Archives

Validan con éxito en Galicia un test rápido de preñez a partir de mostras de leite

Persoal do CIAM recollendo mostras de leite nunha das gandarías participantes. Foto: CIAM/LIGAL O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM-AGACAL) e o Laboratorio Interprofesional de Análise do Leite (LIGAL) están validando un test rápido, que a partir das mostras que rutinariamente recolle o LIGAL, permite tamén detectar cunha ampla porcentaxe de acerto a preñez das vacas. O ensaio realízase dentro do proxecto europeo Climate Neutral Farms, coordinado en España polo CIAM-AGACAL. O test, que de momento se está realizando de forma experimental, prevese que entre a formar parte da oferta de servizos do LIGAL ás gandarías nun futuro dependendo da demanda existente. “O obxectivo deste test é reducir os días abertos involuntarios, que segundo os estudos realizados en España en gandarías de vacún de leite, sitúanse entre o 10 e o 12% das vacas inseminadas, pero cunha ampla variación entre gandarías, desde o 3,5 até o 26,3%, o que representa unha importante perda económica para as granxas”, explica César Resch Zafra, investigador do CIAM-AGACAL.

Resultado de preñez en 24 horas

O diagnóstico de preñez en laboratorio con mostra de leite baséase na detección de presenza de glicoproteínas, un tipo de proteína asociado á xestación. O protocolo que se segue por parte do CIAM-AGACAL e do LIGAL nas granxas que participan no estudo é o seguinte: Técnicos do CIAM visitan as granxas cada catro meses e, de acordo co gandeiro, seleccionan as vacas a mostrear entre aquelas supostamente diagnosticadas con preñez positiva: Vacas a entre 28 e 90 días desde a inseminación (aproximadamente o 15% das vacas adultas nunha gandaría de vacún de leite). Posteriormente recóllese unha mostra de leite de cada animal (50 ml) e envíase ao laboratorio para a súa análise polo LIGAL que en 24 horas entrega ao gandeiro o resultado do test de preñez, ademais dos resultados de análise física químico do leite.

Alta fiabilidade do test

Fonte: CIAM/ LIGAL A fiabilidade do test é moi elevada. Das 541 mostras que se analizaron o test de preñez en leite detectou que en 22 casos (o 6,1%) as vacas non estaban preñada. A continuación, realizouse de novo a comprobación en granxa por parte de veterinarios sobre eses animais e a porcentaxe de acerto foi do 100%. O test tamén detectou 14 casos de vacas de preñez dubidosa, que tras a pertinente contraanálise na explotación concluíu que 10 estaban preñadas e 4 estaban baleiras. En canto aos 505 casos de vacas que o test diagnosticou como positivas a preñez, na análise posterior acertou en 498, mentres que 7 non o estaban, o que se pode explicar por vacas que abortaron un día ou dous antes, e que por tanto aínda tiñan presenza de glicoproteína en leite. “O test está a funcionar moi ben, é eficaz, rápido e asequible e supón un importante avance para reducir o número de días abertos involuntarios en gandarías de vacún de leite, e por tanto axuda a mellorar a eficiencia e a rendibildiade da granxa”, conclúe César Resch.

“Cada vez máis os fertilizantes van ser un limitante importante para a produción de alimentos”

O profesor emérito de Edafoloxía Felipe Macías A fertilidade é a capacidade do chan para fornecer ás plantas os nutrientes básicos que estas necesitan. Trátase dun conxunto de entre 17 e 20 elementos esenciais para que a planta poida cubrir o seu ciclo vital. Pero “os chans envellecen e perden a súa fertilidade natural”, advirte o profesor emérito de Edafoloxía e Química Agrícola da USC Felipe Macías, que propón algunhas solucións para mellorar a fertilidade dos chans en Galicia. A alteración mineral libera nutrintes das rochas e vólveos biodispoñibles. “A drenaxe é o motor da alteración, por iso a choiva en Galicia xoga un papel fundamental”, indica Felipe, que participou recentemente nunhas xornadas sobre fertilización organizadas por SEIAF na Escola Politécnica de Lugo.
A drenaxe é o motor da alteración mineral dos chans, por iso a choiva en Galicia xoga un papel fundamental
Pero este experto alerta de que a fertilidade natural dos chans non é infinita, senón que os solos envellecen e esgótanse, necesitando achegas extra de nutrintes. Pero advirte: “Cada vez máis os fertilizantes van ser un limitante importante da produción de alimentos”. Por iso, di, é necesario buscar alternativas complementarias ao abonado que pasen pola remineralización natural dos chans e a reciclaxe de residuos con finalidade agrícola. Tecnosoles A Edafoloxía é a ciencia que estuda os chans e os seus factores de formación, incluíndo ao home. Por tanto, é unha ciencia que permite coñecer o valor dos elementos químicos, os compoñentes minerais, o humus, e as súas interaccións, a diversidade de tipos e procesos de formación de solos e as propiedades que se presentan en cada estadio evolutivo e contexto climático. A evolución natural dos chans no tempo orixina perdas e ganancias de determinados elementos e desequilibrios no seu comportamento físico-químico. Se a iso lle engadimos os efectos producidos polas actividades humanas, os solos poden presentar alteracións moi variadas das súas propiedades. Coñecer estas deficiencias ou limitacións é a primeira parte dunha posible actuación correctora, que pode chegar ata facer chans “á carta”, para substituír solos perdidos, ou recuperar chan degradado, corrixindo as limitacións e as consecuencias negativas dos contaminantes.
Gran parte dos materiais que acaban hoxe nun vertedoiro poderían ser valorizados e incorporados ao chan
“Son o que chamamos Tecnosoles á carta ou Tecnosoles a medida, que poden facerse con multitude de materias primas, residuos ou subproductos adecuados reciclados”, explica Felipe. “Gran parte dos materiais que hoxe acaban nun vertedoiro, onde son inútiles e producen efectos nocivos para o aire e a auga, poderían ser valorizados por esta vía bioxeoquímica que imita á natureza”, asegura. Aplicación en agricultura Aínda que ata o momento a maior utilización dos Tecnosoles levouse a cabo para recuperar e rehabilitar chans e ecosistemas afectados por actividades mineiras, industriais ou de obra civil, tamén poden usarse en agricultura, considera Felipe. “O que moitas veces se fai con substratos ou emendas, faríase moito máis efectivo e eficaz con chans á carta, deseñados especificamente para corrixir as deficiencias”, afirma.
Un chan recuperado adecuadamente pode volver producir alimentos, gañando desta forma superficie agraria
Con Tecnosoles adecuados, tanto os contaminantes inorgánicos, como os orgánicos, poden ver limitada a súa acción negativa. Pódense inertizar compostos de arsénico, selenio, metais pesados ou hidrocarburos e Tecnosoles deseñados para o efecto poden impedir ou retardar a oxidación de sulfuros, sulfoarseniuros e a lixiviación e mobilización de metais, poden reter ións tóxicos de forma moitas veces pouco reversible (oclusión, absorción específica), etc. Escasos avances en Economía Circular na UE Para o profesor emérito da USC, as decisións a nivel de economía circular da UE son excesivamente tímidas e chegan escasamente á práctica polas múltiples regularizacións, que moitas veces impiden ou atrasan a aplicación dos novos coñecementos científicos e técnicos. “Unha proba diso é a enorme proporción de materiais residuais que van á entulleira en España, máis do 50%”, exemplifica. “A UE aplica un principio excesivo de precaución que bloquea os avances científicos e a aplicación dos coñecementos”, considera.
A natureza tende a converter en chan case calquera material que queda na superficie
Para Felipe, o depósito de residuos en vertedoiros debería ser a última solución e non unha práctica habitual. “A natureza tende a converter en chan case calquera material que queda na superficie. Imitando o seu exemplo, deberiamos avanzar en como podemos recuperar e mellorar as funcións ambientais e produtivas dos chans a través da correcta incorporación de materiais recirculados adecuados”, insiste. Perda preocupante de materia orgánica O chan debe tratarse para mellorar a súa función recicladora e manter a súa circularidade. “Existe un gran descoñecemento do que é o chan e das funcións que realiza, tanto en sentido produtivo, fornecéndonos alimentos e fibras, como ambiental, mantendo unha elevada biodiversidade e actividade biótica, mellorando a calidade da auga e secuestrando carbono”, describe. Por iso, considera preocupante o feito de que os solos agrícolas en España perdesen entre un 40 e un 90% do seu contido en carbono natural. “Iso reduce a súa estabilidade estrutural e incrementa os riscos de erosión”, explica.
O chan ten un certo poder de amortiguación, que é limitado, fronte aos impactos externos
A pesar de que é posible o cultivo en solos con pouca materia orgánica, a perda deste compoñente fundamental do chan faille perder moitas das súas propiedades máis relevantes, como o secuestro de carbono, a capacidade de retención de auga e a protección fronte aos contaminantes. A proposta do Goberno francés, numerosos países, entre eles España, asinaron o compromiso de incrementar un 0,4% o contido en carbono dos chans agrícolas, a coñecida como iniciativa 4 por mil. Aproveitamento de xurros e lodos de depuradora Galicia é a comunidade autónoma española con maior concentración de materia orgánica nos seus chans. Segundo distintas medicións, estímase que os solos galegos teñen de media, nos primeiros 30 centímetros de profundidade, un 7,4% de materia orgánica, aínda que en chans ocupados por cultivos descende ata o 1,7%. A nivel estatal, o 50% da superficie española contén valores de materia orgánica no chan por baixo do 1%.
Os chans con maiores concentracións de COS sitúanse en zonas húmidas e frías do norte peninsular, destacando Galicia, con valores que en ocasións chegan a 200 Mg C/ha
A concentración de materia orgánica nos chans de uso agrícola é ata un 38% menor que nos chans ocupados por bosques, confirmando que os chans agrícolas foron os que máis cantidade de carbono orgánico perderon debido fundamentalmente a prácticas asociadas ao laboreo intensivo. Varias son as prácticas agrícolas que teñen a capacidade de reverter esta tendencia, cambiando a dinámica de carbono no chan, ben sexa incrementando as entradas ou retardando as saídas por redución da mineralización da materia orgánica, contribuíndo deste xeito a aumentar os stocks de carbono e o efecto sumidoiro do solo. Prácticas que incrementan as entradas de carbono no chan serían: sementeira directa, cubertas vexetais, agricultura ecolóxica, aplicación de lodos de depuradora, aplicación de compost, aplicación de residuos gandeiros, aplicación de residuos agrícolas, utilización de cultivos entre liñas, utilización de cultivos de raíces profundas. As prácticas que reducen as saídas de carbono no chan en forma de emisións céntranse fundamentalmente naquelas baseadas na redución ou supresión do laboreo, como a sementeira directa e as cubertas vexetais.
O 50% do esterco producido en España procede do gando bovino e o 30% do porcino
Practicamente a metade do esterco producido en España procede do gando bovino, seguido do porcino, e entre os dous supoñen o 80% do total. No que se refire ao contido en materia orgánica, as dexeccións de bovino achegan o dobre de materia orgánica que as de porcino. A reutilización de lodos de depuradora en chans agrícolas é moi controvertida, xa que aínda que teñen un gran potencial fertilizante (son ricos en fósforo, nitróxeno e materia orgánica), tamén poden posuír concentracións elevadas de metais pesados e microorganismos patóxenos presentes nas augas residuais.  

“Cos aportes de serríns de granito temos unha ferramenta barata para mellorar os solos en Galicia”

Os chans son un intermedio entre a rocha e o sedimento que interacciona coa auga, o aire e os organismos vivos mediante un conxunto de reaccións bioxeoquímicas. O lavado, a drenaxe e a erosión poden conducir de novo a un chan á infertilidade, necesitándose novas achegas minerais para recuperala. A enorme variedade de solos naturais, con propiedades extremadamente variables que hai no mundo, así como distintos sistemas de intervención implantados, constitúen modelos a imitar. “En Brasil están a levarse a cabo programas de remineralización dos chans, do mesmo xeito que en México, Arxentina ou Escocia”, explica Felipe. A actuación humana pode axudar a rexenerar os solos mediante achegas de nutrintes, materia orgánica ou fragmentos minerais que permitan recuperar a fertilidade química.
É necesario ter un sistema que recicle a fertilidade natural dos chans
“Necesitamos remineralizar os nosos chans e esta remineralización pode levarse a cabo a través de serríns de rochas oceánicas que, se son básicas, como no caso dos granitos, serven ademais para capturar carbono. Sabemos que a alteración mineral é o maior elemento de secuestro de carbono. Estímase que unha rocha básica dunha tonelada pode absorber de 1 a 2 toneladas de anhídrido carbónico do aire”, detalla. Felipe propón remineralizar os chans en Galicia con achegas de serríns de granito procedentes de canteiras e marmorerías. Sería unha forma de aproveitamento eficaz dun refugallo con propiedades beneficiosas para os chans agrícolas. Zonas privilexiadas: os depósitos mundiais de loess “A fertilidade natural deriva do ciclo xeolóxico interno. Un factor esencial é a redución do tamaño de partícula. E o ciclo xeolóxico externo xera zonas privilexiadas de fertilidade”, asegura Felipe. Chile, México, Filipinas ou Xapón basean a súa fertilidade na remineralización volcánica. Outra forma de redistribución importante dos nutrintes é a provocada polos ríos.
O loess é un material sedimentario formado principalmente por po moi fino de rocha arxilosa ou calcárea, que se orixina en rexións áridas e é transportado polo vento
“O loess entrou en Europa central a través das concas dos ríos Rhin e Danubio, pero na península ibérica non nos tocou nada. Iso explica a enorme produtividade de cereais de Centroeuropa, onde son habituais producións de trigo de 12.000 quilos por hectárea”, detalla. Os principais depósitos mundiais de loess sitúanse no centro de EEUU, a Pampa arxentina, na zona centroeuropea ata Ucraína, a zona sur de Australia ou a contorna do río amarelo en China, áreas que se vinculan ás principais zonas de produción de cereais do mundo. Biochar Pero o chan non depende só da rocha orixinaria, senón que ademais dos elementos de partida súmase a materia orgánica engadida con posterioridade. “Na cultura humana foise asociando a cor negra do chan cunha elevada fertilidade debido á cantidade de materia orgánica que contén. O aproveitamento da biomasa a través da calor (biochar) pode servir para mellorar as características dos chans”, asegura Felipe.
O biocarbón ou biochar é un carbón particulado con pH elevado xerado a partir de residuos vexetais
O biochar é un material sólido obtido da pirólise ou conversión termoquímica de biomasa nun ambiente de osíxeno limitado. A materia orgánica sofre unha carbonización que produce unha reorganización dos átomos de carbono para dar estruturas parecidas ao grafito. Aínda que as súas características dependen do material de partida, algunhas propiedades comúns ao biochar serían o seu alto contido en carbono e baixo en nitróxeno, o seu pH alcalino e a súa alta porosidade e capacidade de retención hídrica. A utilización de biochar como mellorante de chans está a espertar gran interese da comunidade científica, que atopa certas similitudes coas coñecidas como Terras Pretas, unha práctica ancestral utilizada polos indíxenas da Amazonía brasileira para xerar chans fértiles duradeiros.

O xenotipado na Rubia Galega: primeiros resultados e novas liñas de traballo

A Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga) acaba de incluír no seu último catálogo os primeiros resultados do traballo de xenotipado de animais desta raza desenvolvido nos últimos meses en ganderías galegas socias. Trátase dunha aposta clara pola mellora xenética da raza botando man de ferramentas que están sendo moi empregadas tanto na produción de carne como de leite. “Cada ano facemos unha avaliación xenética dos animais e por primeira vez neste 2022 ademais incluíronse datos de xenómica no catálogo”, indica Laura Arias, secretaria executiva de Acruga e involucrada no proxecto de xenotipado dos animais. Polo momento levaron a cabo o xenotipado de case 3.500 animais con chips de alta densidade, o que supón un total de 486 machos con máis de 50 descendentes e 207 con máis de 10 descendentes. Mentres, entre as femias analizadas 754 delas tiñan máis de 5 fillos. “O obxectivo é constituír unha poboación de referencia para a avaliación xenómica da Rubia Galega”, explican dende Acruga.
“O obxectivo do xenotipado dos animais é constituír unha poboación de referencia para a avaliación xenómica da Rubia Galega”
Actualmente, en Acruga contan cun censo de 33.500 animais inscritos no Libro Xenealóxico da asociación, e o 76% destes exemplares son reprodutores. “A avaliación xenómica constitúe, xunto coa base de datos fenotípica e xenealóxica de Acruga, o punto de partida para a posta en marcha dun procedemento que se implementou na valoración xenética de reprodutores de xaneiro de 2022”, detalla Arias. O novo catálogo inclúe datos recompilados grazas ó xenotipado dos animais.

Aspectos cos que a xenómica busca mellorar a Rubia Galega

Dende Acruga realizaron unha comparativa cos procedementos tradicionais de mellora xenética, o coñecido como método BLUP, para poder estudar que cambios supoñía optar pola xenómica. Os datos obtidos amosan que a xenómica ofrece unha maior precisión. En concreto, á hora de determinar o Peso ó destete no efecto directo atribuíble ó animal, os datos xenómicos teñen unha precisión de 5 unidades máis con respecto das predicións obtidas por BLUP. Se se compara co efecto materno este redúcese a 4,5 pero, con todo, segue tendo unha maior precisión que a mellora xenética tradicional. Precisións obtidas mediante (BLUP) e avaliación xenómica (BLUP-Xenómico) para o efecto directo do carácter Peso ó Destete. Precisións obtidas mediante (BLUP) e avaliación xenómica (BLUP-Xenómico) para o efecto materno do carácter Peso ó destete. En concreto, analizaron 5 caracteres incluídos nos Índices Compostos de selección que empregan no plan de mellora da raza Rubia Galega: peso ó nacemento, peso ós 210 días, peso da canle fría, conformación e engraxamento. Tamén avaliaron o número de partos que pode alcanzar unha vaca.
“A avaliación xenómica permítelle ós gandeiros ter datos máis precisos e avanzar con maior rapidez na selección xenética da Rubia Galega”
Ademais de lograr unha maior precisión na selección xenética, optar pola xenómica permítelles ós gandeiros obter máis información determinante sobre o animal, o que se traduce nunha redución de custos e nun proceso máis rápido. “A avaliación xenómica permítelles ós gandeiros ter datos máis precisos e avanzar con maior rapidez na selección xenética da Rubia Galega”, explica Arias.
O xenotipado pode incrementar as vendas de seme para becerros de cruzamento en ganderías de vacún de leite, en especial naquelas que traballen coa raza Frisoa
Outra das vantaxes que agardan conseguir co xenotipado dos animais é abrir novas liñas de comercialización do seme de Rubia Galega para cruzamento industrial, en especial en ganderías de vacún de leite que xa están a empregalo e que poidan telo como unha opción prioritaria. “Nas razas de leite como a Frisoa levan anos traballando xa coa xenómica polo que ofrecerlle datos xenómicos ós posibles compradores abriríanos o mercado de cruce industrial, sobre todo con frisón”, detallan dende Acruga. Evitar a consanguinidade dos touros é outra das vantaxes que presenta a xenómica na selección xenética. Ademais pretende estudar o lastre consanguíneo, é dicir as consecuencias negativas que esa consanguinidade podería provocar nos animais. “Trátase de ir máis alá de saber o grao de consanguinidade e coñecer os efectos negativos que podería orixinar”, concreta Arias. Touros incluídos no catálogo de Acruga 2022.

Liñas para vida e para carne

Na avaliación xenómica incidiron en aspectos que son significativos á hora de seleccionar animais tanto para a vida como para a produción de carne. Deste xeito, na liña para a vida fixáronse en cuestións como a facilidade de parto ou a aptitude leiteira da vaca ata o destete, que se produce habitualmente ós 7 meses, xa que son aspectos moi valorados polos gandeiros na raza. “Son aspectos cos que reducir os custos de produción, xa que ó ter dispoñibilidade de leite ten un menor consumo doutros alimentos”, concretan dende Acruga.
Coa xenómica procuran seguir mellorando en cuestións como a facilidade de parto, a aptitude leiteira ou o índice de conversión do alimento en quilos de carne dos animais
No caso da liña de carne, prestaron atención a indicadores que amosen unha maior aptitude cárnica dos animais, para lograr un crecemento máis rápido. Trátase tamén de factores que contribúen a reducir os custos de produción, xa que se procura animais que teñan un alto índice de conversión do alimento en quilos de carne. A facilidade de parto é unha cuestión tamén moi demandada polos produtores. “Melloramos moito nesta cuestión nos últimos anos, e as nais teñen unha maior capacidade para parir, o que é fundamental, xa que cada vez máis os animais están en ganderías en extensivo e precísase que as vacas sexan capaces de parir soas”, apunta Arias. Nestes momentos, como indican dende Acruga, dispoñen tamén de touros indicados especialmente para xovencas de primeiro parto, cos que axudar a ter mellores partos.

Raza diferenciada

Neste traballo desenvolvido en colaboración tanto coa Universidade de Santiago, a través da Facultade de Veterinaria, como coa Universidade de Zaragoza, tamén procuraron os caracteres que identifican a raza Rubia Galega. “Buscábase contar cunha ferramenta que permitira cunha analítica diferenciar a Rubia Galega de calquera outra raza, para así identificar a pureza da raza fronte a outras ou cruzamentos”, indica Arias.
Compararon a Rubia Galega con outras razas de carne españolas e francesas para conseguir a súa identificación clara
Para logralo compararon exemplares de Rubia Galega con Asturiana de los Valles, Limousin, Blonde de Aquitania, Charolesa e con Pirenaica. “Vimos que se pode establecer unha diferenza clara entre a Rubia Galega e estas razas”, apunta. Chegaron a identificar un conxunto de 148 marcadores que amosan diferenciación xenética estatisticamente significativa entre Rubia Galega e outras razas de carne españolas e francesas. Á par de diferenciala doutras razas, examinaron as diferenzas que podía haber entre distintas provincias e comarcas de Galicia. “Vimos que hai a mesma estrutura xenética en todo Galicia. A poboación de Rubia Galega case non ten diferenzas significativas”, concreta Laura Arias. Isto débese en gran medida ó uso da reprodución artificial, o que provoca que se intercambien os mesmos touros pola xeografía galega, sen evolucionar de xeito diferente en función da zona. “Dende Acruga creemos que esta homoxeneidade é positiva, xa que nos traballos de mellora xenética que se están a desenvolver van resultar satisfactorios para tódalas ganderías, afectará a tódolos animais”, detallan.

Novos proxectos

Outra das liñas na que están apostando nos últimos meses dende Acruga é na obtención de seme sexado, para o que contan coa colaboración de Xenética Fontao, centro de referencia en Galicia para a selección e reprodución animal, que tamén participou de forma activa no xenotipado dos animais. Logo de seleccionar dende Acruga os touros que máis lle interesaban, a mediados do mes de marzo comezaban xa realizar a primeiras probas no centro para a obtención do seme sexado. “Segundo vaiamos tendo datos da calidade seminal dos touros que propuxemos iremos contando con arredor duns 5 reprodutores para obter seme sexado de Rubia Galega”, concreta Arias.
Agardan ter as primeiras doses de seme sexado de Rubia Galega no mercado a comezos do mes de maio, logo de pasar as probas requiridas para a súa comercialización.
Á marxe destes traballos, están á espera de poder dar continuidade a estas primeiras investigacións en xenómica cun novo proxecto no que de novo participarán as Universidades de Santiago e Zaragoza e Xenética Fontao. Nesta segunda fase, aínda pendente de aprobación, queren seguir xenotipando máis animais e traballarán tamén na trazabilidade da carne de Rubia Galega, procurando que cunha analítica da carne no supermercado se poida ratificar que pertence a un animal desta raza.
 

-Consulta aquí o Catálogo de 2022 de Acruga, que conta cos primeiros datos de xenómica.

 

Advirten da degradación dos solos agrarios e fértiles de Galicia

Este sábado, 5 de decembro, celébrase o Día Internacional do Solo. Neste sentido, o Sindicato Labrego Galego (SLG) lembra que “os nosos solos desempeñan un papel esencial nos ciclos naturais, na regulación dos fluxos da auga, na captura de carbono e, por suposto, na xeración de paisaxes de grande valor cultural, social, ambiental e produtivo, sendo os garantes dunha produción agraria sostible, suficiente e de calidade”. Sen embargo, alertan de que “hoxe en día, como o resto do noso entorno, os solos atópanse ameazados (…) pola expansión de grandes infraestruturas e do urbanismo, pola cantidade de produtos químicos que vertemos nel, pola sobreprodución, pola enorme densidade gandeira en zonas moi concretas e pequenas que non son quen de xestionar os residuos producidos, pola súa seca e morte”. No caso de Galicia, o Sindicato Labrego engade outra ameaza: “o problema da eucaliptización, co que se está a colonizar á mantenta o noso territorio cunha especie exótica invasora enormemente prexudicial para a saúde dos solos e das augas”. Ademais, a organización labrega advirte de que “coa conivencia cómplice do Goberno da Xunta, estanse a forestar terras agrarias, sendo hoxe Galiza un dos territorios de Europa con menor superficie agraria útil, atopándose no último posto no Estado Español con tan só o 21% das súas terras dedicadas a fins agropecuarias”. ”Hoxe, os solos agrarios e fértiles da Galiza están máis ameazados ca nunca polas políticas suicidas da Consellaría de Medio Rural, que agora, ademais de servirlle o noso territorio en bandexa a Ence e Greenalia para plantar eucalipto con fins industriais non alimentarias, pretende facer outro tanto con Inditex para producir viscosa”, denuncian. Plataformaa para reclamar a protección dos solos Ante esta situación, o Sindicato Labrego lembra que “dende a Plataforma Estatal Intervegas (https://intervegas.org), centos de colectivos e persoas reclamamos a protección destes solos e estes espazos agrícolas históricos que demostraron ser sostibles e resilientes, que nos ofrecen numerosos servizos e que son garantía da nosa propia soberanía alimentaria nun contexto cheo de incertezas”. Intervegas promove un proxecto de “Lei para a protección dos solos de alto valor agrolóxico e de solos de interese agraria” que agarda sexa debatido no Congreso canto antes e seguirá traballando para que saia adiante co maior consenso posible, xunto con novas medidas que favorezan a dignificación do traballo agrario e unha produción máis sostible en harmonía coa natureza. Accións formativas do SLG a prol da recuperación da fertilidade natural dos solos O Sindicato Labrego Galego colaborou esta mesma semana en dúas accións formativas organizadas pola Asociación Herbamoura e orientadas, precisamente, a recuperar a fertilidade natural dos nosos solos agrarios. A primeira, celebrada o mércores 3 de decembro en Curtis, foi unha “Xornada para manter vivos os solos para pasto”, impartida polo técnico Andrés Castro; e a segunda, ao día seguinte, foi unha introdución á gandería rexenerativa en Ordes, na que se contou co biólogo Antonio Tucci  e co xerente de Gandería Josmar SC, José Manuel Santín Caloto.

O solo resulta esencial tamén para combater o cambio climático

Os organismos do solo desempeñan unha función esencial para impulsar a produción de alimentos, mellorar as dietas nutritivas, preservar a saúde humana, recuperar os lugares contaminados e combater o cambio climático, pero a súa contribución permanece no súa maior parte subestimada, sinala a FAO no seu primeiro informe titulado "State of Knowledge of Soil Biodiversity" (Estado dos coñecementos sobre a biodiversidade do chan). O informe presentouse hoxe con ocasión do Día Mundial do Solo. "A pesar de que a perda de biodiversidade figura entre as principais preocupacións mundiais, non se outorga á biodiversidade subterránea a importancia que merece, e debe terse plenamente en conta ao planificar as intervencións para o desenvolvemento sustentable", segundo o informe. "A biodiversidade do solo e a xestión sustentable dos solos constitúen un requisito previo para o logro de moitos dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable", afirmou a Directora Xeral Adxunta da FAO, Sra. Maria Helena Semedo. "Por tanto, os datos e a información sobre a biodiversidade do chan, desde o plano nacional ao mundial, son necesarios para planificar con eficiencia as estratexias de xestión dun tema do que aínda se coñece pouco". "Esperamos que os coñecementos incluídos neste informe faciliten a avaliación do estado da biodiversidade do solo como parte integrante da presentación de informes nacionais e rexionais en materia de biodiversidade e dos recoñecementos edafolóxicos", engadiu. Os solos son unha das principais reservas mundiais de biodiversidade e albergan máis do 25 % da diversidade biolóxica do planeta. Así mesmo, máis do 40 % dos organismos vivos nos ecosistemas terrestres están asociados aos chans durante o seu ciclo biolóxico. No informe a biodiversidade do solo defínese como a variedade de vida subterránea, desde os xenes e as especies até as comunidades que forman, así como os complexos ecolóxicos aos que contribúen e aos que pertencen, desde os microhábitats dos chans até as paisaxes. Estes inclúen unha gran variedade de organismos, incluídas formas unicelulares e microscópicas e invertebrados tales como nematodos,miñocas, artrópodos e as súas fases larvais, así como mamíferos, réptiles e anfibios que pasan unha gran parte da súa vida baixo terra, e unha ampla diversidade de algas e fungos.

As ameazas á biodiversidade do solo

A función da biodiversidade do solo mediante os servizos ecosistémicos que proporcionan é fundamental para a agricultura e a seguridade alimentaria. Por exemplo, os microorganismos do solo transforman os compostos orgánicos e inorgánicos que liberan nutrientes de maneira tal que as plantas poden alimentarse. Estas transformacións tamén son vitais para a filtración, a degradación e a inmovilización dos contaminantes na auga e o chan. Ademais, a diversidade dos solos contribúe a mellorar o control, a prevención e a eliminación de pragas e patóxenos. No entanto, a importante función da biodiversidade do solo para asegurar a sustentabilidade dos sistemas agroalimentarios pode verse ameazada polas actividades humanas, o cambio climático e os desastres naturais. O uso excesivo e indebido de produtos químicos agrícolas segue sendo un dos principais factores de perda de biodiversidade do chan e, por tanto, reduce o potencial desta biodiversidade para lograr unha agricultura sustentable e a seguridade alimentaria. Entre outros exemplos figuran a deforestación, a urbanización, a intensificación agrícola, a perda de materia orgánica e carbono do solo, a degradación da estrutura do chan, a obturación do chan, a acidificación do chan, a contaminación, a salinización, a sodización, os incendios forestais, a erosión e os corrementos de terras.

O potencial dos solos para mitigar o cambio climático

As solucións baseadas na natureza que implican o uso de microorganismos do solo teñen un potencial considerable para mitigar o cambio climático. Desempeñan un papel crave na fixación de carbono e a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro. Unha parte das emisións de dióxido de carbono antropóxenas pode ser absorbida polas plantas e almacenarse nos chans grazas á descomposición microbiana, o que pode permitir a retención de carbono no chan durante períodos de tempo prolongados. No informe constátase que as actividades agrícolas constitúen a maior fonte de gases de dióxido de carbono e óxido nitroso emitidos polos solos, como consecuencia do uso excesivo e indebido de fertilizantes que conteñen nitróxenos.

A biodiversidade do solo e o benestar humano

A biodiversidade do solo apoia a saúde humana, de forma tanto directa como indirecta, a través da regulación de enfermidades e a produción de alimentos. Varias bacterias e fungos do solo utilízanse tradicionalmente na produción de salsa de soia, queixo, viño e outros alimentos e bebidas fermentados. A relación entre as raíces das plantas e a biodiversidade do chan permite que as plantas produzan sustancias químicas como os antioxidantes que as protexen das pragas e outros factores de tensións. Cando consumimos estas plantas, os antioxidantes benefíciannos ao estimular o noso sistema inmunolóxico e contribuír á regulación hormonal. Os microorganismos do chan tamén poden axudar a previr as enfermidades inflamatorias, entre elas a alerxia, a asma, as enfermidades autoinmunes, a enfermidade inflamatoria intestinal e a depresión. Así mesmo, desde principios da década de 1900, obtivéronse dos organismos do solo numerosos medicamentos e vacinas, desde antibióticos coñecidos como a penicilina até a bleomicina que se utiliza para tratar o cancro e a anfotericina para as infeccións por fungos. No contexto do aumento das enfermidades causadas por microorganismos resistentes, a biodiversidade do chan ten enormes posibilidades de ofrecer novos medicamentos para combatelas.

Medidas futuras

Polo xeral, existe unha falta de datos detallados, políticas e medidas sobre a biodiversidade do chan a nivel local, nacional, rexional e mundial. No informe ponse de relevo a necesidade de promover o cambio necesario para incluír indicadores biolóxicos da saúde do solo, xunto con indicadores químicos e físicos. A fin de comprender mellor as ameazas á biodiversidade do chan e aplicar políticas e regulamentos pertinentes, é crucial investir en avaliacións da biodiversidade do solo harmonizadas en todo o mundo, normalizar os protocolos de mostraxe e análise para permitir a recolección de grandes conxuntos de datos comparables e promover a utilización de ferramentas de seguimento eficientes con vistas a rexistrar os cambios na biodiversidade do chan. Segundo o informe, a adopción de prácticas de xestión sustentable dos solos por parte dos agricultores, como premisa básica para preservar a biodiversidade do chan, segue sendo baixa debido á falta de apoio técnico, provisión de incentivos e contornas propicias e debe intensificarse. A publicación tamén subliña a necesidade de promover as tecnoloxías innovadoras na xestión dos solos. Por exemplo, as novas técnicas moleculares que utilizan a secuenciación molecular de próxima xeración permiten unha mellor comprensión dos organismos do chan e os efectos que estes poden ter nos sistemas de cultivo asociados. Por conseguinte, segue sendo de suma importancia reforzar a educación e o fomento da capacidade na adopción de instrumentos innovadores con vistas a contribuír á saúde dos seres humanos, as plantas e os solos. As principais conclusións do informe presentáronse ¡na cerimonia virtual do Día Mundial do Solo. Durante a cerimonia, concedeuse o Premio Mundial do Solo Glinka 2020 a un científico agrícola italiano, líder de acción en materia de solos, o Sr. Luca Montanarella, e outorgouse o Premio do Día Mundial do Solo Rei Bhumibol ao Consello de Investigacións Agrarias da India (ICAR). Ademais, conscientes de que non podemos xestionar de maneira adecuada o que non coñecemos, durante o acto presentouse o Sistema armenio de información sobre os solos.   

As vantaxes de analizar todos os factores que afectan á taxa de concepción nun único sitio

Todos os produtores de leite teñen un desexo común, que é conseguir ter o máximo número de vacas preñadas. Isto é obvio considerando que o produto que trae o diñeiro, o leite, vén despois do parto. Con todo, é importante destacar que a fertilidade do rabaño é un asunto que require moita atención xa que varias variables interferen na eficiencia desta acción.

A taxa de concepción ou fertilidade do rabaño é un parámetro reprodutivo e, por tanto, nunca debe ser analizado de forma illada. Chamamos taxa de concepción á medida da precisión na inseminación das vacas, é dicir, o resultado do número de vacas que quedaron xestantes en comparación co número de vacas que foron inseminadas nun período determinado.

Entre as variables que afectan o éxito deste índice, algúns factores de manexo son importantes como, por exemplo:

  • Os traballadores da granxa deben estar ben adestrados, xa que os protocolos e as inseminacións deben ser realizados por profesionais que sigan a técnica adecuadamente.
  • O seguimento da saúde do rabaño, utilizando programas de vacinación actualizados. Ademais, débese prestar atención aos casos de aborto e estar atento a distocias ou a calquera problema posparto como a metrite, a hipocalcemia ou outros trastornos metabólicos.
  • A alimentación debe estar debidamente equilibrada para satisfacer os requirimentos de nutrientes do animal. Unha análise que pode ser considerada, por exemplo, é o nivel de urea en leite. Cando este parámetro é elevado pode indicar un exceso de proteína crúa na dieta que pode deixar o ambiente uterino inadecuado para o embrión.
  • A selección xenética é outro punto de atención para o éxito deste índice; despois de todo, a elección do touro de inseminación debe facerse con moito coidado xa que a manipulación e o almacenamento son fundamentais para a calidade do seme.

Pero, como podo medir todos estes aspectos importantes que poden influír no meu índice de concepción? Como podo evitar os fracasos reprodutivos e ser aínda máis eficiente?

Un bo programa de xestión é a mellor ferramenta para xerar información útil para o seu uso na toma de decisións. UNIFORM-Agri reúne toda a información dispoñible e preséntaa de forma visual, obxectiva e sinxela. Utilizando táboas e gráficos prácticos, axudándolle a entender a situación real do seu negocio para que poida analizar, avaliar e tomar decisións que lle levarán a mellorar no futuro.

Información que a miúdo pasa desapercibida

A información que a miúdo pasa desapercibida agora pode ser analizada na súa totalidade. Co programa UNIFORM pode comparar a taxa de éxito do técnico inseminador. Comprobar este parámetro, por exemplo, pode indicar se algúns inseminadores necesitan un segundo adestramento para mellorar os resultados. Do mesmo xeito, podemos mirar a taxa de concepción por días da semana para ver se a rutina dun día específico pode estar a afectar os resultados reprodutivos. Tamén podemos analizar a efectividade de varios protocolos de sincronización na fertilidade das nosas vacas, ou os resultados de distintas técnicas de detección de celos.

Tabla de concepción por sinal de celo, onde se compara a eficacia de distintos protocolos hormonais

Tamén é posible xerar informes dos animais para os controis de saúde posparto, os coidados preventivos, ou para programar as tarefas de seguimento da saúde. Tales informes aseguran que non se descoide o coidado das vacas cun problema subxacente evitando futuros problemas reprodutivos.

Análise da dieta e dos touros utilizados

Sobre a análise da dieta, UNIFORM-Agri ten gráficos que comparan os niveis de urea en leite e a proteína do leite. Dependendo de como estea disposta a información no gráfico, podemos decidir a mellor maneira de corrixir a dieta.

UNIFORM tamén mostra o efecto directo dos touros utilizados para a inseminación, e o efecto paterno do touro na taxa de concepción das súas fillas. Debido á gran importancia económica da eficiencia reprodutiva e á dispoñibilidade desta análise pódese considerar o efecto do touro, aínda que o impacto na variación da fertilidade é leve.

Gráfica da fertilidade por touro utilizado para inseminar ás vacas durante o último ano nunha granxa alemá

O programa de xestión de UNIFORM-Agri tamén ofrece outros filtros, gráficos e información deseñados para a análise, así como outros parámetros de fertilidade que axudan a detectar os factores de xestión aos que se debe dar prioridade.

O gandeiro pode utilizar estas ferramentas no seu propio beneficio. UNIFORM-Agri é un programa informático de xestión de rabaños que proporciona unha solución integral no manexo de datos. O programa é fácil de usar, sinxelo de comprender e ofrece aos gandeiros ou consultores autonomía e seguridade na toma de decisións, optimizando as ganancias económicas ou minimizando as perdas. Axudamos aos nosos clientes para comprender mellor a súa indicadores clave de rendemento e a tomar decisións rendibles con maior confianza.

Taxa de preñez de 21 días: Como conseguir unha alta eficiencia reprodutiva en vacún de leite

Ao falar de reprodución en vacún leiteiro é necesario aclarar algunhas ideas para entender o concepto de alta eficiencia en explotacións que frecuentemente adoitan contar coa súa propia reposición:  1) Cando usamos a palabra “fertilidade”, normalmente referímonos á “Taxa de concepción”; é dicir, á porcentaxe de xestacións que conseguimos dun número de inseminacións realizadas nun período de tempo. Mellorar a taxa de concepción é sempre positivo, pero o realmente importante é mellorar a porcentaxe de preñeces que conseguimos do total de vacas que queremos deixar preñadas nese período de tempo. É o que se coñece como”Taxa de preñez de 21 días” ou “Pregnancy Rate” en inglés.
“A clave é mellorar a porcentaxe de preñeces que conseguimos do total de vacas que queremos deixar preñadas nun período de tempo”
Este índice infórmanos mellor sobre a nosa eficiencia reprodutiva que a fertilidade ou taxa de concepción. Así, se nun período de tempo de 21 días temos 100 vacas dispoñibles para quedar preñadas e soamente inseminamos 50, xerando 15 xestacións, aínda que a nosa fertilidade foi aceptable, conseguimos só 15 xestacións dun total de 100 vacas que tiñamos  dispoñibles, o cal é un ritmo por baixo do desexable para manter ben a explotación. 2) Doutra banda, aínda que se adoita pensar máis nas vacas adultas, é moi importante ter en conta que moitas das xestacións necesarias para facer leite nunha explotación (aproximadamente un 30%), van proceder das xovencas que nunca pariron.
No programa de reprodución debemos incluír tamén ás xovencas
En explotacións nas que un terzo aproximado das vacas en muxido durante un ano son vacas que tiveron o seu primeiro parto ese ano, as xovencas, animais moi fértiles, constitúen unha gran oportunidade de xerar as xestacións necesarias que nos darán lactacións ao cabo de 9 meses. Por iso, ao falar de mellorar a eficiencia reprodutiva nunha explotación debemos incluír no programa de reprodución tamén as xovencas.

Importancia dunha alta eficiencia nos primeiros ciclos tras o período de espera voluntario

Unha limitación importante da taxa de preñez de 21 días (avaliada por data de calendario) é que consideramos como vacas elixibles dunha mesma forma ás vacas, estean paridas de pouco tempo ou de moito. O feito de conseguir unha alta eficiencia reprodutiva nos primeiros ciclos despois do período de espera voluntario é moito máis importante que nos seguintes, xa que haberá máis vacas que quedan xestantes cando queremos. Esta é a razón pola que cada vez máis explotacións non só traballan intensamente coidando ás vacas en preparto e posparto, senón que tamén usan protocolos de fertilidade dunha forma sistemática para primeira inseminación posparto.

O uso dun protocolo de fertilidade dunha forma sistemática a todas as vacas para primeira inseminación posparto (en vermello) pode permitir adiantar as xestacións mesmo atrasando o período de espera voluntario respecto dos sistemas tradicionais (en azul): 

Aínda así, necesitarase sempre unha correcta detección de celos de retorno (os celos de 21 d despois da inseminación nas vacas que non quedaron preñadas) e un sistema rápido e eficiente de resincronización de vacas diagnosticadas baleiras, que nos proporcionen intervalos entre inseminacións o máis curtos posible. Conseguir boas taxas de preñez a partir da primeira inseminación segundo aumentan os días posparto das vacas é tamén moi importante: segundo aumentan os días en leite, a eficiencia reprodutiva irá tendo menos importancia en reducir o tempo medio en que quedan as vacas preñadas, pero terá máis importancia en reducir as eliminacións debidas a infertilidade.

Protocolos de fertilidade e o seu uso estratéxico no manexo reprodutivo da explotación

O desenvolvemento do protocolo Ovsynch ou GPG Hai xa máis de 20 anos foi moi valioso para as ganderías de vacas de leite a nivel mundial, xa que permite aumentar a taxa de inseminación. Desde a súa creación até agora desenvolvéronse algunhas modificacións do Ovsynch que poden permitir aumentar a taxa de concepción. Algunhas destas modificacións son as diferentes modalidades de presincronización, o uso de dúas doses de prostaglandina separadas 24 h e o uso dun dispositivo intravaxinal de proxesterona Estes protocolos deben ser adaptados polos veterinarios ás características de cada explotación e aumentan tanto as taxas de inseminación como as taxas de concepción. Desta maneira, permiten conseguir taxas de preñez de 21 d sen precedentes en explotacións de vacas de alta produción.

Elementos clave: Un bo manexo por parte do gandeiro e o papel do veterinario 

O primeiro paso para lograr unha alta eficiencia reprodutiva é que o gandeiro faga un bo manexo dos animais dentro dun programa de traballo cos técnicos cos que traballa. Algunhas das áreas de mellora identificadas de forma frecuente nas vacas adultas de moitas explotacións son a perda excesiva de condición corporal, altos índices dalgunhas enfermidades como cetose, metrite ou diferentes tipos de coxeiras, así como deficiencias nos índices de benestar como sobrepoboación ou estrés por calor. Nas xovencas tamén é frecuente que haxa áreas de mellora na xestión da saúde (diarreas neonatais e síndrome respiratoria bovino) e crecemento, que terminan impactando na idade ao primeiro parto, e tamén é moi frecuente que non se dedique atención suficiente á detección de celos. Doutra banda, á hora de levar á práctica un programa de control reprodutivo adaptado a cada explotación, as exploracións dos animais e a supervisión do programa, xunto coa prescrición e control de medicamentos deberán ser realizadas por un veterinario. O veterinario debe ser o responsable do control destes programas. Máis información: antonio.jimenez@ceva.com