Archives

Últimas prazas para a xornada formativa sobre a produción de leite en ecolóxico

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) organiza o vindeiro xoves,  14 de marzo, unha xornada online dedicada á produción de leite ecolóxico, de 09:30 a 14:30 horas. Os diferentes ponentes abordarán as oportunidade de negocio deste sector así como os requisitos e tendencias actuais de mercado. A asistencia require dunha inscrición gratuita que pode formalizarse a través deste cuestionario. Para máis información pódese chamar ao 981 58 47 83. As intervencións correrán a cargo de entidades e cooperativas con experiencia na produción, compra e transformación de leite ecolóxico, e ademais contarán cun representante do CRAEGA (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia) para explicar a cualificación como explotación ecolóxica e tendencias de mercado, e cun consultor que explicará o rol da gandería ecolóxica na conservación ambiental e da biodiversidade. Esta acción formativa enmárcase nun ciclo de xornadas formativas que suma un total de 12, cada unha delas dedicada a unha oportunidade de negocio. “Os obxectivos do ciclo son explicar as vantaxes e oportunidades do emprendemento cooperativo, especialmente en cooperativas agrarias, de explotación comunitaria e de traballo asociado; promover o coñecemento de novas producións agrarias e gandeiras en ámbitos agroalimentarios de interese crecente en Galicia como oportunidades de negocio; impulsar a xeración de emprego cooperativo nos procesos de produción agraria e/ou gandeira e fomentar a fixación de poboación no rural na contorna das cooperativas”, amplían desde AGACA.

Programa

09:30 – Conexión e benvida a participantes. Higinio Mougán. Director-xerente de AGACA. 10:00 – Produción de leite ecolóxico: cualificación da explotación e tendencias de mercado. Javier García. Secretario técnico CRAEGA (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia). 10:45 – A gandería ecolóxica e a conservación ambiental e da biodiversidade. José L. González. Consultor independente. 11:15 – Granxa Codesal: unha longa experiencia de premios en produción de leite ecolóxico. Ángel Rivas. Gandeiro en Exceleite. 11:30 – Breve descanso. 11:45 – O acceso aos pensos ecolóxicos: mercado. Rafael Pardo de Andrade. Veterinario en Campoastur. 12:15 – A valorización do leite ecolóxico en Cobideza: situación e tendencias. Román Santalla. Presidente de Cobideza. 12:45 – A Cernada: o salto da produción de leite á comercialización. Ana Corredoira. Gandeira. 13:15 – Casa Grande de Xanceda: O segredo do éxito en leite ecolóxico. Guillermo Martínez. Xerencia Casa Grande de Xanceda. 13:45 – O consumo de leite ecolóxico en España. José Sáez. Director de compras en Lactalis. 14:15 – Conclusións, comentarios finais e clausura da xornada. Higinio Mougán. Director-xerente de AGACA. 14:30 – Fin da xornada.

Novos cursos para gandeiros sobre xestión empresarial en Sergude e Monforte

Os centros de formación agroforestal de Sergude (Boqueixón) e Monforte de Lemos acollen dúas xornadas para gandeiros sobre a xestión das súas explotacións. A Xunta, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organiza estas formacións centradas na optimización fiscal e a formación económica. A primeira xornada será no CFEA de Sergude o mércores 7 de febreiro e a segunda será o xoves 8 en Monforte. O horario será de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00 horas. Para participar é preciso inscribirse no teléfono 881 996 279 ata completar aforo. Tres bloques formativos O primeiro bloque centrarase na tributación básica e a optimización fiscal. Ofrecerase coñecemento sobre as diferentes formas que teñen para emprender e desenvolver a súa actividade gandeira a través das súas propias vantaxes e inconvenientes e a súa fiscalidade. Tamén lles permitirá identificar medidas ou incentivos que facilitarán a redución da súa factura fiscal. O segundo versará sobre a contabilidade para non financeiros e facilitará formación para comprender conceptos básicos que favorezan a súa toma de decisións e o deseño de estratexias relacionadas coa súa explotación gandeira. Tamén permitirá aos participantes ler os estados financeiros básicos (balance de situación e conta de resultados) e entender a súa relevancia para xestionar a súa actividade de modo dilixente. Poderán implantar ferramentas financeiras básicas que lles ofrezan que lles ofrezan información sobre a rendibilidade, liquidez e solvencia do seu negocio. O terceiro módulo formativo, titulado “xestionar de modo eficiente” ofreceralles coñecemento sobre as ferramentas informáticas que faciliten a xestión diaria do seu negocio. Poderán deseñar un sistema de indicadores e gráficos (cadro de mando) cos que obter unha visión xeral, obxectiva e en tempo real da súa explotación, que lles axudará na súa toma de decisións ao instante.

Curso de formación en Lugo para novos emprendedores no agro

A Área de Servizos Agrarios de Lugo ten programada a realización dun curso de formación dentro dos obradoiros de formacion continua 2023 e que xestiona a Consellería de Medio Rural a través da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal). Dentro desta acción formativa colaboran as Oficinas Rurais, dependentes da Subdirección Xeral da Planificación da Extensión Agraria. O código do curso é FC2023F127070 baixo a denominación "Curso de Formación Continua para Emprendedores Agrarios Mozos". As materias que impartirán serán: Día 17 de outubro: -Novas Tecnoloxías aplicadas o sector Agrario. Agricultura de Precisíon. FORTOP. José Manuel Vázquez Castaño. -Mobilidade de Terras: Polígonos Agroforestais e Permutas Fincas Vocación Agraria.  Fernando López López. Técnico Servizo Infraestruturas Agrarias de Lugo. Día 19 de outubro: -Aplicacións da Enerxía Fotovoltaica nas Explotacións Agrarias. Laura. Técnica Empresa Tecgal. -Actualización lexislación e aspectos prácticos aplicación de produtos fitosanitarios. Marta Muiño. Técnica Oficina Rural Lugo Día 23 de outubro: -Posibilidades de rotacións de gramíneas e leguminosas compatibles con cultivo de millo. Juan Valladares. Investigador Centro Investigacións Agrarias Mabegondo. Alternativas. -Real Decreto Nutrición sostible dos solos.Persoal Técnico Servizo Explotacións Agrarias. Día 24 de outubro: -Actualización sobre fiscalidad empresas. Condicionalidad social na Pac. Asesor Fiscal. Técnico Servizos Agrarios Lugo. Día 26 de outubro: -A pegada de carbono. Unha visión das explotacións agrarias. Cesar Resch Zafra. Investigador CIAM -Caderno dixital. Xeaga. Técnico Servizos Agrarios Lugo. Día 30 de outubro: -Maquinaria de Fitosanitarios e Fertilización compatible coa reduccion de insumos en millo e pradeiras. Santiago Sousa. Enxeñeiro Agrónomo e Técnico de Campo -Novidades previstas no novo período da  Pac. Tecnico Servizos Agrarios Lugo. As aulas impartiranse no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en lugo en horario de 16 a 20:30 horas.

Inscrición

Os interesados poden inscribirse na paxina web da Conselleria de Medio Rural. Tema Formacion Continua 2023 https://mediorurahttps://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/temas/formacion/formacion-continua/formacion-2023/20230602-accions-formativas_2023.pdfl.xunta.gal/sites/default/files/temas/formacion/formacion-continua/formacion-2023/20230602-accions-formativas_2023.pdf No apartado Solicitude de Preinscripción: https://foagro.xunta.gal/foagro/inscripcion/publica/accionsFormativas Contacto: jose.rocha.grande@xunta.es oac.seca.lugo@xunta.gal Tel: 982294939, 982294934, 982294931. Desde a Área de Servizos Agrarios de Lugo buscan vías de formación que poidan ser de interese para titulares ou socios de explotacións, con fixación nas novas tecnoloxías ou técnicas para os cultivos da zona centro de Lugo, así como para poder coñecer a lexislación que vai entrar en vigor proximamente, ata o punto que lles permitan as actualizacións dispoñibles na data de realización. Ademais, esperan que esta formación sirva com punto de encontro para poder programar novas actuacións formativas, cos diferentes sectores produtivos agrarios. Pode darse o caso, de ter que cambiar algunha temática por temas de organización, que intentarán comunciar a tempo aos interesados.

Programa de formación gratuíto para empregarse no sector agrogandeiro

A Fundación Impulsarse organiza a actividade "Programa de Formación Agro-Gandería" no marco da Rede Eusumo. Trátase dunha formación en agricultura e gandería que pretende ser de axuda para as persoas participantes na súa busca de emprego dentro do sector. O programa constará de dous bloques. Un estará centrado na formación teórico-práctica e o outro consistirá en realizar visitas a diversas entidades agropecuarias. Esta actividade está destinada a mozos e mozas que sexan menores de 30 anos e que teñan interese en traballar no rural en explotacións cooperativas de agricultura e gandería. A formación levarase a cabo entre o 28 de agosto e o 8 de setembro de 2023 de forma presencial na Avenida Camelias 42, baixo, 36205 Vigo. O horario será de 9:30h a 14:30h. Ademais, entre o 11 e o 22 de setembro realizaranse as visitas ás explotacións agropecuarias. Para inscribirte ou solicitar máis información contacta a través de orientacion@fundacionimpulsarse.es

A cooperativa CLUN e o IES de Melide impulsan o primeiro Ciclo Superior de FP Dual de asistencia gandeira do ensino público galego

Da colaboración entre o IES de Melide e CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas) nace a modalidade dual do Ciclo Superior de FP de “Gandería e Asistencia en Sanidade Animal”, o primeiro destas características no ensino público da comunidade. Esta mañá presentouse no centro educativo, coa asistencia da secretaria xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez. A matrícula para este novo ciclo está dispoñible desde hoxe e ata o 5 de xullo. A Cooperativa CLUN asume o compromiso de acoller ata a doce alumnos nas etapas de formación en prácticas en ganderías socias e tamén aportando coñecemento a través do seu equipo veterinario. A directora do IES de Melide, Ana Villar, manifestou que “conseguir que este FP Dual poidese ter cabida nun centro público como o IES de Melide é resultado de dous anos de traballo e reunións e a colaboración da cooperativa CLUN, completamente imprescindible para impartir este ciclo”. Indicou que “o que máis nos determinou a apostar por esta formación foi unha reunión que tivemos con gandeiros, que se amosaron dispostos a acoller alumnado e cun enorme interese en que este ciclo saíse adiante”.  

Necesidade de man de obra para mellorar a conciliación e lograr explotacións viables e máis competitivas

Tal como puxo de relevo Pablo Costoya, secretario do Consello Reitor de CLUN, atopar man de obra estable e cualificada é xa a maior dificultade coa que se encontran as ganderías familiares de camiño á profesionalización. CLUN detecta que esta é a principal preocupación, xunto á necesidade de investimento en modernización e ampliación das instalacións. Para dar resposta a esta necesidade, a cooperativa busca a través da formación camiñar cara a unha gandería galega cun maior tecido humano profesionalizado dispoñible”. O 13% das 7.000 explotacións que quedan entregando leite en Galicia son ganderías de tamaño medio, con 75 vacas en produción e 40 hectáreas de superficie; e outro 7% de explotacións grandes de máis de 160 vacas en muxido e 68 hectáreas de superficie agraria útil. “Este tipo de ganderías son as que demandan máis persoal, co obxectivo de garantir a conciliación e dispor dalgún tempo propio que permita mellorar a calidade de vida e, noutros casos, para manter a estrutura laboral que precisan estas explotacións e conseguir así que sexan viables e máis competitivas” -destacou Costoya-.

O éxito da Formación Dual

A modalidade dual non chegara aínda a este Ciclo Superior, así que supón unha novidade para o curso 2023/2024. Incorporarase en só dous centros en Galicia: o IES de Melide e o CEFA de Sergude. A Formación Profesional aumentou un 24,4% desde o curso 2016/17 en España. Con todo, a media europea é dun 41% de titulados en FP, mentres que no conxunto de España se sitúa nun 36%. En particular, a formación dual está a ter moi boa acollida, alcanzando en 2021 o 3,8% de todos os graduados en Formación Profesional, ao tempo que segue a medrar tanto a oferta de ciclos como o número de alumnos matriculados nesta modalidade.

Xornada de portas abertas este venres no Centro de Formación Agraria de Sergude

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude, situado no lugar de Quián, en Boqueixón (A Coruña), acolle mañá unha xornada de portas abertas. A sesión será en horario de tarde e comezará ás 16.00 horas. Na xornada ofrecerase información sobre o ciclo medio modular para adultos de Produción Agroecolóxica. Ademais, a través dun percorrido guiado, os participantes poderán coñecer a riqueza en biodiversidade e recursos naturais que hai no espazo natural de Sergude, que conta con zonas de pasteiros, horta ecolóxica, froiteiras, así como gandería de vacún de leite, ovellas e cabras galegas, así como porco celta, cabalo pura raza galega e apicultura ecolóxica. A inscrición pode facerse no teléfono 647 60 85 85, aínda que non é imprescindible anotarse.

Xunta e universidades constitúen unha comisión de traballo permanente para mellorar a formación no sector forestal

Responsables da Xunta reuníronse hoxe con representantes das universidades de Santiago de Compostela (USC) e de Vigo (UVigo) para constituír a comisión permanente de traballo para a mellora da formación forestal universitaria en Galicia, que se recolle no Plan Forestal 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”. Así, con este motivo, os directores xerais de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, xunto co director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, mantiveron un encontro de traballo co director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, Juan Picos, e coa directora da Escola Politécnica de Lugo, Rosa Romero. Esta comisión permanente busca avaliar as necesidades formativas que hai no sector forestal para poder mellorar a relación entre a demanda e a oferta que hai actualmente no sistema universitario galego. A súa constitución está recollida na medida V.4.1. do Plan Forestal, centrada na “Cooperación e coordinación para a mellora da formación forestal universitaria en Galicia”. Trátase de sumar e coordinar sinerxías para impulsar a xestión forestal mediante un ensino universitario adaptado ás necesidades detectadas e que garanta transferencia de coñecemento para mellorar un sector estratéxico en Galicia nun momento decisivo para o seu futuro.

Oferta formativa da Consellería do Medio Rural para o vindeiro curso: Un 9% máis de prazas e novos ciclos

Os seis centros de formación e experimentación agraria (CFEA) da Axencia Galega da Calidade Alimentaria -adscrita á Consellería do Medio Rural- ofertarán no curso académico 2023-2024 un total de 328 novas prazas que supoñen un incremento de preto do 9 % con respecto ao curso anterior e de máis do 17 % en relación co curso 2021-2022. Trátase dos centros Pedro Murias de Ribadeo, Guísamo, Lourizán, Monforte de Lemos, Sergude e Becerreá. Así, no CFEA Pedro Murias haberá 30 prazas novas; en Guísamo, 115; Lourizán contará con 42 novas prazas, cifra idéntica á de Becerreá, e Sergude incorporará 99 prazas máis.

3 novos ciclos formativos

Ademais, en relación co curso pasado, incorpórase como novidade a posta en marcha de tres novos ciclos formativos na modalidade dual, que incide na alternancia entre o centro educativo e a empresa e que favorece a inserción laboral dos alumnos. Son o ciclo medio en xardinaría e floraría, no CFEA de Guísamo, o ciclo medio de produción agroecolóxica, no Pedro Murias de Ribadeo, e o ciclo superior de gandaría e asistencia en sanidade animal, no de Sergude.

Oferta formativa por centros

No CFEA Pedro Murias de Ribadeo a oferta elévase ata 30 prazas na modalidade dual con 15 para o grao medio de aproveitamento e conservación do medio natural e 15 de nova creación para a produción agroecolóxica. O CFEA de Guísamo terá 115 prazas máis na súa oferta, ao incorporarse como novidade o ciclo medio de xardinería e floraría na modalidade dual e manter o ciclo no réxime modular de persoas adultas na modalidade semipresencial con 50 prazas, ademais doutras 50 prazas no grao medio de xardinaría e floraría (réxime modular de adultos na modalidade semipresencial). No CFA Lourizán ofértanse un total de 42 prazas: 20 no grao medio en aproveitamento e de conservación do medio natural e outras 22 no grao superior en xestión forestal e do medio natural, ambas en réxime ordinario na modalidade presencial. Canto ao CFA de Becerreá, ofértanse 42 prazas das que 20 corresponden ao grao medio en aproveitamento e de conservación do medio natural e 22 no grao superior en xestión forestal e do medio natural, ambas tamén en réxime ordinario e presencial. Finalmente, no CFA de Sergude ofértanse un total de 99 prazas das que 22 son no grao superior de gandaría e asistencia en sanidade animal -o máis demandado e exclusivo deste centro-, polo que se engaden outras 22 adicionais pero por formación dual. Outras 20 prazas ofértanse no grao medio en aproveitamento e conservación do medio natural, ambas en réxime ordinario presencial. Haberá 20 prazas máis no grao medio de produción agropecuaria (tamén ordinario presencial) e 15 máis no grao medio en produción agroecolóxica (réxime modular de persoas adultas na modalidade presencial).

Títulos habilitantes

En canto á formación non regrada para a obtención de títulos habilitantes, son cinco os cursos ofrecidos na modalidade de formación en liña por parte da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, no marco dunha plataforma que se potencia con novos contidos, a actualización dos xa existentes e a mellora da súa presentación, facéndoos moito máis atractivos. Trátase dos de benestar animal nas explotacións, benestar animal no transporte de animais vivos, formación para o persoal que traballe con gando porcino, formación para o persoal que traballe con gando avícola e formación para o persoal que traballe con gando bovino. Estes dous últimos son novos este ano. Esta formación proporcionaralles aos profesionais do sector o certificado exixible pola normativa que regula as súas actividades, co fin de poder exercelas e de poder contar coa pertinente acreditación de formación específica. Os novos formatos ofertados pretenden conseguir a maior interactividade posible entre o alumno e os contidos dispostos na plataforma, mediante o emprego de vídeos explicativos, xogos, imaxes, infografías, esquemas e outras ferramentas. Dentro desta oferta en liña destacan tamén os cursos de aptitude empresarial agraria impartidos en formato semipresencial (b-learning) a través do CFEA de Monforte de Lemos. Estes cursos constitúen a formación necesaria para que aquelas persoas que non teñan a formación agraria suficiente a acaden e poidan acceder ás axudas á primeira instalación de agricultores mozos (18 aos 40 anos), que se incorporan como titulares ou cotitulares a unha explotación agraria, segundo as bases reguladoras das axudas para a modernización das explotación agrarias e para a incorporación de mozos á actividade agraria.

Aberto o prazo para inscribirse no Máster en Produción de Leite da USC en Lugo

Establo da granxa docente da USC nas instalacións de Gayoso Castro A USC abre o prazo de matrícula para inscribirse no Máster en Produción de Leite que imparte no Campus de Lugo. A Escola Politécnica, a Facultade de Veterinaria e a Granxa Docente Gaioso Castro serán as sedes principais onde se desenvolverá a formación, en formato presencial, que se completa con prácticas en empresas. Os alumnos e alumnas matriculadas terán a posibilidade de realización de 312 horas de prácticas en empresas do sector: LIGAL, Cooperativas, empresas de servizos veterinarios, etc.  As clases serán de setembro a xuño e as prácticas rematarán, a máis tardar, o 30 de decembro do ano que vén. Haberá ademais que presentar un traballo fin de Máster con tres convocatorias: xullo, novembro e febreiro.
As clases comezarán o vindeiro mes de setembro e rematarán en xuño e as prácticas estenderanse ao mes de decembro
A maiores do Máster, a USC oferta tamén a posibilidade de cursar dous módulos formativos independentes, sen necesidade de facer o Máster completo, como cursos de formación continua: un con formación específica de Alimentación na Produción de Leite e outro de Economía das explotacións lácteas. Hai disponibles tres prazas en cada un destes cursos. A inscrición no Máster en Produción de Leite e nos distintos Cursos Específicos pode facerse neste enlace.

Acto enolóxico e cultural no centro de formación A Granxa, en Ponteareas

O Centro de Formación Profesional A Granxa (Ponteareas), con diversos ciclos da rama agraria, vén de programar un acto no que combinou enoloxía e cultura, integrando unha visita do músico Abraham Cupeiro e unha cata da adega Sergio Álvarez. O músico e multiinstrumentista galego Abraham Cupeiro é coñecido por recuperar instrumentos de épocas antigas e de múltiples lugares. Algúns deses instrumentos foinos adquirindo ao longo dos anos nas súas viaxes e outros construíunos el mesmo. Acompañando a Abraham, estivo Roberto Bruna, ex alumno do centro, de Adega Sergio Álvarez (O Rosal), xunto co seu socio, Sergio Álvarez, para presentar os seus últimos viños nunha cata para o alumnado do ciclo de Vitivinicultura e profesorado do centro. Esta actividade está ligada coa formación que oferta o CIFP A Granxa, xa que un dos piares do centro, xunto coa rama agraria, é a rama vitivinícola. O centro tamén conta cunha gran extensión de terreo, onde se imparten ensinos das familias profesionais agraria, medioambiente e de industrias alimentarias. Entre as diferentes instalacións teñen as viñas, oliveiral, invernadoiros, viveiro forestal, plantación en ecolóxico e froiteiras. En concreto, ofértanse os seguintes ciclos: Familia profesional Agraria: CB Agroxardinería e Composicións Florais. (Formación profesional básica) CM Xardinería e Florería (ordinario e DUAL) CM Produción Agroecolóxica (ordinario) CS Paisaxismo e Medio Rural (modular) CS Xestión Forestal e do Medio Natural (ordinario e modular) Familia Seguridade e Medio: CS Educación e Control Ambiental (ordinario e modular distancia) Familia de Industrias Alimentarias: CM Aceite de Oliva e viños (DUAL) CS Vitivinicultura (ordinario e modular distancia) CS de Procesos e calidade na industria alimentaria. (modular) Ademais deses ensinos tamén ofrece aos usuarios da zona servizos de: - Acreditación de competencias. - Probas libres de módulos relacionados cos nosos ensinos. - Accións de formación para persoas desempregadas. - Asesoramento a persoas emprendedoras a través do noso viveiro de empresas. As Redes Sociais da Granxa son: instagram: @cifp_a_granxa A páxina web: https://www.edu.xunta.gal/centros/cifpgranxa/ Un momento do acto.

Xornada de formación este mércores en Xinzo de Limia sobre a normativa de nutrición sostible en solos agrarios

A Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia  (Adegal) organiza unha xornada informativa sobre o novo Real Decreto 1051/2022 de 27 de decembro, polo cal se establecen as normas para a nutrición sostible nos solos agrarios. Terá lugar o vindeiro mércores 29 deste mes no salón de actos da Casa da Cultura de Xinzo de Limia, ás 18.00h. Neste evento intervirá a Xefa de Servizode Explotacións Agrarias da Consellería do Medio Rural en Ourense, Encarna Rodríguez Soto, e o Xefe do Servizo de Sanidade e Produción Vexetal da Consellería do Medio Rural en Santiago de Compostela, Víctor Novo Vázquez. Cartel sobre a xornada. / Fonte: ADEGAL

Finca Cabreira: “As decisións importantes que tomamos sempre van da man dos técnicos”

Manuel Candamio, xunto ás súas vacas na nave construída en 2018, a última ampliación realizada Gañar en eficiencia como forma de reducir custos e adaptar a produción ao tipo de leite que demanda a industria para incrementar beneficios nun sector cada vez máis competitivo e profesionalizado. Esa é a filosofía de traballo de Finca Cabreira, unha gandería que aposta pola optimización dos distintos procesos que require a produción láctea a través da tecnoloxía. Manuel Candamio está á fronte desta explotación situada en Outeiro de Cela (Irixoa), que muxe 185 vacas neste momento. Tras titularse en Empresariais pola Universidade de Porstmounth e traballar no sector inmobiliario, Manuel incorporouse en 2013 á granxa que ata ese momento rexentaran os seus sogros, Emilio Freire e Fina Calvo, que acababan de xubilarse. Fíxoo coa intención de garantir a continuidade da explotación, na que a familia investira toda unha vida de esforzo e diñeiro. “Aínda que eu nunca traballara como tal na granxa, na casa sempre se falaba da gandería, polo que estaba familiarizado co día a día e coñecía ao persoal técnico que viña á explotación. Apoiado por eles e polos meus sogros decidinme a coller a granxa. Aos poucos funme incorporando, deixáronme facer e cando me dei conta estaba metido de cheo”, indica. Primeiro obxectivo: dimensionar a explotación Baixo unha mentalidade máis empresarial, o primeiro obxectivo para poder pasar dunha explotación de carácter familiar a outra máis profesionalizada era alcanzar un volume suficiente, Así, aquela gandería que Manuel colleu no ano 2013 foi aumentando de tamaño ata duplicar a produción a día de hoxe.
Nunha década duplicaron a produción e profesionalizaron a xestión para gañar en eficiencia
De forma paralela, a granxa foi tecnificándose ata converterse nunha moderna explotación dotada con sistemas de toma de datos, pero que conserva en uso aínda construcións con máis de 50 anos de antigüidade, que foron adaptándose e modernizándose. “Aproveitamos todo o que había e fomos ampliando. Aquí pode verse a historia da gandería en Galicia: o establo máis antigo é o que está a carón da casa e o máis moderno o que está máis afastado”, detalla.
Viamos que para poder continuar na actividade tiñamos que seguir medrando e modernizándonos
“A última nave, construída en 2018, fixémola porque viamos que se queriamos vivir con certa dignidade todos os que estabamos aquí metidos, tanto nós como os traballadores, necesitabamos ter comodidade e confort. E o volume o que che dá é a capacidade de poder contratar a máis traballadores e organizar quendas doutra maneira”, explica. De man de obra familiar a depender de persoal contratado Pero aumentar de tamaño significa pasar a depender de man de obra externa, algo que non abunda. “Eu creo que a dificultade para conseguir man de obra, sobre todo cualificada, é un problema moi serio a día de hoxe nas ganderías”, recoñece. Ante esta carencia xeralizada de formación entre a man de obra dispoñible no mercado laboral, apostan pola formación e a cualificación na propia granxa. “Tes que optar por contratar man de obra sen cualificar e formala ti. A nós aquí gústanos facer cursos de formación para os nosos empregados. Fixemos cursos de inseminación, de manexo de tenreiras, de técnicas de muxido. Aqueles aspectos que temos interese en mellorar buscamos a alguén que saiba realmente do tema para que nos forme aquí na propia explotación, para que sexa tamén unha formación adaptada ás condicións que temos aquí na granxa”, conta.
Adoitamos facer catro ou cinco cursos de formación ao ano na propia explotación para mellorar en distintos aspectos que consideramos necesarios
Manuel recoñece que non é habitual no sector ver este tipo de iniciativas pero el considera a formación como un aspecto básico para mellorar o funcionamento da súa granxa. “É certo que moitas veces tes a sensación de que estás a formar a xente que se cadra dentro de pouco marcha, pero por iso non vas deixar de formala. Para min é unha satisfacción ver como evolucionan de forma positiva os nosos traballadores”, argumenta. Tecnificación da granxa para reducir necesidades de persoal Xunto á formación continua, a estabilización do persoal é outra das prioridades desta explotación. “Este é un traballo monótono, de sábados, de domingos e de festivos e hai que lidiar con todos eses inconvintes”, admite. Neste momento esta gandería conta con 5 empregados ademais de Manuel e apoiáronse na mellora das instalacións para poder gañar calidade de vida. “Estivemos a estudar as distintas tecnoloxías que había dispoñibles e que nos podían permitir modernizar a granxa e ao final quedámonos coas que nos podían permitir ser máis eficientes e facer o traballo de forma máis cómoda. Tal como temos hoxe a explotación, dúas persoas son suficientes para atender o día a día da granxa”, indica.
Hai unha necesidade evidente de man de obra nas explotacións
Esas dúas persoas non necesariamente teñen que ser as mesmas pola mañá e pola tarde. De feito, en Finca Cabreira traballan cun sistema de quendas de mañá e tarde que permite aos seus traballadores realizar xornada continua e librar dous días á semana, ben xoves e venres ou sábado e domingo. Paso de tres a dous muxidos Finca Cabreira dispón na actualidade dun rabaño total de 220 vacas adultas, das que están a muxir a día de hoxe unhas 185, con picos por enriba de 190 noutros momentos do ano. Tras facerse cargo da explotación, Manuel tomou a decisión en 2015 de pasala a tres muxidos, un sistema que mantiveron ata 2022, cando ao cambiar de empresa compradora optaron por regresar de novo ao sistema de dous muxidos. “Empezamos a entregar o leite a Entrepinares. Como nos paga mellor as calidades, convíñanos obter menos litros e máis sólidos”, explica.
Fixemos unha aposta polas calidades ao pasar de entregar a Leite Celta a facelo a Entrepinares
Coa volta a dous muxidos perderon produción, pero reduciron tamén as necesidades de man de obra da granxa. “Estabamos en 43 litros con 3 muxidos e agora cústanos traballo manternos en 37 litros, pero pasamos dunha porcentaxe do 3,40 de graxa a 3,80 e do 3,30 a 3,40 de proteína”, detalla. Segundo obxectivo: gañar superficie agraria “Nestes momentos o noso obxectivo é estabilizar a explotación e centrarnos en conseguir un leite da mellor calidade adaptado á industria que nos recolle e tentar rendibilizar iso ao máximo, pero a nosa intención non é crecer no número de cabezas porque para iso teriamos que aumentar tamén en terras”, admite Manuel. Sementan 60 hectáreas a millo, nas que nunha parte fan rotación anual con raigrás e noutra parte con chícharo para abono verde. A maiores, dispoñen doutras 12 hectáreas a herba permanente.
Sementan 60 hectáreas a millo en rotación con raigrás e chícharo
“A falta de superficie é para nós un condicionante. Se puidésemos dispoñer de fincas útiles de tamaño grande e a poder ser preto da explotación as nosas condicións de produción serían moi diferentes, pero aquí a media de superficie por finca está entre 1 e 2 hectáreas”, explica. A maiores do pequeno tamaño das parcelas está o problema do xabaril. “Fainos grandes desfeitas, é moi desesperante”, afirma. Con eses condicionantes, non logran ser autosuficientes en materia de alimentación. “Millo compramos algo todos os anos, non moito, pero procuramos acabar a campaña con todos os silos cheos, polo que compramos xa na finca o que nos falta para completalos, porque iso é sempre unha garantía, dáche tranquilidade para todo o ano. Dependendo da colleita podemos comprar entre un 5 e un 15%. Este ano compramos pouco porque nos sobrou do ano anterior e ao final a campaña foi mellor do que se esperaba e fomos salvando”, conta. Un dos motivos para non verse afectados pola seca foi labrar cedo. “Somos sempre dos primeiros en sementar nesta zona; poñemos ciclos 500”, explica. Parte do traballo agrario fano eles mesmos. “Nós aramos e sementamos o millo pero despois contratamos todo o traballo de ensilaxe. Tiñamos un tractor e unha serie de maquinaria que seguimos usando, pero posiblemente cando cumpra a súa vida útil non volvamos comprar outra para centrarnos en atender o gando”, indica. Sala de muxido de 40 puntos Finca Cabreira conta cunha sala de muxido con 40 puntos que montaron cando muxían tres veces ao día coa intención de axilizar o proceso e asegurar a súa operatividade en todo momento. “Realmente son dúas salas de 20 puntos cada unha que non comparten nada do sistema, nin a bomba de baleiro nin a de descarga. Desa forma, ao ter un funcionamento independente, se temos unha avaría nunha parte podemos seguir traballando coa outra. Cando estabamos en tres muxidos non nos podiamos permitir ter a sala parada por calquera contratempo porque en caso de necesitar facer calquera reparación podíaseche xuntar un muxido co outro. Desta forma, en caso de avaría sempre estamos cubertos e a sala sempre está operativa”, razoa Manuel.
Muxen ás 7 da mañá e ás 6 da tarde. Acaban en hora e media
Ao ter o gando dividido en tres lotes e unha sala de muxido cunha capacidade importante reducen a presenza das vacas na sala de espera. “A nosa idea era muxir moi rápido para non molestar moito tempo ás vacas. Nunha hora e media acabamos de muxir as 180-190 vacas que temos normalmente en produción”, explica.
A maquinaria do sistema de muxido está nun túnel baixo a propia sala para evitar que os equipos se mollen e se estraguen
Para a almacenaxe do leite dispoñen dun tanque vertical de 30.000 litros e a maquinaria da instalación de muxido está nun túnel baixo a propia sala, o que evita que as bombas se mollen, se manchen e avaríen. “Na parte de arriba só están as pezoneiras, desta forma evitamos que o resto do sistema se estrague. Tivemos que facer algo máis de obra á hora de montar a sala pero ese investimento ímolo recuperar na duración dos equipos”, asegura Manuel. Apoiarse en asesoramento externo Aínda que afirma que “todos os galegos levamos no noso ADN o manexo da vaca”, Manuel é dos que se deixa asesorar porque considera importante contar con apoio externo de carácter profesional, destacando o gran nivel dos técnicos que axudan no día a día ás explotacións en Galicia. Traballan con Seragro para nutrición, calidade do leite, reprodución e podoloxía e da xestión da granxa encárgase a Cooperativa Agraria Provincial da Coruña. “Aquí calquera cambio que se fai é consultado para que as distintas decisións que tomamos conten cun aval técnico detrás”, recoñece.
As decisións importantes que tomamos na nosa explotación sempre van da man dos técnicos que nos asesoran
Os insumos cómpranos á cooperativa O Plantel, situada en Pederne e formada por 200 socios da comarca de Betanzos, que lles proporciona tamén o servizo de carro mesturador. “Fano dunha forma rápida, económica e eficiente e é unha carga de traballo que estamos a delegar neles e que nos permite a nós ter máis tempo para centrarnos noutras cousas”, argumenta. En vacas de produción teñen tres lotes: postparto, vacas adultas e primeirizas. “Xogamos con alimentación diferenciada en cada un dos lotes en función das súas necesidades e do que esperamos obter, con menor inxesta e unha comida máis enriquecida en posparto; máis inxesta en vacas adultas e menor inxesta en primeiro e segundo parto”, explica. Redución do consumo enerxético Nos cubículos da última ampliación utilizan area como material de recheo e nos máis antigos serrín con carbonato, dado que as fosas máis antigas non se adaptaban ao uso de area. A nivel de instalacións, di, “acabamos de facer uns investimentos bastante grandes e creo que temos capacidade de mellora sen meternos a máis gastos”. “Cando logremos rendibilizar os investimentos realizados poderiamos propornos melloras nas instalacións de recría para ter máis cómodos aos animais e traballar tamén nós máis cómodos”, avanza. Hai un ano apostaron pola instalación de placas solares, cunha potencia de 150 Kw/h, e un sistema de baterías que lles permitiu amortecer o forte incremento do prezo da luz producido desde entón. Contan tamén con intercambiadores de placas e recuperadores de calor para aproveitar ao máximo a enerxía xerada no proceso de arrefriado do leite. Ademais de lograr un aforro enerxético conseguen estabilizar antes a temperatura do leite no tanque, o que redunda nunha mellor calidade hixiénica. Futuro do sector Un fillo de Manuel, de 21 anos, está xa incorporado á explotación e ao seu pai gustaríalle que dese continuidade ao proxecto, aínda que prefire “non forzarlo”. “O gran problema que temos as ganderías a día de hoxe é a incerteza. É difícil saber que nos podemos esperar dentro duns anos pero creo que haberá concentración de explotacións e que as que queden serán cada vez máis eficientes”, prognostica.
O sector lácteo ten todo o futuro do mundo pero para iso as granxas deberemos superar novas esixencias
“É evidente que hai futuro neste sector e eu creo que este traballo será máis respectado do que é hoxe, aínda que para iso haberá que superar toda unha serie de novas esixencias a nivel de PAC, de xurros ou de benestar animal”, asegura.  

Aposta pola dixitalización da explotación e a monitorización do gando

Á vez que modernizou as súas instalacións, coa construción dunha nova nave, a reforma das máis antigas e a instalación dunha nova sala de muxido, Finca Cabreira deu pasos tamén nos últimos anos na monitorización do gando, o que lles levou a cambiar rutinas de saúde, reprodución e manexo na granxa. “Terminamos fai agora tres anos unhas instalacións novas que nos obrigaron a tomar decisións, porque deixamos de ser unha explotación familiar, sen practicamente man de obra contratada, a ser unha explotación cunha dependencia case total da man de obra asalariada. Isto fíxonos pensar que debiamos incorporar toda a tecnoloxía que houbese dispoñible no mercado para que nos axudase a mellorar e a darlle futuro ao noso proxecto”, argumenta Manuel. O cambio ás novas instalacións provocou ademais unha situación “complexa” na granxa. “Empezamos a ter unha serie de patoloxías, que se manifestaban basicamente no período seco e despois tamén no postparto e chegamos a estar preocupados”, recoñece.
A forma de traballo na granxa foi cambiando e fómonos adaptando a esta nova tecnoloxía que nos axuda a tomar decisións no día a día
Aconsellados polos técnicos que asesoran á granxa en materia de nutrición e reprodución decidiron substituír os podómetros por colares de monitorización. “Fixemos dous grupos de animais dos cales queriamos recibir información, por unha banda preparto, vacas secas e postparto e doutra banda as xovencas”, explica. “O que noto moitas veces na nosa explotación é que os gandeiros nos dedicamos continuamente a apagar lumes inmediatos do día a día, cando deberiamos dedicarnos a ter un obxectivo claro a máis longo prazo. Este tipo de tecnoloxía é útil para apagar lumes, pero axúdache sobre todo a tomar decisións a máis longo prazo”, valora.
Instalar o sistema integral de monitorización foi un cambio estratéxico na nosa granxa
A nivel de xestión da granxa, a información que achegan os colares en materia de nutrición e benestar axudan ao gandeiro para tomar decisións, por exemplo á hora de establecer as rutas e horarios do robot encargado de arrimar a ración ou para saber se é necesario instalar sistemas de arrefriado que reduzan o estrés por calor do gando. “Instalar o sistema integral de monitorización foi un cambio estratéxico na granxa. Estabamos nun momento delicado, con problemas que desapareceron bastante rápido, pero boto de menos un programa que unifique todos os datos e que o saiba manexar todo o mundo”, conclúe. Cambio de podómetros por colares Traballan con tecnoloxía de Allflex para a toma de datos. “Agora mesmo temos os colares nos grupos máis críticos, que son vacas que se van a secar, vacas secas, postparto e celos de xovencas, pero a nosa idea é ir substituíndo os podómetros, a medida que se vaian gastando, por colares”, avanza.
Nas xatas os colares usámolos para detectar celos e en vacas secas para evitar posibles patoloxías
“A vantaxe do colar é que é máis eficiente en detección de celos e dános información adicional que o podómetro non nos dá, por exemplo en rutinas de grupo, inxesta, tempo de descanso, rumia, que combina en forma de gráficas moi fáciles de entender e que permiten tomar decisións no día a día”, destaca. “Nas xatas os colares queriámolos basicamente para detectar celos, porque aínda que xa estabamos a traballar con podómetros, obrigábanos a que o animal tivese que pasar por un punto en concreto para descargar a información”. O receptor estaba situado nun dos bebedoiros, pero ao dispoñer de máis dun, creábanse distorsións na detección, algo que os colares solucionan, porque non traballan coa necesidade de que o animal pase por un lugar en concreto”, explica. Datos dous meses antes do secado selectivo En canto ás vacas en lactación, empezan a tomar datos dous meses antes do período de secado. “Dous meses antes do secado o software vai cargándose de datos e facilitándonos información”, indica. “Nas vacas secas non tiñamos ningunha información delas máis que o ollo do gandeiro e moitas veces cando nos dabamos conta de que había un problema xa era unha patoloxía avanzada que requiría nalgúns casos o uso mesmo de antibióticos, por tanto, para nós era fundamental ter datos deste lote de vacas secas”, insiste. Nesta explotación de Irixoa realizan secado selectivo, co que reduciron considerablemente o uso de antibióticos. “Seragro envíanos mes a mes as directrices sobre que vacas secar e con que e non temos habitualmente problemas, aínda que o verán pasado si notamos o estrés por calor no gando e estámonos propoñendo instalar ventiladores, porque tivemos perdas de inxesta e produción, baixou a fertilidade e as mamitis clínicas disparáronse”, recoñece. No lote de vacas secas, onde os animais pasan un máximo de dous meses, están tamén as xovencas próximas ao parto. Tras parir pasarían ao lote de posparto, con capacidade para 40 animais. “Son as vacas que temos que vixiar máis e tamén son as que muximos primeiro e a medida que van entrando vacas paridas imos sacando as que levan máis tempo”, explica. Detección precoz de enfermidades postparto “Antes de dispoñer dos colares o seguimento ás vacas paridas era manual. “Colliamos a todas as vacas que parían e mirabámolas cada dous días, cubrindo a man unha táboa con información sobre o seu estado de saúde, o que supoñía maior carga de traballo e menor fiabilidade dos datos, ao depender da subxectividade do observador. Xurdíannos dúbidas sobre se a vaca rumiaba ou non e sobre se as feces estaban ben ou non”, exemplifica. “Non era unha información obxectiva e non nos permitía ter un criterio claro de cando chamar ao veterinario ou non”, indica. “Agora podemos centrar a nosa atención unicamente nos animais que realmente o necesitan, porque o software sácanos unha listaxe das vacas que teñen algún problema. Ao resto das vacas nin as molestamos. Chamamos ao veterinario só para que veña a ver ese animal en concreto e o que facemos é revisar co veterinario diante do computador toda esa información e eses datos do estado do animal que nos achega o sistema antes de ir ver á vaca e diagnosticar a enfermidade e se é pertinente darlle un tratamento. Moitas veces o programa está a darche alertas antes de que a vaca manifeste síntomas ou unha baixada do leite, como ocorría antes, e nese momento cun tratamento preventivo estamos a evitar xa o problema”, valora. Tras aplicar o tratamento necesario, o sistema permite tamén realizar un seguimento e comprobar a evolución día a día do animal. “Iso achéganos unha gran satisfacción, de ver que esa vaca foi collida a tempo e puidemos salvala”, razoa. Mellora dos índices reprodutivos Con 220 vacas e 175 xatas, a mellora da fertilidade do rabaño era outro dos obxectivos desta explotación coa instalación de tecnoloxía de monitorización do gando. “Os colares, fronte aos podómetros, permitíronnos unha maior detección de celos e unha mellora en materia de fertilidade. O máis importante é que nos di cal é o momento óptimo da inseminación, algo importante ao utilizar seme sexado, que son doses de touros de alto valor xenético e cun custo elevado”, aclara Manuel.
Os colares danche máis seguridade á hora de utilizar seme sexado
No establo construído polos seus sogros en 1997 teñen o lote de primeirizas, con 70 animais, e as xatas, divididas en dous lotes: as que están para inseminar e as xa preñadas. Colocan os colares para detectar o celo nas xatas de cara á primeira inseminación, que realizan aos 12 meses se o animal cumpre as condicións corporais necesarias, situándose a media da granxa ao primeiro parto en 21 meses. “Os colares axudáronnos a mellorar bastante nese aspecto”, asegura. Programa de xenómica A principios de 2022 empezaron tamén cun programa de mellora xenética de ABS, GENEadvance, que consiste no xenotipado de todos os animais e a fixación de criterios de selección que no seu caso pasan por máis sólidos e aumento da lonxevidade. “Queremos vacas que nos dean graxa e proteína e que nos duren máis tempo sen darnos problemas”, indica Manuel.
Poñen seme sexado na maior parte das xatas, salvo as descartadas tralo test xenómico, e no 40% das vacas
“Pensamos que este programa vainos permitir un avance moi rápido, porque te centras só naqueles animais que che interesa, descartando o resto, permitíndonos corrixir erros que a xenómica che identifica e que se cadra non eras capaz de ver co pedigree. Agora só usamos seme sexado e de carne e podemos optar a touros de elite que só entran neste programa”, destaca. Rendibilizar os machos Na antiga sala de muxido habilitaron un espazo para ter os machos de cruces cárnicos con azul belga. “Estas doses custan tres veces máis que unha dose normal de azul belga pero son animais que en cebadoiro teñen un comportamento superior aos outros en conversión cárnica, uns 300 gramos ao día máis de ganancia de peso. Temos xa dous cebadoiros interesados en traballar con nós”, indica.
Os machos son encalostrados e reciben os mesmos coidados que as femias, non facemos distincións
A súa intención é poder comercializar directamente os seus machos, mediante acordos estables con estes cebadoiros, ofrecéndolles animais cun óptimo crecemento e que isto redunde tamén nuns maiores ingresos para a granxa. “Estamos a analizar cal é o mellor momento para a saída dos animais, tanto para o cebadoiro como para nós, e posiblemente sexa despois do destete. Fariámoslle ese labor ao cebadoiro”, engade. Os machos son encalostrados e aleitados cos mesmos protocolos que as femias, sen facer distincións nos coidados. “Traballamos con Xesga nun procedemento serio de desinfección dos boxes que nos obrigou a facer algún investimento en canóns de escuma e cada 3 días cámbianse todos os caldeiros, desinféctanse e quedan colgados do revés para que sequen. Procuramos ser metódicos pero cun sistema moi simple para que se faga e se cumpra”, indica. Pasteurizador para o calostro e o leite Dispoñen de pasteurizador e quentador de costro, que teñen sempre conxelado. “Cando nace unha cría lévase para o box e ponse o calostro a desconxelar para aplicarllo con sonda canto antes. Despois sóbese á nai para sacarlle o costro, que se analiza e se é de boa calidade pasteurízase e conxélase para ter reservas nese banco de calostro conxelado co que traballamos. Desta forma garantimos sempre a calidade do calostro que proporcionamos ás tenreiras”, detalla.
Dispoñen de costro conxelado que aplican con sonda (4 litros) ás tenreiras recén nacidas
Teñen tamén un taxi que pasteuriza o leite para ofrecerllo ás tenreiras á temperatura e condicións hixiénicas idóneas, así como lavalouzas para os biberóns unha vez realizada cada toma. Aos tres meses empezan a destetar. “Temos un procedemento bastante claro para todo o proceso de aleitado, identificando as tomas con cintas de cor verde (un biberón de 3 litros pola mañá e pola tarde), azul (un biberón de 4 litros pola mañá e pola tarde), de novo verde e finalmente amarelo (un biberón de 3 litros só pola mañá) previo xa ao destete”, detalla. Realizan o proceso completo de recría na propia granxa, para o que tiveron de reformar distintas naves, tanto antigos establos como almacéns e outras dependencias para acoller aos animais coa maior comodidade posible. “A recría require espazo”, afirma Manuel. Ese será o próximo obxectivo de Finca Cabreira.

Charlas en Lugo e Sarria sobre cuestións da nova PAC que afectan á campaña 2023

As Oficias Rurais de Lugo e Sarria-antigas Oficinas Agrarias Comarcais- teñen previsto levar a cabo as primeiras charlas sobre as cuestións da nova PAC que afectan á campaña 2023 en diferentes puntos da provincia de Lugo, entre o 21 de marzo e o 4 de abril. Do mesmo xeito, unha vez completadas prevese complementar estas actuacións con outras que terán lugar noutras localidades da zona centro de Lugo, e as cales “serán comunicadas con suficiente antelación”, informan desde o Servizo do Fogga en Lugo. Día, hora e lugar de celebración: Día 21 de marzo. 11.00 horas. Edificio Administrativo de Lugo. Día 24 de marzo. 11.00 horas. Casa de la Cultura de Sarria. Día 3 de abril. 11.30 horas. Dependencias do Concello de Triacastela. Día 4 de abril. 11.00 horas. Escola Antiga do Concello de Paradela. Serán impartidas polo Xefe do Servizo do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) en Lugo Jose Manuel Ferreiro Fente, en colaboración co persoal técnico das Oficinas Rurais, e servirán para achegar as novidades que afectan á declaración única da PAC.

A Xunta márcase como prioridade aumentar as prazas de formación profesional para o sector forestal

O Plan Conecta FP Galicia, impulsado pola Xunta de Galicia, establece como unha das súas prioridades o sector forestal e da madeira co reto de aumentar a matrícula dos preto de 2000 estudantes que actualmente cursan graos formativos desta familia. Así o puxeron de manifesto este luns os conselleiros de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e do Medio Rural, José González, e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Vieites, no primeiro encontro no marco deste plan, centrado no sector forestal-madeira e celebrado no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Politécnico de Santiago. Tratouse dunha xornada de análise e debate para intercambiar experiencias e afondar na importancia de conectar o mundo académico co empresarial que congrega arredor de 300 persoas entre representantes empresariais de firmas tan destacadas como Finsa, Losan, Santos Equipamiento de Interiores S.L., Viveiro Os Refoxos, Madeiras O Fragueiro, Asefor ou Focus Carpinteiros, entre outros, ademais de directores, dinamizadores e profesorado dos centros que ofertan ensinanzas de Formación Profesional na nosa Comunidade. Este encontro sectorial é o primeiro dos previstos dentro do Plan Conecta FP, unha iniciativa da Xunta de Galicia, dotada con 30,7M€, para crear nos dous próximos cursos 9.500 prazas para estudar Formación Profesional, así como para impulsar a avaliación e acreditación das competencias adquiridas pola experiencia laboral. No caso concreto do sector forestal-madeira, é un dos que ten experimentado un crecemento exponencial na FP nos últimos anos, pasando dos apenas 600 alumnos matriculados no curso 12/13 aos preto dos 2.000 actuais. Deles, 144 cursan proxecto de FP Dual, fronte aos 15 que o facían en 2014, para o que contan coa imprescindible colaboración de máis de 80 empresas.

Escoitar as necesidades dun sector estratéxico

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, explicou que, precisamente, as accións do Plan Conecta FP partirán da análise dos sectores produtivos a través de encontros como o que se celebrou onte. “Queremos escoitar as necesidades dun sector produtivo tan estratéxico para a nosa Comunidade como é o do sector forestal e da madeira, que supón ao redor do 1,6% do PIB da nosa Comunidade e que dá traballo directo a máis de 25.000 persoas, sen ter en conta os empregos indirectos”, sinalou o titular de Educación. “Desde a Xunta de Galicia cremos que o establecemento de sinerxías entre sector educativo e tecido empresarial son imprescindibles no escenario actual”, engadiu, destacando que “a FP galega é sinónimo de prestixio, confianza e utilidade, unha ferramenta útil para avanzar nun maior dinamismo, innovación e competitividade”. Estas ensinanzas, como explicou, “na última década teñen experimentado unha auténtica revolución silenciosa medrando tanto en prestixio como en confianza e que, ademais, rexistran unha inserción laboral por riba do 85%, superando o 97% no caso da FP Dual”.

Conectar recurso e produto

Pola súa banda o conselleiro do Medio Rural fixo fincapé na aposta da Xunta por conectar o recurso -a madeira- co produto, fundamentalmente a través do labor que realiza a Axencia Galega da Industria Forestal. Todo isto, engadiu, no marco de elementos esenciais de planificación como o Plan Forestal de Galicia “Cara á neutralidade carbónica”, así como o futuro Plan estratéxico da industrias forestal-madeira. Ademais, González definiu o forestal como un sector con presente e con futuro, ligado á bioeconomía e que precisa de persoal cualificado para atender a empresas tan importantes como as que existen en Galicia. Así mesmo, puxo en valor a “transcendencia para o noso rural” dun eido no que máis de 60.000 familias cortan anualmente madeira por importe de 300 millóns de euros. Por iso, cualificou o monte galego como unha “caixa de aforros” para a xente do rural. A maiores, o conselleiro salientou a coordinación entre os diferentes departamentos da Xunta en materia formativa, así como a colaboración público-privada neste campo. Definiu ambas como fundamentais para acertar diante do reto de facilitar unha formación que se axuste ás necesidades dunhas empresas forestais “moi potentes” e cuxo futuro pasa, en gran medida, pola vía da formación, remarcou.