Archives

Aprobadas axudas para forestación con piñeiros e frondosas en 1.600 hectáreas de monte

Case un cento de persoas e entidades beneficiáronse dos tres millóns de euros en axudas para a creación de superficies forestais, tal e como indica a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). Estas achegas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020. Esta partida contaba inicialmente cun orzamento dun millón de euros. Logo de recibir un amplo número de solicitudes que cumprían todos os requisitos necesarios para ser beneficiarias da axuda, a Xunta optou por levar a cabo unha ampliación de crédito de dous millóns de euros. Polo tanto, estas axudas contarán a partir de agora cun orzamento de 3 millóns de euros. Están destinadas á creación de superficies forestais formadas por coníferas de ata cinco especies diferentes, como o piñeiro do país ou o piñeiro silvestre, e ata 21 especies de frondosas, como o castiñeiro, o carballo ou o bidueiro. Nesta liña, as actuacións subvencionables inclúen os gastos de planificación forestal e de área de defensa contra incendios forestais. Entran aí os gastos necesarios para o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo, a adquisición de planta e os gastos de plantación propiamente dita e a área de defensa contra incendios, así como aquelas infraestruturas de acompañamento e obras complementarias. Así, noventa e nove persoas e entidades puideron beneficiarse destas achegas. Son maioritariamente comunidades de montes veciñais en man común, pero tamén as asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, proindivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas e as sociedades de fomento forestal. A partir deste 25 de xullo comezará o prazo para executar os traballos. Este prazo para xustificar e executar finalizará o 15 de marzo de 2024 para todos os beneficiarios excepto ás Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, que terán ata o 15 de abril de 2024. Enlace á resolución: - Listado de beneficiarios das axudas para a creación de superficies forestais

Convocadas as axudas para forestación con coníferas e frondosas

A Consellería do Medio Rural vén de convocar as axudas para forestación de terras non agrarias con coníferas e frondosas. Poderán acceder a estas axudas as superficies que estean identificadas no Sistema de Información Xeográfica (Sixpac) como forestal (Fo), pasto con arboredo (PA) ou pasto arbustivo (PR), sempre que o planeamento urbanístico permita a plantación das correspondentes parcelas.

As axudas oriéntanse tanto a particulares como a comunidades de montes, montes de varas e Sofor, entre outras entidades. Esíxese unha superficie mínima de plantación dunha hectárea en couto redondo, salvo no caso das Sofor, que poderán plantar superficies menores.

As parcelas a plantar deberán tamén cumprir co requisito de estar desarboradas durante os últimos 5 anos ou cunha superficie cuberta inferior ó 20% do total. Exceptúanse as zonas con rebrotes de eucalipto menores a 10 centímetros de diámetro ou que teñan acacia negra, mimosas ou robinias, que entrarán nas axudas.

Á hora de puntuar as solicitudes, daráselle prioridade ás parcelas que estean en zonas afectadas polo nematodo do piñeiro ou incluídas nunha masa de frondosas consolidada.

Os apoios cubrirán o 100% das actuacións, cun máximo de 1.853 euros por hectárea no caso das coníferas e de 2.398 euros por hectárea nas frondosas.

De frondosas, pode elixirse para a súa plantación entre unha vintena de especies, incluíndo todas as habituais (castiñeiro, cerdeira, carballo americano, carballo, nogueira, etc.). En canto ás coníferas, poderán plantarse algunhas das seguintes cinco: piñeiro do país, piñeiro insigne, piñeiro silvestre, piñeiro de Oregón ou piñeiro laricio.

(III) A presión do eucalipto sobre a superficie agrícola: 240.000 hectáreas plantadas desde a entrada na UE

Plantación de eucaliptos nunha antiga pradeira en Donalbai (Begonte) Hai pouca investigación sobre as dinámicas de uso do solo en Galicia e menos aínda que chegen até o día de hoxe", asegura Quico Ónega, profesor do Máster Universitario en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio da USC e membro do Laboratorio do Territorio (Laborate). Pero con independencia dos datos cuantitativos, unha realidade semella clara: xunto ao descenso da superficie agraria, o monte foi perdendo nas últimas décadas o seu uso como aproveitamento agrogandeiro e centrouse na produción forestal de madeira. Ese feito ten incidencia tamén sobre o cálculo da superficie agraria útil. "Teriamos que analizar a consideración do mato, que hoxe por simplificar consideramos superficie abandonada pero noutro tempo non era así. No 1987 comparado con hoxe pastoreábase máis monte, e ese mato era SAU, hoxe pastorease menos, pero habería que ver que vexetación hai nese mato e que uso se fai dela", exemplifica Quico.
Desde comezos da década dos 60 até os anos 80 fóronse deixando de aproveitar polo gando unhas 820.000 hectáreas de monte
O profesor Francisco Sineiro puña datos no ano 2006 a esa superficie agroforestal que se foi deixando de pacer e que pouco a pouco ou ben foi quedando en situación de abandono ou foi colonizada polas plantacións de piñeiros e eucaliptos ou invadida pola aparición espontánea desas e outras especies. "Desde comezos de 1960 até 1980 fóronse deixando de aproveitar polo gando unhas 820.000 hectáreas de monte", calculaba Sineiro. Decisións administrativas en favor do monte e en detrimento da superficie agraria As plantacións forestais de piñeiros e eucaliptos foron gañando inicialmente terreo no franquismo a medida que o gando ía deixando de aproveitar o monte e posteriormente, a partir da entrada na UE, coa acelerada desaparición de explotacións, que as fixo prescindir das súas terras Segundo datos do avance do cuarto Inventario Forestal Nacional, no ano 2011 había en Galicia 2.030.681 hectáreas de monte, das que 1.424.094 estarían arboradas (eucaliptos, frondosas, piñeiros, bosques de ribeira, etc). Se atendemos aos datos dos Inventarios Forestais anteriores, a superficie arborada teríase duplicado en Galicia desde o 1950 ao 1975 como consecuencia das campañas de reforestación do franquismo en montes tanto privados como abertais e comunais.
A escaseza de cota láctea establecida para Galicia en 1986 e a concesión de axudas para a forestación de terras agrarias a partir de 1992 tiveron consecuencias no proceso de perda de superficie agraria en Galicia
Foi quizais a primeira gran transformación da paisaxe galega como consecuencia do cambio de uso do solo. Pero as decisións gubernativas en favor do monte tiveron en máis ocasións claras repercusións sobre o descenso da superficie agrícola. A entrada do Estado español na Comunidade Económica Europea no ano 1986, o establecemento das cuotas lácteas que limitaron o crecemento e desenvolvemento do sector leiteiro galego ou a primeira gran reforma da Política Agraria Común a partir do ano 1992 e a concesión de axudas á forestación de terras agrarias derivadas do Regulamento europeo 2080/1992 tiveron tamén consecuencias no proceso de perda de superficie agraria en Galicia. 150.000 hectáreas plantadas en solos agrícolas nos últimos 30 anos Desde o final do franquismo, o incremento de 294.733 hectáreas de monte arborado experimentado no últimos 40 anos –os datos referidos a Galicia do primeiro Inventario Forestal Nacional (1.129.361 hectáreas) foron tomados no ano 1973 e os máis recentes, pertencentes ao cuarto Inventario Forestal Nacinal (1.424.094 hectáreas), son do 2010– non se tería producido todo a costa de plantar monte raso, como até entón, senón que unha parte dese incremento (unhas 150.000 hectáreas) serían consecuencia da forestación de terras con outros usos anteriores, maioritariamente agrícolas, mesmo con concesión de axudas públicas para estas plantacións nos anos 90. Da forestación realizada mediante plantacións, cando menos unha parte ten a súa orixe no réxime de axudas derivado do Regulamento 2080/92 CE, activo durante o período 1994-2001. Ana Isabel García Arias e Mar Pérez Fra estimaron no ano 2001 o efecto deste programa, a partir dos datos do Ministerio de Agricultura, en 46.157 ha forestadas entre os anos 1994 e 1998. "Probablemente a importancia do programa foi maior na medida en que serviu como exemplo a seguir por moitos propietarios privados que decidiron realizar plantacións pola súa conta, o que suporía que a superficie forestada sen axudas ocupou superficie agrícola en moita maior proporción que a que recibiu subvencións", afirma Eduardo Corbelle, do Laboratorio do Territorio. Polo tanto, engade, "a ocupación de terras agrícolas de boa calidade por plantacións forestais, e en xeral a competencia entre o uso agrícola ou gandeiro e o de produción de madeira, non semella ter sido unha consecuencia directa das políticas públicas de fomento da forestación, senón máis ben da iniciativa privada nun contexto de escasa regulación dos cambios de uso".
As axudas á forestación de terras outorgadas de 1994 a 2001 serían as responsables directas da plantación e desaparición de 50.000 hectáreas de superficie agraria
Desde 1986, ano de entrada do Estado español na CEE, a superficie gañada polas repoboacións forestais sería mesmo maior a 378.718 hectáreas, mentres nese mesmo periodo se terían perdido en Galicia perto de 200.000 hectáreas de uso agrícola. Máis de tres cuartas partes do incremento da superficie forestal arbolada en Galicia nas últimas tres décadas produciuse nas provincias de Lugo e de Ourense, onde a superficie plantada aumentou un 40 e un 30 por cento respectivamente entre o primeiro e o terceiro Inventario Forestal. Os eucaliptais foron sen dúbida os protagonistas deste cambio de uso na terra e no monte producidos en Galicia desde o último cuarto do século XX, multiplicándose por 6 a superficie destinada a esta especie na nosa comunidade, pasando das 27.639 hectáreas do IFN1, ás 46.494 do IFN2, ás 174.211 do IFN3 e ás 248.169 hectáreas do IFN4 (máis 39.814 hectáreas de repoboacións novas). Ademais destas masas monoespecíficas, o eucalipto aparece noutras 124.414 hectáreas mesturado co piñeiro do país (pinus pinaster) e comparte presenza co carballo en máis de 21.517 hectáreas. O maior avance do eucalipto teríase producido nas provincias da Coruña e Lugo, onde por exemplo se tería multiplicado por 18 a súa presenza, pasando de 4.000 a máis de 73.000 hectáreas na actualidade. Os piñeirais de piñeiros do país alcanzan a súa maior extensión en A Coruña, pero posúen maior representación en Pontevedra. Finalmente, máis de dous terzos dos piñeirais de piñeiro insigne concéntranse en Lugo e algo máis da cuarta parte en A Coruña. O piñeiro insigne (Pinus radiata) ocupa actualmente case 100 mil hectáreas, sendo a especie que máis se expandiu tras os eucaliptos durante o tránsito do pasado ao presente século. As masas forestais produtivas de eucaliptos e piñeiros ocupan en conxunto 690 mil hectáreas de extensión que representan case a metade do monte arborado galego, preto da terceira parte da superficie forestal de Galicia e case unha cuarta parte do total do territorio galego. Na actualidade, as plantacións de eucaliptos son xa as masas forestais arboradas máis abundantes en Galicia, constituíndose nos principais protagonistas da paisaxe forestal galega, ocupan unha extensión próxima a 300 mil hectáreas que representa máis do 20% do monte arborado galego, case 15% da superficie forestal total e o 10% do territorio galego.
A superficie arbolada galega de masas produtivas representa respecto ao total do Estado só o 3,9%. Sen embargo a produción anual da nosa comunidade equivale a máis do 50% da madeira cortada en España
Os piñeirais de piñeiro do país (Pinus pinaster), que foron os máis estendidos ata finais do século XX, son agora a segunda formación arborada máis abundante de Galicia, representando máis do 15% do monte arborado galego. Estes piñeiros galegos, que gañaron terreo moi rápido desde a segunda metade do século XX, fórono perdendo durante o último cuarto do século XX, para acabar cedendo ao eucalipto o seu protagonismo na paisaxe forestal galega do século XXI, segundo acreditan os datos rexistrados no IFN4. A porcentaxe de superficie forestal que ten Galicia respecto ao seu territorio (69%) é a mesma que teñen Finlandia e Suecia. O monte arbolado ocupa o 70% da superficie forestal galega, o que representa que case a metade do territorio galego está plantado. O monte desarbolado ocupa á súa vez unha quinta parte do territorio total da comunidade e representa case unha terceira parte da superficie forestal de Galicia. "Grande parte do monte desarbolado galego son montes veciñais en man común e preto da metade do monte desarbolado de Galicia atópase na provincia de Ourense", afirma a Consellaría do Medio Rural no documento elaborado no 2015 para a revisión do Plan Forestal de Galicia.

A Administración endureceu os cambios de uso pero segue sen haber control efectivo e actuacións de oficio

A normativa é hoxe moito máis estrita á hora de permitir os cambios de uso do solo rústico, aínda que en moitos casos eses impedimentos para converter terras agrarias en forestais só quedan no papel. A falta de vixiancia de oficio e de control de cumprimento da norma por parte da Administración levaron ao seu incumprimento sistemático até o de agora, mesmo con plantacións de terras que entraran en concentracións parcelarias. A Lei do Solo de Galicia (Lei 2/2016) establece dentro do solo rústico distintas categorías de protección, entre as que se atopan a agraria e a forestal. Dacordo coa norma, no solo rústico de especial protección agropecuaria (as fincas de concentracións parcelarias terían todas esta consideración) está absolutamente prohibida a plantación de especies forestais como piñeiros ou eucaliptos. Só se poderían plantar especies destinadas á produción de froito (castiñeiros, nogueiras) e no caso doutras frondosas (carballos, bidueiros) só se autorizaría despois de que a finca pase dous anos no Banco de Terras sen que nese prazo ninguén solicitase o seu arrendamento.
No solo rústico de especial protección agropecuaria está absolutamente prohibida a plantación de piñeiros e eucaliptos e para transformar chan forestal a agrario é preciso un informe de impacto ambiental
En canto aos solos de especial protección forestal, segundo a Lei de Montes de Galicia (Lei 7/2012) poderían reconvertirse a uso agrario previa comunicación a Medio Rural e informe de impacto ambiental da Consellería de Medio Ambiente superficies de até 15 hectáreas que estean a mato ou de menos de 5 no caso de estaren plantadas con piñeiros, eucaliptos ou frondosas de menos de 10 anos. Os Concellos teñen responsabilidade tamén no establecemento, vixiancia e mantemento dos solos agrarios. Son as entidades locais as que, a través do Plan Xeral de Ordenación Municipal ou do Plan Básico Municipal (no caso de concellos de menos de 5.000 habitantes), delimitan o solo rústico, aínda que a clasificación como agrario ou forestal depende da Xunta desde o 2016.

(II) A polarización no uso da terra en Galicia: intensificación nunhas zonas e abandono noutras

Obras de ampliación dunha explotación na parroquia de Álvare (A Pastoriza) unha das de maior produción de leite de Galicia A parroquia de Álvare, na Pastoriza, é un lugar especializado na produción de leite. Tanto que as dúas ducias de explotacións que hai na parroquia non deixan de medrar día a día e producen entre elas soas máis leite que moitas comunidades autónomas do Estado. Tamén rivalizan pola terra. En Álvare non queda un metro de terra sen labrar e os pés de eucalipto están en clara desvantaxe fronte aos de millo. Igual que acontece noutras zonas de Galicia, as explotacións precisan terra, pero hai pouca dispoñible. É unha situación que tamén se dá noutros concellos da Terra Chá e noutras comarcas de Galicia, como Xallas, Ordes ou o Deza, mentras en amplas zonas da nosa comunidade as leiras quedan baldías por non haber quen as traballe. É a cara e a cruz da moeda da evolución da superficie agraria en Galicia nas últimas décadas, unha disparidade que se segue a acrecentar. Quico Ónega, do Laboratorio do Territorio (Laborate) da Universidade de Santiago, indica que o que se produciu foi "unha regresión continua en termos agregados da SAU en Galicia con aguante nalgún concello vinculado a explotación leiteira e en menor medida nalgún outro con gandeiría de carne". Polarización da produción agrogandeira en Galicia "A evolución desigual da superficie agraria en todo Galicia nos últimos 30 anos é un factor relevante, porque se vai polarizando a explotación da terra", engade. "Perdese SAU e ese proceso non se freou aínda mentres a produción tende a concentrarse en zonas concretas. Malia que os concellos con máis produción leiteira foron quen de manter a súa superficie agraria e nalgún outro, como por exemplo en Cervantes e algún lugar puntual de Ourense, estanse dando procesos de recuperación paulatina con expansión da gandeiría de carne, hai outras zonas onde o descenso foi moito máis acusado", explica. "O periodo posterior á entrada de España na Comunidade Económica Europea foi un periodo moi dinámico no que as principais tendencias de cambio se distribuíron de xeito desigual polo territorio", afirmaban tamén Eduardo Corbelle e Rafael Crecente no artigo Urbanización, Forestación e Abandono. Cambios recentes na paisaxe de Galicia, 1985-2005, publicado no ano 2014 na Revista Galega de Economía.
O abandono vai por parroquias: a costa urbanizouse e forestouse, a montaña foi quedando a hermo e o centro de Galicia especializouse e intensificou a produción de leite
A análise feita neste traballo a nivel parroquial suxire unha tendencia á diferenciación e á especialización entre diferentes zonas: as áreas costeiras aparecen caracterizadas polo dominio da forestación e da urbanización, as áreas de montaña polo dominio das cubertas naturais, que aumentan como consecuencia da falta de actividade humana, "e distínguese claramente unha área intermedia na que a actividade agrícola e gandeira non só se mantén senón que, mesmo, se incrementa", aseguran. "O corolario é obvio e suxire que non é necesaria –nin probablemente desexable– a aplicación das mesmas políticas (de desenvolvemento rural pero tamén de ordenación do territorio ou de planeamento urbanístico) en todo o te-rritorio de Galicia", conclúen. Aumento da SAU en zonas leiteiras Os distintos expertos afirman que os concellos do núcleo duro da produción de leite en Galicia mantiveron ou mesmo aumentaron (pola vía de roturar fincas de monte) a superficie agraria nos últimos anos ao tempo que se perdía a pasos axigantados no resto do territorio. "A cabana gandeira concéntrase en cada vez menos concellos e hoxe o 80% das vacas de leite de Galicia concéntrase en 20 concellos, cando en Galicia hai 314", argumenta Quico. Corbelle e Crecente identificaban como “zonas de gandería moderna” estes lugares onde a terra mantivo o seu uso agrario predominante. "Esta é a verdadeira reserva agrícola de Galicia, pero aínda así nela tamén se incrementa a superficie ocupada por plantacións de arborado, polo que é plausible supoñer que estas últimas supuxeron unha forte competencia e, polo tanto, ata certo punto un obstáculo para a mobilidade e a reestruturación do sector agrícola e gandeiro", afirman.
A produción de leite de Galicia no ano 1995, con 70.000 explotacións, era de 1,5 millóns de toneladas. Hoxe as 7.400 que quedan en activo producen 2,7 millóns de toneladas.
A produción de leite en Galicia non deixou de medrar malia a desaparición acelerada de explotacións (no ano 1995, con 70.000 explotacións, a nosa comunidade producía 1,5 millóns de toneladas; hoxe as 7.400 que quedan en activo producen 2,7 millóns de toneladas) e trala desaparición das cotas lácteas no ano 2015 mesmo se disparou, cun incremento do 12% en tres anos. Con todo, esta produción está concentrada cada vez máis nun menor número de zonas do territorio. Os 20 concellos maiores produtores de leite en Galicia (por esta orde: Mazaricos, A Pastoriza, Lalín, Castro de Rei, Santa Comba, Frades, Sarria, Arzúa, Cospeito, Chantada, Pol, Guntín, Mesía, Trazo, Rodeiro, Lugo, Silleda, Taboada, Guitiriz e Tordoia) suman 1'3 millóns de toneladas, practicamente a metade da produción de leite de Galicia. Trala desaparición das cotas lácteas estes 20 concellos aumentaron un 25% a súa produción de leite, o dobre que o conxunto de Galicia. Intensificación e dependencia  Produción de millo nunha explotación da comarca de Sarria "A produción de leite foise comprimindo nunha zona cada vez menor do territorio e hoxe en 220.000 hectáreas de SAU, que equivalen ao 8% do territorio galego, está o 40% da produción de leite de España", evidencia o profesor de Estrutura Económica da USC e impulsor do Banco de Terras Edelmiro López, que identificaba xa na súa tese doutoral no ano 1995 esta tendencia á concentración produtiva e as dificultades existentes para a mobilidade da terra na nosa comunidade. As explotacións de leite galegas dispoñen dun promedio dunhas 20 hectáreas de superficie agraria, a metade das que manexa de media unha granxa leiteira no resto de Europa. E esa imposibilidade de incrementar a superficie agraria en paralelo ao número de cabezas de gando levou á intensificación do sector leiteiro galego acentuando a súa dependencia de factores externos como os incrementos de prezos dos cereais a nivel internacional. "As explotacións tiveron que aumentar a súa escala de produción porque a marxe por unidade, é dicir, por vaca e por litro de leite, foise facendo menor. Isto lévate a unha inercia na que te vas especializando no traballo gandeiro e relegando o traballo agrario. Ese modelo funciona ben cando tes garantidos os insumos necesarios, como o penso ou as forraxes, a prezos baixos e estables pero é problemático en momentos de subas ou desaxustes", asegura Edelmiro.
A produción de leite foise comprimindo nunha zona cada vez menor do territorio e hoxe en 220.000 hectáreas de SAU, que equivalen ao 8% do territorio galego, está o 40% da produción de leite de España
Hoxe prodúcese máis leite por granxa en Galicia debido ao incremento do seu tamaño e á mellora da eficiencia produtiva pero con menos superficie (350.000 hectáreas no ano 1989 fronte ás 220.000 do ano 2016) o que fai que a dependencia de concentrados ou da adquisición de forraxes ou outros elementos da ración aumente. "Só unha quinta parte da superficie en Galicia está destinada a cultivos e pastos cando en Europa é o dobre", indica. Por iso considera que un dos obxectivos que debería perseguir a nova Lei de mobilidade de terras que está a elaborar a Xunta ten que ser o de "aumentar as producións de bens agrarios nos que somos deficitarios e que agora compramos fóra", tanto destinados a alimentación humana (cereais e produtos hortofrutícolas) como a alimentación do gando (cereais e forraxes), de maneira que sexa posible "substituir alimentos para o gando que agora temos que importar por alimentos producidos na propia explotación", o que xeraría, di, un dobre beneficio: "aforro económico ás gandeirías e aforro de diñeiro público en apagar lumes no verán", conclúe.

Case un terzo das terras das explotacións que pechan non se incorpora ás que continúan en activo

Á fragmentación da propiedade (que fai que sexa pouco rendible traballar moitas fincas polo seu pequeno tamaño e a súa dispersión) engádese a escasa mobilidade de terras en Galicia, o que dificulta o crecemento e redimensionamento das explotacións que continúan en activo ao impedir o incremento parello das cabezas de gando e da superficie agraria útil da que dispoñen. Edelmiro López advertía xa desta situación no ano 2000 nun estudo titulado O sector agrario galego ás portas do século XXI: balance das súas transformacións recentes, publicado na Revista Galega de Economía, no que analizaba o período 1986-2000: "Da análise da transferencia das terras liberadas por esas unidades desaparecidas ás que continúan en activo os datos suxiren que se mantiveron en esencia as pautas observadas nas décadas precedentes, é dicir que a maior parte desas terras non foron vendidas nin cedidas en arrendamento a outros agricultores, senón que quedaron desmovilizadas para a produción agraria". Esta situación non variou substancialmente e continúa dándose a día de hoxe en niveis importantes. Da pouca transferencia de terras que se produce na nosa comunidade actualmente dá testemuño un dato que aporta o profesor Francisco Sineiro, segundo o cal un 29% das terras que tiñan as explotacións leiteiras que pecharon en Galicia na última década non se incorporaron ás explotacións que continuaron en activo. Analizando os datos da Enquisa sobre a estrutura das explotacións agrícolas, que publica o INE, dos anos 2007 e 2016, a superficie utilizada polas explotacións leiteiras tería descendido desde 303.000 hectáreas a 215.000. "Serían 88.000 hectáreas menos destinadas á produción de leite en 10 anos", evidencia Sineiro, que pon de manifesto que "non se trata tan só de dispoñibilidade, senón tamén de tamaño das parcelas, porque ás veces aínda que haxa fincas dispoñibles non se poden incorporar se están lonxe ou se son pequenas", razoa.
A terra foi o gran factor limitante para as explotacións no pasado e aínda o será máis no futuro dadas as novas limitacións ambientais fixadas pola UE e os novos condicionantes para acceder ás axudas da PAC
Esta falta de superficie aproveitable é un freo á mellora da produtividade das explotacións e mesmo supón un risco para a súa viabilidade futura. "A terra foi o gran factor limitante para as explotacións no pasado e aínda o será máis no futuro dadas as novas limitacións ambientais fixadas pola UE e os novos condicionantes para acceder ás axudas da PAC", asegura. A resistencia de moitos propietarios a vender ou ceder o uso dos seus terreos é un problema de ideosincrasia de Galicia que cómpre cambiar e que se pode estimular mediante medidas fiscais e facendo cumprir a lexislación sobre usos da terra. "O mercado de terras non se amaña por si só, fan falla políticas públicas", defende Sineiro, que engade que "a responsabilidade de manter os usos agrarios da terra é tanto da Xunta como dos Concellos a través dos Plans Xerais de Ordenación Municipal". "En moitos sitios vemos como se fixeron urbanizacións ou polígonos industriais en terras agrarias de alto valor, mesmo foron feitas infraestruturas deste tipo en fincas que entraran en concentracións parcelarias", indica.

(I) A onde foron parar máis de 150.000 hectáreas de terras produtivas en Galicia nas últimas décadas?

Vista do concello do Páramo, con concentracións parcelarias pendentes desde fai décadas Canta superficie agraria hai en Galicia? Como foi a súa evolución nos últimos anos? Cantas terras produtivas se foron perdendo a medida que ían desaparecendo as explotacións que as mantiñan? En que situación se atopan esas fincas? Cantas delas cambiaron de uso e pasaron a ser monte? En total, canta superficie abandonada hai hoxe en Galicia? Canta desa superficie podería ter usos agrarios? Que habería que facer para recuperala e que se fixo mal até o de agora? Son preguntas ás que trataremos de dar resposta nos vindeiros días nunha serie de artigos nos que, coa axuda de expertos, analizamos cal é a situación actual de partida á que se enfronta a nova Lei de Recuperación e Posta en Valor de Terras Agrarias que ultima a Xunta e que, segundo avanza a Consellería de Medio Rural, aínda que sen concretar datas concretas nin prazos para a súa aprobación, está a piques de iniciar a súa tramitación parlamentaria. Esta é a radiografía do uso da terra en Galicia, os seus déficits e as súas posibilidades. A nosa comunidade perdeu nos últimos 30 anos máis de 150.000 hectáreas produtivas, un 20% da súa superficie agraria útil, e ten neste momento preto de 900.000 hectáreas a mato, unha parte delas cunha moi boa aptitude produtiva, cando paradoxicamente moitas das explotacións que seguen en activo teñen precisamente na escaseza de terra dispoñible un dos principais freos á súa actividade.
A superficie agrícola utilizada actualmente en Galicia estaría algo por baixo das 700.000 hectáreas, o que representa menos dunha cuarta parte do territorio total da comunidade
Co 6% do total da superficie rústica do Estado, Galicia concentra o 28% do número total de fincas existentes en España. A nosa comunidade ten 11 millóns de parcelas rústicas pertencentes a 1,6 millóns de propietarios, o que quere dicir que dous de cada tres galegos posúen cando menos unha finca rústica, que cada propietario na nosa comunidade conta de media con 6,6 parcelas e que a parcela media non chega aos 2.500 metros cadrados de superficie. A persistencia destes graves déficits estruturais (escasa superficie útil por explotación e reducido tamaño das parcelas) limita o crecemento do sector agrario galego. Se ben se ten producido nas últimas décadas unha restruturación do sector como consecuencia da desaparición de dúas de cada tres explotacións nos últimos 30 anos, a situación da terra non mudou substancialmente (máis alá do incremento producido na superficie por explotación, motivado en grande medida polo efecto estatístico da notable redución no número de explotacións) e as reticencias tradicionais a figuras como o alugueiro ou as dificultades para a mobilidade da terra, moitas delas de carácter cultural ou motivadas por unha lexislación laxa, fan que unha parte das hectáreas das explotacións que pechan non se transfiran ás que seguen en activo, pasando a situación de abandono ou á forestación. Falta de datos fiables actualizados No caso das explotacións máis profesionalizadas ou que reciben fondos da PAC existen datos fiables e actualizados vencellados ás declaracións obrigatorias necesarias para ter dereito a estas axudas e ferramentas como o Sistema de Información Xeográfica de Identificación de Parcelas Agrícolas (SIGPAC) aportan datos sobre os usos nas distintas parcelas. O problema xorde á hora de contabilizar a totalidade da superficie agraria. "Temos dificultades para poñerlle datos reais a canta superficie agraria útil hai en Galicia. Parece mentira pero a día de hoxe temos datos aproximados, pero fidedignos non hai", asegura Quico Ónega, do Laboratorio do Territorio (Laborate) da Universidade de Santiago. Concorda con esta apreciación o seu compañeiro Eduardo Corbelle: "é difícil dar estimacións moi precisas respecto da superficie ocupada por un determinado uso ou cuberta. A razón ten que ver con diferencias metodolóxicas, de escala ou de criterio entre as fontes existentes. Na miña opinión, as cifras que todos manexamos a día de hoxe deberían tomarse con certa prudencia, porque pode haber variacións de varios miles ou decenas de miles de hectáreas facilmente atribuíbles a estas diferenzas metodolóxicas", afirma.
"Temos dificultades para poñerlle datos reais a canta superficie agraria útil hai en Galicia. Parece mentira pero a día de hoxe temos datos aproximados, pero fidedignos non hai", asegura Quico Ónega
Unha das bases de datos máis empregadas, e que permite facer unha evolución histórica das últimas décadas, é a Enquisa sobre a estrutura das explotacións agrícolas, que publica o INE. Sen embargo, ao tratarse dunha enquisa está baseada nas respostas emitidas por agricultores e gandeiros, sen que exista comprobación exhaustiva da veracidade das respostas. "Enquísanse as explotacións en sentido amplo, igual que nos censos agrarios que publica o IGE, pero son fontes declarativas nas que a fiabilidade non é absoluta", indica Quico. O problema para facer comparanzas históricas son tamén os cambios metodolóxicos feitos tanto na Enquisa de Estrutura coma no Censo Agrario ao longo dos anos, o que provoca variacións estatísticas nos resultados obtidos. Para salvar a subxectividade das respostas das distintas enquisas no Laborate traballan con fontes alternativas de tipo cartográfico. "O problema é que as metodoloxías para mapeos de coberturas vexetais en España e Europa non son de todo precisas porque utilizan como unidade mínima a hectárea, e nunha hectárea en Galicia pode haber moitos usos", evidencia Quico. Cal é a superficie agraria total de Galicia? Se botamos man da última Enquisa sobre a estrutura das explotacións agrícolas publicada polo INE, con datos do 2016, a SAU en Galicia situaríase en 621.643 hectáreas, aínda que para Quico este dato declarativo estaría varios miles de hectáreas por debaixo da realidade, algo que constataría a análise comparativa con ferramentas cartográficas. En calquera caso, a superficie agrícola utilizada actualmente en Galicia achegaríase a algo menos de 700.000 hectáreas, segundo as magnitudes que manexan no Laboratorio do Territorio. Esta é unha estimación derivada da análise do Sistema de Información da Ocupación do Solo de España (SIOSE) na súa edición máis recente, de 2014. "No momento actual, probablemente esta sexa a mellor fonte para realizar a estimación", afirma Eduardo.
O 40% da superficie de Galicia sería apta para o cultivo do millo pero só a metade tería unha aptitude boa ou moi boa para cultivos esixentes coma este, segundo a caracterización produtiva dos solos de Galicia realizada por Díaz-Fierros en 1984
A superficie agraria útil representa aínda non unha cuarta parte a superficie total de Galicia, a metade que na UE, onde en numerosos países a superficie agraria chega a supoñer en moitos casos o 50% do territorio. "O feito de que a SAU actual ocupe menos dun terzo da superficie total de Galicia ten relación coa capacidade produtiva dos nosos solos, que tende a ser menor do que normalmente pensamos", asegura este experto. Pon como exemplo o Mapa de Capacidade Produtiva dos Solos de Galicia, publicado por F. Díaz-Fierros e F. Gil en 1984, e que segue a ser unha referencia na actualidade e que suxire que só o 40% da superficie de Galicia sería apta para o cultivo de millo. "E dese 40% só a metade tería unha aptitude boa ou moi boa para ese cultivo", matiza Eduardo. A aptitude produtiva do solo O rendemento que as explotacións galegas obteñen da terra dispoñible é elevado, mesmo por enriba da aptitude produtiva do chan. A falta de superficie fai que moitas gandeirías intensivas sementen a millo, por exemplo, fincas con pendentes elevadas, nas que existe risco de perda de solo por arrastre, ou nas que o éxito do cultivo e o rendemento final por hectárea está sometido en moitos casos a condicionantes climatolóxicos, con colleitas escasas en anos secos. A falta de terra fai tamén que se repita o cultivo ano tras ano nas mesmas fincas, obrigando a unhas maiores necesidades de fertilización polo desgaste do solo. É algo que se constata nas declaracións para o cobro de axudas da PAC. Segundo os datos aportados por Eurostat no 2010, o 60% da SAU estaría sometida en Galicia a reximes produtivos de alta intensidade, e o restante 40% da superficie repartiríase a partes iguais entre media e baixa intensidade produtiva.
Os terreos con pendente inferior a 12% son de vocación e uso agrícola preferente e máis dun millón de hectáreas en Galicia atoparíanse por baixo dese nivel, a partir do cal hai maior risco de erosión 
Máis da metade do territorio galego atópase por enriba dos 400 metros de altitude e o 63% da Superficie Agraria Útil da nosa comunidade estaría clasificada como zona desfavorecida, segundo os criterios aplicados polo MAGRAMA para o establecemento do Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020. A pendente media do territorio galego é case do 20%, limiar de pendente crítica que segundo os expertos sinala o inicio do arrastre do solo, en función das súas características, tendo en conta que o inicio da erosión do terreo adoita comezar a partir do 12% de pendente, dependendo do tipo de solo. Os terreos con pendente inferior a 12% son, pois, de vocación e uso agrícola preferente e máis dun millón de hectáreas en Galicia atoparíanse por baixo do nivel de pendente do 10%.

O periodo de maior perda de SAU deuse de 1985 a 2005

Se botamos man dos datos oficiais do Ministerio de Agricultura, os correspondentes coa Enquisa sobre a estrutura das explotacións agrícolas realizada polo INE, nos últimos 30 anos Galicia tería perdido un total de 88.643 hectáreas de superficie agraria, o que equivalería ao 12,5% da SAU existente en 1987. Sen embargo, a maioría de expertos consultados consideran que esta cifra queda moi curta e que a perda de terra de uso agrícola neste periodo sería moi superior, con cifras que dobrarían as das estatísticas oficiais. "A Enquisa de estrutura das explotacións minusvalora a perda de SAU producida en Galicia", afirma Quico Ónega. Concorda con el Eduardo Corbelle: "os censos agrarios non son unha fonte fiable para a estimación de superficies nin no relativo ás cantidades totais nin no tocante ás tendencias que seguen. O censo do ano 1989 estimaba un total de 657.038 ha de superficie agrícola (suma de terras labradas e terras para pastos permanentes), mentres que os datos publicados correspondentes ao censo do ano 2009 estimaban un total de 647.599 ha. Trátase dunha variación neta moi reducida (o 1,4% da superficie agrícola do ano 1989) comparada coa obtida da análise cartográfica dos mapas de uso do solo (o 15,7% da superficie agrícola no período 1985-2005)".
Da comparanza dos Mapas de cultivos e aproveitamentos publicados polo Ministerio de Agricultura, a perda de SAU no periodo de 1985 a 2015 sería de entre 160.000 e 185.000 hectáreas
Aínda coas variacións estatísticas que poida haber en función das fontes utilizadas, o que semella claro é que en Galicia produciuse nas últimas décadas unha perda de superficie agraria que foi constante. Con todo, o periodo de maior regresión da SAU coincide co periodo posterior á entrada na Comunidade Económica Europea e o establecemento das cotas lácteas. "O período posterior á entrada de España na CEE significou para Galicia a continuación e afondamento da transformación da paisaxe que comezara en décadas anteriores. A característica que resume este período é fundamentalmente a expansión da superficie arborada e a diminución da superficie dedicada ao uso agrícola ou gandeiro" afirmaban Eduardo Corbelle e Rafael Crecente no artigo Urbanización, Forestación e Abandono. Cambios recentes na paisaxe de Galicia, 1985-2005, publicado no ano 2014 na Revista Galega de Economía, e que, da comparanza dos Mapas de cultivos e aproveitamentos publicados polo Ministerio de Agricultura, estimaba en 145.000 hectáreas a superficie agraria útil perdida nas dúas décadas posteriores á entrada na CEE. Non existen datos posteriores acadados por este mesmo sistema da comparanza de mapas de usos da terra, pero Eduardo indica que "sabemos que a superficie agraria continuou baixando nestes últimos anos e que entre os anos 2005 e 2014 probablemente se perdeu entre o 2 e o 5% da SAU existente en 2005". Iso suporía a perda de entre 15.000 e 40.000 hectáreas a maiores das perdidas no periodo anterior, polo que o descenso total acumulado desde 1985 a 2015 sería de entre 160.000 e 185.000 hectáreas. Urbanización, forestación e abandono A perda de SAU en Galicia nas últimas décadas débese a tres factores: a urbanización de terras agrícolas, a forestación e o abandono. O traballo de comparanza dos Mapas de cultivos e aproveitamentos publicados polo Ministerio de Agricultura de Eduardo Corbelle e Rafa Crecente chega á conclusión de que de 1985 a 2005 aumentaron a superficie urbanizada e a de arborado e diminuíu a ocupada pola agricultura e a gandería, á vez que grandes áreas do territorio ficaron abandonadas. "En todo caso, a área total que deixou de ser obxecto de aproveitamento agrícola ou gandeiro parece terse repartido practicamente a partes iguais entre a que foi abandonada (e que foi cuberta polo mato ou polas formacións de frondosas como parte dun proceso de revexetación espontánea) e a que mudou de uso como consecuencia dunha decisión deliberada dos seus propietarios (que a reforestaron para producir madeira, ou que decidiron construír nela)", indican.
A caída da SAU repártese a partes iguais entre as terras que foron forestadas e urbanizadas e as que foron abandonadas por ausencia de actividade
"O arborado foi, en termos absolutos, o tipo de cuberta do solo que máis aumentou durante os vinte anos analizados. En conxunto, a superficie clasificada como arborado nos Mapas de cultivos e aproveitamentos pasou de 985.000 ha no ano 1985 a 1.254.297 ha no 2005, estimacións coherentes cos resultados do Inventario Forestal Nacional (IFN): o IFN2 estimaba 1.045.376 ha de monte arborado e de monte arborado ralo no ano 1993, e o IFN3 en 1.405.452 ha no ano 2002", detallan. En base ao mapeo do territorio realizado durante o período estudado (1985-2005) aseguran que "coexistiu a revexetación espontánea e a forestación de terras agrícolas de moi boa calidade (37.700 ha e 39.600 ha, respectivamente)". A comparanza das fontes cartográficas de usos do solo revelaría os seguintes datos para esas dúas décadas: forestación de áreas de mato e de superficie agrícola (235.000 e 158.000 ha, respectivamente), paso a mato de áreas de arborado produtor de madeira (131.000 ha), decrúa de áreas de mato para uso agrícola ou gandeiro (130.000 ha) e abandono a mato de áreas de uso agrícola anterior (106.000 ha).
Unhas 30.000 hectáreas da mellor superficie agrícola perdéronse para sempre como consecuencia de procesos de expansión urbanística e construción de infraestruturas
"Hai unha parte moi importante de superficie agraria perdida nas últimas décadas non por abandono senón por expansión urbanística, construción de infraestruturas ou industrializada, que estaría perdida para sempre ou cando menos a medio ou longo prazo, trátase en moitos casos da mellor terra produtiva de Galicia e que xa é pouco recuperable", asegura Quico. "En total, aproximadamente 103.100 ha de terra agrícola de boa calidade foron ocupadas por outros usos, das cales 26.800 ha fórono dun xeito irreversible ao ser ocupadas por cubertas de tipo artificial", cuantifica o estudo de Eduardo Corbelle e Rafa Crecente. A comparación con datos da capacidade produtiva do solo revela que a urbanización e o mantemento do uso agrícola ou gandeiro tiveron lugar principalmente nas terras de maior calidade produtiva, mentres que a forestación se concentrou en terras de calidade intermedia e o abandono afectou ás de peores características. "A análise de correspondencias entre os cambios de uso e a clase de solo na que tiveron lugar suxire que tanto a superficie que se mantivo con uso agrícola como a que era agrícola e foi ocupada por edicificacións ou cubertas artificiais aparecen asociadas aos solos de mellor calidade. As áreas de expansión do uso agrícola (arrotea de áreas de mato, frondosas ou arborado produtor de madeira) aparecen asociadas a solos de calidade intermedia, ao igual que a forestación de terras agrícolas. O avance de áreas de mato e frondosas aparece ligado a solos de peor calidade e con risco de erosión, e nestes solos tamén se concentran as plantacións de arborado que substituíron ás frondosas e ao mato", detallan.

Axudas para a forestación con piñeiros e frondosas caducifolias

A Consellería do Medio Rural vén de convocar axudas para a forestación de terras non agrarias con coníferas e frondosas caducifolias. Os apoios diríxense a subvencionar a plantación en terreos desarborados, nos que non existisen árbores durante os últimos 5 anos e cunha fracción de cabida cuberta inferior ó 20%. Este ano, como novidade, tamén se permitirá o cambio de uso de parcelas que teñan rebrotes de eucalipto. A convocatoria das axudas establece que se permitirá forestar con coníferas ou frondosas aqueles terreos ocupados por eucalipto cun diámetro inferior a 10 centímetros. Desde xeito, fomentarase o cambio de uso en parcelas de eucaliptos cortadas recentemente ou que fosen afectadas por incendios forestais e polo posterior rebrote da especie. Do mesmo xeito, a Xunta tamén permitirá sustituír as superficies ocupadas por especies invasoras como a acacia negra, a mimosa ou a falsa acacia (‘Robinia pseudoacacia’) por plantacións de coníferas ou frondosas. En coníferas, apóianse 5 especies (piñeiro do país, insigne, silvestre, negro ou piñeiro de Oregón), en tanto en frondosas, fronte ás dez especies da convocatoria anterior, agora permítense un total de 21, cun máximo de tres especies simultáneas na mesma parcela. As superficies mínimas de actuación serán de 1 hectárea en couto redondo no caso de propietarios particulares e de 3 hectáreas no caso das comunidades de montes veciñais. Este ano modifícase a superficie que se lle esixe ás sociedades de fomento forestal (Sofor) e ás agrupacións de propietarios, que terán que cumprir cun mínimo dunha hectárea nun máximo de 3 coutos redondos. As actuacións que poderán ser obxecto de subvención son os gastos de plantación forestal e de área de defensa contra incendios forestais, que incluirán os necesarios para o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo, adquisición de planta, así como os de plantación propiamente dita e a zona de defensa fronte o lume. Tamén, as infraestruturas de acompañamento e obras complementarias. A Xunta destina un total de 8 millóns de euros para esta liña de axudas no 2020 e no 2021.

Axudas para o coidado das plantacións forestais subvencionadas

A Consellería do Medio Rural destina un total de 1,8 millóns de euros durante os tres próximos anos para financiar o coidado das plantacións forestais subvencionadas no marco do actual Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020. Estas achegas, que serán de 600.000 euros anuais no 2020, 2021 e 2022, aportaranlle ó propietario un total de 320 euros por hectárea no caso de coníferas e 400 euros por hectárea no caso de plantacións de frondosas caducifolias.

Os beneficiarios serán únicamente aqueles propietarios forestais que se beneficiaran de axudas para forestación de terras non agrarias nos anos 2016, 2017 e 2018, sempre que soliciten as achegas previstas nesta orde.

Estas primas teñen como finalidade contribuír ao coidado, mantemento e demais traballos forestais posteriores á plantación, financiando actuacións como a reposición de marras e as rozas do mato, entre outros.

O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles.

Produtivismo e abandono, as dúas caras da evolución do monte en Galicia

Como cambiou o monte galego no último medio século? Dous investigadores da Universidade de Santiago, Eduardo Corbelle e José María Tubío, ambos da Escola Politécnica Superior de Lugo, analizaron a evolución do arborado na comunidade desde o ano 1966 ata o 2009, tomando os datos dos sucesivos inventarios forestais. As conclusións do seu traballo revelan un aumento da superficie arborada dun 45%, así coma unha especialización de parte do territorio na produción de madeira, en tanto o resto do monte galego quedou cunha escasa xestión e aproveitamento económico. En Galicia, igual que sucedeu na maior parte dos países industrializados, produciuse unha expansión do arborado ao longo do século XX, poñendo fin á deforestación característica de séculos anteriores. Esa evolución, coñecida co nome de ‘transición forestal’, queda clara nas cifras dos sucesivos inventarios forestais. No 1966, Galicia tiña 974.000 hectáreas arboradas, en tanto no último inventario realizado, no 2009, o dato de arborado era de 1.416.000 hectáreas, un 45% máis. Especializacións produtivas comarcais O proceso de aumento das masas forestais desenvolveuse en Galicia dun xeito desigual e por distintos motivos. A análise realizada por Eduardo Corbelle e José María Tubío identifica tres grandes grupos de municipios. Cada grupo amosa unha evolución distinta da superficie arborada e, sobre todo, da súa composición. O Grupo 1 (en branco no mapa), aglutina principalmente a concellos do Eixo Atlántico nos que as coníferas representan a maior parte do terreo arborado. Esa superficie de piñeiros, que era do 48% nestes municipios no 1966, descendeu ata un 22% da superficie total no 2009, pero os piñeiros continuaban sendo entón a principal especie. Existía tamén nesa data outro 10% da superficie de masas mesturadas de coníferas e eucaliptos, e un 9% de eucaliptos. O grupo no que maior foi a variación do arborado é o Grupo 3 (en escuro no mapa), que concentra principalmente a concellos da Mariña lucense e do entorno da factoría de Ence en Pontevedra. Se no 1966, as coníferas representaban tamén a súa principal especie, esa situación xa cambiara no 2009, cun 38% da superficie total plantada con eucalipto, que se convertiu na masa dominante. En ámbolos grupos de municipios, a superficie de frondosas é residual, non superando o 6%. Os concellos do interior galego, englobados no Grupo 2, amosan en cambio unha evolución moi diferente. A situación no 1966 amosa unha coexistencia das masas de coníferas (14% da superficie total) e das frondosas caducifolias (8% da superficie total), pero co paso do tempo esa situación decantouse a favor das frondosas caducifolias, ata ocupar o 20% da superficie total no 2009. A presenza de eucaliptos continuaba a ser moi reducida no 2009 nestes municipios, non superando o 3% da superficie total. Evolución de poboación e explotacións agrarias O estudo dos investigadores da USC, publicado recentemente nunha revista científica, analizou factores a ter en conta que se desenvolveron en paralelo ós cambios no monte. Se se valora a poboación presente en cada grupo de concellos, vese que os concellos dos grupos 1 e 3 (Eixo Atlántico e costa norte) aumentaron a poboación, en tanto os do grupo 2 (interior galego) reduciron o seu censo. Na evolución das explotacións agrarias, non se apreciaron diferenzas significativas na súa evolución nos tres grupos. Demanda madeireira de Ence A transición forestal experimentada en Galicia explícase por diversos factores. Nas áreas litorais, as demandas da industria madeireira, que precisaba unha maior produción, semellan ter sido o principal motor de cambio. De acordo con isto, as masas forestais do Eixo Atlántico e da costa norte están dominadas polas especies de maior demanda pola industria, eucalipto e piñeiro.
As demandas da industria, en especial de Ence, o maior abandono do interior e as políticas agrarias europeas son algúns dos factores que explican a evolución do monte
Os autores destacan que existe unha clara correspondencia espacial e temporal entre as necesidades da industria papeleira e a evolución das masas. Esta situación é observable nas proximidades das dúas factorías de Ence, a de Pontevedra, e a do occidente asturiano, en Navia, que se abastece das plantacións da Mariña lucense. Interior galego Fronte ás demandas de madeira nas zonas costeiras, aptas para o eucalipto, a situación do interior galego é ben diferente. A explicación da evolución do monte nas comarcas do interior hai que buscala nun desenvolvemento económico asociado ó abandono das actividades agrarias e a procesos de revexetación espontánea, con masas de nova aparición compostas sobre todo por frondosas caducifolias (carballos, rebolos, bidueiros, etc.), con escaso uso industrial. Políticas europeas Outro factor a ter en conta en todo o territorio galego é o das políticas de Estado, asociadas ás políticas europeas de reestruturación do sector agrario. A súa influencia é claramente apreciable no periodo 1989-1999, tras a entrada de España na UE e coincidindo coa aplicación do sistema de cotas lácteas. Políticas coma as limitacións produtivas, os apoios ó cese anticipado da actividade agraria ou as axudas para reforestar terras agrarias liberaron terras que contribuíron a potenciar a reforestación en toda a comunidade. En todo o periodo 1966-2009, a década dos noventa é con claridade na que maior aumento da superficie forestal se produce. Só nesa década, o arborado aumentou en 300.000 hectáreas, a un ritmo de 30.000 hectáreas ano.

Cambios na estrutura agraria e especialización produtiva en leite e madeira

Arredor dos anos 60, a maior parte da superficie de Galicia estaba sendo utilizada de xeito máis ou menos intensivo pola actividade agraria. Iso incluía ás terras de monte, que se empregaban para pastoreo do gando e para produción da materia orgánica para estrume. A expansión do arborado está, por tanto, moi ligada a cambios sociais e tecnolóxicos que reduciron a superficie usada polas explotacións e o número das mesmas. O monte pasou de xogar un papel na fertilidade dos cultivos a outro principal de provisión de madeira para uso industrial, sobre todo nas áreas costeiras de Galicia, en tanto no interior o crecemento do monte debeuse máis a procesos de revexetación espontánea, consecuencia da perda de actividade agraria e poboación. En definitiva, a transición forestal en Galicia vai asociada á transformación agraria. Desde os anos 60, Galicia especializouse en dúas producións no contexto estatal, leite e madeira, producindo o 38% do leite do conxunto de España (polo 18% de 1960) e copando máis da metade da madeira cortada cada ano no país.
-- Artigo completo en: E. Corbelle Rico e J. M. Tubío Sánchez. Productivismo y abandono: dos caras de la transición forestal en Galicia (España), 1966-2009. Bosque 39 (3):457-467.

Axudas para primeira forestación de terras con piñeiros ou frondosas

A Consellería de Medio Rural vén de convocar a tradicional liña de apoios para a forestación de terras non agrarias con piñeiros ou frondosas (castiñeiros, bidueiros, sobreiras, etc.). Poden presentar solicitudes para esta convocatoria tanto propietarios forestais particulares, que deberán ter un mínimo dunha hectárea en couto redondo, coma comunidades de montes veciñais e Sofor, que deberán ter 3 hectáreas. No caso das comunidades de montes esíxese tamén que estean en couto redondo.

Medio Rural destina un total de sete millóns de euros nas anualidades 2017-2018 para estas actuacións. Nos dous últimos anos, o número de beneficiarios destas axudas ascendeu a 259
e as hectáreas forestadas sumaron un total de 5.507 en toda Galicia.

Os apoios previstos financian todas as actuacións derivadas dos traballos de plantación, desde a preparación previa do terreo ou a adquisición de plant ata as labores de plantación propiamente dita. Ademais, fináncianse as infraestruturas de acompañamento e obras complementarias.

Como novidades, este ano auméntase a superficie máxima subvencionable, que pasa de 50 a 150 hectáreas en comunidades de montes, e de 15 a 150 hectáreas en Sofor.

O prazo de execución das axudas prolongarase ata o 15 de outubro do 2019.

Clasificación da superficie
As terras a forestar non puideron estar arboradas nos últimos 10 anos e teñen que estar no Sigpac coa consideración de forestal, pasto con arboredo ou pasto arbustivo.

“Con esta máquina o terreo forestal ou agrícola queda planchado”

A empresa de servizos Transformacións Agrícolas e Forestales Fidel, do concello lucense de Friol, ven de comprar unha trituradora da marca Seppi especial para terreos forestais e para triturar pedras. A adquisición deste equipo, unha fresadora de martelos do modelo STARSOIL , realizárona hai tres meses a Seppi Península Ibérica, o concesionario oficial, para España e Portugal, e que está situado na localidade coruñesa de Ordes. Segundo Jesús Amil, terceira xeración desta empresa agrogandeira e forestal, “estamos moi contentos coa compra, porque permítenos ofrecerlle un mellor servizo aos nosos clientes, cunha máquina máis eficiente e que presenta melloras técnicas respecto ás da competencia”. Así, e través visitar outros fabricantes de desbrozadoras de martelo, un dos factores que lles inclinou a balanza a favor de Seppi foi que “é unha empresa que leva tempo no mercado, as pezas de reposto son fáciles de conseguir e máis asequibles que outras marcas e son os únicos que realizan un equilibrado da máquina económico e rápido”. En canto ás prestacións, a STARSOIL de Seppi permítelles traballar cun ancho de 2,5 metros roendo cepas de árbores ata unha profundidade de 40 centímetros, ademais de triturar pedras. “Hai xente que nos contrata para anovar as pradeiras, porque moe as pedras dunha soa pasada, evitando ter que sacalas ou picalas. Nos terreos forestais roe as cepas das árbores en profundidade, e con dúas pasadas o terreo queda perfectamente liso. Nós traballamos con menos demanda de forza para o tractor, menos consumo de gasóleo e cun resultado mellor para o cliente”, explica Jesús Amil. O peso desta desbrozadora de martelos é de 4,6 toneladas, que require un tractor cunha potencia de máis de 250 cavalos.

Pequenos detalles que os levaron a mercar a desbrozadora de Seppi

Ademais, Jesús explica que, tras comparar distintas desbrozadoras de martelos existentes no mercado, “houbo unha suma de pequenos detalles, pero que son importantes, que nos levaron a comprar a de Seppi”. Entre eles destaca: -Garantía de que o rotor nunca se vai desequilibrar. -Cabeceiras dos martelos: -O agarre das puntas dos martelos vai reforzado tamén polos lados, evitando que o desgaste da punta de carburo metálico ou vidria tamén afecte ao enganche. -Fácil extracción dos martelos para o seu cambio, grazas ao sistema de parafusos. “Nesta máquina se perdes unha punta ou tes que cambiala non afecta ao soporte, co que podes incluso seguir traballando e cambialo máis tarde porque non se desequilibra a máquina”, destaca. -Ampla separación entre o rotor e a punta dos martelos e entre estes e a cuberta metálica. “Así, se ven moito material, cae polo medio sen problema, mentres que noutras fresadoras está todo máis xunto e iso provoca que haxa máis demanda de potencia para o tractor cando se tritura moita rama e terra”, engade Jesús Amil. O sistema de transmisión -mediante piñóns- desta fresadora refrixérase mediante dous ventiladores. -Mando na cabina que ofrece unha completa información: A máquina de Seppi leva incorporado un sistema de información en cabina, onde o tractorista obtén información completa sobre a temperatura do aceite, o estado da ventilación, se o ritmo de traballo é eficiente. Ademais, se se está disparando a potencia corta a toma de forza. -A porta de peche conta con moitos retenedores, fáciles de cambiar e de substituír. -A máquina sempre está alineada coa toma de forza do tractor. “Desta forma pódese levantar todo o que queiras porque a toma de forza queda de fronte e ben aliñada, sen medo a que bata nas crucetas, como pasa nas outras máquinas”, explica Jesús Amil.

Unha empresa familiar que tamén se dedica ao vacún de carne

Transformacións Agrícolas e Forestales Fidel é unha empresa familiar do concello de Friol na que traballan a tempo completo 4 persoas, máis entre 2 e 3 que se contratan durante os meses de máis traballo. No sector forestal realizan todo tipo de traballos, dende a preparación do terreo ata a plantación. Así, fan desbroces, ripado, descepado, movemento de terras, apertura de pistas e camiños, rebaixes, podas, plantacións e, por suposto, desbroce en profundidade. Traballan en toda Galicia e tamén en León e Zamora. Ademais, esta empresa ofrece todo tipo de servizos agrícolas, dende laboreo das fincas, sementeiras e recollida de forraxes. Como curiosidade contan dende hai 12 anos con cisterna de xurro con inxector de tubos colgantes, adiantándose ao decreto de xurros. “E imos mercar tamén o sistema de tubos con inxector de zapata para enterrar o xurro nos prados”, avanza Jesús. As persoas interesadas en contactar con eles pódeno facer a través dos teléfonos 677 30 8901 ou ao 678 048683 Sen embargo, as orixes desta empresa familiar están no sector gandeiro. Así, comezaron como gandeiros de vacún de leite e hai uns anos que se cambiaron a gando de carne. Hoxe contan cun rabaño de 140 cabezas, principalmente da raza Blonda, e manexan unha base territorial de algo máis de 50 hectáreas. Un exemplo dunha empresa agrogandeira diversificada que aposta polo investimento para seguir mellorando a súa rendibilidade.
Anterior
Siguiente

Características técnicas da STARSOIL de Seppi:

A fresa STARSOIL de Seppi  é moi versátil, adaptada para tractores con clase de potencia comprendida entre 150 e 260 CV está equipada cun novo sistema de tracción que simplifica o traballo garantindo unha maior eficiencia: fresa o terreo ata unha profundidade de 40 cm, moe a pedra con Ø min. 30 cm e madeira con Ø 40 cm. A especialidade da STARSOIL é a caixa de cambios a 2 velocidades (a denominada versión 2SPEED). Pode intervir no sistema do rotor cunha panca e cambiar de apr. 1000 xiros/min (velocidade de corte rápido para cortar madeira) a 540 xiros/min (agarre lento para fresar e triturar as pedras), mantendo a toma de forza do tractor a 1000 xiros/min. Unha novidade son os engranaxes de eixes paralelos cun sistema de refrixeración integrado. A función de arrefriamento pódese activar desde a cabina do tractor por medio dun dispositivo de control e a temperatura pode ser controlada constantemente, o que permite de eliminar os riscos de sobrequentamento da transmisión en no caso de traballo ininterrompido con pedras e terra. A construción con materiais anti-desgaste e o rotor patentado coa combinación das ferramentas e os soporte con placas de carburo de tungsteno e en aceiros especiais, garanten unha alta resistencia o desgaste, mesmo onde as condicións de traballo sexan particularmente difíciles. O grao de trituración pódese axustar a través a barra e a parrilla. A STARSOIL tamén pode equiparse co innovador sistema de aliñación do cardan ADAM para un axuste perfecto o terreo. Esta nivelación homocinética protexe o cardan asi como a absorción do tractor das tensións innecesarias causadas polo terreo irregular. Para un acabado homoxéneo do terreo traballado, a STARSOIL pode ser dotada con un rodillo compactador ou unha coitela niveladora, ambos con nivelación hidroneumática. As anchuras de traballo dispoñible son: 175, 200, 225, 250 cm. MODELO BASE: -Rompe pedras ata 30 cm Ø -Tritura madeira ata 40 cm Ø -Traballo en profundidade ata 40 cm e máis, segundo as condicións de traballo -Rotor: martelos fixos reforzados con placas de metal duro "DUO PROTECT" + "MONO EXTREM"; con soporte martelos anti-desgaste -Velocidade de traballo 0,5 a 2 km/h -Enganche de 3 puntos de 3ª cat. central fixo posterior -Multiplicador 1000 rpm -Toma de forza: 1 3/4" Z=20 -Transmisión dobre con limitador de par integrado -Transmisión de engrenaxes paralelo con arrefriamento integrado -Capó regulable hidraulicamente -Chasis anti-desgaste intercambiable -Patíns de profundidade estreitos -Protección con cadeas dobres OPCIONAIS: -Cardán -Auto-aliñación do cardán ADAMTM para maior maniobrabilidade da máquina -Rodete hidráulico compactador para control de profundidade de traballo. Pódese utilizar tamén como baixador de ramas -Coitela niveladora regulable, incluído manómetro e o acumulador -Patíns para desprazamento do material

10 pasos clave para recuperar os ecosistemas forestais queimados

A destrución da cuberta vexetal e a acumulación sobre a superficie do chan de cinzas, que conteñen unha gran cantidade de nutrientes procedentes da combustión desta vexetación e tamén da materia orgánica do solo constitúe o efecto máis visible dos incendios. É moi importante protexer esta capa de cinzas cargada de nutrientes, porque estes van ser a base da fertilidade do chan para a rexeneración das plantas. No chan, ademais da perda de materia orgánica, obsérvanse outros danos tales como a morte de moitos microorganismos e animais (micro- e meso-fauna), que realizan procesos fundamentais relacionados co crecemento e o desenvolvemento das plantas, e a perda da estrutura, relacionada con importantes propiedades físicas (porosidade, aireación, infiltración, etc.), que leva a dispersión das partículas que forman as unidades estruturais (agregados), que poden obturar os poros do chan, impedindo así a infiltración da auga no chan e obrigándoa a discorrer pola superficie do solo (escorrentía). Por tanto, se o solo está disgregado e espido, é dicir, sen a cuberta vexetal, non está protexido fronte ao impacto da choiva e poderá sufrir procesos erosivos, con perda de nutrientes, e tamén de sementes, por arrastre da capa de cinzas e da capa superficial do chan que contén o banco de sementes do chan. Os materiais arrastrados por escorrentía e a auga infiltrada ou de escorrentía que flúe desde as zonas queimadas pode provocar desequilibrios nos ecosistemas terrestres e acuáticos que reciben os materiais (ríos, lagos, encoros, dunas, praias, rías, fondos mariños, etc.) e numerosos problemas: recheo de cunetas, lagos, encoros, etc., contaminación das augas superficiais e das capas freáticas subterráneas, fontes de auga potable, etc., a eutrofización ou o aumento da temperatura das augas fluviais provocando o crecemento anormal de algas e outras plantas acuáticas e a morte de peces e outros organismos por anoxia ou alteración do seu hábitat, dilución da salinidade da auga do mar na proximidade da costa, o que provoca a morte de numerosos bivalvos que se desenvolven nas praias ou en parques marisqueiros, perturbación física e ecolóxica de zonas protexidas (dunas e demais zonas da rede natura), etc., como ocorreu no ano 2006.
É moi importante protexer a capa de cinzas porque vai ser a base para rexenerar o solo
Os efectos dos incendios dependen do tipo de lume, da súa duración e severidade (baixa, media ou alta en función das temperaturas alcanzadas), e das condicións climáticas e topográficas da superficie afectada. Os incendios máis daniños son os de alta severidade (cinzas branco-grisáceas) en zonas con elevada pendente, precipitacións intensas e/ou próximas a ríos/regatos ou captacións de auga para o abastecemento.

Tarefas a realizar tras un incendio forestal

As tarefas de xestión forestal tras o incendio desenvólvense cuns obxectivos e unha secuencia temporal ben definidos, normalmente relacionados entre si, distinguíndose entre accións inmediatas, a curto, medio e longo prazo (Figura 2). Son actividades dirixidas a avaliar a necesidade de tomar ou non medidas urxentes para evitar a erosión e degradación do chan, o que é esencial para a recuperación do ecosistema afectado. Estas medidas evitarán a perda de chan, e a contaminación de hábitats acuáticos (augas superficiais e subterráneas, ríos, mar ..). Trátase de medidas de emerxencia nos 3 primeiros meses pero poden prolongarse ata un ano, nese caso pasan a considerarse accións a curto prazo. Contexto temporal das actividades de mitigación de impactos do incendio e restauración posterior:  A recuperación da maior parte das propiedades dos chans afectados por incendios pode tardar, en casos favorables, entre 1 e 5 anos e, nas condicións máis desfavorables (chans situados en zonas con moita pendente e/ou con destrución total da materia orgánica), a restauración da vexetación pode mesmo non chegar a producirse nunca debido á perda total do chan e afloramento da rocha. Faise necesario, por tanto, adoptar, inmediatamente ou a curto prazo despois do incendio, medidas de protección do ecosistema queimado, para evitar a erosión post-incendio e conservar o chan en condicións idóneas para que se produza a revexetación natural ou a implantación dunha nova vexetación. A avaliación de danos permitiranos priorizar as zonas de intervención, pero como a maioría dos incendios ocorren na época estival, sempre é necesario aplicar prácticas de manexo do chan que permitan o crecemento da vexetación canto antes, antes de que caian as primeiras choivas do outono e acentúense os procesos de erosión.

Primeiras actuacións

Estas primeiras medidas han de orientarse cara á rexeneración rápida da cuberta vexetal, a fixación da capa de cinzas e a retención de nutrientes, a mellora da estrutura do chan e a rexeneración dos microorganismos do chan. Con este obxectivo, poden utilizarse as seguintes técnicas de recuperación de solos queimados: 1) Implantación temporal dunha cuberta vexetal herbácea, sementando a bato, sen ningunha preparación do terreo, unha mestura de leguminosas e gramíneas (en maior proporción), acompañada ou non da adición de residuos orgánicos (galiñaza, xurro, etc.), que desenvolven rapidamente a súa parte aérea e as súas raíces, fixando así a capa de cinzas e os nutrientes nos órganos das plantas, favorecendo a formación da estrutura do chan e a rexeneración dos microorganismos e da súa actividade biolóxica, e diminuíndo a acción erosiva do vento e, sobre todo, da choiva, cuxo impacto é freado pola parte aérea das plantas; ademais, esta vexetación herbácea, que non se corta, desenvólvese e, ao secarse, os seus restos incorpóranse de novo ao chan, aumentando a reserva de nutrientes do mesmo; 2) A inoculación de microorganismos (cianobacterias, Rhizobium e micorrizas), que promoven o desenvolvemento da vexetación ao proporcionar nutrientes e protexen o chan por formación de costras microbianas na súa superficie; 3) O acolchado de palla ou doutros materiais (cortiza e acha de eucalipto), a distribución de obstáculos tales como troncos de árbores, ramas e restos de poda na superficie do chan, que frean a escorrentía e o arrastre de materiais en chans moi susceptibles á erosión (incendios de alta severidade, forte pendente e abundantes precipitacións). En todos estes casos procurarase evitar ou reducir ao mínimo toda perturbación do terreo afectado polos incendios (tránsito de maquinaria, eliminación do chan, etc.). Os resultados de experiencias en invernadoiro demostraron que as técnicas máis adecuadas para a súa aplicación no campo eran a sementeira de herbáceas e o acolchado de palla. En consecuencia, nos últimos anos realizáronse diversas experiencias en condicións de campo co obxectivo de estudar a eficacia destas dúas técnicas contra a erosión e os seus efectos sobre a calidade do chan, utilizando as doses recomendadas. De acordo cos resultados obtidos (impactos, eficacia, relación custo/beneficio) recoméndase a implantación do acolchado de palla como medida de mitigación da erosión post-incendio na xestión de ecosistemas forestais queimados.

Actuacións a medio e longo prazo

As accións a medio prazo, que se coñecen como tratamentos de rehabilitación, desenvólvense normalmente entre 1 e 3 anos despois do incendio, centrándose basicamente en mitigar os danos producidos nos sistemas afectados e acelerar a súa recuperación. Estas accións inclúen basicamente actividades tales como axudas á rexeneración natural post-incendio das masas queimadas, por exemplo tratamentos de clareo ou eliminación de competencia da matogueira, novas plantacións, recuperación de bosques autóctonos e formacións ripícolas, reparación de infraestruturas, etc. Por último, as accións de restauración post-incendio acométense nun prazo superior a 3 anos, e teñen como obxectivo unha verdadeira restauración ecolóxica (sistema adoito-planta), no sentido de recuperar a integridade do ecosistema ou, polo menos, os seus aspectos máis relevantes en termos de composición, estrutura e funcionamento, tendo en conta tamén a súa autorexeneración e sustentabilidade, incluíndo nesta última a xestión forestal asociada.

Revexetación de áreas queimadas

Respecto da terceira fase, a revexetación das áreas queimadas, tanto no caso da matogueira como da vexetación arbórea, pode producirse de forma natural, debido a que as plantas teñen mecanismos e estratexias para rexenerarse por si mesmas, aínda que o proceso pode ser lento e deixar o solo espido durante moito tempo. Porén, na maioría dos casos de vexetación arbórea, haberá que recorrer a unha reforestación ou a unha repoboación, é dicir, efectuar novas plantacións, dependendo das características da zona, do tipo do ecosistema queimado e dos danos sufridos polo mesmo. Dado que é imposible modificar as condicións climáticas, para que a plantación teña éxito é necesario actuar sobre as propiedades do chan susceptibles de ser melloradas, sobre as técnicas de manexo, utilizando técnicas de xestión conservadoras que perturben o menos posible as capas orgánicas do chan, e sobre a planta, elixindo o xenotipo ou a especie que mellor se adapte ás condicións do medio (solo e clima), que sexa competitiva e teña boa produtividade. En canto ás especies a plantar, non hai que esquecer que cada especie vexetal ten o seu hábitat (condicións climáticas, profundidade de chan, etc.) e as súas esixencias nutricionais (auga e nutrientes). Hai especies frugais e outras máis esixentes, e hai especies plásticas que se adaptan a calquera medio. Por conseguinte, para rendibilizar o monte e producir árbores de calidade, hai que garantir á especie que se plante que terá á súa disposición as condicións necesarias para o seu desenvolvemento e non é un tema menor o espesor ou profundidade do chan. Pero tamén é importante saber que calquera especie vexetal autóctona, calquera especie forestal, é preferible ao solo espido. Por iso, o futuro do monte pasa por protexer o chan contra a erosión e logo seleccionar a especie vexetal máis adecuada para a reforestación en cada zona. En calquera caso, sempre que sexa posible, a restauración do monte afectado por incendios forestais debe tender á rexeneración do bosque, o sistema natural máis evolucionado, co seu tres estratos, herbáceo, arbustivo e arbóreo, para garantir a súa estabilidade.

Conclusións: 10 pasos crave para recuperar solos queimados

En resumo, para realizar a restauración dos ecosistemas forestais afectados por incendios hai que ter en conta os seguintes principios: 1) o futuro do monte depende de que se protexa o chan contra a erosión; 2) se non hai chan non pode rexenerarse a vexetación: sobre as rocas non crece a vexetación; 3) a conservación do chan afectado polos incendios e a recuperación das propiedades deste, dependen estreitamente do proceso de revexetación, é dicir, da rexeneración da cuberta vexetal, e para iso é necesario evitar primeiro as perdas de chan e nutrientes; 4) como primeiras medidas para evitar a erosión post-incendio, en áreas susceptibles á mesma, recoméndase o acolchado de palla; 5) o proceso de restauración ha de iniciarse inmediatamente ou pouco tempo despois do incendio para evitar que coas primeiras choivas despois da queima iníciense o lavado de nutrientes da capa de cinzas e/ou os procesos de erosión; 6) é importante e urxente reter nos órganos das plantas, mediante a implantación rápida dunha vexetación, que loxicamente ha de ser herbácea, os nutrientes acumulados na capa de cinzas para evitar a perda dos mesmos; 7) sempre que sexa posible, a restauración do monte afectado por incendios forestais debe tender á rexeneración do bosque, o sistema natural máis evolucionado, co seu tres estratos, herbáceo, arbustivo e arbóreo, para garantir a súa estabilidade, utilizando especies preferentemente autóctonas que se adapten ás características do medio físico; 8) para ter árbores de calidade hai que garantir á especie que se plante os recursos e condicións que necesitan para o seu desenvolvemento (tipo de chan e profundidade do mesmo e clima); 9) necesítanse protocolos de actuación para a restauración dos sistemas forestais queimados (sistema adoito-planta), que son específicos para cada zona climática e que deben ser executados polos xestores forestais; e 10) se non se protexe o chan, se non se conserva, se se perde, a desertización en zonas de Galicia non será unha probabilidade senón unha dramática realidade.

A importancia do solo forestal

Os montes están constituídos polo chan, a vexetación (arbórea, arbustiva e herbácea) e a fauna, cuxo conxunto se denomina ecosistema forestal. Galicia ten vocación forestal porque aproximadamente o 66 % da súa superficie está cuberta por estes ecosistemas, da cal un 60 % está ocupada por bosques e un 40 % por matogueiras. Os montes son fonte de riqueza, porque proporcionan bens indispensables para a nosa supervivencia e a nosa economía (osíxeno, enerxía, madeira, fibras, resinas, alimentos, plantas medicinais, caza e cría de gañado mostrenco, turismo baseado na marabillosa paisaxe dos nosos montes, etc.), cumpren importantes funcións ecolóxicas entre elas o mantemento da biodiversidade (ofrecen multitude de hábitats distintos nos que se atopan unha gran variedade de especies vexetais e animais), a regulación do clima, das augas superficiais e profundas e a conservación do chan e da atmosfera; por outra banda, son lugares de esparexemento e contribúen a crear a beleza da paisaxe galega. Por todas estas razóns é necesario protexelos, conservalos e revalorizalos e para iso é necesario mellorar a súa produtividade, non só en cantidade senón sobre todo na calidade da nosa madeira, fibras e subprodutos. E para mellorar a produtividade do monte hai que conservar e mellorar a calidade do chan. O chan e a vexetación son dous recursos naturais interdependentes. O chan non é un sistema inerte senón que é unha formación viva e dinámica constituída por compostos minerais (area, limo e arxila) e orgánicos (materia orgánica, que é unha mestura de restos vexetais e animais e os produtos da súa descomposición, sustancias húmicas e organismos vivos, meso- e micro-fauna e microorganismos, que, xunto coas encimas, son os responsables dos innumerables procesos biolóxicos que se están producindo continuamente no chan e, por tanto, son responsables do seu funcionamento). O chan non é só o soporte físico da vexetación senón tamén o almacén dos nutrientes e da auga que necesitan as plantas para crecer e desenvolverse. Pero á súa vez, o chan depende dos restos vexetais que caen ao chan porque son a materia prima da materia orgánica, compoñente fundamental do chan, especialmente en Galicia; ademais, a vexetación forma unha cuberta que protexe o chan do impacto directo da choiva e coa súa armazón de raíces fixa o chan, impedindo que a choiva ou o vento arrastren as partículas da superficie do chan e deterióreno (proceso de erosión). Os incendios son un dos principais factores responsables da degradación e perda de chan Por outra banda, é necesario subliñar que a vexetación é un recurso renovable, sempre que exista chan, mentres que o chan é un recurso non renovable a escala temporal humana porque se se perde o chan e queda a roca ao descuberto, un chan tardaría miles de anos en formarse ou nunca se formaría e produciríase a desertización. Por tanto é necesario protexelo e impedir que se deteriore. Un dos principais factores responsables da degradación e perda de chan desde hai moitos anos son os incendios forestais xa que producen danos directos ou indirectos, que afectan a todos os compoñentes do medio ambiente: atmosfera, vexetación, chans, fauna e augas, destrúen grandes superficies de bosque e matogueira, afectando negativamente á nosa riqueza ecolóxica e económica e á nosa paisaxe, o que ten repercusións graves que afectan a toda a sociedade galega. Cando se produce un incendio tanto o chan como a vexetación resultan afectados e é necesario restauralos co fin de preservar a biodiversidade, protexer o medio ambiente (chan, auga e atmosfera) e garantir as necesidades actuais e futuras en materias primas, auga, enerxía e alimentos. Nos últimos 42 anos rexistráronse en Galicia 250,000 incendios forestais, que afectaron a 1.711.000 ha (86% da súa superficie forestal). No ano 2006, nunha onda de incendios ocorrida no mes de agosto, arderon en Pontevedra, en 12 días, ao redor de 40.000 ha, unhas 18.500 ha en montes veciñais, das cales o 67% eran arboredos, ocasionando enormes danos ecolóxicos e económicos (así mesmo, nunha pequena conca de Pontevedra recolléronse 34.000 t de sedimentos dos cales un 10% chegou ao mar). No ano 2017 a vaga de incendios desencadeada o pasado mes de outubro en Galicia e Portugal polas condicións asociadas ao paso do furacán Ophelia supuxo un gran custo en vidas humanas ademais de enormes danos materiais, creando unha situación de gran alarma social en todos os sectores da sociedade galega (nun día queimáronse en Galicia máis de 1.300 ha de bosque).

Autoras do artigo:

Montserrat Díaz Raviña, Ángela Martín Jiménez, Serafín J. González Prieto e Tarsy Carballas Fernández Departamento de Bioquímica do Solo, Instituto de Investigacións Agrobiológicas de Galicia (IIAG-CSIC), Apartado 122. Avda. Vigo s/n, 15780 Santiago de Compostela, Spain
 

O 14% das granxas que abandonan a actividade quere forestar as terras

O 18% das ganderías de leite de Galicia ten entre os seus plans aumentar a base territorial para a produción de forraxes, se ben a falta de terras nas comarcas con máis explotacións e os usos alternativos da superficie agraria, como o forestal, dificultan ese propósito. Entre as granxas que teñen intención de abandonar a actividade, algo máis da metade, o 56%, manifesta que quere arrendarlle ou cederlle as terras a granxas en activo, pero un 14% decántase pola súa forestación, segundo un estudo coelaborado polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo. A forestación de terras agrarias con eucaliptos ou piñeiros está prohibida en Galicia, se ben si hai posibilidades de plantación de frondosas caducifolias en determinadas condicións. Desde o sector agrario, calcúlase que en Galicia forestáronse nos últimos anos máis de 30.000 hectáreas agrarias con eucalipto dun xeito irregular. O incumprimento da normativa sobre forestación de superficie agrícola, unha queixa recurrente dos gandeiros, xera unha competencia directa co uso agrario da terra que continúa sen resolver. As propias granxas galegas que queren abandonar a actividade recoñecen nun 14% dos casos que a forestación é o destino máis probable para as súas terras. Esa situación dáse tamén en Asturias, cun 23% de ganderías con ese propósito, pero contrasta cos casos do País Vasco (0%), Navarra (0%) ou Cantabria (3,9%). Previsións de abandono En Galicia, un 30% das ganderías de leite manifestaba nos anos 2013-2014 a súa previsión de cesar a actividade. Ese escenario dábase principalmente entre as ganderías de menor dimensión, pois entre as máis dimensionadas, con máis de 175.000 quilos de produción, arredor do 90% tiña vocación de continuidade. Galicia é a comunidade do norte de España onde máis granxas tiñan previsto abandonar. Se en Galicia eran o 30%, en Asturias a porcentaxe situábase no 3,5%, en Navarra e o País Vasco era tamén inferior ó 10%, en tanto en Cantabria estaba no 18%. Esa maior incidencia do abandono en Galicia atribúese á maior porcentaxe de granxas de escasa dimensión. Desde que se fixo o estudo (2013-14) ata mediados do 2016, cando o estudo se rematou e publicou, un 14% de granxas da Cornisa Cantábrica abandonou a actividade. Alternativas e actividades complementarias De entre as explotacións que tiñan previsto abandonar, hai arredor dun 37% en Galicia que se plantean a produción de vacún de carne como actividade alternativa. Tamén o 2,8% das ganderías nesa situación barallaba a horta como posibilidade. No resto da Cornisa Cantábrica, as alternativas que se presentan á produción láctea son o vacún de carne en Cantabria (36%) e o ovino en Navarra (14%). Nas explotacións que tiñan previsto continuar a actividade, parte das granxas galegas manifestaban interese en diversificar o seu traballo en cuestións como a horta (9%), a produción de queixos (14%) ou o vacún de carne (9%).

De que se queixa o agro ante o Valedor do Pobo?

O Valedor do Pobo recolleu nos últimos dous anos un cento de denuncias relativas ó sector agrario e forestal. As queixas ante o Valedor revelan algúns dos focos de conflictividade que existen no rural. A cuestión estrela nos últimos dous anos nas reclamacións do sector agrario refírese a problemas ligados ó ámbito forestal. A maioría das denuncias apuntan a incumprimentos das distancias do arborado a núcleos de poboación ou trasladan casos de forestación ilegal de terras agrarias. A normativa autonómica obriga a manter sen piñeiros e eucaliptos os 30 metros do monte limítrofes con vivendas, solo de núcleo rural ou urbán, en tanto que os primeiros 50 metros deben estar rozados antes do 30 de xuño de cada ano.
En caso de edificacións sen licenza municipal, o propietario do terreo forestal terá dereito a indemnización pola corta de árbores
A este respecto, o Valedor lembra que a Lei de Prevención de Incendios engade un matiz importante a ter en conta. En caso de construcións sen licenza municipal, o propietario dos terreos forestais terá dereito a indemnizacións por perdas e lucro cesante a cargo do propietario do terreo edificado. Sinálase tamén que nese caso, é obriga do propietario do terreo edificado a roza do espazo perimetral a súa construción, debendo permitírselle servidume de paso para executar eses traballos. A retirada das árbores, en cambio, corresponderá ó propietario das mesmas. Concentracións parcelarias Outro dos asuntos que motivan reclamacións frecuentes desde o rural son as concentracións parcelarias. O Valedor do Pobo recoñece que hai unha lentitude nos procesos e ten urxido no pasado á Xunta a axilizar a execución dos traballos. En calquera caso, o organismo confía agora en que a Lei 4/2015 de Mellora da Estrutura Agraria de Galicia contribúa a reducir o problema. O Valedor lembra casos como o da parcelaria de Biduído – Bugallido, en Ames (A Coruña), iniciada no 1991 e que estaba aínda sen rematar a finais do 2015. A relación de problemas que se lle trasladan ó Valedor complétase con cuestións como os danos da fauna salvaxe no agro, as débedas de montes veciñais coa Administración ou problemas derivados do retraso ou denegación de axudas agrarias.

Que se pode aprender do tráxico incendio de Portugal?

“Ata a década dos 80, na zona de Pedragao Grande había moita xente a explotar pequenas parcelas agrícolas, bastante gando e producíase un certo control da paisaxe. A medida que as persoas foron saíndo, desapareceu o gando e o monte rematou por cubrir todo, de xeito artificial ou natural, porque chega con non facer nada no terreo para que se encha de mato”. Así fala da zona cero do incendio de Portugal Antonio Louro, presidente do Forum Florestal, unha federación de propietarios forestais do país veciño. O problema do abandono acrecéntase polo progresivo despoboamento do territorio. “Hai nesa rexión concellos en que máis do 75% da terra pertence a persoas que non viven no seu territorio e que, por tanto, non fan xestión directa das súas propiedades”, valora Louro en declaracións ó xornal portugués Público.
"A concatenación de feitos levou a que o inferno aparecera en Portugal. Outros infernos potenciais están por vir" (Francisco Martín, meteorólogo)
O escenario descrito non é moi distinto do que se vive en parte de Galicia. Falamos con enxeñeiros de montes, colectivos de propietarios forestais e persoal dos servizos de extinción para valorar se unha catástrofe da dimensión da portuguesa sería posible en Galicia. Que se pode aprender do ocorrido en Portugal?

1) Factores meteorolóxicos extremos

“Os ingredientes para un lume amplio e descontrolado estaban presentes o 17 de xuño pola tarde: seca e ausencia de precipitación nos días anteriores, moi altas temperaturas, moi baixa humidade, bosque e mato en ambiente seco, tormentas secas amplas e xeneralizadas, con lóstregos incendiarios e ventos intensos descontrolados orixinados por ditas tormentas”, resume o meteorólogo Francisco Martín León. “A concatenación de feitos levou a que o inferno aparecera nunha rexión concreta de Portugal o 17 de xuño. Outros potenciais infernos están por vir, se non se está atento na súa loita, xa que os ingredientes potenciais seguen aí”, conclúe o meteorólogo.
"En circunstancias como as de Portugal, o lume é como unha riada que leva todo por diante" (Alejandro Rodríguez, persoal dos servizos de extinción)
Pode desencadearse un 'inferno' de lume en Galicia? Galicia non está libre de escenarios similares ó vivido en Portugal. “Se se chegan a combinar eses factores de altas temperaturas, vento e ambiente seco, non é fácil pero é posible que en Galicia vivamos lumes de alto risco” -valora Alejandro Rodríguez, persoal dos servizos de extinción e integrante de Comisións Obreiras-. “En circunstancias semellantes ás vividas en Portugal, o lume é como unha riada que leva todo por diante e non se pode parar, por moito que en Galicia esteamos mellor organizados que en Portugal”, sinala. Un dos factores que explican o inferno que se viviu en Portugal, con lume que avanzaba en tódalas direccións, radica nos ventos descontrolados orixinados pola tormenta. “Falta moita información, pero polos datos que temos, había un vento que movía o aire en tódalas direccións no mesmo intre. É un dos elementos que explica a catástrofe” -apunta o presidente do Colexio de Enxeñeiros de Montes de Galicia, Juan Picos.- “A meteoroloxía é un factor que non se pode modificar, pero pódese saber que vai ocurrir”, valora.

Queimas

Desde os sindicatos dos servizos de extinción de incendios de Galicia, como UXT ou Comisións Obreiras, chaman a atención sobre o feito paradóxico de que estes días, con temperaturas superiores a 30 graos na maior parte de Galicia, continúen autorizadas na comunidade as queimas de restos agrícolas. A Agencia Española de Meteorología, pola súa banda, advirte de risco elevado de incendio en Galicia.

2) Abandono 'versus' xestión forestal

O director técnico da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans, atravesou en varias ocasións a área de Portugal castigada estes días polos lumes. O seu diagnóstico apunta ao abandono como unha das causas de fondo da catástrofe. “Trátase dun territorio densamente poboado no que houbo un abandono da cultura tradicional agrícola portuguesa. De xeito paralelo, producíronse cambios de uso do territorio, sen un axeitado control, que aumentaron a continuidade da biomasa”, explica.
"Non hai un problema por piñeiros ou eucaliptos. Se abandonas, arde. Dá igual mesturar carballos con xestas que eucaliptos con xestas" (Francisco Dans)
“Ese é un dos riscos que tamén identificamos en Galicia, que en determinadas zonas non haxa discontinuidade de biomasa e que o mato se acumule en todo tipo de terreos. Non estamos ante un problema de x especies forestais, como o eucalipto ou o piñeiro -as que predominan na área calcinada-. Se abandonas, arde. Dá igual mesturar carballos con xestas que eucaliptos con xestas. Arde todo, casas incluidas”, sentencia. A mesma análise é compartida por Jacobo Feijoo, responsable da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), ligada a Unións Agrarias. “Enfrontámonos a escenarios que en certa medida son novos. Todo núcleo de poboación estaba antes rodeado de agras e cultivos que separaban o monte das casas. Ao desaparecer a actividade, esas agras enchéronse de mato e árbores. Antes tiñamos cortalumes naturais e agora hai que buscalos mediante a xestión forestal e intervencións directas, algo complicado e custoso”, advirte.
"Todo núcleo de poboación estaba rodeado antes de agras e cultivos. Ao desaparecer a actividade, chegan o mato e as árbores" (Jacobo Feijoo)
Actividade agraria “A mellor prevención -valora Jacobo Feijoo- é sempre ter un territorio en uso e xestionado pola man do home. Hai que ver o rural como un todo, no que ten que ter cabida a actividade humana, que se debe facilitar e non estorbar. O que non xestione o home coa súa actividade ordeada e xuiciosa pasa a xestionalo o lume”, apunta. “Se non hai esa actividade agraria e gandeira, se non hai agricultura a tempo parcial porque ter un animal precisa de máis papeis que ter un fillo ou porque o que sementas de día desfaicho o xabarín pola noite, a xente vai abandonando, o combústible péchase, os camiños deixan de estar abertos e vaise configurando un escenario onde cada vez serán máis probables os eventos catasróficos”, conclúe Jacobo Feijoo.

3) Zonas de encontro entre superficie forestal e vivendas

A alta dispoñibilidade de combustible no monte, unida á presenza de poboacións espalladas no territorio, é unha das claves que poden explicar o fatal desenlace do lume de Portugal, ao entender de Juan Picos, do Colexio de Enxeñeiros de Montes de Galicia.
"Temos que pensar en formar ás persoas, en definir rutas de escape e en ordear o territorio nas zonas de interfaz" (Juan Picos)
Que conclusións se poden tirar do ocorrido en Portugal? “O ordenamento do territorio nas zonas de interfaz agrícola, forestal e urbán é unha cuestión a coidar. Tamén hai que pensar en definir áreas de seguridade nos núcleos e en formar ás persoas e definir rutas de escape. De cara ó futuro, será importante que a xente teña claro como actuar ante un lume. Estiven hai pouco en Chile, un país con risco de terremotos, e todos saben que facer se hai un tremor”, compara. “En determinadas zonas de Galicia -valora Francisco Dans- temos a mesma interfaz industrial, urbán e agrícola que se dá no lume de Portugal, onde o problema, repito, foi de falta de xestión. O paradóxico do caso portugués é que a a penas 20-30 quilómetros da catástrofe temos o que probablemente sexa o piñeiral mellor xestionado de Europa, o de Leiria, con máis de 25.000 hectáreas. A unha distancia similar do lume está tamén o eucaliptal de Montagua, un monte con cortalumes, control da biomasa e un exemplo de xestión forestal”, compara.

4) Dispositivo de extinción

Os 150 lumes simultáneos que se produciron na tarde do sábado en Portugal, a gran maioría intencionados, son un dos factores que dificultou o combate do gran incendio de Pedregao grande, que as autoridades consideran que se orixinou por un lóstrego, se ben tamén se trata dunha cuestión en discusión. Alejandro Rodríguez, de Comisións Obreiras, entende que Galicia está mellor organizada que Portugal para encarar unha vaga de lumes, aínda que considera que o operativo é mellorable. “As brigadas municipais deberían estar integradas nun servizo público e único”, valora. De Portugal, Rodríguez cuestiona a supresión da figura do axente forestal, que pasou a integrarse na Guardia Nacional Republicana. “A desaparición dun persoal específico que vela polos montes e polo cumprimento da normativa é un condicionante serio”, apunta. Colaboración internacional O país veciño pediu a colaboración internacional polo lume de Portugal na madrugada do sábado ó domingo, se ben non foi ata hoxe luns que saíron brigadas e camións de Galicia cara Portugal. “Debería haber unha maior previsión, ter identificado o persoal que está disposto a ir de voluntario a un escenario así e actuar con maior axilidade”, recoñece Alejandro Rodríguez. Desde o sector forestal galego decláranse moi afectados polo sucedido en Portugal e teñen trasladado as súas condolencias, vía telegramas e contactos persoais, a institucións e colectivos de propietarios do país veciño.

Distancias a manter en Galicia das masas forestais a vivendas e vías de comunicación

Unha das cuestións que chama a atención das imaxes con coches calcinados en Portugal é a proximidade do monte á estrada, que discorre entre fileiras de piñeiros pegados ó asfalto e coa copa invadindo en ocasións a zona de voo da calzada. “O factor de maior perigro non estivo en que foran piñeiros, foron as circunstancias extremas de sequedade ambiental e temperatura, que as árbores non estiveran retranquedadas da estrada e que tiveran contacto de copas” -resume Jacobo Feijoo-. “Ao lado dos piñeiros vense castiñeiros e carballos tamén calcinados de arriba abaixo”. En Galicia, hai unha lexislación clara ó respecto da separación que deben gardar as masas forestais con vivendas e con vías de comunicación, aínda que non sempre se cumpre.
"Que o DOG diga que a tantos metros non pode haber vexetación, non significa que o mato se retire. Alguén ten que retiralo" (Juan Picos)
“Que o Diario Oficial de Galicia (DOG) diga que a tantos metros non ten que haber vexetación, non significa que a vexetación se retire. Alguén ten que retirala e alguén ten que garantir o cumprimento da lei” -lembra Juan Picos.- “Poderíase comezar por identificar os peores escenarios e os emprazamentos nos que se deben facer actuacións prioritarias de control”, suxire. “Queda bastante por traballar”, recoñece. Con carácter xeral, en Galicia a menos de 30 metros de vivendas ou núcleos de poboación non pode haber nin mato nin piñeiros ou eucaliptos, en tanto as frondosas deben estar ben separadas entre si. Dos 30 ós 50 metros, o terreo debe estar libre de mato. Distancias para novas repoboacións marcada pola Lei de Montes - A solo rústico de especial protección agropecuaria: 10 metros. En zonas de labradío e pastos que non teñan esa clasificación, a distancia redúcese a 4 metros, salvo con eucaliptos, que manteñen os 10 metros. - A autovías, estradas convencionais e vías férreas: 10 metros os eucaliptos e piñeiros (salvo o silvestre), 4 metros o resto de especies. - A pistas forestais principais: 2 metros frondosas, 4 metros eucaliptos e piñeiros (salvo o silvestre) con carácter xeral (6 metros en zonas de alto risco de lumes). - Con edificacións, solo de núcleo rural, solo urbán, solo urbanizable delimitado: 30 metros piñeiros e eucaliptos, 15 metros as frondosas caducifolias. - A cámpings, gasoliñeiras ou industrias: 50 metros piñeiros e eucaliptos, 25 metros as frondosas caducifolias.