Archives

Terceira semana consecutiva sen poxas de vacún en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca volveu quedar deserta este martes por terceira semana consecutiva debido ó paro dos transportes iniciado o pasado luns 14. Tanto vendedores como compradores non asistiron a esta sesión á lonxa debido ás dificultades para transportar o gando, pese a que a Central permaneceu aberta como nas semanas anteriores. Debido á incidencia do paro, a Central activou a semana pasada un sistema de preinscricións do gando para xestionar a afluencia de gando nas primeiras xornadas nas que se reactive a actividade. Con este rexistro, na xornada deste luns dende a organización do mercado contaban xa que o paro tivera unha incidencia importante, xa que inscribíranse só algúns tratantes e gandeiros particulares, pero non o fixeran transportistas de servizo público, aqueles que transportan animais de distintas explotacións e que son os que aportan a maior parte dos exemplares á Central. Finalmente, este martes non se volveron celebrar poxas de vacún. Mesa de prezos do porcino Pese a que non houbo poxas de gando vacún, a Central Agropecuaria fixo públicos os prezos acordados, como cada martes, nas mesas de cotizacións do porcino. Neste sector, unha semana máis continúan a cotizarse á alza tanto os porcos cebados como os leitóns. No porco selecto e o normal produciuse un incremento de 0,06 euros e pasan a cotizarse a 1,445 e 1,420 euros o quilo, respectivamente. A suba máis destacada, do mesmo xeito que ven ocorrendo nas últimas sesións, produciuse nos animais de Canal II, que tiveron un incremento de 0,078 euros e acadan un prezo de 1,844 euros o quilo. Os animais de descarte rexistraron unha suba de 0,06 euros e cotízanse entre os 0,58 e os 0,64 euros o quilo. Nos leitóns, produciuse unha suba de 3 euros. Os exemplares chegados dunha única granxa están nos 69 euros (cun prezo de 3,45 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 64 euros e teñen un prezo por quilo de 3,2 euros. No mercado do ovo houbo subas por valor de 0,1 euros para boa parte das categorías. Así os ovos da XL cotízanse a 2,18 euros a ducia, os da L a 1,94 euros e os da S a 1,54 euros. Mentres, os da categoría M experimentaron un incremento de 0,12 euros e acadan os 1,76 euros a ducia. As galiñas de descarte tamén rexistraron unha suba de 0,02 euros e pasan a cotizarse entre os 0,31 e os 0,38 euros por quilo.

Agaca e Clusaga advirten do risco de colapso do sector agroalimentario

Ante o agravamento do paro do transporte, as asociacións e entidades que integran á cadea de valor alimentaria – a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) e a Agrupación industrial Alimentaria de Galicia (Clusaga)- alertan de que a situación xa é, nestes momentos, insostible e instan a acabar inmediatamente cun conflito que está a ter elevados custos para a economía e o conxunto da sociedade. Numerosas industrias e cooperativas tiveron que interromper os seus procesos de fabricación e víronse obrigadas a pechar temporalmente as súas plantas ante a falta de subministración, mentres que outras anunciaron que deberán facelo proximamente. Ademais, ante esta situación, as empresas de distribución traballan con grandes dificultades. Cando se cumpren nove días desde o inicio do paro, desde a cadea de valor agroalimentaria e do gran consumo consideran “inaprazable poñer fin a esta situación que está a poñer en claro risco o abastecemento de produtos, así como a continuidade de miles de empresas e empregos”. Agaca e Clusaga fan un chamamento ao Goberno de España a “unha intervención urxente nun conflito que se converteu nun problema de Estado cun impacto sobre a economía e os cidadáns que non admite demora”. Esixen, así mesmo, que se garanta a seguridade, coas medidas que sexan necesarias, e o dereito para traballar dos transportistas que non queren sumarse ao paro, e que quen o secunda non coaccione ao resto dos sectores da cadea nin impidan a libre circulación de mercadorías.

O paro dos transportes deixa deserto por segunda semana o Mercado de Amio

Por segunda semana consecutiva e como xa acontecera na Central Agropecuaria de Galicia o martes, o paro nacional dos transportes de mercadorías deixou de novo baleiro tamén o Mercado de gando de Amio (Santiago). Así, durante o mércores, no recinto feiral produciuse un baleiro absoluto nas naves de gando, onde habitualmente se contabilizan preto dunhas 2.000 cabezas de vacún. Ante esta situación, dende a organización do Mercado do Gando apuntaron que se manterán como referencia para a próxima sesión os prezos da última feira, celebrada o pasado día 9 de marzo. Esta semana nin sequera se celebrou a reunión da Mesa de Prezos da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega, cuxos prezos se fan públicos no Mercado. Así, en canto se reactive a actividade no recinto feiral tomaranse como referencia os prezos fixados na última reunión da Mesa, a da semana pasada, celebrada o día 16 de marzo. Máis información – Táboa de cotizacións de Amio (9 e 16-III-2022).