Archives

Curso de propagación e técnicas de cultivo de froiteiras

A Fundación Juana de Vega e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) abren a inscrición no Curso de propagación de froiteiras e técnicas de cultivo, incluído na formación de Fruticultura 2024. Impartirase en 12 sesións entre o 9 de abril e o 6 de xuño, en horario de 16:00 a 20:00h no CFEA de Guísamo (Bergondo) e na Fundación Juana de Vega (San Pedro de Nós, Oleiros). Hai un total de 20 prazas dispoñibles e os interesados poden anotarse a través do formulario habilitado na web da Fundación Juana de Vega. O importe é de 100€. Durante as 60 horas de formación, os asistentes farán un repaso a diferentes producións frutícolas de interese na nosa comunidade, desde as máis difundidas como as maceiras, castiñeiros e kiwi ata outras menos estendidas como cítricos, aguacate, oliveiras ou pequenos froitos. Na parte práctica, estudaranse diversas técnicas de cultivo como estacaxe, sementeira, acodo mediante corte e recalce, ou enxerta. Na parte final da formación, reserváronse un par de sesións para coñecer as enfermidades e as pragas das froiteiras, así como os tratamentos fitosanitarios máis axeitados para o seu control, desde o enfoque dun uso racional. Deste xeito, reducirase tanto o risco para a saúde humana como para o medio ambiente minorando, así mesmo, os custos de produción. O programa inclúe ademais unha visita de campo. A xornada de clausura será en decembro, momento no que se fará entrega dos diplomas e se organizará unha cata e degustación de froitos frescos e transformados.

Xornadas formativas sobre fruticultura ecolóxica

O Sindicato Labrego Galego (SLG) organiza en outubro no concello coruñés de Betanzos un curso sobre fruticultura ecolóxica. A formación impartirase en horario de 16:00 a 19:30 horas os días 5, 10, 17 e 19 de Outubro. Para máis información ou inscricións chamar ao 687 645 907 ou escribir un correo a tecnicabetanzos@sindicatolabrego.gal

Curso en Guísamo sobre enxerto de primavera en froiteiras e plantas ornamentais

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, programou un curso sobre enxerto de primavera. A acción formativa desenvolverase entre os días 9 e 13 de maio no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo, no concello coruñés de Bergondo. O curso celebrarase en horario de tarde, entre as 16.30 e as 20.30 horas. Está destinada a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozas e mozos do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector. A formación ten unha duración de 20 horas e nelas abordarán as técnicas dos distintos enxertos a realizar tanto na fruticultura como nas plantas ornamentais, leñosas e semi-leñosas. O curso será tanto teórico como práctico. Na primeira parte explicarase a utilidade e a necesidade de facer enxertos, así como os distintos tipos de técnicas que se poden realizar tendo en conta os parámetros que se deben considerar, en función das clases de madeira (duras e brandas) ou da compatibilidade entre distintas especies vexetais. No terreo práctico, os alumnos -coa supervisión e tras as demostracións pertinentes por parte dos mestres- realizarán os distintos tipos de enxerto adecuados á época de realización do curso. Así, prepararán os elementos a enxertar, tales como xemas e púas, e colocarán e atarán os distintos elementos sobre o patrón.

Inscrición

As persoas interesadas en asistir ó curso deben descarga as solicitudes de asistencia e remitilas cubertas ao enderezo electrónico cfea.guisamo@edu.xunta.gal para formalizar deste modo a inscrición. Tamén poden solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 881 881 043. A formación inclúese dentro do plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 da Consellería de Medio Rural, que pode consultarse aqui.