Archives

Curso de poda de froiteiras en Bergondo

A Fundación Juana de Vega, en colaboración coa AGACAL, organiza unha nova edición do curso de Fruticultura, que estará dividido por módulos. O primeiro destes módulos estará dedicado á poda de varios tipos árbores froiteiras en diferentes momentos do ano, incluíndo o uso e mantemento de ferramentas, entre outros conceptos. Este curso ten un enfoque eminentemente práctico, cunha duración descontinua que abrangue de febreiro a xuño. Haberá tamén unha visita de campo e a cata das froitas cultivadas durante a xornada de clausura. Todas as sesións son prácticas e terán lugar no CFEA de Guísamo (AGACAL) en Bergondo (A Coruña). Obxectivos Ao remate do curso, o alumnado será capaz de: Realizar todas as operacións de xestión das explotacións froiteiras da zona atlántica. Realizar as tarefas de conservación, elaboración e comercialización de froitas. Para a consecución dos obxectivos, a execución do curso será de carácter descontinuo para que as prácticas se desenvolvan durante o ciclo vexetativo das árbores. Horas: 48 Prezo: 100€ Prazas: 20 Lugar Todas as sesións son prácticas e terán lugar no CFEA de Guísamo (Bergondo), salvo a xornada de inauguración de base teórica, que será na sede da Fundación Juana de Vega (San Pedro de Nós, Oleiros). Pola metodoloxía eminentemente práctica do curso, as condicións climatolóxicas poden obrigar a facer pequenos cambios e adaptacións do calendario. Coordinadores xerais Camino Nicolás Velado. CFEA de Guísamo (AGACAL) Elena López Colmenero. Fundación Juana de Vega Coordinador técnico Luis Quinteiro González  

Case 90 persoas formáronse este 2023 en fruticultura e viticultura da man da Fundación Juana de Vega

Na foto (esqda. a drta.), Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega; Camino Nicolás, directora do CFEA; e Tonecho Meixide, antigo coordinador técnico dos cursos. O actual, Luis Quinteiro, tamén atopábase entre o público xunto co alumnado. Esta tarde, o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Guísamo acolleu a clausura dos cursos de Fruticultura e Transformados e de Viticultura e Enoloxía 2023 promovidos pola Fundación Juana de Vega en colaboración coa institución educativa. En total, nos dous cursos inscribíronse 87 persoas de diferentes perfís, que van desde profesionais en activo que buscaban adquirir novas técnicas ata particulares que acudiron por afección. Os catro módulos nos que se dividiu Fruticultura e Transformados (120 horas) foron Poda de froiteiras, Propagación de especies froiteiras e técnicas de cultivo, Planificación da explotación, defensa vexetal, traballos de mantemento, mecanización e instalacións frutícolas; e Aproveitamento e transformación de produtos frutícolas. Ao remate, o alumnado que completou todas as sesións puido adquirir os coñecementos para o manexo de explotacións froiteiras, así como para conservar, elaborar e comercializar froitas elaboradas. Pola outra banda, o curso de Viticultura e Enoloxía constou de dúas partes (100 horas). De febreiro a xullo, abordáronse os traballos de poda, labores culturais de mantemento das vides e control de maduración das uvas. A partir de setembro e ata o remate, o alumnado centrouse nas labores de colleita e vinificación. Durante o acto desta tarde, os asistentes recibiron os diplomas de aproveitamento e degustaron os produtos feitos por eles mesmos: viño, sidra e mosto. Precisamente, no seu discurso de clausura, Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega, recordaba a riqueza da nosa terra para producir case calquera tipo de froita, contando ademais con variedades propias moi interesantes. “As uvas para facer viño son o mellor exemplo da capacidade da nosa contorna agrícola para xerar actividades capaces de crecer e exportar”, destacou. Esta base, continuaba, son as “razóns que xustifican as liñas de traballo básicas da Fundación Juana de Vega. Entre elas, o noso sostido apoio a estes cursos de Fruticultura e Viticultura para formar a persoas interesadas nestes campos”.

Once anos

Os cursos de Fruticultura e de Viticultura da Fundación Juana de Vega impártense de forma continúa desde 2012 con moi boa acollida e demanda, tendo en conta que o alumnado ten que pagar unha taxa. A súa particularidade é que cobren todo o ciclo vexetativo das plantas e cada ano, ofrecen novidades no seu programa. Parte do alumnado dos cursos

Curso de fruticultura en San Sadurniño

A AGFA do Eume e o Concello de San Sadurniño colaboran na creación dun curso sobre actividade frutícola para mostrar as posibilidades de desenvolvemento que ofrece este sector. O curso tratará múltiples aspectos, desde o deseño dunha plantación ás técnicas de poda máis habituais. A actividade, que será gratuíta para veciñanza de San Sadurniño ou socia da AGFA, aten aberto o prazo de inscrición até o 22 de novembro a través do 635 013 323. Desenvolverase na Casa da Xuventude os venres 24 de novembro e 1 de decembro de 16:00 a 20:00h e os sábados 25 de novembro e 2 de decembro de 10:00 a 14.00h na Casa da Xuventude. Da parte formativa encargarase nas sesións dos venres o experto Marcos Besada, quen abordará a planificación das plantacións, as técnicas preventivas e os tratamentos para enfermidades e unha introdución á normativa da fruticultura ecolóxica. Canda Besada tamén compartirá coñecemento o fruticultor Ignacio Bellas, presidente da AGFA do Eume, falando de morfoloxía, ciclos das árbores e técnicas de poda de inverno. O temario tamén tratará a analítica e fertilización do chan, outros tipos de poda -de formación e de fructificación, en verde, etc.-, o control de pragas por medios convencionais e ecolóxicos, a aplicación de produtos fitosanitarios e os tipos de enxertado. A teoría ofrecerase na Casa da Xuventude e para as prácticas acudirase á horta de conservación Carlos Fornos, sempre que o tempo acompañe. O curso encádrase no convenio de colaboración subscrito entre o Concello e a asociación. Por este motivo a inscrición será gratuíta tanto para a veciñanza de San Sadurniño como para as persoas socias da AGFA do Eume, mentres que para o resto de participantes o prezo será de 40€ (que se pagarán o primeiro día). Hai que anotarse no 635 013 323 o día 22 de novembro como moi tarde.

Curso de enxertos de xema en froiteiras

O Sindicato Labrego Galego (SLG) organiza este mes no concello lugués da Pontenova un curso sobre enxertos de xema en froiteiras. A formación impartirase en horario de 16:00 a 20:00 horas os días 19, 20, 21 de setembro Para máis información ou inscricións chamar ao 679 192 000 ou escribir un correo a meira@sindicatolabrego.gal

Próxima convocatoria de plans de mellora para explotacións agrícolas e froiteiras

O Consello da Xunta aprobou un informe da Consellería do Medio Rural sobre a nova convocatoria de axudas para plans de mellora en explotacións especializadas en produción vexetal, dotada con tres millóns de euros a cargo do Programa de desenvolvemento rural(PDR) de Galicia 2014-2020. Así, trátase da terceira convocatoria desta liña de axudas (tras as ordes publicadas nos anos 2018 e 2019) e cuxo obxectivo é apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en cultivos destinados á alimentación humana e á produción de plantas ornamentais e de flor cortada. Desta forma, búscase mellorar os resultados económicos das explotacións agrícolas ao facilitar a súa reestruturación e modernización, incrementando a súa participación e orientación no mercado e diversificando a produción agraria. Do mesmo xeito, búscase reducir a pegada ambiental, diminuíndo as emisións de gases de efecto invernadoiro e de amoníaco procedentes da agricultura. Neste senso, poderán ser beneficiarios das ditas axudas todos aqueles titulares de explotacións agrícolas que estean inscritos no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga). En canto aos investimentos materiais ou inmateriais subvencionables, serán todos aqueles que impliquen unha mellora do rendemento global, da competitividade ou da viabilidade da explotación. Así, entraría dentro desta orde a reforma ou construción de instalacións, a compra de maquinaria, a compra de construción agrarias en desuso, a plantación e mellora de cultivos leñosos de aptitude frutícola e mesmo a compra de terreos. Como investimento inmaterial, serán subvencionables os gastos como honorarios dos técnicos que elaboren proxectos de construción ou reforma, licenzas de software, entre outros. Con esta liña de axudas, a Consellería do Medio Rural pretende promover a diversificación do agro galego a través da potenciación das explotacións agrarias dedicadas á agricultura, posto que este eido produtivo supón unha fonte de ingresos moi diversificada, ten vantaxes ambientais innegables para favorecer a biodiversidade e loitar contra os lumes forestais, ademais de manter os valores paisaxísticos tradicionais dos pequenos núcleos de poboación e do agro galego en xeral.

Control eléctrico: un método novidoso para eliminación de malas herbas en frutais, pradeira e viñedo

Control eléctrico de maleza entre liñas de plantación de frutais de Reino Unido A redución no uso de herbicidas e a busca de alternativas reais a algunhas das materias activas máis controvertidas, como o glifosato, é un dos principais obxectivos da Unión Europea para esta década. O proxecto Oper8 involucra a 8 institucións de 7 países nunha rede que busca solucións alternativas ao uso de produtos químicos para o control da maleza, con distintos métodos que se están probando tanto en campos experimentais como en explotacións reais. A intención é analizar os distintos métodos dispoñibles, a súa eficacia, resultados e custos para establecer un inventario de prácticas posibles en función dos tipos de cultivos e sistemas produtivos.
Foi desenvolvida maquinaria específica para limpeza de rúas en plantacións de viñedo e froitos vermellos
Dentro destes métodos innovadores ábrese camiño a eliminación de malas herbas por medio de eléctrodos que conducen a electricidade a través das plantas para secarlas, producindo a súa desaparición. Este sistema novo está a aplicarse xa en Reino Unido con bos resultados para a limpeza de rúas en plantacións en ringleira de froitos vermellos e en Francia en viñedo. Nestes casos búscase a eliminación da totalidade da maleza existente.
A aplicación localizada sobre lavazas en praderías presenta resultados “prometedores”
En Gales, ensaiouse tamén para a eliminación selectiva de malas herbas en praderías de explotacións lácteas. Os traballos nesta ocasión estaban focalizados na erradicación de lavazas, unha das malas herbas máis frecuentes en pasteiros, con resultados “prometedores”, destacan. Esta tecnoloxía e a nova maquinaria necesaria para a súa aplicación está a ser desenvolvida pola empresa Rootwave, formada por un equipo de 45 persoas no Reino Unido, e que está a aplicar xa o sistema eléctrico en xardinería, fruticultura e mesmo en cultivos de millo ou remolacha. Nas plantas ou rúas que se queren limpar xérase, por medio dun eléctrodo positivo e un eléctrodo negativo, un arco eléctrico que fai pasar a corrente a través da mala herba, producindo que se seque nas dúas semanas posteriores debido a esta descarga.

FRUTAIS: “O control mecánico mediante laboreo afecta á estrutura do chan mentres que o desherbado eléctrico non”

Desherbado eléctrico en plantacións de froitos vermellos en Reino Unido Lynn Tatnell, investigadora de ADAS, unha entidade de asesoramento agrícola e de consultoría ambiental de Reino Unido especializada en produción ecolóxica e que tamén realiza investigación aplicada, leva controlando as malas herbas nunha plantación de grosellas negras mediante desherbado eléctrico desde hai 5 anos. A principal conclusión destes ensaios é que este sistema novidoso é un método efectivo de control de malezas en arbustos e froitos de cana. “O control eléctrico é unha ferramenta de futuro. Estes ensaios mostraron resultados extremadamente prometedores", asegura Lynn.
É un método respectuoso cos preceptos da agricultura rexenerativa
Entre as principais razóns para estender este método, explica Lynn, estaría a súa menor afectación á estrutura do chan. “En plantacións de froiteiras as herbas que saen xusto á beira das liñas de plantación teñen efectos negativos, pero os métodos mecánicos usados perturban o chan, algo que non pasa co método eléctrico de desherbado. Os efectos positivos de non mover o chan percíbense no segundo ano”, asegura. Do mesmo xeito, este sistema non mata a insectos que non estean directamente en contacto coa mala herba e respecta a microbiota existente no chan, polo que é un método válido para o seu uso en agricultura ecolóxica e rexenerativa. Maior efectividade ao incrementar o número de pases Son necesarios polo menos dous tratamentos e o resultado mellora ao reducir a velocidade de aplicación Segundo os ensaios realizados nos anos 2018 e 2019, cuxos resultados completos están dispoñibles nesta ligazón, conclúese que varios pases son máis efectivos que un só para o control de malas herbas e que unha velocidade lenta de aplicación mellora a eficacia do tratamento, debido ao tempo de contacto da electricidade coa planta.
Estase a demostrar que os resultados melloran realizando varios pases e que as velocidades de aplicación máis lentas aumentan a eficacia do tratamento
“Isto pode ser un factor máis importante para malas herbas perennes persistentes ou malas herbas que son máis grandes no momento do tratamento”, destaca Lynn. “O control dos cardos é extremadamente eficaz mediante tratamentos eléctricos, algo que tamén se pode estender a outras malas herbas perennes, como as ortigas”, explica. No verán a redución de maleza á beira das liñas de plantación é do 60% cun só pase e do 90% en dous pases. Dúas semanas despois do segundo tratamento eléctrico a maioría de malas herbas estarían completamente mortas. No inverno a eficacia redúcese ao 50% cun pase e ao 75% con dous tratamentos. As aplicacións realízanse cun intervalo de entre 2 e 3 semanas de separación entre elas. Menos condicionado pola climatoloxía Un dos problemas para a aplicación de herbicidas en determinadas circunstancias son as condicións climatolóxicas, que minguan a eficacia dos tratamentos. No caso do control eléctrico as condicións de aplicación son moito máis flexibles. “O desherbado eléctrico é unha opción eficaz e versátil. O produtor ten a flexibilidade de tratar en condicións climáticas nas que non podería facelo cun pulverizador para aplicación de herbicidas, como por exemplo en condicións de vento e inmediatamente antes ou despois da choiva”, asegura Lynn.
O sistema eléctrico achega flexibilidade na aplicación, xa que permite traballar con condicións atmosféricas de vento ou inmediatamente antes ou despois de chover
“A desherbadora eléctrica non reduce o banco de sementes do chan, polo que non fomenta unha maior eliminación de malas herbas en comparación coas desmalezadoras mecánicas que moven o chan. Con todo, un enfoque integrado de manexo de malezas podería combinar ambos sistemas, incentivando primeiro o nacemento dunha onda de malas herbas, ao ser estimulada polo tratamento mecánico, para daquela ser tratada por un sistema eléctrico e reducir deste xeito o banco de sementes de malezas presente na parcela”, propón o estudo.
O desherbado eléctrico destrúe tanto a planta como as raíces, polo que reduce os tratamentos posteriores de forma máis efectiva que os métodos mecánicos
En cultivos de grosella negra en ecolóxico, onde había moita presenza de herba, comprobouse que "a sega é esencial para asegurar que a herba estea a unha altura e densidade manexable antes de aplicar o tratamento eléctrico".

VIÑEDO: “O custo é comparable con outros métodos”

Desherbado eléctrico en viñedos franceses Christophe Gaviglio, especialista do Instituto Francés de Viticultura (IFV), detallou as posibilidades de utilización de métodos eléctricos de desherbado en viñedo. Os resultados dos ensaios realizados indican que o consumo de combustible non é superior ao dun tractor convencional utilizado para segar ou tratar as malas herbas mecanicamente ou para realizar a aplicación de herbicida con sulfatadora suspendida. Polo tanto, en canto a custos, “os tratamentos eléctricos serían comparables a outros tratamentos contra malezas”, asegura. O custo de tratamento químico mediante herbicida rolda os 250€/ha/ano; mentres o custo dos desherbados mecánicos elevaríanse a entre 450 e 650€/ha/ano. O custo do control eléctrico non está aínda totalmente definido, en función da superficie a tratar, o número de intervencións, etc, pero o custo medio aproximado estímase en 300€/ha/ano. “Ten un custo competitivo en comparación aos herbicidas”, asegura Christophe. Aínda que aclara que o custo final é variable en función de múltiples circunstancias. “Hai unha serie de factores que condicionan unha mellor eficiencia do tratamento eléctrico: velocidade de aplicación, tipo de mala herba, densidade, etc. Por tanto, o custo depende de numerosas hipóteses”, di. Redúcese o risco de erosión “En viticultura non necesitamos un control selectivo, senón limpar de herbas as rúas. Non necesitamos un control de precisión. Aínda que o tratamento eléctrico é aplicable a todo tipo de malas herbas, tarda algún tempo en mostrar a súa eficacia sobre algunhas malas herbas e en condicións similares non todas as especies reaccionan igual ao contacto cos eléctrodos”, recoñece.
Ao non abrir o chan permite unha maior captura de carbono
Outras alternativas aos herbicidas tiñan menor eficacia e un curto período de efectividade ou persistencia, impacto sobre as viñas e imposibilidade de uso en chans en pendente, algo que non sucede neste caso, xa que pode ser aplicado en zonas pedregosas ou en pendente porque ao non abrir o chan redúcese o risco de erosión. “Este método axuda á restauración natural do chan e a biodiversidade e dá soporte á agricultura rexenerativa. Permite ademais facer tratamentos próximos a leitos de auga ou zonas sensibles desde o punto de vista ambiental”, compara Christophe.

PRADEIRA: “Tres tratamentos eléctricos son equivalentes a unha aplicación de herbicida para o control de labazas”

Kevin Godfrey participou nos ensaios realizados en pradeiras de explotacións lácteas de Reino Unido para o control de labazas (Rumex spp.) mediante uso de eléctrodos eléctricos. As experiencias leváronse a cabo en tres granxas leiteiras do sur de Gales durante un período de dous anos (2019-2021), onde se alcanzaron resultados “prometedores”, asegura. Trátase neste caso dun sistema eléctrico para tratamentos localizados en pradería mediante un kit portátil tamén usado en xardinería. Aplicáronse tres tratamentos eléctricos cun espazo de entre 3 e 4 semanas entre eles, realizando a primeira aplicación no mes de maio, e comprobouse que a eficacia iguala ao uso de herbicidas.
O control eléctrico é un sistema prometedor como ferramenta de xestión de praderías con lavazas
“Para o control de lavazas (Rumex obtusifolius) en praderías, tres pases eléctricos son equivalentes a unha aplicación de herbicida. É un método que ten aplicación evidente para os produtores en ecolóxico ou aqueles que queiran reducir o uso de herbicidas na súa explotación”, afirma.
A eficacia de tres pases eléctricos sería similar ao uso de herbicida
Segundo os ensaios realizados no ano 2021, medindo os resultados 4 e 8 semanas despois do tratamento, un pase logra unha eficacia inferior ao 40%, dous pases acadan o 60% e tres pases incrementan a efectividade ao 95% no control de labazas. Uso combinado con herbicidas “Os herbicidas requiren unha planta en crecemento activo que non sexa nin demasiado pequena nin demasiado grande, polo que conseguir a aplicación no momento correcto para unha absorción e eficacia óptimas é moi importante, pero ás veces é difícil de lograr unha aplicación de herbicida no momento óptimo, debido á climatoloxía”, asegura Kevin. “Os resultados obtidos en 2021 reflicten o beneficio dun enfoque integrado, onde se aplicou un tratamento eléctrico en maio que controlou significativamente as lavazas e logo un tratamento con herbicida de seguimento un mes máis tarde. Esta combinación foi altamente efectiva xa que a etapa de crecemento foi máis favorable para a aplicación do tratamento con herbicida”, detalla. Presenza de trevo Sistema portátil deseñado para aplicación en pradeiras “As labazas son o maior problema nos sistemas de pastoreo: reducen en rendemento e a calidade do pasto, así como a calidade da ensilaxe, xa que posúen só o 65% do valor nutricional da herba”, explica Kevin. Pero o uso de herbicidas pode ter un efecto negativo sobre outras especies, como os trevos, polo que, afirma, “a eliminación das labazas mantendo os niveis de trevo supón un beneficio adicional para os agricultores en canto á redución das necesidades de aplicación de nitróxeno na parcela”.

“A resistencia a herbicidas é un problema para os agricultores; necesitamos outros métodos”

Ilias Travlos, da Universidade de Atenas, entidade coordinadora da rede Oper8, pon o foco en aspectos como a resistencia das malas herbas aos herbicidas, un problema crecente para o desenvolvemento da agricultura nos próximos anos. “A resistencia a herbicidas foi confirmada en 255 especies de malas herbas en 70 países do mundo; necesitamos outros métodos”, asegura. Por iso, di, “unha eficacia, aínda que sexa moderada, do control eléctrico sobre determinadas malas herbas, sería moi importante para os agricultores da área mediterránea, que se atopan con frecuentes resistencias para o control de malas herbas mediante métodos químicos”. Escaso uso de métodos alternativos aos herbicidas Ensaios de tratamento eléctrico para control de malas herbas en plantacións de millo “Os agricultores necesitan atopar métodos non químicos para o control de malas herbas, pero son métodos complicados e caros”, recoñece. “A nivel de explotación, os agricultores son remisos a adoptar métodos non químicos debido á súa complexidade, custo e tempo de aplicación, o que resulta nunha implementación deficiente do manexo non químico da maleza”, indica. De acordo con a Directiva 2009/128/CE sobre o uso sostible de praguicidas, avanzouse pouco na promoción da adopción de métodos alternativos de control de malas herbas que son clave para garantir a redución da dependencia dos praguicidas.
A Escola Politécnica de Lugo participa nesta rede europea xunto a institucións de Francia, Italia, Grecia, Letonia, Suecia e Reino Unido
Sobre a base dos resultados de oito Grupos Operativos en toda Europa, a Rede Temática Oper8 tratará de descubrir as barreiras fundamentais existentes para a non adopción de sistemas de control de maleza sen produtos químicos por parte dos agricultores europeos, analizando e validando distintas solucións non químicas para o control de malas herbas. Ademais de crear e establecer estes novos métodos experimentais, tamén serán despregadas técnicas de transferencia de coñecemento para facer chegar estes avences aos produtores. Este proxecto, financiado con 1,6 millóns de euros dos fondos Horizon Europe, destinados a investigación, iniciou os seus traballos en outubro pasado e finalizará as investigacións en setembro de 2025. Forman parte 8 grupos operativos de 7 países (España, Francia, Italia, Grecia, Letonia, Suecia e Reino Unido). En España integra este proxecto a Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, que traballará no desenvolvemento de biocidas baseados en aceites naturais de plantas. Un terzo dos praguicidas usados na UE son herbicidas Os herbicidas son a segunda categoría de praguicidas máis vendida na UE (131.300 toneladas de ingredientes activos), o que representa o 33% de todas as vendas de praguicidas en 2019. “Aínda que o uso de pesticidas sintéticos na agricultura axudou a aumentar a produción de alimentos, isto non ocorreu sen grandes custos para o medio ambiente, os recursos naturais e a saúde humana”, afirma Ilias Travlos.
A intención da UE é reducir un 50% o uso de pesticidas e un 20% os fertilizantes en 2030
A Estratexia Da Granxa á Mesa, adoptada pola Comisión Europea, fixa o obxectivo de reducir un 50% o uso de pesticidas no ano 2030, un camiño que tamén adoptou a nova Política Agraria Común para o período 2023-2027. “Os beneficios do uso de métodos alternativos de control da maleza beneficia aos agricultores pero tamén aos consumidores e á sociedade en xeral, porque mellora a saúde do chan, a produtividade da terra e a calidade dos cultivos e redúcese o impacto ambiental da agricultura e a produción de alimentos sobre a auga e a emisión de gases de efecto invernadoiro”, detalla o investigador da Universidade de Atenas.

Curso de propagación de especies frutícolas e técnicas de cultivo

A Fundación Juana de Vega e o Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo organizan un curso sobre propagación de especies frutícolas e técnicas de cultivo. No taller repasaranse as principais técnicas de cultivo e prácticas culturais de diferentes especies de froiteiras de interese en Galicia. A formación ten unha duración de 28 horas, un custo de 80 euros e é de carácter eminentemente práctico. O curso está incluído como módulo II do Curso de fruticultura e transformados 2023. A obtención do certificado de aproveitamento implica a asistencia ao 80% das horas lectivas. O curso comezará o próximo 21 de marzo e prolongarase ata maio. Son 7 xornadas de formación en horario vespertino. Todas as sesións terán lugar no CFEA de Guísamo excepto as sesións teóricas do 22 de marzo e 26 de abril que serán na sede da Fundación Juana de Vega en San Pedro de Nós (Oleiros). As sesións no CFEA de Guísamo serán de 16.30 a 20.30 horas. Mentres, as impartidas na Fundación Juana de Vega serán de 16.00 a 20.00 horas. As persoas interesadas en inscribirse ou solicitar máis información poden facelo no email info@juanadevega.org ou no teléfono 981 65 46 37. Detallamos o programa do curso: Martes, 21 de marzo. CFEA de Guísamo. Multiplicación. Estaquillado, sementeira, abacelo mediante corte e recalce. Mércores, 22 de marzo. Fundación Juana de Vega Técnicas de cultivo de froitos vermellos Martes, 28 de marzo. CFEA de Guísamo. Enxertado. Martes, 11 de abril. CFEA de Guísamo. Técnicas de cultivo en kiwi. Martes, 25 de abril. CFEA de Guísamo. Técnicas de cultivo en castiñeiros. Mércores, 26 de abril. Fundación Juana de Vega. Técnicas de cultivo en aguacate. Martes, 2 de maio. CFEA de Guísamo. Mantemento e prácticas culturais. Técnicas de cultivo de maceiras.

Curso de fruticultura e elaboracion de transformados en base a froita

A Fundación Juana de Vega, en colaboración co Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo organiza un curso de fruticultura e elaboración de transformados.. A formación é eminentemente práctica, na que ao longo de todo o ciclo vexetativo traballarase con froiteiras. A parte final do curso dedicarase á tecnoloxía de elaboración de zumes, de sidra e doutros transformados en base a froita. O curso pode realizarse de forma completa ou por módulos. Os alumnos que se matriculen no curso completo terán preferencia na asignación de prazas (20 en total). Ao final do curso, os alumnos estarán capacitados para: 1. Levar a cabo todas as operacións de xestión de explotacións frutícolas no espazo atlántico. 2. Realizar os labores de conservación, elaboración e comercialización de transformados de froita: sidra, zumes e outros produtos. Para poder alcanzar os obxectivos, a execución do curso será de carácter descontinuo, abarcando o período comprendido entre finais de febreiro e decembro para que as prácticas se desenvolvan durante todo o ciclo vexetativo. Todas as sesións terán lugar no CFEA de Guísamo salvo a inauguración e algunhas sesións teóricas que terán lugar na sede da Fundación Juana de Veiga en San Pedro de Nós (Oleiros). Horario de o curso: Clases no CFEA de Guísamo: de 16:30 h a 20:30 h. Clases na Fundación Juana de Vega: de 16:00 h a 20:00 h

Consulta aquí o programa detallado

Cobre aquí o formulario de inscrición

Xornadas de fruticultura a vindeira semana na EFA Fonteboa

O Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, de Coristanco (A Coruña), organiza os días 9, 10 e 11 de febreiro unhas xornadas de fruticultura, nas que se fará un percorrido pola produción de kiwi, castaña, maceiras e arandos, así como o seu manexo. As persoas interesadas en asistir deben chamar ao 981 733 051 ou escribir a info@fonteboa.es

Campaña para recuperar as froiteiras autóctonas na provincia de Lugo

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) vén de pór en marcha a campaña de recuperación de árbores froiteiras autóctonas da provincia de Lugo “Froiteiras de Noso”, á que xa se pode acceder a través do blogue Froita da Mariña https://froitadamarinha.blogspot.com/2022/10/froiteiras-de-noso.html O obxectivo da iniciativa é localizar variedades locais de froiteiras que, por diversos motivos, foron indo a menos no territorio até o ponto de estar en claro risco de desaparecer. Neste sentido, os organizadores da campaña explican que “son moitas as razóns polas que convén rescatar do esquecemento estas árbores, para que volvan ter a importancia que tiveron noutros momentos: Cremos que poden chegar a ter un papel importante para rachar a nosa dependencia alimentar como país, xa que poden axudar no futuro a asegurar a nosa capacidade produtiva para fornecer de alimentos sans, diversos, locais e de calidade ao conxunto da poboación do territorio”. A este respecto, están a realizar un traballo de prospección no territorio da provincia de Lugo para tentar recoller información sobre a presenza destas variedades nas distintas comarcas e a súa situación, co obxectivo último de evitar a súa desaparición. Para este fin, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) fai un chamamento á “colaboración de todas as persoas que acrediten na importancia de non perder de xeito irreversíbel estes recursos que son parte do noso patrimonio colectivo; e tamén buscamos a colaboración e a complicidade de asociacións ou colectivos actuantes no territorio que poidan compartir estes obxectivos”. As persoas e colectivos interesados en participar poden contactar co Sindicato Labrego Galego no teléfono 630 970 132 (tamén Telegram e WhatsApp), no correio ribadeo@sindicatolabrego.com ou en calquer local do Sindicato Labrego Galego.

Curso en Monforte sobre técnicas para a produción de froita ecolóxica

Instalacións do CFEA de Monforte de Lemos, que conta con campos de ensaio de froiteiras e viñedo A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto celebrar un curso en Monforte de Lemos sobre técnicas da agricultura orgánica aplicadas á fruticultura e outros cultivos. A formación será o vindeiro martes 25 de outubro no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte de Lemos en horario de 10:00 a 14:15 horas.  O eixo central desta formación é dotar aos alumnos dos coñecementos necesarios sobre a sustentabilidade e a resiliencia do medio rural, así como a rexeneración de terras pola súa relación coa saúde dos cultivos. Para iso, explicarase a interacción entre técnicas e prácticas sustentables co desenvolvemento tanto dos seus cultivos como da súa contorna. Para participar é necesario cubrir o formulario de inscrición no seguinte enlace. O coordinador do curso porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolles se están admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982889103, ou enviar un correo a ceca.monforte@edu.xunta.es.

Curso sobre mantemento de maquinaria e útiles de xardinería e arboricultura

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, organiza un taller temático sobre mantemento de maquinaria e útiles de xardinaría e arboricultura. O curso impartirase no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo, en Bergondo (A Coruña). Celebrarase ó longo de cinco días en horario de tarde, desde as 16:00 ata as 20:00 horas, a partir do vindeiro luns 17. O obradoiro contará cunha parte teórica, na que se abordarán temas como a revisión dos principais útiles de xardinaría empregados nos labores de mantemento de áreas verdes ou a identificación das avarías máis comúns. Ademais, terá unha parte práctica sobre a posta a punto de ferramentas como as tesoiras de poda, o cortacéspede, o escarificador, a rozadoira ou o cortabordos. Esta iniciativa está dirixida á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira. As persoas interesadas en participar no curso deberán cubrir en liña a preinscrición que figura na documentación do curso no catálogo de accións formativas da Consellería de Medio Rural para este 2022. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 881 881 043 ou enviarse un correo a cfa.guisamo@edu.xunta.gal.

Xornada este xoves no CIAM sobre presente e futuro da produción de froita en Galicia

O departamento de Pastos e Cultivos do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM-AGACAL) organiza para este xoves, 14 de xullo, as “Xornadas Técnicas sobre Fruticultura en Galicia: Evolución e Perspectivas”. O evento congregará tanto a investigadores como a produtores que informarán da situación actual, avances técnicos e posibilidades de cultivos de froitas e froitos xa tradicionais en Galicia, como a mazá, tanto de sidra como de mesa, a castaña ou o kiwi, pero tamén doutros incipientes como os froitos vermellos, aguacate ou cereixas, entre outros. A inscrición é gratuíta e para facela é preciso descargar e cubrir a solicitude e enviala ao seguinte enderezo electrónico: xornadas.fruticultura.22@gmail.com

Descarga aquí a solicitude

Curso de fruticultura e elaboración de sidra e zume de mazá

A Fundación Juana de Vega, en colaboración co Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo, imparte un “Curso básico de froiteiras de pebida: Maceiras de mesa, de sidra e transformados”, para á implantación e mantemento de fincas frutícolas. O curso ten unha duración de 84 horas e impartirase de febreiro e decembro deste ano. Este curso ten un enfoque eminentemente práctico, de forma que ao longo de todo o ciclo vexetativo, traballarase con froiteiras de pebida, especialmente maceiras de mesa e sidra. A parte final do curso estará dedicada á tecnoloxía de elaboración de zume de mazá e da sidra. Actividades: -Formación teórica e práctica  sobre variedades, poda, sistemas de condución, prácticas culturais, sanidade vexetal, recollida e conservación e transformados a base de maza. -Visita a unha explotación frutícola e sidrería. Duración do curso: 84 horas (febreiro- decembro) Nº de sesións docentes: 11 Número de prazas: 20 Prezo: 165 euros Lugar: Todas as sesións terán lugar no CFEA de Guísamo agás a inauguración e clausura do curso, así como as sesións que se indican no calendario que terán lugar na sede da Fundación Juana de Vega en San Pedro de Nós (Oleiros). Para más detalle ver o programa do curso. Horario do curso: Aulas en CFEA de Guísamo: de 16:30 h a 20:30 h. Aulas na Fundación Juana de Vega: de 16:00 h a 20:00 h

Descarga aquí o programa e o formulario de inscrición