Archives

¿Como incide a dixestibilidade da fibra das forraxes na produción de leite?

A dixestibibilidade da fibra das forraxes cobra cada vez máis importancia na nutrición do gando vacún, tal e como corroboraron diversas investigacións nos últimos anos. Así, a grosso modo, un silo de millo con menos porcentaxe de almidón e de materia seca pero con fibra máis dixestible, debido a que se cultivou no punto óptimo e coa planta aínda verde, producirá máis leite que outro con máis porcentaxe de almidón e de materia seca. Así o puxo de manifesto Ángel Ávila, experto consultor en nutrición de vacún de leite durante as últimas xornadas técnicas da cooperativa Delagro sobre “Cultivo de forraxes e pastos: Un modelo ambiental e socio-económico no norte da península ibérica”. No seu relatorio “A dixestibilidade da fibra e o seu impacto na eficiencia”, o experto chamou a atención sobre o descoñecemento que existe sobre como se comporta a fibra no rume e como se dixire. “Canto máis dixerible sexa unha forraxe maior vai ser o seu consumo, e por tanto maior será a produccion de leite, de graxa e de proteína que logremos coa mesma”, incidiu. Autor: Ángel Ávila Coya Desde o punto de vista químico a fibra das paredes celulares dos vexetais componse de celulosa, hemicelulosa e lignina. Este conxunto coñécese como Fibra Neutro Deterxente ou FND. Canto maior sexa o seu contido nun cultivo menor será o valor nutricional do mesmo para a produción de leite e carne. É o que se coñece como Valor Relativo da Forraxe (VRF) tal e como se mostra na siguente táboa de clasificación: Autor: Ángel Ávila Coya Desta forma, a inciencia da dixestibilidade dunha forraxe vémola na produción de leite cando cambiamos de silo: Autor: Ángel Ávila Coya “Desta forma, un silo de millo cunha porcentaxe de materia seca do 30% e un 30% de almidón vai ser moito máis dixerible que un cunha porcentaxe de almidón do 35% e do 38% de materia seca. O máis produtivo en leite vai ser o segundo, por moito que un gandeiro igual preferiría o primeiro”, subliñou Ángel Ávila. Outra forma de medir a dixestibilidade dunha forraxe é mediante o cribado de feces: O obxectivo é que na primeira grella da criba para as partículas máis grosas quede menos dun 10% de partículas, no segundo para fibras de tamaño medio deposítese menos do 20% e no terceiro as partículas máis finas representen máis do 50% do peso da mostra. En caso de mala dixestión da fibra (fibra picada moi longa, millo moi seco, grans mal procesados) a primeira parte pode representar até o 60%. “En definitiva, o que determina a maior ou menor dixestibilidade da fibra dunha forraxe é o seu maior ou menor contido en lignina dentro da Fibra Neutro Deterxente (FND) -composta tamén por celulosa e hemicelulosa-, que se concentra sobre todo nos talos da planta para darlle soporte, e menos nas follas. Desta forma, podemos ter dúas forraxes coa mesma FND pero un ser máis dixerible que outro debido a que ten menos lignina”, explica Anxo Ávila. “Por tanto -engade- é moi importante saber o nivel de degradabilidade que ten a FND dunha forraxe, posto que a maior degradabilidade no rume da fibra haberá maior enerxía e proteína dispoñible para a produción de leite, sólidos e outras funcións do organismo”.

AFNDmo: O novo concepto para medir a dixestibibilidade da fibra nunha forraxe

Neste sentido, Ángel Ávila recalcou que é necesario revisar e actualizar os parámetros da Fibra Neutro Deterxente para valorar de forma máis real a dixestibilidade, e por tanto o valor nutrional, dunha forraxe. Así, explicou o novo termo de aFNDmo, ou fibra nuetro deterxente materia orgánica que se obtén co uso de amilasa e corrixido polo contido de cinzas da forraxe. “Durante a colleita, o ensilado e henificación de forraxes pode ocorrer contaminación con terra, sobreestimando a FND e comprometendo a saúde do rume, ao crer que se está ofrecendo unha cantidade adecuada de FND real”, explica o experto. Neste sentido, recomenda que “cando enviamos a anlizar as nosas forraxes , usando un laboratorio que utiliza a plataforma do modelo Cornell, debemos ser moi rigorosos en pedir unha analítica da FND libre de cinzas ou aNDFom, polas súas siglas en inglés”. Autor: Ángel Ávila Coya

Forraxes co mesmo contido de lignina pero con diferente dixestibibilidade: Por que?

Por tanto, a maior dixestibibilidade da aFNDmo haberá maior produción de enerxía e de biomasa microbiana ou proteína dispoñible para que o animal poida producir leite. Unha maior dixestibibilidade da aFNDom (suma da fibra potencialmente dixestible ou pdNDF e da fracción indixestible ou uNDF) levará tamén un incremento no consumo de materia seca por parte da vaca. Porén, podemos ter dúas forraxes co mesmo contido de lignina e diferentes taxas de dixestión da fibra. A este respecto, Ángel Ávila explicou que ademais do contido de lignina, a dixestibilidade dunha forraxe tamén depende da interacción con outros compostos da fibra como a hemicelulosa, o que determina que estea máis ou menos dispoñible para a súa dixestión polos microorganismos do rume da vaca. Neste sentido, a Universidade de Cornelll (Estados Unidos) desenvolveu a chamada curva de dixestión da aFNDmo, con tres compartimentos ou pools: -Pool 1: dixestión rápida da fibra entre as 0 e as 30 horas despois de ser inxerida, de forma que pasará máis rápida polo rume. “O obxectivo mínimo que nos deberiamos marcar é estar por riba do 60% de dixestibilidade ás 30 horas, tanto para silo de millo como de herba”, subliña Anxo Ávila. -Pool 2: dixestión da fibra entre as 30 e as 120 horas, coñecido como pool de dixestión lenta. -Fracción indixestible da fibra ou uNDF polas súas siglas en inglés: vai das 120 ás 240 horas, e o que queda até as 240 xa non é dixerible polo rume. Por tanto, a evolución das analíticas vai das clásicas onde non se concretaba que parte da fibra é dixerible ás máis modernas nas que se detalla tamén que parte da fibra é dixerible a distintos intervalos de tempo: Autor: Ángel Ávila Coya En canto á dixestibilidade da fibra en ensilados de millo, nestes dous exemplos obsérvase como dous silos de millo coa mesma aFNDom pero con distintas porcentaxes de materia seca (42 e 30%) teñen tamén distinta dixestibilidade da fibra ás 30 horas: 56 e 72%, respectivamente. Autor: Ángel Ávila Coya Situación que se repite neste outro exemplo: dous silos coa mesma porcentaxe de almidón pero distinto de materia seca teñen case 20 puntos de diferenza de dixestibilidade da fibra ás 30 horas: Autor: Ángel Ávila Coya Por tanto, a maior porcentaxe de materia seca nun silo menor dixestibilidade da forraxe, e en concreto da fibra: Autor: Ángel Ávila Coya Situación que tamén se produce nos ensilados de raigrás: Autor: Ángel Ávila Coya Para medir o seu impacto na produción, Ávila lembrou que “por cada incremento de 1 unidade de FNDom digxestible logramos incrementar 0,18 kg o consumo de materia seca e producimos 0,25 kg máis de leite”. Por tanto, empregar unha forraxe máis ou menos dixerible ten unha importante repercusión tanto na inxesta de materia seca como na produción de leite. A modo de exemplo, un silo de raigrás co 90% da fibra dixerida no rume antes das 30 horas terá un consumo por parte da vaca 27 quilos superior a un moito máis lignificado, con só o 41% consumido no pool rápido: Autor: Ángel Ávila Coya Ademais, o seu impacto na produción de leite será de case 6 litros diarios menos de leite: Autor: Ángel Ávila Coya

Conclusións:

Como conclusións Ángel Ávila destacou que: -O uso da dinámica de dixestión da fibra ou FNDom permítenos predicir de mellor forma o uso da forraxe por parte do rumiante. -Non basta soamente con falar do contido total de fibra ou tamaño de partícula dunha forraxe, senón saber o contido tanto de FNDom dixestible como de uNDF (indixerible). -Con estas determinacións coñeceremos mellor a dixestión total da ración e o seu potencial sobre a produción de leite, os sólidos e os parámetros fisiolóxicos do animal.