Archives

Subas nos becerros de recría en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca volveu rexistrar este martes unha nova sesión con récord de afluencia e facturación, en parte debido aínda ós efectos de terse suspendido a actividade durante tres semanas polo paro do transporte. Así, na sesión deste martes rexistráronse un total de 1.454 animais, unha asistencia que supón a maior do ano, pero que tamén é a terceira máis alta na historia da Central, cuxo récord está nos 1.613 animais que se rexistraron o 5 de outubro de 2010. A segunda mellor cifra foi a do 31 de xullo de 2018, cando concurriran 1.476 exemplares. Por categorías, destacou a asistencia en vacún maior, con 396 animais, récord anual e tamén a maior cifra dende o 24 de xuño de 2014, cando acudiran 397 exemplares. Por outra banda, a Central rexistrou hoxe un volumen total de transaccións de 906.017 euros, acadando por segunda semana consecutiva o seu récord histórico, ao superar os 821.947 euros do pasado martes. Tamén a facturación da categoría de vacún maior foi a máis alta rexistrada na traxectoria deste mercado, ao ascender a 572.226 euros, que superaron os 561.019 euros do pasado 8 de marzo, que supoñían o récord ata a data. En becerros de recría, a facturación foi de 207.278 euros, a maior do ano e a terceira maior desta categoría na historia da Central, cuxo récord está nos 227.100 euros acadados o 31 de xullo de 2018. O seu prezo medio foi, con 233,16 euros, o máis alto do que levamos deste 2022. Respecto ós becerros carniceiros, tamén houbo récord anual cunhas transaccións de 126.513 euros, que supoñen ademais a maior facturación da categoría dende o 17 de decembro de 2019, cando ascenderan a 142.071 euros. A deste martes foi a última sesión para a que é preciso formalizar a preinscrición dos animais que vaian ó mercado, unha medida que se activara tras suspenderse as feiras polo paro dos transportes e para poder regular a afluencia de gando, dado o elevado volume de animais que se agardaba para estas semanas. Así, a vindeira semana, xa non será preciso realizar a preinscrición e recupéranse as canles habituais do mercado.

Cotizacións de referencia do vacún

Nesta sesión tamén se apreciou unha suba dos prezos medios das cotizacións da recría de vacún, con respecto da feira da semana pasada. Facemos unha comparativa entre os prezos deste martes e as últimas cotizacións, para coñecer as tendencias dos prezos, pero cómpre ter presente que existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada exemplar. No caso da recría, case tódalas categorías rexistraron subas. As excepcións producíronse nas sección cunha maior afluencia de animais. No gando de raza frisoa, os animais de menos de 20 días cotizáronse a 96 euros, o que supón un incremento de 18 euros con respecto do prezo medio que se acadou a feira anterior. Porén, nos animais de entre 20 e 50 días, os que maior número de cabezas contabilizan, tiveron un prezo medio de 121 euros, o que supón 4 euros por debaixo da cifra da semana pasada. Nos becerros de máis de 50 días, a cotización subiu ata os 157 euros, é dicir, 9 euros máis. Nos cruzamentos industriais a tendencia foi semellante. Os tenreiros de menos de 20 días cotizáronse a 257 euros, o que supón 18 euros por encima do prezo medio de referencia da última poxa. Nas femias apreciouse un incremento de 32 euros e acadan os 196 euros. Mentres, nos animais de entre 20 e 50 días, a categoría con maior afluencia de gando desta raza, houbo unha mínima baixada de 2 euros no prezo de referencia con respecto da feira anterior, e sitúanse nos 300 euros. Nas femias descontáronse 10 euros e o prezo medio está nos 242 euros. Nos tenreiros de máis de 50 días, houbo unha suba de 65 euros nos machos e de 50 euros nas femias, de xeito que os prezos medios de referencia quedan nos 391 e nos 321 euros, respectivamente. Nos becerros carniceiros apréciase unha baixada xeral dos prezos medios con respecto da última feira. Nos tenreiros frisóns reduciuse en 278 euros o prezo medio e queda en 631 esta semana. As femias teñen un valor medio de 704 euros. Nos animais de cruzamentos industriais, os machos atópanse cun prezo medio de 933 euros, o que supón 55 euros menos. Na femias, o prezo medio é de 809 euros, 47 euros menos. A tendencia foi semellante nos exemplares de Rubia Galega. Os machos tiveron un valor medio de 1.039 euros, polo que houbo unha redución de 54 euros no prezo de referencia. Nas femias a diferenza foi de 18 euros á baixa, e quedan nos 898 euros. Nos animais comercializados baixo o selo da Indicación Xeográfica de Ternera Gallega Suprema tiveron unha cotización media de 1.011 euros, só un euro menos que o rexistrado a semana anterior. O vacún maior experimentou baixadas na categoría con maior calidade ou vendidas baixo selos diferenciados. Nas vacas de extra, o prezo foi 62 euros máis baixo que a semana anterior, de xeito que se cotizan de media a 2.035 euros. Nas vacas de primeira apreciouse unha suba de 16 euros e o prezo medio é de 1.174 euros. Os animais de segunda continúan nos 788 euros e os de descarte lograron unha suba de 32 euros para acadar un prezo medio de 483 euros. A maior diferenza con respecto da semana pasada está nos animais comercializados baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi, cuxo prezo medio se situou nos 2.467 euros, fronte ós 3.551 euros de media da semana pasada.

Continúan as subas no porco cebado

Esta semana as mesas de prezos do porcino acordaron de novo subas no porco cebado, mentres que os leitóns se manteñen sen cambios. Así, o porco selecto e o normal tiveron un incremento de 0,06 euros e pasan a cotizarse a 1,565 e 1,540 euros o quilo, respectivamente. A suba máis destacada, ó igual que nas últimas semanas, produciuse nos animais de Canal II, que tiveron un incremento de 0,78 euros e agora sitúanse nun prezo de 2 euros o quilo. Os animais de descarte rexistraron unha suba de 0,06 euros e cotízanse entre os 0,7 e os 0,76 euros o quilo. Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 69 euros (cun prezo de 3,45 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 64 euros e teñen un prezo por quilo de 3,2 euros. No mercado do ovo houbo de novo subas por valor de 0,02 euros para os ovos das categorías XL e S, de xeito que agora se cotizan a 2,30 e 1,66 euros a ducia, respectivamente. Mentres, os da L tiveron unha suba de 0,05 euros e acadan os 2,09 euros a ducia. No caso dos ovos da M a suba foi de 0,03 euros e cotízanse a 1,89 euros a ducia. As galiñas de descarte continúan entre os 0,31 e os 0,38 euros por quilo.

Peticións de corredores seguros para a saída de carne dos matadoiros e a chegada de pensos ás granxas

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantivo onte un encontro con representantes das industrias cárnicas para abordar a súa situación ante o paro do transporte. Na reunión, o conselleiro e as propias industrias demandáronlle ao Goberno central que facilite corredores seguros para garantir a saída de carne dos matadoiros e a chegada de pensos ás granxas, así como o abastecemento de cereais ás fábricas que producen estes compostos. Nada dixo o conselleiro nas súas declaracións previas ó encontro sobre o bloqueo que manteñen gandeiros de vacún de carne nos matadoiros, en demanda dun maior prezo da carne. A Consellería limitouse a sinalar en nota de prensa que ante o incremento dos custes de produción, agravado pola invasión rusa a Ucraína, o conselleiro insta ao ministro de Agricultura a que “faga cumprir a Lei da Cadea Alimentaria, facendo efectiva a prohibición de venda e perdas”, xustifica. Da mesma maneira, o titular de Medio Rural aproveitou a cita para pedir ao Ministerio que “se reúna inmediatamente coa distribución, coa industria e coa gandaría para acordar unha suba dos prezos que están percibindo os produtores”. Ademais, o conselleiro referiuse ao Ministerio de Transportes para demandar que “se reúna canto antes coa plataforma que convocou o paro para desbloquear esta situación, a cal, está situando a cadea alimentaria galega en risco de parálise”. A maiores, José González “insistiu na necesidade de levar a cabo outras actuacións, como a inmediata baixada de impostos dos carburantes e doutros insumos claves para o sector primario”. Anticipos da PAC Medio Rural lembra tamén que a pasada semana aprobou medidas para achegar liquidez ás empresas no ámbito das competencias autonómicas. Así, o Goberno galego asumiu o compromiso de financiar o anticipo das axudas directas da Política Agraria Común, que os produtores adoitan cobrar en outono. En concreto, anticiparanse seis meses uns 200 millóns de euros de liquidez para os agricultores e gandeiros, subvencionando os xuros. Doutra banda, contémplase a apertura de liñas de crédito para poder atender compras de circulante, por parte dos gandeiros. Para esta operación, a Consellería do Medio Rural dispón dunha liña de avais para chegar ata os 25 millóns de euros de préstamos.

“Tivemos que tirar 13.000 litros de leite; son máis de 5.000 euros”

Momento no que en SAT Os Foros tiveron que abrirlle ao tanque do leite Os gandeiros están a sufrir en carne propia as consecuencias da folga pero móstranse comprensivos coa situación que está a levar aos camioneiros a protestar e esixen diálogo ao Goberno para desbloquear a situación. O paro no sector do transporte provocou desde o luns da semana pasada incidencias na recollida do leite, retrasos na saída dos animais das granxas e mesmo problemas puntuais de falta de alimento. Logo dunha semana de férreo control do porto da Coruña, a situación comezaba a ser xa crítica na fin de semana, mesmo con episodios de canibalismo nalgunhas granxas de polos ou porcos, o que levou aos folguistas que bloquean o acceso a flexibilizar a saída de gran dos almacéns de Punta Langosteira.  
A fin de semana abriuse o acceso ao gran no porto da Coruña, algo que se podería repetir hoxe para que as fábricas de penso recheen os seus silos
A apertura durante 24 horas que tivo lugar este martes para que as fábricas de leite puidesen sacar dos seus almacéns produto elaborado e meter neles materiais necesarios para a fabricación permitiu desconxestionar a situación do sector e que todas as industrias manteñan polo de agora as recollidas de leite despois dos episodios vividos nas xornadas anteriores, con baleirado de tanques de leite con destino ao pozo do purín.
Os maiores problemas estanse a producir en granxas intensivas de polos, porcos e coellos con animais próximos á idade de sacrificio
Tamén se están a facer certas excepcións, aínda que moi contadas, para a saída dos animais das granxas naqueles casos nos que diso depende o benestar dos propios animais ou que a explotación poida seguir funcionando, por necesitar facer sitio nas instalacións para meter unha nova camada segundo os turnos de reposición establecidos. Este problema téñeno as explotacións cunícolas e tamén aquelas granxas de porcino que fan o ciclo de cría completo, pois teñen as porcas parindo e non hai sitio para onde ir pasando os leitóns a cebar.
Os cebadoiros non están a meter becerros mamóns, que se empezan a acumular nas explotacións leiteiras
Onde o movemento é practicamente nulo é no vacún de carne. Coas feiras semanais de gando de Amio e Silleda paradas, a suspensión da recollida nas explotacións por parte dos tratantes e cos gandeiros facendo garda ás portas dos matadoiros, os becerros seguen nos establos. O Consello Regulador da IXP Ternera Gallega flexibilizou de maneira extraordinaria a idade de sacrificio para a categoría Suprema para que os xatos non perdan categoría e valor se sobrepasan, por cuestión de días, os 10 meses, pero o problema poderían telo os matadoiros, porque ao superar os 12 meses os seus becerros pasarían a ser Añojos, se ben moitos deles adiantaron as entregas na semana previa á folga ante a previsión de problemas para mover as reses cara aos matadoiros e non están a meter tampouco xatos mamóns, que se acumulan nas explotacións leiteiras, ao igual que acontecerá nas primeiras semanas do confinamento por mor do coronavirus.

“A situación era crítica, porque parían as coellas e non tiñamos onde metelos porque as xaulas estaban ocupadas”

Explotacións Gandeiras Soli ten 500 nais reprodutoras na súa granxa de coellos das Oiras, en Alfoz Despois de varios días de espera, na tarde do luns varias granxas de coellos galegas puideron por fin dar saída aos seus animais, aínda que outras estarían aínda nunha situación apurada por mor dos retrasos acumulados. “A min recolléronme. A situación era crítica, porque van parir as coellas e non tiñamos onde meter os coellos porque tiñamos as xaulas ocupadas. Iamos ter que matar os pequenos ou os grandes”, explica Antonio Expósito desde unha das granxas afectadas, Explotacións Gandeiras Soli, ubicada no concello de Alfoz.
Non sabes moi ben con quen tes que falar, porque uns dícenche que podes pasar e outros párante un pouco máis adiante
Despois de varios intentos fallidos a semana pasada, mesmo con ataques e sabotaxes, os camións de Avigal puideron finalmente recoller en granxas das Pontes e A Mariña e trasladar os coellos ao matadoiro que a empresa ten en Celanova. Sen embargo, aínda habería granxas con problemas noutras zonas de Galicia. “Cada 40 días mandamos e unha semana de retraso é moito tempo, porque temos os tempos tan tasados que nunha semana bótanseche enriba porque as coellas paren e hay que lavar e desinfectar”, explica Antonio, que forma parte de Cunilugo, unha asociación de produtores que engloba a varias granxas da provincia de Lugo.

 “Vímonos obrigados a baixarlles o penso aos porcos durante tres días por falta de subministro e trabábanse entre si”

Patricia, xunto a un dos seus porcos, na explotación que ten en Ombreiro, Granxa Patuc@s Patricia Expósito ten desde hai ano e medio unha granxa de porcino na parroquia de Ombreiro, en Lugo. As instalacións son novas e pode controlalas desde o móbil. Pero hai unha cousa que non pode controlar, o subministro de penso que necesita para dar de comer aos 2.000 porcos que albergan as súas dúas naves colocadas en paralelo. “Os nosos animais comen a demanda, pero durante tres días tivemos que baixarlles ao penso porque non che subministraban e que comeran só unha vez ao día. O problema é que cando lles varías a alimentación comezan a trabarse uns aos outros nos rabos e orellas. Tivemos moitos casos, que tes que separar e medicar”, recoñece.
Na actual fase de crecemento os 2.000 porcos que ten Patricia consomen uns 25.000 quilos de penso á semana
O problema de falta de subministro de penso agora parece xa solucionado, pero segue habendo outros. “Nin sequera che retiran os animais mortos, aínda que non supón un problema sanitario, porque os depositamos en contedores que están fóra das granxas para que o camión non acceda ás naves para nada cando os vén a buscar”, explica Patricia. Tampouco está habendo saída de animais cara os matadoiros de porcino, aínda que a Granxa Patuc@s esta circunstancia de momento non lle afecta: “A nós píllanos no medio do ciclo de crecemento. Están agora en 70 quilos e lévanos con 120 ou 130. Levamos con eles mes e medio e faltaríanlles outros dous meses ata que saen. Pero algunhas granxas que están próximas á idade de sacrificio están tendo problemas, porque os porcos canto máis grandes son, máis comen e máis risco tes de que che morran”, explica.
Granxa Patuc@s traballa mediante o sistema de integración con Nutripor, que conta con fábrica de penso en Melide
Patricia está a sufrir as consecuencias da folga do transporte pero solidarízase cos camioneiros e este martes mesmo estivo na marcha de protesta organizada en Lugo. “A min a suba da luz non me afecta, porque teño placas solares para abastecerme e son autosuficiente, pero cando fallan salta o xerador e antes enchíalle o depósito con 400 euros cando agora me fan falla 900”, exemplifica. Tampouco lle afecta directamente a suba dos pensos, porque ao traballar en integración con Nutripor a empresa pon os animais e a alimentación e ela as instalacións e o traballo. Pero teme que lle reduzan as marxes debido ao encarecemento das materias primas e os combustibles. “Algo xa nos deron a entender”, di.

“Tivemos que tirar o leite pero as vacas comen igual e temos tres empregados aos que hai que pagarlles o soldo”

De esquerda a dereita, Yolanda, Manuel, o seu fillo Xurxo, Suso, Íker e Pili en SAT Os Foros Manuel Legaspi é un dos socios de SAT Os Foros, ubicada en Álvare, na Pastoriza, unha das parroquias con máis produción de leite de Galicia. Entregan a Lactalis, que foi unha das empresas que máis problemas tivo para manter a recollida de leite por mor da folga. Nesta gandería moxen os seus animais en produción, entre 250 e 260, tres veces ao día. A empresa recóllelles o leite cada 48 horas e o tanque ten capacidade para 25.000 litros pero ante a falta de recollida, o luns víronse obrigados a abrirlle ao tanque. “Tiramos sobre 13.000 litros, a muxidura completa de pola mañá e de medio día e baleiramos outros 7.000 litros para facer sitio para muxir á noite e pola mañá. Viñan buscar algo, pero non o levaban todo, ían sacando según podían procesar na fábrica e xa non nos collía no tanque”, explica Manuel.
Eu se puidera tamén apagaba o sistema un mes e collíao de vacacións, pero non é posible, ás vacas non as podes desenchufar nin lles podes pasar a chave
O martes Lactalis por fin baleiroulles o tanque e agora teñen capacidade para seguir muxindo ata mañá xoves. Manuel agarda que a recollida se normalice e non ter que volver a tirar o leite, porque “os gastos corren igual”. “As vacas comen igual todos os días e temos tres rapaces contratados aos que hai que pagarlles o soldo. Os que nos adicamos á gandería temos que seguir traballando, porque aos animais non lles podes pasar a chave e apagalos. Eu se puidera apagaba o sistema un mes e collíao de vacacións, pero non é posible”, evidencia.
De penso non tivemos problemas de desabastecemento, pero sírvenche máis a contagotas
Os 13.000 litros de leite que SAT Os Foros se viu obrigada a tirar teñen un valor que supera os 5.000 euros, a un prezo final de 40 céntimos o litro con IVE e calidades. “Dicen que van abonalos pero xa veremos. Desde logo, non foi culpa nosa que non levaran o leite. Nós muximos igual e estaba no tanque”, expón Manuel. Ao igual que lles pasou a eles, outras ganderías da zona que entregan a Lactalis tamén se viron afectadas polos problemas de recollida, como SAT Os Penedos, que tivo que tirar 7.000 litros, ou SAT Fontixón, que perdeu máis de 10.000.
Isto é cuestión de diálogo, e os políticos están para parlamentar, para falar
"Este paro está provocando unha serie de perdas moi grandes”, di Manuel, que lle esixe ao Goberno que negocie cos camioneiros para poñer fin ao conflito: “Isto é cuestión de diálogo, e os políticos están para parlamentar, para falar”, sentenza.

“Mandáronme un whatsapp avisando de que suspendían a recollida, tirei o leite e despois viñeron buscalo”

Manuel sacou fotos e gravou un vídeo no momento que tivo que abrirlle ao tanque do leite Manuel Calvelo ten unha gandería en ecolóxico en Negreira con 62 cabezas. O domingo pola mañá recibiu un whatsapp de Leche Celta no que lle explicaba que “debido ao paro no transporte a nosa capacidade de envasado, almacenamento e xestión dun alimento tan altamente perecedoiro como é o leite quedou absolutamente anulada”, polo que a empresa que lle recolle o leite se escudaba en que “esta causa de forza maior impedirá cumprir coas obrigas de recollida do leite” e informábao de que non se faría responsable dos incumprimentos “en base á cláusula quinta do contrato” asinado, que outorga á empresa a posibilidade de comunicalo dentro das 120 horas seguintes a producirse a incidencia. “Era mellor que non mandaran nada. Cando me chegou iso o que fixen foi tirar o leite da noite e o de pola mañá que tiña no tanque para facer sitio e poder gardar o máis fresco.  Boteino para a foxa do purín e ao pouco chega o camión da recollida”, lamenta Manuel, que tirou 1.100 litros producidos polas 40 vacas en muxido que ten neste momento.
Ao final cando pasan estas cousas parece que ninguén é responsable, pero se quixeran abonar o leite poden facelo, que ben saben o que dou cada día
“Ao final cando pasan estas cousas parece que ninguén é responsable. O inspector díxome que quedaran sen palés na fábrica e por iso mandaran o aviso e que despois a última hora lles entrara un camión; algunha desculpa tiñan que poñer, pero se quixeran abonar o leite poden facelo, que ben saben o que dou cada día”, di. Manuel é comprensivo co paro. “Ogallá se amañe o problema, os transportistas teñen toda a razón do mundo e os prezos dos combustibles aféctannos a todos, non a eles sós. Desde o Goberno algo terán que facer e algunha medida terán que tomar, aínda que non sexa a panacea, porque todos sabemos como son os políticos, que cando son as eleccións non hai problema que se lle resista e resolven todo”, argumenta con retranca. Vídeo gravado noutra granxa que tivo que tirar o leite, algo común en moitas explotacións estes días.

A folga dos camioneiros obriga a usar tractores para sacar o fertilizante do porto da Coruña

Tractores con abono descargando no almacén de Progando no polígono de Sabón, en Arteixo O paro que desde hai máis dunha semana afecta ao sector do transporte obriga a atopar solucións imaxinativas para manter a actividade ás empresas que subministran produtos ás explotacións agrogandeiras. A situación segue a ser complicada no porto da Coruña, principal vía de entrada de graneis, tanto cereais como fertilizantes, a Galicia. Os camioneiros que desde hai máis dunha semana bloquean o acceso ao porto están a permitir, con restricións, saír cereal cara ás plantas de fabricación de pensos pero até agora non saíra nada de fertilizante. E este ano o stock do que dispuñan os almacenistas e distribuidores era xa de por si máis reducido, debido á carestía e escaseza de determinados produtos, polo que as reservas da maioría das empresas é limitada. Para afrontar con garantías a campaña de abonado de pradeiras e de sementeira do millo, a empresa de subministros agrarios Progando botou man este martes de tractores para poder sacar fertilizante do porto, ante a imposibilidade de facelo en bañeiras, e poder así dar servizo aos seus clientes. Os tractores, un total de sete, cos remolques que usan para carrexar o millo e a herba para o silo nas campañas de ensilado, estiveron durante todo o día facendo viaxes desde o Porto Exterior de Punta Langosteira, en Arteixo, até os almacéns que Progando ten no polígono de Sabón.
Ante a falta de transporte, o barco permanecía fondeado desde hai unha semana sen poder descargar a mercadoría
Foi a solución que atopou a empresa para poder trasladar aos seus almacéns o abono e garantir deste xeito a descarga do barco que o transportaba desde Amberes e que agardaba fondeado desde o martes pasado coas 3.500 toneladas de produto. Unha parte do descargado é tamén para a empresa asturiana Agropres. “Estamos contentos porque resolvemos o problema para os nosos clientes. O cargamento que trae este barco vai dar servizo á máis de 300 ganderías que agardaban por ese fertilizante para usalo nas campañas de abonado de pradeiras e de sementeira do millo”, explican desde Progando.

A Central Agropecuaria activa un sistema de preinscricións logo de dúas semanas sen poxas de vacún polo paro dos transportes

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca volveu quedar deserta este martes por segunda semana consecutiva debido ó paro dos transportes iniciado o pasado luns 14. Do mesmo xeito que aconteceu a semana pasada, tanto vendedores como compradores non asistiron a esta sesión á lonxa debido ás dificultades para transportar o gando. Ante esta inactividade durante dúas semanas debido ó paro convocado polo transporte e a posibilidade de que aínda se prolongue, a Central acaba de activar un sistema de preinscrición para que a primeira sesión que se celebre tras este paro non exceda a capacidade total de animais coa que conta o mercado. Esta sitúase en 972 becerros de recría, 170 tenreiros carniceiros e 475 vacas, ademais de 100 prazas para gando en tránsito (o cal non participa nas poxas, pero permanece nunha área específica da Central para o seu benestar durante o seu traslado dunha explotación a outra por parte de transportistas que levan outros animais á poxa). Este sistema supón que os usuarios da Central deben inscribir os animais que levarán ó recinto. Para isto, terán que comunicar o número de reses a través dalgún dos dous medios habilitados para tal efecto: o correo info@centralagropecuariadegaliciaabanca.es ou o número de teléfono 673 798 302. Do mesmo xeito que a primeira vez que se empregou este sistema, nas primeiras sesións da Central tras o peche debido á Covid-19, o número máximo de reses establécese, no caso de tratantes e transportistas, segundo os límites de cupos determinados previamente para eles, os cales se calcularon segundo a media semanal de animais que aportaron ata agora. En canto ós gandeiros particulares, poderán preinscribir reses ata que se acade a capacidade fixada para a Central. En caso de acadarse, terase en conta a data e hora de solicitude, fixándose como límite as 10.00 horas do luns anterior á poxa. O persoal da Central informará aos usuarios sobre a súa solicitude. No caso de que a solicitude dalgún gandeiro non poida ser aceptada por estar completa a capacidade da Central, este poderá requirir nese momento manter a preinscripción para a semana seguinte. Mesa de prezos do porcino Pese a que non houbo poxas de gando vacún, a Central Agropecuaria fixo públicos os prezos acordados, como cada martes, nas mesas de cotizacións do porcino. Neste sector, unha semana máis continúan a cotizarse á alza tanto os porcos cebados como os leitóns. No porco selecto e o normal produciuse un incremento de 0,06 euros e pasan a cotizarse a 1,385 e 1,360 euros o quilo, respectivamente. A suba máis destacada, do mesmo xeito que ven ocorrendo nas últimas sesións, produciuse nos animais de Canal II, que tiveron un incremento de 0,78 euros e acadan un prezo de 1,766 euros o quilo. Os animais de descarte foron os únicos que se mantiveron sen cambios e continúan a cotizarse entre os 0,52 e os 0,58 euros o quilo. Nos leitóns, produciuse unha suba de 6 euros. Os exemplares chegados dunha única granxa están nos 66 euros (cun prezo de 3,3 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 61 euros e teñen un prezo por quilo de 3,05 euros. No mercado do ovo houbo subas por valor de 0,050 euros para os ovos da XL, que pasan a cotizarse a 2,08 euros a ducia. Mentres, no resto de categorías houbo unha suba de 0,1 euros o que deixa os ovos da L a un prezo de 1,84 euros a ducia, os da M a 1,64 euros e os da S a 1,44 euros a ducia. As galiñas de descarte tamén rexistraron unha suba de 0,01 euros e pasan a cotizarse entre os 0,29 e os 0,36 euros por quilo.