Archives

“With the cows, with the music”, o lema de Feiraco para o acendido das luces de Nadal en Vigo

A empresa láctea Feiraco, integrada na Cooperativa Rural Galega CLUN, a maior cooperativa leiteira de Galicia, con sede no concello coruñés de Ames, vaise sumar á celebración do acendido das luces de Nadal en Vigo con todos os vigueses, viguesas e visitantes da cidade olívica. O acto oficial de acendido será este venres, 24 de novembro, na Porta do Sol, ás 20:30 horas. Durante a fin de semana, a láctea vai estar presente en Vigo con diferentes iniciativas. En particular, repartiranse paraugas de Feiraco. Trátase dun paraugas especialmente pensado e deseñado para os vigueses, inspirado no seu Nadal. Levan o logotipo de Feiraco e unha das frases popularizada polo alcalde da cidade, Abel Caballero, readaptada pola empresa galega co fin de achegar o mundo gandeiro e rural ao conxunto da cidadanía. A recoñecida frase “With the lights, with the music” do rexedor transfórmase para esta ocasión en a “With the cows, with the music”. Con motivo do acendido das luces de Nadal en Vigo, Feiraco repartirá este venres 1.500 paraugas con esta célebre frase entre todos os asistentes, para o que a láctea estará presente en diferentes puntos da cidade. Ademais, en datas posteriores repetirase esta iniciativa en catro supermercados vigueses, para que todos aqueles que non conseguiran o seu paraugas no acto de acendido das luces teñan unha nova oportunidade de facelo. Unha azafata de Feiraco estará dentro do supermercado, xunto ao lineal do leite, regalando paraugas a todas as persoas que merquen dúas caixas de leite Feiraco. Esta proposta levarase a cabo durante toda a mañá o sábado 25 no Alcampo Vigo II e o 2 de decembro no Alcampo Vigo I. A través das redes sociais de Feiraco iranse anunciando novas datas para o reparto de paraugas en máis supermercados vigueses.

A nova campaña de Feiraco mostra gandeiros e gandeiras reais usando unha camisola icónica no fútbol galego

Feiraco estra este venres 22 de setembro na Televisión de Galicia a nova campaña de Feiraco. A empresa láctea galega Feiraco, integrada na Cooperativa Rural Galega CLUN, a maior cooperativa leiteira de Galicia, con sede no concello coruñés de Ames, pon en marcha a campaña “Todo se decide no campo” protagonizada por gandeiros e gandeiras reais. Pretende poñer en valor o rural, as familias gandeiras e o traballo no campo como parte esencial da cultura galega e como clave para o presente e o futuro da sociedade. E faino trasladando a épica do fútbol ao mundo gandeiro.

O campo e a gandería na cultura galega

Desde Feiraco manifestan que “O campo e o rural está no ADN dos galegos, na nosa cultura e na nosa economía, polas nosas orixes e tamén polo noso presente, pois en Galicia somos líderes en produción de leite. Por iso desde Feiraco queremos por de relevo que todo depende do que acontece no campo: a calidade do leite, as nosas paisaxes, a forma de ser dos galegos e galegas, mesmo o noso presente e futuro como sociedade”

A láctea concédelle nesta campaña todo o protagonismo aos gandeiros e gandeiras reais que son os socios da cooperativa: “A cultura cooperativa ten un impacto positivo no noso entorno. O leite Feiraco, é un leite sen terceiros intermediarios industriais, é a cooperativa a que transforma o leite. Así coidase de cada paso, dende o campo ó consumidor.”

A campaña é tamén un chamamento a aplaudir aos gandeiros e gandeiras, un sector que non deixa de reducirse en España que perdeu nos últimos cinco anos máis de 3000 ganderías. “Escoller alimentos producidos na nosa terra, non só garante calidade, senon que, máis que nunca, axuda á economía e a sostenibilidade do campo e do rural” – declaran desde Feiraco.

Unha camiseta icónica

Para ilustrar a nova campaña, Feiraco sérvese dos valores que comparte co deporte colectivo: o traballo en equipo, o esforzo e a capacidade de superación para dar cada día o máximo. Baixo o lema “Todo se decide no campo”, emprega a metáfora futbolística nun dobre sentido: o verde do terreo de xogo e da camiseta. Así, recupérase para a ocasión o imaxinario dunha camiseta histórica, perfectamente recoñecible pola sociedade galega e que nos retrotrae á época dourada do fútbol da nosa comunidade.

Os gandeiros e gandeiras que participan nesta campaña locen unha camiseta verde oliva co texto de FEIRACO, que alude a unha camiseta titulada por esta marca que levaba o “Super Dépor”, un equipo dirixido polo recentemente falecido Arsenio Iglesias, que deixou unha impronta indeleble na retina de todos os galegos e galegas, e tamén de todas e todos os afeccionados ao deporte en España e media Europa, pola súa calidade e o resultado dun gran traballo en común sobre o campo de xogo.

A cooperativa CLUN comeza a volta ao cole con visitas a granxas FEIRACO e á iogurtería CLESA

CLUN, a maior cooperativa láctea de Galicia, inicia unha nova tempada de visitas a granxas Feiraco e tamén, a iogurtería de Clesa en Caldas de Reis. Estas visitas realízanse co obxectivo de ensinar todo o proceso de elaboración de produtos lácteos de principio a fin, dende o coidado das vacas e dos campos ata que chega aos nosos fogares; achegando así o rural aos visitantes e poñendo o valor o traballo dos gandeiros e gandeiras. Gandeiro por un día A visita a granxas FEIRACO, que recibe o nome “Gandeiro por un día”, será unha experiencia guiada por parte do equipo e gandeiros socios de CLUN na que os visitantes accederán ás instalacións e coñecerán as becerriñas, as vacas, a sala de muxido e aos exteriores onde se atopan os silos... Unha xornada na que todos os nenos e nenas lles quedará claro de onde vén o leite á vez que se divirten xogando a ser gandeiros e gandeiras por un día. O tour do iogur Tamén comezan as visitas para escolares á iogurtería CLESA en Caldas de Reis, a través do programa “O tour do iogur”. Os colexios realizarán un percorrido polas instalacións da planta e descubrirán como o leite, procedente de granxas da cooperativa, se transforma en iogures e postre e finalmente chega ata as nosas casas.

Xa está aberto o prazo de reserva

A cooperativa xa ten aberto o calendario de reservas tanto a granxas como á iogurtería. As visitas á iogurtería Clesa realizaránse todos os xoves e as visitas a granxas, os venres. É necesario realizar unha reserva previa enviando un correo electrónico a visitas@clun.es ou chamando ao 600 79 43 68. Ambas visitas están destinada a escolares de primaria e de primeiro ciclo da ESO – Alumnado de 5 a 15 anos-. Ademais, os colexios que reserven a súa visita para o primeiro trimestre escolar, entrarán no sorteo dun bono para conseguir esta actividade gratis!

Clun anuncia que sobe o prezo do leite por segunda vez en catro meses

Juan Gallástegui, secretario xeral de CLUN, durante a súa intervención na última asemblea xeral da cooperativa Co fin de contribuír a garantir a rendibilidade das explotacións lácteas ante as subidas nos custos de produción, tales como os pensos, a electricidade ou os combustibles, Clun anuncia que os gandeiros que lle entregan o leite á cooperativa verán incrementados novamente os seus ingresos pola recollida do leite en orixe. Esta é a segunda suba no prezo do leite anunciada por Clun (Cooperativas Lácteas Unidas) en catro meses, e será efectiva desde o 1 de outubro, xa que a anterior foi feita pública o 23 de xullo, tamén con carácter retroactivo na súa aplicación, a partir do 1 de xullo. Daquela a suba fora de arredor de 2 euros por tonelada de leite.
Os nosos produtos son de menos valor engadido e non nos permiten pagar por riba do mercado pero queremos estar o máis parecido posible ao Observatorio lácteo, que é a media do que se paga en Galicia
“Conseguiuse unha pequena suba nalgunhas cadeas de distribución para o prezo do cartón de Feiraco a partir de novembro e queremos adiantarnos repercutíndolle ao socio ese incremento xa no leite do mes de outubro”, detallan fontes da cooperativa. O incremento é “pequeno”, recoñecen, e non será liñal, xa que beneficiará só aos produtores de Feiraco, dado que os gandeiros de Unicla xa disfrutan dun prezo diferenciado máis alto. Seguir negociando coas cadeas de distribución Nesta liña, Clun segue a negociar coa distribución un incremento de tarifas que poidan logo repercutir positivamente nos gandeiros, para que o aumento do prezo de venda do leite no liñal dos supermercados poida compensar o aumento dos custos de produción das granxas.
A suba dos iogures nos supermercados está a ser máis lenta, produciuse tan só nalgunha cadea e está a ser menor
“O reto para CLUN é seguir incrementando o prezo do leite en orixe en datas próximas, a medida que as empresas distribuidoras se vaian sumando á estratexia de apoio ao sector”, avanza Juan Gallástegui, secretario xeral de CLUN, porque, engade,“o noso obxectivo é dar a maior estabilidade posible ao sector". 
O reto para CLUN é seguir incrementando o prezo do leite en orixe en datas próximas. Queremos repercutir o máximo posible a suba que se logre no supermercado aos socios gandeiros
“Con estas subidas o que tratamos de comunicar aos socios é que a medida que poidamos, na medida que nolo permitan as cadeas de distribución e a conta de resultados da cooperativa, imos repercutir aos socios a mellora de prezos que logremos”, aseguran. Prezo base de 29 céntimos máis primas Os prezos que Clun paga aos seus gandeiros provedores de leite móvense na media do indicado polo Observatorio Lácteo de Galicia. “O que nós facemos principalmente é envasar leite líquido; son produtos de menos valor engadido que non nos permiten pagar por enriba do mercado”, recoñecen na cooperativa.
CLUN trata de incentivar cunha serie de primas no prezo do leite que os gandeiros estean certificados e merquen o penso á cooperativa
Ao prezo base actual, establecido en 29 céntimos, engádense unha serie de primas (por estar no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada, por contar con certificado de boas prácticas e benestar animal ou por participar noutros servizos da cooperativa) que poden incrementar o prezo final a cobrar polo gandeiro socio até os 34 céntimos. 500 ganderías nas comarcas de Santiago, Ordes e Arzúa A principal cooperativa agrogandeira de Galicia, froito da unión no ano 2017 de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto, recolle o leite de 500 ganderías, localizadas principalmente na área de influencia da planta de envasado de Feiraco en Ponte Maceira. Dentro destas explotacións atópanse ganderías de pequeno tamaño que terían doutro xeito dificultades para entregar o leite a unha gran industria que se guiara unicamente por criterios económicos e de rendibilidade na súa estratexia de acopio de materia prima. “Somos unha cooperativa e priorizamos outras cousas que as multinacionais”, aseguran.
O volume total de recollida móvese nuns 400.000 litros diarios, dos que a metade son envasados como marca propia
O volume total de recollida móvese nuns 400.000 litros diarios, dos que a metade son envasados como marca propia (Feiraco e Unicla) e o resto como marca branca ou a través da segunda marca Xoia. CLUN conta ademais cunha fábrica de queixos (Arquega) en Montesalgueiro e participa xunto a outras cooperativas galegas en Clesa, con fábrica en Caldas de Reis, onde fai postres, sobremesas lácteas e batidos, absorbendo na actualidade unha produción duns 40 millóns de litros ao ano.

“O panorama das materias primas para o ano que vén preséntase moi feo”

Instalacións de CLUN en Ribadeo, onde a cooperativa Os Irmandiños dispón dunha fábrica de pensos En total, nas catro sedes que CLUN ten en Ames, Caldas de Reis, Melide e Ribadeo traballan máis de 400 persoas, pois ademais da recollida e transformación do leite, a cooperativa oferta outros servizos aos seus 3.000 socios, presentes en 80 concellos, tales como subministros e alimentación, parque de maquinaria ou servizos técnicos e de asesoramento. Ademáis de tratar de revalorizar o prezo do leite en orixe, CLUN está tratando de axudar aos socios á hora de facer fronte ao incremento de custos de produción con medidas como a redución ao mínimo das marxes de ganancia nos pensos que fabrica e serve ás ganderías.
Nós somos industria, pero tamén somos gandeiros
“Este ano, vendo como se poñían as cousas, no mes de maio tomamos a decisión de baixar as marxes no penso. Nós non somos unha industria ao uso. Temos que lograr un equilibrio entre as contas da cooperativa e as contas dos socios”, recoñece José Ángel Blanco, gandeiro de Xermade e presidente de CLUN, que se mostra preocupado de cara aos vindeiros meses. “O ano que vén preséntase fatal. Sabemos que as materias primas van subir moito e mesmo hai voces que falan dun posible desabastecemento. Preséntannolo moi feo”, recoñece.

Máis de 1.000 socios celebran os 50 anos de FEIRACO

Con motivo do 50 Aniversario de Feiraco, máis de mil socios celebraron a efeméride nunha cea en Brión o pasado sábado, na que, co lema ‘Feiraco, 50 anos camiñando xuntos’, proxectouse o vídeo histórico de Feiraco e non faltou a música e unha actuación humorística. Deron a benvida ao encontro o presidente de Feiraco, José Montes, e o director xeral de CLUN, José Luis Antuña. Esta cea de confraternidade pecha o programa de actos do 50 aniversario de Feiraco este 2018, no que destacou o evento institucional do pasado 22 de outubro no Hostal dos Reis Católicos, con máis de 300 persoas, ademais de publicacións conmemorativas e campañas promocionais en medios de comunicación.

Feiraco celebra os seus 50 anos redobrando a súa aposta por darlle valor ao leite galego

A Capela Real do Hostal dos Reis Católicos en Santiago de Compostela acolleu este luns a celebración do 50 aniversario de Feiraco, integrada recentemente en CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas), que quixo festexar cun evento conmemorativo o seu medio século liderando o sector lácteo galego desde o cooperativismo. O acto, que estivo precedido por unha Ofrenda ao Apóstolo, reuniu a máis de 300 persoas entre socios, clientes e colaboradores de diferentes ámbitos, ademais dunha destacada representación institucional, co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o secretario xeral de Agricultura, Fernando Miranda; o conselleiro do Medio Rural; José González; a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López. "Feiraco é o exemplo de transición modélica dunha cooperativa social a unha empresa cooperativa competitiva e eficiente dentro dunha Economía Social solidaria. Hoxe CLUN recolle a luva de Feiraco para liderar o sector lácteo mirando ao escenario mundial e representa o maior proxecto agrogandeiro galego e un dos principais de España. Aquel que soñara o grupo de 400 gandeiros da comarca coruñesa da Barcala, encabezados polo xurista e intelectual agrarista, Jesús García Calvo, 50 anos atrás. As 10.000 familias que acolleu Feiraco neste medio século e os 3.500 socios actuais suman agora forzas, ilusión e traballo con Os Irmandiños e Melisanto para escribir o futuro de CLUN”, afirmou o presidente de Feiraco, José Montes.

Entrega de medallas

Durante o evento fíxose entrega de recoñecementos a diferentes institucións e persoas que contribuíron ao desenvolvemento de Feiraco desde as súas diferentes áreas de influencia. No que respecta a institucións outorgáronse medallas ao Concello de Negreira, destacando entre os seus méritos acoller as primeiras reunións e asemblea constituínte, a primeira sede, e dispensar á cooperativa e ao seu presidente fundador todo o seu apoio e recoñecemento público. Tamén ao Concello de Ames pola súa colaboración continuada con Feiraco, desde a implantación do complexo fabril en Ponte Maceira, para o bo fin das súas actividades. Á Cooperativa Tapia, pola súa pertenza desde a fundación e a entrega continuada de leite durante cincuenta anos, á Universidade de Santiago de Compostela, que a través dos seus organismos, o Consello Social, o Idega, o premio García Calvo, a aula Láctea, o Feuga, e outros grupos de investigación, foi colaboradora esencial no desenvolvemento estratéxico de Feiraco e á Cooperativa Agroalimentarias de España, polo seu papel primordial no desenvolvemento do cooperativismo agrario en España. No que respecta ás persoas galardoadas, recoñeceuse a Celsa Pena Fajín, socia fundadora, pola súa fidelidade coa cooperativa á que leva entregando o leite da súa explotación láctea desde a súa fundación; a Maximino Viaño, como socio fundador, primeiro secretario e membro do primeiro Consello Reitor da cooperativa, impulsor dos sectores lácteo e cárnico de Galicia; a Julio Barbazán, socio fundador e membro do primeiro Consello Reitor; a Jesús Capeáns Carballo, vicepresidente do Consello Reitor e firme apoio do fundador Jesús García Calvo durante a súa permanencia de máis de tres décadas no Consello, a Manuel Mariño Torreira, como primeiro traballador da cooperativa, pola súa lealdade e dedicación continuada; a José Luis Antuña Álvarez, durante doce anos director xeneral de Feiraco, artífice do seu plan de viabilidade, do plan estratéxico da cooperativa, da creación de Acolat e da integración en CLUN, e a José Montes Pérez, impulsor de Feiraco desde a súa fundación en 1968 e actual presidente, fío condutor entre o pasado e o presente. Feiraco tamén concedeu a súa medalla conmemorativa a Darío Villanueva, quen non puido acudir ao acto de entrega, polo seu impulso estratéxico á relación Feiraco‐ Universidade de Santiago de Compostela na súa etapa como Reitor desta institución. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente de Feiraco, José Montes.

50 anos de historia en fitos

No transcurso do acto de aniversario, proxectouse o audiovisual ‘ Feiraco, 50 anos liderando o lácteo galego’, que permitiu resumir en clave histórica os fitos máis destacados da historia da cooperativa. A historia de Feiraco remóntase a finais dos 60, coas primeiras reunións lideradas por Jesús García Calvo. Os primeiros pasos a pé de campo levaron á inauguración da fábrica de pensos en Ponte Maceira, en 1970, toda unha innovación industrial que encaraba o futuro. Ademais, a moderna industrialización da época é visible co inicio do envasado de longa vida UHT e a inauguración da nova planta en Ponte Maceira. Os primeiros briks de Feiraco empezaron a chegar ás casas dos consumidores. A inicio dos 80 faise visible o crecemento e a innovación con novos servizos para os socios. Comezaron a funcionar o economato, a gasolineira e o taller; tamén o asesoramento técnico, veterinario e agrónomo, á altura dos grandes proxectos empresariais. E a inauguración da nova fábrica de pensos de Feiraco escribiu un novo momento histórico. En 1994, Feiraco celebrou as súas vodas de prata nun momento de cambios e unidos á ampliación de capital. Nese momento, o presidente García Calvo animou a enfrontarse sen medo ao reto da UE e ao sistema de cotas que impoñía a política comunitaria. A pesar das súas moitas reservas, “ou estamos en Europa ou en ningures”, dicía. Un ano máis tarde, en 1995, naceu a Fundación Feiraco para impulsar a formación educativa, social e cultural de Galicia, a Responsabilidade Social Corporativa e a Investigación. Tamén xurdiu a revista corporativa que, durante máis de 20 anos, leva dando conta da evolución e o progreso de Feiraco. O ano 2005 marcou o principio do gran cambio. Coa incorporación de José Luis Antuña como director xeneral creouse o proxecto “ Feiraco século XXI” e púxose en marcha o plan de viabilidade. Tres anos despois, lanzouse ao mercado o leite Únicla, modelo de innovación a partir da alimentación animal. No ano 2009, Feiraco converteuse na cooperativa máis innovadora de Europa co I Premio Europeo á Innovación Cooperativa a entidade de Copa Cogeca (Bruxelas). E no ano 2012 Feiraco liderou o proceso de adquisición, xunto a outras nove cooperativas galegas integradas en ACOLACT, da planta de CLESA en Caldas de Reis. 2013 é outro ano de importantes fitos. En canto á dimensión comercial, destacou a adhesión ao convenio Produtos Lácteos Sustentables. Naceu, o grupo Mulleres de Seu, iniciativa que traballa polo empoderamiento da muller no rural. Arrincou o ciclo de xornadas técnicas para reunir a socios e profesionais e compartir as novidades e tendencias máis significativas do sector. En 2015, o sector lácteo viviu un dos momentos clave na súa evolución e adaptación a novos escenarios internacionais co fin do réxime de cotas lácteas, que abriu a porta ao aumento da produción de leite en Europa e a novas oportunidades de mercado. E destacou a alianza coa cooperativa estadounidense Blue Diamond Growers para distribuír o leite de améndoas Almond Breeze en España, exemplo de diversificación e de apertura a novos segmentos do mercado. A finais de 2016, Feiraco liderou, de novo, o sector cun gran proxecto de integración con outras dúas cooperativas de referencia en Galicia (Os Irmandiños e Melisanto) dando lugar ao nacemento de CLUN. Recibe a certificación AENOR en Benestar Animal para as súas granxas de Únicla, sendo pioneira en Galicia. O pasado ano 2017, a cooperativa revolucionou o mercado co seu novo envase Elopak, máis cómodo, innovador e sustentable e convértese na primeira láctea que certifica con AENOR a pegada de carbono do leite (Carbón Neutral) sumando así un novo logro no seu RSE.

“Hai moitas mulleres con iniciativa, ganas de formarse e crear futuro no rural”

Carmen Rodríguez é a vicepresidenta de Feiraco pero tamén exerce como coordinadora do grupo Mulleres de Seu, o grupo de empoderamento da muller no rural de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN). Tratamos con ela algúns dos aspectos que marcan aínda a desigualdade que predomina no sector e o traballo que desenvolven dende este grupo. Firmaban a semana pasada un novo convenio de colaboración coa Xunta, en que hai que avanzar en temas de igualdade para que o rural tamén sexa atractivo para as mulleres? Asinamos o noso primeiro acordo coa Secretaría Xeral de Igualdade para poñer en valor a nosa actividade, buscando o empoderamento feminino no rural e a nosa visibilidade, derrubando ademais os estereotipos de xénero que seguen arraigados no rural. Desta maneira, teremos acceso á formación de alta cualificación dentro do VII Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de homes e mulleres e, ademais, contaremos con asesoramento específico na materia. Este plan estratéxico inclúe diversas liñas de actuación que dan cobertura a diferentes aspectos do empoderamento feminino, algunhas tan importantes para nós como a formación en tecnoloxías da información e da comunicación, conciliación, motivación, autoestima, etc. En que prioriza os esforzos este colectivo? Con que finalidade xurdiu a idea de crear este grupo de traballo? Mulleres de Seu é a aposta de CLUN pola igualdade, xa desde o noso nome, “mulleres por si mesmas, con carácter propio”. O que buscamos co impulso deste grupo, que xurdiu en Feiraco en 2013, é avanzar xuntas polo camiño da responsabilidade social desde tres áreas de actuación: traballando pola igualdade, impulsando formación técnica específica e abrindo horizontes coas nosas visitas culturais a diversas institucións de interese e outras cooperativas. Que actividades teñen programadas para este ano? Temos programado un intenso programa de formación con máis de 15 sesións, seis visitas complementarias a centros tecnolóxicos de referencia en aspectos técnicos como xestión de custes, informática e manexo de dispositivos electrónicos. Outras propostas céntranse en avanzar na mellora das explotacións con cursos de inseminación artificial ou técnicas de muxido. Ademais compleméntase con sesións de convivencia nas que se poidan traballar aspectos relacionados con técnicas de motivación, de autoestima persoal e profesional ou o liderado.
"Con estas iniciativas buscamos que as nosas socias teñan as aptitudes necesarias para a xestión integral das súas explotacións"
Que criterios seguen para seleccionar as iniciativas que se levan a cabo? Queremos que as nosas actividades sexan de interese para todas, e sobre todo conseguir con elas a capacitación das nosas socias, para que poidan contar con todas as aptitudes necesarias para a xestión integral das súas explotacións. De esta forma, en paralelo, avanzamos en romper a fenda dixital no rural e aumentar a súa motivación a nivel persoal para que isto se traduza nos escenarios profesionais. Cales son as actividades con maior demanda? Temos unha resposta magnífica en todas as nosas convocatorias, se ben interesan especialmente os cursos de xestión relacionados coas explotacións e os que ensinan o manexo das novas ferramentas de comunicación dixital. Cantas mulleres integran a día de hoxe o grupo? Integramos ata a actualidade máis de 450 socias nas nosas actividades formativas, e coordinamos Mulleres de Seu desde un comité de traballo, formado por 15 socias representativas das tres cooperativas de CLUN (Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto), que deseña o calendario de actuacións atendendo ás demandas das socias. Hoxe en día, o grupo Mulleres de Seu de CLUN ten a máis de 150 socias activas e medra día a día. Que perfil é o maioritario das integrantes deste grupo? Mulleres cooperativistas de todas as idades, maioritariamente na franxa entre 30 e 60 anos, porque queremos ser unha ponte entre distintas xeracións de mulleres, tanto as mozas con iniciativa como aquelas que levan toda a vida traballando no campo e que queren avanzar na súa formación. E dentro de Clun, que porcentaxe representan as mulleres? Contamos con 3.500 socios cooperativistas dos cales preto de 1.450 son mulleres. Ademais, actualmente, no cadro de traballadores de CLUN preto do 40% son mulleres. A experiencia deste grupo permítelles saber en que áreas, dentro da gandería, as mulleres teñen unha maior presenza? ou hai xa un reparto máis igualitario? Cada vez temos un reparto máis igualitario, temos a idea, cada vez máis preconcebida, de que a muller realiza actividades máis relacionadas coa “casa” ou sen o uso da forza, ademais de quedar fóra da xestión, pero iso está mudando a pasos axigantados.
"É moi necesario buscar o empoderamento da muller pero para iso é imprescindible lograr unha co-responsabilidade nas granxas"
Hai unha clara masculinización do campo. A que se debe? Hai un teito de cristal para as mulleres no agro e é maior que na cidade? Desde logo, ao arraigo da sociedade patriarcal, que é moito máis palpable no agro que en contornas urbanas. A nosa presenza no rural sempre foi clave, pero asociada sobre todo aos valores da familia, coidando a explotación pero tamén os fillos e as persoas dependentes. O home, tradicionalmente, sempre foi a cabeza visible da actividade económica. Precisamente, un dos obxectivos de Mulleres de Seu é a busca da co-responsabilidade home/muller en todos os eidos domésticos e profesionais; compartir responsabilidade implica o reparto igualitario de tarefas, de xestión e de toma de decisións. É moi necesario buscar o empoderamento da muller pero para iso é imprescindible lograr unha co-responsabilidade nas granxas. Neste sentido creo que se deron xa moitos pasos nesa dirección. Hoxe nas asambleas das cooperativas xa se ve a moitas máis mulleres que hai anos, están tamén xa nos órganos de dirección... pero aínda hai que traballar nisto. Durante anos, aínda que a muller tiña presenza na gandaría galega, a toma de decisións estaba máis centrada na figura do home. Cal cre que é a situación hoxe en día? Iso está mudando, e vémolo cando intercambiamos impresións en Mulleres de Seu. Temos iniciativa e queremos demostralo, de aí as ansias por mellorar na formación para todos os niveis para evolucionar nunha sociedade na que estamos a demostrar estar ao mesmo nivel que os homes en dereitos, competencias e privilexios. Ningunha cooperativa galega está presidida por mulleres. É isto un síntoma da situación para a muller no agro? En CLUN temos moitas mulleres en cargos de relevancia, e cremos que lograr o liderado é clave para avanzar como sociedade. Precisamente, en Mulleres de Seu impulsamos cursos na materia, de fomento do liderado das mulleres nos órganos de dirección das cooperativas, e participamos en diversos programas a niveis estatal para este desenvolvemento, como ‘Más mujeres, mejores empresas’. A cotitularidade nas explotacións non avanza. Cales son as causas segundo Mulleres de Seu? Cremos que a situación está a cambiar, e temos moitas socias cooperativistas mulleres. Estamos a superar o pouso do patriarcado no rural, pero isto, claro está, leva tempo porque é unha estrutura que se ven arrastrando durante moitos anos.
"Pedimos un rural vivo, con medios e instrumentos para avanzar na formación en feminino. Traballamos por una igualdade real"
Incorpóranse as mozas novas ás explotacións? Hai relevo xeracional en feminino? Desde logo, e temos moitas socias que se achegan a Mulleres de Seu con iniciativa, ganas de formárense ao máis alto nivel e crear un futuro no rural, emprendendo ademais negocios máis innovadores que son xa referencia. Recentemente, saía a luz o caso dunha gandeira á que penalizaban por terse dado de alta na agraria xusto antes de ter unha nena. Atopan moitas trabas deste tipo as gandeiras? Na nosa man, como cooperativa, está a procura dun rural máis xusto para todos, onde podamos ser nais e labregas, pero sempre con liberdade e os medios necesarios. En CLUN buscamos o benestar das nosas socias e as mellores condicións como claves na nosa cultura como cooperativa, onde contamos cun Plan de Igualdade e o certificado de Empresa Familiarmente Responsable. Os servizos públicos son fundamentais tamén para que as mulleres podan vivir no rural, especialmente cando son nais. Que lle pedin ás administracións? Pedimos un rural vivo, con medios e instrumentos para avanzar na formación en feminino. Tamén buscamos superar a fenda dixital para lograr unha necesaria modernización. Estamos a traballar por unha igualdade real que dea prioridade á conciliación, á capacitación profesional e, como antes dicía, á co-responsabilidade.

Clun lanza un novo envase para os leites Feiraco e Unicla

A cooperativa de segundo grao Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), nacida da integración de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto, modificou o packaging dos seus lácteos co lanzamento dun novo envase para os leites Feiraco e Unicla.

Dispoñible no mercado a partir desta semana, o novo formato de Elopak Pure-Pak® Sense Aseptic, primeiro para lácteos de longa vida no sur de Europa, posúe características que facilitan o seu uso, evitando o goteo e favorecendo a súa reciclaxe a través dun sistema de encartado, segundo Clun.

Clun investiu tres millóns de euros nesta nova liña de envases, que representan unha innovación visual e funcional, dirixida a mellorar a experiencia de consumo. A cooperativa sinala que é o primeiro gran paso que dá desde o seu lanzamento, o pasado mes de xaneiro.

A saída ó mercado dos novos envases enmárcase nunha ampla campaña de difusión en punto de venda e en diferentes soportes e canles informativas, tanto tradicionais como dixitais, e en diversos formatos (insercións publicitarias, anuncios, guías audiovisuais, etc.), activa desde este mesmo mes de outubro.

Convocado o IV Premio Jesús García Calvo de investigación en desenvolvemento rural

A Universidade de Santiago (USC) e a Fundación Feiraco convocan o IV Premio Jesús García Calvo de investigación en desenvolvemento rural e cooperativismo. O certame, que se desenvolve de xeito anual, oriéntase a premiar aqueles traballos de investigación que contribúan ao mellor coñecemento e desenvolvemento do medio rural e do cooperativismo en Galicia, co obxectivo último de mellorar as actividades económicas e a calidade de vida da poboación rural. O premio ten dúas modalidades, unha dirixida a premiar artigos científicos, libros e capítulos de libros publicados entre o 15 de outubro do 2016 e o 14 de outubro do 2017. A segunda modalidade recoñece teses de doutoramento, traballos de fin de mestrado e traballos fin de grado presentados en calquera universidade. A temática de artigos e teses debe estar relacionada co desenvolvemento do medio rural e/ou cooperativismo de Galicia. As candidaturas poden presentarse ata o 15 de novembro de 2017 na Secretaría do Instituto de Desenvolvemento Económico de Galicia (Idega), da Universidade de Santiago, ben presencialmente ou por correo ordinario. O Xurado concederá o premio en cada unha das dúas modalidades establecidas, destinándose un total de 2.500 euros a premios. O fallo farase público antes do 20 de decembro do 2017.

Clun empezará este ano a exportar a China os postres de Clesa e o leite Unicla

Cooperativas Lácteas Unidas (Clun) pon as súas expectativas de crecemento na venda de leite e de derivados lácteos sobre todo nos mercados internacionais e na aposta por produtos de valor engadido e de calidade diferenciada co selo Galicia Calidade. A gran cooperativa láctea galega, que naceu en novembro do pasado ano a partir da integración de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto, prevé que este ano as exportacións cheguen a representar o 10 % do total das vendas e medren a un ritmo de dous díxitos durante os próximos anos. Así o asegura Pablo Gómez, responsable da división de lácteos de Clun, quen asumiu esta responsabilidade despois do éxito acadado no reflotamento de Clesa, tamén propiedade das cooperativas lácteas galegas.
Clun pon as súas expectativas en China e en produtos lácteos diferenciados
Clun espera introducir este ano no mercado chino as súas marcas Clesa e Únicla, e que as exportacións representen ata o 10% das vendas. A cooperativa prevé facturar preto de 200 millóns de euros, e agrupa actualmente a uns 3.500 socios que producen arredor do 20% do leite de Galicia. A división de lácteos representa a metade da facturación, correspondendo 70 millóns a produtos de longa vida (leite UHT fundamentalmente) e 30 millóns a iogures e produtos refrixerados. A exportación, clave para o futuro de Clun Neste sentido, a estratexia de Clun para a súa división de lácteos é seguir incrementando nos próximos anos as exportacións fóra da Unión Europea. Actualmente Clun conta con tres marcas de referencia: Feiraco, a marca de leite líder en Galicia; Únicla, o seu leite premium, e Clesa, coa súa ampla gama de iogures e postres lácteos. As vendas destas dúas marcas Únicla e Clesa, veñen medrando dous díxitos nos últimos anos, repartíndose a partes iguais entre Galicia e o resto do mercado español. Sen embargo, as principais expectativas de crecemento de Clun están fóra de España. “O consumo de leite en Europa decrece e os datos indican que seguirá baixando, pero se vemos a nivel internacional, a perspectiva é que o consumo medrará entre o 1 e o 2% anual”, explica Pablo Gómez. “Queremos apostar por ese mercado internacional con produtos lácteos diferenciados, chegar a ese mercado crecente é clave para o noso desenvolvemento”, recoñece o responsable da división de lácteos de Clun. Dentro da aposta de Clun polos mercados internacionais, China é un dos países onde concentra maiores esforzos. O salto ao mercado chinés comezou a traballarse no ano 2015 coa apertura dunha oficina en Shanghái a través do Clúster Alimentario de Galicia, logrando hai un ano que as negociacións frutificaran cun importador de Pekín.
Pablo Gómez: "Temos grandes expectativas no mercado chinés"
“China é un país deficitario de leite e que valora moito o produto de orixe europea polas súas garantías de calidade, e por iso temos grandes expectativas nese mercado”, explica Pablo Gómez. De feito, Clun prevé ampliar este ano a gama de produtos que envía a China incorporando a marca Únicla. Para iso están a traballar en envases innovadores que lles permitan alongar a vida dos produtos e poder salvar as distancias entre Galicia e China. “No caso de Únicla trátase dun leite UHT premium, con galardóns polo seu sabor e a súa calidade, así como polo alto nivel de benestar animal das granxas que o producen, sendo as únicas certificadas coa ISO 22000; e todo iso require un esforzo para explicarllo ao consumidor doutros países, que estou seguro que valorará esta calidade diferenciada e nos permitirá seguir incrementando as vendas a un ritmo anual de dous díxitos”, explica Pablo Gómez. Produtos diferenciados e benestar animal Outra liña estratéxica na que está a traballar Clun é na sustentabilidade, no benestar das súas vacas e na redución da súa pegada de carbono, para ser líderes no sector en canto a respecto e coidado do medioambiente e do benestar animal. A innovación permanente fan da calidade a pedra angular das súas marcas comerciais. Por todo isto, os seus produtos están avalados polos máximos recoñecementos de estándares de calidade: Galicia Calidade, Galega 100%, as certificacións ISO 9001, ISO 22.000 para as súas granxas, e a máis recente, o certificado AENOR en Benestar Animal, que deixa patente a súa aposta polo coidado dos animais como parte fundamental da estratexia para mellorar a calidade dos seus lácteos. “Somos a única empresa que ten granxas certificadas con selo de benestar animal e ademais levamos anos investigando no desenvolvemento de envases máis ergonómicos e que reduzan a súa pegada de carbono”, afirma. O valor engadido de ser unha cooperativa Estas dúas liñas estratéxicas -aposta pola exportación e por produtos diferenciados- compleméntase coa posta en valor do carácter cooperativo de Clun. “Para nós é unha fortaleza que sexamos unha cooperativa e que os gandeiros socios podan recoller os froitos e teñan un retorno a esta aposta por darlle maior valor engadido ao leite”, destaca. Pero tamén subliña que dende o punto de vista técnico é unha fortaleza o carácter cooperativo de Clun. Pon como exemplo o leite Únicla, onde “grazas a traballar cos gandeiros podemos dirixir directamente a innovación e a través dunha alimentación diferenciada lograr un produto de alto valor engadido, recoñecido a nivel internacional”. “Unha alimentación -salienta- que simula o leite dos pastos verdes de Galicia, pero para todo o ano”.

A importancia do selo Galicia Calidade

Todos os produtos de Clun están amparados por Galicia Calidade, sendo Feiraco unha das pioneiras en incorporarse a este selo de garantía de calidade nos anos 90. As claves desta relación frutífera de máis de vinte anos detállaas Pablo Gómez: “Galicia Calidade é un selo moi fácil de identificar e que o consumidor valora claramente como produto de valor engadido e de calidade diferenciada. Pero sobre todo é coherente co posicionamento de Clun como cooperativa, porque o que vimos facendo coas nosas marcas é apostar pola calidade de principio a fin: do campo ata a mesa, ata o consumidor final”. Como retos para o futuro, o responsable da división de lácteos de Clun destaca que “ademais de seguir mantendo os estándares de calidade, penso que Galicia Calidade ten que acompañarnos nas accións de promoción cun maior dinamismo no mercado internacional”.
 

O leite Únicla de Feiraco recibe un premio internacional polo seu sabor

O leite Únicla, da cooperativa Feiraco, suma un novo recoñecemento na súa variedade enteira. Trátase do Premio á Excelencia no International Taste Award 2017, obtendo a máxima puntuación, tres estrelas, que a define como un produto de “sabor excepcional”. A variedade Enteira de Únicla revalida así a distinción obtida en 2015 e que se suma ás merecidas polas variedades Semidesnatada e Semidesnatada Sen Lactosa en 2016. Concedido na súa gala anual en Bruxelas polo International Taste & Quality Institute (ITQi), considerado como a Guía Michelin dos produtos alimenticios, o Premio á Excelencia é un dos máis prestixiosos no sector. O xurado do iTQi, composto por máis de 125 chefs e sommeliers de renome, efectúa diversas catas para avaliar a calidade dos produtos, obtendo Únicla a máxima puntuación polo seu sabor superior. Os expertos, destacados líderes de opinión, realizan unha detallada análise sensorial, con comentarios sobre criterios organolépticos como a impresión gustativa, aspecto, cheiro e textura. O leite Únicla é unha marca de referencia de CLUN, a cooperativa de segundo grao que integra a Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto desde xaneiro de 2017. Con máis de 3.500 socios de case 30 municipios galegos, ten como vocación ser o referente no sector agrogandeiro galego. A máxima distinción, o premio Diamante, correspondeu a o leite enteiro de Pascual, que acumulou tamén máis galardóns en diversas categorías. Consulta aquí a lista de alimentos premiados no International Taste & Quality Institute (ITQi) 2017

Feiraco recibe o premio á mellor cooperativa de España en igualdade para as mulleres

O proxecto Mulleres de Seu, impulsado por Feiraco desde 2013, foi recoñecido co Premio de Cooperativas Agro-Alimentarias de España na categoría de Igualdade de Oportunidades, por fomentar o empoderamento feminino, desenvolvemento profesional e liderado das mulleres, dignificando o seu papel no medio rural. O presidente de Feiraco e vicepresidente de CLUN, José Montes, recibiu este xoves en Madrid o galardón, durante a clausura da Asemblea de Cooperativas-Agroalimentarias, presidida pola ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina. O premio de Cooperativas Agro-Alimentarias distingue o labor de Feiraco, que agora herda CLUN despois da integración de Melisanto e Os Irmandiños, polo seu compromiso pola igualdade e a integración das mulleres na cooperativa e a súa participación en órganos de goberno.. Dentro desas medidas destaca Mulleres de Seu, que desenvolve un intenso programa desde 2013 grazas ao impulso de Feiraco, coa colaboración de AGACA. Ao longo destes anos, foi madurando nestes tres anos de percorrido, implicando a 450 socias en preto dunha vintena de accións formativas e xornadas de traballo, e será unha das liñas prioritarias das Políticas de Responsabilidade Social en CLUN. Entre estas actuacións, destacan xornadas de motivación, como “Atrévete contigo mesma” dirixida a impulsar o empoderamento tanto a nivel persoal como profesional das socias cooperativistas, talleres para fomentar a capacidade de decisión nas contornas profesionais, a celebración do Día da Muller Rural o 14 de outubro con outras cooperativas e o I Encontro Mulleres de Seu, que reuniu en Santiago o pasado 8 de marzo, con motivo do Día Internacional da Muller, ás socias de CLUN. CLUN adhírese ao programa “Máis mulleres, mellores empresas” No marco da política de Responsabilidade Social de CLUN, destaca ademais a recente sinatura do convenio de adhesión á iniciativa “Máis mulleres, mellores empresas” co Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, un compromiso para aumentar a presenza feminina en postos directivos, comités de dirección e consellos reitores. Pola súa banda, o Ministerio comprométese a asesorar á cooperativa en cuestións de igualdade de trato e oportunidades así como facilitar formación de alto nivel, programas de coaching e mentoring, e/ou en programas de sensibilización específicos dirixidos a persoal directivo ou predirectivo. O acto público de adhesión á iniciativa “Máis mulleres, mellores empresas”, que tivo lugar o 30 de maio, estivo presidido polo secretario de Estado de Servizos Sociais e Igualdade, Mario Garcés e contou coa presenza de José Ángel Branco, presidente de CLUN e Sonia González, directora de Persoas e RSC da cooperativa.