Archives

Posicionamento do sector agrogandeiro sobre a planta de Altri en Palas de Rei

Jacobo Feijóo, Miguel Tomé e Félix Porto, na rolda de prensa de UUAA este martes en Lugo A intención da pasteira portuguesa Altri e a madeireira galega Greenalia de crear unha planta de produción de celulosa e lyocell no municipio lucense de Palas de Rei crea división no sector agrogandeiro galego, pois mentres os sindicatos Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego, así como a Federación Rural Galega, se opoñen ao proxecto, a Asociación Agraria de Galicia e Agromuralla defenden que se trata dunha iniciativa positiva para a comarca que non ten por que poñer en risco a continuidade das explotacións da zona. O día 17 deste mes de abril remata o prazo para presentar alegacións ante a solicitude da empresa para lograr a Autorización Ambiental Integrada que lle ten que conceder a Xunta de Galicia, o primeiro paso documental que precisa Altri para seguir coa tramitación administrativa do proxecto e o sindicato Unións Agrarias anuncia que, igual que van facer outros colectivos, ten previsto presentar alegacións polas “dúbidas” que suscita e a falla de información da empresa en aspectos relevantes.
O día 17 de abril remata o prazo para presentar alegacións dentro do procedemento de Autorización Ambiental Integrada
“O proxecto actual non se parece en nada ao proxecto inicial de fibra textil sostible presentado fai 2 anos na Cidade da Cultura por parte de Altri e da Xunta e que tiña aspectos innovadores que convertían esa fábrica en única en Europa”, asegurou este martes en rolda de prensa en Lugo Jacobo Feijóo, responsable de desenvolvemento rural e sector forestal do sindicato.  “Inicialmente tratábase dun proxecto de alto valor engadido no que se ía producir tecido a partir de fibras vexetais, máis unha unidade de reciclaxe de fibra, o que ía axudar a todo o sector textil da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a ser máis competitivo e a dar ese salto de sostibilidade que ten que dar este sector, considerado o segundo sector industrial máis contaminante”, indicou.
A día de hoxe atopámonos cun proxecto que é distinto ao presentado fai dous anos: dunha planta de fibras téxtiles pasouse a unha celulosa estándar
“Pero o proxecto que temos hoxe enriba da mesa non é máis que unha celulosa estándar, onde un 70% da produción sería para pasta de papel e un 30% para lyocell, é dicir, fibra sen o produto ou tecido acabado”, detallou, polo que “non se dá unha integración nin co sector téxtil nin con outros sectores”. Por exemplo, no proxecto de Altri non se contempla tampouco a posibilidade de complementar a planta cunha biorrefinería que aproveite toda a parte que non é celulosa, é dicir, as lixivias do proceso, para convertelas en polímeros e outros produtos de alto valor engadido, como produtos biolóxicos alternativos a herbicidas ou fitocidas convencionais. Aspectos medioambientais “O proxecto actual plantéxanos moitas dúbidas medioambientais ante a falta de transparencia da empresa. Compartimos a preocupación de moitos colectivos polas emisións contaminantes á atmosfera e polo uso sostible dos recursos hídricos, xa que non se contemplan as medidas prometidas inicialmente para economizar o uso da auga”, alertou Jacobo.
Na documentación presentada non se contempla ningún aspecto innovador para reducir o consumo de auga nin a pegada medioambiental a respecto das fábricas actuais
“Non se pecha nin sequera o ciclo para producir papel en Palas de Rei, senón que hai que gastar enerxía para secar a pasta de papel e despois volver a humedecela en destino para transformala e facer o papel”, alerta. O cambio de uso da planta a respecto do proxecto anunciado inicialmente condiciona tamén o consumo de auga, xa que, explicou Jacobo, “o consumo de auga para facer fibras téxtiles é moito menor que para facer pasta de papel, non ten nada que ver”.
A produción de fibras téxtiles consume moita menos auga que a produción de pasta de papel
“O consumo de auga nunha celulosa é enorme porque hai un momento do proceso no que hai que facer unha dilución, mentres que para producir fibras non hai que facer esa manta e necesítase moita menos auga porque se utilizan disolventes orgánicos para separar as celulosas das hemicelulosas”, detallou. Abastecemento de materia prima UUAA expresou as súas dúbidas tamén en relación ao abastecemento da madeira de eucalipto necesaria para cubrir as necesidades da planta, un total de 1,2 millóns de metros cúbicos de madeira de eucalipto, o 20% da produción anual desta especie na comunidade, posto que “no momento no que se proxectou a planta non houbera aínda a sentenza clarificadora do Tribunal Supremo que despexou a permanencia de Ence en Pontevedra, polo que o escenario mudou, porque intuímos que no posicionamento estratéxico de Altri contábase con que Ence tivera que pechar, polo que terían garantido o abastecemento de materia prima”, argumenta Jacobo.
A planta de Palas de Rei consumiría o 20% da madeira de eucalipto producida cada ano en Galicia
O responsable do sector forestal dentro de UUAA considera, neste sentido, que “as dúbidas en relación a asegurar madeira de eucalipto suficiente son probablemente as están a retrasar a decisión definitiva de investimento por parte da empresa”, ademais do acceso aos fondos europeos Next Generation.
Non vemos encaixe nos fondos Next Generation porque non hai innovación de produto nin de proceso nin se trata dun proxecto de economía circular
“Non hai innovación de produto nin innovación de proceso nin se reduce tampouco a pegada ambiental dentro dun proxecto de economía circular, polo que temos dúbidas tamén sobre o encaixe que esta fábrica pode ter nos PERTEs industriais, que é unha condición que a propia Altri sempre puxo para seguir adiante co proxecto”, lembrou. Afectación sobre as explotacións agrogandeiras UUAA calcula que nun radio de 50 km arredor da planta (abarcaría un total de 83 concellos) habería neste momento unhas 9.600 explotacións (2.500 de leite e 7.090 de carne), que representan o 36,9% das existentes en toda Galicia e que dalgún xeito se verían afectadas pola presenza desta industria celulosa.   Félix Porto, coordinador sectorial de Unións Agrarias e responsable dos servizos xurídicos do sindicato, alertou da “difícil convivencia” das explotacións máis próximas, sobre todo das que están en produción ecolóxica, cunha industria das características da proxectada por Altri.
Transformouse un proxecto innovador nun proxecto clásico de produción de pasta de papel, nunha simple celulosa
“O proxecto que nos presentaron ao principio tiña aspectos atractivos, por iso non lle dixemos que non, pero non podemos apoiar o proxecto actual, que non se parece en nada ao que nos presentaron inicialmente, no que se falaba de producir 600.000 toneladas de fibras téxtiles ao ano cando hoxe do que se fala é de producir 400.000 toneladas de pasta de papel. É dicir, transformouse un proxecto innovador nun proxecto clásico de produción de pasta de papel, nunha simple celulosa. Polo tanto, estamos en contra do proxecto que nestes momentos temos enriba da mesa”, concluíu Félix. “O que máis preocupa nas explotacións ecolóxicas son as posibles emisións á atmosfera e o seu impacto na calidade dos pastos e tamén os problemas de acidificación dos solos por chuvia ácida que se puidera producir”, alertan desde UUAA.
O cambio de uso de terras agrarias para plantar eucaliptais é ilegal e desde xuño deste ano vai estar controlado mediante teledetección
En canto á posible presión que a nova celulosa puidera implicar para a transformación de superficies agrogandeiras en novos eucaliptais, Jacobo advertiu que a propia Lei de Montes do ano 2012 prohibe calquera tipo de forestación de terras agrarias tanto para plantar piñeiros como eucaliptos, ao igual que está prohibido cortar masas de frondosas para convertelas en eucaliptais. “Se alguén está pensando en facer algo disto ou ten esa tentación xa lle dicimos que non o faga porque desde xuño deste ano estará perfectamente controlado a nivel de teledetección a través do Inventario Forestal Continuo de Galicia”, dixo.

“Trátase dunha macroindustria de celulosa dez veces maior ca de Ence en Pontevedra que vai afectar a máis de 30 km á redonda”

O Sindicato Labrego alerta das consecuencias, afectacións e impactos que tería sobre a poboación e o territorio nun radio superior aos 30 km "unha macroindustria de celulosa dez veces maior ca de Ence en Pontevedra, de case 400 hectáreas de extensión”, como é o caso da proxectada por Greenfiber, unha sociedade participada ao 75% por Altri e ao 25% por Greenalia. Margarida Prieto alerta dos “prexuízos derivados da extracción de case medio cento de millóns de litros diarios de auga limpa do embalse de Portodemouros e o verquido diario de 30 millóns  de litros de auga con substancias químicas á Ría de Arousa sobre o medio ambiente e sobre as actividades económicas existentes no territorio”. “Dende o Sindicato Labrego Galego estamos poñendo tódolos nosos esforzos en parar esta xigantesca fábrica de celulosa. Non imos permitir que un macroproxecto industrial contaminante se instale no corazón do noso país e resulta até bochornoso pensar que en pleno século XXI, coa conciencia ecolóxica que se supón que temos como sociedade e, por ende, como institucións públicas, se poña sobre a mesa a posibilidade de destinar 250 millóns de euros do erario público para enriquecemento dunha empresa que vai degradar a calidade de vida”, di Margarida.
Segundo a documentación que está en exposición pública, a planta proxectada por Altri precisaría captar do encoro de Portodemouros máis de 40 millóns de litros diarios de auga
Neste sentido, o SLG pon a disposición da cidadanía modelos de alegación elaborados pola Plataforma Ulloa Viva e outras organizacións sociais e ecoloxistas para a súa presentación diante da Xunta de Galicia. Afectación sobre as Reservas da Biosfera Desde o SLG veñen de solicitar informes de afección ás tres Reservas da Biosfera situadas no radio de acción da macrofábrica de celulosa de Altri e Greenalia (a Reserva da Biosfera Terras do Miño, a Reserva da Biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e a Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e O Courel).
Desde o SLG poñemos a disposición da cidadanía modelos de alegación elaborados pola Plataforma Ulloa Viva
A designación das reservas de biosfera son competencia da directora xeral da UNESCO a través do programa intergobernamental MAB, sendo o seu Consello Internacional de Coordinación o que toma a decisión. “Preocúpannos por exemplo as posibles consecuencias para a da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, declarada pola UNESCO fai tres anos, no 2021”, advirte Margarida. Estas demandas de información e posicionamento por parte das Reservas da Biosfera engádense aos informes sobre as unidades produtivas agrarias prexudicadas requiridos polo SLG o pasado xoves 21 de marzo á Consellería do Medio Rural.

“Altri pon en risco a 4.000 explotacións e á denominación de orixe do queixo Arzúa-Ulloa”

Para a Federación Rural Galega, o proxecto de celulosa que a empresa Altri pretende instalar na comarca da Ulloa supón “un grande perigo para a actividade agropecuaria da zona, non soamente para a comarca da Ulloa, senón tamén para as comarcas de Arzúa, Terras de Melide, e O Deza”. “Estas catro comarcas contan con 4.087 explotacións pecuarias, o que supón un 18,6% do total das existentes en Galicia (21.980), e unhas 90.187 cabezas de gando vacún ou o que é o mesmo, aproximadamente o 21% das 430.232 existentes na comunidade. Todo este potencial produtivo vaise ver ameazado no caso de que ao final se acabe instalando esta macroplanta de celulosa no concello de Palas de Rei, o mesmo que a Denominación de Orixe do queixo Arzúa-Ulloa, con mais de 20 empresas transformadoras e a segunda en produción de queixo de todo o Estado español”, asegura Elías Somoza.
A creación da planta de Altri tería un efecto chamada para acrecentar a plantación de eucalipto en competencia directa coa terra agraria
Pero desde a Fruga pensan ademais que a planta de Altri non tería consecuencias unicamente na zona directamente afectada, senón que tería “graves efectos” sobre todo o sector agropecuario galego. O motivo sería o “efecto chamada para acrecentar a plantación de eucalipto en competencia coa terra agraria”, din. “Non debemos esquecer que a superficie agraria media por explotación na Galiza é de 7,93 ha, cando a media española é de 26,14 ha, e que desde hai xa bastantes anos Galiza vén perdendo terra agraria, entanto a superficie forestal vén aumentado e dentro dela a dedicada ao eucalipto”, insiste Elías. “Non é economía circular, senón economía de enclave” “Este proxecto de Altri quéresenos vender como modelo de economía circular, cando o que realmente é, é una economía de enclave. A verdadeira economía circular é aquela que pecha os ciclos produtivos. Debemos ter de conta que Galicia é a primeira produtora de leite do Estado español e unha das dez máis produtoras da UE, entanto a industria galega do leite soamente supón o 10% da española. Deste xeito sobre o 45% do leite producido en Galicia sae para fóra para ser transformado noutros territorios. Dotar a Galicia dunha industria láctea propia e competitiva si que sería economía circular”, argumenta o responsable da Fruga. “Todo indica que a política da Xunta de Galicia quere renunciar a utilizar con carácter produtivo o noso territorio, pondo en risco o futuro das explotacións agrarias desta zona e de proxectos de agricultura ecolóxica implantados nela”, quéixase.

“Se se cumpre a normativa non tería por que afectarnos ás granxas da zona”

Carlos Dablanca, membro da directiva de Agromuralla e socio da gandería leiteira SAT San Miguel, ubicada no mesmo concello de Palas de Rei, a uns 15 km de onde Altri quere instalar a súa planta, pon o foco no cumplimento da normativa para facer posible a continuidade da actividade agrogandeira na comarca coa presenza dunha industria deste tipo. “Din que as esixencias medioambientais son altísimas, pero é necesario que se vixíe para que se cumpra a normativa”, asegura. “Non pode ser que os requisitos para producir as granxas se estean a endurecer en materia de emisións ou outro tipo e despois se abra a man no caso dunha planta coma esta”, razoa.    En canto ao consumo de auga previsto por parte de Altri, Carlos considera que “primeiro hai que garantir o subministro á poboación e tamén ao gando, porque para nin primeiro son os animais antes que as plantas de celulosa e se hai auga para Altri tamén a ten que haber para as vacas”, reclama.
A produción forestal ten que ser compatible coa produción agrogandeira, deberían convivir perfectamente
Defende que a produción forestal ten que ser compatible coa produción agrogandeira. “Deberían convivir perfectamente”, asegura, e reclama “que se mobilice terra agraria que está parada ou abandonada”. “Na nosa parroquia, por exemplo, non temos concentración parcelaria e temos dificultades para atopar superficie produtiva axeitada”, recoñece. Risco de novas plantacións SAT San Miguel traballa neste momento unhas 140 hectáreas para cultivos como millo ou raigrás e ten dificultades para poder ampliar a súa base territorial na zona, pero Carlos non cre que a presenza de Altri empeore a situación.
Hai que mobilizar a terra que está parada e vixiar que non se fagan plantacións ilegais
“Se hai unha regulación e esta se cumpre, a presenza ou non de Altri non tería por que implicar unha maior presión sobre a forestación de terras agrarias na comarca. Sería un problema se a Xunta abrira a man ás plantacións de eucalipto, pero eu non concibo que se plante nunha zona agrícola, aínda que pasou nos últimos anos porque a Administración fixo a vista gorda”, di. Por iso, pide que se vixíe o cumprimento da Lei de Montes e da moratoria aprobada fai tres anos ás plantacións de eucalipto para evitar o avance sen control desta especie. “O problema son as zonas de monocultivo cando se dan en grandes extensións, como acontece en algunhas parroquias do concello de Palas que están xa masificadas de eucalipto porque a agricultura e a gandería desapareceron”, exemplifica.
O monocultivo de eucalipto é un problema, porque non hai barreiras naturais contra os incendios
“A xente planta porque abandona a gandería, non por que veña Altri, porque se non é Altri será Ence”, considera, e defende que o monte debe ter tamén unha vocación produtiva porque “onde hai plantacións arde menos”. “Na zona da Rede Natura da Serra do Careón, que divide o concello de Palas con Toques, cada 4 ou 5 anos hai incendios, en parte porque non deixan tocarlle ao monte e está abandonado”, di. Carlos é comuneiro do monte veciñal Berbetouros Norte, onde contan con distintos usos, desde produción de madeira (unhas 50 hectáreas a piñeiro e 5 a eucalipto) a aproveitamento agrogandeiro. “Temos unha gran parte do monte a pastizal desde fai 40 anos. Son en total unhas 54 hectáreas, porque agora vimos de transformar 20 hectáreas de forestal, que estaban a piñeiros, en pastos para os comuneiros”, explica. A maiores, tamén teñen alugadas 15 hectáreas durante 30 anos á empresa murciana Bioflytech que, logo de acometer un investimento de máis de 20 millóns de euros, está a comezar a producir distintos produtos a partir das larvas da mosca soldado, como graxa ou fariña de proteína. Carlos destaca que esta industria vai crear 50 postos de traballo. 

“Unha planta de nova creación vai ter moitas medidas de seguridade para preservar o noso medio ambiente, máis que ningunha outra xa existente”

Desde a Asociación Agraria de Galicia (Asaga) o seu presidente, Francisco Bello, mostra a súa “satisfacción” pola creación dunha nova industria forestal en Galicia. “Como organización agraria defensora tamén do sector forestal galego, Asaga non pode máis que apoiar e manifestar a súa satisfacción por que apareza en Galicia unha empresa innovadora que mellore o aproveitamento da materia prima forestal de Galicia para facer celulosa e biocel a partir de eucalipto”, afirma. “Todos os produtores forestais de Galicia teríanse que ver favorecidos, ademais da comarca da Ulloa, beneficiada polos postos de traballo directos e indirectos tan necesarios nesa zona, como en todo o rural galego”, asegura Paco.
Todos os propietarios de monte de Galicia veranse favorecidos por unha empresa innovadora que mellorará o aproveitamento da materia prima forestal
No que respecta á instalación en si da planta e á preocupación medioambiental manifestada desde algúns sectores, desde Asaga móstranse tranquilos. “Damos por seguro que unha empresa de innovación que vai crear unha nova planta de cero non só o vai facer cumprindo a normativa galega, estatal e europea en materia de medio ambiente, senón que vai ir máis alá do que obriga a propia lei. Por ser un proxecto innovador que parte de cero, vai tomar moitas máis medidas de seguridade para preservar o noso medio ambiente, máis que ningunha outra xa existente”, conclúe.

A FRUGA denuncia falsos positivos na campaña de saneamento da tuberculose bovina

A Federación Rural Galega (FRUGA) considera que "as actuais campañas de saneamento que se están a realizar polo país, están levando consigo un importante número de sacrificios de animais, como consecuencia dunha reacción á proba de tuberculose". "Moitos destes animais, cando acoden ao matadoiro e son analizados a través dunha proba postmorten, confírmase que eran animais sans, que non padecían ningún tipo de patoloxía pola cal deberían ser eliminados", advirten. Neste sentido, a FRUGA denuncia que "se trata dun protocolo moi agresivo cos gandeiros e gandeiras, que impide que se realice unha proba de contraste para saber se as reaccións do animal se deben a outro tipo de enfermidades, como pode ser a gripe aviar".  Por último, reclaman que "se bote man doutro tipo de probas desbotando os criterios iniciais das campañas de saneamento que xustificaban a necesidade da erradicación da tuberculose bovina".

A FRUGA considera “desastrosa” a campaña da Xunta de vacinación contra a lingua azul

A Federación Rural Galega (FRUGA) manifestou hoxe a través dun comunicado o seu malestar ante o proceso de vacinación contra a lingua azul, que se está a levar desde a Consellería do Medio Rural. “A parte das múltiplas perdas que se deron como consecuencia da implantación da vacina, agora atopámonos cunha xestión totalmente desastrosa”, advirten dende a organización agraria. En concreto, considera que “actualmente os servizos veterinarios que ten a Xunta de Galicia para levar adiante estas tarefas, son practicamente inexistentes, debido a escaseza de persoal veterinario destinado as labores de vacinación”. Ante esta situación, a FRUGA critica que “a solución que pon en marcha a Consellería do Medio rural pasa por habilitar veterinarios particulares para estas tarefas, pero eses veterinarios como é lóxico non van facer o traballo gratis, e desde a Consellería non van recibir ningún tipo de retribución, co cal os gandeiros e gandeiras galegas de zonas afectadas, vanse ver na obriga de pagar para que as súas reses sexan vacinadas”. Ademáis, dende a Federación Rural Galega denuncian que “as explotacións gandeiras galegas, vense afectadas na medida en que parte das súas reses non poden ser vendidas, debido a non ser vacinadas en tempo”. “Nunha explotación leiteira, por exemplo, podemos observar como os xatos de recría, van ter que permanecer na explotación varios meses, cando actualmente se vendían no primeiro mes de vida, algo que aumenta de forma considerable as perdas neste tipo de explotacións, tendo en conta, o escaso prezo que teñen estas reses”, subliñan.

A Fruga denuncia que as axudas da Xunta aos gandeiros de Ternera Gallega Suprema “quedan nas industrias”

A Federación Rural Galega (FRUGA) sinala nun comunicado de prensa que os prezos da denominada carne "suprema" baixo a IXP "Ternera Gallega" non se están incrementando tal como viña pasando desde hai anos en época estival. Apuntan tamén que as axudas anunciadas polo conselleiro do Medio Rural, José González, para produtores e produtoras de "suprema" aínda non se materializaron. Á parte, FRUGA teme que estas axudas acaben en mans da industria para mercar carne a baixo prezo. Este verán os prezos da carne de “suprema”, amparada pola IXP “Ternera Gallega” están tendo un comportamento anómalo a respecto do que viña acontecendo en anos anteriores, segundo FRUGA. Para esta federación, os prezos estanse mantendo cando en anos precedentes se producían importantes subas coincidindo cos meses de xullo e agosto, polo que os gandeiros e gandeiras produtores de tenreira galega suprema "ven comprometido o seu futuro ao non obter os prezos que outros anos eran habituais". No mes de maio o conselleiro do Medio Rural prometía unha axuda para as explotacións gandeiras produtoras de “suprema” de 0,80 euros por quilo de carne, "cousa que a día de hoxe aínda non se recibiu". Desde a FRUGA consideran imprescindible executar canto antes a medida anunciada polo conselleiro José González, xa que o sector da carne "suprema" é estratéxico para manter vivas certas zonas do rural galego "como son as da montaña, onde a economía de moitos concellos depende principalmente deste sector, e noutros ten unha influencia importante, como poden ser os concellos da Fonsagrada, Ancares, Sarria, Lugo, ou comarcas como as da Terra-Chá ou a Montaña ourensá". FRUGA estima que todo apoio ao sector produtor "ten de repercutir efectivamente sobre as gandeiros e gandeiras directos, neste caso de carne “suprema”, e non pode, nen debe ser aproveitada para baixar os prezos se non efectúa a suba que corresponde coa época do ano". De non ser así, en última instancia o beneficiario desta medida sería a industria comercializadora, "que estaría mercando a materia prima máis barata sen mudar á baixa o prezo nos puntos de venda". FRUGA demanda da Consellería do Medio Rural que poña en marcha os mecanismos oportunos para evitar que a industria se aproveite das axudas para comprar xatos máis baratos. "De non ser así teremos que concluír que quen ao final se vai beneficiar desta axuda van ser os matadoiros, salas de despezamento e distribuidoras co consentimento da Consellería". Finalmente, reclaman que perante calquera abuso por parte da industria transformadora, a Consellería ten a obriga de evitar que unha axuda destinada a favorecer aos produtores de vacún de carne acabe beneficiando de forma indirecta á industria cárnica.

A Federación Rural Galega critica a redución dos ingresos das explotacións galegas coa nova PAC

O novo período da Política Agraria Común (PAC 2023 -2027) ven cun maior grao de esixencias medioambientais e con novidades respecto ás axudas directas. “A súa aplicación para este ano vai supor unha forte minoración de ingresos para as explotacións galegas. A redución pode andar, de media, sobre un 30% menos que o cobrado no ano 2022”, sinalan desde a Federación Rural Galega (Fruga). Primeiramente, “as esixencias medioambientais para a maioría das explotacións obrigan a que todas as leiras das explotacións de máis de 10 hectáreas teñen que cambiar de cultivo cada tres ano, ou que o 4% da superficie agrícola se destine a elementos non produtivos, coa obriga de levar un caderno dixital da explotación ou a elaboración dun plano de xestión de aplicación dos fertilizantes coa obriga de que a aplicación do xurro, a partir do 1 de xaneiro de 2024, sexa efectuada mediante inxectores o que obrigara en moitos casos a ter de contratar un servizo externo para cumprir todos estas imposicións, co risco de que moitas explotacións desistan e se vexan obrigadas a pechar”, denuncian desde Fruga. Outro dos aspectos sobre os que inflúe a nova PAC son as axudas directas. Os Dereitos de Pagamento Básico e o Pagamento Verde serán, a partir deste 2023, substituídos polo Apoio Básico á Renda para a Sustentabilidade (ABRS) mais o Pagamento Redistributivo (PR). "Deste xeito, se se comparan os importes que viña percibindo unha explotación no ano 2022 en axudas directas, isto é Dereitos de Pagamento Básico máis Pagamento Verde, e o que se prevé que cobre este ano 2023 en axudas directas, que engloba o ABRS mais o PR, esta axuda verá reducido o seu importe, por termo medio, nun 30 por cento”, afirman. “Estas axudas en moitos casos eran a táboa de salvación de moitas explotacións galegas, sobre todo nos sectores de bovino de carne e de leite. Polo que de aumentar as obrigas ás que se van ver sometidas e de minguar os importes das axudas é moi probable que unha porcentaxe elevada non lle vai quedar máis alternativa que pechar, o que vai agudizar o abandono o que implica maior desertización e desestruturación do rural galego”, advirten desde a Federación Rural Galega.

A FRUGA tampouco se suma ao acordo da Xunta para revalorizar a carne da IXP Ternera Gallega Suprema

A Federación Rural Galega - FRUGA, tampouco se suma, ao igual que o Sindicato Labrego Galego, ao acordo para revalorizar a carne da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega Suprema, que presentou este venres a Consellería do Medio Rural e que si apoian Unións Agrarias, industrias cárnicas, distribución e o propio consello regulador da IXP. O rexeitamento da Fruga ven en primeiro lugar polas formas en que se xestou e presentou o acordo: “Non é de recibo que se nos convoque para asinar este protocolo o día 28, cando nos enteramos a través dos medios de comunicación que xa foi asinado o pasado venres dia 25 de Marzo. Evidentemente que un protocolo deste calibre ten que ser analizado, debatido e consensuado previamente con tódolos axentes do sector”. Pero, sobre todo, o principal desacordo da FRUGA ven polo propio contido do acordo, pois consideran que hai “moita indefinición nas propostas, e ao mesmo tempo non vemos clara unha aposta pola Ternera Gallega Suprema”. “Todo o contrario -advirten-, observamos como se fala da adaptación das explotacións as necesidades de certa industria e certas cadeas de distribución, sen nomear en ningún momento se faga unha aposta clara e decidida pola defensa das explotacións de Suprema, que son quen realmente aportan calidade e prestixio a esta Indicación Xeográfica Protexida”. Neste sentido, dende a Federación Rural Galega reclaman que “ademáis de aplicar a lei da cadea alimentar, é preciso traballar en políticas de infraestruturas agrarias que nos permitan abaratar os custos de produción, aspecto do que non se fala en ningún punto deste documento”. Por último, a Fruga critica a “indefinición en moitos aspectos do protocolo, que pode dar lugar a interpretación confusas, e argumentos que soamente falan da “Ternera Gallega”, e non nomean para nada a Suprema”. “Desta forma vemos como os matadoiros volven ser os grandes beneficiados das políticas da IXP, primeiro coas modificacións regulamentarias de anos anteriores, e agora parece que se abre a posibilidade de promover outros modelos alternativos para o cebo de xatos”, advirten.

A Fruga convoca aos gandeiros de leite a concentrarse este venres ante a gran distribución en protesta polos baixos prezos

A Federación Rural Galega (FRUGA) convoca unha concentración para mañá venres, 6 de agosto, ante a gran distribución en demanda dunha mellora dos prezos que perciben os produtores de leite. A suba dos prezos dos pensos, da electricidade e dos fertilizantes e o estancamento dos prezos do campo están a pasar factura nas contas das granxas de vacún de leite, o que levou ao incio de mobilizacións dos gandeiros, primeiro en Andalucía, logo en Cantabria e agora en Galicia. En concreto, a concentración da FRUGA está prevista para as 11:30 horas diante do supermercado MERCADONA situado no polígono da Gándara  de Narón.  “O motivo desta concentración é denunciar o papel que está a cumprir a gran distribución á hora de fixar o prezo do leite que se nos paga aos produtores e produtoras e, ao mesmo tempo, demandar un prezo xusto para o noso leite, así como a actuación das administracións competentes (Xunta e Ministerio de Agricultura), para lograr ese obxectivo”, explican dende a organización convocante.

A Fruga recibe múltiples queixas por danos de corzos en viñedos

Dende a Federación Rural Galega (Fruga) veñen de denunciar novos danos nas zonas vitícolas ocasionados, desta vez, por corzos. A proclama da Federación súmase ás queixas fronte a Consellería de Medio Ambiente a propósito dos danos ocasionados o ano pasado polo xabaril. A FRUGA reclama que a Consellería aínda non abonou aos viticultores as indemnizacións dos estragos do ano 2020 e que, xunto aos do corzo, <<están a provocar moitos perxuízos na economía e no correcto funcionamento das explotacións agrarias>>, explica Xurxo Álvarez, o presidente do colectivo.

Unha proclama colectiva

Adiantan, tamén, que están a elaborar un escrito formal que apremie á Consellería a <<cumprir cos compromisos adquiridos>>. En canto ao corzo, dende a federación están a constatar un ascenso sensible dos danos provocados polos corzos nas zonas de viñedo enmarcadas nas Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas. Engaden que tanto no mes de abril, como no de maio, moitos labregos e labregas canalizaron as súas queixas a través da FRUGA. Nese escrito formal, os asociados piden que o corzo se considere fauna potencial causante de estragos nas explotacións agrícolas. Deste xeito, pedirán á Consellería que amplíe as axudas para abranguer tamén os desperfectos ocasionados por este cérvido.

Os brotes tenros de explotacións ourensás, os máis afectados

A maioría dos danos reportados á FRUGA aconteceron en explotacións situadas na provincia de Ourense, tendo especial incidencia nos meses de marzo, abril e maio. Estes meses son nos que se produce a floración e a brotación, polo que os follatos das vides están mais tenros e son mais apetecíbeis para o corzo. Isto ten unha repercusión significativa, ocasionando grandes perdas na produción de uva. <<Pola nosa experiencia e tamén polo que nos transmiten as persoas profesionais do sector, os danos causado por esta especie descenden drasticamente a partires do mes de xuño e, en consecuencia, as perdas redúcense considerabelmente>>, engade Xurxo Álvarez.

Radiografía da vendima máis atípica

Este ano a campaña de recollida da uva adiantarase en toda Galicia, nun ano no que a pandemia do coronavirus tamén está a marcar a diferenza, coa implantación de novos protocolos e restricións para evitar contaxios entre os temporeiros. O emprego de máscara, a obrigación de respectar a distancia mínima de seguridade entre os traballadores ou a realización de test están a ser algunhas das novas medidas que incorporan este ano ás adegas. Son días de preparativos para o inicio da vendima tanto nas adegas como nos Consellos Reguladores, que apuran as revisións ós viñedos para valorar o inicio da recollida. Prevese unha colleita de moi boa calidade e cantidade, pese a que haberá importantes variacións dunhas zonas a outras dada a incidencia de pragas como o mildio na primavera. Ademais, este 2020 a vendima virá condicionada pola capacidade das adegas para almacenar e procesar a uva en función das reservas de viño que aínda teñan, logo das limitacións para a venda que tiveron por mor da crise sanitaria. Facemos un repaso polas 5 Denominacións de Orixes (DO) de Galicia e falamos tamén con adegas e cooperativas vitivinícolas para coñecer as previsións que teñen para esta vendima:

Valdeorras: “A vendima vén anticipada e cunha calidade de uva extraordinaria”

A adega Godeval, situada no Barco de Valdeorras, foi a primeira en comezar a vendimar en Galicia. Como en anos anteriores, é na Denominación de Orixe de Valdeorras onde arrancaron os traballos de recollida da uva, en concreto nas adegas Godeval e Valdesil, e espérase que nos próximos días se inicien tamén no resto de denominacións galegas. “A vendima este ano vén anticipada e cunha calidade de uva extraordinaria”, ratifica Santiago Pérez, un dos técnicos da DO. Os controis de maduración realizados polo equipo técnico do Consello Regulador indican que as primeiras uvas recollidas contan cunha graduación alcohólica que se sitúa nos 13,5 graos. As noites frescas están favorecendo tamén que as uvas conserven acidez.
Estiman recoller uns 5,5 millóns de quilos, fronte ós 6,5 millóns alcanzados o pasado ano
As previsións apuntan a que haberá unha colleita de gran calidade e, pese a que aínda é cedo para axustar unha cifra, a cantidade de uva podería verse reducida con respecto a outras campañas nas que rondaba os 6,5 millóns de quilos. “Este é un ano atípico no que entran en xogo moitas variables, polo que é máis difícil facer unha estimación, pero cremos que se poden recoller uns 5,5 millóns de quilos”, explican dende o equipo técnico do Consello Regulador. A capacidade de almacenaxe das adegas pode ser un deses condicionantes. Ademais, sinalan que as restricións de mobilidade polo estado de alarma fixeron que algúns tratamentos fitosanitarios se atrasasen, o que pode condicionar a cantidade de uva recollida. A adega Godeval foi a primeira en comezar coa vendima en Galicia. // Foto Godeval. Para a adega Godeval esta foi unha das vendimas máis temperás. “Con respecto ó ano pasado comezamos 10 días antes”, explican dende a adega. Ó longo dos próximos 10 días teñen previsto recoller uns 150.000 quilos de uvas nunhas 24 hectáreas de viñedo propio. “As últimas chuvias melloraron notablemente o proceso de maduración ó evitar o estrés hídrico e favorecer a acumulación de azucre no acio”, comentan dende a adega. Na Cooperativa Jesús Nazareno, situada no Barco, con máis de 300 socios e unhas 250 hectáreas de viñedo, a vendima arrancará a primeira semana de setembro. Os controis no viñedo fan prever unha colleita de moi boa calidade, aínda que estiman recoller unha menor cantidade de uva, arredor dun 30% por debaixo doutros anos. Tamén os prezos están a ser máis baixos que o doutras tempadas. Os protocolos preventivos para evitar os contaxios do coronavirus están á orde do día nas adegas. “Activamos un protocolo na cooperativa para favorecer o distanciamento e tamén estamos a facer test na adega á par que estamos seguindo as recomendacións oficiais para a vendima”, indica Alfredo Vázquez, director comercial da cooperativa. O emprego de máscara, evitar compartir as ferramentas e o distanciamento entre traballadores tanto na recollida da uva como na hora do xantar son algunhas das pautas que marcan a vendima.

Ribeiro: “A vendima chega con case 15 días de adianto ó Ribeiro”

Este ano, o consello regulador da DO Ribeiro aprobaba en pleno as normas para a vendima xa o pasado 30 de xullo ante a previsión de que os traballos se adiantasen con respecto doutros anos. Aínda que algunha adega xa comezou a recoller uvas de variedades e zonas que maduran antes, agárdase que o groso da vendima sexa na primeira semana de setembro. “As previsións son de que haxa unha boa colleita, falta por ver as consecuencias que deixan tanto os paróns que tiveron algunhas adegas por mor das limitacións do Covid-19 como por ataques de mildio e botrite que houbo”, explica Juan Casares, presidente do Consello Regulador.
Agárdase que as adegas admitan toda a uva producida ó amparo da DO
Finalmente, e pese ó temor inicial, as adegas recollerán toda a uva producida ó amparo da DO. “Aínda que non se poida garantir por completo, as adegas máis importantes apuntaron o seu compromiso coa recollida, o que dá certa tranquilidade ós viticultores”, indica Casares. Porén, os colleiteiros con viñedos fóra dos terreos da demarcación da DO veranse afectados polas limitacións por hectárea estipuladas no Real Decreto 557/2020 do 9 xuño. “Esta limitación afectará sobre todo a viñedos cun marco de plantación antigo, o que incrementa as producións por hectárea e que dedicaban parte desas uvas ó viño de mesa. Esta medida vai acelerar o ritmo de abandono de terras de viñedo no Ribeiro”, valora Casares, que recorda a importancia de manter a actividade vitivinícola para garantir o futuro socieconómico da comarca.

Rías Baixas: “Prevese chegar ós 37,5 millóns de quilos de uva, un 15% máis que no 2019”

As primeiras estimacións nas Rías Baixas apuntan a un incremento da colleita do 15% con respecto ó ano pasado. As perspectivas son acadar os 37,5 millóns de quilos, segundo informan dende o Consello Regulador. Aínda que se estimaba que os traballos comezasen na primeira quincena de setembro, algunhas adegas prevén iniciar a vendima esta mesma semana. “O aumento da produción débese á elevada taxa de brotación que tivemos este ano, que foi case do 90%, e ó tamaño dos acios, que tamén está a ser maior que outras campañas”, explican. Os viñedos acusan un adianto fenolóxico de entre 10 e 15 días, logo dun inverno e unha primavera cálidos e con abundantes precipitacións. Estas condicións meteorolóxicas tamén deixaron importantes episodios de mildio. Porén, as previsións apuntan a unha colleita abundante e de boa calidade. Estado dos acios en viñedos da DO Rías Baixas en días pasados. // Foto: Consello Regulador Rías Baixas. Na cooperativa Martín Códax, con máis de 300 socios, apuran estes días os preparativos para o comezo da vendima. “Os viticultores están visitando os viñedos para determinar o momento óptimo para comezar os traballos, pero aínda non temos unha data concreta”, explican dende a cooperativa. Porén, agardan que a vendima se adiante e poida comezar xa mesmo na vindeira semana cando, polo xeral, agardaban a mediados do mes de setembro. Tamén están a concretar os protocolos de prevención que levarán a cabo na adega para evitar o contacto directo do persoal e reducir o risco de contaxio de coronavirus. “Estamos traballando para fixar as horas e espazos de recepción da uva para extremar as precaucións”, detallan. A medición regular da temperatura dos traballadores, o emprego de máscaras ou o uso de xeles son algunhas das medidas que incorporarán esta campaña. “Esta será a vendima máis atípica por causa do coronavirus e estamos desenvolvendo tódolos protocolos precisos para extremar as precaucións e garantir a seguridade dos traballadores”, argumentan.

Ribeira Sacra: “Agárdase boa calidade, aínda que a cantidade pode estar condicionada polos ataques de mildio”

Salvo imprevistos, a adega Ronsel do Sil, da subzona Ribeiras do Sil, será a primeira en iniciar este mércores a vendima na DO Ribeira Sacra. Na mentres, esta semana os técnicos do Consello Regulador están a realizar os controis de maduración para fixar unha data de inicio xeral da vendima nesta denominación. Viñedos da Ribeira Sacra. O estado sanitario dos viñedos é óptimo, polo que se agarda unha vendima de calidade. Porén, “a cantidade pode estar condicionada polos ataques de mildio que se sufriron durante a primavera”, valora Beatriz Soto, directora técnica do Consello Regulador. Así, as previsións apuntan a que se recollerán uns 6 millóns de quilos de uva, por debaixo dos 7,2 millóns de uva da tempada pasada, sendo unha vendima de récord para esta denominación de orixe. As medidas preventivas polo Covid-19 están marcando tamén os preparativos da vendima, máis aínda cos gromos detectados nos últimos días en poboacións coma Monforte. Dende o Consello Regulador activaron novos protocolos preventivos para extremar as precaucións nas visitas de control ós viñedos e tamén remitiron ás adegas a necesidade de incorporar medidas preventivas.

Monterrei: “As chuvias foron no momento axeitado e agárdase que o bo tempo favoreza a maduración da uva”

Na DO Monterrei a previsión inicial era que a vendima comezara xa nestes últimos días do mes de agosto, pero logo das últimas choivas, a maioría das adegas atrasarana ata comezos de setembro. As precipitacións foron tamén moi ben recibidas nestes viñedos, que xa acusaban un importante estrés hídrico. “As temperaturas tan elevadas deste verán fixeron que as plantas, que xa levaban un adianto fenolóxico de case 10 días con respecto do ano pasado, sufriran un importante estrés hídrico que estaba a frear a maduración”, explica Luis Miguel López, director técnico do Consello Regulador. Logo das precipitacións, as previsións de bo tempo para esta semana son unha boa nova para os vitivinicultores. “As chuvias viñeron no momento axeitado e agora coa previsión de que o anticiclón das Azores volva tocar Galicia agárdase que as uvas poidan acadar a maduración óptima”, apunta López.
“Pese a ataques puntuais de mildio, o estado sanitario da uva é excelente”
Todo apunta a que a deste ano será unha boa colleita. “Pese a ataques puntuais de mildio, o estado sanitario da uva é excelente”, informa o técnico. Porén, dende o Consello Regulador desbotan facer unha estimación, polo momento, dado que aínda restan días para entrar en plena campaña e a meteoroloxía pode tirar polo chan as previsións. A primeira adega que ten previsto iniciar a vendima é Pazo das Tapias (Verín), que comezará este xoves, segundo as previsións. Con todo, a maioría das adegas opta por agardar uns días máis. Na adega Daniel Fernández, situada en Verín, agardan comezar a vendima a mediados do mes de setembro, unha semana antes do habitual. “Polo de agora, vai todo moi ben encamiñado e parece que imos ter unha moi boa colleita, sobre todo en canto a calidade, en especial nas cepas de Godello”, explica Alberto Fernández, responsable da adega. Nestes días previos, na adega están comezando a contratación de persoal e a valorar os protocolos sanitarios que deberán seguir os temporeiros para evitar os contaxios. Tamén dende o Consello Regulador están informando ás adegas para que extremen as precaucións e as medidas sanitarias, ó tempo que os propios técnicos e persoal do órgano regulador están incorporando protocolos axeitados.

Medidas preventivas fronte ó Covid-19 na vendima

Ante o inicio da vendima, a Federación Rural Galega (Fruga) reclámalle tanto á Consellería de Sanidade como á de Medio Rural un catálogo de medidas preventivas e protocolos de actuación fronte ó Covid-19. A organización agraria reitera en nota de prensa esta petición, centrada agora no sector vitivinícola, logo de non ter recibido contestación á solicitude realizada xa no mes de xullo que reclamaba estas indicacións para os sectores agropecuario e forestal. A Fruga incide na necesidade de contar con estas ferramentas sobre todo para aquelas adegas de menor tamaño e familiares que non teñen capacidade para desenvolver uns protocolos. Apuntan que a solicitude de facer test ós temporeiros contratados, realizada pola Consellería de Sanidade, para o cribado dos gromos que poidan producirse na vendima, non abonda para afrontar a situación actual, dada a escalada de contaxios rexistrados nos últimos días en Galicia.

Sindicato Labrego e Fruga alertan de que o reparto das axudas da próxima PAC dentro de España vai perxudicar a Galicia

O Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Federación Rural Galega (Fruga) veñen de emitir senllos comunicados nos que alertan de que Galicia pode sair especialmente prexudicada dentro do Estado español no reparto dos fondos da nova PAC 2021/2027, cuxo orzamento xa experimentará un recorte do 12,2% (804 millóns de euros menos ao ano no caso de España). Asemade, botan en falta unha postura da Consellería de Medio Rural para defender os intereses das pequenas e medianas granxas galegas. No caso do Sindicato Labrego advirten de que “o importe de fondos para Galiza depende desa menor asignación para o Estado español, pero depende aínda máis de como se repartan dentro do Estado Español eses fondos cumprindo cos Regulamentos que se aproben na Unión Europea”.

Sindicato Labrego: “As explotacións que cobran máis de 100.000 euros, seguirán cobrando moito”

Neste sentido, critican que no acordo para a nova PAC acadado en Bruxelas hai dous aspectos que resultan prexudiciais para os intereses galegos. Son o capping, ou límite de pagos, “que empeora con respecto á proposta inicial , pois será voluntario para os Estados, e a partir dos 100.000 euros , só para a axuda básica á renda e coa posibilidade de restar custes laborais”. “Isto significa que teremos menos fondos pero as explotacións que cobran moito, seguirán cobrando moito: no Estado imos seguir tendo perceptores de PAC de varios millóns de euros. Na Galiza, que cobren máis de 100.000 euros de pago básico hai dúas explotacións. É dicir, o 20% dos perceptores van seguir cobrando o 80% dos fondos e xa veremos se non hai concentración aínda maior polo seguinte punto”, denuncian dende o Sindicato Labrego. Outro punto do acordo da nova PAC, que segundo o sindicato prexudicará a Galicia é a converxencia dos pagos directos por hectárea. “Din que no ano 2022 todos os Estados membros terán un nivel de polo menos 200 euros por hectárea e todos os Estados membros alcanzarán polo menos 215 euros por hectárea en 2027. Neste caso, Galiza perde sempre dentro do Estado e dentro de Europa, porque ten unha porcentaxe Superficie Agraria Útil das máis baixas do Estado e de Europa e dentro desa SAU temos moitas hectáreas que non cobran PAC neste momento e temos unha superficie media por explotación moi baixa. Por estas peculiaridades galegas, esta converxencia dos pagos directos pode ser extraordinariamente negativa na Galiza posto que o pago por hectárea vai sufrir bastantes variacións para adaptarse á converxencia e vai significar outro reparto de fondos distinto por rexións dentro do Estado”, explican dende o Sindicato Labrego. Ante esta situación, a diagnose da organización agraria é que “todo apunta a que vai seguir sendo o mesmo pero peor: probablemente as pequenas explotacións cobren menos aínda porque, por un lado temos menos fondos, e ademais, polo que deixan ver eses dous puntos, as grandes explotacións queren seguir cobrando o mesmo e están facendo o posible para que nada cambie. Iso sí, todo revestido de loita contra o cambio climático e sostibilidade medioambiental cando é este sistema agroindustrial promovido pola PAC e destinado á exportación o que contribúe realmente ao cambio climático”.

Fruga: “O Estado español prioriza no reparto das axudas da PAC aos grandes propietarios”

Dende a Federación Rural Galega (FRUGA) lembran que “o 80% das axudas da PAC no Estado español son cobradas soamente polo 20% dos e das beneficiarias, pola contra o 80% de beneficiarias téñense que conformar co 20% do orzamento, unha distribución a todas luces inxusta”. “Sendo o Estado español o segundo estado da UE que mais orzamento recibe das axudas da PAC após o estado francés, resulta que o importe dos apoios que reciben as explotacións galegas son dos mais baixos de toda a UE e isto é debido a que o Estado español sempre priorizou, no criterio de reparto, aos grandes propietarios, moitos deles absentistas, e que, na maior parte dos casos, non se dedican profesionalmente á actividade agropecuaria”, critican dende a organización agraria. Neste sentido, na FRUGA reclaman que os apoios do primeiro piar da PAC (axudas directas á actividade agrogandeira) “teñen de ir dirixidos a aquelas persoas que teñen a actividade agrícola e gandeira como actividade principal, é dicir aquelas persoas que cando menos obteñan o 50% da súa renda da actividade agraria exercida na súa explotación, e que o tempo dedicado a actividades non relacionadas coa súa explotación sexa inferior á metade do seu tempo de traballo total, co fin de evitar que as axudas acaben nas maos de especuladores e entidades que nada teñen a ver coa nosa profesión”. Ademáis, lembran que “moitos e moitas profesionais agrarios non receben ningún apoio dos orzamentos da PAC, por exemplo a maioría de quen na Galiza se dedica a horta ou a viticultura, unha situación que o novo Plano Estratéxico do Estado español ten de solucionar”.

Piden a apertura dos mercados de alimentos de proximidade

O Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Federación Rural Galega (Fruga) fixo un chamamento ós gobernos municipais galegos para que manteñan abertos os mercados de alimentos de proximidade que se desenvolven habitualmente nos municipios, pese ás restricións polo coronavirus. Destacan a importancia que teñen estes puntos de venta para os labregos que optan pola venda directa para comercializar as súas producións así como para os consumidores. Ademais, instan á Xunta e á Delegación do Goberno a ditar as instrucións necesarias para que as autoridades municipais manteñan abertos os seus mercados de alimentos de proximidade de cara a garantir o abastecemento de bens esenciais. Piden tamén que asesoren ós labregos para extremar as precaucións e evitar a transmisión do coronavirus nestes puntos de venta. Os dous colectivos insisten en que, pese a situación de emerxencia sanitaria polo coronavirus e as correspondentes restricións, este tipo de mercados de alimentos deberan continuar celebrándose, ó igual que se permite a apertura de centros comerciais para garantir o acceso da cidadanía a bens esenciais. Moitas das administracións locais decidiron cancelar estas feiras en base á recomendación de evitar celebrar actividades ó aire libre, aínda que boa parte dos mercados de alimentos de proximidade que se celebran en Galicia ó aire libre non supoñen unha gran concentración de persoas. Dende o SLG e a Fruga inciden en que “os Concellos que ditaminen o peche destes mercados incorren nunha interpretación excesivamente restritiva das prohibicións sanitarias dirixidas a conter o Covid19 e mesmo contraproducente”, insisten.

Garantías sanitarias

Na situación actual, apuntan que os mercados de proximidade, polas súas características poden ser unha alternativa para que os cidadáns obteñan alimentos con garantías sanitarias e menos riscos de contaxio. Recordan que o abastecemento de alimentos agora mesmo está centrado en supermercados e hipermercados que, pese ás restricións que se toman, seguen tendo grandes aglomeracións e onde os consumidores poden manter contacto manual ilimitado cos produtos que están á venda, á par de ser espazos cerrados.
Reivindican que os mercados de proximidade son ó aire libre, sen aglomeracións e os produtos non pasaron polas mans de intermediarios nin doutros consumidores
Pola contra, “estes mercados de proximidade son ó aire libre, sen aglomeracións e os produtos que se venden non pasaron polas mans de intermediarios nin doutros consumidores polo que ofrecen maiores garantías sanitarias”, reivindican. Ademais, boa parte dos alimentos que se comercializan nestes mercados son frescos ou ecolóxicos co que supoñen unha alternativa de maior calidade para os consumidores.

Recomendacións da Comisión Europea

Apelan á circular publicada pola Comisión Europea baixo o título “Covid19 Directrices para medidas de xestión fronteiriza para protexer a saúde e garantir a dispoñibilidade de bens e servizos esenciais”, con data do 16 de marzo, na que se especifica que a circulación de alimentos debería quedar protexida e blindada na actual crise. Así, no sexto punto do segundo capítulo desta circular especifícase que “Os Estados membros deberán preservar a libre circulación de todas as mercadorías. En particular, deberán garantir a cadea de subministración de produtos esenciais como medicamentos, equipos médicos, produtos alimentarios esenciais e perecedoiros e gando. Non se deberá impoñer ningunha restrición á circulación de mercadorías no mercado único, especialmente (sen limitarse a) bens esenciais, relacionados coa saúde e perecedoiros, nomeadamente produtos alimentarios, salvo que estean debidamente xustificados”. “Coa interpretación retorta que están a facer algúns concellos das restricións e prohibición de actividades para conter a pandemia do coronavirus, non só poderían estar a empeorar a situación, senón que estarían beneficiando ás grandes superficies comerciais e castigando ós veciños que venden e consumen alimentos de proximidade”, afean dende a Fruga e o Sindicato Labrego Galego.

Preocupación entre os agricultores que fan venda directa nos mercados tradicionais

As medidas restritivas adoptadas nos últimos días para tentar controlar a incidencia do coronavirus están a suscitar preocupación entre os agricultores que fan venda directa nos mercados tradicionais, logo da decisión de suspender a celebración de feiras de proximidade. Dende a Federación Rural Galega (Fruga) recriminan que se adopte esta medida cando dende a Xunta se enfatiza que o abastecemento de alimentos está garantido e se blinda a apertura de supermercados e hipermercados. “Dende a Fruga non entendemos como no medio desta situación se prohibe a actividade de feiras e mercados, se, como di o presidente da Xunta, o que se ten que primar a día de hoxe, no medio das restricións de movemento e reunión, é o acceso da poboación á alimentación”, indican. O colectivo reivindica a importancia das feiras e mercados periódicos no modelo de consumo galego. Ademais resalta que boa parte destes mercados e feiras tradicionais en moitas ocasións se celebran ó aire libre, algo que -din- sería menos problemático á hora de producirse o contaxio polo virus do Covid19. Apuntan tamén que a estrutura destes mercados evita as longas ringleiras que se están a formar nos últimos días nos supermercados. Por outra banda, estes mercados de venda directa son o medio a través do cal moitos labregos comercializan a súa produción, e que deste xeito quedan “desamparados pola Administración, sen poder dar saída ós produtos”, concretan. Así, a Fruga esixe a rectificación da Xunta e pídenlle que garanta a realización das feiras e mercados nas vilas e cidades, unicamente con produtos de alimentación, co mesmo afán que asegura a apertura das cadeas de distribución da gran industria alimentaria. Ó mesmo tempo, solicítanlle que se implementen as medidas necesarias para o correcto funcionamento dos mercados no marco da alerta sanitaria actual.

Fruga reclama unha regulación do leite de pastoreo acordada co sector

A Federación Rural Galega (Fruga) reclama á Xunta de Galicia que os futuros cambios normativos para a produción de leite de pastoreo sexan consensuados co sector. "Demandamos do señor conselleiro que calquera tipo de modificación en relación á produción de leite en pastoreo se acorde con todos os axentes do sector", solicita Fruga, que afirma que "a intención da Consellería de pór colares GPS ás vacas que fan pastoreo fai pensar que non confía nos gandeiros que optan por este modelo produtivo". O anuncio da Consellería do Medio Rural sobre a súa intención de regular a produción e comercialización de leite de pastoreo, avanzado polo director xeral de Gandería, José Balseiros, a Campo Galego, foi entendido desde Fruga como un ataque ao sector produtor, cando as críticas vertidas por Balseiros ían dirixidas fundamentalmente ás industrias que están a empregar esta marca sen estar aínda regulada, do mesmo xeito que tamén supeditou os termos concretos da nova normativa á súa aceptación por parte de industrias e produtores. "Dende FRUGA non nos opoñemos a un regulamento que defina con claridade o que significa esta práctica porque é evidente que é preciso perfeccionar o sistema, o que non entendemos é a intención da Xunta de pór colares GPS ás vacas, algo insólito, que o único que vai supor son problemas para as explotacións gandeiras, e en moitos lugares até dubidamos da súa cobertura, ademais dos custos que isto leva aparellado para moitos gandeiros e gandeiras que a día de hoxe estamos a producir en base ó pastoreo", insiste Elías Somoza, coordinador da Federación Rural Galega en Lugo. 800 explotacións practican pastoreo na actualidade en Galicia "Actualmente en Galicia, hai perto de 800 explotacións lácteas producindo leite de pastoreo, práctica que se está estendendo a outras comunidades do Estado, mesmamente en Baleares. Igualmente parécenos unha falta de respecto pór en dubida estas marcas, cando realmente a produción de leite de vacas que saen a pacer é o fenómeno máis natural que pode existir, e ao mesmo tempo contribúe a reducir os custos de produción. Parece ser que a Xunta non confía nin nos gandeiros e gandeiras que producen este tipo de leite, nin nas empresas encargadas de velar pola súa correcta certificación", engade.
Non nos parece de recibo que o conselleiro de Medio Rural intente cargarse este sistema produtivo. Estamos a falar dun modelo que priman as novas políticas europeas e noutros puntos do planeta a produción de leite vai neste camiño
"Existen marcas de pastoreo, que levan implícito o selo de Galega 100%, co cal non entendemos como se pode dubidar desta trazabilidade. En cambio a propia Xunta debería de preocuparse por axilizar as altas e as baixas no Rexistro de Calidade Diferenciada (RECALDI), que actualmente presenta importantes atrasos na súa xestión", reclama Elías. "Si realmente esta produción ten saída nos mercados e Galicia presenta unhas cualidades físicas, orográficas e climáticas propicias para o pastoreo, o que ten que facer o conselleiro de Medio Rural é promover este sistema de produción, e non pór atrancos para a súa consolidación. Estamos a falar dun modelo produtivo do cal viven moitas familias no rural galego, con prácticas sustentables, que cada día son máis primadas nas novas políticas europeas. É evidente que moitas destas explotacións son de tamaño medio, aspecto que parece que non lle gusta á actual dirección da Xunta de Galicia, mais deberían saber que gracias a elas son moitos os postos de traballo directos e indirectos que se crean, e noutros puntos do planeta parece que a produción de leite vai nese camiño. E desde logo non nos parece de recibo que o conselleiro de Medio Rural intente cargarse este sistema produtivo", critican. "Un novo problema" para as explotacións que están neste tipo de produción En opinión de Fruga, o mecanismo que está a estudar a Xunta para evitar a fraude na utilización da marca de pastoreo, mediante a instalación de colares GPS nas vacas supón "un novo problema" para as explotacións que están neste tipo de produción. "Nós consideramos que a Consellería tería que promover e facilitar este tipo de producións e non pór trabas para a súa práctica. O sistema de colares nos animais non é preciso para controlar se as reses saen a pacer ou non, chega con outro tipo de controles. Actualmente son frecuentes as visitas das empresas certificadoras ás explotacións para comprobar in situ se o pastoreo se está realizando", razoa o coordinador da Federación Rural Galega en Lugo.
Poñer colares GPS ás vacas é algo insólito que o único que vai supoñer son problemas para as explotacións gandeiras, e en moitos lugares até dubidamos da súa cobertura. Non son necesarios, chega cos controles que fan nas visitas in situ ás explotacións as entidades certificadoras
Fruga argumenta que se a Consellería do Medio Rural quere realmente favorecer este tipo de producións "o que ten que facer é traballar en políticas de mobilidade da terra, como o banco de terras, ou outras iniciativas". "Vemos como a superficie agraria útil segue a descender en Galicia de forma considerable, cando moitas explotacións aínda que queiran reconverterse ao pastoreo téñeno difícil pola falta de terras, e por parte da Consellería mírase para outro lado, permitindo a forestación de terras agrarias", considera Elías Somoza.

O Sindicato Labrego e a Federación Rural Galega piden que se prohiba a caza do raposo na zona afectada pola praga da rata-toupa

Danos provocados pola rata toupa en rolos de silo de herba nunha explotación de Pedrafita do Cebreiro A praga da rata-toupa, que está a afectar a varios concellos da montaña lucense, está a provocar danos ademais de nas pradeiras, nos rolos de silo acumulados polos gandeiros para alimentar aos seus animais nos vindeiros meses e en cultivos de inverno como os nabos, segundo alerta o Sindicato Labrego Galego. O SLG, o mesmo que a Federación Rural Galega (Fruga), esixen á Xunta que prohiba a caza do raposo, un predador natural da arvícola terrestris, na zona de afectación da praga. Os últimos informes elaborados pola Consellería do Medio Rural coas declaracións de danos efectuadas polos agricultores e gandeiros da zona sobre a incidencia da rata-toupa constatan que están afectadas máis de 1.600 hectáreas, pero a cifra real podería chegar ás 2.000 segundo técnicos consultados polo SLG. Aínda que, até agora, os principais danos están a ser causados en praderías, dende o Sindicato Labrego Galego denuncian estragos directos en granxas de Pedrafita do Cebreiro, con contiosas perdas na herba ensilada e na colleita de nabos.
O Sindicato Labrego considera "insuficiente" o trampeo e reclama un plan de choque que evite que a praga se siga extendendo
"Polo que puidemos saber, entre as medidas que planea a Xunta para facer fronte a esta praga está facer trampeo, en coordinación coas granxas", afirma o SLG que, "sen discutir esta medida", considera que vai resultar "insuficiente". Por iso, o Sindicato Labrego solicita a convocatoria dunha xuntanza cos axentes sociais dos sectores económicos e zonas afectadas pola praga para tentar "coordinar forzas" e buscar as mellores solucións a unha praga que, en comunidades veciñas como Castela e León, afecta a 1.610.000 hectáreas (o 20% da superficie da comunidade), causou 30 millóns de euros en perdas e medio cento de persoas contaxiadas por turalemia.
En Castela e León a arvícola terrestris afecta ao 20% do territorio e causou xa 30 millóns de euros en perdas e medio cento de persoas contaxiadas por turalemia
O SLG considera como unha das principais causas desta praga o descenso poboacional dos depredadores naturais destes roedores (por exemplo a donicela, o raposo ou as aves rapaces), sobre todo como consecuencia da caza, tanto legal como furtiva. Por iso, aseguran dende o SLG "é necesario que a Consellería de Medio Ambiente decrete a prohibición de cazar calquera especie depredadora natural das ratas-toupa nos concellos afectados e nos limítrofes, pois de continuar a presión sobre os seus depredadores o desequilibrio ecolóxico agudizarase e a crise empeorará", argumentan. Campionato de Caza de Raposo esta fin de semana en Triacastela Precisamente xusto esta mesma fin de semana, está prevista a celebración do XXV Campionato Galego de Caza de Raposo, organizado pola Federación Galega de Caza na zona do monte Iribio, concretamente entre os concellos de Triacastela e Láncara, segundo aparece recollido na publicidade do certame emitida desde a entidade que aglutina ao groso dos cazadores de Galicia. A ubicación escollida atópase dentro da zona de afectación da praga, polo que tanto o Sindicato Labrego como a Federación Rural Galega reclaman a paralización deste campionato. Danos provocados en pradeiras de Triacastela pola arvícola terrestris "A Xunta de Galicia debería prohibir cautelarmente este torneo e calquera outra actividade que ameace con crear un desequilibrio ecolóxico semellante ao do xabaril en toda Galicia", afirman desde o SLG. "Neste caso o despropósito non pode ser maior, toda vez que o certame anual, que conta pór no monte máis de trescentas escopetas coa finalidade de abater o maior número de animais posible, cando é precisamente o raposo o principal elemento de control biolóxico desta especie de roedores, polo que unha cacería como a que se propón serviría para agravar aínda máis a situación e facilitaría a proliferación descontrolada da rata-toupa, co equivalente prexuízo económico para agricultores e gandeiros da zona", opinan desde Fruga, que solicitan asemade "a retirada de calquera fondo público destinado á celebración deste campionato". A Federación Rural Galega fala de "irresponsabilidade da Administración". "Ao mesmo tempo que se amparan e patrocinan certames como este, a Xunta promete acometer medidas, a día de hoxe aínda por determinar, e evita dotar orzamentariamente de axudas ás explotación afectadas polos roedores. Parece pesar máis o cada vez máis cuestionado aproveitamento lúdico derivado da entrega da xestión da fauna salvaxe aos colectivos de cazadores, que a defensa e protección de agricultores e gandeiros obrigados a apandar coas consecuencia da súa actividade", denuncia Fruga.

Reclaman axudas directas para paliar os danos

Desde a Federación Rural Galega calculan que a proliferación incontrolada da arvícola terrestris  tería ocasionado a día de hoxe estragos por valor de "perto de dous millóns de euros" e reclaman da Administración galega "medidas urxentes de apoio ás explotacións afectadas". O SLG, pola súa parte, reclama a posta en marcha dunha liña de axudas directas para compensar os danos ocasionados, semellante á aprobada noutras comunidades autónomas afectadas, como é o caso das compensacións adoptadas en Asturias. "A Consellaría de Medio Rural non pode mirar cara a outro lado diante das perdas que están a sufrir as granxas e que, como puidemos ver, van máis alá dos prados, creando unha liña de axudas para compensalas. Ao fin e ao cabo, a permisividade da Xunta co exterminio indiscriminado dos predadores naturais da rata toupa fai que sexa, en parte, tamén responsable da crise", argumentan.
Fruga calcula que a praga tería causado xa en Galicia danos por valor de dous millóns de euros
"O raposo e outros preeiros teñen un papel fundamental no mantemento do equilibrio ecolóxico dos ecosistemas dos que fan parte, así como no control de múltiples enfermidades que afectan á cabana gandeira galega", aseguran desde Fruga. Entre as medidas adoptadas noutras comunidades da cornixa cantábrica contra a arvícola terrestris está precisamente o fomento de depredadores naturais.