Archives

Convocadas as axudas para a instalación de enerxías renovables e de mellora da eficiencia enerxética no agro

Ata o 29 de maio pódense solicitar as axudas da Axencia Instituto Enerxético de Galicia (Inega) para proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables eléctricas e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria para o ano 2024 cofinanciadas polo FEADER.

1. Actuacións subvencionables

Serán subvencionables as seguintes actuacións que se executen en zonas rurais da Comunidade Autónoma de Galicia (consultar listaxe de parroquias elixibles) e presenten un investimento mínimo de 5.000 euros (IVE non incluído): a)    Proxectos de enerxías renovables eléctricas:  Serán subvencionables os custes dos investimentos necesarios para o desenvolvemento de instalacións que xeren electricidade a partir de fontes de enerxías renovables. En concreto, serán subvencionables as instalacións de xeración eléctrica mediante tecnoloxía fotovoltaica ou minieólica (aos efectos desta convocatoria considérase minieólica aquelas instalacións cunha potencia nominal inferior ou igual a 100 kW) asociadas a algún centro de traballo do sector agrícola primario na modalidade de subministración con autoconsumo. Os módulos fotovoltaicos deberán ter unha eficiencia enerxética igual ou superior ao 20 % para unha irradiación de 1000 W/m2 e a unha temperatura de 25 ºC. O investimento elixible máximo por potencia unitaria nominal da instalación será de 1.100 €/kW para instalacións fotovoltaicas e 2.500 €/kW para instalacións minieólicas, IVE non incluído.  Aos efectos destas bases considérase potencia nominal da instalación a potencia mínima entre a potencia nominal dos inversores e o sumatorio da potencia pico dos paneis/aeroxeradores instalados. En instalacións illadas da rede a potencia nominal coincidirá co sumatorio da potencia pico dos paneis/aeroxeradores instalados.  b) Proxectos de aforro e eficiencia enerxética Será subvencionable o sobrecusto de investimento necesarios para lograr un nivel máis elevado de eficiencia enerxética.  As actuacións deben xustificar un aforro enerxético mínimo en relación a situación inicial de 0,1 kWh de enerxía final por cada euro de investimento elixible. Non serán subvencionables a instalación de equipos de enerxía alimentados por combustibles fósiles, incluído o gas natural.

2. Características das axudas

A convocatoria conta cun orzamento de 1.276.330,00 € financiada con fondos FEADER desagregado en 1 millón de euros para proxectos de enerxías renovables eléctricas e 276.330 euros para proxectos de aforro e eficiencia enerxética. A concesión das axudas realizarase en réxime de concorrencia competitiva, asignando os fondos en función dos seguintes criterios de baremación: 1.  Características técnicas (ata 50 puntos) Para proxectos de aforro e eficiencia enerxética valorarase o cociente de aforro de enerxía por cada euro de investimento elixible (kWh de aforro/ € de investimento elixible),  Para proxectos de enerxías renovables valorarase:  A) Incidencia do custo enerxético na competitividade do centro de traballo: Valorarase a razón de 3 puntos por cada 1 % que representen os custos enerxéticos da empresa en relación cos custos totais no último exercicio do que se teña información ata un máximo de 30 puntos.  B) Instalacións renovables preexistentes. • Con instalación preexistente da mesma tecnoloxía renovable: 0 puntos. • Sen instalación preexistente da mesma tecnoloxía renovable: 20 puntos. 2.  Explotacións agrarias prioritarias (ata 20 puntos) Outórgase 20 puntos as explotacións inscritas na sección de explotacións agrarias prioritarias do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REAGA).

3. Localización xeográfica do proxecto (ata 30 puntos)

Valoraranse os proxectos en función da renda dispoñible bruta por habitante do concello no que se desenvolvan priorizando os que se ubiquen en zonas economicamente menos favorecidas. A puntuación mínima requirida para que o proxecto cumpra a finalidade da convocatoria e se considere subvencionable se establece en 30 puntos. 3. Presentación de solicitudes O prazo de presentación de solicitudes comeza o día 30 de abril ás 09:00 horas, e permanecerá aberto ata as 23:59 horas do 29 de maio de 2024.  So se admite a presentación electrónica.  Os interesados realizarán ás solicitudes a través da aplicación informática habilitada para encher os formularios normalizados e presentalos electronicamente xunto coa documentación complementaria dixitalizada que se indica nas bases reguladoras. 

4. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, os suxeitos que se enumeran a continuación: A) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, incluídas no sector de produción agrícola primaria. Considerarase sector de produción agrícola primaria as actividades incluídas na sección A e en concreto as clases da 1.11 a 02.40 do CNAE-2009 ambas incluídas. Tamén serán subvencionables as actividades contempladas no IAE que se correspondan con estas clases do CNAE 2009. Ós efectos destas bases terase en conta a definición de empresa recollida no anexo I do Regulamento 651/2014 no cal se considerará empresa toda entidade, independentemente da súa  forma xurídica, pública o privada, que exerza unha actividade económica. B) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía. Os centros de consumo nos que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases e, en concreto, desenvolver algunha das actividades recollidas no apartado anterior.

5. Período de execución e xustificación actuacións subvencionables

O prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez se teña efectuada a solicitude de axuda e rematará 15 de outubro de 2024. A xustificación por parte beneficiarios deberá realizarse a través da aplicación no prazo límite de 15 de outubro de 2024.

6. Contía máxima das axudas

A contía da axuda será do 30 % do custe elixible da nova instalación, cun máximo de 100.000 euros por proxecto e de 300.000 € por empresa, salvo no suposto de instalacións de autoconsumo colectivo no que se establece unha axuda máxima de 500.000 € por proxecto e de 500.000 € por empresa. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

7. Máis información

Para solicitar máis información pode poñerse en contacto no teléfono: 981 54 15 23 / 981 54 15 14.

É urxente investir en enerxía fotovoltaica nunha explotación gandeira?

Diante do barullo de datos de produción, de porcentaxes de aforro estimados, de importe de subvención, de prazos de amortización, etc; datos moitas veces distorsionados ou cando menos non sempre precisos, vaiamos ás certezas xerais.

Non pode existir nada máis barato, máis sostible, e máis eficiente que producir a nosa propia electricidade no tellado da propia nave onde temos o consumo. En termos comparativos con outros custos que temos na explotación sería como poder producir o noso millo e/ou forraxe na propia parcela onde temos a nave.

Resulta obvio que as explotacións ganderías demandan e van demandar cada día máis electricidade. Todas as melloras que poidamos introducir van levar consigo un aumento da demanda de enerxía. En fotovoltaica o aforro é inherente ó consumo, polo tanto, se imos ter consumo imos ter capacidade de aforro.

Imos co prezo. Sen dúbida variable, estao sendo e seguramente o será máis nun futuro. Acostumarémonos a subas e baixas, a renovar tarifas, a axustar potencias, a adaptar hábitos…mais nada novo para un gandeiro que o fai con moitos outros aspectos do seu traballo diario bastante máis complexos.

Pero sexa cal sexa o prezo, polo volume de consumo o custo vai a ser o suficientemente importante como para, a través do aforro que supón a propia instalación fotovoltaica poder amortizarse nun prazo razoable. Máis que razoable diríamos, se a comparamos con outros investimentos aos que temos que facer fronte nunha explotación.

E por último; podemos facelo. Noutros custos non temos marxe de manobra, non dependen de nós porque veñen dados e non temos máis capacidade de decisión que o prazo de pago no mellor dos casos.

E chegados a este punto a pregunta que nos queda sería: cando facelo? É neste apartado, baixo o meu punto de vista, onde resulta determinante poder solicitar as axudas. Vale que o investimento é amortizable sen axuda, pero neste momento seguramente con data de caducidade próxima (de aí o de urxente), vou poder percibir unha axuda que me reducirá os prazos de amortización á metade. Creo que non debemos desaproveitalo.

Pablo García

INOCUATECH

Máis información: 

627 903 058 

inocua@inocuatech.com

Granxas desconectadas da rede eléctrica: Unha opción para non depender do prezo da luz

O autoconsumo eléctrico é xa unha posibilidade real para as explotacións gandeiras. Os avances logrados nos últimos anos na tecnoloxía empregada nos paneis fotovoltaicos e o desenvolvemento das baterías fai posible que unha granxa de polos, de porcos ou de vacas leiteiras poida estar totalmente desconectada da rede eléctrica.

En Galicia existen xa casos deste tipo, desenvoltos pola empresa Ecogal, unha das compañías líderes no sector das enerxías renovables. “Máis de 500 explotacións gandeiras teñen confiado nos últimos 10 anos nos nosos servizos para dotarse de instalacións de enerxía solar, a inmensa maioría delas están conectadas á rede, pero outra parte, que representa xa o 7% do total, son instalacións illadas da rede”, explica Manuel Varela, socio de Ecogal.

Boa parte das explotacións que optan por desconectarse da rede eléctrica son de porcino, pero tamén as hai no sector da avicultura, tanto granxas de polos e pavos como de galiñas (por exemplo, unha de 14.000 poñedoras totalmente illada existente en Rodeiro) e no vacún de leite, con casos de ganderías máis de 100 vacas totalmente autosuficientes enerxeticamente.

Cun investimento de 15.000€ logras unha instalación de porcos illada, porque os consumos enerxéticos son menores que en avicultura ou en vacún de leite

Non depender dunha compañía subministradora ten vantaxes, como a de non estar condicionado polas flutuacións de prezo do mercado eléctrico, cuxas subas moitas veces pon en risco mesmo a propia viabilidade das granxas polo encarecemento dos custos de produción.

Problemas frecuentes en Galicia: baixa potencia contratada e mal estado das liñas

Pero o feito de ser independente enerxeticamente tamén resolve outros problemas derivados do mal estado das liñas, as deficiencias de mantemento e a saturación dos transformadores, o que provoca en moitos casos caídas de tensión.

“Os paneis fotovoltaicos axudan moito nos finais de liña sobre todo, porque se consume a enerxía onde se produce e hai que ter en conta que as perdas por transporte son elevadas. E se se acompañan os paneis de baterías físicas, a estabilidade da rede mellora moito”, explican en Ecogal.

É habitual que haxa un desfase de máis do 50% entre a potencia de consumo e a contratada e iso limita moito o número de placas que se poden poñer

Un dos problemas frecuentes en moitas ganderías á hora de poñeren enerxía solar nos teitos das súas naves é o desfase entre o consumo real necesario e potencia contratada. “En Galicia atopámonos coa baixa potencia eléctrica contratada, sobre todo en granxas que levan 20 anos funcionando, e que foron aumentando tanto ao gando como ás máquinas que precisan no día a día pero sen incrementar a potencia”, indican.

Iso fai que o tamaño da instalación solar fotovoltaica non permita cubrir todas as necesidades da explotación. “É unha limitación importante porque non podemos instalar máis potencia da que teñen contratada e adecuar as instalacións para poder pedir un aumento de potencia xa supón máis gasto”, recoñece Manuel, que aclara que “é raro que poidamos instalar nunha granxa a mesma potencia de consumo que teñen contratada; o habitual é que teñan un desfase de máis da metade”, explica.

Estudo pormenorizado de consumos

A posta en marcha dunha instalación de enerxía solar fotovoltaica nunha gandería comeza sempre cun estudo de consumos da explotación, que é máis pormenorizado no caso das instalacións illadas. “Non tes plan B, polo que non pode fallar nada”, recoñece Manuel.

“Hai que facer un compendio entre medidas correctoras e instalación de placas fotovoltaicas. Nós o primeiro que miramos ao chegar a unha granxa son as medidas de eficiencia enerxética a implementar. Hai que axudar ao gandeiro a optimizar o seu consumo. Son pequenos investimentos comparados cos da propia instalación solar”, asegura.

Hai que axudar ao gandeiro a optimizar o seu consumo; o quilovatio máis intelixente é o que non se consume

“Moitas veces non se trata de producir moita enerxía, senón de reducir primeiro o consumo para que a necesidade de produción de enerxía sexa menor”, recomendan desde Ecogal, que fan fincapé na sensibilización social. “Hai que avanzar na cultura do aforro enerxético e a boa utilización da electricidade, ao igual que se fai co consumo de auga”, din.  

Medidas de eficiencia enerxética no muxido e enfriamento do leite

“O quilovatio máis intelixente é o que non se consume e unha gandería só con medidas correctoras pode correxir entre o 15 e o 20% do seu consumo. É un plus que nós lle ofrecemos”, explica Manuel.  

A sala de muxido e o tanque de frío do leite representan entre o 70 e o 80% do consumo dunha explotación leiteira. Por iso, din en Ecogal, é o primeiro punto onde hai que centrar os esforzos en materia de eficiencia enerxética.

A sala de muxido e o tanque de frío representan entre o 70 e o 80% do consumo eléctrico dunha explotación leiteira

“Hai moitos consumos ocultos nas granxas”, din. Por exemplo, “hai moitos motores de salas de muxido que non teñen aínda variadores de frecuencia e xeran moita enerxía reactiva que agora penaliza na factura. Iso cunha simple batería de condensadores, que custa 1.500€, pode correxirse. Esa granxa amortiza ese investimento en só 5 meses co que aforra na factura, porque ademáis de eliminar os cargos pola enerxía reactiva, o consumo tamén baixa porque o motor arrinca moito máis despacio”, explican.

No caso dos tanques de frío, unha medida interesante son placas as intercambiadoras que extraen o calor do leite que vén da sala de muxido, co que quentan auga ao tempo que arrefrían o leite, reducindo tamén o consumo do tanque.

ECOGAL

Teléfono: 982603270

Email: administracion@ecogal.es

Web: www.ecogal.es 

Francisco Gallardo (Gandería Gallardo SC): “Cargamos as baterías cos paneis solares e chéganos para todo o día”

Gandería Gallardo SC é unha explotación leiteira cun cento de vacas en muxidura ubicada no concello de Mazaricos que está totalmente desconectada da rede. Tomaron esa decisión polas dificultades que atoparon para o enganche do establo novo á liña eléctrica que lles pasaba xusto por diante, un problema que se repite con moita frecuencia en Galicia.

“Cando hai 4 anos fixemos a nova nave solicitamos o enganche á compañía eléctrica a unha liña que nos pasaba pegada. Puxemos dous postes, un para o enganche e outro para o transformador. Gastamos 23.000 euros, pero despois non lles valeu e querían 14.000€ máis”, quéixase Francisco Gallardo, que xunto ao seu fillo Adrián está á fronte desta granxa.

Gastamos 23.000€ para o enganche da luz. Puxemos todo o que nos mandaron (dous postes, un transformador) e despois non lles valeu e querían cobrar outros 14.000€

Ese proceso coincidiu ademais coa suba do prezo da electricidade, que chegou case a duplicarse, polo que optaron por paralizar o enganche á rede e seguir subministrándose dun xerador de gasóleo que mercaran como solución de urxencia.

“Como non nos daban enganchado empezamos a traballar cun grupo electróxeno e decidimos seguir con el. Desa maneira a nós non nos afectaba a suba da luz, porque con 1.500€ ao mes en gasóleo amañabamos, cando moitas granxas nesta zona chegaron a pagar 5.000 e 6.000 euros ao mes naquela época”, aclara Francisco.

Teñen unha potencia fotovoltaica instalada de 32 Kw, suficiente para o funcionamento de todo o establo

Pero para reducir o gasto en combustible e asegurar un subministro máis continuo e estable optaron o ano pasado por instalar placas solares e implementar distintas medidas de aforro enerxético na sala de muxido e a leitería coas que baixar o consumo.

Investiron en total 81.000€, dos que case recuperaron a metade a través das subvencións do Inega. “Polas baterías danche o 70% e polas placas no noso caso foi o 30%”, aclaran. 

Instalar máis baterías para aproveitar a produción dos paneis fotovoltaicos

Gandería Gallardo SC é unha explotación con relevo xeracional que ten previsto aumentar nos vindeiros anos o número de vacas en produción. De feito, instalacións como a sala de muxido xa quedaron previstas para iso.

Instalaron o sistema de placas solares e baterías de almacenaxe da enerxía producida no mes de setembro pasado

Ao aumentaren ás cabezas de gando tamén aumentará o consumo do establo, da sala de muxido e da leitería. Para ter cuberta esa demanda teñen pensado instalar máis baterías de almacenaxe da enerxía producida polas placas solares, xa que “moitas veces cortan a mediodía porque as baterías están xa a tope e non temos onde acumular máis”, recoñece Francisco.

“Cargamos as baterías coas placas solares e se non nos chega acende o xerador de maneira automática, pero a maioría dos días non é necesario que funcione, chéganos co que producen as placas solares”, explica Francisco.

Aforro importante

Poñer os paneis solares coas baterías supúxolles un aforro importante, xa que “o mesmo gasóleo que antes gastabamos nun mes chéganos agora para tres meses e no verán contamos con surtirnos unicamente das placas”, di.

O sistema compleméntase co xerador que xa tiñan na explotación, como garantía en caso de días anubrados ou con pouca produción de enerxía solar, e está totalmente automatizado, de maneira que se o nivel das baterías baixa do 20% acende o xerador para recargalas.

O mesmo gasóleo que antes gastabamos nun mes chéganos agora para tres, e no verán contamos con surtirnos unicamente das placas

Aínda que non sexa necesaria a súa contribución para cubrir o consumo enerxetico da explotación, o xerador está programado igualmente para que prenda 15 minutos todas as semanas como xeito de que o grupo electróxeno estea sempre a punto para entrar en funcionamento en calquera momento que sexa preciso. “Desa maneira non te atopas que cando o necesitas non arranque por falta de uso ou de mantemento”, razoa Francisco.

Medidas de eficiencia enerxética

En paralelo aos investimentos na produción e almacenaxe da enerxía fotovoltaica, fixeron tamén melloras en materia de aforro enerxético na gandería, sobre todo destinadas á redución de consumos na sala de muxido e ao aproveitamento da calor xerada polo tanque do leite.

“O maior consumo dunha granxa de leite é o de muxir e enfriar o leite. Os investimentos en reducir ese consumo desquítanse rápido, porque non é o mesmo que o motor da sala estea a 1.400 voltas que funcionando a ralentí a 300 e non é o mesmo que o tanque tarde hora e media en arrefriar o leite que o faga en media hora”, argumenta Francisco.

Coa instalación dunha batería de condensadores no motor da sala de muxido lograron reducir 12 kw ao día de consumo

“Nós puxemos un variador de frecuencia para o motor da sala de muxido e unha batería de condensadores, mentres que na leitería instalamos un intercambiador de placas, un recuperador de calor e un acumulador de auga quente, que almacena a auga quente que precisamos para lavar a sala de muxido ao mesmo tempo que o tanque arrefría o leite, reducindo tamén o consumo do tanque de frío, pois o leite entra nel a 18 grados en vez de facelo a 33”, explica.

Maior confort para o gando e máis produción

Teñen previsto tamén empregar a auga quente xerada durante o proceso de enfriamento do leite para os bebedoiros das vacas, de maneira que no inverno ao non estar tan fría beban máis e produzan máis leite.

Como nos sobraba enerxía, no mes de setembro tivemos os ventiladores funcionando todo o tempo e as vacas non notaron calor de ningún tipo

Dispoñer de enerxía a custo cero fai tamén que poidan ter en funcionamento, por exemplo, os ventiladores máis tempo sen medo a incrementar o consumo e a factura da luz, mellorando deste xeito o confort e a produción de leite das vacas pola minimización do estrés por calor do gando. 

“No mes de setembro facía calor e puxemos os ventiladores a funcionar en continuo para baixar a temperatura do establo aproveitando a produción de enerxía dos paneis fotovoltaicos, que nos estaba sobrando; se tiveramos que pagar a luz seguramente non os teriamos posto tantos días”, contan.

A cooperativa láctea Grille constitúe unha pioneira comunidade de enerxía renovable dentro do sistema agrogandeiro galego

A sociedade cooperativa Grille, fundada en 1963 por nove familias gandeiras de Mazaricos e cunha produción superior aos 30.000 litros de leite ao día, constituíu unha innovadora comunidade enerxética de fontes renovables en Galicia Grille convértese deste xeito, e grazas ao asesoramento e a planta fotovoltaica instalada nas súas cubertas por E.nova Enerxía, nunha cooperativa pioneira dentro do sistema agrogandeiro galego ao conformar unha comunidade deste natureza, que ten como obxectivo acadar o dereito de producir, consumir, almacenar e vender a súa propia enerxía renovable, así como compartir a súa produción no seo da comunidade.

As comunidades enerxéticas son entidades xurídicas baseadas na participación aberta e voluntaria que, entre outras vantaxes, permiten acadar unha determinada independencia enerxética, a cogobernanza sobre os recursos enerxéticos, o aforro nas facturas individuais e unha maior resistencia fronte as convulsións que poden afectarlle ao mercado enerxético, tal e como se está a experimentar nos últimos meses por mor do encarecemento do gas, da invasión da Ucraína ou das tensións no pool enerxético. Estas innovadoras comunidades, ademais, procuran o fomento da sustentabilidade, a redución das emisións e a eficiencia enerxética, obxectivos esenciais no proceso de descarbonización que se recollen na lexislación que as regula: a Directiva da UE 2019/944 sobre normas comúns para o mercado interior da electricidade ou o Real Decreto-Lei 23/2020 do 23 de xuño polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Autoconsumo e aforros do 20%

Grille conta na actualidade cunha planta fotovoltaica de 38 kWp, instalada no mes de novembro, e que medrará nunha próxima fase de ampliación até os 80kWp. Coa cifra de produción inicial, Grille SCG cobre un 35% do consumo actual cunha fonte renovable e sen emisións. A enerxía solar que se produce nas cubertas da cooperativa está a implicar aforros do 20% nas facturas nestas primeira fase da comunidade enerxética.

“En Grille, que é unha cooperativa na que traballamos doce persoas, na que contamos con máis de 600 cabezas de gando e realizamos catro ordeños por xornada, precisamos uns 10.000 KW ao día”, explica Pablo Suárez, de Grille SCG, que engade que a redución nas facturas “supera, polo momento, os máis de mil euros” nun contexto de encarecemento da luz. O principal gasto enerxético derívase do arrefriamento do leite nun depósito de 30.000 litros, moi por riba do consumo que implican os sistemas de ventilación, de rego ou da propia sala mecanizada de ordeño. “A experiencia que estamos a ter en Grille indícanos que estas instalacións son o futuro para o sector” sentenza Suárez.

Os paneis da fotovoltaica en Grille administran enerxía a través do sistema de autoconsumo remoto a Ganxabar SCG, cooperativas de gandeiros das comarcas do Xallas e Barcala, que inclúe entidades asociadas dos concellos de Mazaricos, A Baña, Negreira e Santa Comba. A enerxía producida dende Grille achega actualmente unha cobertura próxima ao 40% do consumo e proporciona un aforro de preto do 30%

Sen investimento inicial

Grille SCG conta co asesoramento, o servizo e as instalacións de E.nova Enerxía, enerxética con capital galego especializada nas enerxías renovables como a fotovoltaica, nas fórmulas de autoconsumo e no impulso de comunidades enerxéticas.

A cooperativa acóllese ao modelo PPA (Power Purchase Agreemen), un acordo de compravenda de enerxía a longo prazo polo cal o cliente non realiza o investimento inicial e paga pola enerxía consumida dende a planta, pero a un prezo máis baixo que o de comercialización da electricidade. Deste xeito, Grille aforra dende o primeiro momento e ten a opción de facerse coa propiedade de planta fotovoltaica no momento en que venza o prazo da PPA.

Que hai que saber das axudas para enerxías renovables en vivendas?

Pellets de biomasa.

O Instituto Enerxético de Galicia vén de convocar as axudas para a instalación de enerxías renovables en vivendas. Son apoios que cubren un 50% dos custos da instalación, un nivel de subvención que permite amortizar por completo o investimento ós poucos anos. A este factor, únenselle os aforros de consumo que se logran coas enerxías renovables, tanto en instalacións térmicas para calefacción, como no caso dos paneis fotovoltaicos para produción eléctrica.

A Xunta consignou un total de 2,6 millóns de euros para financiar a instalación de enerxías renovables térmicas (1.150.000 para biomasa, 700.000 para xeotermia, 600.000 para aerotermia e 50.000 de solar térmica). En canto á solar fotovoltaica para a produción de electricidade, destináronse 2 millóns de euros.

En enerxías renovables térmicas, as caldeiras de biomasa representan un aforro de arredor do 50% en relación ós combustibles fósiles (gasóleo, gas natural). Os pellets de biomasa son a enerxía máis barata do mercado, unha situación que se consolidou nos últimos anos tralos incrementos de prezo experimentados polo gasóleo para calefacción e polo gas natural.

O uso da biomasa contribúe ademais a reducir as emisións á atmósfera de dióxido de carbono, un dos gases causantes do cambio climático. “Para vivendas ou edificios xa habitados, a biomasa é a mellor opción; en tanto que para obra nova, as bombas de calor de aerotermia ou xeotermia son tamén unha alternativa interesante”, explica Laura Aldariz, de Tecgal Enerxías, unha empresa con 15 anos de experiencia na instalación de enerxías renovables en vivendas e empresas.

Prazos
A solicitude de axudas para enerxías renovables térmicas orientadas a vivendas particulares ou comunidades de veciños comeza a inicios de marzo, sendo preciso presentar a axuda o antes posible, pois a concesión das axudas resolverase por orde de solicitude.

As solicitudes tramitaranse a través das empresas instaladoras colaboradoras, como é o caso de Tecgal Enerxías. Os prazos de apertura son os seguintes:

– Biomasa (excluída a tipoloxía B2-B3 en zonas non densamente poboadas), o 2 de marzo de 2020, ás 9.00 horas.

– Xeotermia, o 4 de marzo de 2020, ás 9.00 horas.

– Solar térmica, o 4 de marzo de 2020, ás 9.00 horas.

– Aerotermia, o 6 de marzo de 2020, ás 9.00 horas.

Produción de electricidade

Unha segunda vía de apoio para vivendas e edificios residenciais son as axudas para a instalación de paneis solares fotovoltaicos de produción eléctrica. Os paneis fotovoltaicos proporcionan enerxía de autoconsumo para as vivendas e ademais, por primeira vez este ano, poderán xa volcar na rede a enerxía sobrante, en periodos de baixo consumo das vivendas. Os propietarios serán compensados na súa factura eléctrica por esa enerxía ingresada na rede externa.

O prazo de presentación das solicitudes de axuda comezará o 3 de marzo. Igual que no caso das enerxías renovables térmicas, a solicitude correrá a cargo das empresas instaladoras colaboradoras. “É preciso que a persoa ou comunidade de veciños que queira solicitar as axudas nos contacte o antes posible, a fin de preparar toda a documentación do proxecto coa máxima antelación”, explica Laura Aldariz, de Tecgal.

Claves das axudas para enerxías renovables nas granxas

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) vén de convocar subvencións para a instalación de enerxías renovables nas granxas e en empresas agrarias adicadas á produción agrícola. As axudas teñen tres liñas, a de maior cuantía, con 1,9 millóns de euros, é a orientada á produción de electricidade, ben con placas fotovoltaicas, ben con miniaeroxeneradores.

Outra liña, con 580.000 euros, é a destinada a instalacións térmicas, ben de biomasa, ben con bombas de calor de aerotermia ou xeotermia, ou ben con placas solares térmicas. Este ano, como novidade, tamén se inclúen nesta categoría as instalacións de biogás. A terceira liña é a de aforro enerxético nas explotacións, dotada con 20.000 euros.

Para analizar as cuestións que cómpre ter en conta á hora de solicitar as axudas, falamos con Laura Aldariz, de Tecgal Enerxías, unha empresa especializada na instalación de enerxías renovables no agro e que desde o ano 2006 suma máis de 500 kilowatios de potencia de enerxía solar fotovoltaica instalada en granxas galegas.

Que porcentaxe do custo da instalación cobre a axuda?
Para pequenas empresas, como son a gran maioría das granxas, a porcentaxe subvencionable é do 55% da instalación; en tanto que para medianas empresas baixa ó 45% e para grandes empresas ó 35%.

“Coa subvención, unha instalación de enerxía solar fotovoltaica, por exemplo, pódese amortizar nunha granxa en 3 anos. Sen axudas, en 7 anos”, explica Laura Aldariz. Se se ten en conta que son instalacións pensadas para durar ata 40 anos, a súa implantación interesa e bastante.

Coas placas fotovoltaicas, vai ser xa posible subir á rede os excedentes de produción eléctrica, obtendo unha compensación?
Si. Este ano xa se introduce a novidade de que tódalas instalacións fotovoltaicas subvencionadas poderán canalizar os excedentes que teñan á rede, sendo compensadas por elo no recibo da luz.

Esta novidade é especialmente interesante para as granxas con consumos puntuais, como as que usan salas de muxido en lugar de robot, pois durante gran parte do día manteñen un consumo reducido. A opción que tiñan ata o de agora para aproveitar toda a enerxía sobrante que producían as placas era a colocación de baterías, pero iso xa non será preciso, pois poderán subir a enerxía á rede.

Outra opción complementaria que pode ser de interese nas granxas de leite é a instalación dunha batería que se aproveite para o suministro de auga quente para tarefas de limpeza.

Que vantaxes ten a instalación de equipos de enerxías renovables térmicas?
As granxas intensivas que precisan de calor, como as de polos ou pavos, poden aforrar de media un 50% de consumos se optan por unha caldeira de biomasa de pellets. Se se trata de grandes instalacións abastecidas por estelas, o aforro pode chegar ó 70% en comparación cos combustibles fósiles.

Tamén é unha opción o suministro de aire quente por bombas de calor de aerotermia ou xeotermia, sempre que se traballe con baixas temperaturas.

En canto ó biogás, é unha tecnoloxía pouco implantada en Galicia, se ben desde Tecgal contan con que ao longo desta década se vaia popularizando.

Que prazo hai para tramitar as solicitudes de axuda?
En teoría, do 10 de febreiro ó 15 de maio do 2020. Pero como as axudas se atenden por orde de entrada, “na práctica haberá que presentar a solicitude o día 10 de febreiro o antes posible porque previsiblemente se agote a partida dispoñible ese mesmo día”, advirte Laura Aldariz.

En Tecgal Enerxías encárganse de toda a tramitación das axudas, pero é preciso que as ganderías interesadas contacten con antelación suficiente para preparar a documentación. Desde Tecgal recomendan que da tramitación se encargue sempre unha empresa instaladora, pois outros anos houbo casos de granxas que non puideron presentar a solicitude a tempo por erros evitables.

Más información
Web de Tecgal Enerxías

Convócanse as axudas para enerxías renovables no sector agrario

Paneis fotovoltaicos.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) convoca hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) as axudas para a instalación de equipamentos de produción de enerxías renovables no agro. Poderán acceder ás axudas as empresas agrarias adicadas á produción agrogandeira ou autónomos agrarios, pero non particulares.

O prazo de presentación de solicitudes ábrese o 10 de febreiro e teranse en conta por orde de entrada

O importe total previsto na convocatoria é de 2,5 millóns de euros, que se dividen do seguinte xeito: 1,9 millóns para instalacións renovables de produción eléctrica (placas solares fotovoltaicas ou equipos minieólicos), 580.000 para enerxía renovable térmica (caldeiras de biomasa, aerotermia, xeotermia, biogás ou placas solares térmicas) e 20.000 euros para proxectos de aforro enerxético.

As subvencións cobren o 35% dos custos subvencionables, cantidade que se elevará nun 20% no caso das pequenas empresas e nun 10% nas medianas empresas. Só se subvencionarán proxectos que estean dimensionados para o consumo existente no centro de traballo. Se a potencia instalada fose superior ás necesidades, minorarase o importe da subvención na porcentaxe que corresponda.

As solicitudes resolveranse por orde de entrada no rexistro. O prazo de presentación de solicitudes ábrese o 10 de febreiro e remata o 15 de maio do 2020.

As granxas con enerxías renovables por fin poderán vender os excedentes de electricidade

O Consello de Ministros aprobou un Real Decreto polo que se regulan as condicións administrativas, técnicas e económicas do autoconsumo en España. A novidade máis importante é que permite aos particulares ou empresas que teñan instaladas enerxías renovables (fotovoltaica, biomasa, eólica..etc) que vendan os seus excedentes ás compañías eléctricas, facendo un balance a final de mes entre o que consomen e o que gastan. Isto reducirá considerablemente a súa factura eléctrica e o prazo de amortización destas instalacións. En concreto, o Real Decreto, que se prevé que se publique no BOE a próxima semana, habilita a figura do autoconsumo colectivo, que fomentará esta fórmula nas comunidades de propietarios ou en polígonos industriais; reduce os trámites administrativos, especialmente no caso dos pequenos autoconsumidores, e establece un mecanismo simplificado de compensación da enerxía autoproducida e non consumida. E é que até o momento, só existía unha posibilidade, o autoconsumo individual conectado a unha rede interior. É dicir, todo a enerxía que producía por exemplo, unha instalación fotovoltaica nunha gandaría e non se consumía, perdíase, ao non poder vendela á rede. A única alternativa era contar cunhas baterías para o seu almacenamento, pero isto encarecía sensiblemente a instalación.

Compensación de excedentes

Afortunadamente, a partir de agora co Real Decreto aprobado hoxe, a comercializadora de enerxía compensará ao usuario pola enerxía excedentaria en cada factura mensual. Este mecanismo é aplicable para aquelas instalacións cunha potencia non superior a 100 quilowatts (kW) e sempre que produzan electricidade a partir de enerxía de orixe renovable. A compensación económica pode chegar até o 100% da enerxía consumida polo usuario nese mes. Doutra banda, e no caso do autoconsumo colectivo, o Real Decreto tamén abre a porta a que un consumidor poida aproveitar os excedentes do seu veciño e coparticipe de autoconsumo, se este non está a consumir o seu parte proporcional de enerxía. Co obxecto de impulsar o desenvolvemento do autoconsumo e ofrecer facilidades á cidadanía, a norma abre a posibilidade de que todas as comercializadoras poidan ofrecer servizos de autoconsumo renovable. A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, que ha validado esta medida, supervisará a evolución do mercado e, no caso de que xurdan problemas de competencia, poderá propor ao Goberno o establecemento de restricións a determinadas compañías. Ademais, o Real Decreto clasifica e define as distintas clases de autoconsumo. Coa nova norma, conságrase a figura do autoconsumo colectivo, de tal forma que varios consumidores poidan asociarse a unha mesma planta de xeración, feito que impulsará o autoconsumo en comunidades de propietarios ou entre empresas ou industrias situadas nunha mesma localización. Asemade, defínese o concepto de "instalación de produción próxima ás de consumo e asociada ás mesmas". Con esta figura, permítese realizar o autoconsumo tanto con instalacións de xeración situadas na mesma vivenda -única posibilidade contemplada até a data-, como noutras que estean situadas nas proximidades. Así, por exemplo, poderanse instalar placas fotovoltaicas en edificios contiguos que teñan mellor orientación, sempre que haxa acordo entre as partes.

Simplificación administrativa

O Real Decreto reduce os trámites administrativos para todos os usuarios. No caso do pequeno autoconsumidor (instalacións de até 15kW ou de até 100kW, en caso de autoconsumo sen excedentes), redúcense a unha única xestión: notificar a instalación dunha planta de produción eléctrica na súa correspondente comunidade ou cidade autónoma. O rexistro estatal nutrirase da información remitida polas administracións autonómicas. Ademais, para as instalacións de menos de 100kW en baixa tensión, as administracións solicitarán información a partir dos datos do certificado electrotécnico da instalación. Así mesmo, articúlase un procedemento para que sexa o distribuidor quen modifique o contrato de acceso dos pequenos consumidores que realicen autoconsumo e este só teña que manifestar o seu consentimento. De igual modo, simplifícanse drasticamente as configuracións de medida para que, na maioría dos casos, baste cun só contador no punto fronteira coa rede de distribución, o cal supón unha redución de custos. No caso de autoconsumo colectivo, tamén será necesario medir a enerxía xerada con outro equipo para facer a repartición de enerxía" entre os consumidores participantes. Desde o punto de vista da seguridade industrial, modifícase o regulamento electrotécnico de baixa tensión para regular os dispositivos antivertidos e os kits autoenchufables, garantindo que o desenvolvemento do autoconsumo é compatible coa protección das persoas e equipos.

Carlos Barbosa (Volfer): "Para unha granxa de vacún de vacún de leite o aforro no consumo de electricidade pode chegar ao 50%"

Carlos Barrosa, director comercial de Voltfer, empresa líder en Galicia en instalacións fotovoltaicas para o sector agrogandeiro, destaca que "este Real Decreto é moi positivo tanto para particulares como para granxas a industrias, pois lles vai a permitir aumentar o aforro na súa factura eléctrica e reducir o prazo de amortización das instalacións". "No caso dun fogar, durante o día a instalación fotovoltaica vai xerar enerxía, da que o normal é que consuma moi pouco, pero que se venderá á rede, compensando o consumo que se produza durante a noite. É dicir, a rede eléctrica vai ser nosa batería", explica. No caso de gandarías de vacún de leite, o responsable de Voltfer destaca que "vai ser moi positivo, xa que até agora as horas de ordeño non adoitaban coincidir coa hora de máis produción de enerxía fotovoltaica. A partir de agora véndese á compañía eléctrica e compénsase o que consumimos co que vertemos, co que podemos pasar de aforrar entre un 30 e un 40% no consumo de enerxía a chegar ao 50%". Ademais, o balance neto tamén reducirá o prazo de amortización das instalacións: "Estamos a falar que, sen subvención, unha instalación deste tipo, que ten unha vida útil garantida de 25 anos, amortizábase nuns 6 anos ? un ano menos no caso de que conte con axudas- e co balance neto podería baixar até os 5 anos", destaca.

Axudas a particulares para instalar enerxía fotovoltaica ou caldeiras de biomasa

O Instituto Enerxético de Galicia publica este martes no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas para proxectos de enerxía solar fotovoltaica e térmica. As subvencións están dirixidas a particulares para o ano 2019.

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de calquera dereito sobre un inmoble de dereito residencial ou as comunidades e mancomunidades de veciños, sempre que as actuacións subvencionables se realicen en vivendas ou edificios do sector residencial. . Así mesmo, as agrupacións de persoas físicas privadas sen personalidade.

As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude e ata o esgotamento do crédito, do cal se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 1.450.000 € para as axudas para enerxía fotovoltaica e 2.506.000 €. para as subvencións para enerxía térmica (biomasa, xeotermia…etc). No segundo caso repartiranse do seguinte xeito:

-Biomasa (excluida tipología B2-B3 en zonas no densamente pobladas): 1.000.000 €
-Geotérmica: 956.000 €
-Aerotérmica 500.000 €
-Solar térmica: 50.000 €

As entidades colaboradoras adheridas son as encargadas de tramitar o procedemento. As solicitudes de axudas presentaranas as entidades colaboradoras segundo o modelo do anexo II desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.Prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

O prazo de presentación das solicitudes de axuda comezará o 8 de abril ás 9.00 horas e finalizará o 1 de xullo de 2019.

Convocatoria de axudas a particulares para a instalación de enerxía fotovoltaica.

Convocatoria de axudas a particulares para a instalación de enerxía térmica.

O parque fotovoltaico de Aira permitiralle aforrar uns 18.000 euros na súa factura eléctrica

A cooperativa Aira acaba de pór en funcionamento unha planta fotovoltaica na súa fábrica de pensos de Taboada (Lugo) que lle permitirá xerar enerxía para abastecer un 10% da demanda eléctrica desta industria, cun aforro estimado de 18.000 euros anuais.

Trátase da primeira gran aposta desta cooperativa agroalimentaria polas enerxías limpas, a sustentabilidade e a redución da dependencia enerxética, para o que confiou na experiencia de Voltfer, empresa do vigués Grupo Alvariño especializada en solucións en enerxías renovables para particulares e empresas.

Previsión de amortizar a instalación en 4 anos

A instalación que acaba de entrar en funcionamento está integrada por un total de 616 paneis solares, con 166kW de potencia e unha produción de 207.500 Kwh/ano. Con esta capacidade de xeración, a cooperativa poderá amortizar o investimento realizado nun prazo de 4 anos, a partir dos cales a enerxía producida terá custo cero.

O director xeral de Aira, Daniel Ferreiro, explicou que esta instalación, que se suma a outra de 100kW na delegación de Aira en Chantada, “é unha mostra da aposta de Aira pola eficiencia enerxética e as enerxías renovables, un compromiso no que seguimos avanzando con novos proxectos”.

Aira suma outros 100 kw de fotovoltaica na súa delegación en Chantada

Neste sentido, subliñou “a importancia das liñas de axudas postas en marcha polo Inega para financiar proxectos de eficiencia enerxética en empresas do sector primario, da que se beneficiou esta instalación”.

Pola súa banda, o director de Voltfer, José María Fariña, apuntou que “os sistemas de autoconsumo fotovoltaico supoñen a mellor opción para optimizar as posibilidades de aforro enerxético en empresas do sector agroalimentario e explotacións agrarias”.

“A tecnoloxía solar fotovoltaica é a forma máis rendible e eficiente de xerar enerxía no mesmo lugar da súa utilización, é máis competitiva que a xeración de enerxía mediante métodos tradicionais, non renovables, e ademais hai que destacar a súa rápida instalación e practicamente nulo mantemento”, explicou.

Novo modelo enerxético no rural

Ante o incremento constante do prezo da enerxía nos últimos anos, o autoconsumo eléctrico baseado na xeración con fotovoltaica está a ser a clave dun novo modelo enerxético para o rural que xa se está desenvolvendo con éxito nun número cada vez maior de países da nosa contorna.

As industrias agroalimentarias son claras beneficiarias deste novo modelo, que permite reducir dependencia enerxética e esquivar a alza continua de prezos en industrias con elevada demanda.

Ademais, o sector agrogandeiro europeo no seu conxunto está a ser a punta de lanza nesta transición polas claras vantaxes que supón nos resultados da actividade e a óptima adecuación destes sistemas ás necesidades e características propias das explotacións agropecuarias, especialmente as do sector lácteo.

Trátase dun modelo polo cal en Galicia se está apostando xa de maneira decidido, como se desprende dos plans do Goberno galego en materia de enerxía para os próximos anos. Esta estratexia contempla ao sector agrogandeiro e a industria como obxectivos prioritarios, con importantes ordes de axudas autonómicas dirixidas este fin. Un esforzo que apunta á súa continuidade en futuras convocatorias, en liña co cumprimento dos obxectivos de xeración enerxética con renovables acordados pola Unión Europea.

A estas vantaxes hai que engadir a seguridade xurídica. A fotovoltaica está regulada polo RDL 15/2018 e exenta de calquera imposto, tras a recente supresión do imposto ao sol, que supón claro apoio ao futuro desta tecnoloxía para a xeración enerxética.

Instalacións industriais

Neste contexto, a industria galega, especialmente do sector alimentario e agroalimentario está a facer unha aposta decidido por estes sistemas de xeración enerxética.

Nos últimos meses, Voltfer puxo en marcha outras importantes instalacións en industrias do sector, como Frigoríficos Frioya, en Chapela (Redondela) ou Biscuits Galicia (O Porriño), aos que se sumarán proximamente outras empresas galegas de referencia.

Instalación fotovoltaica na fábrica de pensos de Aira en Taboada: 

Enerxías renovables para explotacións gandeiras e vivendas do rural

As enerxías renovables ofrecen no rural a posibilidade de altos aforros enerxéticos, tanto en vivendas como en explotacións gandeiras. En vivendas, a instalación de caldeiras de biomasa pode xerar aforros de ata un 50-70% en comparación cos combustibles fósiles. Para as explotacións gandeiras, a derogación do chamado imposto ó sol abre as portas á popularización dos paneis fotovoltaicos no agro, que se poden amortizar nun periodo de 6-8 anos, ou na metade de tempo se se montan con axudas públicas.

Analizamos as diferentes posibilidades con Tecgal Enerxías, unha empresa de Lugo especializada na instalación de enerxías renovables. Tecgal iniciou a montaxe de paneis fotovoltaicos conectados á rede no 2006 e nos últimos anos puxo máis de 500 kilowatios de instalacións solares de autoconsumo. Foi ademais a primeira firma da comunidade en acometer proxectos de enerxía xeotérmica para calefactar.

Caldeira de biomasa.

Caldeiras de biomasa para vivendas
A Xunta vén de abrir o prazo das axudas para a instalación de caldeiras de biomasa en vivendas de zonas rurais. As subvencións, que cubren ata un 50% dos custos, financian a compra e montaxe de equipos de biomasa abastecidos por pellet ou estelas. Non se financian lareiras nin o cambio de queimadores en caldeiras de combustibles fósiles.

O prazo da solicitude das axudas, que deben tramitarse a través das entidades colaboradoras, conclúe o 28 de febreiro.

Paneis fotovoltaicos para explotacións gandeiras
A instalación de paneis fotovoltaicos en explotacións gandeiras é unha das principais vías que se abren no agro para o autoconsumo enerxético. Coa derogación do imposto ó sol, ademais, os paneis poderán conectarse á rede, de xeito que comercializarán na rede a enerxía sobrante, sendo compensada a explotación por esa venda. É o chamado autoconsumo con balance neto, un sistema que aprobou o Congreso o pasado outono e que se concretará de xeito inminente na correspondente regulación.

“Unha instalación fotovoltaica queda amortizada nun periodo de 6-8 anos, a metade se se monta con axudas” (Laura Aldariz, Tecgal)

As explotacións que instalaban ata agora paneis fotovoltaicos para o autoconsumo beneficiábanse en especial no caso de ganderías cun consumo continuo, como as que teñen robots de muxido, pero a partir de agora, coa posibilidade da venda da enerxía á rede, o sistema é máis vantaxoso. “A instalación pode quedar amortizada nun periodo de 6-8 anos, a metade se se conta con axudas públicas para a montaxe, e a súa vida útil pode chegar ós 40 anos. O normal é que se garanta que a instalación manterá unha produción do 90% ós 10-12 anos”, explica Laura Aldariz, xerente de Tecgal.

Para unha granxa media, é suficiente cunha instalación duns 20 kilowatios, en tanto que explotacións dunhas 150 vacas poden chegar a precisar 30-40 kilowatios. Coa nova normativa, as explotacións poderán ademais instalar maior potencia en paneis fotovoltaicos da que teñen contratada coas empresas eléctricas, unha cuestión que ata agora estaba limitada.

“Enténdese que pode ser precisa a instalación de maior potencia para abastecer o consumo da explotación. A instalación dunha maior potencia permite aforrar máis”, sinalan desde Tecgal.

O sector agarda a pronta convocatoria das axudas para instalación de paneis fotovoltaicos e outras enerxías renovables no agro.

Instalacións minieólicas
En zonas ventosas, a instalación de miniaeroxeneradores é un posible complemento ós paneis fotovoltaicos. “Permite producir enerxía pola noite ou en días malos de inverno nos que as placas producen pouco”, explica Laura Aldariz. “O normal ata agora é que estas instalacións se fixesen en zonas illadas, sen rede eléctrica, pero son tamén un posible complemento para aforrar enerxía”, valora.

Aforro enerxético coas baterías de condensadores

Outra cuestión que é de interese nas explotacións gandeiras para o aforro enerxético é o uso de baterías de condensadores. Trátase dun sistema que permite evitar as penalizacións das compañías eléctricas pola enerxía reactiva, aquela que non se consume pero que se perde na instalación eléctrica da gandería.

Para baixar o importe da factura eléctrica, é posible reducir a enerxía reactiva absorbida pola instalación co uso de baterías de condensadores. Estas baterías de condensadores, que redistribúen a enerxía reactiva, permiten o aforro enerxético e unha diminución da factura da luz.

Para calcular a batería de condensadores que mellor se adapta a cada caso, en Tecgal estudan a factura eléctrica da explotación e as características da súa instalación.

Máis información
Web de Tecgal Enerxías.

A enerxía fotovoltaica: Unha alternativa de aforro para o sector agrogandeiro

Voltfer, división do Grupo Alvariño especializada en solucións en enerxías renovables para particulares e empresas, apunta aos sistemas de autoconsumo fotovoltaico como a mellor opción para optimizar as posibilidades de aforro enerxético en explotacións agrarias, gandeiras e empresas do sector agroalimentario.

Así o asegurou José María Fariña, director de Voltfer e enxeñeiro da firma viguesa, no marco dun relatorio técnico dentro da Xornada “Xera a túa propia enerxía: Enerxías Renovables no sector agroalimentario”, organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) e que se celebrou recentemente en Santiago de Compostela.

Ante o incremento constante do prezo da enerxía nos últimos anos, Fariña explicou que o autoconsumo eléctrico baseado na xeración con fotovoltaica está a ser a clave dun novo modelo enerxético para o rural que xa se está desenvolvendo con éxito nun número cada vez maior de países da nosa contorna.

“O sector agrogandeiro europeo está a ser a punta de lanza nesta transición polas claras vantaxes que supón nos resultados da actividade e a óptima adecuación destes sistemas ás necesidades e características propias das explotacións agropecuarias, especialmente as do sector lácteo. Tamén as industrias agroalimentarias son claras beneficiarias deste novo modelo, que permite reducir a dependencia enerxética e esquivar a alza continua de prezos en industrias con elevada demanda”, explicou o director de Voltfer.

Un investimento que se amortiza en 4 ou 5 anos

Neste sentido, José María Fariña defendeu que “a tecnoloxía solar fotovoltaica é a forma máis rendible e eficiente de xerar enerxía no mesmo lugar da súa utilización, é máis competitiva que a xeración de enerxía mediante métodos tradicionais, non renovables, e ademais hai que destacar a súa rápida instalación e practicamente nulo mantemento”.

Isto foi posible grazas a unha notable mellora na eficiencia e á importante baixada dos prezos dos paneis solares: Se hai 3 anos estaban a entre 3 e 4 euros o watt hoxe cómpranse a 40 céntimos.

Cóbrese de media o 40% da demanda eléctrica dunha explotación gandeira

Segundo destacaron desde VOLTFER, unha instalación fotovoltaica de entre 30 e 40 kw custa ao redor de 50.000 euros, que quedaría na metade se recibe axudas da Xunta de Galicia. Desta forma, cubriría o 40% da demanda eléctrica dunha explotación gandeira, cun prazo de amortización de 5 anos, e unha vida útil de ao redor de 30 anos. A clave é un deseño profesional da instalación e adaptado a cada caso para que o período de retorno sexa máis curto.

“En explotacións gandeiras conseguimos retornos de investimento moi interesantes, aos 4 ou 5 anos, o que significa que a granxa en moi poucos anos logra unha elevada cota de independencia enerxética, e a partir de aí, unha vez amortizada, ese 40% de aforro son beneficios para o gandeiro”, engadiu José María Fariña.

A estas vantaxes hai que engadir a seguridade xurídica: “A fotovoltaica a día de hoxe está perfectamente regulada polo RDL 15/2018 e exenta de calquera imposto, tras a recente supresión do imposto ao sol, que supón toda un respaldo ao futuro desta tecnoloxía para a xeración enerxética. Nun futuro próximo esperamos que tamén se poida vender esta enerxía á rede, co que a rendibilidade para o gandeiro será mesmo moito maior”, concluíu.

Próxima convocatoria de axudas da Xunta

En febreiro está previsto que se convoquen as axudas específicas do INEGA para a instalación de enerxías fotovoltaica, entre outras renovables, no sector primario. Estas axudas, do mesmo xeito que xa sucede actualmente, cubrirán de media o 50% do custo da instalación.

Máis información:

-10 claves para instalar enerxías renovables nas explotacións gandeiras

10 claves para instalar enerxías renovables nas explotacións gandeiras

As enerxías renovables están cada día máis presentes nas explotacións gandeiras españolas, de momento para abaratar notablemente a factura eléctrica -ata nun 40%-, pero nun futuro próximo, cando poidan vender á rede os excedentes da electricidade que producen, como unha importante fonte de ingresos, algo do que xa se aproveitan desde hai anos miles de gandeiros en Alemaña, Francia ou Dinamarca. Neste sentido, e tras un incomprensible “imposto ao sol” que penalizaba o autoconsumo destas enerxías, o Goberno central corrixiu o pasado 6 de outubro esta situación ao retirar as trabas ás pequenas instalacións de enerxías renovables para autoconsumo. O seguinte paso, polo que espera con ansia o sector, é regular tanto o balance neto -a diferenza entre a electricidade que unha gandaría verte á rede e a que consome- como a venda directa á rede, o que incrementará notablemente os ingresos e reducirá os prazos de amortización das instalacións de enerxías renovables. Para analizar o novo escenario de oportunidades que se abre para as explotacións gandeiras, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) e a empresa VOLTFER organizaron o pasado xoves en Santiago de Compostela unha xornada baixo o título “Xera a túa propia enerxía: Enerxías renovables no sector agroalimentario”, no que expertos de diferentes empresas do sector (fotovoltaica, biomasa ou biogás) expuxeron as tendencias de futuro en enerxías renovables. Participaron como relatores nesta xornada Mario Fernández, técnico de AGACA; José María Fariña, director de VOLTFER; Mónica Figueroa, responsable do centro tecnolóxico EnergyLab; José Otero, xerente de ISEMPA, e Joaquín Pampillón, do departamento de prescrición de ECOFOREST.

10 claves para a instalación de enerxías renovables no sector agrogandeiro:

Resumimos a continuación 10 das principais conclusións ás que se chegou nesta xornada: -1) As enerxías renovables chegan para quedar. A Comisión Europea estableceu que o 32% da enerxía producida na Unión Europea en 2030 proceda de fontes renovables, como a fotovoltaica, a eólica, a xeotermia ou a biomasa. En caso de incumprimento destes obxectivos os estados membros poderíanse ver sometidos a sancións. -2) Antes de realizar a instalación é necesario estudar cada granxa: O punto de partida debe ser unha análise detallada de cada explotación agrogandeira ou agroalimentaria -do mesmo xeito que calquera outro tipo de instalación- para determinar en que franxas horarias se producen os picos de demanda de enerxía, sexa de electricidade, calor ou frío ou de ambas. Cos resultados decidirase que sistemas de enerxías renovables instalar. Neste sentido, a tendencia é ir cara a un mix de fontes de enerxías renovables. Por exemplo solar fotovoltaica e biomasa, solar fotovoltaica e eólica e mesmo solar fotovoltaica, biomasa e eólica. Desta forma, a fotovoltaica produce durante o día e durante os meses de máis luz solar; a biomasa para os meses de inverno, mentres que a a eólica garante un subministro practicamente continuo. -3) A solar fotovoltaica é hoxe en día a fonte de enerxía máis barata no mercado. Isto foi posible grazas a unha notable mellora na eficiencia e á importante baixada dos prezos dos paneis solares: Se hai 3 anos estaban a entre 3 e 4 euros o watt hoxe cómpranse a 40 céntimos. Segundo destacaron desde VOLTFER, unha instalación fotovoltaica de entre 30 e 40 kw custa ao redor de 50.000 euros, que quedaría na metade se recibe axudas da Xunta de Galicia. Desta forma, cubriría o 40% da demanda eléctrica dunha explotación gandeira, cun prazo de amortización de 5 anos, e unha vida útil de ao redor de 30 anos. A clave é un deseño profesional da instalación e adaptado a cada caso para que o período de retorno sexa máis curto. Fonte: VOLTFER -4) En 2019 haberá axudas específicas do INEGA para a instalación de enerxías fotovoltaica no sector primario. Estas axudas, do mesmo xeito que xa sucede actualmente, cubrirán de media o 50% do custo da instalación. Este ano o INEGA destinou 4,38 millóns de euros a empresas do sector da industria, servizos e agrícola primario para a instalación de enerxías renovables, unha cantidade que se espera se manteña en 2019 e que se melloren os prazos administrativos para a solicitude e xustificación das axudas. -5) Compensa instalar baterías? A instalación de sistemas de baterías que almacenen o excedente de electricidade producido e gardalo para os momentos de máis demanda encarece sensiblemente a instalación e sobe o prazo medio de amortización. Por exemplo, se falamos de combinalas con paneis fotovoltaicos para dos 5 aos 10 anos. Como norma xeral, aconséllase instalar baterías cando a explotación está nun lugar illado que encareza levar até alí a electricidade, cando a factura eléctrica sexa moi elevada ou cando o consumo principal se produza fóra das horas solares. As baterías de chumbo e ácido adoitan ter unha vida útil garantida de 8 anos e as de litio de até 15 anos, podendo en ambos os casos almacenar electricidade por un tempo limitado. A previsión é que o seu prezo baixe no futuro. Outro aspecto a ter en conta é que cando o Goberno regule a venda de electricidade á rede así como o balance neto as baterías deixarán en boa medida de ter sentido, xa que a electricidade se “almacenará” na rede eléctrica, equilibrándose oferta e demanda coas distintas fontes de enerxía. -6) Biogás: unha alternativa de interese para as explotacións gandeiras pero que non é rendible de momento. O biogás -a produción de gas metano a partir os xurros gandeiros- é unha alternativa interesante para as explotacións gandeiras e está xa amplamente implantada en Alemaña, con máis de 10.000 plantas de biogás. O principal freo á súa expansión en España -existen 300 plantas, das que a metade están en plantas de tratamento de residuos urbanos- é o elevado custo das instalacións e o reducido tamaño das explotacións gandeiras, sobre todo en Galicia. Así, para vacún necesítase un mínimo de 250 vacas adultas e 5.000 porcos no caso do porcino. Por outra banda, a produción de biogás será máis eficiente canto menos auga conteña o xurro e cando maior porcentaxe de metano teña o gas que se extrae do purín, sendo o óptimo chegar a un 65%. O residuo orgánico resultante, chamado dixestato, pódese separar en fracción líquida e sólida, e mantén todo o nitróxeno do xurro e mesmo mellora as súas propiedades fertilizantes. -7) Biomasa: A estela é máis competitiva que o pellet. O combustible ideal en biomasa é a estela, posto que xera menos deterioración nas caldeiras que os pellet e é máis barata. Iso si, o inconveniente é o seu maior volume, polo que precisa de silos de maior tamaño. Na maior parte de Europa a estela é a biomasa máis consumida, especialmente en instalacións comunitarias ou industriais. Para medir o potencial enerxético tanto do pellet como da estela a clave é o grao de humidade que presenta. O nivel recomendado é dun 10% para o pellet e do 18% para a estela. Outra gran vantaxe da biomasa é que o seu prezo permanece estable desde hai 10 anos e sen perspectivas de que cambie. O prazo de amortización dunha instalación deste tipo sitúase de media entre os 5 e os 6 anos. -8) Máis eficiente se a enerxía renovable abastece á granxa e á vivenda e máis aínda se é para varias explotacións ou vivendas. Unha instalación de enerxía renovable é moito máis eficiente se traballa moitas horas e se abastece a varias vivendas e/ou instalacións gandeiras. Desta forma, creando unha rede de calor ou de consumo de enerxía eléctrica, existen distintos puntos de consumo e a diferentes horas co que se perde moita menos enerxía sobrante. -9) A bomba de calor ou depósitos de inercia: a opción máis barata de almacenar enerxía. A bomba de calor modulante e os depósitos de inercia están a se implantar cada vez máis. Estes depósitos conteñen auga que é quentada pola enerxía renovable (fotovoltaica, biomasa, eólica...etc) e liberan esta enerxía cando se demanda en forma de calor ou frío, algo especialmente útil para granxas avícolas, de porcino, pero tamén para vivendas...etc. Os expertos calculan que esta tecnoloxía consegue aforros do 70% fronte aos tradicionais sistemas de combustión ou campás eléctricas. -10) Instalación de sistemas xestores enerxéticos. Cada vez máis se implantarán sistemas informáticos intelixentes que xestionarán a enerxía que produzamos coas enerxías renovables para optimizar o seu uso. Por exemplo, se a temperatura da granxa avícola alcanza os 23 graos, considerada a óptima para os animais nese momento, automaticamente o xestor enviará a enerxía que producen os paneis fotovoltaicos ou a biomasa á bomba de calor para o seu almacenamento.

Xornada sobre como xerar enerxía eléctrica na propia granxa ou industria agroalimentaria

O vindeiro xoves, 22 de novembro, celebrarase en Santiago de Compostela a xornada “Xera a túa propia enerxía: enerxías renovables no sector agroalimentario”, organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) xunto con Voltfer, empresa especializada en solucións en enerxías renovables que forma parte do Grupo Alvariño.

A xornada é de carácter gratuíto e celebrarase na sede de AGACA, Rúa Tomiño 22, Entrechán. De 2,5 horas de duración está dirixida a calquera persoa que desexe aforrar no consumo de enerxía da súa explotación gandeira ou industria agroalimentaria.

Un panel de expertos integrado por profesionais de Voltfer, de EnergyLab, ISEMPA e Ecoforest tratarán sobre as instalacións fotovoltaicas para autoconsumo, de biogás en explotacións gandeiras, do emprego da biomasa para usos térmicos e das posibilidades da xeotermia e a aerotermia.

Ademais farase unha breve exposición dos proxectos e iniciativas acometidos por AGACA neste ámbito e rematará cunha mesa redonda onde se analizarán as tendencias e previsións de futuro das enerxías renovables nas cooperativas agroalimentarias de Galicia.

Quen queira acudir deberá inscribirse previamente chamando a AGACA ao 981 584 783.