Archives

Xirona, un exemplo no control da Flavescencia dourada

Para exemplificar un caso onde se conseguiu controlar a praga, desde o Servizo de Explotacións Agrarias de Pontevedra contaron con Honorat Sabater Anticó, técnico do SSV (Serveis Territorials d'Acció Climàtica) de Xirona, nas sesión informativa que tivo lugar na localidade. Na súa exposición abordou como xestionaron a praga desde os seus inicios e como na actualidade teñen controlado o vector. Facendo un repaso por todos os focos que se rexistraron, hai que remontarse a 1996, cando se detectou o primeiro na comarca do Alt Empordà, que foi controlado. Pasaron dez anos e tiveron un novo foco en 2006, na comarca do Baix Empordà. No primeiro caso, "culpabamos aos franceses, pero o segundo xa probablemente proviña do noso foco inicial". Ambos os focos foron importantes e tivéronse que aplicar medidas severas de control. En 2010 houbo unha recaída en Alt Empordà e en 2012 outra en Baix Empordá. Ambos foron máis pequenos. Finalmente, en 2021 houbo un foco novo na comarca do Gironès. Aspiración do vector nas parcelas. Foto do SSV de Xirona Cando se detectou o primeiro foco, a Generalitat ditou ordes para controlalo e as normas establecidas estaban dirixidas a explotacións vitícolas e viveiros de vide. As obrigacións desta orde eran comunicar os síntomas, aplicar tratamentos fitosanitarios contra o insecto vector e arrincar as cepas infectadas, así como as viñas abandonadas, ademais de fixar o cobro subsidiario e indemnizacións. En 2015 houbo un cambio de manexo na Flavescencia e modificouse a orde para que a normativa fose aplicable aos municipios afectados e non ás comarcas enteiras. O número de tratamentos obrigatorios, que eran tres, redúcense a un tratamento nas zonas onde non hai presenza do fitoplasma. Desde finais do ano 2023 a normativa vixente é a contemplada na ORDE ACC/231/2023, de 19 de outubro, pola que se establecen medidas obrigatorias para a prevención e loita da Flavescencia dourada da vide. Protocolos Tras a aparición do primeiro foco contactouse co Servizo de Protección dos Vexetais de Francia para saber como controlaban a enfermidade e decidiron empezar a traballar cos seus protocolos. Para facilitar e mellorar as prospeccións do insecto vector, o SSV de Xirona ideou un sistema baseado nun aspirador que ten un filtro, pasan a aspirar os viñedos e logo realizan o reconto dos Scaphoideus. Considérase un punto de control a aspiración realizada sobre un mínimo de 10 cepas, por ambos os lados de cada planta. Realízase na zona das follas basais durante cinco segundos por cepa. Na zona demarcada (infectada + tampón) fíxase un radio de 4 km. Dentro faise un control cada 2 hectáreas para viñedo e cada hectárea para viveiro. Se é fóra da zona demarcada, faise un control cada 10 ha para viñedo e cada 5 ha para viveiro. Para a prospección do fitoplasma, visitaban os viñedos entre agosto e outubro. "Se vas antes fas un traballo que non serve. Nós recomendamos entre o 15 de agosto e o 30 de setembro, logo xa entras en fase de outono e costa máis detectar", indicou o técnico. Nas súas visitas marcan con spray de pintura de marcaxe e cinta de sinalización aquelas cepas nas que detecta sintomatoloxía propia de Flavescencia. En canto aos resultados, "ao principio non mirabamos máis nada que a Flavescencia, pero agora, para evitar confusións, tamén miramos outro fitoplasma (Bois noir) e diversas viroses que poden ter unha sintomatoloxía similar e que se está detectando". Prospección do vector en 2022, cando se detectaron 26 positivos. Foto do SSV de Xirona Tratamentos O período de infección empeza coas larvas e dura até o final da vida do adulto, que se considera en setembro. Unha vez un individuo se contaminou, alimentándose dunha planta enferma, replica o fitoplasma no interior do seu aparello dixestivo e é capaz de inoculalo, pasado un período de latencia dun mes, a outras plantas. Por iso o primeiro tratamento aplícase un mes despois de atopar a primeira larva. O segundo, 15 días despois do primeiro. A finalidade destes dous tratamentos é cubrir o período de eclosión dos ovos de inverno que hai na leira. E o terceiro, un mes despois do segundo. !Se todo o mundo fai os dous primeiros, o terceiro sobraría porque está pensado para eliminar aos adultos que proveñan doutras fincas". Comunicación e indemnizacións Para comunicar o que atopan nas leiras, envían unha carta aos propietarios dicíndolles que a súa leira ten tantas cepas marcadas e que ten que arrincar. ?Logo pasamos a comprobar que o fixeron, xa que é o máis importante?. Marcas que deixan nas parcelas que inspeccionan. Foto do SSV de Xirona Tamén dan importancia á difusión por iso realizan xornadas técnicas, ademais da comunicación aos titulares de explotacións e viveiros. Así mesmo, mediante a estación de avisos fitosanitarios, infórmase sobre o momento adecuado e os produtos recomendados para realizar os tratamentos e elabóranse fichas técnicas e infografías, que serven de información. Desde a Generalitat fixaron unha serie de indemnizacións para sufragar algúns dos gastos que leva a perda do cultivo. En parcelas vitícolas subvencionan 3 euros/cepa ou 7.500 euros hectárea, máis 1.000 euros hectárea por arrincar e destruír. Para os operadores de material vexetal, os campos nai trátanse igual que as parcelas vitícolas. En viveiro, a planta injertada sufrágase 33.000 euros por hectárea e barbados 26.000 euros por hectárea. En almacén, a planta injertada é a 0,70 euros unidade e barbado 0,455 euros unidade. Outras especies vexetais hóspedes, sufragan o 50 % do seu valor comercial.

“A Flavescencia Dourada pode ser unha grande ameaza para a viticultura española se non se contén a súa expansión”

"Os vectores de enfermidades emerxentes son unha grande ameaza para a agricultura europea, por exemplo, a Flavescencia dourada da vide pode ser unha grave enfermidade se non se contén a súa expansión", destaca Alberto Fereres, xefe do Grupo de Insectos Vectores de Patóxenos de Plantas do Instituto de Ciencias Agrarias (ICA-CSIC).  Incide en que especies como Scaphoideus titanus, Trioza erytreae ou Draeculacephala robinsoni xa están instaladas en España, "pero outras moitas están aínda por chegar. Síntomas visuais da Flavescencia Dourada da vide. Imaxe de Alberto Fereres O profesor impartiu recentemente unha sesión informativa en Pontevedra, organizada polo Servizo de Explotacións Agrarias da Consellería do Medio Rural. Esta xornada tivo lugar con motivo da ampliación do número de zonas demarcadas pola Xunta ante a presenza da Flavescencia dourada da vide. Chegada da enfermidade "Para introducir o tema da Flavescencia, hai que falar das enfermidades emerxentes", explicou o profesor. Teñen unha incidencia que aparece de forma repentina e aumenta a medida que a poboación do hóspede (plantas que permiten a subsistencia ou o aloxamento dun axente infeccioso) crece. Adoitan ser causadas por virus RNA, pero tamén poden ser outros axentes os que atacan plantas e animais. "Hai exemplos, como o ébola ou a COVID, nos que pasaron de animais a humanos. A súa virulencia é moi grande", afirma. A maioría dos virus de plantas transmítenos os pulgóns (41 %) e a mosca branca (30 %). Tanto pulgóns como mosca branca teñen alta capacidade para reproducirse e tempos de xeración moi curtos.
A enfermidade chegou a Europa por Francia en 1949 e a súa fitoplasma afecta a oito dos principais países produtores de uva da UE
No caso da Flavescencia dourada, está causada por un fitoplasma (bacteria de parede celular) e é un parasito obrigado que vive en insectos e plantas. O axente bacteriano foi nomeado recentemente Candidatus Phytoplasma vitis, e o seu vector é o cicadelido da subfamilia Deltoceplhalinae, Scaphoideus titanus. A infección pode matar as vides novas e reducir en gran medida a produtividade das vides vellas. O seu vector insecto, S. titanus, é nativo do leste dos Estados Unidos e Canadá, e crese que foi introducido en Europa durante a II Guerra Mundial ou antes, con portainxertos estadounidenses traídos para combater a filoxera. Actualmente é unha enfermidade ben coñecida en Europa, porque leva aquí desde 1949 que apareceu na rexión de Armgnac (Francia). Cabe puntualizar que o seu fitoplasma ocorre unicamente en Europa, en oito dos principais Estados membros da UE produtores de uva (Austria, Croacia, Francia, Hungría, Italia, Portugal, Eslovenia e España), así como en Suíza e Serbia. Transmisión da Flavescencia As especies alternativas de vectores en Europa son polífagos, pero ocasionalmente poden aparecer outros na vide (Orientus ishidae, Dictyophara europaea ou Phlogotettix cyclops). "Todos son vectores alternativos que manteñen infeccións primarias desde hospedeiros alternativos ata a vide. Tamén manteñen a enfermidade en espazos naturais", aclarou Fereres e engadiu que hai numerosas plantas hóspede de FD como especies de Vitis ou Clematis vitalba, Alnus incana etc. O Scaphoideus pon os ovos en agosto-setembro, na cortiza, e logo entran en diapausa ata abril, dando lugar a 5 estados ninfais (dura unhas 5-7 semanas o estado ninfal en España). Os adultos aparecen nos meses de xullo e agosto e a súa lonxevidade é aproximadamente de 1 mes, aínda que en Italia obsérvanse adultos ata outubro. Gráfico do vector da FD. Imaxe de Alberto Fereres O fitoplasma transmítese por insectos de forma persistente e propagativa, estando restrinxido ao floema das plantas. Só se pode adquirir ou inocular cando o insecto vector se alimenta do floema. Non hai transmisión mecánica, pero si se pode transmitir por enxerto. "O tempo de latencia é de 2-3 semanas, pero tras acumularse nas glándulas salivares do insecto, pódese transmitir durante toda a vida do vector". Manexo da enfermidade "A presenza do vector monitoréase actualmente colgando trampas amarelas pegañentas nos viñedos e contando directamente as ninfas debaixo da vide, para apoiar decisións sobre a aplicación de insecticidas e o seu momento", mencionou o profesor e aclarou que "é un factor importante porque para facer un tratamento eficaz hai que saber cal é o momento preciso". Segundo Fereres, adóitanse aplicar 2-3 tratamentos contra ninfas e adultos, sempre que eclosionasen a maior parte dos ovos. Tamén é obrigatorio eliminar plantas infectadas e débese establecer unha zona tampón de polo menos de 1,3 km. Por último, débense eliminar todas as plantacións abandonadas, que son un reservorio de FD.
En Italia demostrouse que a variedade Moscato é tolerante á FD e induce unha alta mortalidade de S. titanus
O profesor destacou a termoterapia, como un tratamento eficaz. Trátanse con auga quente (45 minutos a 50ºC) aos patróns en estado de repouso e esquexes inxertados. "É eficaz para eliminar tanto o fitoplasma como os ovos do vector". Tamén recalcou a importancia das plantas certificadas de variedades e patróns de vide, que poden evitar a Flavescencia dourada. En canto ás variedades tolerantes a FD expón os resultados dun estudo que realizou no CSIC un investigador da Universidade de Turín (Italia). No mesmo indícase que ningún dos xenotipos explorados é inmune á Flavescencia dourada da vide, pero atopáronse algúns xenotipos pouco susceptibles dispoñibles para identificar trazos xenéticos involucrados na tolerancia/resistencia á FD. Avaliáronse as variedades Barbera, Barchetto e Moscato mediante a técnica Electrical Penetration Graph e os resultados afirmaron que a variedade Moscato, ademais de ser tolerante a FD, induciu unha alta mortalidade de S. titanus. Outras ameazas Entre outras ameazas que sofre a agricultura atópase a Xylella fastidiosa. Trátase dunha enfermidade coñecida que pode ocasionar perdas en cultivos como a vide e cítricos. Infecta a máis de 600 especies de plantas. En Europa é coñecida desde 2013, cando se identificou en Italia. Presenza doutras ameazas nas vides. Imaxe de Alberto Fereres Tamén hai enfermidades transmitidas por outros grupos de insectos que son de orixe bacteriano, que os transmiten as psilas (Psyllidae), vectores principalmente de bacterias e fitoplasmas.

Actualización das zonas afectadas pola flavescencia dourada

O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe unha corrección de erros pola que se actualizan as zonas de viñedo afectadas pola enfermidade da flavescencia dourada. A orde recolle tanto as zonas infestadas como as zonas tampón, de especial seguemento. A zona afectada comprende unha ducia de concellos do sur de Pontevedra e do suroeste de Ourense (Cortegada, Gomesende, Padrenda, Pontedeva e Quintela de Leirado, na provincia de Ourense; e A Cañiza, Arbo, As Neves, Crecente, O Rosal, Oia e Tomiño, en Pontevedra). A principal zona de incidencia prodúcese nos concellos limítrofes das dúas provincias, como Crecente e Arbo (Pontevedra) ou Padrenda (Ourense). Entre os tres municipios suman máis das tres cuartas partes das arredor de 90 parcelas afectadas. En cambio, no Baixo Miño polo de agora o impacto é mínimo, con só tres parcelas afectadas no Rosal, Oia e Tomiño. Este é o mapa de afección da praga que publica hoxe a Consellería.

Xornada técnica sobre a flavescencia dourada da vide en Pontevedra

O Servizo de Explotacións Agrarias de Pontevedra organiza este xoves 30 de novembro a Xornada Técnica "A Flavescencia dourada da vide: evolución e situación actual". Esta xornada impártese logo de que o 17 de novembro a Xunta ampliase o número de zonas demarcadas pola presenza da flavescencia dourada da vide. Esta xornada terá lugar no Edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra, en horario de 9:00 h a 14:30 h. As persoas interesadas deberán presentar a presolicitude empregando o formulario de preinscrición que figura no seguinte enlace. A data límite de preinscrición é o mércores 29 de novembro. PROGRAMA 9.00-9.30 h: Recepción de asistentes 9.30-9.45 h: Acto de apertura 9.45-10.30 h: Novas ameazas para a agricultura española: Flavescencia dourada e outras enfermidades de orixe bacteriana transmitidas por insectos vectores. D. Alberto Fereres Castiel. Profesor de Investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas. ICA-CSIC. Madrid. 10.30-11.15 h: Situación actual e medidas de control de Flavescencia dourada da vide en Galicia. D. Víctor Novo Vázquez. Servizo de Sanidade e Produción Vexetal. Xunta de Galicia. 11.15-12.00 h: Grapevine Flavescence dorée phytoplasma: Métodos de diagnóstico en laboratorio. Dna. Olga Aguín Casal. Xefa de Sección Bioloxía Molecular. Estación Fitopatolóxica do Areeiro. Deputación de Pontevedra. 12-12.30 h: Descanso 12.30-13.15 h: Flavescencia dourada na provincia de Girona, 28 anos. D. Honorat Sabater Anticó. Servei de Sanitat Vegetal a Girona (DACC). 13.15-14.00 h: Control integrado do vector da Flavescencia dourada Scaphoidus titanus, principios activos e interacción con outros organismos do viñedo. D. Juan Carlos Vázquez Abal. Técnico da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega-Agacal). 14.00-14.30 h: Mesa redonda. Moderadora: Dna. Julia Pérez Pacios. Xefa do Servizo de Explotacións Agrarias de Pontevedra. Xunta de Galicia.

Amplíase o número de zonas demarcadas pola presenza da flavescencia dourada da vide

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha resolución na que se recolle unha ampliación dos concellos con presenza da enfermidade de corentena denominada Flavescencia dourada da vide, establecendo a zona demarcada e adoptando medidas urxentes para a súa erradicación e control en Galicia. Esta actualización inclúe aos concellos do Rosal, A Cañiza, Tomiño e Oia, en Pontevedra; e aos de Cortegada e Pontedeva en Ourense, onde hai parcelas infestadas. Ademais, a zona demarcada esténdese na provincia ourensá a Gomesende e Quintela de Leirado. A praga denominada Flavescencia Dourada da vide é provocada polo organismo denominado Grapevine flavescence dorée phytoplasma e é transmitido por un insecto vector (Scaphoideus titanus). A nova zona demarcada está formada pola zona infestada -parcelas onde se confirma a súa presenza- e unha zona tampón arredor desta. O 2 de febreiro de 2023 publicouse a resolución que declaraba a presenza de Flavescencia dourada en Galicia, estableceu a zona demarcada e as medidas urxentes para a súa erradicación e control. Durante as prospeccións realizadas durante o 2023 producíronse novas deteccións deste organismo nocivo, o que fai preciso ampliar a zona demarcada e modificar as medidas. As parcelas infestadas a día de hoxe atópanse nos concellos da Cañiza, Arbo, Crecente e As Neves, O Rosal, Oia e Tomiño, na provincia de Pontevedra; e nos concellos de Cortegada, Pontedeva e Padrenda, en Ourense. Ademais, a zona tampón esténdese aos concellos de Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tui, na provincia de Pontevedra; e nas localidades de Gomesende e Quintela de Leirado, en Ourense. Medidas Dentro da zona infestada, os titulares das parcelas vitivinícolas nas que se detecte a presenza de plantas infestadas ou insectos vectores deberán aplicar o antes posible un tratamento insecticida autorizado a todas as plantas. As plantas infestadas deberán ser arrincadas e destruídas baixo control oficial o antes posible. O máis recomendable é que esta destrución se realice in situ e, se non é posible, realizarase nun rodal próximo, por incineración ou por algún outro método autorizado. Ademais, no caso de que a parcela afectada teña máis dun 20% de plantas sintomáticas, estudiarase a posibilidade de eliminar e destruír todas as plantas da parcela. Se a detección se realiza nunha parcela abandonada deberá arrincarse toda a parcela. No relativo a viveiros e outros operadores profesionais dentro das zonas infestadas, en caso de detectar un positivo, este será eliminado e quedará inmobilizado de xeito cautelar o material de vide (Vitis spp.) ata a súa inspección. Na actualidade non hai ningún viveiro ou operador profesional afectado na zona demarcada. Por outra banda, será obrigatorio en toda a zona demarcada que os titulares das parcelas vitícolas e os operadores profesionais realicen tratamentos insecticidas con produtos fitosanitarios autorizados nos períodos de voo do vector, que se produce habitualmente nos meses de verán, e que serán publicados na web da Consellería. Ademais, os titulares deberán vixiar a presencia de Flavescencia dourada nas súas parcelas ou instalacións e comunicar ás autoridades competentes calquera sospeita ou confirmación da presenza da praga. Así mesmo, tamén cómpre arrincar e destruír todas as plantacións abandonadas das zonas demarcadas, así como eliminar as plantas silvestres do xénero Vitis spp. e aquelas que poidan ser portadoras da enfermidade, entre outras medidas preventivas. Axudas aos afectados O pasado 3 de novembro, o Diario Oficial de Galicia publicou a orde na que se recollen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións en materia de sanidade vexetal aos viveiros ou explotacións agrícolas afectadas por organismos de corentena neste ano 2023, que como novidade inclúe a Flavescencia dourada da vide. Os titulares de parcelas de viñedo cuxas plantas de vide fosen eliminadas e destruídas baixo control oficial como consecuencia da detección de Flavescencia dourada, poderán optar a estas achegas sempre que cumpran cos requisitos establecidos na orde.

Convocadas axudas da Xunta para viveiros e agricultores afectados por pragas de corentena

As pragas están afectando a diversos tipos de cultivos en Galicia, provocando a diminución de ingresos entre agricultores. Por iso, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde na que se recollen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións en materia de sanidade vexetal aos viveiros ou explotacións agrícolas afectadas por organismo de corentena deste ano, concedidas pola Consellería do Medio Rural a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias. Os beneficiarios poderán ser persoas físicas ou xurídicas e entidades sen personalidade xurídica, cuxos vexetais ou produtos vexetais fosen afectados por medidas fitosanitarias adoptadas en virtude da declaración da presenza dunha praga de corentena pola autoridade competente. Os organismos polos que se poderá solicitar unha indemnización son a couza guatemalteca da pataca, o Fusarium circinatum do piñeiro, o virus rugoso do tomate e a flavescencia dourada da vide. As achegas destinaranse para o financiamento de procesos de destrución, desinfección, esterilización ou tratamento aplicado a vexetais contaminados, a substratos de cultivo e terreos recoñecidos como contaminados, ou a materias de produción, acondicionamento, embalaxe ou almacenamento, así como a medios de transporte que estivesen en contacto con ditos vexetais. A novidade deste ano é que se indemnizará aos titulares de parcelas de viñedo cuxas plantas de vide fosen eliminadas e destruídas baixo control oficial como consecuencia da detección de flavescencia dourada de vide, sempre que cumpran cos requisitos establecidos na orde. As solicitudes poden presentarse por vía telemáticas a través da sede electrónica da Xunta. Ademais, o prazo de presentación para solicitalas será dun mes a partir do día seguinte á súa publicación no DOG.

Aconsellan manter a vixilancia da botrite ata a vendima

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar o último aviso fitosanitario previo á vendima no que, en liñas xerais, alude ao bo estado xeral das viñas, aínda que recomenda manter a vixilancia ante a botrite e advirte tamén da aparición masiva de acios afectados por golpe de calor. No que atinxe á botrite, persoal da EFA lembra que aínda que esta semana non se detectaron novos síntomas da presenza desta enfermidade, antes da vendima poderán detectarse novos acios danados, en especial se hai humidade, polo que non hai que descoidar a vixilancia nin os labores culturais que favorezan a aireación dos acios. Areeiro sinala que no Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura existen funxicidas sen prazo de seguridade, ou con prazos curtos ou moi curtos, que aínda poden ser utilizados en caso de condicións favorables, pero que é imprescindible respectar os prazos recollidos nas etiquetas. Areeiro sinala tamén no seu aviso que a calor destes días supuxo un estrés para as plantas, o que incrementou o número das que manifestan síntomas de alteracións da madeira e supuxo que haxa plantas pequenas con síntomas de seca. Ademais, as temperaturas máis elevadas e a luz solar intensa destes días provocaron a aparición masiva de uvas con golpes de calor ou de sol que poden ser confundidos con botrite, pero que na maioría de casos non o é. As uvas afectadas presentan unha cor semellante á que adquiren cando hai podres e, co tempo, estas uvas iranse deshidratando. En xeral, estes síntomas afectan á cara dos acios sobre a que incide directamente a luz solar, e as condicións de seca ou os esfollados excesivos e mal executados están tamén na orixe do fenómeno. Grans escaldados polo sol. // Imaxe. Estación Fitopatolóxica Areeiro. Por outra banda, respecto ao mildio, a EFA destaca que non se atoparon novos síntomas en follas nin acios rebuscos, que son os que a estas alturas da campaña poderían ter algunha sintomatoloxía. Tendo en conta as condicións meteorolóxicas para os vindeiros días, con posibilidade dalgunhas choivas débiles e a posterior mellora do tempo, o persoal da Estación indica que poden aparecer novas manchas ata a vendima debido ás posibles choivas febles destes días, pero xa sen incidencia na maduración pola frondosidade que teñen en xeral as viñas.
Trala vendima, naquelas viñas moi afectadas por mildio e onde siga o avance da enfermidade, recomendan aplicar un tratamento cúprico
Despois da vendima, e en especial naquelas viñas onde quede un elevado nivel de inóculo por ter sufrido este ano un ataque forte na floración, continuará o avance da enfermidade na vexetación, sempre que haxa condicións climatolóxicas favorables. Nestes casos, antes da caída da folla será conveniente un tratamento cúprico para garantir o bo agostado da madeira e limitar a incidencia da enfermidade na seguinte campaña. En canto á avelaíña da uva, non se detectaron máis danos nos acios nas viñas da rede de seguimento, pero a situación pode ser diferente noutras viñas, polo que a EFA recomenda manter a vixilancia ata a vendima debido á influencia que poden ter as perforacións das eirugas sobre as podres. En principio, estímase que non será preciso dar tratamento algún pola relativa proximidade da vendima, pero se nas revisións se atopan danos por riba do 3-5% de acios afectados nas variedades máis sensibles ou de 5-8% nas restantes, será conveniente realizalo elixindo insecticidas con prazo de seguridade curto, que en todo caso debe ser respectado. Por último, no caso dos cicadelidos, Areeiro advirte que seguen a ser recollidos nas trampas o Scaphoideus titanus, e lembra que controlalo é unha das poucas formas existentes para conter a grave enfermidade de corentena que transmite: a flavescencia dourada. No que se refire ás capturas de mosquito verde nas trampas instaladas nas viñas da rede de seguimento, estas foron baixas.

Recomendan aplicar no viñedo un tratamento contra a botrite tralas recentes choivas

Ante as infeccións por botrite detectadas esta semana, debido ó estado fenolóxico da uva (moi próxima á maduración) e as choivas que se rexistraron recentemente, a Estación Fitopatolóxica Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar un novo aviso fitosanitario no que aconsella tratar as viñas nas que non se tivese realizado ningunha aplicación con anterioridade. As precipitacións dos últimos días provocaron un rápido incremento do tamaño dos grans, o que nalgunhas ocasións fixo rebentar a súa pel. Isto, xunto coas perforacións nalgúns predios de eirugas de Lobesia e ataques de paxaros nas uvas, deron lugar á aparición de micelio en acios de moitas viñas. Por esta razón, Areeiro recomenda aplicar un antibotrítico se non se realizou este tratamento con anterioridade. O persoal sinala que no Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación existen funxicidas autorizados para o control desta enfermidade con características e prazos de seguridade moi diferentes, polo que debe ser considerado cada caso concreto segundo o estado de maduración da uva e a presenza actual de síntomas ou feridas nos grans. Por outra banda, o aviso volve referirse de novo á enfermidade da flavescencia dourada. Areeiro sinala que segue a haber capturas do Scaphoideus titanus nas trampas, agás nas viñas nas que se realizaron os tratamentos insecticidas recomendados, e lembra que combater este insecto é un dos escasos medios para loitar contra esta patoloxía. Neste senso, advirte de que as poboacións deste insecto vector que queden este ano estarán fortemente relacionadas coas da campaña seguinte e, polo tanto, coa dispersión da enfermidade. Respecto do mildio, o aviso sinala que coa entrada no pintado a uva xa non é sensible a este patóxeno, e só poden aparecer síntomas na vexetación e nos acios dos brotes netos, nos que apareceron precisamente nas revisións efectuadas esta semana. Coa previsión de altas temperaturas para os vindeiros días, o centro indica que en principio non será necesaria ningunha intervención máis que, opcionalmente, nos predios que tiveron fortes ataques nesta campaña se a densidade de manchas é tan elevada que pode provocar defoliación e comprometer a maduración en curso. Por último, o aviso da Estación Fitopatolóxica refírese tamén ás hortícolas. Lembra que os restos vexetais son o soporte que utilizan varias pragas e patóxenos para pasar o inverno, de xeito que neste momento, cando se están a levantar algúns destes cultivos, Areeiro aconsella que se eliminen estes restos para reducir a problemática que se poida ter o próximo ano.

Recomendan vixiar os danos por botrite nos viñedos

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro recomenda manterse alerta ante os danos por botrite que poden darse nos viñedos. O risco por mildio e oídio é cada vez menor, ó atoparse xa boa parte das cepas no pintado. No caso da botrite, o feito de que xa practicamente en todos os predios e variedades os acios se atopan na fase de pintado, estado no que son máis sensibles ó ataque deste fungo oportunista, motiva que haxa que manterse máis alerta ante posibles danos. Ademais, dende a Estación, dependente da Deputación de Pontevedra, recordan que o incremento da humidade, as temperaturas suaves, o incremento do azucre na uva, os acios compactos, os acios secos por mildio ou os danos nos grans favorecen a aparición deste patóxeno. Por iso, se non se aplicou aínda un antibotrítico, aconsellan facelo despois das choivas que se agardan para os próximos días, en especial se finalmente chove de xeito abundante, para evitar ou reducir as posibilidades de que se instale o fungo. Naqueles viñedos que foron tratados con cobre para previr ataques por mildio, este pode ser suficiente polo momento para frear a incidencia. As chuvias e as temperaturas mínimas elevadas tamén poden favorecer a aparición de novas manchas e lavarán os tratamentos aplicados contra o mildio. Aínda que o risco de contaxio é cada vez menor, recomendan renovar os tratamentos de cobre polo menos naquelas viñas onde non se tiveran dado antes ou onde se tiveran producido danos ó longo da campaña. Mentres, se as chuvias previstas son intensas reducirase o risco de aumento de síntomas de oídio en follas, pampos e acios rebuscos. Así, no último boletín emitido pola Estación só aconsellan aplicar un tratamento antioídio ó tratamento de cobre para o mildio naqueles predios con variedades que teñan a enfermidade.

Capturas do vector da flavescencia dourada

Dende a Estación Fitopatolóxica recomendan manterse alerta polo vector da flavescencia dourada, Scaphoideus titanus. Polo momento só o capturaron en trampas colocadas nas comarcas do Rosal e O Condado. Con todo, recordan a importancia dos tratamentos para frear o avance da enfermidade, posto que o insecto pode estar aínda presente ata ben entrado setembro. Ademais, deben cortarse e eliminarse as plantas de viña abandonadas, para evitar que se convertan en refuxio para o vector.

Mal do chumbo nas froiteiras

Como detallan no seu último aviso sanitario, xa están a detectarse froiteiras afectadas polo mal do chumbo. No caso de localizar danos, recomendan eliminar as ramas afectadas, se se trata dun ataque localizado, ou mesmo as árbores danadas, para evitar a expansión da enfermidade. Tamén aconsellan facelo xa no verán, para reducir o nivel de inóculo presente na parcela. Para reducir o risco de contaxio na planta, despois de cada corte hai que aplicar unha pasta funxicida e antes de podar a seguinte rama deben desinfectarse ben as tesoiras. Finalmente, todos os restos podados deben retirarse da finca. Estas mesmas recomendacións, poden aplicarse ás maceiras e pereiras que estean afectadas por cancro.

A Xunta actualiza a listaxe de parroquias nas que é obrigatorio tratar contra a flavescencia dourada

A Consellería do Medio Rural acaba de actualizar a listaxe de parroquias nas que é obrigatorio aplicar tratamentos insecticidas para a loita contra o Scaphoideus titanus, vector da flavescencia dourada da vide. A modificación produciuse despois de que nos últimos días detectaran a presenza deste insecto nas trampas colocadas para o seu seguimento en parroquias dos concellos de Crecente, As Neves, Salvaterra do Miño e Tomiño, en Pontevedra, e Padrenda, en Ourense. Por iso, é obrigatorio aplicar tratamentos en determinadas parroquias destes concellos, así como en lugares de Arbo e na Cañiza. Dende a consellería tamén recomendan realizar tratamentos insecticidas preventivos nas parcelas de viñedo situadas nas diferentes zonas de demarcación deste organismo nocivo. Esta zona demarcada inclúe parroquias doutros concellos pontevedreses como son o de Arbo, A Cañiza, A Guarda, O Rosal, Salceda de Caselas e Tui. Os tratamentos son de vital importancia para evitar a dispersión do vector. Scaphoideus titanus, vector da flavescencia dourada. Na páxina web da Consellería pode consultarse a listaxe das materias activas e formulados autorizados para estes tratamentos fitosanitarios, así como as parroquias onde é obrigado o tratamento ou aquelas onde simplemente é recomendado. Os tratamentos químicos deberán repetirse cada 15 días e realizaranse un total de tres tratamentos. Tamén terán que respectarse as indicacións de uso dos produtos que aparecen na súa ficha de rexistro, especialmente aquelas referidas aos intervalos de uso e número máximo de aplicacións. Tamén poden resolver as dúbidas na oficina agraria máis próxima. Antes de en Galicia, o vector da flavescencia xa fora detectado en Portugal, especialmente en zonas próximas á fronteira. Dada a situación, Portugal declarou unha zona demarcada lindeira con varios concellos fronteirizos de Galicia, polo que foi establecida unha zona tampón de 2,5 km coa fronteira.

Preocupación dende Areeiro polo avance do vector

O último aviso fitosanitario emitido pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, tamén incide na importancia de aplicar estes tratamentos contra o vector da flavescencia dourada. Nas últimas dúas semanas, dende Areeiro xa detectaran e alertaran sobre a presenza do cicadelio vector da flavescencia. Ademais, nos últimos días tamén localizaron insectos nas trampas na comarca do Rosal e na do Condado. “A enfermidade que pode transmitir este vector é moi grave e na Unión Europea é obrigatorio controlalo”, apuntan dende Areeiro.

Extremar a vixilancia por outros patóxenos na vide

Por outra banda, dende Areeiro tamén inciden na importancia de manter vixiadas as viñas nos próximos días pola previsión de precipitacións e altas temperaturas, que incrementan o risco de patóxenos como o mildio, oídio ou black rot. Aínda que moitas das cepas que foron tratadas apenas presentan danos por mildio, nos últimos días detectaron algúns predios e certa preocupación entre os viticultores pola aparición de mildio larvado nos acios. Así, aínda que nas variedades máis temperás xa hai os primeiros acios aproximándose ó pintado, estado no que se reduce o risco de danos por mildio, dende Areeiro recomendan facer un seguimento intensivo das viñas, para tratar se se detectan novos síntomas, en especial naquelas viñas que teñan un alto nivel de inóculo. Acios afectados por mildio larvado. // Imaxe. Estación Fitopatolóxica de Areeiro. Do mesmo xeito, aínda que os danos por oídio e black rot están a ser mínimos, aconsellan manter vixiadas as viñas. Ademais, se é preciso aplicar tratamentos contra o mildio, recomendan aplicar materias activas indicadas tamén para estes dous fungos. Nas súas revisións en campo, o persoal de Areeiro tamén detectou plantas con síntomas de enfermidades da madeira. “Algunhas delas xa están a sucumbir e por iso é mellor arrincalas e destruílas para evitar a contaminación das demais”, explican. Ademais, tamén detectaron plantas afectadas de golpes de sol debido a unha esfolla excesiva e comeza tamén a ser máis notoria a erinose de verán.

-Consulta máis información sobre a flavescencia dourada na web da Consellería de Medio Rural. 

 

Recomendan aplicar tratamentos contra o vector da flavescencia dourada, para limitar a súa expansión

Esta semana o persoal da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, detectou os primeiros restos de mudas do vector da flavescencia dourada, Scaphoideus titanus. Por este motivo, no seu último aviso fitosanitario recomendan aplicar insecticidas, se non se fixo xa, naqueles viñedos do sur da provincia de Pontevedra, que poden ser susceptibles á presenza do insecto. “É aconsellable tratar con produtos autorizados para o seu control, co fin de tentar limitar a dispersión da grave enfermidade que transmite”, explican. As previsións meteorolóxicas para os próximos días, con nubes e claros, temperaturas altas e posibilidade de precipitación, motivan que sexa preciso manter vixiadas as viñas polo risco de mildio e oídio. Dende Areeiro recomendan ademais manter as labores culturais básicas e tratar aquelas viñas nas que continúen ou se produzan avance dos síntomas do mildio. Recordan tamén que non se deben realizar aplicacións fitosanitarias con ventos superiores a 8km/h, que xeran un lixeiro movemento das follas, sen que chegue a ser constante. Nestas condicións os produtos aplicados poden voar fóra da área a tratar. No caso do oídio, dende Areeiro recordan que a uva se atopa aínda moi sensible ó fungo e as néboas propias desta época do ano poden favorecer a súa aparición. Por iso, recomendan que a vixilancia sexa máis intensa, sobre todo naquelas variedades máis sensibles e nos predios que xa se viran afectados nalgún momento por este patóxeno. Insisten ademais, que un mal control deste fungo pode producir a rotura da pel da uva e favorecer a aparición doutros patóxenos como a botrite. Os viñedos atópanse aínda nun momento de elevada sensibilidade a black rot, polo que tamén é importante vixiar a aparición deste fungo, sobre todo se chegan a producirse choivas nos próximos días. As altas temperaturas tamén están a deixar máis plantas con síntomas propios de enfermidades de madeira e os primeiros acios con golpes de sol.

Recomendan extremar a vixilancia e favorecer a ventilación dos viñedos ante o risco de oídio

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, recomenda extremar a vixilancia dos viñedos ante o risco alto de oídio. Tal e como recolle no seu último aviso fitosanitario deste venres, cómpre manter vixiadas aquelas variedades máis sensibles e os predios nos que xa se detectaran síntomas. “A viña entra agora nun período de máxima sensibilidade ó oídio”, apunta o equipo técnico. Os expertos tamén aconsellan realizar labores culturais que favorezan a ventilación da viña, para que os acios queden expostos á radiación ultravioleta e se reduza o risco de afección non só de oídio senón tamén por mildio. A previsión de tempo seco e solleiro para os próximos días reduce o risco de mildio, pero con todo, dende Areeiro recomendan manterse alerta, revisar o estado das cepas e renovar os tratamentos ante a aparición de síntomas. Cómpre, sobre todo, prestar atención a aquelas viñas que arrastren infeccións mal controladas. Nas súas revisións en viñedo, o equipo técnico de Areeiro tamén detectou novos síntomas de black rot, con todo a previsión de tempo solleiro e seco tamén reduce o risco de afección. Tamén é importante manter a vexetación do solo controlada, así como realizar despuntes, podas en verde e esfollas para evitar unha retención de humidade no viñedo, que puidera favorecer a aparición do patóxeno.

Flavescencia dourada

O incremento das temperaturas que se está a rexistrar tamén pode favorecer que se acelere o ciclo do cicadelido vector da flavescencia dourada, polo que, nas zonas do sur da provincia de Pontevedra recomendan aplicar un insecticida rexistrado para o seu control. Tamén se está a incrementar o número de plantas afectadas por enfermidades da madeira, debido en gran medida ó incremento das temperaturas, polo que se agarda que sigan aumentando os danos.

Medidas fronte á Flavescencia Dourada da vide

Xuntanza de Balseiros con produtores no Rosal O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reuniuse este mércores con viticultores e demais interesados en Arbo e O Rosal para informalos das medidas de apoio que adopta a Xunta para facer fronte á Flavescencia Dourada da vide. Provocada polo organismo Grapevineflavescencedo réephytoplasma e transmitido por un insecto vector (Scaphoideustitanus), detectouse a súa presenza en plantas illadas nos concellos de Arbo, Crecente e As Neves. Todos eles forman parte da zona demarcada de Flavescencia Dourada de 2,5 quilómetros con respecto á fronteira con Portugal, onde se detectara a doenza con anterioridade. Con todo, a zona demarcada onde se adoptan medidas en Galicia esténdese tamén a parcelas da Cañiza, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, Tui e Tomiño.
A zona demarcada onde se adoptan medidas en Galicia esténdese a Arbo, O Rosal e a parcelas da Cañiza, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, Tui e Tomiño
Así, recordouse que dentro da zona demarcada os titulares das parcelas nas que se detecte a presenza de plantas infestadas ou insectos vectores das enfermidades deberán aplicar o antes posible un tratamento insecticida autorizado a todas as plantas. As plantas infestadas deberán ser arrincadas e destruídas baixo control oficial o antes posible. O máis recomendable é que esta destrución se realice in situ. Se non é posible, deberá realizarse nun rodal próximo, por incineración ou por algún outro método autorizado.
 As plantas infestadas deberán ser arrincadas e destruídas, unha medida que deberá estenderse á totalidade da parcela cando teña máis dun 20% de prantas sintomáticas
Ademais, no caso de que a parcela afectada teña máis dun 20% de plantas sintomáticas, deberán arrincarse e destruírse todas as plantas da parcela no caso de que as plantas afectadas non estean agrupadas. Acontece o mesmo no caso de zonas abandonadas. Medidas nos viveiros No relativo aos viveiros e outros operadores profesionais dentro das zonas infestadas, terán que inmobilizar de xeito cautelar o material de vide (Vitis spp.) ata a súa inspección oficial. A maiores, deberán aplicar un tratamento insecticida autorizado e destruír todos os lotes infectados seguindo un procedemento específico. No caso de ter plantas ou lotes sospeitosos de portar a enfermidade pero que non detecten síntomas tamén deberán ser eliminadas. Así mesmo, tamén cómpre arrincar e destruír todas as plantacións abandonadas das zonas demarcadas, así como eliminar as plantas silvestres do xénero Vitis spp. e aquelas que poidan ser portadoras da enfermidade, entre outras medidas preventivas.

Alerta pola chegada da praga da Flavescencia Dourada aos viñedos da provincia de Pontevedra

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se declara a presenza da praga de corentena denominada Flavescencia Dourada da vide no sur da provincia de Pontevedra, ao onde chegou dende Portugal,, establécese a zona demarcada e adóptanse medidas urxentes para a súa erradicación e control en Galicia, tanto de apoio a produtores como a operadores profesionais.

A praga denominada Flavescencia Dourada da vide é provocada polo organismo denominado Grapevine flavescence dorée phytoplasma e transmitido por un insecto vector (Scaphoideus titanus). Antes de Galicia, xa fora detectada en Portugal, especialmente en zonas próximas á fronteira coa comunidade. Dada a situación, Portugal declarou unha zona demarcada de Flavescencia Dourada lindeira con varios concellos fronteirizos de Galicia, polo que foi establecida unha zona tampón de 2,5 km coa fronteira.

día de hoxe os datos de seguimento deste organismo mostraron a súa presenza en plantas illadas situadas nos concellos de Arbo, Crecente e As Neves, na provincia de Pontevedra, e no concello de Padrenda, en Ourense. Todos eles forman parte da zona demarcada de Flavescencia Dourada de 2,5 km respecto á fronteira con Portugal. Con todo, a zona demarcada fixada pola resolución que se publica hoxe -que inclúe a zona infestada e a zona tampón de 2 km- esténdese tamén a parcelas da Cañiza, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, Tui e Tomiño.

Medidas

Así, dentro da zona demarcada os titulares das parcelas nas que se detecte a presenza de plantas infestadas ou insectos vectores das enfermidades deberán aplicar o antes posible un tratamento insecticida autorizado a todas as plantas. As plantas infestadas deberán ser arrincadas e destruídas baixo control oficial o antes posible. O máis recomendable é que esta destrución se realice in situ. Se non é posible, deberá realizarse nun rodal próximo, por incineración ou por algún outro método autorizado.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="80090" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Ademais, no caso de que a parcela afectada teña máis dun 20% de plantas sintomáticas, deberán arrincarse e destruírse todas as plantas da parcela no caso de que as plantas afectadas non estean agrupadas. Acontece o mesmo no caso de zonas abandonadas.

No relativo aos viveiros e outros operadores profesionais dentro das zonas infestadas, terán que inmobilizar de xeito cautelar o material de vide (Vitis spp.) ata a súa inspección oficial. A maiores, deberán aplicar un tratamento insecticida autorizado e destruír todos os lotes infectados seguindo un procedemento específico. No caso de ter plantas ou lotes sospeitosos de portar a enfermidade pero que non detecten síntomas tamén deberán ser eliminadas.

Así mesmo, tamén cómpre arrincar e destruír todas as plantacións abandonadas das zonas demarcadas, así como eliminar as plantas silvestres do xénero Vitis spp. e aquelas que poidan ser portadoras da enfermidade, entre outras medidas preventivas.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="80091" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Parcelas infestadas con Grapevine flavescence dorée phytoplasma:

Provincia

Concello

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="85896" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Parroquia

Referencia Sixpac

Pontevedra

Crecente

Albeos (San Xoán)

36:14:0:0:10:120

Pontevedra

Arbo

Mourentán (San Cristovo)

36:1:0:0:35:9

Pontevedra

As Neves

Setados (Santa Euxenia)

36:34:0:0:49:120

Pontevedra

Crecente

Ribeira (Santa Mariña)

36:14:0:0:49:557

Pontevedra

Crecente

Quintela (San Caetano)

36:14:0:0:16:1133

36:14:0:0:16:345

Ourense

Padrenda

Desteriz (San Miguel)

32:57:0:0:6:64

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230202/AnuncioG0426-240123-0005_gl.html

Máis información: 

"A chegada da Flavescencia Dourada aos viñedos de Galicia é cuestión de tempo"