Archives

“Decidimos limitar a produción para garantir un bo prezo por cada litro de leite”

Olivier Renaud e Florian Courtois, dous dos catro socios de GAEC Du Rochet, na sala de muxido “Os beneficios dunha gandería nunca se van conseguir aumentando en volume, senón en valor engadido, é dicir, cun incremento do valor do produto”, razoa Florian Courtois, un dos socios de GAEC Du Rochet, unha explotación láctea francesa situada na comuna de Orchamps-Vennes, no departamento de Doubs, na rexión Franco-Condado, fronteiriza con Suíza. “Estamos no corazón do queixo de denominación de orixe Comté, o que nos permite revalorizar a nosa materia prima. O ano pasado cobramos o leite entre 65 e 68 céntimos, 20 céntimos por enriba da media francesa”, compara. “Limitamos o volume de crecemento en 1.500 toneladas en 3 anos. Estamos xa preto dos 70.000 quilos de queixo producidos cada ano, pero preferimos limitar a produción para que exista demanda e poder manter prezos altos”, explica.
No 2022 cobramos entre 65 e 68 céntimos e para 2023 acordamos unha suba de 5 céntimos
O control da cadea de produción por parte dos gandeiros permítelles fixar os prezos de venda do leite, sen estar a expensas do que decidan os restantes elos. “Os gandeiros, como socios que somos tamén das queixerías, temos maioría dentro do consorcio da denominación de orixe, onde o poder de decisión repártese a partes iguais entre produtores, transformadores e afinadores”, destaca Florian.
Decidimos subir os prezos do queixo entre un 10 e un 12% para 2023
Cada 5 anos os órganos de representación do queixo Comté revisan a estratexia para seguir para manter o valor do produto. “Aí é onde decidimos, xunto ás grandes cavas onde se afinan os queixos, subir os prezos do queixo entre un 10 e un 12% para este ano, o que nos permite tamén aumentar o prezo do leite 5 céntimos en litro, xa que o prezo do leite está indexado, de forma automática ao prezo final de venda do queixo”, detalla Florian. Raza montbeliard A produción da gandería destínase na súa totalidade á fabricación de queixo Comté, que esixe que o leite proceda de vacas de raza montbeliard, a raza autóctona propia da zona. O prego de condicións da denominación de orixe esixe ademais que o leite non percorra máis de 25 quilómetros ata a queixería na que se elabora, o que impide a aparición de grandes industrias e favorece a participación dos produtores nas pequenas queixerías locais. A produción por vaca e ano nesta granxa é de 8.200 litros, cun 3,9% de graxa e un 3,5% de proteína. “O Comté é un queixo prensado e o seu contido en materia graxa é moi elevado (vai desde o 30 ao 45%, en función dos seus meses de curación), polo que máis dun 4% de graxa no leite sería de máis, porque habería que quitarlla á hora de elaborar o queixo”, explica Florian.
A produción de Comté é dunhas 70.000 toneladas de queixo ao ano
Francia produce 1,8 millóns de toneladas de queixo ao ano. O 30% da produción francesa expórtase, con queixos como o Brie, o Camembert ou o Roquefort como puntas de lanza. No mercado interno, sen embargo, os máis consumidos son o Comté e o Cantal. As grandes rodas do queixo Comté poden alcanzar os 40 kg de peso, ao estilo do Granna Padano e o Parmesano en Italia ou o Gruyere en Suíza. Alimentación a base de herba As vacas pasan 6 meses confinadas no establo durante o invierno e saen ao pasto a outra metade do ano GAEC Du Rochet está a só 800 metros de altitude, pero o clima nesta zona, chamada a pequena Siberia, é duro, o que obriga a ter ao gando confinado no establo durante 6 meses ao ano e basear a súa alimentación na produción de herba seca.
Nesta zona, chamada 'a pequena Siberia', a primeira nevarada cae habitualmente en decembro e a neve mantense ata o 15 de marzo
“Hoxe en día, co cambio climático, podemos ter o gando fora pacendo ata mediados de novembro. Despois entraría dentro ata abril ou principios de maio. Son moitos meses e necesitamos ter forraxe suficiente”, recoñecen. Producen unhas 1.200 toneladas de forraxe ao ano, das que unhas 900 toneladas son almacenadas para o inverno. Dispoñen de 300 hectáreas de superficie en dúas localizacións: 150 hectáreas nunha peza ao redor da granxa, que é a superficie que pastorean; outras 50 hectáreas a 2 km e o resto repartidas en distintas leiras nun radio de 6 km.
Só 75 das 300 hectáreas son en propiedade; o resto alugadas, a un prezo de 200€/ha ao ano
Dispoñen de parque de maquinaria propio, formado por varios tractores, segadoras, remolques autocargadores e abonadoras, o que lles permite ser autónomos á hora de realizar todos os traballos agrarios de recollida da forraxe e abonado das parcelas. A propia denominación de orixe limita a fertilización das leiras, cun máximo de 120 unidades de nitróxeno por hectárea, das cales só 50 unidades de nitróxeno poden ser de orixe química. “Son terreos pobres, nos que non se logran producións superiores a 5 ou 6 toneladas de materia seca por hectárea ao ano”, indica.
Producen unhas 1.200 toneladas de forraxe ao ano, das que unhas 900 toneladas son almacenadas para o inverno
O consorcio Comté establece unha carga gandeira máxima de 1 vaca por hectárea e limita tamén ás granxas a produción de litros de leite por hectárea (4.600 como máximo). No caso de GAEC Du Rochet, están xa próximos a ese límite máximo, pero a media da DOP sitúase nuns 3.000 litros de leite por hectárea. Secadeiro con recuperador da calor acumulada baixo os teitos A estrutura do establo é de madeira, cun illante de 8 centímetros no teito para paliar as baixas temperaturas Tradicionalmente as granxas desta zona recollían herba seca no mes de xuño, con secado natural nas praderías, pero na actualidade a maioría das explotacións da zona investiron en instalacións de secado e almacenamento de forraxe. “Isto permítenos adiantar o primeiro corte xa ao mes de maio, algo que antes era complicado”, explica Florian. “Logramos un feno de calidade que chega ao 16% de proteína”, detalla. Trátase na maior parte dos casos de praderías naturais. “Só temos unhas 100 hectáreas mecanizables que renovamos cada 10 anos con 6 especies diferentes: tres leguminosas e tres tipos de raigrás”, indica.
Co secadeiro logramos un feno de calidade que chega ao 60% de materia seca e ao 16% de proteína
O sistema de secado da forraxe recupera a calor que se almacena debaixo dos teitos dos almacéns e impúlsao, a través dun sistema de ventiladores, inxectándoo no secadeiro, a través de pequenos buracos no chan onde se deposita o feno a granel tralos sucesivos cortes. “Con este sistema gañamos 9 graos de temperatura, o que nos permite secar antes a herba. Iso fai que o seu valor nutricional sexa maior”, indica. Tras cada corte, a herba necesita 16 días no secadeiro e alcanza o 60% de materia seca. A base da ración no inverno é unha mestura do feno almacenado dos distintos cortes: 40% do primeiro corte (segado a mediados de maio), 40% do segundo corte (finais de xuño) e 20% do terceiro corte (realizado en setembro). “O feno de primeiro corte achega moita fibra, o segundo corte é máis fino e achega máis proteína. Con iso logramos unha alimentación equilibrada e estable, sen variacións en canto a produción”, explican.
A denominación de orixe limita a carga gandeira a unha vaca por hectárea e o concentrado a 1.800 quilos por vaca ao ano
A denominación de orixe fixa tamén un límite de 1.800 kg ao ano de concentrado por vaca. “É unha mestura de cereais e soia que complementa ás nosas forraxes, que suplementamos con 6 kg desa mestura no inverno e 4 no verán”, indican. As vacas de GAEC Du Rochet producen máis no inverno, confinadas e alimentadas con feno (uns 30 litros) que durante os meses nos que a base da alimentación é o pasto (25 litros).

“Nesta zona, por cada gandeiro que se xubila hai varios mozos querendo instalarse”

Sala de muxido rotativa da granxa, con 36 puntos, instalada fai 5 anos GAEC Du Rochet está formada por catro socios: Thierry Courtois, os seus fillos Florian e Clément, e o seu veciño Olivier Renaud, que se uniu á sociedade achegando as súas 45 vacas. Entre eles logran atender a explotación sen ter man de obra contratada. Contan con 160 vacas en muxido e alcanzan un total de 400 cabezas coa recría, outra fonte importante de ingresos xunto coa venda de leite. As tenreiras e xovencas conseguen exportalas mesmo fóra de Francia, a países como Alxeria ou Marrocos, a través da cooperativa Coopex.
A media da denominación de orixe son 50 vacas por granxa con 300.000 litros de leite de cota
GAEC Du Rochet é considerada unha explotación grande en comparación co resto de ganderías da zona. A media da denominación de orixe son 50 vacas por granxa, con 2 persoas traballando e 300.000 litros de leite de cota de produción. Esas cotas ou dereitos de produción son repartidos polo consorcio da denominación de orixe entre os gandeiros da zona de produción, uns 200 km, desde a fronteira con Alemaña e Suíza ata case Lyon.
Francia perdeu na última década o 25% das granxas leiteiras, unha situación que na zona Comté non se dá
As limitacións á produción serviron para crear un oasis protexido para as ganderías que están dentro da denominación de orixe Comté. “Esta zona non ten un problema de substitución xeracional, como existe no resto do país. Aquí non pechan as granxas e por cada gandeiro que se xubila hai varios mozos querendo instalarse”, asegura Florian.
O prezo das terras e das granxas duplicouse nos últimos 10 anos
Iso está a provocar un encarecemento dos prezos que dificulta a instalación aos mozos. “Hai unha presión tremenda para entrar na denominación de orixe e os prezos das granxas e das terras están a subir. O prezo de compra dunha hectárea de terreo sitúase actualmente en 5.000€, cando hai 10 anos era a metade”, recoñece. Sala rotativa de 36 prazas Fai cinco anos investiron nun novo edificio, que alberga unha sala de muxido rotativa de 36 puntos e a sala de espera. Esta nave, construída en madeira laminada buscando máxima luminosidade, conta con 8 centímetros de espesor de illante no teito para mitigar as baixas temperaturas do inverno. “Durante os meses de xaneiro e febreiro son poucos os días con temperaturas por enriba de 0 graos e chegamos algúns días a 30 graos baixo cero, mentres que no verán podemos chegar a 25-30 graos positivos. Pero as vacas non teñen ningún problema nestas condicións e temos sempre un pouco de humidade, o que nos garante que haxa pasto”, destaca.
Decidimos investir en ampliar a capacidade de muxido para reducir o tempo de traballo
O Comté é un queixo elaborado con leite cru, que chega ás queixerías a 10 graos de temperatura tralo muxido da tarde. A denominación de orixe limita a dous o número de muxidos diarios. GAEC Du Rochet ten unha dimensión maior ao resto de explotacións da zona, a maioría ganderías familiares, polo que decidiron investir en mellorar a capacidade da sala para reducir o tempo de traballo. “A sala de muxido antiga tiña 40 anos e eran case 3 horas por muxido”, explica. O investimento total para a modernización do sistema de muxido alcanzou os 600.000 euros entre a construción do edificio e a rotativa (250.000€). Ingresos pola venda de animais Grazas ás probas xenómicas seleccionan os animales para reposición e os destinados á exportación Venden entre 45 e 50 animais para vida ao ano, contando entre 15 e 20 vacas recén paridas, de primeiro, segundo e terceiro parto, a outras ganderías da zona, e unhas 30 xatas preñadas para a exportación, a países como Marrocos ou Alxeria.
Das 100 tenreiras que recrían ao ano venden unhas 30 preñadas de 2 ou 3 meses a países como Alxeria ou Marrocos
“As vacas que están aquí producindo na nosa granxa están nunha media de 3,1 partos. Estamos nunha taxa de reposición actualmente do 33% para facer entrar xovencas no establo”, indica. “Non finalizamos ás vacas que enviamos a matadoiro porque as vacas montbeliard aguantan mellor a condición corporal durante a lactación; móvense entre 300 e 340 quilos/canal e págannolas a 4€ o quilo. Todo o rabaño está xenotipado Empezaron en 2009 a realizar probas xenómicas e hoxe en día teñen todo o rabaño xenotipado. “Fixámonos moito nos caracteres de patas para evitar as coxeiras, porque as nosas vacas teñen que camiñar moito durante os meses nos que realizamos pastoreo”, explican. Para cubrir nas necesidades de reemprazo da granxa usan seme sexado en primeirizas e no 50% das vacas de primeiro parto. No resto de vacas poñen touros de actitude cárnica, como azul belga ou limusín. Venden os tenreiros aos 15 días a unha media de 350€.  

O fenómeno Comté, o queixo que garante a rendibilidade de 2.400 ganderías francesas

Vacas montbeliarde en GAEC Du Caron. É a única raza permitida para a elaboración do queixo Comté Francia é unha das grandes potencias lácteas europeas. Con 23 millóns de toneladas de leite ao ano, é o segundo país en produción tras Alemaña. A maior parte da recollida de leite concéntrase nas rexións de Bretaña e Normandía, no noroeste do país, cun sistema produtivo máis parecido a Galicia, pero existen outras zonas con peculiaridades propias, centradas na produción de queixos de calidade diferenciada. A evolución do sector lácteo francés na última década, sobre todo trala da desaparición das cotas lácteas en 2015, seguiu un camiño diferente ao resto de países da UE, con peculiaridades que se acentuaron neste último ano. Mentres nos primeiros meses de 2023 a produción de leite no conxunto da UE aumentou un 1% con respecto a 2022, en Francia a recollida de leite nas explotacións segue rexistrando un descenso con respecto ao ano anterior dun 1,2%.
O aumento de prezos máis ben moderado do leite en Francia en 2022 en comparación co resto de países da UE non impulsou un aumento da produción
Francia, que perdeu un 25% das súas explotacións leiteiras na última década, perde peso no contexto lácteo europeo cunha produción en descenso e prezos baixos, que estiveron á cola da UE durante a revalorización da materia prima en orixe vivida en 2022. Hoxe os prezos en toda Europa fóronse nivelando e o leite convencional pagouse en Francia en xullo a 44,6 céntimos, a medio camiño entre os países do norte e os do sur de Europa: 7 céntimos menos que en España e Italia e 4 menos que en Portugal pero 5,5 máis que en Irlanda, 3 máis que en Dinamarca, 2,5 máis que en Alemaña e 1,5 máis que en Holanda. Explotacións mixtas de tamaño medio Mentres en países como España ou Italia o final das cotas lácteas incentivou o crecemento en número de cabezas das ganderías, Francia segue apostando por un modelo de explotacións de tamaño medio, cunha dimensión axustada ao volume de terras dispoñibles.
Máis da metade das explotacións lácteas francesas, onde hai un total de 50.000 granxas, teñen menos de 70 vacas
O 60% das explotacións lácteas francesas, onde hai un total de 50.000 granxas leiteiras, ten menos de 70 vacas e só 2.000 (un 4% do total) ten máis de 150 animais. A cabana gandeira total do país minguou considerablemente nos últimos anos pasando de 4,5 millóns de vacas leiteiras no ano 2000 a 3,5 en 2022, cunha produción media por vaca en Control Leiteiro de 7.350 quilos ao ano, fronte aos 10.900 de España. A rexión de Bretaña concentra 1 de cada 5 vacas leiteiras de Francia. É unha das poucas rexións que mantén un crecemento, aínda que sexa moderado, na produción. Desde 2007 a produción láctea bretoa incrementouse un 15% (a un ritmo dun 1% anual, máis do dobre que en toda Francia) ata alcanzar 5,3 millóns de toneladas ao ano.
A produción media por vaca en Control Leiteiro en Francia é de 7.350 quilos ao ano
Pero nese mesmo período, os produtores de leite na rexión pasaron de 17.000 a pouco máis de 9.000, xa que ao problema do relevo xeracional (en Francia uno de cada tres gandeiros ten máis de 55 anos e só 1 de cada 4 ten menos de 40 anos) súmase o feito de que moitas ganderías decidiron abandonar ou reducir a produción de leite e centrarse na de cereais, menos demandante de man de obra e máis rendible cos prezos de venda actuais.
Moitas granxas apostaron nos últimos anos por aumentar o cultivo de cereais e reducir a produción de leite
De feito, en 2022, a situación de ingresos das ganderías francesas foi dispar entre os diferentes sistemas produtivos. As explotacións mixtas que manteñen cultivo e gandería acadaron importantes ingresos, grazas á subida do prezo dos cereais, mentres se deterioraron as rendas das explotacións leiteiras puras, e máis aínda das ecolóxicas, que producen o 5% do leite francés. O camiño seguido por moitas ganderías francesas foi reducir o seu nivel de intensificación, recuperando prácticas como o pastoreo nos meses de primavera e outono e substituíndo insumos importados, como a soia, por cereais e forraxes de produción propia (millo, trigo, colza, xirasol). Denominacións de orixe Queixo de denominación de orixe Comté, producido no leste da rexión Borgoña-Franco Condado Outra das características do sector lácteo francés é a súa diferenciación produtiva. O 17% da recollida total do leite está amparada baixo algunha Denominación de Orixe, enfocada principalmente á produción de queixos, que acaparan preto do 50% da produción láctea francesa. Entre os 46 queixos franceses con Denominación de Orixe (29 deles con leite de vaca) o Comté é un dos máis consumidos en Francia. Este queixo de pasta prensada en grandes rodas de ata 40 kg prodúcese en 140 queixerías, moitas delas de estrutura cooperativa participada polas propias ganderías, un total de 2.389 explotacións.
O queixo Comté foi un dos primeiros en conseguir o selo de Denominación de Orixe, en 1958, e é un dos máis vendidos en Francia
As granxas do macizo do Jura, na rexión Franco-Condado, limítrofe con Suíza, practican un modelo semiextensivo de gandería, coas vacas alimentadas con pasto fresco desde a primavera ata o outono e con herba seca no establo durante a estación invernal. A ensilaxe de herba e o cultivo de millo están prohibidos dentro da denominación de orixe. En 2022 os gandeiros franceses tiveron que enfrontar un ano climático historicamente cálido e seco, que reduciu a produción de forraxe en todo o país. Esta primavera foi diferente. As choivas de maio reverdeceron os prados, pero os custos de produción seguen sendo elevados debido aos efectos duradeiros da guerra de Ucraína sobre os prezos dos cereais, a enerxía, os combustibles e os abonos. Autolimitación na produción Feira e concurso de raza montbeliarde que todos os anos se celebra na localidade de Besançon Ante este escenario, os gandeiros, que controlan tamén todo o proceso de produción e venda de Comté, xa que son socios das queixerías onde se elabora o queixo, decidiron conter a produción como unha estratexia para elevar os prezos.
Os gandeiros establecen uns cupos de produción para cada granxa, ao estilo das antigas cotas lácteas
Cada unha das case 2.400 granxas dispón dunha cota de produción fixada pola propia denominación de orixe, que é a encargada de repartir as etiquetas para marcar os queixos fabricados polas queixerías locais que recepcionan diariamente o leite e que non poden estar a máis de 25 km do lugar onde se moxe. Esta estratexia de contención da produción queixeira, levada a cabo na última década, serviu para elevar o prezo do produto final, así como da materia prima que o fai posible, incrementando a rendibilidade das explotacións, o seu relevo xeracional e o valor actual das granxas. Prestixio no mercado interno As vacas saen ao pasto de abril a novembro e aliméntanse con herba seca a outra metade do ano Hoxe o queixo Comté goza dun importante prestixio en toda Francia, onde se comercializa o 90% das 70.000 toneladas producidas. A súa imaxe asóciase a vacas pacendo en liberdade, aínda que medio ano teñan que estar confinadas no establo debido á dureza da climatoloxía da zona.
O mercado interno absorbe a maior parte das 70.000 toneladas de queixo producidas
Trátase do sistema de manexo tradicional do gando nesta rexión fronteiriza con Suíza, que a denominación de orixe quixo preservar, do mesmo xeito que a raza autóctona da zona, a montbeliarde, na actualidade a raza leiteira que máis medra en Francia e a segunda, trala frisoa, en número total de animais nos censos, grazas ao traballo de recuperación desenvolto pola cooperativa Coopex, que integran máis de 15.000 gandeiros. Esta percepción por parte do consumidor dunha produción tradicional respectuosa co medio ambiente débese tamén a estritos límites e regulamentacións en canto á carga gandeira (1 vaca por hectárea), alimentación (en base a pasto e herba seca, sen ensilaxes) uso de concentrados (máximo 1.800 kg/vaca/ano), abonado das praderías (50 unidades de nitróxeno químico por hectárea) e produción por hectárea (4.600 litros de leite).

“Ter limitado o concentrado obríganos a facer unha boa forraxe para o inverno”

Os irmáns Florian e Fabien Audy, titulares da explotación familiar GAEC Audy GAEC Audy é unha explotación familiar situada na comuna de Lavans-Vuillafans con 777.400 litros anuais de cota de produción dentro da denominación de orixe Comté. O leite transfórmase na queixería local da que tamén son socios, cun prezo medio en 2022 de 65 céntimos por litro. A granxa pertence aos irmáns Florian e Fabien Audy, que decidiron modernizar as instalacións que creara o seu pai en 1995 coa construción dun novo establo, operativo desde hai un ano, e que incorpora sistemas automatizados de alimentación e encamado e unha serie de medidas que buscan garantir o máximo benestar aos animais e mitigar a contaminación ambiental. Os animais en produción, 103 neste momento, están en cama quente de palla sen cubículos. “Buscamos que as vacas duren máis, pero ademais tanto para as terras como a nivel de emisións atmosféricas tamén é mellor o esterco que o xurro”, asegura Fabien.
GAEC Audy dispón desde hai un ano dunha granxa moderna con instalacións punteiras
A nave, na que investiron 2 millóns de euros, é aberta, buscando deste xeito xerar unha menor contaminación por amoníaco, malia as habituais nevaradas dos meses de xaneiro e febreiro nesta zona. “A temperatura no inverno é baixa pero para as vacas non supón un problema e nós poñémonos un pouco máis de roupa”, bromea. Robotización No novo establo construído fai un ano os animais están en estabulación libre, con parrillas na zona de alimentación e cama quente de palla na zona de descanso A segunda das decisións adoptadas foi a de automatizar algúns dos procesos que máis tempo de traballo consumían na explotación. O encamado era un deles, do mesmo xeito que a alimentación. “Antes faciamos todo a man, pero agora gañamos tempo e calidade de vida”, destaca.
A denominación de orixe prohibe os robots de muxido
Do 1 de abril ao 20 de novembro as vacas están en pastoreo, suplementadas unicamente con 2 kg de herba seca e 4 de concentrado. A outra metade do ano, sen embargo, a ración baséase en 12 kg de herba seca (6 do primeiro corte e 6 do segundo), 6 kg de concentrado e 25 kg de remolacha, que aprotan 5 kg de materia seca. “A vantaxe de automatizar a alimentación é que agora podemos facer distintas combinacións para os diferentes lotes”, explica Fabien. Aínda que non poden mesturar a ración (prohíbeo a denominación de orixe), van depositando directamente sobre o pesebre as distintas cantidades e a herba do primeiro e segundo corte de forraxe. 169 hectáreas de superficie En xaneiro e febreiro a neve é permanente e as vacas están confinadas nos establos A denominación de orixe non permite dar máis de 1.800 quilos de penso por vaca e ano, polo que secan antes ás vacas e poñen especial énfase na calidade da herba que recollen. “O límite aos concentrados obríganos a facer unha boa forraxe”, asegura Florian.
O prezo de compra da hectárea nesta zona rolda os 3.500€
Dispoñen dunha superficie agraria total de 169 hectáreas, das que 73 son pastos naturais, 32 praderías artificiais e o resto distintos cultivos de cereal. Un terzo das terras son en propiedade e o resto alugadas. O prezo de compra en Francia está regulado pola Administración e a hectárea nesta zona, situada a 650 metros de altitude e cunha media anual de precipitacións de 800 mm, rolda os 3.500€. Taxa de reposición do 20% A media de produción por vaca de GAEC Audy en 2022 foi de 7.527 kg anuais, cun 4,08% de graxa e un 3,7% de proteína. É un dos aspectos máis valorados por parte das queixarías nesta zona, o que lles supón 2 céntimos por litro de prima nesta gandería.
O 62% das vacas chega ao terceiro parto, logrando unha media de 3,6 lactacións
A taxa de reposición é só do 20% grazas ao control de enfermidades e os bos resultados reprodutivos. “Máis da metade das vacas quedan preñadas ao primeiro intento. No establo vello, onde tiñamos espazo para 60 vacas e metiamos 100, necesitabamos 2,1 doses por preñez, pero agora baixamos a 1,7”, aclara Fabien. Recría A tempada de concentración de partos prodúcese no outono. As tenreiras están o primeiros catro días de vida coa nai para tomar o costro e despois pasan á amamantadora.
Coa amamantadora logramos un maior crecemento das tenreiras, reducindo en 20 días a idade ao primeiro parto
Tralo destete, os animais continúan en lotes colectivos e empezan a alimentarse con concentrado, herba seca e remolacha pola mañá e pola tarde. Unha vez preñadas, as xovencas reciben 500 gramos de soia máis a forraxe no inverno e 1 kg de cereal máis o pasto na primavera, no verán e no outono.
Buscamos animais funcionais, con boa produción de leite e de proteína e con boas patas
Un terzo do seme que utilizan é sexado e todas as femias que nacen recríanse, unha parte para eles e outra para exportar a países como Alxeria ou Mongolia. “Xenotipamos a todas as tenreiras e en función dos resultados decidimos con cales quedamos. Buscamos animais funcionais con boa produción de leite e de proteína e con boas patas para saír a pacer”, indica Fabien. Os machos están en boxes individuais e son vendidos ás 5 semanas. Se son montbeliard puros teñen un valor duns 250€ e se son cruces con azul belga uns 450€.

“Co secadeiro para a herba melloramos a produción por vaca en 5 litros diarios”

Zona do secadeiro na nave de almacenaxe da forraxe construída no 2019 por GAEC Du Caron GAEC Du Caron está situada no departamento de Bouclans, a 430 metros de altitude e cunha pluviometría media anual de 1.254 mm, unhas condicións que lle proporcionan unha maior produción forraxeira que a moitas outras explotacións de queixo Comté. Frabrice Lombardot, que se incorporou no ano 2004, e Arnaud Gaillot, que entrou a formar parte da sociedade 10 anos despois, explican que son capaces de obter ata 4 cortes de herba ao ano, entre a primavera e o outono, mentres as ganderías situadas na montaña téñense que conformar moitos anos con só 2 cortes. Para mellorar a calidade nutritiva da forraxe, GAEC Du Caron decidiu en 2019 construír un secadeiro. En total, supúxolles un investimento de 300.000 euros, pero que se notou na produción das vacas.
Fan 4 cortes de herba ao ano cunha media de proteína do 12%
“Melloramos a produción en 5 kg de media por vaca e día. Agora podemos cortar máis verde a herba e secala en menos tempo, co que gañamos en proteína”, explican. A media en toda a forraxe que recollen ao longo do ano é do 12%. Dispoñen da maquinaria necesaria para levar a cabo as distintas tarefas agrarias (segadora, equipos de araña, remolques autocargadores, etc). Tras segar a herba, esténdena sobre a parcela para facer un presecado, que dura máis ou menos tempo en función das condicións climatolóxicas. No primeiro corte, por exemplo, realizado na primeira quincena de maio, deixan dous días de presecado á herba antes de levala ao secadeiro, pero no verán ségana pola mañá e recóllena pola tarde. A instalación onde almacenan e secan a forraxe conta con 4 divisións, onde van descargando os distintos remolques. “É fundamental distribuír ben a herba cubrindo todo o chan para que o aire non se escape e o secado sexa uniforme”, explican. A herba deposítase a granel no secadeiro, onde se conserva todo o ano A herba entra con entre o 60 e o 70% de materia seca, é dicir, mantén aínda entre un 30 e un 40% de humidade, polo que non meten máis de 1,5 metros de altura de herba cada vez para evitar que fermente. “Se a temperatura sobe por encima de 25ºC quéimanse os azucres, hai risco de fermentación e perde calidade a forraxe”, aseguran. O funcionamento do secadero é sinxelo pero efectivo. Utilizan a calor xerada polo sol baixo o teito da nave para facer circular ese aire quente polas reixas da parte baixa do secadeiro, sobre as que se coloca a herba. “Temos o gasto enerxético dos ventiladores, pero non o de quentar o aire”, indican.
Instalaron 250 Kw de placas solares para complementar os ingresos lácteos
Coa intención de abaratar a factura eléctrica e diversificar os ingresos da granxa, GAEC Du Caron instalou en 2021 paneis solares, cunha potencia de 100 Kw, aos que sumaron outros 150 Kw este mesmo ano, tanto para autoconsumo como para venda á rede dos excedentes. Prezo de 69 céntimos A granxa ten unha cota de produción de 637.000 litros de leite ao ano. Son transformados na queixería da cooperativa Des Monts de Joux. O prezo de venda do leite é de 69 céntimos grazas á importante prima por proteína (7,5 céntimos).
En 2022, o custo de alimentación, con 5,5 kg de penso de media ao día, ascendeu a 15,5 céntimos por cada litro de leite producido
A produción media por vaca foi en 2022 de 8.004 litros, cun 3,79% de graxa e un 3,49% de proteína. Teñen en total 122 cabezas (90 vacas en muxido e 32 xatas) e 140 hectáreas de superficie para alimentalas, 115 delas a pastos naturais e a praderías artificiais sementadas. O custo de alimentación, con 5,5 kg de penso ao día como máximo, foi de 762€ por vaca o pasado ano, 15,5 céntimos por litro de leite. “En 2022 notamos menos o incremento de custos de produción. Tiñamos stock de abono e o concentrado subiu fundamentalmente na primavera, por mor da guerra de Ucraína, cando nós temos ás vacas fóra e usamos menos penso”, explican.

“En Francia hai saturación de leite ecolóxico no mercado e págase menos que o convencional”

Samuel Dugas fíxose cargo da gandería familiar no 2007 e tres años despois pasou a ecolóxico As ganderías lácteas ecolóxicas están a pasar momentos delicados en Francia. A presión social dos consumidores empurrou nos últimos anos ás explotacións cara a prácticas máis respectuosas co medio ambiente e unha parte das granxas apostou pola conversión a ecolóxico. Pero lonxe de supoñer unha revalorización do produto en orixe, o mercado non foi capaz de absorber ese volume de produción e os prezos a día de hoxe sitúanse mesmo por baixo dos pagados aos gandeiros convencionais. As catro principais empresas de recollida de leite ecolóxico en Francia son, por esta orde: Biolait (305.000 toneladas en 2022, un 1,6% menos que en 2021), Sodiaal (217.000 toneladas, un 3,5% menos que en 2021), Lactalis (245.000 toneladas, un 6,5% máis que en 2021) e Eurial, a división de produtos lácteos do xigante cooperativo francés Agrial (135.000 toneladas, un 5,5% máis que en 2021).
O 5,2% do leite producido en Francia é bio, mentres en Galicia representa só o 0,7%
Entre os catro acaparan o 75% da produción de leite ecolóxico francesa, que suma en total 1,2 millóns de toneladas, que representan o 5,2% da produción láctea do país. A importancia da produción ecolóxica queda patente no número de granxas: Francia conta con 1.560 explotacións de leite ecolóxico, fronte ás 110 existentes en Galicia. Pero o aumento de prezos nos supermercados, debido á alza da inflación, impactou nas compras dos fogares franceses, agudizando a crise de sobreproducción de leite ecolóxico, a pesar da caída de produción por unha menor dispoñibilidade de forraxe debida á seca dos dous últimos anos. “Situación delirante” Samuel Dugas é un gandeiro da Bretaña francesa. A súa granxa, La Chènevétrie, situada en Bais, a 45 km de Rennes, conta con 40 vacas en produción e 67 cabezas totais contando a recría. “A situación é delirante, porque o leite eco está a pagarse menos que o convencional. Existe saturación no mercado, porque nos últimos anos houbo moita conversión de granxas a ecolóxico e, pola contra, estabilizouse o consumo e hai unha contracción da demanda”, explica.
O leite ecolóxico pagouse en Francia en maio a 44 céntimos, 9 céntimos menos que en España
O prezo do leite ecolóxico caeu nos meses de abril e maio do ano pasado ata os 40 céntimos e, tras recuperarse no inverno e alcanzar de novo a barreira dos 50 céntimos, caeu de novo esta primavera ata 44 céntimos no mes de maio (9 céntimos menos que en España), fronte aos 45,3 aos que se pagou ese mes o leite convencional, e mentres o leite bio mantivo o seu prezo medio no último ano, o convencional revalorizouse un 18%. Primeiro produtor de leite ecolóxico de Europa A granxa ecolóxica de Samuel atópase en Bais, na zona oeste da Bretaña O aumento de produción, que aumentara de forma exponencial desde 2019 (850.000 toneladas anuais) ata 2022 (1,2 millóns de toneladas), converteu a Francia no primeiro produtor de leite ecolóxico a nivel europeo, superando a Alemaña.
Francia conta con 1.560 explotacións de leite ecolóxico, cunha produción media de 5.100 litros por vaca e ano
O prezo para os gandeiros galos é, sen embargo, até 10 céntimos máis baixo que en Alemaña e a caída de prezos provocou unha desaceleración no crecemento da produción de leite ecolóxico en Francia, con granxas que abandonaron a certificación para producir de novo en convencional e leite producido en ecolóxico que se vende como convencional. Esta desvalorización provoca grandes perdas económicas aos gandeiros. O Goberno francés xa anunciou axudas por importe de 10 millóns de euros para os produtores de leite ecolóxico, pero as perdas estímanse en máis de 60 millóns. Descenso do consumo A transformación de granxas leiteiras en Francia cara á produción ecolóxica tivo lugar en tres grandes ondas. A primeira produciuse no ano 2000, a seguinte en 2010 e a última en 2017. “Ata entón o consumo seguía tamén unha curva ascendente, cun incremento anual de dous díxitos, pero a situación cambiou. A xente agora compra menos leite ecolóxico pero, sobre todo, houbo grandes granxas que se pasaron a ecolóxico tras o fin das cotas lácteas, así que inxectaron moito leite ecolóxico ao mercado, que chegou a saturarse, algo que antes non sucedía. A estacionalidade da produción fai que esta se concentre de forma conxuntural na primavera e que o prezo baixe”, explica Samuel. No que vai de 2023 en Francia, do mesmo xeito que ocorre noutros países como Alemaña, o consumo de produtos lácteos ecolóxicos continúa diminuíndo. O aumento de prezos dos alimentos, debido á inflación, non anima a consumir produtos ecolóxicos. De feito, as compras dos fogares franceses están a caer máis bruscamente no caso dos produtos ecolóxicos que no dos produtos convencionais, cun desplome das vendas nas tendas ecolóxicas especializadas próximo ao 5% no caso do leite e a manteiga. Freo nas conversións A produción ecolóxica e a venda directa aumentaran en Francia tralo final das cotas lácteas O descenso de compras de leite bio está a ser substituído nalgúns casos por leite de pastoreo convencional ou por bebidas vexetais, e empresas como Lactalis decidiron frear as conversións de granxas a ecolóxico. Samuel instalouse en 2007 na granxa que rexentaba o seu pai, que vendía a súa produción de leite convencional a Lactalis. Pero a multinacional francesa primaba naquel momento o paso a ecolóxico dos seus gandeiros cun sobreprezo de 3 céntimos. Entre 2010 e 2012 Samuel fixo a conversión a ecolóxico, primado durante eses dous anos e con compromiso de entrega durante 5 anos.
Samuel fíxose cargo da granxa familiar en 2007 e en 2010 deu o paso a ecolóxico, incentivado por Lactalis, a empresa que lle recollía o leite naquel momento
Transcorrido ese período, a partir do ano 2017, Samuel empezou a vender o seu leite a Biolait, o primeiro operador francés de leite ecolóxico, que sufriu en primeira persoa a caída de vendas. A resposta de Biolait foi pedir aos seus gandeiros producir menos leite e axustarse o cinto dos prezos, cun prezo medio de 45 céntimos para 2023, similar ao do leite convencional. Ante iso, algunhas granxas que levaban anos, ou mesmo décadas, entregando a Biolait, decidiron vender a súa produción como convencional a outras industrias.
A cooperativa Sodiaal decidiu non coller a novos produtores ecolóxicos polo momento e Biolait esixe ás súas granxas que produzan menos
“Hai demasiado leite ecolóxico no mercado e o consumo diminuíu considerablemente. Biolait non ten practicamente transformación, unicamente compra, envasa e vende leite líquido, polo que é moi sensible aos cambios de consumo”, xustifica Samuel. Desvalorización do produto como convencional Os excedentes de leite ecolóxico están a aumentar, o que provoca un incremento dos volumes de leite vendido como convencional. A Federación Nacional de Produtores de Leite (FNPL) calcula que o 40% do leite producido como ecolóxico nestes momentos en Francia comercialízase a través do circuíto convencional, unha porcentaxe que confirman Lactalis e Eurial, dous dos catro principais operadores lácteos en ecolóxico en Francia, que declaran ter absorbido en 2022 ata 4 de cada 10 litros da súa recollida ecolóxica a través de canles de venda convencionais.
O 40% do leite francés producido en ecolóxico está a venderse como convencional
Pola súa banda, a cooperativa Sodiaal desclasificou no 2022 o 20% do seu volume de leite ecolóxico, entre outras medidas grazas á súa política de incentivos de redución de produción (bonificación de 1,13 céntimos por litro de febreiro a xuño de 2022 por unha redución de entre o 3 e o 10% da produción). Do mesmo xeito que os seus competidores, Sodiaal tamén decidiu non coller a novos produtores ecolóxicos polo momento.

“A clave para sobrevivir nesta situación está en reducir custos e diversificar os ingresos”

Samuel, xunto ao rabaño de ovellas de raza autóctona Landes de Bretagne Antes de facerse cargo da gandería familiar, Samuel traballou en granxas austríacas e esa experiencia inspirouno á hora de transformar a súa granxa. “Cando me incorporei, eu son a quinta xeración, a nosa explotación seguía o modelo tradicional das granxas leiteiras de Bretaña, cun terzo da superficie agraria dedicada a millo, un terzo a herba e un terzo a cultivo de trigo”, explica. A súa primeira decisión no ano 2007 foi reconverter a pasto as terras de cultivo. “Unha vez que xa me sentía cómodo con ese sistema era bastante fácil e lóxico pasarse a ecolóxico”, asegura, aínda que recoñece que a principal razón ou incentivo foi o prezo.
Samuel recoñece que un dos motivos que o levaron a pasarse a ecolóxico foi o prezo
“Hoxe ese diferencial positivo non existe, polo que a clave do éxito do ecolóxico non está no sobreprezo, senón no control de custos, posto que tes maior control en ecolóxico, aínda que tampouco hai unha marxe de seguridade”, admite. Debido á actual conxuntura e os baixos prezos, apostaron pola diversificación e a venda directa como estratexia de supervivencia da granxa. “Depender só do prezo do leite facíanos moi vulnerables. E o feito de producir en ecolóxico non resolve o problema do control do prezo dos produtos e a súa comercialización. Ter máis dun cliente e máis dun produto á venda fainos menos fráxiles”, argumenta.
Depender só do prezo do leite facíanos moi vulnerables, por iso estamos a valorizar as producións a través da venda directa
Habilitaron como tenda un espazo na propia granxa onde venden os distintos produtos, desde leite cru a carne de tenreira e cordeiro, sidra e zume de mazá, que eles mesmos elaboran, así como mel e outros produtos de produtores veciños. Maceiras e ovellas Nos lindes das fincas plantaron maceiras para facer zumo e sidra Na súa estratexia de diversificación optaron por cultivos complementarios e que non necesiten de grandes investimentos. “Aproveitando os lindes dos prados plantamos maceiras. En total suman unha hectárea de cultivo. Facemos zume de mazá e sidra e é algo que non require moito investimento. Tampouco a venda de carne, xa que cebamos e facemos lotes no matadoiro”, explica Samuel. Fai tres anos introduciron tamén ovellas autóctonas Landes de Bretagne, unha raza rústica que permite que permanezan todo o ano na pradería. Crían uns 20 cordeiros ao ano, que nacen no mes de marzo e son vendidos en decembro.
Venden 5.000 litros de leite na propia granxa a veciños da zona e sacrifican 4 bois cebados cada ano en lotes de 12 kg de carne
Ceban ademais catro bois ao ano. Son cruces das súas vacas holstein con limusín. Cástranos aos 7 meses e son sacrificados aos 3 anos, acadando os 350 kg en canal, que despois venden en paquetes de 12 kg. Os clientes reservan a través da páxina web e dous terzos das vendas son de proximidade, mentres outro terzo procede de clientes da zona de París. “Coa venda directa recuperamos o valor engadido dos produtos. O noso obxectivo é ir aumentando pouco a pouco pero sen investir demasiado e reducindo ao máximo os gastos e custos de produción, buscando o punto exacto de máxima rendibilidade”, argumenta. Alimentación a base de pasto La Chènevétrie dispón de 55 hectáreas de terreo, todas dedicadas a pradería, agás unha hectárea que labran con remolacha para recoller no inverno en fresco. “En 2014 deixamos de labrar e ensilar millo. Desde entón, o pastoreo é a base da a alimentación do gando. As vacas saen todos os días excepto en xaneiro e febreiro, xa que temos leiras moi húmidas situadas na ribeira do río, e as crías saen coas nais ao pasto ata os 5 meses”, detalla.
Teñen pradeiras permanentes plurivarietais de gramíneas e leguminosas e unicamente abonan as fincas con xurro antes do corte de herba seca
O sistema de pastoreo que aplican é rotacional. “O fío avanza todos os días”, insiste Samuel. As praderías son permanentes (renovan 1 hectárea cada ano aproveitando a sementeira da remolacha) e plurivarietais (usan varias especies de gramíneas e leguminosas, como raigrás inglés diploide, festuca, alfalfa, trevo branco e chicoria). “É unha planta moi boa a nivel de taninos para a alimentación e é resistente á seca, ao igual que a remolacha”, aclara. No inverno suplementan con forraxes propias. “Non usamos nada de concentrado, só pasto e herba seca. Ata 2022 faciamos tamén silo, pero agora unicamente facemos herba seca, unhas 50 toneladas para todo o ano”, explica. Monomuxido En vez de papel, utilizan la de madeira, que mercan en Suiza, para limpar os tetos antes da muxidura Samuel atende a granxa coa axuda da súa muller, Lidia, e entre 6 granxas teñen a unha persoa contratada para as libranzas. Os traballos agrarios, de sega e recollida de forraxe, realízanos a través dunha CUMA. Para reducir a carga de traballo muxen só unha vez ao día. Do mesmo xeito que en Galicia, o monomuxido é algo novo e minoritario tamén na Bretaña, pero Samuel deféndeo como unha alternativa á falta de man de obra.
A media de produción da granxa é de 3.800 litros por vaca ao ano sen dar nada de penso
“Despois de 15 anos atopábame aprisionado polo muxido da mañá e da tarde. O robot de muxido estaba fóra de discusión para min e atopar a alguén para substituírte todos os días é moi complicado. Cando fai catro anos descubrín que era posible muxir só unha vez ao día foi toda unha revelación para min. Iso permíteme ter tempo libre para outras actividades, xa que o muxido da tarde limita moito a vida social. Agora podo ir á piscina ou a clarinete cos meus fillos. A maxia das vacas de leite é a relación con elas durante o muxido. Por iso, o monomuxido permite recuperar o gusto polo traballo. Agora gozo muxindo, cando antes era un sufrimento diario”, argumenta.
Agora gozo muxindo; antes era un sufrimento diario
Samuel muxe todos os días ás 7 e media da mañá e despois as vacas saen ao pasto ata o día seguinte. A produción media das súas vacas é de 3.800 litros ao ano, sen dar nada de penso. Insiste ademais en que outro dos beneficios do monomuxido é que redunda nunha ampliación da idade produtiva das vacas. A media da súa granxa é de 4,5 lactacións. Probou a facer cruzamientos, pero na actualidade aposta por dúas razas puras, a frisoa (80% do rabaño) e a parda alpina (20%). “A holstein adáptase perfectamente ao monomuxido”, asegura.

“En Francia esperamos que o prezo medio do leite en 2023 sexa de 0,50 euros o litro”

A Fédération nationale des producteurs de lait (FNPL) é a principal asociación de produtores de leite de Francia. Agrupa ao redor do 70% das granxas e tamén o 70% da produción de leite do país galo, o primeiro produtor de leite da Unión Europea, cuns 24 millóns de toneladas -a produción española é de 7,5 millóns de toneladas- e preto de 70.000 explotacións. Hoxe e mañá a entidade celebra no concello coruñés de Teo unha reunión da súa xunta directiva, que periódicamente trasladan a unha rexión produtora da Unión Europea. Neste caso elixiron Galicia pola súa similitude con moitas rexións do arco atlántico francés e para ver como os gandeiros galegos se están adaptando ao cambio climático. Asi, ademáis de visitar granxas e industrias lácteas, teñen previsto reunirse con representantes da Consellería do Medio Rural e de organizacións agrarias. Falamos con Thierry Roquefeuil, gandeiro de vacún de leite no departamento francés do Lot e presidente da FNPL. Que é a Fédération nationale deas producteurs de lait e cal é o seu grao de representatividade dentro do sector? A FNPL está presente en todos os departamentos franceses que teñen relevancia na produción de leite, a través das asociacións provinciais. Podemos dicir que representamos ao redor do 70% dos produtores de leite de Francia e tamén a mesma porcentaxe en produción. Estamos presentes nos órganos representativos do sector a nivel nacional e europeo, polo que somos un axente clave para os poderes públicos. Por que elixistes Galicia para celebrar a vosa asemblea xeral? Cada tres anos o consello de administración celebra unha reunión fóra de Francia nunha rexión con importancia na produción de leite -Galicia é a oitava rexión europea en produción de leite de vaca- e decidimos este ano celebrala en Galicia pola súa importancia produtora, as súas similitudes con outras rexións leiteiras de Francia como Bretaña e tamén para ver in situ como se están adaptando os produtores galegos ao cambio climático. Ademais, o goberno de España vai asumir en xullo a presidencia de quenda da Unión Europea e queremos coñecer cales son as súas propostas para o sector, de aí que nos reunamos tamén con representantes da Xunta de Galicia e tamén da embaixada de Francia en España. Que destacarías da conxuntura do sector lácteo en Francia para os produtores? O que máis nos afectou aos produtores de leite foi a inflacción, co consecuente aumento dos prezos dos fertilizantes, da enerxía ou dos salarios. O 2022 podemos concluír que non foi un bo ano para as gandarías de leite en Francia xa que non puidemos repercutir no prezo do leite os incrementos dos custos de produción. Desta forma, asistimos a peches de granxas en Bretaña ou Normandía, que en moitos casos decidiron pasarse ao cultivo de cereais por resultarlles máis rendible. É algo que nos preocupa porque consideramos que a soberanía alimentaria é crucial para calquera país e se matén a tendencia está en perigo. O prezo medio do leite en Francia neste momento está en 0,43 euros o litro, por baixo da media europea. Francia é un dos países europeos nos que máis baixou a produción de leite en 2022, sobre un 1%, a que se debe? mantense esta tendencia en 2023? A causa foi que o prezo do leite estivo baixo e non resultou rendible incrementar a produción. Debemos ter en conta tamén que temos un problema grave de falta de man de obra e de remuda xeracional: Case o 50% dos produtores de leite franceses vanse a xubilar nos próximos 10 anos. Cales son as previsións de prezos e rendibilidade para os produtores de leite franceses en 2023? Temos o obxectivo de finalizar este ano cun prezo medio de 0,50 euros o litro, se a evolución do prezo do leite en po e da manteiga nolo permiten. Debemos ter en conta que ao redor do 40% do leite francés -transformado en produtos lácteos- destínase á exportación, polo os prezos no mercado internacional repercútennos no prezo en orixe.
"O 2022 foi un mal ano para os produtores debido á inflacción"
Cales son os principais desafíos que se presentan neste momento para os produtores de leite en Francia? Como dixen,  o relevo xeracional, logrando que o sector resulte atractivo para os mozos, e iso pasa porque os prezos do leite sexan rendibles. Tamén destacaría como desafío os efectos do cambio climático. Os expertos aseguran que a temperatura media que está a haber neste momento 500 quilómetros ao sur de onde nos atopamos será a que teñamos en 20230, por iso decidimos celebrar esta reunión en Galicia. Unha queixa recorrente dos produtores de leite en Galicia e en España é que os contratos lácteos e os prezos fíxaos unilateralmente a industria. Sucede o mesmo en Francia? Non exactamente. Nos últimos anos temos avanzado moito na interprofesional láctea para lograr unha cadea láctea sustentable, empezando polo produtor. Desta forma, chegamos a un punto de equilibrio no que o prezo do leite para a industria e a distribución non pode estar desconectado da situación do mercado de produtos lácteos pero ao mesmo tempo tamén se deben ter en conta os custos de produción dos gandeiros. Precisamente, Francia foi hai uns anos un referente en lexislación pioneira en Europa para garantir a sustentabilidade da cadea de valor, implicando tamén á distribución. Como está a situación neste momento? O balance global do acordo alcanzado fai tres anos é positivo pero en 2022 enfrontámonos a unha situación inesperada: A inflacción subiu en Francia sobre un 9% e a lei francesa -a coñecida como Lei Egalim- non é o suficientemente áxil como para adaptarse á evolución do mercado, de forma que en España ou Alemaña os prezos para os produtores foron superiores. Esperamos que esta situación se vai corrixir no prezo medios de 2023 e 2024, de forma que compensemos un 2022 difícil O mercado lácteo é cada vez máis global. Están os produtores europeos perdendo competitividade fronte ás grandes granxas de Estados Unidos ou Nova Zelandia? O problema é cando a Unión Europea aproba acordos comerciais con terceiros países de forma que se permite a entrada de produtos lácteos con pouca ou nula capacidade para comprobar se cumpren as mesmas esixencias ambientais, de benestar animal e de calidade sanitaria que os produtos europeos. O próximo ano está previsto que se celebren eleccións ao Parlamento Europeo e deberiamos elixir a representantes que teñan en conta a sustentabilidade dun sector crave para manter un rural vivo e para a soberanía alimentaria. Como prevés que será á produción de leite en Francia de aquí a 10 anos? Boa parte dos produtores que se xubilarán non terán relevo polo que pecharán granxas, baixará a produción de leite e posiblemente as nosas exportacións de produtos lácteos pasarán a representar entre o 25 e o 30% da produción. O sector lácteo xera moitos empregos e riqueza no rural francés, e a sociedade e os nosos políticos deberían axudar a preservalo.

GAEC du Mont du ciel, unha gandería francesa intensiva que produce leite, xovencas e biogás

A familia Cuenot está á fronte desta gandería da rexión de Franco Condado Aproveitar ao máximo os recursos cos que se conta e ser o máis autosuficientes posible. Esa é a filosofía de traballo de GAEC du Mont du ciel, unha gandería de leite francesa de raza montbeliard que decidiu diversificar os seus ingresos cunha planta de biogás propia. A orixe da explotación é a unión de tres granxas do pobo de Rillans, unha comuna situada a medio camiño entre Besançon e Montbeliard, na rexión gala de Franco Condado. Na actualidade conta con 5 socios e un empregado para atender as 180 vacas en produción, os 190 animais de recría e traballar as 477 hectáreas de terreo das que dispoñen. No ano 2010, tras fusionarse, construíron un establo novo, ao que engadiron no ano 2016 a primeira unidade de produción de metano, cun dixestor de 250 Kw/h que foi ampliado no ano 2019 cunha segunda unidade que dobrou a súa capacidade produtiva.
Os ingresos da granxa proceden da venda de leite, da venda de recría e da xeración de electricidade
“Todo o necesario para producir o leite ou o biogás prodúcese na explotación. Tratamos de depender o menos posible das compras fóra e para iso temos un sistema moi intensivo, tanto na produción agrícola como gandeira”, indica Henri Cuenot, un dos socios. Raza montbeliard e cruces con frisón Dispoñen de tres robots de muxido A raza sobre a que traballan é a montbeliard, orixinaria desta zona do norleste de Francia pero estendida xa por todo o país. De feito, a montbeliard é a raza que máis medra en Francia neste momento, impulsada pola cooperativa Coopex, formada por 15.000 explotacións e encargada da mellora xenética a través da venda de seme e da prestación de servizos de acoplamento ou xenotipado aos gandeiros socios.
A montbeliard é a raza que máis medra en Francia e a segunda en importancia na cabana gandeira do país trala holstein
“É unha raza moi dinámica, que non se detén, cun programa de acoplamentos moi bo que permite eliminar rasgos recesivos que non nos interesan e maximizar os valores positivos”, destaca Lydie, incorporada á granxa no 2015. Vacas de máis de 60 litros Teñen vacas de máis 14.000 litros producidos na quinta lactación Aínda que se trata dunha raza rústica, que se adapta moi ben ao pastoreo, en GAEC du Mont du ciel destacan a súa grande versatilidade, o que permite explotar tamén o seu potencial en sistemas intensivos que manteñen o gando estabulado todo o ano, como é o seu caso. Para incrementar o seu potencial de produción fan cruzamentos con touros frisóns. “As vacas cruzadas acadan unha produción de litros de leite un pouco máis alta que as montbeliard puras pero manteñen o nivel de sólidos que nos interesa”, recoñece.
O prezo ao que cobran o leite é de 44,2 céntimos o litro, cun prezo base de 42 céntimos máis primas por proteína e calidade hixiénica
Nesta explotación producen 1,9 millóns de litros de leite ao ano, cunha media de 11.000 litros por vaca ao 3,9% de graxa e o 3,6% de proteína, un dos parámetros que busca a industria que lles recolle o leite, a empresa Ermitage, que fabrica o queixo Raclette.
Aos robots gústalles este tipo de vacas porque teñen unha boa colocación de pezóns
En setembro do ano pasado cambiaron a sala de muxido 2x12 que tiñan por tres robots, co que lograron un incremento de produción de litro e medio por vaca e día. “A mellor vaca da granxa produce hoxe 69 litros ao día e temos varias de máis de 60 litros porque os robots non están saturados e pasan moitas veces a muxirse”, explica Lydie, que afirma que “aos robots gústalles este tipo de vacas porque son animais que teñen unha boa colocación de pezóns”. Eliminación voluntaria O gando está en cama libre de palla, que usan despois para a planta de biogás Malia teren un sistema de produción intensivo, a lonxevidade dos animais é un dos factores destacados desta gandería. “Temos neste momento 5 vacas por enriba dos 100.000 litros de leite producidos e 7 lactacións”, conta Lydie. O 41% das vacas chega á terceira lactación e a taxa de reemprazo da granxa é do 28,5%, aínda que boa parte é eliminación voluntaria e só un 17% é obrigada por enfermidades, accidentes ou infertilidade do gando.
Dan saída a vacas da granxa cando o prezo da carne é bo e logran un valor medio no matadoiro de 2.000€ por animal
“É moi distinto ter que mandar as vacas ao matadoiro porque teñen algún problema que facelo de forma voluntaria cando o prezo que se paga pola carne é grande, porque neses casos decídelo ti”, argumenta Lydie. Venda de xovencas para a exportación Nave de recría de xovencas, que cubre as necesidades da granxa e permite vender os excedentes Outra fonte de ingresos importante da GAEC du Mont du ciel é a venda de xovencas. Recrían en total unhas 90 becerras ao ano, das que se quedan con 55 para cubrir as necesidades de reemprazo da explotación e venden as 35 restantes a través da cooperativa Coopex, que se encarga tamén de dar saída aos excedentes de recría dos socios.
Empregan as probas xenómicas para seleccionar con que xatas se quedan e cales venden
Unha parte delas marchan con destino á exportación, principalmente a países do norte de África, como Alxeria ou Marrocos. Para seleccionar con cales se quedan na granxa e cales venden utilizan as probas xenómicas. Tamén fan uso do seme sexado. “Empezamos por un agasallo de aniversario; gustounos e agora empregámolo de xeito masivo”, relata Lydie. O intervalo entre partos sitúase nesta explotación en 459 días, con dous meses de período seco. A porcentaxe de vacas preñadas á primeira é do 42% e o número de doses empregadas sitúase de media en 2,4.
Tratan de concentrar os partos no outono e o 42% das vacas empreñan á primeira
“Só lles damos un intento con frisón, no segundo xa poñemos carne, tanto azul belga como charolés”, explican. O primeiro cruzamento da montbeliard fano con holstein e o segundo con parda alpina ou roja sueca ou danesa.   Nas vacas tratan de concentrar a tempada de partos no outono e nas primeirizas a idade ao primeiro parto sitúase nos 25 meses. Entre a venda das xovencas sobrantes e o valor que acadan as vacas que saen cara ao matadoiro, practicamente a recría da granxa lles sae a cero, sen custo algún. No tocante aos custos veterinarios, sitúanse en 2,2 céntimos por litro de leite producido.   14 kg de concentrado Os netos, dando unha mestura de grao de millo enteiro e concentrado ás becerras pequenas A alimentación do gando é elaborada con carro mesturador. A ración unifeed das vacas en produción inclúe 13 quilos de silo de raygrass, 11 kg de silo de millo, 10 kg de pastone (a mazorca do millo ensilada), 2 kg de alfalfa deshidratada, 300 gr de palla e 1 kg de herba seca; máis o concentrado, que inclúe 4 kg de soia, 2 kg de fariña de lentellas, 800 gr de melaza de remolacha e 450 gr de minerais.  A iso engádese o punteo do robot, que inclúe cebada, liño e propilenglicol como aditivo. En total, a cantidade máxima de concentrado por vaca e día sitúase en 14 kg (2.600 kg ao ano), cun custo de 1.291€ por vaca e ano, é dicir, uns 13 céntimos por litro de leite producido. 477 hectáreas de superficie “O noso sistema é moi intensivo, tanto na produción das vacas como na produción agrícola das terras”, recoñece Henri. Dispoñen dun total de 477 hectáreas de superficie, das que destinan 152 a millo, 125 a outros cereais, 90 a pradeira de raygrass e 110 a pradeira permanente. Tan só o 1,2% das terras que traballan son da súa propiedade, debido ao alto custo de adquisición, uns 2.800€ por hectárea, e iso malia estar en Francia o prezo regulado por parte da Administración.   Relevo asegurado A día de hoxe a granxa pertence á familia Cuenot, trala xubilación de Etienne, Dominique e Jean-Marie, tres dos socios orixinais. Ademais de Henri e o seu irmán Sebastien, están incorporados os seus fillos Francis, Lydie e Loic. “Os novos van seguir, temos o relevo asegurado”, di orgulloso Henri, que ten 3 fillos e 7 netos. Nos momentos de maior traballo durante a campaña agrícola, á hora de conducir a maquinaria, contan co reforzo doutros parentes. “A unión fai a forza e nós somos unha empresa moi familiar”, remarca.

Unha planta de biogás para diversificar os ingresos

Desde o final das cotas lácteas Francia non está entre os países europeos cun mellor prezo do leite en orixe. De feito, os prezos que están a percibir neste momento os gandeiros franceses polo leite que producen son máis baixos que os que se están a pagar en España. Por iso, GAEC du Mont du ciel decidiu hai uns anos diversificar as súas fontes de ingresos a través da venda de xovencas e de electricidade para non depender en exclusiva da venda de leite á industria. Con ese obxectivo fai 8 anos fixeron un investimento de 3,5 millóns de euros para a construción dunha planta de biogás que produce 500 kw/h de electricidade. Ese investimento non está aínda amortizado, pero permítelles ter uns ingresos mensuais asegurados (80.000 €) mediante un acordo de comercialización da enerxía a 20 anos cunha compañía eléctrica.
Venden 80.000€ de electricidade ao mes mediante un contrato a 20 anos cun prezo estable
“Ás compañías eléctricas gústalles moito este tipo de produción porque é máis estable que a eólica, que tamén hai nesta zona. Pero cando hai neve os aeroxeradores non funcionan e se non fai vento tamén cae a produción”, argumenta Henri. Unha gran vaca máis Henri Cuenot, na planta de biogás construída hai 8 anos e que supuxo un investimento de 3,5 millóns de euros En GAEC du Mont du ciel consideran os tres biodixestores cos que contan como se foran tres cabezas de gando máis. “A planta de biogás é como unha gran vaca de leite; canto máis calidade de forraxe se lle mete maior produción de electricidade”, compara. Por iso, nas rotacións e programacións anuais de cultivos das terras teñen en conta tanto as necesidades da cabana gandeira, como as dos biodixestores, con cultivos específicos destinados á planta de biogás.
Empregan o centeo como cultivo intermedio de valorización enerxética polas súas características agronómicas beneficiosas para o solo
Nunha parte da superficie fan dobre cultivo de herba e millo e na outra parte fan unha rotación máis ampla, a 2 anos, con trigo, sorgo, centeo e millo. Tanto o sorgo como o centeo son empregados en exclusiva para a planta de biogás pero Henri destaca ao mesmo tempo as súas vantaxes agronómicas. “O centeo plantámolo a mediados de setembro apañámolo no mes de abril. Esta planta ten unha raíz que perfora moito o chan e é moi boa para o solo porque permite manter a humidade. O centeo cortámolo inmaduro con segadora e estendémolo para facer o presecado, porque o importante neste caso é ter materia seca”, explica. Agricultura “ecoloxicamente intensiva” Detrás do centeo plantan millo cun sistema de sementeira directa e abonado con nitróxeno líquido tres días despois de plantalo. “A min gústame todo o intensivo, eu chámolle agricultura ecoloxicamente intensiva, porque o chan canto máis se cultiva menos se contamina porque máis consumo de nitróxeno hai”, razoa.
Antes de comezar coa planta de biogás xa faciamos agricultura de conservación e rotacións de cultivos
Pero a utilización deses ciclos tan curtos de cultivo está a provocar unha acidificación do solo, malia que o material dixestado que devolven ás terras ten un pH 8. Para correxir a acidez do chan inxectan cal líquido para subir deste modo o pH. Consome 70 toneladas diarias Fosa de purín que alimenta os biodixestores A produción eléctrica da planta de biogás permite cubrir as necesidades de 1.200 fogares pero para lograr iso necesitan incorporar diariamente aos biodixestores 70 toneladas de “alimento”, entre sólido e líquido. “Temos que darlle de comer igual que a unha vaca. É como se puxeramos 70 toneladas cada día e sacaramos outras 70 toneladas dixestadas despois de pasar 60 días dentro do dixestor a 45 graos centígrados de temperatura”, di. Ese proceso de dixestión anaeróbica permite transformar a calidade do nitróxeno para que sexa máis aproveitable polas plantas, destaca Henri. “O obxectivo da metanización é que se coma os olores e mellorar o abono”, indica.
Botamos moita palla nas camas; así o noso gando está mellor e temos tamén maior produción de esterco para o dixestor
Ademais dos distintos cultivos que producen en exclusiva para a planta de biogás, a base do seu funcionamento está no esterco xerado na propia granxa polo gando, cun sistema de cama quente sen cubículos. “Nós botamos moita palla nas camas. Así o noso gando está mellor e temos tamén maior produción de esterco para o dixestor”, razoa. Cada 8 días baleiran unha parte do establo e levan ese esterco para os almacéns que despois subministran á planta de biogás. Xeran unhas 20 toneladas de esterco á semana, que equivalería a uns 25 metros cúbicos de purín.
O máis importante para nós é que a planta de biogás sexa autónoma, que non haxa que mercar nada fóra para ela
“O máis importante para nós é que a planta de biogás sexa autónoma, que non haxa que mercar nada fóra para ela”, di. Nalgúns cultivos os biodixestores permítelles aproveitar mellor a calidade da forraxe. “Temos unhas 90 hectáreas de pradeira artificial onde facemos produción intensiva de raigrás. Os primeiros cortes son para as vacas e os últimos van para o dixestor”, explica. Tamén no millo reservan unhas hectáreas para ensilar por separado a mazorca para as vacas e o talo da planta para o dixestor. Secadeiro para alfalfa Dispoñen de tres secadeiros que aproveitan a calor producida polos dixestores para secar alfalfa, gran e leña GAEC du Mont du ciel atópase nunha zona de val moi produtiva na que chegan a facer ata 4 cortes de alfalfa que logo secan coa calor xerada polo dixestor. É un proceso no que buscan obter a máxima calidade proteica, que chega ao 18%.
Poñen entre 2 e 3 quilos diarios de alfalfa deshidratada co 18% de proteína na ración das vacas en produción
“O que facemos é segar a alfalfa, estendela con coidado e deixala 72 horas como máximo no chan. É un proceso que con sol non se pode facer.  Logo recollémola con cinta para que non perda a folla e cortámola a 4 centímetros de lonxitude. Iso vai ao secadeiro durante 5 días a 50ºC de temperatura”, detalla Henri. Ademais de alfalfa, nos tres secadeiros que aproveitan a calor xerada polos dixestores tamén secan millo, trigo ou leña. “Farían falla 400.000 litros de gasóleo para xerar ese calor dispoñible”, indica. En GAEC du Mont du ciel tratan de aproveitar ao máximo todos os seus recursos e por iso mediante ese calor manteñen quente, por exemplo, o chan onde teñen as becerras de recría. “É algo fabuloso”, destaca Henri.
  • Reportaxe elaborada coa colaboración comercial de Global Genetics

Métha-Ferchaud, un exemplo dunha planta de biogás que si beneficia aos gandeiros

Produción de electricidade Km0 a partir do metano contido no purín xerado polo gando. Esa é a filosofía de Métha-Ferchaud, unha planta de biogás colectiva, propiedade de tres granxas, dúas leiteiras e unha de porcos, ubicada na localidade de Martigné-Ferchaud, na Bretaña francesa. “Asociarme a ese proxecto colectivo era unha maneira de diversificar a miña actividade agrícola. Na miña granxa xa tiñamos paneis fotovoltaicos e queriamos continuar producindo enerxías verdes”, explica Guénaël Hamelin, titular dunha explotación de leite en Retiers, GAEC Ker Laezh, formada por 150 vacas en produción e 170 hectáreas de terreo.
En Francia hai 500 granxas que fan aproveitamento enerxético do metano e a meirande parte delas atópanse na rexión da Bretaña
En Francia hai 500 granxas que fan aproveitamento do metano xerado polas dexeccións do seu gando. Están integradas na Asociación de Agricultores Metanizadores de Francia. A meirande parte das plantas atópanse na rexión da Bretaña e son instalacións de pequeno tamaño. Un proxecto colectivo que empezou a funcionar no 2016 Guénaël explicando o funcionamento da tolva de residuos sólidos que alimenta ao dixestor Tres explotacións gandeiras próximas puxeron en funcionamento no ano 2016 esta planta de metano para tratar os seus puríns e estercos. Hoxe subministran electricidade a 1.000 fogares e aproveitan o calor para secar a alfalfa que producen nas súas terras. Guénaël destaca precisamente o feito de que Métha-Ferchaud sexa un proxecto colectivo e autoxestionado por varias granxas. “Emprender entre varios é algo importante para min, porque permite intercambiar e dinamizar o noso día a día. Traballar nun proxecto colectivo é algo moi enriquecedor”, asegura.
O asociacionismo agrario está moito máis desenvolvido na Bretaña que en Galicia
Ademáis da gandería leiteira de Guénaël, tamén é socio da planta de biogás Stéphane Boudet, que ten unha explotación porcina en Fercé. A súa granxa, EARL du Jahan, está formada por 230 nais reprodutoras e 86 hectáreas de cultivos, adicados maioritariamente a cereais cos que alimentar os porcos. Participan tamén no proxecto Frédéric Brizard e Stéphane Choquet, socios nunha granxa de vacas en Martigné-Ferchaud, EARL de la Voie Lactée, con 150 vacas en produción e 240 hectáreas de superficie agraria. Reducir os desprazamentos necesarios A planta de biogás ubícase nun lugar intermedio entre as tres granxas para así facilitar o transporte do purín e reducir os desprazamentos. Contan cun traballador a tempo completo no biodixestor e outro a media xornada, encargado do transporte do xurro desde as explotacións e de levar de volta o material dixestado, que aproveitan como materia orgánica fertilizante para as terras de cultivo.
A ubicación do biodixestor, nun lugar intermedio ás tres granxas, facilita o transporte do xurro
As tres explotacións contan con dúas fosas de purín, unha de menor tamaño para o xurro fresco que produce o gando e outra con maior capacidade que é na que almacenan o produto dixestado que é devolto ás ganderías.
Un metro cúbico do material dixestado equivale a 5 unidades de nitróxeno
“Un dos nosos obxectivos era tamén valorizar agronomicamente os puríns para o seu mellor aproveitamento á hora de aportalos ao chan”, explica Guénaël. “Hai que tratar os nitratos. Non o digo para ir contra a agricultura de España nin para xerar alarmas, senón por convencemento e para chamar a atención sobre un problema real”, remarca.

Problemas de contaminación por nitratos

“En Bretaña nos anos 90 tiñamos serios problemas de contaminación do chan debido á carga gandeira, porque os solos aquí son moi areosos, de orixe granítico, e polo tanto moi permeables, o que favorece a contaminación das augas subterráneas”, recoñece.
100.000 hectáreas de superficie agrícola e 1.500 produtores víronse afectados en Francia pola declaración de zonas vulnerables a raíz da aplicación da Directiva de Nitratos europea
A presión social, cunha poboación cada vez máis concienciada pola ecoloxía, levou á aprobación de normas restritivas por parte das autoridades, en virtude da Directiva europea de Nitratos, que en Francia afectou a 1.500 produtores e 100.000 hectáreas de superficie agraria declaradas zonas vulnerables.  “Había realmente un problema e unha preocupación social por todo iso, pero hoxe ese problema de contaminación diminuíu e está controlado”, asegura Guénaël. Aínda así, o nivel de nitratos nos solos e acuíferos é avaliado de maneira permanente por parte de técnicos da administración.
Os plans de abonado e os cadernos de explotación xa son obrigatorios en Francia e o purín non se pode botar nos meses de verán nin nas fins de semana
“Os gandeiros temos que facer unha declaración anual de cantas vacas temos e, polo tanto, cantas unidades de nitróxeno producimos. A iso engádese o abono químico que mercamos e o resultado desa suma divídese entre a superficie que tes. Se non cumpres coas ratios establecidas, a Administración vén a inspeccionarte. Van parcela por parcela realizando analíticas”, conta. O dobre de vacas leiteiras ca Galicia e tres veces máis superficie agraria O tractor da CUMA encargada do transporte cargando o purín nunha das explotacións para levar á planta de biogás Bretaña conta con 2 millóns de cabezas de gando bovino, das que 740.000 (o 37%) son vacas leiteiras, que producen 5,3 millóns de toneladas anuais de leite (o 40% da produción francesa). A rexión produce ademais carne de vacún (150 toneladas anuais), 8,6 millóns de polos (o 33% da produción francesa) e 13,7 millóns de porcos (o 54% da carne de porco francesa).
Un de cada tres polos e un de cada 2 porcos franceses prodúcese en Bretaña
Con esta carga gandeira, e malia dispoñer de tres veces máis superficie agraria que Galicia (1,6 millóns de hectáreas de SAU), a Bretaña leva anos sufrindo problemas de contaminación por nitratos, o que levou á aprobación de normativas medioambientais estritas que limitan a aplicación de xurros.
O límite máximo na Bretaña son 70 unidades de nitróxeno de orixe orgánico por hectárea
O límite máximo permitido á hora de fertilizar solos agrícolas son 220 unidades de nitróxeno por hectárea, das que 70 poden proceder de orixes orgánicas. Á hora de realizar a aplicación, están prohibidos os sistemas de prato ou abanico, ao igual que pasará en España a partir de 2024.

Producen 500kw/h  

Imaxe do interior do dixestor, que produce o biogás que é despois transformado en electricidade “É moi importante explicar á sociedade civil que os agricultores non só non contaminamos senón que coidamos do medio ambiente e contribuímos á economía circular con proxectos coma este. Nesta planta recibimos moitísimas visitas. As escolas veñen todos os anos, e tamén persoas particulares. Cando a puxemos en marcha, en só dous días de portas abertas visitaron a instalación 1.200 persoas. Esa parte de comunicación é moi importante”, di Guénaël.
Subministran electricidade a 1.000 fogares e 2.500 habitantes da contorna
Un panel explicativo na sala onde reciben as visitas trata de explicar o funcionamento do complexo baixo un esquema de economía circular. “O purín que producen os nosos animais contén metano, que extraemos no biodixestor, que produce gas, que vai a dous motores que producen enerxía eléctrica para a sociedade civil e calor que empregamos para un secadeiro de alfalfa coa que despois alimentamos o gando que produce o xurro. Pero a planta de metano non fai ecoloxía, somos nós, os gandeiros os que facemos ecoloxía a través da planta de metano”, remarca.
A enerxía producida é vertida á rede, a través da compañía estatal francesa EDF, que llela paga a 23 céntimos o Kw/h
No 2016 a planta de Métha-Ferchaud comezou a funcionar cun motor de 200 KW/h e no 2022 engadiron un segundo motor, cunha capacidade de produción de enerxía eléctrica total actual de 500Kw/h, o que permite subministrar de electricidade a 1.000 fogares e uns 2.500 habitantes. A enerxía é vertida á rede, a través da compañía estatal francesa EDF, que llela paga a 23 céntimos o Kw/h.

Aproveitamento da calor xerada para secar alfalfa e outros produtos 

Secadeiro da planta, empregado para alfalfa, raigrás, grao de millo e péllets e estelas de madeira Ademais de valorizar o xurro producido polas tres explotacións gandeiras para xerar electricidade, coa calor producida no proceso secan a alfalfa que tamén producen as súas granxas para lograr ser autónomos en insumos proteicos.
Os restos do dixestor van aos campos de cultivo, nos que producen cereais e alfalfa para alimentar o gando
Ata o ano 2015 a normativa francesa obrigaba a aproveitar o calor xerado polos dixestores, o mesmo que o xerado nas ganderías no proceso de enfriamento do leite, por exemplo. Por iso inicialmente os impulsores de Métha-Ferchaud pretendían vender o calor producido tralo proceso de fermentación anaeróbica do xurro á industria local e ás comunidades de veciños da localidade máis próxima, Martigné-Ferchaud, en forma de auga quente a través dunha rede comunitaria, pero na actualidade aprovéitano na propia instalación para o secado de forraxes (alfalfa e raigrás) e outros materiais como cereais (grans de millo ou trigo) ou madeira (péllets e estelas).
O secadeiro supón unha fonte de ingresos a maiores
Contan para iso cun secadeiro de grandes dimensións, dentro das instalacións da propia planta de biogás. O calor xerado é conducido por unhas tubaxes e sae través duns buratos que hai no chan do secadeiro, onde son descargados os distintos materiais a secar. O secadeiro é empregado tanto polas ganderías socias da planta, como por outras empresas e é unha fonte de ingresos máis.

Financiamento público  

Os seis socios de SAS Métha-Ferchaud O investimento total realizado para a posta en marcha de Métha-Ferchaud foi de 1,6 millóns de euros. O 83% foi para a construción da planta de biogás e o 17% para a zona de almacenaxe de residuos e produtos empregados e o resto de instalacións.  
En Francia apóstase por pequenas instalacións locais; a Xunta por megaproxectos
Os 6 socios aportaron o 4% do capital necesario, uns 15.000€ cada un. O 30% procedeu de subvencións tanto rexionais como departamentais e o 65% restante financiouse mediante un crédito bancario.   As cifras contrastan coas que manexa a Xunta para o seu proxecto de construír en Galicia 5 plantas de biodixestión e 19 de transferencia de xurros, cun custo estimado total de 600 millóns de euros.

Cultivos intermedios con vocación enerxética

Un grupo de 4 amigos que se coñecían de organizar un festival de música folk bretona na localidade de Martigné-Ferchaud (Festival Les Mines d’Or), dous deles gandeiros, decidiron montar este proxecto para tratar os xurros da súas explotacións e producir electricidade a partir del. Métha-Ferchaud é hoxe unha planta de produción de metano modélica desde o punto de vista económico, social e medioambiental.
A idea xorde no ano 2010 pero non bota a andar ata o 2016
Este proxecto colectivo de tres granxas xorde con varias motivacións e obxectivos: produción de enerxía renovable, valorización dos xurros gandeiros e mellora no aproveitamento do nitróxeno orgánico como fertilizante, diversificación dos ingresos das explotacións e contribuír a mellorar a imaxe da agricultura e os agricultores. Non só de purín vive o dixestor Almacenaxe de distintos residuos sólidos dentro da planta O 60% dos aportes ao dixestor son xurros e estercos procedentes das tres explotacións gandeiras e o 40% restante cereais, cultivos enerxéticos, lodos de depuradora e restos da industria alimentaria. Os cidadáns tamén poden levar os restos de poda ou outro tipo de material vexetal.
O 60% do que entra ao dixestor é xurro e o 40% restante, restos de cultivos, lodos de depuradora, cereais e subprodutos da industria alimentaria
“O máis importante para un bo funcionamento do dixestor é ter sempre xurro fresco”, explica Guénaël. Dous días á semana transportan o purín das granxas para a planta de metano, que consome cada día 25 metros cúbicos. A mestura que fan leva un 80% xurro de vaca e un 20% de porco. Ademáis da fosa de estocaxe de puríns, nas instalacións da planta dispoñen doutras zonas de almacenaxe para o resto de produtos empregados na mestura: 5 metros cúbicos día de lactosuero e 20 toneladas diarias de centeo, restos de palla ou millo en gran. “O dixestor é como o intestino dunha vaca e un especialista fainos unha ración equilibrada para el”, compara. Rotación de cultivos para alimentar a fermentación Nunhas 15 hectáreas de superficie Guénaël fai cultivo de centeo para alimentar o dixestor, dentro dunha rotación bianual con trigo e millo. “Recollo o trigo a 31 de xullo e abono con 125 unidades de nitróxeno procedentes do dixestor. O 15 de setembro meto o centeo, que recollo o 20 de abril, aporto 30 metros cúbicos do dixestor (150 unidades de nitróxeno) e a continuación labro o millo. Facemos unha produción agrícola moi intensiva”, recoñece.
Facemos unha produción agrícola moi intensiva
As outras dúas explotacións socias, EARL du Jahan e EARL de la Voie Lactée, tamén sementan cultivos enerxéticos para aportar ao dixestor, como millo en grao, das que consomen entre 30 e 40 hectáreas ao ano. “É a gran pega que os ecoloxistas lle poñen á planta, xa que non entenden que se cultive millo para producir enerxía”, afirma.

Maior capacidade fertilizante ca o purín  

Carga de material xa dixestado O dixestor é un pozo en forma de tubo de 6 metros de profundidade onde se mesturan os aportes sólidos e líquidos, que fermentan alcanzando os 42 graos de temperatura. O biometano xerado sae por unha tubaxe colocada na parte superior e a parte liquida, qué é máis pesada, queda abaixo. A continuación o gas é arrefriado e vai a dous motores, de 200 e 300 kw de potencia, que son os que transforman o biogás en electricidade.
Empregando o material dixestado como abono estamos a aforrar cartos, porque o seu poder fertilizante é maior e evitamos utilizar abonos químicos
As tres explotacións fan o abonando das súas terras co material dixestado, con maior poder fertilizante que o purín a partir do cal se produce. “Por exemplo, se collemos o purín de vacas leiteiras ten 2,5 unidades de nitróxeno mentres que un metro cúbico de dixestato contén 5,5 unidades de nitróxeno. É un abono máis concentrado e máis asimilable polas plantas que o xurro en estado puro. Ao aportar esas unidades de nitróxeno extra sobre os cultivos de trigo e millo economizo, porque antes utilizaba fertilizantes químicos que agora non preciso co dixestato. Nese aspecto, estou a aforrar cartos”, asegura Guénaël.

Poulet de Janzé: un exemplo de como revalorizar a produción tradicional de polos

Stéphane Letué e Sophie Guillet, na sede da cooperativa Poulet de Janzé Os produtores de polo galegos non pasan por un bo momento. A suba dos custos de produción e o seu escaso poder de negociación condiciona neste momento a rendibilidade das granxas. Moitas delas montáronse nos últimos anos, como complemento ás explotacións de vacún, en comarcas leiteiras, como a de Sarria, a da Ulloa ou a do Deza.  É a mesma estratexia de diversificación que levaron a cabo na Bretaña francesa os produtores de leite nos anos 80 e 90, mais neste caso souberon escapar ao modelo de produción integrada que ata de pés e mans aos avicultores galegos.
O modelo de produción integrada afoga neste momento ás granxas avícolas galegas debido á suba dos custos de produción e á conxelación do prezo en orixe
Como exemplo de autoorganización, coñecemos a experiencia dos produtores de polo da zona de Janzé, no departamento de Ille et Vilaine, da man de Stéphane Letué, director da cooperativa Poulet de Janzé, que aposta pola produción de polos campeiros, con tradición na zona e hoxe recoñecida por distintivos de calidade franceses e europeos. Ao igual que na Bretaña, a produción avícola ten tamén unha longa tradición en Galicia e mesmo localidades como Vilalba ou Vila de Cruces contan con producións diferenciadas, aínda que non logran traspasar o mercado local e unha época de demanda concreta no ano que coincide co Nadal.
Un produtor avícola de Janzé recibe 1,80€ por polo; un galego 0,40
Estandarizar esas producións a maior escala, gañando en volume e posicionamento no mercado, podería ser unha alternativa rendible para asentar novas explotacións profesionalizadas. Foi o que fixeron os produtores desta zona próxima a Rennes, que hoxe venden os seus polos campeiros, os seus capóns, pavos e galiñas de Guinea por toda Francia e noutros países europeos. Tradición e estratexia comercial Un de cada tres polos consumidos en Francia prodúcese na Bretaña. En conxunto, a área coñecida como Grand Ouest (Bretaña, Normandía e País de Loira) concentra o 63% da producción avícola de Francia. Pero na zona de Janzé apostaron por unha produción diferenciada mantendo criterios tradicionais, mais con técnicas actuais e unha dimensión das granxas que permita a profesionalización das explotacións e cunha comercialización en conxunto que asegure mellor prezo e poder de negociación no mercado.
Un terzo da produción avícola de Francia concéntrase na Bretaña
Esa é a estratexia que están a seguir os 170 produtores que integran hoxe a Cooperativa, creada no ano 2000 e herdeira da Asociación Polo de Janzé nada no ano 1980 e que é a que se segue a encargar da xestión da IXP coa que contan desde o ano 1996. A cooperativa presta unha serie de servizos aos socios e comercializa en conxunto toda a produción, para escapar deste xeito ao control dos matadoiros e empresas de distribución e lograr un mellor prezo en orixe. Controis estrictos durante o proceso de cría No século XIX xa existía un importante comercio de aves nesta zona da Bretaña francesa, até o punto de que as ceas de gala dos barcos que facían a viaxe trasatlántica entre Francia e América incluían no seu menú polo de Janzé. “Quixemos aproveitar esa fama e esa reputación para desenvolver un produto de calidade”, explica Stéphane. Na súa casa producían polos e cebaban xatos e el entrou como técnico de seguimento da cría da Asociación no ano 1991.
Os polos son criados ao aire libre cunha idade mínima de sacrificio de 81 días
“Sabiamos que para diferenciarnos o primeiro era controlar todo o proceso de crianza para distinguírmonos do polo convencional”, indica. Existen uns 100 criterios, pero os máis importantes serían:  - Idade mínima de sacrificio aos 81 días, en comparación co tipo industrial, onde se manexan periodos de 35 días. - Densidade máxima de 11 polos por m2, a metade que na avicultura industrial. - Saída ao exterior a partir dos 42 días, cun espazo ao aire libre de 2 m2 por polo. - Tamaño máximo das naves de 400 metros cuadrados, en comparación cos 2.000 m2 que poden ter as granxas industriais. “Estes criterios impactan no custo de producción, pero tomamos a decisión de restrinxir para dar calidade”, asegura. Existen controles por sorpresa nas granxas e Stéphane aclara que “en Francia os controis funcionan ben”.
Hai controis sorpresa e somos esixentes e estritos neles para manter a calidade
“Somos esixentes con eses controis. Aos polos hai que abrirlles ás 9 da mañá e sería aceptable que se lles abrira ás 9 e 5 minutos, pero se aceptas que se abra ás 9 e 5 acabaráse abrindo ás 10 porque se van creando unha serie de derivas. Por iso somos estritos e se hai problemas establécese un plan de acción con melloras concretas”, detalla. O poder dos matadoiros O matadoiro é subcontratado pero a cooperativa dispón dunha frota propia de veículos de reparto a nivel local A Asociación creada en 1980 incluía a produtores, matadoiros e fabricantes de penso, mentres na cooperativa están só os produtores. “Aquí eran os matadoiros os que tiñan o poder e por iso os granxeiros agrupáronse nunha cooperativa para defender mellor os seus intereses e falar cunha soa voz”, explica Stéphane. De 1980 a 2003 os matadoiros pagaban directamente a cada produtor. Agora é a cooperativa a que compra a produción aos produtores e a vende aos matadoiros e a marxe que logra pode reinvestila en servizos aos produtores.
Os produtores dispoñen dun seguro mutualista propio para axudar a outro produtor en dificultades económicas
Un exemplo concreto das melloras que supuxo a creación da cooperativa sería o prazo de cobro. Antes eran 5 semanas de prazo de pago desde a saída dos pitos, agora os produtores teñen un primeiro pago anticipado ás 3 semanas. É tamén a cooperativa a que paga as visitas de control, as visitas técnicas de asesoramento, as visitas sanitarias e de desinfección para axilizar o sistema. Dispón asimesmo dunha caixa de seguridade, unha especie de seguro mutualista para apoiar a gandeiros en apuros. Non se habilita en casos de gripe aviaria ou sinistros protexidos por seguros convencionais e decide unha comisión formada por produtores. Lista de espera para entrar á cooperativa Desde hai 10 anos cada novo socio que entra na cooperativa ten que achegar unha carta de motivación que explique o seu proxecto para ver a coherencia e os compromisos adquiridos. “Os socios teñen que implicarse cos obxectivos da cooperativa”, defende Stéphane. Unha comisión valida as candidaturas. “Para 2023 xa está pechada esa lista e estamos a traballar xa na listaxe das persoas que solicitan unirse en 2024”, conta.
Constrúen entre 20 e 25 naves novas cada ano e limitan o acceso de novos socios buscando un crecemento sostido que garanta ingresos razoables aos produtores
Buscan un crecemento sostido que garanta ingresos aceptables aos produtores. “Neste momento estamos en situación de seguir construíndo naves de produción de maneira razoable”, asegura. Constrúen entre 20 e 25 naves novas cada ano. Cada novo socio incorpórase normalmente con 2 naves, cada unha de 400 m2 e con capacidade para 4.400 pitos/ano (animal presente). “Aínda que o aumento non é tanto en novos socios senón en socios actuais que constrúen unha nova nave ou na adaptación de edificios xa construídos, máis antigos e que non cumpren cos criterios de benestar animal actuais”, detalla. Alimentación A cooperativa céntrase na venda da produción e no asesoramento aos socios pero non fabrica o penso. “En Francia hai tamén moitas cooperativas que traballan co modelo de integración, na que o produtor non é nada, pero esa é unha perversión do modelo cooperativo”, defende Stéphane. Aínda que a cooperativa non fabrica directamente o penso, si que fixa os criterios de alimentación das granxas e escolle aos provedores. “O 100% de alimentos proceden dunha soa fábrica para que sexa cal for o produtor o pito teña o mesmo sabor e a mesma conformación. A receita e formulación é única e a elección da fábrica é unha escolla do Consello de Administración. Hai 30 anos había 5 fábricas baixo a mesma fórmula pero non había uniformidade”, aclara.
Hai 30 anos había 5 fábricas baixo a mesma fórmula pero non había uniformidade; hoxe escollemos un só fabricante de penso para todas as granxas
O fabricante de alimento non decide en nada a composición da receita, son enxeñeiros externos contratados pola cooperativa os que fan a formulación. Iso pásase á fábrica de penso, que elabora e factura ese traballo. É o fabricante o que compra todas as materias primas e entre eses provedores pode haber socios da cooperativa (en Bretaña é frecuente que os gandeiros sementen tamén cereal), aínda que non é obrigatorio, hai liberdade de comercio tanto para o socio como para a fábrica de pensos.
As tres materias primas principais son trigo, millo e soia e as dúas primeiras hainas no mercado local
A cooperativa non caeu na tentación de crear a súa propia fábrica de penso. “Fabricas de penso en Bretaña hai moitas con bo custo de prestación e co noso volume non é interesante fabricar. Son 40.000 toneladas de penso ao ano, é o 10% da capacidade de produción dunha fábrica actual de penso, con ese volume non podemos ser competitivos”, argumenta Stéphane.
O obxectivo non é controlar nós todo o proceso senón ofrecer ao produtor un sistema no que se sinta seguro
O mesmo co matadoiro. “Custa moito un matadoiro para ter pouca produción. Somos demasiado pequenos e demasiado especializados neste momento para ir sós, quizais iso poida cambiar dentro de 20 ou 30 anos, pero hoxe en día é o matadoiro o que corre co risco de negociación coa gran distribución. O obxectivo non é controlar nós todo o proceso senón ofrecer ao produtor un sistema no que se sinta seguro”, razoa.
Label Rouge é unha marca de calidade especificamente francesa para produtos delicatesen
A márcaa Polo de Janzé está dentro do selo Label Rouge, que achega valor ao produtor e ao matadoiro. “Temos que explicar as nosas diferenzas para vender a nosa imaxe e os nosos produtos investindo máis en comunicación”, considera. Organización do mercado A cooperativa comezou tamén a fabricar produtos elaborados, como por exemplo patés Para fixar o prezo ponse de acordo toda a cadea de forma transparente: desde a fábrica de penso, a cooperativa e o matadoiro. “É unha garantía para todos. O matadoiro coñece todos os elementos que constitúen o prezo, polo que a negociación non é complicada. O prezo de compra é o prezo da materia prima, máis a marxe de produción que acordamos co gandeiro, máis a marxe para o funcionamento da cooperativa, máis o prezo de transporte. Cada mes facemos ese tipo de traballo para fixar o prezo”, detalla.
Traballan con dous matadoiros, pero un deles é o máis importante, vende o 80% da produción da cooperativa, sobre todo aos supermercados
“A diferenza dos porcos, poñemos en produción o que nos piden os matadoiros, que son os que teñen realizado unha análise de necesidades. Anticipan esa demanda cunha perspectiva de mercado de 4 a 6 meses de antelación para que nós podamos adaptarnos a ela á hora de producir, xa que necesitamos 21 días para incubar os ovos máis 81 días de crianza”, explica. Esa adecuación ao mercado é un reto tanto para o matadoiro como para os produtores, pero se por unha circunstancia non hai demanda suficiente nun momento concreto o matadoiro sempre respecta os compromisos de compra e de prezos, aínda que el teña que vender despois ese pito sen o selo Label Rouge a menor prezo. O produtor recibe 1,8€ por pito O selo Label Rouge representa o 15% da produción avícola de Bretaña. A metade é Polo de Janzé e a outra metade Polo de Bretaña, outra marca de produtores da zona oeste similar en canto aos criterios de cría das aves. “Iso significa que o 85% das aves producidas son industriais”, evidencia Stéphane.
Polo de Janzé acapara o 5% da produción avícola francesa
“En Francia o sistema de segmentación do mercado é quizais demasiado complicado, moitísima diferenciación, con moitas categorías e o consumidor pérdese. Nos países do norte de Europa só hai 3 categorías: pito industrial e pito ecolóxico e no medio Freerange”, explica. O prezo final de venda non o decide nin o produtor nin o matadoiro, senón a distribución. O prezo ao consumidor sitúase en 8€ o pito enteiro baixo o selo Label Rouge; 6,5€ no caso do Freerange; e 3,5 o pito industrial. Dese montante, o produtor recibe 1,8€ en Label Rouge; 1,50€ en Freerange; e 1,10€ en pito industrial.
Debido á inflación non hai tantos consumidores que teñan o poder de compra suficiente para comprar Label Rouge
“A marxe que as cadeas de distribución fixan é moito maior nun pito Label Rouge que nun pito industrial, se a marxe fose a mesma o Label Rouge venderíano a 6,5€ e habería máis vendas coa mesma marxe para o produtor”, quéixase Stéphane. “A curto prazo poida que non haxa marxe de crecemento no mercado, porque coa inflación non hai tantos consumidores que teñan o poder de compra suficiente para comprar Label Rouge”, teme. E se hai menor demanda e atraso na saída de animais, iso tería un impacto sobre o baleiro sanitario entre lotes de produción e provocaría edificios baleiros, provocando unha afectación importante sobre a rendibilidade e o futuro das granxas. Diversificando razas e tipos de produción Galiñas de Guinea, coñecidas como pintadas en Francia Por iso a cooperativa puxo en marcha unha estratexia de diversificación da produción máis aló do polo campeiro, pero mantendo sempre o emblema da calidade. “Debido á inflación, a situación de mercado actual e os custos de materias primas non sabemos como van funcionar mañá os produtos baixo a marca Label Rouge. A cooperativa é consciente da dificultade de prever como vai evolucionar o consumidor e hai que ter capacidade de adaptarse a esa evolución e a esas demandas dos consumidores. Temos que anticiparnos aos desexos da sociedade para preparar o futuro con optimismo”, argumenta Stéphane.
O 8% dos produtores da cooperativa son ecolóxicos
“Os nosos edificios son capaces de producir pitos e pintadas Label Rouge pero tamén pitos de nivel intermedio entre industrial e Label Rouge (56 días no canto de 81), con selo Freerange, baixo estándar europeo”, detalla. As 170 granxas asociadas producen ao ano 4 millóns de pitos, 300.000 pintadas ou galiñas de Guinea, 50.000 capóns (tradicionais en Francia tamén en Nadal), 5.000 pavos tamén para Nadal e 1,5 millóns de polos Freerange para exportar unicamente (a Alemaña e Holanda principalmente).
O matadoiro non pertence á cooperativa e confíaselle o traballo de matar os pitos pero non queremos concederlle o monopolio da comercialización
Investiron tamén en crear unha empresa filial da cooperativa para facer o reparto da produción a nivel local (restaurantes, carnicerías, asadores) e empezar a comercializar produtos elaborados. “Esta estratexia serve para non concederlle ao matadoiro o monopolio da comercialización e tamén para valorizar e comunicar a marca”, defende Stéphane.

“Estamos convencidos de que podemos aportar futuro aos nosos fillos nas granxas”

Os polos son criados en liberdade a partir dos 42 días de vida Sophie Guillet é un dos 170 produtores que forman parte da cooperativa. A maioría están nun radio de acción de 30 km desde Janzé, xa que o feito de dispoñer de IXP limita a localización das granxas. Sophie empezou a produción de pito no ano 2000 xunto ao seu marido, Cristophe. “Tiñamos só vacas de leite e queriamos ter outra produción complementaria sen necesitar demasiada man de obra”, lembra. Fixérono tamén cunha perspectiva de futuro. Sophie e Cristophe teñen 3 fillos e aspiran a que continúen na granxa. “Investimos coa idea do relevo xeracional”, asegura.
Investimos e diversificamos pensando en nós, pero tamén cunha perspectiva de transmisión futura
En 2013 asociáronse con outra familia veciña e hoxe son 5 os socios que constitúen GAEC Des Ondes. Dispoñen en total na actualidade de 8 naves de produción na localidade de Thourie e ademais de Sophie, Cristophe, Christine, Marie e Eric, teñen unha persoa asalariada. Sophie e Cristophe seguen mantendo a produción de leite aínda que a maioría dos seus compañeiros de cooperativa fóronse especializando na produción avícola. “Ao principio eramos todos produtores de leite pero pouco a pouco imos indo a menos e a maioría dos 170 socios producen só pito hoxe en día”, conta Sophie. Complementar os ingresos Mentres lembra os motivos que os levaron a pensar en ter vacas e pitos, advirte do risco de depender dunha única produción. “Nos anos 80 e 90 démonos conta que era perigoso apostar só polo leite e pensamos nun enfoque de diversificación e en complementar os ingresos que tiñamos os agricultores para non depender exclusivamente dos ingresos da venda de leite. Esa experiencia iniciada para diversificar as producións agrícolas da zona deberíanos servir de exemplo e de advertencia para non apostar agora todo exclusivamente aos pitos”, di.
Démonos conta que era perigoso apostar só polo leite, había que diversificar os ingresos
Naquel momento, lembra, “había moitos agricultores que estaban como concelleiros nos concellos, algo que non pasa hoxe, e dábanse conta de que era importante diversificar para preparar o futuro. Foron eles os que dixeron temos que desenvolver unha produción de aves como seguro para os produtores. Por iso é importante que os agricultores se impliquen na vida local, para pensar en desenvolver o territorio e non exclusivamente en gañar eleccións”, argumenta. Benestar e medio ambiente A cooperativa aposta polas enerxías renovables nas granxas e nas súas instalacións e veículos O sinal distintivo do Polo de Janzé é a súa crianza ao aire libre. “Saen fóra todo o ano, mesmo no inverno, pero o pito é intelixente e cando vai frío queda dentro”, conta Sophie. Label Rouge utiliza a raza I657, que non é unha raza autóctona específica de Bretaña. “É unha raza rústica, que non crece demasiado rápido”, indica. Aínda que é o produtor o que compra directamente tanto os pitos pequenos como o penso, tanto as incubadoras como os fabricantes de alimentos son seleccionados pola cooperativa, que ademais de na estandarización das producións nos últimos anos está a facer moito fincapé tamén na calidade das instalacións.
Mellorar a imaxe das granxas serve tamén para mellorar a comercialización do produto
“Non podemos ser cribles para os consumidores se non damos unha imaxe positiva coas nosas granxas. A responsabilidade é conxunta, porque cun só produtor que teña unha mala imaxe impactaría en todos os demais, por iso temos a obriga de ser esixentes. Hai un equipo da cooperativa sobre o terreo que vela por iso”, defende Sophie. Cos beneficios da cooperativa empezaron un programa de apoio á mellora das granxas (seguridade, benestar animal, mellora enerxética, imaxe dos edificios para os visitantes e veciños, etc) para mellorar deste xeito tamén a imaxe do produto que venden.

EARL Beafour Holstein, unha granxa francesa 100% autosuficiente e que transforma o seu leite

Ángel Parafita, xunto a Thierry Singeot, esta primavera durante a súa estancia formativa nesta granxa bretona Ángel Parafita é un rapaz de Buxán, no concello de Val do Dubra, que este ano cursou o Ciclo Formativo de Grao Medio en Produción Agropecuaria no Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa de Coristanco. Como parte da súa formación, no mes de maio realizou unha estadía de aprendizaxe en Francia, ao igual que unha ducia de compañeiros alumnos e alumnas do centro, que os levou a granxas da Bretaña. Na que Ángel estivo é unha gandería familiar de produción de leite en ecolóxico que é capaz de producir todo o necesario para alimentar o seu gando e que transforma en xeados unha parte da súa produción de leite.
En 2005 tomaron a decisión de trasladarse desde a rexión de París a Bretaña para poder seguir adicándose á produción de leite
Á fronte desta granxa atópanse Thierry Singeot, a súa muller Carole Philippe e o seu fillo Mathieu, que ten 22 anos. Thierry encárgase da granxa coa axuda de Carole, que leva tamén a xestión contable, mentres que Mathieu é o responsable da produción de xeados, para o que teñen contratadas tamén a outras dúas persoas. De París á Bretaña A casa familiar, situada a carón da granxa, mantén a arquitectura tradicional e as cores bretonas: negro, azul e branco A historia de EARL Beafour Holstein é unha historia de adaptación e resiliencia. Foi creada no ano 1994 en Beafour, na comuna de Amillis, na rexión parisina, onde Carole estaba incorporada á explotación familiar xunto aos seus pais. “Tratábase dunha explotación cerealista e con poucas vacas, unhas 30”, conta Thierry, que deixou o seu traballo como asesor de alimentación na Compagnie Fermière du Rotschild, unha granxa punteira de Francia con 250 vacas e 1.600 hectáreas de terreo que transforma toda a súa produción en queixo brie (ademais de producir tamén outros produtos como viño ou mel), para poñer en marcha o seu propio proxecto xunto á súa muller.  
A figura das EARL é equivalente a unha SL en España
Thierry e Carole querían facer un cambio de rumbo na granxa familiar aumentando a cabana gandeira, pero a proximidade á capital francesa (situada a uns 80 km de distancia) non permitía obter terras para facelo posible. Por iso, ao morrer os pais de Carole tomaron a decisión de trasladarse a outra zona onde a presión urbana fose menor e onde existise unha maior tradición gandeira.
Eu quería ser gandeiro máis que agricultor e na zona onde estabamos non había tradición gandeira
Foi entón cando alugaron na Bretaña unha granxa que pechaba por falta de relevo e trasladáronse alí cos seus fillos e o seu gando. Hoxe contan con 90 cabezas en total, das que 60 son vacas en produción. A explotación está en Les Masses, na pequena localidade de Eance, situada no límite entre os departamentos de Ille et Vilaine e Mayenne, a uns 60 km de Rennes, onde mercaron as instalacións da granxa e alugaron as terras. É un aluguer a longo prazo, por 18 anos e pagan entre 140 e 150€ por hectárea ao ano. Vacas en pastoreo muxidas en robot O robot conta cunha porta selectora que permite a saída das vacas ao prado ou as devolve ao establo en función da media de muxiduras de cada animal A gandería conta neste momento con 60 vacas en produción, que moxen en robot, e outras 30 son vacas secas e recría, que están sempre fóra. As vacas en produción tamén saen a pacer, mediante un sistema de porta selectora que as deixa saír ao pasto ou as devolve ao establo en función das veces que pasaran polo robot a muxirse.
Fan pastoreo con rotación mensual e unha carga gandeira de 50 vacas durante 3 días nunha superficie de 1,7 hectáreas por parcela
“Só durante os meses de decembro, xaneiro e febreiro temos as vacas dentro do establo, o resto do ano saen todos os días mañá e tarde”, conta Thierry. Empregan un sistema de pastoreo rotacional con rotación mensual. “Temos 10 parcelas e mantemos o gando 3 días pacendo en cada unha. A media das parcelas é de 1,7 hectáreas e a carga gandeira é de 50 animais durante 3 días”, detalla.
Están a introducir a raza jersei para aumentar a porcentaxe de materia graxa do leite
A maior parte do gando é de raza frisona, aínda que están a introducir tamén vacas jersei para incrementar os niveis de graxa do leite. “Queremos aumentar a calidade do leite en canto á materia graxa, tanto para facer os xeados como para a venda á empresa que nos recolle o leite que non transformamos”, explica Thierry.
En Francia o prezo do leite ecolóxico en orixe estase a pagar neste momento mesmo por debaixo do convencional
Están a cobrar o leite neste momento a 45 céntimos, un prezo que se sitúa mesmo por debaixo do que se está a pagar en Francia o leite que non é ecolóxico. Por iso, hai un ano tomaron a decisión de transformar o seu leite en forma de xeados para revalorizalo. Dependendo das distintas receitas, os que eles elaboran conteñen entre un 60 e un 65% de leite polo que a calidade da materia prima é fundamental. Produción propia de cereais e leguminosas Dúas das mesturas de cereais e leguminosas que sementan como cultivo de inverno A base da alimentación do gando é a herba, tanto en verde nos meses da primavera e o outono, como seca e ensilada no inverno. Na primavera, por exemplo, a forraxe é 100% herba, suplementada só con 2 quilos de cereal machacado que colleitan eles mesmos.
Dispoñen en total de 95 hectáreas de terreo que producen en ecolóxico e coas que conseguen ser autosuficientes na alimentación do gando
“Facemos dúas mesturas como cultivo de inverno, unha de chícharo e cebada e outra de faba, avena e unha variedade de trigo autóctono que é moi bo para o rumen e aporta materia graxa ao leite”, indica.
Thierry é enxeñeiro técnico agrícola con especialización en nutrición animal
“Somos unha explotación autónoma e 100% autosuficiente na alimentación do gando”, destaca. Nas 95 ha de superficie das que dispoñen, 74 están a pradeira, 6 a millo e 16 a cereal, contando as 9 que sementan na zona de Bretaña onde agora teñen a granxa e outras 7 hectáreas da zona parisina, procedentes da granxa orixinaria dos pais de Carole, onde seguen a producir cereais, concretamente trigo, que non empregan para o gando, senón que venden. Recría no prado con vacas nodrizas Para a recría, que fan no prado, empregan vacas nodrizas. Son 5 ou 6 vacas que serven para aleitar as xatas mentras estas non son destetadas, en torno aos 7 meses de idade. “É un xeito de aforrar cartos e tamén traballo”, asegura. Para determinar o número de vacas necesarias establecen un mínimo dunha nodriza por cada tres tenreiras aleitantes. As vacas non son sempre as mesmas, senón que van variando en función de distintas circunstancias: adaptación ao robot, nivel de produción, etc.
Forman parte dunha CUMA de aluguer de maquinaria sen condutor
Unha vez destetadas, a base da alimentación da recría é o pasto e a herba seca e ensilada, ao igual que para o resto da cabana gandeira. Renovan as pradeiras cada 8 anos cunha mestura de 3 tipos de trevo, 2 tipos de raigrás e festuca e abonan só con purín e esterco. Reservan unhas 30 hectáreas, as máis alonxadas do establo, para produción de forraxe, nas que fan 2 cortes para silo e 1 para herba seca. O traballo agrario fano eles mesmos, ben con maquinaria propia, ben con equipos alugados. “Formamos parte dunha CUMA, pero é unha CUMA sen chófer, só de material”, aclara Thierry.

Valorización do leite coa elaboración de xeados

A produción de leite está disociada da fabricación e venda dos xeados, comercializados baixo a marca La Mémère. “Son dúas empresas distintas, por unha parte está a granxa e a produción de leite e por outro lado está a súa transformación. Na parte dos xeados contamos cun socio que se encarga da venda, mentras que nós nos centramos na elaboración”, explica Thierry. Contan cunha rede de comercialización que suma 2.500 puntos de venda en toda Francia, sobre todo en centros comerciais e grandes superficies, que é o modelo de distribución dominante en Francia.
Dispoñen de 2.500 puntos de venda en toda Francia
Tamén dan saída a unha parte da produción de xeados mediante a venda directa na propia granxa todos os venres pola tarde, un sistema moi habitual en Francia e que permite ao cliente visitar a granxa e valorar máis o produto, aínda que en termos de volumen de vendas só represente o 2% do total, recoñece.       Venda de leite á industria Instalacións da xeadería, construída con contedores modulares e na que investiron 250.000 euros Neste momento a produción dos seus propios xeados absorbe, dependendo da época do ano, entre o 15 e o 20% da produción diaria da explotación, mentres que o resto do leite é vendido á industria. “Producimos en total ao ano uns 360.000 litros de leite e para os xeados van uns 50.000 litros”, explica Thierry. Para iso, dispoñen de dous tanques de leite, un para comercializar, que lles recolle a empresa Biolait, e outro para a elaboración de xeados, que fan nun obrador na propia granxa.
Na fabricación dos xeados traballan dúas persoas contratadas, ademais de Mathieu
É unha construción modular feita en contedores de transporte de mercadorías. “A montaxe é máis rápida e o custo é menor”, asegura Thierry. Supúxolles un investimento duns 250.000 euros, que financiaron grazas a un leasing a 5 anos que inclúe tanto a maquinaria coma os contedores nos que está instalada.

“Aquí un de cada dous agricultores formamos parte dunha CUMA”

Traballos de ensilado de herba o pasado mes de maio por parte da maquinaria da CUMA Les Landes Fourragères As Cooperativas de Utilización de Maquinaria Agrícola en común (CUMA) proliferaron na Bretaña francesa a partir da década dos 60 e hoxe son un dos piares fundamentais do traballo agrario na rexión.   Só no departamento de Ille et Vilaine, un dos catro que forman a rexión de Bretaña, hai unhas 200 CUMAs. “Aquí o 50% dos agricultores, un de cada dous, formamos parte dunha CUMA”, destacan desde a Federación provincial de CUMAs.
Existe colaboración entre as CUMAS e todas forman parte dunha Federación que as asesora e lles presta servizos comúns
En total, na Bretaña hai unhas 600 CUMAs. Cada unha é autónoma pero hai colaboración entre elas. Existe unha federación a nivel provincial que as aglutina, outra a nivel rexional, e outra a nivel nacional de toda Francia, onde o número total de CUMAs é de 11.500, formadas por uns 200.000 socios. Asesoramento conxunto Persoal da Federación de CUMAs nas instalacións de Les Landes Fourragères en Martigné-Feuchaud Francia conta con seis federacións rexionais de CUMAs (que non se corresponden coas 13 rexións administrativas coas que conta o país) e á súa vez a federación rexional de Bretaña está dividida en tres federacións de CUMAs, xa que os departamentos de Ille et Vilaine e o de Côtes d'Armor constitúen unha única federación. Esa estrutura a distintos niveis é a que permite ás CUMAs contar con servizos especializados para a súa xestión que non poderían ter a nivel individual. Este asesoramento sérvelles na súa toma de decisións, por exemplo, na compra de equipos, ao contar con especialistas independentes con alto coñecemento e competencia técnica que valoran as ofertas presentadas polas empresas de maquinaria.
Contan con especialistas en compra de maquinaria e en xestión económica
Tamén dispoñen de especialistas en materia contable e fiscal para axudarlles na confección de nóminas, na realización dos balances anuais, na presentación de resultados, á hora de realizar investimentos ou de financiar as adquisicións, e con animadores encargados de dinamizar as CUMAs e de mellorar a interrelación entre elas. O 50% das granxas pertencen a unha CUMA Instalacións da CUMA Les Landes Fourragères, no departamento de Ille et Vilaine (Bretaña) As CUMAs xogaron un papel fundamental no desenvolvemento da agricultura na zona, permitindo a mecanización dos traballos agrícolas e descargando ás explotacións de fortes investimentos en maquinaria.
En Bretaña tamén existen empresas privadas de servizos agrarios, pero o peso dos traballos recae nas CUMAs
Cunha superficie agraria útil que triplica a galega, a necesidade de contratar traballos de sementeira e recollida de forraxes e cereais increméntase. “As empresas de servizo son competencia, pero as CUMAs foron creadas para ter custos máis baixos”, destacan.   A diferenza do que ocorre en Galicia, onde a experiencia das CUMAs non foi de todo satisfactoria, en Bretaña, onde hai unhas 600 CUMAs, son as que levan o peso dos traballos agrarios e as que se encargan de cubrir as necesidades da maioría das explotacións.
En Bretaña hai 600 CUMAs, mentres en Galicia existen unicamente unhas 50
En España hai arredor dunhas 200 CUMAs, unha figura que está implantada en Galicia, Euskadi e Navarra, comunidades que teñen desenvolvido normas de cobertura legal e de apoio público a estas entidades asociativas. En concreto, Galicia conta con medio cento de CUMAs, que conviven con empresas de servizos e con cooperativas que teñen parques de maquinaria, como é o caso de Aira e Clun (Os Irmandiños).

CUMA Les Landes Fourragères: gañar en tamaño e profesionalidade para prestar un mellor servizo

Guénaël Hamelin, diante dunha das colleitadoras da CUMA A CUMA Les Landes Fourragères, ubicada na localidade de Martigné-Ferchaud, é a quinta máis importante do departamento de Ille et Vilaine. Está formada por uns 100 socios, dos que 60 empregan habitualmente a maquinaria, ben contratando o servizo ou ben alugando simplemente o material. Dispoñen de practicamente todo o que pode necesitar unha gandería ou un agricultor que labre cereal, e mesmo algún tipo de maquinaria de carácter forestal. Nos seus garaxes gardan 2 colleitadoras autopropulsadas, 7 tractores, 3 segadoras, 2 enroladoras, encintadora, 5 cubas de purín con distintas capacidades (desde 16.000 a 25.000 litros), sementadora combinada de 4,5 metros, sementadora Horsch, binadora, grade de dentes, grade rotativa, trituradora, etc.
A CUMA está dirixida por un Consello de Administración formado por 15 dos 100 socios
 “Hoxe en día é un alivio para os agricultores porque alguén que non desexa investir moitos cartos en maquinaria pode dirixirse á CUMA e, ben os traballadores van á súa casa e fan o traballo, ou ben se quere alugar o material e está dispoñible, pode facelo”, explica o presidente da CUMA, Guénaël Hamelin, que ten unha explotación leiteira con 150 vacas en produción en Retiers. Máis dun millón de euros de facturación A cifra de negocio no ano 2021 foi de 1,2 millóns de euros. Os principais ingresos proveñen de botar purín, do ensilado de millo e do aluguer dos distintos equipos. A CUMA actual é o resultado da fusión no ano 2020 de tres CUMAs: La Fourragère, creada en 1960; Les Landes, creada en 1965; e Intercuma des Forges, creada en 1992.  
Nos últimos anos, as CUMAs foron gañando tamaño, en moitos casos mediante a fusión entre elas
Actualmente a súa área de traballo esténdese a uns 40 kilómetros á redonda e dispoñen de dúas sedes, en Martigné-Ferchaud e en Coësmes, para reducir os desprazamentos. Traballan unha superficie dunhas 6.000 hectáreas ao ano, das que unhas 3.000 son de cereal, entre trigo, cebada, centeo e distintas mesturas; 1.000 de millo; e entre 1.200 e 1.400 hectáreas de herba. Organización do traballo Taller de reparacións, onde realizan o mantemento aos distintos equipos A CUMA conta con 10 empregados entre condutores, técnicos e mecánicos. Frédéric é quen se encarga de organizar o traballo segundo un planning semanal no que teñen en conta as solicitudes dos socios, que teñen dispoñible tamén un calendario para a reserva do material en aluguer.
Dispoñen de dúas modalidades: contratar o servizo ou alugar a maquinaria sen chófer
Entre os socios os produtores de leite son maioría, pero tamén os hai de porcino, gandeiros de ovino, con vacas de carne e tamén agricultores que só cultivan as súas terras pero que non teñen explotación gandeira. “Hai moitos gandeiros que deixaron de producir leite porque dá moito traballo e cultivan as terras”, explica Guénaël. Maquinaria específica para agricultura ecolóxica Tractor realizando un pase coa binadora para arrincar as malas herbas nun cultivo de cereal ecolóxico Nos seus 60 anos de vida as CUMAs foron adaptándose á evolución da agricultura na rexión, igual que o fixo Les Landes Fourragères a medida que algúns dos seus socios foron facendo a conversión de convencional a produción ecolóxica e hoxe conta con maquinaria específica, como binadoras para eliminar as malas herbas en cultivos como o millo. “Na CUMA temos sete agricultores bio que fan agricultura ecolóxica e temos tamén agricultura convencional extensiva onde os agricultores fan venda directa da carne, de porco ou de bovinos, cunha alimentación a base de herba. E temos tamén os agricultores convencionais, intensivos, que cultivan millo, herba, trigo, colza, fabas, diferentes tipos de plantas que nos permiten alimentar o gando”, explica Guénaël.
Ao ter material para producir en ecolóxico, algúns agricultores convencionais empregan primeiro a binadora mecánica para as malas herbas no millo e así só utilizan un pase de herbicida químico en vez de dous
Respecto ao feito de contar cunha sección de maquinaria para agricultura ecolóxica, asegura que “é interesante ter dentro da CUMA este grupo de agricultores ecolóxicos, porque iso permite adquirir o material específico para a produción en ecolóxico e despois debater e reflexionar con eles e que os agricultores convencionais poidan empregar tamén este material e iso permite que poidan reflexionar. Algúns din eu podo converterme tamén a ecolóxico ou mantéñome en convencional pero emprego o material e en vez de facer dous pases con químicos, só fago un, e utilizo antes o pase mecánico”, conta. Aproveitar as podas das sebes para biomasa Labores de poda de árbores e sebes lindeiras nunha finca de millo Os agricultores e gandeiros bretóns levan anos tratando de recuperar as sebes nos lindeiros das parcelas. Estes peches vexetais, que axudan a manter a biodiversidade de flora e fauna, é unha das medidas que fomenta a nova PAC para o período 2023-2027, tanto na condicionalidade reforzada como nos ecoesquemas.  Pero ademais da función ambiental, estes peches teñen un retorno económico para as explotacións, debido ao auxe da biomasa como fonte de enerxía alternativa aos combustibles fósiles. A CUMA Les Landes Fourragères está a construír un edificio no que almacenar e secar estes restos de podas que recollen os seus socios para vendelos despois ás redes públicas de auga quente comunitaria que comezan a proliferar na rexión.
A mancomunidade local, que engloba a 16 municipios, está a impulsar redes comunitarias alimentadas con caldeiras de biomasa coas que quentar edificios públicos
“Temos un proxecto coa Mancomunidade do Pays de la Roche aux Fees. A mancomunidade puxo en marcha catro redes de calor que permiten quentar os edificios públicos. Por exemplo, en Janzé a piscina; en Retiers hai un kilómetro de redes de calor para quentar as escolas, o instituto, a residencia de anciáns e o pavillón e o ximnasio municipais; en Martigné tamén as escolas e o edificio administrativo municipal; e en Coësmes igual. En xeral, a idea é empregar a madeira de restos de cortas para producir auga quente que permita quentar eses edificios”, explican. Diversificación dos ingresos Trituración de restos de cortas forestais por parte de maquinaria da CUMA Esa biomasa provén nun 50% das sebes dos agricultores da contorna e noutro 50% doutras fontes. En conxunto representa 600 toneladas anuais de estelas que a CUMA Les Landes Fourragères se compromete a subministrar para alimentar esa rede de calor. “Nós temos trituradoras forestais e o obxectivo da CUMA é que cando un agricultor poda as sebes dunha parcela, dentro dun programa de xestión das sebes, vai a trituradora, colle a madeira e fai pequenos anacos de 5 centímetros, méteos no remolque e lévaos para o secadoiro que estamos a construír”, indica Guénaël, que está á fronte dun Consello de Administración formado por 15 membros.
A CUMA comprométese a subministrar 600 toneladas anuais de estelas cun tempo de secado de entre 6 e 7 meses
Na nave contan con cinco depósitos de secado e almacenamento alimentados con paneis solares. “A intención é secar a madeira durante 6 ou 7 meses para poder subministrala semanalmente, ao longo do inverno, de outubro a marzo, ás catro caldeiras da mancomunidade”, detalla. A construción do edificio para o secado da biomasa conta cun orzamento total duns 500.000 euros, incluídos os paneis solares. “Temos axudas da rexión, vía o ADM, que é o organismo que se ocupa da enerxía a nivel rexional en Bretaña, e tamén imos empregar fondos da mancomunidade e fondos europeos Leader. Queremos que o edificio estea xa listo en outubro ou novembro para poder utilizalo”, avanzan.

GAEC Des Sentiers, unha gandería bretona cun custo de alimentación de 11 céntimos por litro de leite

De esquerda a dereita: Laurent, Michel, Sara e Serge, na nave de vacas en produción da gandería En zonas como a Bretaña francesa as explotacións leiteiras están a desandar o camiño andado en décadas anteriores, o da intensificación produtiva, o mesmo que seguen aínda hoxe a maioría das ganderías de leite galegas.  GAEC Des Sentiers dá tres veces menos penso que a media habitual en Galicia e logra con isto que o custo de alimentación por litro de leite sexa de só 11 céntimos, a metade que en moitas granxas galegas. "Hai que diversificar para gañar máis", din.  Ubicada en La Charpenterie, na comuna de Coësmes, pertencente ao departamento francés de Ille et Vilaine, un dos catro que forman a rexión da Bretaña, o Grupo de Agricultores en Común (GAEC) Des Sentiers está formado por tres familias que decidiron asociarse e xuntar o seu gando.
A figura dos GAEC, baixo a que operan unha de cada tres explotacións bretonas, sería o equivalente ás SATs galegas
Os tres socios actuais, Laurent Cherruault, Serge Tramhel e Michel Gadby,  tomaron o relevo dos seus pais nas súas respectivas ganderías familiares no ano 1989, 1994 e 1997 e no 2006 decidiron xuntarse nun GAEC de segunda xeración en busca de maior eficiencia produtiva e calidade de vida. Atenden a granxa os tres, sen man de obra contratada, e libran unha fin de semana cada tres cunha semana de vacacións ao ano. Asegurar o relevo xeracional Unha das súas principais preocupacións de cara ao futuro é asegurar o relevo xeracional na explotación a medida que eles tres se achegan á idade de xubilación (Michel ten 58 anos, Laurent 55 e Serge 52).  “Estamos nun período de reflexión sobre o futuro da explotación. Nun prazo dun ano ou dous como moito teremos que tomar unha decisión: ou ben optar pola robotización ou por un cambio nas dinámicas de traballo”, asegura Serge.
En Bretaña a día de hoxe por cada tres xubilacións da actividade agraria tan só se produce unha nova incorporación
El ten un fillo de 24 anos que traballa nunha empresa de servizos e que estudou na Maison Familiale Rurale (MFR), unha entidade asociativa de carácter formativo no eido agrario que opera en toda Bretaña con 30 centros educativos. Podería ser quen se fixese cargo da explotación de cara ao futuro pero cunha configuración distinta da actual. “En Bretaña neste momento hai 3 xubilacións por cada incorporación á actividade agraria. O sector evolucionará cara a granxas más grandes robotizadas ou atendidas por persoal asalariado”, considera Serge. 130 vacas en produción e 205 hectáreas de superficie Sementan 50 hectáreas de millo para alimentación do gando e 70 de trigo para vender A explotación conta neste momento con 230 cabezas totais, das que 150 son vacas adultas (130 en produción) e o resto xovencas e becerras de recría. Para alimentalas contan con 205 hectáreas de superficie, nas que cultivan millo (50 ha), trigo (70 ha), colza (26 ha), cebada (8 ha) e trevo violeta (4 ha) e o resto, unhas 40 hectáreas, mantéñenas a pradeira cunha mestura de raigrás inglés e trevo branco.
Polo seu tamaño en canto a número de cabezas e superficie podería considerarse unha explotación media estándar a día de hoxe en Bretaña
As vacas secas e a recría saen a fóra e para as vacas en produción fanlles carro mesturador con silo de millo, grao húmido, colza e soia. Ao longo do día séganlles tamén herba verde nas praderias para botarlles no pasillo de alimentación durante tres meses en primavera e 2 meses no outono (de marzo a xuño e de finais de setembro a decembro). “A calidade do leite mellora notablemente, os perfís de ácidos graxos son diferentes, varían coa herba fresca, e para o sistema metabólico do animal a herba verde tamén é fantástica”, explican. O resto do ano suplen a herba verde con silo de herba na ración unifeed. Cruces de frisona con normanda Empregan seme sexado e poñen un 30% de cruces cárnicos con azul belga para rendibilizar os xatos Para mellorar a calidade do leite, pero sobre todo a fecundidade, fan cruzamentos F1 de frisona con normanda. “Deste xeito as taxas de reprodución son mellores”, asegura Michel, que é quen se encarga da inseminación. Utilizan seme sexado nas primeirizas e poñen un 30% de cruces cárnicos con azul belga para incrementar os ingresos pola venda de becerros.
A lonxevidade media por vaca é de 2,8 lactacións
A organización do traballo fai que entren en distintos horarios en función dos turnos da sala de muxido. O responsable do muxido é Laurent e os horarios están fixados para as 5 da mañá e as 5 da tarde. No día a día o primeiro sempre é muxir e atender a recría, e despois a alimentación do gando e os traballos agrarios en función do momento da campaña. Forman parte dunha CUMA, pero o 80% dos traballos fanos eles mesmos con maquinaria propia, agás a recollida de forraxe e botar o purín, para o que botan man dos servizos do grupo de maquinaria compartida. Cobran o leite a 42 céntimos Recrían as xatas na propia granxa, alimentadas a base de cereais nas fases iniciais e con pasto unha vez preñadas  A produción total da granxa sitúase en 1 millón de litros de leite ao ano, que facturan a través da cooperativa Agrial, a gran cooperativa da Bretaña, formada por uns 14.000 socios. Sen embargo, o destino final do leite é a planta de ingredientes lácteos que a multinacional francesa Lactalis ten en Retiers, situada a uns 4 km da granxa, e na que se procesan 1,2 millóns de litros de leite ao día.
Teñen un contrato que os vincula coa cooperativa Agrial e que se renova cada 5 anos, pero o leite vai para a maior planta que Lactalis ten en Europa, situada a 4 km da granxa
O prezo ao que cobran o leite actualmente está fixado en 40,5 céntimos de prezo base cun 3,8% de graxa e un 3,2% de proteína, que coas primas por calidades, benestar e medio ambiente resulta en 42 céntimos de prezo final. Desde a desaparición das cotas lácteas no ano 2015 teñen asinado un contrato que os compromete coa cooperativa e que se renova cada 5 anos. Nel fíxase a produción e os prezos, negociados a nivel global, pero que flutúan en función da evolución do mercado. Produción diferenciada e diversificación Forman parte dunha CUMA pero o 80% dos traballos agrarios fanos eles mesmos A cooperativa Agrial demanda aos seus membros unha produción diferenciada e GAEC Des Sentiers está comprometida con lograr leite con omega3 e omega6, por iso comezaron de novo a dar herba verde ás vacas. “O perfil de ácidos graxos naturais do leite varía”, explican.
Somos conscientes de que non temos dereito a producir cousas que o mercado non demanda
“Somos conscientes de que non temos dereito a producir cousas que o mercado non demanda e nós tratamos de adaptarnos permanentemente ás demandas do consumidor”, di Serge, aínda que matiza a continuación que “é necesario buscar un punto de equilibrio entre esas demandas da industria e da sociedade e a rendibilidade económica da granxa”. Unha das estratexias que Serge, Laurent e Michel seguen para aumentar a rendibilidade da explotación, ademais de reducir os custos de alimentación do gando, é a de diversificar os ingresos. Nas súas 205 hectáreas de superficie sementan cereais e forraxes para alimentar o seu gando, pero tamén para poder vender os excedentes de materias primas ao mercado en función da cotización semanal nas lonxas de Rouen, Dunkerke, La Pallice ou Burdeos. No seu caso, venden sobre todo trigo.
Os altos prezos de venda dos cereais compensan o estancamento do prezo de venda do leite
O prezo neste momento é alto, tanto que moitas ganderías desta zona da Bretaña, que linda xa con Normandía, están a sacrificar a produción de leite en favor da de cereais como o trigo, o millo ou a cebada e de oleaxinosas como a colza. “Este foi un ano con moita seca na primavera”, explica Serge. Na Bretaña o regadío non é tan habitual coma noutras zonas. Eles contan tan só cunhas 20 hectáreas adicadas a millo. 28 litros por vaca e día con 3,5 quilos de penso Moxen ás 5 da mañá e ás 5 da tarde nunha sala de 16 puntos En GAEC Des Sentiers non miran tanto os litros por cabeza como a marxe por litro de leite. A produción anual por vaca sitúase en 9.000 litros, cunha media de entre 27 e 28 litros diarios. Para lograr esa produción, tan só empregan 3,5 quilos de concentrado na ración e un quilo máis que dan como suplemento tan só ás vacas máis produtoras. “É o único que mercamos, o resto producímolo todo nós e logramos con iso un custo de alimentación de tan só 11 céntimos en litro”, detallan.
Hai 10 anos estabamos nunha dinámica moito máis intensiva, pero a suba do prezo do penso fíxonos reflexionar
“Poderiamos aumentar a media de produción por animal por riba dos 9.000 litros a base de dar máis penso, pero non é rendible. Fai 10 anos estabamos nunha dinámica distinta, moito máis intensiva, con máis produción pero a base de dar máis concentrado, porque era máis barato, pero a suba do seu prezo fíxonos reflexionar”, asegura Serge.   Presión social en aumento As vacas secas próximas ao parto están en cama quente de palla e as de produción en cubículo de colchoneta Ademais do aumento do prezo do penso, a reconversión da granxa nos últimos anos cara a un modelo menos intensivo está tamén motivada, recoñecen, "pola crecente presión por parte da cidadanía, con maior conciencia ecolóxica e de defensa do benestar animal".
Os agricultores e gandeiros temos que escoitar ao consumidor e despois buscar un equilibrio entre as súas demandas e a rendibilidade da granxa
“Existe presión social sobre as producións agrarias. A poboación, sobre todo dos ámbitos urbanos, busca granxas máis sostibles e nós, os agricultores e gandeiros, temos que escoitar ao consumidor”, di Serge. Buscar o equilibrio entre sustentabilidade e rendibilidade Un letreiro á entrada da granxa anuncia tamén que a explotación forma parte do programa estatal para a redución da pegada de carbono da gandería francesa e a mellora do benestar animal é outro dos eixes do seu traballo diario.
Como a maioría dos establos en Bretaña, a estrutura da nave está construída en madeira e GAEC Des Sentiers forma parte do programa estatal francés para a redución da pegada de carbono na gandería
A última reforma das instalacións tivo lugar no ano 2007 e as camas das vacas en produción son de colchoneta con carbonato e sal como secante. As vacas secas e a recría están en cama quente de palla, pero nos cubículos de lactación decidiron deixar de usar palla para lograr un purín máis homoxéneo que facilite a distribución. “A aplicación de puríns mediante prato ou abanico está prohibida e tan só poden empregarse sistemas de inxectores ou tubos colgantes”, detallan. Limitacións ao nitróxeno Fosa de purín da explotación. En Bretaña a maioría son redondas “Aquí toda granxa ten que ter un plan de distribución de puríns e estercos, está regulamentado a nivel do departamento porque aínda que a norma nacional é a mesma, a aplicación rexional e departamental ten diferenzas e particularidades”, explica Serge.  Un dos condicionantes que as ganderías francesas teñen para incrementar a súa produción de leite é a normativa que limita a utilización de nitróxeno, tanto de orixe química como orgánica, nas terras de cultivo e pradeiras. En aplicación da Directiva europea de Nitratos de 1991 e dos distintos programas rexionais aprobados desde entón, os gandeiros bretóns non poden empregar, de media, máis de 170 kg de nitróxeno de orixe animal por hectárea, con 220 kg como límite máximo para o conxunto da explotación tendo en conta as emendas químicas.
Poden utilizarse 220 unidades totais de nitróxeno por hectárea, das que como máximo 170 poderán ser de orixe orgánico e 50 de orixe químico
É obrigatorio ademais, levar un rexistro actualizado dentro do caderno de fertilización e as ganderías deben efectuar unha declaración anual do número de animais, e polo tanto das unidades de nitróxeno orgánico xeradas, así como das compras de fertilizante químico.

“Aquí preocúpanse máis por ser sustentables, non lles importa tanto producir, como pasa en Galicia”

Un letreiro á entrada da granxa informa do programa francés de redución da pegada de carbono Sara González é unha moza de Curtis que está a estudar na EFA Fonteboa e vén de pasar unha estancia formativa de tres semanas nesta granxa bretona. Da súa experiencia destaca que “as ganderías en Bretaña preocúpanse máis pola sustentabilidade ca nós e non están tan centradas na produción de leite como o estamos en Galicia”.   Sara ten vacas na casa, unhas 40 de leite entre frisonas e cruce con azul belga, e outras 15 de carne, de raza limusín. A explotación, que está a nome do seu avó Emilio, está na aldea da Cabana, na parroquia de Fisteus, e emprega un sistema de manexo en pastoreo para a alimentación e moxe aínda en circuito. 
Os meus pais decidiron no seu día non seguir coa granxa pero quero collela eu dentro de dous anos
Sara ten pensado tomar o relevo en canto acabe de estudar. “Os meus pais decidiron no seu día non seguir coa granxa pero quero collela eu dentro de dous anos, cando acabe de estudar e colla algo de experiencia”, di.  Ten pensado construír novas instalacións e modernizar o muxido instalando un robot pero quere valorar antes as distintas opcións e estancias como a que a levou a Francia sérvenlle “para ver outras realidades”. “Coñecer outras explotacións permíteche decidirte polo modelo de granxa que mellor se adapta ás condicións de produción que tes”, afirma. Programas de intercambio GAEC Des Sentiers participa todos os anos nun programa de recepción de estudantes estranxeiros impulsado pola MFR de Janzé ao amparo dos programas europeos Erasmus+. Serge era a primeira vez que recibía na súa granxa a un estudante procedente de Galicia e salienta o alto nivel mostrado por Sara. Pon en valor a importancia que as Maisons Familiales teñen na Bretaña, como centros de formación de referencia cunha vinculación clara co territorio. Funcionan como entidades asociativas nas que participan os propios gandeiros e agricultores da zona, que fan unha labor de acompañamento dos mozos e mozas na súa formación.
Ademais de gandeiro, Serge Tramhel é o responsable do sindicato de agricultores da zona e o presidente da MFR de Janzé
Serge é unha persoa moi activa na defensa do mundo rural e é tamén o responsable do sindicato de agricultores da zona. Historicamente, os produtores bretóns involucráronse colectivamente na defensa dos seus intereses e na posta en marcha de proxectos que redunden no desenvolvemento do territorio. “Somos capaces de participar na vida política e de aportar a nosa visión do modelo a construír para o mañá. A agricultura é unha das actividades máis relevantes en Bretaña e aínda o será máis no futuro. Vistos os acontecementos actuais a raíz da pandemia e da guerra en Ucraína demostrouse unha actividade esencial para a nosa independencia alimentaria”, argumenta.

Galicia e Bretaña: semellanzas e diferenzas de dúas potencias en produción de leite

Vista dunha paisaxe agraria no departamento de Ille et Vilaine, no entorno de Rennes, capital da Bretaña, onde a produción de leite comparte protagonismo cos cereais, as maceiras e as granxas de polos e porcos Ubicadas no finis terrae atlántico, Galicia e Bretaña comparten unha vocación agraria que ten na produción de leite o seu máximo expoñente, pero diferéncianse na maneira de encarar o futuro, na ordenación do territorio e na diversificación de cultivos. Bretaña conta con 25.000 explotacións agrogandeiras, das que unhas 10.000 son explotacións leiteiras. Sen embargo, boa parte delas contan con diversificación produtiva, combinando a produción de leite coa de cereais ou coa avicultura.
En Bretaña non hai piñeiros e eucaliptos, senón trigo, cebada ou colza
De media, cada explotación conta con 51 hectáreas (o dobre que en Galicia) e 1,8 UTAs. O número de explotacións está a reducirse nos últimos anos a un ritmo de dúas explotacións ao día, cun descenso total dun 16% na última década.
Cada día pechan de media dúas explotacións en Bretaña
O 72% dos agricultores forman parte dunha sociedade fronte ao 28% dos xefes de explotacións individuais. As principais figuras de agrupación colectiva son os GAEC, equivalentes ás SATs galegas, e as EARL, semellantes ás SL.
En toda Bretaña tan só hai 34 explotacións con máis de 250 vacas en produción
O 82% das explotacións teñen menos de 100 vacas en produción e outro 13% moxen entre 100 e 150 vacas. A media do conxunto de Bretaña sitúase en 75 vacas por gandería. Non hai grandes explotacións, a meirande parte son ganderías de tamaño medio, pero a gran diferenza con Galicia está na cantidade de terra da que dispoñen, pois unha explotación de 120 vacas en produción pode contar con máis de 150 hectáreas de pradeiras e cultivos, algo impensable en Galicia. Tres veces máis SAU Galicia e Bretaña miden case o mesmo pero a vocación produtiva é moi diferente: Galicia aposta por aproveitar o territorio para a produción de madeira (piñeiro e eucalipto fundamentalmente) mentres Bretaña aposta pola produción agrogandeira. A rexión da Bretaña ocupa unha superficie total de 2.754 quilómetros cadrados, unha cifra similar aos 2.957 que ten Galicia. Sen embargo, a superficie adicada a agricultura nun e noutro caso é moi diferente.
Bretaña conta con perto de 1,7 millóns de hectáreas de SAU, que representan o 64% do territorio, mentras outro 20% sería solo forestal
Mentres en Bretaña o 64% da superficie total (1,6 millóns de ha) é superficie agrícola e só o 20% superficie forestal (14% monte produtivo, 390.000 ha), as porcentaxes en Galicia invírtense: a SAU galega ocupa tan só 600.000 hectáreas, o 20% da superficie total da comunidade, mentres o 70% do territorio (máis de 2 millóns de hectáreas) son monte, incluídas 600.000 hectáreas de mato e monte improdutivo.    Menos leite e máis cereais O sector leiteiro segue a ser o motor da economía agraria tanto en Galicia como en Bretaña, pero mentres Galicia segue a incrementar a produción de leite, Bretaña está a reducila. Galicia produciu en 2021 case 3 millóns de toneladas de leite (o 40% do producido en España) e Bretaña 5,3 (o 25% do leite de Francia).
Trala fin das cotas lácteas, os gandeiros bretóns tomaron a decisión de non incrementar a produción para manter os prezos
Desde o fin das cotas lácteas no ano 2015 Galicia aumentou a súa produción de leite nun 15%, pasando de 2,58 millóns de toneladas a 2,98 millóns o pasado ano. Pola contra, Bretaña pasou de ser historicamente a primeira rexión leiteira europea a ser superada xa neste momento por Southern, a rexión do sur e leste de Irlanda, que incrementou en máis dun 27% a súa produción de leite nos 5 anos posteriores ao fin das cotas lácteas, mentres Bretaña pasaba de 5,8 millóns de litros no 2017 a 5,6 millóns en 2019 e 5,3 na actualidade.
Nos últimos anos a tendencia nas ganderías de leite da Bretaña foi reducir o emprego de concentrados como un xeito de abaratar os custos de produción
Pero mentres a produción galega medra en base ao aumento do número de cabezas por granxa e a unha crecente intensificación das explotacións, a bretona leva anos apostando pola extensificación e a ecoloxía, con ganderías que reducen a produción por vaca e basean a súa rendibilidade nunha diminución dos custos de alimentación. A raza maioritaria, a holstein (82%), convive con outras razas como a normanda ou a montbeliarde. Prezos do leite similares a Galicia A maioría das explotacións fan pastoreo coas súas vacas na primavera para reducir os custos de produción A día de hoxe, o prezo do leite en Bretaña é similar a Galicia. Os contratos asinados para este ano polos gandeiros coa cooperativa Agrial, a gran cooperativa da Bretaña, fixan un prezo base de 40,5 céntimos para un 3,8% de graxa e un 3,2% de proteína.
Na Bretaña hai unha maior diversificación produtiva ca en Galicia e as granxas son practicamente autosuficientes
A revalorización dos produtos lácteos nos mercados internacionais fixeron subir o prezo do leite pagado ao produtor bretón en paralelo aos custos de produción. O prezo medio cobrado en decembro foi de 39,8 céntimos, un 10,5% máis que en decembro de 2020, cando os custos de produción se incrementaron un 12,7% nese mesmo periodo, segundo reflicte o índice Ipampa, un índice de custos de produción calculado polo instituto oficial de gandería francés (Idele) a partir de 12 parámetros. Pero esta revalorización do prezo de venda do leite non serviu para frear a redución de produción que se vén producindo tralo final das cotas. O ano pasado rematou cunha caída do 1,5% da produción leiteira na rexión en comparación co ano 2020. Aínda que se está a ver unha mellora nas marxes dos produtores en orixe, “en Francia os impactos da Ley Egalim 2 só serán visibles a partir de 2023”, asegura o organismo público Chambres d'Agriculture de Bretagne
O prezo base está neste momento en 40 céntimos cun 3,8% de graxa e un 3,2% de proteína
“O descenso nas entregas de leite está directamente relacionado coa redución da cabana leiteira. O número de vacas leiteiras diminuíu en 18.500 cabezas, é dicir, un 2,7% no último ano, a caída máis grande de todo o país. É dicir, a descapitalización da gandería bretona continúa”, asegura no seu último informe publicado, relativo ao último trimestre do ano pasado.  Diversificación Parcela de trigo, un dos cultivos principais da rexión, que está a apostar tamén pola colza como substituto da soia A revalorización experimentada polos cereais trala invasión rusa de Ucraína está a empurrar tamén a moitas explotacións a sacrificar superficie de pradeira e millo forraxeiro a favor da produción de trigo, cebada e millo para gran.
A maioría das granxas leiteiras bretonas son explotacións mixtas agrícolas e gandeiras que se autoabastecen de cereais e venden os excedentes
A diversificación de cultivos fai que a produción forraxeira para alimentación do gando conviva coa de cereais, con 322.000 hectáreas de millo forraxeiro para ensilado e 122.000 para grao, 297.000 hectáreas de trigo, 96.000 de cebada e 53.000 de colza.  As granxas leiteiras bretonas son practicamente autosuficientes producindo forraxes e cereais, e venden os excedentes á industria local para a fabricación de concentrados (destinados fundamentalmente ás granxas de porcos e polos, aínda que moitas delas tamén producen os seus propios cereais).
A zona oeste de Francia produce o 10% do leite, a carne de vacún e os polos da UE
A metade da produción leiteira francesa procede de tres rexións limítrofes do oeste do país (Bretaña, Normandía e Loira), que suman máis de 35.000 explotacións e 13,5 millóns de toneladas anuais (o 10% da produción de leite europea). Aposta polo ecolóxico A produción ecolóxica e a venda directa están a gañar terreo fronte á produción de materia prima para a industria Nos últimos anos a expansión da agricultura ecolóxica en Bretaña foi notable. A rexión conta con 3.350 explotacións e 141.000 hectáreas en producción ecolóxica, cun incremento do 15% desde o ano 2018. O 9,5% da SAU está certificada para produción ecolóxica, das que 24.000 hectáreas (o 17% da superficie ecolóxica total) están destinadas a cereal (o 4,1% da superficie de cereal é producido en ecolóxico).
Desde o ano 2008 triplicouse o número de explotacións ecolóxicas, pasando de 1.000 a 3.500
Destacan sobre todo as explotacións leiteiras, unhas 950, cun total de 55.000 vacas en produción (o 7,4% das vacas leiteiras da rexión). Tamén as adicadas á produción hortícola, con preto de 1.000 explotacións. A continuación, pero xa moito por detrás, estarían a avicultura e o vacún de carne, cun 7% do total das explotacións ecolóxicas cada unha. Produción de horta Na zona norte de Bretaña atópase a principal área hortícola. Prodúcense cebolas, patacas, repolos, alcachofas, coles de Bruxelas, coliflores, brócoli ou tomates. Bretaña produce ao ano 380.000 toneladas de pataca (o 5% da produción francesa), 38.000 de alcachofa (o 80% da produción francesa), 190.000 de coliflor (o 80% da produción francesa) e 157.000 de tomates (o 25% da produción francesa).
Case un terzo das 3.600 explotacións de horta existentes producen en ecolóxico
A produción ecolóxica gaña terreo e dentro da marca Prince de Bretagne, os produtores contan cunha liña bio cun importante crecemento. Hai xa neste momento perto de 1.000 explotacións producindo en ecolóxico, cun 20% máis de hectáreas certificadas nos últimos catro anos.   Gandería de carne Bretaña conta con 2 millóns de cabezas de gando bovino, das que 740.000 (o 37%) son vacas leiteiras. A produción de carne de vacún é complementaria á de leite, con 156.000 toneladas producidas no ano 2020. As principais razas de produción de carne son a Limusín (33.300 vacas nodrizas), a Blonde de Aquinania (23.600) e a Charolesa (22.900). O 42% da produción de carne de vacún de Francia procede da zona coñecida como Gran Oeste, que incluiría as rexións de Bretaña, Normandía e o Loira, que suman 50.000 ganderías e o 10% da produción de carne europea
Un de cada tres polos e un de cada 2 porcos franceses prodúcese en Bretaña
Bretaña produce ademais 8,6 millóns de polos e 13,7 millóns de porcos. O 54% da carne de porco e o 33% da carne de polo de Francia prodúcese na Bretaña. O sector avícola inclúe polos, pavos, patos, pintadas (galiñas de Guinea) e ovos para consumo (6 millóns de ovos, o 42% da produción francesa).

O reto do relevo xeracional

Igual que ocorre en Galicia, a idade dos titulares das explotacións e a falta de continuidade é un dos grandes problemas do sector agrogandeiro bretón. O 36% dos xefes de explotación teñen máis de 55 anos e por cada nova incorporación hai tres xubilacións. Por iso, o gran reto para os vindeiros anos é garantir o relevo á fronte das granxas.
Por cada nova incorporación hai 3 xubilacións
En 2020 437 novos agricultores instaláronse con axudas estatais. Deles, unha cuarta parte eran mulleres. A idade media de incorporación foi de case 30 anos e a metade contaba con formación profesional de carácter superior na rama agraria. Man de obra local O sector agrogandeiro é o responsable do 3,9% dos empregos de Bretaña, con 67.000 persoas activas, a metade titulares de explotacións e os seus cónxuxes ou familiares e a outra metade persoas asalariadas, que van gañando peso sobre o total de persoas adicadas á agricultura. A evolución nos últimos 10 anos mostra un incremento de persoas contratadas na mesma medida que descende a man de obra familiar.
A media de activos agrícolas familiares diminuíu na última década a un ritmo dun 2,3% por ano, o mesmo nivel de crecemento que experimentou o emprego asalariado no sector
O 30% do traballo asalariado realízase en explotacións con cultivos de legumes e hortalizas, focalizadas na zona norte da rexión, e o 44% en ganderías de vacún de leite, carne, porcino e avicultura. A dificultade para atopar man de obra está impulsando a robotización de tarefas como o muxido nas ganderías lácteas, igual que acontece en Galicia.  Seis de cada 10 contratos son indefinidos e a diferenza de Galicia, a man de obra inmigrante é minoritaria nas ganderías, que traballan con empregados locais. As cuadrillas de estranxeiros tan só son habituais para a plantación e recollida de cultivos de horta nas explotacións situadas na zona norte. Tradición de asociacionismo agrario Agrial é unha das principais cooperativas bretonas, presente no sector do leite, a horta e os pensos Bretaña conta cunha fonda tradición asociativa no eido agrario, desenvolvida trala Segunda Guerra Mundial e afianzada nas décadas posteriores. O despegue da agricultura e a gandería na rexión veu da man das cooperativas e as CUMAs, ao tempo que se organizaban entidades mutualistas de crédito agrícola, sindicatos e centros e formación de carácter asociativo.
Agrial está formada por máis de 13.000 socios e 22.000 traballadores e factura 6.000 millóns de euros
A entrada de Francia como país fundador da Comunidade Económica Europea permitiu aos agricultores e gandeiros beneficiarse da PAC desde o seu inicio como fonte de financiamento para as melloras acometidas sen teren que sufrir limitacións e condicionantes do calibre dos impostos aos socios posteriores, como os sufridos polos produtores de leite galegos até 2015 coas cotas lácteas.
Os agricultores bretóns recibiron o ano pasado 417 millóns de axudas da PAC
O espíritu asociativo e reivindicativo dos produtores bretóns chegou até a actualidade. A profesión de agricultor ou gandeiro ten prestixio social e o seu peso é notable na vida local e na toma de decisións gubernativas.
Os prezos da terra están regulados e os mozos teñen prioridade de acceso
A protección do sector é transversal e a convivencia con outras actividades no espazo rural está supeditada ao mantemento do solo e a actividade agraria nas zonas delimitadas para o seu desenvolvemento, con políticas de fixación de prezos de arrendamento e prioridade dos mozos no acceso á terra disponible. Forte implantación industrial Planta industrial de Lactalis en Retiers, a maior de Europa da multinacional francesa En Bretaña hai asentadas case 1.500 industrias agroalimentarias, que dan emprego a 71.000 persoas. Entre elas atópanse grandes cooperativas como Agrial, adicada a sectores como o leite ou a horta, con sede social en Caen e estendida por todo o norte de Francia, e empresas privadas como Lactalis, fortemente implantada tamén na rexión.
A industria agroalimentaria de Bretaña aporta o 41% dos empregos industriais da rexión
A multinacional propiedade da familia Besnier conta en Retiers, a 30 quilómetros de Rennes, a capital de Bretaña, coa súa maior fábrica en Europa, un complexo adicado á obtención de ingredientes lácteos por ultrafiltración que dá emprego a 800 persoas e procesa 1,2 millóns de litros de leite ao día. En conxunto, a industria láctea bretona dá emprego directo a 38.000 persoas e exporta produtos por valor de 420 millóns de euros, con Bélxica, China e Alemaña como principais destinos.

Por que as granxas noutros países europeos resisten mellor as crises do sector lácteo?

Vacas leiteiras en Irlanda, onde a alimentación se basea no pasto A suba das materias primas e doutros custos de produción, como o gasóleo ou a electricidade, está a poñer contra as cordas aos produtores de leite galegos. Analizamos como están a vivir os gandeiros doutras zonas de Europa a situación actual e por que a súa maneira de producir é máis resiliente. Resiliencia foi unha desas palabras que trouxo a pandemia. Aplicado ao sector lácteo referiríase á súa capacidade de resistir os vaivéns dun mercado desregulado desde o ano 2015 en Europa no que xogan de xeito determinante factores como a demanda internacional e o prezo do leite ou as cotizacións das materias primas para a alimentación do gando. A autosuficiencia das granxas e a súa diversificación produtiva ou a fortaleza da industria láctea e o nivel de participación nela dos gandeiros son algunhas das claves de por que, no contexto europeo, a situación actual non está a afectar por igual a todos os países.

Comida de importación

Cos prezos actuais de materias primas como o millo (que no último ano pasou de custar 180€ a tonelada a estar hoxe a 327€), a colza (que pasou de 320€ a 460€) e a soia (que de 380€ púxose a 523€), seguir suministrándolles ás vacas unha ración elaborada en base a produtos importados é un luxo que cada vez menos ganderías se van poder permitir sen notalo nas súas marxes de beneficio.
A PAC avanza cara a unha vinculación entre superficie, número de cabezas e importe das axudas a percibir
Neste contexto de insumos polas nubes, o aumento da base territorial é fundamental para reducir custos de alimentación do gando. Tamén para implementar unha agricultura máis sustentable, con superficie dabonda onde botar o purín e aproveitar todo o seu potencial como fertilizante e na que levar a cabo cultivos forraxeiros, de cereal e proteicos substitutivos da soia que permitan reducir a dependencia das importacións, (un obxectivo de Bruxelas), así como prácticas de cultivo respectuosas co medio ambiente que poidan supoñer un importe extra nas axudas da PAC en aplicación dos ecoesquemas.

Duplicar a base territorial

As explotacións lácteas galegas deberían duplicar a súa base territorial, principalmente pola vía do arrendamento de terras, se nos comparamos con outros grandes produtores de leite europeos. Un bo redimensionamento da superficie das explotacións permitiría que as granxas mesmo se introducisen na produción de materias primas para concentrados. Está comprobado que cultivos como o trigo ou a couza poden producirse en Galicia con bos rendementos e habería superfice abandonada apta para acollelos en amplas zonas da comunidade.
O 55% da enerxía da ración das vacas de leite galegas vén de concentrados e só o 45% das forraxes producidas na explotación
En Galicia o 55% da enerxía da ración das vacas vén de concentrados e só un 45% das forraxes producidas na explotación. En Dinamarca, por exemplo, as porcentaxes son inversas: o 40-45% da enerxía procede de concentrados e o resto da explotación. Xunto ao factor terra, dispoñer dun asesoramento técnico cualificado e independente preséntase como un elemento imprescindible para a mellora da calidade dos silos de herba, co que aproveitar todo o potencial produtivo de Galicia neste ámbito.

A responsabilidade da Administración

A Xunta de Galicia leva máis de 30 anos asistindo impasiva á desaparición de explotacións e ao abandono da terra en amplas zonas de Galicia, onde as praderías e as terras de cultivo deixaron paso aos eucaliptos (na metade norte de Galicia) e ás matogueiras (na provincia de Ourense). Malia que a lexislación xa impedía a forestación de terras agrarias, na realidade non houbo ningún tipo de vixiancia ou control oficial sobre este fenómeno, que se foi extendendo a medida que a idade de xubilación obrigaba ao peche de explotacións sen relevo. O Goberno galego tomou medo cando os lumes forestais do outono do 2017 cercaron a cidade de Vigo. Até entón semellaba non ser consciente da dimensión real do problema malia as miles e miles de hectáreas que levan ardendo, ano si e ano tamén, por toda a xeografía galega.
A moratoria á plantación de eucaliptos é de facto unha legalización das plantacións realizadas nos últimos anos
Pero as medidas adoptadas desde entón (limpeza de faixas de protección, por exemplo) están sobre todo encamiñadas a protexer as vivendas dos lumes, máis que a facilitar terras ás explotacións en activo e a moratoria á plantación de eucaliptos é de facto unha legalización das plantacións realizadas nos últimos anos. En maio do ano pasado entraba en vigor a Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia, con escasos resultados prácticos até o momento, máis alá dun sinfín de anuncios oficiais de proxectos de aldeas modelo e polígonos agroforestais sementados por múltiples concellos galegos, na maior parte dos casos ubicados en lugares que caeron xa no abandono máis extremo e onde non existe demanda real de superficie agraria nin produtores para traballala. A Xunta avanzou a súa intención de mobilizar 150.000 hectáreas de terras en desuso, pero de momento só ten aprobadas 19 aldeas modelo que suman unhas 600 hectáreas repartidas en 8.500 parcelas de máis de 2.190 veciños.
A Consellería atópase cun dilema difícil de solventar: onde hai terra baleira non hai explotacións e onde están as explotacións non abunda a terra
Pero pouco ou nada se está a facer para que as granxas ubicadas nas principais comarcas produtoras (como O Xallas ou A Terra Chá) poidan ampliar a súa base territorial, máis que agardar que peche o veciño e arrende as fincas. A Lei de Recuperación da Terra Agraria finánciase con fondos europeos, ao igual que os Plans de Mellora e a incorporación de mozos á actividade agraria. Sen embargo, dos novos instrumentos de mobilidade de terra (creación de aldeas modelo e polígonos agroforestais) non se van encargar as Oficinas Agrarias Comarcais, que tramitan os Plans de Mellora e son as que están en contacto coas explotacións e coñecen as súas necesidades, senón a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) encargada da xestión do Plan Leader e as subvencións para desenvolvemento rural con cargo aos fondos do PDR.
Os Plans de Mellora financiaron nos últimos anos a construción de naves e a compra de maquinaria pero non a adquisición de terras
A ampliación de superficie agraria, vía compra de terras ou alugueiro, non forma parte das prioridades dos Plans de Mellora. De feito, só é subvencionable destinar como máximo o 10% da axuda solicitada a mercar superficie, unha medida pensada sobre todo para poder facerse coa parcela onde construír a nova nave, máis que para gañar terras de labor ou superficie de produción. É posible obter un Plan de Mellora para dobrar o número de cabezas sen aumentar a superficie, pero non dobrar a superficie sen aumentar o número de cabezas para gañar en autosuficiencia. É dicir, a axudas da Administración estiveron até agora destinadas a incrementar a produción sen ter en conta o modo de incrementala.

“É posible producir leite con menos concentrado”

César Resch é enxeñeiro agrónomo no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e participa en distintos proxectos europeos vinculados co sector lácteo, como Dairy4Future, nos que mantén contacto con distintos centros de investigación de Francia, Irlanda ou Portugal, polo que é bo coñecedor da realidade actual e o modelo de produción leiteira destes países. César considera arriscado o sistema de produción polo que apostou Galicia e reclama un cambio de paradigma que blinde ás explotacións leiteiras fronte a futuras crises. “Non é posible facer unha restruturación dun día para outro nin estou propoñendo quimeras, pero deberíamos aproveitar o potencial que temos para producir leite en base a forraxe, tendo oportunidade de facer unha gandería diferente”, argumenta.
Afrontar os hándicaps que temos leva tempo pero nalgún momento hai que empezar. Un deles é o consumo excesivo de penso
“Ao mellor non podemos ter vacas de 12.000 litros pero si de 9.000 litros con 200 gramos de concentrado e dando máis graxa e proteína”, exemplifica. E propón comezar a andar ese camiño porque “os grandes cambios estruturais da agricultura e gandería, como calquera cambio da vida, levan tempo, pero hai que facer planificación e cumprila; un exemplo diso é Irlanda”, compara.  “Modelo intensivo sen cabeza” César califica o sistema que se foi impoñendo de xeito maioritario nas explotacións leiteiras galegas de “modelo intensivo sen cabeza”. “Facer unha ración a base de soia ten un risco altísimo. É un modelo que ten os pés de lama e que se tambalea cada vez que vén un problema de prezos nas materias primas”, asegura.
O modelo holandés é intensivo e o modelo irlandés tamén en canto á utilización do terreo; aquí sen embargo centrouse na vaca
“O modelo holandés é intensivo e o modelo irlandés tamén. Por exemplo, o sistema irlandés é moi intensivo na utilización do terreo, con parcelas nas que obteñen de 14 a 15 toneladas de materia seca de herba por hectárea. Aquí a produción centrouse na vaca, alí centrouse na terra”, diferencia. Producir leite a base de penso é “cómodo” César afirma que o sistema galego “é un modelo moi cómodo e mentres a relación custo do concentrado-prezo do leite sexa favorable todo vai ben, pero unha granxa que usa 400 gramos de concentrado por litro de leite ten un problema se sube o concentrado”, asegura. “En Galicia chegou a instalarse hai anos o modelo de Castela, implantado por Nanta, de producir leite a base de alimentar as vacas con concentrado a discreción e palla. Ese modelo funciona só cando a relación de prezo leite e penso é favorable”, di.
O modelo imperante en Galicia funciona só cando a relación de prezo entre leite e penso é favorable pero se non o mudamos volveremos caer na seguinte crise
 “Espero que as cousas se reconduzan, porque o feito de que o millo estea a 400 euros a tonelada é pura especulación e esa tensión o mercado non a aguanta”, di, polo que reclama a intervención pública en materia de enerxía e alimentos. “O mercado de materias primas debería estar máis intervido para evitar estes movementos especulativos no mercado”, defende.
O problema non está tanto no prezo do concentrado senón na cantidade; se en vez de 400 gramos por litro das 200 o problema é menor
Pero insiste en que “o problema non está tanto no prezo do concentrado senón na cantidade de concentrado. Se en vez de 400 gramos por litro das 200 o problema é menor. Esa, a de basear as racións no penso, é unha debilidade estrutural das explotacións galegas”, afirma. “O consumo de concentrado nas granxas de Galicia, sobre todo naquelas que se teñen como referente, é excesivo”, asegura César.
En Francia úsase un terzo menos de concentrado para alimentar as vacas e unha parte das ganderías sementan tamén cereal
“Cando sometes o sistema a unha situación de estrés é onde se ven as debilidades. Hai unha debilidade clara e estrutural da dependencia de insumos externos, sobre todo pensos e nomeadamente cereal e proteoxinosas. E aínda que o problema actual de prezos se solucione, volveremos caer na seguinte crise se non cambiamos o modelo”, di. Alimentación de precisión e forraxes de calidade  “O reto tecnolóxico está en producir, nese modelo, 40 litros de leite con 8 quilos de concentrado por vaca, pois producilos con 14 quilos de penso é doado, e é certo que pode ser un bo negocio para o subministrador de concentrados, pero crea estruturas moi dependentes para o gandeiro co risco que iso leva implícito”, argumenta.
O reto  está en producir 40 litros de leite con 8 quilos de concentrado por vaca, pois producilos con 14 quilos de penso é doado
“O reto está na mellora da calidade das forraxes tanto na súa capacidade de subministrar enerxía como proteína, pois tamén seguimos a ter unha excesiva dependencia de proteína exóxena nas granxas de leite”, aclara. Para lograr o obxectivo de producir 40 litros de leite con só 8 quilos de penso é necesario apostar por unha alimentación de precisión, máis personalizada, que diference as vacas en función da súa produción e a súa fase de lactación, e tamén ordenar os partos mediante unha planificación das xestacións para un maior aproveitamento da produción forraxeira.
O modelo que están levando en Holanda baséase na eficiencia dos recursos e en producir leite con só 200 gramos de concentrado por litro
“É o que están facendo en Holanda, levan ese modelo, con moito pasto fresco e moita eficiencia dos recursos. Non teñen resultados espectaculares pero son moi resilientes e aguantan nos momentos malos”, afirma. Producir cereal en Galicia “Galicia importa 3.000 millóns de quilos de materia prima para facer pensó ao ano. Producimos cero; impórtase todo. É imposible que para o ano que vén podamos procudir o 50% diso, pero por algo hai que empezar”, propón César.  “Temos terreo e terreo bo para facelo, temos hectáreas abandonadas que son aptas para cereal na provincia de Ourense.  É desexable que produzamos para reducir a dependencia excesiva de insumos externos que temos”, di.
A produción de cereal é anecdótica en Galicia; é un dos grandes hándicaps que temos
“Unha parte granxas francesas procucen os seus propios cereais e iso fai que teñan menos peso dos imputs de concentrado”, relata César. A maioría das explotacións galegas móvense en valores entre os 350 e os 430 quilos de penso por cada 1.000 litros de leite, cando en Francia están por debaixo dos 300 quilos. “É certo que teñen menos produción por vaca”, recoñece. Diversificación para reducir riscos e ter ingresos complementarios Outra das características das ganderías francesas é o seu carácter diversificado. En Galicia a economía das explotacións leiteiras depende exclusivamente da venda de leite, mentras noutros países europeos compleméntase con outros ingresos. “No caso galego a especialización en leite é moi grande, sen actividades salientables nas explotacións fóra diso. O produtor francés é máis agricultor. Na Bretaña, ademais de producir leite, as granxas teñen tamén horta extensiva de brásicas (repolo e coles), que son producións complementarias que non compiten coa produción de forraxe e en Normandía é moi habitual que o gandeiro de leite plante tamén cereal e leguminosa”, explica César.
Nun mercado liberalizado como é o do leite trala fin das cotas, e polo tanto máis volátil, contar con outras fontes de ingreso paralelas é un xeito de asegurar a rendibilidade
Ese modelo de gandeiro-agricultor, con policultivo e actividades diversificadas, permite ás explotacións non depender tanto dun único produto. “A especialización leva a que sexas máis eficiente no que fas, pero tamén ten os seus riscos. É importante non poñer todos os ovos na mesma cesta. As explotacións galegas deberían diversificar con iniciativas que non compitan coa produción de forraxe”, razoa. Extensificación: gañar base territorial César defende a necesidade de levar a cabo “un cambio de paradigma para aproveitar máis os recursos que temos”. "Non é producir menos senón que é producir diferente. A diminución de insumos externos nas explotacións de leite debe de ser unha prioridade. Necesitamos mobilizar máis SAU para as explotacións de leite", di.  Por iso é partidario de executar políticas públicas para favorecer o uso por parte das explotacións da terra que está desaproveitada. “Perdeuse moita superficie nas explotacións, sabémolo por datos da PAC, aínda que desde o ano 2011 non haxa datos oficiais da Xunta”, explica.
Se queres facer unha política de ordenación sen molestar a ningúen non logras nada. Facer tortillas sen romper ovos é imposible
Estímase unha perda dun 30% da Superficie Agraria Últil (SAU) galega nos últimos 30 anos. "Reverter esta situación é unha prioridade máxima. A dependencia da importación de materias primas crea unha debilidade estrutural. A SAU perdida está agora en Arxentina, Brasil ou EE.UU", argumenta. O modelo actual de produción de leite en Galicia é tamén consecuencia das políticas públicas implementadas nas últimas décadas. “Se queres facer unha política de ordenación sen molestar a ningúen non logras nada. Facer tortillas sen romper ovos é imposible”, compara.
En Francia para comprar cota había que comprar terra tamén
“En Francia para comprar cota había que comprar terra, mentres en España o mercado de cota foi totalmente libre. A tendencia do modelo galego susténtase en que as granxas medraron en animais e en leite pero o ritmo de crecemento en hectáreas non avanzou en paralelo”, indica. “A base superficial das explotacións en Francia ou en Irlanda é moi superior á nosa. Nós estamos nunha ratio de 2,5 vacas por hectárea, e eles están bastante por debaixo das 2 UGM e iso é o que lles da por flexibilidade”, di.
A granxa máis grande que hai en Francia non chega ás 800 vacas
A día de hoxe a produción media en Galicia é de máis de 400.000 litros por explotación, case a mesma que en Francia, onde “a granxa máis grande que hai non chega ás 800 vacas”, explica César. Outros Estados membros da UE, como os Países Baixos, tamén estableceron na práctica límites ao crecemento da súa cabana gandeira, por medio neste caso das limitacións aos fosfatos instauradas a partir do ano 2017. Perda de efectivos En Galicia a perda de efectivos agrarios e gandeiros é unha constante nas últimas décadas, unha merma acentuada tamén no sector leiteiro. “Tiñamos 90.000 unidades produtivas nos anos 80 e agora son pouco máis de 6.000”, lembra César. Esta tónica xeral en España, compartida por outros países europeos, rómpese en Irlanda. “Foi o único país da UE que desde os anos 80 incrementou o número de ganderías de leite”, destaca. Hoxe son 18.500 as explotacións lácteas no país.
Desde os anos 80 Irlanda tivo máis altas de productores no sector lácteo ca baixas e na actualidade conta con 18.500 explotacións leiteiras
Esta tendencia continúa na actualidade e, de feito, Irlanda é, xunto con Polonia, o país da UE que máis está a incrementar a súa produción de leite desde o final das cotas lácteas no ano 2015, pero fíxoo sen variar o seu modelo produtivo tradicional, baseado no pasto.
Irlanda foi o país da UE que máis incrementou a produción de leite desde o fin das cotas lácteas, pero fíxoo sen variar substancialmente o seu modelo produtivo baseado no pasto
“Algunhas explotacións intensificáronse algo e algunhas explotacións de vacún de carne pasáronse ao leite pero o seu crecemento está baseado na planificación e o asesoramento público”, explica César. Os prezos: un factor determinante Deste xeito os gandeiros irlandeses pasaron dunha produción equivalente á española no 2015 a superala amplamente a día de hoxe. Irlanda produce xa máis leite ca España, 8,5 millóns de toneladas ao ano fronte ás 7,5 españolas, cun ritmo de crecemento do 10% anual. É ademais, neste momento, o país da UE co prezo do leite máis alto en orixe, por enriba dos 45 céntimos, cando a media europea se sitúa nos 42 céntimos e a española en 37. A produción irlandesa está enfocada á transformación industrial e á exportación, polo que tamén notan en maior medida a baixada de prezos cando as cotizacións internacionais dos produtos lácteos se resinten.
Italia, que tamén ten un sistema intensivo de produción, resiste mellor nestes momentos por uns prezos do leite en orixe máis elevados
Tamén ten unha maior orientación ao mercado Italia, que ten tamén un sistema intensivo de produción, pero que neste momento se defende mellor por uns prezos do leite en orixe máis elevados. No conxunto da UE, Irlanda é o país no que os gandeiros están a gañar máis diñeiro, xa non só polos bos prezos, senón tamén polos baixos custos de produción, o que permite unha mellor marxe aos seus produtores de leite.

Gaec Varin: Unha gandaría francesa funcional e eficaz

Guy, Marc e Luc Varin son tres irmáns que conforman Gaec Varin, unha explotación agrogandeira familiar que combina a gandaría de vacún de leite coa produción de cultivos como remolacha, trigo ou millo en gran para venda. Está situada no departamento francés de Seine-Maritime, na rexión de Normandía. A súa é unha gandería familiar na que lograron incrementar a rendibilidade e mellorar a súa calidade de vida grazas a un sistema de manexo simple, ben organizado e con ferramentas funcionais para o día a día. A gandaría conta cunha SAU de 206 hectáreas, unha base territorial que lles garante un elevado grao de autosuficiencia alimentaria para a súa cabana gandeira. Os cultivos repártense entre 30 ha de millo, 30 ha de prados, 85 ha de trigo, 17 ha de remolacha azucreira, 10 ha de colza e 34 ha de liño. O rabaño está formado por 110 vacas Holstein adultas en muxido cunha produción media de 10.700 quilos de leite por lactación e unha produción total de 1.025.000 litros. A carga gandeira é de 2,3 UGM por hectárea. Antes de incorporarse á gandaría familiar este tres irmáns pasaron varios anos formándose traballando como asalariados noutras gandarías, un tipo de aprendizaxe moi estendida en Francia. O irmán maior, Guy, foi o primeiro en incorporarse en 2008, seguido polos seus irmáns xemelgos en 2012, o ano no que o seu pai se xubilou. En canto á súa nai, retirouse do Gaec -o equivalente en Galicia a unha SAT- en setembro do pasado ano. Situada no Pays de Caux, a gandaría benefíciase de contar con terreos moi fértiles, de chans profundos de carácter limoso. Así, logran rendementos de trigo de 8,7 ton/ ha en media, de 105 t / ha en remolacha e de 17 t / ha de millo en gran. Un capital, o do seu solo agrícola, estratéxico, que aínda podería selo máis no futuro. "Nós sufrimos máis nun ano húmido que nun ano seco ", comenta Marc Varin. Neste contexto, non é de estrañar que o seu obxectivo sexa producir leite coa mínima superficie de forraxe posible para maximizar a base territorial destinada a cultivos para a venda.

Aposta pola simplicidade e a eficacia

Porén, as dúas actividades, -a produción de leite de vaca e de cultivos para venda- son complementarias en GAEC Varin, xa que a materia orgánica do xurro e do esterco que produce o gando axuda a manter a fertilidade do chan. Pero tamén a diversificación é unha garantía a nivel económico: a agricultura de cultivos mixtos ofrece unha seguridade; pois sempre hai unha produción que compense á outra. “Este ano, por exemplo, estamos moi contentos cos resultados da gandaría de leite, pero sen embargo o liño que cultivamos non ten saída comercial pola crise do coronavirus ... ", explican.

Contan cunha sala rotativa de muxido

A sala de muxido rotativa instalada no 2012 substituiu a unha sala de muxido de 2x5 puntos. Cada socio mungue só e lévalle unha hora e media, lavado incluído. A elección de investir nunha sala rotativa de muxido con 30 puntos cando se incorporaron Marc e Luc responde en particular á súa estratexia de simplificar o traballo e facelo máis eficiente, de forma que se precise menos man de obra. “Eliximos a propósito unha sala de muxido sobredimensionada para as vacas que temos porque queriamos que unha soa persoa puidese realizar sen problema o muxido", sinalan. "Facemos quendas para muxir, sempre un só. Se muxíramos dous non iriamos máis axiña", engaden. A muxidura dura 1 hora e 30 minutos, limpeza incluída. Se unha vaca é lenta para mungir, pasa por unha segunda rolda. "Optamos por instalar a sala rotativa no exterior para facilitar o acceso á sala de espera. En todo caso, é certo que este sistema penaliza a calidade do leite se se desprende unha tetoeira”, recoñecen.

Pastoreo rotacional en dúas parcelas

As vacas están pastoreo libre en dúas parcelas de 4,5 hectáreas, nas que van alternando Tamén aplican a simplicidade ao pastoreo. Desde mediados de marzo até mediados de outubro, as vacas teñen acceso alternativo a dúas parcelas de 4.5 hectáreas cada unha. "Cambiámolas de parcela cada semana. Este sistema facilítanos o manexo do pasto e axúdanos traer as vacas de volta”, especifica Guy. E é que desde o prado as vacas teñen libre acceso permanentemente á corte, onde reciben a mesma ración que no inverno pero en menor cantidade (ao redor do 75%) e sen ensilado de herba. A ración de inverno consiste en 15 kg de silo de millo, 2,5 kg ensilado de herba, 1,6 kg de bagazo de cervexa, 5,7 kg de fariña de colza, máis minerais. "Tamén aproveitamos para comprar subproductos como pulpas ou patacas para destrío (12 euros / t), engade Luc. O bagazo de cervexa provén de Lille ou do Leste de Francia. Destacan o seu efecto favorecedor da produción de leite e de diversificación das fontes de proteína. “Cando empezamos a utilizalo, este subproducto saíanos moi ben de prezo porque non había moita demanda, pero hoxe hai máis demanda e os prezos negócianse para todo o ano, roldando os 64-68 euros/ t, posto en granxa", sinalan.

Ración para inicio da lactación

Os tenreiros recén nados están dentro de boxes individuais con valos "tipo policía”. Están separados entre si por un espazo baleiro para mellorar o estado sanitario. Aquí non contan cun carro mesturador de alta tecnoloxía, senón un simple remolque arrastrado de 12 m3, comprado de segunda man. Pola mañá, o concentrado esparéxese no pesebre encima da forraxe. Medio remolque de mestura distribúese á primeira hora e outro segundo pola tarde. Non é necesario arrimar as comida grazas ao muro de mampostería ao nivel do pesebre. As cantidades distribuídas axústanse de acordo cos rexeitamentos que houbo do día anterior. Estes rexeitamentos son recollidos e repartidos a man ás xovencas de segundo ano. “Anteriormente traballabamos en ración completa porque estabamos en partos agrupados, pero revisamos esta estratexia por unha cuestión de espazo limitado no edificio (96 cubículos) e para atender a demanda da industria láctea á que lle vendemos (Eurial)”, explica Marc. Tras os cambios, os partos repártense durante todo o ano e as trinta mellores vacas en inicio de lactación supleméntanse pola mañá, despois do muxido. Un pórtico conectado aos colares de identificación electrónica identifícaas e unha porta clasificadora diríxeas a un espazo onde reciben 1,5 kg de pulpa de remolacha deshidratada e 500 gramos de torta de colza. "Isto obríganos a actualizar o sistema unha vez ao mes", di Luc.

Manexo do costro e kéfir para tenreiros

As xovencas paren desde o 1 de agosto até finais de decembro. “Isto permítenos ter lotes homoxéneos, potenciar o pastoreo desde o primeiro ano e aforrar prazas no establo”. Para limitar o número, só un terzo das xovencas mantéñense para reposición. “Criamos dous lotes de trinta xovencas. Nin un máis”. Todos os demais becerros véndense aos 15 días. O bordo de formigón no pesebre aforra ter que arrimar a comida O obxectivo de idade ao primeiro parto téñeno fixado en 24 meses. “Para promover a inmunidade, os tenreiros sóndanse con catro litros de costro despois de nacer. Se o parto foi de noite teñen que esperar até a mañá”. A calidade do costro contrólase cun refractómetro. Se está en bo estado, pasa a ser conxelado. Os tenreiros cambian a leite en po en dúas comidas ao día na segunda semana de vida, e cambian a unha comida ao día (4 litros) en currais colectivos a partir da terceira semana. Logo reciben dous litros de leite desnatado en po complementado con dous litros de leite de kéfir. Esta prepárase de forma moi parecida ao leite de iogur, utilizando grans de kéfir. “Esta é unha forma de aforrar leite en po, de aproveitar o leite das vacas frescas non comercializable e é boa para a saúde da tenreira”, consideran os gandeiros de GAEC Varin. “O kéfir preparámolo en barrís herméticos de sesenta litros nos que sementamos o leite de vacas recentemente paridas cos grans de kéfir. No inverno, úsase un quentador de leite para axudar a que o leite calle. O único problema é que os becerros son un pouco remisos a beber leite de kéfir durante os primeiros dous ou tres días” . Á parte dos mortinatos, case non hai perda de tenreiros.

As xovencas tamén están equipadas con colares

O destete prodúcese ás 8 semanas cando os tenreiros pesan polo menos 80 quilos. Os crecementos rexístranse medindo con cinta todos os meses. Logo reciben feo fibroso e un 18% de concentrado de proteína. Aos 3 meses este concentrado substitúese por unha mestura de polpa de remolacha (80%) e fariña de colza (20%), e os gandeiros distribúen con pa un quilo da ración das vacas por mes de idade. “É fácil porque os tenreiros alóxanse xusto en fronte do pesebre das vacas en lactación”. A partir de maio, as xovencas de máis de 6 meses acceden a unha pradaría de 1,20 hectáreas, cuxo primeiro corte colléitase como forraxe para ensilado. Compleméntanse con silo de herba ou feo e unha mestura de pulpa e colza. As tenreiras volven ao establo no outono, e as inseminacións comezan aos 12 meses se alcanzan os 400 quilos. As xatas, como as vacas, están equipadas con colares electrónicas Medria. “Dan moito indicadores pero usámolos principalmente para detectar celos”, explican os gandeiros. “Desde que están equipadas cos colares monitorámolas menos ca antes. Hai algúns falsos positivos, pero isto é raro, e a ferramenta detecta celos que nunca veriamos», destacan. Desde fai catro anos nesta gandaría tamén xenotipan a todas as becerras. As que destacan no terzo superior a nivel xenético son inseminadas con seme sexado, ao terzo intermedio póñenlle seme convencional e o terceiro terzo de tenreiras con peor nivel xenético é inseminado con seme de razas cárnicas. O intervalo entre partos é de 395 días, o cal non está mal para vacas de alta produción. O período de vacas secas é de corenta e cinco días, excepto para as primíparas (60 días). Na ración inclúense diferentes subproductos, como bagazo de cervexa, ou pulpa de remolacha deshidratada. Para ensilalos poñen por riba da pulpa o bagazo de cervexa, para que absorva os zumes que desprende a primeira

Puntos a mellorar: Reconto de células e dermatites

O principal problema de saúde animal en GAEC Varin refírese ao reconto de células en leite. A situación empezou a mellorar con descarte de varias vacas con estafilococos e desinfección de cascos das vacas con máis recontos celulares. Ademais, recoñecen que o post dipping dos tetos das vacas á saída da sala rotativa de muxido non é o óptimo. Para mellorar a situación de reconto celular, todo o rabaño foi xenotipado este ano a través do servizo GenoCells, para realizar unha selección xenética dos animais con menor reconto celular en leite. "Este servizo custounos 2.000 euros. O obxectivo é amortizalo mellorando o reconto celular, o que nos permitiría embolsarnos o bono de 3 euros por 1000 litros que paga a industria láctea por alta calidade", explican. Outro punto crítico en GAEC Varin é a incidencia da dermatite dixital papilomatosa. "Logramos contela aplicando durante o muxido oxitetraciclina en spray nas dermatites, pero aínda tratamos dous ou tres cascos por semana”, recoñecen. Os gandeiros tentan traballar a nivel de selección xenética na mellora de patas e tamén sobre os sólidos en leite, dous caracteres penalizados por unha selección que nas últimas décadas centrouse na produción por vaca. "Non todo é perfecto na nosa gandaría, pero o noso sistema de manexo convennos. Se quixésemos simplificalo aínda máis, poderiamos cambiar a un sistema de cama quente, pero preferimos valorar o existente e a imaxe do sistema de cama quente non nos atrae”, aseguran.

Comunicación e unha organización ben establecida

A construción dunha oficina grande e independente (10.000 euros) foi o primeiro investimento do Gaec. Alí reúnense os socios a diario. Para que funcione ben un Gaec, o trato entre socios é primordial, e o tres os irmáns sábeno. Aínda que se levaban ben, non traballaran xuntos antes da instalación dos xemelgos. Para facilitar as relacións entre os socios, en 2012 seguiron unha formación sobre traballo en equipo. Dotada cun gardarroupa e unha cociña, a oficina é o centro de relación e de organización e alí reúnense polas mañás para almorzar xuntos. "É o momento no que facemos un balance do que estamos a facer e do que imos facer. Nós somos independentes nas nosas tarefas, e cada un ten unhas responsabilidades definidas, pero queremos estar informados mutuamente do que fai cada un”, explican. Ademais, contan cun grupo de WhatsApp para facilitar a comunicación no día a día. Os irmáns xemelgos especializáronse na recría, pero todo o mundo fai de todo. Excepto os tratamentos fitosanitarios, que permanecen reservados para Guy. A organización do traballo está ben engraxada. Pola mañá: hai un que se encarga do muxido, outro que se encarga de meter vacas, encamar con palla e dos tenreiros e o último alimenta ás vacas e xovencas. Pola noite: é o mesmo patrón, pero o que alimentou o rabaño libra. Esta quenda cambia todas as semanas. A cada socio tócalle estar de garda un fin de semana de cada tres, desde o sábado ao mediodía até o luns ao mediodía.

Unha gandaría que en 20 anos pasou de 30 a 110 vacas en muxido

O establo foi empliado e transformado a un sistema de cubículos no ano 2012. Sumando a compra da sala de muxido rotativa o investimento total roldou os 500.000 euros. Séverine Burel é enxeñeira na Cámara de Agricultura de Normandía e coñece moi ben GAEC Varin. "Desde hai 10 anos seguimos a esta gandaría que do mesmo xeito que outras da comarca de Pointe do Pays de Caux, combina a produción de leite de vaca nun sistema intensivo cos cultivos agrícolas para venda, optimizando o uso da base territorial. A estrutura desta explotación soubo evolucionar. Fai uns vinte anos, a gandaría dos pais dos irmáns Varin contaba cun trinta vacas. O rabaño triplicouse coa incorporación do seu tres fillos. As instalacións tamén se adaptaron co paso dun sistema de muxido clásico a unha sala rotativa e a transformación de estabulación libre en palla, a cubículos. O máis importante é que permaneceu a liña de traballo: un rabaño de bo nivel xenético, que manexan dunha forma sinxela, eficaz e con gran rigor. Os resultados económicos dan fé do balance positivo que obtén este GAEC tanto na gandaría de vacún de leite como nos cultivos para venda. O sistema é consistente e eficiente". Artigo publicado na revista francesa https://www.reussir.fr/lait/ e cedido a www.campogalego.com grazas a un acordo de intercambio de contidos entre as dúas publicacións

“Na faixa atlántica europea pódese producir leite coa menor pegada de carbono do mundo”

André Le Gall durante a súa visita a Lugo o pasado mes de xaneiro dentro do proxecto Dairy for Future André Le Gall é membro do Institut de l'Élevage (Idele) de Francia e coordinador do proxecto comunitario Dairy for Future, que busca mellorar a sustentabilidade social, económica e ambiental das explotacións leiteiras da fachada atlántica europea e no que participan 10 rexións da UE, entre elas Galicia. O pasado mes de xaneiro expertos das distintas zonas produtoras de Inglaterra, Reino Unido, Francia, España e Portugal celebraron unha xuntanza en Lugo para analizar a situación de cada país e avanzar en solucións compartidas a desafíos comúns. No encontro participou André, co que falamos dos obxectivos do proxecto e da situación do sector leiteiro en Francia e na Bretaña, de onde é orixinario e que constitúe a primeira rexión produtora de leite da Unión Europea. A fin das cotas lácteas no ano 2015 supuxo un punto de inflexión para o sector lácteo europeo e marcou o inicio dun proceso de adaptación das explotacións para seguir sendo rendibles no que cada país escolleu unha estratexia diferente e evolucionou dun xeito tamén diferente, pois se no lado positivo, liderando os incrementos, está Irlanda, no negativo atópase Francia, que perdeu cota de produción e mercado no conxunto europeo.
Con 25 millóns de toneladas anuais, Francia é o segundo páis produtor da UE só por detrás de Alemaña
Con todo, con 56.000 granxas e 25 millóns de toneladas anuais, Francia segue sendo o segundo país produtor da Unión Europea, só por detrás de Alemaña. Tralo fin das cotas lácteas Francia autoimpúxose unha autolimitación que fixo que sexa o país da UE onde menos esta a medrar a produción de leite, que se concentra nas tres rexións atlánticas do país: a Bretaña, Normandía e o Loira. – Cal é a radiografía actual da produción de leite en Francia? – Nós acostumamos dicir que hai tres Francias leiteiras: está a Francia da produción leiteira na chaira, que é todo o oeste de Francia, a Bretaña, Normandía e o País do Loira; logo están as zonas de montaña, que producen moitos queixos baixo denominacións de orixe como Comté ou Auvera; e finalmente están as zonas do país nas que conviven os policultivos coa gandeiría. Polo tanto, a situación é diferente en cada un destes lugares: na Francia de montaña, apoiada pola demanda dos queixos con denominación, a produción leiteira soportou ben o fin das cotas, aínda que zonas como Auvergne ou Cantal pasaron dificultades; na parte do país onde a produción leiteira se mesturaba con outros cultivos a produción de leite diminuiu e case desapareceu sobre todo nesas zonas de transición; e finalmente nas rexións máis produtivas e intensivas do oeste a produción de leite mantense pero con moitos interrogantes sobre o relevo nas granxas, pois moitas delas non teñen sucesión clara.
Trala fin das cotas nas rexións máis produtivas e intensivas do oeste a produción de leite mantense pero con moitos interrogantes sobre o relevo nas granxas, pois moitas delas non teñen sucesión clara
– Ese é un problema importante tamén en Galicia. A que cres que se debe? – En Francia o número de granxas está diminuindo e temos un problema de continuidade. Fai 20 anos non tiñamos este problema. Temos un problema de prezos do leite e un ataque social continuo sobre o benestar animal e a contaminación das granxas. Isto desanima á xente nova, fai que non teñamos xente que queira traballar e continuar nas granxas. – Está en perigo entón o modelo de explotación familiar de Europa? – É unha boa pregunta. As granxas familiares están medrando e medrando e quizais sexa difícil manter o modelo das granxas familiares, aínda que hoxe o 80% das explotacións da UE aínda son familiares. A explotación da miña familia na Bretaña cando eu era novo producía 400.000 litros de leite e hoxe máis dun millón de litros só cunha persoa traballando e informatizada. E aínda así ninguén quere continuar. – A Bretaña é a principal rexión productora de leite, non só de Francia, senón de toda a Unión Europea. Cunhas 8.000 explotacións, 1.000 máis das que hai en Galicia, produce 6 millóns de toneladas anuais, o dobre do que se produce na nosa comunidade. Esta intensificación xera problemas de contaminación? – O 70 ou 80% da superficie total de Bretaña está adicada á agricultura. Temos moitas vacas e tamén moitos porcos e esa é a razón pola que temos problemas coa contaminación das augas. Temos entre 10.000 e 15.000 explotacións de todo tipo en Bretaña. Pero aínda así non hai problema polo uso das terras en Bretaña, non temos a presión de especies como o eucalipto, como hai en Galicia. As gandeirías teñen terras dabondo para producir millo ou herba e cando unha explotación medra ten superficie dispoñible nun radio de 5 ou 10 quilómetros. O volume de leite producido na Bretaña mantívose nos últimos anos malia a redución no número de granxas. A produción láctea mantén un grande peso económico e social pero ten importantes desafíos. Ademais das esixencias medioambientais, as explotacións bretonas sufriron a volatilidade de prezos e unha redución das marxes de venda en relación aos custos de produción.
O 70 ou 80% da superficie total de Bretaña está adicada á agricultura e non hai a presión de especies como o eucalipto, como hai en Galicia. Nós temos terras dabondo para producir millo ou herba e cando unha explotación medra ten superficie dispoñible nun radio de 5 ou 10 quilómetros
– En relación a iso, en Francia existe a Lei Egalim. Está funcionando? – Un ano despois da aprobación está empezando a funcionar. É posible lograr maior valor para o gandeiro en produtos como o queixo ou o iogur de marcas como Sodiaal, Lactalis, Danone ou President. Aí non hai problema. O problema aparece co leite e os produtos de marca branca das cadeas de distribución. Eu non diría que está funcionando moi ben pero eu diría que está empezando a funcionar. Se ti queres leite diferenciado, leite de pastoreo, por exemplo, ti tes que pagalo.

"A faixa atlántica de Europa ten condicións para producir leite coa pegada de carbono máis baixa do mundo"

Vacas nunha pradeira na Bretaña francesa Dairy for Future é un proxecto de colaboración do espazo atlántico europeo desde Escocia até as Azores pasando por Galicia e pola Bretaña que busca acadar referentes de eficiencia dos distintos sistemas de producción e difundilos ao tempo que se analiza de xeito conxunto como é a situación da produción leiteira en toda a costa atlántica de Europa. – Cales son os obxectivos do proxecto Dairy for Future? – Temos catro grandes obxectivos, que coinciden cos grandes desafíos do sector lácteo: o económico, o ambiental, o social e o laboral. O primeiro consiste en comprender a resilencia para garantir a seguridade económica das explotacións leiteiras, medindo e reducindo os custos de produción.Imos traballar tamén en determinar aqueles aspectos que poden dar máis valor ao leite dos gandeiros para deste xeito, combinando estes dous factores, redución de custos e incremento de prezos, que poidan quedar máis cartos no peto dos gandeiros. O segundo é a cuestión mediaoambiental, seguir profundizando neste aspecto, especialmente na redución dos gases de efecto invernadoiro e a pegada de carbono do leite. As rexións do espazo atlántico europeo teñen condicións favorables á produción forraxeira, ás leguminosas e ao pastoreo e iso permite obter a pegada de carbono máis baixa do mundo porque este tipo de prácticas permiten a captación de carbono nas pradeiras.
Importamos moitas materias primas para alimentar o gando, por ejemplo soia de países como Brasil ou Arxentina. A idea é adaptar a produción de leite ás características de cada zona para reducir deste xeito os custos e a pegada de carbono das explotacións
En terceiro lugar, queremos identificar aqueles sistemas de manexo que permiten preservar o benestar animal e o cuarto obxectivo consiste en traballar para mellorar o atractivo da profesión de gandeiro e a forma de levar as explotacións cunha boa eficiencia laboral. – No proxecto colaboran 10 rexións, entre elas Galicia ou Bretaña. De onde vén esta colaboración? – Levamos tempo traballando en distintos proxectos conxuntos centros de investigación das distintas rexións productoras de leite de Europa, xa o fixemos en proxectos anteriores como o Green Dairy (2003-2006), Dairyman (2009-2013), Autograssmilk (2013-2015) ou Eurodairy (2015-2018). O espírito é poñer en contacto xente de distintas rexións de Europa. Non se trata de competir entre as distintas rexións nin de ver quen o fai mellor ou quen o fai peor, senón de colaborar para mellorar todos, cada un naqueles aspectos nos que pode mellorar establecendo estratexias adaptadas á situación de cada rexión.
Non se trata de competir entre as distintas rexións nin de ver quen o fai mellor ou quen o fai peor, senón de colaborar para mellorar todos
A zona altántica é unha das mellores zonas para producir leite do mundo. Temos boas condicións para producir máis leite, chove moito e é doado producir forraxe e ter, polo tanto, unha produción a baixo custo e con benestar animal. Importamos moitas materias primas e moitos produtos para alimentar o gando, por ejemplo soia de países como Brasil ou Arxentina. A idea é a produción local e adaptar a produción de leite ás características de cada zona e cada rexión de Europa para reducir deste xeito a pegada de carbono. – O proxecto fala de reducir os custos de produción nas granxas un 10% e a pegada de carbono un 20%. É isto factible? Son dous obxectivos compatibles? – Eu penso que si. Porque hai unha relación entre a produción e a pegada de carbono, porque a pegada de carbono está baseada nas emisións de metano e polo tanto na eficiencia das vacas na dixestión do alimento. Se reduces as emisións de amoniaco e a pegada de carbono fas unha utilización máis eficiente da enerxía. Hai unha relación entre o custo de produción e a pegada de carbono e nós o que dicimos neste proxecto é que é posible lograr na franxa atlántica a menor pegada de carbono do mundo na producción de leite, é posible ser mellores que os neozelandeses.
Podemos ser mellores que os neozelandeses. Sendo máis éficientes é posible reducir a pegada de carbono e ao mesmo tempo aumentar a produción
É posible reducir a pegada de carbono e ao mesmo tempo aumentar a produción. Cando incrementas a eficacia produtiva da granxa reduces custos e pegada de carbono. Para iso hai que reducir o uso de fertilizantes químicos, adaptar a alimentación do gando ás características de cada zona e introducir sistemas innovadores de producción nas granxas. – Como ves o futuro da produción de leite en rexións como Galicia ou como Bretaña? – As 10 rexións participantes no proxecto xuntan 100.000 granxas de produción de leite. A produción de leite no espazo atlántico europeo terá futuro se conseguimos posicionala nun modelo de produción intermedio, que por un lado sexa aceptado polos consumidores e a sociedade en xeral e ao mesmo tempo que teña uns custos de produción baixo control, baseados nos recursos locais e con baixo impacto ambiental. Cando teñamos un sistema de produción de leite aceptado polo consumidor será posible poñer en valor produtos como o leite, o iogur, a manteiga ou os queixos e desta forma lograr que esa valorización se traslade tamén ao gandeiro.