Archives

Como afecta o uso de fitosanitarios nos viñedos á saúde dos solos?

O emprego de pesticidas é un dos temas que preocupa no campo e tamén en Europa, como poñen de manifesto as novas normativas comunitarias que procuran unha redución do seu uso de cara ó 2030. Con todo, as campañas europeas de control do uso de pesticidas amosan unha tendencia estable e controlada, con pequenas variacións pola entrada ou saída das listaxes de produtos autorizados polas Administracións ou en parte debido ás campañas publicitarias das casas comerciais. Co uso que se fai na actualidade en cultivos coma os viñedos de pesticidas para a loita contra patóxenos, cabe preguntarse que impacto está a ter o seu uso nos solos e na súa saúde. Este foi un dos obxectivos que procura un traballo no que participaron distintos centros de investigación como a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega-Agacal) e as universidades galegas como a USC (Grupo de Cromatografía e Quimiometría) e a Universidade de Uvigo (Grupo de Investigación Pranta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación), e no que avaliaron solos de viñedos do Ribeiro.
Analizaron os solos tanto na época de maior aplicación de produtos fitosanitarios coma no inverno, para coñecer se quedan residuos
En concreto, o estudo realizárono en parcelas cun manexo convencional e ecolóxico e tomaron mostras en xullo do 2022 e en febreiro deste ano. “Eliximos facelo en dúas datas para ter rexistros no pico de aplicación dos produtos fitosanitarios (xullo) e tamén mostras da época na que case non se aplican tratamentos, para ver se hai presenza deles nos solos”, detalla Isaac Rodríguez Pereiro, profesor da USC e un dos investigadores implicados. Os investigadores Isaac Rodríguez e Pilar Blanco durante a presentación dos resultados do estudo ó sector. Recolléronse mostras de solos a dúas profundidades diferentes e observáronse diferenzas entre os valores obtidos en función da profundidade e en función do tipo de manexo que se está a aplicar nas parcelas. “As propiedades relacionadas con contidos totais de diferentes elementos coma o carbono, o nitróxeno, ferro ou cobre non presentaban diferenzas entre os manexos. De feito, os niveis de cobre son altos en todos os sistemas de manexo probablemente polo recorrente uso dende hai décadas de funxicidas de base cúprica”, explica Flora Alonso Vega, profesora da Uvigo e outra das investigadoras implicadas no proxecto. Porén, ó avaliar propiedades dos máis vinculados coa fertilidade ou a calidade dos mesmos, atoparon valores máis favorables naquelas parcelas manexadas en ecolóxico en comparación coas manexadas en convencional. Así, os valores medios de pH, as concentracións de catións intercambiables coma o calcio, potasio e magnesio, ou as de micronutrientes coma o manganeso e o zinc, foron maiores nos solos manexados baixo un sistema en ecolóxico. “Estas tendencias poderían confirmarse transcorrido máis tempo de aplicación do manexo en ecolóxico”, indica a investigadora Flora Alonso.

A presenza de compostos nos solos do Ribeiro

Analizar a presenza de restos de produtos fitosanitarios nos solos supuxo un reto para os investigadores posto que algún dos principios activos presentes nas formulacións comerciais resulta difícil medilos no medio, xa que son lábiles en condicións naturais. Ademais, para analizar a presenza dalgúns deles tamén se requiren metodoloxías específicas e relativamente caras, como apuntaba Rodríguez Pereiro. A heteroxeneidade das parcelas tamén foi outro condicionante e que mesmo pode ter impacto na análise dos resultados, como sinalan os investigadores. Así é que contaban con parcelas con máis de 2 hectáreas de viñedos e outras onde apenas se chegaba ós 400 metros cadrados e nas que se adoitaba facer un manexo ecolóxico. “Nalgunhas destas parcelas de menor tamaño detectamos a presenza de compostos nos solos que non se empregaban nesas viñas, polo que nos leva a pensar a que puideran chegar alí por mor de transporte aéreo”, detalla Rodríguez.
Detectaron restos de 22 funxicidas e 2 insecticidas. En boa parte das parcelas a presenza destes compostos está en cantidades moi baixas
Nestes dous anos de investigación analizaron a presenza de 53 compostos, entre os que se atopan os máis presentes nos produtos fitosanitarios empregados nos viñedos. Deses 53 compostos atoparon restos de 26 deles nas mostras analizadas. A maioría son funxicidas (22), mentres que dous deles son insecticidas e outros 2 restantes son compostos de transformación dalgúns dos funxicidas empregados no viñedo. “Nas parcelas cun manexo ecolóxico había valores moi baixos, en torno a 10 nanogramos por gramo de terra, mentres que nalgunhas das parcelas en convencional detectáronse valores de 2.000 nanogramos por gramo”, detalla o investigador.
Na época de repouso no viñedo a presenza de restos de fitosanitarios nos solos chegou a reducirse a unha quinta parte
Nesta análise dos solos, ademais de detectar os funxicidas empregados durante as campañas de xeito directo, resulta significativa a presenza dun funxicida, o Carbendazim, cuxo uso leva anos prohibido. “Pode haber algún funxicida dos empregados na actualidade que se transforme neste principio activo”, apunta. Tamén destaca que na época de repouso do viñedo a presenza destes compostos redúcese significativamente, sobre todo nas parcelas cun manexo convencional, posto que nas de ecolóxico a súa presenza é xa mínima. Así, nas mostras tomadas en febreiro deste ano aprécianse valores totais de 500 nanogramos por gramo, cando en plena época de tratamentos pode chegar a situarse nos 2.500 nanogramos por gramo. Concentración de compostos nos solos segundo os distintos tipos de manexo. Do mesmo xeito que se reduce a cantidade de restos fitosanitarios tamén se reduce o número de compostos identificados durante os meses de inverno. “A pesar desa redución aínda hai parcelas nas que se detectan ata 11 compostos a niveis relevantes”, detalla Rodríguez. Esta redución dos compostos e da cantidade atopada débese fundamentalmente ás condicións ambientais, así coma ás propias características do composto. “Non todos os compostos teñen a mesma persistencia”, explica o investigador. Cómpre ter en conta ademais, que pese a que 2022 foi un ano seco, a partir de setembro rexistráronse precipitacións por encima dos 700 milímetros, o que pode provocar que haxa problemas de escorrentas nas capas máis superficiais dos solos analizados.

O impacto na saúde dos solos

Outro dos aspectos que analizaron nesta investigación foi o impacto que ten o uso de fitosanitarios na propia saúde dos solos e o que condicionan a presenza de microorganismos nel. Cómpre ter en conta que o papel dos microorganismos nos solos é fundamental para cuestións como a regulación do clima ou a saúde das plantas. En concreto, os microorganismos estimulan o crecemento da planta e aumentan a súa resistencia a situacións de estrés ou enfermidades. A presenza de microorganismos é tamén clave para a viticultura. “Dende a viña á adega, os microorganismos xogan un papel importante na produción e calidade do viño”, argumenta Pilar Blanco Camba, investigadora da Agacal-Evega, e coordinadora do proxecto. Na análise dos solos do Ribeiro determinou que existen distintos terroirs microbianos na DO Ribeiro nas áreas xeográficas dos vales do Miño, Avia e Arnoia. Ademais, nas parcelas cun manexo ecolóxico do viñedo detectáronse máis especies exclusivas que nas parcelas cunha xestión convencional.
O manexo do viñedo afecta directamente á saúde do solo e ós beneficios que este lle proporciona á planta fronte situacións de estrés e enfermidades
“Nos viñedos cun manexo sostible aprécianse redes microbianas mellor conectadas, con maior interacción e cooperación para unha maior resistencia e resiliencia fronte a condicións de estrés”, detalla a investigadora. Así é que o manexo que se fai da parcela inflúe directamente na composición do solo, na presencia de bacterias e fungos. Os solos analizados amosan unha menor diversidade de bacterias, pero niveis de fungos semellantes ós manexados noutras zonas xeográficas próximas coma Portugal.

Unha investigadora ourensá logra predicir a alternaria na pataca até con 30 días de antelación

A enxeñeira agrónoma ourensana Laura Meno Fariñas acaba de presentar a súa tese de doutoramento sobre a alternariose, unha enfermidade fúnxica que xunto co mildio supón unha das maiores preocupacións para os produtores de pataca galegos. No seu estudo axustou os modelos de predición desta enfermidade ás condicións climáticas e agrícolas da comarca da Limia, principal zona de produción de pataca en Galicia. O estudo busca unha redución do uso dos funxicidas, que non só contribúe a mellorar a saúde do medio ambiente senón que supón un importante aforro económico para o sector. Os modelos de prognóstico testados foron de tres tipos: modelos baseados no desenvolvemento fenolóxico da planta de pataca (P-Days, GDD e WE), baseados nas condicións favorables para o desenvolvemento do patóxeno alternaria (IWP e TOMCAST) e un modelo que combina tanto as condicións favorables para o desenvolvemento fenolóxico da planta como as do patóxeno (TOMCAST+P-Days). Cos modelos testados no estudo recóllese que os baseados no desenvolvemento da planta amosaron unha predición máis acertada dos primeiros síntomas, excepto o GDD. Con estes modelos conseguiron diagnosticar os primeiros síntomas ata 30 días antes da aparicións das primeiras infeccións. Mentres, os modelos baseados no patóxeno foron “os máis conservadores”. Ademais, na tese inclúese un axuste para a comarca da Limia dos modelos de predición abordados segundo as observacións da enfermidade nesta comarca realizadas por Laura Meno Fariñas.

A temperatura, un factor determinante

Outra das conclusións extraídas pola investigadora é que a temperatura é un dos factores decisivos no ciclo de infección de alternaria. “A temperatura inflúe tanto na liberación de conidios como no desenvolvemento da enfermidade”, apunta Meno Fariñas. Ademais, os altos valores de humidade relativa tamén son necesarios para a presenza de conidios no ambiente. “Cando se combinou a temperatura e a humidade foliar nunha mesma variable, o número de conidios no ambiente viuse incrementado polo aumento da temperatura durante as horas de humidade foliar, sobre todo nos dous días anteriores, así como os períodos de humidade interrompida”, recolle a tese. O emprego de intelixencia artificial na investigación proporcionoulles unha ferramenta moi útil para a busca das variables máis determinantes na liberación de conidios. “Amosáronnos que a humidade relativa e a radiación son as variables horarias máis determinantes no comportamento desta enfermidade”, destaca.

A alternariose no almacenamento da pataca

Ademais de investigar a influencia das condicións meteorolóxicas no desenvolvemento da alternariose e axustar modelos de prognóstico á zona de produción, na súa tese, a investigadora tamén se centrou en ver a evolución da calidade da pataca e a presencia de patóxenos durante o almacenamento. Neste senso, Meno aplicou a tecnoloxía de infrarvermello cercano (NIR) para a rápida determinación dos principais parámetros fisicoquímicos indicadores de calidade. Na investigación, Meno destaca que “a temperatura e a humidade tiveron unha relación positiva e significativa coa presenza de alternaria e doutras enfermidades que afectan á conservación dos tubérculos nos almacéns, como helminthosporium, sendo os coeficientes máis altos os de temperatura media e máxima”, detalla. Así, o emprego de condicións controladas durante o período de conservación pode axudar a prolongar a vida útil deste alimento en condicións óptimas de calidade. Co obxectivo de estimar na pataca a concentración dos principais parámetros de calidade como é a materia seca e os azucres redutores a través dun método non destrutivo, na investigación aplicouse a tecnoloxía de NIR durante o período de almacenamento, acadando “resultados aceptables”. “Estes resultados poden ser interesantes á hora da súa incorporación nas liñas de envasado para unha selección automatizada e instantánea, que como novidade se faría sobre os tubérculos sen pelar”, afirma a investigadora do campus de Ourense. A tese foi realizada no marco do Programa de Doutoramento en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria. O traballo de investigación estivo dirixido polas doutoras María Carmen Seijo e Olga Escuredo e foi realizado cun contrato FPU do Ministerio de Educación.

-Máis información da investigación sobre alternaria

Zorvec Vinabel, o novo funxicida sistémico para a etapa de floración da vide

Zorvec é unha solución funxicida que, grazas ao seu modo de acción, cambia o concepto de tratamento antimildiu respecto ao acostumado ata o de agora, asegurando unha protección óptima tanto das follas como dos acios, o que permite ao viticultor lograr unha calidade de colleita excelente e, por tanto, maiores beneficios, mesmo en condicións difíciles.

Dentro da familia de produtos de Corteva, Zorvec Vinabel incorpora unha nova materia activa para o control de enfermidades fúnxicas en viñedo cun óptimo perfil ambiental e de seguridade para o usuario.

Constitúe un novo modo de acción completamente nova que non presenta resistencia cruzada cos funxicidas antimildiu existentes

Esta nova molécula química, o oxathiapiprolin, produce múltiples efectos sobre o ciclo de vida do fungo e, grazas ao seu comportamento sistémico, protexe ás follas tratadas a medida que estas crecen e se expanden, incluíndo as follas que teñen menos do 20% do seu tamaño final no momento da aplicación.

Zorvec Vinabel garante a máxima protección da viña en momentos de maior sensibilidade á enfermidade

Zorvec Vinabel combina as propiedades da zoxamida, que ten un efecto cerapenetrante, é dicir, entra nas primeiras capas de ceras cuticulares, onde se fixa fortemente e difúndese lateralmente a medida que os acios e follas van medrando.

Recoméndanse dúas aplicacións cun intervalo de entre 10 e 14 días, entre a floración e o callado do viñedo

Como resultado do movemento sistémico translaminador e ascendente (vía xilema) conséguese a protección uniforme da máxima superficie foliar da planta, o que garante un excelente control preventivo contra o posible lavado por choivas posteriores ao tratamento.

Recoméndanse dúas aplicacións en bloque, separadas entre 10 e 14 días, en función da presión de mildiu que teñamos na parcela, entre a floración e o callado do viñedo. A dose de aplicación autorizada é de medio litro de Zorvec Vinabel por hectárea. O produto é distribuído en Galicia polo Grupo Soaga.

Zorvec cámbiao todo

Zorvec constitúe unha ferramenta nova para o control do mildiu da vide e unha adecuada prevención do desenvolvemento de resistencias fúnxicas, un produto que polas súas propiedades é un importante balón de osíxeno para o viticultor. As súas principais vantaxes son:

  • Sen resistencia cruzada con calquera outro funxicida actual
  • Garante a máxima eficacia e duración de control grazas ao seu efecto sistémico, para obter un óptimo beneficio das estratexias de manexo da enfermidade
  • Resistente á choiva tan só 20 minutos despois da aplicación, o que permite maior flexibilidade de aplicación mesmo baixo condicións meteorolóxicas desfavorables, minimizando a necesidade de novas aplicacións en caso de choivas imprevistas
  • Protexe o cultivo tratado a medida que este medra e se expande, protexendo eficazmente novos brotes non expostos ao tratamento

Corteva: innovación na protección de cultivos ao servizo do agricultor

O viñedo é un cultivo estratéxico para Corteva. A compañía conta con algunhas ferramentas que resultaron ser un grande apoio para o agricultor no control de pragas e enfermidades do cultivo, onde predomina o uso de funxicidas.

Por iso, Corteva Agriscience pretende seguir innovando e aportando solucións que permitan aos agricultores e aos técnicos que os asesoran estar á vangarda dun sector tan valorado e competitivo coma este.

A gama Zorvec supuxo unha revolución no mercado dos tratamentos para a protección dos cultivos

Atopar novas moléculas máis eficaces e que ao mesmo tempo cumpran cos estándares regulatorios cada vez máis esixentes impostos pola UE aos produtos fitosanitarios non é doado e require dun gran esforzo en investigación para lograr os máximos niveis de seguridade e eficacia que se adapten ás necesidades dos agricultores e que lles axuden a ser máis competitivos nun mercado no que o consumidor é cada vez máis esixente coa calidade do produto e o coidado do medio ambiente.

Lanzan unha app para consultar os fitosanitarios autorizados en España

FRAC España (Comité de Acción contra Resistencias a Funxicidas), e IRAC España (Comité de Acción contra Resistencias a Insecticidas), lanzaron as súas Apps de consulta para IOs e Android. Estas aplicacións permiten a consulta de sustancias activas autorizadas en España, con indicación do grupo ao que pertencen segundo os seus modos de acción. A clasificación de Modos de Acción (MdA) ten como obxectivo que os usuarios teñan unha base sólida para levar a cabo un manexo sustentable dos fitosanitarios e evitar problemas de resistencia.

Europa proxecta limitar o uso de produtos fitosanitarios no próximo periodo da PAC

Produtos fitosanitarios, os imprescindibles. Esa é, en esencia, a filosofía da Xestión Integrada de Pragas (XIS), un acrónimo que estará moi presente nos próximos anos na vida diaria de todos os agricultores e gandeiros. Debido a unha maior presión desde Europa, España deberá limitar o uso de pesticidas. Entre as medidas que se barallan, figura a prohibición de praguicidas e herbicidas en pre-emerxencia, por exemplo trala sementeira do millo, o que obrigará estar máis pendentes dos cultivos. Tamén é previsible a prohibición de produtos como o glifosato, que fará necesaria unha maior prevención no control de malas herbas nas praderías. Bruxelas revisará a Directiva sobre o uso sostible de praguicidas, mellorará as disposicións sobre a xestión integrada de pragas (XIP) e promoverá un maior uso de formas alternativas seguras de protexer as colleitas de pragas e enfermidades, fomentando o uso de técnicas de control alternativas, como a rotación de cultivos ou a cavadura mecánica das malas herbas, e será unha das ferramentas principais para reducir o uso e a dependencia de pesticidas químicos en xeral, e o uso dos pesticidas máis perigosos en particular, anuncia o documento da Estratexia Da granxa á mesa, presentado recentemente.
Ao aplicar a xestión integrada de pragas, os agricultores deberían botar man dos produtos fitosanitarios só se a prevención e outros métodos non funcionan ou non son eficaces
"As prácticas agrícolas que reducen o uso de pesticidas serán de suma importancia na nova PAC (2021-2027) e os Plans Estratéxicos dos distintos Estados deben reflectir esta transición e promover o acceso ao asesoramento", indica a Comisión Europea, que avanza que facilitará a comercialización de praguicidas que conteñen substancias biolóxicas activas e reforzará a avaliación de pesticidas por parte dos Estados membros. A Comisión tamén propoñerá cambios no Regulamento de 2009 sobre estatísticas de praguicidas para superar a falta de datos e promover a formulación de políticas baseadas en probas.
No conxunto da UE véndense cada ano 350.000 toneladas de pesticidas, 70.000 delas en España
A redución do uso de praguicidas químicos á metade en 2030 e tamén a minoración nun 50% na utilización dos pesticidas máis perigosos é un dos obxectivos principais do Pacto Verde europeo no que se refire á produción agrícola e as propias autoridades comunitarias recoñecen os escasos avances logrados neste particular na última década, trala aprobación en 2009 da Directiva 128 CE relativa ao Uso Sostible dos Praguicidas. Os datos así o constatan: no conxunto da UE véndense cada ano 350.000 toneladas de pesticidas, 70.000 delas en España. Escasos avances A Comisión Europea debe presentar periodicamente ao Parlamento Europeo e ao Consello un informe sobre os avances conseguidos na aplicación da Directiva. No seu último informe, que acaba de facerse público, o Executivo comunitario analiza a experiencia adquirida polos Estados membros na aplicación dos obxectivos establecidos nos seus plans de acción nacionais e os avances conseguidos na aplicación da Directiva de 2009 e anuncia que redobrará a presión nos próximos anos.
Un maior control na dispensación e venda foron dos poucos avances que se produciron en España en aplicación da Directiva de 2009
A necesidade de obter un carné para adquirir, manipular e aplicar tratamentos fitosanitarios e levar un rexistro individualizado sobre compras, en virtude do Regulamento relativo á comercialización de produtos fitosanitarios, foron dos poucos cambios que se produciron en España nos últimos anos, máis aló da prohibición con carácter xeral dalgúns produtos e principios activos utilizados, como é o caso recente do metiocarb, a materia activa do Mesurol, un insecticida e repelente de aves e xabaríns usado na sementeira do millo e prohibido en toda a UE desde o pasado 3 de abril. Os usuarios profesionais de produtos fitosanitarios teñen que manter un rexistro dos produtos que utilizaron polo menos no últimos tres anos pero en España non se esixe que comproben e rexistren o éxito das súas medidas e os motivos concretos para aplicar os tratamentos, como sucede noutros países.
En Irlanda todos os usuarios profesionais deben manter rexistros sobre cada tipo de praga e as medidas preventivas adoptadas previamente á aplicación dos tratamentos
En Irlanda, por exemplo, todos os usuarios profesionais deben manter rexistros que demostren a aplicación da xestión integrada de pragas. Os agricultores rexistran a razón do uso de produtos fitosanitarios con información, por exemplo, sobre o tipo de praga existente, as medidas preventivas adoptadas previamente á aplicación dos tratamentos, a xestión da resistencia, as doses aplicadas e os danos sufridos polos cultivos. Irlanda dispón ademais dun sistema integrado de extensión, investigación e transferencia agrícola financiado con fondos públicos, que axuda a garantir que os produtores conten con información pertinente e actualizada sobre a xestión integrada de pragas. Falta de datos comparables entre países Datos sobre as vendas de praguicidas en España entre 2011 e 2017 por tipo de produto (Fonte: Eurostat) Os Estados membros recompilan estatísticas sobre as vendas e o uso agrícola de produtos fitosanitarios. A normativa da UE esíxelles solicitar datos anualmente sobre as substancias activas contidas nos produtos fitosanitarios en venda e recompilar estatísticas do uso agrícola de produtos fitosanitarios para cultivos seleccionados durante un período de referencia cada cinco anos, pero ata o de agora Eurostat non publicou estatísticas comparadas a escala da UE sobre o uso de produtos fitosanitarios porque os datos recollidos por cada Estado membro difiren nos períodos de cómputo e as metodoloxías aplicadas. Os Estados membros tamén seleccionan os cultivos que serán obxecto de seguimento, o que significa que os datos non son comparables entre os distintos países.
A aplicación dos principios da xestión integrada de pragas é obrigatoria para os usuarios, pero os controis sobre o seu cumprimento son escasos
Nalgúns países (por exemplo, Francia) os datos de vendas das distintas substancias activas están ao dispor do público. España proporcionou datos á Comisión para todas as diferentes categorías de pesticidas cada ano. As cifras demostrarían que as vendas de praguicidas en España están a diminuír lixeiramente desde 2014, situándose na actualidade en 70.000 toneladas ao ano. A maioría dos pesticidas vendidos en España son funxicidas e bactericidas, seguidos de herbicidas. Na UE, as vendas de substancias activas cualificadas como praguicidas utilizadas en produtos fitosanitarios superan as 350.000 toneladas ao ano. Retrasos na aplicación da normativa O Tribunal de Contas Europeo de Luxemburgo publicou asimesmo no mes de xaneiro deste ano un Informe Especial sobre o Uso Sostible de Produtos Fitosanitarios no que conclúe que se produciron "poucos progresos na medición e na redución de riscos" por pesticidas trala aprobación da Directiva comunitaria de 2009. "O Tribunal constatou que a Comisión e os Estados membros tomaron medidas para fomentar o uso sostible de produtos fitosanitarios, pero obsérvanse progresos limitados na medición e na redución dos riscos asociados. A aplicación da xestión integrada de pragas é obrigatoria para os agricultores, pero non é un requisito para recibir pagos no marco da política agrícola común e a súa observancia é deficiente. As estatísticas dispoñibles e os novos indicadores de risco non mostran o grao de éxito da política na consecución dun uso sostible de produtos fitosanitarios", asegura.
A Directiva de 2009 establece un marco para lograr un uso sostible dos produtos fitosanitarios e fomentar a xestión integrada de pragas, aplicando enfoques alternativos e métodos non químicos, pero a súa aplicación retrasouse
O Tribunal formula recomendacións para verificar a xestión integrada de pragas nas explotacións, mellorar as estatísticas en materia de produtos fitosanitarios e desenvolver uns indicadores de risco mellores. "Os Estados membros teñen que incluír obxectivos mesurables e metas cuantitativas nos seus plans de acción nacionais para lograr os fins da Directiva", solicita. A Directiva 2009/128/CE relativa ao uso sostible dos praguicidas establece un marco para lograr un uso sostible dos produtos fitosanitarios e fomentar a xestión integrada de pragas, aplicando enfoques alternativos e métodos non químicos. Os Estados membros dispoñían dun prazo de dous anos para incorporar a Directiva á súa lexislación nacional pero esa trasposición atrasouse e os Estados que adoptaron a normativa fixérono de maneira laxa e inexacta, denuncia o Tribunal de Contas europeo. Francia, por exemplo, incorporou a Directiva ao seu ordenamento xurídico pero os requisitos da xestión integrada de pragas non se incorporaron á súa lexislación nacional. Algo similar ocorre en España.
A Comisión estuda actualmente unha serie de medidas, incluídos procedementos de infracción, para aqueles Estados nos que o avance non resulta satisfactorio
Como moi tarde o 26 de novembro de 2012, os Estados membros tiñan que elaborar plans de acción nacionais que establecesen, entre outras cousas, os seus obxectivos cuantitativos, metas e prazos para reducir os riscos e as consecuencias da utilización de produtos fitosanitarios, aínda que só un terzo dos Estados presentáronos en prazo. Estes plans nacionais deben ser revisados cada cinco anos pero case tres cuartas partes dos países retrasáronse na súa revisión. A 31 de marzo de 2019, dos 27 Estados membros actuais, tan só 15 (Austria, Bélxica, Chequia, Chipre, Dinamarca, Eslovenia, España, Finlandia, Francia, Irlanda, Lituania, Luxemburgo, Malta, Polonia e Portugal) presentaran os seus plans de acción nacionais actualizados á Comisión Europea.
Os usuarios profesionais deberían estar a aplicar os principios da xestión integrada de pragas desde xaneiro de 2014
As normas da UE dispoñen que os usuarios de produtos fitosanitarios apliquen os principios xerais da xestión integrada de pragas e que os Estados membros tiñan a obriga de describir nos seus plans de acción nacionais como garantirían que todos os usuarios profesionais aplicasen os principios da xestión integrada de pragas en xaneiro de 2014 como moi tarde. España sitúase nestes momentos lixeiramente por encima do 50% do nivel de cumprimento da Directiva 2009/128/CE sobre Uso Sostible de Praguicidas, aumentando 10 puntos os seus logros nos últimos dous anos, pero só Bulgaria, Grecia, Malta, Eslovaquia e Romanía presentan actualmente un menor grao de cumprimento da Directiva sobre praguicidas e as Autoridades comunitarias advirten que se estudan sancións para aqueles Estados con escaso nivel de compromiso na redución de pesticidas.
Só Bulgaria, Grecia, Malta, Eslovaquia e Romanía presentan actualmente un menor grao de cumprimento da Directiva sobre praguicidas que España
Desde 2016, a Comisión Europea tomou máis medidas para fomentar e facer aplicar a Directiva. Entre as iniciativas da Comisión figuran a avaliación dos plans de acción nacionais e a supervisión das accións dos Estados membros para poñer en práctica a Directiva. "Nos casos en que o avance non resulta satisfactorio, a Comisión estuda actualmente unha serie de medidas, incluídos procedementos de infracción", advirte. Un maior control e procedementos de infracción No seu informe ao Parlamento Europeo de 2017 sobre a trasposición e aplicación da Directiva nos distintos Estados, a Comisión observou deficiencias na aplicación da xestión integrada de pragas nos plans de acción nacionais. Os plans centrábanse principalmente en actividades de formación e asesoramento, así como na sensibilización para aumentar a comprensión da xestión integrada de pragas pero non establecían requisitos específicos que traducisen os principios xerais da xestión integrada de pragas a accións que puidesen verificarse na práctica.
Diante do incumprimento xeralizado, desde 2016 a Comisión Europea tomou máis medidas para fomentar e facer aplicar a Directiva supervisando as accións dos Estados
A Iniciativa Cidadá Europea Prohibición do glifosato e protección das persoas e do medio ambiente fronte aos pesticidas tóxicos, presentada no ano 2017, instaba á Comisión Europea a establecer obxectivos obrigatorios de redución do uso de praguicidas. A Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible da ONU e a Estratexia Da granxa ao garfo presentada pola Comisión Europea o pasado 20 de maio insisten neste feito ao fixar o obxectivo de reducir ao 50% na próxima década o uso de herbicidas, funxicidas e insecticidas. "A sociedade está cada vez máis concienciada sobre a sustentabilidade da produción alimentaria, da que o uso sostible dos praguicidas constitúe un compoñente importante", afirma o Executivo comunitario no seu informe.
A Estratexia 'Da granxa ao garfo' pretende reducir á metade o uso de pesticidas en 2030
En 2018, a Comisión pasou de facer visitas informativas a efectuar auditorías de cumprimento e comezou a formular recomendacións e solicitar medidas correctoras aos Estados membros e puxo en marcha un portal web para o uso sostible dos produtos fitosanitarios, que contén información clave, plans de acción nacionais e ligazóns aos sitios web oficiais dos Estados membros. Sen sancións polo de agora por mala praxe nos tratamentos A Comisión Europea considera a xestión integrada de pragas como un dos alicerces da Directiva, e "a súa plena aplicación resulta necesaria para reducir a dependencia respecto do uso dos praguicidas", afirma. Pero durante as súas auditorías de 2018 e 2019 aos distintos Estados, a Comisión constatou a insuficiente aplicación da xestión integrada de pragas por parte de agricultores e gandeiros e a inexistencia de controis e inspeccións por parte das Administracións responsables para confirmar e avaliar o grao de cumprimento. "Os Estados membros teñen que definir as sancións por incumprimento das normas relativas aos produtos fitosanitarios pero só os Países Baixos as estableceron", indica o Tribunal de Contas.
Só os Países Baixos estableceron sancións polo incumprimento da xestión integrada de pragas
Nos Países Baixos, os inspectores comproban que os usuarios de produtos fitosanitarios documentasen as súas consideracións en relación coa xestión integrada de pragas pero aínda que as normas neerlandesas prevén a aplicación de sancións por non completar os rexistros, na práctica, di o informe, "non impuxeron ningunha en 2017, a pesar de constatar que o 20% dos usuarios inspeccionados non cumpriran as normas". Poucos países máis comproban a aplicación dos principios da xestión integrada de pragas. En Francia, as inspeccións de produtos fitosanitarios examinan se os agricultores utilizan produtos fitosanitarios biolóxicos e métodos destinados a reducir o uso de produtos fitosanitarios químicos, pero non se definiron sancións por incumprimentos. Tampouco en países como España existe réxime sancionador específico xa que a aplicación da xestión integrada de pragas, na práctica, non está a ser obrigatoria para os agricultores. Incentivos insuficientes "A acción da UE achega escasos incentivos para a adopción da xestión integrada de pragas polos agricultores e aínda que a Comisión e os Estados fomentan a xestión integrada de pragas, a súa aplicación é insuficiente", afirma o Tribunal europeo de Luxemburgo. "A PAC contén instrumentos que poden apoiar o uso sostible dos produtos fitosanitarios polos agricultores pero a política agrícola común contribúe pouco a que se aplique a xestión integrada de pragas", sostén o Tribunal de Contas da UE.
Aínda que segundo a normativa comunitaria os principios da xestión integrada de pragas son obrigatorios para os agricultores, non se ten en conta actualmente como condición para acceder aos pagos da PAC
Ata o de agora os agricultores con máis de 15 hectáreas de terra cultivable que reciben pagos directos deben manter zonas de interese ecolóxico no 5% da súa superficie e, desde 2018, non poden utilizar produtos fitosanitarios nas devanditas zonas; existen programas específicos para o sector hortofrutícola e os Estados membros teñen que establecer sistemas de asesoramento agrario para aconsellar aos agricultores sobre a xestión integrada de pragas. A maioría dos pagos da PAC están suxeitos a "condicionalidade", que é un mecanismo que vincula os pagos da política agrícola común (PAC) ao cumprimento polos agricultores dunha serie de normas básicas relativas ao medio ambiente, a seguridade alimentaria, a saúde animal e vexetal e o benestar animal, así como ao requisito de manter o chan agrícola en boas condicións agrarias e ambientais.
Prevese que a PAC post 2020 inclúa nos requisitos de condicionalidade que vinculan a percepción de axudas o cumprimento do obxectivo de redución de pesticidas
A condicionalidade no marco da PAC do período 2014-2020 esixe que os usuarios de produtos fitosanitarios cumpran as condicións establecidas nas etiquetas e teñan en conta as condicións locais, pero non incorpora no seu conxunto a Directiva que inclúe a aplicación dos principios da xestión integrada de pragas. "Outros requisitos de condicionalidade, como as faixas de protección e a protección das augas subterráneas, tamén son pertinentes para un uso sostible dos produtos fitosanitarios", bota de menos o Tribunal de Contas. Prevese que na PAC post 2020 se estableza tamén como condicionalidade para a percepción de axudas o cumprimento do obxectivo de redución de pesticidas, apoiando a adquisición de maquinaria agrícola de precisión ou fomentando a agricultura ecolóxica. "A vinculación dos pagos da PAC ao cumprimento dos requisitos legais sobre praguicidas pode axudar a facer cumprir as normas", argumentan as Autoridades comunitarias.
A ecoloxización dos pagos directos na futura PAC reforzará a súa contribución ao cumprimento da Directiva sobre praguicidas, afirma a Comisión
A proposta da Comisión para a PAC posterior a 2020 amplía o vínculo entre os pagos da PAC e os requisitos regulamentarios ("condicionalidade") relativos aos produtos fitosanitarios, e abarcaría en parte o uso sostible, pero non incorporaría os principios da xestión integrada de pragas. O novo requisito legal de xestión número 13 referiríase á Directiva de praguicidas e comprendería, en relación cos produtos fitosanitarios, o establecemento de sistemas de certificación, a inspección de equipos, as restricións de uso en zonas protexidas e a manipulación e almacenamento. A proposta de condición relativa ás boas condicións agrarias e ambientais (requisito número 8) esixiría a rotación de cultivos para conservar o potencial do chan e o mantemento das zonas de biodiversidade. O mantemento de pastos permanentes, a protección de turberas e humidais, as faixas de protección, a ferramenta de sustentabilidade agraria para nutrintes, a xestión da labranza ou a ausencia de chan espido tamén poderían ser abordados na PAC e contribuirían a unha menor necesidade de praguicidas. "A ecoloxización dos pagos directos na futura PAC reforzará a súa contribución ao cumprimento da Directiva sobre praguicidas. A condicionalidade sensibilizará aos agricultores para que adopten estas prácticas a través do risco de redución dos pagos da PAC", argumenta a Comisión. Países con maiores esixencias: o caso de Suíza A condicionalidade proposta, do mesmo xeito que o mecanismo actual, non significa que os pagos da PAC se supediten ao cumprimento destas normas, aínda que os Estados membros impoñen sancións administrativas aos beneficiarios que non as cumpran. As sancións administrativas, na práctica, consisten en reducións, non superiores ao 5%, en caso de incumprimento por neglixencia. Os incumprimentos recorrentes poden dar lugar a sancións maiores e, se son intencionados, a redución podería chegar ao 20% ou máis.
A condicionalidade na UE non significa que os pagos da PAC dependan do cumprimento das normas básicas establecidas pero poden supoñer reducións nas axudas percibidas
Así, aínda que os principios da xestión integrada de pragas son obrigatorios para os agricultores, non se contan como condición para acceder aos pagos da PAC. A pesar de que se fomentan as prácticas agrícolas máis sostibles, "hai poucas medidas que disuadan aos agricultores de utilizar produtos fitosanitarios estándar en lugar de recorrer a métodos non químicos ou alternativos", afirma o Tribunal de Contas. En comparación, para recibir pagos directos en Suíza, os agricultores deben mostrar unha proba de rendemento ecolóxico, similar aos principios xerais da xestión integrada de pragas definidos na Directiva. No marco das súas inspeccións, as autoridades suízas verifican os requisitos relativos á protección do chan e ao fomento da biodiversidade, establecendo e rexistrando limiares de pragas, así como a elección apropiada dos produtos fitosanitarios e a xustificación do seu uso e, no caso dos agricultores con máis de tres hectáreas de terra cultivable, a rotación de cultivos.

Bruxelas acusa a España de carecer de ambición nos seus plans para a redución de plaguicidas

A Directiva 2009/128/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro de 2009, pola que se establece o marco da actuación comunitaria para conseguir un uso sostible dos praguicidas (DUSP) pretende minimizar o impacto dos produtos fitosanitarios na saúde humana e o medio ambiente mediante unha dependencia menor e un uso maior de praguicidas de baixo risco e non químicos. Os principios xerais da Directiva inclúen o uso dos produtos fitosanitarios no cultivo pertinente, coa dose correcta e coa frecuencia correcta, no momento oportuno e tendo en conta as repercusións sobre o medio ambiente e sobre a resistencia. Os métodos sostibles biolóxicos, físicos e outros non químicos deberán preferirse aos métodos químicos, sempre que permitan un control satisfactorio das pragas.
Bruxelas afirma que se logrou reducir un 20% o risco dos pesticidas no conxunto da UE entre 2011 e 2017
A Comisión considera que a acción da UE propiciou unha redución do risco na utilización de produtos fitosanitarios. "Malia a un inicio lento, a Comisión realizou esforzos destacables para mellorar a aplicación da Directiva 2009/128/CE por parte dos Estados membros e desde a súa entrada en vigor experimentouse unha redución do risco para a saúde humana e o medio ambiente pola venda de produtos fitosanitarios na Unión Europea constatándose unha redución do 20% no primeiro indicador de risco harmonizado, nas cantidades de substancias activas presentes no mercado, entre 2011 e 2017", indica. Asimesmo, destaca, "esta redución do risco tivo lugar mentres as cantidades de produtos fitosanitarios vendidos e utilizados seguiron sendo relativamente constantes, o que reflicte o cambio de perfil dos pesticidas vendidos e utilizados na Unión Europea", aínda que o Executivo comunitario considera que "aínda hai importantes posibilidades de seguir reducindo os riscos mediante unha mellor aplicación da Directiva e, en particular, un maior grao de adopción da xestión integrada de pragas, incluída unha adopción máis estendida das técnicas de control non químicas". Obxectivos por países para a aplicación da Directiva A Directiva baséase fundamentalmente nas medidas adoptadas en cada Estado membro, dadas as diferenzas existentes na agricultura en toda a Unión Europea. Esixe que os Estados membros adopten plans de acción nacionais (PAN) que definan os seus obxectivos cuantitativos, metas, medidas e calendarios. O Plan de Acción Español, presentado en novembro de 2012 e vixente ata decembro de 2017, incluía 29 medidas e a súa revisión, en vigor ata decembro de 2022, un total de 31, entre as que se inclúen campañas de concienciación e sensibilización sobre os riscos dos pesticidas para a saúde e o medio ambiente, bases de datos sobre usuarios e comercialización de fitosanitarios, directrices para a aplicación da xestión integrada de pragas, promover a dispoñibilidade de produtos fitosanitarios de baixo risco, inspección de equipos utilizados para a aplicación de tratamentos, medir a presenza de residuos no solo e en augas subterráneas, establecer unha metodoloxía para avaliar a efectividade do conxunto de recomendacións e mellorar e estender o uso de alertas de protección de plantas.
Alemaña fixou como obxectivo unha redución do 30% do risco de praguicidas, Dinamarca un 40% e Francia e Luxemburgo un 50%
Case todos os obxectivos fixados por España son xenéricos e só catro países (Alemaña, Francia Dinamarca e Luxemburgo) estableceron medidas cuantificables concretas. Alemaña fixou como obxectivo unha redución do 30% do risco potencial para o medio ambiente para 2023, con respecto á referencia da media para 1996-2005. Dinamarca fixou como obxectivos unha redución do 40% no indicador da carga de praguicidas e unha redución do 40% na carga de substancias extremadamente preocupantes para 2025, con respecto a 2011. Por último, Francia estableceu como obxectivo unha redución do 25% no uso de produtos fitosanitarios para 2020, ademais dunha redución dun 50% no uso para 2025, con respecto a 2015 e Luxemburgo un descenso do 50% no ano 2030. A maioría dos Estados non emendaron nos seus Plans de Acción Nacionais revisados as deficiencias que a Comisión identificou nos seus Plans iniciais, polo que a maioría das revisións resultan pouco ambiciosas e non definen obxectivos de alto nivel baseados en resultados co fin de reducir os riscos asociados dos pesticidas e a dependencia do seu uso. Ningún país identificou de forma explícita rexións prioritarias ou boas prácticas e só Francia controla as cantidades de substancias activas clasificadas como canceríxenas, mutaxénicas ou tóxicas para a reprodución que se venden cada ano.
España pretende desenvolver unha aplicación informática para permitir o rexistro electrónico das transaccións con PFS e que polo menos o 50% dos distribuidores usen este sistema en 2022
Tanto España como Bélxica definen obxectivos claros, pero todos son sectoriais e gardan relación coas medidas propostas, por exemplo o número de campañas informativas ao ano ou o número de granxas modelo que se deben establecer, en lugar de impactos cuantificables, como o número de usuarios profesionais que aplican a XIP. "A maioría dos Plans Nacionais carecen de ambición. Isto queda ilustrado nos casos de Chipre e tamén de España, un Estado que conta con case un millón de explotacións e que fixou o establecemento dun obxectivo de polo menos dúas explotacións modelo para promover a xestión integrada de pragas", repróchalle a Comisión Europea. Detección e tratamento precoz Un dos elementos fundamentais da normativa europea é a aplicación da xestión integrada de pragas (XIP) e a promoción de técnicas ou enfoques alternativos, que se presentan como claves con vistas a reducir a dependencia respecto dos praguicidas. As normas da UE definen dita xestión integrada de pragas como un conxunto de oito principios xerais destinados a utilizar outros métodos preventivos, naturais ou menos nocivos de control de pragas antes de recorrer a produtos fitosanitarios químicos. Por exemplo, a supervisión das pragas e os sistemas de alerta rápida forman parte da xestión integrada de pragas, xa que a previsión, advertencia e diagnóstico rápido de pragas e enfermidades axudan aos agricultores a aplicar medidas de control preventivas e máis centradas.
Sempre que sexa posible, debe concederse prioridade aos métodos non químicos
Os oito principios xerais da xestión integrada de pragas detállanse no anexo III da Directiva; con todo, na normativa comunitaria non se define como se deben aplicar estes principios na práctica, polo que a súa concreción é competencia dos Estados membros. De acordo co principio de subsidiariedade, estes criterios deben determinarse a escala nacional ou mesmo subnacional, dada a diversidade da agricultura entre os Estados membros e dentro deles, en termos de clima, colleitas cultivadas e técnicas de produción. Con todo, os Estados non converteron os principios xerais da xestión integrada de pragas en criterios normativos e avaliables que deban aplicar os usuarios. A Directiva indica que a xestión integrada de pragas "promove os mecanismos naturais de control de pragas", e os principios da xestión integrada de pragas indican que deben preferirse os métodos biolóxicos ou físicos (mecánicos) aos químicos, pero os avances nese campo víronse afectados pola lentitude na súa posta en marcha. Porque aínda que a aplicación dos principios da xestión integrada de pragas é obrigatoria para os usuarios, os controis sobre o seu cumprimento son escasos e non se ten en conta actualmente como condición para acceder aos pagos da PAC, aínda que a Política Agrícola Común actual e futura abarca varios instrumentos que apoian a aplicación da XIP por parte dos agricultores. Falta de alternativas técnica e economicamente viables Cada vez préstase maior atención aos métodos non químicos, e moitos Estados membros promoven conceptos como o biocontrol (Francia) e os biopraguicidas (Países Baixos), pero varios Estados membros informaron á UE de dificultades na verificación da xestión integrada de pragas e da falta de técnicas de control non químicas eficaces e financeiramente viables, que constitúen un obstáculo para a posta en práctica da xestión integrada de pragas. As actividades de investigación e innovación son importantes para garantir que se dispoña de métodos alternativos de xestión de pragas e de produtos fitosanitarios de baixo risco para aplicar a devandita xestión. Horizonte Europa, o programa de investigación da UE, contén convocatorias de proxectos relacionados con estratexias, ferramentas e tecnoloxías para a xestión sostible das malas herbas, alternativas ao uso de produtos fitosanitarios e para a xestión integrada de pragas.
As normas da UE prevén un calendario acelerado para a autorización de produtos fitosanitarios de baixo risco
Aínda que a maioría dos produtos fitosanitarios de baixo risco conteñen microorganismos, moitos produtos fitosanitarios ecolóxicos non están categorizados como de baixo risco. Por exemplo, en Francia en xuño de 2019, 481 produtos fitosanitarios estaban autorizados como de control biolóxico e 23 como de baixo risco. Unha explicación é que moitos produtos fitosanitarios de control biolóxico conteñen substancias activas aprobadas antes da introdución do concepto de baixo risco na lexislación da UE (o concepto de baixo risco introduciuse co Regulamento relativo á comercialización de produtos fitosanitarios, e a primeira aprobación dunha substancia activa como de baixo risco realizouse en 2015), pero o proceso de aprobación tamén mostra que non todas as substancias activas non químicas cumpren os criterios de baixo risco. En setembro de 2019, había 487 substancias activas aprobadas para a súa utilización en produtos fitosanitarios na UE, pero só 16 (3%) delas estaban aprobadas como de baixo risco. E non todos os produtos fitosanitarios baseados nas 16 substancias activas declaradas de baixo risco están autorizados como de baixo risco, xa que á parte das substancias activas, os produtos fitosanitarios conteñen outros ingredientes coñecidos como "coformulantes".
Na última década duplicáronse as substancias activas básicas, de baixo risco e non químicas, pasando de 60 a 120
Aínda que recoñece que que "é necesario ampliar a gama de substancias activas non químicas, de baixo risco e básicas aprobadas para aumentar as opcións de control de pragas de que dispoñen os agricultores para reducir a súa dependencia das substancias activas máis perigosas", a Comisión destaca que "existe unha tendencia constante á alza no número de substancias activas básicas, de baixo risco e non químicas, desde menos de 60 en 2009 ata case 120 en 2019". Medición das consecuencias no medio ambiente "Obsérvase un declive significativo da biodiversidade nos ecosistemas agrícolas, segundo se reflicte nunha caída das aves dos hábitats agrícolas e nas perdas de poboacións de insectos nalgunhas partes da Unión Europea. Entre outros factores, o uso dos praguicidas identificouse como unha causa importante desta evolución", asegura a Comisión Europea.
A normativa da UE ten a finalidade de "conseguir un uso sostible dos praguicidas mediante a redución dos riscos e os efectos na saúde humana e no medio ambiente"
A supervisión ambiental a posteriori é necesaria para confirmar que non se produzan efectos ou riscos inaceptables para o medio ambiente derivados do uso de produtos fitosanitarios. O control da UE de produtos fitosanitarios no medio ambiente céntrase principalmente na auga pero non ten en conta os efectos sobre os chans. Os distintos Estados analizan a presenza de produtos fitosanitarios nas augas, aínda que non se dispón de datos a escala europea sobre a utilización de pesticidas. Para as augas superficiais, a UE define as substancias que os Estados membros deben controlar pero algúns países fan análíticas máis exhaustivas. Por exemplo, os Países Baixos dispoñen dun amplo sistema de control das augas e complementan a supervisión das substancias definidas na UE con outras 16 substancias activas consideradas problemáticas nas súas augas superficiais (12 das cales están actualmente aprobadas para o seu uso en produtos fitosanitarios na UE). Con todo, as normas da UE non definen substancias activas que deben controlarse no chan.
O control da UE de produtos fitosanitarios no medio ambiente céntrase na presenza de residuos na auga pero non ten en conta os efectos sobre os chans
En febreiro de 2019 o Parlamento Europeo adoptou unha resolución non lexislativa sobre a aplicación da Directiva 2009/128/CE de Uso Sostible de Praguicidas na que lamenta que o nivel xeral de aplicación por parte dos Estados membros resulte insuficiente para reducir os riscos derivados do uso dos praguicidas e a dependencia deles e insta á Comisión e aos Estados membros a adoptar unha serie de medidas destinadas a mellorar a aplicación da Directiva, entre elas o establecemento de directrices para avaliar a aplicación da xestión integrada de pragas e o desenvolvemento de alternativas de baixo risco aos praguicidas así como a promoción dunha agricultura de precisión e dixital como medida para reducir o risco que entrañan. Medir o risco dos tratamentos é complexo, xa que os riscos que provocan estes produtos varían en función de varios factores, en particular das substancias activas da súa composición, pero tamén da súa dosificación (a cantidade e frecuencia por hectárea) e de onde, cando e como os apliquen os usuarios na práctica. "Os indicadores de risco a escala europea teñen que harmonizarse para permitir a comparación entre Estados membros e unha avaliación significativa da política da UE", avanzan en Bruxelas.
Até 2019 a Comisión non comezou a medir a escala europea os riscos de utilizar produtos fitosanitarios
A finais de 2018 a Comisión estableceu dous indicadores de risco harmonizados que entraron en vigor en xuño de 2019 e en novembro publicou na súa páxina web os cálculos retrospectivos dos indicadores de risco de 2011. Isto significa que a primeira estimación da Comisión dos riscos da utilización de produtos fitosanitarios a escala da UE chegou dez anos despois da aprobación da Directiva.
Más información: 

Armas contra o mildio en viñedo: estratexia de Massó

A combinación de choivas, humidade e temperaturas altas obrigan a extremar esta campaña a vixilancia contra o mildio. Repasamos a liña de funxicidas aconsellada por Massó Agro para facer fronte ao fungo.

Massó aposta por unha liña de tres funxicidas con distintos modos de acción para encarar a enfermidade, un sistémico (Alexin), outro de contacto (Nordox Energy) e outro penetrante (Cynda). A recomendación técnica pasa por utilizar sempre polo menos dous funxicidas en mestura con distinto modo de acción. A mestura triple tamén é moi útil entre floración e tamaño guisante da uva.

    • Alexin. É un funxicida sistémico que actúa de forma preventiva.
      • Composición: Fosfonato potásico 75,5% p/v (755 gramos / litro). Concentrado soluble.
      • Dose: 1 – 4 litros / hectárea.
      • Prazo de seguridade: 14 días.
      • Recomendacións de uso: Efectuar unha aplicación por campaña, en combinación cun funxicida de contacto (Nordox Energy). O seu uso aconséllase de forma preventiva, antes de que apareza a enfermidade. É posible aplicalo desde sexta folla até peche do acio.

 

  • Nordox Energy. É un funxicida cúprico de alta concentración en gránulos dispersables. Produto de contacto. En caso de facer un tratamento con síntomas visibles, recoméndase a súa combinación con Cynda. Se se trata dunha aplicación preventiva, sen síntomas visibles, pode ir en combinación con Alexin.
    • Composición: Óxico cuproso 45% p/p (450 gramos / Kg.). Gránulo dispersable en auga (WG).
    • Dose: 1 Kg. / hectárea.
    • Prazo de seguridade: 21 días.
    • Recomendacións de uso: Efectuar unha aplicación por campaña. O seu uso recoméndase desde 5 follas até baias aptas para recolección.

 

  • Cynda, funxicida orgánico penetrante (translaminar), de carácter preventivo e curativo.
    • Composición: Dimetomorf 500 gramos / litro (50% p/v). Suspensión concentrada (SC).
    • Dose: 0,34 litros / hectárea.
    • Prazo de seguridade: 28 días.
    • Recomendacións: Máximo de 5 aplicacións por campaña desde acio visible até o seu peche.

Información e contacto comercial

  • Antonio Taboada, 670 860 640

Poñen en marcha un proxecto para mellorar a predición de enfermidades fúnxicas no viñedo

O proxecto Viticast é unha iniciativa que procurará solucións innovadoras para a predición das principais enfermidades fúnxicas do viñedo. O proxecto está integrado principalmente por firmas e entidades galegas e ten como obxectivo optimizar a produción e o desenvolvemento sostible do cultivo da vide nas principais provincias viticultoras do noroeste peninsular. As investigacións centraranse en desenvolver modelos de risco das enfermidades de maior incidencia como son oídio, mildio e botrite. A partir de datos meteorolóxicos que combinarán con modelos de fenoloxía, concentración de esporas e a observación das enfermidades no campo determinarán os niveis de risco para cada patoloxía e o momento idóneo para a aplicación de tratamentos fitosanitarios. A incorporación dos modelos de fenoloxía ós modelos obtidos a partir de datos meteorolóxicos permitirá ponderar o risco real en función da sensibilidade da vide polo estado fenolóxico en que se atopa. A incorporación da información obtida polos captadores de esporas permitirá axustar o momento óptimo para a aplicación dun tratamento fitosanitario. Así, coa correlación dos tres modelos coas observacións de síntomas de enfermidade apreciadas no campo poderán emitirse avisos de posibles infeccións de fungos en función dos limiares de risco de infección.
O proxecto procura deseñar unha ferramenta de avisos e unha estratexia de xestión dos tratamentos fitosanitarios
A partir dos resultados proporcionados pola ferramenta de avisos deseñarán unha estratexia de xestión de tratamentos fitosanitarios. Para iso, decidirase o momento óptimo de aplicación de cada tratamento fitosanitario nas parcelas estudadas, en función das indicacións proporcionadas pola ferramenta de avisos. O proxecto busca conseguir unha redución dos tratamentos fitosanitarios, co gaio de lograr unha viticultura máis sostible. Ademais, esta diminución dos tratamentos tamén suporá unha redución dos custos económicos derivados da adquisición dos produtos, persoal e maquinaria. A iniciativa procura deste xeito atopar ferramentas para garantir unha produción de calidade para poder acceder a mercados exclusivos que priman as prácticas sostibles.

Cambio climático

Ademais, o proxecto servirá para estudar o impacto que terá en diversos escenarios o cambio climático sobre o cultivo da vide, que é un excelente indicador dos cambios asociados ó quecemento climático, ó ser moi sensible ás flutuacións climáticas. O feito de que no noroeste de España conflúan os límites das rexións bioxeográficas Mediterránea e Eurosiberiana fai que estes estudos teñan un valor engadido ó poder apreciarse as evidencias do cambio climático.

Os socios do proxecto

Na iniciativa participan, como socios, a empresa galega Monet Tecnoloxía e Innovación, a adega galega Viña Costeira Sociedad Cooperativa Galega, do Ribeiro, e as adegas de Castela e León Hacienda Monasterio e Matarromera, pertencentes a Ribera del Duero. Ademais, tamén se inclúe a Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA), a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, a Universidade de Vigo co grupo de investigación de Aerobioloxía e Apicultura e como entidade subcontratada a Universidade de Santiago de Compostela, co grupo de Cromatografía y Quimiometría. Asimesmo, o proxecto conta con entidades colaboradoras como a Plataforma Tecnolóxica do Viño (PTV), a Asociación Galega de Vicitulcutura e a Asociación de Colleiteiros Embotelladores do Ribeiro (ACER). A iniciativa conta cun orzamento de 600.000 euros, o 80% procedente de fondos europeos Feader e o 20% restante procedente do orzamento nacional no marco das axudas para a execución de proxectos de innovación de interese xeral por Grupos Operativos da Asociación Europea para a Innovación en materia de produtividade e sostibilidade agrícolas (AEI-Agri). O proxecto terá unha duración de 2 anos.

Bayer presenta en Galicia o seu novo catálogo de fitosanitarios para a viña e de herbicidas para o millo

A multinacional Bayer celebrou este pasado mércores en Santiago de Compostela unha xornada de presentación do seu novo catálogo de produtos para a protección dos cultivos.

Unhas 40 persoas entre distribuidores e técnicos  asistiron a esta presentación, na que técnicos da multinacional alemá explicaron as importantes melloras que supón a nova gama de tratamentos fitosanitarios.

Novos produtos para unha viticultura máis sustentable

Así, para combater de forma eficaz, sustentable e con seguridade alimentaria dúas das principais patoloxías do viñedo en Galicia (oídio e botritys ) Bayer deu a coñecer os beneficios de a nova gama biolóxica de Bayer CropScience: Serenade ASO® e Sonata®.

En canto ao fungicida biolóxico Serenade ASO® ten como base a cepa de Bacillus subtilis QST713. Pódese aplicar tanto para uso foliar  como no solo noutros cultivos, para a protección das raíces e un mellor control de enfermidades bacterianas e fúnxicas como Botritis, Esclerotinia, Alternaria ou Oídio.

Sonata®, un funxicida biolóxico para o control do oídio que actúa como revitalizador e mellora o rendemento da planta. Sonata® demostrou unha gran compatibilidade cos cultivos rexistrados até o momento e con todos os axentes que son necesarios para unha produción integrada con cada vez menos solucións rexistradas, así como para a produción ecolóxica.

Solucións para as malas herbas en millo

Polo que respecta ao control eficaz das malas herbas en millo, presentouse a ampla gama de herbicidas dos que dispón Bayer, tanto de preemerxencia como de post-emerxencia, destacando Adengo, un herbicida de pre-emerxencia e post-emerxencia precoz (até un máximo de 3 follas despregadas do millo), que asocia dúas materias activas, isoxaflutol e tiencarbazona-metil, que lle confiren eficacia sobre malas herbas anuais, gramíneas e dicotiledóneas; mesmo difíciles de combater ou aquelas que presentan resistencia a herbicidas tradicionais

Consulta aquí a gama de herbicidas de Bayer

Comproban que a presenza de residuos de funxicidas na uva altera o aroma do viño

“A presenza de residuos de funxicidas no medio fermentativo pode ocasionar cambios a nivel xénico nos lévedos, o que pode alterar o perfil aromático dos viños. Polo tanto, é moi importante respectar as doses de aplicación e os prazos de seguridade recomendados polos fabricantes destes produtos, non só para garantir a obtención dun produto inocuo para o consumidor senón tamén para maximizar a súa calidade organoléptica”. Esta é a principal conclusión da tese de doutoramento da investigadora da Universidade de Vigo Thais Sieiro na que abordou o impacto dalgúns dos principais funxicidas empregados no sector. A tese, dirixida por Raquel Rial e Carmen González, foi presentada na Facultade de Ciencias do campus de Ourense baixo o título “Impacto dos funxicidas sobre o metabolismo dos lévedos vínicos e a súa implicación na biosíntese de compostos volátiles responsables do aroma”. A idea de afondar neste eido de estudo, indica a investigadora do Grupo de Nutrición e Bromatoloxía, xurdiu tendo en conta a relevancia e tradición do sector en Galicia, o uso xeneralizado de funxicidas nos viñedos e o feito de que “o viño é un alimento que se consume basicamente por pracer e son as súas características organolépticas, entre elas o recendo, as que xogan un papel decisivo á hora de que o consumidor seleccione un ou outro produto no mercado”. Na súa investigación esta enxeñeira técnica agrícola avaliou o efecto que exercen dous funxicidas “amplamente utilizados” nos viñedos galegos como son o mepanipirim e o tetraconazol sobre a evolución do proceso fermentativo e o perfil aromático dos viños obtidos, tratando de identificar as rutas metabólicas dos lévedos que resultan máis afectados pola presenza dos funxicidas. Para acadalo, levou a cabo diferentes ensaios de vinificación, tanto a escala de laboratorio, empregando mosto sintético ou mosto ecolóxico pasteurizado da variedade garnacha tintoreira, como a escala pequena-media en adega experimental, empregando uvas das variedades mencía e monastrell cultivadas respectivamente nas denominacións de orixe Valdeorras, de Galicia, e Jumilla, de Murcia. “Para un maior coñecemento da súa repercusión, os funxicidas aplicáronse sobre o mosto a distintos niveis de concentración coincidentes co límite máximo de residuos establecido na lexislación e doses superiores a este límite para simular condicións críticas”, comenta a xa doutora. Ademais, engade, os funxicidas aplicáronse como sustancia activa e como produto comercial co fin de avaliar tamén os posibles efectos doutros compoñentes do formulado, como aditivos.

Interacción de varios factores

En base aos resultados acadados, explica Thais Sieiro, púidose concluír que, “se ben os cambios observados son froito da interacción de varios factores, tales como a composición do substrato fermentable, o funxicida e dose aplicada, as características do proceso de vinificación, etc., en xeral, os maiores cambios a nivel aromático producíronse naqueles compostos volátiles que xorden durante o proceso fermentativo froito do metabolismo dos lévedos, incrementándose os efectos coa dose de funxicida aplicada”. Entre eles, detalla, os alcohois superiores (marcadores principais da base aromática común a todos os viños) e os ésteres de acetato e de etilo (máximos responsables das notas afroitadas e florais) foron as familias máis afectadas pola presenza de ambos funxicidas, variando o seu contido en comparación co viño control, elaborado sen funxicidas. “En xeral, a adición do funxicida como formulación comercial maximizou estes cambios, posiblemente debido ao efecto aditivo da sustancia activa e do resto de compoñentes do formulado”, comenta a investigadora da Facultade de Ciencias.

Estudo sobre como inciden na fermentación alcohólica dunha cepa de Sacharomyces cerevisiae e a biosíntese de compostos volátiles

No seu traballo Thais Sieiro tamén estudou o efecto das dúas formulacións comerciais sobre o curso da fermentación alcohólica dunha cepa de Sacharomyces cerevisiae comercial e a biosíntese de compostos volátiles responsables do aroma derivados do aminoácido fenilalanina mediante o emprego de técnicas de transcriptómica. “Mentres que coa presenza do formulado de mepanipirim non se observaron cambios na evolución do proceso fermentativo, coa presenza do formulado de tetraconazol limitouse a produción de biomasa, diminuíu lixeiramente o consumo de azucres e potenciouse a síntese do composto aromático acetato de 2-feniletilo (que achega notas a rosa aos viños), en comparación coa fermentación control”, sinala a enxeñeira técnica agrícola. Sobre a relevancia do seu estudo, Thais Sieiro apunta como ata a realización desta tese os efectos dos funxicidas analizados nela “non estaban suficientemente estudados nin se coñecían os mecanismos moleculares que determinaban a resposta dos lévedos ante a presenza de residuos de funxicidas”. Unha vez rematada a investigación, a súa autora salienta a importancia de continuar profundando nesta liña de investigación “co ánimo de poder recomendarlle ao sector vitícola cales son os funxicidas que amosan unha menor repercusión na calidade do viño e incluso seleccionar lévedos máis resistentes”.

Sipcam presentou o seu biofunxicida Araw en Agrovid

A firma Sipcam Iberia, comercializadora de produtos fitosanitarios, participou en Agrovid, a feira especializada no cultivo do viñedo, que organiza a Institución Feiral de Castela e León, e que se celebrou do 30 ó 1 de febreiro en Valladolid.

A empresa aproveitou a cita, que congregou a máis de 5.000 profesionais, para presentar a aposta da temporada, o seu biofunxicida Araw. Este funxicida preventivo-curativo para o control de oídio e botrite destaca por estar exento de LMR. Ademais, conta co selo Cultivo Zero de Sipcam.

Na cita, Sipcam Iberia tamén estreou stand no que amosaba o seu catálogo de produtos e solucións para a viña. Ademais, a firma organizou un relatorio sobre a viticultura do futuro na que abordaron ferramentas para unha produción rendible e sostible. Nesta sesión, o coordinador técnico de Zerya Antonio Alcázar explicou como a través dun sistema solo-auga-planta se pode obter unha nutrición equilibrada e mellorar a calidade do viño.

“Máis ca unha feira, Agrovid foi un foro para a divulgación e presentación de novidades que a empresa aproveitou en todo momento, tanto xerando novos contactos como oportunidades empresariais”, concluíron dende Sipcam Iberia.

Protección desde o primeiro instante: esa é a diferenza DEKALB

Un gran vigor de emerxencia coa máxima protección é clave para conseguir unha colleita exitosa. Os híbridos de millo DEKALB tratados con Maxim®Quattro, un novo funxicida de amplo espectro, están protexidos fronte a enfermidades propias da semente e do solo, e teñen unha nascencia con mellor vigor e maior uniformidade. Asegura o teu millo fronte a enfermidades como Phytium, Rhizoctonia ou Fusarium. Maxim®Quattro axuda a diminuír o estrés da planta na xerminación para un comezo máis robusto, protexendo o valor da túa semente desde o primeiro instante.

As sementes de DEKALB tratadas con Maxim®Quattro terán, adicionalmente, un recubrimiento especial que mellorará a aparencia da semente e outorgará maior fluidez á mesma ao longo do tubo de sementeira.

Que é Maxim®Quattro?

Maxim®Quattro é un fungicida de amplo espectro aplicado nos mellores híbridos de DEKALB. A súa formulación contén catro poderosos principios activos: fludioxonil (37,5 g/L), metalaxyl-M (29 g/L), tiabendazol (300 g/L) e azoxistrobin (15 g/L); cuxa acción resulta nun eficaz control das enfermidades propias de semente e solo. Empregando a formulación química máis eficaz do mercado, DEKALB é capaz de facilitar unha protección efectiva desde os primeiros estadíos do desenvolvemento da planta; cando esta é máis vulnerable aos danos e cando máis efecto teñen estes sobre o rendemento futuro se a planta non se atopa convenientemente protexida.

Ademais, Maxim®Quattro ten un impacto positivo na sustentabilidade, ao actuar de maneira específica en todos os tipos de solos e baixo todas as prácticas agronómicas; xerando un baixo impacto ambiental. As sementes de DEKALB co tratamento Maxim®Quattro están protexidas fronte a un amplo rango de enfermidades propias de semente e do solo como: Fusarium spp., Phytium spp. e Rhizoctonia; axudando ao desenvolvemento vigoroso da planta na xerminación e diminuíndo o risco de caída.

Que valor achega MaximQuattro á semente de millo?

Maxim®Quattro ten unha protección e influencia sobre o rendemento extra demostrada en ensaios de campo fronte a Maxim XL, un funxicida estándar.

Cunha protección de serie, as plantas de millo poden xermolar moito máis fortes, con mellor vigor e potencial de rendemento. A protección está dirixida a optimizar a emerxencia e asegurar a poboación de plantas, mellorando ademais o estado sanitario. Con 4 ingredientes activos, hai máis beneficios para o agricultor. A adición dos funxicidas azoxistrobina e tiabendazol amplía significativamente o espectro de control da enfermidade en comparación con Maxim XL, que contén só 2 ingredientes activos.

Nos ensaios desenvolvidos por Syngenta en 2017, nos que as sementes de millo foron inoculadas con Fusarium, Rhizoctonia e unha combinación de ambos, as sementes tratadas previamente con Maxim®Quattro deron lugar a unha maior poboación de plantas sas respecto das tratadas con Maxim XL, en todas as situacións. Iso supuxo un significativo beneficio adicional en rendemento.

Contra que patóxenos actúa?

-Pythium spp: que afecta ás plántulas novas no campo e pode ter efectos devastadores nos primeiros estadíos do cultivo se non se trata.

-Rhizoctonia: que pode causar encamado ao final da campaña, onde a perda de rendemento pode alcanzar o 30% da colleita.

-Fusarium spp: na mazaroca pode ocasionar perdas de rendemento proporcionais ao número de grans contaminados, así como a produción de micotoxinas daniñas se non se trata de maneira efectiva.