Archives

Como obter mellor madeira de piñeiro en Galicia?

A industria do aserrado do piñeiro en Galicia tivo ata o de agora gran parte do seu negocio no sector de embalaxes e paléts, caracterizado en xeral por unha esixencia flexible sobre a calidade da madeira. Coa aparición de prometedoras liñas de negocio con máis valor engadido, como a madeira estrutural para construción, o termotratado de piñeiro para exteriores ou potenciais posibilidades en carpintería e interiores, as esixencias de calidade aumentan. Está preparado o monte galego para abastecer esa demanda?. Haberá madeira suficiente e de calidade? En Galicia, o Inventario Forestal calcula a existencia de máis de 400.000 hectáreas de piñeiros, pero as coníferas son unha especie en regresión na comunidade, lastradas principalmente pola expansión do eucalipto nitens na zona norte e polos incendios nas provincias do sur. A suba de prezos que experimentou o piñeiro a partir do 2022 fixo que as coníferas recuperasen atractivo para o propietario forestal, unha tendencia que a Fundación Arume quere reforzar con novas medidas. A Fundación Arume, que agrupa á maior parte da cadea forestal madeira da comunidade ligada coas coníferas, desde viveiros forestais e asociacións de propietarios ata a industria, considera que existen dous desafíos principais. Mellora xenética da planta Primeiro, que toda a planta que saia dos viveiros con destino a monte teña a máxima calidade xenética, é dicir, que garanta bos crecementos e menores turnos de corta, calidade do fuste e resistencia a pragas, enfermidades ou fenómenos adversos, como o cambio climático. Con ese obxectivo, a Fundación impulsará a partir do 2024 un plan de mellora xenética do piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) e do piñeiro insigne (‘Pinus radiata’). O obxectivo sitúase en lograr a produción de 5 millóns de plantas con mellora xenética. Como referencia, no 2022 producíronse nos viveiros forestais galegos 6 millóns de plantas de coníferas, das que algo menos da metade presentaban mellora xenética, ben da categoría cualificada -a superior-, ou controlada. Pero a situación era peor uns anos antes, cando aínda Arume non iniciara os plans piloto de mellora da planta. En aquel entón, no 2019, a planta mellorada era só un 7% da total. Para lograr a produción de máis planta mellorada, os viveiros forestais galegos comprometéronse na posta en marcha de máis campos de pés nai, a partir dos que facer multiplicación por enraizado de estaquillas. Tamén se está adaptando e utilizando xa en Galicia a técnica da embrioxénese somática de sementes, para lograr a multiplicación de familias melloradas de piñeiro e instalar a curto prazo novos campos de pés nais con ese material. Tratamentos silvícolas das plantacións Un segundo chanzo sitúase en garantir o tratamento silvícola das plantacións melloradas, de cara a garantir que se obtén madeira de calidade, podada e libre de nós. Con esa idea, a Fundación Arume presentaralle á Consellería do Medio Rural unha proposta para redefinir as axudas ós montes de coníferas. O obxectivo é a posta en marcha dun programa de axudas públicas destinado á produción sostible de madeira de alto valor. De cara a asegurar que as axudas públicas logran o seu resultado, proponse que a liña de apoios para xestión sostible dos montes de coníferas teña un carácter plurianual, con pagos progresivos a medida que se consigan determinados fitos silvícolas, desde o inicio da plantación ata o ano 12. A proposta da Fundación é que as persoas propietarias forestais que queiran aproveitar estas axudas asinen un contrato coa Administración forestal competente, comprometéndose a desenvolver un determinado itinerario silvícola valorado e especificado nun protocolo contractual ou plan técnico. A axuda proponse que abranga un ciclo de 12 anos, comezando no ano cero da sinatura do contrato e cun calendario de pagos, en función do itinerario silvícola comprometido. Os modelos silvícolas contractuais, segundo a proposta de Arume, establecerán as quendas e as operacións forestais necesarias para alcanzar os seguintes obxectivos de produción de madeira: • 300 pés/hectáreaa mínimo ao finalizar a quenda de corta. • Nos pés obxecto da corta final: polo menos 4 metros de torada basal sen nós. • 300 m3/ha de madeira na corta final. As operacións forestais ao longo do primeiro ciclo de cultivo, de 12 anos, incluirán, como mínimo, as seguintes cuestións: plantación con planta mellorada, reposición de marras, rozas de control da vexetación de competencia, podas de formación e de calidade ata unha altura mínima de 4 metros de fuste, cortas de rareo. Resultados Estas medidas concíbense como unha semente para lograr a sostibilidade silvícola dos montes de coníferas en Galicia. A cadea da madeira galega enfronta boas perspectivas de futuro no medio prazo, pero precisa garantir un suministro futuro de madeira de calidade en cantidade suficiente. A potencialidade dos novos usos, como a madeira estrutural para a construción, estase xa a deixar sentir, coa previsión de crecementos sostidos da demanda nos próximos anos. É de destacar, neste sentido, o compromiso da Xunta de Galicia de que, a partir do 2024, polo menos o 20% das edificacións de promoción pública se constrúan con sistemas de madeira estrutural. A Fundación Arume, que onte celebrou unha reunión do seu Padroado, agradeceu este compromiso, que considera que representa unha oportunidade para todo o sector. A previsión é que trala iniciativa pública, chegue tamén a privada a esa tendencia de construción en madeira.

A singularidade da sinxeleza: o mobiliario de Isaac Díaz Pardo para Sargadelos

A Fundación Arume, que agrupa a toda a cadea monte – industria de Galicia ligada ó piñeiro, vén de elaborar un vídeo para recoñecer e prestixiar o traballo que desenvolveu Isaac Díaz Pardo (1920-2012) no deseño de mobiliario, en especial no creado para as instalacións de Sargadelos en Cervo (Lugo). O traballo de Díaz Pardo representa un exemplo temperá da importancia do deseño como elemento crave para a segunda transformación da madeira. As pezas que elaborou para Sargadelos, a maioría delas de uso cotiá, como cadeiras e mesas, son coherentes con toda a súa traxectoría artística. En palabras do arquitecto Elías Cueto, Isaac Díaz Pardo dáballe protagonismo ás “formas robutas e de xeometrías fortes”. Unha das madeiras máis empregadas no mobiliario por Isaac Díaz Pardo foi o piñeiro, xunto co castiñeiro. “O piñeiro é unha madeira sen pretensión de prestixio, que empregou como se usa na carpintería rural, sen artificios, buscando unha sinxeleza atemporal e que resoa nas imaxes da tradición etnográfica galega”, sinala Cueto. O crítico de arte David Barro, da Fundación Didac, contextualiza o mobiliario creado por Isaac Díaz Pardo no conxunto da súa obra. “Cando Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane impulsaron o Laboratorio de Formas querían enriquecer ó mundo coa nosa diferenza. Eles entenderon que o deseño era fundamental para conseguir o carácter diferencial da nosa cultura, das nosas empresas”, sinala Barro. “Con Cerámicas do Castro e Sargadelos recuperaron a historia de Galicia para levala ás casas, ó pobo. O deseño de mobiliario hai que entendelo tamén nese contexto. “É un deseño cooperativo, socialista. Cadeiras feitas para os comedores, salóns de actos, para uso de todas as persoas que tiñan relación con Sargadelos, coas fábricas e empresas. O Laboratorio de Formas impulsa unha sorte de Bauhaus galega”, explica David Barro. Con este vídeo, a Fundación Arume prosegue unha serie de vídeos divulgativos cos que quere transmitir a potencialidade da madeira galega de piñeiro. Este traballo en vídeo contou coa cofinanciación de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal.

“O piñeiro galego ten moitas posibilidades e imos polo bo camiño, pero tamén é certo que nos queda bastante por avanzar”

Jesús Nantón, director de Operacións do Grupo Malasa (Cerceda, A Coruña), leva 25 anos na empresa. Comezou a traballar como carpinteiro nos inicios da firma, cando era unha pequena carpintería, e viviu toda a súa evolución, ata convertirse no grupo empresarial que é hoxe en día, con proxectos de ‘contract’ a nivel internacional para cadeas de hoteis e ‘retail’. - Que potencialidade lle ves á madeira de piñeiro de Galicia para as aplicacións da madeira que vós traballades, tanto en mobiliario, interiorismo como en casas prefabricadas de madeira? - A madeira de piñeiro sempre estivo presente, o que pasa é que ao final o piñeiro, por equivocación ou ao mellor, porque non facemos fincapé os transformadores que estamos na parte final da cadea, estánselle descartando posibilidades xa cando se corta no monte. A limitación que sempre tivo é que se corta en monte en longos de 2,50 metros. Pensámolo desde o monte para palés, embalaxes ou para triturar. Nós agora estamos metidos na liña de casas de madeira, estamos intentado facer unha casa de madeira distinta, cunhas calidades top, cun sistema construtivo de entramado de madeira, con fachada ventilada. Podedes imaxinar toda a madeira que leva unha casa de 120 metros cadrados. Que pasa? Unha porcentaxe altisima desa madeira non pode ser piñeiro galego, cousa que a min me gustaría que fose. Non pode ser porque non temos suficiente piñeiro galego certificado para estrutural e non temos piñeiro galego cunhas dimensións suficientes para poder utilizalo para ese traballo. O máis grave para min é a limitación no longo. En canto consigamos que non haxa esas limitacións, xa lle podemos dar máis utilidades, pero esa limitación provócanos que teñamos que dar pasos atrás. Hai solucións que lles poderiamos propoñer aos clientes en madeira de piñeiro de Galicia, pero por esa limitación, non podemos facelo. - Houbo xa avances nos últimos anos en novos usos do piñeiro, como o da madeira contralaminada (CLT) para construción. Que máis pasos cres que habería que dar? - É certo que creo que imos mellorando, imos no bo camiño, con novos usos, pero aínda nos queda bastante. O primeiro é conseguir un piñeiro rendible no monte e que lle interese ós propietarios facer plantacións con el e cuidalo. Non son partidario de prohibir especies sen dar opcións. Hai que dar solucións para que se queremos que se plante piñeiro, sexa rendible, que lle interese ao propietario e que proporcione boa madeira para os transformadores. Porque agora mesmo, a madeira galega de piñeiro presenta nós, forma irregular e ten tonos, texturas e densidades variables. Pódese facer selección desa madeira, pero é un traballo extra para as empresas e iso é un problema.En canto a produtos, non se trata de comezar a cortar o piñeiro a 6 metros de longo, sen máis. A solución pasa por un proceso, unha madeira cun secado apropiado, cun ensaio estrutural para certificala, ver a que dimensións convén cortala, que laminados interesan e tomar decisións. Se tivésemos produtos de piñeiro galego con esas características e calidades, unha empresa como a nosa, a igual prezo, tiraría máis do piñeiro galego, en lugar de traballar, por exemplo, con abeto importado. - Que usos tedes actualmente da madeira de piñeiro de Galicia? - Por exemplo, nós facemos para unha cadea de ‘retail’ mobiliario en madeira de piñeiro, cousa que a min me enorgullece podela facer. Ao final vemos un moble elegante e que ten moitas posibilidades. A nivel estrutural, o mesmo. Podería ter todas as posibilidades. O 70 % da madeira dunha casa nosa é de ‘pino rojo’ ou abeto de Centroeuropa. A madeira que traemos nós para aquí está en costes un 30 % por riba da madeira de piñeiro galego. Realmente ese 30 % son costes do transporte, agora mesmo ese 30 %, se puidese repercutir en Galicia en toda a cadea da madeira, estabamos xa revalorizando sen darnos de conta o noso piñeiro e dándolle moitas máis posibilidades. O piñeiro galego nunha empresa como a nosa utilizámolo moi pouco, aínda así temos moito piñeiro. Estánselle buscando novas utilidades, nas casas estas que estamos facendo nós todas as fachadas van en piñeiro galego termotratado. É unha posibilidade que vemos que funciona, que gusta, ten un acabado de madeira moito máis nobre e ten bo comportamento para exteriores. Estase facendo agora un bo traballo co piñeiro, pero non sempre se fixeron as cousas como se tiñan que facer. Ás veces aplicáronse tratamentos en autoclave na madeira de piñeiro que non se fixeron como se tiñan que facer e que deixaron de funcionar como deberían. Entón, no exterior houbo algún fracaso con ese tipo de madeiras. O que non podemos é permitirnos que haxa fracasos.
"A madeira de piñeiro termotratada é unha solución que está gustando moito e ten moita cabida"
- A madeira termotratada de piñeiro, que empregades no exterior das vosas casas, é unha liña de produto á que lle ves posibilidades de crecemento? - O termotratado foi unha solución que está gustando moito e ten moita cabida. Hoxe mesmo aquí no almacén podemos ver piñeiro galego limpo, en espesor 50 milímetros, que dá gusto velo termotratado. Eu cando llo ensino a algunha persoa, a carpinteiros que colaboran connosco en moitos proxectos, sorpréndense de que iso sexa pino galego. Aí é onde temos que estar finos e ver as posibilidades que ten, non quedarnos en que é unha embalaxe. Aquí hai 20 metros cúbicos termotratados porque ten futuro. Teño que telo enriba da mesa porque xa aparecerá o momento no que o piñeiro teña a súa saída, porque é un pino que gusta, que ten posibilidades enormes e cun prezo competitivo. Hai pouco fixemos un proxecto con piñeiro galego para un hotel, con colocación de listóns de madeira no teito. O proxecto viña prescrito con nogal, pero para rebaixarlle o custo final ó cliente, propuxémoslle piñeiro termotratado. Encantou e temos chamadas de interioristas que nos preguntan que madeira é esa. Posibilidades hai moitas, só hai que facer un traballo coherente. - En canto ás casas prefabricadas en madeira, en que liña estades traballando? - A nosa casa de madeira, en concreto, ten un entramado de madeira que non está en contacto co exterior. É un sistema construtivo que funciona moi ben a nivel térmico e acústico. Lembro perfectamente unha casa de madeira que montamos a finais do ano pasado e xusto o día de fin de Ano, que había un temporal grande, a propietaria sorprendíase de que dentro da casa non se escoitaba nin chover nin o vento. Esa casa entregámola a inicios de xaneiro e creo que prenderon a calefacción un día en todo o inverno. Esteticamente queda preciosa tamén. É unha casa de alto nivel e que ten unha fachada ventilada, que neste caso é madeira, pero poderiámola combinar con porcelana, con metal, con outro tipo de acabados. Temos todas as posibilidades. O que temos é que facer unha casa de calidade, que loxicamente ten uns custos. Por prezo non podemos ir a unha casa de madeira, porque vai ser máis elevado que unha construción clásica e, sobre todo, unha casa de madeira coas características das nosas. A nosa casa pódese hipotecar porque non se vai acabar nunca. Un elemento moi favorable para a construción en madeira é que se fai todo en fábrica. Tes unha plataforma, chegas alí e ensamblas a casa. Unha montaxe dunha casa de 130-140 m2, en 3 - 4 semanas está feita e xa case o cliente está vivindo dentro. Loxicamente, ten un proceso anterior, pero en canto tes decidido o que queres, o proceso é áxil. Quizais un problema que vemos coas casas de madeira é que tecnicamente, para a construción das casas de madeira, en Galicia os técnicos non están aínda formados, saen da Universidade sen coñecementos suficientes neste campo, e é algo no que temos que avanzar. - Que madeiras empregades habitualmente para o mobiliario e acabados interiores? Habería madeira galega que vos puidese interesar, a parte da de piñeiro? - Unha madeira coa que temos traballado moito é o carballo europeo, no que agora mesmo temos unha situación grave, porque duplicou o prezo e é difícil de conseguir. Poderiamos substituílo por castiñeiro galego?. Si, se tivésemos madeira de calidade. O castiñeiro galego non é unha madeira carisima cando a mercamos por metro cúbico, pero ten un desperdicio esaxerado. Os castiñeiros que arrastramos ata o de agora non se trataron con cariño no proceso de corta, serrado e secado.
"Agora en Galicia xa se están facendo plantacións de castiñeiro para madeira ou para froito, co cal é previsible que se poida obter boa madeira nuns anos"
En xeral, as nosas madeiras teñen o problema de que necesitan procesos para empregalas en mobiliario, o que nos obriga a ir a outras madeiras. Agora en Galicia xa se están facendo plantacións de castiñeiro para madeira ou para froito, co cal é previsible que se poida obter boa madeira nuns anos. En canto á madeira de castiñeiro de Europa, é madeira con bos crecementos e limpa, pero non ten a densidade nin a elegancia do noso castiñeiro. Se falamos de carpinterías de exterior, en Galicia fabricáronse moitos anos do noso castiñeiro e funcionaron de marabilla. Para o exterior, eu optaría polo noso castiñeiro, pero volvemos ó mesmo, procesos da madeira. Temos agora un proxecto con vigas laminadas de castiñeiro nas Canarias e tivemos que ir a Asturias por elas, pois é onde están os mellores proveedores de madeira laminada de castiñeiro.

Malasa, unha empresa orientada a proporcionar un servizo integral

- Explícanos a historia da empresa e a liña de traballos que desenvolvedes. - O Grupo Malasa é unha empresa que se creou nun inicio como unha pequena ferretería para dar servizo aos carpinteiros. A anterior xeración tiña un serradoiro e almacén de madeira e vía unha necesidade de mercado, que era ter unha ferretería especializada de cara a eses carpinteiros, ós que xa se lles vendían taboleiros e madeira, pero que precisaban de máis servizo. Creouse esa ferretería no 1992 e no 94-96 montouse un pequeno taller de carpintería que nese momento tiña 1.000 metros. Comezouse a medrar con iso e no 1999 xa tivemos a oportunidade de entrar na colocación de tarimas nas tendas Inditex, que realmente foi a cadea que nos fixo crecer, independentemente de que nos diversificamos moito máis. Naquel momento había falta de instaladores e nós puidemos cubrir esa necesidade e entrar noutras ramas de traballo das tendas. No 2000 comezamos a fabricar mobiliario, coincidindo cun boom na construción, enfocámonos moito no mobiliario de fogar, todo o que son armarios, portas... Daquela comezamos tamén a fabricar mobiliario para o segmento de ‘retail’. Chegados a este punto, no 2007 vimos que as instalacións quedábanse pequenas para dar servizo aos clientes que estabamos adquirindo e ás posibilidades que tiñamos de mercado. Era un momento malo, porque foi cando caeu a construción de vivenda, pero por outra vía a nós entrounos unha carga de traballo, que era fabricar mobiliario. Entón tomouse unha decisión, montáronse unhas instalacións que son nas que estamos agora aquí en Cerceda, de 4.500 metros, que nos parecían esaxeradamente grandes, pero hoxe mesmo aquí en Cerceda temos 50.000 metros cadrados cubertos. Montamos unhas liñas de barnizado e adaptámonos un pouco ás necesidades que tiñamos para dar servizo ao cliente, que ao final é o que sempre fai Malasa. Considerámonos unha carpintería, pero máis ben unha empresa de servizos, que foi o que sempre intentamos facer: darlle un servizo cada vez máis integral ao cliente. Polas necesidades que tiñan os nosos clientes e que non eramos capaces de cubrirllas só con subcontratas, tivemos que ir abarcando outras ramas. Por exemplo, integrando dentro do Grupo unha empresa de metal, cristal... para ofrecer o conxunto completo, que é o habitual nos segmento de ‘contract’, no que se traballa para cadeas de hoteis, restauración, etc. Tamén hai que precisar que das nosas raíces non apartamos nada, seguimos dando servizos ó cliente particular. Seguímolo facendo, respectámolo moitisimo e creo que temos que seguir facéndoo así. De feito, na Coruña temos un showroom renovado, cun investimento importante, e seguimos mantendo esa carpintería pequena que tiñamos alí, para seguir dando servizo ao cliente particular, para non deixalo de lado. É algo que levamos no sangue todos.
  • Entrevista difundida pola Fundación Arume

“A construción en madeira ten dous falsos mitos, o lume e a durabilidade”

- Cóntanos brevemente a historia de empresa. Maderas Besteiro é unha empresa que naceu no 1930 en Castroverde. Foi fundada por Bautista Besteiro Fornes. Nos anos 40 trasladouse para Lugo capital e estivo na cidade ata 1977, que foi cando se construíu a primeira nave na ubicación actual. Outro fito importante foi no 1988, que se instalou a maquinaria para transformar madeira maciza, que foi onde empezou a parte de transformación de Maderas Besteiro, pois a empresa nacera só como distribuidora de produtos de madeira. Destacar tamén que a mediados da década dos 60 incorporouse a segunda xeración á dirección da empresa e no 2000 a terceira xeración. - Explícanos as vosas principais liñas de traballo a día de hoxe. En Maderas Besteiro temos tres grandes liñas de negocio ou áreas de actividade. Por un lado temos o que é a madeira maciza, que nós mercámola a serradoiros en táboa e, ou ben distribuímos esa madeira ou ben transformámola facendo tarimas, frisos, molduras, marcos, escaleiras... Transformámola e vendémola a profesionais. Outra gran liña de negocio é o taboleiro, que o distribuímos ou o transformamos fabricando cociñas, armarios, corte mecanizado de taboleiro... e por último temos a construción con madeira, que quizais vén das dúas anteriores. - Na liña de construción en madeira, fálanos da evolución que estades vendo no mercado nos últimos anos. Nós empezamos con máis profundidade no tema da construción con madeira no 2013. Dende o 2013 ata agora, o que vimos foi unha evolución no tipo de construcións. Antes era máis unha estrutura pesada, é dicir, cubertas ou forxados, principalmente, en rehabilitación. Agora xa non só é a rehabilitación, senón construción de edificación nova con CLT (madeira contralaminada), con viga laminada e con taboleiro, e vamos cara a edificacións en altura, non só vivendas unifamiliares.
"Vemos interese por construír en madeira por parte dos arquitectos, consumidor final e administracións públicas por diferentes motivos: por ecoloxía, eficiencia, por aforro térmico..."
Estamos vendo unha evolución no proceso. Actualmente creo que temos un futuro moi interesante no que é a construción con madeira, simplemente polo que sucedeu en Alemaña, Austria e en todo o centro Europa e que se está a trasladar a España. Vemos ese interese por construír en madeira por parte dos arquitectos, consumidor final e administracións públicas por diferentes motivos, por ecoloxía, eficiencia, por aforro térmico... Por unha serie de elementos vemos que o mercado está a tirar por aí e como di un dos donos de Madeiras Besteiro, estamos no século da madeira. A ver se é certo e somos capaces de consolidalo. - Explícanos algúns dos proxectos nos que estades traballando ultimamente en construción con madeira. Na construción con madeira centrámonos en desenvolver o proxecto do cliente, tanto pode ser unha edificación en altura, como vivendas familiares como naves industriais. Como exemplo, nós como xa tiñamos que ampliar as instalacións, o que fixemos foi unha nave industrial en celosía, en viga laminada, con 26 metros de luz e 27 de longo. O importante é que con madeira de stock, con madeira estrutural de stock habitual, construímos unha nave que ten 26 metros de luz máis de 7 de voo por un dos laterais. Actualmente estamos tamén facendo en CLT dúas instalacións para a Consellería de Medio Rural, que son bases operativas dos equipos de loita contraincendios. Estamos tamén nestes momentos construíndo un par de vivendas unifamiliares en CLT e estanse ademais fabricando dúas estruturas pesadas de viga laminada cubertas para dúas rehabilitacións. - Existen falsos mitos relacionados coa construción en madeira? A verdade é que a madeira ten dous grandes mitos: o lume e a durabilidade. En canto ao lume, evidentemente a construción con madeira ten que cumprir os mesmos requisitos, o mesmo código técnico que ten que cumprir o ferro ou que ten o formigón ou calquera elemento que se empregue como estrutura. Entón, nese sentido o consumidor ten que estar totalmente tranquilo porque os requisitos son exactamente os mesmos. De feito, en canto ao lume, o ferro hai que protexelo. O ferro o problema que ten é que un lume nun edificio de madeira sábese como vai evolucionando e sábese cando o edificio pode chegar a ter problemas de que se derribe ou non. En cambio, co ferro prodúcese un colapso e cae no mesmo momento. Arderon en Madrid unhas torres que eran totalmente de ferro. Ocorreu unha desgracia terrible en Murcia na que a estrutura non era de madeira. En canto ao lume, está totalmente superado iso.
Sobre a durabilidade, eu sempre digo que imos cansar nós da madeira antes de que a madeira se vaia cansar de nós
En canto á durabilidade, o mesmo. O problema é que moitas veces emprégase a madeira inadecuada para usos incorrectos. Hai centos de especies de madeira e teñen a súa usabilidade, entón hai que facer un uso correcto da madeira. Temos edificios en Europa, centos de igrexas, que datan de 1600-1700. O edificio de madeira máis grande do mundo está en Xapón e data do 750. A última modificación foi feita no 1700. A durabilidade está totalmente garantida. O que hai que ter é un uso adecuado das especies. Eu sempre digo que nos vamos cansar nós antes da madeira que a madeira se vai a cansar de nós. - En madeira estrutural para construción, con que madeiras traballades e cal é a súa orixe? Na parte estrutural empregamos madeira e principalmente temos dous produtos: a viga laminada e o CLT. En canto á viga laminada, importámola do centro de Europa, é principalmente de abetos e pino silvestre, nun 95 %, hai outros elementos como o castaño ou eucalipto, pero en minoría. Por outra banda, empregamos o CLT (madeira contralaminada). Antes traíamolo de Centroeuropa, pero agora hai unha empresa en Galicia que fai CLT con Pino de Galicia, entón actualmente é o que estamos empregando. - Ves posibilidade de que a industria galega de piñeiro desenvolva máis produtos para madeira estrutural ou será complicado competir, por exemplo, coas vigas laminadas e outros produtos similares, de Centroeuropa? Competir con Centroeuropa en canto a produtos estruturais, que foron os que os desenvolveron, pois non é fácil, teñen gran cantidade de materia prima, tecnoloxía, coñecemento, pero evidentemente non é imposible nin moito menos. Proba delo é que Xilonor está facendo un CLT que pode competir co CLT de Centroeuropa. Eu creo que a viga laminada si se pode facer en Galicia, e creo que temos madeira para facelo. O pino pinaster ten unhas propiedades adecuadas. O que pasa é que si é certo que temos que evolucionar todos xuntos, é dicir, dende a xenética ata o contract, dende a primeira transformación ata a segunda ou ata os fabricantes de produtos finais. É dicir, toda a cadea de valor ten que evolucionar e mirar un pouco o que fixeron e fan os grandes fabricantes de produtos estruturais. Si temos posibilidades e capacidades, pero temos que mellorar dende a xenética ata o produto final. - En canto á vosa actividade como suministradores de táboa, traballades cunha ampla gama de madeira de coníferas, de distintas especies e procedencias. Como ves no contexto do mercado a marca Pino de Galicia? Eu creo que a marca Pino de Galicia é fundamental neste proceso de evolución e de mellora da calidade do pino de Galicia.
Pino de Galicia está poñendo as bases para que a calidade do piñeiro galego se valore
Primeiro porque crea marca, crea un nome. Ata agora o pino de Galicia está na parte baixa de valor dos distintos pinos que hai, e iso, en moitos casos, inmerecidamente. Ao non haber unha marca, algo que aglutine e que defenda e protexa a calidade do pino de aquí, que marque unhas directrices de como se debe de serrar, como deben ser as táboas, como debe ser a calidade que debe ter...fai que cada un vaia polo seu lado. Iso é inviable á hora de conseguir competir con estes grandes monstros do Centroeuropa. Pino de Galicia e a Fundación Arume están poñendo as bases para que a calidade do piñeiro galego se valore. - Falemos agora da liña de taboleiros e interiores. Cal é a situación de mercado e as tendencias que percibides en materiais e acabados? Actualmente hai unha tendencia cara a un gusto dos decoradores, arquitectos ou interioristas, a un uso da madeira como elemento decorativo, que para nós é fantástico. A verdade é que si que se está observando esta tendencia no consumidor final. Quizais no que é a madeira maciza está un pouco máis estable, pero si que nos taboleiros chapados con madeiras naturais ou melaminados, nos que se poden facer centos de acabados, hai unha infinidade de solucións dende o punto de vista do deseño. Isto abre moitas posibilidades no desenvolvemento da industria de Galicia. - Na gama de taboleiros, como están posicionados os produtos fabricados en Galicia? Eu creo que temos aquí, en Galicia, grandes fabricantes de taboleiros, iso é indudable. Son fabricantes de reconocidísimo prestixio. Nese aspecto, no aspecto do taboleiro, non temos nada que envexar ou pouco que envexar a outras zonas de Europa con produtos similares. Si na parte estrutural, na parte de madeira maciza. Eu creo que somos unha Comunidade, ou a Comunidade que produce o 50 % aserrada de España. Dentro de Europa temos un peso moi relevante. Como dicía José Carballo, temos a mesma superficie forestal que Baviera, en cambio non temos a mesma rendibilidade que ten Baviera. Temos as bases, temos monte, temos especies que nos poden dar moito xogo (pino, eucalipto, castaño...), que nos poden permitir xogar nas grandes ligas e evolucionar moito. Tendo todas esas bases, creo que entre todos, creo que é un traballo da sociedade, da industria, das administracións públicas, dos prescriptores... todos temos que valorar máis o que aquí facemos e o que aquí podemos facer.
  • Entrevista difundida pola Fundación Arume

Madeira en exteriores: tres proxectos con Pino de Galicia

O emprego de madeira en exteriores de edificacións é unha opción que ofrece numerosas vantaxes, tanto a nivel de sostibilidade ambiental dos proxectos como a nivel estético e técnico. Co fin de amosar a potencialidade da madeira de Pino de Galicia en exteriores, a Fundación Arume elaborou un vídeo no que amosa tres proxectos executados con madeira galega, que se demostra adaptada ás distintas necesidades, pois cumpre coas esixencias técnicas e de durabilidade para usos exteriores. En concreto, a peza ensina o complexo de cabanas de Beche (Abegondo, A Coruña), a iniciativa Cabañitas del Bosque (Serra de Outes, A Coruña) e un complexo residencial de apartamentos turísticos en Foxos (Sanxenxo), que está en execución. O traballo complétase coas explicacións de Jorge Martínez, director executivo de Suites Nature (Cabanas de Beche), de Abel Castro, da empresa Hermanos Castro, que suministrou madeira termotratada para o proxecto de Cabañitas del Bosque, e de Juan Álvarez, da promotora Arial, que edifica un conxunto de edificios de apartamentos turísticos en Sanxenxo. Esta peza inclúese na serie divulgativa, formada por vídeos e entrevistas, coa que a Fundación Arume quere dar a coñecer o traballo da cadena monte industria de coníferas, destacando a ampla gama de usos e aplicacións que ofrece a madeira galega de piñeiro.

Claves para a obtención de madeira de piñeiro de calidade

A produción de madeira de calidade é clave para toda a cadea monte – industria, pois permite destinar a madeira a usos de maior valor engadido. Eses usos de maior valor, como por exemplo a madeira destinada a construción (CLT, madeira para exteriores, etc.), repercuten en primeiro lugar nos ingresos que poden recibir os propietarios forestais pola venda de piñeiro en monte. E en último termo, a calidade da madeira contribúe a potenciar en Galicia unha industria de primeira e segunda transformación especializada en darlle valor á materia prima. Co obxectivo de divulgar as claves para a obtención da madeira de calidade, a Fundación Arume vén de elaborar un vídeo que explica os requerimentos da industria e as vías de traballo en monte para adaptarse ás demandas dos serradoiros. A cuestión principal a ter en conta é o coidado dos traballos silvícolas (podas, rareos), así como o emprego de planta de boa xenética. Outro punto de interese do vídeo é a explicación dos criterios de clasificación da madeira da marca Pino de Galicia, que busca prestixiar a madeira galega no mercado pola vía de garantir a súa orixe e estandarizar a clasificación das súas calidades. O vídeo ofrece as explicacións do enxeñeiro de montes Jorge Bouzas (Asociación Forestal de Galicia), do secretario da marca Pino de Galicia, David Lorenzo, e de José Lozano (Maderas Goiriz, Vilalba). Con esta peza, a Fundación Arume continúa a serie divulgativa de vídeos sobre a madeira, cos que quere dar a coñecer o traballo da cadena monte industria de coníferas, destacando a ampla gama de usos e aplicacións que ofrece a madeira galega de piñeiro. Este traballo conta coa cofinanciación de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal.

A madeira galega ante o reto da construción como sumidoiro de carbono

O encontro ‘Piñeiros 23’, organizado pola Fundación Arume na Cidade da Cultura, puxo o foco sobre o carácter disruptor que está a ter a madeira na construción. O presidente da Fundación Arume, José Carballo, sinalou que en Centroeuropa xa hai un 20 – 30% de vivendas que se están edificando en madeira estrutural, unha tendencia que pronosticou que irrumpirá con forza nos próximos anos en Galicia e no resto de España. Tras anunciar esta semana o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que no 2024 fixará unha porcentaxe mínima de edificios públicos construídos en madeira, Carballo suxeriu extender o compromiso ás vivendas de promoción pública, para o que propuxo unha cifra mínima dun 20% de vivendas de protección oficial feitas en madeira estrutural.

O edificio en madeira máis alto de España

Unha das actuacións pioneiras en madeira en España é o edificio ‘Terrazas para la Vida’ (Barcelona), un edificio de vivendas para aluguer social que está sendo levantado con madeira galega. A obra, de 8 plantas e baixo, será o edificio en madeira máis alto de España. Presentou a obra en ‘Piñeiros 23’ o arquitecto Daniel Ibáñez, director do Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña. Ibáñez incidiu en que este tipo de obras enmárcanse nun novo paradigma, o da construción como sumidoiro de carbono. “A construción é un dos sectores que máis contribúe ás emisións de carbono a nivel global. Un 50% desta contribución débese ó proceso de produción dos materiais que emprega (aceiro, formigón, ladrillos, etc.). Por tanto, a madeira, un material que é sumidoiro de carbono, é clave no novo paradigma”, valorou. Edificio Terrazas para la vida situado en Barcelona e deseñado por Urbanitree.// Imaxe Daniel Ibáñez. O director do Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña fixo tamén referencia a importancia de variar os criterios de adxudicación da obra pública. “Tradicionalmente, o criterio é un 50% de calidade arquitectónica e un 50% de custo. Nós este edificio puidémolo executar porque se marcaron outros criterios: 30% de calidade arquitectónica, 30% de pegada de carbono, 30% de tempo de montaxe e 10% de custo”. Sobre o maior custo das obras en madeira, Ibáñez sinalou que era unha cuestión relativa. “Pensemos que este edificio tardamos 6 meses menos en montalo en madeira que se o fixésemos do xeito tradicional, co que se aforra moito en tempo de traballo en obra”, precisou, pois ao chegar todas as estruturas de madeira cos cortes e medidas precisos de fábrica, o traballo en obra redúcese a unha montaxe en seco. Na xornada tamén se abordou a construción doutros edificios onde a madeira é protagonista, como a nova sede da Fundación Naturklima en San Sebastián, un dos proxectos destacados do estudo Varquitectos, onde a madeira xoga un papel fundamental. Este é un exemplo máis onde o emprego da madeira contribúe xa non só a dispoñer de edificios pasivos, senón que mesmo teñen un impacto negativo, xerando así un novo paradigma onde os edificios poden chegar a producir máis enerxía da que consumen para a súa construción, reducindo deste xeito o seu impacto ambiental. 

Potencialidade do monte galego para a construción

Para potenciar o uso da madeira galega na construción, o presidente da Fundación Arume, José Carballo, incidiu na necesidade de traballar a calidade desde o monte, primeiro con boa planta e despois con tratamentos silvícolas (podas, rareos) que permitan obter madeira de calidade. “En Galicia, os propietarios forestais cobran 300 millóns de euros ó ano polas súas cortas de madeira, pero en Baviera (Alemania), un estado que leva décadas apostando pola silvicultura, os propietarios forestais ingresan 3.000 millóns de euros ó ano” (cun bosque de 2,6 millóns de hectáreas, polos 1,4 millóns arborados de Galicia). A comparación entre Baviera e Galicia é aínda máis chamativa no campo da industria, pois alí a madeira para construción xera na industria 7.000 millóns de euros ó ano, en tanto en Galicia é un sector nacente, segundo lembrou Carballo. A potencialidade que presenta o monte galego para a construción, cunha materia prima cercana e que pode aportar trazabilidade, foi tamén posta de manifesto polo prestixioso arquitecto David Chipperfield, que incidiu na súa intervención en Piñeiros 23 na necesidade de xerar máis oportunidades a través da madeira. David Chipperfield durante a súa intervención en Piñeiros 23. Chipperfield comparou os 10.000 empregos que xera o sector da madeira en Galicia, “ocupando o 60% do territorio”, cos máis de 100.000 que xera o turismo. A este respecto, Chipperfield incidiu na importancia da segunda transformación da madeira como elemento para “xerar novas oportunidades”, un camiño no que precisou a importancia de elementos como a formación, a investigación ou a mellora da xestión dos bosques. Sobre o monte galego, Chipperfield tamén incidiu na súa importancia social e ambiental, aspectos que insistiu que ten que ter en conta a industria. A Fundación RIA, impulsada por Chipperfield en Galicia, traballa precisamente con comunidades de montes e entidades públicas en proxectos que tratan de mellorar a xestión ambiental do territorio, pois como o arquitecto lembrou, “existe unha gran interdependencia entre o entorno natural e o construído”. Intervención do conselleiro de Medio Rural, José González, no acto de inauguración da xornada.

Mellora xenética

Outro dos eixos de ‘Piñeiros 23’ foi a mellora xenética das coníferas, en especial do piñeiro insigne (‘Pinus radiata’), unha cuestión sobre a que falaron representantes de País Vasco, Asturias e Cataluña. Todos eles abordaron as innovacións que se están poñendo en marcha para mellorar a selección xenética das árbores e lograr planta máis produtiva e resistente a pragas e enfermidades. O director do Centro Tecnológico y de la Madera de Asturias, Juan Majada, sinalou en concreto todas as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías de sensores (cámaras multiespectrais, cámaras térmicas, Lidar, Nir, etc.), pois facilitan a valoración de distintos parámetros técnicos das árbores. Estas novas tecnoloxías permiten cuantificar con criterios obxectivos algúns dos aspectos relevantes para a selección xenética así como introducir parámetros como o volume de tronzado óptimo que normalmente non se inclúen nos programas de mellora, pero que resultan de interese. Por parte de Galicia, Francisco Larío (Tragsa), subliñou as novas técnicas de propagación vexetativa (clonación) que están introducindo os viveiros galegos, o que facilita a multiplicación de plantas con mellora xenética. Un dos proxectos iniciais de propagación vexetativa estase facendo con planta de piñeiro que presenta maiores resistencias á praga do nematodo. “Este ano, nun campo de pés nai de 600 plantas, con 150 metros cadrados de superficie, obtivemos por estaquillado e posterior enraizado das estaquillas un total de 10.000 plantas”, explicou. “O obxectivo para o ano é lograr 20.000”, sinalou, con perspectiva de que estas cifras se poidan multiplicar no futuro. “Cun campo de pés nai de pouco máis de hectárea e media e unha porcentaxe de enraizamento das estaquillas do 70%, poderiamos conseguir máis de 3,5 millóns de plantas ó ano”, destacou. “É unha planta máis cara que a planta de semente, pero que tamén ofrece maiores garantías, sobre todo para zonas que sexan sensibles ó nematodo do piñeiro”, valorou.

Obxectivos comúns entre Euskadi e Galicia

Nesta terceira edición, como xa acontecera o ano pasado con Portugal, a xornada serviu para abordar a relación con Euskadi e o seu sector forestal. Así, contou coa participación da Fundación Baskegur, asociación profesional que representa ó sector forestal e da madeira vasco. Federico Saiz, presidente da entidade, destacou a visión común que comparten Euskadi e Galicia coa mirada posta nunha xestión forestal sostible, con prácticas respectuosas co medio ambiente, a rexeneración dos montes, abordar retos en materia de sanidade forestal e a procura tamén dunha sostibilidade económica do sector. Saiz tamén apuntou á necesidade de establecer unha colaboración entre Galicia e o País Vasco para o posicionamento do sector nos mercados europeos, ó tempo que sinalou proxectos nos que xa están a contar co apoio de entidades galegas como a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) para desenvolver un programa de trazabilidade da madeira do monte á cadea de valor, baseado no que está xa operativo en Galicia. A xornada de tarde concluíu cunha mesa orientada á bioeconomía, na que se abordaron diferentes usos da madeira (mobles, caixas de viño, artesanía, etc.). O acto contou coa inauguración do conselleiro do Medio Rural, José González, e pola tarde foi clausurado pola conselleira de Vivenda, Ángeles Vázquez. Na súa intervención, González incidiu no compromiso da Xunta en impulsar a construción pública con madeira e lembrou tamén que de cara ó 2024 Medio Rural porá en marcha un mercado voluntario de créditos de carbono, que complementará ó do Ministerio e que xerará novas oportunidades para a venda do CO2 capturado polos montes.

300 persoas inscritas para asistir a Piñeiros 23, o evento de referencia na cadea monte industria de coníferas

Arredor de 300 persoas confirmaron xa a súa inscripción para asistir o próximo martes 10 de outubro a ‘Piñeiros 23’ (Cidade da Cultura, Santiago), un evento que na súa terceira edición se posiciona xa como un referente internacional na cadea monte industria de coníferas. Ás 300 persoas que estarán presencialmente no encontro, organizado pola Fundación Arume, hai que sumar ós asistentes online ó streaming, unha inscripción esta última que se mantén aberta. Este terceira edición do encontro Piñeiros conta con tres bloques principais: edificios de baixo impacto con coníferas do sur de Europa; innovación e cooperación na mellora xenética do piñeiro radiata, e bioeconomía e madeira no espazo rural (moble, viño, arte e turismo). O evento, que se celebrará o 10 de outubro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, contará tamén cunha conferencia de apertura a cargo do recoñecido arquitecto David Chipperfield, fundador e presidente da Fundación RIA. É de destacar ademais que a edición 2023 de Piñeiros, a terceira, daralle especial protagonismo a Euskadi, un dos territorios do arco atlántico europeo que é referente no manexo silvícola e no aproveitamento industrial do piñeiro radiata. Coa inclusión de Euskadi no programa, séguese a liña iniciada o pasado ano, cando fora o sector forestal e da madeira de Portugal o convidado especial de Piñeiros, con investigadores, empresas e outras entidades do país veciño. Piñeiros 23 está cofinanciado pola Axencia Galega da Industria Forestal. Detállase o programa completo a continuación. PROGRAMA PIÑEIROS 23 Data: 10 de outubro de 2023. Hora: de 08:45h a 17:00h Ubicación: Edificio Fontán (Cidade da Cultura - Santiago de Compostela). PROGRAMA: 08:45h - Recepción e acreditación de asistentes. 09:30h - Apertura. • José Carballo, presidente da Fundación Arume. • Federico Saiz, presidente de Baskegur. • Representante institucional da Xunta de Galicia. 10:00h - Conferencia. David Chipperfield, fundador e presidente da Fundación RIA. Máis que unha economía. 10:30h - Edificios de baixo impacto con coníferas do sur de Europa. • Moderadora: Lara Méndez, alcaldesa do concello de Lugo. • Daniel Ibáñez, director do Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña. Edificio Terrazas para la vida de Barcelona. • Germán Velázquez, socio do estudo de arquitectura Varquitectos. Proxecto nova sede de NaturKlima en San Sebastián. • Ivet Gasol, socia fundadora de Cierto Estudio. Illa Glòries, Barcelona. • Alex de Rijke, socio fundador do estudio dRMM. Proxecto Wellness Hotel en Nazaré (Portugal). 12:00h - Pausa café. 12:30h - Innovación e cooperación en mellora xenética de Pinus radiata. • Moderador: Ricardo Alía, profesor de investigación do Instituto de Ciencias Forestais (ICIFOR-INIA-CSIC). • Juan Majada, director do Centro Tecnolóxico Forestal e da Madeira de Asturias (CETEMAS). • Francisco Lario, responsable de investigación de TRAGSA-Maceda. • Javier Herrero, investigador do Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario (NEIKER). 13:45h - Pausa para refrixerio. 15:15h - Bioeconomía e madeira nun espazo rural resiliente: moble, viño, arte e turismo. • Moderadora: Genoveva Canals, coordinadora de UNEmadera. • Enrique Arrillaga, fundador de Muebles LUFE. • Florence De Kimpe, directora de marketing de Lafite Rothschild. • Frank Buschmann, artista do moble. • Jorge Martínez, CEO e fundador de Suites Nature. • Mercedes Rois, directora da Área de Innovación Forestal da Axencia Galega da Industria Forestal. Bosques resilientes para a sociedade. Proxecto RESONATE. 17:00 - Acto de clausura. Ánxeles Vázquez Mejuto, Vicepresidenta Segunda e Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

“No centro e norte de Europa nunca deixaron de construír en madeira, aquí sí, e agora temos que recuperar esa cultura”

A ampliación do centro de saúde do Porriño é a segunda edificación en madeira do Sergas, trala boa acollida que tivo o centro de urxencias da Laracha (A Coruña). De ambos proxectos encargouse o estudo Ezcurra e Ouzande Arquitectura, que leva apostando pola construción en madeira desde os seus inicios. “Para os centros de saúde, o uso da madeira aporta calidade de ambiente interior. A madeira é un material que contribúe a dar tranquilidade e acouga, dálle benestar tanto ás persoas traballadoras como ás usuarias, algo moi importante tras todo o que vivimos na pandemia”, valora a arquitecta Cristina Ouzande, unha das responsables do proxecto do Porriño. - Fálenos do proxecto de ampliación do centro de saúde do Porriño. - Este proxecto sae dun concurso que nós gañamos. A Administración pedía que fose un edificio basicamente de madeira e nós propuxemos un sistema mixto, que leva uns forxados de madeira contralaminada e uns paramentos de entramado. Practicamente é unha construción 100% de madeira, salvo a cimentación, que é de formigón. Tanto na estrutura como nos acabados interiores empregamos madeira. As carpinterías son de madeira, con emprego tamén de taboleiros derivados da madeira en baños e consultas. Nas fiestras, a parte de poñer uns vidros baixo emisivos, colocamos unhas celosías nas fachadas leste e sur, que tamén axudan a que non se produza un quecemento importante dentro do edificio, que é un problema que había no edificio inicial do centro de saúde, onde faremos unha intervención posterior para intentar controlar este aspecto. Por último, incorporamos cubertas axardinadas, que é un elemento que a nós nos parece moi interesante a nivel térmico e ambiental. - Tódalas fachadas exteriores son tamén de madeira. Explíquenos o material que empregaron para as fachadas. - Esta é unha madeira de piñeiro de Galicia, termotratada, que ten unha clase 3 de resistencia ó exterior e leva un tratamento ignifugado, de resistencia ó lume, xa que é obrigatorio nestes edificios. É toda unha madeira que leva trazabilidade. Poremos na entrada un código QR que permitirá que calquera poida ver no seu móbil todo o percorrido da madeira, desde que se cortou en monte ata a súa chegada á obra. Nos interiores traballamos tamén con piñeiro nalgúns acabados e con outras madeiras, como o castiñeiro para as tarimas ou o cedro para as fiestras. - A construción estrutural en madeira é unha tendencia que se está introducindo en Galicia nos últimos anos. Que cre que se necesita para que colla impulso? - Creo que se precisa algo máis de difusión todavía e que a xente vexa que é un sistema que non xera problemas. Porque unha persoa cando inviste nalgo quere que teña unha durabilidade, entón ver que estes sistemas teñen esa durabilidade e que aportan beneficios que non aportan outros sistemas construtivos é unha das claves. Outra cuestión importante é que en Galicia temos xa empresas fabricando material con madeira galega para construción, pero precisamos máis gamas de produto para poder ter un suministro local e que a pegada de carbono da edificación sexa relativamente pequena. - A durabilidade das construcións en madeira é unha das dúbidas habituais entre a cidadanía. Que nos pode dicir sobre iso? - A durabilidade é toda a que se poida necesitar. O único a ter en conta é que a arquitectura de madeira hai que pensala como arquitectura de madeira, hai que deseñala como arquitectura en madeira. Non serve facer un proxecto de formigón e despois executalo en madeira, xa que precisas ter as solucións constructivas ben traballadas para que funcionen e a madeira permaneza en bo estado todo o tempo que se precise. - Incluso nos exteriores? - Como se pode ver aquí no centro de saúde do Porriño, nós non temos ningún medo. Hai que coidar certas cousas, adaptar as solucións. Por exemplo, nós temos uns verteaugas nas fiestras para recoller as cabezas do entaboado, temos uns petos cubertos cuns topetes que protexen da auga os remates superiores, etc. En definitiva, tendo en conta unha serie de cuestións á hora de construír, non debería haber ningún problema, pero son cuestións que tamén tes que ter en conta con outros materiais, non é tan extraordinario, é construír ben, máis nada. - Falaba antes da necesidade de máis materia prima de orixe galega. Onde ve necesidades? - Por exemplo, a día de hoxe, hai materiais como os laminados de piñeiro silvestre (‘pino rojo’) que veñen de fóra, cando o piñeiro do país, nalgúns aspectos, é mesmo mellor a nivel técnico para usos estruturais. Que sucede?. Que os europeos nunca deixaron de construír en madeira. Eles levan moitos anos facendo silvicultura coidada e sostible, cunha industria xa moi potente, e nós temos que collelos, imos un pouco atrás. Nin Francia, nin Alemaña, nin os países nórdicos nin en Inglaterra se deixou de construír en madeira. Nós deixamos de construír absolutamente en madeira. Entón, claro, tamén se perderon os oficios e se perdeu coñecemento. De feito, atopar carpinteiros é un problema. Vista aérea das obras no centro de saúde de O Porriño. - No contexto da bioeconomía, a madeira preséntase como un material renovable e sostible de gran interese. Cre que pode coller máis importancia na construción? - A madeira é importante en construción porque ten unha pegada de carbono moi baixa e ese é un elemento bastante definitivo, tendo en conta o cambio climático. A propia Unesco vén de pedir máis madeira e materiais reciclados nos edificios, xa que a pegada de carbono da construción é moi alta. Outro factor a ter en conta é que cos actuais sistemas de traballo, que permiten fabricar as pezas en taller e reducir o traballo da obra case a unha montaxe, logramos acurtar moito os tempos de construción e obtense moita precisión. Unha vantaxe adicional é que se trata dunha construción en seco, co que eliminas as humidades dos morteiros e todo isto son melloras sobre os sistemas tradicionais. - Pódese dicir que a madeira ten tamén vantaxes técnicas en comparación cos edificios tradicionais de formigón e ladrillo? - Si, é un material que ten un bo comportamento dentro da hidrometría ambiental do edificio, ten un bo comportamento técnico, tamén acústico e aporta esa calidade de ambiente interior que, por exemplo no caso do centro de saúde do Porriño, é moi importante para os usuarios. - Cre que proxectos como o do Porriño, de iniciativa pública, poden ser importantes como modelos de referencia para a cidadanía? - Crear modelos de referencia é importante porque cando alguén decide facer algo en madeira, necesita ver outras cousas, para ver que realmente hai máis que cabanas, xa que o imaxinario da xente en relación á construción en madeira é o dunha casiña para ir as fins de semana. Non se entende que poida haber unha arquitectura cun programa xa complexo e cunhas instalacións importantes. Por iso é interesante que se poidan ver estes exemplos. Tamén hai que destacar que unha cousa boa é a liña de axudas autonómicas que se están a sacar para incentivar a arquitectura en madeira.
“A arquitectura tradicional galega era basicamente en madeira”
- En Ezcurra e Ouzande Arquitectura destaca a especialización que tedes na construción en madeira. Como chegastes a esta liña de traballo? - Tanto a miña socia, Cristina Ezcurra, coma min arrancamos traballando nunha oficina de rehabilitación, entón estivemos traballando en intervencións de arquitectura protexida e aquí a arquitectura tradicional é basicamente madeira. Temos os muros de pedra, pero tanto os forxados como a tabiquería como as carpinterías son de madeira. Para nós é un material moi próximo, que entendiamos moi ben, e que unha vez se xunta coa maneira en que nós cremos que se debe facer a arquitectura, tendo en conta as necesidades sociais e ambientais do momento, pois optamos por traballar coa madeira tamén na arquitectura de nova planta. - Que proxectos destacarías dos que levades acometido? - Un proxecto moi querido para nós é un proxecto de rehabilitación, que é a intervención no castelo de Monterrei (Monterrei, Ourense), tanto do interior do castelo como da casa reitoral. No caso da reitoral, estaba en ruínas, polo que nela fixemos unha intervención de rehabilitación estricta, con reposición dos sistemas estruturais en madeira, entaboados, carpinterías e cubertas, tal e como era en orixe. Tamén destacaría a rehabilitación de Vila Concepción (Cambre) como Casa de Cultura. É unha casa de inicios do século XX, estilo palacete parisino, e ten un interese moi importante polos oficios de madeira e de metal, por como están traballados os elementos decorativos. É un sitio para ver como eran os oficios nese momento, que é algo que en Galicia non se ve habitualmente, xa que en Galicia o modernismo pasou con moita discreción. - E en obra nova? - En obra de planta nova, destacaría o PAC da Laracha, porque foi un cambio de paradigma na concepción en que se ten que facer un edificio público. En principio, o Sergas non tiña en mente cando se fixo ese edificio facer nada en sistemas de madeira. Propuxémolo nun concurso, que gañamos, e a partir de aí fomos pechando con eles a solución, para ver a viabilidade do sistema, que funcionou moi ben, xa que tivo moi boa acollida por parte dos sanitarios e dos usuarios, e iso para o Sergas foi importante.
  • Entrevista difundida pola Fundación Arume

“A marca Pino de Galicia pode ser unha vía para achegar valor engadido á táboa de calidade”

Serrerías Rodríguez, situada en Valga (Pontevedra), é unha empresa especializada no serrado de coníferas e foi unha das primeiras en contar co selo Pino de Galicia, que se puxo en marcha en 2022. Coñecemos da man de Ana Busto Zúñiga, adxunta de dirección da firma e cuarta xeración de Serrerías Rodríguez, máis sobre esta empresa. -Cóntanos como é Serrerías Rodríguez? -Serrerías Rodríguez somos unha empresa familiar, somos xa a cuarta xeración. A nosa principal liña de negocio é a fabricación de táboa para empresas que fabrican e reparan palés. Ademais, temos outras liñas, pero son de menor volume, como a táboa de carpintería. En total, temos unha produción aproximada de 6.000 metros cúbicos ao mes. - A embalaxe é o primeiro segmento de negocio do piñeiro galego. No voso caso, cando e por que comezastes a especializarvos na fabricación de palé? -Comezamos coa fabricación de táboa para palé sobre a década dos 70. Inicialmente a serrería estaba centrada na fabricación de táboa para envases de froita ou bebidas, pero cando comezaron a fabricarse tamén os palés para utilizar no transporte doutro tipo de produtos, viron que había un nicho de mercado e decidiron especializarse nel. Os nosos principais clientes son fabricantes e reparadores de palés que están especializados, sobre todo, nos sectores da alimentación e distribución. Nós estamos enfocados ao mercado nacional, aínda que tamén temos clientes en Portugal, Italia e Francia. - Traballades sobre outras liñas de negocio? -Xa levamos uns anos potenciando outras liñas de negocio como a embalaxe industrial para sectores químicos ou empresas que traballan con pedra. Ademais, temos outra liña centrada en proporcionar táboa para carpintería, aínda que esta é unha liña de negocio con menor volume -Con que tipo de madeira traballades? -Traballamos con piñeiro galego. Traemos piñeiro de toda Galicia, maioritariamente procedente de Lugo e A Coruña, aínda que tamén temos algo de piñeiro do norte de Pontevedra e algo procedente de Ourense. -Que vantaxes vos proporciona o piñeiro fronte a outras especies? -O 90% das embalaxes realízanse con piñeiro, é unha esixencia dos fabricantes, que prefiren esa madeira, é unha materia prima moi compatible e con boas calidades para destinar a este tipo de uso. Ademais, no noso caso, traballamos co piñeiro porque tamén é unha madeira que temos preto e dispoñible. -Sodes unha das empresas rexistradas na marca de garantía Pino de Galicia, impulsada dende a Fundación Arume, que supón esta marca para vós? -Pasamos a auditoría meses atrás e xa somos unha das empresas que conta coa marca Pino de Galicia acreditada. Polo momento, non estamos á comercializar porque está aínda empezando todo o proceso. -Que expectativas tedes sobre a marca? -Cremos que é unha boa oportunidade e que nos pode achegar moito nun futuro, sobre todo na táboa de carpintería. Este selo de Pino de Galicia pode traducirse nun maior valor engadido á táboa de calidade que producimos. -No seu momento, apostastes tamén pola certificación forestal, que garante un manexo sostible do monte, é unha demanda dos vosos clientes? -Levamos moitos anos certificando porque os nosos clientes así nolo pedían e cada vez é unha demanda maior. Agora mesmo estamos a certificar en PEFC porque o noso sector é o que máis nos demanda. Hoxe en día, o 80% das nosas vendas son certificadas en PEFC. -Estades tamén apostando pola dixitalización e automatización no serradoiro. Cales foron as últimas accións que levastes a cabo? - Cada ano tentamos mellorar, ben sexa unha máquina ou un proceso concreto. Estamos a especializarnos cada vez máis en ofrecer aos nosos clientes a táboa de reparación de palé xa lista, con todo o pintado, así como os buracos que precisan para os palés pequenos… Neste sentido, cada ano tentamos tamén automatizar e dixitalizar algunha das máquinas. - Aínda que o mercado de piñeiro xa se retardou, o 2022 pode cualificarse dun ano histórico en prezos. De que maneira vos afectou o incremento da demanda e os prezos da madeira de piñeiro que se viviu nos últimos anos? -Xestionalo foi un pouco difícil, xa que había novos clientes que querían que lles servísemos e os nosos propios clientes demandábannos unha maior cantidade de mercadoría. A parte positiva foi que puidemos trasladar a subida de prezos que houbo da materia prima porque o mercado permitíanolo.
"A parte positiva foi que puidemos trasladar a subida de prezos que houbo da materia prima porque o mercado permitíanolo"
Creo que foi algo positivo para o sector porque puidemos situar ao piñeiro nuns prezos competitivos con respecto a outras madeiras, o que resulta bo para toda a cadea, desde o propietario. É un incentivo para optar polo piñeiro, que foi positivo para o sector. -Continúa a elevada demanda de palé polos cambios nos fluxos do comercio que se produciu tras o Covid e coa guerra de Ucraína? -Estabilizouse a demanda e diminuíu. Nos primeiros meses do ano, xaneiro e febreiro, a demanda foi moi baixa. Houbo unha leve recuperación en abril e maio, pero estamos moi lonxe das cifras que se manexaron o ano pasado. Esta baixada da demanda débese á reactivación dos fluxos mundiais e isto coincide cunha baixada da demanda de palés. -Volvéronse a incorporar ao mercados produtores de palé como Chile ou Brasil? -Si, xa volve entrar táboa tanto de Chile como de Brasil, así como de Europa do Leste, o que está a provocar unha maior competencia. Sobre todo está a entrar en barco na zona do Levante moita madeira de fóra e iso estanos afectando de maneira significativa. Os prezos están a caer con esa maior oferta e ao haber tamén unha menor demanda. -A que creedes que se debe esta baixada da demanda de palés? -Pode deberse a que as empresas teñen un alto stock de palés despois das compras que realizaron o ano pasado. Aínda que tamén pode estar relacionado cunha baixada da economía e que haxa unha menor demanda. O que está claro é que non estamos nos números que se barallaron en 2022. Esperamos que se incremente esa demanda de fronte ao próximo ano.
  • Entrevista difundida pola Fundación Arume

Curso de formación en construción industrializada e eficiente con madeira

O Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia e a Fundación Laboral da Construción, co apoio da Axencia Galega da Industria Forestal e a Fundación Arume, organizan un curso sobre construción industrializada e eficiente con madeira. A formación ten por obxectivo capacitar a operarios do sector da madeira e a construción na fabricación e montaxe de estruturas de madeira baseadas en armazóns lixeiros de madeira e CLT, con illantes térmicos que permitan realizar construcións eficientes de consumo enerxético case nulo. O curso está destinado especialmente a carpinteiros e montadores, pero tamén a empresarios do sector da madeira e a construción e a todos os operarios e técnicos da construción en xeral que poidan levar a cabo construcións en madeira. A formación impartirase durante dúas semanas, do 11 ó 22 de setembro. Contará cunha parte teórica, que se impartirá de forma online en directo durante 15 horas a razón de 3 horas ó día durante 5 días (do 11 ó 15 de setembro). A segunda semana (do 18 ó 22 de setembro) impartirase a parte práctica, presencial, que terá unha duración de 35 horas, a razón de 7 horas diarias durante 5 días para construír unha pequena construción industrializada de alta eficiencia enerxética de madeira. Será nas instalacións da Fundación Laboral da Construción, en Santiago, en horario de 8.00 a 15.00 horas.

Inscricións e prazas

O número de prazas é limitado a 20 alumnos. O curso pecharase coas 20 primeiras inscricións, admitidas segundo o orde de inscrición. A asistencia ó curso é gratuíta, xa que está financiado ó 100% pola Axencia Galega da Industria Forestal, pero a empresa deberá aboar 85 euros por alumno en concepto de reserva cando se formalice a inscrición, que lle devolverán unha vez terminado o curso, se o alumno asistiu como mínimo o 80% do curso. As persoas interesadas poden formalizar a inscrición e obter máis información sobre o programa do curso aquí.

Programa do encontro ‘Piñeiros 23’, que se posiciona como escaparate da innovación na cadea da madeira

‘Piñeiros 23’ situará un ano máis a Galicia como escaparate internacional da innovación na cadea forestal – madeira de coníferas. A Fundación Arume, organizadora do evento, presenta o programa da terceira edición, que conta con tres bloques principais: edificios de baixo impacto con coníferas do sur de Europa; innovación e cooperación na mellora xenética do piñeiro radiata, e bioeconomía e madeira no espazo rural (moble, viño, arte e turismo).

O evento, que se celebrará o 10 de outubro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, contará tamén cunha conferencia de apertura a cargo do recoñecido arquitecto David Chipperfield, fundador e presidente da Fundación RIA.

É de destacar ademais que a edición 2023 de Piñeiros, a terceira, daralle especial protagonismo a Euskadi, un dos territorios do arco atlántico europeo que é referente no manexo silvícola e no aproveitamento industrial do piñeiro radiata.

Coa inclusión de Euskadi no programa, séguese a liña iniciada o pasado ano, cando fora o sector forestal e da madeira de Portugal o convidado especial de Piñeiros, con investigadores, empresas e outras entidades do país veciño participando nas distintas mesas do programa.

Detallamos o programa completo a continuación.

PROGRAMA PIÑEIROS 23

Data: 10 de outubro de 2023.
Hora: de 09:00h a 17:00h
Ubicación: Edificio Fontán (Cidade da Cultura – Santiago de Compostela).

08:45h – Recepción e acreditación de asistentes.

09:30h – Apertura.
• José Carballo, presidente da Fundación Arume.
• Federico Saiz, presidente de Baskegur.
• Representante institucional da Xunta de Galicia.

10:00h – Conferencia. David Chipperfield, presidente da Fundación RIA. Máis que unha economía.

10:30h – Edificios de baixo impacto con coníferas do sur de Europa.
• Moderadora: Lara Méndez, alcaldesa do concello de Lugo.
• Daniel Ibáñez, director do Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña. Edificio Terrazas para la vida de Barcelona.
• Beñat Aranburu, arquitecto en Asmatu S.L. Nova Sede de NaturKlima en San Sebastián.
• Marta Benedicto, socia fundadora de Cierto Estudio. Illa Glòries, Barcelona.
• Alex de Rijke, socio fundador do estudio dRMM. Proxecto Wellness Hotel en Nazaré (Portugal).

12:00h – Pausa café.

12:30h – Innovación e cooperación en mellora xenética de Pinus radiata.
• Moderador: Ricardo Alía, profesor de investigación do Instituto de Ciencias Forestais (ICIFOR-INIA-CSIC).
• Juan Majada, director do Centro Tecnolóxico Forestal e da Madeira de Asturias (CETEMAS).
• Francisco Lario, responsable de investigación de TRAGSA-Maceda.
• Paloma Moncaleán, investigadora do Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario (NEIKER).

13:45h – Pausa para refrixerio.

15:15h – Bioeconomía e madeira nun espazo rural resiliente: moble, viño, arte e turismo.
• Moderadora: Genoveva Canals, coordinadora de UNEmadera.
• Enrique Arrillaga, fundador de Muebles LUFE.
• Florence De Kimpe, directora de marketing de Lafite Rothschild.
• Frank Buschmann, artista do moble.
• Jorge Martínez, CEO e fundador de Suites Nature.
• Mercedes Rois, directora da Área de Innovación Forestal da Axencia Galega da Industria Forestal. Bosques resilientes para a sociedade. Proxecto RESONATE.

17:00 – Acto de clausura. Representante institucional da Xunta de Galicia.

-DESCARGA AQUÍ O PROGRAMA.

 

As plantacións de piñeiro recuperan importancia en Galicia

O piñeiro consolidou no 2022 a tendencia a un protagonismo en ascenso nas plantacións forestais galegas. Durante o último ano, as plantacións de piñeiro medraron un 17,6% en comparación coa media dos tres anos anteriores (2019-2021). En total, no 2022 plantáronse 4.832 hectáreas de coníferas, a cifra máis alta dos últimos 15 anos, segundo os datos da Xunta que vén de divulgar a Fundación Arume. O aumento de prezos da madeira de piñeiro a partir do 2021, que chegou a ser de ata un 40-50% en madeira de calidade, fixo que as coníferas incrementasen atractivo para o propietario forestal. A recuperación do mercado de piñeiro chegou ademais para quedarse, pois as perspectivas internacionais apuntan a unha demanda crecente e estable ao longo das próximas décadas. Outro factor a ter en conta é a moratoria do eucalipto, vixente desde a primavera do 2021. Esa moratoria impide, en teoría, que masas de piñeiro que se cortan se poidan plantar con eucaliptos. Con esa medida, a Xunta buscou tanto frear a expansión do eucalipto, que aumentou arredor de 40.000 hectáreas na última década, como deter a redución de superficie do piñeiro, que segundo o último Inventario Forestal de Galicia perdeu arredor de 140.000 hectáreas desde o 2011. Durante anos, as plantacións de piñeiro foron residuais en Galicia, con cifras menores a 400 hectáreas anuais nos anos 2016 e 2017, ou lixeiramente por riba, con 419 hectáreas no 2018. O escenario cambiou a partir do 2019 por un conxunto de factores, entre eles o impulso que gañaron as coníferas da man da Fundación Arume, unha entidade que agrupa a toda a cadea forestal da comunidade, desde viveiros a colectivos de propietarios e asociacións industriais. A Fundación estivo a traballar nos últimos anos en impulsar a mellora xenética do piñeiro -aínda con moito camiño por percorrer-, así como en accións de restauración de montes con piñeiros. Tamén no lanzamento da marca Pino de Galicia, coa que quere posicionar no mercado uns estándares de calidade do piñeiro galego.
As plantacións de piñeiro no último ano multiplicaron por 11 ás do 2018. É un cambio de tendencia que se consolida
Todo ese esforzo, unido ó aumento de prezos da madeira de piñeiro, levou a un salto importante nas plantacións de coníferas en monte. No periodo 2019-2022, plantáronse unha media de 4.288 hectáreas anuais con piñeiro. O último ano, ademais, presenta as mellores cifras de toda a serie histórica dos últimos 15 anos, con 4.832 hectáreas e máis de 6 millóns de plantas producidas nos viveiros forestais galegos. A esas cifras hai que sumar as hectáreas de piñeiro do país que se rexeneran de xeito natural tras corta. Mellora xenética Un segundo elemento a destacar é a tendencia crecente a incorporar planta con mellora xenética nas plantacións forestais. No 2022, un 47% da planta empregada corresponde ás dúas categorías xenéticas superiores (cualificada e controlada), cando no 2019 esa porcentaxe non chegaba ó 7%. Está a ser decisivo, neste sentido, o programa de reprodución vexetativa de planta mellorada que impulsou a Fundación Arume en colaboración coa Consellería do Medio Rural (Axencia Galega de Calidade Alimentaria) e con cinco viveiros forestais galegos. De cara ó futuro, a perspectiva é que a planta maioritaria empregada en monte presente mellora xenética, ben da categoría de material controlado, ben da categoría de material cualificado. O material controlado é a categoría superior de mellora xenética e correspóndese con planta que foi sometida a ensaios comparativos que garanten unha mellora en crecemento e calidade en relación á planta das categorías xenéticas inferiores (identificada e seleccionada). A planta con etiqueta cualificada é aquela que procede de horto sementeiros con individuos seleccionados por cumprir uns requisitos a nivel fenotípico. Especies Das 4.832 hectáreas plantadas en Galicia no último ano, 2.210 corresponden a piñeiro do país (‘Pinus pinaster’), 1.735 a piñeiro insigne (‘Pinus radiata’) e 887 a piñeiro silvestre (‘Pinus sylvestris’), o habitual en zonas de media e alta montaña de Ourense e Lugo.

Piñeiros 23 celebrarase o 10 de outubro en Santiago

A Cidade da Cultura de Santiago acollerá o martes 10 de outubro ‘Piñeiros 23’, a terceira edición do encontro internacional especializado nas coníferas. O evento, organizado pola Fundación Arume, convertiuse xa nunha cita clave para toda a cadea forestal – madeira, pois aborda cada ano innovacións e tendencias, tanto a nivel forestal como da cadea industrial dos piñeiros. A maiores de analizar o escenario e perspectivas do sector en Galicia, a edición 2023 de Piñeiros daralle especial protagonismo a Euskadi, un dos territorios do arco atlántico europeo que é referente no manexo silvícola e no aproveitamento industrial do piñeiro radiata. Coa inclusión de Euskadi no programa, séguese a liña iniciada o pasado ano, cando fora o sector forestal e da madeira de Portugal o convidado especial de Piñeiros, con investigadores, empresas e outras entidades do país veciño participando nas distintas mesas do programa. Deste xeito, consolídase o posicionamento internacional do encontro Piñeiros, pois cada ano serve de escaparate non só das innovacións e tendencias en Galicia, senón do camiño que se está seguindo noutros territorios nos que a cadea forestal – madeira de coníferas é punteira e recoñecida a nivel internacional.