Archives

As claves do ensilado de forraxes: Afondando na fase anaeróbica

Despois de analizar os fundamentos clave do ensilado para garantir unha boa conservación das forraxes, Ramiro Fernández Vuelta, xefe de Desenvolvemento de Negocio de Rumiantes en De Heus Nutrición Animal, analiza nesta nova entrega a fase anaeróbica do silo, unha vez que este foi tapado.

Unha vez que o osíxeno foi desprazado da masa do silo, comeza a fase anaeróbica, caracterizada por un complexo grupo de microorganismos. Debemos lembrar a influencia do manexo na duración da fase aeróbica. O tipo de almacenamento, as estruturas dos silos -paredes, solos e altura dos mesmos-, o tempo de pisado, a maquinaria utilizada e a materia seca do material serán fundamentais para definir a cantidade de aire na masa do silo e, como consecuencia, a duración da fase aeróbica, ademais, por suposto, das perdas de almacenamento.

Como exemplo de estruturas, existe unha ecuación que cruza datos de materia seca do material, altura do silo e a presenza ou non de solo de cemento e paredes:

Como se pode observar no cadro, un silo de raygrass con máis de 35% de materia seca, unha altura de paredes superior a 1,8 m e chan de cemento pode almacenar polo menos 35-40 kg máis de materia seca por metro cúbico que un silo de menos de 1,3 m sen paredes nin chan de cemento, e seguramente a fase aeróbica será significativamente máis curta e as perdas moi inferiores.

Bacterias -coliformes- produtoras de ácido acético:

– Poden desenvolverse con ou sen aire.
– Degradan aos azucres en ácido acético, alcol e dióxido de carbono.
– Teñen maior actividade con alta humidade na masa ensilada.
– Inhíbense cando o pH descende de 4,5.

Bacterias produtoras de ácido láctico:

-Divídense en homofermentativas e heterofermentativas. As primeiras fermentan aos azucres en ácido láctico (exclusivamente), mentres que as segundas xeran acedo láctico, acedo acético e alcol.

-A temperatura adecuada para o crecemento dos MO, produtores de ácido láctico, varía entre 20º e 37ºC.

-Cando o pH é elevado, aumenta a produción de ácido acético; a medida que este descende, o láctico convértese no ácido dominante, a condición de que sexa adecuado o nivel de azucres na forraxe (millo). En cambio, nas silaxes de leguminosas poden desenvolverse outras fermentacións secundarias que alteran a calidade final, como as que xeran acedo butírico (cheiro rancio) e aminas (cheiro putrefacto).

Cando se crean as condicións de anaerobiose desenvólvese un complexo microbiano a partir dos mollos celulares liberados pola planta predominando, nunha primeira etapa, as bacterias coliformes ou enterobacterias, produtoras de ácido acético (cheiro a vinagre), alcol e CO2 a partir de azucres da forraxe. Estas bacterias abundan na terra, de aí a importancia de non contaminar a masa do silo durante o seu enchido.

Os silos tipo bolsa (chourizo), en condicións óptimas de ensilado, permiten unha eliminación moi rápida do osíxeno e soamente provocan aumentos térmicos de 3 ou 4 graos, oxidando cantidades moi baixas dos azucres dispoñibles.

Nos silos con picados longos, os procesos comentados acentúanse, xerando fases aeróbicas longas, con incrementos de temperatura por riba dos 37ºC.

Cando o pH é superior a 5 poden actuar outras bacterias indesexables como Clostridium saccaromices, que fermenta os carbohidratos solubles e ácidos orgánicos producindo acedo butírico, CO2 e H (cor negra, cheiro rancio). Ademais, xeran proteólise e fermentación de aminoácidos producindo amonio (cheiro a amoníaco) e aminas (cheiro putrefacto).

Cantidade máxima de acedo butírico por vaca e día

O ácido butírico indícase como porcentaxe de materia seca (MS) nos informes de LaboExpert. A regra xeral é tratar de manter a cantidade total de acedo butírico alimentado por baixo de 50 gramos por día por cabeza en vacas leiteiras lactantes.

Isto pode ser calculado tomando a porcentaxe reportada. Cun silo cun nivel de acedo butírico de 4,5%, expondo un máximo de 50 gr por vaca e día, só poderemos incluír en ración como máximo 11 kg de materia seca desa forraxe.

A segunda solución sería diluír os valores mesturando con silos con valores baixos no caso de que estivesen dispoñibles. Unha terceira opción, menos práctica pero que podería axudar: desensilar a noite anterior para xerar volatilización do ácido; é imposible calcular canto se volatiliza, fálase de até o 50%, non é seguro, pero podería axudar no caso de que non existisen máis posibilidades.

Alimentar con máis de 50 gramos de acedo butírico pode reducir a inxesta de alimento, o que resulta nunha menor produción de leite e unha peor eficiencia alimenticia.

En todos os casos, estes complexos de MO consomen diferentes cantidades de azucres solubles do medio. A fermentación láctica utiliza do 3,8% ao 4% dos azucres do material, mentres que a butírica consome o 24% e a acética o 38%.

Doutra banda, o nivel de materia seca ten un efecto directo sobre o pH ao que estabiliza o silo. A medida que aumenta a materia seca, necesítase un pH máis baixo para lograr a estabilización. Cunha porcentaxe de materia seca dun 35% lógrase unha estabilización con pH próximo a 4,5. En silaxes con materias secas superiores ao 35% podería exporse a utilización de aditivos específicos para facilitar o proceso de ensilado.

Cando o pH da silaxe descende por baixo de 4,5, as bacterias coliformes acéticas son substituídas por bacterias lácticas, pouco abundantes ao comezo pero que aumentan progresivamente na medida en que existan carbohidratos solubles.

O contido de ácido láctico, produto da fermentación de carbohidratos, varía en función da materia seca e oscila entre un 4% e un 6% cando a materia seca varía entre o 30% e o 35%, a presenza de ácido butírico produto de fermentacións indesexables por Clostridium deberían ser practicamente nulas.

Nesta segunda parte desentrañamos os misterios da fase anaeróbica do proceso de ensilado, comprendendo o papel fundamental de diversas bacterias e as condicións que inflúen na calidade da forraxe conservada. Con todo, aínda nos agarda unha exploración máis profunda. Na próxima sección, mergullarémonos no universo das especies vexetais e as súas características particulares, revelando como estas inflúen na conservación de proteínas e carbohidratos.

Ademais, desvelaremos estratexias cruciais para minimizar a degradación e optimizar a preservación de nutrientes esenciais na forraxe. Prepárate para coñecer un mundo de estratexias específicas e descubertas que impactan directamente na calidade nutricional da alimentación animal!

Otero Vilar SC, unha granxa en constante crecemento

Ubicada na zona de Marquide, na parroquia de A Rigueira, esta sociedade foi constituída no 2006, seguindo o paso de tres xeracións de gandeiros anteriores. A día de hoxe, os seus titulares, Javier, Carlos e María, xunto con catro empregados, atenden diariamente a preto de 550 animais. O punto de partida, fai xa 16 anos, foi unha explotación con 30 vacas en muxidura en réxime semi-extensivo. “Tiñamos un establo antigo e pequeno. Non era cómodo nin para nós nin para as vacas, polo que decidimos nese momento realizar unha obra nova”, recorda Carlos. Esta nave, tiña capacidade xa para 90 vacas. “Na cuadra nova collían as vacas de produción, secas, recría e aínda sobraba sitio”. Dende que entraron as primeiras vacas, en maio do 2007, ata hoxe en día producíronse ata catro ampliacións sucesivas, para dar cabida ao total de animais que hai actualmente. “Hoxe temos falta de facer unha nova ampliación porque o establo actual está saturado e ademais, tamén estamos tramitando a construción dunha obra para a recría, na que instalaremos unha amantadora” prevén Carlos e Javier. Vista da granxa. Manexo do gando A cabana gandeira en Otero Vilar vaise dividindo en diferentes lotes de acordo coa súa idade ou a etapa produtiva. Unha vez nacen as tenreiras, pasan uns días en boxes individuais, onde toman o calostro da nai os primeiros días. Pasadas as primeiras 3 semanas incorpóranse a un lote no que permanecen ata o destete. Nesta fase, as tenreiras inxiren dúas veces ao día leite en po, ademais de ter a libre disposición forraxe seco, penso e auga fresca. Posteriormente agrúpanse en lotes por idades, ata que chega a hora da inseminación. “Vímoslles poñendo a primeira dose de seme aos 16 ou 17 meses, para que veñan parindo con pouco máis de dous anos”. Unha vez están confirmadas, pasan ao seguinte lote, no que permanecen “ata tres semanas antes do parto, que as pasamos coas vacas secas e de preparto”, comentan Javier e Carlos. Cama quente e colchonetas No grupo de produción, as vacas están agrupadas en dous lotes, un en cama quente de palla e outro en cubículos con colchoneta e carbonato. “O lote de cama quente está a ocupar o espazo no que en principio irían as vacas secas, pero ao ir aumentando necesitamos botar man deste espazo, desprazando a estas a outra nova nave” explica Carlos. Lote de animais de produción en cama quente. No lote de cama quente fan unha limpeza diaria para volver a cubrir con palla nova. Con isto conseguen controlar os casos de mastite, sobre todo en épocas de calor nas que os animais buscan zonas máis húmidas nas que refrescarse. “É un traballo laborioso que temos que facer todos os días, polo que de cara á nova ampliación, nos decantariamos por poñer cubículos”. Para a muxidura, contan cunha sala en espiña de pescado con capacidade para 24 animais e na que realizan o muxido dúas veces ao día, ás 6.30 e as 18 h.
“O esterco dá bastante traballo, pero despois nótase nas fincas, xa que é un abono moi bo”
Lote de vacas secas. Orientación da xenética No aspecto da xenética, traballo ao que se adica principalmente Javier, buscan animais con altas producións. “Nestes momentos, a industria está demandando máis cantidade que sólidos. Apostamos por vacas de altas producións e que non penalicen en calidades, patas, ubre ou lonxevidade”. Actualmente a media de produción sitúase en 35 litros por vaca e día cunhas calidades de 3.4 de proteína e 3.7 de graxa. Para isto seleccionan dous touros a principios de ano, que serán os que empregan durante esa campaña. A maiores, utilizan seme de razas cárnicas para aqueles animais que non lles interesa sacar recría. Alimentación Para elaborar a ración diaria, en Otero Vilar SC contratan o servizo de carro mesturador a unha empresa. Elabóranse catro carros diariamente, dous para as vacas de produción, un para as novillas e outro para as vacas secas. A mestura das vacas en produción componse por 0.5 kg de palla picada, 32 kg de silo de millo, 12 kg de silo de herba e outros 12 kg de concentrado. Un aspecto a destacar é a calidade de conservación que conseguen nos silos.
Este ano, debido á subida dos prezos da palla para a ración, van a recoller un último corte de herba para ‘henolaje’
Tanto Carlos coma Javier atribúen esta boa conservación a que “durante o ensilado estamos con dous tractores no silo, un estendendo e outro pisando logrando deste modo unha boa compactación. Logo para tapar empregamos un film que actúa como barreira fronte ao osixeno, por encima unha lona de plástico, unha malla que protexe de picaduras e logo cubrimos o silo todo con rodas.” comenta Carlos, mentres mostra o silo de millo e herba. Carlos amosa o silo de millo. Na alimentación do gando son autosuficientes e mesmo teñen excedentes na produción de millo, o que lles permite vender cada ano unhas 20 hectáreas. Este ano, debido á subida dos prezos da palla para a ración, van a recoller un último corte de herba para ‘henolaje’, un paso intermedio entre o silo e a herba. “Este ano vamos recoller unha parte para herba seca e outra deste xeito. “Temos que esperar a que a herba espigue, para que faga o efecto da fibra da palla. Segámola, deixámola unhos días secando e cando xa case valería como herba seca facémola en rolos e encintámolos” explica Javier. Tres xeracións da gandería na imaxe. Xestión das terras Traballan unha superficie agrícola dunhas 190 hectáreas nas que o principal cultivo é o millo, que se rota con raygrass como cultivo de inverno. “Do total das fincas temos unhas 40 hectáreas de pradeiras permanentes, que son terreos máis secos e onde o millo non sacaría rendemento. Nas 150 restantes facemos una rotación de millo e unha mestura de raygrass inglés e hibrido. Nas fincas con mellor solo chegamos a superar as 60 toneladas de millo por hectárea, baixando a 50 naquelas que non teñen tanto fondo” comenta Carlos. A sementeira do millo comeza a principios de maio. Para non retrasarse realizan un solo corte de herba, “a non ser que veña un inverno seco e poidamos entrar en marzo nas fincas, pero esta é unha zona moi chá na que a auga non escorre rapidamente, polo que case sempre vamos a un corte” comentan Javier e Carlos. Para as primeiras fincas de millo empregan un ciclo 400, que van reducindo a medida que avanzan no calendario, chegando a principios de xuño con un ciclo 260. Nesta campaña, como en moitas outras granxas, sufriron o ataque de rosquilla en moitas fincas, tendo que volver sementar 40 hectáreas. “O próximo ano queremos empregar unha semente con tratamento porque é unha garantía, e ao final tendo que resembrar non se aforra nada”, di Carlos. Para a fertilización das fincas, tanto de millo como de herba utilizan o xurro e o esterco producidos na granxa. "O esterco da traballo á hora de manexalo na cama, pero a verdade é que producimos bastante e iso nótase despois nas fincas, xa que é moi bo como abono", recoñece Carlos. No caso do millo complementan con 400 kg por hectárea dun abono de liberación lenta 20-7-10, que esparcen a voleo previo a sementeira. Para a herba utilizan 200 kg de NAC por hectárea. O traballo das fincas repárteno entre Javier e Carlos. Excepto para o picado da herba e do millo ou do enrolado, teñen un extenso parque de maquinaria co que realizar as tarefas de campo. “De quitado algún día que estamos apurados e nos fai falta axuda externa para non atrasar, os traballos agrícolas facemos todo coa nosa maquinaria”, apunta Carlos. Maquinaria da gandería. Veráns Esta granxa está ubicada nunha zona alta na que o aire arrefria as instalacións sen necesidade de ventilación forzada, polo que o estrés por calor ata agora non foi un problema. Aínda así, o ano pasado, as altas temperaturas foron motivo de baixa de varios animais.
“Temos a granxa nunha zona alta con circulación de aire, pero o pasado verán as altas temperaturas creáronnos problemas, así que valoramos medidas para mellorar o benestar animal”
“Foi un verán fora do normal no que día tras día había temperaturas moi altas, xa dende primeiras horas da mañá e con noites nas que non baixabamos de 25 graos. Houbo algún caso de vacas que ao pasar ao lote das secas, que teñen aceso a unha finca exterior, pasaron moitas horas ao sol e non recuperaron. Este ano de momento non temos problemas de temperaturas, pero no caso de que vexamos que se repite a situación, teremos que valorar medidas para mellorar o benestar dos animais” apunta Carlos.

Sobra xurro en Galicia?: o caso da comarca do Deza

Hai un problema co xurro en Galicia? “A modo xeral, non”, resposta contundente o enxeñeiro agrónomo Marcos Fuentes Sánchez, da firma Nutrimentos Deza (Nudesa), especializada na produción porcina e na fabricación de penso. A xestión dos xurros foi un dos temas que se trataron este ano no XXV Monográfico do sector porcino celebrado recentemente en Silleda (Pontevedra). Fuentes afondou alí nas cifras de produción de xurro da gandería galega, en comparación coas necesidades de abono para a produción de forraxes.
“Se realmente hai un problema polo exceso de fósforo nos solos galegos, non só se debe ó xurro, senón que o 50% procede dos abonos minerais”
O técnico sinalou ademais a importancia de incluír na ecuación ós abonos minerais e non só culpabilizar ó xurro do exceso de minerais, coma o fósforo, que é o máis limitante para a produción. “Tense dito moitas veces que en Galicia hai un problema co xurro, pero nunca se responsabiliza ós abonos minerais e se realmente hai unha problemática polo exceso de Fósforo nos solos galegos, este dependerá en igualdade tanto do abonado mineral como dos xurros”, sentencia o agrónomo.

As cifras en Galicia

En Galicia, o censo total de animais en produción gandeira no 2020 era de 687.822 Unidades de Gando Maior (UGMs). Nesta cifra, inclúese o vacún de leite, cebadeiros de tenreiros, a produción porcina (nais e cebo) e a produción avícola (galiñas e pitos broilers). O vacún de leite representa o 50%, mentres que a avicultura supón o 27% e o porcino o 23%. Este gando produciu un total de 8.455.143 metros cúbicos de xurro, a maior parte procedente do vacún (57%), seguido do porcino (35%). O sector avícola apenas xerou un 9% dese xurro. En paralelo á cantidade de xurro producida, para comprobar se realmente hai un problema de excedentes, Fuentes analizou os principais cultivos de Galicia e as necesidades de abono que se rexistran, para valorar cal é a situación en Galicia co xurro. Así, das terras adicadas a usos gandeiros e agrícolas, o 53% son prados de máis de 5 anos, mentres que o 33% son pradeiras que se renovan máis a miúdo e o 14% da terra dedicase á produción de millo. Empregándose para estes usos, que necesidades de abonado teñen estas terras?
“O xurro producido en Galicia só cubre o 43% das necesidades de Nitróxeno e Fósforo que requiren as forraxes para alimentar o gando galego”
En Galicia, estímase que para a produción de forraxes precísanse dunhas 47.000 toneladas de fósforo e o xerado pola produción gandeira sitúase arredor das 20.000 toneladas. “O xurro producido na comunidade só cubre o 43% das necesidades de Fósforo que requiren estas forraxes. Temos un déficit de Fósforo nos cultivos de 27.000 toneladas, se só se emprega xurro”, explica Fuentes Sánchez. Porén, como apunta o enxeñeiro, en función de se para realizar este cálculo se aplican os criterios recollidos no Real Decreto 1053/2022, que estipula as limitacións para a fertilización, ou as Instrucións Técnicas para a realización do plan de xestión de dexeccións gandeiras e fertilización (IT-CMAOT-2), as porcentaxes sobre as necesidades e a cantidade de xurro producida poden verse alteradas, xa que fixan diferentes baremos.

A comarca do Deza

O enxeñeiro analizou o caso concreto da comarca do Deza, onde se encadra tanto a fábrica de Nudesa, situada en Silleda, como algunhas das granxas porcinas da empresa. Ademais, esta comarca ten unha importante actividade gandeira, non só no vacún de leite, senón no porcino e no avícola, polo que coñecer as súas cifras permite ver a situación dunha das comarcas galegas con maior carga gandeira, á marxe da Limia. En concreto, na comarca do Deza contabilízanse 119.528 UGMs de vacún, principalmente de leite (37%), porcino (35%) e de aves (28%). Estes animais producen un total de 1.525.874 metros cúbicos de xurro. A diferenza do que acontece a nivel galego, no Deza e pese a que o vacún segue a ser o gando maioritario, é o porcino o que máis xurro produce (52%), mentres que as granxas de vacas xeran un 39% e as de aves a penas un 9%. O caso da comarca do Deza é tamén de interese porque representa o 17% do censo galego e o 18% do xurro producido en Galicia, mentres só dispón dun 6% da superficie de cultivo.
Cubrir as necesidades de xurro das comarcas lindantes pode ser a solución para aqueles territorios nos que se estean a producir excedentes de xurro
Á hora de estimar as necesidades para o abonado das forraxes no Deza e o xurro que precisarían, cos criterios recollidos no novo Real Decreto, apréciase que na comarca hai un excedente de xurro do 7%, mentres que se este cálculo se fai co sistema do plan de dexeccións gandeiras (IT-CMAOT-2), este chega a ser do 33%. Con este excedente de xurro na comarca, Fuentes Sánchez abre o foco ás necesidades das comarcas lindantes coma Arzúa, Melide, Chantada ou Santiago, que poden ser a solución, xa que amosan un importante déficit de xurro e boa parte das súas necesidades de aportes non se poden cubrir con abonado orgánico. En concreto, para paliar ese déficit precisarían arredor de 1,7 millóns de metros cúbicos de xurro de porcino, co que o xurro que sobra puntualmente na comarca do Deza ten destinos próximos de utilidade. Porcentaxe de Fósforo e Nitroxeno xerado, aplicado e sobrante na comarca do Deza.

Macroplanta de biogás ou puntos de acumulación estratéxicos

Ante o excedente de xurro de porcino no Deza, na Agrupación de Defensa Sanitaria de porcino de Silleda traballan dende hai tempo con puntos estratéxicos para a acumulación puntual do xurro, de maneira que solucionaron a problemática e conseguiron seguir a empregar este xurro para a fertilización, sen que supoña un problema para as granxas. O xurro almacénase en puntos de acopio para o momento no que o precisan as granxas da comarca ou de zonas próximas nas que, como se viu, hai déficit de xurros. Mentres, a proposta da Xunta da creación dunha macroplanta de biogás na que se trate o xurro ten o rexeitamento do sector, que mantén a desconfianza sobre os efectos que poida chegar a supoñer a creación desta gran planta. Entre outras consecuencias, temen que ao final terminen por ter que pagar por enviar o xurro ata esa planta supoñendo un importante gasto para as ganderías, semellante ao que representa a recollida de cadáveres, que comezou resultando un desembolso mínimo e na actualidade nalgunhas granxas pode chegar a alcanzar os 15.000 euros, como apuntaron durante a xornada. O sector tamén advirte do custo económico e medioambiental que representa o transporte de xurros ás plantas de biogás e o retorno ó agro do dixestato que queda tras o procesado do xurro, e que ademais mantén boa parte dos nutrintes iniciais.
https://www.campogalego.gal/e-macroplanta-de-biogas-unha-solucion-util-para-o-agro/

Chícharo bravo, un aliado para a produción de trigo autóctono en Galicia

O chícharo bravo (Lupinus albus L.) leva tempo asentado en Galicia e é un cultivo adaptado ás condicións edafoclimáticas de Galicia. “É fácil atopar chícharo de bravo silvestre en solos acedos das catro provincias”, apunta o enxeñeiro agrónomo Fernando Almeida, que participou recentemente nas xornadas sobre esta leguminosa celebradas en Lalín, coa organización do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e da empresa galega de sementes Sementares S.L. Pero malia estar adaptada ao territorio, o chícharo bravo a penas se cultiva en Galicia; por tanto tampouco se están a aproveitar as vantaxes que pode ofrecer esta leguminosa. A crecente demanda asiática de proteína vexetal para a elaboración de pensos está a acaparar a produción de soia dos principais países produtores americanos, polo que cada día resulta de maior interese a produción propia de protexinosas, das que Europa é deficitaria. Unha posibilidade é o chícharo bravo, que se sitúa ao nivel da soia, cunha achega do 40% de proteína. “Países como Australia, Canadá ou Chile son referencias na produción desta leguminosa. A crecente demanda internacional de proteína vexetal de calidade constitúe unha oportunidade de mercado que debemos aproveitar”, apunta Almeida. Á marxe da achega de proteína, o chícharo bravo é unha leguminosa cunha alta dixestibilidade, alto valor enerxético e baixo contido en graxa. Almeida, que acaba de presentar a súa investigación de doutoramento centrada en analizar a rotación sostible de cultivos co trigo autóctono (Triticum aestivum L.), apunta os bos resultados que ofrece o chícharo bravo doce, en especial con este cereal. Alternar o cultivo de trigo e chícharo bravo permite incrementar a produción de trigo, á vez que se reduce o gasto necesario en fertilizantes pola achega que proporciona ao solo esta leguminosa.
Alternar o cultivo de trigo e chícharo de raposo permite incrementar a produción de cereal e reducir o gasto en fertilizantes
Parcelas de ensaio de chícharo bravo e trigo.

Trigo e chícharo bravo, bos compañeiros

Unha das principais vantaxes que proporciona rotar o cultivo de chícharo bravo con trigo é o incremento da produción do cereal, en especial nas variedades autóctonas galegas, como Callobre ou Caveeiro. Así, mentres que co monocultivo do cereal acaba por reducirse a produción ao terceiro ano de colleita, se se alterna con chícharo bravo a produción chega a ser máis do dobre. En concreto, segundo os estudos realizados por Almeida en parcelas de Carral (A Coruña), rotar chícharo bravo con trigo autóctono permitiu obter ata un 62% máis de rendemento de trigo que en monocultivo, en liña con traballos anteriores do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), nos que se obtiveran incrementos de ata o 50%.
A rotación con chícharo bravo tamén reduce a incidencia de enfermidades e a competencia de malas herbas, incrementando a rendibilidade do cultivo de trigo
A rotación con esta leguminosa tamén contribuíu a unha redución de enfermidades e malas herbas. “O monocultivo de cereal aumenta a presión das plantas adventicias de similar ciclo vexetativo”, explica Almeida. Doutra banda, para reducir a competencia do chícharo bravo con malas herbas, o enxeñeiro recomenda realizar sementeiras tardías, debido a que se se sementa cedo está máis exposto á competencia. Ademais, recomenda utilizar entre  30 e 35 plantas de chícharo bravo por metro cadrado. Calidade do trigo En paralelo ó aumento de produtividade do trigo, a rotación con chícharo bravo permitiu a mellora en parámetros de calidade do gran, como o peso hectolitro, con incrementos entre o 7 e o 13%, así como o peso de 1.000 sementes con aumentos do 12 ao 15%. Do mesmo xeito que ocorre co rendemento, son cifras máis altas que as que se observaron noutros traballos de investigación similares. En concreto, supón un 2,43% máis que noutros ensaios. Á marxe do incremento da produción, outra das vantaxes que presenta a rotación con determinadas variedades de chícharo bravo é que permiten activar o fósforo en terreos cunha elevada concentración de aluminio, de maneira que o fósforo queda dispoñible para o cultivo seguinte, é dicir para o trigo. “As raíces proteoides dos chícharos bravos branco e amarelo permiten o seu desenvolvemento en solos onde o fósforo se atopa insoluble e queda inmobilizado pola presenza de aluminio. En Galicia, por desgraza, temos moitos solos con estas características”, explica Almeida.
O cultivo do chícharo contribúe a mobilizar o fósforo do solo, de xeito que queda dispoñible para o cultivo seguinte
Diferencias entre parcelas nas que se realizou un monocultivo de trigo e nas que se rotou con chícharo branco. No terceiro ano a rotación ofrece mellores resultados para a produción de trigo.  Desta maneira, combinar o cultivo de chícharo bravo e trigo autóctono tamén supón un aforro en fertilizantes. Nos ensaios realizados por Almeida, o seu cultivo fíxose sen necesidade de ningún tipo de fertilización química. “O chícharo bravo amarelo e o branco son dous cultivos para os que, en moitos casos, non sería preciso a achega de nitróxeno e fósforo ao solo. O Rhizobium -bacterias fixadoras do nitróxeno atmosférico, ligadas ó chícharo bravo- e as raíces proteoides permiten o seu desenvolvemento sen as devanditos achegas”, detalla o enxeñeiro agrónomo.

Portugal, o primeiro mercado para o chícharo bravo galego

Un dos retos que se presentan para o aproveitamento do chícharo bravo en Galicia é conseguir unha saída comercial para a súa produción. A pesar das vantaxes que ofrece o seu cultivo para a produción de trigo, a cuestión é que non se converta nun ano sen rendemento para os produtores. O chícharo bravo doce pode aproveitarse tanto para alimentación animal (e humana), ben sexa como forraxe ou en gran para a elaboración de pensos, pero polo momento en Galicia a penas se está comercializando para estes fins. “Estamos a buscar unha saída para a produción que se está realizando en Galicia en mercados próximos como o portugués”, sinalaba Almeida. Así, máis 15 de produtores agrupáronse esta mesma campaña para producir chícharo bravo de gran doce en diferentes zonas de Galicia e comercializar a súa produción no país veciño. Máis aló doutros condicionantes, a disposición dunha produción estable é un dos factores que poden determinar o interese das industrias de pensos por este gran. Por iso é polo que, como sinalaba Almeida, sería interesante que máis produtores vaian incorporando este cultivo, de cara a abrir un mercado tamén galego. Doutra banda, a crecente demanda de proteína vexetal de calidade para alimentación humana é outra oportunidade de mercado con alto valor engadido.

Alternativas de rotación do trigo con outros cultivos

Na súa investigación doutoral, Almeida, en colaboración coa USC e o CIAM, analizou rotacións alternativas do trigo autóctono, representativas en Galicia, en sistemas convencional e ecolóxico. En concreto, estudouse a inclusión na rotación doutros tres cultivos: a pataca, o millo forraxeiro e a colza. Nesta comparativa, alternar o trigo autóctono, ben sexa en convencional ou nun cultivo ecolóxico, coa colza resultou a mellor opción desde un punto de vista ambiental en canto ao seu impacto nos solos, ao analizar parámetros como a toxicidade ou a eutrofización. No outro extremo, rotar trigo con millo forraxeiro ou pataca presenta un alto impacto ambiental, tanto pola emisión destacada de amoníaco ao aire, no caso do millo; como a lixiviación de nitratos que pode producirse coas patacas. Como mellor opción económica destas tres, valorouse a rotación trigo autóctono - pataca.

Xornada sobre o cultivo de chícharo bravo en Galicia

O CIAM organiza unha xornada sobre o cultivo do chícharo bravo (altramuz) en gran en Galicia. A formación celebrarase o vindeiro día 21 de outubro en Lalín (Pontevedra). Na sesión abordaranse da man de expertos as posibilidades de aproveitamento deste cultivo en Galicia para poder fornecer ás fábricas de penso galegas ou mesmo ser aproveitado directamente polas ganderías para elaborar as súas propias mesturas de penso. Precisamente, a cooperativa de segundo grao lalinense Xuncoga, xa probou a cultivar hai anos chícharos para as mesturas dos seus pensos, aínda que a experiencia non tivo continuidade. A xornada terá lugar na Aula da Uned de Lalín, situada no polígono industrial da vila. As persoas interesadas en asistir poden cubrir este impreso cos seus datos persoais e deberán remitilo despois ó email: luis.urquijo.zamora@xunta.es. Tamén poden solicitar máis información sobre a xornada contactando co investigador Luis Urquijo no teléfono 881 881 852. A continuación detallamos o programa da xornada: 9:30 – 10:00 horas. Control de asistencia e reparto de información. 10:00 – 10:15 horas. Presentación do director do Agacal, José Luis Cabarcos Corral. 10:15 – 10:45 horas. O cultivo do chícharo bravo. Experiencia no Ciam. Luis Urquijo. 10:45 – 11:15 horas. Experiencias con chícharo bravo en Galicia. Fernando Almeida. 11:15 – 11:45 horas. O chícharo bravo en España. J.M. Mateos – Cañero. 11:45 – 12:15 horas. Descanso para o café. 12:15 – 12:45 horas. O chícharo bravo en Extremadura. CICYTEX. María José Lozano / Antonio García 12:45 – 13:15 horas. As proteaxinosas na industria do penso galega- Piensos del Sil. 13:15 – 13:45 horas. Mesa redonda.

O prezo da alfalfa sobe un 60% con respecto a fai un ano

As explotacións de leite galegas son sobre todo deficitarias en proteína. A herba é moitas veces difícil recollela en condicións idóneas, polo que a calidade do silo baixa e moitas ganderías vense obrigadas a corrixir estes déficits coa introdución de alfalfa na ración. Pero este ano prevense dificultades de subministro e prezos moi elevados. Neste momento unha paca grande de alfalfa posta nunha granxa galega aproxímase aos 400 euros. “O prezo está disparado”, recoñece José Antonio González, nutrólogo de CLUN en Ribadeo, que leva a cabo asesoramento a explotacións e é o responsable da formulación da ración húmida que se elabora no CAVI de Irmandiños e que se sirve diariamente a 68 ganderías e 3.500 vacas da Mariña, A Pastoriza e o occidente de Asturias. 
A paca grande de alfalfa deshidratada, que equivalería a unha tonelada, supera en orixe os 350€, ao que habería que engadir uns 30€ de portes
O prezo en orixe sitúase arredor dos 350€ e a iso habería que engadir os portes, duns 30€ por mor da suba do gasóleo, o que sitúa o prezo final nunha explotación galega nuns 380 ou 390 euros. “O ano pasado posta na ración, xa con porte, estaba a 240€, un 60% menos”, compara José Antonio. Menor produción e maior demanda este ano A alfalfa que chega a Galicia procede sobre todo de Castela e León e Aragón, onde a cotización nas lonxas de León, Salamanca ou Binéfar está a marcar unha clara tendencia alcista nas últimas semanas. A razón da suba de prezos é dobre: por un lado unha menor colleita e por outro lado un incremento da demanda exterior, sobre todo de países como China ou Emiratos Árabes, que son os que están a marcar os prezos. “O 75% da produción española de alfalfa expórtanse. Están saíndo contedores cheos, o que exerce unha grande presión sobre o mercado”, asegura José Antonio.
Están a saír contedores cara a China e Emiratos Árabes, que son os que están a marcar os prezos
A dispoñibilidade tamén se reduciu con respecto a outros anos e o técnico de Clun augura escaseza nos vindeiros meses. "As ganderías que non a compraran xa, porque preferiron agardar a ver como resultaba a campaña de millo, cando a vaian pedir xa non a vai haber, porque nos vindeiros meses non creo que haxa acceso a ela”, vaticina. A seca sufrida este ano provocou unha redución moi importante na cantidade de alfalfa recollida. En secano, en zonas de Castela a Mancha e Castela e León, o rendemento foi a metade do habitual, uns 1.500 quilos por hectárea e no mellor dos casos déronse dous cortes.
Nos vindeiros meses vai escasear, a dispoñibilidade vai ser moi pouca e non vai haber acceso a ela
En regadío, concentrado en lugares como o Val do Ebro, a produción foi similar a outros anos, pero a maior custo, debido a que se encareceu o rego por mor do prezo da auga e sobre todo a electricidade. Ademais, na última campaña reduciuse a superficie adicada a alfalfa, unhas 250.000 hectáreas no conxunto de España, pola competencia do trigo, a cebada ou a colza debido aos bos prezos. Uso de alfalfa en anos de mala colleita de millo ou herba O uso de alfalfa nas racións das vacas de leite foi a menos nos últimos anos. “Fai anos, cando a alfalfa estaba a 180€, había ganderías en Galicia que non usaban silo de herba, botaban 3 quilos de alfalfa e con iso, silo de millo e penso cubrían, pero aos prezos que está hoxe tanto o concentrado como a alfalfa non é viable”, di o técnico de Clun. Hoxe en día a maioría das ganderías intentan ser autosuficientes nas forraxes, pero cando a produción de herba ou millo escasea ou a calidade dos ensilados é deficiente aos nutrólogos non lles queda máis remedio que recurrir a ela.
No CAVI estamos a botar só 1kg de alfalfa para secar un pouco a ración
“Hai algunhas granxas onde aínda se usa”, admite. Este sería un ano proclive, tendo en conta a mala colleita de millo en amplas zonas de Galicia. Noutras ocasións o uso da alfalfa serve para compensar o exceso de humidade do primeiro corte de silo de herba. É a función que lle dan, por exemplo, no CAVI de Irmandiños, onde están a usar 1 kg de alfalfa por vaca e día.  

“Dóeme ter que mercar forraxes fóra podendo producilas aquí, onde temos as cunetas cheas de herba”

Campo de produción de alfalfa en regadío na provincia de Huesca Nas ganderías en extensivo que practican o pastoreo co gando, agás en zonas como o norte da provincia de Lugo, este non foi tampouco un bo ano. A falta de precipitacións no verán e as olas de calor acabaron por secar anticipadamente os pastos. “Os prados están moi secos e boa parte dos gandeiros xa non levan as vacas ao pasto e aliméntanas a base de alfalfa e outras forraxes, o que está a supoñer un novo gasto extra para as ganderías”, explica Rocío Corral, presidenta da cooperativa Coafor, de Forcarei.
A seca está a acentuar a falta de pasto, obrigando ás ganderías de leite que fan pastoreo a recurrir á alfalfa
Nas ganderías de carne a falta de pasto está obrigando a consumir o silo e a herba seca do inverno. Nas de leite, a mala colleita de millo en moitas zonas tampouco augura un ano sen ter que mercar insumos. “Sinceramente, a min dóeme a cabeza ter que ir mercar forraxes a Aragón ou a Castela e León podendo producilas aquí, onde temos as cunetas cheas de herba. Hai poucos lugares cun clima tan benigno coma o noso para producir forraxes, por iso é un desperdicio deixar terras baleiras”, afirma José Antonio. Facendo ben as contas, di, o silo de herba posto na ración sae entre 50 e 60 euros a tonelada, un custo oito veces menor que o da alfalfa actualmente. A palla sobe 25€ Palla nunha explotación de leite da provincia de Lugo Outra forraxe que experimentou unha suba importante este ano é a palla. Por mor da seca, a produción de trigo ou cebada en Castela foi menor este verán (o Ministerio de Agricultura calcúlaa nun 23% menos), o que sumado á maior demanda por parte da gandería extensiva, debido á redución dos pastos, está a elevar o prezo. 
Cos prezos actuais, un camión de alfalfa ronda os 9.000 euros e un de palla os 2.500
A palla empregada en Galicia, ben nas camas do gando, ben na alimentación, por exemplo das vacas secas nas explotacións de leite ou dos xatos de engorde nas de carne, subiu este ano unha media de 25€. Incluíndo os portes, a paca grande de palla posta nunha explotación galega ronda nestes momentos os 90€ se a palla é enteira e os 110€ se é picada. 

Xornada sobre manexo das forraxes nas gandarías de vacún de leite

A Consellería do Medio Rural organiza para os próximos 1 e 2 de xullo unha xornada sobre manexo das forraxes nas gandarías de vacún de leite. A formación realizarase en Boqueixón (A Coruña), no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, e será impartida por Xosé Manuel Rodríguez Medeiros. Enxeñeiro agrónomo e xefe de vendas de AIRA SCG. Para máis información e inscricións enviar un email a cursos.agacal.serguda@xunta.gal

Lumax®, a xogada mestra para un control temperán das malas herbas do millo

O millo é un dos cultivos máis importantes de España e máis concretamente en Galicia é utilizado como forraxe de verán ao producir en poucos meses unha elevada cantidade de materia seca. Do total da superficie destinada a cultivos forraxeiros, o millo supón o 10% e máis da metade atópase en Galicia considerándose un cultivo de secaño.

Grazas á boa aptitude do millo para o seu ensilado debido ao alto contido en carbohidratos, o ensilado é, na actualidade, a forma maioritaria de aproveitar o millo forraxeiro, ensilándose o 89% do total producido. O momento óptimo de corte do millo para o seu ensilado, sitúase entre o 30 e o 35% de contido en materia seca e desde o punto de vista nutritivo é un alimento dun elevado valor enerxético, baixo valor proteico e baixo contido en minerais.

A produción de millo está condicionada pola presenza de malas herbas, o seu abonado e a dispoñibilidade de auga. Un campo de millo con malas herbas pode chegar a reducir a produción nun 40% se non se controlan a tempo.

Para mellorar a produtividade do millo, Syngenta pon a disposición dos agricultores as mellores ferramentas para o control de malas herbas, ademais das sementes co mellor potencial xenético.

Na actualidade, Syngenta está consolidada como a empresa líder nos tratamentos herbicidas de millo e conta co catálogo máis completo, tanto en tratamentos de preemerxencia como de postemerxencia.

Que vantaxes achega Lumax no control das herbas do millo?

Co lanzamento de Camix, un produto a base de S-Metolacloro e Mesotrione, no ano 2009, produciuse unha revolución nos tratamentos temperáns de malas herbas, permitindo un control eficaz desde o inicio.

No ano 2014, Syngenta lanza Elumis, cuxa composición, en forma de dispersión oleosa, incorpora as técnicas máis modernas en materia de formulación, permitindo unha excelente disolución e situándose como un dos herbicidas máis completos para os tratamentos de postemerxencia. Produtos como Primextra Liquido Gold, Callisto, Casper, Banvel D ou Milagre, completan o catálogo actual de Syngenta e proporcionan unha solución para cada necesidade do agricultor.

Agora, e tras un proceso continuo de investigación e desenvolvemento, Syngenta lanza ao mercado un novo herbicida de preemerxencia, Lumax, para o control de herbas de folla ancha e folla estreita en millo.

Con altas eficacias e resultados contrastados tras varios anos de desenvolvemento, Lumax, é o novo herbicida para un control temperán das malas herbas do millo.

Lumax permite ter o terreo limpo durante máis tempo

Con Lumax, Syngenta dá un paso adiante no control temperán, ampliando o espectro de control das malas herbas, grazas á combinación das súas tres materias activas con distinto modo de acción S-Metolacloro, Mesotrione e Terbutilazina.

Debido ao seu efecto prolongado, Lumax permite ter o terreo limpo durante máis tempo e un control efectivo sobre aquelas especies de malas herbas con nascencia graduada. Lumax, coa súa formulación líquida é un produto de fácil manexo e é totalmente seguro para o cultivo e o aplicador.

Lumax, é un elemento crave na xestión das malas herbas do millo, converténdose nunha peza fundamental nos programas de tratamento deste cultivo.

Lumax, xaque mate ás malas herbas.

O Laboratorio de Mouriscade engade parámetros exclusivos as súas análises e amplía oferta ós pensos avícolas e porcinos

O laboratorio Finca Mouriscade, situado en Lalín e dependente da Deputación de Pontevedra, agarda converterse nun referente europeo en analítica nutricional para o sector primario despois de que se alcanzaran dous acordos  cos laboratorios Dairy One e Evonik. "Será o único en Europa capaz de ofrecer analíticas NIR dun nivel tan alto, cunha amplísima variedade de parámetros exclusivos para o gando vacún, o porcino e a avicultura", anunciou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, na última reunión do comité de seguimento, constituído meses atrás dentro do Plan de Dinamización de Mouriscade emprendido pola institución provincial. O avance prodúcese tralo acordo alcanzado para acceder ás bases de datos dos dous laboratorios, o que convirte a Mouriscade nun centro punteiro e engade o control nutricional das cabanas porcina e avícola ao vacún, algo que xa viña facendo o centro do Deza, pero agora incrementado con novos parámetros. "A confluencia de análise para ruminantes e monogástricos, xunto ao amplísimo abano de parámetros nutricionais exclusivos que se van medir, colócanos como unha referencia internacional", incidiu a presidenta. O laboratorio poderá tamén facer análises para outras especies como pavos e peixes.
Será o único laboratorio nacional no que analizar en torno a 50 materias primas e pensos para polos de engorde, poñedoras, pavos, porcos e peixes
O acordo co laboratorio alemán Evonik é pioneiro en España polo seu elevado nivel de medicións. A Finca será a única de todo o Estado en analizar en torno a 50 materias primas e pensos para polos de engorde, poñedoras, pavos, porcos e peixes. Mouriscade poderá valorar así parámetros nutricionais dos principais nutrientes e determinar o cálculo de enerxía, aminoácidos, calidade de procesado e ácidos graxos. Esta colaboración coa empresa tamén permite avaliar o contido de ata 51 ácidos graxos en 16 ingredientes de pensos, unha opción única a nivel mundial xa que Evonik é o único laboratorio de Europa que fai as calibracións necesarias para ofrecer este servizo. "É un dos piares do noso gran diferencial", explicou a presidenta provincial.

Prezos das análises

O custo do servizo, xa aprobado na Xunta de Goberno da Deputación, vai dende os 12 euros para a análise de ácidos graxos, 15 para a análise proximal e cálculo de enerxía, 42 para aminoácidos e 45 euros para os indicadores de calidade de procesado térmico e factores antinutricionais en fontes proteicas  para alimentación animal. O acordo con Dairy One permite ofrecer o servizo NIR Plus. "Realizaranse análises de ensilados e racións Unifeed, como ata agora, e a maiores incorporaranse ao seu catálogo de matrices a gran maioría das forraxes destinadas á alimentación de rumiantes", comentou Carmela Silva.
Nas analíticas de forraxes e racións Unifeed engadiranse indicadores como a dixestibilidade da fibra e do amidón, calidade de proteina, azucres ou a conservación do ensilado
Os certificados de ensaio emitiranse cun significativo aumento de parámetros incorporando aos informes NIR importantes indicadores como a dixestibilidade da fibra e do amidón, calidade da proteína, azucres, macrominerais, ácidos graxos e calidade de conservación de ensilados. Pese á mellora, as tarifas NIR Plus redúcense, xa que pasan dos 18 euros actuais a 15. "É unha importante rebaixa", valorou a presidenta. A mandataria provincial resaltou tamén que os acordos "minimizan o tempo de emisión de resultados e aumentan a capacidade para procesar un gran número de mostras con menos costes por analítica". Ademais reducen os residuos xerados e o consumo enerxético. "A fiabilidade nos resultados está  garantida, pois ambos provedores NIR son organizacións de referencia con gran experiencia nas calibracións a partir de procedementos de análise oficiais suxeitos aos máis estritos controis de calidade", engadiu.

Outras melloras no laboratorio

Aos acordos súmanse outras accións no laboratorio das que deu conta a presidenta. Así, a Deputación optimizou os procedementos de análise físico-químicos e microbiolóxicos, renovou a acreditación ENAC das técnicas de análise e lanzou unha aplicación móbil para consultar os resultados das analíticas e obter os certificados. Tamén se adquiriron balanzas e cámaras de incubación de microbioloxía, e dotouse á planta de biogás de conectividade á rede de datos para monitorizar a información xerada nesta instalación. Estas melloras supuxeron un investimento próximo aos 100.000 euros en 2021.

Implantación de embrións

Na xuntanza tamén se puxo ao tanto ós participantes do estado do programa de transferencia embrionaria da finca despois de que a finais de 2020 e no primeiro semestre de 2021 a Deputación adquirise 60 embrións a tres empresas, e foron todos eles implantados. Ata agora acadáronse 30 preñeces e naceu unha tenreira, que é filla de BWH Channel CMP ET anterior número 1 por ICO e actual nº 7. "Continuaremos con esta aposta pola xenética, e para iso temos xa previsto no próximo orzamento un investimento similar para o ano  2022, entre 40.000 e 50.000 euros", explicou. Por outra banda, Carmela Silva informou de que xa está comprado o laboratorio móbil, pendente de subministro pola problemática internacional de subministros nos chips de automoción. Tamén se retrasou, por razóns sanitarias o inicio das visitas á finca por parte de centros universitarios, colectivos do sector e centros de Formación Profesional. Con todo, xa comezaron as primeiras visitas, como a realizada hai unhas semanas por parte de gandeiros e técnicos de nutrición animal para comprobar in situ os resultados dos ensaios de cultivo de millo forraxeiro que se están a desenvolver en colaboración con Limagrain Iberica.

Proxecto Next Generation 

A presidenta adiantou que a Deputación está a traballar "nun potente proxecto en colaboración con varios socios internacionais para o tratamento de puríns" para optar aos fondos europeos Next Generation. "Mouriscade era unha das entidades máis descoñecidas desta administración fóra do territorio do Deza, e grazas ao Plan de Dinamización estamos a converter a finca nunha referencia internacional", reivindica. Silva avanzou ademais que preparan xa unha programación especial de cara o vindeiro ano con motivo da celebración dos 50 anos de traxectoria da Finca ó servizo do sector gandeiro. 

Micotoxinas: como reducir o impacto que poden causar na alimentación do gando?

As micotoxinas poden converterse nun auténtico quebradeiro de cabeza nas ganderías ó estar detrás de moitos problemas de saúde que contraen os animais. Afeccións reprodutivas e inmunolóxicas poden deberse á presenza de micotoxinas que alteren a saúde do gando. Tamén son a causa, en ocasións, dos problemas derivados da redución de inxesta de comida ou dunha baixa taxa de conversión alimenticia, por iso tanto para os fabricantes de pensos como na propia gandería, as micotoxinas é un tema ó que prestar especial atención. Un avance levado a cabo por un equipo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ofrece maior claridade na detección das micotoxinas, cun novidoso método que permite analizar de forma conxunta ata 40 micotoxinas. “Este método supón unha gran vantaxe sobre os procedementos tradicionais, que están pensados para estudar a presenza dunha ou unhas poucas toxinas”, explica Jesús González Jartín, un dos investigadores que participou neste traballo dende o departamento de Farmacoloxía da Facultade de Veterinaria, no Campus de Lugo.
O novo método de análise permite detectar de forma conxunta ata 40 micotoxinas, o que axiliza o proceso, pese a ser unha técnica complexa
Ata o de agora, unha mostra tiña que ser analizada por varios métodos para asegurar que os niveis de toxinas cumpran cos niveis máximos permitidos ou recomendados na Unión Europea. “O noso método detecta de forma simultánea tódalas toxinas lexisladas”, apunta Jesús González Jartín. Esta nova metodoloxía vai máis alá e tamén permite detectar toxinas novas. “Podemos monitorizar toxinas emerxentes, das que aínda non coñecemos ben a súa toxicidade, e toxinas modificadas, é dicir, toxinas lexisladas ou emerxentes que sofren unha modificación química; por exemplo, polo metabolismo das plantas”, concreta a investigador.

Unha soa análise para alertar das toxinas prexudiciais

Unha das principais vantaxes que proporciona esta nova técnica é que ofrece cunha soa analítica unha visión completa de tódalas toxinas que poderían ser prexudiciais para o gando. Así, o método permite analizar tódalas micotoxinas para as cales hai establecidos uns límites máximos ou recomendacións. Entre estas micotoxinas atópanse algunhas das máis frecuentes como as aflatoxinas, deoxinivalenol, zearalenona, fumonisinas, ocratoxina A, toxinas T-2 e HT-2. Ademais, tamén conseguen detectar formas modificadas do deoxinivalenol, zearalenona e fumonisina, xunto con toxinas emerxentes coma beauvericina e as enninatinas. Polo momento, este método emprégase para análise de leite, cervexa e varias materias primas, en concreto millo, grans secos destilados solubles (DDGS), trigo, farelo de trigo, cebada, alfalfa, soia e xirasol. Ademais, pode utilizarse para materias similares e os investigadores xa probaron a aplicalo a pensos comerciais e lograron resultados satisfactorios. “Na actualidade, dentro do proxecto europeo Agritox estamos a incrementar o número de toxinas que podemos detectar e validando novos métodos para o seu uso noutras materias primas coma en silos e alimentos como o queixo”, detallan dende o equipo investigador. Así, o novo método pode ser aplicado tanto en fábricas de pensos como en laboratorios de control, aínda que recoñecen que se trata dunha tecnoloxía complicada e para a que se precisa de persoal especializado.

Detectar as toxinas na granxa

Na granxa, a presenza de micotoxinas está moi condicionada polo tipo de forraxe e a contaminación pode producirse tanto no campo como no almacenamento. A herba seca e os silos de herba non adoitan mostrar problemas de contaminación, aínda que en ocasións pode aparecer patulina, ácido micofenólico e outras toxinas producidas por fungos do xénero Penicillium, pero que, polo xeral, non causan intoxicacións agudas no gando. O principal problema son os silos de millo, que poden conter unha gran variedade de micotoxinas producidas por fungos de varios xéneros.
Os silos de millo son un dos principais focos nos que se poden producir contaminacións por micotoxinas
As micotoxinas que se atopan con máis frecuencia son as producidas por fungos do xénero Fusarium, principalmente fumonisinas e deoxinivalenol, que proceden principalmente do millo. “As toxinas producidas por Fusarium, como deoxinivalenol, zearalenona e fumonisinas, proveñen da contaminación no campo, e tan só se conseguen minimizar eliminando as plantas afectadas, que poden identificarse, en moitas ocasións, por ter coloracións vermellas ou violetas”, concreta Jesús González. A aparición de toxinas producidas por Aspergillus e Penicillum, como as aflatoxinas, ocratoxina ou gliotoxina vai depender das condicións do silo. “As condición climáticas de Galicia non son adecuadas para que se produza contaminación con aflatoxinas ou ocratoxina, aínda que si se empregan pensos elaborados con materias primas doutras rexións si que poderían aparecer”, puntualiza o investigador. Por outra banda, outras toxinas emerxentes que tamén son detectadas con moita frecuencia son a beauvericina e eniantinas, aínda que en concentracións moi baixas, tal e como sinalan os expertos.
Boa parte das micotoxinas que poden aparecer nas granxas causan unha variedade de síntomas pouco específicos no gando, pero que condiciona o seu benestar e produción
Na gran maioría dos casos, estas micotoxinas causan unha variedade de síntomas pouco específicos no gando, pero que condiciona en gran medida a súa saúde e rendementos. Unha baixada da produtividade, do peso ó nacer ou a perda de capacidade reprodutiva e o aumento de infeccións ligadas a unha supresión inmunitaria son algunhas das consecuencias máis frecuentes derivadas da presenza de micotoxinas nas forraxes. “As micotoxinas máis perigosas son as aflatoxinas -pouco habituais en Galicia-, que causan dano hepático e cancro, ademais pasan ó leite e ós ovos”, explican os investigadores. En xeral, cada micotoxina afecta de xeito especial a unha especie. Por exemplo, o deoxinivalenol afecta á produción porcina causando inmunosupresión e que os animais rexeiten a comida, chegando a producir vómitos, por iso é coñecida como vomitoxina. Mentres, a zearalenona afecta a ruminantes causando abortos, celos irregulares, hipertrofia da glándula mamaria e vaxinites.

Recomendacións para reducir o risco de micotoxinas na granxa

“A prevención da formación de micotoxinas no campo é esencial”, inciden os investigadores. Recollemos unha serie de recomendacións realizadas polos expertos que poden contribuír a reducir o risco de contaminación por micotoxinas na granxa: 1_ Facer análisis do solo antes da sementeira para axustar á fertilización ás necesidades, co fin de evitar o estrés das plantas por falta de nutrientes. 2_ Eliminar os restrollos, xa que poden facer de substrato para o crecemento de fungos produtores de micotoxinas. 3_ É importante evitar a masificación das plantas mantendo a distancia recomendada para as variedades cultivadas. 4_ Evitar plantar o mesmo cultivo no mesmo campo dous anos consecutivos. Para evitar esta repetición de cultivos pode resultar de utilidade establecer un plan de rotación de cultivos. 5_ Despois da floración, debe evitarse a presenza de malas herbas no cultivo e téñense que minimizar os danos mecánicos e os causados por insectos. 6_ Optar, sempre que sexa posible, por variedades con resistencia a enfermidades fúnxicas ou a danos por insectos. 7_ Programar a colleita para que o gran esté en plena madurez e teña un baixo contido de humidade, a non ser que isto supoña sometelo a condiciones extremas de calor, precipitacións ou seca. 8_ No ensilado, a mellor forma de previr as micotoxinas é realizar un bo empaquetado para eliminar todo o aire. 9_ Poden empregarse aditivos no ensilado que reducen o pH, o que evita o crecemento dos fungos. Por exemplo, os ácidos orgánicos coma o ácido propiónico axudan a acadar a acidez necesaria para a conservación sen depender exclusivamente dos ácidos producidos por microbios. 10_ Planificar o tamaño do silo para que se adecúe ás necesidades da gandería. Neste senso, é preciso manter un avance rápido na fronte do silo, en torno os 15-20 centímetros por día, e así evitar o seu deterioro. 11_ Empregar só produtos autorizados pola Unión Europea como axentes redutores ou detoxificadores. “Nos últimos anos introducíronse no mercado diversos “secuestrantes” cuxo obxectivo é evitar a absorción das micotoxinas no intestino dos animais. Estes produtos mestúranse no penso, pero a sua eficacia é cuestionable, por iso é recomendable usar só os produtos autorizados pola UE”, apuntan os expertos. Polo de agora, só hai tres produtos autorizados: bentonita (1m558) para a redución de aflatoxinas, a esterasa de fumonisina (1m03) para a redución destas micotoxinas, e unha cepa de Coriobacteriaceae (1m01) para a detoxificación de tricotecenos coma o deoxinivalenol. Estes 'secuestrantes' foron os únicos que demostraron a súa eficacia para diminuír os efectos tóxicos das micotoxinas en animais. Neste sentido, o equipo investigador do proxecto Agritox, está a desenvolver novos métodos de detoxificación baseados na nanotecnoloxía cos que pretenden eliminar as micotoxinas das materias primas evitando que cheguen ós animais.

Campaña de ensilado do millo 2021: Agárdanse boas producións, superiores ás de anos pasados

A maioría das ganderías de vacún de leite galegas están xa pendentes do inicio da campaña de ensilado do millo. As chuvias da primavera e os primeiros meses do verán atrasaron en gran medida o desenvolvemento da forraxe, que agradeceu o bo tempo deste mes de agosto que está axudando na maduración da espiga. Con todo, a vaga de calor dos últimos días pode mesmo condicionar e adiantar o ensilado naquelas zonas máis secas. Na maior parte de Galicia o ensilado do millo comezará a mediados de setembro e colleitaranse a comezos de mes as parcelas con ciclos máis curtos ou con terras máis secas, onde o millo estea a sufrir pola calor. Agárdanse boas producións en cantidade e calidade, xa que polo xeral a planta atópase nun bo estado sanitario.  Comezan a detectarse xa estragos causados polas mandas de xabaril nas zonas gandeiras. Mesmo están a sufrir danos en parcelas nas que o millo aínda está moi verde ou en pradeiras.  Facemos un percorrido por algunhas das principais comarcas gandeiras para coñecer mellor a evolución deste cultivo forraxeiro fundamental en gran parte das ganderías de vacún de leite.

Mariña Lucense: “Vai haber boa colleita, mellor que a do ano pasado. A planta está moi vigorosa, só falta que se acabe de formar a espiga”

Na cooperativa Os Irmandiños, en Ribadeo, integrada en CLUN, prevén que as tarefas de ensilado do millo comecen a mediados de setembro, agás algúns casos excepcionais que se poidan mallar antes. “A falta de horas de sol atrasou a formación e maduración da espiga, polo que a colleita tamén se atrasará”, explica Rafael Acevedo, un dos responsables da área de cultivos e mecanización da cooperativa. A nacenza do millo, pese ás abundantes choivas levouse a cabo nas datas habituais e tamén se desenvolveu con normalidade o crecemento da planta. “Hai plantas cunha vexetación moi boa, pero que precisaban destas horas de luz que estamos tendo agora en agosto”, comenta. Con todo, as perspectivas da colleita son boas. “Vai ir con atraso, pero creo que vai haber boa colleita, mellor que a do ano pasado. A planta está moi vigorosa, só falta que se acabe de formar a espiga”, valora Acevedo. Pese ó atraso que presentan as plantacións no desenvolvemento e maduración do millo, están a sufrir xa os estragos causados polo xabaril. “Parece que este ano teñen bastante fame, porque está tirando millo que nin sequera teñen aínda que comer e causando importantes danos”, indica Acevedo. Así, tanto en parcelas que xestiona a propia cooperativa para a súa planta de mestura húmida, como en fincas de socios xa rexistraron danos desta fauna salvaxe. “As mandas de xabaril están moi repartidas, temos danos en plantacións da Mariña, pero tamén nas zona do interior”, especifica. A incidencia da fauna xa lles causou perdas dende o inicio do cultivo do millo. “Houbo fincas de Remourelle que tivemos que sementar de novo por completo”, recorda. Leiras de millo estragadas polo xabaril na Mariña Lucense. // Foto Clun.

Lugo Centro: “O frío e a auga fixeron que o millo atrasase e que tardase en saír”

Polo momento na zona central da provincia de Lugo o millo aínda está moi verde e faltan case 15 días para que comece a ensilarse. “O frío e a auga fixo que o millo atrasase e que tardase en saír”, explica Silvia Cendán, técnica da cooperativa Aira. Na zona de Palas de Rei, Guntín, Friol ou O Páramo na cooperativa agardan comezar co ensilado arredor do 10 de setembro. As previsións son tamén favorables e agardan boas producións. “A verdade é que está mellor do que contabamos, xa que ó principio o millo tivo moitos problemas para saír polas chuvias e logo houbo gran cantidade de herbas, tanto que mesmo ós herbicidas lles custou atallala”, valora Cendán. Ás inclemencias meteorolóxicas sumáronse os danos causados pola fauna na época da sementeira. “Este ano tivemos moita incidencia de corvos. Houbo fincas que tiveron que sementar máis dunha vez por culpa deles. Ademais, por causa do xabaril tamén houbo faltas e estragos en moitas parcelas”, comenta. Polo momento, os danos co millo xa criado aínda non están a ser moi numerosos, pero coidan que cando maduren as espigas se han de incrementar pola presenza de mandas destes animais na zona.

Chantada: “Comezaremos a ensilar nos próximos días e agardamos producións por encima da media”

No sur da provincia de Lugo, na zona de Chantada están a piques de comezar co ensilado. “A finais desta semana ou principios da que vén comenzaremos coas fincas máis adiantadas, as que se sementaron en abril”, explica Jorge Meiriño, técnico de campo da cooperativa Aira. As altas temperaturas que se están a rexistrar nos últimos días fixeron que mesmo se adiante a colleita, xa que o millo comeza a sufrir pola falta de precipitacións. “As plantas estaban afeitas a unhas regas constantes, coas precipitacións que tivemos durante a primavera e o verán, as plantas estaban viciadas niso e agora soportaron peor a seca”, valora o técnico. Esta campaña a sementeira puideron realizala nas datas previstas e os ciclos están chegando ó seu momento óptimo de colleita. “Nesta zona adoitan empregar ciclos non moi longos para poder garantir que o millo chega a cumprilo”, apunta Meiriño. Agardan que sexa unha campaña boa, con producións por encima da media, debido ás abundantes precipitacións. Nesta zona, a incidencia do xabaril sobre o cultivo do millo está a ser cada vez maior. “Vese moito lobo e iso pode facer tamén que o xabaril ande máis en mandas, polo que os danos cando entran nunha finca son moito maiores do que hai anos, cando entraba un só animal”, apunta.

 

Fincas de millo na zona de sur da provincia de Lugo.

Comarca do Xallas: "As perspectivas en canto a calidade son boas, xa que a sanidade da planta é moi boa"

En Ganxabar, a cooperativa que xestiona en común os forraxes e a recría de 8 gandeiros de Xallas e Barcala (A Coruña) mantéñense á expectativa de como remate de desenvolverse a espiga, que será o que determine os niveis de amidón dos silos. “Polo momento as perspectivas en canto a calidade son boas, xa que a sanidade da planta é moi boa”, valora Adrián Cundíns, xerente de Ganxabar. En canto á produción, tamén agardan unha colleita con boas cifras, semellantes ás dos últimos anos nos que contaron con altas producións de millo. “Estas últimas semanas van ser decisivas, o que realmente aporta quilos é a espiga, e se aperta moito a calor e non deixa un desenvolvemento axeitado pode que cambien as perspectivas”, recoñece. A evolución desta recta final tamén marcará o comezo dos traballos de ensilado. “Se o millo non se ve condicionado e se desenvolve ben non comezaremos a ensilar ata finais de setembro. Se pola contra, comeza a verse afectado, adiantaremos a recollida dúas semanas”, argumenta Cundíns. Nesta cooperativa adoitan apostar por ciclos longos de millo. Boa parte do millo que cultivaron este ano, case o 90% , son ciclos de 500 ou 600, que lle permiten maior marxe para a colleita. “Estas variedades adoitan ter un período óptimo para a recollida de mesmo 8 días, cando os ciclos máis curtos só teñen 2 ou 3 días, polo que sempre que podemos optamos por este tipo”, indica. Este ano puideron realizar a sementeira en abril e o millo tivo un bo desenvolvemento ata o momento, puido enraizar ben o que fai pensar que poida aguantar ben esta fase final aínda que non chova, se as temperaturas se suavizan. Na zona están a sufrir importantes danos por mor do xabaril. “Os danos reais no millo habémolos de ver cando ensilemos, pero xa están vendo moitos danos en leiras pequenas con millo do país ou con ciclos máis curtos que teñen a espiga máis adiantada”, comenta Cundíns. Tamén detectaron danos en pradeiras, polo que temen importantes desfeitas nas fincas de millo de maior extensión.

Comarca do Deza: “Agardamos boas producións, mesmo superiores ás do ano pasado”

Na cooperativa Cobideza, con delegacións en Lalín, Vila de Cruces e Silleda, agardan unha boa colleita de millo, con producións superiores ás do ano pasado. “Esperamos ter unha media de entre 35.000 e 40.000 quilos por hectárea, con fincas nas que poidan chegar a acadarse os 50.000 quilos, aínda que serán casos puntuais”, indica Patricia López, directora comercial da cooperativa. Dende a cooperativa inciden na importancia de lograr bos silos de millo. "Nun ano no que os custes de produción se incrementaron, ademais de obter un bo rendemento, é moi importante a calidade nutricional do ensilado. O obxectivo dun bo silo de millo é obter un alimento con alto porcentaxe de enerxía e elevada dixestibilidade da fibra”, explica a directora comercial. A campaña arrancará arredor do día 10 de setembro e agardan que quede rematada pouco máis dun mes despois, sobre o 25 de outubro. “Este ano a campaña vai con certo atraso en comparación co ano pasado, xa que a meteoroloxía tamén foi moi distinta e aínda seguimos metendo na herba seca”, apunta López. A evolución das vindeiras semanas será tamén determinante tanto para o inicio do ensilado como para as producións finais que se obteñan. Polo de agora non contabilizaron grandes estragos nas leiras do millo a causa do xabaril, pero apuntan a que se debe ó atraso da planta e que aínda non está a espiga criada. “Nos próximos días podemos empezar a ver importantes danos como os que tivemos na sementeira”, comentan na cooperativa.

Liñaza, un ingrediente clave para conseguir un mellor cebo dos tenreiros

Producir carne de vacún más saudable. Ese foi o obxectivo da tese doutoral realizada pola investigadora Laura González e dirixida por Teresa Moreno, especialista en calidade da carne do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), en A Coruña. O seu traballo logrou obter carne de vacún de mellor calidade, ó conseguir mellorar a graxa dos becerros de cebo. Pero, como o lograron? O aporte de oleaxinosas na dieta dos tenreiros foi unha das claves.
Incluír oleaxinosas na última fase de cebo consegue transformar a graxa do becerro e contar cun maior aporte de omega 3 específicamente cando se emprega liñaza
A investigación conseguiu ofrecer carne de vacún cunha maior presenza de ácidos graxos desexados como os omega 3. Mellorar a graxa do vacún é unha das vías para revalorizar este tipo de carne, que está a atoparse nos últimos anos cunha baixada do consumo polo seu contido en graxa e por asociarse coa incidencia de enfermidades, pese ó alto valor nutricional desta carne, ó ser fonte de proteínas de alto valor biolóxico e de minerais como o ferro e o zinc. “Realizáranse diversos traballos centrados nos efectos do sistema de produción dos tenreiros de Rubia Galega, pero non se investigara os efectos sobre a calidade lipídica da graxa intramuscular e o enriquecemento de ácidos graxos poliinsaturados, como o ácido linoleico conxugado (CLA) e os omega3, ó suplementar a dieta con oleaxinosas”, apunta a autora na súa tese. Ao mesmo tempo, esta alternativa na ración do gando permite seguir apostando por una alimentación dos tenreiros a base de pasto, case ata o seu sacrificio, e contar con carne de gran calidade, sen ter que botar man de sistemas máis intensivos.

Carne de Rubia Galega de mellor calidade

Os traballos centráronse na raza Rubia Galega, posto que son animais cunha carne magra debido á súa xenética e cun engraxamento tardío. “A Rubia Galega é unha raza de maduración tardía. Cando estes tenreiros se crían exclusivamente a base de pasto non se consegue unha adecuada infiltración da graxa, o que vai en detrimento da calidade da carne, por iso se adoita complementar a crianza cunha fase final de cebo a base de forraxe e concentrado”, explica Teresa Moreno, directora da tese. O aporte de sementes oleaxinosas na ración permite que esta última fase do cebo, que obedece máis a un sistema intensivo, non contrarreste a crianza en base a pasto e leite dos primeiros meses e consiga mellorar de forma substancial a calidade da carne. “Se no acabado a base de concentrado se inclúen oleaxinosas vemos como mesmo melloran os índices nutricionais desta carne”, apunta Moreno.
A investigación realizouse con 125 tenreiros de Rubia Galega do rabaño experimental do CIAM
O estudo levouse a cabo con 125 tenreiros de Rubia Galega, 77 femias e 48 machos procedentes do rabaño experimental do CIAM. A investigación dividiuse en varios ensaios que se prolongaron durante un ano e nos que se empregaron uns 30 exemplares. Tódolos animais estiveron amparados pola Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, e da tipoloxía becerro, e dicir, tiñan máis dun ano. Unha parte deles foron xatos clasificados como de clase Suprema, aqueles que maman ata o sacrificio. Tamén contaron con animais destetados uns meses antes e cuxa fase final de engorde é a base de forraxes e concentrado. “Foi unha investigación meticulosa e detallada na que fomos afinando pouco a pouco os beneficios que ofrece incluír as oleaxinosas na ración destes animais”, comenta a investigadora. A investigadora Laura González.

A liñaza, a mellor alternativa

Comezaron por ver os efectos de proporcionar aceites de oleaxinosas como a soia, o xirasol ou a liñaza na ración dos animais para logo averiguar se tamén había variacións ó empregalas como sementes. “Comprobamos que a semente extrusionada de liñaza era a mellor opción, a máis favorable, ó conseguir un mellor perfil lipídico das canais”, indica Moreno. En concreto, a carne dos becerros alimentados con liñaza tiña unha maior proporción de ácidos graxos poliinsaturados como os omega3 e de ácido alfa-linolénico.
Un aporte do 10%  de liñaza sobre materia seca na ración dos becerros abonda para mellorar as calidades da carne e a graxa
Así, as seguintes fases de investigación centráronse xa por completo na liñaza, analizando os efectos deste complemento con distintas racións e manexos. Os resultados amosan que abonda cun aporte do 10% de liñaza sobre o total de materia seca para conseguir os cambios no perfil graxo da carne. “Probamos tamén aportando un 5 e un 15 % sobre materia seca e comprobamos que o valor medio (dun 10%) era o que mellores resultados ofrecía. Un maior achegue non se traducía en cambios máis significativos”, detalla a investigadora. Efecto do nivel de liñaza suplementado no concentrado (5 [L5], 10 [L10] ou 15% [L 15] sobre a composición de alfa-linolénico e do total de omega3 (% de ácidos graxos) na carne de becerros de Rubia Galega. Ademais, os traballos de investigación tamén concluíron que combinar o aceite de liñaza no concentrado cunha alimentación que mantén unha elevada proporción de pasto (entre o 40 e o 15% de materia seca) resultou ser a opción para lograr unha carne de mellor calidade. "Manter o pastoreo durante a fase de cebo tamén amosou unha composición de graxa máis saudable na carne, cunha maior proporción de alfa-linolénico e do total de ácidos omega3 e poliinsaturados, así como unhas relacións poliinsaturados/saturados e omega6/omega3 máis favorables", explica Laura González. Efecto do tipo de acabado (P, LP o LC) sobre a composición (% do total de ácidos graxos) de ácidos graxos poliinsaturados da familia omega3 así como sobre os índices nutricionais poliinsaturados/saturados (AGPI/AGS) e omega6/omega3 (n-6/n-3) da carne de becerros de raza Rubia Galega. Nesta investigación o pasto foi a base de trevo branco e encarnado. Os resultados permiten seguir apostando polo mantemento do pastoreo durante o cebo dos becerros para conseguir canais de mellor calidade, en liña coas directrices que están a marcar dende Europa, cunha aposta por sistemas de produción máis sostibles e respectuosos co medio ambiente e o benestar animal. As investigadoras insisten en que é preciso non só ter en conta o aporte de oleaxinosas senón que cómpre prestar atención ó resto de compoñentes da ración. Recomendan proporcionar ós becerros unha forraxe de alto valor nutricional, un aporte mínimo de concentrado que permita o desenvolvemento axeitado dos depósitos graxos dos animais e adecuar a relación de concentrado e forraxe. “É importante proporcionar unha alimentación controlada e limitada de ambos recursos alimenticios”, explica González. O aporte do liño na dieta dos becerros tampouco causou variacións no sabor da carne que puideran desaconsellar o seu uso. Así, esta opción amósase como unha vía para mellorar a calidade da graxa da carne e con ela tamén a propia valorización deste alimento. Porén, pese o incremento de ácidos graxos saudables que supón empregar a semente do liño, as cifras son aínda moi baixas con respecto doutros alimentos como para poder comercializalos indicándoo nunha etiqueta diferencial, tal e como sinalan as investigadoras. “Nestes momentos os valores de ácidos graxos poliinsaturados omega3 desta graxa están aínda lonxe dos sinalados polas directrices dun etiquetado diferencial e dos conseguidos por outros alimentos como o peixe azul, pero o resultado é unha carne máis saudable, xa que estes valores engádense ó seu aporte nutricional e mellórano”, explica Moreno.

O seguinte paso, Cachenas e vacas adultas

A graxa da carne de ruminantes ten un perfil complexo e diverso de ácidos graxos, presentando gran variedade de lípidos con diversa isomería xeométrica e posicional, estando presentes en concentracións moi variables e asociados con diferentes funcións estruturais, metabólicas e funcionais. Nesta investigación incorporouse unha metodoloxía analítica para a determinación de ácidos graxos que combina diversas técnicas como a cromatografía de gases, a cromatografía líquida de alta resolución e a espectrometría de masas, permitindo unha evaluación máis completa e precisa dos ácidos graxos presentes e os seus isómeros. "A investigadora, mediante unha bolsa predoutoral, beneficiouse dunha estadía en Canadá durante a que profundizou na aprendizaxe destas técnicas analíticas avanzadas, o que nos permitiu a identificación e cuantificación de compostos específicos para analizar os perfís graxos e as variacións que se produciron cos cambios na dieta”, apunta a directora da tese. Dende o Ciam agardan continuar esta liña de traballo tanto con vacas adultas como con outras razas de interese. Así, están pendentes de que se aprobe un proxecto centrado na raza Cachena e que poidan levar a cabo en colaboración con distintas ganderías galegas.

Gandería Pumar de Buxán: Un referente de manexo en vacún de leite

Lograr a máxima rendibilidade da gandería reducindo o coste de producir un litro de leite, e iso en base a un óptimo manexo e unha boa calidades das forraxes. Esta é a máxima que segue dende hai case 40 anos a gandería Pumar de Buxán, situada da parroquia homónima do concello coruñés de Val do Dubra. Moxen 60 vacas que permiten crear catro postos de traballo: os dous dos seus propietarios, o matrimonio formado por Antonio Pumar García e a súa dona Rosario, o seu fillo Toni, recentemente incorporado á explotación, e unha asalariada externa, Vanessa, que traballa nas labores de muxido. A historia desta gandería, que durante anos se situou nos primeiros postos de Galicia en nivel xenético, ven marcada pola constancia no traballo e tamén polo azar. “Eu estudei en Santiago unha formación profesional na rama mecánica, e no ano 1982 os meus pais propuxéronme facerme cargo da gandería familiar, que aceptei sempre e cando se cambiaran moitas cousas na explotación”, conta. E é que a granxa da que partía eran 6 vacas de cruce, que cambiaron coa adquisición de 5 vacas Holstein e varias becerras, o xérmolo da actual cabana gandeira. Un punto de inflexión para esta gandería foi a construcción no 1990 dun novo establo, nun terreo separado da casa familiar, e cunha sala de muxido situada fóra da nave das vacas. “Creo que foron dous acertos, pois permitíronnos medrar e mellorar tanto en limpeza como en hixiene do muxido”, recoñece. Hoxe Gandería Pumar de Buxán conta 70 vacas adultas, das que 60 están en muxido e 10 secas, ás que hai que sumar 20 xovencas e outras 20 becerras para recría.
“Empregamos como máximo 9,5 kilos de penso para unha produción de 36 litros e un 3,9% de graxa”
A produción media é de 35 litros por vaca, cun 3,9% de graxa e un 3,37% de proteína. Dende os seus comezos venden o leite a Nestlé, que llo paga por calidades; é dicir, por kilos de graxa e de proteína. “Nestlé axudounos moito a mellorar en manexo, porque nos incide moito nas calidades do leite e no benestar animal, de forma que imos compartindo metas e obxectivos”, destaca Antonio. Para lograr esa producción empregan unha ración composta por 9,5 kilos de penso, medio kilo de palla, 11 de silo de herba e 35 kilos de silo de millo. “Polos nosos cálculos -explica- non nos é rendible incrementar máis a produción e o uso de concentrado, pois as vacas van ter máis complicacións e non estaríamos producindo o litro de leite máis barato”. A ración fana eles cun carro mesturador de segunda man, algo que resultaría pouco rendible se se ten en conta o tamaño da granxa, pero que compensan cunha comida máis fresca para os animais, ao servila dúas veces ao día, e tamén cunha mellor calidade de mezclado.

Manexo da base territorial

A alimentación do rabaño de Gandería Pumar de Buxán prodúcese principalmente na súa base territorial, composta por unhas 30 hectáreas de terreo, das que unhas 25 son en propiedade, algo que Antonio considera estratéxico para a viabilidade dunha explotación. Realizan eles todos os traballos agrícolas, agás o ensilado, e dende o ano pasado a sementeira. Na herba, tanto nas pradeiras temporais como nas permanentes, empregan unha mestura de raigrás híbrido e trevo, con bos resultados. “Empezamos empregando raigrás inglés e trevos pero fómolo deixando porque rebrotaba máis tarde para facer os cortes, de forma que se nos atrasaba demasiado a sementeira do millo. Daquela, empezamos a meter trevos con raigrás híbrido e notamos que, grazas a que as leguminosas fixan nitróxeno, o cultivo posterior de millo mellora o seu rendemento. Ademáis, cos trevos logramos mellores calidades de proteína e de dixestibilidade no silo de herba, de feito no último estivemos nunha media de 16% de proteína”, destaca Antonio.
“Notamos maior produción de millo nas leiras que tiveron pradeira de inverno con trevo”
En canto ao millo, sementan unhas 24 hectáreas cun ciclo 280, que se axusta aos solos das súas parcelas, de tipoloxía franco-limosa, pois de ir a ciclos máis longos poderían ter dificultades para entrar ás leiras no momento de ensilar. En canto ás calidades do silo de millo, de media están nun 37% de almidón, prestando especial atención tanto ao picado como á altura de corte. “O picado do millo é moi importante, levamos varios anos co sistema Shredlage, e os resultados son bos. O corte facémolo polo terceiro nó, senón o único que fas é meter problemas no silo”, subliña. Para preservar a fertilidade do solo, procuran sementar pradeira despois de recoller o millo. En Gandería Pumar de Buxán aplican dende hai anos o que agora se chama gandería de precisión: Lograr que as vacas lle saquen o máximo rendemento ás forraxes e que no caso das terras ao xurro que produce a granxa. Para iso, realizan analíticas de terras e de xurro todos os anos, e para reducir as perdas de nitróxeno e os malos cheiros desde o 2020 empregan bacterias específicas. “Empezamos traballando coas de Bioprana e agora estamos utilizando uns polvos de TimacAgro que son máis fáciles de aplicar”, afirma. Nas camas tamén buscaron un material que lles permitira conxugar o benestar e a hixiene das vacas coa mellora do potencial produtivo das súas terrras. Probaron varios sistemas, incluíndo o serrín, o cal apagado con magnesio, ou a cama quente con compost das bostas das vacas, que acabaron desbotando pola humidade que acumula no inverno. “Agora empregamos unha mestura de cascarilla de arroz, cal apagada e serrín e, xunto coas bacterias, notamos que redunda nunha mellora do rendemento das colleitas”, asegura Antonio. E cando á area, este gandeiro recoñece que “nunca se nos pasou pola cabeza polo problema que provoca nas terras a medio prazo”.

“A xenética é importante pero para min é máis determinante o manexo”

En canto ao nivel xenético da granxa, e malia situarse entre as máis destacadas en ICO en Galicia, Antonio Pumar afirma que “para min é máis determinante o manexo”. “Un establo cunhas vacas mediocres e cun bo manexo pode conseguir os mesmos ou mellores resultados que un establo con vacas de primeira e mal manexo”, sentenza. Así, nos acoplamentos, que realiza Antonio, ademáis da inseminación, buscan a menor consangüinidade posible e touros intermedios para lograr unha vaca equilibrada. Os datos de reprodución en Gandería Pumar de Buxán son envexables, con tan só 1,2 inseminacións por vaca. “Utilizamos moi pouca prostaglandina, son celos naturais, e aos 2 meses de parto inseminamos”, explica Antonio. A clave desta boa fertilidade está na detección de celos. “Para min o máis importante é o paso do ser humano polo establo, canto máis controles mellor. Por moitos podómetros e aparellos que teñas, que si son unha axuda, non suplirás a observación dunha persoa”, subliña.

Futuro: Mellorar a marxe por litro de leite máis que medrar

Sobre o futuro desta gandería para os próximos anos, Antonio prevé manter a produción de leite, arredor duns 600.000 litros ao ano, e mellorar a rendibilidade reducindo os custes de produción. “Aumentar produción requiriría ampliar o establo e meter máis persoal, co cal non estou seguro de que aumentáramos a rendibilidade nin a calidade de vida”, asegura. Os investimentos que si pensan realizar é no almacenamento do xurro, ben amplicando a fosa ou instalando un separador da fracción sólida da líquida, así como construír unha nave para becerras e vacas secas. “E por suposto, comprar terra se xorden oportunidades interesantes”,e engade. Por último, Antonio Pumar fai un chamamento ás administracións para solucionar dous importantes obstáculos, ao seu xuízo, á incorporación da xente nova ao campo: a excesiva fiscalidade das axudas -”serían mellor axudas a fondo perdido”, asegura- e os excesivos impostos polos dereitos de sucesión.

En dúas frases: Cal é a clave para a rendibilidade dunha gandería de vacún de leite?

-“Se eres constante facendo as cousas ben día a día, unha granxa é viable. A outra clave é facer o litro de leite o máis barato posible, e para iso hai que ter comida suficiente e ter boa calidade dos silos”. -”Se tivera a extensión que temos en poucas fincas faría pastoreo porque tes menos traballo e máis marxe por litro”.

¿Como incide a dixestibilidade da fibra das forraxes na produción de leite?

A dixestibibilidade da fibra das forraxes cobra cada vez máis importancia na nutrición do gando vacún, tal e como corroboraron diversas investigacións nos últimos anos. Así, a grosso modo, un silo de millo con menos porcentaxe de almidón e de materia seca pero con fibra máis dixestible, debido a que se cultivou no punto óptimo e coa planta aínda verde, producirá máis leite que outro con máis porcentaxe de almidón e de materia seca. Así o puxo de manifesto Ángel Ávila, experto consultor en nutrición de vacún de leite durante as últimas xornadas técnicas da cooperativa Delagro sobre “Cultivo de forraxes e pastos: Un modelo ambiental e socio-económico no norte da península ibérica”. No seu relatorio “A dixestibilidade da fibra e o seu impacto na eficiencia”, o experto chamou a atención sobre o descoñecemento que existe sobre como se comporta a fibra no rume e como se dixire. “Canto máis dixerible sexa unha forraxe maior vai ser o seu consumo, e por tanto maior será a produccion de leite, de graxa e de proteína que logremos coa mesma”, incidiu. Autor: Ángel Ávila Coya Desde o punto de vista químico a fibra das paredes celulares dos vexetais componse de celulosa, hemicelulosa e lignina. Este conxunto coñécese como Fibra Neutro Deterxente ou FND. Canto maior sexa o seu contido nun cultivo menor será o valor nutricional do mesmo para a produción de leite e carne. É o que se coñece como Valor Relativo da Forraxe (VRF) tal e como se mostra na siguente táboa de clasificación: Autor: Ángel Ávila Coya Desta forma, a inciencia da dixestibilidade dunha forraxe vémola na produción de leite cando cambiamos de silo: Autor: Ángel Ávila Coya “Desta forma, un silo de millo cunha porcentaxe de materia seca do 30% e un 30% de almidón vai ser moito máis dixerible que un cunha porcentaxe de almidón do 35% e do 38% de materia seca. O máis produtivo en leite vai ser o segundo, por moito que un gandeiro igual preferiría o primeiro”, subliñou Ángel Ávila. Outra forma de medir a dixestibilidade dunha forraxe é mediante o cribado de feces: O obxectivo é que na primeira grella da criba para as partículas máis grosas quede menos dun 10% de partículas, no segundo para fibras de tamaño medio deposítese menos do 20% e no terceiro as partículas máis finas representen máis do 50% do peso da mostra. En caso de mala dixestión da fibra (fibra picada moi longa, millo moi seco, grans mal procesados) a primeira parte pode representar até o 60%. “En definitiva, o que determina a maior ou menor dixestibilidade da fibra dunha forraxe é o seu maior ou menor contido en lignina dentro da Fibra Neutro Deterxente (FND) -composta tamén por celulosa e hemicelulosa-, que se concentra sobre todo nos talos da planta para darlle soporte, e menos nas follas. Desta forma, podemos ter dúas forraxes coa mesma FND pero un ser máis dixerible que outro debido a que ten menos lignina”, explica Anxo Ávila. “Por tanto -engade- é moi importante saber o nivel de degradabilidade que ten a FND dunha forraxe, posto que a maior degradabilidade no rume da fibra haberá maior enerxía e proteína dispoñible para a produción de leite, sólidos e outras funcións do organismo”.

AFNDmo: O novo concepto para medir a dixestibibilidade da fibra nunha forraxe

Neste sentido, Ángel Ávila recalcou que é necesario revisar e actualizar os parámetros da Fibra Neutro Deterxente para valorar de forma máis real a dixestibilidade, e por tanto o valor nutrional, dunha forraxe. Así, explicou o novo termo de aFNDmo, ou fibra nuetro deterxente materia orgánica que se obtén co uso de amilasa e corrixido polo contido de cinzas da forraxe. “Durante a colleita, o ensilado e henificación de forraxes pode ocorrer contaminación con terra, sobreestimando a FND e comprometendo a saúde do rume, ao crer que se está ofrecendo unha cantidade adecuada de FND real”, explica o experto. Neste sentido, recomenda que “cando enviamos a anlizar as nosas forraxes , usando un laboratorio que utiliza a plataforma do modelo Cornell, debemos ser moi rigorosos en pedir unha analítica da FND libre de cinzas ou aNDFom, polas súas siglas en inglés”. Autor: Ángel Ávila Coya

Forraxes co mesmo contido de lignina pero con diferente dixestibibilidade: Por que?

Por tanto, a maior dixestibibilidade da aFNDmo haberá maior produción de enerxía e de biomasa microbiana ou proteína dispoñible para que o animal poida producir leite. Unha maior dixestibibilidade da aFNDom (suma da fibra potencialmente dixestible ou pdNDF e da fracción indixestible ou uNDF) levará tamén un incremento no consumo de materia seca por parte da vaca. Porén, podemos ter dúas forraxes co mesmo contido de lignina e diferentes taxas de dixestión da fibra. A este respecto, Ángel Ávila explicou que ademais do contido de lignina, a dixestibilidade dunha forraxe tamén depende da interacción con outros compostos da fibra como a hemicelulosa, o que determina que estea máis ou menos dispoñible para a súa dixestión polos microorganismos do rume da vaca. Neste sentido, a Universidade de Cornelll (Estados Unidos) desenvolveu a chamada curva de dixestión da aFNDmo, con tres compartimentos ou pools: -Pool 1: dixestión rápida da fibra entre as 0 e as 30 horas despois de ser inxerida, de forma que pasará máis rápida polo rume. “O obxectivo mínimo que nos deberiamos marcar é estar por riba do 60% de dixestibilidade ás 30 horas, tanto para silo de millo como de herba”, subliña Anxo Ávila. -Pool 2: dixestión da fibra entre as 30 e as 120 horas, coñecido como pool de dixestión lenta. -Fracción indixestible da fibra ou uNDF polas súas siglas en inglés: vai das 120 ás 240 horas, e o que queda até as 240 xa non é dixerible polo rume. Por tanto, a evolución das analíticas vai das clásicas onde non se concretaba que parte da fibra é dixerible ás máis modernas nas que se detalla tamén que parte da fibra é dixerible a distintos intervalos de tempo: Autor: Ángel Ávila Coya En canto á dixestibilidade da fibra en ensilados de millo, nestes dous exemplos obsérvase como dous silos de millo coa mesma aFNDom pero con distintas porcentaxes de materia seca (42 e 30%) teñen tamén distinta dixestibilidade da fibra ás 30 horas: 56 e 72%, respectivamente. Autor: Ángel Ávila Coya Situación que se repite neste outro exemplo: dous silos coa mesma porcentaxe de almidón pero distinto de materia seca teñen case 20 puntos de diferenza de dixestibilidade da fibra ás 30 horas: Autor: Ángel Ávila Coya Por tanto, a maior porcentaxe de materia seca nun silo menor dixestibilidade da forraxe, e en concreto da fibra: Autor: Ángel Ávila Coya Situación que tamén se produce nos ensilados de raigrás: Autor: Ángel Ávila Coya Para medir o seu impacto na produción, Ávila lembrou que “por cada incremento de 1 unidade de FNDom digxestible logramos incrementar 0,18 kg o consumo de materia seca e producimos 0,25 kg máis de leite”. Por tanto, empregar unha forraxe máis ou menos dixerible ten unha importante repercusión tanto na inxesta de materia seca como na produción de leite. A modo de exemplo, un silo de raigrás co 90% da fibra dixerida no rume antes das 30 horas terá un consumo por parte da vaca 27 quilos superior a un moito máis lignificado, con só o 41% consumido no pool rápido: Autor: Ángel Ávila Coya Ademais, o seu impacto na produción de leite será de case 6 litros diarios menos de leite: Autor: Ángel Ávila Coya

Conclusións:

Como conclusións Ángel Ávila destacou que: -O uso da dinámica de dixestión da fibra ou FNDom permítenos predicir de mellor forma o uso da forraxe por parte do rumiante. -Non basta soamente con falar do contido total de fibra ou tamaño de partícula dunha forraxe, senón saber o contido tanto de FNDom dixestible como de uNDF (indixerible). -Con estas determinacións coñeceremos mellor a dixestión total da ración e o seu potencial sobre a produción de leite, os sólidos e os parámetros fisiolóxicos do animal.