Archives

Catro mozas e dous mozos gandeiros galegos, seleccionados para o ‘The Young Breeders School’, en Bélxica

Os concursos de Xóvenes Preparadores e Manexadores do Concurso Autonómico 2024 (Santa Comba) e da Moexmu (Cospeito) foron clave para a selección dos mozos e mozas galegas que asistirán a The Young Breeders School (YBS), en Bélxica, que é o evento de referencia en Europa en preparación e manexo do gando. O Club de Xóvenes Gandeiros, en colaboración coa Federación da Raza Frisona (Fefriga), levou a cabo catro concursos, patrocinados por Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), nos que os xuíces designados polas organizacións e autorizados pola Confederación Nacional de Frisona Española (CONAFE) nomearon campións, subcampións e outras clasificacións para os participantes. Clasificados durante os catro concursos rexionais de preparadores e manexadores Tras a celebración dos catro primeiros concursos e avaliar os resultados, a directiva de Fefriga e do Club de Xóvenes Gandeiros decidiu conceder as seis prazas para participar na YBS a: María Otero, Andrea Otero, Lorena Iglesias, Xabier Montes, Simón Blanco e Alba López. A clasificación de Claudia, Aldara e Brais foi invalidada para a asignación de prazas da YBS debido á normativa de idade establecida polo regulamento da YBS. Segundo as regras establecidas, só poden asistir participantes que estén entre os 13 e os 25 anos no momento da celebración do evento. Dende o Club de Xóvenes Gandeiros e da Federación Frisona Galega consideran que estes certames, patrocinados por CLUN, foron un éxito e confían en que o equipo que representará a Galicia na YBS está ben preparado e capacitado para realizar as tarefas requiridas na escola europea. Así, nas vindeiras datas designarase ao responsable do equipo e realizaranse distintas accións de traballo co equipo para preparar o certame europeo. Finalmente, as directivas animan a todos os mozos a participar en Feiradeza (Lalín) os días 7, 8 e 9 de xuño, que será o último concurso que puntuará.

“Nos últimos 20 anos Galicia mellorou moito morfoloxicamente e iso percíbese nos concursos nacionais”

Pol Collell, natural de Manlleu (Barcelona), ocúpase da xestión da granxa familiar O Campgran. É asiduo participante en concursos morfolóxicos nos que algúns dos seus animais recolleron diferentes premios, chegando a obter dous recoñecementos na Swiss Expo de 2020. Entrou no panel de Xuíces Activos de CONAFE en 2015. Desde entón xulgou certames de distinta categoría en España, chegando a xulgar o Nacional de CONAFE en 2021. Collell é a primeira vez que xulga o Autonómico de Galicia, que se celebrou este fin de semana en Santa Comba (A Coruña) e nesta entrevista cóntanos a calidade dos animais deste concurso. - Que che fixo escoller  a Rey 814 Beemer Yuri como Gran Campioa de Galicia de 2024? É unha vaca de 60.000 litros, cunha estrutura moi bonita, uns ósos finos, unhas grandes patas, posiblemente as mellores do concurso, e unha boa grupa. Gañou sobre a reserva principalmente por iso, pola estrutura leiteira que ten e polo valor de ter tres partos máis que a que quedou segunda. - E da subcampioa? Primeiro, para min é a mellor ubre do concurso. É un animal que está nunha forma espectacular, cunha estrutura e unhas formas que me gustan moito e creo que son case perfectas para unha vaca intermedia. - Á marxe dos aspectos que sinalaches neste animal, que criterios consideras imprescindibles para unha vaca gañadora? Primeiro que sexa un animal bo produtor de leite, que teña boas patas e boa estrutura leiteira. Que sexa un animal lonxevo, que se adapte ás necesidades do gandeiro na granxa e evidentemente que luza nunha pista.
"Os concursos serven de escaparate para mostrar as boas prácticas que facemos á xente de fóra do sector"
- É a primeira vez que xulgas un Autonómico en Galicia, que opinión te levas deste certame? Parecido a cando estiven en Muimenta ou en Lalín. En Galicia hai moito nivel. -Na túa experiencia como xuíz e como gandeiro, por que crees que son importantes este tipo de certames sobre gando frisón? Primeiro, como un punto de encontro entre gandeiros. Saímos da rutina do día a día, que nos ocupa moitas horas. Podemos falar das nosas inquietudes. En segundo lugar, mesmo máis importante, serven de espello para mostrarnos ante a sociedade que está fóra do sector primario, para ensinar as boas prácticas que facemos e que hai moita xente nova detrás disto. Tamén para ensinar que hai detrás dun litro de leite. - Que opinión tes da evolución morfolóxica das vacas Holstein en Galicia? A evolución está clara, moi positiva. Nos últimos 20 anos, Galicia mellorou moitísimo, hai gandeiros punteiros que destacan moito nos concursos nacionais. Pol Collell durante a elección da vaca gran campiona de Galicia 2024 - Hai canteira nas ganderías galegas? Hai canteira e é un gusto velos aquí. Estou moi contento e a gusto de estar neste concurso polo gran nivel. - Están a cambiar os criterios á hora de escoller aos mellores animais da raza Holstein? Hai nove anos que xulgo e diríache que buscamos unha vaca un pouco máis moderna, que se adapte ás necesidades das nosas ganderías. Un animal balanceado e non tan grande. Aínda que debo dicir que eu sempre seguín unha liña e teño claro o que busco. - Atravesan este tipo de concursos horas baixas? Os concursos son un traballo extra nunha granxa. Na miña casa, as vacas que teño de concurso son unha motivación extra para seguir traballando. Custa tempo e diñeiro, xa que ás veces non hai o apoio económico necesario, pero non considero que estean en horas baixas. Eu véxolle longa vida. - Por último, como xuíz e participante de concursos. Que tipo de vacas escolles para a túa gandería? Eu busco na miña granxa o mesmo que seleccionei hoxe aquí. Vacas que sexan excelentes dentro da gandería e que luzan na pista.

Programa do Concurso Autonómico da Raza Frisoa Fefriga 2024

A Federación Frisona Galega (Fefriga) e o Concello de Santa Comba, coa colaboración dos Africores provinciais e da Consellería do Medio Rural, organizan esta fin de semana o Concurso Autonómico de Raza Frisona Fefriga 2024. A 32 edición deste certame terá lugar nas instalacións do recinto feiral de Santa Comba Velaquí o programa de actividades: Xoves 22 -De 10.00 a 22.00 h. Entrada do gando no recinto feiral e verificación da documentación Venres 23 -De 10.00 a 14.00 h. Entrada do gando no recinto feiral e verificación da documentación -De 16.30 a 18.30 h. XVII Concurso de Xóvenes Preparadores de Gando, organizado polo Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia. -18.30 h. INAUGURACIÓN FEFRIGA 2024 Sábado 24 -De 10.30 a 13.30 h. XXXII Concurso Autonómico FEFRIGA 24. Xulgamento das seccións de Xatas e Xovencas -De 15.00 a 18.30 h. XXXII Concurso Autonómico FEFRIGA 24 Xulgamento das seccións de vacas e campionatos Domingo 25 -De 11.30 a 14.00 h. XXXIX Concurso de Xóvenes Manexadores organizado polo Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia.

Concurso autonómico Fefriga 2024 os días 23, 24 e 25 de febreiro en Santa Comba

A Federación Frisona Galega (Fefriga) e o Concello de Santa Comba, coa colaboración dos Africores provinciais e da Consellería do Medio Rural, organizan a última fin de semana de febreiro o Concurso Autonómico de Raza Frisona Fefriga 2024. A 32 edición deste certame terá lugar os días 23, 24 e 25 nas instalacións do recinto feiral de Santa Comba. Poderán participar no concurso ganderías ubicadas en Galicia con animais inscritos no Libro Xenealóxico da Raza Frisona nados na comunidade e propiedade de granxas galegas. O prazo de presentación de solicitudes por parte das explotacións para participar cos seus animais no concurso remata o vindeiro luns, 15 de xaneiro, e o xurado de admisión estará formado por representantes de Africor Lugo, A Coruña e Pontevedra. A cédula de inscrición deberá ser remitida cumprimentada e asinada a Fefriga, que outorgará unha axuda por animal presentado a concurso de 100€ por xata e xovenca e 150€ por vaca. Premios Os premios para os animais gañadores en cada unha das 30 seccións do concurso será de 150€ e de 50€ para os subcampións, cunha gratificación para as fillas de touros de Xenética Fontao mellor clasificadas que será de 100€ por becerra, 200€ por xovenca e 300€ por vaca. A Vaca Gran Campiona do Concurso recibirá 1.000€ e a Novilla Gran Campiona 600€. En canto á gandería declarada Mellor Criador de xovencas recibirá 300€ e o Segundo Criador 150€. O premio para o Mellor Criador de vacas será de 600€ e para o Segundo Criador de vacas de 300€. Entre os fins que se perseguen coa celebración deste certames está o de estimular ás explotacións na cría de animais de alta calidade xenética e orientalas sobre as tendencias actuais de selección e mellora xenética no ámbito internacional. O catalán Pol Collell será o xuíz do Concurso Pau Collell foi o xuíz do último Concurso da Moexmu Xulgará o Concurso Autonómico deste ano o xuíz catalán Pol Collell Sabaté, que conta cunha dilatada experiencia como xuíz de Conafe, en activo dende o 2015, xulgando certámenes de distinta categoría ao longo da xeografía española. Natural de Manlleu (Barcelona), este gandeiro catalán ocúpase tamén da xestión da granxa familiar El Campgran, na que se manexan 170 vacas en muxido, dun total dunhas 330 cabezas, cunha media de calificación morfolóxica de 84,50 e unha media de producción por vaca e día de entre 37 e 42 litros.

Arranca a Escola de Xuíces que CONAFE celebra esta semana en Galicia

Un momento do Concurso da Moexmu deste ano A Confederación Nacional de Raza Frisona Española (CONAFE) celebra en Galicia a edición número 60 da súa Escola Nacional de Xuices Gandeiros, cun completo programa que terá lugar os días 19, 20 e 21 en distintas localizacións das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra. Participarán gandeiros de toda España así como aspirantes a xuíces e xuízas chegados de distintas comunidades, que visitarán distintas explotacións galegas, como por exemplo SAT Lodos e Pérez (A Pastoriza), Finca La Asunción (Touro) ou Gandería Carro SC (Mesía), onde este mércores terá lugar a primeira das prácticas de xuíces. 
Participarán gandeiros de toda España, que visitarán distintas explotacións galegas
A calificación de animais terá lugar o xoves 20 durante todo o día no recinto feiral Manuel Vila de Muimenta, que acolle todos os anos o Concurso de Gando da Moexmu. Catro ganderías da provincia de Lugo colaboran con esta cita aportando animais: SAT A Vereda, SAT Teixeiro, Rey de Miñotelo e Casa Pozo. Pola mañá calificaranse vacas e pola tarde xatas.
O recinto feiral da Moexmu xa acollera outra Escola Nacional de Xuíces no ano 2005
O venres a sesión práctica trasládase ao recinto feiral de Lalín, onde se xulgarán vacas e xatas procedentes doutras catro ganderías: SAT Carballeiras, A Costa, Midón e Rato.  Este tipo de formacións son a base para os futuros xuíces e xuízas da raza, pero tamén son de utilidade para todos os criadores de gando frisón, que aprenden a valorar e a seleccionar os seus animais con criterios obxectivos, o que lles axuda a mellorar o rabaño existente nas súas explotacións.

“As 4 últimas vacas campionas de Galicia veñen todas da mesma familia”

Gandería Rey de Miñotelo, con tres dos seus animais, recibindo o galardón de Mellor Criador de Xovencas Unha cuarta parte dos animais do Concurso Autonómico FEFRIGA 2022 xulgados este sábado en Muimenta procedían da mesma explotación, a gandería Rey de Miñotelo, da Pastoriza, que aportou 31 dos 126 animais a concurso e fíxose con 17 galardóns, entre eles o de Vaca Gran Campiona de Galicia con Rey 814 Beemer Yuri. Pero tamén se alzou co triunfo nas seccións de xatas de 5 a 7 meses, xatas de 11 a 13 meses, xovencas de 17 a 20 meses, xovencas de 21 a 26 meses, xovenca Campiona de Galicia, xovenca Subcampiona, vaca intermedia de 4 anos, vaca intermedia Campiona de Galicia, vaca adulta de 5 anos, vaca produción vitalicia, vaca adulta Campiona de Galicia, vaca Gran Campiona de Galicia, vaca Reserva Gran Campiona, mellor descendencia de vaca, mellor criador de vacas, mellor criador de xovencas e mellor manexador do Concurso.   
A gandería Rey de Miñotelo aportou 31 animais ao concurso e alzouse con 17 dos galardóns do certame
"É moi especial gañar na casa e máis cando é a primeira vez que o Concurso Autonómico se celebra aquí", asegurou Alberto Iglesia nada máis alzarse co título principal do certame, o de Vaca Gran Campiona de Galicia, que a gandería da Pastoriza reedita por cuatro ano consecutivo con animais da mesma saga.  "As catro últimas campionas de Galicia son todas da mesma familia, a da Cooper Yudi. Rey 814 Beemer Yuri é unha vaca que destaca, moi moderna, con moi boa ubre, moi ben unida e con moi boas patas", presume Alberto, que ten 190 vacas en produción na súa explotación, ubicada na parroquia de Aguarda.

"Cando vemos que baixan de nivel para ir aos concursos entran ao establo a producir leite co resto de animais"

Membros de Gandería Carro celebrando a vitoria na sección Xovenca Gran Campiona de Galicia Gandería Carro, de Mesía, gañou con Casa-Nova Shania Moovin 1481 o título de Xovenca Gran Campiona de Galicia. "É unha xata criada na casa que ten algo máis de 9 meses. É filla do último parto natural que tivo Casa-Nova Sonny MCC, e foi un parto xemelar, polo que ten unha irmá xemelga", explica Miguel Rial, que é colaborador nos concursos desta gandería familiar ubicada na parroquia de Boado. "Procede dunha familia moi destacada nos concursos. A súa nai, Casa-Nova Sonny MCC, foi a única xovenca que gañou dúas veces o campionato nacional, unha tía dela é a última Gran Campiona Nacional e unha irmá foi Xata Campiona Nacional. Parece que de momento continúa a saga", di. 
Gandería Carro aportou 18 animais ao Concurso de Gando da Moexmu, que gañou no ano 2016
En Muimenta gandería Carro xa gañara noutra ocasión, no ano 2016, coa vaca Casa-Nova Vanesa Aikman. "Na granxa a xenética enfócase bastante cara ao tipo en determinados animais, aínda que sen descoidar o leite. Temos algunhas familias que se traballan para concursos morfolóxicos e outras que se traballan fijándose no mérito neto, é dicir, o índice de conversión. Traballamos para os concursos, pero o resto dos animais teñen que funcionar ben na granxa a nivel de produción e animais desta familia están no establo producindo como as outras", di Miguel.
Na granxa temos algunhas familias que se traballan para ir aos concursos morfolóxicos, pero non dan menos leite por ser destas familias destacadas
A explotación ten neste momento 150 vacas en muxidura e a produción de leite é a base, pero "determinados animais destacados sepáranse e teñen unha dieta distinta para telos nunha boa forma para os concursos pero no momento que vemos que baixan de nivel e non sirven para concursar entran a competir ao establo co resto de animais da granxa cos mesmos resultados, non dan menos leite por ser destas familias", asegura. Gandería Carro foi a segunda explotación que máis animais aportou ao Concurso, por detrás de Rey de Miñotelo, e fíxose coa vitoria nas seccións de xatas de 8 a 10 meses, xata campiona de Galicia e vaca nova de 26 a 30 meses e co segundo posto noutras tres seccións: segundo mellor criador de Xovencas, vaca nova Subcampiona de Galicia e vaca intermedia Subcampiona de Galicia. 

Rey 814 Beemer Yuri repite como Vaca Gran Campiona de Galicia

Un momento do Concurso Autonómico celebrado este sábado na Moexmu, seguido por numeroso público Vinte ganderías galegas, cun total de 126 animais, participaron este sábado en Muimenta no XXX Concurso Autonómico de Raza Frisona FEFRIGA 2022, que se celebrou coincidindo coa Moexmu. A gandería Rey de Miñotelo, da Pastoriza, revalida o título de Vaca Gran Campiona de Galicia con Rey 814 Beemer Yuri, mentres que Gandería Carro, de Mesía, faise co de Xovenca Gran Campiona. O encargado de calificar os animais foi o xuíz internacional portugués Henrique Moniz, que destacou o alto nivel morfolóxico e o importante número de animais participantes e agradeceu aos distintos criadores o traballo que fan por mellorar a xenética da súa cabana en tempos de dificultades económicas no sector lácteo.
A Mostra Exposición de Muimenta levaba dous anos sen celebrarse por mor da pandemia da covid-19 e acolleu por primeira vez o Concurso Autonómico
O concurso de gando da Moexmu é o único que se celebra na provincia de Lugo, aínda que levaba dous anos sen poder celebrarse por mor da pandemia da covid-19, e acolleu por primeira vez nas súas 36 edicións o campionato galego. Xatas e xovencas Casa-Nova Shania Mooving 1481, de Ganadería Carro, Xata Campiona e Xovenca Gran Campiona de Galicia Nas seccións adicadas á recría, que se desenvolveron pola mañá, resultaron gañadoras as ganderías Carro, de Mesía, coa xata Casa-Nova Shania Moovin 1481; e Rey de Miñotelo, da Pastoriza, coa xovenca Rey 967 Jordi Hole.
Como Reserva Gran Campiona de Galicia quedou Asunción King Doc Elsa 2, de Finca La Asunción
Como Xovenca Gran Campiona quedou Casa-Nova Shania Moovin 1481, unha xata de 9 meses, da que o xuíz do concurso, o portugués Henrique Moniz, destacou ser moi homoxénea e con moi boas costelas. Como Reserva queda Asunción King Doc Elsa 2, de Finca La Asunción, de Touro. Vacas Rey 814 Beemer Yuri, da Gandería Rey de Miñotelo, Vaca Gran Campiona de Galicia Pola tarde foron xulgadas as vacas, entre as que volveu gañar Rey 814 Beemer Yuri, que revalida o galardón de Vaca Gran Campiona de Galicia que acadara por primeira vez o pasado mes de setembro en Lalín no Concurso Autonómico FEFRIGA 2021, celebrado en Feiradeza. Como Reserva Gran Campiona quedou outro animal da mesma gandería, en concreto Rey 747 July High Octane.
O recoñecemento para a gandería de nova participación foi para Gaigo, de Meira
De Rey 814 Beemer Yuri o xuíz do concurso destacou o seu equilibrio, profundidade corporal e calidade ósea, así como o seu ubre fino e a colocación dos pezóns. A gandería chairega propietaria fíxose tamén co título de Mellor Criador de Vacas e Mellor Criador de Xovencas, Mellor Descendencia de Vaca e Mellor Manexador do Concurso, que foi para Alberto Iglesia. Descarga aquí a listaxe dos gañadores de todas as seccións do Concurso FEFRIGA 2022

Media de 2.640 euros na poxa da Moexmu

Un momento da poxa celebrada na Moexmu, na que se venderon 5 animais Un total de 11 animais, entre vacas e xatas, puxéronse á venda na Poxa de Gando Selecto da Moexmu, das que se venderon de xeito efectivo 5. O prezo medio acadado foi de 2.640 euros.  O animal que máis valor logrou foi Midón Artemisa King Doc ET, da Gandería Midón, de Lalín, unha vaca de segundo parto cualificada como MB no primeiro parto, con 2.808 puntos ICO, 9.107 litros de leite co 4,04% de graxa e o 3,26% de proteína. Foi adquirida por 3.100 euros pola Gandería Xesteiro, ubicada en Langueirón, na parroquia de Meanos (Zas). 
Animal Gandería Prezo saída Prezo venda
Rey 1094 Denver Riviela ET Rey de Miñotelo (A Pastoriza) 1.500 € 1.900 €
Cundins Delirio Unstopabull Red ET Pistulario (Santa Comba) 2.500 € 2.600 €
Gracoza Sound System Renata 2 Lar de Gracoza (Cospeito) 2.500 € 2.800 €
Mantoño Tatoo Vendetta Mantoño Holstein (Barreiros) 2.300 € 2.800 €
Midón Artemisa King Doc ET Midón (Lalín) 2.300 € 3.100 €

“Estamos traballando para que o recinto da Moexmu acolla unha nova poxa de gando no mes de xullo”

José Manuel Rus, na entrada ao recinto feiral Manuel Vila López, onde ten lugar a Moexmu José Manuel Rus Rodríguez (Muimenta, 1976) leva 24 anos na xerencia da Moexmu, unha das citas de referencia para o sector agrogandeiro galego e onde este sábado se disputarán o título as mellores xatas, xovencas e vacas leiteiras da comunidade. A Mostra Exposición que desde 1985 se celebra na Terra Chá non se puido levar a cabo os últimos dous anos por mor da covid-19 pero este ano retoma a súa celebración reforzada co respaldo de acoller por primeira vez na súa historia o Concurso Autonómico de Gando Fefriga 2022. A iniciativa, posta en marcha polos empresarios de Muimenta para dinamizar a vida da localidade, acolle este venres, sábado e domingo, un completo programa de actividades centradas na produción de leite e de carne, dous dos piares económicos da zona, e que volverán reunir no recinto feiral Manuel Vila López a numeroso público durante toda a fin de semana. – Supoño que xa tendes todo listo – Está todo a punto, aínda que dous anos sen facer a Moexmu notouse en canto ao mantemento das infraestruturas. Temos que agradecer o traballo dos veciños e do persoal do Concello no acondicionamento do recinto. Tamén se acometeron melloras importantes no pavillón das vacas.   Ademais da implicación dos empresarios de Muimenta, a Moexmu non sería posible sen a colaboración de Administracións públicas (Concello de Cospeito, Deputación de Lugo e Xunta de Galicia), asociacións de gandeiros (Africor Lugo ou Acruga) e empresas (Progando, De Heus, Clun, Hermanos Falcón, Agroamb, Abanca, Caixa Rural Galega, Xenética Fontao ou Cadena Cope), aos que queremos agradecer un ano máis a súa confianza. – Que poderemos ver na Moexmu deste ano? – Hai máis de 25.000 metros cadrados adicados a exposición, dos que case 15.000 serán ocupados por maquinaria nova e usada, coches e motos. En total, hai reservado espazo para aproximadamente uns 100 expositores, que non só veñen das catro provincias galegas senón tamén de Asturias, Salamanca, León, Zamora, Cáceres, Guadalajara, Zaragoza ou Madrid.
Hai máis de 25.000 metros cadrados adicados a exposición, dos que case 15.000 serán ocupados por maquinaria nova e usada
Unha vez máis o recinto feiral quedou pequeño para acoller a todos os expositores. As máis de 30 parcelas do recinto feiral están todas cubertas, polo que tivemos que amplialo con parte da pista que o rodea, mantendo e incrementando deste xeito o espazo de anos anteriores. Ademáis de maquinaria, tamén teñen cabida pensos, fertilizantes, produtos fitosanitarios, xardinería, recambios, etc., coa presenza de históricos da Moexmu como Hermanos Falcón, Solyt ou Saiga, por poñer algún exemplo.  
O prezo da entrada é de 3 euros para toda a xornada e os menores de 12 anos non pagan
Os stands fixos do recinto feiral, uns 60, todos a cuberto, estarán ocupados por artesanía popular galega, produtos galegos de calidade, viños, mel, utensilios agrícolas e gandeiros, etc. Dentro da artesanía destacan cerámica, bordados, ferrería, cestería, restauración de mobles, coiro, pintura, manualidades ou antigüidades, mentres que nos produtos de alimentación haberá queixos de San Simón, embutidos, pastelería ou produtos ecolóxicos.
A Moexmu ten sempre unha parte reservada para a artesanía e a alimentación
Este ano permanecerá aberto tamén o Museo da Zoca e o museo pedagóxico da Escola Vella, ubicados no campo da Igrexa Vella para que toda a xente que os desexe visitar o poidan facer tanto o sábado coma o domingo. A entrada é de balde e está atendido pola directiva da asociación de xogos tradicionais de Muimenta (Xotramu).
O pregón correrá a cargo de Antón Losada, profesor da USC, analista político e colaborador habitual de numerosos medios de comunicación
Tamén haberá exposición de traxes tradicionais galegos nas oficinas da Moexmu, así como pezas de cantería, pertencentes ao Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo, que trasladará a Muimenta unha parte das súas coleccións, e o pregón inaugural correrá a cargo de Antón Losada. Vista aérea do recinto feiral da Moexmu nunha edición anterior – Haberá tamén presentación de novidades técnicas para o sector – As empresas teñen na Moexmu un bo escaparate para chegar ao seu público e moitas delas aproveitan para presentar novidades aos seus clientes. Por exemplo, o venres pola tarde terá lugar no centro sociocultural de Muimenta unhas xornadas técnicas para gandeiros organizada por Severiano Agrocomercial e Hermanos Falcón traerá á Moexmu a súa liña de produtos ecolóxicos Phytogrape, que toma como base o bagazo de uva e foi desenvolvida en colaboración coa Universidade de Santiago.
As empresas teñen na Moexmu un bo escaparate para chegar ao seu público
Gústanos ademais que haxa presenza de empresas locais e este ano haberá dúas empresas novas, Innogando co seu colar GPS Rumi e Tecgal Enerxías, especializada en enerxías renovables e eficiencia enerxética nas explotacións. Ademais, en canto a maquinaria, Flielg Ibérica presenta o novo tractor Kubota M7173 KVT e unha telescópica da marca BOBCAT e Agrícola Acevedo presentará un robot de muxido, o R9500-DairyProQ da marca GEA.  O concurso de gando ten lugar no pavillón das vacas e congrega a numeroso público O Concurso de gando é un ano máis unha das actividades estrela da Moexmu – Levamos unha década sendo o único Concurso de Gando que se celebra na provincia de Lugo. Volverá desenvolverse, igual que acontece desde o ano 2005, no polideportivo do recinto feiral, e existen a maiores dúas naves habilitadas para o gando e unha zona específica de lavado. O Concurso será o sábado durante todo o día, pola mañá as xatas e xovencas e pola tarde as vacas.
Haberá 24 seccións a concurso entre xatas, xovencas e vacas e participarán máis dun cento de animais
Hai en total 24 seccións a concurso, entre xatas, xovencas e vacas. Ademais dos premios de vaca e xovenca campiona Fefriga 2022, destacan galardóns como mellor gandería de nova participación, mellor rabaño, mellor descendencia de vaca e mellor Concello. A maiores, existen premios especiais de Xenética Fontao para fillas de touros do programa de mellora gandeira de Galicia. Nesta edición o premio para a gran vaca campiona será de 1.500€, doados en forma de produtos da empresa Progando. Para a xovenca campiona o premio será de 500€, repartidos a partes iguais entre Abanca e Caixa Rural Galega, mentres que para o mellor criador haberá un premio de 250€ froito das aportacións dos Empresarios de Muimenta.
A gandería da Pastoriza Rei de Miñotelo fíxose co triunfo na Moexmu nos anos 2014, 2015, 2016, 2017 e 2019
Este foi o mellor ano en canto a preinscricións de animais, cun total de 208, superando os 183 que houbera no ano 2002, coincidindo co cambio de data da Moexmu, que inicialmente se facía no verán xunto ás festas patronais. A valoración conxunta do gando presente no recinto feiral será de case 500.000 euros, o que dá idea da calidade dos animais. No concurso participarán 28 ganderías: 14 da provincia de Lugo, 10 da Coruña e 4 de Pontevedra. A inscrición supera a das edicións anteriores, aínda influíndo a situación pola que atravesa o agro e o rural galego e os gandeiros en particular, e a coincidencia de varios concursos de gando nun periodo de tempo curto.
O xuíz internacional portugués Henrique Moniz xulgará por primeira vez o Concurso da Moexmu
O xuíz portugués Henrique Moniz será o encargado de xulgar o Concurso. É a terceira vez que a Moexmu conta cun xuíz internacional. Henrique Moniz criouse na gandería leiteira Herdeiros de Elías Melo Moniz, que actualmente pertence á súa nai e aos seus tíos, e no 2007 entrou a traballar na Asociación Agrícola de São Miguel (Azores), onde coordinou o servizo de control leiteiro. Grazas a un convenio que se pon en marcha coa EFA Fonteboa de Coristanco, catro dos seus estudantes virán toda a fin de semana ao Concurso de Gando e tamén haberá casas comerciais de Santander, Burgos, León, Albacete ou Navarra, o que deixa ver a importancia que o Concurso de Gando de Muimenta ten a nivel estatal. Os oito membros da comisión organizadora da Moexmu 2022: José Darriba Hermida, Mari Celi Cruña Anllo, Julio Francos Grandío, Darío Freire Novo, José Ángel Maseda Canto, José Antonio Morán Puente, Guillermo Tojo Fuentes e José Manuel Rus – Supoño que non é nada doado neste momento xuntar cartos. Cal é o orzamento necesario para levar a cabo unha cita como a Moexmu? – O orzamento total da Moexmu deste ano ronda os 125.000 euros, sen contar o traballo que, sen ningún tipo de remuneración, leva a cabo a comisión organizadora, os vecinos de Muimenta e o persoal do Concello. Só o Concurso de Gando lévase 75.000 euros, a metade do orzamento total da Moexmu, e repartiranse 25.000 euros en premios, tanto en metálico como en especie.
O orzamento total da Moexmu deste ano ronda os 125.000 euros e só o Concurso de Gando lévase a metade
Este ano increméntanse os premios por sección, que serán de 125, 100, 75, 50 e 25€ para os cinco primeiros clasificados. Realízase un gran esforzo, en especial nestes tempos de crise económica e de dificultade para captar recursos.
Repartiranse 25.000 euros en premios, tanto en metálico como en especie
Existen un total de 6 gradas habilitadas para que o público poida seguir o concurso, con capacidade para máis de 1.000 persoas sentadas, máis dúas gradas máis que se solicitaron á Semana Verde de Silleda. Ao rematar o Concurso de Gando terá lugar a poxa de gando selecto, no que se venderán 13 animais de alto valor xenético pertencentes a algunhas das mellores ganderías de Galicia. Estamos traballando tamén para que haxa outra poxa en Muimenta no mes de xullo. – Cambiou moito a Moexmu desde os seus comezos? – Cambiou moito, mesmo de data. Inicialmente era no mes de xullo, coincidindo coas festas do pobo, pero optouse por pasala á primeira fin de semana de abril para repartir máis as actividades que se organizan ao longo de todo o ano.
Os empresarios de Muimenta organizan tamén outras actividades ao longo do ano, como a Festa da Filloa, declarada de Interese Turístico Galego, o Concurso de Tapas ou a campaña para as compras de nadal
Mantemos a mesma filosofía coa que se creou, a de servir de escaparate ao sector agrogandeiro da Terra Chá, e, nese sentido, a Moexmu foi evolucionando ao mesmo tempo que o foi facendo o propio sector. Nesta zona foron desaparecendo moitas explotacións pero as que quedan fóronse profesionalizando e somos unha das comarcas con máis produción de leite de Galicia. Botamos en falta quizais maior participación das ganderías locais no Concurso de Gando pero entendemos que a situación actual do sector leiteiro non anima moito a facelo. Ademais, un dos problemas comúns a todas as explotacións é que falta man de obra e acudir a un certame deste tipo require tempo e dedicación.

Programa da Moexmu 2022 e listaxe das ganderías participantes

Gandería Rato, entre os mellores criadores galegos de vacas frisoas de altas cualificacións

En setembro do ano pasado, o concurso morfolóxico da raza frisoa Feiradeza, convertíase no primeiro certame de gando frisón que se celebraba en Galicia tralo inicio da pandemia. A cita contaba ademais con outro atractivo: acollía o XXIV Concurso Autonómico Fefriga 2021. Unha das vacas gañadoras da xornada foi Baroncelle Sidekick Patty ET que se proclamaba Vaca Gran Campioa de Feiradeza e quedaba a piques de converterse tamén na mellor de Galicia, cun segundo posto. Non foi o único premio para este animal, que se clasificou como campioa das vacas novas, tanto en Feiradeza como de Galicia no certame de Fefriga. Esta vaca gañadora chegaba dende Rodeiro (Pontevedra), procedente da Gandería Rato, situada no lugar de Baroncelle, na parroquia de Carboentes. Esta granxa familiar centrada na produción de leite con vacas de raza frisoa, foi tamén elixida como mellor criador do certame. Ademais, nesa edición de Feiradeza resultaran premiadas outras vacas da gandería rodeirense como Baroncelle Mark Mona, na sección de vacas intermedias. “Non pensábamos en ter tan bos resultados cos nosos animais neste concurso”, recoñece Alejandro Carral Fernández, o membro máis novo desta gandería familiar á que se incorporou formalmente hai case 3 anos e na que tamén traballan seus pais, José Carral e Mónica Fernández.
“Participamos nos certames porque a min me apaixonan estas competicións e todo o que ten que ver con elas. Meus pais antes non participaban”
Ese non foi o primeiro ano no que a Gandería Rato se facía un oco nos certames de gando frisón. Outros animais coma a vaca Baroncelle Mallinger Soraya xa destacara tamén outros anos, converténdose na xovenca gran campioa en Feiradeza no 2018, unha edición na que lograran tamén recoñecementos por outras vacas en distintas seccións. “A primeira vez que participei nos certames foi hai uns 8 anos e comezamos a gañar premios destacados no 2016”, recorda o gandeiro. Porén, Alex indica que “participamos nos certames porque a min me apaixonan estas competicións e todo o que ten que ver con elas. Meus pais antes non participaban”, recorda. Súa nai recoñece que nas primeiras edicións non lle gustaba que Alex participase polo temor a que puidese mancarse durante o manexo do gando. Alex comezou a participar en certames xa no 2013. Daquela fíxoo da man doutra gandería de Rodeiro, Casa do Rei, na que estaba a desenvolver a formación práctica do ciclo agrario en Produción Agropecuaria que estudara no Centro de Capacitación Agraria de Sergude (Boqueixón). Dende aquelas primeiras veces soubo que quería seguir participando, pero facéndoo cos seus propios animais.
“Non é só participar co gando no certame, senón todo o traballo previo de preparación que hai que facer. Así como o esforzo por mellorar na gandería e contar con animais cunha boa xenética e aptitudes”
“Non é só participar co gando no certame, senón todo o traballo previo de preparación que hai que facer, así como o esforzo por mellorar na gandería e contar con animais cunha boa xenética e aptitudes”, indica o gandeiro. No certame, Alex recoñece que vive unha mestura de emocións, dende os nervios previos e propios do momento da competición ata a satisfacción cando algún dos seus animais logra unha boa clasificación. A súa intención é seguir competindo. Céntrase en acudir ó certame da comarca, Feiradeza, así como ós certames rexionais e nacionais da raza Frisoa. Agora prepárase xa para a cita de Muimenta, A Moexmu, que se celebra a comezos de abril e acolle este ano o Concurso Autonómico de Gando Frisón Fefriga 2022. Vacas en produción na gandería. Aposta polas frisoas Nesta gandería en intensivo, todo o rabaño está integrado por vacas frisoas. Para chegar a contar con bos animais, na Gandería Rato están a apostar pola raza pura. “Gústanme as características produtoras desta raza, para min é a mellor opción, ata o punto de que se teño que traballar con outra raza creo que non seguiría coa gandería”, explica o gandeiro. Por iso, descarta outro tipo de cruzamentos na súa granxa para a cría de xovencas. Levan anos traballando coa mellora xenética e seleccionando touros canadenses e americanos. “Procuramos animais con boas ubres e patas, así como cunha boa produción de leite e calidades como a graxa”, indica Carral. Para lograr estes obxectivos están empregando sobre todo touros xenómicos. “O 80% das doses que empregamos son de touros xenómicos”, concreta. Ademais, empregan semen sexado. Adoitan vender aquelas becerras que crían, así como xovencas próximas ó parto ou vacas paridas, en función das necesidades de espazo que vaian tendo na granxa. “Agora mesmo estamos moi limitados de espazo, polo que temos que quedarnos só cos animais para os que temos praza. Imos vendendo en función das necesidades de espazo que teñamos”, explica. Polo xeral, estes animais véndenos directamente a gandeiros, porén algunhas das súas becerras tamén teñen como destino centros de recría, coma aconteceu a comezos de ano con 10 xatas que lle mercaron dun centro de recría coruñés. A recría téñena en cama quente e divididas por lotes. Mentres, as vacas en produción están en camas de serradura de madeira e carbonato cálcico. Tamén adoitan facer algunhas inseminacións con cruces de carne, para lograr rendibilidade por esta vía. “ Estamos inseminando con Azul belga, xa que tamén probamos con Angus, pero os tratantes estábannolos pagando case como se fosen becerros frisóns, polo que non compensaba apostar por esa raza”, comenta o gandeiro.
Inseminan con cruces de carne como Azul belga logo de probar con Angus e non lograr prezos competitivos
Mónica, a nai de Alex, é nestes momentos outra peza fundamental da gandería de leite, xa que ela encárgase principalmente do muxido do gando, así como en colaborar coa alimentación e o coidado da recría. Entre os plans de futuro da gandería atópase a inversión nunha nova granxa que lles permita un manexo máis cómodo do gando. “Agora mesmo estamos muxindo unhas 65 vacas, e ó ter circuíto de muxido lévanos arredor dunhas 2 horas e media de cada vez”, indica. Por iso, contemplan xa que as novas instalacións dispoñan dun robot de muxido coa que facilitar esta tarefa. Xunto coas vacas en produción, teñen uns 50 animais de recría e arredor dunhas 15 vacas secas, que completan as 130 cabezas de gando que integran esta gandería. Teñen unha produción media duns 34 litros por vaca e unhas calidades de 4,1 % de graxa e 3,35 de proteína. En canto ó reconto celular sitúase arredor de 120.000 células somáticas e por debaixo das 17.000 unidades formadoras de colonias en bacterioloxía. Nos últimos tempos están apostando por comezar a producir leite A2 e este é un criterio máis na selección xenética dos seus animais. “Queremos seguir mellorando a xenética en cada xeración”, sinalan os gandeiros. No seu obxectivo por mellorar a xenética dos animais do rabaño, colaboran estreitamente con outras gandería da zona como Casa do Rei, así como SAT Carballeiras (de Lalín) ou a gandería de Alberto Medina, situada en Asturias. “Temos algúns animais mercados a medias que empregamos para a extracción de embrións de alto valor xenético”, apunta. Na gandería manexan unhas 40 hectáreas de terreo. Nunhas 15 hectáreas cultivan millo forraxeiro, mentres que no resto teñen pradeira permanente. Para unha boa parte das tarefas agrícolas botan man da Cooperativa O Rodo, da que son socios. “Teñen un moi bo servizo de maquinaria”, recoñecen os gandeiros. A ración do gando en produción adoita ser de 25 quilos de millo, outro tanto de silo de herba e uns 11 quilos de penso.
A avicultura, aposta pola diversificación Dende hai case 3 anos, contan tamén cunha granxa de polos. “Buscamos diversificar para non centrarnos só no vacún, aínda que a min o que me gustan son as vacas e polas que quero adicarme á gandería”, comenta Alex. Así, do coidado da gandería avícola encárgase o seu pai, José Carral e tanto Alex coma súa nai colaboran en momentos puntuais de maior carga de traballo. As instalacións están dotadas coas comodidades tecnolóxicas para alimentación e coidado das aves. Dispoñen de alimentación automatizada e sistemas de control da temperatura e ventilación tamén informatizados. “No momento da instalación eran sistemas punteiros tanto de alimentación como de ventilación e calefacción”, explica José.
“Coa nave de polos buscamos diversificar para non centrarnos só no vacún”
Teñen capacidade para uns 32.000 polos e adoitan criar unhas 5 camadas cada ano. “O primeiro ano criamos 5 camadas, despois baixáronnos media” indica José. Trátase dunha granxa integrada por Coren, que é quen lles subministra tanto os pensos como os animais, que lle chegan só cun día de vida. O ciclo de cría dos polos é de 35 días para os que se consumirán asados e de 47 días para os comercializados de xeito convencional. A integradora tamén se encarga de proporcionar os coidados e tratamentos sanitarios que poidan precisar. Así, José supervisa a diario o benestar dos animais varias veces ó día, ademais de responder ás alarmas que lle poidan xurdir nos sistemas automatizados. A granxa de polos permítelles tamén dispoñer dun fertilizante óptimo para a pradeira e os cultivos forraxeiros da gandería de vacún, o que lles ofrece un aforro de custes ó tempo que aseguran que as necesidades dos cultivos están cubertas.

Programa completo da Moexmu, a cita para o sector gandeiro o 1,2 e 3 de abril

Un momento do concurso de gando nunha edición anterior da Moexmu

A Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), retoma a súa celebración tras dous anos de pandemia, que obrigaron a suspender as citas do 2020 e 2021. A edición deste ano, que terá lugar na data habitual, a primeira fin de semana de abril, volve por todo o alto, cun programa que inclúe as habituais exposicións de maquinaria e artesanía, a poxa de gando selecto e o concurso morfolóxico, que por primeira vez na súa historia terá carácter autonómico.

Así, o Concurso de Gando Frisón da Moexmu, que cumpre a súa 38 edición, dará este ano un salto de calidade ao converterse no certame de referencia en Galicia, pois o recinto feiral Manuel Vila López acollerá o sábado 2 de abril, coincidindo coa Moexmu, o Concurso Autonómico de Raza Frisona Fefriga 2022.

O certame da Moexmu cumpre 38 edicións e é o único que se mantén na provincia de Lugo

O certame da Moexmu é hoxe o único concurso de gando que se celebra na provincia de Lugo, logo de que outros semellantes foran decaendo e acabaran por desaparecer. O de Muimenta, sen embargo, mantén o seu prestixio, atraendo ano tras ano a animais de ganderías de toda Galicia e acadando nesta edición un récord de participación.

Este ano participarán un total de 208 animais pertencentes a 28 explotacións galegas das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra. No recinto feiral Manuel Vila López poñerase deste xeito de manifesto o alto nivel xenético e morfolóxico dos animais criados en Galicia e potenciarase a orientación dos gandeiros máis novos cara a unha selección rendible e correcta da súa cabana.

A celebración do 30 Concurso Autonómico de Raza Frisona na Moexmu 2022 constitúe un verdadeiro respaldo de todo o sector á feira de Muimenta e ás actividades que desde o ano 1987, ano da celebración do primeiro Concurso de Gando na Moexmu, levan a cabo os empresarios da localidade a través da comisión organizadora.

O rival a bater será un ano máis a gandeiría Rey de Miñotelo, da Pastoriza, á que nas últimas 6 edicións da Moexmu só se lle escapou a vitoria no ano 2018, destronada por Manteiga SC, de Vila de Cruces

O rival a bater será un ano máis a gandeiría Rey de Miñotelo, da Pastoriza, á que nas últimas 6 edicións da Moexmu só se lle escapou a vitoria no ano 2018, destronada por Manteiga SC, a explotación ubicada no concello pontevedrés de Vila de Cruces.

A Federación Frisona Galega celebrou a última edición do Concurso Autonómico no mes de setembro de 2021 en Lalín, coincidindo con Feiradeza, onde tamén se alzou co triunfo Rey de Miñotelo. A efectos do concurso autonómico só poderán participar animais nacidos en Galicia e propiedade de gandeirías galegas. 

Demostración da preparación das vacas a concurso

Outra das novidades deste ano será unha demostración de pelado e preparación do gando a concurso. Terá lugar o venres pola tarde, a partir das 5, e está organizado polo Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia. “A preparación das vacas e xovencas é unha actividade que habitualmente non se fai á vista do público, pero nesta ocasión quixemos incluír no programa esta labor que resulta fundamental para que os animais luzan o día do concurso”, explica José Manuel Rus, coordinador da Moexmu. 

A inauguración oficial da Moexmu terá lugar o venres ás 7 da tarde e correrá a cargo de Antón Losada

Durante toda a xornada do sábado desenvolverase o Concurso Autonómico, que celebra este ano a súa 30 edición. Pola mañá, a partir das 10 e media, xulgaranse as xatas e xovencas, en distintas categorías en función da súa idade, mentres que a partir das 3 da tarde será o turno das vacas en lactación. 

O programa da Moexmu incluirá tamén o certame de xóvenes manexadores, unha das actividades habituais da feira de Muimenta, que terá lugar o domingo pola mañá, a partir das 11 e media, antes da entrega de premios, prevista para a 1 da tarde. Repartiranse máis de 15.000 euros en premios, que inclúen Xovenca e Vaca Gran Campiona, Mellor Criador de xovencas, Mellor Criador de vacas, Mellor Manexador e Mellor Gandería de nova participación, tal como se recolle no Regulamento do certame.

Poxa de gando selecto de ganderías galegas

Un momento do certame de Xóvenes Manexadores que ten lugar durante a Moexmu

Dado o carácter autonómico do certame deste ano en Muimenta, haberá tamén unha poxa de gando frisón organizada por Fefriga. Será o sábado ás 6 da tarde, unha vez rematado o Concurso Autonómico.

“Imos aproveitar a ocasión para realizar unha poxa de animais singulares, unha poxa que sirva a compradores e vendedores, ofertando un escaparate onde os criadores que están realizando un intenso traballo de selección poderán ofertar os seus animais, buscando unha valorización dos mesmos que lles permita continuar traballando nesa liña, así como unha oportunidade para adquirir animais singulares para a súa explotación, animais procedentes de liñas xenéticas das que non dispoñían, animais cun elevado potencial xenético que lles permita ir mellorando o seu rabaño dun xeito máis rápido”, explican desde Africor Lugo.

A entidade presidida por Manuel Sandamil estableceu uns criterios de admisión para esta poxa co obxectivo de garantir a calidade dos animais en venda. Como criterio base todos os animais ofertados cumplirán con algún dos requisitos seguintes:

  • Animal de alto valor xenético:
    – Percentil 90 para ICO ou GICO
    – Percentil 95 para outros índices de selección (ICU, IPP, IGT ou índices económicos)
  • Animal de excepcional morfoloxía:
    – Animal con 4 ou máis xeracións MB ou EX no seu pedigree.
    – Animal cualificado MB ou EX.
  • Animal descendente dunha vaca estrela ou medalla de ouro.
  • Animal que conte no seu pedigree con algún campionato nacional ou rexional.
  • Animal descendente dunha vaca que resultase distinguida como primeira por produción nalgunha provincia por algunha das súas lactacións.

Exposición de Raza Rubia Galega e Campionato Can de Palleiro

Momento da entrega de premios na última edición celebrada da Moexmu, no ano 2019

Como é habitual tamén, a Moexmu incluirá ademais unha Exposición de Gando de Raza Rubia Galega e, do mesmo xeito, o domingo pola tarde terá lugar no recinto feiral Manuel Vila de Muimenta, a partir das 16:30 horas, o IV Campionato de raza Can de Palleiro, que está reservado a cans maiores de 3 anos inscritos no Libro de Orixes da Xunta de Galicia.

O certame é puntuable para o XVI Monográfico Can de Palleiro 2022 e para apuntarse debe enviarse un email cos datos do animal a candepalleiro@clubcandepalleiro.com. Pode obterse máis información na páxina web www.clubcandepalleiro.com.

Este venres remata o prazo de inscrición para participar no Concurso Autonómico FEFRIGA 2022

Vaca Gran Campiona FEFRIGA 2021 no certame celebrado en Feiradeza Últimos días para poder participar no Concurso Autonómico de Raza Frisona FEFRIGA 2022. Este venres, 25 de febreiro, remata o prazo de inscrición aberto para que as ganderías que desexen tomar parte no certame poidan anotar as súas vacas, xatas e xovencas. Coincidindo coa Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), o recinto Manuel Vila López acollerá a primeira fin de semana de abril o Concurso Autonómico, que alcanza a edición número 30.
A celebración do Certame Autonómico constitúe un verdadeiro respaldo ás actividades organizadas na Moexmu e ao Concurso de Gando celebrado en Muimenta desde o ano 1987
Tal como se establece no Regulamento do certame, no que tamén se detallan os premios, tan só poderán participar no Concurso FEFRIGA 2022 animais nacidos en Galicia e propiedade de ganderías galegas. A inscrición dos animais debe realizarse en AFRICOR Lugo, a través do teléfono 982250714 ou do email xerencia@africorlugo.com. Campionato Can de Palleiro Do mesmo xeito, o domingo 3 de abril terá lugar na Moexmu, a partir das 16:30 horas, o IV Campionato de raza Can de Palleiro, que está reservado a cans maiores de 3 anos inscritos no Libro de Orixes da Xunta de Galicia. O certame é puntuable para o XVI Monográfico Can de Palleiro 2022. Pode obterse máis información na páxina web www.clubcandepalleiro.com e para apuntarse debe enviarse un email cos datos do animal a candepalleiro@clubcandepalleiro.com. Como é habitual, a Moexmu incluirá ademais unha Exposición de Gando de Raza Rubia Galega e a 26 edición da Poxa de Gando Selecto organizada por Acruga.

A Moexmu acollerá o vindeiro ano o Concurso Autonómico de Gando Frisón FEFRIGA 2022

A Moexmu, a Mostra Exposición que se celebra desde o ano 1987 en Muimenta, no concello lugués de Cospeito, volverá celebrarse o vindeiro ano logo do parón obrigado pola pandemia nas dúas últimas edicións. O certame trae ademais novidades de cara á edición do 2022, a trixésimo oitava, na que potenciará o seu concurso de gando. Así, o Concurso de Gando Frisón da Moexmu dará un salto de calidade ao adquirir, por primeira vez na súa historia, carácter autonómico. O recinto feiral Manuel Vila López acollerá deste xeito na primeira fin de semana de abril, coincidindo coa Moexmu, o Concurso Autonómico de Raza Frisona Fefriga 2022.
O certame da Moexmu é hoxe o único concurso de gando que se celebra na provincia de Lugo
O certame da Moexmu é hoxe o único concurso de gando que se celebra na provincia de Lugo, logo de que outros semellantes foran decaendo e acabaran por desaparecer. O de Muimenta, sen embargo, mantén o seu prestixio, atraendo ano tras ano a máis dun cento de animais de gandeirías de toda Galicia.
Os organizadores queren aumentar a contía dos premios a repartir para animar a participación das gandeirías
O nivel do concurso da Moexmu está fóra de toda dúbida, convertido nun dos máis prestixiosos de Galicia a día de hoxe. O esforzo económico para a celebración deste concurso absorbe practicamente a metade do orzamento total da Mostra Exposición de Muimenta e só en premios repártense máis de 12.000 euros, unha contía que a organización quere aumentar o vindeiro ano para animar a participación das gandeirías. Animais nados en Galicia e propiedade de gandeirías galegas A celebración do 30 Concurso Autonómico de Raza Frisona na Moexmu 2022 constitúe un verdadeiro respaldo de todo o sector á feira de Muimenta e ás actividades que desde o ano 1987, ano da celebración do primeiro Concurso de Gando na Moexmu, levan a cabo os empresarios da localidade a través da comisión organizadora.
O rival a bater será un ano máis a gandeiría Rey de Miñotelo, da Pastoriza, á que nas últimas 6 edicións da Moexmu só se lle escapou a vitoria no ano 2018, destronada por Manteiga SC, de Vila de Cruces
A efectos do concurso autonómico só poderán participar animais nacidos en Galicia e propiedade de gandeirías galegas. No recinto feiral Manuel Vila López poñerase deste xeito de manifesto o alto nivel xenético e morfolóxico dos animais criados en Galicia e potenciarase a orientación dos gandeiros máis novos cara a unha selección rendible e correcta da súa cabana.
A Federación Frisona Galega celebrou a última edición do Concurso Autonómico no mes de setembro en Lalín, coincidindo con Feiradeza
O rival a bater será un ano máis a gandeiría Rey de Miñotelo, da Pastoriza, á que nas últimas 6 edicións da Moexmu só se lle escapou a vitoria no ano 2018, destronada por Manteiga SC, a explotación ubicada no concello pontevedrés de Vila de Cruces. A Federación Frisona Galega celebrou a última edición do Concurso Autonómico no mes de setembro en Lalín, coincidindo con Feiradeza, onde tamén se alzou co triunfo Rey de Miñotelo

Escaparate do potencial gandeiro da Terra Chá

Tanto a Mostra Exposición como o Concurso de Gando teñen lugar no recinto feiral Manuel Vila de Muimenta A Mostra Exposición de Muimenta, a Moexmu, volverá ser os días 1, 2 e 3 de abril un escaparate de todo o potencial gandeiro da comarca da Terra Chá e unha cita ineludible para o sector primario da provincia de Lugo. Trátase dunha cita asentada e que mantén o seu poder de convocatoria, tanto a nivel de expositores e gandeirías participantes, como de público asistente, superando, nas últimas edicións celebradas antes da pandemia, as 15.000 persoas nos tres días nos que ten lugar.
Concellos como A Pastoriza, Cospeito ou Castro de Rei son dos máis gandeiros de Galicia, cunha importante especialización na produción de leite
Ano a ano a Moexmu non só mantén o seu nivel como escaparate do sector gandeiro, senón que suma novidades edición tras edición converténdoa nun referente a nivel galego. A súa feira multisectorial, que ocupa 15.000 metros cadrados, conta cun cento de expositores coas últimas novidades en maquinaria agrícola, e é parte central da Moexmu xunto co concurso de gando frisón, o único destas características que se celebra na provincia de Lugo. Engádense outros atractivos que xuntan moito público, como un concurso de novos manexadores organizado polo Club de Xóvenes Gandeiros, unha exposición de gando de raza rubia galega, que chega á súa 36 edición, e a poxa de gando selecto, que se comezou a facer fai 26 anos e que constitúe unha boa oportunidade para conseguir animais de grande valor xenético dalgunhas das mellores gandeirías da provincia de Lugo.

“É a vaca Gran Campiona de Galicia porque é un animal moi completo e moderno”

A gandería Rey de Miñotelo SAT (A Pastoriza-Lugo) foi unha das grandes triunfadoras do Concurso Autonómico Fefriga 2021 que se celebrou esta pasada fin de semana en Lalín coincidindo co concurso gandeiro Feiradeza. E é que ademais de seren premiados como mellores criadores de vacas ou lograr a distinción ao mellor lote de xatas, tamén conseguiron o galardón de Gran Campioa de Xatas e, sobre todo, o de Vaca Gran Campioa de Galicia que foi para Rey 814 Beemer Yuri.  Falamos con José Alberto Iglesia Vila, un mozo que tomou o relevo nesta gandería familiar, sobre Rey 814 Beemer Yuri e os seus plans para este animal. Foi unha sorpresa para vós o trunfo de Rey 814 Beemer Yuri como Vaca Gran Campioa de Galicia? Sabíamos que estaba entre as favoritas. É unha vaca non coñecida ata agora nos concursos pois pola situación do Covid non acudiu a certames o ano pasado. É unha vaca moi destacable, pois comparándoa incluso coas nosas que gañaron premios en anteriores concurso é moi superior. Cóntanos algo máis da historia deste animal.... Esta vaca naceu na nosa granxa e pertence a unha familia moi destacable: a súa nai, Rey 642 Yudi Doorman, foi gran campioa de Galicia en 2018 e nesta edición gañou gañou tamén na sección de vacas de máis de 65000 kilos de leite producidos, e tamén logrou o título de subcampioa de Galicia na sección de vacas adultas. Ademáis, é sobriña de Rey 747 July High Octane , a que foi gran campioa de Galicia e vaca gran campioa internacional de GandAgro e de Moexmu en 2019. Esta familia, por tanto, leva tres anos consecutivos dando vacas gran campioas de Galicia. Que aspectos valorou máis a xuíza á hora de elixir como gañadora a Rey 814 Beemer Yuri? Valorou que é unha vaca moderna, con moitísima calidade, con moi bo ubre e patas. Unha vaca moi completa e moi funcional, unha vaca co que se busca hoxe en día. Con este palmarés, supoño que xa estaredes traballando en comercializar a xenética deste animal... Máis que nada tivemos moito interese na compra de embrións da súa nai, pois foi campioa no 2018, agora ten esta filla que tamén resultou gañadora. Con esta vaca imos empezar a traballar para vender embrións e non descartamos vender algunha das 9 irmás que ten. De momento non temos aínda pechado ningún acordo con empresas, pero si temos falado de vender directamente a particulares. Ides competir con ela ao Concurso Nacional de Raza Frisoa que se celebrará en Xixón? Si, esa é a nosa idea. A vosa explotación non falla nos concursos de gando frisón. Que vos atrae máis deste tipo de certames? Empezamos picados pola curiosidade, primeiro foi en Muimenta, fomos gañando e iso anímate. Cando empecei lograr que unha das nosas vacas se situara entre as 5 primeiras do concurso autonomico xa consideraba que estaba moi ben. Pero son unha persoa á que lle gustan os retos e así foi como chegamos a gañar os tres últimos autonómicos e gañamos seis dos últimos dez en vacas gran campioas. A participar imos todos pero o que máis te anima é gañar. Co traballo que nos dá e o esforzo que facemos para asistir o que máis me motiva é quedar primeiros. Hai que ter en conta que, por exemplo, desta vez levamos 23 animais a concurso, cun esforzo económico importante e a carga de traballo extra que supón para os que quedan na granxa, polo que claramente imos a gañar. Este foi o primeiro certame galego de gando frisón que se celebra dende hai máis dun ano e a primeira vez que se celebra no pavillón Lalín Arena. Que impresións te levas? A pista de Feiradeza, do pavillón, é un privilexio. En comparación co que levo visto en Europa con diferencia está entre as mellores. Teñen unha sorte poder contar co Lalín Arena para este tipo de expectáculos. En canto á organizaciónestivo moi ben e aloxamento das vacas correcto.
“En Galicia aínda temos moito que mellorar, sobre todo na preparación do animais”
Comentaba a xuíza Martine Lambot que lle sorprendeu a alta calidade das vacas e que poderían competir en calquera certame europeo. Compartes esta reflexión? A miña opinión é que temos que mellorar moitísimo máis. Eu son unha persoa moi crítica, por exemplo a nosa vaca gañou porque era moi superior ao resto das miñas vacas, pero este domingo non saiu ao 100% das súas posibilidades, senón ao 60%. Era a primeira vez que saía da casa e non se adaptou ben, como nos gustaría. Dito disto, creo que temos que mellorar moito para competir fóra de Galicia. Aquí podemos crer que estamos moi arriba, pero cando imos a un concurso nacional e temos que competir cos mellores de España nótase que temos moito que mellorar. É certo que avanzamos moito pero aínda temos moita marxe de mellora, sobre todo no tema da preparación dos animais. Iso vese nos resultados do concurso nacional nos últimos anos. A veces parece que as ganderías que gañamos todos os anos somos os malos, e que como desincentivamos ao resto a participar, pero creo que temos que intentar mellorar todos e igualarnos por arriba, non por abaixo. Precisamos ter os mellores preparadores, os mellores manexadores e ser ambiciosos para que todos vaiamos mellorando. Estes concurso están moi ben como motivación, pero unha granxa de vacún de leite é unha empresa que ten que ser rendible. Como valoras a situación no sector? A situación está moi complicada para as ganderías de vacún de leite. É certo que a suba do gasóleo e da electricidade estanos afectando, pero onde claramente nos estamos a ver perxudicadas as granxas é na suba do penso. E isto pinta mal porque os prezos dos cereais seguen subindo, sen perspectiva de que baixen, pero os prezos do leite seguen igual, co que a nosa marxe estase afundindo.

Resultados completos do Concurso Autonómico Fefriga 2021 e Concurso Feiradeza