Archives

A orde dos módulos contempla unha rebaixa do 15 % no IRPF 2023 para gandeiros e agricultores

O Ministerio de Facenda publicou a orde na que se indican as reducións dos índices de Rendemento Neto e a redución xeral aplicables en 2023 no sistema de estimación obxectiva do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF), o denominado sistema de módulos, para agricultores e gandeiros. En dita orde recóllese a proposta do Ministerio de Agricultura de minoración dos índices e ten en conta a incidencia da seca e outras circunstancias excepcionais que afectaron á rendibilidade de moitas explotacións agrícolas e gandeiras durante 2023. Na publicación indícase unha redución xeneralizada do 15 % no rendemento neto, á que se engade a minoración de entre o 30 % e o 80 % nos sectores máis afectados polas adversidades climáticas. Tamén fixa as minoracións pola compra de gasóleo agrícola (35 %) e fertilizantes (15 %), que este ano tamén se abre aos declarantes en estimación obxectiva agraria do IRPF. A orde establece unha redución xeral do rendemento neto do 15 % á que poderán acollerse os, aproximadamente, 800.000 agricultores e gandeiros que tributan polo sistema de módulos. Determinados sectores benefícianse ademais de reducións específicas, que son do 80 % no caso da castaña, 50 % para os cereais, leguminosas, oliveiral e a apicultura, e do 30 % para uva de vinificación e sectores gandeiros en réxime extensivo.
O índice corrector por cultivos en terras de regadío que utilicen enerxía eléctrica redúcese a 0,75
Establécese nun 0,5 o índice aplicable ás actividades gandeiras que alimenten o gando con pensos e outros produtos adquiridos a terceiros, sempre que representen máis do 50 % do importe dos produtos alimenticios consumidos, e aplícase tanto aos sectores gandeiros intensivos como a extensivos. O índice corrector por cultivos en terras de regadío que utilicen enerxía eléctrica redúcese a 0,75. As reducións dos índices de rendemento neto establecidas con carácter nacional para a declaración da renda 2023 son as seguintes: Sectores gandeiros: - Bovino de carne extensivo de 0,13 a 0,09 - Bovino de cría extensivo de 0,26 a 0,18 - Ovino e caprino de carne extensivo de 0,13 a 0,09 - Porcino de carne extensivo de 0,13 a 0,09 - Porcino de cría extensivo de 0,26 a 0,18 - Apicultura de 0,26 a 0,13 Sectores agrícolas: - Cereais e leguminosas de 0,26 a 0,13 - Produtos da oliveira de 0,26 a 0,13 - Uva para viño con D.O. de 0,32 a 0,22 - Uva para viño sen D.O. de 0,26 a 0,18 - Castaña de 0,26 a 0,05 Finalmente, efectuáronse un elevado número de reducións a nivel autonómico, provincial ou municipal noutras producións, entre as que destacan as aprobadas para os froiteiros non cítricos en importantes áreas produtoras.

A Xunta porá en marcha un servizo de asesoramento fiscal e de organización empresarial para gandeiros e agricultores

A Xunta insiste en reclamar á Administración Xeral do Estado unha reforma fiscal que discrimine positivamente aos agricultores, gandeiros e silvicultores para compensar o seu labor de xestores do territorio rural. Así o reiterou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, durante a súa visita á poxa de gando frisón no marco da Semana Gandeira de Mazaricos. Esta demanda vai na mesma liña que o trasladado recentemente por carta desde o Goberno galego ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas. Trátase, segundo sinalou González, de “primar ese traballo dos produtores primarios na xestión territorial, como un servizo á sociedade no seu conxunto, facilitándolles vantaxes fiscais que favorezan a rendibilidade das súas explotacións”. Nesta liña, o conselleiro avanzou tamén que a Xunta, dentro das súas competencias nesta materia, habilitará o vindeiro ano un servizo de asesoramento fiscal e de organización empresarial aconsellando aos produtores, con expertos na materia, a mellor fórmula para reducir a súa carga tributaria, sempre dentro da legalidade.

Axudas para certames de gando bovino

Por outra banda, o titular de Medio Rural confirmou tamén que o Goberno galego convocará nas próximas semanas as axudas para apoiar a realización de certames de gando bovino selecto. O conselleiro explicou que a dotación destas subvencións, dirixidas aos concellos que organicen este tipo de certames, será de novo de 200.000 euros e que están enfocadas a impulsar a celebración dunha rede de eventos en diferentes puntos da xeografía galega cunha periodicidade acorde á oferta de animais, incluíndo poxas e concursos oficiais como este de Mazaricos.

Curso de formación sobre “Fiscalidade Forestal” en Lugo

O Distrito Forestal IX Lugo-Sarria acolle o curso "Fiscalidade forestal FC2023F127058" e que se celebrará o xoves 16 de novembro na sala muralla da Xunta de Galicia en Lugo de 16h a 20h. Esta acción formativa está incluída dentro do programa de outono de "Cadeiras de Divulgación Forestal" organizado polo Distrito Forestal IX Lugo-Sarria, incluído no plan de formación agroforestal 2023 de AGACAL-Consellería do Medio Rural. Conta coa colaboración da AFG e USC. Destinada ás persoas vinculadas profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coas agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, ou con expectativa de incorporación, en especial mozos e mozas do medio rural galego. O curso será desenvolvido por Daniel Rodríguez Cebreiro (responsable económico da Asociación Forestal de Galicia) e Santos Gabriel Arenas Ruiz (enxeñeiro de montes e doutorando da USC), e contará cos seguintes aspectos a desenvolver: • A fiscalidade forestal na actualidade: casos prácticos. • Elementos para unha fiscalidade forestal máis axustada ao sector forestal. As persoas interesadas poden preinscribirse no seguinte enderezo: https://foagro.xunta.gal/foagro/inscripcion/publica/accionsFormativas Máis información no teléfono 982 828 620, así coma no correo distrito.forestal9@xunta.gal ou en Twiter: @Dist_Forestal9

Novidades na fiscalidade para agricultores e gandeiros neste 2023

Os agricultores e gandeiros españois poderán acollerse neste 2023 a deducións no rendemento neto do Imposto sobre a Renda para as Persoas Físicas (IRPF) pola adquisición de gasóleo agrícola e de fertilizantes, como medida excepcional para paliar os efectos do encarecemento dos custos de produción. Esta medida contémplase na orde do Ministerio de Facenda e Función Pública pola que se desenvolven para o ano 2023 o método de estimación obxectiva do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas e o réxime especial simplificado do Imposto sobre o Valor Engadido, publicada recentemente no Boletín Oficial do Estado. O sistema de estimación obxectiva agraria é o maioritario entre os agricultores e gandeiros, ao que se acollen voluntariamente cada ano uns 850.000 declarantes en España. Como principal novidade cabe destacar a adopción de medidas excepcionais para paliar o efecto producido polo prezo dos insumos de explotación nas actividades agrícolas e gandeiras, que inclúen a redución do 35% do prezo de adquisición do gasóleo agrícola e do 15% dos fertilizantes. En todo caso, ambas as reducións unicamente procederán cando se trate de adquisicións realizadas no exercicio 2022, documentadas en facturas emitidas no devandito período. Ademais, mantéñense os índices correctores aplicables ao rendemento neto minorado que se aplicaron excepcionalmente na declaración da renda de 2021 por pensos adquiridos a terceiros e por cultivos en terras de regadío que utilicen enerxía eléctrica. Concretamente, mantense o índice aplicable ás actividades gandeiras que alimenten o gando con pensos e outros produtos para a alimentación adquiridos a terceiros, sempre que representen máis do 50 % do importe dos consumidos. O índice único para todos os sectores gandeiros será do 0,50. Tamén se mantén nos niveis de 2021 o índice por uso de electricidade para a rega, cunha redución dun 25 % do rendemento neto extensible a todos os regadíos. Cabe destacar tamén que os agricultores e gandeiros, do mesmo xeito que o resto de contribuíntes que tributen en módulos, beneficiaranse dunha redución do rendemento neto do 15% en 2022 e do 10% en 2023, fronte ao 5% en que se fixa habitualmente esta redución. Ademais, para o próximo ano non se modifica o Réxime de Módulos, manténdose, por tanto, os límites existentes para a permanencia no sistema, establecido en 250.000 euros anuais en volume de ingresos. A orde pode consultarse na seguinte ligazón: https://www.boe.es/buscar/pdf/2022/BOE-A-2022-20025-consolidado.pdf

Agricultura lembra as deduccións que gandeiros e agricultores poden aplicar no Imposto da Renda 2021

Ante a próxima finalización do prazo para facer a declaración da renda, o Ministerio de Agricultura emitiu unha nota para lembrar as deduccións das que se poden beneficiar os agricultores e gandeiros que tributen no Réxime de Estimación Obxectiva (módulos), que son a gran maioría. En marzo, o Consello de Ministros acordou unha redución do 20% do rendemento neto para todo o sector agrario. O obxectivo da medida era paliar o aumento de custos de produción e os efectos da seca en determinadas zonas. A esa medida súmase a rebaixa dos índices de rendemento neto de tódolos sectores gandeiros e de viñedo que se recolleu nunha orde publicada polo Ministerio de Hacienda o 11 de maio, con minoracións de índices sectoriais específicos por comunidades autónomas, provincias e municipios. Ademais, aprobáronse reducións específicas para tódolos gandeiros que merquen produtos de alimentación animal (pensos), así como para os agricultores que empreguen electricidade para regadío. No caso dos gandeiros, aqueles nos que as compras representen máis do 50% do importe total de alimentación animal, redúcese o índice aplicable ás actividades gandeiras, que será dun 0,50. Prazo O prazo para presentar a declaración da renda remata con carácter xeral o 30 de xuño, se ben aquelas declaracións que dean a ingresar, terán que ser presentadas o 27 de xuño a máis tardar. O Ministerio de Agricultura estima que o conxunto de reducións implica unha rebaixa da base imponible de arredor de 1.093 millóns de euros, que beneficiará a 900.000 agricultores e gandeiros.

Lista de deduccións no Imposto da Renda 2021

A lista das reduccións establecidas con carácter estatal é a seguinte: - Vacún de leite, de 0,20 a 0,14. - Vacún de carne, de 0,13 a 0,09. - Vacún de cría, de 0,26 a 0,18. - Avicultura de 0,13 a 0,09. - Cunicultura de 0,13 a 0,09. - Equino de 0,32 a 0,22. - Ovino e caprino de carne de 0,13 a 0,09. - Ovino e caprino de leite de 0,26 a 0,18. - Porcino de carne de 0,13 a 0,09. - Porcino de cría de 0,26 a 0,18. - Apicultura de 0,26 a 0,13. - Uva para viño con D.O., de 0,32 a 0,22. - Uva para viño sen D.O., de 0,26 a 0,18.

Propoñen unha mellora da fiscalidade forestal

A Asociación Forestal de Galicia vén de celebrar esta mañá a súa XXXV Asemblea Xeral no Pazo de Toubes, en Cenlle, un acto ó que acudiron propietarios forestais e representantes de comunidades de montes veciñais de toda Galicia. A xornada serviu para poñer de manifesto algunhas das propostas que teñen os silvicultores para mellorar a xestión do monte. En concreto, a Asemblea aprobou dúas resolucións sobre cuestións que os propietarios consideran prioritarias: a mellora da fiscalidade forestal e a actualización do Catastro de Rústica.

Sobre a fiscalidade, a Asociación Forestal de Galicia ten principalmente tres propostas:

1. Permitir que tódolos propietarios forestais tributen as vendas de madeira no Réxime de Estimación Obxectiva (módulos).

A actual fiscalidade forestal penaliza os aproveitamentos forestais de turnos longos, é dicir, cando as árbores teñen unha quenda de corta superior ós 30 anos, como é o caso dos piñeiros e das frondosas caducifolias.

En aproveitamentos de turnos longos, aqueles propietarios que estean no Réxime de Estimación Directa -por exemplo, a gran maioría das persoas autónomas-, pagan ata catro veces máis impostos no Imposto da Renda que as persoas que estean no Réxime de Estimación Obxectiva (como os traballadores por conta allea).

O problema de fondo é que os propietarios que tributan no Réxime de Estimación Directa están a tributar por un beneficio fiscal moi superior ó real.

Dáse o contrasentido de que estes propietarios pagan máis canto máis se alonga a quenda de corta, cando na práctica, a taxa de retorno de investimentos dos piñeirais e das plantacións de frondosas é menor que nas especies de crecemento rápido.

Esta é unha circunstancia que a AFG entende que desincentiva as plantacións de especies de turno longo, polo que, conxuntamente coa Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (COSE), iniciou xestións ante o Goberno para modificar a fiscalidade. Os silvicultores piden que tódolos propietarios forestais particulares poidan tributar a súa actividade forestal no Réxime de Estimación Obxectiva.

2. No caso dos montes veciñais e empresas que tributen no imposto sobre sociedades, proceder a unha exención parcial do imposto nos aproveitamentos forestais de quendas de máis de 30 anos.

Esta medida, igual que no caso anterior, introduciría maior xustiza fiscal e aportaríalle maior atractivo económico ás plantacións de frondosas caducifolias (castiñeiros, cerdeiras, carballos, etc.) e de coníferas.

3. Establecer deduccións no IRPF de entre o 20% e o 40% dos investimentos feitos no monte.

A deducción do IRPF incentivaría os traballos de mellora e restauración dos montes permitindo una deducción do 20% do custe deses traballos, deducción que se duplica no caso de investimentos en masas de carácter protector.

Catastro de Rústica

Outra das actuacións prioritarias que contribuiría á mellora da xestión forestal é a actualización do Catastro de Rústica. O actual Catastro está desactualizado e contén numerosos erros, o que dificulta todo tipo de actividades forestais (cortas, solicitude de axudas, etc.).

Un momento da Asemblea da Asociación Forestal de Galicia.

A situación do Catastro é ademais un obstáculo claro para a posta en marcha de agrupacións conxuntas de xestión forestal, que contribúan a solventar os problemas derivados do minifundio. Os erros do Catastro dificultan a identificación de propietarios e parcelas, o que converte calquera proxecto de agrupación nunha tarefa titánica.

A Asemblea da AFG acordou emprazar ás Administracións a poñer en marcha unha urxente revisión do Catastro, a fin de actualizalo e de resolver os problemas que presenta.

Tralo remate da Asemblea, as arredor dun cento de persoas participantes compartiron unha comida de confraternidade e á tarde unha parte desprazáronse ó bosque de Ridimoas (Beade), onde se programou unha visita a este espazo singular orientado á conservación.

Imaxe de grupo das persoas participantes no evento.

O Goberno aproba reducións no IRPF por máis de 1000 millóns para gandeiros e agricultores

O Boletín Oficial do Estado publicou hoxe a orde do Ministerio de Facenda e Función Pública pola que se reducen, para agricultores e gandeiros, os Índices de Rendemento Neto para o período impositivo 2021 no sistema de estimación obxectiva do Imposto sobre a RPF (ou de módulos). Esta orde recolle a proposta do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), tras solicitar os informes das comunidades autónomas, de minoración dos devanditos índices. Esta redución de módulos súmase á do 20 % no rendemento neto aprobada para todo o sector agrario no Real Decreto-Lei 4/2022 de medidas para paliar os efectos da seca e o incremento dos custos de produción. Estímase que o conxunto de todas estas reducións de módulos poida implicar unha rebaixa da base impoñible da orde dos 1.093 millóns de euros, que beneficia aos 900.000 agricultores e gandeiros de todo o Estado que elixen o sistema de módulos do IRPF para tributar. O sistema de estimación obxectiva agraria é o maioritario entre os agricultores e gandeiros. As reducións de módulos aprobadas nesta orde tradúcense nunha diminución proporcional da base impoñible derivada dos rendementos da actividade agraria. Estas reducións reflicten a perda de rendibilidade derivada dos efectos negativos provocados polas adversidades climáticas de 2021, como a borrasca Filomena do mes de xaneiro, as xeadas no mes de marzo e a falta de precipitacións ao longo do ano e, no caso dos gandeiros, o forte encarecemento dos insumos. Precisamente, redúcese o índice aplicable ás actividades gandeiras que alimenten o gando con pensos e outros produtos adquiridos a terceiros, sempre que estes representen máis do 50 % do importe total da alimentación animal. Estímase que a redución por este concepto pode alcanzar 38 millóns de euros. O índice único para todos os sectores gandeiros será do 0,50. Igualmente, e de forma extraordinaria polas dificultades da situación, amplíase en 5 puntos a redución do coeficiente corrector por uso de electricidade para a rega que se aplicou en anos anteriores. Así os agricultores que utilizasen a electricidade para a rega beneficiaranse dunha minoración do 25 % no rendemento neto para cultivos regables (o ano anterior foi o 20 %), extensible a todos os regadíos, e non só aos de consumo estacional. Estímase que esta medida suporá unha rebaixa duns 39 millóns de euros. As reducións establecidas con carácter estatal para a declaración da renda 2021 son as seguintes:

Sectores agrícolas:

- Uva para viño con D.O. de 0,32 a 0,22 - Uva para viño sen D.O. de 0,26 a 0,18

Sectores gandeiros:

- Avicultura de 0,13 a 0,09 - Bovino de leite de 0,20 a 0,14 - Bovino de carne de 0,13 a 0,09 - Bovino de cría de 0,26 a 0,18 - Cunicultura de 0,13 a 0,09 - Equino de 0,32 a 0,22 - Ovino e caprino de carne de 0,13 a 0,09 - Ovino e caprino de leite de 0,26 a 0,18 - Porcino de carne ou de 0,13 a 0,09 - Porcino de cría de 0,26 a 0,18 - Apicultura de 0,26 a 0,13 A orde está dispoñible para a súa consulta na seguinte ligazón: https://www.boe.es/boe/dias/2022/05/11/pdfs/BOE-A-2022-7638.pdf

Taller formativo este mércores sobre o réxime fiscal dunha explotación agraria

O Servizo de Explotacións Agrarias de Ourense, dependente da Consellería do Medio Rural, organiza para este mércores, 17 de novembro, un taller formativo sobre o réxime fiscal dunha explotación agraria,. A xornada continuará o día 22. A formación impartirase no Edificio administrativo do ISSGA e de Medio Rural na rúa Villaamil y Castro, en Ourense. A formación correrá a cargo de Alba María Novoa Pereira, de Lex Gestion@, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Explicaranse as formas xurídicas para a titularidade dunha explotación agraria e o réxime tributario que se lles aplica, así como cuestións relacionadas coa afiliación á Seguridade Social e a análise contable da actividade agraria. As persoas interesadas en asistir deben cubrir a solicitude e enviala a gustavo.adolfo.rodriguez.varela@xunta.gal Para máis información chamar ao teléfono 988 385 557

Descarga aquí a solicitude 

Polémica entre alcaldes e madeiristas pola aprobación dunha taxa municipal á saca de madeira

Estado dunha pista forestal tras unha corta de madeira no concello de Ribeira de Piquín Seis Concellos da provincia de Lugo, os de Meira, Pol, Ribeira de Piquín, A Pontenova, Riotorto e A Pastoriza, acaban de aprobar o cobro dunha taxa municipal de 60 céntimos por tonelada de madeira cortada nos seus municipios para con eses cartos mellorar o estado e o mantemento da rede viaria municipal. Pero a polémica está servida porque os madeiristas, que serían os que terían que abonar este tributo, rexeitan de plano asumir este custo e din que o acabarán pagando os donos dos montes porque repercutirá negativamente no prezo da madeira que cobran os propietarios forestais deses concellos. De feito, algunhas empresas xa comezarán a descontar, desde hoxe mesmo, o importe da taxa no prezo final dos contratos. Os alcaldes, de diferentes cores políticas, alegan que a saca de madeira dos montes prexudica o estado das pistas e camiños e que despois, en moitos casos, teñen que ser amañados polas entidades locais, supoñéndolles importantes gastos aos que non poden facer fronte.
Vímonos obrigados a tomar estas medidas pola irresponsabilidade dalgúns, non queremos xeralizar nin dicimos que todo o mundo que saca madeira faga o mesmo
Roberto Fernández, alcalde de Ribeira de Piquín, di que se viron obrigados a adoptar medidas "pola irresponsabilidade dalgunhas empresas". "Non queremos xeralizar nin dicimos que todo o mundo que saca madeira faga o mesmo, pero ás veces atopámonos con vías municipais completamente destrozadas nas que investiu cartos o Concello pouco antes de que se sacara a madeira e vemos como a empresa responsable marchou e despreocupouse de todo, non fai moito mesmo romperon unha traída de auga aos veciños e estiveron unha semana sen subministro", lamenta. A nova normativa, que inclúe dúas ordenanzas municipais, unha de carácter fiscal e outra que regula as licenzas de corta e o uso dos camiños, entrou en vigor en Riotorto o día 15 deste mes, na Pontenova o 21 e en Meira, Pol e Ribeira de Piquín farao hoxe, día 25, mentres que na Pastoriza está pendente de publicación.
Somos conscientes de que o forestal é un sector potencial nos nosos concellos e defendemos que se sigan facendo traballos nos montes, pero debemos regular a actividade
Estes seis concellos limítrofes, que xa xestionan conxuntamente o punto limpo para a recollida do lixo, puxéronse dacordo desta volta para a regulación da actividade extractiva de madeira nos seus termos municipais. "É un traballo conxunto de seis Concellos coa mesma problemática. Todos somos Concellos moi forestais dunhas características semellantes, con parcelas pequenas que en moitos casos os compradores subcontratan para a saca a outras empresas que traballan á tonelada e que non teñen coidado ningún á hora de facer os traballos", asegura. Ordenar unha actividade que xera riqueza Ao igual que o resto de rexedores da zona, Roberto é consciente de que "o forestal é un sector potencial no noso concello e defendemos que se sigan facendo traballos forestais, pero temos que esixir un ordenamento da actividade", defende. O primeiro que pretenden coa nova norma municipal é "localizar todos os puntos nos que se está sacando madeira" porque "ás veces son traballos que son executados en poucos días e as empresas marchan sen ter constancia a nivel municipal de que se fixeron eses traballos nin de quen os fixo", conta. "Entendemos que toda a madeira que se saque por vías municipais ten que ter un permiso do Concello e temos moi claro que o desgaste das vías e os estragos deben ser financiados por quen os fai, parécenos lexítimo esixir que quen fai o dano pague a reparación", defende.
Até agora non tiñamos normativa ningunha que regulase a extracción de madeira nin maneira legal de reclamarlle os danos a quen os facía. Parécenos lexítimo esixir que quen provoca o destrozo pague a reparación
Pon como exemplo o seu propio municipio, con 70 km2 de superficie total e 600 km de vías de titularidade municipal, entre pistas alquitranadas e camiños forestais. "Temos máis ou menos 8 quilómetros e medio de vías por km2 e o custo dun quilómetro de alcatrán non sae por menos de 20.000 euros e un de aglomerado en quente vaise a 30.000 euros. Até agora non tiñamos normativa ningunha que regulase a extracción de madeira nin maneira legal de reclamarlle os danos a quen os facía", xustifica. 15 euros por camión de madeira Pero a parte máis polémica da nova norma, que se aplica tamén ás canteiras cunha cota anual por metro de vía pública utilizada, é sen dúbida a nova taxa por tonelada de madeira extraída. Está fixada en 60 céntimos por tonelada, o que equivalería a uns 15 euros por camión. "Os cálculos que fixemos é que, tendo en conta os prezos medios dos últimos anos, equivalería a un 2% do valor de mercado da madeira cortada", explica.
O pago da taxa municipal de 60 céntimos por tonelada non exime aos madeiristas de facer as reparacións nos viais
Roberto defende que "é unha taxa asumible" e considera que este sistema é máis xusto que as fianzas que teñen establecidas outros municipios. "Neste caso é progresiva, cantas máis toneladas de madeira se saquen, máis alta é a taxa. Na miña opinión non tería sentido poñer unha fianza fixa porque 2.000 euros non chegan para amañar un desperfecto que custa 30.000 euros arranxar e poñer unha fianza moi elevada penaliza moito as cortas en parcelas pequenas", argumenta. "A taxa polémica pode ser, pero xusta eu defendo que si. A veciñanza non ten que deixar de dispoñer doutros servizos por desperfectos que ocasionan terceiros", conclúe o alcalde de Ribeira de Piquín.

Lugo: fianza de 1.000 euros por quilómetro

Outros concellos teñen aprobadas tamén ordenanzas reguladoras semellantes, aínda que sen incluír tributos coma os que estes seis municipios acaban de fixar. Noutros casos, iso si, establécense fianzas previas ao comezo dos traballos que as empresas deben depositar, ben en metálico, ben en forma de aval bancario, como garantía de reparación dos danos provocados nos camiños ou infraestruturas municipais.
Os Concellos que teñen fixados avais en concepto de garantía foron incrementando o seu importe por non cubrir en moitos casos a totalidade dos danos e desperfectos causados
A contía destes depósitos foise incrementando nos últimos anos en moitos Concellos, xa que en moitos casos os importes depositados non eran suficientes para cubrir a totalidade dos danos causados. Un dos últimos Concellos en actualizar a súa normativa neste sentido foi o de Lugo. O pasado luns 18 de xaneiro entrou en vigor unha ordenanza municipal con condicións para traballos de poda e saca de madeira no termo municipal, que conta con 54 parroquias rurais a maiores da cidade. A contía da fianza é, neste caso, variable, en función de distintos parámetros: 50 céntimos por tonelada de madeira extraída, 500€ por quilómetro de camiño sen asfaltar utilizado e 1.000 por quilómetro de pista asfaltada e 800€ por cada ponte ou infraestrutura semellante que sexa necesario atravesar.

A Fonsagrada: suspender as cortas no inverno

Outro dos Concellos da provincia de Lugo que ten establecida unha fianza para a saca de madeira é o da Fonsagrada, que aprobou a ordenaza no ano 2014. A contía, neste caso, vai dos 500 aos 5.000 euros para volumes de corta superiores aos 3.000 metros cúbicos. No caso de empresas madeireiras que vaian realizar numerosas cortas ao longo do ano dentro do termo municipal teñen a opción de depositar unha única fianza anual por importe de 7.000 euros. Pero o seu alcalde, Carlos López, propón unha solución diferente para reducir o deterioro dos camiños como consecuencia da saca de madeira dos montes: paralizar ou limitar as cortas durante o inverno ou outros momentos do ano nos que hai unha climatoloxía adversa que intensifica os danos producidos.
Ti vas a Cantabria, ao País Vasco ou a Navarra e non hai esas queixas nin esa polémica por parte dos madeiristas e son tan competitivos coma aquí
"Poderíanse reducir as sacas cando fai mal tempo, igual que os gandeiros non botan o purín nas pradeiras ou non entran a labrar las terras porque as desfán", compara. "O que non pode ser é que o beneficio dunha actividade repercuta negativamente no Concello e que o amaño das pistas o teñan que pagar logo todos os veciños. Eses gastos son responsabilidade dos madeiristas, entra dentro do negocio", considera, e rexeita que este tipo de medidas prexudiquen ao sector: "Ti vas a Cantabria, ao País Vasco ou a Navarra e non hai esas queixas nin esa polémica e son tan competitivos coma aquí", di. Na Fonsagrada, o concello máis grande de España, con 470 km2, a rede municipal de pistas pasa dos 1.000 km. O gasto no seu mantemento sitúase por enriba dos 300.000 euros anuais. "No Orzamento municipal temos 200.000 euros e non nos chega, sempre temos que andar buscando fondos para rexeneración de firme", asegura.
Na Fonsagrada, onde dunha esquina a outra do muniucipio pode haber 60 quilómetros, moitas veces non sabes quen está cortando e o Concello non dá chegado para amañar todo ao mesmo tempo
Carlos evidencia que "nos últimos 20 anos a maquinaria que se usa nos montes deu un salto tecnolóxico moi grande, agora non son as carrocetas e tractores que se usaban antes", di, e o seu maior peso déixase notar nos viais polos que pasan, moito máis cando a chuvia ablanda o terreo. "E no momento no que o camiño queda desfeito até que se logra reparar ás veces pasa un ano ou dous e nese tempo son os veciños, que teñen que pasar por eles todos os días, os que sufren os desperfectos e as incomodidades porque o Concello non dá chegado para amañar todo ao mesmo tempo", recoñece.

Barreiros: comisión mixta de madeiristas e Concello

Momento da sinatura do convenio entre LugoMadera e o Concello de Barreiros o pasado mes de setembro A Mariña é, xunto a Ortegal e Ferrolterra, un dos distritos forestais con máis cortas de madeira de Galicia e os rexedores da comarca optaron por distintas solucións ante o deterioro da pistas. En Barreiros, onde hai unha ordenanza aprobada desde fai anos que non surtiu os efectos desexados, decidiron apostar pola vía do diálogo. O pasado mes de setembro, a alcaldesa do municipio, Ana Ermida, asinaba coa Asociación de Empresarios de Primeira Transformación da Madeira de Lugo, que reúne á práctica totalidade de empresas vinculadas ao sector forestal na provincia, un convenio que non leva aparellada fianza nin taxa de ningún tipo pero que recolle os compromisos por ambas partes e o protocolo de actuación para a protección do medio ambiente e a conservación das vías municipais. O texto establece a obriga de comunicación e sinalización dos traballos forestais realizados polas empresas madeireiras, incluíndo tanto a saca de madeira como das pacas de biomasa e restos de corta dos montes, ao fin de facilitar a labor de seguimento e comprobación por parte do Concello do bo uso das vías municipais, especialmente dos camiños e pistas forestais, e inclúe un compromiso de reparación de desperfectos por parte dos madeiristas.
Hai que buscar o equilibrio para que os usos sociais e económicos do monte e os recursos municipais non sexan incompatibles
O convenio especifica que o arranxo das vías debe realizarse, de ser preciso, nun prazo acordado entre as empresas e o Concello, non podendo producirse dilacións indebidas e comprometéndose a Asociación a realizar as xestións oportunas para o bo fin do acordo. En base a este convenio, existe unha comisión mixta entre Concello e Asociación ao fin de analizar a situación e a resolución de posibles conflitos que poidan existir e a propia Asociación actúa de garante para o cumprimento do acordado por parte dos seus asociados. A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, explica que se trata, mediante esta colaboración, de "facilitar os traballos forestais, que indubidablemente teñen un grande impacto no territorio, e garantir o menor prexuízo dos mesmos nas vías municipais e, de ser o caso, axilizar os mecanismos de reparación". "Somos conscientes da importancia que ten o aproveitamento do monte coa corta e saca de madeira e a necesidade de adaptar as infraestruturas a tal uso, mais non é menos certo que o impacto xerado por dita actividade non pode resultar negativo para o conxunto da poboación; por iso hai que buscar o equilibrio para que os usos sociais e económicos do monte e os recursos municipais non sexan incompatibles", defende. Malia que pasaron só tres meses desde a sinatura do convenio, desde o Concello fan un balance positivo. "A implementación está sendo paulatina. Supón un cambio de mentalidade porque implica que as empresas se corresponsabilicen do mantemento das vías pero o acordo está funcionando razoablemente ben", din. O protocolo a seguir é o seguinte: as empresas comunican onde van cortar e envían fotografías do estado no que se atopan os camiños (se non o fan enténdese que están en perfecto estado) e eles mesmos son os que os amañan despois de sacar a madeira. Un técnico municipal vai facerlles o seguemento. "Estamos moito máis enriba para vixiar", aseguran no Concello.

As empresas do sector descontarán desde hoxe nos contratos de compra o importe da taxa

Os madeiristas mostran o seu rexeitamento frontal a "taxas ou fianzas desorbitadas" que impliquen gravar a actividade extractiva de madeira nos montes galegos. Miguel Vázquez, da empresa Maderista Souto, asegura que estas medidas "levarán a unha baixada no prezo da madeira que reciben os propietarios forestais". "Ao final a quen vai afectar é aos propietarios máis que a nós. Non é realista pensar que vai saír dos madeiristas. A realidade é que a madeira de Pol ou de Meira vai valer un euro menos que a dos propietarios do resto de concellos veciños e iso non é xusto. A partir de agora teremos que ter en conta onde sacamos a madeira para fixar o prezo. Non sei por que desde as Administracións locais teñen interese agora en baixar a madeira aos seus veciños", di.
Non é realista pensar que vai saír dos madeiristas, a realidade é que a madeira de Pol, de Meira ou da Pontenova vai valer un euro menos ca dos concellos veciños. Non sei por que eses alcaldes teñen interese en baixar o prezo da madeira aos seus veciños
Maderista Souto, que merca madeira nas provincias de Lugo, Ourense e parte da Coruña, está neste momento cortando nun dos Concellos que veñen de aprobar as novas taxas, aínda que neste caso a licenza de corta foi anterior. "Esa madeira foi pagada en novembro, non tiña ese custo, pero a partir de agora no contrato vaise especificar que o prezo non inclúe calquera taxa que impoña o Concello e no momento de pagar a madeira descontarase directamente ao propietario no importe final a taxa municipal abonada", anuncia.  Tanto esta coma outras empresas do sector decidiron aplicar esta solución xa a partir deste luns, 25 de xaneiro, ofrecendo á hora de mercar piñeiro, eucalipto, castiñeiro ou outras especies aos donos dos montes o prezo da madeira menos o custo municipal, sexa cal sexa en cada caso.  É unha medida que está recomendando a Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo a todos os seus asociados. "Desde Lugomadera entendemos que o abono de dita taxa corresponde ao titular da parcela e debe trasporse ás operacións de compra-venda de madeira", indican. Por iso, os contratos que sexan asinados a partir de agora incluirán unha cláusula na que se establece un "desconto por taxa a ingresar ao Concello por aproveitamento especial de dominio público local con motivo das operacións de depósito, arrastre e transporte de madeira" coincidente co importe da taxa municipal establecida. "Levarán a que as pequenas parcelas queden sen cortar" As empresas forestais consideran que a aprobación destas taxas á saca de madeira "terán repercusión sobre os veciños destes municipios e fomentarán o abandono entre os propietarios do monte". "Fincas pequenas, que xa de por si para os maderistas non son rendibles, non as imos comprar e van quedar sen sacar", alerta Miguel, que indica que "a madeira de eucalipto está pagándose a 38 euros tonelada no monte" logo de que os prezos volveran estabilizarse, o que supón que "unha hectárea de monte cunha selvicultura adecuada poida supoñer entre 16.000 e 18.000 euros e eses cartos son cartos que ían para os propietarios", argumenta.
A taxa son 60 céntimos máis gastos de xestión, vaise a un euro en total, e no caso de depósito de fiazas hai que descontar un 1% no prezo da madeira para os avais
Miguel estima que a baixada da madeira neses concellos será "como mínimo dun euro", xa que aos 60 céntimos por tonelada que fixa a taxa municipal hai que engadir "os gastos de xestión e a burocracia que leva aparellada", polo que "vaise a un euro en total", di. "Eu vou descontarllo no prezo final ao propietario e vou especificarllo así ao dono do monte", avanza. Outro tanto acontece no caso de Concellos que fixan "avais desproporcionados", di. "Non estou en contra de fianzas razonables para garantir que todos cumprimos e non se produce competencia desleal entre os que reparamos despois as pistas e os que non realizan ese gasto, sempre que o Concello sexa rápido á hora de devolver os cartos. Pero unha cousa é ter que depositar 3.000 ou 5.000 euros e outra ter que pedir un aval por 20.000 euros, como vai pasar a partir de agora no Concello de Lugo, por exemplo. O aval xérache uns gastos e uns intereses, polo que este tipo de fianzas desproporcionadas métennos a todos nun custo financieiro que acaba cos madeiristas pequenos", asegura, polo que defende os convenios cos Concellos: "en Láncara entre 7 madeiristas que sacaramos madeira dunha zona fixémonos cargo entre todos do amaño dun camiño que usaramos para sacar a madeira, esa é unha solución moito mellor para todos". "Os gandeiros non pagan" Miguel considera que esta taxa que están trasladando algúns Concellos ás empresas forestais "é unha taxa manifestamente inxusta". Lembra que o sector forestal "xera riqueza no medio rural e crea emprego estable e de calidade", polo que non entende, di, "por que o atacan nestes Concellos". As súas empresas, Maderista Souto SL e Landmaschinen SL, por exemplo, fixeron nos últimos dous anos un investimento de máis de dous millóns de euros en maquinaria e teñen en total 11 traballadores, máis os empregos indirectos que xeran por exemplo no transporte da madeira.
Atopas unha pista ben de cada 10 e non é lóxico que teñamos que amañar nós as pistas que non destrozamos nós
"Atopas unha pista ben de cada 10 e non é lóxico que teñamos que amañar nós as pistas que non destrozamos nós. Os gandeiros tamén usan as pistas e non teñen taxa. Non estou dicindo que llela poñan a eles tamén, só digo que é un agravio, porque van con maquinaria similar á nosa e con camións igual de pesados á hora de levar os subministros ás granxas ou á hora de ensilar", argumenta. Desde as entidades locais xustifican que "a taxa vai para o sector da madeira e o das canteiras por utilización das vías municipais porque son os que máis danos provocan nelas", afirma o alcalde de Ribeira de Piquín. "O que non entendo é porque hai que pagar en Meira e non en Guntín", rebate Miguel e "por que hai municipios nos que se nos impoñen ás empresas estas taxas inxustas e outros que fixan avais desproporcionados, xa que ao final todas estas cargas reflectiranse no valor da madeira", insiste. Extralimitación de competencias Os maderistas asumen que os Concellos poden obrigalos a reparar os danos, pero non "inventar un novo imposto", din As asociacións da cadea de valor da madeira consideran que "estas ordenanzas supoñen un imposto máis á actividade forestal, discriminando ao sector da madeira con respecto a outros sectores primarios que se desenvolven no mesmo territorio e que non sufren esta penalización". A través dun comunicado, desde Feamarga, que aglutina ás asociacións provinciais de aserradeiros e rematantes de madeira, denuncian "a extralimitación de competencias dos Concellos na aprobación de ordenanzas forestais e a imposición de taxas discriminatorias para a actividade forestal". Nuria Rodríguez, secretaria xeral de LugoMadera, a Asociación Provincial de Empresas de Primeira Transformación de Madeira de Lugo, confirma que unha vez foron rexeitadas no eido local as alegacións presentadas pola Asociación, están estudando co seu departamento xurídico levar estas ordenanzas aos tribunais por entender que os Concellos se estarían extralimitando das súas competencias ao aprobar un novo tributo sen base legal en materia fiscal de carácter autonómico ou estatal que o ampare.
Desde Lugomadera, na defensa dos intereses dos nosos asociados, seguiremos recurrindo este tipo de impostos revolucionarios á actividade forestal
LugoMadera rexeita a aprobación unilateral por parte destes seis Concellos destas taxas e defende a colaboración mediante os convenios que teñen asinados con máis de 20 Concellos na provincia de Lugo. "Os convenios funcionan ben e son bos para todos e non prexudican a unha actividade tan importante para o medio rural e os seus habitantes", di Nuria. Recoñece que nalgúns casos se produce "algún problema á hora da identificación das empresas que traballan nas vías municipais" e, para mellorar isto, desde a Asociación están desenvolvendo unha ferramenta informática que permita informar en tempo real aos Concellos en que lugares concretos se están realizando traballos forestais ou de saca de madeira "sen que isto supoña unha carga burocrática ou de tempo ás empresas". Adaptación das vías a unha maquinaria cada vez máis grande Desde LugoMadera recomendan ás empresas integradas nela que comuniquen aos Concellos o inicio dos traballos e o estado inicial das vías e pídenlles "limpeza e boa praxe durante a actividade", identificando mediante carteis a quen pertencen os acopios de madeira e informando da data na que se vai proceder á reparación no caso de ter provocado dano ou deterioro. A cambio, desde esta e outras organizacións profesionais galegas do ámbito forestal reclaman "a adaptación das vías á evolución da maquinaria forestal, a creación de parques de madeira, puntos de acopio e zonas de viraxe de camións". Tampouco ven viable desde Feamarga a paralización da actividade extractiva durante o inverno dado o "impacto que tería esta medida en termos económicos e de emprego, afectando a toda a cadea de subministro e á industria de transformación da madeira".

“O asociacionismo forestal vai lento cos instrumentos que hai, deberían revisarse os incentivos existentes”

Un momento das xornadas O Monte no século XXI que se están a celebrar estes días en Lugo As xornadas O Monte do Século XXI analizan estes días en Lugo a situación actual dos montes en Galicia, o novo Plan Forestal e o estado dos montes veciñais en man común, facendo fincapé nas enormes posibilidades que o patrimonio forestal da nosa comunidade ofrece. Pero os distintos expertos participantes están a poñer sobre a mesa tamén os atrancos históricos que en Galicia se dan para unha xestión máis eficiente e multifuncional do monte e que figuras específicas de aproveitamento colectivo, como as SOFOR, non foron quen de superar. Profundizamos nesta cuestión coa axuda de Santiago Fraga e José Ramón Pedreira. O 99% dos montes galegos son de propiedade privada, tanto individual como colectiva (Galicia conta con figuras xenuinas como son os montes veciñais en man común), o que dificulta a ordenación e xestión forestal por parte da Administración pública, que moitas veces ten feito deixación das súas funcións en materia lexislativa (e de vixiancia do seu cumprimento) para tratar de regular os usos do monte, o seu aproveitamento e as especies nel plantadas. En Galicia hai uns 670.000 propietarios forestais, que posúen unha superficie media inferior a dúas hectáreas repartidas en varias parcelas e o 80% delas ten menos de media hectárea. Ademais, só o 3% dos propietarios forestais existentes en Galicia está asociado e 8 de cada 10 non manteñen outra actividade agraria.
En Galicia hai uns 670.000 propietarios forestais. Só o 3% está asociado e 8 de cada 10 non manteñen outra actividade agraria
Segundo os datos da Consellería do Medio Rural, das 2.000.000 de hectáreas forestais de Galicia (que representan o 70% do territorio total da nosa comunidade) un 66% está en mans de particulares, un 33% son CMVMC e só o 1% son de propiedade pública. En España, pola contra, existen unhas 10.000.000 ha de montes públicos fronte a 18.000.000 ha de montes privados, das que 2.000.000 ha son veciñais en man común e montes de distintos socios ou comunidades de propietarios. Constituídas tan só 22 SOFOR en 10 anos Neste momento están constituídas en Galicia 14 Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR) con aprobación definitiva, máis 8 que se atopan pendentes de inscrición definitiva, sumando conxuntamente as 22 un total 4.370 hectáreas de superficie xestionada, pertencentes a un milleiro de socios propietarios que aportan máis de 12.000 parcelas de monte.   "O asociacionismo forestal vai lento cos instrumentos que hai. As SOFOR poden ser idoneas sobre todo para un perfil de grandes produtores, que se verían favorecidos na venda de madeira e desde o punto de vista fiscal. Pero é un perfil de propietario que abunda pouco en Galicia, e só pola dobre imposición é unha figura que non encaixa para propietarios pequenos. Levamos constituídas arredor de 20 SOFOR nunha década, é moito tempo para uns resultados tan pequenos", recoñece José Ramón Pedreira, xefe de sección no Servizo de Infraestruturas Agrarias de Lugo. "Algo pasa para que non prenda o asociacionismo forestal, porque potencial hai, pero os incentivos non son os suficientes ou os adecuados. E debería facerse unha revisión nese aspecto", di.
Os incentivos actuais son insuficientes para o fomento do asociacionismo e do liderado. Levamos constituídas 20 SOFOR nunha década, é moito tempo para uns resultados tan pequenos
"As figuras de agrupación da propiedade necesitan un impulso, que a Administración reoriente esas figuras impoñendo unha planificación máis organizada de moitos montes, para que iso non sexa algo voluntario", concorda tamén o seu compañeiro Santiago Fraga, membro da área técnica do Servizo de Montes de Lugo. "Necesítanse vías de saca e infraestruturas defensivas contra o lume. Cunha propiedade atomizada iso é imposible. Igual que a plantacioón de franxas de frondosas para que o monte cumpra obxectivos múltiples. Iso é máis doado logralo nunha superficie de 300 hectareas que nunha de 5 hectáreas", argumenta Santiago.
As figuras de agrupación da propiedade necesitan un impulso, que a Administración reoriente esas figuras impoñendo unha planificación máis organizada de moitos montes, para que iso non sexa algo voluntario
Hai factores condicionantes que xogan en contra do desenvolvemento asociativo, como son o avellentamento da poboación, o abandono do medio rural e a desconexión da sociedade rural e urbana e que constitúen un escenario social desfavorable. Moitas veces ademais, existen intereses contrapostos entre a poboación urbana e a rural e entre poboación agraria e non agraria que vive no medio rural e mesmo entre agricultores, gandeiros e silvicultores. Para José Ramón, é necesario aplicar un modelo de desenvolvemento integrado para o medio rural que inclúa aos sectores produtores agrogandeiro e forestal, ás súas respectivas industrias transformadoras e mesmo a outros actores como son o turismo rural ou a artesanía para evitar o desmoronamento do mundo rural. Tamén outorga unha importancia clave a contar con estruturas tecnolóxicas axeitadas e á posta en marcha dun sistema de formación e información proactivo ao estilo do antigo Servizo de Extensión Agraria, exemplifica. "É bastante común que a inmensa maioría da xente e dos propietarios descoñeza o que é o asociacionismo agrario, teñen algunhas referencias sobre as actuais cooperativas agrogandeiras existentes pero non é un tema de coñecemento profundo da nosa sociedade porque non forma parte tampouco de ningún curriculum", asegura. Séguese dividindo o monte O individualismo segue a ser a día de hoxe o modo de explotación máis habitual dos montes particulares en Galicia, cunha atomización da propiedade que, lonxe de reverterse, segue a producirse herdanza tras herdanza. "A realidade a día de hoxe é que se seguen dividindo os montes, algo que no tema agrario parece que está superado, pois penso que a ningún labrego ou gandeiro se lle ocorre dividir as fincas que ten, porque sabe que é contraproducente, e a tendencia é a concentrar, pero nos montes non está ocorrendo iso. No caso dos montes, o interese dos propietarios segue a ser a día de hoxe o de dividilos. A miña explicación é que, con todo e malia o minifundio existente, hai aínda unha resposta económica interesante que fai que o monte se divida, porque a produtividade tan elevada que temos nos nosos montes fai que tampoco penalice excesivamente o tamaño das parcelas, porque aínda segue sendo moi rendible poñer eucaliptos, por exemplo, nunha pequena propiedade que está abandonada", argumenta Santiago.
O eucalipto está dando unha resposta ao modelo de propiedade minifundista que temos e que non está penalizando o suficiente como para animar aos propietarios á xestión conxunta
As propiedades particulares atomizadas representan dous terzos da masa forestal galega e, aínda así, "este modelo de propiedade está producindo madeira a día de hoxe", evidencia, xa que "o eucalipto está dando unha resposta a esta propiedade de pequeno tamaño", di. "En parte temos o que temos porque temos unha estrutura de propiedade que non dá para outra cousa, porque tal como temos a propiedade é imposible plantar frondosas de ciclo longo a 60-70 anos. Hai unhas especies, o piñeiro radiata no seu momento e hoxe o eucalipto, que dan resposta a este modelo de propiedade minifundista, que non esta penalizando suficientemente como para animar aos propietarios á xestión conxunta, outra cousa é que non esteamos optimizando a produción", razoa. "A existencia dun minifundio no sistema de propiedade forestal con baixo nivel de artellamento cooperativo, condiciona a constitución de explotacións de tamaño suficiente para facelas técnica e economicamente viables, xerando rendas mínimas ou nulas en períodos de retorno excesivamente longos. Isto favorece o abandono", argumenta Santiago. Ademáis da división dos montes particulares, pon o foco tamén na parcelación que se está a dar en moitos casos nos montes de varas. Malia que non existe, por non estar aínda constituído, un Rexistro de Montes de Varas, Abertais, de Voces, de Vocerío ou de Fabeo, estas figuras de propiedade colectiva suman un total de 27 montes (21 deles na comarca lucense da Fonsagrada e Os Ancares), cunha superficie total de 7.837 hectáreas. "Nos montes froito de convenios coa Administración que se están a desconveniar debería ser obrigatorio constituír unha SOFOR para evitar que se perda a xestión conxunta e se partan os montes, que na realidade é o que está pasando en moitos casos aínda que legalmente non estea permitido", alerta este técnico do Servizo de Montes. Avanzar cara o valor multifuncional do monte A CMVMC Monte Xalo, na Coruña, está apostando nos últimos anos pola diversificación de usos O valor do monte, e por tanto tamén o valor da propiedade forestal foi mudando até chegar aos nosos días. "Historicamente os montes ou terreos forestais constituíron unha parte fundamental da economía, cultura e paisaxe galegas (leñas, pastos, carbón, caza, madeira, etc). Na actualidade temos que engadir un crecente valor deste tipo de terreos en canto fornecedores de recursos ambientais básicos", defende Santiago, que avoga por cambiar o paradigma produtivista actual e conseguir un equilibrio entre produción, conservación e externalidades sociais a través da ordenación forestal. O Plan Forestal Galego, vixente até 2032, establece, de feito, un esquema de monte centrado na multiplicidade. Así pois, ás funcións económicas do monte como espazo xerador de bens e materias primas (madeira, leña, cortiza, resina, biomasa), engadiríanse a súa función social (asentamento e fixación de poboación rural, xeración de emprego, usos recreativos e de ocio) e ambiental (mantemento da biodiversidade e salvagarda do resto de especies de flora e fauna, conservación da paisaxe, freo aos procesos de desertificación, regulación do ciclo hidrolóxico, fixación de carbono). "A día de hoxe estase buscando un obxectivo meramente económico coa explotación forestal, non hai unha busca equilibrada da multiplicidade social, ambiental e económica do monte. Está claro que ter superficie arborada que non arde é sempre mellor que tela desarborada, pero non é o óptimo, e aínda cunha estrutura de propiedade moi precaria estamos solventando o aspecto económico, aínda que sexa moi mellorable, pero temos que apostar por un monte máis diverso porque o monocultivo exclusivo de eucalipto en zonas costeiras moi amplas, as cortas á feito cada 15 anos e o movemento de solo que se produce é unha pobreza ambiental. Falta entrar aí, nos aspectos sociais e ambientais do monte e que non sexa a produción económica a que condicione a planificación forestal", defende. 
Agrupar ten que servir para obter mellores multiplicidades do monte compensando equitativamente aos propietarios polas posibles perdas de rendas económicas que podería xerar ter que plantar frondosas nunha parte
A realidade, di, é que "o mercado non valora os beneficios sociais e ambientais do monte porque son externalidades, por iso é onde as figuras públicas teñen que incidir. Aí é onde está o reto e o futuro", considera, porque "en superficies pequenas é máis complexo atender eses tres factores (social, ambiental e económico) pero en montes grandes é máis doado de lograr", considera.   "As figuras de agrupamento e de distribución de rendas entre os propietarios compensaría que nunha parte do monte se tiveran que plantar frondosas porque se daría un reparto equitativo das necesidades e rendas para aumentar o valor social e ambiental dos montes. Agrupar ten que servir para obter mellores multiplicidades do monte, cando se dá un uso compartido e unha xestión conxunta é máis doado que o monte non teña só unha visión económica. Falta un empurrón a través de políticas públicas que forcen a iso, e pódese facer de moitas maneiras, primando fiscalmente ou mesmo penalizando ao que non o faga", propón. Modificar a fiscalidade do monte As Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR), as Sociedades Civís e as Comunidades de Bens son tres das figuras xurídicas contempladas a lexislación estatal e autonómica que poderían amparar unha xestión conxunta do monte desde o punto de vista legal e fiscal, aínda que tanto Santiago como José Ramón consideran que "a lexislación está coxa, xa que non hai unha fiscalidade específica para o monte", din. "Os montes teñen un valor ambiental e social, non só económico, pero a fiscalidade non mima todas esas externalidades que ten o monte. Iso non está axudando para que a xestión conxunta da propiedade privada forestal sexa o porvir", considera Santiago.  Pero é consciente de "no tema impositivo a fiscalidade depende maioritariamente do Estado, porque o gordo do IRPF e do Imposto de Sociedades depende do Estado, ti podes actuar no tramo autonómico do IRPF pero é pequeno, e no de Sociedades non tes nada que facer. A única solución sería a creación dun imposto novo a nivel autonómico", propón.
Os mercados de dereitos de plantación poderían servir para reequilibrar as rendas que obteñen os propietarios de bosques de frondosas coas que logran os propietarios de parcelas con especies de crecemento rápido
"Os mercados de dereitos paréceme unha solución moi interesante para lograr dalgún xeito que se compense a propietarios cuxos montes teñen unhas externalidades enormes e que neste momento non están recibindo nada por eles, para que ese beneficio social ou ambiental que eses montes están producindo xeren tamén un valor de mercado para os seus propietarios", defende. Aínda que é partidario de "compensar en cada distrito para que todas as comarcas xeoforestais teñan multiplicidade no monte", a compra de dereitos de plantación en materia de biodiversidade, ao igual que xa acontece cos dereitos de emisións de carbono noutros sectores como o industrial, poderían servir para reequilibrar os beneficios económicos que xera actualmente a plantación de especies de crecemento rápido como o eucalipto en comarcas costeiras de Galicia, como A Mariña ou Ferrolterra, cos beneficios medioambientais que reportan os bosques de frondosas en soutos e carballeiras de comarcas de montaña ou do interior, como é o caso dos Ancares ou o Courel.  
Hai que mimar que o propietario siga gañando cartos para que siga investindo no monte, os cambios hai que facelos con coidado para non disuadir e acabar no abandono
Con todo, móstrase partidario de aplicar este tipo de medidas con cautela, xa que "nun territorio onde o 99% do monte está en mans privadas é máis difícil levar a cabo políticas públicas e hai que mimar que o propietario siga gañando cartos para que siga investindo no monte, polo que estas cousas teñen que facerse con coidado para non disuadir e acabar no abandono, pois hoxe moitos propietarios forestais son herdeiros que non viven ou dependen do monte e ese risco é real", admite Santiago.  Planificación deficiente por parte da Administración Aínda que a Lei Básica de Montes estatal (Ley 43/2003) só obriga á ordenación dos montes de utilidade pública e montes protectores (artigo 33), a lexislación específica galega obriga a dispor de instrumentos de ordenación ou de xestión forestal a todos os montes ou terreos forestais en función da súa dimensión. Esta obriga vincula tanto aos propietarios forestais como á propia Administración publica. Os Plans de Ordenación de Recursos Forestais (PORF) créanse por medio da Lei Básica de Montes estatal (Ley 43/2003) e debe elaboralos a Xunta de Galicia. Trataríase de instrumentos de planificación forestal como unha ferramenta máis de ordenación territorial, nos que se deberían definir os terreos forestais existentes en cada un dos 19 Distritos Forestais nos que se divide o territorio galego e establecer espacialmente os modelos selvícolas, determinando unha zonificación de usos e de vocación dos distintos terreos, podendo fixar mesmo limitacións e prohibicións de plantacións de determinadas especies. A primeira eiva a nivel de planificación forestal é a falta xeral dos PORF. "Non se fixo nin o primeiro despois de máis de 15 anos, para establecer por distritos forestais que especies se poden plantar e cales non e dicirlle ao propietario aquí podes plantar isto e non podes plantar isto outro e que iso non sexa en detrimento do propietario, porque os que teñan que plantar especies non tan rendibles reciban unha compensación aparte, de maneira que o que plante eucaliptos teña que mercar dereitos de biodiversidade, é dicir, metros cadrados de frondosas a quen as ten plantadas", explica Santiago.  Proxectos de Ordenación O seguinte chanzo tralos PORF, que ten que elaborar a Xunta, serían os Proxectos de Ordenación Forestal, que están obrigados a elaborar os propietarios de montes. Regulados polo Decreto 52/2014, de 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e xestión de montes de Galicia; e pola Orde do 19 de maio de 2014 pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia, son documentos que recollen a caracterización do medio forestal así como unha síntese da organización e dos aproveitamentos que se van realizar ao longo do tempo nun determinado espazo. Son obrigatorios para montes ou superficies forestais superiores a 25 ha en couto redondo, así como montes públicos, protectores ou de xestión pública e o prazo máximo para estaren elaborados é o 31 de decembro de 2028.
As superficies forestais superiores a 25 hectáreas en couto redondo deben ter Proxectos de Ordenación aprobados antes do 2029
Ademais dos datos básicos do monte e da descrición de aspectos como a orografía, a climatoloxía ou a edafoloxía da zona, os Proxectos de Ordenación deben recoller aspectos como a rede viaria forestal e outras infraestruturas de prevención e defensa contra incendios, o inventario de recursos forestais como o número de pés por especies e idades, así como a planificación forestal e de aproveitamentos que se van facer dese monte. Pero o retraso na súa elaboración e aprobación é notable. Segundo os datos do Anuario Forestal de Galicia, no Rexistro de Montes Ordenados da Xunta de Galicia figuran 811 montes con proxectos de ordenación aprobados, que abranguen unha superficie total de 233.139 hectáreas, o que representa pouco máis do 10% do territorio forestal galego. A maior parte destes montes xa ordenados corresponden a CMVMC (81% do total de montes e 88% da superficie) e as provincias con maior porcentaxe de montes con proxecto de ordenación son Lugo (36%) e Pontevedra (25%). Outros 18 montes, cunha superficie total de 246 hectáreas, figuran no rexistro baixo a tipoloxía denominada Documentos Simples de Xestión (DSX), pensados para superficies inferiores a 25 hectáreas.

Vantaxes e desvantaxes das distintas fórmulas para a xestión conxunta máis alá das SOFOR

Monte da Sofor Vilar de Frades, constituída por 24 propietarios da parroquia de Ouselle, en Becerreá Un pequeno repaso polo acervo asociativo e polas dinámicas de traballo en común no ámbito forestal pode servir para abrir o abano de posibilidades de traballo en conxunto para a xestión de montes máis alá das SOFOR, sucesoras das UXFOR, dúas figuras creadas especificamente en Galicia para a concentración no ámbito forestal. O xefe de sección no Servizo de Infraestruturas Agrarias de Lugo propón distintas fórmulas, como a creación de seccións forestais dentro das cooperativas agrogandeiras existentes na actualidade nas principais comarcas produtoras de Galicia, unha posibilidade amparada pola Lei de Cooperativas de Galicia.
Ademais das SOFOR, creadas especificamente para a agrupación forestal, terían cabida para a xestión conxunta de montes as seccións forestais das cooperativas agrarias ou mesmo as SAT
"É un campo sen explorar nin explotar, o potencial é enorme e serviría para a diversificación das cooperativas agrarias que temos. O feito de contar con cooperativas agrarias fortes facilitaría enormemente o seu arranque, xa que as cooperativas agrarias están amplamente implantadas no territorio e poderían aproveitar as sinerxias con outras actividades, pois contan xa con recursos humanos técnicos e administrativos así como con maquinaria e equipamentos polivalentes, e están capitalizadas, que é un dos problemas para a constitución desde cero de cooperativas con finalidade unicamente forestal", explica José Ramón. Na maioría dos casos, os socios das cooperativas agrarias contan con fincas agrarias pero posúen tamén parcelas forestais. "A potencialidade é enorme. Falouse dese tema en Agaca nalgunha ocasión e mesmo se chegou a valorar, pero falta valentía, porque require unha estrutura e habería unha dependencia patrimonial e de funcionamento que asusta aos xestores das cooperativas agrarias actuais", recoñece.
Das 350 cooperativas existentes en Galicia, tan só dúas teñen finalidade específica forestal. A creación de seccións forestais é un campo sen explorar nin explotar, pero o potencial é enorme e serviría para a diversificación das cooperativas agrarias que temos 
Existe tamén en Galicia xa algún caso de cooperativas de carácter forestal especificamente, en concreto dúas, creadas no 2013 e no 2015, que serían Promariña e Promagal, vinculada á asociación de propietarios forestais do mesmo nome, centrada na produción de madeira de eucalipto nas comarcas da Mariña e Ortegal, pero cun nivel de actividade moi limitado neste momento. "Non arrincaron porque o nivel de capitalización dunha cooperativa recén creada non permite facer case nada e os incentivos son case nulos se non é pola vía da creación dunha SOFOR. Non só é constituir, logo o proxecto empresarial hai que traballalo a fondo", indica José Ramón. O asociacionismo forestal na actualidade pasa por outras figuras existentes, como as Cooperativas de Traballo Asociado (existen 16 con actividade forestal en Galicia, das que dúas son de recollida de froitos silvestres) ou as Cooperativas de Servizos, como a Cooperativa de Rematantes de Pontevedra. Existen tamén 49 Cooperativas de Explotación Comunitaria da Terra e terían cabida as Sociedades Agrarias de Transformación con finalidade prioritaria forestal, como a SAT Montes de Trabada, "un exemplo brillante", en opinión do xefe de sección do Servizo de Infraestruturas Agrarias de Lugo.
Figuras como as SOFOR non acaban de xeralizarse e outro tipo de posibilidades asociativas son descoñecidas e non contan con incentivos fiscais de ningún tipo
En opinión de José Ramón Pedreira "falta en Galicia unha figura a maiores que sería o recoñecemento dunha Agrupación Forestal Prioritaria ao estilo das Asociacións de Produtores Agrarios, as Organizacións de Produtres de Froitas e Hortalizas ou as Organizacións de Productores de Leite, que non teñen en conta a figura base que teñen os asociados, senón as condicións de mercado, porque o funcionamento asociativo depende máis do modo en que se xestione que da figura en si. É algo que non está maduro no ámbito forestal, mentres que no agrario si que o está", compara. Principais diferenzas con respecto ás SOFOR As Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR) son unha fórmula específica de agrupación de propiedade forestal para a xestión conxunta, creadas mediante o Decreto 45/2011, de 10 de marzo, que regula o fomento das agrupacións de propietarios forestais (DOG núm. 58 de 23-3-2011). A diferencia do resto de fórmulas de asociacionismo forestal, onde cada socio ten un voto, nas SOFOR o criterio para a toma de decisións é o do capital achegado, dado que se trata dunha sociedade de capital que debe constituírse exclusivamente baixo a forma de Sociedade Limitada. En canto ás características constitutivas dunha SOFOR, exíxese que a sociedade que se cree deberá xestionar unha superficie mínima de 15 ha para plantacións forestais de froito, 25 ha para plantacións ou masas preexistentes de frondosas autóctonas e 50 ha para o resto de plantacións ou aproveitamentos forestais. Todas as SOFOR deberán dispor dun instrumento de ordenación ou xestión forestal aprobado pola Administración forestal, actualmente a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.
Nas SOFOR o criterio para a toma de decisións é o do capital achegado por cada membro; no resto das fórmulas de asociacionismo, como cooperativas ou comunidades de montes, cada socio ten un voto
Exíxese ademais que as superficies xestionadas polas SOFOR estén formadas por un máximo de 3 unidades de superficie en couto redondo, cunha superficie mínima de cada unha delas equivalente ao 25% da superficie total. As unidades de superficie en couto redondo poderán conter até un 30% de superficies de encravados e as unidades de superficie estarán no mesmo concello ou en concellos limítrofes. As participacións na SOFOR de cada un dos socios non poderán superar un terzo do total de participacións da sociedade, agás que fose a Comunidade Autónoma de Galicia, Entidades Locais ou Sociedades Públicas, podendo nestes casos chegar até o 49% do capital.  Existen, pois, dous tipos de socios: os que achegan dereitos cedidos de usos sobre propiedades forestais, os denominados “clase forestal” e os que achegan só capital, denominados “clase xeral”, e cuxa contía debe ser inferior ao 50% do capital total. A cesión do dereito de uso e aproveitamento dos predios non poderá ser inferior a 25 anos e para a disolución da SOFOR precísase unha maioría cualificada que represente ao 85% da superficie forestal.
Nas SOFOR existe a posibilidade de incluír socios capitalistas cunha aportación inferior ao 50% do capital total da sociedade, que debe constituirse obrigatoriamente como unha SL
Malia que axisten axudas para a súa constitución e teñen preferencia no acceso a fondos públicos forestais, a dobre tributación é un impedimento para a proliferación das SOFOR, xa que se trata dunha sociedade de capitais na que se paga polos beneficios que obtén a propia sociedade e polos dividendos que despois corresponden a cada socio.   "A complexidade na constitución e na xestión das SOFOR está sendo disuasoria para propietarios pequenos, porque implica unha tecnificación. Se a administración apretara sería distinto, pero hoxe o particular non ten necesidade de meterse nese lío e pensa para que me vou complicar nunha organización compartida da propiedade cando eu podo decidir e facer o que quero co meu monte. De feito, a SOFOR é unha fórmula que só se está plantexando a día de hoxe en montes moi produtivos, que xa viñan dunha xestión conxunta ou que poden ir obtendo rendas de xeito inmediato porque xa están plantados e próximos ao ciclo de corta", considera Santiago Fraga.
As Sociedades Civís e as Comunidades de Bens son outras fórmulas máis sinxelas que se poden empregar para a xestión de montes en conxunto
Outra fórmula para a xestión conxunta de montes serían as Sociedades Civís, máis sinxelas que as SOFOR de constituír e que fiscalmente teñen un réxime semellante, xa que as dúas pagan Imposto de Sociedades. Existe tamén a alternativa das Sociedades de Bens, pero só serven para propiedades en proindiviso, como pode ser o monte abertal. Nas Sociedades de Bens a personalidade xurídica é de cada un dos membros e o reparto dos beneficios tamén. A única desvantaxe é que a responsabilidade tamén é directa e ilimitada de cada un dos membros e non da sociedade de capitais, como ocorre nos outros casos.

Redución de módulos do IRPF no agro, aplicable á declaración da renda do 2019

Gandeiros e agricultores terán que pagar menos na declaración da renda 2019, que xa se pode presentar. O Goberno publica hoxe no Boletín Oficial del Estado unha rebaixa dos módulos de IRPF no agro que beneficia á maioría de sectores gandeiros e agrícolas. Será aplicable, entre outros, ó vacún de leite, á gandería extensiva de vacún de carne, á apicultura e ás ganderías de ovino e cabrún Esta rebaixa dos índices de rendemento neto é aplicable naqueles profesionais que tributen no sistema de estimación obxectiva do IRPF, coñecido popularmente como de módulos. É o maioritario en España no campo, pois suma un millón de declarantes no sector. A bonificación, posta en marcha a proposta do Ministerio de Agricultura, trata de compensar ó agro por diversas crises de mercado (olivar, cítricos, etc.) e inclemencias meteorolóxicas que se sucederon no 2019 en distintas partes do país, como Danas (chuvias torrenciais) ou secas. O Ministerio de Agricultura calcula que a aplicación da orde suporá unha rebaixa da base imponible de arredor de 614 millóns de euros para o sector agrario, “a maior cifra dos últimos cinco anos”, aseguran. As reducións que se aplican a nivel estatal para a declaración da renda en curso son as seguintes:   Sectores gandeiros - Bovino de leite de 0,20 a 0,18 - Bovino de cría extensivo de 0,26 a 0,18 - Bovino de carne extensivo de 0,13 a 0,09 - Ovino de carne extensivo de 0,13 a 0,09 - Ovino de leite de 0,26 a 0,18 - Caprino de carne extensivo de 0,13 a 0,09 - Caprino de leite de 0,26 a 0,18 - Porcino de carne extensivo de 0,13 a 0,09 - Porcino de cría extensivo de 0,26 a 0,18 - Apicultura de 0,26 a 0,13 Sectores agrícolas - Cereais de 0,26 a 0,18 - Cítricos de 0,26 a 0,18 - Frutais non cítricos de 0,37 a 0,30 - Leguminosas de 0.26 a 0,18 - Oleaxinosas de 0,32 a 0,22 - Olivar de 0,26 a 0,13

Agromuralla pide menos impostos dos concellos para as ganderías

Unha das últimas xuntanzas mantidas por Agromuralla foi co alcalde de Láncara A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla pide aos Concellos que apliquen "unha tributación municipal que favoreza o mantemento da actividade agrogandeira e incentive a ampliación e mellora das explotacións existentes". A asociación xurdida das tractoradas de fai catro anos na cidade de Lugo presentou unha solicitude formal en todos os Concellos das provincias de Lugo e da Coruña onde ten asociados para que as Corporacións municipais destes municipios acorden unha rebaixa na tributación dos inmobles de natureza rústica e das explotacións agrogandeiras e construcións vinculadas a elas que permita "aliviar a carga fiscal que soportan as granxas e favorecer a súa viabilidade e competitividade pola vía da redución dos custos de produción". A entidade que preside Roberto López lembra que o coñecido como "catastrazo", a actualización dos valores catastrais levados a cabo no ano 2013, "incrementou de xeito considerable os impostos municipais que as explotacións gandeiras pagan a través do IBI". Por iso, reclama Agromuralla, "é necesario que os Concellos arbitren as medidas necesarias para aminorar esta presión fiscal".
Solicitan que se bonifiquen tamén as licenzas de obra destinadas a construción, ampliación ou mellora de explotacións porque "cando unha granxa se moderniza é un sinal de continuidade e mantemento da actividade que repercute no territorio xerando actividade económica e postos de traballo", afirma Roberto López
A asociación, que está a manter xuntanzas cos alcaldes e alcaldesas saídos das eleccións municipais deste ano para abordar con eles este asunto, reclama dos Concellos onde non se tomaron medidas con anterioridade unha modificación nas ordenanzas fiscais municipais para rebaixar o tipo impositivo das fincas rústicas ao mínimo legal permitido (0,30%) e a aprobación da bonificación máxima permitida legalmente (95%) no Imposto de Bens Inmobles para as edificacións de uso agrogandeiro. Do mesmo xeito, Agromuralla pide que se bonifiquen as licenzas de obra destinadas á construción, ampliación ou mellora de explotacións agrogandeiras. "Cando unha granxa se moderniza é unha sinal de continuidade e de mantemento da actividade que repercute no territorio xerando riqueza e postos de traballo", argumenta Roberto López, que lembra que as explotacións agrogandeiras son "fundamentais para manter a actividade económica no medio rural". Unificar criterios a través da Fegamp Agromuralla explica que non existe "uniformidade" na presión fiscal que soportan as granxas e que os impostos municipais que pagan "varían moito" en función do concello no que estean asentadas, o que provoca "agravios comparativos claros". "En función do municipio no que se atopen, dúas explotacións de similares características poden chegar a pagar o dobre unha da outra, en función de se o Concello aplica ou non rebaixas e bonificacións no IBI", explica Roberto López.
Dúas explotacións similares pagan impostos moi diferentes en función do concello no que se atopen
Agromuralla considera que "é unha situación que non ten ningún sentido", polo que pide "que a través da Fegamp se fixen uns criterios homoxéneos que sexan aplicados por todos os Concellos para evitar esta notable disparidade tributaria". Na provincia de Lugo, por exemplo, son xa varios os Concellos (como é o caso de Friol, Ribadeo, Lugo, A Pontenova, Barreiros, Trabada, A Pobra do Brollón ou Riotorto) que teñen xa aprobadas bonificacións e rebaixas no IBI para as explotacións agrogandeiras, unhas exencións que varían entre o 40 e o 95% en función de cada caso e outros Concellos mostráronse dispostos nas xuntanzas mantidas con Agromuralla a estudar distintas alternativas para rebaixar a presión fiscal ás explotacións. Disparidade notable entre Concellos Tamén hai disparidade no tipo impositivo fixado, que vai desde o 0,30% de Abadín ou Lugo ao 0,48% de Sober, o 0,50% da Pobra do Brollón ou o 0,80% de Meira. Na maioría dos casos a tributación das fincas rústicas está fixada no 0,60% (Palas de Rei, A Pastoriza, Foz, Friol, Láncara, Begonte, Barreiros, Trabada) ou no 0,65% (Riotorto, A Pontenova).
A revisión catrastral levada a cabo no ano 2013 multiplicou por catro as cotas impositivas na maioría dos municipios
Como exemplo desta "desigualdade impositiva", Agromuralla aporta tres exemplos reais do IBI pagado neste ano 2019 por tres explotacións leiteiras en activo en tres concellos diferentes da provincia de Lugo. No Concello de Guntín, onde non hai bonificación, unha explotación pagou este ano por un establo e unha palleira 807 euros, o que supón "un importante custo de produción engadido". Outra explotación do concello da Pastoriza, onde tampouco hai bonificación, pagou 556 euros por 18 parcelas rústicas. Antes do catastrazo esa mesma explotación pagaba 121 euros, polo que o recibo se multiplicou por catro como consecuencia da revisión catrastral do ano 2013, igual que aconteceu na maioría de Concellos. Tamén se cuadriplicou o recibo, por exemplo, no Concello de Barreiros, que sen embargo aprobou unha bonificación do 95% para mitigar a suba. Deste xeito, unha explotación que antes do catastrazo pagaba 60 euros e viu como a cuota subía até os 217 euros como consecuencia da revisión catastral, paga agora só 11 euros como resultado da entrada en vigor da bonificación municipal.

Unha vez aprobada, hai que solicitar a bonificación

Gandeiros na última asemblea de Agromuralla, celebrada o mes pasado en Lugo O proceso para aplicar o desconto no recibo do IBI ás explotacións comeza coa aprobación e exposición pública da modificación da ordenanza fiscal correspondente. Unha vez en vigor, os gandeiros teñen que solicitar individualmente que se lles apliquen esas bonificacións. En base á Lei de Facendas Locais, as explotacións agrogandeiras teñen que solicitar o recoñecemento da súa actividade como de especial interese municipal e unha vez que o Pleno da corporación municipal outorga este recoñecemento, é cando se aplica a bonificación no recibo do IBI correspondente.
Moitos Concellos aprobaron a bonificación pero non está a ser aplicada por falta de información
Así, pois, en moitos casos, aínda que os Concellos teñen modificado xa a súa ordenanza, non está sendo aplicada por falta de información por parte dos gandeiros. Por iso Agromuralla solicita aos Concellos que unha vez efectúen os cambios na ordenanza estes sexan comunicados ao conxunto dos veciños e veciñas e en especial ás explotacións gandeiras para que deste xeito poidan verse beneficiadas polos descontos no recibo do IBI. "Unha vez levadas a cabo as modificacións que propoñemos, debe ser cumpridamente informada a veciñanza dos Concellos para que os gandeiros, así como os veciños e veciñas no seu conxunto, poidan exercitar os seus dereitos e acollerse a estas reducións e bonificacións", argumenta Roberto López no escrito presentado nos Concellos das provincias de Lugo e da Coruña onde Agromuralla conta con gandeiros socios.
"Nos últimos anos os gandeiros vimos incrementada a presión fiscal sobre as nosas granxas, sen que se producira unha suba parella no prezo de venda do noso leite", indica o presidente de Agromuralla
Finalmente, Agromuralla considera que reducir a presión fiscal que soportan as explotacións gandeiras repercute tamén noutros sectores, pois o sector primario é fundamental tamén para fomentar o asentamento de poboación e novos negocios no eido rural. "Nos últimos anos os gandeiros vimos incrementada a presión fiscal sobre as nosas granxas, sen que se producira unha suba parella no prezo de venda do noso leite, co cal, xunto con outros factores, fai que se incrementen os custes de produción diminuindo a viabilidade económica das explotacións e tornándose máis difícil a permanencia na actividade, cuxo mantemento é fundamental para asentar poboación e xerar actividade económica de todo tipo nos concellos rurais", conclúe a asociación no escrito remitido aos alcaldes.

Xornada sobre as fórmulas de sociedades para xestionar as explotacións agrogandeiras

A área de Servizos Agrarios de Lugo organiza unha xornada técnica sobre as distintas formas de empresas societarias que se poden crear para xestionar unha empresa agraria.

A xornada ‘A empresa agraria: Análise de fórmulas societarias” levarase a cabo durante os días 4 e 5 de decembro no edificio Administrativo da Xunta de Galicia, en Lugo. O primeiro día a formación terá lugar na Sala Muralla, e o segundo día na sala de informática. As sesións contarán cunha parte teórica e un taller práctico no que se abordarán vantaxes e inconvintes de cada un dos tipos de sociedade así como aspectos fiscais e contables destas fórmulas.

As persoas interesadas en participar na xornada deberán inscribirse enviando un email a jose.rocha.grande(arroba)xunta.es ou a oac.seca.lugo(arroba)xunta.gal. As prazas son limitadas polo aforo da sala onde se imparte.

A iniciativa formativa encádrase dentro do Plan de Transferencia Tecnolóxica que programa a Consellería de Medio Rural, a través da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal).

Detallamos o programa da xornada:

Día 4 de decembro

Horario: 16.00 – 20.30 horas.

Presentación da xornada.

Primeira ponencia:
Tipoloxía de sociedades adaptadas ás explotacións agrarias galegas.

Taller práctico:
Posibilidades efectivas das distintas fórmulas societarias. Vantaxes e inconvintes.

A formación correrá a cargo da Asesoría Álvarez Real, de Lugo.

Día 5 de decembro

Horario de 9.30 – 14.30 horas.

Presentación da sesión

Aspectos prácticos fiscais das sociedades.

Aspectos prácticos contables.

Impartida pola Asesoría Contaproga, de Lugo.

O Goberno reduce o IRPF aos gandeiros de vacún de leite

O Boletín Oficial do Estado publica hoxe unha Orde do Ministerio de Facenda pola que se reducen os módulos agrarios para os agricultores e gandeiros que no 2018 se viran afectados por circunstancias excepcionalmente desfavorables, como xeadas ou a situación crítica do mercado, entre outras. As reducións de módulos aprobadas na Orde publicada hoxe, tradúcense nunha diminución proporcional da base impoñible derivada dos rendementos da actividade agraria, e polo tanto, do resultado da declaración do IRPF. Desta forma, as reducións establecidas con carácter nacional para a declaración da renda 2018 dos agricultores e gandeiros, son as seguintes:

Sector agrícola:

Cítricos de 0,26 a 0,18

Sector gandeiro:

Bovino de leite de 0,20 a 0,18 Apicultura de 0,26 a 0,18 O Ministerio optou por estas reducións no módulo dos cítricos para paliar a difícil situación que atravesa devandito sector. O mesmo ocorre coas reducións no bovino de leite que atenden tamén á particular situación do mercado. Ademais destas reducións con carácter nacional, na orde tamén se inclúen reducións de módulos para aqueles municipios que afrontaron situacións climáticas adversas para os cultivos. En especial, estas medidas diríxense a zonas que sufriron excesos de humidade en determinadas épocas do ano ou ós episodios de frío que tiveron lugar nos primeiros meses de 2018. Segundo cálculos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, estas reducións de módulos, poden implicar unha rebaixa da base impoñible aproximada de 204 millóns de euros.

Reducións para a rega

Xunto ás reducións para os sectores agrícola e gandeiro, a Orde HAP/2222/2014, de 27 de novembro, introduciu con carácter permanente un coeficiente corrector que poden seguir aplicando os agricultores que utilicen electricidade para a rega sobre o rendemento neto dos cultivos regados. Esta medida supón unha redución dun 20%. Por outra banda, a Orde HFP/1159/2017, de 28 de novembro, que regula o método de estimación obxectiva do IFPF e o réxime especial simplificado do IVE, establece unha redución dun 5% do rendemento neto para o 2018. Trátase dunha medida extraordinaria de carácter horizontal que afecta á totalidade dos agricultores e gandeiros que tributen en estimación obxectiva.

A Orde pode consultarse aquí.