Archives

Gadis e Fundación Galicia Sustentable unen forzas para impulsar o rural

Promover a prosperidade e a sustentabilidade do medio rural é o obxectivo da unión entre Supermercados Gadis e a Fundación Galicia Sustentable. A fundación impulsa o Foro Rural Sustentable e a empresa 100% galega converteuse en socio protector desta iniciativa que dá voz a persoas, emprendedores e proxectos que están a transformar o rural.

A directora de Marketing e RSC de GADISA retail, Melisa Pagliaro Fernández, e o director da Fundación Galicia Sustentable, Marcos Pérez Gulín, ratificaron o acordo na sede central da compañía. Un vínculo co que Gadis quere fortalecer a súa aposta por xerar impacto positivo na contorna a través da tripla sustentabilidade: económica, social e ambiental, unha das súas sinais de identidade.

A empresa comparte os obxectivos e a misión desta iniciativa: poñer en valor os recursos propios de Galicia para desenvolver todo o seu potencial cara a unha sociedade sostible que, no caso desta comunidade, pasa por favorecer a mellora das condicións de vida no rural.

Gadis pon como exemplo o seu propio modelo de negocio, baseado na proximidade e en priorizar a produción sostible, que xera un ecosistema formado por máis de 1.000 provedores de orixe local, cos que mantén relacións a medio e longo prazo para favorecer o seu desenvolvemento. Unha filosofía empresarial que supón un estímulo para o tecido produtivo de Galicia e para afianzar poboación na contorna rural.

Foro Rural Sustentable 2024

O Foro Rural Sustentable é un evento da Fundación Galicia Sustentable, impulsado por Gadis e Corporación Hijos de Rivera para favorecer o encontro de ideas e propostas que proveñen directamente de iniciativas que están realizando unha contribución á sustentabilidade do rural.

A 2ª edición deste foro celebrarase o 19 e 20 de abril no Espazo Vilaseco (Chantada) e contará coa participación de expertos, profesionais, investigadores e empresarios que intercambiarán experiencias e debaterán sobre as ideas encamiñadas a alcanzar o obxectivo dunha Galicia rural máis próspera e sostible. Neste sentido, poñerán en valor a importancia do sector primario nesta comunidade. A fundación trasladará as súas propostas ás diferentes administracións e a outros axentes relevantes na sociedade para esixir os cambios regulatorios necesarios.

Gadis, comprometida coas persoas

A firma deste convenio forma parte do compromiso de Gadis coas persoas, que articula a través de iniciativas de diversa índole recollidas no seu programa de Responsabilidade Social Corporativa.

Fundación Galicia Sustentable

É unha organización privada, sen ánimo de lucro constituída en 2008 para transformar Galicia nunha sociedade sostible. As liñas de traballo son a agricultura rexenerativa, a inspiración para o cambio, a prosperidade endóxena, a restauración dos ecosistemas e a tecnoloxía para a sustentabilidade.

Gadis visibiliza a importancia das mulleres rurais na economía local

Gadis volveu a organizar un foro coas mulleres rurais como protagonistas para axudar no seu empoderamento tendo en conta o relevante papel que asumen para o desenvolvemento sostible da súa contorna. Coa asistencia de máis de corenta profesionais de diversos sectores produtivos, e baixo o título “Mulleres rurais: a importancia na economía local”, levouse a cabo esta xornada na sede do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), con posibilidade de seguimento vía streaming.

O foro abrírono a directora de Marketing e RSC e a responsable de Calidade de GADISA Retail, Melisa Pagliaro, e Yolanda Álvarez, respectivamente. Articularon a súa intervención ao redor da aposta pioneira da compañía pola produción local como eixo vertebrador do tecido socioeconómico das comunidades nas que está implantada. Esta aposta tamén é un dos piares sobre os que se asenta o seu programa de Responsabilidade Social Corporativa para o desempeño económico, social e ambiental. Na práctica, estes valores que identifican á empresa supuxeron máis de 466 millóns destinados a compras a provedores de orixe local en 2022, co consecuente impacto positivo na súa contorna. Nos Supermercados Gadis incentívase a adquisición de produtos de proximidade, frescos, de tempada e ecolóxicos.

A súa visión para o emprendemento, os numerosos retos que afrontan a diario, a capacidade para proporcionar benestar a toda a comunidade a través da creación e desenvolvemento de pequenas e medianas empresas xeradoras de emprego e de afianzar poboación no rural son algunhas das fortalezas que enumeraron as responsables de GADISA Retail sobre estas profesionais, coas que a compañía mantén unha estreita colaboración comercializando os seus produtos de orixe local, na maioría dos casos, desde hai moitos anos.

O papel dos Grupos de Desenvolvemento Rural

O foro tamén serviu para poñer de manifesto a relevancia dos Grupos de Desenvolvemento Rural como elementos integradores e dinamizadores nas súas respectivas áreas de influencia. O xerente do GDR Mariñas-Betanzos, Jorge M. Blanco, e a produtora Cristina Bañobre, tamén socia da entidade, intercambiaron opinións e experiencias sobre as iniciativas que levan a cabo para mellorar a calidade de vida da poboación local a partir da valorización do territorio, o seu patrimonio natural e cultural. Unha destas accións, coa que Gadis coopera, é o proxecto Ecocomedores, que impulsan once GDR en Galicia para promover a alimentación saudable e de proximidade nos menús escolares dos centros educativos.

Mesa redonda

As tres protagonistas da nova campaña audiovisual de Gadis sobre as mulleres rurais tomaron a palabra na mesa redonda que puxo fin ao foro. Marta Novoa (Finca A Reinica), Cristina Vázquez (Verduras Chelin) e Maika Mougan (Hortamanda) narraron as súas experiencias á fronte das súas respectivas pemes. As tres agradeceron o apoio de Gadis e coincidiron en que o seu traballo permítelles xerar emprego, conciliar a vida persoal e familiar e estar en contacto coa natureza.

Tres historias de superación e esforzo diario como o mellor exemplo de que o emprendemento na contorna rural é complexo, pero a terra está a xerar novas oportunidades de negocio, sendo polo de atracción para asentar poboación a través da innovación e a competitividade. Tanto o sector agrícola como o gandeiro están a atraer, na actualidade, cada vez a máis novos profesionais que impulsan a súa modernización captando e retendo talento vinculado a actividades económicas tradicionais.

Gadis apoia o proxecto Ecocomedores para impular a alimentación saudable e de proximidade nos colexios

Fomentar a alimentación saudable desde a infancia, promover o consumo responsable e favorecer a produción sostible son retos que a cadea de Supermercados Gadis asume como parte das súas sinais de identidade. Propósitos que comparte con Ecocomedores, o programa ao que suma o seu apoio co obxectivo de enriquecer os menús dos comedores escolares con máis produtos locais, frescos, de tempada e ecolóxicos. Incentivando o consumo destes produtos cúmprese, ademais, con outro dos fins da compañía: contribuír ao emprendemento e a tecer alianzas cos produtores de proximidade, en liña co seu compromiso coa sustentabilidade desde unha perspectiva económica, social e ambiental.

Ecocomedores xa se probou con éxito en comedores de centros da área de influencia da Coruña baixo o impulso da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, que xestiona o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Mariñas – Betanzos. A experiencia foi tan positiva que agora levarase a máis dunha vintena de colexios de toda Galicia grazas á colaboración de Supermercados Gadis, da Axencia Galega de Servizos Sociais e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Consellería do Medio Rural) a través dá Medida LEADER Cooperación, con once Grupos de desenvolvemento rural das catro provincias. O primeiro obxectivo é incorporar ao maior número de centros educativos de cada comarca.

O desenvolvemento do programa, que comeza en febreiro, abórdase desde diferentes ámbitos de actuación coa intervención dun equipo multidisciplinar de profesionais. No curso actual, un equipo de nutricionistas avaliarán o contido dos menús escolares actuais para que, na súa elaboración, primen alimentos eco, de tempada e proximidade. De forma paralela, crearanse espazos para o intercambio de experiencias e de coñecemento entre os colexios e os produtores locais, aos que se axudará na promoción dos seus produtos. Esta iniciativa de cooperación terá impacto positivo na dinamización socioecónomica, contribuirá a fixar poboación en contornas rurais e a diminuír a pegada ambiental ao tratarse de roteiros de transporte máis curtas.

Desde Gadis apuntan que se unen a este proxecto porque encaixa á perfección cos principios e valores da compañía, tanto no desenvolvemento da súa actividade empresarial priorizando os produtos frescos, de orixe local e de tempada nos supermercados, como a través do seu programa de Responsabilidade Social Corporativa. Promover a dieta equilibrada, sensibilizar á sociedade da importancia de adquirir hábitos saudables desde curtas idades e apoiar á contorna familiar e escolar para lograr este importante reto social son as liñas angulares de numerosas accións que leva a cabo.

Alimentes: programa educativo de referencia

Unha destas iniciativas é Alimentes, o programa educativo de Supermercados Gadis que se converteu nunha referencia nas dúas últimas décadas. Está orientado a que nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria reciban formación práctica e teórica sobre a alimentación saudable, a actividade física, o consumo responsable e evitar o desperdicio alimentario desde a infancia. No marco deste plan, que conta cunha plataforma dixital propia, levan a cabo visitas presenciais a puntos de venda de Galicia e Castela e León.

Gadis pon en valor o papel das mulleres rurais na cadea alimentaria

Gadis celebrou o seu primeiro foro “Mulleres rurais: a importancia na cadea alimentaria” co obxectivo de mostrar a importancia deste colectivo en toda a cadea alimentaria e destacar o seu importante labor desde a experiencia e o coñecemento da contorna rural como elementos cruciais para o seu desenvolvemento socioeconómico. Este encontro tivo lugar na sede do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) con motivo da recente conmemoración do Día Internacional das Mulleres Rurais promovido pola ONU. Máis de corenta profesionais de diversos ámbitos déronse cita de forma presencial na xornada, que tamén se retransmitiu vía streaming.

A directora de Marketing e RSC de GADISA retail, Melisa Pagliaro, tomou a palabra para profundar no modelo de negocio que promove a compañía coa sustentabilidade económica, social e ambiental como peza angular enfocada a “non concibir o hoxe sen pensar no mañá”. A empresa de distribución ten como misión ofrecer de forma sostible a maior variedade de produtos de alimentación compartindo o valor xerado coa súa contorna. O compromiso cos máis de 1.000 provedores de proximidade cos que traballa de forma continua así o demostra.

A continuación, interveu a presidenta do Consello Regulador da DOP Pemento de Herbón e da Sociedade Agraria de Transformación A Pementeira, Milagros González, quen puxo de relevo o que supón, para produtores e cooperativas, estar amparados por unha entidade que certifica a orixe e a calidade dos pementos, como garantía para a súa incorporación á canle de vendas dos supermercados. Agradeceu a Gadis que teñan asegurada a comercialización das súas colleitas, un respaldo fundamental para que sigan sendo viables as súas explotacións agrícolas, que contribúen a fixar poboación na contorna rural.

Catro voces femininas protagonistas da nova campaña de Gadis de apoio ás mulleres rurais, que son provedoras locais, participaron nunha mesa redonda. Son Amaya Romano, Carmen Lista, Rocío Sequedo e Sonia Montes, emprendedoras que sacan adiante negocios con produtos da horta galega en diferentes puntos da comunidade. Un exemplo do papel activo das mulleres no desenvolvemento da economía local dos seus respectivos lugares de orixe, que é un elemento vertebrador para toda a poboación, obxectivo compartido con Supermercados Gadis.

Os numerosos retos diarios aos que se enfrontan e que superan, ademais das estratexias que poñen en marcha para lograr que os produtos que cultivan nos seus terreos e explotacións cheguen ao consumidor final, centraron o debate, no que apuntaron que é fundamental contar co apoio de empresas como Gadis.

Impacto positivo na contorna

Co desenvolvemento desta xornada, Supermercados Gadis tamén quere ser altofalante para o papel tan importante que desempeñan as mulleres do medio rural para o cumprimento dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU, cos que o programa de RSC da empresa está aliñado, sempre coa intención de xerar impacto positivo na súa contorna.

Gadis comprou en 2021 alimentos a provedores galegos por valor de 390 millóns

GADISA retail, compañía 100% galega e líder do sector da distribución na comunidade, destinou 390 millóns de euros a compras a 1.022 produtores de orixe local en 2021. Unhas cifras que demostran o seu compromiso con xerar un impacto positivo na contorna desde as súas orixes. A estratexia de sustentabilidade económica, social e ambiental que promove a empresa contribúe a fortalecer o tecido produtivo das comunidades nas que está presente, xerar emprego de calidade e promover unha alimentación saudable entre os seus clientes potenciando as seccións de produto fresco en todos os seus puntos de venda.

O compromiso a longo prazo cos produtores locais, cos que GADISA retail forxa relacións comerciais estables e de confianza, é unha garantía para o desenvolvemento destas pemes, emprendedores e cooperativas que, maioritariamente, abastecen ás seccións de peixaría, carnicería, froitería, lácteos, panadería, e chacinería, entre outras. Esta sólida alianza permítelles incorporar os seus produtos aos máis de 450 puntos de venda das diferentes liñas de negocio da compañía e, ademais, mellorar a súa capacidade de innovación en sectores produtivos claves para a economía de Galicia: pesqueiro, lácteo, agrícola e gandeiro.

Investimento en loxística e proximidade

Esta aposta pola proximidade materialízase, tamén, en dous novos proxectos de GADISA retail. Por unha banda, a construción dunha nave no porto da Coruña para a compra e xestión de peixes e mariscos, co obxectivo de potenciar as seccións de peixaría nos seus puntos de venda en beneficio dos seus clientes. O investimento supera os 4,9 millóns de euros.

E, por outra banda, a ampliación da plataforma na súa sede central de Betanzos. Desde este centro loxístico do polígono de Piadela xestiónanse produtos de alimentación, tanto a temperatura ambiente como refrixerada. A nova construción contará cunhas instalacións eficientes e sostibles, cos últimos avances tecnolóxicos, e unha superficie de 24.400 m2 repartida en dúas plantas. Permitirá aumentar a capacidade de variedade e almacenaxe e dar máis facilidades aos provedores locais na comercialización dos seus produtos que, a diario, se envían aos puntos de venda.

Co produto local como sinal de identidade, a compañía inaugurou o primeiro almacén de frescos na súa sede en xuño de 1994: Mercaverde, a “maior horta galega”, o que supuxo un antes e un despois para os provedores de proximidade, que experimentaron desde entón un crecemento exponencial. Desde aí distribúense os miles de produtos de KM0 favorecendo o consumo de proximidade e o desenvolvemento socioeconómico.

GADISA retail dispón, ademais, dunha plataforma loxística en Medina del Campo, que dá servizo aos supermercados de Castela e León.

Sistema loxístico sostible

A filosofía da compañía de priorizar a compra a provedores de proximidade refórzase cun sistema loxístico que se caracteriza pola súa eficiencia e sustentabilidade. Manexa o control de todo o proceso, desde a orixe ata a entrega diaria aos establecementos por unha frota de camións propios. Isto permite, ademais de rapidez, manter a calidade e optimizar os roteiros de carga e transporte, o que propicia unha redución continua das emisións de CO2 á atmosfera.

Atención personalizada no mostrador: creación de emprego de calidade

A atención personalizada no mostrador dos Supermercados Gadis é un valor diferencial que ten unha importante vertente socioeconómica: a creación e mantemento de emprego de calidade mediante a contratación de profesionais especializados para as seccións de produto fresco.

Esta atención personalizada xera, ademais, un menor impacto ambiental ao minimizar os envoltorios e recipientes de plástico, xa que os profesionais entregan os produtos aos clientes optimizando o uso de envases. A venda a granel evita, ademais, o desperdicio alimentario.

Estimular o consumo e incentivar a compra de produtos frescos de tempada entre os clientes contribúe, ademais, ao seguimento dunha dieta saudable e equilibrada, un dos eixos do programa de Responsabilidade Social Corporativa da compañía.

Sobre GADISA retail

GADISA retail é unha empresa 100% galega, líder do sector da distribución en Galicia. Comprometida coa súa contorna económica, social e medioambientalmente, conta con máis de 450 puntos de venda das súas diferentes liñas de negocio en Galicia, Castela e León, Madrid e Asturias: 225 Supermercados Gadis, 12 Cash Ifa e 226 establecementos franquiados (125 Claudio e 101 Claudio Express).

 

Gadis reparte 30.000 quilos de produtos entre 11 bancos de alimentos

Supermercados Gadis suma unha nova iniciativa á campaña #Gadiscolabora, que desenvolve no marco do seu programa de Responsabilidade Social Corporativa. Nesta ocasión, a compañía fixa o seu obxectivo solidario en 11 bancos de alimentos de Galicia e Castela e León e outras organizacións benéficas. En total, a doazón ascende a 30.000 quilogramos de produtos non perecedoiros.

Os bancos de alimentos solicitaron, fundamentalmente, produtos básicos de alimentación atendendo ás carencias detectadas en fogares e diversas entidades coas que colaboran. En resposta a esta demanda, Gadis priorizou a entrega de leite, galletas, cereais, conservas, aceite, legumes e arroz, o que supoñen máis de 40.000 unidades de produto.

A compañía coopera de forma habitual cos bancos de alimentos pero quixo reforzar o seu apoio nestes momentos debido á perentoria situación que atravesan os máis vulnerables. O once entidades que percibirán a axuda son as da Coruña, Ferrol e Santiago (Banco de Alimentos Rías Altas), así como as de Vigo, Ourense, Lugo, Valladolid, León, Ponferrada, Ávila, Zamora, Salamanca e Palencia.

Gadis tamén quixo colaborar coa Cociña Económica da Coruña e Ferrol, así como do Fogar do Transeúnte de Ponferrada, ademais doutras organizacións benéficas de ambas as comunidades autónomas ás que está a prestar a súa axuda.

Estas iniciativas solidarias súmanse ás que está a levar a cabo Supermercados Gadis nestes días. A máis recente, a repartición de 300.000 botellas de auga para os profesionais sanitarios en hospitais públicos e privados de Galicia e Castela e León como recoñecemento ao extraordinario labor que están a desenvolver.

#Gadiscolabora é o eixo destas accións de RSC que mostran o compromiso social da compañía, brindando o seu apoio desde diferentes ámbitos de actuación e pondo de relevancia a súa proximidade á sociedade, un dos valores fundamentais da filosofía empresarial de Gadis.

Gadis eleva a 368 millóns de euros as compras a provedores locais

Supermercados Gadis, cadea co 100% de capital galego, mantén unha alianza estable con máis de 860 provedores de km 0 de Galicia e Castela e León, na súa maioría cooperativas, pequenas e medianas empresas que fornecen á cadea de produtos de proximidade. As compras a estes produtores ascenderon a 368 millóns de euros, tal e como reflicte a memoria correspondente ao exercicio 2018 publicada pola compañía recentemente.

“Esta estratexia abórdase desde unha perspectiva integral: impulsar aos produtores locais de Galicia, de vital importancia para o desenvolvemento socioeconómico da nosa Comunidade Autónoma; o medioambiente, xa que se reducen as rutas de transporte e, por tanto, as emisións de CO2; e o fomento de hábitos de vida saudables, pondo a disposición dos clientes nos 222 puntos de venda da cadea unha ampla selección de produtos frescos e de tempada, claves no seguimento dunha dieta equilibrada e sustentable”, destacan desde Gadis.

Así, a cadea de supermercdos con sede en Betanzos mantén relación comercial con 295 provedores de alimentación envasada, 177 de panadaría, 138 do sector pesqueiro, 104 de charcutería, 56 de carnicería, 51 de froitas e verduras, 25 de conxelados e 20 de queixos e lácteos.

Campaña “Disfruta Galicia, disfruta Gadis”

Esta aposta de Supermercados Gadis redobrouse na campaña deste verán para potenciar o coñecemento da calidade e riqueza da gastronomía galega entre centos de miles de turistas nacionais e internacionais que visitan a comunidade.

Deste xeito, até o 10 de agosto, os puntos de venda Gadis de Galicia desenvolven unha campaña baixo a lema “Disfruta Galicia, disfruta Gadis”, cunha destacada selección de produtos autóctonos en promoción, como os pementos de Padrón, paleta de porco alimentado con castañas, conservas, queixos de tetilla, ameixa das Rías Baixas e viños das diferentes denominacións de orixe, entre outros.