Archives

Empresa forestal busca persoa de coordinación técnica administrativa para Curtis

CASEFOR, Capacitación de Servizos Forestais SL, é unha empresa especializada na corta e saca de madeira e cun forte compoñente de formación. O labor do persoal en campo é optimizar o seu tempo de produción no monte. A persoa que se incorpore, actuará de facilitador ou facilitadora. É unha posto clave e central co fin de integrar mellor o que sucede no campo, coa necesidade de reporting solicitada polos nosos clientes. A súa responsabilidade consistirá en asegurarse de que as persoas en campo dispoñan dos medios para minimizar os tempos de espera, garantindo a dispoñibilidade de todo tipo de material necesario para o labor diario. Responsabilidades Identificar os procesos actuais, documentalos. Identificar melloras nos mesmos, presentar solucións e levar a cabo a implementación. Colaborar estreitamente cos diferentes departamentos co fin de mellorar ditos procesos. Establecer unha relación cos traballadores de campo para facilitarlles a entrega de material. Coordinar coa Responsable de Administración a compra de material que requiran os traballadores de campo. Rexistrar no programa de xestión da empresa toda a información necesaria recibida, asignándolles ás máquinas e/o persoas correspondentes. Colaboración continua noutros labores asignados polo seu responsable directo. Requisitos mínimos Titulación universitaria e/ou FP de grao superior. Máis de 2 anos de experiencia laboral, idealmente relacionada con procesos no sector industrial, maquinaria e/ou forestal. Coñecementos a nivel usuario do paquete de ofimática MS Office, Internet e correo electrónico. Idiomas requiridos: Galego – Nivel nativo ou bilingüe. Lugar de residencia habitual na Comarca de Curtis ou lindeiras, Galicia. Requisitos desexados Valorarase positivamente coñecementos de mecánica ou sector forestal/agrícola. Valorarase positivamente coñecemento e experiencia en uso de Gmail, Google Drive, Google Calendar e Google Meet. Valorarase positivamente ter Carné de Conducir. Enviar CV e carta de motivación a gerencia@casefor.es coa referencia: CTA

Empresa forestal busca mecánico con experiencia no sector na zona da Mariña

O equipo de Forest Pioneer busca mecánico de maquinaria forestal con experiencia no sector, e con coñecementos en mecánica e hidráulica. Entre os traballos a desenvolver está a entrega de máquinas, levar a cabo intervencións de reparación ou mantemento en campo, así como traballos en taller.  A área de traballo é A Mariña lucense, con centro de operacións en Barreiros. As persoas interesadas poden solicitar este traballo escribindo ao correo electrónico hr@forestpioneer.com

Empresas de desbroce de Galicia e Asturias amosan o seu interese pola trituradora por radiocontrol RCU-75

O pasado 18 de outubro Forest Pioneer presentou en Foz (Lugo) a nova trituradora con orugas por radiocontrol RCU-75 , especialmente deseñada para traballar en terreos forestais en pendente.

Manuel Portas, delegado comercial de Forest Pioneer, valora “moi positivamente” a presentación, xa que “contamos coa presenza de destacadas empresas do desbroce forestal tanto de Galicia como de Asturias”.

En canto aos avances máis innovadores desta máquina e que suscitaron a atención dos asistentes, destaca “que é un produto totalmente novo no mercado, xa que está deseñada exclusivamente para realizar desbroces mediante radiocontrol en condicións moi desfavorables, en terreos con pendentes de ata 55 graos”. Ademáis, subliña que “a RCU75 destaca tamén pola súa robustez e pola boa protección dos seus componentes, o que permite ter menos imprevistos cando se está traballando con ela”.

“Onde outro tipo de maquinaria de desbroce non chega ou corre risco de envorcar, coas consecuencias que isto ten para o operario, a RCU 75 realiza un traballo impecable e sen riscos laborais”, resume Manuel Portas.

Ao igual que o resto de maquinaria comercializada por Forest Pioneer o servizo post -venda para esta máquina ofrécese tanto en talleres propios como en asociados, abarcando todo o territorio, e desprazándose un técnico se fose necesario.

As persoas interesadas na nova trituradora forestal con orugas por radiocontrol RCU-75 poden chamar ao 673 667 054 ou na web www.forestpioneer.com

Presentación este martes en Galicia da nova trituradora forestal por control remoto

O vindeiro martes, 18 de outubro, Forest Pioneer presentará en Foz (Lugo) a nova trituradora con orugas radiocontrolados RCU-75 , especialmente deseñada para terreos forestais en pendente.

Para poder asistir é necesario chamar ao 673-667-054 ou escribir a manuel.portas@forestpioneer.com

“Esta Timberpro é moi diferente, pero tamén moito mellor no monte”

No ano 2019 a empresa Maderas Díaz Ramos SL. adquiriu a taladora Timberpro 725D, unha máquina importada dos Estados Unidos e adaptada á xeografía galega para dar o rendemento máis alto co menor consumo. Marcos Maseda, maquinista e operario desta máquina destaca as súas propiedades para traballar no sector forestal: “ten moita máis potencia, sempre traballas moito máis libre sen depender de controlar temperaturas nin de controlar nada”.

O avance da mecanización da actividade está cada vez máis presente no sector forestal galego. “O traballo de motoserrista é cada vez un ben máis escaso e a tendencia está en mecanizarse”, destaca Manuel Portas, comercial de Forest Pioneer, importardor exclusivo para España. As necesidades do territorio galego, debido ás diferenzas entre montes, á pedregosidade, ou a inclinación do terreo, levaron a Maderas Díaz Ramos SL a interesarse por unha máquina que tivera un alto rendemento en calquera superficie; é por iso que chegou á Timberpro 725D.

“A gran vantaxe que temos neste tipo de maquinaria é que é propiamente feita forestal, ou sexa, é unha máquina pensada para levar implementos forestais; a gran diferencia con respecto ás máquinas de obra pública é que non están deseñadas para levar un implementos deste calibre”, detalla Manuel Portas. Por este motivo, existe unha ampla diferenza de potencia e de tamaño con outras taladoras do mercado.

“A gran vantaxe que temos neste tipo de maquinaria é que é propiamente feita forestal” (Manuel Portas)

A Timberpro 725D conta cun motor Cummins L9 Performance de última xeración que contén unha arquitectura sen EGR e un sistema de postratamento de gases compacto. Esta redución no tamaño destes compoñentes permite un aumento de potencia e par motor, permitindo chegar a esta máquina aos 338 cv, “e por este motivo conseguen un maior rendemento”, explica Portas. O seu peso aproxímase ás 28 toneladas, e a pesar de parecer un inconveniente “é un punto a favor a ter en conta no monte porque aporta maior seguridade”, aporta Marcos Maseda.

Outro dos puntos fortes é o sistema de nivelación, polo cal a cabina pode estar recta cun desnivel frontal de 30 graos, cun desnivel traseiro de 7 graos e cun lateral de 25 graos. “O tema da nivelación é moi importante no monte porque podes andar en sitios moito máis complicados sen preocuparse tanto. É moito máis estable. En pendente ata 35 grados máis ou menos soes estar a nivel ti, e a cabina nivela ata os 30 ou 35 graos”, amplía o operario de Maderas Díaz Ramos S.L.

“O tema da nivelación é moi importante no monte porque podes andar en sitios moito máis complicados sen preocuparse tanto” (Marcos Maseda)

A ferramenta habitual coa que soe traballar esta Timberpro é cun cabezal talador de cizalla, a TMF 500 R deseñada e feita polo Centro Técnico de Maquinaria Forestal (Tecmaf). Un detalle significativo deste implemento forestal “é que as coitelas van soldadas e en ningún momento entorpecen o corte”, explica Manuel Portas. Así mesmo, esta cizalla xera un amplo rendemento e ademais “non ten ningún custe adicional de cadea para ser afiado simplemente son dúas coitelas que cortan e dá igual que toque pedra, que toque terra, etc. porque nunca van a acabar co fío”, comenta.

Importante empresa de maquinaria forestal busca comercial para Galicia

Forest Pioneer, empresa referente en España, na comercialización de maquinaria forestal, busca comercial para a comunidade de Galicia.

Responsabilidades:

-Coñecer en profundidade o catálogo de produtos e servizos da empresa.
-Ter coñecemento das políticas e condicións de venda de cada un deles.
-Manter actualizados os estudos de mercado e competencia.
-Utilizar os sistemas de comunicación e xestión do departamento comercial e achegar á súa mellora continua.
-Manter a atención e fidelización de clientes existentes.
-Ampliar a carteira de clientes.
-Desenvolver novos mercados.
-Garantir a consecución dos obxectivos de vendas.

Requisitos:

-Coñecementos e experiencia no sector forestal, maquinaria de obra pública ou agrícola.

-Máis de 3 anos de experiencia nun posto similar.

-Coñecementos a nivel usuario do SO Windows, uso de paquetes de ofimática, internet e correo electrónico valorándose positivamente coñecemento e experiencia en uso de Gmail, Google Drive, Google Calendar e Google Meet.

-Requírese ser bilingüe Galego / Castelán.

-Lugar de residencia en Galicia.

Valorarase positivamente: 

Experiencia previa en posto similar ter coñecemento en Hidráulica de maquinaria de Obra civil/forestal pesada e coñecementos de francés e/ou inglés.

As persoas interesadas poden enviar o seu currículo e carta de motivación a info@forestpioneer.com coa referencia: COMERCIAL-MAQUINARIA-GALICIA

Maquinista de procesadoras e autocargadores forestais, unha profesión con futuro

O sector da corta e procesamento forestal está a experimentar unha importante transformación nos últimos anos: a procura dunha maior seguridade laboral, dunha maior produtividade e a dificultade para atopar motoserristas están a empuxar ás empresas madeireiras a apostar pola incorporación de procesadoras e autocargadores forestais.

Esta transformación implica unha importante demanda de maquinistas, un persoal especializado do que se require non só destreza e rendemento, senón tamén un completo coñecemento destas máquinas, altamente informatizadas, para poder realizar tamén o mantemento e acometer reparacións.

Neste sentido, en Galicia está a levarse a cabo unha iniciativa pioneira en formación, na que participan ENCE; o Grupo Forma-T, na parte formativa; a empresa de servizos forestais Casefor (Capacitación de Servizos Forestais), na parte de inserción laboral, e Forest Pioneer, como empresa referente en España en venda de equipos forestais. A empresa de fabricación de celulosa ENCE patrocina este programa de formación a través do seu programa social.

Grupo Forma T

O curso de “Maquinistas: Procesadora e Autocargador Forestal” impártese nas modernas instalacións do Grupo Forma-T no polígono industrial de Vilalba (Lugo). A actividade, financiada pola Xunta de Galicia a través da AGACAL, ten unha duración de 300 horas teóricas pero sobre todo prácticas, en xornadas de 8 horas de luns a venres e a segunda edición finalizará en decembro, estando prevista unha próxima no mes de Febreiro.

“É a única formación con maquinaria real, non só con simulador, que se imparte no Noroeste da Península. De feito, neste curso o 70% da formación é práctica e con formación tanto nun autocargador como nunha procesadora que están nunha finca forestal preto do noso centro de formación”, destaca Óscar Iravedra, profesor deste curso.

Os alumnos comezan primeiro as prácticas no simulador para coñecer o funcionamento dos mandos e unha vez que adquiren destreza e os coñecementos requiridos pasan a realizar prácticas en maquinaria real, cedida por ENCE e de cuxo mantemento se encarga Forest Pioneer.

“Dividimos os alumnos en grupos de 5 e o 50% da súa formación é en maquinaria real, un autocargador Logset A5 F e unha procesadora EcoLog modelo 560C”, detalla.

O curso ten unha cota máxima de 15 alumnos e está previsto que o día 30 deste mes comece outro financiado por ENCE para 9 alumnos, que finalizará en decembro. Para o mes de febreiro está previsto que comece unha nova actividade formativa.

A demanda é alta para acceder a esta formación cunha gran saída laboral e que ademais é gratuíta ao estar subvencionada pola Xunta e polas empresas.

“Para este curso presentáronse algo máis de 100 solicitudes pero só puidemos admitir a 15, a cota fixada. Preferentemente seleccionados xente que teña algo de base ou experiencia en maquinaria agrícola, forestal ou civil, ou con estudos relacionados co sector, e con idade comprendida entre 20 e 40 anos, porque están máis habituados a manexar as novas tecnoloxías que incorporan estas máquinas”, explica Óscar Iravedra.

En canto á súa procedencia, a maioría do alumnado é de Galicia, pero tamén reciben persoas de Asturias e mesmo de Ciudad Real.

E é que a demanda de persoal cualificado no sector forestal é elevada. “Ao finalizar o curso sobre un 55% dos alumnos xa está a traballar e ao cabo dun ano un 90%. Os salarios para unha persoa que empeza traballando cun autocargador ou procesadora forestal roldan os 1300 euros para xornadas de 9 horas, pero se é un maquinista con experiencia sobe aos 1500 ou 1600 euros e para profesionais cunha alta produtividade, medida en toneladas cortadas ao mes, sobe aínda máis pois cobran unha parte do salario en euros por tonelada”, explican desde o Grupo Forma-T.

CASEFOR: A continuación deste proxecto para ofrecer unha primeira oportunidade a alumnos destes cursos

Co obxectivo de incorporar novos maquinistas ao sector en Galicia, Ence Enerxía e Celulosa pon en marcha o proxecto CASEFOR, con sede en Curtis (A Coruña). Trátase unha das empresas que dá unha primeira oportunidade laboral aos alumnos destes cursos.

En concreto, os 2-3 mellores alumnos de cada promoción pasan a unha segunda fase do proxecto onde son contratados co obxectivo de seguir capacitándose, seguir formándose ao mesmo tempo que adquiren unha experiencia de traballo real, unha iniciativa na que tamén colabora o importador e distribuidor de maquinaria Forest Pioneer.

“Somos unha empresa especializada na capacitación de manexo de maquinaria para a corta e saca de madeira cun acordo de colaboración co grupo Forma-T, con ENCE, coa AGACAL e con Forest Pioneer para contratar e seguir formando aos alumnos que máis destaquen na primeira fase do proxecto”, explica o xerente de CASEFOR.

Para iso contan cunha aula de formación, un simulador á súa disposición e cun amplo parque de maquinaria para ampliar a experiencia dos maquinistas composto por taladoras, procesadoras de cadeas e rodas e autocargadores.

“A experiencia cos alumnos é moi positiva. Dá gusto ver como entraron e como traballan hoxe transcorridos uns meses. Todo un orgullo para o equipo de dirección e técnico de Casefor. A día de hoxe pasaron máis de 6 persoas pola formación e esperamos incorporar ao proxecto novos maquinistas tras os cursos que se están impartindo no Grupo Forma-T durante este final de ano”, comenta o xerente.

“É unha experiencia totalmente nova no sector, pois non só se forman no manexo da maquinaria senón que, coa supervisión dos técnicos de Forest Pioneer, reciben unha formación sobre mantemento dunha procesadora ou dun autocargador, o que se traduce nunha maior produtividade, ao reducir o tempo o cal as máquinas están paradas por avarías”, destaca.

O xerente de Casefor conclúe que este é o futuro do sector: “Profesionalizar os maquinistas forestais para que non só saiban manexar a máquina, senón tamén estean capacitados para realizar o mantemento e que facer ante avarías. Dar un selo de calidade de formación que nos faga estar orgullosos do traballo feito coas persoas que pasan polo noso proxecto”, conclúe.

Imaxes da formación no Grupo Forma-T: 

Imaxes da formación en Casefor:  


 

Forest Pioneer presenta a nova cortadora de cizalla TMF 600, especial para eucalipto e made in Galicia

A empresa Forest Pioneer, especializada en mecanización forestal, comercializa a súa nova cortadora TMF 600, que foi presentada o pasado venres nunha demostración realizada nun monte da localidade mariñá de Xove. O novo cabezal está deseñado e fabricado integramente en Galicia por TECMAF e, aínda que pode cortar calquera tipo de árbore, está pensado expresamente para traballar con eucalipto.

Emilio Bravo, propietario de Forest Pioneer, destacou as vantaxes da nova cortadora: “É unha cortadora moi forte e robusta pola estrutura que ten, deseñada para o eucalipto, que é unha madeira moi dura, e para a que se precisa de cilindros e coitelas moi fortes e resistentes para que duren. Pero ao mesmo tempo é unha máquina moi rápida cortando e que permite ademais acumular varios pés, o que optimiza os tempos, ao poder xuntar, dependendo do seu grosor, até tres árbores sen rompelas, antes de depositalas no chan”, destaca.

Conta cunha estrutura moi forte e resistente, fabricada en aceiro reforzado, para garantir a súa durabilidade e as coitelas son intercambiables

Outra das vantaxes da nova cortadora TMF 600 respecto de outras cortadoras de cizalla existentes no mercado é a súa versatilidade e manobrabilidade. “É a primeira que existe con xiro 360º, o que permite colocar de xeito moito máis preciso no chan a madeira para a procesadora”, destaca Emilio.

O deseño da estrutura fai que traballe máis perto do brazo e a súa xeometría permite ter un terceiro punto de apoio, o que aporta máis seguridade e un mellor agarre tanto á hora de traballar cos pés no monte como á hora de manexar as árbores unha vez cortadas.

Cortadora e procesadora nunha mesma máquina

Unha mesma góndola pode transportar a cortadora e a procesadora, aforrando en desprazamentos

A nova cortadora comercializada por Forest Pioneer non leva electrónica o que fai que poida ser usada indistintamente coa procesadora na mesma máquina. “Ao non ter informática no cabezal permite ir dunha máquina a outra e tamén que unha mesma cabeza tractora con dous implementos, a taladora e a procesadora, cumpla con todas as funcións no monte, de maneira que se aforra en desprazamento da maquinaria, xa que nunha mesma góndola pódense levar as dúas máquinas”, indica Emilio.

A substitución da cortadora TMF 600 é doada, polo que mediante un intercambio rápido (unha persoa soa pode facer o cambio en 15 minutos) pódese colocar posteriormente a procesadora na mesma máquina para realizar todas as funcións no monte sen necesidade de desprazamento de máis maquinaria e ter lista a madeira para o seu transporte posterior.

En 15 minutos unha soa persoa pode desenganchar a taladora e substituila polo cabezal procesador

Deste xeito, para as empresas forestais que xa contan cun cabezal procesador supón un importante aforro, dado que simplemente terían que adquirir o novo cabezal TMF 600 sen ter que gastar, por exemplo, nunha nova retroexcavadora. Ademais, para o manexo da cortadora úsanse os mesmos mandos da procesadora, o que evita un desembolso a maiores duns 10.000, que sería o que custaría a colocación a maiores dunha instalación electrónica básica. “Cunha soa máquina con dous cabezais (cortadora e procesadora) e un autocargador calquera empresa forestal tería completamente mecanizado o proceso no monte”, destaca o propietario de Forest Pioneer.

Fabricación ‘made in Galicia’
Emilio Bravo, explicando o funcionamento do novo cabezal TMF 600

A presentación da nova cortadora de cizalla tivo lugar cunha demostración in situ levada a cabo nun monte do concello de Xove, a escasos 30 quilómetros de onde se fabrica a taladora TMF 600, na veciña localidade de Barreiros, na mesma comarca da Mariña.

A empresa Tecmaf, especialista en adaptación e reparación de maquinaria forestal, realiza nas súas instalacións do polígono industrial de Barreiros todo o proceso de deseño e fabricación da nova cizalla. “A fabricación é 100% nosa, facemos todo, incluídos os cilindros”, explica Manuel Lombardero, un dos responsables da empresa afincada en San Cosme.

A compañía barreirense, que conta con 14 persoas traballando na planta, xa participara no deseño da primeira cortadora de cizalla desenvolvida en Pontevedra e, en base a esa experiencia, logrou agora un deseño mellorado para facilitar a súa versatilidade, mantemento e durabilidade.

A cercanía ao punto de fabricación garante un servizo técnico eficiente á hora de ter que realizar calquera reparación

“O deseño está pensado para que os esforzos sexan liñais, que non haxa torsións para evitar roturas, que era un problema que tiñan as cizallas que había no mercado até agora. Nesta a estrutura é reforzada e as coitelas son intercambiables, do mesmo xeito que son planas pola parte de abaixo, o que evita problemas con troncos e raíces e permite cortar máis abaixo”, engade. “Este cabezal é o resultado de moitos anos de desenvolvemento e traballo no monte”, resume Manuel.

Maquinaria adaptada ás condicións da cornixa cantábrica

Unha das especialidades de Tecmaf é a adaptación de maquinaria forestal ás condicións orográficas, de tamaño das parcelas e de sistema de carga da cornixa cantábrica. Este Centro Técnico de Maquinaria Forestal situado en San Cosme de Barreiros (Lugo) é o principal taller colaborador co que conta Forest Pioneer na Península Ibérica e un dos referentes en España en adaptación e reparación de maquinaria forestal, con 15 anos de experiencia no sector.

Forest Pioneer é empresa líder en comercialización de marcas tan coñecidas no sector como Timber Pro, Logset ou AFM

Ademais de presentar a nova cortadora de cizalla TMF 600, Forest Pioneer aproveitou a demostración feita en Xove, á que asistiron medio cento de empresas e profesionais forestais, para dar a coñecer outra maquinaria da que a empresa con sede en Irún (Guipúzcoa) é distribuidora, como o autocargador Logset 6F GT ou a procesadora Logset 8H GT, tecnoloxía de fabricación finlandesa que logo Tecmaf adapta ás características do traballo no monte en Galicia.

“O rendemento é dunhas 600 toneladas máis de madeira ao mes con respecto ao traballo de dous motoserristas”

Luis Díaz Casariego dirixe unha empresa que dá traballo a 32 persoas

Forestal Díaz Casariego SL mercou fai dous meses a primeira cortadora de cizalla TMF 600 comercializada en toda España. Luis, o propietario da empresa, móstrase contento co resultado. “O rendemento é dunhas 500 ou 600 toneladas de madeira máis ao mes con respecto ao traballo de dous motoserristas”, asegura.

Pero ademais de aforrar en man de obra (uns 6.000 euros ao mes entre salarios, dietas, roupa de seguridade e ferramenta, calcula Luis), minimízase o risco no monte. “Nós todo o que podemos tirar con máquinas tirámolo con máquinas, porque deste xeito evitas accidentes, ou polo menos minimizas o risco, porque non tes motoserristas traballando no monte”, explica o responsable de Díaz Casariego SL.

As empresas temos que mecanizarnos porque cada vez é máis difícil atopar motoserristas

A empresa de Xove procesa entre 400 e 500 toneladas de madeira de eucalipto ao día e dá traballo a 32 persoas. “Temos 20 empregados directos e 12 camións traballando para nós”, explica Luis. Pero non é doado atopar man de obra e os motoserristas escasean. “As empresas temos que mecanizarnos cada vez máis porque cada vez é máis difícil atopar xente para traballar, a falta de man de obra é un problema importante no sector malia que na madeira se pagan salarios altos”, asegura.

O sector madeireiro leva décadas botando man de traballadores inmigrantes. Primeiro foron os portugueses, máis tarde os marroquíes e máis recentemente os rumanos, pero “nos últimos tempos moitos deles marcharon para Alemaña a traballar na construción e quedamos sen xente”, conta Luis.

O eucalipto é unha riqueza para a comarca da Mariña. Só a nosa empresa necesita entre 15.000 e 20.000 euros de materia prima todos os días

A súa empresa conta con tres cortadoras mecánicas, dúas máquinas forestais con cortadora de disco e unha retroexcavadora coa cortadora de cizalla TMF 600. “Son utilidades distintas, o disco é bo para algunhas cousas, é máis rápido e logras maiores rendementos, pero para montes accidentados é moito mellor a cizalla”, explica. Ademais, “para o disco precísanse máquinas máis potentes e de máis caudal, polo que para as excavadoras, que son a maioría das máquinas que hai porque son máis económicas, funciona mellor a cizalla”, engade.

O custo tamén é distinto. Unha cortadora de cizalla pode rondar o 60% do investimento necesario para adquirir unha taladora de disco, polo que o desembolso económico necesario para a súa adquisición é moi inferior. “O disco só é rendible en empresas grandes, pero nunha pequena ou mediana non se xustificaría a compra dun disco porque hai que ter un certo volume para rendibilizar o investimento feito”, asegura Emilio Bravo.

Algúns dos profesionais do sector forestal que acudiron a presenciar a demostración da nova cortadora

Crecemento exponencial

Todos estes factores fan que o mercado en Galicia se estea a decantar polas cizallas. “Coido que na actualidade haberá uns 20 discos e unhas 40 cizallas”, calcula o responsable de Forest Pioneer, que estima en 500 os potenciais clientes para a cortadora TMF 600 só na nosa comunidade. “É unha tecnoloxía recente en Galicia, fai tres anos comezou a haber as primeiras cizallas, así que é un mercado novo pero en plena expansión”, avanza.

A cizalla é máis versátil que o disco e traballa mellor en terreos accidentados, ademáis de ser moito máis económica

A escaseza de man de obra, e sobre todo a falla de motoserristas profesionais, está a empurrar a moitas empresas forestais cara a mecanización dos distintos procesos. Comezouse coas procesadoras e o seguinte paso son agora as cortadoras. “Cunha cortadora de cizalla tírase máis madeira que cunha procesadora e dous motoserristas no monte”, asegura Emilio.

Pero aínda que deste xeito se suple en parte o traballo dos motoserristas, as cortadoras mecánicas non van acabar coa profesión. “Necesitámolos igual para determinadas zonas, por exemplo preto de camiños ou en lugares nos que pola orografía non pode entrar a máquina”, aclara Luis.

O minifundio é un hándicap para a mecanización dos traballos, pero os donos dos montes cada vez están máis concienciados das vantaxes de igualar os turnos de corta cos propietarios lindeiros para poder vender en conxunto e reducir custos

Un factor que xoga en contra da mecanización dos procesos forestais en Galicia é o minifundio, pero a introdución de maquinaria nos distintos traballos no monte está a facer cambiar os hábitos dos propietarios para superar o hándicap do pequeno tamaño das parcelas. “A conciencia dos donos dos montes cada vez é maior a prol de igualar os turnos de corta cos propietarios lindeiros e cada vez máis se tende a vender en conxunto, porque os custos son distintos e se tes que ir a un monte só por 100 toneladas das 4 semanas do mes traballas 3 e perdes 1 andando coas máquinas polos camiños”, argumenta o dono de Díaz Casariego.