Archives

Subas no prezo do vacún maior e baixada da recría en Silleda

Boa parte do gando de recría e xatos de cebo que se vendeu este martes na Central Agropecuaria de Galicia Abanca tivo prezos menores que a semana pasada. Mentres, tanto no vacún maior experimentou un aumento. En canto á afluencia de gando, polo recinto pasaron un total de 1.184 animais, dos cales foron adxudicadas un total de 1.117 cabezas. Prezos do vacún Facemos agora un repaso detallado polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos. É preciso ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores. Nos animais de recría raza frisoa, os machos máis novos de menos de 20 días, baixaron lixeiramente o seu valor en 33 euros e sitúanse nos 63 euros. Nos exemplares frisóns de entre 20 e 50 días, o valor medio está nos 99 euros (+5 euros). Os becerros pintos de máis de 50 días tiveron unha suba de case dous euros e alcanzan un valor medio de 149 euros. Nos tenreiros de recría de cruces industriais a tendencia non foi clara, xa que houbo subidas e baixadas. Os tenreiros máis novos sumaron 111 euros con respecto da última poxa e alcanzaron un valor medio de 373 euros. As femias desa categoría, pola contra, baixaron en nove euros e quedaron nun prezo medio de 239 euros. Nos machos de entre 20 e 50 días, o valor medio está nos 403 euros, ao caer en 5 euros. Nas femias tamén houbo un descenso de 18 euros e alcanzan os 265 euros. Nos exemplares de máis de 50 días, os machos tiveron unha subida de 39 euros e teñen un prezo de referencia de 535 euros, mentres que as femias tiveron unha baixada de 7 euros e sitúanse nun valor medio de 375 euros. Nos becerros de cebo tampouco houbo unha tendencia clara. Nos machos frisóns o prezo medio foi de 854 euros (na anterior poxa non se adxudicou ningún animal nesta categoría). No caso das femias, adxudicáronse por unha media de 805 euros (+60 euros). Os machos de cruces industriais tiveron unha baixada do prezo bastante pronunciada (160 euros) e quedan cun valor medio de 958 euros. As femias cotizáronse a 866 euros, é dicir 55 euros menos que a semana pasada. Os machos de Rubia Galega tiveron un prezo medio de 1.159 euros, ao rexistrar unha subida de 18 euros. As femias desta raza están nos 963 euros, ao baixar 85 euros. Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema tiveron un prezo medio de 1.104 euros (- 3 euros). No vacún maior a tendencia foi alza. Así, nos de extra o prezo incrementouse 105 euros e chegaron aos 2.161 euros. Do mesmo xeito que na categoría primeira, que alcanzaron os 1.156 euros (+24 euros), e na segunda, que chegaron aos 731 euros (+18 euros). Pola contra os animais de descarte cotizáronse a un prezo medio de 433 euros, o que supuxo unha baixada de 62 euros con respecto á última poxa. Mesas de prezos Esta semana o porco cebado mantense de novo estable, mentres, os lechones seguen á alza. Así, os animais das categorías selecta e normal teñen un valor de 1,675 e 1,65 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canle II están a 2,143 euros e os animais de descarte cotízanse entre 0,79 e 0,85 euros o quilo. Os lechones experimentaron un incremento de 1 euros para ambas as categorías. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 97 euros (cun prezo de 4,85 euros o quilo) e os animais procedentes de varias gandarías cotízanse a 92 euros e cun prezo por quilo de 4,6 euros. O mercado do ovo presentou lixeiras baixadas esta semana. Nos ovos cun tamaño XL o prezo é de 2,93 (-0,05) euros a ducia, os da L están a 2,37 euros (-0,03), os da M están a 2,02 euros (-0,02) e os da S a 1,72 euros a ducia (-0,02). As galiñas de desvelle semipesadas de entre 2,1 e 2,2 quilos atópanse entre os 0,21 e 0,29 euros o quilo. O prezo do coello está nos 2,45 euros o quilo, segundo a última Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun), do pasado 11 de xaneiro.

Concursos morfolóxicos e de manexo de razas autóctonas na Semana Verde, a partir do 8 de xuño

A 45ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebra entre o 8 e o 11 de xuño, contará na súa área gandeira con multitude de propostas para coñecer as razas autóctonas galegas. En canto ás autóctonas de Galicia en perigo de extinción, estarán presentes de man da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (BOAGA) e as súas asociacións integradas e tamén da Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), a Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga) e a Asociación Pura Raza Cabalo Galego. Destacarán as súas exposicións permanentes e concursos morfolóxicos. Así, en canto a estes últimos, terán lugar o 3º Concurso da Ovella e Cabra Galegas, con máis de 20 exemplares participantes, o 5º do Porco Celta na Semana Verde, con 34 ganderías das catro provincias galegas, o 8º Campionato da Galiña de Mos, que inclúe o 14º Concurso Monográfico e a 10ª Exposición e Concurso por lotes e que reunirá máis de 150 exemplares adultos, e tamén unha nova edición do Concurso Morfolóxico Oficial Cabalo Pura Raza Galega de Puraga. Das bovinas celebraranse cinco competicións nas que participarán 96 exemplares de 16 criadores, as cales serán o 10º Concurso Morfolóxico da Raza Cachena, o 9º da Vianesa, 8º da Caldelá, 7º da Limiá e o 5º da Frieiresa. Ademais, de Galiña de Mos haberá un mercado de aves vivas. Estas razas en perigo de extinción tamén protagonizarán outras actividades, como o IV Concurso Nacional de Manexo da Raza Porco Celta, consistente en dirixir un exemplar por un determinado percorrido no menor tempo posible, podendo tocalo pero sen golpealo, e pasando por distintos espazos, como unha zona que simula unha manga ou entre dous valos facendo zig zag. Os participantes serán os exemplares Breogán, de Mondoñedo; Chenoa, de Vila de Cruces; Froilana e Asia, de Castro de Rei; Sotas, de Oza-Cesuras, e Pantalóns, de Friol. Ademais, centradas no Cabalo de Pura Raza Galega realizarase a presentación “O cabalo de Pura Raza Galega, doma e morfoloxía. A nosa raza”, da Asociación Pura Raza Cabalo Galego en colaboración co programa FEADER “Europa Inviste non Rural”, Xunta de Galicia e Ministerio de Agricultura. Sumarase o Concurso Morfolóxico Oficial Cabalo Pura Raza Galega, organizado pola Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga). As razas autóctonas galegas en perigo de extinción tamén estarán presentes no 26º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, presentando carne, ovos e produtos derivados. Participarán 18 produtores baixo as marcas comerciais “Ganadería Balín”, “Cachenas de San Breixo”, “Gandaría e Carnicería Lage”, “Gandería Tras do Río”, “Granxa Castro de Madrosende”, “Aves do Concello”, “Churras da Caneira Lourdes Mulet”, “Montes de Boado-Manuel Teijeiro Castillo”, “Granxa Aeiroá”, “Gandería e Carnicería Mario Nogueira”, “A Casa da Rúa”, “CMF Celtaporc”, “Ramón Vázquez Fernández”, “Cooperativa Tres Fuciños”, “Embutidos Hermelino”, “Celtagal” “O Agro-Roberto Louzán” e “CienporCel-Martín Touceda”. Estes dous últimos produtores presentan no espazo de innovación da feira, Alinova, un salchichón elaborado con Frieiresa, de O Agro, e con Porco Celta, de CienporCel, baixo o nome “Outra vaca non millo”. Así mesmo, volverá o restaurante “Tapirazas”, onde cada día se poderá degustar un menú diferente a base da maioría destas razas. “Pan Bao de agulla estufada de raza Frieiresa con salsa de castañas”, “Croquetas de chicharrón de raza Porco Celta”, “Carbonara das razas Cachena, Caldelá e Vianesa á cervexa” ou “Galo de raza Galiña de Mos confeitado ao alliño”, serán só algunhas das súas propostas, elaboradas polo cociñeiro Antonio Díaz Calvo, do Restaurante AUTGA-Autóctonas. Galiña Piñeira, Can de Palleiro e Rubia Galega Por outra banda, a feira contará con outras razas autóctonas, como a Galiña Piñeira, que por primeira vez realizará na feira un dos seus concursos monográficos, con 30 exemplares, e tamén o Can de Palleiro, o cal, entre outras propostas, celebrará o seu XXII Monográfico. Sumarase a Rubia Galega, cunha ampla exposición organizada pola Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga), composta por unhas 50 vacas, xovencas e sementais. Aínda que as razas autóctonas serán as protagonistas, haberá outras razas. Así, a Federación Española de Criadores de Limusín estará presente por primeira vez no certame, motivada polo crecemento que está a experimentar esta raza en Galicia, cunha exposición de 15 animais tanto xóvenes como adultos. Así mesmo, poderán verse de novo impresionantes parellas de bois das razas Maronesa, Cachena e Barroça, ademais dun boi da raza Alistano-Sanabresa. Wisconsin, por primeira vez na feira O Department of Agriculture, Trade and Consumer Protection do Estado de Wisconsin (Estados Unidos) participa por primeira vez na feira dentro dunha misión comercial de carácter prospectivo, co interese de coñecer de primeira man a estrutura do sector agrogandeiro galego, contactar coas principais institucións e colectivos vinculados e explorar posibilidades de colaboración e oportunidades de negocio conxuntas entre Galicia e Wisconsin. Wisconsin, coñecida como a "Terra dos Lácteos" en Estados Unidos e cun importante peso da cadea de valor dos sectores agrícola e gandeiro na súa economía, ten visto que Galicia, por moitos aspectos, podería ser un socio ideal na súa aposta polo mercado europeo. No stand liderada polo Wisconsin DATCP na feira tamén estarán representados seis entidades e organismos, como son Alta Genetics, Brown Swiss Association, Genex, U.S Small Business Administration, Ves-Artex e World Dairy Expo.

Aberta a inscripción para participar nos concursos de gando frisón de Cimag-GandAgro

A IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Cimag-GandAgro, que se celebrará do 2 ao 4 de marzo na Feira Internacional de Galicia, volverá converterse nun referente para a raza frisoa a través da celebración dos seus concursos. Organizados pola Federación Frisona Galega (Fefriga), coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, terán como eixos principais os concursos morfolóxicos, que se levarán a cabo o sábado 4 de marzo. Estes serán o Concurso Autonómico da Raza Frisoa FEFRIGA, o cal cumpre a súa trixésima primeira edición, e o Open Internacional da Raza Frisoa GandAgro, que non se celebraba desde 2019, cando tamén tivera lugar no marco deste certame, e que chega á súa trixésima sexta edición. Os exemplares participantes competirán polos títulos de Campioa de Galicia e Campioa Internacional (en función do concurso) nas categorías de becerra, xovenca, vaca xoven, vaca intermedia e vaca adulta; e polo de Gran Campioa de Galicia e Gran Campioa Internacional (segundo o concurso) nas de xovenca e vaca. Tamén se recoñecerá ao Mellor Criador Autonómico e Mellor Criador Internacional, tanto absoluto como de xovencas, ademais de Mellor Gandería de Nova Participación. A estes certames sumarase o venres 3 de marzo, o XXXVI Concurso Internacional de Xóvenes Manexadores “Memorial Luís Louzao”, no cal os gandeiros máis novos demostrarán a súa habilidade na presentación en pista dos animais. Engadirase, o mesmo día, o XIV Concurso Internacional de Xóvenes Preparadores de Gando GandAgro´23, no que os participantes mostrarán a súa destreza preparando ao gando que logo se presentará en pista. O prazo de inscrición para participar nestes concursos xa está aberto, finalizando o día 23 de xaneiro. A súa documentación está dispoñible tanto na páxina web de Fefriga como da propia feira. Estas competicións, que contan con Xenética Fontao como un dos seus patrocinadores principais e que comezarán a recibir xa aos participantes o 2 de marzo, converteranse en punto de encontro da mellor cabana bovina tanto galega como de fóra da comunidade. Encontro do comité organizador do certame. Reunión do seu comité organizador Co obxectivo de seguir avanzando na organización destes concursos, o comité organizador dos concursos de frisón reuniuse a finais da semana pasada na Feira Internacional de Galicia Abanca. Os seus membros seguirán traballando nas próximas semanas para que estes concursos cumpran ao máximo coa súa finalidade, que se traduce en estimular aos gandeiros na cría de animais de alta calidade xenética como medio de rendibilizar as súas explotacións e orientalos sobre as tendencias actuais de selección, ademais de poñer de manifesto o alto nivel xenético e morfolóxico dos seus animais.

Galiforest celebrará a súa maior edición, superando expositores e superficie

A Feira Internacional de Galicia ultima a organización da sexta edición do seu monográfico forestal Galiforest Abanca, que se celebrará do 30 de xuño ao 2 de xullo no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), próximo a Santiago.

En canto á súa exposición, a algo máis de quince días para a celebración da feira, Galiforest conta con 86 expositores directos confirmados, un 15% máis respecto á cifra final da pasada edición, celebrada no 2018, cando foran 75. Estas empresas e entidades, entre as que se encontran moitas das máis importantes do sector, ocupan unha superficie neta de 13.682 metros cadrados, un 16% máis de espazo que o contratado na anterior convocatoria, xa que entón foran 11.837 metros cadrados.

Estas cifras supoñen que o certame celebrará a súa maior edición, á vez que demostran tanto o respaldo do sector a este monográfico como a súa consolidación como cita forestal.

Programa de actividades
De forma paralela a esta exposición o certame ofrecerá un atractivo programa de actividades, tanto dirixidas a profesionais como a outros perfís relacionados, entre eles os estudantes vinculados co sector.

Gañadores dos certames de gando de razas autóctonas na Semana Verde

A feira Semana Verde, que se celebra ata o domingo en Silleda, xa resolveu os resultados dos 10 concursos morfolóxicos das razas autóctonas que acolleu, coa organización da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) e da Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel). En canto aos concursos das razas bovinas, participaron 28 exemplares de 10 ganderías en cinco concursos morfolóxicos. No IX da Raza Cachena o primeiro posto foi para Solfa, de Gandería Tras do Río, de Ortigueira (A Coruña), o segundo para Soralia, de Gonzalo Seoane, de Vilalba (Lugo) e o terceiro para Paprika, de Jordi Ánguez, de Triacastela (Lugo). No VIII da Vianesa o primeiro posto foi para Vitureira, o segundo para Vaselina e o terceiro para Deva, todos exemplares pertencentes a Gandería Martelo, de Outes (A Coruña). Primeiro premio en raza cachena. En canto ao VII de Caldelá, gañou Colosa, de Juan Manuel Lage, de Maceda (Ourense), sendo o segundo posto para Cebada, de Alejandro Salvatierra, da Pontenova (Lugo) e o terceiro para Cantina, tamén de Juan Manuel Lage. No VI Concurso Morfolóxico da Limiá, a campioa foi Rubia, a subcampioa Larxa e a terceira Lágrima, todas elas propiedade de Jesús Pardal, de Rois (A Coruña). Xa no IV da Frieiresa o pódium estivo composto por Fábula, Festa e Freba, as tres de Gandería Armental, de Begonte (Lugo). Primeiro premio en raza limiá. En canto á Galiña de Mos, tivo lugar o 13º Campionato Galego, no que participaron 20 criadores. Na súa sección por lotes, o gañador foi un exemplar de Luís Fernández, de Riotorto (Lugo), seguido dun de Sandra López, de Láncara (Lugo) e doutro de José Luis Freire, de Pol (Lugo). De forma individual, con 43 animais participantes, en galos venceu un exemplar de Alejandro Collazo, de Mos (Pontevedra), sendo o segundo posto para José Luis Freire, de Pol (Lugo) e o terceiro para Mª Carmen Fernández, de Betanzos (A Coruña). En galiñas, o podium foi, de primeira a terceira, para exemplares de Luís Fernández (Riotorto), Alejandro Collazo, de Mos (Pontevedra) e Óscar Rodríguez, tamén de Mos As razas Ovella Galega e Cabra Galega celebraron a segunda edición da súa competición. En canto ao da Ovella Galega, no que participaron 23 reprodutores, na sección de machos gañou unha exemplar propiedade de Ovidio Rojo, de Monterroso (Lugo). O segundo posto foi para un macho de Francisco Manuel Penabad, de Ortigueira (A Coruña) e o terceiro para un de Luís Fernández, de Riotorto (Lugo). En femias o primeiro e terceiro posto foron para un animal de Xoán González, de Vilariño de Conso (Ourense) e o segundo para un de Luís Fernández, de Riotorto (Lugo). Respecto ao de Cabra Galega, ao que concorreron 11 animais, os premios repartíronse entre dúas exemplares propiedade de Ovidio Rojo, de Monterroso (Lugo), que conseguiron os primeiros postos tanto en machos como en femias, dúas de Jaime Fernández. de Cerdido (A Coruña), que quedaron segundo en machos e terceiro en femias, un macho de María Teresa Fernández, de Santiago de Compostela (A Coruña) que quedou en terceiro posto e unha femia de Dolores García, de Toques (A Coruña), que quedou en segundo posto. Porco Celta En canto ao IV Concurso Morfolóxico do Porco Celta, organizado por Asoporcel, contou coa participación de máis de 50 exemplares pertencentes a 27 ganderías. Na categoría de machos venceu un animal de César Roo, de Vilagarcía (Pontevedra), seguido dunha exemplar propiedade de Sonia Ponte, de Negreira (A Coruña) e outro de Granxas de Lousada, de Irixioa (A Coruña). En femias a gañadora foi unha porca de Saúl Rouco, de Vilalba (Lugo), seguido dun animal de Fernando Calviño, de Vila de Cruces (Pontevedra) e outro de Magdalena Caride, de Vilamarín (Ourense). En canto a recría, o vencedor foi un exemplar de Isabel González, de Maside (Ourense), ao que seguiu un de Laura Sánchez, de Oza-Cesuras (A Coruña) e doutro pertencente a Ramón Vázquez, de Monforte (Lugo). O Porco Celta celebrará tamén o domingo o seu III Concurso de Manexo, o cal consiste en dirixir un exemplar por un determinado percorrido no menor tempo posible, podendo tocalo pero sen golpealo.

Arranca mañá xoves a Feira Enerxétika, que se celebra ata o sábado en Silleda

Enerxétika 2022, que se celebrará dende mañá xoves ata o vindeiro sábado na Feira Internacional de Galicia ABANCA, contará coa presenza de 89 expositores directos de España e Portugal, que aglutinan a máis de 250 firmas. Estes expositores, entre os cales se atopan moitas das empresas máis importantes do sector, ocuparán un dos pavillóns principais do recinto, sendo a superficie neta de 3.893 metros cadrados. Estarán presentes expositores de enerxías convencionais e renovables e dos ámbitos da eficiencia enerxética, mobilidade sostible, material e equipos para instalacións, electrónica industrial, iluminación ou servizos. O programa de actividades da feira complétase con máis de 80 conferencias, que se agruparán en 26 xornadas organizadas por destacadas entidades tanto galegas como do resto de España. Estas conferencias, que serán conducidas por 90 expertos de distintos ámbitos, profundarán en temas de gran interese, como os retos, liñas de axuda e casos de éxito no sector da biomasa en Galicia, hidróxeno renovable, instalacións de autoconsumo ou aproveitamento enerxético no sector avícola, entre outros. 18 proxectos seleccionados Por outra banda, o programa da feira incluirá por primeira vez o SIE, o Salón de Innovación Enerxétika, un novo espazo que se centra en poñer en valor proxectos innovadores no ámbito da sustentabilidade, a eficiencia enerxética e as enerxías renovables. Un xurado independente, formado por profesionais de recoñecido prestixio membros do Foro Enerxético de Galicia, foi o encargado de avaliar as propostas remitidas para determinar as que finalmente teñen presenza no certame. Foron seleccionados 18 proxectos, os cales se mostran a través de paneis nos que se poden ver fotografías e un texto informativo sobre cada un deles. Ademais, a feira acollerá unha gran área divulgativa coa que se pretende achegar o mundo da enerxía a todos os públicos. Contará cun equipo que poderá descubrir e resolver as cuestións máis diversas e con distintas zonas temáticas nas cales se incluirán numerosos elementos cos que os visitantes poderán experimentar. Unha maqueta dunha central térmica, un aeroxerador real, unha placa fotovoltaica, unha máquina de vapor, aparellos eléctricos para coñecer os seus consumos ocultos ou unha aplicación para axudar a interpretar a factura da luz serán só algúns deles. Así mesmo, nesta zona levaranse a cabo talleres e demostracións, ademais dun programa específico para escolares. Sumarase un circuíto de vehículos eléctricos e híbridos, no que os visitantes poderán probar distintas marcas, ademais dalgúns modelos cedidos polo parque móbil da Xunta de Galicia.

Foro de Biomasa

Unha das xornadas que se celebra no marco de Enerxétika é o Foro da Biomasa, que se desenvolverá este xoves 3. 10 h. - Presentación. Francisco Javier Álvarez Pereiro. Presidente do Clúster da Biomasa de Galicia. 10.15 – Sesión 1 Retos e iniciativas do sector da biomasa en Galicia Paula Uría Traba. Directora Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Xunta de Galicia. José Ignacio Lema Piñeiro. Director da Axencia da Industria Forestal – XERA. 10:45h - Sesión 2. Liñas de apoio previstas para o período 2022-27 Francisco Pedro López Martínez. Subdirector de Coordinación IGAPE Juan Ignacio R. Fernández-Arroyo. Director Dpto. Enerxía, INEGA Isabel Puentes Berdasco. Directora de Área de Promoción e Calidade Forestal, XERA 11.15 h. - Pausa café. Networking. 11:45h - Sesión 3 · Mesa redonda con presentación de casos de éxito - Aplicación dunha rede de calor. Rede de calor de A Xunqueira, Pontevedra - Aplicación no sector gandeiro. Instalacións de calor en granxas de NUDESA - Aplicación no sector agrícola. Instalación de climatización en invernadoiros Flor San Campio - Aplicación en servizos municipais.Instalación de climatización en piscina municipal de Caldas de Reis 12.30 h. - Visita á Rede de Calor do Concello de Silleda

Galiforest aumenta un 10% o número de expositores a un mes da súa celebración

A Feira Internacional de Galicia segue a traballar intensamente na organización da quinta edición do seu monográfico forestal Galiforest Abanca, que se celebrará do 28 ao 30 de xuño no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón). En canto ao número de expositores directos, a un mes para a celebración da feira e coa xestión comercial a pleno rendemento, conta xa con 62 empresas confirmadas, un 10,7% máis respecto á cifra final da pasada edición. Estas entidades, entre as que se encontran moitas das máis importantes do sector, ocupan unha superficie de 10.100 metros cadrados, un 5,4% máis de espazo que o contratado na anterior convocatoria, xa que entón foran 9.578 metros cadrados. Estas cifras, que con seguridade se incrementarán nos vindeiros días ao estar pechándose a participación doutras empresas, demostra o respaldo do sector a este monográfico e a súa consolidación como espazo de referencia. Así mesmo, reflexan a importante evolución deste certame tanto en superficie como en expositores. Programa de actividades De forma paralela a esta exposición o certame ofrecerá un atractivo programa de actividades, tanto dirixidas a profesionais como a outro tipo de públicos, entre eles os estudantes relacionados co sector. Stand de ICL na anterior edición de Galiforest.

ICL acude á feira a promocionar os seus abonos Agromaster e Agroblen

A firma ICL Speciality Fertilizers enviou unha nota de prensa para confirmar a súa asistencia a Galiforest, onde contará cun stand para ofrecer información sobre os fertilizantes de liberación controlada Agroblen e Agromaster, dúas das súas marcas líderes en fertilización para cultivos forestais.

A feira Cimag-Gandagro celebrarase do 26 ó 28 de xaneiro

A feira Cimag-Gandagro, especializada en maquinaría agrícola e gandería, celebrará a súa segunda edición do 26 ó 28 de xaneiro do 2017, co cal terá unha duración de tres días. Nun inicio, a organización barallara adicar catro días ó certame, pero o sector acordou finalmente concentrar e intensificar a actividade en tres días. O comité organizador do evento mantivo unha reunión estes días para ultimar o programa de actividades. O encontro estivo presidido polo director da Fundación Semana Verde, Ricardo Durán, e pola directora xeral de Gandaría, Belén do Campo. Entre outras cuestións, a reunión serviu tamén para valorar a evolución da contratación e a promoción do certame, que se celebrará na Feira Internacional de Galicia, en Silleda. Participaron no encontro máis de vinte representantes de entidades e empresas con gran peso nos sectores da agricultura, gandería e maquinaria, deixando patente o seu apoio: a Federación Galega de Produtores de Porcino (FEGAPOR), Federación Frisona Galega (FEFRIGA), Africor Pontevedra, Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (AGAFAC), Xenética Fontao, Nudesa, Delaval Equipos, Semillas Rocalba, Agapel, Protección Verde, Grupo Agroamb, Rosber, Imán, Agrotec Entrecanales, Cardelle Hidráulica, Class Ibérica, Kuhn Ibérica, Tecnor Lalín Maquinaria, Maxideza, Deltacinco, Hitraf e a división Agro e Mar de Abanca.

Xornada final en Galiforest, que remata cun cento de demostracións de maquinaria

A cuarta edición de Galiforest, que conclúe este sábado en Sergude (Boqueixón), programou durante os seus tres días un cento de demostracións de maquinaria. Nunha zona de monte habilitada ó efecto e nas propias parcelas das empresas expositoras, estanse a realizar exhibicións de procesadoras forestais e de leña, de tractores forestais, autocargadores, desbrozadoras, raxadoras de leña, aserradoiros portátiles ou astilladoras de biomasa, entre outras. Exhibición con machadas a cargo de Stihl. Tamén se están a facer demostracións con apeiros de preparado do solo, como destoconadoras, fresadoras ou subsoladores. O programa complétase con cuestións didácticas para o gran público, como explicacións do afiado da motoserra e do seu manexo ou exhibicións de carácter lúdico de figurismo (elaboración de esculturas en madeira con motoserra) e de probas con machada. Trituradora de biomasa. Proposta dunha Asociación Galega de Leñadores O certame Galiforest contou este venres cun amplo programa de xornadas técnicas que abordaron cuestións como o Plan Forestal de Galicia, as liñas de traballo do Centro de Investigación Forestal de Lourizán ou os programas dos centros de formación profesional no sector en Galicia. No marco das xornadas técnicas presentouse tamén a plataforma de compra-venda de madeira E-monte e unha proposta para crear unha Asociación Galega de Leñadores. Exhibición de motoserra. Apertura de cervexas coa máquina. Os promotores da Asociación Galega de Leñadores, que é aínda unha idea na súa fase inicial, pensan que o rexurdir da madeira nos últimos tempos é unha oportunidade para potenciar o sector en Galicia máis alá das vendas a nivel local. Sobre esa base, Manuel Peixoto, enxeñeiro técnico forestal, e Tito Iglesias, economista, queren elaborar un plan de viabilidade dunha agrupación que poña en valor as leñas galegas. O seu obxectivo é crear un produto estandarizado que poida ter mercados fóra de Galicia, cunha marca propia e xerando sinerxias no sector para reducir custos e mellorar tecnoloxías.

Un sistema de control intelixente de grúa en autocargador, primeiro premio no Concurso de Innovación de Galiforest

O sistema de control de intelixencia da grúa (IBC) en autocargador John Deere, presentado pola empresa Guifor S.L, acadou o primeiro premio no Concurso de Innovación Tecnolóxica celebrado no marco do IV Monográfico Forestal Galiforest. Este certame, organizado pola Feira Internacional de Galicia, desénvolvese ata o sábado no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón). Imaxe de Galiforest 2016. O sistema IBC desenvolvido por John Deere permite que o traballo coa grúa forestal sexa máis fácil para o operador, xa que empregando sensores e mediante un sistema de programación, posibilita que a prolonga da grúa traballe de xeito automático, sen ser necesaria a intervención do operador. Isto mellora tanto a ergonomía do maquinista como a eficiencia da máquina. O xurado outorgoulle o premio a esta innovación polo aumento de produtividade e rendemento, mellora da ergonomía no traballo de monte e baixo custe de implantación da innovación. Mencións No Concurso de Innovación tamén se concederon dúas mencións, sendo unha delas para Seppi M. Península Ibérica S.L polo seu subsolador de disco, o cal figura como invención na Oficina Española de Patentes e Marcas. Este equipo, desenvolvido para a apertura de sucos na terra para posteriormente plantar árbores, permite dun xeito sinxelo e con baixo custo económico a reforestación en determinador terreos, cunha maior eficiencia no seu tiro e sen atascarse en posibles obstáculos enterrados como cepas de árbores ou pedras.
Un subsolador de disco de Seppi obtivo unha mención. O xurado valorou a súa eficiencia de tiro e que non se atasca ante obstáculos
A mención foille concedida por aportar unha solución sinxela para forestación de terras en determinadas zonas agrarias de Galicia. A outra mención concedéuselle ao cabezal talador de serra AFM 220FH presentado por Forest Pioneer. Este cabezal talador acumulador posibilita a corta e recolección de árbores de pequena dimensión, podendo facer máis dunha corta e acumulando o recollido antes da súa deposición sobre o chan. Está deseñado especificamente para a recolección de biomasa de eucalipto e especialmente para os seus rebrotes Mención a Forest Pioneer. Fíxoo merecedora desta mención a potencialidade e versatilidade de uso que presenta nas masas forestais de eucalipto en monte baixo rexeneradas post incendio ou por rexeneración trascorta, facilitando o empacado posterior da biomasa. Ao concurso, co cal a Feira Internacional de Galicia pretende contribuír ao fomento do I+D+i no sector forestal, presentáronse nove innovacións, destinadas a aportar melloras ao sector forestal e a optimizar os seus recursos Todas as novidades que concorreron ó concurso poden verse estes días na área expositora da feira, que supera os 9.000 metros cadrados netos. Xornada técnica de FSC. Xornadas técnicas A primeira xornada de Galiforest, onte xoves, incluiu tamén xornadas técnicas organizadas polo selo de certificación FSC. As xornadas, adicadas a abordar innovacións no traballo forestal, tocaron aspectos como o uso de drons e os sistemas Lidar para o inventariado de masas forestais, ou o uso de cables sintéticos para a saca de madeira do monte. Tamén onte se celebrou o Job Day de Galiforest, no que as empresas do sector interesadas en contratar persoal tiveron ocasión de entrevistar a candidatos ós postos ofertados. Para hoxe están previstas xornadas organizadas pola Consellería do Medio Rural. Demostración con motoserra a cargo de Stihl.

Galiforest arranca a súa maior edición en expositores

A Feira Internacional de Galicia inicia mañá a cuarta edición do seu Monográfico Forestal, Galiforest, que se celebrará ata o sábado 2 de xullo no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón). En canto a súa área expositiva, contará cunha superficie de 9.108 metros cadrados netos, o que supón que superará nun 62% o espazo ocupado na pasada convocatoria, cando ascendera a 5.639 metros cadrados. Galiforest tamén acadará este ano as súas mellores cifras en expositores directos, con 56, un 27% máis que no 2014, cando foran 44. Xornadas técnicas Xunto coa parte expositiva, Galiforest contará cun amplio programa de xornadas técnicas, que se concentran este xoves e venres. O xoves hai prevista unha xornada organizada por FSC España a partir das 11 horas, na que se abordarán cuestións como o uso de drons no ámbito forestal, as posibilidades da tecnoloxía Lidar ou a mellora da explotación forestal con cable de arrastre. Tamén intervirá unha representante de Ence para falar da innovación forestal por parte da compañía pasteira. Para o venres, están previstas unhas xornadas técnicas da Consellería do Medio Rural a partir das 11 da mañá. Estas xornadas abordarán cuestións como o futuro Plan Forestal de Galicia, as liñas de investigación do Centro de Investigación Forestal de Lourizán ou a creación da Agencia de Calidade Alimentaria de Galicia. Tamén está prevista unha charla da IXP Castaña de Galicia, a presentación da plataforma de compra-venda de madeira E-monte e a presentación da Asociación Galega de Leñadores. Pódese consultar o programa completo de demostracións de maquinaria e de xornadas en PDF na web de Galiforest. O certame foi presentado onte en Santiago pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez; o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, e o director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán.

A feira Galiforest fomentará o emprego forestal no seu ‘Job Day’

Galiforest, o certame forestal organizado pola Feira Internacional de Galicia, incluirá este ano un 'Job Day' (Día do Emprego) forestal. A iniciativa consistirá na programación de reunións entre empresas do sector con previsións de contratación e demandantes de emprego que queiran optar ós postos ofertados. As empresas interesadas en formar parte do 'Job Day' forestal, expositoras ou non en Galiforest, deberán contactar coa Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT), organizadora da actividade xunto coa Feira Internacional de Galicia. Os postos ofertados difundiranse a través da red Eures e tamén na web da Agrupación. Cando se reciban as candidaturas, filtraranse e serán derivadas a cada empresa. Durante o primeiro día de Galiforest, que se celebra do 30 de xuño ó 2 de xullo, as empresas e asociacións participantes poderán entrevistarse no Job Day Forestal cos candidatos que pensen que son máis idóneos para cubrir cada vacante ofertada. Para ese fin, contarán cun espazo reservado na feira. Xornada informativa O Job Day Forestal completarase cunha xornada informativa na que se abordará o emprego transfronteirizo entre Galicia e o norte de Portugal tanto no sector forestal coma nun sentido amplo. Celebrarase tamén o primeiro día de feira.

Innovación alimentaria, catas e razas autóctonas na Semana Verde

A Feira Semana Verde de Galicia, que se celebra en Silleda, arrancou hoxe e poderase visitar de xeito gratuito ata este domingo 14. O evento, que se transformou nos últimos anos nunha feira multisectorial, inclúe o Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat), a Feira de Caza e Pesca e tamén áreas con gran presencia do sector da biomasa e das razas autóctonas de gando. O Salón de Alimentación (Salimat) trata de ser un escaparate dos produtos agroalimentarios galegos, tanto para o público en xeral como especialmente para profesionais do sector. O evento contará coa presencia de 28 importadores, distribuidores e restauradores de 14 países diferentes, e tamén está prevista a asistencia de pymes do sector hosteleiro galego. O obxectivo do Salón é facilitar o contacto entre oferta e demanda, contribuindo así a potenciar oportunidades de negocio. O certame Salimat conta cun apartado especial, Alinova, onde se amosan 40 innovacións alimentarias das empresas participantes. Entre os novos produtos figuran algúns de gran orixinalidade, segundo destaca a organización, tales como cervexa con chile, mel con abelás ou o pack ‘Merenda galega’, que inclúe viño albariño, galletas con algas e patés de centola e nécora. Outros produtos que tamén figuran na sección Alinova son galletas de repostería ecolóxica, chocolate apto para diabéticos ou empanada elaborada con fariña de castaña. O programa do Salón de Alimentación inclúe degustacións, algunhas para o público en xeral, e outras para profesionais. Parte das catas faranse no stand da Xunta, que ofrecerá degustacións con distintas combinacións de produtos galegos con denominación de orixe. Xornadas técnicas A Semana Verde contará tamén con xornadas técnicas adicadas ás distintas razas autóctonas de gando. Haberá sesións sobre o porco celta, a ovella e a cabra galega, así como sobre as razas bovinas autóctonas en perigo de extinción, tales como a cachena ou a limiá. Pódese consultar o programa completo da Semana Verde neste enlace.

Os asturianos de Badiola Holstein trunfan en GandAgro 2015

A vaca asturiana Badiola Damion Koketa, propiedade da gandería Badiola Holstein, de Gozón (Asturias), obtivo hoxe o premio Vaca Gran Campioa Internacional no XXXIII Open Internacional de Gando Frisón celebrado no marco da Feira de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Cimag-GandAgro 2015. Badiola Shottle Megadonna ET, da mesma gandería que a campioa, obtivo neste concurso internacional a Reserva Gran Campioa. Cid Goldwyn Griselda, da SC Gandería Cid, campioa de Galicia En canto ao XXIV Concurso Autonómico, a Vaca Gran Campioa de Galicia foi Cid Goldwyn Griselda, da SC Gandería Cid, de Barreiros (Lugo) mentres que a Reserva Gran Campioa foi para outro exemplar desta mesma explotación, Bos Cid Atwood Moni ET. Por outra banda, o galardón de Mellor Criador Internacional recaeu na gandería Badiola Holstein, sendo o subcampión a gandería Branco, de Lalín (Pontevedra). Esta última alzouse tamén como Mellor Criador de Galicia, mentres que o subcampión do concurso autonómico foi Casa Pozo SC de Lugo. Onte xa se decidise no marco destes certames Autonómico e Internacional a Xovenca Gran Campioa, que foi Pozosaa ATwood 7128 Tamara, da gandería Casa Pozo, de Lugo, en ambos concursos. En total, aos certames presentáronse 187 animais de ganderías procedentes de Galicia, Asturias, Cantabria e Portugal. Organizados pola Federación Frisona Galega (Fefriga) e a Fundación Semana Verde de Galicia, foron xulgados por Brian Carscadden, da Asociación Holstein de Canadá, o cal foi elixido na publicación do mes de decembro de Holstein Internacional segundo mellor xuíz de frisón do mundo.