Archives

Iseran, un herbicida para o control das malas herbas en millo

Na campaña 2023, SIPCAM Iberia lanzou Iseran, un novo e sostible herbicida para aplicacións en pre-emerxencia e en post-emerxencia temperá das malas herbas.

Iseran posicionouse no mercado como “unha solución flexible para o cultivo de millo”, segundo destacou xa nun inicio o Product Manager de SIPCAM Iberia, Pepe Martínez. Doce meses despois do seu lanzamento, a compañía de sanidade vexetal demostrou o alto rendemento da súa nova. ferramenta.

No seu primeiro ano de uso comercial, máis de 40 agricultores leoneses puideron comprobar o pasado mes de xullo como Iseran pode converterse na clave para lograr unha campaña de éxito. Da man do equipo da compañía, comprobaron a súa efectividade no control de malas herbas durante unha demostración en campo.

Demostración en campo do funcionamento do herbicida.

“Puidemos observar que este herbicida ten unha alta eficacia fronte a dicotiledóneas (malas herbas de folla ancha) e que, combinado con outras materias activas, é capaz de reforzar a súa efectividade para o control de monocotiledóneas”, analiza a delegada de Field Marketing Patricia de Blas.

Iseran nace froito da tecnoloxía Microplus Technology ®, patentada por Sipcam-Oxon. “Está formado por Mesotriona en forma de suspensión concentrada, a cal actúa sinerxicamente coa Clomazona, que se atopa en forma de suspensión de microcápsulas”, explica o Product Manager.

Acción
O herbicida ofrece un modo de acción diferente ao resto, dada a súa composición. As dúas materias activas son absorbidas polas malas herbas, tanto polas follas como polas raíces, translocándose por toda a planta e logrando que non nazan as malas herbas ou unha necrose destas.

Con este herbicida, SIPCAM Iberia ofrece unha acción herbicida inmediata grazas á Mesotriona, mentres que as microcapsulas de Clomazona libéranse dun modo controlado, gradual e continuo. Desta forma, garántese unha eficacia máxima, así como maior persistencia de acción e selectividade para o cultivo do millo.

“Se os profesionais buscan unha estratexia para control de malas herbas en pre-emerxencia ou post-emerxencia temperá, ata tres follas, Iseran é dos poucos produtos do mercado que cumpren con eses requisitos”

Este formulado ofrece unha dose flexible que permite controlar as principais malas herbas de folla ancha e estreita das zonas de millo. Ademais, destaca pola súa capacidade de integración en calquera estratexia herbicida e non ten limitacións do seu uso nos anos seguintes.

“Se os profesionais agrícolas buscan unha estratexia para a súa campaña 2024 coa que controlar as malas herbas en pre-emerxencia ou post-emerxencia temperá (ata tres follas), Iseran é un dos poucos herbicidas que hai no mercado con estas características. Ademais, é un produto composto cunhas materias activas que non teñen restricións”, conclúe a delegada de Field Marketing da zona.

Acerca de SIPCAM Iberia
SIPCAM Iberia é unha empresa de I+D, márketing e comercialización de produtos fitosanitarios, bioestimulantes e nutricionais especiais, tanto químicos como biolóxicos, con vocación de liderado, que elabora solucións innovadoras de investigación e desenvolvemento agrícola, ofrece unha ampla carteira de produtos para os principais cultivos. A compañía destaca por unha liña de produtos seguros para o agricultor, o consumidor e o Medio Ambiente.

Para máis información

Tractoradas galegas contra a burocracia e o endurecemento de normas ambientais no agro

Protesta dos agricultores e gandeiros concentrados diante da Subdelegación do Goberno en Ourense A xornada de protestas de agricultores e gandeiros convocada este martes a nivel de toda España foi secundada en Galicia con tractoradas nas cidades de Ourense e Lugo. Os produtores esixen, entre outras cuestións, cambios na Política Agrícola Común, a derogación dos Reais Decretos de xurros, fitosanitarios ou Caderno Dixital, así como maior control das importacións de produtos procedentes de terceiros países. É unha mobilización que ten a súa razón de ser no sentir xeral que existe no agro sobre unha "excesiva burocratización". Tamén hai malestar polo que se consideran normativas cada vez máis restritivas a nivel ambiental e de benestar animal. A outra cara da moeda é a visión de Bruxelas, onde a PAC consume arredor dun terzo do presuposto comunitario. É unha aportación de tal dimensión que parte dos países da UE só están de acordo con esa financiación se leva aparellados compromisos ambientais ligados coa biodiversidade, o cambio climático e o benestar animal. Son as novas esixencias excesivas?. Queda claro que no agro así se percibe. As protestas organizáronse a través de grupos de whatsapp, á marxe das organizacións agrarias, se ben co apoio de asociacións do sector, como Agromuralla. En tanto as organizacións agrarias retrasan as protestas ata pasada á campaña electoral, "pois na nosa historia nunca nos manifestamos en campañas electorais", segundo lembran desde unha das organizacións, os produtores que saíron hoxe á rúa acusan de "pasividade" ás organizacións do agro. Desde Agromuralla piden "eleccións inmediatas no campo", que en Galicia levan case 20 anos sen celebrarse, para poderen elixir aos seus representantes nos foros e órganos de participación coas Administracións públicas, onde se dirimen asuntos do sector. 200 tractores en Ourense A protesta máis numerosa xuntou en Ourense a uns 200 tractores chegados desde distintos puntos da provincia, desde produtores de pataca e cereal da Limia a gandeiros de vacún de carne de Montederramo e Castro Caldelas. A primeira hora da mañá paralizaron o polígono industrial de San Cibrao das Viñas para despois dirixirse ao centro da cidade, até diante da Subdelegación do Goberno, blindada con furgóns policiais e medio cento de antidisturbios. A convocatoria das protestas en toda España ten carácter indefinido e os manifestantes permaneceron até ben entrada a tarde na capital ourensá. “Non sabemos aínda se marchamos ou se quedamos, temos que decidilo aínda”, explicaba a Campo Galego Javier, gandeiro de Montederramo.
En Ourense tivo lugar a protesta máis numerosa e os produtores non descartan cortar a autovía A-52 cos seus tractores
De todas as reivindicacións detalladas no Manifesto Estatal 6 de Febreiro, no seu caso, o que máis lles afecta, tendo en conta o seu sistema de produción en extensivo, son novos requisitos impostos nos ecorreximes da PAC ou esixencias como a do Caderno Dixital. O gandeiro pide tamén o control do lobo e que se free o Tratado de Libre Comercio con Mercosur (Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai), que podería “inundar de carne de vacún o mercado europeo”, tirando aínda máis os prezos que cobran produtores coma el e que seguen estando, di, “por debaixo dos custos de produción”. No caso do grupo de tractores procedentes da comarca da Limia, as crecentes restricións no uso de produtos fitosanitarios e as novas normas en materia de abonado, así como a obriga de deixar sen labrar un 4% da superficie de cultivo para poder cobrar a PAC, son as queixas máis recurrentes. Desde a Comisión Europea, tralas protestas vividas nas últimas semanas en Francia e Bruxelas, xa avanzaron que valorarán eliminar para este ano o requisito ambiental de deixar un 4% das terras a barbecho. Tamén se van redefinir os obxectivos de redución de fitosanitarios. Excesiva burocracia Tractores aparcados a mediodía no Polígono Industrial das Gándaras, en Lugo En Lugo, máis de medio cento de tractores chegados de distintos puntos da provincia tomaron as rúas da capital. Participaron nas protestas gandeiros de carne e de leite. A asociación Agromuralla apoiou as marchas, nas que tamén había socios de Gandeiros Galegos da Suprema. Uns e outros quixeron facer escoitar a súa voz e “secundar o clamor dos agricultores e gandeiros de toda Europa contra as políticas que se aproban en Bruxelas", explicou o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, que participou na caravana de tractores que partiu do municipio da Pastoriza.
A asociación Agromuralla apoiou as marchas na provincia de Lugo
Barreiro esixiu cambios na Política Agrícola Común e nas normativas europeas que están "afogando ao sector primario". "Todas as normas que veñen de Bruxelas e que despois aplica o Ministerio de Agricultura e a Xunta de Galicia supoñen máis traballo e máis gasto para as explotacións", afirmou Pérez Barreiro, que acusou ás Administracións públicas, tanto europeas como estatais, de "lexislar en contra do sector". Ao final de la tarde, coincidindo coa volta dos tractores cara aos seus lugares de orixe, ocasionaron cortes de tráfico e importantes retencións na autovía A-6 á altura de Nadela. Apoio da Xunta O conselleiro do Medio Rural, José González, manifestou o apoio da Xunta de Galicia aos produtores e esixiu ao ministro Luis Planas “que defenda con firmeza” aos agricultores e gandeiros galegos e españois diante das institucións europeas. Entre outras medidas, instou á Comisión Europea a unha “moratoria inmediata” da lexislación comunitaria ligada á nova PAC e que supón, dixo, “un conxunto de trabas burocráticas e esixencias medioambientais que poñen en perigo a sostibilidade económica das explotacións”.

Bloqueo de autovías no resto de España e en Portugal

As protestas secundadas en distintas comunidades autónomas supuxeron dificultades para o tráfico e o bloqueo dalgúns centros de abastecemento de alimentos. As tractoradas máis numerosas tiveron lugar en Lleida, onde centos de tractores cortaron a autovía A-2. Tamén houbo cortes en Castela e León e Andalucía, así como en Portugal, onde os produtores lusos cortaron a autoestrada A-3 entre Valença e Tui, impedindo o tránsito pola fronteira con Galicia.
Os agricultores e gandeiros lusos cortaron o tránsito na fronteira con Galicia
En Madrid, os agricultores e gandeiros dificultaron a entrada á capital e en Aragón impediron o normal funcionamento de Mercazaragoza, ao igual que en Logroño. En Andalucía, estivo cortado o acceso ao porto de Málaga.  Nova cesión de Bruxelas Logo de decidir a semana pasada, en resposta ás tractoradas en Francia e Alemaña, aprazar un ano máis a obriga de deixar sen labrar o 4% das terras de cultivo para poder cobrar a PAC, a presidenta da Comisión Europea, Úrsula Von der Leyen, avanzou este martes unha nova cesión para tratar de acalar as protestas, que se seguen estendendo por outros países.
A Comisión Europea retira a Lei de Uso Sostible de Pesticidas, na que propuña unha redución do 50% dos produtos fitosanitarios no 2030
Von der Leyen anunciou diante do Parlamento Europeo a retirada da nova Lei sobre Uso Sostible de Pesticidas, coa que se pretendía reducir un 50% o uso de produtos fitosanitarios na UE en 2030, en sintonía cos obxectivos da Estratexia Da Granxa á Mesa. O Executivo comunitario aposta agora polo “diálogo” cos agricultores para reformular a normativa e por un “enfoque diferente” ao dos obxectivos xuridicamente vinculantes para os Estados membros.  
https://www.campogalego.gal/decalogo-de-reivindicacions-dos-sindicatos-agrarios-de-cara-mobilizacions-en-galicia/

Rías Baixas consolida unha viticultura sostible cunha aposta pola investigación e a innovación

A racionalización dos tratamentos e da fertilización da viña son algúns dos eidos nos que as adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas están a facer importantes esforzos dende hai tempo. Así é que son eixos nos que se centran algúns dos proxectos de investigación de I+D+i que están levando a cabo na actualidade e en colaboración con distintos centros de investigación, como o CSIC ou as universidades galegas. Un exemplo, en Martín Códax están a traballar en varias liñas de investigación coas que procurar unha viticultura máis sostible. A fertilización dos viñedos é unha das áreas nas que están a centrarse. Dende o ano pasado están a analizar o papel das cubertas vexetais para lograr unha fertilización máis respectuosa co medio ambiente. Trátase dun proxecto no que tamén colaboran as adegas da DO Paco&Lola e Altos de Torona, así como a Universidade de Vigo, e que terá continuidade aínda no 2024. Polo momento xa estiveron a realizar probas na pasada tempada ó sementar unha cuberta con gramíneas e leguminosas (avea e veza), que logo incorporaron como abono verde ó viñedo. “Con este estudo agardamos ter datos sobre como contribúen as cubertas naturais sementadas na fertilización das viñas ó incorporalas como abono verde, coa intención de reducir o aporte de fertilizantes sintéticos”, explica Miguel Tubio, director técnico da adega.
A adega Martín Códax estuda os beneficios das cubertas vexetais, xa sexan para incorporalas como abono en verde ou como cubertas permanentes, para labrar menos os viñedos
Non é o único traballo de investigación sobre prácticas máis sostibles que están a desenvolver nesta adega. Así, tamén relacionado directamente co mantemento do solo, levan xa 3 anos traballando en colaboración coa firma Agroasesor sobre prácticas de agricultura rexenerativa, como as cubertas vexetais permanentes, de maneira que se reduza o labrado do solo do viñedo. “Estamos vendo o gran potencial que este tipo de prácticas pode ter para incrementar a biodiversidade e fertilidade do solo e mesmo chegar a facer captura de carbono”, concreta Tubio. Outra iniciativa orientouse ó manexo da auga. Facer unha rega eficiente e un control das necesidades de auga das cepas foron os obxectivos marcados polo grupo operativo Regavid, no que tamén participou Martín Códax en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), e que é unha mostra da aposta pola innovación e a investigación para conseguir unha optimización dos recursos, xa que lles permite deseñar plans de rega do viñedo acordes ás necesidades da planta e facer un uso da auga máis eficiente.

Innovación para loitar contra as pragas no viñedo

A aplicación de tratamentos dos viñedos é outra das preocupacións nas adegas, por iso en Martín Códax tamén desenvolveron, en colaboración coa Universidade de Lleida unha investigación para realizar unha aplicación diferencial de tratamentos. En base a modelos de predición e tendo en conta o estado vexetativo da planta, grazas a imaxes aéreas conseguiron unha aplicación de tratamentos máis localizada e reduciron case nun 30% o emprego de fitosanitarios. “É preciso que a obtención destas imaxes sexa máis sinxela para que poidamos facer un uso mellor destas técnicas”, valoran dende a adega.
A aplicación localizada de fitosanitarios ou a detección precoz de pragas son algunhas das prácticas incorporadas por adegas das Rías Baixas para un manexo máis sostible
Buscar un control máis efectivo das pragas no viñedo foi tamén o obxectivo dun proxecto iniciado pola adega Lagar de Fornelos, no que en colaboración coa investigadora Cristina Cabaleiro abordaron estratexias para a protección das cepas de Albariño fronte o virus do enrolado da vide na zona do Rosal, onde se atopa a adega. “Moitas veces non se lle dá moita importancia a este virus, pero as cepas afectadas envellecen dun xeito prematuro e baixan moito os rendementos do viñedo, xa que a súa presenza estresa moito a planta”, explica Ángel Suárez, enólogo e director técnico da adega.
Lagar de Fornelos traballa en estratexia fronte ó virus do enraldo da vide
Coa intención de lograr un maior coñecemento sobre o desenvolvemento da enfermidade na subzona, así como dos insectos vectores que a transmiten (a cochinilla, entre outros), comezaron un traballo de investigación co que tamén estableceron pautas preventivas para combatela. “Apostamos por incorporar prácticas para a prevención da aparición tanto da enfermidade como do vector”, explica Suárez. Así, todas as novas plantas que adquiren son certificadas, o que lles ofrece unha maior seguridade a nivel sanitario, ó conter un menor risco de infección de virus. Ademais, inciden na formación do persoal que traballa nos viñedos para conseguir unha detección precoz do vector e poder atallar a súa presenza con tratamentos enfocados ás zonas afectadas.

O potencial vitivinícola das variedades autóctonas

Unha das liñas de investigación na que están centrándose varias adegas da DO Rías Baixas é na recuperación ou conservación de variedades autóctonas, debido ó potencial vitivinícola que amosan. A adega Viña Moraima, situada en Barro (Pontevedra), é unha das adegas que aposta polas castes autóctonas. No seu caso, e en colaboración coa Misión Biolóxica de Galicia do CSIC, están dedicando importantes esforzos á recuperación da variedade branca Ratiño. “Levamos máis de 10 anos tentando recuperar esta caste, que durante moito tempo foi moi cultivada nesta zona”, explica Roberto Taibo, enólogo da adega.
A adega Viña Moraima traballa en colaboración co CSIC para a recuperación da variedade branca Ratiño
A escasa produción e o sensible que esta variedade resulta foron os principais motivos polos que foi deixando de cultivarse a Ratiño. Con todo, hoxe consérvanse aínda cepas vellas en distintos viñedos, pero non se están a facer plantacións específicas desta variedade. En Viña Moraima destacan o potencial desta variedade e están a facer microvinificacións que lles permiten obter datos de interese para coñecer a evolución deste viño. “Polo momento conseguiuse xa que se incluíse esta variedade como apta para a elaboración de viño e agora o seguinte paso sería que o Consello Regulador tamén a ampare entre as autorizadas, xa que sería un paso moi importante para a recuperación da variedade”, detallan dende a adega. En Viña Moraima traballan tamén con outra variedade autóctona e minoritaria, o Caíño tinto. “Aínda que tamén é unha variedade cunha baixa produción e moi sensible, séguese cultivando nas Rías Baixas”, indica Taibo. Na adega contan cunha produción limitada de Caíño tinto procedente de viñas centenarias e que destinan a elaboración de viños de garda. No Baixo Miño, a adega Señorío de Rubiós tamén se interesou por outra variedade minoritaria, o Castañal, e en colaboración coa USC comezaron un traballo de recuperación desta caste na zona. “Conseguimos os portainxertos e plantamos unha parcela, pero polo momento estamos á espera de ter produción. Contamos facer a primeira vendima no 2024 e poder ver resultados e ir introducíndoa nos nosos viños”, explican dende a adega. Do mesmo xeito, firmas como Adegas Terrae ou Valmiñor abriron liñas de investigación para mellorar o potencial vitivinícola, optimizar a xestión do viñedo e ter maior información sobre os efectos do microclima das zonas de produción e a incidencia de enfermidades fúnxicas en variedades autóctonas, como o Castañal ou Caíño tinto, entre outras.
  • Branded content

Seipasa celebra o seu 25 aniversario como pioneira no desenvolvemento da agricultura biolóxica

Seipasa celbra 25 anos de existencia, colaborando desde esa data cos agricultores para modernizar o sector agrario no país. Hai 25 anos nin a informática, nin internet, nin a tecnoloxía en xeral alcanzaran o nivel de desenvolvemento e modernidade do que gozamos hoxe en día. Tampouco o facía a agricultura. Por ese motivo, a historia de Seipasa aínda cobra máis valor, porque o seu nacemento prodúcese nun contexto totalmente diferente ao actual, cunha industria agrícola plenamente centrada na produción, dominada polos tratamentos de síntese química e na que conceptos como a sustentabilidade aínda non cobraran a importancia que teñen agora.

“Se houbo algo que nos impulsou cara ao futuro foi nosa visión para anticiparnos ao cambio. Obrigounos a nadar contracorriente durante moitos anos, coa incomprensión e o rexeitamento de parte da distribución, e cun mercado que non sempre entendía as nosas solucións. Pero, a realidade é que ese atrevemento e esa visión anticipatoria é a que nos permitiu ir un paso por diante do resto no desenvolvemento dun portafolio de base biolóxica. Chegamos os primeiros e agora levamos vantaxe”, asegura Pedro Peleato, CEO de Seipasa.

Para aqueles que non o coñezan, Seipasa é o acrónimo de Sociedade Europea de Intercambio de Produtos Agrícolas Sociedade Anónima. A compañía naceu a carón das oportunidades comerciais que se abriron tras a incorporación de España á Unión Europea, aínda que o punto de inflexión que marcou esa visión anticipatoria do cambio produciuse a case 8.000 km de Valencia.

“En 2001 viaxamos á Habana, Cuba, nunha visita empresarial organizada pola Universidade de Alacante. Cuba estaba sometida ao embargo de EE. UU que, entre outras moitas limitacións, impedía aos produtores dispoñer de tratamentos fitosanitarios para o control de pragas e enfermidades. Fronte a iso, os agricultores desenvolveran alternativas de loita biolóxica a partir de microorganismos e extractos botánicos. Para min, aquilo foi un cambio de paradigma. Entendín que o futuro da agricultura pasaba por aí e, ao regresar a España, apostámolo todo a esta liña de desenvolvemento”, lembra Peleato.

A partir dese momento, Seipasa instalouse en L’Alcúdia, a apenas 30 km de Valencia. Pronto chegou o desenvolvemento do primeiro portafolio de produtos, as primeiras experiencias comerciais en Murcia e Almería, a primeira exportación a Turquía e a primeira filial internacional en México. Houbo moitas primeiras veces en Seipasa ás que despois seguiron moitas outras ata construír unha compañía global con presenza en máis de 25 países de todo o mundo que aplican o modelo de Tecnoloxía Natural desenvolto pola compañía.

Aposta polos rexistros fitosanitarios

Pero que é a Tecnoloxía Natural? Pedro Peleato defínea como unha forma de entender a agricultura. “É un compromiso coa tecnoloxía, a innovación e a sustentabilidade aplicadas á agricultura para partir do uso de principios botánicos e microbiolóxicos. Tecnoloxía Natural é unha aposta polas estratexias de control integrado de pragas, así como pola redución ou substitución das materias activas de síntese química nos tratamentos. Esa é a base sobre a que construímos o noso portafolio de solucións e así o seguiremos facendo”.

Se aquela viaxe a Cuba marca o primeiro punto de inflexión na historia de Seipasa, o segundo prodúcese cando a compañía decide reforzar a súa orientación cara ao segmento do biocontrol e construír un catálogo avalado polo sinal do rexistro fitosanitario. “Hai máis de 15 anos vimos a necesidade de dar un futuro e un valor engadido real aos principios activos naturais cos que estabamos a traballar: había que rexistralos e poñelos no lugar oportuno”, relata Peleato.

Nova liña de bioherbicidas

Grazas a ese esforzo, Seipasa dispón de máis de 70 rexistros fitosanitarios en 25 países de todo o mundo. “Contamos cun portafolio de bioprotección propio conformado polas liñas de bioinsecticidas e biofunxicidas ás que, moi pronto, vai unir unha nova liña de bioherbicidas no mercado. Hai multinacionais que, para chegar ao mesmo portafolio de biolóxicos, tiveron que gastar miles de millóns de euros adquirindo empresas porque non dispoñían da tecnoloxía nin dos recursos necesarios. Nós fixémolo con recursos propios e cun modelo creado por e para os agricultores”, afirma o CEO de Seipasa.

Esa nova liña de bioherbicidas é o proxecto máis importante no que traballa Seipasa. Trátase dunha alternativa aos herbicidas sintéticos no mercado, e candidatos a desaparecer, que presenta un novo modo de acción descoñecido ata o de agora e non aplicado por ningunha das referencias no mercado. Para facer realidade este proxecto, a compañía acaba de inaugurar a súa nova planta industrial que, xunto cun novo edificio de oficinas, suman 4.000 novos m2 para dar o salto a ese futuro máis inmediato.

Premio Nacional de Innovación 2020

Chegados a este punto, alí onde as memorias do pasado se funden cos proxectos de futuro, convén preguntarse cal é o recordo máis emocionante destes 25 anos. “Quedo co Premio Nacional de Innovación que nos outorgou o Ministerio de Ciencia e Innovación no ano 2020. Aquel ano de loita titánica contra a Covid19 as compañías farmacéuticas ou de telecomunicacións tiveron un papel moi relevante a nivel social, pero o premio á empresa máis innovadora de España foi para Seipasa, unha compañía do sector primario. Como membro dunha familia de profesionais da agricultura sentín un enorme orgullo ao recibilo, pero aínda o sentín máis polos millóns de agricultores que cada día pisan o barro a pesar de todos os problemas e barreiras aos que se enfrontan. Este premio tamén é seu”, lembra Pedro Peleato. Por todos eles, Seipasa prepárase para, como mínimo, 25 anos máis.

Como afecta o uso de fitosanitarios nos viñedos á saúde dos solos?

O emprego de pesticidas é un dos temas que preocupa no campo e tamén en Europa, como poñen de manifesto as novas normativas comunitarias que procuran unha redución do seu uso de cara ó 2030. Con todo, as campañas europeas de control do uso de pesticidas amosan unha tendencia estable e controlada, con pequenas variacións pola entrada ou saída das listaxes de produtos autorizados polas Administracións ou en parte debido ás campañas publicitarias das casas comerciais. Co uso que se fai na actualidade en cultivos coma os viñedos de pesticidas para a loita contra patóxenos, cabe preguntarse que impacto está a ter o seu uso nos solos e na súa saúde. Este foi un dos obxectivos que procura un traballo no que participaron distintos centros de investigación como a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega-Agacal) e as universidades galegas como a USC (Grupo de Cromatografía e Quimiometría) e a Universidade de Uvigo (Grupo de Investigación Pranta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación), e no que avaliaron solos de viñedos do Ribeiro.
Analizaron os solos tanto na época de maior aplicación de produtos fitosanitarios coma no inverno, para coñecer se quedan residuos
En concreto, o estudo realizárono en parcelas cun manexo convencional e ecolóxico e tomaron mostras en xullo do 2022 e en febreiro deste ano. “Eliximos facelo en dúas datas para ter rexistros no pico de aplicación dos produtos fitosanitarios (xullo) e tamén mostras da época na que case non se aplican tratamentos, para ver se hai presenza deles nos solos”, detalla Isaac Rodríguez Pereiro, profesor da USC e un dos investigadores implicados. Os investigadores Isaac Rodríguez e Pilar Blanco durante a presentación dos resultados do estudo ó sector. Recolléronse mostras de solos a dúas profundidades diferentes e observáronse diferenzas entre os valores obtidos en función da profundidade e en función do tipo de manexo que se está a aplicar nas parcelas. “As propiedades relacionadas con contidos totais de diferentes elementos coma o carbono, o nitróxeno, ferro ou cobre non presentaban diferenzas entre os manexos. De feito, os niveis de cobre son altos en todos os sistemas de manexo probablemente polo recorrente uso dende hai décadas de funxicidas de base cúprica”, explica Flora Alonso Vega, profesora da Uvigo e outra das investigadoras implicadas no proxecto. Porén, ó avaliar propiedades dos máis vinculados coa fertilidade ou a calidade dos mesmos, atoparon valores máis favorables naquelas parcelas manexadas en ecolóxico en comparación coas manexadas en convencional. Así, os valores medios de pH, as concentracións de catións intercambiables coma o calcio, potasio e magnesio, ou as de micronutrientes coma o manganeso e o zinc, foron maiores nos solos manexados baixo un sistema en ecolóxico. “Estas tendencias poderían confirmarse transcorrido máis tempo de aplicación do manexo en ecolóxico”, indica a investigadora Flora Alonso.

A presenza de compostos nos solos do Ribeiro

Analizar a presenza de restos de produtos fitosanitarios nos solos supuxo un reto para os investigadores posto que algún dos principios activos presentes nas formulacións comerciais resulta difícil medilos no medio, xa que son lábiles en condicións naturais. Ademais, para analizar a presenza dalgúns deles tamén se requiren metodoloxías específicas e relativamente caras, como apuntaba Rodríguez Pereiro. A heteroxeneidade das parcelas tamén foi outro condicionante e que mesmo pode ter impacto na análise dos resultados, como sinalan os investigadores. Así é que contaban con parcelas con máis de 2 hectáreas de viñedos e outras onde apenas se chegaba ós 400 metros cadrados e nas que se adoitaba facer un manexo ecolóxico. “Nalgunhas destas parcelas de menor tamaño detectamos a presenza de compostos nos solos que non se empregaban nesas viñas, polo que nos leva a pensar a que puideran chegar alí por mor de transporte aéreo”, detalla Rodríguez.
Detectaron restos de 22 funxicidas e 2 insecticidas. En boa parte das parcelas a presenza destes compostos está en cantidades moi baixas
Nestes dous anos de investigación analizaron a presenza de 53 compostos, entre os que se atopan os máis presentes nos produtos fitosanitarios empregados nos viñedos. Deses 53 compostos atoparon restos de 26 deles nas mostras analizadas. A maioría son funxicidas (22), mentres que dous deles son insecticidas e outros 2 restantes son compostos de transformación dalgúns dos funxicidas empregados no viñedo. “Nas parcelas cun manexo ecolóxico había valores moi baixos, en torno a 10 nanogramos por gramo de terra, mentres que nalgunhas das parcelas en convencional detectáronse valores de 2.000 nanogramos por gramo”, detalla o investigador.
Na época de repouso no viñedo a presenza de restos de fitosanitarios nos solos chegou a reducirse a unha quinta parte
Nesta análise dos solos, ademais de detectar os funxicidas empregados durante as campañas de xeito directo, resulta significativa a presenza dun funxicida, o Carbendazim, cuxo uso leva anos prohibido. “Pode haber algún funxicida dos empregados na actualidade que se transforme neste principio activo”, apunta. Tamén destaca que na época de repouso do viñedo a presenza destes compostos redúcese significativamente, sobre todo nas parcelas cun manexo convencional, posto que nas de ecolóxico a súa presenza é xa mínima. Así, nas mostras tomadas en febreiro deste ano aprécianse valores totais de 500 nanogramos por gramo, cando en plena época de tratamentos pode chegar a situarse nos 2.500 nanogramos por gramo. Concentración de compostos nos solos segundo os distintos tipos de manexo. Do mesmo xeito que se reduce a cantidade de restos fitosanitarios tamén se reduce o número de compostos identificados durante os meses de inverno. “A pesar desa redución aínda hai parcelas nas que se detectan ata 11 compostos a niveis relevantes”, detalla Rodríguez. Esta redución dos compostos e da cantidade atopada débese fundamentalmente ás condicións ambientais, así coma ás propias características do composto. “Non todos os compostos teñen a mesma persistencia”, explica o investigador. Cómpre ter en conta ademais, que pese a que 2022 foi un ano seco, a partir de setembro rexistráronse precipitacións por encima dos 700 milímetros, o que pode provocar que haxa problemas de escorrentas nas capas máis superficiais dos solos analizados.

O impacto na saúde dos solos

Outro dos aspectos que analizaron nesta investigación foi o impacto que ten o uso de fitosanitarios na propia saúde dos solos e o que condicionan a presenza de microorganismos nel. Cómpre ter en conta que o papel dos microorganismos nos solos é fundamental para cuestións como a regulación do clima ou a saúde das plantas. En concreto, os microorganismos estimulan o crecemento da planta e aumentan a súa resistencia a situacións de estrés ou enfermidades. A presenza de microorganismos é tamén clave para a viticultura. “Dende a viña á adega, os microorganismos xogan un papel importante na produción e calidade do viño”, argumenta Pilar Blanco Camba, investigadora da Agacal-Evega, e coordinadora do proxecto. Na análise dos solos do Ribeiro determinou que existen distintos terroirs microbianos na DO Ribeiro nas áreas xeográficas dos vales do Miño, Avia e Arnoia. Ademais, nas parcelas cun manexo ecolóxico do viñedo detectáronse máis especies exclusivas que nas parcelas cunha xestión convencional.
O manexo do viñedo afecta directamente á saúde do solo e ós beneficios que este lle proporciona á planta fronte situacións de estrés e enfermidades
“Nos viñedos cun manexo sostible aprécianse redes microbianas mellor conectadas, con maior interacción e cooperación para unha maior resistencia e resiliencia fronte a condicións de estrés”, detalla a investigadora. Así é que o manexo que se fai da parcela inflúe directamente na composición do solo, na presencia de bacterias e fungos. Os solos analizados amosan unha menor diversidade de bacterias, pero niveis de fungos semellantes ós manexados noutras zonas xeográficas próximas coma Portugal.

Solucións contra as pesticidas en viñedos e oliveirais a través da innovación

O proxecto europeo H2020 NOVATERRA celebrará unha xornada o vindeiro xoves 26 de outubro ás 10h en Santiago de Compostela, na sede de FEUGA no Campus Vida, que ten por obxectivo presentar o consorcio, avances e primeiros resultados até o momento á comunidade científica e a profesionais do sector. Así, representantes das entidades participantes darán conta dos traballos que están a realizar para reducir o uso e o impacto das pesticidas no viñedo e o oliveiral a través de novas tecnoloxías e exporán os factores que determinan a adopción de solucións ambientalmente sustentables a nivel de explotación. O proxecto busca a creación dun enfoque 360º para garantir a seguridade alimentaria, así como o acceso a unha alimentación sa para unha poboación crecente, seguindo as directivas e prioridades da Unióin Europea en materia de uso sustentable de pesticidas. O evento, organizado por FEUGA, forma parte das actividades de divulgación de NOVATERRA. Os asistentes poderán achegarse, a través dunha serie de casos de estudo, a novas estratexias sustentables e integradas, viables técnica e economicamente para distintos sistemas de cultivo, que teñen como finalidade eliminar ou reducir significativamente o uso e o impacto negativo das pesticidas máis prexudiciais. A cita, que se celebrará de forma presencial e emitirase tamén en streaming, contará coa participación de representantes de diversas entidades españolas que integran o consorcio: O Instituto de Investigación y Tecnología Agroalimentarias (IRTA), o Centro de Investigación en Economía y Desarrollo Agroalimentario (CREDA), a Universidad de Burgos, a Plataforma Tecnológica del Vino (PTV), a adega Terras Gauda e a Universidad Politécnica de Catalunya (UPC). NOVATERRA persegue a redución do impacto negativo das pesticidas para a xestión integrada de pragas en oliveirais e viñedos. Coordinado por IRTA conta cun consorcio de 23 entidades de 6 países: Grecia, Italia, España, Portugal e Bélxica. Iniciado en outubro de 2020, o proxecto que ten unha duración de 4 anos recibiu unha cofinanciación do programa H2020 con preto de 5 millóns de euros.

Inscríbete aquí

Curso ponte en Lugo para obter o carné de aplicador de fitosanitarios nivel cualificado

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria organiza un curso ponte para acceder ó carné de aplicador de produtos fitosanitarios de nivel cualificado, cunha duración de 35 horas, na Área de Servizos Agrarios de Lugo, programado dentro das actividades de formación continua que xestiona Agacal.

Os interesados, deben contar co carné de aplicador de produtos fitosanitarios nivel básico e facer a solicitude antes do xoves dia 14 de setembro. Pódese solicitar máis información na Oficina Agraria Comarcal de Lugo (982 294 536 / 931).

Horario: 16 a 20. 45 horas.

Días: 18,25,27 de setembro, e 2,9,11,16 y 18 outubro.

“O prezo da pataca é moi bo porque hai pouca en Europa e en 2024 prevese complicado atopar semente”

Enxeñeiro agrónomo e consultor especializado, Fernando Alonso Arce é un dos maiores expertos en pataca en España. A súa vinculación con este cultivo vénlle xa de familia, xa que os seus pais eran xa produtores de pataca na zona de Burgos e a súa carreira profesional centrouse neste cultivo. Alonso Arce exerceu durante case 30 anos no Centro de Control de Pataca de Castela e León e tras a súa xubilación desta actividade segue activo como consultor percorrendo a xeografía española interesándose pola evolución do cultivo nas distintas zonas produtoras. Con el coñecemos as previsións desta campaña e os retos que afronta o sector. -Como se presenta a campaña da pataca este ano en España? -As previsións iniciais apuntaban a que sería unha campaña complicada porque se atrasaron as sementeiras e acumuláronse sementeiras tardías. Por este motivo, prevíase que coincidisen os arranques tamén en varias zonas, o que podería afectar de forma significativa aos prezos, provocando unha caída destes. Pero a situación cambiou pola exportación, xa que hai unha alta demanda desde Europa. Así, aínda que realmente coincidiron os arranques do sur cos das zonas produtoras do norte como Valladolid ou Segovia, saíron moitos camións para Europa. -Está a notarse nos prezos esta alta demanda europea? -Si, dende logo. Os prezos subiron e seguen subindo. Está a pagarse ao agricultor entre 40 e 45 céntimos o quilo de Agria. Son prezos realmente moi bos. -A que se debe esta alta demanda de Europa? -En Europa non teñen pataca, sobre todo para a industria, porque tiñan pouco stock. Tamén se debe a que despois do Covid-19 tampouco tiñan moita pataca en almacéns frigoríficos e o que fixeron foi tirar da pataca española. Así, xa se exportou e séguese exportando moita pataca española cara a Europa.
“Nestes momentos en Europa teñen pouca dispoñibilidade de pataca, por iso están a comprar a española, pero aínda está por ver como será a súa colleita”
-Plantouse menos pataca en Europa? -Non para nada, mesmo se plantou un pouco máis que o ano pasado. Sementaron máis tarde, no mes de maio, debido ás choivas da primavera. Despois houbo moita seca e temperaturas altas en zonas produtoras nas que non adoitan utilizar sistemas de rega porque habitualmente non o necesitan, de maneira que non o tiñan dispoñible. Por estes motivos teñen pouca dispoñibilidade de pataca polo momento. Aínda que tamén é certo que aínda está por ver como será a colleita de pataca en Europa. En Europa está a tirarse moito cara á industria. En Bélxica a industria está a construír novas fábricas. Esta é outra das razóns polas que hai menos pataca, xa que os agricultores deixaron de producir pataca de sementeira e de consumo para centrarse na de industria, porque están a subir os prezos. De feito prevese que o ano 2024 sexa bastante problemático en canto a dispoñer de pataca de sementeira, xa que vai haber pouca pataca. Países Baixos controla practicamente o mercado mundial da pataca de sementeira, mentres Francia é o líder europeo na exportación de pataca de consumo. En concreto a España destina unhas 700.000 toneladas de pataca e previsiblemente este ano se incrementará esta cifra. Así é que en distintas épocas, en España exportamos e compramos pataca, o que se converte nunha oportunidade máis para os agricultores.
“Os mercados europeos están a pedir sobre todo pataca Agria para a industria e Colomba por ser unha pataca moi versátil”
-Que variedades están a pedir os mercados europeos? -Sobre todo estase exportando a pataca Agria e tamén están a pedir algo de Colomba. A primeira delas porque é a que pide a industria e a segunda porque ten moitas utilidades,  xa que é unha pataca que se utiliza para moitos fins. Tamén hai outras variedades que se destinan á exportación, como a Soprano, pero as que máis están a saír son Agria e despois Colomba. -Á marxe da demanda europea, que variedades se adoita consumir en España? -A Agria, a pesar da demanda que está a ter reduciuse o volume que se planta. Plántase moita Soprano e Colomba. Ademais, seméntanse moitas variedades cada ano. O mercado non é tan fiel como ocorre co galego, onde se sabe que están Kennebec e Agria. Mentres, no sur cámbiase de variedades cada ano. Todas as casas de sementes introducen variedades novas constantemente para ir ocupando o espazo que vai quedando. -Por que en Galicia somos tan fieis a esas dúas variedades? -Sobre todo ten que ver coa boa valoración que hai tanto no mercado galego como fóra del da Kennebec e en especial da Kennebec galega, que é moi apreciada. Ata hai dous anos só se admitía na IXP Pataca de Galicia esta variedade. Finalmente introduciron a Agria e a Fina de Carballo. -Afondando un pouco máis nas previsións da campaña e á marxe dos bos resultados que está a deixar a gran demanda de Europa, de que maneira afectaron as restricións de auga e as vagas de calor nas plantacións de pataca? -As tormentas e as choivas torrenciais apelmazaron o terreo, provocando que os tubérculos non poidan respirar ben e tampouco permite o desenvolvemento radicular. Ademais, os rendementos están a ser baixos debido a isto. Neses campos que se encharcaron houbo problemas fitosanitarios como o mildio ou a alternaria. Tamén se detectou en varias zonas verticiliose, unha enfermidade, pouco habitual, pero que afecta moito cando se rexistra un grao de humidade alto. Afectou en plantacións de Cartaxena, en Castela León e en Galicia. En Xinzo de Limia estiven hai unhas semanas despois de que me chamasen ao detectar problemas. Non o identificaban como Verticillium e estabano a tratar coma se fose mildio. -Cales son os síntomas que presentan as plantas afectadas por Verticillium e como tratalas? O Verticillium é un fungo que en EE.UU. coñecen como ‘morte prematura (early dying)’, porque a pataca morre antes de cumprir a maduración. Comezan secando as follas máis baixas e termina coma se fose unha palmeira, cun talo e un cogollo seco. No Ministerio de Agricultura non hai ningún produto rexistrado para tratar esta enfermidade, por iso é tan problemática, xa que non hai produtos eficaces contra ela. O recomendable cando se detecta é suspender a rega e deixar que a planta chegue a sufrir un pouco pola falta de auga, xa que axudará a combater o fungo. -É difícil identificar as plantas afectadas por Verticillium? -Non é unha identificación difícil, o problema é que ao non ser frecuente pode pasar que non se pense nela. É unha patoloxía que confunde moito ao agricultor, xa que os síntomas iniciais son similares aos do mildio e alternaria: a planta comeza a secar. Ante isto, o habitual é que se apliquen tratamentos fitosanitarios para estes fungos e se lle proporcione máis auga á planta, o que resulta contraproducente para atallar o Verticilium.  -Verase afectada a calidade da pataca esta campaña? -A calidade sanitaria da pataca pode afectar na súa conservación. Xa viña habendo dificultades nos últimos anos na conservación das patacas debido á prohibición do produto antixerminante que viña utilizándose, que era ademais o máis eficaz e barato. Este ano creo que pode haber problemas na almacenaxe por mildio e pé negro. A almacenaxe pode ser problemática.
“Este ano os agricultores deben ser moi selectivos nos lotes que van almacenar”
-Que recomendación pode facerse para reducir estes posibles problemas na almacenaxe? -A única posibilidade que se lle presenta ao produtor é non meter no almacén os tubérculos afectados por pé negro e mildio. Será moi importante que se controle ben a entrada de novas partidas e a evolución da pataca no almacén. Este ano os agricultores deben ser moi selectivos nas partidas ou lotes que van almacenar.

“As leiras chegaron a estar moi asolagadas en Galicia e iso pode afectar moito aos rendementos"

-E en Galicia, como esperan que sexa a campaña? Tamén afectaron as choivas de primavera? -As leiras chegaron a estar moi asolagadas en Galicia e iso pode afectar moito aos rendementos que se logren esta campaña, tanto en Xinzo de Limia como en Bergantiños, tal e como apuntan no terreo tanto agricultores como técnicos. Habitualmente na Limia prodúcense unhas 120.000 toneladas e este ano poida que non cheguen ás 100.000. -A incidencia de mildio ou alternaria, foi máis significativa que outras campañas? -Si houbo máis incidencia, pero en xeral, controlouse. O problema é que obrigou aos agricultores a dar máis tratamentos. Tamén é certo que na Limia régase moito, creo que con menos auga o cultivo podería ter unha mellor sanidade. Quizais sería recomendable realizar regas máis frecuentes e con menos cantidade de auga.
"Os modelos de predición como o desenvolvido pola investigadora Laura Meno Fariñas poden ser de gran axuda para optimizar o uso dos fitosanitarios, coma no caso do mildio"
-Coa Unión Europea esixindo producións máis sostibles e a redución de fitosanitarios, como se poderá lograr en Galicia cos problemas de mildio que temos? -Neste sentido son moi interesantes proxectos como o que está a desenvolver na Universidade de Vigo e o Inorde a investigadora Laura Meno Fariñas para reducir o número de tratamentos en base a un sistema de predicións intelixentes, de maneira que só se apliquen tratamentos nos momentos de maior risco de mildio. Ademais, na Limia estes modelos poden ser de gran axuda, xa que se trata dunha zona bastante uniforme, a diferenza do que ocorre noutros lugares onde hai unha gran variedade de factores ambientais que inflúen. -Sería unha alternativa a aposta por variedades máis resistentes a mildio? -Están a facerse estudos en Galicia, sobre todo desde o Inorde, sobre estas variedades. Aínda que, a non ser que se demostren unhas vantaxes moi grandes e unha gran resistencia, eu non son partidario de introducila na IXP Pataca de Galicia. Podería traballarse con ela fóra. Tamén é certo que é complicado, xa que todas as casas de sementes están a tentar introducir as súas variedades e Galicia foi un reduto que se resistiu e creo que o modelo galego é moi acertado.
 "As medidas que se adoptaron para controlar a couza guatemalteca foron moi duras, pero é un caso de éxito sen precedentes"
-En Galicia pasamos tamén por restricións como a derivada da couza guatemalteca, en 2017, que opinión ten acerca da actuación levada a cabo para conter a praga? -Creo que foi unha actuación moi acertada. No ano 1999 apareceron as primeiras en Canarias e no 2015 detectáronse as primeiras en Ferrol, crese que chegadas en pataca nalgún barco e desde aí estendeuse tanto a outras zonas de Galicia e Asturias. As dúas comunidades adoptaron entón as medidas que esixe a Unión Europea e aínda que foron medidas moi duras, conseguiuse que Asturias desde xaneiro deste ano sexa zona libre e en Galicia estea a avanzarse nesa dirección. Para min é un éxito sen precedentes. Agora mesmo esta praga está a estenderse en América do Sur, estendéndose en Ecuador, Perú, Bolivia… e en ningún sitio se conseguiu frear da maneira que se fixo aquí. -Unha vez controloda por completo, hai algunha recomendación ou práctica aconsellable para evitar a súa aparición? -Debe manterse a vixilancia, xa que en calquera momento pode aparecer de novo, non só en Galicia, senón en calquera punto. Por iso é importante manter as trampas de feromonas para detectar algún repunte. -Á marxe desta campaña, como valora a produción de pataca en Galicia? -A produción de pataca en Galicia ten moito futuro. A pataca galega valórase moito tanto en Galicia coma fóra. Esta percepción tan positiva que se ten sobre o produto é un dos seus maiores puntos fortes, por iso ás veces dá medo esa ampliación de variedades que se baralla dentro da IXP. Eu non son partidario desa ampliación, xa que cando se pensa en pataca galega pénsase en Kennebec, aínda que se incluíuse tamén a Agria e outras como a Fina de Carballo (da que apenas hai produción). Na miña opinión é mellor continuar sen incluír máis variedades.

Recomendan aplicar no viñedo un tratamento contra a botrite tralas recentes choivas

Ante as infeccións por botrite detectadas esta semana, debido ó estado fenolóxico da uva (moi próxima á maduración) e as choivas que se rexistraron recentemente, a Estación Fitopatolóxica Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar un novo aviso fitosanitario no que aconsella tratar as viñas nas que non se tivese realizado ningunha aplicación con anterioridade. As precipitacións dos últimos días provocaron un rápido incremento do tamaño dos grans, o que nalgunhas ocasións fixo rebentar a súa pel. Isto, xunto coas perforacións nalgúns predios de eirugas de Lobesia e ataques de paxaros nas uvas, deron lugar á aparición de micelio en acios de moitas viñas. Por esta razón, Areeiro recomenda aplicar un antibotrítico se non se realizou este tratamento con anterioridade. O persoal sinala que no Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación existen funxicidas autorizados para o control desta enfermidade con características e prazos de seguridade moi diferentes, polo que debe ser considerado cada caso concreto segundo o estado de maduración da uva e a presenza actual de síntomas ou feridas nos grans. Por outra banda, o aviso volve referirse de novo á enfermidade da flavescencia dourada. Areeiro sinala que segue a haber capturas do Scaphoideus titanus nas trampas, agás nas viñas nas que se realizaron os tratamentos insecticidas recomendados, e lembra que combater este insecto é un dos escasos medios para loitar contra esta patoloxía. Neste senso, advirte de que as poboacións deste insecto vector que queden este ano estarán fortemente relacionadas coas da campaña seguinte e, polo tanto, coa dispersión da enfermidade. Respecto do mildio, o aviso sinala que coa entrada no pintado a uva xa non é sensible a este patóxeno, e só poden aparecer síntomas na vexetación e nos acios dos brotes netos, nos que apareceron precisamente nas revisións efectuadas esta semana. Coa previsión de altas temperaturas para os vindeiros días, o centro indica que en principio non será necesaria ningunha intervención máis que, opcionalmente, nos predios que tiveron fortes ataques nesta campaña se a densidade de manchas é tan elevada que pode provocar defoliación e comprometer a maduración en curso. Por último, o aviso da Estación Fitopatolóxica refírese tamén ás hortícolas. Lembra que os restos vexetais son o soporte que utilizan varias pragas e patóxenos para pasar o inverno, de xeito que neste momento, cando se están a levantar algúns destes cultivos, Areeiro aconsella que se eliminen estes restos para reducir a problemática que se poida ter o próximo ano.

Como lle afecta a nova PAC á viticultura?

“Teremos unha PAC máis verde e sostible. Esta nova Política Agraria Europea, asentada no Pacto Verde e na estratexia do Campo á mesa veu para quedar, a pesar de que afrontemos outras dificultades no continente como foi a Guerra de Ucraína, que afecta de forma directa tamén á agricultura e gandería comunitaria”. Así de rotundo se amosa Alejandro García, experto en Política Agraria Europea, que é á vez tamén agricultor e participou recentemente no I Foro sobre Uva e Viño celebrado en Cenlle (Ourense). A última reforma da PAC, que entrou en vigor este mesmo ano e que se manterá ata 2027, introduciu novos cambios en materia de sustentabilidade ambiental que afectarán tamén na xestión dos viñedos. No caso das viñas afectarán a cuestións como a limitación no uso de produtos fitosanitarios ou o fomento de prácticas coas que procurar unha produción máis respectuosa contando con cubertas vexetais ou espazos que sirvan de refuxio á fauna e flora, entre outros aspectos. Alejandro García durante a súa participación no Foro Uva e Viño, celebrado en Cenlle.

Cara a unha produción máis sostible

A nova PAC marcouse uns obxectivos de sustentabilidade para os próximos anos que afectarán á xestión que se realiza a diario dos viñedos, tal e como sinala o experto. Un dos obxectivos é a redución do 50% do uso de fitosanitarios. Entre eles, e a pesar de tratarse dun produto incluído dentro dos autorizados nos viñedos en ecolóxico, establécese unha nova limitación ao uso de cobre nas viñas. Existe un límite anual de 4 quilos por hectárea, de maneira que non poidan excederse os 28 quilos por hectárea en 7 anos. Coa vista posta en reducir nun 20% o uso de fertilizantes para 2030 tamén nos viñedos deberase de controlar a achega que se realiza de nitróxeno e fósforo, tendo en conta a presenza destes elementos xa na auga que se emprega para regar, como sinala o experto. A nova PAC leva tamén parello a redución do uso de antimicrobianos nun 50% e promover o uso de enerxías renovables. As axudas van estar tamén orientadas a reducir a pegada ambiental da viticultura. Así, a agricultura e industria alimentaria (o viñedo e a adega) van ir unidos para lograr un menor impacto. Tendo así os viñedos unha nova oportunidade para compensar as emisións xeradas na adega.
“Dentro das posibilidades de cada tipo de cultivo e zona debería traballarse co obxectivo de lograr unha produción de ‘residuo cero"
Ademais, neste contexto camiño a unha produción máis sostible, preténdese que o 25% da superficie agrícola sexa ecolóxica. García alerta sobre as dificultades que pode supoñer este obxectivo, podendo reducirse a demanda dos produtos ecolóxicos ao incrementarse demasiado a oferta, o que podería producir unha caída dos prezos e que decaia a súa rendibilidade. Así, o experto avoga máis por unha produción ‘residuo cero’. “Dentro das posibilidades de cada tipo de cultivo e zona debería traballarse co obxectivo de lograr unha produción de ‘residuo cero’, pero hai que ter en conta, por exemplo, que a necesidade de tratamentos fitosanitarios en viñedo varía moito das zonas de Galicia ás doutras rexións do centro de España. Aínda así, facendo ben as cousas pódese lograr unha viticultura residuo cero”, valora. Outro dos retos que expón a nova PAC e que afectan directamente o sector do viño ten que ver cos fondos europeos reservados á promoción dos produtos. “Nestes momentos en Europa están a ter dúbidas sobre promover unha bebida alcohólica, xa que están a ver o viño simplemente como unha bebida alcohólica máis e non como un alimento ou parte da cultura”, apunta García. Neste sentido, leis como a aprobada en Irlanda sobre a nova etiquetaxe das bebidas alcohólicas, con advertencias sobre o seu consumo, poden ter un impacto directo tamén no viño e na postura da Comisión Europea.

A estrutura da nova PAC e o viñedo

A nova PAC establece dous piares de axudas. Por unha banda establécense as axudas directas, independentes do volume de produción, chamadas axudas básicas á renda, cunha condicionalidade reforzada, unha axuda redistributiva das pequenas explotacións e axudas a persoas mozas, ademais dos ecoesquemas. O segundo piar céntrase en medidas de desenvolvemento rural, para zonas con certas limitacións e no que se inclúe o programa sectorial do viño.
“É moi importante que non se deixe de prestar atención á oportunidade que ofrecen os ecoesquemas e non se menosprecen”
Neste primeiro piar, as axudas básicas á renda constitúen o 60% das axudas que recibe o viticultor. O viñedo establécese como superficie para recibir esta achega. Mentres, os ecoesquemas supoñen un 23% da axuda da PAC. “É moi importante que non se deixe de prestar atención á oportunidade que ofrecen os ecoesquemas e non se menosprecen”, recomenda.

Os ecoesquemas no viñedo

Nos cultivos leñosos establécense varios tipos de ecoesquemas e para acceder ó cobro destes non é preciso ter dereitos de axuda básica á renda. O propietario cobrará por toda a superficie de viñedo na que estableza estas medidas. -Cubertas vexetais. Trátase de establecer e manter unha cuberta vexetal, ben sexa espontánea ou sementada, durante todo o ano. Está prohibido aplicar ningún tipo de fitosanitario sobre a cuberta, a non ser que se declare un problema sanitario no viñedo. A partir do 31 de marzo pódese rozar para establecer un mulching para protexer o solo. En Galicia, as cubertas vexetais en viñedos poden chegar a supoñer entre 113 ou 165 euros por hectárea. “Se se presenta un número de elevado de solicitudes estas contías poden situarse como mínimo entre os 69 e 113 euros e se non se tramitan moitas solicitudes esta cantidade pode incrementarse a 238 ou 272 euros por hectárea”, explica García. -Cuberta inerte. A diferenza das cubertas vexetais, esta consiste en triturar os restos de poda. Pódese elixir un modelo ou outro, non se pode contar con cubertas vexetais e inertes no mesmo viñedo. Ás cubertas inertes correspóndelles unha achega menor que as cubertas vexetais, polo que o experto, tendo en conta tamén que en Galicia predominan xa estas cubertas vexetais, recomenda que os viticultores galegos opten por  cubertas vexetais, unha elección que debe marcarse xa nas solicitudes da PAC. -Espazo de biodiversidade. Son espazos que sirven de reserva e refuxio para a fauna (aves e insectos) e flora, creando zonas de gran biodiversidade.

O caderno dixital no viñedo

Outra das novidades que trae parella a nova PAC é o caderno de campo dixital. Nos cultivos leñosos, os propietarios con 10 hectáreas de viñedo ou 5 hectáreas en regadío, estarán obrigados a cubrir o caderno dixital a partir do 1 de setembro deste mesmo ano. Deberán incluír xa os datos referidos a cuestións como as cubertas vexetais ou inertes. García lembra que esta ferramenta será fundamental para o control efectivo e a redución do uso de fitosanitarios e fertilización, ao quedar constancia do produto adquirido e o plan de abonado. “Terá que cadrar a superficie que se manexa coa cantidade de produto que se compra e se aplica e coas necesidades do viñedo. Xa non se poderá tratar ou abonar por intuición ou porque o veciño está a facelo. Todo debe estar xustificado”, conclúe García.

“Quen leve fincas que non declara na PAC terá problemas para xustificar os fertilizantes e fitosanitarios”

Diana Freijeiro, durante a súa intervención na xornada organizada pola Cooperativa Central de Frades O 2024 traerá cambios normativos de calado que van obrigar ás explotacións gandeiras a levar un control exhaustivo das aplicacións de puríns, fertilizantes químicos e tratamentos fitosanitarios que fan en cada parcela. Esta trazabilidade implica maior dificultade para xustificar o uso de abonos ou herbicidas en fincas non declaradas na PAC, que será a superficie que se tomará de referencia para o cálculo dos niveis medios de fertilizantes e fitosanitarios empregados pola explotación. “A información que se volca é a da PAC, que normalmente é moito menor que a superficie que realmente traballan moitas explotacións e van saltar alertas de que a esas ganderías lles sobran por exemplo 50 litros de herbicida ou tantos quilos de abono”, alerta Diana Freijeiro, enxeñeira agrónoma da entidade de asesoramento e xestión Agroenxeñería Galega, que recentemente participou nunha xornada organizada pola Cooperativa Central de Frades sobre as novas normativas de uso de antibióticos, control de IBR, nutrición sostible de solos agrícolas e caderno dixital. Levar fincas sen contrato de arrendamento É unha práctica habitual en Galicia que as explotacións leiteiras leven fincas sen contratos de arrendamento debido a que os seus propietarios seguen a declaralas na PAC para seguir cobrando os dereitos históricos que posúen, malia non seren xa na realidade produtores en activo. Esta situación, que se dá de xeito frecuente e que a última reforma da PAC perpetuou até 2027, vai supoñer un problema importante para moitas explotacións a partir do vindeiro ano, cando o desfase entre superficie traballada e superficie declarada sexa importante.
Moitos propietarios con dereitos históricos seguen cobrando a PAC sen traballar as terras
“Tentade convencer á xente para que vos alugue esas parcelas para ir regularizando ese tema, porque en Europa consideran iso unha fraude. Hai que tratar de comprar os dereitos e ter un contrato de aluguer con eses propietarios, xa que a PAC quere que se comunique todo o que se cultiva, onde se cultiva e os tratamentos e fitosanitarios que se lles aplica”, recomendoulles Diana aos gandeiros socios da cooperativa de Frades. Moitos deles recoñeceron estar nesta situación e reclamaron a implicación directa da Administración, debido a topárense en moitos casos coa negativa dos donos das fincas a arrendárllelas legalmente para poderen seguir deste xeito cobrando eles a PAC. “É certo que é difícil convencer aos propietarios, pero ten implicacións moi importantes para as explotacións profesionais. É un problema moi gordo que habería que resolver en conxunto”, concordou Diana. Plans de Abonado Unha das novas obrigas que terán todas as explotacións agrogandeiras que traballen máis de 10 hectáreas de terreo é a elaboración e aplicación dun Plan de Abonado que sirva de guía para a fertilización de todas as parcelas, e que será obrigatorio a partir do 1 de setembro de 2024. “Hai que facer o Plan de Abonado, subilo á aplicación do SIEX (Sistema de Información de Explotacións) e facer as anotacións pertinentes das aplicacións de fertilizantes: tipo de abono, doses, data de aplicación, parcela, etc. O que hai que anotar é similar ao dos fitosanitarios”, comparou Diana.
Non vexo viable cumprir esta normativa ao 100% para o próximo ano; non hai técnicos dabondo para xestionar todo isto
“Non vexo viable cumprir esta normativa ao 100% para o próximo ano; non hai técnicos dabondo para xestionar todo isto. Hai que marcarse obxectivos pequenos e ir cumpríndoos e as ganderías tendes que buscar axuda, igual que tendes un veterinario deberedes ter un enxeñeiro agrónomo que vos leve estes temas”, asegurou. Analíticas de solos O Real Decreto de Nutrición Sostible de Chans Agrarios avoga por unha aplicación de doses axustadas ás necesidades do solo e o cultivo, para o que se fará imprescindible facer analíticas tanto do nivel de nutrintes das parcelas como da composición dos abonos orgánicos que se vaian aplicar.
En Galicia non hai ningunha empresa que faga análises de metais pesados; hai que irse fóra e son caras
“O primeiro follón importante en comunidades como Galicia, onde abunda o minifundio, é ter que facer unha analítica de cada parcela que a explotación ten. As analíticas que realiza o CIAM custan 30 euros, pero para a análise de metais pesados non existe en Galicia empresa que a faga, hai que irse a fóra e custa moito máis”, indica Diana, que explicou que “a Xunta está plantexando como alternativa facer unha serie de catas por toda Galicia e realizar un mapa de referencia”. Aplicacións de purín As explotacións teñen a obriga de aumentar ou, polo menos, manter o contido en materia orgánica do solo, ben mediante emendas orgánicas ou con sistemas de cultivo que aporten materia orgánica ao chan. Para evitar esta perda de materia orgánica, priorízase a aplicación de abonos orgánicos, preferentemente xerados na propia granxa, á utilización de abonos de síntese química. “A norma enfatiza todo o tempo o aproveitamento dos fertilizantes orgánicos da propia explotación. O esterco e o purín é ouro neste momento, pero non se pode botar en calquera sitio, de calquera maneira ou en calquera época”, matiza Diana, que advirte: “agora hai normativa coa que se pode sancionar cando non se respecten as franxas de 5 metros de seguridade a cauces fluviais”.
Se se vai levar o purín a outra persoa ou traer purín ou esterco doutra granxa, ten que levar unha analítica NPK
Outra das novidades que haberá que ter en conta a partir do ano que vén é que se o xurro ou esterco non se bota nunha finca que forma parte da explotación deberá contar cunha análise sobre a súa composición, o que de novo vai dificultar o seu uso en parcelas sen contrato de arrendamento ou nas declaradas por outro titular na PAC. “Se se vai levar o purín a outra persoa ou traer purín ou esterco doutra granxa, ten que levar unha analítica NPK”, advertiu a enxeñeira agrónoma. Índices nacionais de referencia O sistema que se vai aplicar á hora de calcular os excesos de aplicación de abonos ou fitosanitarios é semellante ao que se vai poñer en marcha en relación aos antibióticos, establecendo uns índices nacionais medios de referencia e exercendo un control sobre as explotacións que máis se desvíen desa media. 
O sistema de control que se vai aplicar é semellante ao dos medicamentos, só que no dos abonos estamos no punto de partida mentres nos antibióticos está xa moito máis avanzado
“O obxectivo da Comisión Europea é chegar a 2030 co 50% menos de fitosanitarios, ao igual que no caso dos antibióticos, só que non hai datos a nivel nacional de aplicación de sulfatos e abonos, mentres que si que os hai xa de antibióticos, pero nos vindeiros anos establecerase un índice nacional de referencia de abonos e fitosanitarios e canta maior desviación teñamos na nosa explotación con respecto a eses índices nacionais de referencia, maior risco de sufrir unha inspección imos ter”, argumenta Diana.

“En épocas de moito traballo, un mes é un prazo moi xusto para facer as anotacións no Caderno Dixital”

Os novos reais decretos aprobados o ano pasado trasladan aos titulares de explotacións agrogandeiras novas responsabilidades, como a de realizar o rexistro dos aportes de nutrintes e materia orgánica ao chan nun prazo non superior a un mes desde a data na que se realiza a aplicación. Esta anotación debe realizarse na nova sección de fertilización do Caderno de Campo Dixital, onde tamén deben subirse as aplicacións de fitosanitarios. Este rexistro de tratamentos e abonado pode facela o propio gandeiro, entrando co seu certificado dixital, ou ben autorizar a un técnico ou a unha terceira persoa para volcar os datos.  “Eu entendo que os gandeiros esteades enfadados, porque implica pasar máis horas diante dun ordenador que coas vacas”, asegurou Diana, que recomendou ás explotacións que se apoien en técnicos externos ou en aplicacións informáticas existentes. “Existen ferramentas que facilitan a toma de datos e as anotacións, como pode ser Xeaga, o Caderno Dixital da Xunta, ou Osigris, unha aplicación creada por unha empresa galega”, exemplificou.
Eu entendo que os gandeiros estean enfadados, porque todo isto implica pasar máis horas diante dun ordenador que coas vacas
E chamou a atención sobre a necesidade de facer ben esas anotacións: “Se te equivocas poñendo unha dose, unha data ou unha parcela, despois xa non se pode modificar, con todos os problemas que iso pode conlevar de sancións e demais implicacións de cara á PAC, por exemplo”, alertou. Diana considerou tamén insuficiente un mes de prazo para facer as anotacións de fertilización e fitosanitarios no Caderno Dixital de Campo. “Un mes é moi xusto, sobre todo en plena campaña ou en épocas de moito traballo. Dá pouco tempo e debería ampliarse ese prazo, porque por exemplo no caso dos medicamentos hai 2 meses para facer a inscrición en PRESVET", comparou.
O Caderno Dixital entra en vigor o 1 de xaneiro de 2024, pero desde o 1 de xullo deste ano xa se pode cubrir de forma voluntaria
O Caderno Dixital pasará a ser obrigatorio a partir do 1 de xaneiro de 2024 para as explotacións que declaren na PAC máis de 30 hectáreas de terras de cultivo, máis de 30 hectáreas de pastos permanentes ou teñan máis de 5 hectáreas de regadío. Para o resto de explotacións pospúxose a entrada en vigor ata o 1 de setembro de 2024. ITV das abonadoras Ademais de asesoramento a explotacións en materia de abonado ou fitosanitarios, Agroenxeñería Galega está autorizada para a realización das inspeccións técnicas aos apeiros e maquinaria destinada á aplicación de tratamentos (ITEAF).  Preténdese garantir con estas inspeccións obrigatorias dos distintos equipos o seu bo funcionamento, o que redunda nunha aplicación segura para o medio ambiente e eficiente desde o punto de vista económico, permitindo unha aplicación das doses axeitadas.
Vai haber que facer controis de calibración dos apeiros, polo que se non tendes dadas de alta as abonadoras aproveitade agora para dalas de alta no ROMA, porque despois a cousa complícase
“O que vén agora é a ITV das abonadoras. Vai haber que facer controis de calibración dos apeiros empregados na aplicación de abonos, como os que xa se fan nas sulfatadoras e outra maquinaria de aplicación de fitosanitarios. Se non tendes dadas de alta as abonadoras, aproveitade agora para dalas de alta no ROMA, porque despois a cousa complícase”, recomendou Diana aos gandeiros que asistiron á xornada organizada pola Cooperativa Central de Frades.

Innovación no viñedo: ferramentas para verificar variedades ou optimizar o uso dos fitosanitarios

Un robot con certo aspecto humanoide afánase por colleitar un acio de uvas. A imaxe inclúese na presentación do investigador e catedrático da Universidade Politécnica de Cataluña Emilio Gil, no I Foro Uva e Viño, celebrado recentemente no Pazo de Toubes, en Cenlle (Ourense). O robot vese aínda como unha ferramenta moi afastada para utilizar nos viñedos galegos de forma habitual, a tenor dos chascarrillos que suscita entre os asistentes, pero o investigador afánase en reivindicar que pode non estar tan lonxe como se cre. “Os meus colegas están a traballar xa para que este robot sexa un aliado na vendima da uva de mesa. Poida que o que agora se ve moi afastado nuns anos sexa unha realidade”, apuntou no Foro de Cenlle, organizado por Isagri. A innovación nos viñedos está moi ligada á eficiencia e numerosos estudos céntranse en achegar solucións directas e prácticas a problemas cos que se atopan os viticultores e adegas no seu día a día. “Os viticultores son receptivos a integrar novas tecnoloxías e innovacións nos seus viñedos unha vez que llas mostras, pero é difícil que eles a soliciten inicialmente, en parte pola elevada idade da maioría dos nosos viticultores socios”, explican desde a adega Viña Costeira, que en colaboración coa Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) levou a cabo distintas investigacións tanto en adega como nos seus viñedos.
“Investigación, formación e tecnoloxía deben ir da man. Ademais, temos que conseguir que os avances tecnolóxicos cheguen aos viticultores”
Á marxe dos avances que se van producindo, expertos como o investigador Emilio Gil inciden na importancia de que a investigación, formación e tecnoloxía vaian da man para asegurar unha transmisión do coñecemento e que os avances cheguen realmente ao campo ou a adega. “Ollo coa tecnoloxía, se non hai transmisión e formación. Temos que conseguir que os avances tecnolóxicos cheguen aos viticultores e ao sector. Podemos botar man de tecnoloxías desde os satélites, aos drons ou os móbiles que todos levamos encima”, insiste.

Verificar as variedades

Un dos traballos de investigación nos que están inmersos na Evega é a autenticación varietal, polos beneficios que pode significar para os viticultores, xa que ás veces xorden dúbidas sobre as variedades que hai na parcela, tanto nas novas plantacións como nas antigas. Na Evega teñen unha ampla experiencia na identificación de variedades, de feito foi pioneira na creación dun banco de xermoplasma a finais da década dos 80 para ter rexistrado o potencial xenético da Vitis vinífera, no que se incluían 67 variedades, das que se contaba con 15 variedades exclusivas de Galicia, tal e como informou a investigadora Emilia Díaz, unha das expertas destacadas da Evega. No marco destas investigacións sobre variedades impulsaron e colaboraron en distintos proxectos para a recuperación de castes, algúns centrados en variedades galegas. “Esta recuperación buscaba tamén introducir estas variedades dentro da canle da comercialización, para iso debía estar rexistrada e deben realizarse unha serie de estudos para incluíla no potencial vitícola da comunidade autónoma”, explica Díaz. Neste sentido, incluíronse recentemente Albilla do Avia e Ratiño e están a traballar en incluír algunhas máis como Carabuñenta.
Desenvolveron unha tecnoloxía que lles permite identificar as variedades xa en campo cun sistema sinxelo de amplificación
No marco de traballo por identificar variedades e atendendo á demanda dos viticultores, na Evega buscan autenticar as variedades xa en campo, dunha forma rápida. “Un dos nosos retos era desenvolver unha tecnoloxía sinxela, de maneira que non fose necesario para a súa identificación nin o instrumental nin persoal tan cualificado como requiren as análises de ADN tradicionais”, explica Díaz. Así, están a traballar nun sistema que lembra aos test empregados para o diagnóstico de Covid-19. “É unha tecnoloxía que nos permitirá autenticar as nosas variedades en calquera sitio, en campo, en viveiro…” detalla a investigadora. Só se precisa un pequeno aparello, un sistema de amplificación, unido a un teléfono móbil. Débese tomar unha pequena mostra do talo ou da xema da planta que permite a súa identificación. “Nin sequera é necesario que a planta teña follas para a súa identificación”, concreta.
Empezaron a traballan na identificación de cepas de Albariño, pero esperan ampliar o modelo para que poidan incluírse todas as variedades identificadas
Nun primeiro momento comezaron a traballar na identificación de cepas de Albariño, pero esperan ampliar o modelo para que poidan incluírse todas as variedades identificadas. “No caso da vide temos un sistema de marcadores moleculares moi amplo que pode permitir identificalos”, indica. Tamén están a traballar sobre a selección de variedades comerciais que ofrezan unha maior resistencia fronte ao cambio climático. Seleccionaron un total de 25 variedades e contan coa participación de adegas galegas como Martín Códax que plantará 2 parcelas experimentais.

Optimizar a xestión

A innovación chega ás veces de man de ferramentas que permiten un mellor manexo dos apeiros e solucións que temos xa dispoñibles, buscando unha produción máis sostible. É o caso, por exemplo, da ferramenta móbil Dosaviña, desenvolta pola Unidade de Mecanización Agraria da Universidade Politécnica de Cataluña, que permite optimizar a aplicación de tratamentos fitosanitarios.
A aplicación Dosaviña indica a dose de fitosanitario a aplicar ao viñedo en función do estado da planta e o tipo de equipo empregado
“Dosaviña permite determinar o volume óptimo de aplicación en función das características estruturais da vexetación e o tipo de equipo empregado”, explican desde a Universidade. Así, Dosaviña permite seleccionar os parámetros adecuados para unha correcta aplicación: velocidade de avance, presión de traballo, tipo e número de embocaduras. “Non ten sentido estar a traballar con recomendacións xenéricas de cantidades de produto sen axustala ás características da parcela, a rexión ou sen ter en conta a maquinaria empregada”, detalla Emilio Gil, un dos impulsores da ferramenta. Ademais, para o desenvolvemento desta aplicación, do mesmo xeito que noutros proxectos que están a levar a cabo, realizaron probas en parcelas de distintas zonas de Galicia. A aplicación inclúe tamén viñedos en espaldeira, como os empregados en moitas parcelas galegas.
Utilizar a aplicación Dosaviña permitiu un aforro de entre un 15 e 40% de produto fitosanitario tanto en grandes adegas como nas de menor tamaño
“Comprobamos que utilizar esta ferramenta permite un aforro significativo nas adegas que pode ir desde un 15 a un 40% de produto fitosanitario e non só en grandes adegas, senón en adegas de diferentes tamaños”, explica o investigador. Esta ferramenta está dispoñible de forma gratuíta e aberta para os viticultores. Ademais acaba de ser recoñecida como unha das aplicacións máis innovadoras. Cabe destacar que esta APP está pensada non só para viñedo, senón tamén para outros cultivo arbóreos.

Recomendan manter vixiadas as viñas ante a previsión de chuvias e o risco de mildio

O anuncio de chuvias dende este venres en Galicia fai que sexa preciso extremar as revisións do viñedo, tal e como recomendan no último aviso fitosanitario emitido pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación. Os viñedos atópanse agora nunha fase crucial do desenvolvemento da uva. “De cumprirse as previsións, o risco de infección por mildio será sensiblemente máis elevado co de días pasados e deben revisarse moi ben as viñas, aínda que estean dentro do período de protección teórico do tratamento anterior”, aconsellan dende Areeiro. Ademais, de detectarse síntomas ou haber sospeitas de que pode darse unha contaminación anterior mal tratada, os técnicos recomendan tratar as viñas para previr un ataque de mildio. Cómpre ter presente, que algúns dos tratamentos foron aplicados con condicións desfavorables de vento, o que reduce a protección da viña.

Oídio e black rot

Tamén recomendan tratar contra o oídio nas aplicacións de tratamentos que se fagan, dadas as condicións favorables para a súa propagación. O persoal técnico de Areeiro detectou nas súas revisións sobre o terreo danos por black rot en parcelas abandonadas próximas a unha viña comercial, co conseguinte risco que isto supón, converténdose nunha fonte de inóculo importante, polo que debe eliminarse. “As condicións climatolóxicas previstas son moi favorables ó fungo, nun momento no que a uva é sensible”, explican. Así, tamén aconsellan ter en conta este patóxeno nos tratamentos que se realicen nas cepas. Os fortes ventos rexistrados nestes días provocaron a rotura de brotes nos viñedos. Os especialistas recomendan retirar esta vexetación afectada para evitar que coas chuvias cheguen a instalarse neles fungos oportunistas como o causante da botrite. O crecemento vexetativo das vides tamén está a ser excesivo, polo que para mellorar a sanidade dos viñedos recomendan despuntalas despois da floración. Ademais hai xa unha gran vexetación nas parcelas que debe controlarse para evitar a retención de humidade que poida favorecer a aparición de patóxenos.

Xeaga, a ferramenta que prepara Medio Rural para xestionar o novo caderno dixital da explotación

O novo paquete normativo aprobado a finais do ano pasado introducirá ó longo dos próximos meses importantes obrigas para as granxas, entre as que se atopa a de dispoñer dun caderno da explotación dixital. Aínda que a entrada en vigor desta medida será gradual e moitas granxas non terán que incorporalo ata o segundo semestre do vindeiro ano, outras deberán dispoñer del e cubrilo xa este mesmo ano. Con ese horizonte, cooperativas, empresas e diferentes entidades están a traballar para poñer a punto ferramentas para que os produtores conten con dito caderno dixital. A Administración galega é tamén un dos organismos que habilitará esta ferramenta informática, posto que o propio Real Decreto 1051/2022 recolle que debe facilitárllela ós gandeiros e agricultores, que logo poderán escoller con cal traballar á hora de rexistrar os movementos de fitosanitarios e tratamentos da súa actividade. A Consellería de Medio Rural aproveitou a feira Cimag-GandAgro, que se celebrou a semana pasada en Silleda (Pontevedra) e que se converteu un ano máis nun punto de encontro do sector agrogandeiro galego, para dar a coñecer xa algúns detalles da súa ferramenta, que estará dispoñible a partir de xullo. Do mesmo xeito que a normativa obriga á Administración autonómica a poñer a disposición dos produtores sistemas informáticos gratuítos, establece que deben estar operativos dende o 1 de xullo, momento de entrada en vigor do Real Decreto.

O novo caderno dixital

O caderno dixital da explotación deberá incluír como mínimo: contidos xerais do cultivo de cada parcela, os tratamentos fitosanitarios aplicados e a fertilización que se fai das parcelas, xa que tamén pasará a ser obrigatorio dispoñer dun plan de abonado. Cada tratamento da explotación, efectuado tanto por persoal propio como por un servizo contratado debe rexistrarse de forma electrónica. “O rexistro dos tratamentos fitosanitarios que se debe facer no caderno dixital é moi semellante ó que se viña facendo ata agora nas ganderías, só que debe estar dispoñible en soporte dixital”, explica Víctor Novo Vázquez, xefe do servizo de Sanidade e Produción Vexetal da Consellería de Medio Rural. Deben incluírse os seguintes datos no apartado referido ós fitosanitarios: -Data de tratamentos. -Número de identificación da parcela. -Praga a controlar. -Identificación do aplicador ou no seu caso do asesor. -Cultivo, indicando especie e variedade. -Superficie (en hectárea). -Produto fitosanitario aplicado (nome comercial e número de rexistro). -Identificación da máquina ou equipo de tratamento empregado para aplicalo. -Quilos ou litros do produto fitosanitario utilizado no tratamento. -Valoración da eficacia do tratamento. - Tamén valora que se inclúan outras observacións pertinentes. Esta información debe incluírse no prazo dun mes desde que se aplicou o tratamento do cultivo.

O plan de abonado

O novo marco xurídico tamén obriga a boa parte das ganderías a dispoñer dun plan de fertilización que deberá incluírse no caderno dixital da explotación. Así, o agricultor que faga unha achega de nutrientes terá un prazo dun mes para anotalo no caderno. No apartado de fertilización debe incluírse o plan de abonado, así como os datos dos solos das parcelas, a composición dos abonos orgánicos e as doses e datas de aplicación do fertilizante ademais das regas que se fagan. Estarán exentas aquelas explotacións que teñan menos de 10 hectáreas de cultivo de secaño ou dedicadas a pastos ou cultivos forraxeiros para autoconsumo.

Prestacións da ferramenta Xeaga e perspectivas

Aínda que a ferramenta que prepara Medio Rural, Xeaga, está polo momento en proceso de posta a punto, o xefe de servizo de explotacións e asociacionismo agrario da Consellería de Medio Rural, Pablo Gómez Casas, xa apuntou algunhas das claves do seu funcionamento. “Unha das principais vantaxes de empregar esta ferramenta é que ofrece toda a información que a Administración ten da explotación”, explica Gómez Casas.
“Unha das principais vantaxes de empregar esta ferramenta é que ofrece toda a información que a Administración ten da explotación”: Pablo Gómez, xefe de servizo de explotacións 
Trala identificación do usuario, mediante certificado dixital ou a chave 365, o propietario da explotación accederá a toda a información sobre a mesma. Por unha banda amosará a localización das parcelas asociadas a esa gandería tanto na actualidade como historicamente. “Poderá coñecerse tamén as parcelas da explotación nunha data determinada”, explica. Amosaranse tanto as parcelas que se inclúan na PAC como aquelas que forman parte da base territorial que manexa a gandería e que están incluídas no rexistro de explotacións. En canto ó caderno de explotación, a aplicación Xeaga disporá dun apartado específico no que rexistrar os fitosanitarios que se empregan na granxa. Poderá servir ademais para facilitar a xestión destes, xa que ofrecerá un inventario dos fitosanitarios da gandería. “A aplicación realizará un cálculo do stock que vai quedando dos produtos que se foron rexistrando para facilitar a xestión”, indica. Como a nova normativa tamén obriga a incluír no caderno dixital a fertilización que se faga na explotación, tamén se incluíra un apartado propio para o abonado. Ademais, o Xeaga disporá dun visor das masas de auga que estean próximas ás parcelas para facilitar o cumprimento das distancias de seguridade que se deben manter á hora de realizar os abonados ou o almacenamento de esterco e que se recollen na nova norma. Á marxe desta información, tamén se incorporan outros datos como o número de animais dados de alta, os seguros agrarios que están vixentes ou no caso das ganderías de leite, tamén se recollerá o histórico das entregas de leite. Dende a consellería tamén apuntaron que teñen previsto seguir traballando na ferramenta para que poida ofrecer ademais outra información de utilidade para as ganderías como axudas dispoñibles ou mesmo poder formalizar outros trámites mediante ela.

Cálculo do indicador individualizado

Coa información incorporada no Caderno Dixital, a Administración calculará anualmente para todas as explotacións agrícolas un indicador individualizado para cada explotación dos fitosanitarios que emprega. Trátase dun cálculo por hectárea por cada explotación e cultivo. Cos datos de 2023, 2024 e 2025 estableceranse uns valores de referencia para os distintos produtos a utilizar. A partir do 1 de xaneiro do 2026, no caso de que o indicador de uso individualizado calculado anualmente estea por encima destes valores de referencia adoptarán medidas para aquelas explotacións que fagan un emprego máis elevado de fitosanitarios, unha medida que procura reducir o uso destes produtos e lograr unha produción máis sostible ambientalmente. Así, naquelas explotacións agrícolas nas que entre o 50 e o 75% da súa superficie estea por encima dos valores de referencia nacionais por cultivo e zona produtiva serán considerados de risco moi alto e terán inspeccións máis frecuentes. Ademais, deberán realizar unha análise das causas cun asesor en materia de xestión integrada de pragas e establecerán as medidas necesarias para corrixir a situación, medidas que quedarán recollidas por escrito.

Prazos

As primeiras ganderías e explotacións que deberán incorporar o caderno dixital son aquelas que manexen máis de 30 hectáreas de terra de cultivo ou 30 hectáreas de pastos permanentes ou 10 hectáreas de cultivos permanentes. Tamén se encadran nesta categoría as explotacións que conten con alomenos 5 hectáreas de regadío ou teñan algunha parcela de invernadoiro. Todas estas explotacións deberán comezar a traballar co caderno dixital a partir do 1 de setembro. Mentres, o resto de ganderías non estarán obrigadas a facelo ata o 1 de xullo de 2024.