoiro que poderían seguir dando leite. "Sempre temos xatas de sobra e por iso non aguantamos moito as vacas. Até o terceiro parto as vacas non acostuman dar problemas, pero despois moitas veces xa as aguantas a base de máis gasto", xustifica.  Seme canadense e de Fontao Con todo, Antonio opina que "a produción estar está nas vacas máis que nas primeirizas, iso nótase ben no tanque, aínda que coa xenética estase mellorando moito na produción de leite das xovencas ao primeiro parto", di. "Eu cada vez selecciono máis e busco durabilidade porque antes aínda sacabas algún carto dos descartes, nós mandamos a través dun tratante para Frigoríficos Bandeira, pero agora a raíz do coronavirus o prezo baixou moito e as vacas gordas páganas ao prezo das delgadas", lamenta. 
Antes aínda sacabas algún carto dos descartes, pero a raíz do coronavirus o prezo baixou moito e as vacas gordas páganas ao prezo das delgadas
Casa Gallardo leva "moitos anos, desde que nos pasamos ás vacas de leite" mercando seme canadense e traballa co programa de acoplamento Optimate de Semex, que lle permite chegar até a 7ª xeración. "Meto algún touro de Fontao tamén, pero a maior parte do que poñemos é seme canadense", conta.  Introdución de serrín nas camas O último dos cambios no manexo que fixeron Antonio e Esther foi a substitución do carbonato por serrín na cama das vacas en produción. "Levabamos moito tempo usando carbonato, que é un material moi bo pero que apelmaza moito. Cambiamos a serrín en novembro pasado e estamos moi contentos. Ao principio botábanos para atrás o cambio por medo a ter máis problemas de mamite e empezamos a probalo na recría e nas parideiras e a mesturalo con carbonato nas camas das vacas en produción por medo, pero agora xa empregamos serrín só e vainos ben", explica Esther.  Os poucos problemas de mamite que tiñan nesta gandería resolvéronos cun pequeno cambio no sistema de muxido na sala. "Usabamos as pezoneiras orixinais da casa pero dábannos problemas e cada vez que as renovabamos saltaban casos de mamite. Pero desde que nos pasamos ás pezoneiras triangulares acabáronse os problemas de mamite que tiñamos de vez en cando", conta Antonio.

“Galega 100%”, o selo lácteo consolidado no mercado

Galega 100% nútrese do leite producido nas ganderías incorporadas ao Rexistro galego de explotacións de calidade diferenciada. Este selo saía ao mercado o 7 de febreiro de 2011 como a única identificación que avala o leite galego de calidade diferenciada. Deste xeito, Galega 100% ofrece un produto da máxima calidade, suxeito aos controis dos servizos veterinarios oficiais da Xunta de Galicia, e garantido pola certificación de calidade do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL). A posta en marcha desta marca respondeu á aposta da Xunta pola valorización do leite galego, unha vella demanda do sector. En menos dun ano, Galega 100% consolidouse como a referencia indiscutible do leite de calidade producido e envasado en Galicia. Arrancou con catro marcas comerciais (Leyma, Feiraco, Larsa e Deleite) ao que se foron sumando moitas outras, que se poden consultar neste enlace.

Sector estratéxico

O lácteo ten a condición de sector estratéxico para Galicia. Na nosa Comunidade prodúcese case o 40% do leite de España e localízase máis da metade do total nacional de explotacións lácteas. Así, Galicia é unha das primeiras rexións europeas produtoras de leite. O pulo deste sector ponse de manifesto tamén porque os máis de 7.000 gandeiros galegos facturan anualmente uns 800 millóns de euros e a produción de leite no 2019 chegou preto dos 2,8 millóns de toneladas, consolidando a Galicia como líder indiscutible no ámbito nacional. Deste xeito, o selo Galega 100% ofrece hoxe un produto da máxima calidade, que permite ao consumidor unha identificación fácil e sinxela, o que contribúe a poñer en valor este produto nos mercados. O consumidor que escolla un produto no que aparece este distintivo, ten a seguridade de estar consumindo un produto de Galicia, e dunha calidade excepcional. Para afianzar este selo de calidade entre os consumidores, vense desenvolvendo unha intensa actividade de promoción. O pasado ano, Galega 100% estivo presente en diversos eventos relacionados coa gastronomía ou co deporte, caso do Forum Gastronómico da Coruña, a feira Xantar de Ourense ou Expordes. Así mesmo, fíxose promoción do seu consumo nas carreiras pedestres de Santiago, Porto do Son e Frades e en varios partidos de baloncesto na cidade das Burgas. Como parte desta actividade, repartíronse máis de 60.000 unidades de briks de leite amparado coa marca de calidade Galega 100%, xunto con folletos nos que se facilita ao consumidor información sobre como identificar este leite nos diferentes puntos de venta e coñecer as garantías e o significado da marca

Galicia Calidade

O selo de Galicia Calidade englobará, identificará e potenciará os produtos galegos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida ou que cumpran requisitos de excelencia en produción ou transformación. Galicia Calidade amparará tamén os produtos derivados das razas gandeiras autóctonas galegas, dándolle así un valor engadido a estas producións, así como o selo Galega 100%, que recoñece e distingue o leite de calidade diferenciada producido nas explotacións leiteiras da nosa comunidade e o selo pescadeRías. O obxectivo para este ano 2020 é dar a coñecer este novo impulso, mediante un plan de acción estratéxico dirixido a prescriptores nacionais e internacionais, cun calendario que se estrutura en tres chanzos -galego, nacional e internacional-. Esta planificación culminará co “I Congreso Internacional de Galicia Calidade”, que permitirá aos expertos coñecer empresas galegas representativas do rural e afondar no concepto da Dieta Atlántica, que será a punta de lanza para transmitir e poñer en valor o carácter saudable da produción galega. Ademais, cómpre resaltar que Galicia Calidade vai ser, ademais, unha aposta transversal que se enmarca na Galicia Verde, a Galicia Innovadora (formación e investigación), a Galicia Moza e a Galicia Familiar.

Galicia Calidade identificará os produtos baixo selos vinculados co territorio e a excelencia

A marca Galicia Calidade reforzará a competitividade do sector agroalimentario identificando e potenciando os produtos galegos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida ou que cumpran requisitos de excelencia en produción ou transformación. Tamén amparará tanto ós produtos derivados das razas gandeiras autóctonas como o selo Galega 100%, que distingue o leite de calidade diferenciada producido nas ganderías galegas. Ademais, incluirase o selo relativo á pesca de ría. O obxectivo, tal e como indicou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, é dar un maior valor engadido a estes produtos, para o que botarán man dunha estratexia e un financiamento específico.

Plan de acción

No referido ó financiamento, o titular da Xunta resaltou que este pivotará sobre a promoción, o posicionamento e a axuda a todos os produtores e transformadores da produción agroalimentaria galega. Mentres que a estratexia, centrarase en optimizar recursos para unificar a acción de todos os actores implicados e para levar a marca Galicia Calidade ao primeiro nivel mundial. O plan de acción de Galicia Calidade estruturarase en 5 apartados: formación, investigación, promoción, internacionalización e a experiencia. “Galicia ten que identificarse non coa cantidade, senón coa calidade dos produtos que transforma e produce”, indicou Feijóo. O titular da Xunta insistiu na importancia de que os sectores agroalimentarios creran neste selo único, ó tempo que felicitou á Consellería de Medio Rural polo seu labor nesta dirección con iniciativas como converter o pazo de Quián nun escaparate dos produtos do rural galego.

Galega 100%: O selo de garantía do leite de Galicia

Que é “Galega 100%”?

Galega 100% é o único selo que distingue aos produtos lácteos galegos de calidade superior; un selo que garante a trazabilidade do leite dende a gandería ata a casa.

Este distintivo de calidade e de orixe, impulsado pola Xunta de Galicia no ano 2011, garante que o leite procede unicamente de granxas galegas incluídas no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada. A día de hoxe son máis de 4.500 as ganderías galegas que cumpren estes requisitos de calidade excepcionais e superiores ao que esixe a normativa europea, xa de por si a lexislación máis esixente a nivel internacional.

A posta en marcha desta marca respondeu á aposta da Xunta pola valorización do leite galego, unha vella demanda do sector.

En menos dun ano, Galega 100% consolidouse como a referencia indiscutible do leite de calidade producido e envasado en Galicia. Arrancou con catro marcas comerciais (Leyma, Feiraco, Larsa e Deleite) ao que se foron sumando moitas outras, que se poden consultar no seguinte enlace.

Así, ademais da calidade hixiénico-sanitaria, outras esixencias para que o leite dunha gandería poda formar parte do selo “Galega 100%” son:

-Estar en posesión da carta verde e, polo tanto, non poderá ser obxecto de retirada de cualificación por tuberculose (TR) ou brucelose (BR).

-Dispor dun historial de cumprimento acreditado dos parámetros de calidade no leite.

-Non ter sido obxecto de sanción por incumprimentos en materia de condicionalidade, sanidade e benestar animal e seguridade alimentaria durante os últimos seis meses, contados desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza.

Só poderán usar “Galega 100%” os operadores ou industrias lácteas autorizados polo Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL) , única entidade certificadora da marca.

A produción de leite, un sector clave para a economía do rural galego

O lácteo ten a condición de sector estratéxico para Galicia. Na nosa Comunidade prodúcese case o 40% do leite de España e localízase máis da metade do total nacional de explotacións lácteas. Así, Galicia é unha das primeiras rexións europeas produtoras de leite, ocupando actualmente o oitavo posto dentro da UE. O pulo deste sector ponse de manifesto tamén porque os máis de 7.000 gandeiros galegos facturan anualmente uns 800 millóns de euros e a produción de leite no 2018 chegou aos 2,8 millóns de toneladas, consolidando a Galicia como líder indiscutible no ámbito nacional.

Deste xeito, o selo Galega 100% ofrece hoxe un produto da máxima calidade, que permite ao consumidor unha identificación fácil e sinxela, o que contribúe a poñer en valor este produto nos mercados. O consumidor que escolla un produto no que aparece este distintivo, ten a seguridade de estar consumindo un produto de Galicia e dunha calidade excepcional.

Para afianzar este selo de calidade entre os consumidores, Medio Rural vén desenvolvendo unha intensa actividade de promoción. Só no que vai de ano, Galega 100% estivo presente en sete eventos diferentes relacionados coa gastronomía ou co deporte, caso do Fórum Gastronómico da Coruña, a feira Xantar de Ourense ou Expordes 2019. Así mesmo, fíxose promoción do seu consumo na carreira pedestre de Frades ou en varios partidos de baloncesto na cidade das Burgas.

Como parte desta actividade, dende o mes de xaneiro pasado repartíronse unhas 30.000 unidades de briks de leite amparado coa marca de calidade Galega 100%, xunto con folletos nos que se facilita ao consumidor información sobre como identificar este leite nos diferentes puntos de venta e coñecer as garantías e o significado da marca.

Día Mundial do Leite

O pasado sábado 1 de xuño Galicia sumábase á celebración do Día Mundial do Leite, instituído pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) e que se conmemorou por primeira vez no ano 2001. O obxectivo desta iniciativa é incentivar o consumo de leite e de produtos lácteos entre a poboación, tendo en conta os seus indubidables beneficios para a saúde.

Ademais, existe unha web (http://www.galega100x100.gal/) na que se pode consultar todo o relacionado con este selo como os requisitos para ser Galega 100% ou os produtos certificados como tal.

A Xunta defende ante o Ministerio que se obrigue á industria a indicar a orixe do leite

A Consellería do Medio Rural trasladaralle ao Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente (Mapama) un informe do Consello Galego da Competencia que xustifica a necesidade de seguir adiante coa tramitación do real decreto que regula a obriga por parte da industria de identificar a orixe do leite. Outros países do noso entorno, como Francia, Portugal ou Italia xa o fixeron. Sen embargo, esta semana a Comisión Nacional de Competencia, órgano dependente do Ministerio de Economía, emitiu un informe desfavorable ao decreto sobre a identificación da orixe do leite, alegando que poida ter un “efecto proteccionista da industria nacional”, (…) “constituíndo unha restricción á libre circulación de mercancías (entre países)”. A postura de Competencia enfada ó sector gandeiro, que lle pediu ao Ministerio que faga oídos xordos ó informe de Competencia e aprobe a norma, como xa fixo co decreto que obrigou ás industrias a informar ao Ministerio de Agricultura do prezo de venda do seu leite ás cadeas de supermercados. Medio Rural: “O informe de Competencia non é vinculante e a identificación da orixe do leite é un dos compromisos do Acordo Lácteo” Na mesma liña sitúase tamén a Consellería de Medio Rural que “reafirma o seu compromiso coa regulación da identificación da orixe do leite, porque representa un apoio fundamental para os gandeiros galegos e supón tamén unha defensa do dereito dos consumidores a dispoñer de información veraz sobre os produtos que adquiren no mercado”. Medio Rural non comparte o criterio desta Comisión ao respecto e lembra ademais que “o seu ditame non é vinculante”, polo que considera que “existen razóns dabondo para que o Mapama continúe avanzando na mesma dirección, empezando polo establecido, tamén, no Acordo lácteo asinado polos axentes do sector en setembro de 2015”. Neste documento as industrias e a distribución comprometíanse a “promover a identificación da orixe do leite e os produtos lácteos, co fin de mellorar a información que se facilita ao consumidor mediante a inclusión, por parte das empresas, de forma claramente visible, destes datos en folletos de promoción, publicidade, carteis, así como nos propios lineais”. Así, o Goberno galego insiste en que “a medida regulada polo real decreto está plenamente xustificada, pois dar información veraz ao consumidor sobre a orixe dun produto, como o leite e os seus derivados, favorece a propia competencia”. Galega 100% Neste mesmo eido da identificación da orixe, a Xunta recorda tamén que Galicia xa conta cunha ferramenta moi importante, como é a marca “Galega 100%”, que ademais de asegurar a orixe galega do leite garante tamén a súa calidade superior e a súa rastrexabilidade.

Galega 100%: a marca que garante o mellor leite de Galicia

Que é "Galega 100%"?

Galega 100% é o único selo que distingue aos produtos lácteos galegos de calidade superior; un selo que garante a trazabilidade do leite dende a gandería ata a casa. Este distintivo de calidade e de orixe, creado pola Xunta de Galicia no ano 2010, garante que o leite procede unicamente de granxas galegas incluídas no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada. A día de hoxe son máis de 4.500 as ganderías galegas que cumpren estes requisitos de calidade excepcionais e superiores ao que esixe a normativa europea, xa de por si a lexislación máis esixente a nivel internacional. Así, ademais da calidade hixiénico-sanitaria, outras esixencias para que o leite dunha gandería poda formar parte do selo “Galega 100%” son: 1) Estar en posesión da carta verde e, polo tanto, non poderá ser obxecto de retirada de cualificación por tuberculose (TR) ou brucelose (BR). 2) Dispor dun historial de cumprimento acreditado dos parámetros de calidade no leite. 3) Non ter sido obxecto de sanción por incumprimentos en materia de condicionalidade, sanidade e benestar animal e seguridade alimentaria durante os últimos seis meses, contados desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza. Só poderán usar “Galega 100%” os operadores ou industrias lácteas autorizados polo Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), única entidade certificadora da marca.

Un leite procedente dunha cabana gandeira líder en España en garantías sanitarias

Unha das mellores garantías da calidade do leite “Galega 100%” é o alto status sanitario da cabana gandeira galega, tanto a nivel nacional como internacional. Así, o pasado mes de outubro Galicia foi declarada oficialmente como rexión indemne de Brucelose bovina, unha catalogación lograda despois de anos de traballo e de estritas medidas de control. O mesmo sucede coa perineumonía contaxiosa e coa leucose bovina, das que Galicia foi declarada como zona libre. Pero a alta cualificación sanitaria das ganderías galegas non se detén aí e o sector márcase novos retos. Así, a Consellería do Medio Rural vén de solicitar á Unión Europea a declaración de Pontevedra como provincia oficialmente indemne de tuberculose bovina, tras seis anos sen practicamente casos confirmados. E a intención da Xunta é que o resto das provincias galegas se sumen pronto a esta certificación. De feito, hoxe en día, e tras os esforzos de gandeiros e veterinarios durante 25 anos, a comunidade ten o índice máis baixo de España en tuberculose bovina, só o 0,08%. Se a tendencia decrecente prosegue, Galicia podería declararse territorio libre de tuberculose antes do 2020.
A cabana gandeira galega é a máis saneada de España
A estratexia da Consellería do Medio Rural de implicar a todo o sector para mellorar a cualificación sanitaria da cabana gandeira galega, vai acompañada de estímulos ás ganderías que o están a facer mellor. Así, dende hai dous anos o departamento que dirixe Ángeles Vázquez convoca os premios Exceleite, que distinguen ás ganderías de vacún de leite con mellores resultados hixiénico-sanitarios do leite, a partir das analíticas realizadas polo Ligal. Ademais, a estratexia de promoción de “Galega 100%” acompáñase de actos informativos e reparto de produtos lácteos certificados con este selo nos principais eventos deportivos de Galicia, como partidos de baloncesto, de fútbol, en carreiras populares ou mediante o patrocinio do Campionato Galego de Voleibol.

A produción de leite, un sector clave para a economía do rural galego

Galicia ten unha clara vocación como produtora de leite, xa que é a primeira produtora de España, co 55% das ganderías e o 40% da produción, e a novena rexión produtora de toda a Unión Europea. O sector lácteo galego é estratéxico para a economía galega: representa un 2% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia, similar ao sector pesqueiro ou ao conxunto da cadea da madeira, e é o alicerce da economía en numerosos concellos, principalmente nas provincias da Coruña e Lugo. Galega 100% patrocina actos deportivos para promocionar o consumo de leite amparado por este selo de orixe e calidade

Axudas e compromiso do Goberno galego con este sector

A importancia do sector lácteo para a economía do rural galego reflíctese tamén nas axudas que ten recibido e na súa atracción para a mocidade que se incorpora ao agro. Así, das 466 axudas de incorporación aprobadas pola Consellería do Medio Rural no ano 2017 para toda Galicia, o 32% foron no sector lácteo, seguido polo vacún de carne, co 26% das axudas concedidas. E no caso de axudas a pequenas explotacións, o lácteo foi de lonxe o sector máis beneficiado, co 71% dos expedientes aprobados. Ademais, o sector lácteo recibiu boa parte dos 2.600 millóns de euros que a Política Agraria Común (PAC) inxectou no agro galego nos últimos dez anos. Só para a presente campaña, prevese que reparta en Galicia uns 190 millóns de euros entre 33.000 beneficiarios, boa parte deles ganderías de vacún de leite.

A Xunta celebra o Día Internacional do Leite

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, participou esta mañá no CEIP O Grupo de Ribeira na xornada de celebración do Día Internacional do Leite, coa intención de promover o consumo deste alimento básico entre os máis pequenos. Acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, a conselleira trasladoulle aos nenos e nenas a importancia de comer san e variado todos os días, co obxectivo de contar cunha dieta equilibrada e incluír no menú un produto tan importante como é o leite. Para incidir así no consumo de lácteos, Ángeles Vázquez repartiu varios cartóns de leite “Galega 100%”, co obxecto de poñer en valor este produto entre os máis pequenos. Durante este xornada, os máis pequenos tamén puideron escoitar os consellos do investigador Carlos Spuch Calvar e as súas explicacións sobre as bondades do consumo de leite. Para amenizar a mañá, o mago Dani Polo realizou diversos trucos de maxia co produto estrela do día, deixando abraiados aos máis cativos. Día Internacional do Leite O Día Internacional do Leite celébrase o 1 de xuño desde fai 15 anos, así o estableceu a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) co propósito de incentivar o consumo de produtos lácteos en todo o mundo. O obxectivo principal é ensinar á poboación mundial os beneficios que este alimento aporta ao ser humano. Para elo, realízanse diversas actividades, entre as que se atopan o reparto de racións de leite entre os cidadáns, charlas divulgativas e excursións a fábricas de leite para coñecer o proceso de transformación e envasado.

Consumidor informado, consumidor concienciado

De onde veñen os produtos lácteos que se venden no supermercado? Ata o de agora, o consumidor non o tiña fácil para discernir a orixe do leite e dos queixos que mercaba. Os envases recollen o punto de envasado, que non sempre se corresponde co de orixe da materia prima, pois hai leite envasado en España que vén de fóra e tamén queixos producidos ou loncheados en España con leite ou queixos a granel importados. Outras veces cómpre ler a letra pequena do envase para coñecer a orixe. Este mes, sen embargo, mudará a situación. Os supermercados comprometéronse a identificar nas estanterías e nos folletos promocionais a orixe do leite, cousa que tamén farán as industrias nos seus envases. Industrias e supermercados manteñen hoxe unha xornada técnica sobre contratación no ámbito lácteo na que tamén abordarán a cuestión da orixe do leite.
Máis do 70% da publicidade sobre lácteos non inclúe ningunha mención á orixe, segundo Agricultura
A expectativa é que a partir deste mes todas as cadeas da distribución indiquen a procedencia dos produtos lácteos, tal e como pactaran en setembro no acordo asinado polo sector co Ministerio. Unha análise elaborada polo Ministerio de Agricultura sobre a publicidade das cadeas de distribución atopou no último trimestre do ano que só arredor do 20-30 % dos folletos e insercións publicitarias relacionadas cos lácteos incluían mención expresa á orixe do leite. Certificacións En canto ós envases das industrias, en España xa funcionan dúas certificacións rexionais que garanten a orixe autóctona do produto, caso de Galega 100% en Galicia e de Tierra de Sabor en Castilla y León. Agricultura aposta por reimpulsar a marca Productos Lácteos Sostenibles (PLS) para a identificación do leite producido en España, se ben desde o sector agrario avógase por unha mención explícita nos envases á orixe do leite e por traballar para que a marca PLS se enfoque a facer cumprir o obxectivo para o que foi creada, o de garantir unha cadea de valor sostible para o leite, con prezos axeitados para gandeiros e industrias.

“Imos incrementar a campaña de promoción do leite Galega 100%”

Belén do Campo leva apenas dous meses á fronte da dirección xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural. Neste período unha das súas actuacións foi continuar coa campaña de promoción do consumo de leite galego, sobre todo entre as novas xeracións, a través da campaña de “Galega 100%”. ¿En qué consiste a marca Galega 100%? A marca Galega 100% identifica ao consumidor os produtos lácteos de calidade diferenciada elaborados con leite galego e envasados en Galicia. Esa materia prima procede exclusivamente de explotacións leiteiras inscritas no Rexistro de Explotacións de Calidade Diferenciada. ¿Que garantías se lle ofrecen ao consumidor? A marca Galega 100% é propiedade e está xestionada polo Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), no que están representados tanto as industrias lácteas como os produtores. Neste sentido, o LIGAL encárgase de acreditar que o leite procede de explotacións galegas e é transformado en Galicia, a través dun proceso transversal de certificación e control que ofrece as máximas garantías. É dicir, o LIGAL mantén unha trazabilidade do leite galego dende a explotación ata a industria e a distribución. ¿Cantas industrias están adheridas ao selo de calidade Galega 100%? Neste momento Galega 100% ampara produtos lácteos elaborados por Feiraco, Clesa, Leche Río, Leche Celta, Larsa, Granxa O Cancelo e Arquega. A lista completa está na páxina web do Ligal. Temos que agradecer o compromiso tanto da industria como da distribución con Galega 100% porque é un compromiso coas nosas explotacións lácteas. Vides de rematar unha campaña de promoción do selo Galega 100% ¿Cal é a avaliación? Os resultados da campaña dos últimos meses é que o consumo vaise incrementando, aínda que non nas cifras que nos quixeramos. O noso obxectivo é que a sociedade consuma máis leite galego, e por iso a campaña de promoción de Galega 100% vai perdurar e incrementarse nos próximos meses.
“Imos incrementar campaña de promoción de Galega 100%”
Salientar tamén o esforzo de difusión desta campaña que se está a facer dende outras administracións, a parte da Xunta de Galicia, como por exemplo os concellos, con máis de 30 administracións locais de Galicia adheridas á campaña de difusión de Galega 100%. Neste sentido, lembrar que dende a Consellería do Medio Rural proporcionámoslle o deseño e o material promocional de forma gratuíta e logo son os concellos os que teñen realizar as campañas publicitarias da forma que consideren. Os concellos máis implicados son sobre todo aqueles con máis produción leiteira, pero o noso obxectivo é chegar sobre todo ás cidades e vilas galegas, xa que alí se atopan a maioría de consumidores potenciais. De aí que fagamos un esforzo importante de promoción de Galega 100% en eventos deportivos que reúnan a moito público, como os partidos Deportivo-Celta, Lugo-Valladolid, as carreiras pedestres de Ourense ou de Santiago, o partido de baloncesto entre Obradoiro e Real Madrid ou para este fin de semana os torneos infantís do Club Basket Coruña. Continuaremos esta campaña de promoción de Galega 100% en eventos deportivos, como co Club Ourense Baloncesto. Ao mesmo tempo, seguiremos coa campaña de promoción do consumo de leite Galega 100% nos centros escolares. Segue habendo marcas que se venden como Leche de Galicia, sen que exista unha garantía oficial como si ofrece Galega 100% de que o leite sexa de explotacións galegas... É verdade, porque a marca diferenciada Galicia sempre é ben acollida no mercado. Neste sentido, temos que agradecer o esforzo do departamento de Consumo da Xunta de Galicia na inspección, sobre todo na distribución, para que esas sinalizacións de marca Galega 100% estean ben postas e cumpran todos os requisitos.
 “O Departamento de Consumo da Xunta inspecciona que os produtos Galega 100% cumpran os requisitos”
A parte de leite líquido, a marca Galega 100% tamén se está a empregar en iogures. ¿Está previsto ampliala a outros derivados lácteos como os queixos? Diso se trata, porque cantos máis produtos lácteos estean amparados baixo o selo Galega 100% moito mellor. É certo que xa hai derivados como os iogures que xa se venden baixo este paraugas, pero o noso obxectivo é ampliar máis a gama de produtos amparados. ¿É compatible o selo Galega 100% co de Productos Lácteos Sostenibles (PLS)? ¿Debería avanzar máis Galega 100% para garantir non só a calidade do leite, senón tamén a sustentabilidade do prezo que se lle paga ás explotacións lácteas? Todos os avances serán positivos e penso que pode ser compatible. Co selo Galega 100% queremos sobre todo deixar claro cal é a orixe do leite e que se sexa un produto de calidade, sempre cunha rigorosa supervisión que lle ofreza ao consumidor as máximas garantías. Un dos resultados das últimas mobilizacións dos produtores lácteos galegos foi que varias cadeas de distribución se comprometeron a comercializar as súas marcas brancas ou ben baixo o selo de Galega 100% ou ben crear a súa propia marca de Leche de Galicia. ¿Como valora estes acordos? É certo que a distribución está a facer esforzos. Tiven a oportunidade de reunirme eu e a conselleira con representantes da industria, da distribución e dos produtores e o que se trasladou foi a preocupación en relación con que todos temos que poñer o máximo esforzo. Neste sentido, algunhas cadeas de distribución optaron por crear unha marca propia como Leite Galego, que a nós válenos sempre que proceda de produtores galegos e sexa transformado por industrias galegas, pero se ten a marca Galega 100% moito mellor.
 “Que a distribución cree a súa marca Leite Galego está ben, pero mellor sería amparalo baixo Galega 100%”
Dende a Consellería o que queremos é que non haxa ningún engano cara o consumidor e que cando esteamos vendendo leite galego que realmente sexa así. Así dáse resposta aos produtores que demandan que o noso leite sexa transformado e envasado en Galicia. ¿Podería ser este selo de calidade Galega 100% un primeiro paso para unha futura Denominación de Orixe do leite galego? Si que sería unha boa nova para os produtores. Pero hai que ter en conta se sería só o leite o tamén os derivados lácteos...e a nivel administrativo é un proceso longo. É unha opción que se podería estudar. ¿Algo máis que queira engadir? Esperemos que ese esforzo que están a facer os gandeiros, a industria e a administración nos leve a que ese Plan Estratéxico de Fortalecemento do Sector Lácteo Galego anunciado pola conselleira poda ser unha realidade no vindeiro ano e permita poñer en valor un produto de gran calidade como é o leite de Galicia.

Promoción do selo de leite Galega 100% no mercado de Curtis

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, fixo esta mañá promoción do leite amparado polo selo Galega 100% no mercado local de Curtis. Neste evento estivo acompañada polo alcalde desta localidade coruñesa, Javier Caínzos. Ambos repartiron minibricks de leite con este selo de calidade e folletos informativos sobre a orixe deste produto. Neste acto Belén do Campo e Javier Caínzos destacaron a importancia desta promoción como apoio ao sector lácteo galego e reivindicaron a relevancia de consumir produtos galegos, entre eles o noso leite, co obxectivo de impulsar e fomentar o sector agroalimentario de Galicia. Leite procedente de explotacións inscritas no Rexistro de Explotacións de Calidade Diferenciada A directora xeral e o alcalde informaron aos asistentes á feira de que o selo Galega 100% identifica o leite e os produtos lácteos de calidade diferenciada elaborados con materia prima galega, feitos e envasados na nosa Comunidade. Así, incidiu en que a materia prima que se emprega nestes produtos procede exclusivamente de explotacións leiteiras inscritas no Rexistro de Explotacións de Calidade Diferenciada. Con esta iniciativa promocional compleméntanse as actividades levadas a cabo por toda Galicia da man do Goberno da Xunta nas últimas semanas. Entre elas cómpre destacar as charlas divulgativas sobre a marca dirixidas a asociacións de amas de casa, consumidores e usuarios; diversas visitas a explotacións de vacún de leite e reparto de minibricks e folletos informativos en eventos deportivos e feiras agroalimentarias. A marca Galega 100% e a súa xestión é propiedade do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), organismo no que están representadas as industrias lácteas e os produtores de leite.

Os máis pequenos disfrutan do leite “Galega 100%” a través do programa “Almorz@ con beizos brancos”

Os alumnos e alumnas do terceiro curso curso de primaria do compostelán CEIP das Fontiñas participaron esta mañá nas actividades de “Almorz@ con Beizos Brancos”, un programa organizado pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) e Obra Social “la Caixa” co fin de promover unha nutrición sa entre os escolares, así como facerlles notar a riqueza dos produtos do agro galego. Alimentar e educar A activa participación dos estudantes foi unha das bases da actividade: os nenos e nenas puideron propoñer diferentes tipos de produtos para almorzar, sobre os que recibiron información nutricional e diversas alternativas saudables, animándoos a que as incorporen diariamente aos seus almorzos e os das súas familias, para que sexan o máis completos posible. A directora xeral incidiu na importancia dos almorzos, que deben supoñer unha achega enerxética e nutritiva axeitada “para comezar o día con forza e poder estar ben na escola” e repartiu cartóns de leite coa marca de calidade “Galega 100%”, co fin de enfatizar o consumo dos lácteos de orixe galega. A nutricionista María Fernández foi a encargada de conducir a charla informativa, na que se ofrecían diversos consellos para mellorar os tipos de almorzo que se poden tomar, incorporando produtos pouco empregados coma o aguacate ou a froita fresca, no canto da manteiga ou os zumes embotellados, entre outros. A modo de exemplo de almorzo completo e saudable, os estudantes probaron pan galego con aceite, mandarinas e leite con cacao e mel. Complementando a información alimentaria, un xogo educativo explicou aos participantes todos os procesos polos que pasa o leite dende que se extrae das vacas ata que chega aos seus vasos, co fin de poñer de relevancia non só o valor dos lácteos na dieta senón tamén unha mostra dos traballos e tarefas que compoñen sector agroalimentario.