Archives

O Ministerio reduce nun 30% o importe do ecorrexime de pastoreo e nun 20% o de rotación de cultivos

O Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) fixo públicos este luns os importes provisionais dos ecorreximes para a campaña da PAC deste ano 2023, que recollen mermas considerables nas cantidades previstas inicialmente para as principais prácticas ás que se poden acoller os agricultores e gandeiros galegos. Deste xeito, segundo a nota publicada polo FEGA, o importe do ecorrexime de pastoreo extensivo pasa dos 62,16€ previstos inicialmente a 44,72€, o que supón un descenso do 28%, mentres que o de rotación de cultivos con especies mellorantes baixa de 85,72€ a 68,64€, un 20% menos.
Os ecorreximes son prácticas anuais beneficiosas para o medio ambiente ás que se poden acoller voluntariamente os produtores
A redución nestas axudas supón a perda de case 18€/ha no caso dos produtores galegos que solicitaron o ecorrexime de pastoreo e 17€/ha para os que se acolleron ao de rotación con especies mellorantes en terras de cultivo. Tamén se reduce nun 22% (13 euros menos por hectárea) o importe fixado para o ecorrexime de espazos de biodiversidade e superficies non produtivas, así como nun 5% (8 euros menos por hectárea) a utilización de cubertas vexetais en cultivos en bancais ou con pendentes superiores ao 10%. 
Existe unha redución importante por degresividade nos ecorreximes de rotación de cultivos, sementeira directa e cubertas vexetais en pendentes superiores ao 10%
Existe a maiores unha redución importante por degresividade ao superar as 30 primeiras hectáreas nos ecorreximes de rotación de cultivos e sementeira directa en secaño (20 euros menos por hectárea) e as 25 hectáreas en regadío (42 euros menos por hectárea), así como no uso de cubertas vexetais en pendentes superiores ao 10% cando se superan as primeiras 15 hectáreas (57 euros menos por hectárea).  Non varía o importe de 25€/ha a maiores previsto na normativa da PAC para os produtores que se comprometan a realizar tamén as prácticas de sementeira directa e cubertas vexetais sobre as mesmas parcelas na vindeira campaña.
O FEGA aclara que os importes publicados son o resultado das solicitudes da PAC efectuadas nesta campaña
Os importes resultantes establecéronse en base aos datos das superficies solicitadas polos agricultores e gandeiros na solicitude única da PAC deste ano, comunicadas ao FEGA polas comunidades autónomas.  O cobro destas cantidades terá lugar en dous prazos, un primeiro pago ou anticipo do 70% entre o 16 de outubro e o 30 de novembro deste ano e un segundo pago da cantidade restante, até completar o importe total establecido, entre o 1 de decembro deste ano e o 30 de xuño do ano que vén.
A redución das cantidades a percibir polos produtores redundará en máis gastos e menos PAC
A incorporación destas primas por ecorreximes voluntarios é unha das novidades fundamentais do novo período da PAC até 2027 e implica a adopción de determinadas prácticas por parte dos produtores. Algunhas delas implican gastos a maiores (rotación de cultivos ou cubertas vexetais) ou levan implícita unha perda de produtividade (illas de biodiversidade), polo que a redución agora das cantidades compensatorias previstas inicialmente vai redundar nun menor cobro de axudas por parte dos produtores que se acolleron a estes ecorreximes e un maior custo de produción para estas explotacións. 

Calendario de charlas no Deza sobre as novidades da PAC

Lalín acolleu na mañá deste martes a primeira das charlas informativas sobre a nova PAC programadas na comarca do Deza (Pontevedra) nos próximos días. A xornada na capital dezana celebrouse na aula da UNED, situada no polígono industrial, e contou cun importante número de gandeiros interesados nas novidades que vai introducir o novo modelo de axudas da PAC. Ó longo dos próximos días celebraranse charlas en Silleda, Rodeiro, Agolada e Vila de Cruces. Todas elas terán lugar ás 10.30 horas. As xornadas están organizadas dende a oficina agraria comarcal e contan coa colaboración do Servizo Territorial do Fogga – Pontevedra. Detallamos a continuación a data e o lugar das próximas charlas: - Xoves 16 de marzo. Silleda. Fundación Semana Verde. Clube do expositor. -Venres 17 de marzo. Rodeiro. Centro Cultural Manuel Lamazares. - Martes 21 de marzo. Agolada. Casa da Cultura. -Xoves 23 de marzo. Vila de Cruces. Auditorio Xosé Casal.

“Estamos ante unha campaña da PAC de transición que ten moitas complicacións e dificultades”

Algúns dos gandeiros asistenes ás xornadas Africor-Vaca Pinta celebradas esta semana en Lugo Tanto ao Ministerio como á Xunta colleunos o touro coa actual campaña da PAC. Este mércores, día 1 de marzo, abriuse oficialmente o prazo para a presentación das solicitudes de axudas, pero polo momento isto non é posible aínda en Galicia nin está previsto que o sexa polo menos até dentro de 15 días. Celso Sevillano, do servizo de axudas gandeiras da PAC no FOGGA, admitiu estes retrasos nas xornadas Africor Lugo-Vaca Pinta, celebradas esta semana na Facultade de Veterinaria, e preveu unha campaña “complicada” na que a Xunta tratará de “abrir a man”. “Estamos nunha campaña de transición que require certa flexibilidade”, recoñeceu o representante do FOGGA, que recomendou aos produtores que revisen ben os datos recollidos, tanto relativos á explotación como ás hectáreas declaradas en base á información do SIGPAC. A presentación este ano deberá facerse de maneira exclusivamente electrónica, por medio dun certificado dixital, e a Xunta habilitará un equipo informático en cada oficina agraria para que poida ser usado por aquelas persoas que non dispoñan de ordenador na casa. Non está previsto ampliar o prazo máis aló do 31 de maio De momento non está previsto estender o prazo de solicitude máis aló do 31 de maio, por mor de poder cumprir cos tempos posteriores. “Canto máis se retrase o período de solicitude máis se van retrasar os pagos, porque é materialmente imposible poder facer despois entre outubro e novembro os primeiros pagos dos anticipos”, xustificou.
Canto máis se retrase o período de solicitude máis se van retrasar os pagos, polo que non é posible dar máis prazo
Até o 15 de xuño será o prazo de modificacións para solucionar duplicidades ou outro tipo de problemas sen que haxa penalización. “Despois desa data aínda se poderían facer cambios, pero xa con algún tipo de penalización”, dixo. Normativa aínda pendente de aprobación Co prazo xa oficialmente aberto, non está nin sequera pechada a normativa de aplicación da nova Política Agraria Común 2023-2027. De momento hai publicada unha Lei (Lei 30/2022) e 18 Reais Decretos, os máis importantes o Real Decreto 1048/2022 sobre pagos directos e o Real Decreto 1049/2022 sobre os requisitos da nova condicionalidade reforzada, publicados todos a finais de decembro, “pero queda aínda normativa por publicar e estamos á espera de que esa nova normativa aclare cuestións que están pendentes”, admitiu Celso. Do mesmo xeito, prevense aínda cambios e modificacións, como as solicitadas pola Xunta esta mesma semana, así como corrección de erros por parte do Ministerio da Lei e os Reais Decretos xa aprobados.
Haberá cambios legais durante este mes de marzo nos reais decretos xa aprobados
Tamén a nivel autonómico existen retrasos, tanto na aprobación da normativa galega como na posta a punto da aplicación necesaria para a presentación das solicitudes. “Temos pendente de publicación a Orde que pon en marcha a campaña en Galicia. Nas axudas de desenvolvemento rural quedan aínda flecos pendentes de aclararse. Esperamos que en 15 días se aprobe a Orde da Xunta, que será onde se recollan todos os detalles”, avanzou Celso. Están sen cargar os dereitos na aplicación Esta semana estaba previsto que o FEGA fixese públicos a través da súa páxina os novos datos de dereitos por beneficiario e a nova conversión de dereitos. Existirá tamén unha calculadora para o cálculo do importe a cobrar de axuda asociada e ecorrexime introducindo o número de animais e hectáreas.
A Xunta recomenda non presentar ningunha solicitude polo momento
“Como vai todo con bastante retraso a nosa aplicación non ten aínda a carga dos dereitos incorporada. Contamos que tardemos 6 ou 8 días en ter a aplicación plenamente operativa, cos datos necesarios cargados. Polo tanto, non deixedes ningunha solicitude pechada e rexistrada”, recomendou aos gandeiros presentes nas xornadas, celebradas no auditorio da Facultade de Veterinaria. Cadernos dixitais A partir do vindeiro ano, coa entrada en vigor do SIEX, xerarase automaticamente un borrador que será revisado polo beneficiario para a presentación das solicitudes de axuda da PAC, sen necesidade de ter que meter os datos. “É un pouco como o borrador da Declaración da Renda”, comparou. 
A partir desta campaña vai ser moi engorroso levar os libros da explotación, pero haberá que cumprir con iso se queremos cobrar as axudas da PAC
Outra das novidades que afectarán á PAC no 2024 será a relativa aos Cadernos de Explotación dixitais. “A partir desta campaña vai ser moi engorroso todo o tema de levar os libros da explotación, estamos todos de acordo, pero non vai haber máis remedio que cumprir con todo isto se queremos cobrar as axudas da PAC”, insistiu. Cambios que entran en vigor na campaña 2024 A pandemia, o Brexit e a guerra de Ucraína tamén condicionaron a PAC actual, tanto na súa entrada en vigor como nas súa cuantía económica. “O Reino Unido era un dos países que máis fondos aportaba ao orzamento da PAC, polo que o Brexit motivou un recorte importante de fondos. A saída do Reino Unido da UE condicionou moito a PAC porque houbo que aquilatar moito o orzamento”, indicou. Determinados cambios previstos no actual período 2023-2027, sobre todo en determinados aspectos da condicionalidade reforzada, como o mantemento dun 4% da superficie sen traballar ou o Real Decreto de Nutrición Sostible de solos agrícolas, non se aplicarán tampouco este ano a raíz das excepcionalidades establecidas a consecuencia da guerra en Ucraína.
Aspectos como a condicionalidade social, o decreto de xurros e o 4% da superficie para espazos de biodiversidade non serán tidos en conta até o vindeiro ano
“Esta campaña libramos das prohibicións do uso do prato e abano para repartir o xurro, pero a partir do 1 de xaneiro do vindeiro ano tamén isto será tido en conta para o cobro da PAC, ao igual que os plans de abonado”, explicou. Nesta campaña da PAC 2023 o Real Decreto de Nutrición Sostible só lles vai afectar ás explotacións máis grandes, de máis de 180 UGM, que a partir de setembro terán que anotar as aplicacións de xurro no Caderno Dixital de Explotación. Ecorreximes a favor do clima, o medio ambiente e o benestar animal Os obxectivos da Política Agraria Común foron cambiando ao longo do tempo nos seus distintos períodos, a medida que algúns se ían cumprindo ou para adaptarse a novos problemas. “O cambio climático é o reto que centra a reforma para o período actual. As cuestións medioambientais supoñen o 40% do orzamento. Ten máis forza o MITECO que o Ministerio de Agricultura, que é quen xestiona a PAC”, asegurou Celso.
Semella que ten máis peso o Ministerio de Medio Ambiente que o de Agricultura, que é quen xestiona a PAC  
O representante do FOGGA animou aos produtores a acudir ás oficinas agrarias comarcais a asesorarse, facer consultas sobre casos concretos e recibir información sobre a tramitación, os compromisos e as contías das novas liñas de axudas previstas na nova PAC, como os ecorreximes, para os que está reservado un 23% do diñeiro total asignado a axudas directas. Os importes previstos no ecorrexime de pastos serán de 62€ por hectárea tanto para as prácticas de pastoreo extensivo, sega sostible e illas de biodiversidade, mentres que a rotación de cultivos con especies mellorantes primarase con 85 euros por hectárea.
Algo pasa no Ministerio que non se ten en conta as condicións específicas de Galicia
Son dous dos ecorreximes que mellor encaixan co sistema de traballo das explotacións galegas, xa que o representante do FOGGA queixouse do descoñecemento existente no Ministerio de Agricultura da realidade produtiva de Galicia. “Persoalmente tiven que pelexar en Madrid ante o FEGA porque o Real Decreto de ordenación de granxas bovinas ía en contra do tipo de explotacións que temos en toda a cornixa cantábrica. Algo pasa no Ministerio que non se teñen en conta as condicións do norte de España, pasou o mesmo co tema do lobo. Para o Ministerio parece que non existen este tipo de explotacións que temos en Galicia”, queixouse.

“Habilitarase un modelo de declaración responsable para corrixir erros na tipoloxía das explotacións”

Un dos problemas detectados á hora de acceder a determinadas axudas da PAC nesta campaña é o feito de que están condicionadas a unha determinada tipoloxía de explotación. Pasa tanto nas axudas directas do primeiro pilar como nas agroambientais do segundo. Por exemplo, para poder cobrar as axudas asociadas a vacún de carne e engorde de tenreiros na explotación de nacemento as explotacións terán que estar encadradas como extensivas ou tamén como semiextensivas se teñen entregas de leite. Para corrixir os datos erróneos existentes no REGA, nesta campaña vaise habilitar un sistema extraordinario na propia solicitude da PAC.
A axuda por vaca nodriza a partir de agora só a poderán cobrar as vacas que saian ao pasto
“Imos incluír no apartado das declaracións á hora de facer as solicitudes da PAC unha específica para marcar que tipo de explotación é a que ten cada beneficiario. Con iso farase a modificación no REGA sen necesidade de facer outra solicitude nin pagar taxas, aínda que despois comprobarase por parte da Xunta se esa información é correcta ou non e en caso de non ser correcta reclamaranse os cartos cobrados indebidamente”, advertiu. Importe das axudas: a onde van parar os cartos? Unha das eivas que Galicia arrastra historicamente á hora de acceder ao reparto das axudas da PAC é o número de dereitos cos que contan os agricultores e gandeiros da comunidade. Do total de 19,6 millóns de dereitos existentes no conxunto de España, Galicia só conta con 387.396, segundo os datos pechados da campaña 2021. No período que agora se abre poderase acceder a novos dereitos da Reserva Nacional baixo unha serie de premisas e condicións, por exemplo o feito de que estes dereitos non se van poder ceder ou vender durante un prazo de 5 anos.
Está claro para onde vai a maior parte do diñeiro da PAC: a Andalucía, Castela e León, Castela-A Mancha, Estremadura e Aragón
Galicia conta con 24.656 perceptores da PAC. Estremadura, con menos do dobre de perceptores, ten sen embargo 6,3 veces máis dereitos ca Galicia. Outro tanto ocorre, por exemplo en Castela-A Mancha, que ten 4 veces máis perceptores da PAC ca Galicia, pero 10 veces máis dereitos. “Está claro para onde vai a maior parte do diñeiro da PAC: Andalucía, con 224.730 beneficiarios, recibe 855 millóns de euros cada ano; Castela e León, con 64.485 beneficiarios, 501 millóns de euros; Castela-A Mancha, con 98.945 beneficiarios, 390 millóns de euros; Estremadura, con 46.470 beneficiarios, 291 millóns de euros; Aragón, con 37.972 beneficiarios, 258 millóns de euros; mentres que a Galicia, con 24.656 beneficiarios, só veñen 70,9 millóns de euros”, detallou Celso. O valor medio dos dereitos non é tampouco o mesmo nas distintas comunidades autónomas. Isto fai que un perceptor da PAC galego reciba de media 2.878 euros, mentres que un de Estremadura leve 6.268 euros, un de Aragón 6.805 euros ou un de Castela e León 7.772 euros. Lugo, a provincia galega que recibe máis fondos En Galicia, a provincia de Lugo recibe 80,4 millóns de euros en axudas directas, case a metade dos 163 millóns do conxunto da comunidade, seguida da Coruña con 54,6 millóns, Pontevedra con 15,5 millóns e Ourense con 13 millóns, segundo os datos pechados do 2021. Por concellos, encabeza o ránking de pagos recibidos Lalín, que con 563 beneficiarios sumou 4,5 millóns de euros en axudas directas, dos que 1,5 millóns corresponden a vacún de leite. A Pastoriza, en Lugo, e Mazaricos, na provincia da Coruña, son tamén os concellos que máis fondos reciben: 4,3 millóns e 3,5 millóns respectivamente. As ganderías de leite duplicarán os ingresos coa nova PAC O peso do sector leiteiro é evidente na listaxe dos 20 primeiros concellos perceptores de axudas da PAC en Galicia e prevese que no novo período mesmo se incremente. No ano 2021 cobraron a PAC en Galicia 6.595 ganderías leiteiras, que recibiron 31,1 millóns de euros, e pasarán a recibir este ano un total de 48 millóns, segundo os cálculos feitos polo FOGGA. “As explotacións de vacún de leite saen bastante beneficiadas”, asegurou Celso. O importe da axuda asociada á produción de leite sitúase en 157€ por cabeza nas primeiras 150 vacas e 78€ en diante, cun incremento dun 15% da axuda no caso de explotacións de montaña.
En Galicia só hai 45 explotacións leiteiras que cobran por máis de 300 vacas
“O importe que cobraredes este ano vai ser similar á axuda extraordinaria que cobrastes o ano pasado coa axuda extraordinaria pola guerra de Ucraína”, calculou. Así, unha explotación de menos de 25 vacas (hai 2.200 en Galicia) que cobraba de PAC até este ano unha media de 1.500€ pasará a cobrar 3.000€; unha de entre 25 e 50 vacas (2.200 granxas) pasará de 4.000 a 7.000€; de 50 e 100 vacas (1.500 granxas) incrementará de 7.000 a 12.000€; as de 100 a 200 (550 granxas) pasarían de 10.000 a 20.000€, as de 200 a 300 vacas (100 ganderías) de 20.000 a 30.000€ e as de máis de 300 vacas (45 granxas) subirían de 35.000 a 40.000€. Con estas contías, “as axudas da PAC son unha garantía para as explotacións en caso de que os prezos do leite caian”, dixo Celso. “O leite para os consumidores no supermercado subiu entre un 20 e un 30%, a vós o leite subiuvos un 90%. Os prezos teñen que acomodarse”, vaticinou. Elementos da paisaxe Outra das novidades deste ano é o cobro polos elementos da paisaxe, que entran dentro da superficie con dereito a recibir axudas da PAC. Sen embargo, en Galicia o SIGPAC ten moitas deficiencias á hora de reflectir estes elementos: marxes fluviais, sebes, muros e peches de parcela, árbores, etc.
Existe a obriga de conservar os distintos elementos da paisaxe en boas condicións, non podendo facer podas entre os meses de marzo a agosto
Computan as sebes e lindes de parcela até 10 metros de ancho; as árbores illadas ou os grupos de árbores até 0,3 ha; as illas de vexetación natural ou rochas até 0,1 ha; as pozas, lagoas e estanques naturais até 0,1 ha (non contemplándose os depósitos de cemento ou plástico); e as terrazas de retención do terreo ou os socalcos até un máximo de 10 metros de ancho. No caso de non apareceren recollidos estes elementos dentro das parcelas, habería que presentar unha alegación ao SIGPAC este ano no momento da presentación da solicitude da PAC, co que o erro xa quedaría corrixido para os vindeiros exercicios.

Recomendacións ás ganderías para evitar recortes nas axudas por pastos na PAC 2023

A campaña da solicitude da PAC deste ano prevese problemática. Á complexidade engadida na tramitación, como consecuencia da entrada en vigor no novo período 2023-2027 de elementos como os ecorreximes, engádese unha actualización do SIGPAC que modifica a porcentaxe subvencionable en parcelas de pasto arbustivo e baixo arboredo. Desde o pasado 1 de febreiro pódense consultar a través do Visor do SIGPAC os datos das parcelas que se terán en conta para a Solicitude Única que comeza o vindeiro 1 de marzo. Como novidade para esta campaña 2023 incorpóranse novas capas de Pastos Comunais e Faixas de Protección de Cauces e actualízase o valor do novo Coeficiente de Subvencionabilidade de Pastos (CSP), que substitúe ao anterior Coeficiente de Admisibilidade de Pastos (CAP). O novo CSP, definido nos Decretos que regulan o novo período da PAC, aprobados a finais de decembro, aplícase a aquelas superficies de pastos “que presenten características que de forma estable impidan un aproveitamento total das mesmas pola presenza de elementos improdutivos tales como zonas sen vexetación, pendentes elevadas ou masas de vexetación impenetrable” (Real Decreto 1048/2022 artigo 3.13).
Para a fixación do novo Coeficiente de Subvencionabilidade de Pastos téñense en conta as condicións da parcela, a pendente, a presenza de arboredo e as características botánicas do pasto
Como novidade respecto ao CAP fixado no ano 2015, o CSP do 2023 introduce o factor da especie forraxeira á hora de fixar a porcentaxe de superficie de pasto subvencionable, que valora a pastabilidade do tipo de vexetación presente na parcela. Ademais, introdúcese unha nova categoría para a clasificación das parcelas, a de Matogueira (MT), que se engade ás xa existentes de Pastizais (PS), Pasto Arbustivo (PR) e Pasto Baixo Arboredo (PA).

Consecuencias á hora de solicitar a PAC

A redución da superficie admitida afecta sobre todo a gandeiros nas zonas de montaña, que verían comprometidas as axudas que percibían estes anos. Xoán González é titular dunha explotación ovina no concello de Viana do Bolo. Este mozo detectou o problema ao revisar no SIGPAC as súas parcelas trala última actualización do 1 de febreiro. “Tiña fincas cualificadas como pasto arbustivo que están moi ben coidadas e valen para pacer case como se fosen un prado que pasaban dun 85% de CAP a cero e outras ao 35%. A rebaixa total supúñame ter 6 hectáreas menos de superficie, co que perdería a liña de axudas de ecolóxico e caeríanme todos os compromisos de carga gandeira esixidos”, explica.
Eu recomendaría a todo o mundo que revise como aparecen as súas parcelas para que non se atopen con ese problema o día que vaian presentar a solicitude da PAC
Ao igual ca Xoán, outros produtores da zona atopáronse co mesmo problema e decidiron dirixirse ao FOGGA pedindo explicacións. “Chamamos ao FOGGA e volveron poñelas ben. Dixéronnos que fora un erro, pero se non chegamos a chamar non o terían arreglado e atopariámonos con ese problema o día que foramos facer a solicitude da PAC, que é o que lle vai pasar á maioría da xente, que se vai enterar ese día”, asegura. Xoán quéixase do cambio de oficio realizado “sen un motivo de peso nin unha acta que xustificara ese cambio”, cando o propio FEGA, na súa última circular sobre como presentar alegacións ao SIGPAC, indica que “cando como resultado dunha actualización masiva do SIGPAC, vísense afectados os cálculos das axudas da PAC (pagos directos e pagos ao desenvolvemento rural) así como calquera outra subvención na que se utilice o SIGPAC como referencia para a declaración de superficies, aquelas persoas cuxos intereses se visen afectados deberán ser notificadas no marco do procedemento de tramitación das devanditas axudas ou subvencións”. Un requisito que non se está a cumprir neste caso e do que se queixan os afectados.

Procedemento para alegar ao SIGPAC

Desde o 1 de xaneiro do 2005 o SIGPAC é a única base de referencia para a identificación das parcelas agrícolas no marco da PAC, pero os produtores deben realizar a declaración de superficies en base á realidade do terreo. “No caso de que o SIGPAC non reflicta a situación real das parcelas e se observe que os seus recintos non están correctamente delimitados ou se cambiou o uso dalgún recinto, o produtor notificarao á súa administración autonómica a través da oportuna solicitude de modificación ao SIGPAC, e entre tanto, na súa solicitude única declarará a situación real”, aclara o FEGA.
As alegacións ao SIGPAC deberán incluír un informe técnico e fotografías xeoreferenciadas
Para corrixir os erros detectados os afectados terán que presentar alegacións ao SIGPAC no propio proceso de solicitude da PAC, a través da aplicación que habilitará a Xunta. A alegación deberá incluir un informe técnico con antigüidade inferior a 6 meses que xustifique o cambio solicitado, así como fotografías xeoetiquetadas. Amaia Santamarta, técnica de Ovica e encargada de tramitar a PAC dentro da asociación, asegura que “as alegacións son unha tortura e os resultados son moi variables dependendo da provincia, porque aínda que supostamente os técnicos do FOGGA teñen criterios comúns na realidade hai moita diferenza”. Ademais, di, “as parcelas de menos de 3.000 metros cadrados denéganas de oficio, xa non as van nin ver, e en Galicia hai moitas así”, quéixase. Por iso “xogarse as axudas da PAC a esas alegacións é un risco, como produtor non podes xogalo todo á carta das alegacións”, considera.
"Este ano a PAC vai ser un foco de problemas por todas partes. O propio FOGGA admite que o SIGPAC ten moitas deficiencias"
“Os gandeiros máis afectados pola revisión do CSP son os das zonas de montaña que teñen gando vacún de carne, cabalos ou rabaños de ovino e caprino. Os pastos arbustivos e pastos con arboredo sempre van ter rebaixa de superficie pero hai parcelas que xa foran alegadas e ás que se lles asignara un CAP máis alto que agora volvéronas para atrás”, explica. “Este ano a PAC vai ser un foco de problemas por todas partes. O propio FOGGA admite que o SIGPAC ten moitas deficiencias porque colle os datos do Catastro, que en Galicia está moi mal, polo que arrastra eses mesmos erros. Galicia ten unhas circunstancias moi concretas que deberían ser tidas en conta”, di Amaia. O cambio de cualificación das parcelas pode levar a unha perda de fondos, sobre todo para os produtores que anden moi xustos de superficie. “Hai zonas onde é complicado atopar máis terreos e se os atopas van ser de características similares, polo que vas ter o mesmo problema”, conclúe.

Outras eivas do SIGPAC: moitos elementos da paisaxe e cauces fluviais seguen sen aparecer

Unha das novidades introducidas no actual período da PAC dentro da condicionalidade reforzada é a obriga de que as explotacións manteñan unha porcentaxe mínima do 4% de superficies de interese ecolóxico (SIE), no que se incluirían elementos da paisaxe ou marxes fluviais sen cultivar. Aínda que a obriga do cumprimento desta boa práctica (BCAM 8) manterase este ano en suspenso, ao igual que a da rotación de cultivos (BCAM 7), como consecuencia da excepcionalidade aprobada pola UE a raíz da guerra de Ucraína (tal como se recolle no Real Decreto 1049/2022), estas superficies deberán ser tidas en conta sen embargo no caso de solicitar os ecorreximes de rotación de cultivos con especies mellorantes ou o de mantemento de espazos de biodiversidade.
As superficies ou elementos non produtivos poderán adicarse excepcionalmente este ano a produción de alimentos, agás millo e soia
Pero xorde neste caso o problema de que no SIGPAC non aparecen en moitos casos reflectidos a totalidade dos elementos da paisaxe (sebes, lindes, árbores ou froiteiras illadas nos prados e terras de cultivo, balsas de rego, muros de pedra seca e outros elementos singulares, etc) nin tampouco os 5 metros de faixa entorno aos ríos e regatos.

O FOGGA recomenda non alegar

A única alternativa en caso de que unha explotación queira marcar estes elementos para cumprir co ecorrexime de espazos de biodiversidade sería presentar tamén unha alegación ao SIGPAC, que complicaría a solicitude da PAC. “Os ríos seguen sen estar todos cargados e no caso dos que non estean debuxados desde o FOGGA desaconsellaron que os introduciramos na solicitude”, explica Ana Rodríguez, responsable da Política Agraria Común no Sindicato Labrego Galego. O propio FEGA admite que a capa cargada no SIGPAC o pasado 1 de febreiro relativa aos cauces fluviais “é provisional, de forma que permitirá ir depurando e consolidando a información”. Polo tanto, “no caso de que un agricultor non estea de acordo coa información recollida deberá presentar ante a súa administración autonómica unha solicitude de modificación do SIGPAC”, recomenda a entidade estatal, en contra do criterio seguido polo FOGGA.

Conflitos nos montes veciñais

O SIGPAC incorpora tamén como novidade unha nova capa de Pastos Comunais, onde se incluirían os montes veciñais en man común que fan aproveitamento gandeiro. Nos casos nos que as parcelas son pacidas de xeito individual polos comuneiros, a directiva da comunidade de montes ten que facer unha declaración asignando esas superficies para que despois os produtores as poidan incluír nas súas solicitudes individuais.
As directivas dos montes veciñais teñen que declarar as diferentes superficies que lles asignan aos gandeiros
Se non está feita esta declaración previa non se poderían solicitar axudas por estas parcelas traballadas individualmente, o que está levantar toda a problemática existente cos montes veciñais en Galicia. “Se a directiva do monte vecinal non fai este trámite previo, os gandeiros están vendidos”, advirten desde a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes. Moitas veces os conflitos de intereses entre comuneiros con gando e comuneiros con intereses forestais impiden o acordo. Outras veces as xuntas directivas das Comunidades de Montes están sen renovar desde fai anos, polo que non terían capacidade legal para operar sen antes proceder á renovación dos seus órganos de representación.

Problemas coa clasificación das granxas extensivas

Outro dos cambios introducidos na solicitude da PAC deste ano ten que ver coa axuda asociada por vaca nodriza, que só van poder cobrar as explotacións clasificadas como extensivas. “Antes non pedían ningunha clasificación en concreto, pero agora se non tes ben a categoría non vas poder cobrar esta axuda, que representa unha cantidade económica importante, e moitas granxas en Galicia que eran de leite e se pasaron á carne seguen figurando como explotacións intensivas, polo que perderían as axudas”, advirte a responsable da PAC no SLG.  
Hai moitas explotacións en Galicia que están mal clasificadas e perderían a axuda asociada por vaca nodriza
Ese cambio de categoría, en función da clasificación que establece o novo Real Decreto de Ordenación de granxas bovinas, poden pedilo as explotacións en calquera momento, previo pago da taxa correspondente, aínda que se agarda que se habilite un período extraordinario para facer o cambio, ben a través da solicitude única da PAC ou na Oficina Virtual. “A xente debería ir mirando como ten as parcelas, en que rexión está e como está clasificada a súa granxa; é algo moi importante”, recomenda Ana.

Retrasos na presentación das solicitudes

O FOGGA celebrou este pasado xoves unha xuntanza con entidades colaboradoras na tramitación da PAC, que serviu para deixar patente o seu malestar polo incremento da carga de traballo que vai supor a solicitude deste ano, no canto da simplificación anunciada, así como o axustado dos prazos.
A estas alturas, cando falta menos dunha semana, non está aínda operativa a aplicación para cargar as solicitudes nin foi aprobada a norma reguladora a nivel galego
Aínda que oficialmente o prazo ábrese o 1 de marzo, non se van poder presentar as solicitudes até ben avanzado marzo ou principios de abril. “O día 1 non vai estar nada operativo, a aplicación de proba non estará até o día 6 pero ata o día 20 non van facer a formación porque non vai haber ata entón unha versión da que se fíen para poder cargar as solicitudes. Non sei se é culpa do Ministerio ou da Xunta, da Consellería ou do FOGGA, pero este ano é todo un auténtico desastre. Está todo aínda no aire a menos dunha semana de que se abra o prazo e da reunión saímos peor do que entramos, con máis dúbidas, porque teñen moi pouca seguridade nas cousas que nos din”, asegura Ana. O prazo oficial de presentación de solicitudes remata o 30 de maio, con prazo para modificacións até o 15 de xuño, pero o FOGGA xa estuda a súa ampliación até finais de mes. “Máis do 30 de xuño non poden alongalo porque despois non lles dan os prazos. Pero imos perder o mes de marzo por non estar listo o sistema e abril comeza coa Semana Santa”, advirten desde o SLG.

“É moi grave que a Xunta non teña un plan de futuro para o agro galego”

Eloi Villada Legaspi é un rostro ben coñecido para moitos gandeiros e gandeiras galegas. Durante 38 anos foi un traballador público ao servizo do sector agrogandeiro, primeiro na Agencia de Desarrollo Ganadero e posteriormente na Xunta de Galicia, unha vez transferidas as competencias. Defensor convencido da necesidade de que os funcionarios coñezan de primeira man a realidade do sector, tanto a través da formación técnica como do diálogo directo co gandeiro, para comprender o seu entorno socioeconómico, acaba de iniciar a súa xubilación. Un período no que continúa unha intensa actividade tanto na explotación de ovino familiar, como dende a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes. ¿Como empezaches a traballar para o sector agrogandeiro dende a administración pública? Nacín no rural, e aínda que non fose moi bo labrego, sempre me gustou a actividade do mundo agrario e traballar para reformalo. Despois de estudar en Lugo Enxeñería Técnica Agrícola traballei uns nove meses como vendedor de pensos compostos e logo, a finais do ano 1977, presenteime á oposición no turno libre de técnicos da daquela Agencia de Desarrollo Ganadero (Adg), na que había sete prazas para toda España e logrei a primeira praza, incorporándome na delegación de Galicia na Coruña. Daquela dependía do Ministerio de Agricultura e logo fun transferido para a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, logo Consellería do Medio Rural. En total, foron 38 anos de servizo público. A primeira etapa foi decisiva para a miña formación. En concreto na Agencia de Desarrollo Ganadero aplicábamos políticas de desenvolvemento para o sector gandeiro, financiadas polo Wolrd Bank (Banco Mundial) ao principio e por Caixa Galicia posteriormente, apostando por unha produción máis especializada e intensiva, para aqueles tempos, pero baseada na herba e no pastoreo. Os cinco anos que estiven na Axencia permitíronme formarme, pois recibiamos revistas e libros de diferentes países, o que me obrigou a aprender inglés, en francés xa me defendía e sobre todo tomar contacto cos investigadores do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam) e outros centros de investigación en diversos países do mundo. Tamén realicei unha estancia de formación en Holanda, de onde trouxen eu as bases para o predesecado da herba para ensilar, e unha viaxe a Irlanda, ao tempo que recibíamos información do que se estaba a facer en produción gandeira en Francia, Reino Unido, Irlanda, Nova Zelandia e mesmo nos Estados Unidos. Lembro que, ao principio, cada semana tiñamos que preparar e expoñer un tema aos compañeiros, organizar charlas en días de campo, que realizabamos nunha granxa determinada na que reuniamos gandeiros que estaban no noso programa ou simplemente tiñan interese nos temas a tratar. Isto foi o que me axudou a falar en público con certa facilidade. Nestes 38 anos viviches cambios históricos no agro galego. ¿Que te marcou máis a nivel profesional? Sobre todo o primeiro período na Agencia de Desarrollo Ganadero, alí aprendín o esencial ao traballar en programas específicos de formación e divulgación para a mellora do sector gandeiro galego, que xa iniciara a súa modernización. Coa transferencia á Xunta de Galicia no ano 1983, pasei a traballar no Servizo de Produción Vexetal de Lugo, onde tiven como xefe de servizo a unha persoa de moita valía, como foi Julio Ulloa Vence, e compañeiros de excelente formación como Ramón Fuentes, José Andrés Vázquez, Domingo Mazoy, Concha Ferreiro, Manolo Ferreiro e un longo etc. Así, no ano 1984 empezamos co programa de implantación e mellora de pastos en Montes Veciñais en Man Común, que durou ata o ano 2015, pois aínda que no actual Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) está contemplado, en realidade non está activado. É unha mágoa, porque a implantación e mellora de pastos en montes veciñais supuxo unha contribución ao desenvolvemento rural de xeito estable e duradeiro e nas comarcas nas que máis proxectos se fixeron tivo unha clara incidencia na redución dos lumes, como na montaña lucense.
 “A PAC en Galicia centrouse máis nas axudas directas que na reforma das estruturas agrarias”
Outro aspecto a destacar foi que nos últimos anos a miña labor centrouse moito mais na xestión das axudas da PAC, pero seguín traballando cos gandeiros no eido da formación e o feito de visitar centos de explotacións de todo tipo cada ano permitiume estar preto da realidade do medio rural. En canto á tipoloxía das explotacións, produciuse un fenómeno contraditorio: nas explotacións de leite a partir dos anos 90 desatendeuse a alimentación en base aos propios recursos forraxeiros da explotación e incrementouse exponencialmente o consumo de concentrados, o grao de intensificación foi tal vez excesivo. En cambio nas explotacións de vacas de carne o fenómeno foi o contrario, mellorouse moito na produción de herba e na extensificación, cun paulatino abandono da corte, animais sempre en pastoreo, simplificación dos sistemas de manexo..etc. Os gandeiros de leite foron clientes moi atractivos para os negocios pola súa elevada capacidade de compra e ás veces mercaron demasiado. A política agraria centrouse máis nas axudas directas que na reforma das estruturas agrarias como concentración parcelaria, aumento da base territorial das explotacións etc. ¿Cales foron, na túa opinión, as fortalezas e as debilidades que se xeraron para o sector agrogandeiro galego nestas décadas? Dende o punto de vista financeiro, antes case non había nada e hoxe o sector ten moitas máis liñas de axudas, con cantidades que van entre o 30 e o 50% dos investimentos. As axudas da PAC hoxe supoñen unha parte importantísima dos ingresos das explotacións gandeiras, ata o punto de que maioría das mesmas non poderían sobrevivir sen elas. Sen axudas da PAC neste momento habería que subir de forma desorbitada os prezos agrarios para compensar os custes de produción. A nivel tecnolóxico houbo unha mellora evidente no gando, na alimentación, na maquinaria e en instalacións. O que acontece é que ese non é necesariamente o único camiño. As eivas foron que perdemos moitos activos agrarios e moita superficie agraria útil. Ademais, se antes había un certo equilibrio en toda Galicia entre as actividades agrarios e gandeiras, hoxe estamos tendo un nivel de desocupación e de abandono terrible en moitas comarcas de Galicia e só niveis axeitados nunhas poucas. Isto podería ter sido unha gran oportunidade para que medrasen as nosas explotacións agrogandeiras e crear outras novas porque non temos os problemas de exceso de carga gandeira e contaminación por nitratos ou fósforo que si teñen noutras partes de Europa. É unha grande oportunidade que aínda temos, pero falta formación e vontade política para facelo.
 “Deixouse de formar aos funcionarios da Xunta para que podan asesorar estratéxicamente ás explotacións”
Hoxe en día e moito máis no futuro, as explotacións de leite precisan de man de obra especializada e esta non existe. Do mesmo xeito que se forman mecánicos, electricistas ou fontaneiros, tamén se precisan traballadores que saiban conducir a maquinaria, mesturar unha ración, muxir vacas. É unha oportunidade para crear emprego e contribuír ao mantemento das granxas, se non se fai, o futuro vai ser moi problemático. Por outra parte, o nivel de formación agronómica dos técnicos e funcionarios foi a peor. Nos tempos do Servizo de Extensión Agrario raro era o funcionario que non fixese visitas ao estranxeiro para mellorar a súa formación; hoxe, pola contra, a Administración non lle deixa saír do seu posto de traballo nin practicamente teñen cursos de formación agronómica. Os cursos só se fan para o que é esencial, como a tramitación dos expedientes, pero non para comprender os procesos que se están a dar no rural. É certo que están moito máis formados na xestión administrativa, pero non á hora de asesoramento estratéxico para as explotacións. É dicir, ¿a Administración abandonou a labor de aconsellamento, público e independente, para os gandeiros? Si, e é un problema de desleixo por parte da Consellería do Medio Rural. Non hai unha estratexia para o que vai acontecer co medio rural galego nos vindeiros dez anos, non se prevé que facer coas explotacións que están pechando e as que o van facer nos próximos anos, nin se afronta o problema de falta de man de obra asalariada que hai en moitas ganderías, especialmente nas de vacún de leite. Na miña estadía en Holanda, lembro que xa no ano 1982 estaban facendo a planificación para os próximos dez anos e funcionaban con moita información. En Galicia, pola contra, a administración non planifica e nin se ve que afronte seriamente os problemas e retos gravísimos que temos para o sector agro gandeiro galego nos próximos anos. A pobre xestión que se está a facer do PDR é un síntoma. ¿Cales son eses retos ineludibles do agro galego para os próximos anos? En primeiro lugar, hai un número enorme de explotacións gandeiras que non teñen relevo xeracional e que van pechar nos próximos anos. ¿Que imos facer con todo iso? ¿Como se van integrar en novas explotacións? ¿Que tipo de instalacións necesitarán e que necesidade de terras terán? ¿Con que financiamento propio imos contar? O da Unión Europea xa o coñecemos, pero é preciso facer un esforzo suplementario sobre todo de cara ás pequenas explotacións e de tempo parcial, e é necesaria moita flexibilidade. Resulta evidente que deberíamos ter equipos traballando en conexión con institutos universitarios e diversos organismos da UE na previsión como vai ser o espazo agrario galego dentro de dez anos, a información está aí, compre coñecela, discutila e divulgala e poñerse a traballar xa no PDR 2020-2025. Non fan falla centos de persoas, pero si algunhas.
“É moi grave que a Xunta non teña un plan de futuro para o agro galego”
E non se trata de encargar un informe puntual a unha empresa de consulting que moitas veces non está vinculada á realidade do sector, senón de contar coas universidades e repotenciar o CIAM. Non se está a planificar o futuro do agro galego. Non se pode deixar todo ao libre mercado, nin crer que o único camiño é ter explotacións cada vez mais grandes e concentradas, pois seguindo así en cada país só debería quedar un único gandeiro e un único agricultor. Lamentablemente a administración está a atender ao inmediato, pero alén diso tamén se debería investir no que está por vir. Traballando no FOGGA tiveches unha longa experiencia na xestión das axudas europeas. ¿Realmente están sendo efectivas as axudas da PAC , os plans de mellora ou axudas de incorporación? En primeiro lugar, considero que hai que mellorar o nivel de formación dos futuros gandeiros. E iso é incompatible con desactivar as escolas de capacitación agraria (Pedro Murias, Becerreá, Monforte, Guisamo…etc), como fixo a Consellería ata o de agora. Os edificios están aí, o persoal en parte segue aí, pódese botar man dos técnicos que a propia Consellería ten nos seus servizos, contar cos técnicos das cooperativas e mesmo de empresas privadas, que poden contribuír a formar eses especialistas tan necesarios dos que antes falaba. Desta forma, hoxe practicamente só queda en formación regrada a EFA Fonteboa, que é privada e está a facer as cousas bastante ben, pero non pode cubrir todo o territorio. Penso tamén que os futuros xestores das granxas terán que saír da Escola Politécnica Superior de Lugo, e por suposto de todos os graos de formación que haxa.
“É moi necesario que os mozos e mozas do rural adquiran maior autoestima”
Pero o que é máis necesario é que os mozos e mozas do rural adquiran maior autoestima. Dende sempre notei unha presión moi forte á xente nova para que abandone o agro e se marche a outras actividades, cando no medio urbano e periurbano de Galicia tampouco hai moitas alternativas de traballo para esta mocidade. Quen debería liderar este proceso é a Consellería do Medio Rural, pero teño a impresión que isto non vai acontecer. Un tema recorrente nas últimas décadas en Galicia é a necesidade de ordenar os usos do territorio, para que as explotacións agrícolas e gandeiras, e tamén forestais, podan ter un tamaño competitivo. ¿Por que motivo na túa opinión ningún goberno se atreveu a intervir na propiedade e no uso da terra en Galicia? O Banco de Terras foi un primeiro intento de facer algo diferente, que supuxo a creación dun inicio de infraestrutura de xestión de terras, que puido ter evolucionado moito, pero a realidade é que se deixou esmorecer a propósito. E o que non entendo é que o motivo tal vez foi porque se lle ocorreu a idea a outros. Aínda así e a pesar do dito, xa existen normas que se se aplicaran a situación sería máis favorable. Poderíase facer mellor, pero o problema é que non se fai cumprir a lei que xa existe. Tolérase este caos dirixido porque, en primeiro lugar, hai lobbys que se protexen. E iso condiciona moito aos gobernantes para que non sexan moi esixentes na observación das normas e que quen debería facer os controis de oficio miren para outro lado A normativa di claramente que non se poden talar frondosas para plantar eucalipto ou facelo en terras agrarias, pero a Xunta só actúa se hai denuncia, cando para calquera denunciar a un veciño supón un problema. Teríao que facer de oficio a propia Xunta a través do seu persoal. Este caos vai traer problemas moi graves co cambio climático: un verán seco con altas temperaturas e vento forte pode traernos incendios xigantescos como os que se xa ven a cotío en Estados Unidos, Canadá ou Australia. Se, como todo indica, segue avanzando a eucaliptización do agro galego imos cara un rural cada vez máis despoboado, e iso está contrastado, porque fixa moito menos poboación que a gandería ou a agricultura.
“Se segue avanzando a eucaliptización do agro galego imos cara un rural cada vez máis despoboado”
Por non falar do risco que supón apostar case toda a produción de madeira de Galicia ao eucalipto, cando os seus prezos son imprevisibles e non está seguro que non se desplomen dentro de dez ou vinte anos. É dicir, manter un medio rural equilibrado é manter un medio con producións diversas, no que por suposto tamén haxa espazo para o eucalipto ou o piñeiro. Por exemplo, o castiñeiro para froito está a ter un presente moi interesante e é altamente probable que o futuro tamén sexa bo. Neste sentido, ¿Como ves o debate en torno á limitación da plantación de eucalipto, sobre todo na provincia de Lugo? Creo que é unha polémica bastante falsa, pois se simplemente se aplicara a lexislación actual xa sería suficiente. A realidade é que hai moitos propietarios de terras que neste momento non ven alternativas e si un lucro a través do eucalipto, pero compre mostrar e favorecer outras vías. E por outra parte, hai que recordar que o sector lácteo galego, para ser competitivo e sobrevivir no futuro, necesita máis de 200.000 hectáreas a maiores de superficie agraria útil, fundamentalmente a partir de terras agrarias ou a monte ou nas que se realizaron indebidamente plantacións forestais. Unha queixa recorrente entre os agricultores e gandeiros é que as axudas implican tamén un gran traballo para eles de “papeleo” e burocracia que desincentiva traballar no agro ¿Comparte esta análise? Entre o ti vai facendo e as dificultades que hai agora hai un treito que se debería acurtar. A impresión que teño das miñas viaxes por Francia, é que alí as trabas burocráticas son bastante menores que en Galicia e en España, tamén é certo que as estruturas son mellores e por tanto a tramitación é máis doada. Por poñer un exemplo, aquí o sacrificio de animais está regulamentado dunha maneira moi estrita, coa obriga de desprazarse ata un matadoiro. Cumprindo a lexislación europea, en Francia ou en Suecia existen matadoiros móbiles, para adaptarse á situación dos gandeiros de ovino ou caprino. Aquí agora mesmo hai un exceso de rixideces, porque é máis doado ser ríxido, eu entendo que compre unha flexibilidade aínda que se sexa estrito.. Pero tamén creo que a veces a xente se queixa con razón e sen ela, e tampouco podemos volver a etapas anteriores de absoluta falta de control. ¿Que te incentivou máis no teu traballo nestes 38 anos de profesión? Sigo crendo que en Galicia o rural ten futuro, pero faltou dunha maneira sostida apoios para mellorar a súa imaxe ante a sociedade. Houbo unha época boa co conselleiro Alfredo Suárez Canal durante a cal se puxeron as bases para unha estratexia a longo prazo para o agro galego, pero foi un período curto de tempo, e logo os gobernantes que viñeron despois iniciaron un período que eu cualificaría de déficit de implicación. Agora xa retirado sigo activo nos labores de divulgación e dende a presidencia da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, trato de contribuír dentro da humildade a preservar as actividades nun mundo rural que sempre me fascinou e aínda me emociona. Espero que sexa por moitos anos.

Denuncian o “caos administrativo” no Fogga polas dimisións e a falta de persoal

O sindicato Unións Agrarias denuncia os retrasos na tramitación das axudas da Pac pola situación que denuncia de “falta de persoal e caos administrativo que se ten instalado desde hai meses na unidade de xestión do Fogga”, dependente da Consellería de Medio Rural. “Tal como ten sabido o sindicato, a través dos propios traballadores do departamento, os traslados nos postos de traballo e a falta de cobertura das baixas van traer consigo que os produtores reciban tarde e mal os fondos comunitarios que teñen solicitado”, advirten dende a organización agraria. E é que nas últimas semanas sucedéronse as dimisións dentro do Fogga, empezando polo seu subdirector, José Ángel Burgo, ante o que consideran falta de apoio e de medios por parte da Consellería. Neste sentido, desde Unións denuncian que “non se entende que en plena campaña da Pac a Consellería non consiga poñer orde nos equipos de tramitación para evitar atrasos, cando moitas explotacións galegas están en perdas, polo que a entrada de fondos derivados da Pac resultan imprescindibles para afrontar minimamente os pagos”. E é que explotacións gandeiras de Galicia tiveron acumularon atrasos en recibir as axudas da Pac correspondentes ao ano 2015, e nalgúns casos aínda perduran os impagos das anualidades tanto do 2015 como do 2016, segundo advirte o sindicato agrario.

A Xunta ven de tramitar 88,1 millóns para a mellora do medio rural

A Xunta, a través do Fondo Galego de Garantía Agraria –organismo pagador dos fondos europeos– ven de xestionar na última semana o investimento de 88,1 millóns de euros para a mellora do medio rural de Galicia.

Desta cantidade, un total de 38,5 millóns de euros corresponden a axudas do primeiro piar da Política Agrícola Común financiadas con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía.

Por outra parte, a Consellería do Medio Rural e do Mar ven de ordenar o pagamento doutros 49,6 millóns de euros de axudas do segundo piar da Política Agrícola Común en Galicia destinadas á mellora do medio rural de Galicia.

As ditas axudas forman parte do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia, e destínanse principalmente a:

– 6 millóns de euros á modernización das explotacións agrícolas e gandeiras (medida 121 do PDR) xestionada pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

– 11,2 millóns de euros ao aumento do valor engadido dos produtos agrícolas e forestais (medida 123 do PDR) xestionada pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

– 2 millóns de euros á inversión en infraestruturas agrarias e forestais (medida 125 do PDR) xestionada pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

– 1.3 millóns de euros á compensación aos agricultores e gandeiros que producen en zonas de montaña ou sometidas a desvantaxes naturais específicas.

– 1.1 millóns de euros á investimentos agrarios non produtivos en rede NATURA e no ámbito dos parques naturais de Galicia (medida 216) xestionada pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

– 2,4 millóns de euros á medida de forestación de terras non agrarias (medida 223 do PDR) xestionado pola Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes.

– 3 millóns de euros á medida de prevención contra incendios e recuperación do potencial forestal (medida 226 do PDR) xestionado pola Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes.

– 10,2 millóns de euros á diversificación na economía nas zonas rurais e á mellora da calidade de vida, mediante a inversión en enerxías renovables (biomasa), infraestruturas no rural, etc (eixe 3 do PDR) xestionado pola Axencia Galega para o Desenvolvemento Rural-AGADER.

– 5.7 millóns de euros ao eixe LEADER (Ligazóns Entre as Actividades de Desenvolvemento da Economía Rural). O elemento esencial da metodoloxía LEADER é que se trata de “procesos de abaixo cara a arriba”. A estratexia ou programa de desenvolvemento defínese no ámbito local ou comarcal e as decisións, liñas que se propoñen, proxectos que se financian…, son tomadas nese mesmo ámbito por unións (partenariados) de axentes públicos e privados, os chamados Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR). Implica unha formulación multisectorial, tanto na dimensión económica, non só o sector primario, como no resto de dimensións sociais: equipamentos, servizos e dotacións públicas, patrimonio cultural, medioambiente, relacións sociais, etc.

Os ditos investimentos están cofinanciados con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), a Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.