Archives

Comeza unha lixeira reactivación da demanda de piñeiro e eucalipto

Despois dunha segunda metade do ano 2023 cunha considerable redución no volume de cortas de piñeiro e eucalipto no monte por mor dunha situación de mercado ralentizada que mesmo obrigou ás fábricas a restrinxir a entrada de materia prima, o 2024 comeza cunha lixeira reactivación da demanda, aínda que polo momento non se trasladou de maneira importante aos prezos, salvo cunha tímida recuperación nos lotes máis grandes e con mellor saca. “Houbo subas nos volumes de pedidos que tiñamos reducidos, pero máis aló deses pequenos atisbos de incrementos de demanda, no prezo non houbo aínda marabillas”, recoñecen algunhas das empresas do sector. O eucalipto glóbulus está aínda por baixo dos 40 euros, mentres que a rolla de piñeiro móvese entre os 35 e os 42 euros dependendo da especie, chegando aos 45€ nas pezas de maior calidade. Tanto no caso do piñeiro como do eucalipto, a facilidade de saca e o tamaño da parcela condiciona tamén de xeito importante o prezo final a cobrar polo propietario forestal. A recuperación dos prezos do eucalipto faise agardar Aínda que se agardaba unha recuperación do valor da madeira de eucalipto en pé logo de que Ence decidira frear en novembro as baixadas de prezos, que no conxunto do pasado ano supuxeron uns 7€/tonelada, as subidas estanse a facer agardar.
O eucalipto baixou o ano pasado un 15%, mentres que o piñeiro fíxoo un 10%
Os propietarios individuais con lotes de madeira bos para vender directamente a Ence xa notaron un pequeno incremento de prezo, pero polo xeral o eucalipto glóbulus segue por baixo dos 40€, cunha diferenza duns 5 ou 6 euros menos de media no caso do nitens, dependendo da fábrica e dos dixestores que teña. Ence, principal destino para o eucalipto que se corta en Galicia, non chegou a establecer cupos o ano pasado para a entrada de madeira ás súas plantas, agás no caso da biomasa, pero optou por priorizar nas entradas de madeira o glóbulus fronte ao nitens, cunha maior penalización no prezo, que aínda se mantén.
Segue sen corrixirse a diferenza de 6 euros menos no nitens
O prezo a cobrar polo propietario forestal, xa con IVE e descontado o 2% de retención fiscal, está neste momento, no mellor dos casos, en 40€ para o eucalipto glóbulus pelado (34€ sen pelar) e 6€ menos para o nitens segundo a tarifa de Ence, que se mantén sen cambios desde novembro.
As importacións de pasta de papel e madeira desde suramérica están a retrasar a revalorización do eucalipto nos montes galegos
No caso do eucalipto para a exportación, tanto con destino a Portugal para Navigator como o que se envía aos países nórdicos, están a incrementarse os volumes de saída de madeira logo de meses de pedidos reducidos, aínda que as fábricas en Europa están agardardo o máximo posible para repercutir no prezo a suba xa experimentada na cotización da pasta de papel, que supera neste momento os 1.000 dólares, cando estivera a tan só 700 hai medio ano. Chegada de madeira en cargueiros desde Huelva e Brasil Se durante o 2023 a planta de Ence en Navia elexía glóbulus nas súas compras, agora que os parques de madeira da pasteira practicamente se baleiraron, está transportar en barco ao porto de Mirasol, en Ribadeo, eucalipto  desde Huelva, unha estratexia que xa levou a cabo noutras ocasións. Para surtir á planta de Pontevedra, sen embargo, Ence está a apostar por traer materia prima de Brasil en grandes cargueiros de máis de 40.000 toneladas que descargan no porto de Marín, segundo fontes do sector. Estas importacións non eran algo habitual até agora, pero os excedentes de eucalipto no país suramericano están a servir para ofertar madeira a prezo barato ás pasteiras europeas.
No porto de Marín descárgase a madeira de importación para a planta de Pontevedra e en Ribadeo a de Huelva destinada a Ence Navia
Ademais de pasta de papel, Brasil é tamén un importante exportador de madeira en rollo, fundamentalmente con destino a China, pero o mercado asiático atópase nestes momentos ralentizado e eses excedentes están a ser derivados a Europa. Volve a normalidade á industria do taboleiro A caída de prezos do piñeiro o ano pasado foi menor ca do eucalipto, pero houbo problemas para dar saída á madeira que se cortaba nos montes. Aínda que os principais aserradoiros locais en Galicia mantiveron as compras, o atranco fundamental estaba no puntal, onde houbo un embotellamento debido ao establecemento de cupos e restricións por parte de Finsa. Esa limitación no mercado do puntal acabou prexudicando tamén á rolla, xa que cando unha empresa forestal entraba nun monte atopábase con que tiña saída para a madeira de calidade pero non para a destinada á industria do taboleiro, o que limitou de maneira importante as compras e cortas de madeira de piñeiro en 2023.
Os aserradoiros locais en Galicia mantiveron a actividade no 2023 pero Finsa estableceu cupos que arrastraron a toda a cadea
Neste momento, sen embargo, a situación nas fábricas corrixiuse. As restricións impostas á entrada de madeira levantáronse fai un par de meses e Finsa está recibindo materia prima con normalidade desde principios de ano, o que está a servir para incentivar o mercado.
Comezan a animarse un pouco os pedidos e xa aumentou algo a demanda de especies como o radiata
Dependendo do tipo de piñeiro, da facilidade da saca e da distancia do monte ao aserradoiro, a rolla móvese na horquilla dos 35-45€, mentres que o puntal págase a 27€ a tonelada. O descenso sufrido pola madeira de conífera o ano pasado foi menor que a do eucalipto (entre 4 e 5 euros para o piñeiro fronte aos 7 do eucalipto), e produciuse ademais de xeito moito máis paulatino, o que deu tempo ás empresas forestais a reaccionar e axustar as súas ofertas. Procesadoras paradas Coa caída da demanda por parte das fábricas a maioría das empresas forestais estiveron traballando a medio gas nos últimos meses, mesmo reducindo as unidades de corta operativas porque “se tes cupos non podes apilar a madeira”, recoñecen.
A falta de demanda fixo que as empresas atenderan a feitura de montes menos produtivos, que levan máis tempo
Tamén se aproveitou por parte do sector para facer aqueles montes menos produtivos e nos que a saca levaba máis tempo. “Cando hai apuro priorizas os máis rápidos de cortar e de máis volume e é nestes momentos máis parados nos que aproveitas para facer limpeza e sacar de diante outro tipo de montes”, explican. Á espera dunha recuperación das compras de madeira no monte As empresas forestais agardan poder volver traballar con normalidade nos vindeiros meses aínda que neste momento as compras seguen aínda moi paradas. “É difícil comprar, basicamente porque a xente non vende; ten que acostumarse aos novos prezos e o propietario que pode esperar está agardando a ver que dirección colle isto”, recoñecen nunha empresa que compra na Mariña.
A xente non vende porque o propietario está agardando a ver que dirección colle isto
No inverno sempre hai unha redución das vendas de madeira por parte dos propietarios polas propias condicións meteorolóxicas á hora, por exemplo, de ir ensinar os montes, mentres que na primavera e o verán é cando máis se anima o mercado da madeira en pé, polo que se os prezos repuntan poderíase volver aos volumes habituais doutros anos, consideran. “Se o prezo mellora un pouco pode animar ao propietario a vender, porque é certo que a retracción desta volta foi enorme a partir de setembro, pero se non hai unha certa revalorización a cousa seguirá parada, porque se non tes unha necesidade acuciante de vender agardas a que se recupere o prezo”, indican noutra empresa.

Novos destinos para a madeira queimada

Na Mariña, a prioridade das cortas neste 2024 estará centrada en sacar a madeira dos montes queimados no gran incendio do pasado outono, que afectou a 2.300 hectáreas dos concellos de Ribadeo e Trabada, no maior lume producido en Galicia no 2023. Pero non foi o único que se produciu nesta zona. Fai só dúas semanas o vendaval tirou unha árbore sobre unha torreta eléctrica e provocou un incendio que se levou por diante outras 190 hectáreas neste municipio cunha importante produción de madeira e que conta con varias empresas adicadas ao sector forestal.
Fai dúas semanas o monte volveu arder en Trabada por mor dunha árbore que tirou o vento sobre un transformador eléctrico
Maderas Edelmiro López é unha delas. Sara Montero, a xerente da empresa, explica que xa empezaron a cortar madeira queimada e que están buscando novas saídas para ela en mercados fóra de Galicia. O lume de outubro queimou máis de 50 hectáreas de monte propiedade da súa familia, a maior parte de eucalipto nitens, que non se pode pelar. “Até agora nunca embarcaramos madeira con corteza queimada. Estámola mandando para Reino Unido desde o porto de Burela, tanto para uso papeleiro como para caldeiras de estelas”, conta. Perspectivas para este ano A curto prazo, Sara agarda unha recuperación do sector, tanto no piñeiro como no eucalipto. “Son optimista, porque os prezos baixos do eucalipto están durando xa moito e os ciclos no eucalipto son curtos, é un ciclo que dura normalmente 6-8 meses. As fábricas están non con escaseza pero si aumentando a demanda de madeira de eucalipto e a celulosa volve cotizar ben, aínda que é certo que tarda un pouco en trasladarse esa revalorización a todos os puntos da cadea”, explica.
Eu esperaba unha baixada moi grande do piñeiro o ano pasado e foi ao revés, o que baixou máis foi o eucalipto, porque de piñeiro comeza a haber escaseza
En canto ao piñeiro, “segue parado”, di, “pero confío que o mercado se recupere neste primeiro semestre, ao mellor non totalmente, pero si que haxa indicios de recuperación forte, sobre todo en material de aserradeiro”, prognostica. “Co piñeiro comeza a haber escaseza e a curto prazo vai ser importante o desabastecemento nalgunhas zonas. Durante moitos anos o piñeiro foi moi mal tratado en prezo para o propietario, e iso, sumado a uns coidados maiores (podas, entresacas), ademais do maior turno de corta, desincentivou a súa plantación”, recoñece.

Finsa, a principal industria compradora de madeira de piñeiro en Galicia, valora un ERTE polo descenso das vendas

A multinacional madeireira galega FINSA, cun persoal de máis de 3.300 traballadores, e principal compradora de madeira de piñeiro en Galicia, empezou a negociar a aplicación dun expediente de regulación de emprego temporal (ERTE) nas súas catro plantas galegas, situadas en Santiago, Padrón, Ourense e Rábade. Segundo a información que transcendeu, o ERTE exponse para uns 1500 traballadores dos 2500 cos que conta FINSA en Galicia. Fontes da compañía consultadas por Campo Galego explican o ERTE por “circunstancias produtivas”, debido ao descenso das vendas nos últimos meses. O vindeiro mércores, 21 de setembro, está prevista unha nova reunión entre o comité de empresa e a dirección para empezar a concretar a duración e demais condicións do expediente de regulación de emprego.

Timbertrack, un sistema para etiquetar a madeira desde a súa corta no monte

O grupo operativo Timbertack propúxose levar a cabo unha solución práctica para que todo o volume de información do que dispón o sector forestal estea máis accesible. Búscase mellorar tanto a trazabilidade da madeira como a súa propia xestión. Idearon así un sistema de etiquetaxe no monte, no momento da curta das árbores, para conseguir ofrecer mellor acceso aos datos a todos os elos da cadea forestal. "Cada vez hai máis elementos de recollida de datos no sector forestal e é unha pena que a esa información non se lle saque todo o partido, xa que é de gran interese para toda a cadea, para a industria en primeiro lugar, pero tamén para os propietarios ou as empresas de loxística", explica Jesús Martínez, coordinador do proxecto e responsable da empresa FMC Forestal e Medioambiente Consultores.
"Cada vez hai máis elementos de recollida de datos no sector forestal e é unha pena que a esa información non se lle saque todo o partido, xa que é de gran interese para toda a cadea": Jesús Martínez, FMC Forestal e Medioambiente Consultores 
Hoxe en día, a propia maquinaria de corta mecanizada ofrece xa un importante volume de información. A ela súmase a documentación sobre a xestión que se fixo da plantación ou do monte e que tamén é determinante para a comercialización da madeira. "Buscabamos a posta en valor de todos os datos que facilita a maquinaria e a información sobre a xestión forestal da madeira ou a biomasa, xa que teñen un gran interese", xustifica Jesús Martínez. Así, o principal obxectivo deste grupo operativo era deseñar e desenvolver un sistema de etiquetaxe e marcado para tronco e lote de madeira que permitise que toda a información recollida por un crecente número de sensores dispoñibles na máquina forestal poida ser posta en valor e permitir xestionar a madeira da forma máis eficiente posible en termos de custo, trazabilidade e sustentabilidade. Aínda que houbo iniciativas anteriores no norte de Europa que traballaron co mesmo obxectivo, tal e como recoñecen os promotores do proxecto, a diferenza de agora, a tecnoloxía non estaba aínda desenvolvida para conseguilo. O proxecto Timbertrack deseñou non só as etiquetas, senón os dispositivos para a súa colocación e lectura, así como o programa necesario para manexar toda a información solicitada. Ademais, traballaron nun plan de implantación no que contemplan como levar estas innovacións ao sector. "Buscamos que a solución aterre no sector, que poida ser utilizada polas empresas que o integran en toda España, xa que non é unha proposta para unha soa firma", reivindica Jesús Martínez, coordinador do grupo operativo. A súa aposta pasa por unha implantación rexional. Tras dous anos de traballo, deron a coñecer os pormenores do proxecto nunha presentación virtual realizada en días pasados e coordinada polo Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, un dos integrantes do grupo operativo. No proxecto tamén participou o Centro Tecnolóxico Metalmecánico e do Transporte (Cetemet), que se encargou do deseño da ferramenta de etiquetaxe da madeira. Pola súa banda, a empresa tecnolóxica Emergya desenvolveu o software para manexar os datos solicitados e a firma Myruns levou a cabo o deseño das etiquetas e elementos auxiliares para a súa lectura. Tamén colaboraron outras empresas do sector forestal como Finsa e Dingoma.

As etiquetas

Para lograr canalizar o volume de información optaron por utilizar etiquetas RFID, de identificación por radiofrecuencia. "As etiquetas permítennos enlazar a materia física con todos os datos que xa temos e que hoxe en día é difícil explotalos de forma eficiente", detalla Jesús Martínez. Este tipo de etiquetas, moi utilizadas en distintos sectores, son automáticas, económicas e non precisan batería.
Son etiquetas pensadas para a corta automatizada e manual. Trátase de elementos cos que identificar a madeira para a súa trazabilidade
"O sistema RFID é unha tecnoloxía transversal e que permite identificar gran cantidade de elementos", apunta Jokin Manzanas, da firma Myruns, encargada do desenvolvemento das etiquetas e os sistemas de lectura das mesmas. "Seleccionamos unha etiqueta RFID adecuada para a madeira maciza, xa que cada material interfire de distinta forma no funcionamento da radiofrecuencia", detalla Manzanas. Etiquetas desenvolvidas por Myruns para o proxecto Timbertrack. As etiquetas codifícanse de tal xeito que cando pasan por un punto de lectura, como pode ser un arco de lectura, proporciona a información para a trazabilidade da peza. Están pensadas non só para o proceso de corta mecanizada senón tamén manual. "Non se trata de marcar toda a madeira de forma individualizada. Hai industrias, que empregan o material a granel, para as que non ten maior interese acceder a datos de cada peza, mentres que para outras, como a serra ou o desenrolo, si o ten", sinala Jesús Martínez. Así, por exemplo, nas industrias de pasta buscan marcar lotes de madeira no canto de exemplares. Ademais das etiquetas, Myruns desenvolveu elementos de lectura que lles permitan ler a madeira no monte, nalgún punto da cadea de transporte ou no parque de madeira. "Polo momento non desenvolvemos unha ferramenta de lectura na fase de transporte dos troncos, pero é algo facilmente implementable. Centrámonos máis na fase de corta e na entrada na industria", concreta Jesús Martínez. Sistemas desenvolvidos por Myruns para a lectura nas distintas industrias forestais. As etiquetas contan cun alcance de lectura de até 15 metros, polo que se contempla colocar sistemas de lectura en puntos específicos e estratéxicos da cadea de subministración. Desenvolveron tanto lectores manuais e fixos deseñados especialmente para o momento da corta da madeira e o seu control na industria transformadora, así como arcos de lectura.

A súa colocación

Para colocar esta etiqueta na madeira avogan por unha solución automatizada que podería integrarse nos cabezais procesadores que traballan no monte. "A idea é moi sinxela aínda que algo complexa a nivel tecnolóxico, xa que hai unha gran variedade de cabezais, polo que supuxo un reto no proxecto", apunta o coordinador do grupo operativo. Unha vez desenvolvida a etiqueta e elixida a súa mellor localización no tronco, o Centro Tecnolóxico Metalmecánico e do Transporte desenvolveu un dispositivo que se integra no cabezal de corte da procesadora e grapa a etiqueta no tronco unha vez que foi cortado. "Para desenvolver este dispositivo tivemos en conta os tempos de execución no proceso de corte, o máximo aproveitamento da materia prima e as condicións atmosféricas ás que están sometidas os troncos", indica Juan Antonio Cordón, técnico de I+D+i do Cetemet, centro especializado en ofrecer servizos tecnolóxicos directos a empresas ou realizar proxectos de innovación e cunha ampla experiencia nos sectores de transporte e na enxeñaría de procesos. Prototipo del sistema de etiquetado automático y soporte diseñado para su acoplamiento a los cabezales de las procesadoras forestales. Trátase dun dispositivo móbil que inclúe unha posición recollida que evita interferir coa ferramenta de corte da procesadora e que se cambia para a etiquetaxe do tronco unha vez este foi cortado. O dispositivo probouse xa nun banco de etiquetaxe que tamén deseñaron en Cetemet. "O prototipo pódese integrar en moitos cabezais comerciais, só sería necesario deseñar un soporte que se adapte ao bastidor do cabezal procesador", especifica Cordón. Ademais, apuntan que a integración deste dispositivo no cabezal procesador non suporá un impacto nin físico para a máquina nin un importante desembolso económico.

Xestionar os datos

O grupo operativo tamén incluía o manexo dos datos, para o que se levou a cabo o desenvolvemento dun software concibido para facilitar a trazabilidade da cadea da madeira archivando toda a información nunha mesma plataforma. Con todo, esta plataforma topouse de cheo cun sector, no que é habitual que esa trazabilidade se leve a cabo dunha maneira manual, o que supuña unha maior carga de traballo. Ademais, na recompilación de datos, atopáronse con sistemas totalmente descentralizados, no que cada empresa conta cos seus sistemas, segundo explica Francisco Martínez, da consultora tecnolóxica Emergya, encargada do deseño do software. Tras un traballo en colaboración co sector para adecuar a nova plataforma ás necesidades dos distintos elos da cadea, o resultado é unha plataforma que permite acceder e procesar os datos de forma unificada. Aproveitando toda a infraestrutura dispoñible para a lectura das etiquetas RFID deseñaron o prototipo dun sistema preditivo de entradas e saídas da madeira, baseado nos históricos de movementos da madeira no almacén. "Todos estes datos de entradas e saídas quedan rexistrados nunha base de datos e poden estudarse para tentar predicir a demanda, o que pode axudar na toma de decisións da empresa", valora Francisco Martínez.

Beneficios de Timbertrack no sector forestal

Recollemos a continuación algúns dos principais beneficios de Timbertrack para os distintos elos da cadea forestal, sinalados polos integrantes do grupo operativo:

Propietarios forestais

-Facilita o proceso de certificación. -Proporciona información en tempo real da localización e o estado da madeira. -Ofrece maiores garantías no control da madeira. -Permite optimizar a ordenación e silvicultura do monte.

Contratistas forestais

-Permite unha mellora na loxística dos equipos e maquinaria forestal. -Facilita o control da calidade das operacións. -Asegura un rexistro de diversos datos no proceso de aproveitamento da madeira. -Permite o monitoreo automático e continuo das operacións.

Intermediarios da madeira

-Facilita o acceso e a información sobre a madeira que xestionan. -Transparencia completa sobre a orixe da madeira. -Accesibilidade á información asociada, de gran interese para os seus clientes. -Mellora na eficiencia da cadea de subministración.

Empresas de loxística

-Mellora a optimización do transporte ao posuír información detallada do produto. -Simplifica o proceso de recepción da madeira nas industrias tranformadoras. -Facilita a optimización das frotas.

Industria forestal

-Ofrece o acceso a un gran volume de datos e información de alto valor para a mellora dos seus procesos. -Simplifica o manexo e control da liña de fluxo, conservando todos os datos de procesamento e produción. -Permite coñecer o estado de subministración en tempo real optimizando o uso dos recursos. -Facilita a xestión de riscos en materia de subministracións de procedencia ilegal. -Contribúe a mellorar a xestión dos sistemas de certificación forestal e os procesos da madeira.

Avaliadores

-Ofrece fácil acceso ao recurso que deben avaliar, ao dispor de históricos de datos. -Permite a integración dos datos que o sistema xestiona nos seus procesos. -Posibilita prestar servizos con maior eficiencia ao coñecer, en tempo real, como ten lugar o fluxo de madeira entre os distintos actores da cadea de subministración.

Administracións

-Permite dispor dunha potente fonte de datos que lles facilitará o seu labor de control e xestión do recurso, coñecendo en todo momento o estado do mesmo. -Facilita o deseño de políticas de fomento e a aplicación de áreas de inventario forestal.

Futuro da madeira galega de piñeiro (I): o desafío da construción estrutural

Urbanización residencial Paraíso Oleiros, cuxa construción vaise levar a cabo empregando madeira galega Que a madeira de piñeiro non serve para a construción de edificios é un tópico errado pero moi estendido en Galicia ao que custa dar a volta. Un cambio social e cultural, pero tamén de mentalidade empresarial, que permitiría incrementar a demanda, valorizar as plantacións de coníferas existentes e incentivar as futuras. A nivel mundial, a madeira estrutural de piñeiro representa un mercado en claro crecemento, con boas perspectivas para os vindeiros anos, e pouco a pouco estase a abrir tamén camiño no sector forestal e no mundo dos arquitectos e as empresas de construción de Galicia. Tradicionalmente na nosa comunidade o piñeiro non se empregou até o de agora para a construción de estruturas en edificacións. Optábase polas frondosas: castiñeiro maioritariamente, carballo en menos ocasións e eucalipto xa entrado o século XX nas zonas de costa.
Tradicionalmente en Galicia sempre se empregaron as frondosas para a construción de estruturas, un papel cumprido polas coníferas noutros lugares do mundo, como Norteamérica, Centroeuropa ou os países nórdicos
Pero noutras zonas do planeta eran (e seguen sendo) as coníferas as que cumprían (e seguen cumprindo) este papel, desde os EEUU e Canadá en Norteamérica a Suecia e Finlandia nos países nórdicos ou Austria e República Checa en Centroeuropa. Un círculo vicioso que devalúa a madeira Ao non existir culturalmente ese uso, tampouco os serradoiros e empresas de transformación de madeira asentadas en Galicia centraron até este momento os seus esforzos (e investimentos) nese campo, polo que a crecente demanda de madeira de piñeiro para forxados ou estruturas de lousado (polo menor custo económico fronte a outras madeiras como o castiñeiro ou o eucalipto laminado) foi cuberta con importación de madeira europea de abeto chegada de países como Estonia, Austria ou Rusia.
A importación de madeira de abeto europea para forxados ou estruturas de lousado mantiña ao piñeiro dos montes galegos en usos secundarios de menor valor engadido, como palés para embalaxes ou táboas para encofrar
Esta práctica habitual foi relegando ao piñeiro dos montes galegos a usos secundarios de menor valor engadido, como palés para embalaxes ou táboas para encofrar, o que á súa vez contribuíu a rebaixar o prezo da madeira no monte (e a súa substitución paulatina por outras especies como o eucalipto), así como polo abandono da silvicultura (e como consecuencia unha materia prima de peor calidade e prezo aínda máis baixo). Para rachar con ese círculo vicioso é preciso mudar usos culturais e construtivos, máis tamén prácticas silvícolas nos montes por parte dos propietarios forestais (como podas axeitadas), que permitan fornecer ás empresas do sector de materia prima de calidade (rolla de piñeiro sen nudos) para que poida ser transformada en toda unha gama de produtos capaces de substituír no mercado galego e estatal ós produtos importados e mesmo competir con eles no mercado internacional. Traballo en conxunto: a creación da Fundación Arume No lanzamento de novos produtos orientados á construción en madeira de piñeiro estase a involucrar en Galicia toda a cadea do sector forestal, que constituíu a Fundación Arume para relanzar o cultivo do piñeiro na nosa comunidade. Outra entidade impulsora dos novos usos das coníferas é a Plataforma de Enxeñería para o Desenvolvemento da Madeira Estrutural (PEMADE), un grupo de investigación da Universidade de Santiago dirixido por Manuel Guaita que leva anos traballando neste campo na Escola Politécnica Superior de Lugo.
Para rachar co círculo vicioso do piñeiro en Galicia é preciso mudar usos culturais na construción, prácticas selvícolas nos montes e técnicas de transformación na industria
Entre os obxectivos principais da Fundación Arume está a creación da marca Pino de Galicia para poñer en valor a madeira de piñeiro galega nos mercados nacionais e internacionais. "Queremos axudar ás empresas de Galicia a avanzar na segunda transformación, a buscar valor no mercado, e que parte dese valor poidamos devolverllo ó propietario. Para facer produtos de calidade necesítase madeira de calidade e ese é precisamente outro dos eixos principais da Fundación", resaltan. "Pero para ter esa madeira de calidade necesitamos un modelo silvícola axeitado e partir dunha planta de calidade, para o que estamos levando a cabo un plan de mellora xenética para o Pinus pinaster e o Pinus radiata de Galicia", engaden. Semella que algo está a mudar e que algún paso xa se está a dar. Falamos con distintas empresas galegas, que están apostando a día de hoxe por dar valor ao piñeiro galego como madeira estrutural, e con técnicos coñecedores do sector para albiscar as posibilidades duns usos aínda incipientes en Galicia pero consolidados desde fai moitos anos noutros países.

David Lorenzo (Tecnalia): "A calidade do piñeiro galego é igual ou superior á dos abetos que veñen de Europa"

David Lorenzo é profesor da Universidade de Vigo na Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra e auditor de Tecnalia Certificación, unha consultoría con sede no País Vasco que traballa a nivel estatal e internacional e que está axudando a empresas galegas do sector forestal a dar o salto cara a novos usos da madeira de piñeiro destinados a estruturas para construción. "O piñeiro galego ten moitas posibilidades como material de calidade pero aquí non temos cultura na poboación e menos a nivel forestal e industrial. Temos nos montes piñeiro do país e insigne que se pode serrar, laminar e contralaminar. De Europa vén abeto e o noso piñeiro ten unha calidade igual ou superior aos abetos", asegura David.
Hai moita madeira que queda fóra da norma porque non se fai unha boa poda. Se de 100 táboas só vale o 10% para facer produtos estruturais, iso desincentiva aos aserradeiros e ás industrias de segunda transformación
Pero pon sobre a mesa os atrancos cos que se atopa o desenvolvemento en Galicia de toda unha cadea especializada no subministro ao mercado de madeira estrutural de piñeiro. "Dos máis de 200 aserradeiros que pode haber funcionando neste momento en Galicia o 80% teñen enfocado o seu negocio ao piñeiro, pero destinado a táboa para encofrado, mobles, embalaxes ou tarimas", evidencia, ao que se engade un segundo problema, non menor, o das dificultades de subministro de materia prima de calidade. "Non se fai, con carácter xeral, unha boa poda e silvicultura nos montes, polo que á hora de transformala, hai moita madeira que queda fóra da norma porque non hai boas rollas de madeira podada de diámetro e lonxitude axeitadas para facer produtos estruturais. De 100 táboas váleche o 10% e iso desincentiva aos aserradeiros. Ese é outro dos factores, xunto coa falta de cultura, que dificulta o desenvolvemento deste tipo de industria", explica. Mercado mundial en expansión A busca de construcións máis ecolóxicas e sostibles desde o punto de vista medioambiental xoga a favor da utilización da madeira en edificación e rehabilitación fronte a outros materiais como o formigón ou o aceiro ou mesmo en combinación con estes. Unha tendencia a nivel global na que o piñeiro é o protagonista fronte a outras especies. "A nivel europeo e mundial o 99% do mercado de madeira estrutural é de coníferas. O eucalipto ten moi boas prestacións para moitas cousas, pero globalmente hai moito máis mercado para o piñeiro que para o eucalipto neste ámbito e iso vai seguir sendo así", prognostica.
Estamos a anos luz doutros lugares de Europa. O exemplo das Landas, en Francia, é un espello onde mirarnos desde Galicia
Por iso e dadas as eivas actuais existentes, di David, para que o sector forestal galego poida aproveitar as posibilidades reais que abre o mundo da madeira estrutural de piñeiro "é necesario mellorar en moitos ámbitos que están relacionados e que van do monte ao produto final", implicando a toda a cadea, desde os viveiros aos propietarios forestais pasando polos madeiristas, aserradeiros e industrias. "Estamos a anos luz doutros lugares de Europa. O exemplo das Landas en Francia é un espello onde mirarnos desde Galicia", asegura. A nivel do estado español, a nosa comunidade é a principal zona en produción de madeira de piñeiro (pinaster e radiata) e número de aserradeiros, seguida do País Vasco, onde nos montes hai piñeiro insigne, e doutras zonas de Castela e León e Castela a Mancha, como Soria, Burgos ou Cuenca, onde a especie predominante é o piñeiro silvestre ou piñeiro roxo. Xerar valor e mellorar prezos en toda a cadea A madeira de piñeiro en Galicia, polo seu destino para produtos de pouco valor engadido, conta con prezos modestos, o que fai que leve anos perdendo terreo nos montes e cota de mercado dentro das empresas de corta e transformación da madeira que operan na comunidade. É a pescada que se morde o rabo: non se valoriza, polo que non se pode pagar ben no monte, como non ten bo prezo non se coida e como non se coida non hai materia prima de calidade para valorizar.
A táboa para estruturas págase ao dobre e iso indirectamente fai que a rolla no monte poida valer máis
"Hai que tratar de saír do círculo vicioso de palé, tarima e táboa de encofrado. Se ti podes serrar para estruturas aumentas o valor do produto. Esa táboa págase ao dobre. Indirectamente iso fai que a rolla no monte tamén se revalorice e anime aos propietarios forestais a que haxa piñeiro plantado nos montes e a que se coide para que haxa madeira de calidade para serrar para estruturas", argumenta David. Apostar por este tipo de produtos de alto valor engadido (vigas laminadas, madeira termotratada para fachadas, taboleiro CLT, etc.) serviría para mellorar a cadea do piñeiro en Galicia, chegando mesmo a duplicar o prezo no monte se o incremento de valor no mercado respecto aos produtos tradicionais que saen dos aserradeiros se acaba transmitindo aos propietarios.

Finsa recuperou a actividade das súas plantas de xeito parcial

Finsa, a empresa de referencia na cadea do piñeiro en Galicia, reactivou á volta da Semana Santa as súas catro plantas en Galicia (Santiago, Rábade, Padrón e San Cibrao das Viñas) e ten operativas as súas liñas de fabricación. A empresa, que cesara a actividade a mediados de marzo, nos primeiros días da crise do coronavirus, retomou a actividade esta semana cun 50 – 65% do seu persoal total. A empresa está producindo para atender os pedidos que lle foron chegando nas últimas semanas, se ben como é lóxico, son pedidos moi inferiores ós habituais, dada a menor actividade da cadea industrial e comercial. Coa reanudación de actividade das plantas de Finsa, reabríronse tamén os parques de madeira das plantas, que están asumindo madeira na medida en que lle poden dar saída, en todo caso cun ritmo de entrada que ronda nas distintas plantas un 50-80% do habitual. De toda a madeira que está mercando a empresa, arredor dun 90% é de piñeiro. A produción de Finsa irá adaptándose á evolución da pandemia e dos distintos mercados nos que opera, pois hai que ter en conta que polo momento hai países con menor impacto da epidemia e que manteñen unha maior demanda. A empresa ten pactado cos seus traballadores un Erte ata o 30 de abril, que é un instrumento flexible que permite que os traballadores que sexan precisos para as liñas de produción se poidan ir reincorporando.

“O monte hai que coidalo como se fai cunha horta se queremos que sexa produtivo”

Manuel Fernández Lorenzo é a terceira xeración dedicada á corta de madeira no monte. Seu pai, a piques de se xubilar, comezou coa firma Maderas Fernández hai máis de 40 anos. Falamos con esta empresa especializada no aproveitamento forestal, con sede na parroquia de Méixome (Lalín, Pontevedra) para coñecer a situación do sector da corta da madeira. -Que zonas de Galicia abarcades para a corta da madeira? Centrámonos, sobre todo, no interior de Galicia. Traballamos na zona do Deza e na zona sur da provincia de Lugo. Somos unha empresa especializada na corta de madeira de pé. Practicamente o 100% da madeira mercámoslla a particulares, non adoitamos ir a poxas. -Que perfil teñen os propietarios forestais cos que traballades? Polo xeral, o perfil dos propietarios son herdeiros que acaban de se facer cun terreo. Nesta zona tamén é habitual atopar gandeiros que queren cortar a madeira para dedicar esas terras a produción agrícola. Estase comezando a ver propietarios que fixeron plantacións hai anos, pero aínda é moi escaso. Porén, creo que estamos nun momento no que se está plantando máis ca nunca, estamos vendo moita xente que planta, logo de cortar, cando antes era máis habitual que se deixase unha rexeneración natural do monte.
“Estamos nun momento no que se está plantando máis ca nunca”
Aínda segue a funcionar moito o boca a boca e a tradición. Se a xente quedou contenta cunha corta que lle fixo meu pai, adoita volver chamar para que lle valores cando teñan máis árbores. Ó ser veciños tamén tentas que os clientes queden contentos, porque aínda que a extracción no monte ás veces é moi difícil, polas limitacións dos accesos e o tamaño das parcelas, nós tentamos causar os menores desperfectos ou arranxalos, se se producen, e iso a xente valórao, fronte a grandes firmas que poidan ofrecer un prezo máis competitivo. -Que volume de produción manexades? Temos de media unha produción de 3.000 toneladas mensuais. Varía bastante duns meses a outros, xa que inflúenos moito a meteoroloxía e tamén a zona na que se estea a traballar, posto que algúns sitios son moi accesibles e outros non o son tanto, co que se relantizan os traballos. Precisamente, esa é unha das problemáticas que ten a zona: hai moito minifundio, de maneira que comezas pola mañá nunha parcela e á tarde xa tes que ir para outra.
“Podería sacárselle moito máis rendemento ó monte se estivese máis ordenado e xestionado”
Os montes aquí son moi pequenos e están moi mal organizados, podería sacárselle moito máis rendemento ó monte se estivese máis ordenado e xestionado. A maioría dos propietarios nin sequera saben ben das parcelas. Cando vas taxar a madeira escoitas moitas veces ‘o meu monte é máis ou menos por aquí’. Pero claro, iso non nos vale. Así é que primeiro tes que lle axudar a localizar ben a parcela e logo ver a madeira. -En que madeira estades especializados? O 90% da madeira que cortamos é de piñeiro e eucalipto. A restante é de frondosas, sobre todo de castiñeiro e de carballo. Das 3.000 toneladas que se cortan ó mes, máis de 2.500 son de piñeiro e teñen como destino a Finsa, cos que levamos traballando máis de 40 anos. Meu pai comezou con eles e sempre houbo moi bo entendemento, tanto nas boas épocas como nas malas. Cando hai máis de 20 anos a madeira valía moito máis, había serradoiros da zona que nos dicían que nos pagaban mellor a madeira, que non a levásemos para Finsa, pero nós seguimos traballando con eles. Logo, na época da crise cando os prezos caeron moito, continuaron a garantirnos a entrega, aínda que fose con cotas máis reducidas, debido á situación que se atravesaba. O eucalipto adoita ir para Ence e as frondosas vendémolas tanto a serradoiros, a madeira de castiñeiro, como directamente para leña, no caso do carballo. A madeira de castiñeiro vendémola a serradoiros asturianos que ó final da tempada de corte se achegan a ver as pezas que temos e faise a taxación. En Galicia xa só quedan unha decena de serradoiros que poidan mercar madeira de castiñeiro e non dan procesado toda a madeira que teñen dispoñible. A corta de frondosas fana dun xeito manual e só durante os meses de inverno. Tedes épocas de corte para as distintas especies coas que traballades? No caso do piñeiro e o eucalipto córtanse todo o ano, pero o castiñeiro só se corta no inverno, mentres a árbore non brota. Antes comezábase xa en outubro pero agora co aumento da temperatura hai anos que ata decembro non se empeza a cortar e logo chégase ata a primavera. A madeira pódese cortar fóra desa época, pero non é recomendable porque se estropea máis e mánchase. -Como está o tema de man de obra no sector? Atopades dificultades para encontrar xente que queira traballar no monte? Na empresa estamos traballando 14 persoas, somos 11 asalariados e 3 autónomos, todos da comarca do Deza. Un dos perfís para o que é moi difícil atopar xente é como motoserrista. Ultimamente é un sector moi mecanizado, pero aínda así é moi complicado cubrir eses postos. É un oficio que a xente non quere. Realmente é un traballo duro e creo que co tempo pode chegar a extinguirse ou antes diso ser un perfil moi valorado e ben retribuído. Na empresa temos un gran motoserrista que leva xa 30 anos no oficio, é un gran profesional e tamén lle ensinou xa o oficio a outro compañeiro, un mozo que proviña doutro sector e que agora non quere deixar o monte. Forman un gran equipo, pero cada vez queda menos xente con esa formación e ata custa atopar xente que queira dedicarse a iso.
“A corta de madeira no monte segue a ser un traballo perigoso, onde hai que ter moi presentes os riscos e tentar minimizalos”
-A pesar da evolución e a mecanización da corta, seguen sendo traballos perigosos? Nós somos moi conscientes de que a corta da madeira no monte segue a ser un traballo perigoso, onde hai que ter moi presentes os riscos e tentar minimizalos ó máximo. Xa meu pai insistía moito en garantir ó máximo a seguridade. Así, os nosos motoserristas están sempre con roupa de seguridade e con equipos de protección para evitar no máximo posible os cortes. Agardamos que siga sendo así, xa que levamos moitos anos sen que os nosos traballadores se corten. Desgraciadamente, hai 2 anos sufrimos un accidente mortal nuns traballos subcontratados, onde un traballador perdeu a vida ó caerlle unha árbore enriba. As dúas procesadoras coas que traballa a empresa lalinense. -Cada vez máis na corta de madeira empréganse grandes procesadoras, que vantaxes vos ofrecen? A principal vantaxe é o volume de traballo que se consegue con elas. Nós agora mesmo estamos traballando con dúas procesadoras. A primeira delas hai case 9 anos que a mercamos e a segunda fai os 3 agora en marzo. Nun monte que sexa admisible para esa maquinaria, a vantaxe de produción pode ser moi considerable. Nestas condicións, mentres un equipo de dúas persoas pode cortar entre 1,5 e 2 camións de madeira diarios, coa procesadora cun talador diante podes conseguir entre 6 ou 7 camións no día. Tamén tes que engadir os gastos de combustible que tes coa procesadora, pero a produtividade é moito máis elevada. -É posible acceder con elas a todo tipo de terreos ou aínda hai zonas nas que traballades dunha forma máis tradicional? Nós temos 3 cuadrillas, de tres persoas, cortando no monte. Dúas desas cuadrillas están formadas por un motoserrista, unha procesadora e un equipo de extracción. A outra cuadrilla está formada por dous motoserristas e un equipo de extracción. As procesadoras están sempre no piñeiro e no eucalipto e a outra cuadrilla dedícase sempre ó castiñeiro e ó carballo, que é unha madeira, de maior grosor, destinada para serradoiros e que non admite ese tipo de mecanización. Mesmo a madeira de eucalipto, cando se trata de árbores de moito grosor, cando superan os 80 centímetros, xa non as cortamos coa procesadora, para evitar que se dane cos rolos, xa que se destina a outros usos e véndese a serradoiros. Na madeira que se destina a trituración ou celulosa empregamos as procesadoras. Traballos de corta de frondosas na zona de Lalín realizados en días pasados. Esta cuadrilla leva traballando de xeito ininterrumpido na corta de castiñeiro e carballo dende o mes de novembro. -Como evolucionou o mercado da madeira nos últimos anos? Notouse unha importante diminución do mercado das chamadas madeiras nobres. Antes levabas para os serradoiros madeiras de cerdeira, de nogueira e agora, por exemplo, no caso da madeira de nogueira non hai practicamente vendas. Está aguantando a madeira de castiñeiro, aínda que tamén diminuíu moito o prezo. Ós serradoiros tamén lles baixou moito a demanda, xa que a xente opta por mercar mobles máis baratos, como os que pode atopar en Ikea, no canto de adquirir mobles de maior calidade. Ademais, queda pouca xente que saiba traballar a madeira de castiñeiro. O consumidor que sega querendo madeira de castiñeiro aínda a ten e de moi boa calidade, xa que no centro de Galicia temos moi boa madeira, pero cada vez quedan menos serradoiros.

"É máis prexudicial en caso de incendio un monte abandonado que unha plantación, sempre que teña unha boa silvicultura”

-Hai transparencia sobre os prezos da madeira? Normalmente a compra que se fai é por estimación na parcela. Ti mercas, dáslle o prezo e logo cortas. Tamén se fai algo de venda por peso, pero moi pouco. A maioría da xente quere ter o prezo xa pechado antes de que se corte a madeira. En canto á hora de fixar os prezos, sempre atopas propietarios, sobre todo os de máis idade, que comparan os prezos actuais cos que se pagaban antes, e os prezos caeron moito. Tamén hai quen pide cantidades desorbitadas. É certo que é un sector no que aínda hai moita picaresca e xente que marca prezos moi dispares, cando o mercado é o que é. Logo, hai quen ve que Ence paga a tonelada a un certo prezo e pensa que lle vas poder dar ese diñeiro xa pola madeira de pé. Moitos deses prezos que ás veces se ven, son por madeira na fábrica ou en cargadoiro e logo hai que descontar os custes de extracción e transporte. -En que prezos se move a madeira de piñeiro e eucalipto nas zonas nas que traballades? Hai distintos factores que determinan o prezo da madeira. Por exemplo, a madeira descortizada vale 6 ou 7 euros máis en tonelada, pero logo tamén quedan na parcela máis toneladas de cáscara. No caso do eucalipto, a pé e con cortiza, a tonelada pode situarse entre os 20 e os 22 euros. Como se destina na súa maioría para triturar e elaborar celulosa, o tamaño non inflúe. A xente ás veces equivócase agardando a que as árbores medren moito. Unha madeira rendible e óptima para vender é a que se atopa entre os 25 e os 30 centímetros, arredor de 12 anos, dependendo das condicións do terreo. O eucalipto é como unha colleita, ten un ciclo e deixalo superar iso non é aconsellable. O prezo do piñeiro é bastante similar, aínda que varía se é para serrar ou para triturar. Así, pode andar entre os 16 e os 25 euros.
“Os custes de extracción e a cantidade é o que máis determina o prezo da madeira no monte”
-Que é o que máis determina o prezo da madeira no monte? Todo depende dos custes de extracción que haxa e a cantidade. Se é unha parcela ó pé da estrada, con bos accesos, e bo tamaño apenas ten custos, pero se é difícil acceder e ademais é un predio pequeno os prezos son moi distintos. Ese é un dos principais problemas que ten esta zona, namentres noutros sitios de Galicia, como a zona de Arzúa, xa son parcelas de maior tamaño e máis ordenadas, posto que fixeron a concentración parcelaria xa hai anos. Tamén hai xente que quere que a finca lle quede plantada e iso axústase no prezo da madeira. Descontamos os custos que terá plantar coa especie que queira e a finca quédalle xa plantada. Aínda que isto non é o máis habitual. A maioría só quere que lle saques a madeira e logo ou xa se encarga de volvela plantar ou queda sen nada durante moitos anos. Agora, coa nova Lei de Montes, é obrigatorio que a parcela quede sen restos de biomasa, unha tarefa que ou ben asume o propietario ou se acorda coa empresa, cuns gastos que se descontan do prezo da madeira. Un dos equipos de extracción de madeira da firma traballando na zona de Lalín. -Como está actualmente o mercado da madeira en Galicia? Un dos cambios máis significativos que houbo foi que co aumento da produción baixou moito o prezo. Agora mesmo estamos nun momento plano, logo de épocas moi boas, hai uns 20 anos; cando a marxe de beneficio era moito maior e cortando menos madeira gañábase máis. Tamén houbo momentos moi malos, xa que a crise e a caída da construción notouse moito neste sector, mesmo había restricións nas fábricas, as empresas tiñamos cotas moi baixas. Despois diso non chegou a haber unha recuperación total dos prezos pero, alomenos, volveu haber movemento, en gran medida pola exportación, xa que moita madeira dos montes de Galicia vai para outros países. Agora hai que mover moito volume e con iso tamén se incrementan os custes. -Que destinos ten a madeira? O 98% do eucalipto destínase a elaboración de celulosa e o que non serve para iso destínase a biomasa ou para a fabricación de taboleiros. Puntualmente, as pezas cun grosor superior a 60 centímetros poden destinarse a serradoiros, pero eses diámetros é moi difícil atopalos. No caso do piñeiro, emprégase tanto para a trituración de madeira coma para serradoiros. Mentres, o principal destino da madeira das frondosas son os serradoiros. A maior parte da madeira que cortan é de piñeiro e eucalipto. -Como valoras a situación actual do monte? O monte galego é moi rico e está moi desaproveitado. Haberá zonas nas que están incidindo niso pero, polo xeral, aínda queda moito por facer para poder ter un monte produtivo. Nas zonas do interior hai un minifundismo extremo que propicia o abandono e que é moi pouco rendible. Hai parcelas nas que só hai unha fileira de árbores. Aínda que empeza a cambiar, a xente segue a ter o monte abandonado, como algo que está aí, que non fai falta atender, e á volta de certo tempo vai mirar que se lle pode sacar. O monte hai que coidalo como fas cunha horta se queres que sexa produtivo. Se a horta a plantas e non volves mirar por ela non vas recoller moita colleita, e co monte pasa o mesmo. Se o monte o desbrozas, o coidas, o podas, o vas saneando se hai árbores enfermas... esa masa boscosa vai ter un rendemento moi distinto de se non miras para el ata o momento de ir cortar a madeira.
“Son partidario de ter o monte aproveitado, de feito meu avó xa o dicía: ‘as árbores medran mentres dormes”
Eu son partidario de ter o monte aproveitado, de feito meu avó xa o dicía: “as árbores medran mentres dormes”. Nós, como non temos outra actividade á marxe da forestal, nas fincas da casa temos plantado un pouco de todo: temos parcelas de piñeiro insigne, de eucalipto e tamén de castiñeiro. -Na actualidade, estamos nun momento no que tanto as plantacións de eucalipto como de piñeiro teñen moitos detractores polas consecuencias que teñen os incendios forestais e por ser unha alternativa menos diversa do que é o monte autóctono, que opinión tes ó respecto? Na miña opinión sería preciso facer unha ordenación das terras cando se acometen os procesos de reestruturación parcelaria para evitar que haxa zonas de aproveitamento gandeiro ou agrícola colindantes con plantacións, porque iso supón un prexuízo para ambas partes. Por unha parte o propietario está limitado na súa parcela ó non poder poñer a especie que quere e os gandeiros ou produtores tamén teñen inconvenientes se se chegan a poñer plantacións a carón xa que as fincas rematan por ser menos produtivas. Está claro que ten que haber certas limitacións das especies, no caso do eucalipto é lóxico que non se planten en zonas nas que poidan interferir no abastecemento de auga a núcleos, por exemplo, pero tampouco debería de ser lóxico que un propietario non poida dispoñer da súa finca, isto non deixa de provocar que se abandone ese terreo. No caso dos incendios, creo que é bastante máis prexudicial o abandono do monte do que poden supor as plantacións, se realmente se fai unha silvicultura e un coidado axeitado delas.
“A maior dificultade é atopar xente que queira traballar no monte”
-Que perspectivas de futuro tedes dende a empresa? As perspectivas en canto a volume de traballo son boas. Agora mesmo se tivésemos oportunidade de contratar máis xente colliámola porque traballo estamos a ter moito nesta zona. Non temos intención, polo de agora, de abarcar unha zona máis ampla xa que preferimos ter ben atendida a que traballamos. E en canto ó de ampliar volume de produción, se conseguísemos máis man de obra poderíamos afrontalo, pero a dificultade é esa: atopar traballadores.

FINSA e a Asociación Forestal de Galicia acordan un plan para revalorizar o piñeiro

A Asociación Forestal de Galicia e a empresa FINSA, líder en España e en Galicia na transformación de madeira de coníferas, asinaron este xoves en Santiago de Compostela un acordo polo que se comprometen a impulsar e liderar un plan de revalorización dos montes de piñeiro de Galicia. O acordo foi asinado por José Carballo García, secretario xeral do Consello de Administración de FINSA, e por Francisco Fernández de Ana Magán, presidente da Asociación Forestal de Galicia. Ambas as partes identifican unha gran oportunidade de mercado en Europa para a madeira de piñeiro, cun incremento importante da demanda actual e futura, especialmente por parte das grandes superficies comerciais, e dos sectores dos equipamentos e da construción, dentro dun contexto xeral de revalorización da madeira como un elemento construtivo sustentable e respectuoso co medioambiente. Sen embargo, os baixos prezos da madeira de piñeiro dos últimos anos provocaron que as plantacións de piñeiro en Galicia foran perdendo terreo fronte a outras especies. Ante esta situación, FINSA e a Asociación Forestal conclúen que “resulta urxente e necesario formular un plan de restauración dos montes de coníferas no que puideran participar os propietarios forestais, empresas de servizos e industria da madeira interesada na recuperación destas masas arboradas”. Trátase, por tanto, dun acordo pioneiro e aberto a todo o sector, que pretende que as distintas partes traballen de forma coordinada, de xeito que a industria se comprometa a adquirir a madeira para a súa transformación en produtos de máis valor engadido e a acordar uns prezos atractivos para o silvicultor, que á súa vez se comprometería a garantir un subministro mediante a aposta pola madeira de piñeiro de calidade. Esta iniciativa será presentada durante as próximas semanas ás organizacións forestais, comunidades de montes e ao resto da industria do aserrado e do sector viveirista. O obxectivo acordado é que o plan, xa con medidas concretas, será presentado á sociedade galega antes do 30 de setembro. A sinatura deste acordo prodúcese tras un proceso de colaboración que se iniciou hai oito meses entre a Asociación Forestal de Galicia e FINSA. Ao longo deste período realizáronse visitas conxuntas a montes de socios da AFG nos que se ven practicando métodos silvícolas avanzados para producir madeira de calidade e mantivéronse varias reunións técnicas co obxectivo de poñer en marcha un programa de recuperación da produción de coníferas nos montes galegos, partindo dunha revalorización do prezo da madeira de calidade de piñeiro. Visita á planta de FINSA en Santiago Trala sinatura do acordo deste xoves na sede de FINSA en Santiago, a delegación da Asociación Forestal de Galicia realizou unha visita á fábrica de Formarís, unha moderna planta de transformación da madeira de piñeiro que integra aserradoiro, tableiro, impregnado, mobles...etc. Todo o conglomerado de fábricas de FINSA en Santiago dá emprego directo a máis de 900 persoas. Pola súa parte, os representantes da AFG tiveron a oportunidade de presentar as melloras e innovacións que se están a practicar na xestión do monte galego, en particular as dirixidas a fornecer a industria galega de produtos dos que se poida obter un maior valor engadido, traballando con criterios ambientais rigorosos. A delegación da Asociación Forestal de Galicia estivo integrada por Francisco Fdez. de Ana Magán, presidente; Antonio Rigueiro Rodríguez, vicepresidente de Relacións Institucionais; Juan Ramón Gallástegui Otero, vicepresidente de Montes Particulares; Xesús Represas Represas, vicepresidente de Montes Veciñais; Manuel Lorigados Cao, vogal; José Luis Solloso Tiagonce, vogal e José Luis Corral Rey, socio da AFG; Francisco Dans del Valle, director, Xosé Covelo Míguez, director técnico; Braulio Molina Martínez, director técnico, e Daniel Rodríguez Cebreiro, coordinador Grupo certificación de SELGA. Por parte de FINSA asistiron José Carballo García, conselleiro-delegado; Ismael Olveira, director negocio madeira; Francisco Roca, comité de dirección; Javier Silva, responsable de serradoiro; Víctor Torrado, responsable Forestal, e Carlos Iglesias, responsable explotacións propias.