Archives

Tormenta perfecta: mala colleita española de cereais e posible fin do corredor do Mar Negro

O sector gandeiro enfronta os próximos meses con incertidume, pois as perspectivas actuais para os prezos de pensos e forraxes son negativas. España enfronta unha colleita de cereais catastrófica, que se estima en 10,7 millóns de toneladas, polos 18 da tempada anterior e os 23,9 de hai dúas campañas. En trigo brando, espérase unha colleita do 57% en comparación co 2022, en tanto en cebada do 64%. Tamén no millo para pensos agárdase unha diminución de case un tercio da produción. As consecuencias da mala colleita para as granxas galegas son dobres. Dun lado, unha menor dispoñibilidade de palla, calcúlase que polo menos un 60% menos que o ano pasado, co que a pouca palla que haberá terá un prezo elevado. Doutro lado, a perspectiva de que os prezos de pensos e cereais se incrementen nos próximos meses.
España precisará importar máis de dous terzos dos cereais que consume cada campaña, segundo as previsións de Cesfac
A Confederación Española de Fabricantes de Alimentos Compostos para Animais (Cesfac) estima que España terá que importar un mínimo de 23 – 25 millóns de toneladas de cereais, para cubrir a demanda interna para consumo humano e alimentación animal, que ascende a 35 millóns de toneladas. Ese aumento do esforzo importador xerará previsiblemente problemas loxísticos, sobre todo no transporte da materia prima desde os portos ata as fábricas do interior da Península. Cómpre tamén ter en conta o escenario actual de mercado mundial, pois a partir desta semana Rusia anunciou que cancela o corredor do Mar Negro, que permitía a exportación de cereal ucraíno. Se ese corredor se chegase a pechar, habería consecuencias importantes nos prezos e dispoñibilidade de cereais.
Os prezos de futuros de trigo e soia disparáronse nas últimas horas tras anunciarse o fin do corredor do Mar Negro
Os mercados de futuros de comercialización de soia, trigo e millo xa se dispararon nas últimas horas, con aumentos que chegan a superar o 4% nos prezos a futuro no caso do trigo norteamericano, se ben, se o acordo do Mar Negro se chegase a reeditar, é previsible unha caída inmediata deses prezos. Perspectivas de produción mundial de cereais A parte positiva do actual escenario é que a nivel mundial, hai unhas aceptables expectativas de produción de cereais. Brasil moverase en cifras récord en soia e millo, co que se espera que sexa o principal exportador de millo nos próximos meses, aínda que prevense dificultades loxísticas, a modo de embudo, no almacenamento da materia prima e no seu embarque. As perspectivas semellan tamén positivas a nivel da UE, coa excepción de España e Polonia, e en principio tamén en Estados Unidos e Canadá, á espera de ver como se comporta a meteoroloxía en agosto. No lado negativo, empeorando colleita, estarían Arxentina, China ou Australia. A previsión da CESFAC é que haxa suficiente materia prima no mercado, pero advirten tamén de que a partir do 2025, se non cambia a normativa europea que quere evitar a importación de materias primas producidas en zonas deforestadas, pode existir un problema de suministro.

Experiencias de segundo abonado no millo

O millo é unha das forraxes fundamentais para boa parte das ganderías de leite galegas, por iso conseguir boas producións e colleitas é o obxectivo de todas elas. Para lograr bos resultados, unha das claves é realizar unha axeitada fertilización do cultivo. Na cooperativa agrogandeira Aira, con sede en Taboada (Lugo), abordaron recentemente esta cuestión cos seus asociados, procedentes de distintas zonas, nunha xornada técnica celebrada en Sarria, na que participaron técnicos da cooperativa das diferentes delegacións. Unha das cuestións nas que insistiron durante a xornada foi en repartir o aporte de nitróxeno que se fai ó cultivo, no canto de achegalo só dunha vez, debido ás perdas que se producen. “A eficiencia do abonado aumenta moito se a planta dispón do nitróxeno nos momentos de máis demanda”, explican dende o servizo agronómico de Aira.
Recomendan repartir en dúas veces o aporte de nitróxeno granulado, para conseguir que a planta dispoña del nos momentos en que máis o precisa
Unha das opcións para repartir a dose de nitróxeno que se aporta ó millo é facelo en dúas veces, empregando en ambos casos fertilizantes granulados. Así, realízase un primeiro abonado antes da sementeira e despois procédese a un segundo abonado xusto antes de que peche o millo, é dicir, antes de que comece a encañar. “Hai que facer este segundo aporte cando o millo ten entre 8 e 10 follas, de xeito que aínda se pode entrar sen danar o cultivo”, apuntan dende o servizo agronómico da cooperativa. Técnicos e gandeiros durante a xornada técnica celebrada en Sarria. Na xornada divulgativa abordouse este método de fertilización e os participantes viron a aplicación dun dos produtos que se poden utilizar no segundo aporte de abono, cando a planta comeza a encañar. Nesta sesión demostrativa empregaron o abono Amidas, cunha aplicación de 150 quilos por hectárea. Para a súa aplicación utilizaron unha máquina de redrar que permite tamén aplicar o fertilizante. Ta e como sinalaron os expertos, entre outras vantaxes, este abono é concentrado, o que permite empregar baixas doses e gañar moito rendemento na aplicación. “A aplicación resulta práctica e económica. Así é que cunha aboadora de 1.500 quilos pódense facer entre 8 e 10 hectáreas en pouco tempo”, explicouse na xornada.
Na xornada utilizaron o abono Amidas que permite empregar baixas doses e gañar moito rendemento na aplicación
Deste abono recoméndase aplicar unha dose de entre 125-200 quilos por hectárea dependendo da produción esperada (35-70 toneladas por hectárea). Na súa composición, o Amidas inclúe xofre, o que axuda a asimilar o nitróxeno polas plantas. Outra das vantaxes deste produto é que non dana o millo producíndolle queimaduras, como acontece con outros fertilizantes.

Aportar fertilizante e redrar o millo

A aplicación deste fertilizante granulado na parcela de Sarria fíxose cunha máquina de redrar o millo. Este é un dos apeiros, xunto coas aboadoras suspendidas, co que aplicar o abono ó cultivo nesta fase de crecemento. Ademais, na sesión tamén recordaron os beneficios que lle proporciona ó cultivo redrar a terra. “Redrar o millo aporta moitos beneficios ó millo. É unha técnica moi antiga que se deixou en desuso polos cambios na mecanización das granxas”, explican dende o departamento agronómico de AIRA.
Recomendan aplicar o abono cunha máquina de redrar o millo polos beneficios que reporta este proceso ó millo
En concreto, redrar o millo permite romper a costra que se forma na superficie da terra e as fendas que fan que se perda a auga en profundidade. Ademais, arrendar o colo do millo provoca que saian novas raíces mellorando moito a densidade delas e a súa eficiencia. Tamén é unha práctica que permite liberar a terra dalgunhas herbas que aínda estean nese momento na leira. Ademais, ó enterrar o fertilizante, as perdas son mínimas.

Por que é importante aplicar un abono foliar ó millo?

Na xornada, na Cooperativa tamén informaron ós participantes sobre o uso de abonos foliares, para aplicar xunto co herbicida. Os abonos foliares poden proporcionar micronutrientes, aportar bioestimulantes e achegar nitróxeno, de xeito que se completa a fertilización da planta.
Os abonos foliares aportan pequenas cantidades de nutrientes dunha maneira moi rápida e eficiente
“Os abonos foliares teñen unha función diferente á dos fertilizantes granulados. Os abonos foliares aportan pequenas cantidades de nutrientes, pero fano dunha maneira moi rápida e eficiente, o que permite darlle un impulso ó crecemento das plantas”, explican os técnicos. Existen dous tipos principais de abonos foliares: -Aqueles que aportan nitróxeno. Son abonos que complementan ó que as plantas reciben polas raíces en momentos de gran demanda. -Aqueles que aportan micronutrientes e estimulantes. Os micronutrientes son necesarios en pequenas cantidades. Algúns dos micronutrientes son pouco móbiles, ademais de escasear en moitas terras, por iso unha incorporación vía foliar garante que a planta dispoña destes nutrientes esenciais e así medrar mellor. Os estimulantes teñen a función de reactivar a planta ante situacións de estrés, como pode ser o propio efecto dos herbicidas, unha seca puntual, noites frías, etc. A aplicación de abonos foliares debe facerse sempre baixo a prescrición de técnicos especilizalistas e recoméndase empregalos cando se aplica o herbicida. Os abonos foliares teñen un custe reducido e os beneficios que aportan son importantes. Ademais, como se apuntou na xornada, cómpre ter en conta que a aplicación do abono foliar, ó ir co de herbicida, non supón un custo extra de aplicación.

Claves sobre o cultivo de alfalfa en Galicia

O cultivo de alfalfa en Galicia como forraxe para as ganderías de vacún de leite é aínda minoritario, porén hai granxas que levan anos apostando por esta leguminosa para alimentar o seu gando. En días pasados, alumnado do Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa (Coristanco, A Coruña) e gandeiros de distintas zonas de Galicia coñeceron de primeira man esta forraxe con ganderías que levan tempo cultivándoa. Na xornada formativa e técnica, organizada en colaboración coa firma Limagrain, tamén abordaron aspectos sobre o seu cultivo.
“A alfalfa é unha forraxe que se adapta moi ben ás condicións de clima e solo de Galicia”
“A alfalfa é unha forraxe que se adapta moi ben ás condicións de Galicia, tanto ó solo como ó clima”, reivindica Pablo Amado, enxeñeiro agrónomo e delegado comercial de Limagrain, que participou na xornada. “Só aquelas terras que tenden a anegarse non son recomendables para o cultivo desta leguminosa”, concreta Antonio Boado, distribuidor na zona da Coruña para Limagrain e gandeiro. Antonio é ademais un gran coñecedor deste cultivo, xa que leva anos optando por cultivalo para alimentar o seu gando. Entre outras vantaxes, a alfalfa (Medicago sativa) proporciona un gran aporte de proteína na alimentación do gando, ademais de ter unha dixestibilidade alta e ser palatable para as vacas. Está confirmado tamén que incluíla na ración das vacas en muxido permite incrementar a produción de leite.
A alfalfa está incluída como cultivo mellorante dentro da nova PAC e se se emprega para a alimentación do gando pódese acceder ó pago por cultivos proteicos
Ademais, a alfalfa está incluída como cultivo mellorante dentro da nova PAC e se se emprega para a alimentación do gando tamén se pode acceder ó pago por cultivos proteicos, polo que moitas ganderías están a valorar comezar a traballar con esta forraxe. Participantes na xornada organizada pola EFA Fonteboa e Limagrain Ibérica, durante unha visita a un campo de alfalfa.

Preparación da terra e sementeira

Un dos aspectos máis importantes a ter en conta no cultivo da alfalfa é a súa implantación. “A sementeira é o momento máis crítico, en parte polo pequeno tamaño da semente e o lixeira que é en comparación con outras leguminosas e gramíneas que se cultivan habitualmente en Galicia”, explica Amado. Nesta fase de sementeira e preparación previa da terra, recollemos algúns aspectos a ter en conta para lograr o éxito do cultivo: -Elección da parcela. Debe optarse por parcelas cunha boa profundidade do solo. “Hai que ter en conta que as raíces da alfalfa poden chegar ata 5 ou 6 metros de profundidade”, detalla o enxeñeiro agrónomo. Canto maior profundidade teña o solo mellor será a produción que se logre. Así, en solos cunhas boas condicións pódese lograr unha produción anual de 18 toneladas de materia seca por hectárea e acadar un 20% de proteína bruta. -Evitar predios que se aneguen. É un cultivo que non resiste en terreos que terminen anegados, mentres que en condicións favorables mantense 5 anos sen necesidade de renovar a pradeira e ter que volver sementar. “Cun manexo axeitado mesmo se pode lograr que se manteñan ata 7 anos tendo boas producións”, incide Amado.
Cun manexo axeitado e en parcelas cunha boa profundidade de solo pode lograrse unha produción anual de 18 toneladas de materia seca por hectárea e que se manteña ata 7 anos sen renovar a pradeira
-Revisar o pH do solo. É recomendable realizar unha analítica previa á sementeira para coñecer as necesidades do solo. Aconséllase cultivar alfalfa en solos que teñan un pH mínimo de 6,5, polo que se se sitúa por debaixo desta cifra, como acontece en moitos predios de Galicia, esta deficiencia corríxese cun bo encalado antes de sementar. -Precísase labrar a terra antes da sementeira. Aconséllase facer labores de subsolado e labores de esmiuzado do solo. Logo destes proceso recomendan unha compactación previa á sementeira, que preferiblemente se debe facer con rolos acanalados. -Sementar cedo. A alfalfa adoita sementarse na primavera ou no outono. No caso das sementeiras que se fan a comezo do outono, recoméndase facelas cedo, xa en setembro, para que a planta chegue ó inverno nun estado óptimo. -Sementar a pouca profundidade. A alfalfa require sementarse de xeito superficial, nunca a máis de 1,5 centímetros de fondo, pero é preferible facelo a unha profundidade de 1 centímetro. Para este labor o apeiro que mellor se adapta son as sementadoras de liña, ben sexan de botas ou de discos. -Dose de sementeira. Recoméndase empregar unha dose aproximada de 40 quilos por hectárea, co obxectivo de lograr unhas 400 plantas por metro cadrado. -Tamén é aconsellable pasar o rolo compactador antes e despois de sementar a alfalfa.

Fertilización e tratamentos fitosanitarios

A alfalfa é un cultivo que require pouco aporte de Nitróxeno e ten altas necesidades en canto a Calcio, Fósforo e Potasio. O Calcio debe aportarse antes de sementala, corrixindo o pH da terra cun aporte de Calcio se é preciso. A aplicación de Fósforo e Potasio debe realizarse anualmente, despois da corta, xa que tamén axudará ó rebrote. “Tradicionalmente sempre se dixo que a alfalfa non toleraba o xurro, pero hoxe en día vemos que nalgunhas ganderías están facendo aplicacións moderadas, ata un máximo de 30 metros cúbicos por hectárea, que resultan beneficiosas”, apunta o técnico.
Algunhas ganderías están a facer un aporte moderado de xurro que lles proporciona bos resultados para a alfalfa
Á hora de aplicar tratamentos fitosanitarios é preciso ter en conta o ciclo da planta, xa que no inverno adoita producirse unha parada vexetativa, que pode aproveitarse para realizar determinadas aplicacións, ou mesmo poden aplicarse antes de sementala. Así, recomendan aplicar un herbicida preventivo antes da sementeira, para eliminar a competencia doutras herbas. “Pode cultivarse con outras especies, pero o que se adoita facer é cultivar a alfalfa soa para conseguir producións altas e un bo aporte de proteína”, concreta Amado. Se se opta por cultivala soa adoita aplicarse un herbicida preemerxencia e logo empréganse herbicidas para controlar a competencia tanto de folla estreita como ancha. “As especies de folla ancha adoitan controlarse no inverno, durante a parada vexetativa da alfalfa”, detalla.

A sega e conservación da alfalfa

Á hora da sega e conservación da alfalfa, os técnicos tamén apuntaron algunhas claves para mellorar a conservación desta forraxe. Hai que ter en conta que é unha leguminosa na que se desprende con facilidade a folla, a parte que contén maior calidade, polo que o ideal é segar e deixar estendido, sen deflectores. Debe agardarse arredor dunhas 24 horas, en función da época de corta da sega, ata que o contido de humidade sexa o adecuado para ensilala. Tamén é recomendable empregar rolos ou acondicionadores de caucho. De non contar con eles, é aconsellable non segar nas horas centrais do día, para evitar que se perda tanta folla.
No primeiro ano de implantación da alfalfa é recomendable agardar ata que se produza a floración dun elevado número de plantas antes de realizar o primeiro corte
Ademais, no primeiro ano de implantación da alfalfa é recomendable agardar ata que se produza a floración dun elevado número de plantas antes de realizar o primeiro corte. “Deste xeito asegurámonos que a planta acumula reservas nas raíces que favorecen o rebrote”, explica. É habitual que a alfalfa proporcione entre 4 e 5 cortas anuais, polo que aquelas que coincidan co silo de herba poden ensilarse xuntas. Para o resto, o máis aconsellable é facer pacas e encintalas. “A alfalfa ten altos contidos de proteína e baixos contidos de azucre, polo que a súa ensibilidade é menor que un raigrás”, apunta o técnico. Para aquelas ganderías que opten por ensilar a alfalfa nun silo de trincheira é recomendable engadirlle conservantes ou inoculantes para lograr un bo ensilado.

Pautas para a correcta conservación do silo de herba

A conservación dos silos de herba é clave para lograr unhas forraxes de calidade. Por iso, tal e como apunta Silvia Rico, veterinaria nutricional da Cooperativa de segundo grao Xuncoga, asentada na comarca do Deza, é necesario coidar o manexo do silo dende que se realiza ata que se remata. “O obxectivo do ensilado é conservar a forraxe, sen perder a cantidade de alimento e evitando ó máximo as perdas do valor nutritivo”, explicaba Rico no marco dunhas xornadas para conseguir boas forraxes organizadas pola cooperativa O Rodo, de Rodeiro (Pontevedra). Así, trátase de conseguir un silo cun elevado valor nutritivo, altamente dixerible, debidamente conservado e palatable para o animal. Para lograr silos de herba de calidade, Rico recomenda evitar a presenza de osíxeno e prestar especial atención ós azucres, xa que son un aliado para a conservación das forraxes. A veterinaria Silvia Rico durante a súa participación nas xornadas na Cooperativa O Rodo.

A presenza de osíxeno, o maior inimigo dos silos

A presenza de osíxeno no silo é un dos maiores inimigos para a conservación da herba. Á hora do ensilado é preciso ter isto xa moi presente e tentar evitar que queden espazos de aire no silo. “Cómpre facer un bo enchido e compactación da herba cando se mete no silo para reducir ó mínimo a presenza de osíxeno. Canto máis pisado vaia o silo menos aire vai quedar e redúcense os riscos”, concreta a veterinaria. Facer unha boa compactación do silo contribúe ademais a reducir ó máximo as perdas de nutrientes en materia seca. Un silo cun frontal ben compactado adoita ter unha perda de nutrientes do 0,3% no primeiro día en que se abre o silo. Porén, se este frontal é moi irregular esta porcentaxe elévase a 1% nun só día de exposición. Ó cuarto día, nos silos moi irregulares esta perda chega a ser do 15%, mentres que nos silos cun frontal compacto, queda nunha perda do 6% cando leva os 4 días aberto.
Meter a herba cun grao de humidade axeitado e facer unha boa compactación é fundamental para reducir as perdas de nutrientes dos silos
No momento de facer o ensilado, tamén cómpre ter en conta a humidade da forraxe. “A herba non debe ir nin moi seca nin moi húmida, debe conter arredor dun 30-35% de materia seca”, explica a veterinaria. Con todo, recoñece que hai tendencia a meter moi húmida a herba. “Canto máis húmido se mete o silo máis efluentes vai haber, é dicir, maior perda de líquido, non só auga, senón nutrientes”, explica. Ó mesmo tempo, a auga fai un efecto tampón e evita que baixe a pH. Pola contra, tampouco é recomendable meter a herba moi seca, xa que entra máis aire ó silo e resulta máis difícil a compactación da forraxe. Tan importante coma o ensilado é o manexo que se fai do silo dende que se abre para consumir. “Dende que se abre o silo, hai un punto de contaminación alto no frontal do silo, polo que cómpre tentar reducir ó mínimo os riscos”, valora Rico. A veterinaria recomenda manter un frontal cunha superficie lisa e perpendicular ó solo, xa que deste xeito a superficie exposta é menor. Ademais, aconsella ir retirando a cuberta plástica de xeito paulatino. “Como máximo pode destaparse o plástico do silo que se prevé consumir en 3 días, non máis”, aclara. Tamén se debe consumir tendo unha densidade axeitada. No inverno de media consumiranse uns 15 centímetros e no verán chégase ós 20 centímetros. Ademais, para mellorar a calidade dos silos de herba tamén é recomendable ter ben dimensionado o silo en base ó número de animais e á inxestión de silo por exemplar que se vai facer. Contar cunha boa orientación do silo tamén contribúe a que as inclemencias meteorolóxicas non provoquen perdas.

Os azucres, claves para o silo

Os azucres son a principal fonte de alimento para as bacterias que producen o ácido láctico, que á súa vez é indispensable para a conservación do silo, xa que provoca que o pH baixe e se conserve o ensilado. Así, é fundamental segar a herba para ensilar antes do espigado, xa que é cando máis azucres ten a planta e proporcionará alimento ás bacterias. A veterinaria recorda como os silos feitos no inverno non terminan dando bos resultados, xa que a herba non chega a cumprir o ciclo e non está próxima ó espigado cando se sega, de xeito que case non contén azucres que permitan a produción do ácido láctico e a conservación do silo. Cómpre prestar atención ó frontal dos silos, para evitar perdas de forraxe. Na produción de ácido láctico non tódalas bacterias presentes no silo resultan igual de eficaces. “A velocidade e a eficiencia do proceso pode variar en función do número e o tipo de bacterias que haxa no silo”, explica a veterinaria. Nos silos tamén pode haber bacterias como E. coli ou Clostridium que son nefastas para a conservación do silo e que poden botar a perder a forraxe.
“Reducir a contaminación nos silos é a mellor mareira para mellorar a inocuidade da ración e que os animais se alimenten de xeito regular tódolos días”
O problema é que á hora de realizar o silo descoñécese que cantidade de bacterias eficaces ou prexudiciais para a conservación da forraxe hai na herba, de aí que se recomende o emprego de inoculantes, que aportan bacterias eficientes na produción de ácido láctico. Evitar a presenza de osíxeno tamén é determinante para conservar a maior cantidade posible de ácido láctico nos silos, xa que o aire favorece un desenvolvemento exponencial de fermentos, fungos ou das bacterias ineficientes, todos eles prexudiciais para a conservación do silo. “Reducir a contaminación nos silos é a mellor mareira para mellorar a inocuidade da ración e que os animais se alimenten de xeito regular tódolos días”, concreta a veterinaria. As variacións de inxesta dunha granxa poden ser un indicador de que o silo, sexa de herba ou de millo, está contaminado e dana ós animais, de maneira que reducen a cantidade de forraxe que comen.

¿Como avaliar a calidade dos silos?

Para avaliar se un silo de herba se atopa en boas condicións e é de boa calidade hai varios indicadores que poden proporcionar información ó respecto: -Características físicas. Observar a simple vista o silo xa pode aportar información sobre o seu estado. A cor debe ser semellante á do forraxe cando se ensilou. “Un silo de cor negra xa indica que non está ben conservado”, detalla a veterinaria. O olor tamén é un bo indicador. Así, o silo debe ter un olor ácido, pero que nos recorde a froita madura. Un silo con olor a podre revela que non se fixo do xeito correcto algún proceso. Tamén debe ter unha temperatura estable, xa que cando se eleva indica que hai presenza de osíxeno que está interferindo na conservación do silo. -Características químicas e biolóxicas. Os datos que nos poden facilitar as analíticas dos silos sobre as presenzas de bacterias e o perfil de fermentación resultan de gran utilidade para determinar a calidade do silo.

Dez claves para mellorar o ensilado de herba

“Facer un bo ensilado de herba é moito máis que segar e meter no silo a herba”. Así de contundente se amosa o responsable técnico da Cooperativa O Rodo, Daniel Rodríguez, á hora de falar do ensilado de herba. Precisamente a cooperativa agrogandeira de Rodeiro (Pontevedra), organizou recentemente unha xornada formativa para os socios na que, entre outros temas, ofreceron algunhas recomendacións á hora de realizar os ensilados, a ter en conta xa na próxima campaña de ensilado, que está a piques de comezar. “Se se quere ter unha forraxe de calidade hai que prestar atención a moitos factores, non só durante o ensilado”, explica o técnico. Así, nas últimas semanas, o técnico estivo a facer visitas nas ganderías socias da cooperativa para incidir na importancia de realizar un encalado axeitado para lograr forraxes de calidade e unha boa produción. Xornada técnica organizada na Cooperativa O Rodo na que entre outros temas se abordou o ensilado de herba. Recollemos algunhas das claves que apunta o técnico Daniel Rodríguez para mellorar os ensilados de herba:

1. Elección da semente.

A elección da semente debe adecuarse ás condicións edafoclimáticas de cada zona. Para os produtores de Rodeiro, o técnico recomenda optar por variedades que teñan un espigado tardío. Están a empregarse mesturas de raigrás con veza ou trevos, que axudan a incrementar a calidade da ración. “Introducir unha leguminosa co raigrás permítelle fixar nitróxeno para as gramíneas”, recorda o técnico.

2. Encalado das terras.

O encalado das terras é moi importante, dada a acidez media das terras galegas, con pH moi baixos que poden atoparse entre 4,2 e 5. Cos pH tan baixos só se adoita aproveitar arredor do 43% do Nitróxeno que se lle aporta á terra. “Co aporte de cal pode chegar a ter un pH de 6,5 ou 7 para que todo o nitróxeno que lle proporcionemos sexa o máis eficiente posible”, explica. O técnico incide na importancia de ter en conta minerais como o Calcio ou o Magnesio, xa que son determinantes para o aproveitamento do Nitróxeno. Na Cooperativa acostuman a traballar cun cal de orixe mariña, que como destaca Rodríguez ten unha reactividade carbónica co terreo moi eficiente. “Botándoo un mes antes de segar a herba xa fixo efecto para o ensilado, mentres que con cales de canteira, tardan máis en verse os efectos e haberá que esperar para as seguintes cortas ou para o ensilado do millo”, concreta. Ambas son solucións axeitadas para conseguir corrixir o pH da terra.

3. Fertilización.

Á hora de fertilizar a pradeira, Rodríguez pon especial atención en conseguir un abonado equilibrado, aportando distintos minerais que permitan o desenvolvemento óptimo da herba e o aproveitamento do abono que se lle proporciona. “De nada nos serve facer un gran aporte de Nitróxeno se non lle temos Magnesio e Xofre, xa que a absorción de Nitróxeno estará limitada”, indica. Rodríguez tamén recomenda planificar o ensilado da herba en base á fertilización que se fai da pradeira. Así, con algúns dos fertilizantes máis empregados, entre os 25 e 28 días estaría aproveitado ese abono. Mentres, se se opta por abonos con liberación máis lenta poden facer falta arredor de 40 días para o seu aproveitamento. “O día que se fertiliza a herba xa se pode fixar a data de ensilado, tendo en conta o fertilizante que se lle botou”, apunta.

4. Momento do corte da herba.

Escoller o momento axeitado para o corte da herba resulta tamén decisivo para lograr un silo de calidade. No caso do raigrás, o corte debe realizarse xusto antes do espigado, cando a concentración de azucres na planta é maior. “Para lograr un ensilado eficiente precisamos unha boa cantidade de azucres, que despois contribúen a ter unha forraxe máis dixerible”, detalla o técnico. A choiva é un dos factores que adoita condicionar a sega da herba. Rodríguez é partidario de adiantar a sega se hai previsión de precipitacións para as datas que se tiña previsto ensilar. “Se temos previsto segar a semana do 4 de maio e dá auga para eses días, é preferible ensilar a finais de abril antes que esperar a que volva escampar. Deste xeito, se son terras en rotación co millo poderemos adiantar a sementeira e se procuramos unha segunda corta o rebrote da herba comezará antes”, valora o técnico. A altura e o momento no que se corte a herba son claves para conseguir forraxe de calidade.

5. Altura do corte na pradeira.

Ó igual que acontece co millo, a altura do corte da herba vai condicionar o rendemento do ensilado, xa que ó segar alto pérdese cantidade de herba no silo, pero gáñase en calidade da forraxe. “Segar alto non é só gañar en calidade, tamén para favorecer un rebrote máis rápido da herba se se quere facer segundas cortas”, indica. O técnico ademais recomenda evitar os cortes moi baixos para reducir a presenza de terra nos silos, xa que provocan contaminacións pola presenza de clostridium, o que afecta á saúde dos animais. Rodríguez recomenda segar a unha altura de 6-7 centímetros do chan.

6. Manexo da herba no prado.

Tan importante coma a altura á que decide cortarse a herba é o tratamento de presecado que se lle fai no prado á herba. Debe prestarse atención ó manexo que se fai da herba á hora de estendela ou enrolala, para evitar que acabe levando terra para o silo. “De nada nos serve cortar alto se despois xuntamos terra cando enrolamos”, explica.

7. Presecado.

As primeiras horas trala corta son fundamentais para o secado das gramíneas. Nas dúas primeiras horas é cando máis auga se consegue que perda a herba, xa que os estomas (parte da planta que está en contacto co ambiente) permanece aberta e facilita o secado. Así, mentres os estomas permanecen abertos chegan a perderse uns 100 litros de auga por tonelada cada hora. Porén, cando os estomas se pechan redúcese a 20 litros por tonelada á hora. Recoméndase a sega con acondicionado ou un uso áxil de maquinaria acondicionadora (hileradoras e similares) nas dúas primeiras horas trala sega.

8. Picado da herba.

Á hora de ensilar, o tamaño da herba é outro dos aspectos a ter en conta, xa que contribúe á conservación da forraxe. “Ó picar a herba, mellor se compacta despois no silo”, recorda o técnico. Recomenda o uso do picador ou remolque autocargador sobre todo nos primeiros cortes. Nas segundas ou terceiras cortas, cando a herba ten máis talo e resulta máis difícil o seu picado, pódese optar xa pola colleitadora.

9. O silo.

O estado do silo tamén inflúe na conservación da forraxe. Rodríguez recomenda empregar plásticos nas paredes dos mesmos para garantir que o silo das beiras teña a mesma calidade que o resto e evitar deste xeito as perdas de forraxe. Tamén insiste no emprego do rolo de pisado e en facer capas finas para conseguir unha axeitada conservación da herba. Á hora do pisado, cómpre encher en forma de U para non danar as lonas dos laterais e unha vez que o pisador se atopa na cima da herba debe facerse unha U invertida, para que as augas decorran e non se acumulen na parte superior. Tamén é importante que non sobresaia a herba por encima das paredes, xa que iso limitará o pisado desa zona e dificultará a conservación. “É fundamental pisar, pisar e volver pisar o silo”, insiste o técnico.

10. Selado e conservación do silo.

Para a conservación do silo, ademais do emprego de conservantes, é necesario asegurar o selado do silo, para o que aconsella empregar o film protector, previo ó plástico e á lona protectora. Tampouco hai que descoidar o mantemento que se fará despois do silo, unha vez aberto, xa que vai influír na calidade final da forraxe que inxiren os animais.

Alternativas forraxeiras, os ases na manga para as ganderías de vacún de leite galegas

“Deberíamos lembrar que o que lle serviu ós nosos avós para resistir igual nos pode servir tamén nas granxas hoxe a nós”. Deste xeito convidaba a reflexionar a investigadora e doutora pola USC Ana Isabel Roca Fernández ós gandeiros que asistían a unha xornada sobre alternativas forraxeiras para o vacún de leite que se celebrou na Granxa Gayoso Castro, en Castro Ribeiras de Lea (Lugo). A investigadora pon o foco na situación que atravesan na actualidade as granxas, afanadas en reducir os custos de produción. “O campo galego precisa unha maior resiliencia e para iso as granxas deben facer un aproveitamento eficiente dos recursos forraxeiros”, explica. Facelo permitirá ás ganderías reducir os custos de alimentación e facer fronte a situacións inesperadas como as que se están a presentar co cambio climático ou que se derivaron da pandemia sanitaria ou o estoupido da guerra entre Rusia e Ucraína.
“Diversificar cultivos é unha estratexia forraxeira viable grazas á cal facer as granxas máis resilientes para producir leite de xeito eficiente”
E como lograr este mellor aproveitamento das forraxes nas granxas? A doutora Roca bota man do saber aprendido dos seus avós labregos, combinado coa súa formación académica e da experiencia que lle proporcionaron as estadías en países con sistemas produtivos e climas semellantes ó galego para facer unha recomendación clara: apostar por distintas alternativas forraxeiras para complementar as forraxes tradicionais. “Diversificar cultivos é unha estratexia forraxeira viable grazas á cal se consegue facer granxas máis resilientes para producir leite de xeito eficiente”, valora a experta.
En Galicia só o 4% das ganderías utilizan cereais de inverno producidos nas súas terras
Así, noutras zonas da Bretaña francesa, Nova Zelanda ou Irlanda, nas que a investigadora realizou estadías, están a apostar polo uso de alternativas forraxeiras para a alimentación do gando. Mentres que en Galicia tan só o 4% das ganderías de leite utilizan cereais de inverno producidos nas terras que xestionan. Pola contra, o 57% das granxas cultivan millo e o 52% empregan raigrás italiano.

Sota, cabalo e rei na ración do gando

A modo de exemplo gráfico e divulgativo, a investigadora fai unha comparativa da ración do gando e unha partida de naipes xogando á Brisca. A experta cualifica os cultivos de inverno coma os ases na manga dos que poden botar man as ganderías de vacún de leite. Recomenda así, deixar de optar só por gañar a partida da alimentación animal a base de empregar as figuras da sota, o cabalo e o rei. Senón recorrer ao emprego deles para paliar posibles situacións de déficit e condicións adversas. En base ao uso que os gandeiros fan dan forraxes nas explotacións galegas, a doutora Roca equipara a herba verde coa sota da baralla, mentres que o silo de herba sitúao coma o cabalo e o silo de millo coma o rei debido ao seu valor nutricional e o custo que supoñen para as ganderías o aporte destes alimentos, sendo, este un modelo de “xogo” fixo no cal non se teñen en conta ás alternativas. Seguindo coa comparativa entre os naipes e a alimentación do gando, o resto de trunfos da baralla constitúeno os pensos, con diferente fonte de materias primas, na ración das vacas. Cómpre ter presente que de media o custo do penso supón 5 veces ó da herba verde e 3 veces máis inversión económica que o silo de herba e de millo, de aí que a doutora Roca considere os pensos coma unha das estratexias menos adecuadas para gañar en resiliencia na granxa, ó estar suxeitos a maiores variacións nos prezos. Abonda ver como se dispararon os prezos dos pensos trala pandemia, pasando dun custo medio de 250 euros por tonelada a superar os 400 euros por tonelada na época postcovid. A investigadora recorda neste senso que en España adóitase empregar de media uns 400 gramos de penso por quilo de leite producido, mentres que noutros países da contorna con producións de leite semellante úsanse entre o 30 e o 40% menos de penso que o utilizado habitualmente en Galicia. A composición media das racións nas granxas de leite adoita estar composta basicamente por penso (33%), xunto con herba verde (15%), ensilado de herba (26%), ensilado de millo (14%) e forraxes secas (12%). Así, é que case non se empregan outras alternativas forraxeiras que poderían servir a modo de ases na manga para as ganderías á hora de reducir a dependencia que amosan dos pensos.

Os ases na manga para reducir custos na ración

Entre as alternativas forraxeiras que a experta recomenda empregar en Galicia atópanse cultivos de inverno, así como cultivos proteicos. “As alternativas forraxeiras poden xogar un papel importante na granxa na época de parada vexetativa da herba (no inverno), así como ante a seca do verán, cando logo dos partos da primavera as vacas están aínda en lactación”, argumenta a investigadora. Ademais, este tipo de cultivos son forraxes que xa teñen sido empregadas durante anos en Galicia, polo que a doutora Roca recomenda volver a botar man destas, posto que a maioría delas xa amosaron unha boa produción e atópanse ben adaptadas as condicións edafoclimáticas imperantes na rexión. Optar pola produción de forraxes de calidade na propia gandería é unha das practicas polas que a PAC contempla distintas liñas de acción, como as específicas para a xestión de pastos e a extensificación do vacún de leite, recollidas no DOG núm. 22 de 1 de febreiro de 2017. Á marxe disto, o Real Decreto 1075/2014 contempla tamén unha liña específica para a diversificación de cultivos, onde se poderían incluír estas novas alternativas forraxeiras, así como para a conversión e mantemento da agricultura ecolóxica. “As alternativas forraxeiras están chamadas a ser un piar básico da alimentación do gando vacún de leite no futuro e vano a ser”, reafirma a doutora Roca. As principais alternativas que se presentan son:

-Leguminosas forraxeiras

Teñen un bo crecemento invernal, o que facilita o seu ensilado. Ademais aportan un alto contido en proteína barata, no canto de mercar soia importada ou outras fontes de proteína, de xeito que ben sexa en monocultivo ou asociadas con cereais de inverno, permiten abaratar os custos de alimentación do vacún de leite. Por outra banda, este tipo de cultivos axuda a ofrecer unha ración máis equilibrada. “Coa asociación de leguminosas búscase paliar o déficit de proteína vexetal que a maior parte da granxas teñen debido á asociación entre raigrás italiano e millo”, detalla a investigadora. No caso de leguminosas pódese apostar por especies como a alfalfa, a veza, a esparcela ou a zulla. Tamén se poden empregar especies proteaxinoasas coma o chícharo, o faballón ou o chícharo tremoceiro.

-Gramíneas

Neste caso pódese optar por empregar o raigrás italiano híbrido. A doutora Roca recomenda sementar o raigrás italiano anual e realizar un ensilado nas épocas axeitadas para obter os mellores resultados.

-Cereais forraxeiros

Especies coma a avea, a cebada, o centeo, o trigo ou o triticale ofrecen un alto valor nutricional e son unha boa combinación para mesturar coas leguminosas. “Á hora de asociar leguminosas e cereais é recomendable empregar mesturas con chícharo polo excelente valor nutricional que este proporciona”, concreta a experta.
A doutora Ana Isabel Roca Fernández durante a súa participación na xornada celebrada na Granxa Gayoso Castro.

Estudos recentes con estas alternativas forraxeiras

A doutora Roca aproveitou para presentar en dita xornada, os datos obtidos en dous estudos realizados nos últimos anos sobre algunhas das alternativas forraxeiras, nas que testaron o tipo de forraxe e o método de aproveitamento. En concreto, compararon gramíneas (raigrás italiano), leguminosas (chícharo, faballón e veza) e cereais (avea, triticale e cebada), empregándoas tanto en verde como en ensilado e combinándoas. Entre as principais conclusións destes estudos convén mencionar que: -As forraxes en verde amosaron unha calidade excelente fronte ás ensiladas. -O uso de leguminosas resultou unha estratexia axeitada como alternativa ó raigrás italiano (a opción en combinación co millo pola que máis ganderías apostan na actualidade). As leguminosas son unha excelente alternativa para alimentar ó gando en produción de leite con altos requirimentos nutritivos nos 3 primeiros meses de lactación debido ó seu alto valor nutricional. -Recoméndase a introdución de leguminosas en monocultivo (tanto chícharo como faballón) polo seu alto contido en proteína bruta. -A avea en verde sería o único cereal recomendado pola súa calidade nutricional excelente. -A cebada sería o único que non se recomendaría para animais altamente produtivos, senón que sería mellor para as vacas secas. -Nas asociacións de leguminosas e cereais recoméndase o chícharo polo seu excelente aporte nutricional. -Destacaron o faballón, o chícharo, a veza e as combinacións de chícharo-veza, chícharo-triticale, a veza-cebada e veza-avea, pola súa excelente calidade nutricional.

Rotación con leguminosas nas ganderías: vantaxes e claves para o seu cultivo

A rotación con leguminosas é unha práctica realizada en Galicia por algunhas ganderías e que ofrece múltiples vantaxes, ó poder obter unha forraxe de calidade para o gando, así como polos beneficios que poden achegar estas especies para outras colleitas ou mesmo para a saúde dos solos. O aporte de nitróxeno é unha das principais vantaxes que asegura escoller leguminosas como cultivos forraxeiros, como apuntou o enxeñeiro agrónomo e gandeiro Miguel Fernández Labrada durante a súa participación nunhas xornadas realizadas na Granxa Gayoso, dependente da Deputación de Lugo, e nas que se abordaron alternativas forraxeiras para as ganaderías de vacún de leite. Un dos xeitos nos que proporcionar un aporte de nitróxeno ós solos é empregar as leguminosas como abono verde, é dicir, enterralas unha vez que acada o seu ciclo. “Cultivar unha leguminosa para enterrala vai aportar moito nitróxeno ao seguinte cultivo. Por exemplo o chícharo bravo, tamén coñecido como chícharo tremoceiro, así como a faba poden fixar 100 ou 150 quilos de nitróxeno no solo no período de inverno, de outubro a abril”, explica o enxeñeiro. Á marxe das leguminosas, como abonos verdes tamén se adoitan empregar crucíferas coma os nabos, pola súa acción bactericida; así como gramíneas que permiten enriquecer os solos con materia orgánica.
Optar polas leguminosas permite enriquecer os solos polo aporte de nitróxeno que proporciona e deixa dispoñibles nutrientes para outros cultivos
Por outra banda, a simbiose que logran as leguminosas coas bacterias rhizobium, que están naturalmente no solo, permiten un maior aproveitamento do nitróxeno. Como lembraba Fernández Labrada, o nitróxeno é un dos nutrientes máis importantes para o crecemento das plantas, máis necesario para lograr unha boa produción que outros nutrientes como pode ser o potasio ou o fósforo, presentes ambos nos fertilizantes complexos máis empregados. Nitróxeno fixado no solo e dispoñible en función dos cultivos empregados. Á marxe do aporte de nitróxeno que proporcionan, outra das vantaxes do uso de leguminosas é que son especies con raíces profundas, que adquiren nutrientes das capas máis fondas e achéganos á superficie, de xeito que enriquecen a capa superficial para outros cultivos. Ademais, as leguminosas protexen da erosión hídrica e compiten con outras sementes adventicias e conseguen mellorar a actividade biolóxica do solo. “As leguminosas tamén permiten un aporte de nitróxeno e doutros nutrientes dun xeito máis paulatino que cando se empregan fertilizantes químicos”, destaca.

Recomendacións para o cultivo das leguminosas

Algunhas das leguminosas máis empregadas polas ganderías galegas adoitan ser os trevos (branco, violeta, encarnado), a veza, alfalfa, así como os chícharos ou as fabas, entre outras. Unha das primeiras claves a ter en conta para o cultivo destas especies é proporcionar unha fertilización axeitada. “O aporte de nitróxeno non está recomendado para as leguminosas, agás cando non poida obtelo do aire, é dicir nos primeiros días trala sementeira ou logo dunha sega”, especifica Fernández Labrada. Nestes casos, o enxeñeiro agrónomo recomenda unha aplicación de 30 quilos por hectárea. Tamén cómpre ter presente que as leguminosas extraen máis minerais dos solos que o raigrás, especialmente Calcio, Magnesio e Fósforo. Un xeito de proporcionar estes minerais é empregando xurro de vacún de leite. Porén, debe aportarse na presementeira, evitando proporcionar xurro en coberteira, xa que o pisado que se precisa para abonar resulta contraproducente para moitas leguminosas, que logo teñen dificultades para continuar medrando. Ademais a aplicación directa do xurro sobre as leguminosas tampouco é recomendable, polas características destas especies. “O propio xurro pégase máis ás follas, impedindo a fotosíntese e se fai calor e vento pode chegar a crearse un ambiente moi acedo na folla e chegar a queimala”, concreta. Así, de querer aplicar xurro ás leguminosas é recomendable facelo con orballo ou previsión de choivas febles para que a auga o arrastre ata o solo e non quede na planta. Recomendacións de fertilización de leguminosas. Á hora de sementar as leguminosas, débese facer de xeito semellante ós procedementos seguidos con outras especies, aínda que recoméndase enterrar máis aquelas especies que teñan unha semente máis grande. Debe enterrarse sempre 1,5 veces o diámetro da semente. Na sega hai maquinaria que conta xa con rodos pensados para as leguminosas, posto que os acondicionadores de púas en V, pensados para romper os talos das gramíneas como o raigrás, resultan pouco axeitados para as leguminosas. “Usando estas V de ferro podemos chegar a perder case o 7% da biomasa de alfalfa. Por iso, se sementamos leguminosas puras é aconsellable non apertar case o acondicionador ou segar sen el”, explica.

Obter silos de leguminosas de calidade

Para conseguir ensilados de calidade con leguminosas é preciso ter en conta a capacidade tampón destas especies, que adoita ser alta, polo que tende a ser complexo lograr bos ensilados. A capacidade tampón ven determinada polo contido de azucres, polo que a máis azucres maior cantidade de ácidos se producirán. Tamén inflúe a alta cantidade de proteína que teñen as leguminosas, así como de Calcio e Potasio. “Para mellorar o ensilado pódense realizar mesturas con gramíneas e aportar ácidos, con conservantes químicos”, recomenda o enxeñeiro agrónomo. Outro dos aspectos a ter en conta para lograr silo de leguminosas de calidade é o risco de proliferación de clostridios, procedentes da contaminación por terra. Os clostridios consumen o ácido láctico e as proteínas do silo, pero que ademais de empeorar a calidade do ensilado supoñen unha ameaza para a saúde dos animais. “O clostridium crece en forraxes moi húmidos e con pH maiores de 4.2, polo que unha acidificación boa é básica”, concreta Fernández Labrada. Ó ser a presenza de terra un dos contaminantes do clostridios, cómpre traballar con apeiros altos, a máis de 6 centímetro do solo, e contar con prados ben nivelados. Tamén é importante ter as entradas ós silos sen terra.

A rendibilidade económica dos silos de leguminosas

O impacto económico e na alimentación das vacas que proporcionan os silos de herba é un dos factores que determina que sexan unha alternativa pola que apostar nas granxas. Para avalialo é preciso prestar atención a cuestións como a proteína e a enerxía que proporcionan ós animais e o custo que ten o cultivo. A estimación da inxesta de proteína e enerxía calcúlase coa capacidade de inxestión (FND), de xeito que a valores máis alto, a vaca síntese saciada antes e inxire menos quilos de silo ó día, co que a inxesta de nutrientes é menor. Por outra parte, se a forraxe é moi dixestible conséguese unha maior cantidade de nutrientes por cada quilo. Outro dato que será importante ter en conta é a fracción da fibra que a vaca non consegue dixerir (FAD), que debe ser o máis baixa posible. “Con silos con trevo podemos conseguir moi boas calidades e en especial con menor cantidade de fibra, de xeito que se poden aportar máis quilos na ración”, apunta o enxeñeiro agrónomo. Comparativa entre os silos de raigrás e leguminosas coma o trevo anual ou a veza. Compárase a proteína (PF), enerxía (UFL), capacidade de inxestión (FND) e dixestibilidade (FAD). Ademais de no aporte nutricional na ración, os custos de sementeira, fertilización e produción marcan a diferenza entre os silos con leguminosas ou só con raigrás. Un dos gastos máis elevados nos silos de leguminosas é a sementeira, mentres que se reduce de xeito notable o gasto en fertilizantes químicos. Tamén hai que ter presente que cos silos de leguminosas se consegue unha menor produción de materia fresca. “De elixir raigrás a trevo temos unha diferenza de 3.9 toneladas de materia fresca menos. Isto implica que cada tonelada producida custa 16 euros máis”, estima o experto. Así, nunha ración media na que se proporcionen 12 quilos de silo de herba, facelo cun silo de leguminosas suporá 19 céntimos máis por vaca e día. Coa diferenza de calidade que proporcionan as leguminosas o obxectivo sería conseguir un aforro de 435 gramos de penso, é dicir uns 17 euros por tonelada na fórmula ou que a vaca dea 0.2 litros máis, segundo os cálculos do enxeñeiro agrónomo. “Na miña opinión, é bastante fácil conseguir eses obxectivos. Se a FND é menor e a vaca pode comer máis silos, tanto de herba como de millo, e depender menos do penso. A maiores mellórase a dixestibilidade e calidade, polo que tamén pode conseguirse o aumento na produción de leite”, valora Fernández Labrada. Comparativa entre os custos de producir silos de raigrás ou trevo anual.

As leguminosas na nova PAC

A nova PAC tamén terá en conta ás leguminosas, de xeito que no ecoréxime P3, no que se aborda a rotación de cultivos con especies mellorantes, contémplase o pago de ata 85 euros por hectárea por facer rotación de cultivos na metade da superficie, incluír un 10% de especies mellorantes do cal, polo menos o 5% deben ser leguminosas. Ademais disto, o barbeito non pode supoñer máis do 20%. Tampouco será obrigatorio recoller as leguminosas, xa que o uso para abono verde tamén está aceptado. A nova PAC tamén contempla axudas para cultivos proteico (como a alfalfa, veza, avea ou chícharo tremoceiro...). Neste caso o pago é de 60 euros por hectárea, pero non se permite empregalo como abono verde.

Claves para o cultivo do chícharo bravo en Galicia

A suba dos custes das forraxes e pensos sumada á preocupación por incorporar cultivos forraxeiros cos que reducir os gastos das ganderías e o impacto ambiental están a abrir a porta tanto a novas especies coma a algunhas que xa se cultivaran en Galicia, pero que foran quedando en desuso. O chícharo bravo (Lupinus), tamén coñecido como chícharo tremoceiro, é unha das alternativas que se están a valorar e sobre as que traballan no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam), na Coruña, co gaio de ofrecer as claves sobre o seu cultivo ós produtores que deciden apostar por ela. O chícharo bravo ten un alto contido en proteína, de entre o 30 e o 50% en especies coma o Lupinus albus, coñecido como chícharo bravo branco. Este é un dos eixos que pode impulsar a recuperación do seu cultivo en España, xa que ademais de ser unha fonte de proteína para alimentación animal, a nova PAC contempla axudas para a produción sostible de proteínas de orixe vexetal, con achegas que poden chegar a ser de entre 80 a 100 euros por hectárea e sen ter que empregar semente certificada.
O chícharo bravo preséntase coma unha fonte de obtención de proteína vexetal e que tamén ten en conta a nova PAC
A nova PAC e os ecorréximes tamén buscan favorecer a rotación dos cultivos, introducindo especies mellorantes como as leguminosas e nas que se inclúe o chícharo bravo, o que pode supoñer un pago de máis de 80 euros por hectárea. “O chícharo bravo ten raíces profundas e pivotantes, que lle permiten ter unha alta resistencia á seca. Empregalo como abono verde permite mellorar en gran medida a capacidade de infiltración da terra”, explicaba o enxeñeiro agrónomo do Ciam Luis Urquijo durante a súa participación nas xornadas sobre este cultivo organizadas polo propio centro e que tiveron lugar en Lalín (Pontevedra). Do chícharo bravo pode aproveitarse tanto o seu gran, para alimentación humana ou animal; como toda a planta, para abono verde ou forraxe. O chícharo bravo é tamén un aliado para a recuperación de solos erosionados. O prezo medio do cultivo deste gran en 2022 estimouse en 450 euros por tonelada, duplicando case o seu valor con respecto do 2010, cando rondaba os 230 euros, segundo os datos manexados dende o Ministerio de Agricultura. Evolución do prezo do chícharo bravo en España entre os anos 2009 e 2019. Fonte: MAPA.

Unha alternativa para Galicia?

Aínda que o chícharo bravo se ten cultivado en zonas de Lugo, a súa presencia é mínima en Galicia e mesmo se reduciu moito dende os anos 60 en rexións coma Extremadura, Andalucía ou Castela e León, principais produtores españois e onde se cultivara dende os anos 30. Esta redución da superficie adicada ó seu cultivo debeuse en especial ó baixo prezo da soia, que pasou a converterse nunha alternativa máis rendible na alimentación. Porén, o incremento do valor que experimentaron os cereais como a soia no último ano derivada da guerra de Ucraína volve poñer sobre a mesa ó chícharo bravo. Gran de chícharo bravo. Un dos aspectos polos que se presenta como unha alternativa a producir en Galicia é a súa alta tolerancia ás xeadas (entre -6º e -9º), aínda que como recorda Urquijo, durante a floración é máis sensible. A temperatura de crecemento óptima sitúase entre os 15º e os 25º. Ademais, tampouco require gran aporte de auga, o que permite que se poida cultivar en zonas cunha pluviometría mínima duns 350 milímetros ó ano, precisando o maior aporte durante a floración e o callado das vainas. Así, segundo apuntan dende o Ciam en base a diferentes estudos realizados por outros investigadores, para un rendemento dunhas 4 toneladas por hectárea precisaríanse entre 400 e 500 milímetros de auga ó ano, unha cantidade moi por debaixo do rexistrado en todas as localidades galegas . Ademais é unha especie que se adapta a diversos solos, en especial dáse en solos acedos ou neutros, polo que tamén resulta viable de cultivar en Galicia.“É un cultivo que tamén está adaptado para solos pobres e dependendo da pH da terra pode empregarse unha especie ou outra”, detalla o investigador. Así, o chícharo bravo amarelo (Lupinus luteus) dáse ben en solos máis acedos e pobre, pero ten menor resistencia ás xeadas e ó frío ca outras variedades. Mentres, o chícharo bravo branco (Lupinus albus) require solos máis fértiles e menos acedos.
En función da zona na que se cultive e do tipo de solo que haxa é recomendable empregar unha especie ou outra, e realizar a sementeira na primavera ou no outono
Esta leguminosa adoita sementarse no outono, e a finais de febreiro prodúcese a floración, que durará ata maio. “Tamén se están logrando bos resultados con sementeiras primaverais realizadas naquelas zonas máis frías”, explica Urquijo. En función de cando se realice a sementeira tamén varía o cantidade de semente a empregar. Nas sementeiras de inverno, en zonas cálidas, recoméndase empregar unhas 20 plantas por metro cadrado. Mentres, se a sementeira se realiza na primavera, en zonas frías, increméntase o número de sementes ata as 50 plantas por metro cadrado. O investigador tamén recomenda que a terra estea ben arada, para evitar a costra superficial que pode dificultar a nascenza. Tamén recomendan realizar a sementeira a unha profundidade de entre 1 e 5 centímetros e deixar unha distancia entre liñas de entre 15 e 60 centímetros. Urquijo tamén apunta que para lograr un rendemento de entre 3 a 4 toneladas por hectárea adoita ser habitual realizar un abonado de 0-60-80 (N – P2O5P2o5- K2O). A maduración do gran estará condicionada polas altas temperaturas e a seca.
A rotación de cultivos como o trigo, a colza ou a pataca contribúe a unha produción máis sa ó reducir a incidencia de Antracnose, principal patoloxía
Un dos maiores problemas deste cultivo en Galicia parece ser a Antracnose, que aparece diseminada na sementeira e acaba causando podredoiro na planta e no froito. Un dos métodos para reducir a incidencia desta doenza fúnxica é usar semente libre de patóxenos e producida en rexións secas ou semiáridas, e contar con semente certificada. Outro método é a rotación de cultivos. “Facer unha rotación de cultivos como chícharo bravo, trigo ou centeo, colza e patacas é unha maneira de reducir a incidencia deste patóxeno”, explica o enxeñeiro agrónomo. Con todo, en todas as sementeiras realizadas no Ciam non tiveron que botar man de funxicidas. Tampouco empregaron herbicidas para o control de herbas de competencia posto que foi un ensaio ecolóxico e fixeron un control mecánico con grade de púas, un método que lle serviu para o seu control. “É recomendable pasar a grade cando a planta ten unhas 8 follas, é dicir cunha planta de 3 meses, xa que de facelo antes, remátase por arrancar un importante número de plantas, xa que aínda son moi pequenas”, detalla o investigador. Instante da intervención do enxeñeiro agrónomo, Luis Urquijo nas xornadas celebradas en Lalín.

A experiencia do Ciam

No Ciam xa levaran a cabo probas para incluír o chícharo bravo nas rotacións con outros cultivos de gran no ano 1993 e no 2013. Máis recentemente iniciaron un estudo en rotación co trigo Rumbo durante a campaña 2019- 2020, sen empregar abono, herbicidas ou funxicidas. Conseguiron un rendemento de 4 toneladas por hectárea e unha calidade de proteína de 39,5%. “Alternar nese terreo co chícharo bravo permitiu lograr un rendemento do trigo superior, en concreto de 1.100 quilos máis, conseguindo un incremento do 48% se se compara con monocultivo de trigo”, explica o enxeñeiro agrónomo.
Alternar o chícharo bravo co trigo permitiulles incrementar a colleita de trigo case un 50% que o monocultivo do cereal
Xa durante a campaña 2021- 2022 realizaron probas co chícharo bravo branco alternando con tres variedades de trigo: Rumbo, Estoril e Orden Dorado, seguindo sen abonar, empregar herbicidas nin funxicidas. Ademais realizaron sementeiras tanto en outubro, coma en febreiro e marzo. Das tres variedades, os mellores resultados acadounos a variedade Rumbo, sementada a mediados de outubro. En concreto, con esta variedade de chícharo bravo conseguiuse un rendemento de 3.109 quilos por hectárea, cun aporte de proteína do 40,6% e sen case incidencia de antracnose (6,5%), mentres que noutras variedades e datas esta afección chegou a ser do 31 ou 20 %, no caso do Estoril. Resultados de produción do 2021-2022. Así, como destaca Urquijo, en base ás investigacións realizadas, esta é unha alternativa a ter en conta en Galicia. “O chícharo bravo ten un alto potencial produtivo en Galicia, de entre 2 a 4 toneladas por hectárea, e un alto porcentaxe de proteína (entre un 38 e un 42%), ademais de mellorar o solo e a súa fertilidade”, destaca o enxeñeiro agrónomo.
Instante do debate que pechou as xornadas sobre o chícharo bravo celebradas en Lalín, no que participaron parte dos relatores.

O chícharo bravo, dende distintos eixos

Nas xornadas tamén se abordaron outros aspectos sobre o chícharo bravo que resultan de interese á hora de valorar o seu cultivo en Galicia. Así, o investigador Fernando Almeida ratificou os bos resultados que ofrece para combinar con cultivos como o trigo, en base ás investigacións que levou a cabo, logrando tamén mellores resultados con esta leguminosa que co monocultivo do cereal. Pola súa banda, José Manuel Mateos-Cañero, un destacado coñecedor do cultivo do chícharo bravo polos anos que leva comercializando esta sementeira, apuntaba o potencial desta leguminosa. “Do chícharo bravo aprovéitase todo, e, aínda que foi desprezada, en zonas de Galicia pode chegarse a conseguir un 40% de aporte de proteína”. Á hora de valorar o cultivo de chícharo bravo, Extremadura convértese nun referente, non só pola importancia que tivo alí esta leguminosa senón porque alí están a desenvolver o único programa de mellora realizado en España e contan cun banco de xermoplasma con máis de 2.000 ecotipos, dos cales máis de 150 proceden de Galicia, tal e como sinalaba Antonio García, un dos investigadores do Centro de Investigacóns Científicas e Tecnolóxicas de Extremadura (Cicytex) onde se desenvolven estes traballos e que tamén participaron nas xornadas cunha conexión por videoconferencia. Abrir a porta a un aproveitamento do gran do chícharo bravo en Galicia destinado á alimentación animal é un dos obxectivos que os relatores e asistentes consideran fundamental. Neste senso, dende Piensos del Sil, Manuel Fernández apuntaba a viabilidade do emprego deste gran para a elaboración de racións e fórmulas de penso, pero o reto pasa por conseguir unha oferta estable deste gran para que se poida comezar a valorar en firme por parte das industrias.

Cursos sobre produción de forraxes e alimentación do gando en Monforte

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organiza dous cursos en Monforte de Lemos sobre produción de forraxes e alimentación do gando. A primeira formación celébrase o vindeiro martes 25 de outubro, mentres que a segunda se celebra ao día seguinte, o mércores 26 de outubro. Ambos cursos desenvolveranse no q ao longo de catro horas en horario de 10:00 a 14:15 horas. O obxectivo destas formacións é que os alumnos adquiran os coñecementos necesarios para facer un bo uso do pastoreo co fin de que poidan abaratar os custes de produción e mellorar a calidade dos seus produtos finais. Ademais, contribúe a acadar unha produción gandeira máis eficiente, ao mesmo tempo que se respecta o medio ambiente. Esta iniciativa está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector. As persoas interesadas poderán formalizar a inscrición en liña ó localizar o curso no plan de accións formativas da Consellería de Medio Rural para este 2022. O coordinador do curso poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitida. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 889 103, ou enviarse un correo a ceca.monforte@edu.xunta.es.

A seca deixa serias perdas no millo que xa non resolverán as inminentes choivas

Ó incremento dos custos de produción, con subas na enerxía, os fertilizantes ou os pensos, que afectaron de xeito directo ás ganderías nos últimos meses, engádense os efectos das vagas de calor. A falta de choivas durante case todo o verán está a provocar problemas de seca, con consecuencias directas para os cultivos. Repasamos a situación, que deixou xa consecuencias que non solucionarán as inminentes chuvias. As altas temperaturas afectan directamente á produción das granxas de vacún de leite. Nalgunhas zonas do centro de Galicia, que experimentaron importantes episodios de calor, a produción de leite reduciuse entre un 10 e un 15% e nos días con temperaturas máis extremas, a produción de leite chegou a caer case a metade. Aínda que os efectos da seca se están a sentir en toda Galicia, a zona centro está a ser das máis afectadas, coa previsión de que a produción de forraxes, en especial o millo, se vexa moi reducida, o que repercutirá de novo nunha suba dos custos de produción, despois de que xa se incrementaran os custos da sementeira. Así, aínda que o prezo do leite está a rexistrar prezos históricos á alza, a situación das ganderías volve ser preocupante ante a falta de forraxe.

Ganderías do centro de Galicia, as máis afectadas

A zona central de Galicia está a ser das máis afectadas pola seca continuada. Aínda que nalgúns concellos xa se rexistraron chuvias coas tormentas dos últimos días, algúns levaban máis de dous meses sen precipitacións, o que, entre outras consecuencias, puxo en apuros ó millo, en especial ás sementeiras máis tardías e realizadas nos terreos de peor calidade. Polo xeral, toda a colleita estase a ver moi afectada nestas zonas.
“Hai moito millo que non chegou a enraizar ben e secou antes da floración” (Jesús Montes, presidente da Cooperativa O Rodo)
En cooperativas coma O Rodo, en Rodeiro (Pontevedra), as peores consecuencias estanas a sentir no millo, xa que nalgunhas fincas xa se dá por perdida a colleita, posto que as altas temperaturas fixeron secar a planta. Nesta zona, apenas se rexistraron chuvieiras dous días no que levamos de verán, e as fincas que se sementaron máis tarde son as que máis problemas están a ter. “Hai moito millo que non chegou a enraizar ben e secou antes da floración. Mesmo nas parcelas mellores, máis húmidas, tampouco se lograrán boas producións”, explica Jesús Montes, presidente da Cooperativa O Rodo. Tamén está a ser preocupante a situación na capital da comarca do Deza, con importantes danos en fincas de millo e preocupación polo abastecemento de auga nas granxas, cos mananciais baixo mínimos. "Hai moitas fincas nas que o millo está xa queimado pola calor que fixo e a falta de auga. Non recordo nada igual nos últimos anos. Agárdase que a colleita se reduza case á metade. No Deza a seca está a deixar perdas importantes", explica Román Santalla, presidente da cooperativa Cobideza, con delegacións en Lalín, Silleda e Vila de Cruces. No Deza, mesmo forraxes con menos esixencias hídricas, coma os xirasois, tamén acusan a falta de auga. "Agora están en plena floración e tamén lles está custando saír adiante pola falta de auga, así os rendementos tamén serán menos que noutras campañas", apunta Santalla.  Plantación de xirasol en Lalín cun crecemento condicionado polas secas. // Imaxe cedida. Na zona sur de Lugo, concellos coma Chantada ou Carballedo, son tamén dos lugares máis afectados pola seca. “Este ano está a ser o peor dos últimos 15 anos e nesta zona pode que máis do 40% millo estea xa completamente seco. O resto está moi afectado, pero aínda podería salvar algo de produción se lle chove nos próximos días”, explica Jorge Meiriño, técnico da cooperativa Aira. Con todo, naquelas fincas que consigan produción, tanto a cantidade como a calidade vai se ver moi inferior ó que se viña colleitando.
“Este ano está a ser o peor dos últimos 15 e na zona de Chantada. Pode que máis do 40% do millo estea afectado pola seca”: Jorge Meiriño, técnico de Aira
As fincas que están resistindo son aquelas nas que o millo se sementou cedo, no caso de Chantada, xa a finais de abril. Trátase ademais de terreos húmidos, mentres que as sementeiras máis tardías non conseguiron que a planta comezase a medrar pola seca.

O norte de Lugo e A Coruña resiste a seca

As ganderías da costa de Lugo e A Coruña, están a rexistrar os efectos dun verán moi seco, pero experimentaron episodios puntuais de choivas e néboas húmidas, que resultaron de gran importancia para cultivos coma o millo. “A diferenza do que acontece noutras zonas de Galicia, na zona costeira de Lugo tivemos algunhas chuvieiras e néboas que lle axudaron moito ó millo”, explica José Ramón Loza, responsable da área de cultivos da cooperativa Os Irmandiños, de Ribadeo, integrada en Clun. Así, aínda que nalgunhas fincas puntuais pode haber unha redución de rendementos con respecto doutras campañas, agárdase unha boa colleita, se o tempo na recta final o acompaña. Os mellores resultados contan obtelos naquelas parcelas que foron sementadas en maio. Na zona costeira e do interior da Coruña algunhas fincas de millo están acusando tamén os efectos da seca e teñen importantes danos. A campaña agárdase cunha produción inferior á colleita do 2021, na que se lograran importantes cantidades. “As néboas axudan a reducir os efectos da seca, pero están deixando problemas de fungos nas follas, como a rolla”, explica Alejandro Mosquera, técnico de campo da cooperativa Aira para a zona de Mesía, Vilasantar, Santa Comba ou Mazaricos. As altas temperaturas tamén están facendo que a campaña de ensilado se adiante en case toda Galicia, contando con case 2 semanas de adianto en boa parte das comarcas. Deste xeito, moitas ganderías e cooperativas prevén que a inicios de setembro comece xa a ensilarse millo, cando o habitual en moitas delas era facelo a finais dese mes. https://www.campogalego.gal/practicas-coas-que-paliar-seca-no-pasto/

Visitamos a gandeiros de Galicia para comprobar a eficacia da Solución Única de ICL no abonado de millo forraxeiro

Un plan de abonado eficiente do millo forraxeiro é clave tanto para poder obter a máxima produción e calidade da forraxe para ensilar, como o aforro de tempo e tranquilidade do gandeiro, que depende dunha boa forraxe para a súa produción de leite. Así, desde fai máis de sete anos, ICL está a traballar xunto ó seu distribuidor Protección Verde, con gandeiros de leite de Galicia para aplicar o seu plan de abonado que reduce as aplicacións, aforrando tempo e custos, asegurando un millo verde e produtivo de alta calidade.

Como nos comenta José Antonio Martínez López, Director Técnico en de ICL Iberia España Agricultura, o plan de abonado de ICL consta de tres pasos, baseados nas últimas tecnoloxías de abonos de liberación controlada.

En primeiro lugar, en sementeira aplícase xunto á semente un abonado estárter, Agromaster Start Mini 21-21-5, que achega nitróxeno de liberación controlada coa tecnoloxía Poly- S e asegura unha dispoñibilidade total de fósforo, co que conseguimos unha nascencia rápida e uniforme do cultivo.

O segundo paso é a aplicación dun abonado de fondo en todo o campo co abono de liberación controlada Agromaster con tecnoloxía E-Max de 3-4 meses de lonxevidade, que asegura a dispoñibilidade de nitróxeno durante todo o ciclo de cultivo. Con Agromaster conseguimos chegar a fin de ciclo cunha soa aplicación, aforrando tempo e preocupacións, xa que aseguramos o máximo potencial de produción sen depender tanto da climatoloxía e de ver cando debemos aplicar a urea. Ademais, redúcese a pegada de carbono do cultivo ao usar menos fertilizante, ao ser máis eficiente.

Por último, pódese aplicar un abono foliar, Agroleaf Power con tecnoloxía M-77, mesturado co herbicida de post emerxencia, para un mellor control das malas herbas e un menor estrés na planta de millo.

O éxito deste programa en Galicia animounos a visitar varias explotacións de vacún de leite para falar cos seus responsables e coñecer as súas experiencias con esta tecnoloxía de fertilización. Segundo nos comenta o responsable técnico de ICL en Galicia, as producións medias dos últimos anos na rexión alcanzaron en ciclos curtos as 50 toneladas e en ciclos longos as 60 toneladas, chegando o cultivo perfectamente á fin de ciclo coa planta verde e sen ningún tipo de carencia.

Os gandeiros galegos avalan os bos resultados de Agromaster

Tras visitar catro explotacións en diferentes zonas de Galicia, un comentario é común: a aplicación dun abonado de fondo como Agromaster dá moitísima tranquilidade xa que asegura a nutrición do millo ata final de ciclo e evita a aplicación de urea, que sempre é un problema pola climatoloxía na época de aplicación. Todos destacaron que co plan de abonado de ICL gáñase en tranquilidade e afórrase tempo e custos.

Ábel Vázquez, da SAT Vila Alborés, situada en Mazaricos (A Coruña).

Abel Vázquez, da SAT Vila Alborés en Mazaricos (A Coruña), unha gandería de 900 cabezas de gando con 500 postas en muxido, comentounos que ten unha media de produción de leite de 40-41 litros por vaca e con 3,50 de graxa e 3,30 de proteína.

A granxa ten 170 hectáreas de millo forraxeiro e para Abel Vázquez o cambio foi a mellor: “Antes aplicabamos un abonado de fondo con urea por encima, pero o ano pasado propuxéronnos aplicar o plan de ICL con Agromaster e, a verdade, é que quedei moi contento porque me cumpriu ata o final do ciclo do millo e conseguimos 47.000 quilos por hectárea de millo cortándoo moi alto, ao ser para vacas de leite. Eu recomendaríao porque na nosa granxa non temos moito tempo para abonar e cunha soa aplicación tiven mellores resultados que co abonado de fondo e a urea”.

Crisanto Caamaño, da Gandería Santa Lucía, en Dumbría (A Coruña).

A segunda explotación que visitamos foi Gandería Santa Lucía en Dumbría (A Coruña), onde contan con 95 hectáreas, das que 85 son para cultivo de millo, e con 280 vacas en muxido de 520 cabezas en total. A media de produción de leite é de 35-27 litros con 3,85 de graxa e 3,45 de proteína.

“Levamos sobre cinco anos aplicando Agromaster no abonado do millo de ciclo 280-300 nunha dose, duns 500 quilos por hectárea e conseguindo unha produción de 50.000 a 55.000 quilos por hectárea. Vemos que a planta crece máis forte, con máis vigor e está máis verde ó final do ciclo, sobre todo abaixo, no talo da planta. Recomendaría o seu uso xa que ten unha calidade moi boa de granulación e para blending vai perfecto, dando moi bo resultado en canto á produción”, explica Crisanto Caamaño, o responsable da gandería.

Manuel López, Álvaro Sánchez e Martín García da SAT Regueiro Branco, en Frades (A Coruña).

Tras esta visita achegámonos á SAT Regueiro Branco en Frades (A Coruña), unha gandería de tres socios, Álvaro Sánchez, Manuel López e Martín García, que naceu en 2012 e ten 330 vacas en muxido e 570 animais en total. Ademais conta con 220 hectáreas, das que 90 se destinan a millo forraxeiro e o resto a raigrás inglés. A produción de leite é de 43-45 litros, con 3,70 de graxa e 3,33 de proteína.

Como nos comenta Álavo Sánchez, un dos seus responsables: “Na campaña 2021 sementáronse 90 hectáreas de millo de ciclo 500 longo e usamos Agromaster nunha soa aplicación para garantir que chegase ó final de ciclo o nitróxeno e realmente na ensilaxe estaba verde o cultivo, conseguindo o obxectivo. O rendemento estivo entre 50 e 60 toneladas por hectárea. Esta é unha forma de abonado dunha dose única coa que quedas totalmente cuberto e estás máis tranquilo, xa que non hai que esperar a ver se logo vas facer coberteira dependendo do clima”.

José Luis Candal Vázquez, de Agroforestal Candal.

Por último, visitamos a explotación Agroforestal Candal, que dá servizos agrarios e forestais nas localidades de Carral e Cerceda (A Coruña) e, ademais, sementan millo forraxeiro para comercializar a outras granxas (80%) e algo para autoconsumo dos seus cebadeiros de bois e Ternera Gallega. Sementan ao redor de 275 hectáreas, tanto para silo de millo como para gran húmido en salchichas e bólas.

José Luis Candal Vázquez, responsable da empresa, coméntanos: “Levamos varios anos utilizando o programa de ICL por mor de que compramos un equipo para localizar o abono xunto á semente. Aquí aplicamos primeiro Agromaster Start Mini a 25 quilos /hectárea como starter, e logo aplicamos Agromaster a 370 quilos/hectárea como abonado único, completado cunha aplicación foliar de Agroleaf Power a 4 quilos/hectárea xunto ao herbicida. Vai todo localizado con doses máis axustadas e o resultado está moi ben, cunha planta con vigor moi bo e que chega verde ó final de ciclo e a mazorca ben pechada. Así, conseguimos rendementos 48.000 quilos de silo de millo e 14.500 quilos por hectárea de gran húmido, pero nunha leira que non é das máis produtivas por estar a moita altura”.

Todos estes comentarios positivos son corroborados por Roberto Pérez, responsable de Protección Verde, distribuidor de ICL en Galicia. “É de agradecer que os nosos clientes gandeiros confíen no noso asesoramento e proben o plan de abonado de ICL, podendo comprobar eles mesmo os bos resultados. Millo verde ata a ensilaxe, con alta calidade e unhas excelentes producións. Aforran custos e tempo, asegurando calidade e produción, que é o que busca calquera profesional do millo forraxeiro”, concreta Pérez.

Xornada sobre as variedades comerciais de millo forraxeiro en Galicia

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) non cesa na súa vontade de transmitir coñecemento a agricultores e gandeiros. Desta volta, o departamento dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) promove unha xornada na que divulgar a información recollida durante 23 anos de ensaios sobre as variedades comerciais de millo forraxeiro en Galicia. En concreto, o evento desenvolverase o próximo mércores 8 de setembro no campo de ensaio do lugar de Fosado, no concello coruñés de Ordes. En horario de mañá, contará tanto con intervencións teóricas como con visita de campo. A xornada organizada pola Agacal arrinca cunha disertación por parte de María José Bande, investigadora do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, e continuará cunha visita ao campo de ensaio de variedades comerciais de millo forraxeiro. Segundo a informacón faciltada polos organizadores, está previsto que interveñan Fernando Candal, encargado agrario do CIAM, e Rafael Muíños, da Oficina Agraria Comarcal (OAC) de Ordes. Campos de ensaio investigados Os obxectivo destes ensaios son obter información sobre as características produtivas e o valor nutritivo das distintas variedades comerciais de millo forraxeiro que se venden na actualidade ou que teñen perspectivas de introducirse no mercado galego. Os investigadores do CIAM amosarán os resultados obtidos tanto aos técnicos das cooperativas como aos agricultores e gandeiros. Todo co obxectivo de que os profesionais dispoñan dos criterios axeitados para elixir ben a variedade de millo forraxeiro a sementar en cada caso, coa fin última de mellorar a rendibilidade das súas explotacións.
Dende a Agacal recordan que a variedade máis axeitada en cada caso variará en función da zona
O programa está deseñado para a realización de catro campos experimentais ao ano situados nas catro comarcas galegas con maior peso na produción de millo forraxeiro. Abranguendo, así, zonas xeográficas distintas: Sarria (centro sur de Lugo), Deza (nordés de Pontevedra), Ordes (centro da Coruña) e A Mariña Oriental (nordés de Lugo). Dende a Agacal recordan que a variedade máis axeitada en cada caso variará en función da zona, da data da sementeira, da data da colleita (normalmente ensilado) e das condicións que posúe a explotación en canto a carga gandeira ou superficie dispoñible para cultivos. De feito, pode darse o caso de ter que sementar diferentes variedades idóneas para distintas parcelas dun mesmo gandeiro. Os resultados dos campos experimentais sementados publícanse anualmente nun díptico que se distribúe a través das oficinas agrarias comarcais, entre cooperativas e entre produtores particulares, ademais de estar dispoñible na web do CIAM.  Os interesados en asistir a esta xornada técnica poden poñerse en contacto coa súa promotora, coa investigadora María José Bande, no teléfono 881 881 848 ou no enderezo de correo electrónico mariabande@ciam.gal.

“Queremos que as nosas vacas pazan e saían tódolos días, aínda que baixen en leite”

Na parroquia de Palio, en Lalín (Pontevedra), atópase a gandería Agrasilva SC, a granxa de Román Santalla, presidente da cooperativa Cobideza, situada a escasos quilómetros. Santalla é coñecido polo seu labor en Unións Agrarias e a súa matriz estatal (UPA), da que é responsable de gandería, un labor que compaxina coa gandería, que atende xunto co seu fillo maior Álvaro. A granxa, situada na parte alta dunha parcela e cun deseño aberto e ventilado, dá boa conta dunha máxima que prima nesta gandería: as vacas poden saír ós patios sempre que queiran e boa parte do tempo pásano no prado. “Gústanos que as vacas saian pacer nos meses que hai pasto, pero que ademais poidan saír para os patios ou ó prado todo o ano”, explica Román.
“Non buscamos espremer as nosas vacas ó máximo para lograr producións máis altas, nós queremos animais que estean sans e fortes”
O confort dos animais é unha aposta clara para a familia, así como a lonxevidade e a robusteza. “Non buscamos espremer as nosas vacas ó máximo para lograr producións máis altas, nós queremos animais que estean sans e fortes, e por iso botámolas ó prado todo o ano, iso axúdalles a estar ben”, apunta o gandeiro. Traballan en garantir o benestar dos animais co obxectivo de reducir os problemas sanitarios e os tratamentos. “É moi difícil non tratar ningunha vaca, pero traballamos con ese obxectivo”, apunta Román. Decidiron construír unha granxa aberta e ventilada só pechada completamente por un lateral. Xa na construción da granxa, que acometeron hai 12 anos, tiveron en conta o manexo que querían seguir facendo. Así, tanto a sala de muxido e a leitería están situados a modo de peche lateral. “Ese é o lado do inverno, é a parte máis pechada da granxa e serve tamén para facerlles abrigo”, detalla. As instalacións foron pensadas para facer fronte á calor do verán, e polo momento están a conseguir moi ben ese obxectivo. “É realmente moi confortable. Non temos nin ventiladores nin outro tipo de sistema de refrixeración porque non o precisamos. No verán as vacas están moi cómodas aquí. Nos meses de máis calor pasan a noite fora ó fresco, pero polo día elas prefiren estar aquí”, comenta Santalla. Os bos resultados destas instalacións, cunha estrutura metálica e cubertas sen case cerramentos, fixeron que continuaran con esta liña tamén na ampliación que realizaron hai 2 anos. Nesta parte máis nova é onde teñen boa parte das vacas secas e da recría cando están na granxa, xa que a maior parte do tempo están fóra. Esta tamén é a zona na que permanecen as vacas máis delicadas, polo que optan por empregar cama quente a base de palla. “Dá bastante máis traballo ter estas camas ben, pero tamén lles axuda moito a recuperarse cando teñen algún problema. Paga a pena”, argumenta Álvaro. Esta cama renóvana cada 3 días con dúas pacas de palla moída. Mentres, os animais en produción téñenos en camas con casca de arroz mesturada con carbonato cálcico, que renovan por completo cada 15 días. As xovencas e as vacas secas téñenas en cama quente para un maior confort dos animais. Teñen un rabaño de arredor de 220 cabezas, todas elas de raza frisoa, das que moxen entre 115 e 125 vacas para acadar unha produción media que se sitúa entre 34 e 36 litros por vaca, dependendo da tempada. En primavera chegan a 36 litros e no inverno rondan os 34. Conseguen unhas calidades do leite de 3,7% de graxa e de 3,3% de proteína, cuns recontos de bacterioloxía por debaixo das 250.000 células somáticas. “Contamos co asesoramento do servizo técnico da cooperativa que nos resulta de axuda para ter un mellor control en temas sanitarios”, apunta Román. O leite véndenllo a Cobideza, que vende na súa integridade a Reny Picot. A granxa conta cunha sala tipo espiña de peixe con 6 puntos en cada un dos dous lados. Do muxido encárganse tanto Román coma Álvaro, xunto con outros dous empregados, un deles a media xornada. Están valorando automatizar o muxido coa colocación alomenos dun robot de muxido, aínda que as instalacións están previstas xa para a colocación de 2 sistemas que irían na parte central da nave. Ademais, na atención ó gando tamén colabora a muller de Álvaro, Inés García, que se encarga principalmente de atender á recría máis nova. Acaban de adquirir unha amamantadora coa que axilizar a atención dos tenreiros.

Levar ó pasto máis de 100 vacas

Na alimentación do gando, o pastoreo é fundamental sobre todo na primavera e no outono. A ración adáptase á época do ano e á cantidade de pasto que teñan dispoñible. “Nos meses de pastoreo, o 25% da ración está no pasto, co que se consigue tamén un aforro de custos na granxa”, indica Román. Así, nestes meses no canto de facer ración para 125 vacas en produción abonda con facela para 95, segundo estiman. Nas vacas de produción, en época de pastoreo a ración que lle aportan na granxa é de 35,5 quilos de silo de herba, 17 quilos de silo de millo e 12 quilos de penso, ó que lle engaden herba seca ou silo ensilado moi seco. O penso mércano na cooperativa de segundo grao Xuncoga, asentada en Lalín, e da que Cobideza é socia.
“Nos meses de pastoreo, o 25% da ración está no pasto, co que se consigue tamén un aforro de custos na granxa”
O servizo de carro mesturador da cooperativa Cobideza achégase tódolos días para prepararlle a mestura das vacas en produción e cada 2 días tamén para as vacas secas e as xovencas, que pasan parte do tempo no prado. “Tanto a recría como as vacas secas están nos prados que temos máis afastados da granxa ou naqueles nos que é difícil acceder coa maquinaria. Boa parte deles son prados que noutro tempo foron moi valorados por ter auga, o que agora tamén nos axuda no manexo, xa que non temos que levarlle a cuba da agua ata alí”, apunta o gandeiro. O servizo de carro de Cobideza vailles tódolos días para a ración das vacas en produción e cada dous días para as vacas secas. Neste gando teñen tres lotes diferenciados: nun as vacas secas, noutro as becerras preñadas (uns 12 animais nesta tempada) e noutro as vacas en celo (25 vacas). “Algunhas delas veñen tódolos días á granxa para comer o penso, mentres que hainas que quedan no prado varios días”, matiza. Tamén teñen especial atención coas xovencas máis novas e os problemas derivados da mosca. “Témolas moi vixiadas porque hai anos tivemos problemas serios por culpa destas picaduras. Non é só os inconvenientes que lle provocan no ubre senón que ves como a vaca queda moi afectada”, comenta Román. As vacas de produción tamén van ó pasto tódolos días. “Queremos que as nosas vacas pazan e saían tódolos días, aínda que baixen ó leite. Con todo nos meses da primavera producen o mesmo que se estiveran en intensivo”, asegura Román. As vacas de leite téñenas divididas de igual xeito en 3 lotes. “Non é cuestión de levar máis de 100 vacas xuntas. Repartímolas e así manexase mellor o rabaño”, indican os gandeiros. Estes lotes de gando adoitan ir ós prados que están máis próximos da granxa, unhas 25 hectáreas. “Dedicámoslle o tempo ás vacas, velas fora é unha paixón, pero implica tempo e traballo”, valora Román. El adoita encargarse do manexo do pasto xunto coa fertilización. Pola súa banda, Álvaro ademais de atender o gando, xestiona o abonado do xurro. O resto dos traballos de maquinaria fanos coa cooperativa.
“Dedicámoslle o tempo ás vacas, velas fora é unha paixón, pero implica tempo e traballo”
Este ano por primeira vez están xestionando o pasto de xeito máis controlado, acoutando a parcela dispoñible para o gando con pastor, sen deixar que pazan no mesmo sitio varios días. “Leva máis tempo para nós, pero estamos conseguindo un mellor rebrote. O pastoreo é toda unha arte, se se fai ben”, indica. Para pastoreo empregan unha mestura híbrida con raigrás inglés. “Viuse unha gran evolución na herba. Antes, a herba espigaba xa en abril, cando agora aguanta ata xuño, o que che proporciona un pasto de boa calidade máis tempo”, indican.

Campos de xirasois

A gandería Agra Silva xestiona unhas 90 hectáreas de terra, boa parte delas alugadas. A maioría atópanse en zonas próximas, aínda que tamén teñen unhas 32 hectáreas no concello limítrofe de Agolada. “Vai habendo terra polo momento, pero temos unha batalla importante co eucalipto e co abandono das terras, que é moi visible”, comenta Román. Na parroquia non se levou a cabo un proceso de concentración parcelaria, pero os propios veciños foron argallando cambios que facilitaron a continuidade da actividade gandeira.
Mercan uns 500.000 quilos de millo ó ano. No silo mesturan un 75% de millo e un 25% de xirasol para conseguir unha ración máis equilibrada e un aporte extra de proteína
A maior parte da terra dedícana á produción de herba e só cultivan unhas 4 hectáreas de millo, posto que os terreos adáptanse mellor para esta forraxe. Ademais, boa parte das fincas atópanse incluídas ou próximas á Rede Natura e a espazos de cotos e vedados de caza, co que teñen unha importante presenza de xabaril. “Xa probamos de todo, dende botar o millo máis cedo ou máis tarde, pero rematamos tendo ataques e non nos resulta rendible sementalo”, argumenta. Así, mercan unhas 500 toneladas de millo ó ano a un produtor do concello veciño de Santiso ou na cooperativa Cobideza, que tamén conta con este forraxe embolsado para os socios. O cultivo de xirasol permítelles pastorear máis tempo e conseguen un mellor aproveitamento das terras. A gandería Agra Silva foi unha das primeiras na zona do Deza en apostar hai xa 10 anos polo cultivo dos xirasois como forraxe para complementar a alimentación do gando. “Teñen un alto contido proteico que resulta moi interesante na ración”, valora Álvaro. “É unha forraxe que nos ofrece moi bos resultados ó poder pastorear máis tempo ou obter dous cortes de herba”, detalla Román. Así, adoitan sementalo a mediados de xuño ou mesmo a comezos de xullo, xa que son ciclos curtos de 90 ou 100 días. “Nós preferimos darlle máis días porque vimos que se traballa mellor no silo”, detallan os gandeiros. Ademais, nos anos que levan cultivándoo non tiveron que recorrer a herbicidas e proporciónalles unha saída para o xurro neses meses. Os xirasois colléitanos canda ó millo e mestúrano no silo, nunha proporción de 75% millo e 25% xirasol. Aínda que durante anos tamén outras ganderías da zona quixeron probar os rendementos deste cultivo, hoxe Agra Silva é unha das poucas que seguen cultivándoo e teñen previsto continuar con esta forraxe.

As ecuacións NIRS, novas análises para coñecer a calidade das forraxes nas ganderías de leite

O sector produtor leiteiro galego, inmerso nun mercado aberto, competitivo e cada vez máis esixente, debe mellorar o manexo da alimentación para garantir súa viabilidade económica e ambiental. A comparación cos países do noso entorno amosa unha das claves deste reto: incrementar o uso de forraxes de calidade e a mellora da eficiencia da súa utilización no racionamento das vacas de leite. Custos de alimentación sobre os custos de produción do leite na Unión Europea. O coñecemento preciso da composición dos alimentos para o gando, particularmente das forraxes debido á alta variabilidade que posúen, é unha condición necesaria para a súa utilización eficiente, sendo este coñecemento a base da denominada alimentación de precisión. Para iso, cómpre dispoñer dun sistema avanzado de valoración nutricional dos alimentos que informe do valor enerxético e nitroxenado das forraxes dispoñibles nas ganderías dunha forma rápida e precisa. Precísanse para iso sistemas con alto grado de fiabilidade, reducido erro e adaptados ó manexo de grandes números de mostras no laboratorio de servizo.
Un mellor coñecemento do valor nutricional das forraxes pode contribuir a mellorar a sostibilidade económica e ambiental das granxas de leite
O presente traballo, "Aplicacións analíticas avanzadas para a análise de forraxes utilizadas nas explotacións leiteiras galegas", dirixido polo investigador Gonzalo Flores, xorde a partir do proxecto de investigación cooperativa, financiado inicialmente con fondos FEADER do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, que vén sendo desenvolvido conxuntamente polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da AGACAL e o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL). Este proxecto procura mellorar a sostibilidade económica e ambiental das ganderías leiteiras galegas a través dun mellor coñecemento do valor nutricional das forraxes máis utilizadas na alimentación do gando de leite en Galicia. O obxectivo xenérico da Tese é contribuír á mellora da utilización das forraxes para a produción de leite de vacún en Galicia a través da obtención de métodos analíticos fiábeis, robustos e precisos para ser aplicados en análises de rutina para servizo ás ganderías, así como con propósito de apoio á investigación e ás actividades de selección e mellora xenética de forraxes. Neste traballo perseguíronse cinco obxectivos: 1) Describir as características de composición química e dixestibilidade da materia orgánica (DMO) dos principais grupos de forraxes frescas e de forraxes conservadas como herba seca e ensilaxes utilizadas nas ganderías leiteiras de Galicia. 2) Desenvolver ecuación NIRS para a estimación da composición química e a DMO das forraxes e de mesturas completas (unifeed) comunmente utilizadas para a alimentación das vacas de leite. 3) Avaliar a capacidade de NIRS para estimar os parámetros de degradabilidade ruminal de ensilaxes de herba e de millo. 4) Obter ecuacións de regresión baseadas na composición química das mostras para estimar os valores de DMO dos distintos grupos de forraxes e das mesturas unifeed, así como da degradabilidade ruminal das ensilaxes de herba e de millo, comparando a súa capacidade preditiva coa obtida mediante a técnica NIRS. 5) Construír e validar ecuacións NIRS para predicir os parámetros de calidade fermentativa de ensilaxes de herba e ensilaxes de millo. No estudo empregouse un elevado número de mostras das principais forraxes habituais nas granxas galegas. As coleccións de forraxes e mesturas unifeed utilizados na Tese representan as que se utilizan nas ganderías galegas. O volume de mostras foi moi alto, ascendendo a un total de aproximadamente 5.000 mostras analizadas por métodos de referencia (incluíndo determinacións de parámetros biolóxicos in vivo e in situ e parámetros fermentativos no caso das ensilaxes). Destas, máis de 2.000 eran forraxes frescas, outras tantas mostras de ensilaxes de herba e de millo e o resto mostras de herba seca e de mesturas completas. Os produtos desta Tese son os comunmente utilizados para a alimentación de vacas de leite nas granxas galegas: a) Forraxes frescas: 5 tipos: millo, sorgo, xirasol, pastos e cultivos de inverno. b) Forraxes conservadas: 3 tipos: os máis importantes, ensilaxe de herba e ensilaxe de millo e, finalmente, herba seca de pradeira. c) Mesturas completas de forraxes e concentrados (unifeed). As mostras, procedentes de granxas leiteiras galegas e das fincas experimentais do CIAM foron recollidas ao longo de diversos anos e pretenden reflectir, na maior medida posíbel, a variabilidade existente na práctica. Detalle da composición química das forraxes empregadas no estudo. Os traballos realizados na Tese diferéncianse en 3 partes: Primeira: describir as características de composición química e dixestibilidade da materia orgánica dos principais grupos de forraxes frescas e de forraxes conservadas como herba seca e ensilaxes utilizadas nas ganderías leiteiras galegas, en base a un número moi elevado de mostras. É dicir, a partir dos resultados descritos, expóñense por primeira vez, de forma sistematizada o que podemos considerar táboas de valor nutricional das forraxes máis comúns, cos valores medios e rango de variación da composición química e dixestibilidade, xunto coa calidade fermentativa media das ensilaxes de herba (incluíndo cultivos de inverno) e millo. Segunda: elaborar ecuacións de regresión baseadas na composición química das mostras para estimar os valores de dixestibilidade da materia orgánica dos distintos produtos así como da degradabilidade ruminal das ensilaxes de herba e de millo comparando a súa capacidade preditiva coa obtida mediante a técnica NIRS. Realízase unha importante actualización das ecuacións xa existentes e amplíanse a novos produtos (particularmente forraxes en estado fresco). Estas ecuacións proceden de mostras representativas das utilizadas nas ganderías galegas e foron validadas con mostras independentes. Ademais proceden das mesmas coleccións utilizadas para desenvolver as calibracións NIRS. Terceira: Representa a parte aplicada máis importante e constitúe o verdadeiro avance obtido polo traballo, como é desenvolver novas ecuacións de calibracións NIRS para a estimación de: - Composición química: contido en MO, PB, FAD, FND, ALM, entre outros, parámetros que están ao alcance de calquera laboratorio que dispoñan da tecnoloxía de análise por vía húmida tradicional e dun instrumento NIRS. - A estimación de dous parámetros fundamentais: O valor enerxético e o valor proteico, ambos determinados en ensaios con animais. O valor enerxético determínase mediante a dixestibilidade da materia orgánica. O valor proteico, o cal está circunscrito ás ensilaxes máis utilizadas nas granxas, que son as ensilaxes de herba e as ensilaxes de millo; determínase mediante a degradabilidade ruminal. Débese salientar que a construción e mantemento de calibracións NIRS para a estimación da dixestibilidade e a da degradabilidade está reservado a institucións que teñan a capacidade de obter as coleccións de mostras con valores de referencia medidos directamente sobre animais. - Parámetros de calidade fermentativa de ensilaxes de herba e ensilaxes de millo, aspecto de gran importancia dada a súa relevancia na alimentación das vacas de leite. Empregaron mostras procedentes de granxas leiteiras galegas e das fincas experimentais do CIAM.

Resultados

- Confírmase que a tecnoloxía NIRS é un método de análise consolidada como ferramenta analítica que está dotada de vantaxes como rapidez, precisión, versatilidade, económica, non contaminante, multiparamétrica (multiplicidade de análises nunha soa operación) e adaptada ao uso en análise de rutina, dada a simplicidade na preparación da mostra. - A fiabilidade na predición da dixestibilidade das ecuacións empíricas obtidas e validadas a partir das coleccións propias é, polo xeral, mediocre, o que alerta da incerteza no uso de ecuacións foráneas non validadas. A súa capacidade preditiva foi amplamente superada polos modelos de predición NIRS. Isto evidénciase pola redución do erro de predición da DMO en case un 50% cando se utilizan as novas calibracións NIRS.
O modelo NIRS permite realizar mellores prediccións sobre a dixestibilidade e a degradación rumial das forraxes
- A fiabilidade na predición da degradabilidade ruminal das ecuacións empíricas obtidas é, polo xeral, mediocre. O modelo de predición NIRS da degradabilidade ruminal efectiva da proteína bruta para ensilaxe de millo e ensilaxe de herba permitiu reducir o erro de predición un 65% e un 27%, respectivamente, en comparación coas mellores ecuacións empíricas. - As ecuacións NIRS para determinar os parámetros fermentativos das ensilaxes de herba e de millo foron satisfactorios, permitindo estimar con alta fiabilidade a calidade fermentativa destas mostras, permitindo detectar problemas que sexa necesario corrixir na práctica do ensilado nas ganderías.

CONCLUSIÓN

As ecuacións de calibración NIRS obtidas neste traballo están actualmente operativas no LIGAL para o seu uso en rutina, o cal produciu unha substancial mellora da calidade da oferta analítica dos diferentes tipos de mostras ao servizo das ganderías galegas por parte do LIGAL, facilitando o manexo xeral da base forraxeira das granxas e a optimización económica e ambiental das racións do gando de vacún de leite. Ao mesmo tempo, están sendo utilizadas con propósito de apoio aos proxectos de investigación e de mellora xenética de plantas forraxeiras realizados no CIAM.
Coñecer de forma precisa o valor nutricional das forraxes e optimizar o seu uso pode reducir os costes en alimentación ata un 10%
A bibliografía sinala unha redución estimada de até un 5-10% do custo da ración nas granxas leiteiras, en base ao coñecemento preciso do valor nutricional das forraxes e a optimización da súa utilización. É evidente por tanto o impacto económico que suporía unha mellora da eficiencia na alimentación debido a un mellor coñecemento do valor nutricional das forraxes. Por outra banda, aínda que son de máis difícil cuantificación, existe tamén un efecto ambiental positivo do uso dos métodos avanzados de valoración nutricional de forraxes debido á redución das excretas de nutrientes ao medio, como en particular o nitróxeno, debido a unha mellor sincronía das achegas de enerxía e proteína na ración. A investigadora Sonia Pereira Crespo no laboratorio do CIAM co espectofotómetro NIR.

Continuidade nesta liña de traballo

- As diferentes bases de datos deben ser obxecto de actualización e mellora permanente para representar nas coleccións de calibración, na maior medida posíbel, a variabilidade na composición das mostras no ámbito de aplicación das ecuacións de predición, a fin de alcanzar maior fiabilidade preditiva e robustez. - A posta en práctica dun programa máis amplo e mantido no tempo de asesoramento da calidade nutricional das forraxes utilizadas nas ganderías de leite como elemento imprescindíbel para lograr un maior grao de sostibilidade do sector. - Así como ir adaptando os resultados aos requirimentos dos modelos de alimentación, incorporando novos parámetros, como por exemplo, o fraccionamento da proteína.