Archives

Convócanse as axudas para compensar os danos causados polo lobo e o xabarín nos cultivos e no gando

A Xunta de Galicia convocou hoxe as axudas para paliar os danos que provocan o lobo e o xabaril sobre o sector agrogandeiro, dotadas dun orzamento global de 2,06 millóns de euros. Estes incentivos poderán solicitarse a partir de mañá, 18 de xaneiro. En concreto, Diario Oficial de Galicia publicou, por un lado, a orde na que se establecen as bases reguladoras das subvencións para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para 2024. Cun orzamento asignado de 612.724 euros, estas axudas van dirixidas aos propietarios de gando afectado por ataques destes animais e que se comuniquen no teléfono 012 entre o 1 de outubro de 2023 e o 30 de setembro de 2024. Con carácter xeral, as contías das axudas variarán en función das especies afectadas e da súa idade, oscilando entre os 37,7 euros dun exemplar de gando ovino/cabrún adulto de 6 anos ou máis e os 2.598,7 euros dunha res bovina de raza autóctona de entre 2 e 6 anos. En todo caso, estes importes calcularanse en base ao baremo establecido na propia orde, pudendo incrementarse nun 10% no caso daquelas explotacións nas que se teña comprobada a aplicación de medidas preventivas de xeito favorable. A orde recolle tamén a posibilidade de sufragar os gastos veterinarios das reses que resulten feridas; os gastos de eutanasia acreditados, de ser necesaria esta medida; e os abortos que sufran as reses, como consecuencia do acto de depredación. Esta convocatoria inclúe tamén un importe adicional, en concepto de lucro cesante, para o gando bovino e ovino-cabrún reprodutor de carne e leite (femias), que oscilará entre os 9,1 euros (no caso dunha cabra femia adulta de entre 1 e 6 anos) e os 1.803,1 euros (para vacas de entre 2 e 6 anos).

Medidas fronte ao impacto do xabaril

Por outra banda, cómpre subliñar que hoxe tamén se publicou no DOG outra orde de axudas dotada de 1,44 millóns de euros co fin de paliar as consecuencias e o impacto que causan as incursións do xabaril sobre os cultivos agrícolas. Neste caso, subvencionaranse os danos producidos por esta especie entre o 11 de outubro de 2023 e o 10 de outubro deste ano e a contía máxima á que poderán optar os afectados será de 2.750 euros por explotación, variando o importe en función da superficie danada. Por último, cómpre indicar que hoxe tamén se publicou unha nova convocatoria de axudas por parte da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinadas a previr os danos producidos por determinadas especies de fauna silvestre, concretamente, o lobo, o xabaril e o oso. Neste caso, o orzamento global previsto suma 1,51 millóns de euros co seguinte detalle. A maior partida, 1 millón de euros, resérvase para a adquisición e mantemento de cans protectores e defensores do gando, pastores eléctricos e cerrumes móbiles de malla electrificada fronte ao lobo. No caso do xabaril, a dotación da convocatoria ascende a 490.000 euros, e para prever os danos ocasionados polo oso, o orzamento é de 20.000 euros, partidas destinadas, en ambos casos, a sufragar a compra de pastores eléctricos. En canto aos importes, os límites establecidos na propia orde son de ata 300 euros por can protector adquirido e de 200 euros para manutención —cun límite de 3 animais por explotación—; un máximo de 600 euros para a compra de ata 3 pastores eléctricos; e ata 800 euros por explotación para a compra de, como moito, 8 mallas electrificadas. Estas axudas para a prevención dos danos que causan o lobo, o oso e o xabaril nas explotacións agrícolas e gandeiras da Comunidade poderán solicitarse a partir de mañá e ata o vindeiro 19 de febreiro.  

FRUGA apunta que o problema co xabaril non se pode deixar en mans das asociacións de caza

A Federación Rural Galega (FRUGA) mostra a súa preocupación polo desleixo de funcións por parte do Goberno galego deixando nas mans das asociacións de caza o control do xabaril. Apuntan a aparición de danos sobre a actividade primaria e tamén cuestións de alarma social, seguridade viaria e protección civil, entre outras. Acusan á Xunta de tomar decisións por “oídas” ou polas noticias dos medios de comunicación, "é dicir, sen ningún rigor científico". Lembran ademais, que o anuncio da Consellería de Medio Ambiente de emerxencia cinexética afecta ao 80% do territorio galego, un total de 37 comarcas. FRUGA di non ter ningunha constancia da existencia da realización dun censo da poboación de xabaril, nin da súa estrutura piramidal de idades, entre outros aspectos moi importantes como as idades de reprodución das femias. A Federación declara levar anos inisistindo para que se realicen estudos deste tipo. Nun comunicado emitido aos medios, desde FRUGA din ser conscientes de que existe un grave problema social, económico e mesmo ecolóxico con esta especie, e evidentemente deixar a solución deste problema nas mans dun colectivo que emprega a caza como deporte ou afección, "non parece o máis axeitado, serio e rigoroso". Desta maneira, o executivo galego estaría obviando toda a responsabilidade propia da administración, e mesmo como se os propios cazadores fosen os responsables deste grave problema do medio rural e en ámbitos máis urbanos. Desta maneira, queren facer un chamamento aos cazadores para que non participen neste "ridículo esperpento ao que nos ten acostumados a Xunta de Galiza con este tema". FRUGA entende que os cazadores poden ser uns grandes colaboradores mais nunca poden ser os responsables de levar a cabo o control dunha posible “praga”. Porén, non sería a primeira vez, xa que no ano 2019 a Xunta tamén realizou unha declaración de Emerxencia cinexética "e catro anos despois estamos vendo claramente que foi un fracaso total e absoluto". Á parte, chama a atención que esta medida se tome a mediados de setembro cando gan parte dos froitos están recollidos, polo que ven esta medida como populista e con propósitos electorais coa proximidade das eleccións ao Parlamento de Galicia. Para rematar, desde RUGA reclaman que a Xunta non faga renuncia das súas responsabilidades, exerza as súas competencias e proceda a acometer a realización dun estudo para coñecer a situación da poboación e todos aqueles aspectos que axuden a tomar decisións obxectivas. Tamén piden que no caso de ser preciso, a Xunta teña a valentía política para a declaración de PRAGA do xabarín.

Pode solucionar a declaración de emerxencia cinexética o problema do xabarín?

A expansión do xabarín en Galicia levou nos últimos anos a un problema que xa presenta difícil solución. A falta de estudos concretos do seu censo, as cifras de danos confirman a dimensión do problema. O porco bravo xenera na comunidade arredor de 4.000 avisos de danos no agro ó ano, comunicados ó telefono 012, e uns 10 sinistros diarios nas estradas. A iso hai que unirlle a alarma social que crean as incursións da especie nas cidades e vilas, con esporádicos ataques a persoas. Para enfrontar a situación, a Consellería de Medio Ambiente vén de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia a terceira declaración de emerxencia cinexética do xabarín, que abrangue 37 comarcas e 248 concellos. É a declaración de emerxencia máis ambiciosa a nivel territorial e abre a porta á caza sen límite da especie durante todos os días da semana ata o 25 de febreiro, con inclusión de métodos non convencionais, como o uso de visores nocturnos, detectores de movemento ou comedeiros de atracción. Con todo, a declaración de emerxencia cinexética xera escepticismo tanto entre organizacións agrarias como entre os propios cazadores. Desde o agro considérase a declaración de emerxencia cinexética un parche, pois existe a convicción de que a caza social, a tradicional ferramenta de xestión da fauna salvaxe, xa é insuficiente para enfrontar o problema. Entre tanto, os cazadores lembran que as declaracións de emerxencia cinexética pasadas a penas sí lograron resultados adicionais nalgunhas zonas concretas, pois os Tecores carecen en xeral de capacidade e tempo para aumentar o esforzo tradicional de caza con días e batidas a maiores. Que cuestións cómpre ter en conta para abordar o problema do xabarín?. Por parte das organizacións agrarias, pedimos a opinión de Jacobo Feijoo, e por parte dos cazadores, de Antonio Mota, da Unión de Tecores de Galicia.
Jacobo Feijoo. Responsable de desenvolvemento rural de Unións Agrarias

“Non se lle pode pedir á caza social que arranxe o problema, a Xunta ten que ser a directora de orquesta”

“Levamos tres declaracións de emerxencia cinexética do xabarín e probablemente haberá unha cuarta, unha quinta e unha sexta, porque isto non é unha solución”, opina o responsable de Desenvolvemento Rural de Unións, Jacobo Feijoo. “É certo que temos que reinvindicar o papel da caza social como unha ferramenta de xestión da fauna e do propio equilibrio ecolóxico, pero o que non podemos é pedirlle ós cazadores que arranxen un problema de tal dimensión. Necesitamos que a Xunta actúe de directora de orquesta e planifique os controis de poboación da especie”, defende Feijoo. Planificación de obxectivos Desde a perspectiva de Unións Agrarias, é preciso que a Administración coordine cos Tecores uns obxectivos e prazos de animais a abatir, en función dun plan técnico. “En xeral, estamos tendo boa coordinación cos Tecores cando lles comunicamos a existencia de danos e a necesidade de controis, pero nos casos en que esa colaboración non exista, se a Administración detecta que un Tecor non cumpre cuns obxectivos que se marquen, quizais sexa preciso levar alí cazadores doutras zonas”, valora Jacobo Feijoo. Sobre os 4.000 avisos de danos que o agro comunicou o ano pasado á Xunta, Feijoo opina que son a "punta do iceberg". "Hai moita xente que non chama porque os danos comunicados xa exceden a contía da axuda que lle poden pagar, ou ben porque se cansan da situación ou, dada a reiteración de danos, só chaman puntualmente". Xaulas capturadoras de grupos familiares Entre as medidas a adoptar, a organización agraria considera tamén imprescindible o uso de xaulas capturadoras de maior dimensión ás que se están empregando na actualidade, de cara á captura de grupos familiares completos, sobre todo en zonas nas que a caza non é viable, como poden ser as áreas de viñedo do Ribeiro.
Antonio Mota. Unitega

“Tres días de caza á semana son suficientes, a solución non é aumentar os días de caza, hai que falar e consensuar acordos”

A declaración de emerxencia cinexética, que abre a porta a cazar en batida calquera día da semana, previa comunicación, é unha medida que os cazadores consideran “de cara á galería”. “En plena tempada de caza, tres días de caza á semana (xoves, sábados e domingos) e os festivos son suficientes. Abrir o melón a batidas os luns, martes, mércores ou venres parécenos desproporcionado, é unha cortina de fume”, valora Antonio Mota, secretario da Unión de Tecores de Galicia (Unitega). Como elemento positivo, Mota sinala que algunhas posibilidades que introduce a declaración de emerxencia cinexética, como o uso de visores nocturnos, poden ser parte da solución. “En Portugal vemos que están funcionando, polo que de cara ó futuro, os visores poden ser interesantes, sempre e cando se faga un uso seguro”. Dispoñibilidade dos cazadores e seguridade no rural A ampliación de días de caza é unha decisión á que Mota lle ve pouco percorrido, non só polas dificultades de dispoñibilidade das cuadrillas para buscar días adicionais de caza. Mota incide en especial na cuestión da seguridade. “No monte e no campo hai máis xente, a parte dos cazadores. É bo que os días de batidas de caza sexan os habituais, os coñecidos polos veciños, para evitar situacións de risco” -valora-. “Outra cousa son as esperas, que xa se podían facer todos os días”, lembra. Evitar un segundo conflicto na caza En relación ás demandas que chegan das organizacións agrarias, Mota sinala que en xeral hai entendemento con elas cando se sentan a falar, pero advirte de posibles conflictos adicionais. “Se falan de levar cazadores dunha zona a outra, estariamos probablemente creando tensións e conflictos onde non os hai. Temos xa un problema, que é o do xabarín, non creemos outro novo”, cuestiona. “Hai que dicir tamén que levamos dúas tempadas en que non percibimos un aumento das peticións de batidas excepcionais. Quizais o problema do xabarín se estabilizara e non vaia a máis, que é algo que xa está pasando noutras autonomías, como Aragón. Carecemos de estudos detallados da poboación da especie, pero quizais a súa curva de crecemento se estea parando, se non dobrando”, sopesa Antonio Mota.
"Levamos dous anos sen percibir un aumento de danos. Quizais esteamos dobrando a curva"
Afrontar situacións concretas: o caso do Ribeiro, Ribeira Sacra e Monterrei Mota é partidario de afrontar os casos de zonas concretas con problemas. Recoñece que o xabarín, e tamén o corzo, son un problema en zonas de viñedo como o Ribeiro ou a Ribeira Sacra, “e probablemente o vaian ser tamén en Monterrei”, apunta. “Son zonas nas que medrou a superficie de viñedos e onde, ao ser unha superficie agrícola intensiva, non se caza. Por tanto, aí a caza non é unha solución, haberá que valorar outras medidas”, subliña. Comarcas vitícolas como o Ribeiro presentan a singularidade de numerosos núcleos de poboación rodeados de viñas, nos que polas características do entorno, habitado e con plantacións e persoas traballando, a caza non é posible. Sobre a opción de que se empreguen xaulas para a captura dos exemplares nas comarcas vitícolas, Mota sinala que é unha posibilidade que Medio Ambiente descarta. “Quizais sexa unha medida efectiva, pero nas reunións Medio Ambiente considera inviable esa medida polos altos custos de xestión que lle ve. Non é só colocar as xaulas, é logo xestionar como residuo os exemplares que se capturen”, sinala Mota. Como vía para definir solucións, Mota é partidario de sentarse a falar para chegar a acordos. “O lugar podería ser unha comisión parlamentaria, con intervención de tódolos colectivos implicados”, apunta.

Claves da declaración de emerxencia cinexética

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe catro resolucións de Medio Ambiente, unha por provincia, coas correspondentes declaracións de zonas de emerxencia cinexética. Estas son as claves da medida: - Permítese abater ou capturar xabaríns sen límite de exemplares, prioritariamente femias adultas e subadultas. Tamén se permite abater crías e femias seguidas de crías. - Nos Tecores, as cazarías correspondentes a xornadas que non estean aprobadas no plan anual deberán ser comunicadas previamente á xefatura territorial competente en caza. - Nas zonas libres de caza, as cazarías estarán suxeitas a autorización e deberán pedirse con 10 días de antelación. Ata o 6 de xaneiro, poderanse autorizar cazarías os luns, martes, mércores, venres e sábados, sempre que non sexan festivos. Do 7 de xaneiro ó 25 de febreiro exclúense os sábados. - Na modalidade de espera, poden agruparse nunha soa comunicación varias xornadas, debendo indicarse expresamente as coordenadas dos postos fixos que se vaian ocupar. - Nos Tecores, poderase autorizar ós propietarios dos terreos afectados a realizar persoalmente, ou mediante terceiros, esperas, con autorización do titular do aproveitamento cinexético. - Permítese o uso de visores ópticos durante as esperas nocturnas, así como fontes luminosas. Tamén o uso de dispositivos electrónicos, como detectores de movemento ou controladores de horas de paso, para a posterior realización de esperas nocturnas. - Nos cultivos onde haxa danos, poderanse dispor cebadoiros con gran ou froitos, co obxectivo de aumentar a eficacia dos controis. Do mesmo xeito, permítese a captura en vivo dos xabaríns, con posterior sacrificio dos exemplares, de acordo co procedemento establecido pola Consellería de Medio Ambiente.

Declarada a emerxencia cinexética temporal polo xabarín en 37 comarcas galegas

A Directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, anunciou que a partir deste venres quedará declarada a emerxencia cinexética temporal pola presenza e os danos ocasionados polo xabaril nun total de 37 comarcas galegas. En concreto, durante a vixencia da declaración nestas comarcas permitirase abater ou capturar, sen límite de exemplares, xabarís de ambos sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas de calquera idade. “As circunstancias que se están a producir con relación ao xabaril facían necesario articular unha declaración excepcional deste tipo na procura de eliminar o risco e reducir o tamaño das poboacións da especie mediante a adopción de medidas que axuden a previr no posible futuros danos”, sinalou do Campo. Así mesmo, nas zonas en situación de emerxencia cinexética temporal será posible abater crías e femias seguidas de crías sempre e cando haxa unha autorización especial previa por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo co establecido na Lei de caza de Galicia. Ademais, habilítanse nestas zonas unha serie de ferramentas cinexéticas que contribúan ao control das poboacións do xabaril, como a ampliación dos períodos nos que se pode exercer a actividade cinexética, en xornadas que non estean aprobadas no correspondente plan anual de aproveitamento da tempada 2023-2024 dos tecores, ou a autorización para o uso de medios auxiliares —como visores ópticos, detectores electrónicos de paso ou presenza de animais e cebadoiros de gran ou froitos colocados nos cultivos danados— que favorezan a eficacia e o óptimo aproveitamento cinexético, faciliten a identificación dos exemplares e garantan a seguridade das persoas. De igual xeito, nas comarcas con declaración de emerxencia poderase autorizar aos propietarios afectados a realizar agardas ou esperas en terreos de réxime cinexético especial —persoalmente ou mediante terceiros— con autorización do titular do aproveitamento, así como outra serie de medidas que complemente a actividade cinexética regrada e o control dos danos da especie establecidos na resolución anual. As declaracións de emerxencia cinexética temporal nas áreas sinaladas inclúen os tecores e zonas libres onde se poderán desenvolver estas medidas extraordinarias e excepcionais. En total, a declaración abrangue 37 comarcas (12 na Coruña, 9 en Lugo, 11 en Ourense e 5 en Pontevedra) que comprenden 248 concellos (75 deles coruñeses, 54 lucenses, 87 ourensáns e 32 pontevedreses) e un 80,7 % da superficie total de Galicia. A vixencia destas resolucións estenderase desde este sábado, 16 de setembro —data de entrada en vigor das 4 resolucións— ata o 25 de febreiro do vindeiro ano, abranguendo así o período hábil de caza do xabaril na tempada 2023-2024. Con todo, poderá quedar suspendida antes no seu conxunto ou en parte do ámbito de aplicación, sempre previa resolución, de constatarse que desapareceron as causas que motivaron a declaración. Zonas sobre as que terá efecto a nova medida excepcional. // Fonte: Xunta de Galicia

Galicia renuncia a abatir lobos, mentres Asturias e Cantabria actúan para reactivar as extraccións

A inclusión do lobo no Listado de Especies en Protección Especial (Lespre), a partir de setembro do 2021, complicou o control de lobos en zonas con elevados danos ó gando. Ata daquela, entre Asturias e Cantabria viña executándose a extracción anual de arredor de 40 lobos, ben por medio de actuacións dos axentes ambientais, ben pola caza do cánido en batidas de xabarín que tiñan permitido abatir lobos. Desde o 2021, ambas comunidades traballan para reactivar as extraccións, que se esperan inminentes. A actual normativa que protexe ó lobo establece que as comunidades autónomas poderán autorizar extraccións “cando non exista outra solución satisfactoria”. É dicir, a normativa permite os controis se se demostra que nunha zona con elevados danos ó gando, as explotacións afectadas por ataques tiñan “aplicado axeitadamente medidas preventivas ou de protección do gando, e estas resultaron ineficaces”. A autorización farase sempre co matiz de que a extracción “non afecte negativamente ó estado de conservación favorable da especie”. O caso cántabro Sobre esa base, Cantabria procedeu a autorizar en xuño do 2022 extraccións de lobos en áreas problemáticas, se ben a medida foi logo suspendida de xeito cautelar polo Tribunal Superior de Justicia de Cantabria, previa denuncia dun colectivo ambientalista. O caso pechouse finalmente no mes de maio do 2023, desestimando o Tribunal a denuncia contra a autorización de extraccións, polo que se agarda que o Goberno cántabro volva a decretar autorizacións de extracción nas próximas semanas. O sector agrario da comunidade advirte de que os danos do lobo sobre o gando disparáronse no último ano, pois houbo máis de 2.400 reses mortas no 2022, segundo os datos oficiais, cando no 2020 foran pouco máis de 1.800. Así as cousas, as organizacións agrarias instaron esta primavera ó Ministerio de Transición Ecolóxica a axilizar os informes preceptivos que ten que emitir sobre a petición de autorizacións de extraccións. Son informes non vinculantes, pero en tanto non estean emitidos, o Goberno cántabro vese imposibilitado de decretar as autorizacións. Asturias En Asturias, o Goberno rexional aprobou tamén a extracción de lobos no Parque Nacional de Picos de Europa no verán do 2022, se ben o proceso está a retrasarse por choques entre o Goberno asturiano e o Ministerio de Transición Ecolóxica, que demanda garantías adicionais que demostren que a extracción non afectará negativamente á conservación da especie. Entre tanto, está a aumentar a conflictividade social, chegándose ó punto de que apareceron dúas cabezas de lobo na porta dun Concello o mesmo día da visita ó consistorio do presidente rexional. En Picos de Europa, os datos do Parque Nacional revelan que ata o 2021 viñan abatíndose unha media de 8 lobos ó ano, a metade por acción de axentes ambientais e a outra metade en batidas de xabarín. Esa cifra de 8 lobos / ano estímase que era un 20% da poboación do Parque, sen que se detectase un empeoramento dos censos da especie. Si que se recoñece que con extraccións do 30% dos exemplares, a especie vía reducida lixeiramente a súa reproducción, pero indícase que esa situación recuperábase en só dúas campañas, polo que se conclúe que o lobo ten unha alta resiliencia e capacidade reprodutiva, o que permite compatibilizar as extraccións coa conservación da especie. Situación en Galicia O caso de Galicia é distinto, pois na práctica a caza legal do lobo a penas era operativa na comunidade. Só se permitía a caza do lobo en batidas específicas por danos, con escasos resultados. Entre o 2010 e o 2020 abatíronse 11 exemplares en 60 batidas permitidas por danos ó gando, segundo os datos da Xunta. Por que ese escaso control do lobo en Galicia?. As dificultades que ten a caza do lobo en batidas específicas, pois trátase dun animal moi esquivo, xunto coa contestación animalista que tivo algunha das batidas por danos organizadas, facían que houbese poucas solicitudes de control de danos da especie cada ano. No sector, dáse como probable unha importante caza furtiva ou control furtivo con métodos ilegais, como velenos, como principal vía de control poboacional da especie. Co aumento de protección da especie, as batidas xa non semellan unha opción, se ben si sería posible que Galicia puxera en marcha protocolos como os establecidos en Asturias ou Cantabria. No caso cántabro, o Goberno decretou que as extraccións autorizadas de lobos deberían ser executadas por axentes do medio natural, ben en esperas -que poden ser nocturnas, con uso de focos, visores nocturnos e produtos atraíntes-, ben en batidas, cun máximo de 10 axentes armados e 30 participantes colaboradores (non armados), previamente autorizados. Consultada por Campo Galego, a Consellería de Medio Ambiente confirma que descarta aplicar controis do lobo en Galicia.

O agro demanda controis e apoio a medidas preventivas eficaces

O sector agrario en Galicia é partidario de que a Xunta proceda a executar controis en situacións de danos reiterados nos que se demostre un censo elevado de lobos na zona. “En Galicia, a caza nunca foi un instrumento de control poboacional do lobo, pero si que é necesaria para executar controis en zonas de elevados danos sobre o gando, onde fallasen os métodos preventivos”, valora o responsable de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo.
"En Galicia o lobo está a achegarse ás zonas habitadas. Estamos xogando á ruleta rusa" (Jacobo Feijoo)
“Estamos vendo zonas, como a Mariña lucense ou as Mariñas coruñesas, nas que as mortes de gando e cans prodúcense en terras preto das zonas habitadas. Esa situación hai que xestionala, pois o lobo tamén é un risco obxectivo para as persoas, sobre todo nenos ou persoas maiores. No pasado houbo mortes por ataques de lobos en Galicia -a última nos anos 80- e se perdemos un instrumento de control para afastar ó lobo do ser humano, estamos xogando á ruleta rusa”, sostén Jacobo Feijoo. Os problemas co lobo danse nun ciclo no que as políticas europeas promoven a extensificación do gando, o que aumenta os riscos de danos ós animais. “A parte dos controis, é preciso xestionar suficientes axudas para métodos de prevención e actualizar os criterios de indemnización, pois hai moitos animais, como xatos pequenos ou cabalos que quedan fóra das axudas porque non se atopan os corpos. Hai que buscar un sistema para compensar esas perdas, xa que os danos do lobo en Galicia están moi subestimados”, cuestiona. En Galicia, no último ano Medio Ambiente computou 2.436 reses mortas, unha cifra similar á cantabra, que ten catro veces menos lobos que Galicia. Medidas de prevención Joan Alibés, gandeiro de ovino e asesor especializado na prevención de ataques de lobo, é da opinión de que os controis do lobo non son unha solución, se ben considera que se outras comunidades teñen capacidade para facelos, Medio Ambiente tería que seguir ese camiño. “Se o gran cabalo de batalla da Consellería era que o Lespre non permitía extraccións e outras comunidades actúan para facelas, habería que concluír que os controis poden facerse pero que en Galicia non se queren facer”, valora.
"O lóxico sería que as ganderías contasen cunha convocatoria bianual de apoios a medidas de prevención, con prazos de execución razoables e fondos suficientes" (Joan Alibés)
A prioridade de acción para Joan Alibés pasa por destinar fondos suficientes para as medidas de prevención, con prazos de execución razoables. “Sería preciso, por exemplo, un sistema de convocatoria bianual de axudas, pois estes últimos anos, cando Medio Ambiente resolve as axudas de prevención, na parte final do ano, os gandeiros vense sen prazo para a compra de mastíns. E peor é o caso daqueles que queren executar un valado fixo, pois non hai tempo material no prazo que deixa a Consellería”, conclúe. Alibés incide ademais na necesidade dun asesoramento especializado na prevención de danos do lobo e lamenta que a Xunta renunciara ós 4,3 millóns de euros que o Goberno central tiña previsto destinar a medidas de prevención de danos en Galicia. A decisión da Xunta de non asinar a estratexia do lobo do Goberno central deixouna fóra do reparto de apoios.

Publicada a orde de caza 2023, coas medidas de control por danos no agro

A Consellería de Medio Ambiente vén de publicar a orde de caza 2023, na que se establecen as pautas a seguir para as medidas de control por danos no agro. O periodo de caza, con carácter xeral, será do 15 de outubro do 2023 ó 6 de xaneiro do 2024, en xoves, domingos e festivos, se ben con excepcións para outros días da semana en determinadas modalidades de caza. Como é habitual, as medidas de control de danos poderán solicitarse ao longo de todo o ano e Medio Ambiente valorará en cada momento se proceden ou non. A orde da Consellería establece que, co fin de reducir os danos na agricultura, gandería, silvicultura e na circulación viaria, así como na fauna e flora silvestre, poderanse acordar medidas de control por danos, para o que será preceptivo que os axentes ambientais comproben os danos existentes. Por especies, as principais medidas son as seguintes: - Xabarín. poderanse autorizar batidas, monterías, esperas ou recechos, incluso en zonas de veda de caza ou de adestramento de cans. As autorizacións de caza por danos serán inmediatas, non sendo preceptiva a comprobación dos mesmos, con independencia das comprobacións que poida decidir facer o servizo de Patrimonio Natural. - Corzo e cervo. Será requisito previo a comprobación dos danos, antes de autorizar a práctica cinexética. No caso das femias adultas, só se permite o seu control na modalidade de rececho. - Raposo. Procederase igual que para o corzo e cervo. - Aves. Poderase permitir a caza de aves que provoquen danos en cultivos agrícolas ou na fauna. Será preceptivo o informe do servizo provincial de Patrimonio Natural correspondente, no que se indicará se os danos foron causados ou non polas especies citadas. Se non fora posible establecer razonablemente a orixe dos danos, denegarase a solicitude. Cómpre lembrar tamén que nas xornadas de caza menor, xa está permitida a caza dalgunhas especies que causan danos no agro, como corvos, estorninos ou pegas. Lobo Por segundo ano consecutivo, o lobo queda excluído das medidas cinexéticas de control de danos, logo de que o Ministerio de Transición Ecolóxica incluíse ó lobo na Lista de Especias en Protección Especial. En calquera caso, na última década as batidas ó lobo por danos foron anecdóticas, cunha escasa captura de exemplares. As dificultades que ten a caza en batidas do lobo, un animal moi esquivo, xunto coa contestación animalista que tivo algunha das batidas por danos organizadas en Galicia, facían que houbese poucas solicitudes de control de danos da especie. No sector, dáse como probable unha importante caza furtiva ou control furtivo, con métodos ilegais, como velenos, como principal vía de control poboacional da especie, que na última década se mantén estabilizada en Galicia no entorno das 90 mandas, distribuídas por todo o territorio, salvo os núcleos metropolitanos de Vigo e A Coruña, e o Baixo Miño. Coa situación actual, as batidas de cazadores xa non semellan unha posibilidade en Galicia, se ben a regulación do Ministerio de Transición Ecolóxica si que permitiría que Galicia aplicase medidas de control da especie a través dos axentes ambientais, tal e como está a facer Asturias desde hai anos. A comunidade veciña establece os exemplares que poden abatir os axentes ambientais para controlar as poboacións do lobo. En Cantabria, o seu Goberno autonómico tamén insistiu no último ano en que continuará coas medidas de control da especie, pero Galicia polo de agora non se pronunciou en tal sentido.

As axudas polos danos causados polo lobo e o xabaril poderán pedirse a partir de hoxe

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, visitando unha explotación de bovino en Rodeiro Este xoves foron publicadas no DOG dúas ordes de axudas para, por un lado, implantar medidas preventivas fronte ao lobo, o oso e o xabaril en explotacións gandeiras, agrícolas e de autoconsumo, cunha dotación de 1,06 millóns de euros; e por outro, para contribuír aos custos derivados da instalación de valados fixos para protexer ao gando dos ataques do lobo, unha liña á que se destinarán 400.000 euros. A partir deste venres e durante o prazo dun mes, as ganderías poderán acollerse a estas novas convocatorias de axudas, grazas ás cales a Xunta mobilizará en 2023 algo máis de 1,4 millóns de euros só para apoiar ao sector na implantación de medidas efectivas que protexan as súas propiedades do impacto causado pola fauna silvestre coa que comparten o territorio.
O prazo para solicitar as axudas é dun mes
En concreto, entre as medidas de prevención subvencionables está a adquisición e manutención de cans para protexer e defender o gando (ata 300 euros por exemplar e 200 euros para gastos de alimentación, cun límite de 3 cans por explotación); a compra de pastores eléctricos (ata 600 euros para comprar como máximo 3 pastores); e a instalación de cerrumes con mallas electrificadas (8 mallas e 800 euros por explotación).
Subvenciónanse un máximo de 3 cans, 3 pastores eléctricos e 8 mallas electrificadas por explotación
Ademais das subvencións para prevención que se convocan no DOG deste xoves, no mes de decembro publicouse outra orde de axudas para compensar os danos ocasionados polo lobo, cun orzamento reservado de 646.000 euros, a mesma contía que en 2022. Medidas preventivas e indemnizacións fronte aos xabarís No caso das medidas fronte aos xabarís, o pasado 21 de decembro tamén se convocou a orde de subvencións para paliar o impacto deste tipo de incursións nos cultivos agrícolas ligados a explotacións profesionais e a propiedades particulares, cun orzamento inicial de 1,45 millóns de euros.
A contía máxima da axuda polos danos do xabarín será nesta ocasión de 2.750 euros por explotación, 250 euros máis que na convocatoria anterior
Subvencionaranse os danos producidos por esta especie entre o 11 de outubro de 2022 e o 10 de outubro deste ano e, como principal novidade, a contía máxima da axuda será nesta ocasión de 2.750 euros por explotación, é dicir, 250 euros máis que na convocatoria anterior. Ao orzamento destinado pola Xunta para indemnizar aos afectados polas incursións do xabaril nos seus cultivos hai que sumar tamén os 286.000 euros reservados para previr ou minimizar os danos dentro da orde de axudas que se publicou hoxe no DOG.

Medio Ambiente dá catro semanas para executar as axudas de prevención de danos da fauna salvaxe

Os beneficiarios das axudas de medidas de prevención para danos de fauna salvaxe vense metidos nunha carreira contrarreloxo, pois quédanlles menos de catro semanas para contratar, executar e xustificar as subvencións de danos de fauna salvaxe. No caso de actuacións de prevención contra danos do lobo con valados e peches fixos, a misión é case un imposible. Outras liñas, como a compra de pastores por danos do xabarín, de mallas móbiles ou de mastíns terán máis posibilidade de execución e xustificación en tempo. Desde Unións Agrarias piden que Medio Ambiente amplie os prazos, unha cuestión que semella complicada polos condicionantes burocráticos. A organización agrogandeira critica que a Consellería de Medio Ambiente atrasase case 6 meses a resolución desta liña de axudas e agora deixe só 4 semanas para que os beneficiarios poidan contratar, executar e xustificar as accións subvencionadas. A Consellería de Medio Ambiente, pola súa banda, sinala que o atraso da resolución das axudas debeuse a que tivo que tramitar un gran volume de solicitudes e a que tivo que pedir nalgúns casos documentación complementaria. A iso engade as inspeccións que precisaba facer en campo para comprobar as fincas nas que os gandeiros querían construír valados fixos. Ese traballo de inspección das fincas semella agora en balde, visto os prazos que deixa a Administración para levantar os valados. Dada a situación, Unións apela ó sentido da responsabilidade da administración autonómica para demandar que a Consellería que dirixe Ángeles Vázquez aprobe unha ampliación do prazo de xustificación das axudas para prevención de danos da fauna salvaxe. Co prazo de presentación de solicitudes finalizado o 21 de febreiro, Medio Ambiente debía ter feito pública a súa resolución no mes de maio, segundo Unións. A organización destaca que desde maio, as persoas beneficiarias terían contado con algo máis de catro meses para realizaren as obras ou actuacións subvencionadas e xustificar o gasto ante a administración. Porén, non foi ata esta semana que a Consellería fixo pública unha resolución que deixa ás explotacións sen marxe de actuación. Unións advirte ademais, que nalgúns casos se reduce o montante das contías solicitadas. Unións tilda de "burla" a ampliación do prazo de xustificación publicada tamén no día de hoxe pola Consellería. E é que coa nova data límite fixada no 9 de decembro, os beneficiarios destas axudas pasan de contar con case 5 meses a pouco máis de 3 semanas, "un prazo no que moi dificilmente lles será posible adquirir os materiais, contratar obreiros e acometer actuacións como instalación de valados ou cercas que en moitos casos acadan extensións quilométricas", apuntan dende a entidade. A organización insta ademais á Consellería a cubrir o 100% do importe das actuacións solicitadas; algo que a Administración non fai en todos os casos. E critica que a Xunta de Galicia tente solventar a falla de fondos suficientes con trabas que obstaculizan o acceso dos beneficiarios a un orzamento raquítico, que deixa ás ganderías sen apoio para facer fronte a uns ataques que ano tras ano lles ocasionan cuantiosas perdas. UUAA lembra que o cárnico de vacún en extensivo será o maior perxudicado, un sector estratéxico e que, como denuncian, xa resultou damnificado no reparto público de axudas para paliar a suba de custos de produción derivada da invasión de Ucraína. A organización agrogandeira destaca o imprescindible papel que estas ganderías realizan dende o punto de vista da xestión do territorio e a prevención dos lumes. E insta á Xunta de Galicia a correxir as condicións desta resolución.

O xabaril adiántase á campaña do millo

As altas temperaturas rexistradas este verán están a facer que os ciclos do millo se adianten en moitas zonas. Con todo, na maior parte das plantacións aínda está por criar a espiga. Pese a iso, xa se están producindo importantes danos do xabaril en distintos puntos de Galicia. En moitas das parcelas afectadas, aínda estando pechadas con fíos do pastor eléctrico, o porco bravo está causando igualmente estragos. A Mariña Lucense é unha das zonas máis afectadas polos ataques do xabaril. “O millo aínda case non ten espiga con grans e as mandas de xabarís están causando grandes danos”, explican dende a cooperativa Os Irmandiños, integrada en Clun. Precisamente en concellos como Ribadeo ou Trabada están a detectarse parcelas arrasadas xa pola fauna salvaxe. “Este ano os ataques están a ser moito peores ca noutras campañas”, sinala José Ramón Loza, responsable da área de cultivos da cooperativa Os Irmandiños.
“O millo aínda case non ten espiga con grans e as mandas de xabarís están causando grandes danos”: José Ramón Loza, de Os Irmandiños
Nesta zona xa tiveran danos do xabaril durante a sementeira. Daquela foran puntuais e conseguiran atallalos con distintas medidas realizadas polos cotos de caza. Agora apuntan que están a sufrir danos moi severos. Máis cara o interior da provincia, en parcelas de Castro de Rei tamén están acusando danos provocados pola incursión de mandas de xabarís. Nalgúns casos, os danos producíronse en fincas que xa acusaban importantes dificultades pola seca e que xa dan totalmente por perdidas tras pasar os xabarís por elas. Danos nunha finca de millo en Castro de Rei (Lugo). Na provincia da Coruña, en concellos coma Lousame, a incidencia do xabaril deixou danos importantes xa na sementeira e agora volven a telos. É o caso por exemplo de Henrique Laranga que nesta campaña tivo que sementar de novo 4 hectáreas de millo, co gasto que iso implica. Nalgúns casos mesmo tivo que resementar ata 4 veces o millo. “O millo que non me comeu na sementeira é o que está a vir máis cedo e o que me está comendo agora. Leva xa máis de 1,5 hectáreas de danos”, apunta o gandeiro.
Gandeiros de Lousame tiveron que sementar varias veces as parcelas e agora teñen xa máis dunha hectárea de millo novamente afectado polo xabaril
Aínda que están autorizadas batidas para esta fin de semana, apuntan que chegan tarde, xa que hai moitas fincas con moitos danos, nunha campaña na que a produción xa está a ser menor pola seca. Insisten en que as accións preventivas deberían levarse a cabo máis axustadas ós calendarios das colleitas e sementeiras, para que resulten máis efectivas. “O xabaril está a ser unha praga, aínda que non queiran recoñecelo”, valora o gandeiro. Tamén no Deza están a rexistrarse xa danos en parcelas de millo, ó que aínda lle falta tempo para madurar. En Lalín detectaron danos mesmo en fincas que estaban cerradas co pastor eléctrico. Do mesmo xeito que os gandeiros da costa lucense, reclaman accións para controlar a fauna. Esta zona está a ser moi castigada pola seca e os danos do porco bravo reducen unha colleita que xa se agarda moi inferior á doutros anos. Só pola seca estímase que a colleita se reduza en máis do 40% na comarca, ó que se engaden agora os danos causados polo xabaril. Prados con danos polo xabaril en Cervantes.

Arrasa coas pradeiras nos Ancares

Aínda que nos meses centrais do verán é habitual que case non haxa danos do xabaril, na zona dos Ancares están a sufrir importantes danos nas pradeiras xa nos últimos meses. José Manuel Rodríguez, gandeiro de Cervantes, rexistrou importantes perdas nos seus prados xa dende xuño. “Xa non se esconden nada. Estamos cansados de ver os xabarís onda o rabaño, por entre as vacas”, apunta o gandeiro. Nos prados onde ten algo de rega os danos prolónganse todo o ano.
“Ademais dos danos que che fai na herba, tiven que segar coa máquina pequena, co que me leva máis tempo e as vacas non pacen alí por moito tempo”: José Manuel Rodríguez, gandeiro de Cervantes
Esta campaña, José Manuel tivo importantes danos nas pradeiras que tiña para seco, o que lle ocasionou recoller menos cantidade de forraxe da que contaba, nun ano no que o aprovisionamento de forraxe é fundamental, dados os altos custos que está a ter o penso. Á marxe de coller menos herba, os estragos do xabaril nos prados tamén levan parello maior carga de traballo para o gandeiro. “Ademais dos danos que che fai na herba, tiven que segar coa máquina pequena, co que me leva máis tempo e as vacas non pacen alí por moito tempo”, explica. José Manuel xa deu conta este ano de 20.000 metros cadrados de pradeiras afectadas, aínda que recoñece que é máis superficie a danada. “Moitas veces son danos pequenos nun prado e noutro, e só acabas por poñer aquelas fincas nas que hai máis desfeita, pero ó final todo suma. Vas reducindo dun lado e doutro e cando te dás conta quedas con menos herba da que precisas”, argumenta o gandeiro, que ten un rabaño dunhas 60 cabezas de gando de carne. Coma el, gandeiros dos Ancares levan tempo reclamando medidas que lles axuden a paliar os danos da fauna salvaxe, dado que moitas accións de control están limitadas ó atoparse en plena Rede Natura e Reserva de caza. “Non están facendo batidas, aínda que cheguen a estar autorizadas e os que pagamos sempre somos os gandeiros. Cada vez quedamos menos e deste xeito non vai quedar ninguén con gando”, sinala.

Instalación de gaiolas-trampa

Dende organizacións coma Unións Agrarias apuntan que está habendo unha maior sensibilidade e entendemento entre cazadores, gandeiros e agricultores, o que está deixando unha maior colaboración á hora de organizar batidas por danos naquelas zonas afectadas. Con todo, dende Unións seguen insistindo na importancia de contar con máis medidas para o control da fauna salvaxe, tal e como recolleran na Iniciativa Lexislativa Popular que presentaran ó Parlamento Galego e que fora rexeitada polo goberno autonómico. Neste mesmo mes, dende Unións remitiron de novo á Consellería de Medio Ambiente unha petición para o uso de gaiolas-trampa para o control dos xabarís naquelas zonas con maior incidencia. Solicitan cambios na xestión deste método, xa que na actualidade é o gandeiro ou agricultor quen debe facerse cargo do animal que cae na gaiola, o que está a supoñer un importante gasto para os produtores, ó tempo que limita o seu uso. “Mentres obriguen ós gandeiros a asumir a xestión dos animais que caen, non se utilizarán. A tutela destes animais debe ser da Xunta e debe haber uns protocolos estritos do manexo deste método, polo complexos que son para que resulten efectivos”, sinala Jacobo Feijoo, responsable de Desenvolvemento Rural en Unións. Tal e como sinalan dende Unións, o emprego de gaiolas-trampa está a ser un método empregado en zonas como Extremadura para reducir os danos en plantacións e co que están logrando resultados exitosos ó conseguir eliminar as mandas desa zona. Dende Unións, tamén temen que a incidencia dos lumes forestais provoque movementos de mandas de xabarís e que poidan incrementarse os danos en zonas que noutras campañas tiñan unha menor carga desta fauna.

Ultiman un protocolo para instalar gaiolas trampa de xabaril en áreas urbanas e periurbanas

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ultima un novo protocolo, en colaboración cos Concellos, para controlar as poboacións de xabaril en zonas urbanas e periurbanas mediante a adopción de medidas preventivas e de control alternativas ás accións cinexéticas. Unha das iniciativas previstas é a colocación de gaiolas trampa en lugares estratéxicos e que adoiten frecuentar estes animais. Ademais, o plan inclúe posibles actuacións sobre o territorio, como rozas, para facer que estas áreas resulten hábitats menos favorables para o asentamento do xabaril. O obxectivo da iniciativa é reducir de forma efectiva e segura o número de exemplares e avistamentos desta especie silvestre en zonas próximas ás cidades ou a núcleos de carácter urbano e periurbano, nas que non está permitida a actividade cinexética e onde a presenza de xabarís adoita xerar unha notable alarma social. Buscan evitar a aparición de posibles enfermidades e reducir os danos ocasionados e os accidentes de tráfico a través dunha xestión que permita harmonizar os métodos de control poboacional da especie cos criterios de conservación. O plan de acción levarase a cabo en colaboración cos concellos e articularase a través da sinatura dun convenio marco ao que se poderán ir adherindo de forma individual os municipios interesados onde a presenza desta especie na contorna das cidades xera problemas de seguridade cidadá e mesmo de saúde pública.
A Consellería asumirá a instalación das gaiolas e a metade dos gastos ocasionados pola retirada dos exemplares que resulten capturados
A falta de que se concrete o acordo cos Concellos, a Consellería asumirá a instalación das gaiolas e a metade dos gastos ocasionados pola retirada dos exemplares que resulten capturados. Os concellos, pola súa parte, asumirán o resto dos custos e deberán comprometerse a manter limpas de maleza as zonas periurbanas e mobilizar á Policía Local para realizar os controis necesarios.

As primeiras trampas

Ferrol e a súa contorna será a primeira zona onde se poña en práctica esta medida, de carácter pioneiro en áreas urbanizadas, pero que xa se puxo en marcha con bos resultados nalgunhas explotacións agrogandeiras de distintos puntos de Galicia. As gaiolas trampa contarán cun cebo para atraer ata elas aos xabarís que frecuentan a contorna da cidade. A Xunta e o Concello ultiman os detalles do convenio, no que se fixarán os compromisos económicos e técnicos que asumen ambas partes co obxectivo de establecer un control efectivo das poboacións de xabaril dentro do termo municipal. De feito, como indicanron dende a Xunta, persoal da Consellería mantén contactos con técnicos de Ferrol para definir e poñer a disposición aquelas zonas e terreos que se consideran máis axeitados para colocar estes dispositivos, unha medida que, de calquera xeito, terá que vir reforzada desde o Concello con accións encamiñadas a reducir as condicións de refuxio que ofrecen determinadas zonas urbanas e periurbanas para o xabaril. A principal actuación consistirá en rozar a matogueira nos terreos rústicos —de uso agrícola o forestal—, e no seu caso urbanos, coa limpeza das fincas e dos espazos de encame que converten á contorna ferrolá nunha das áreas urbanas de Galicia cunha maior presenza destes animais.

Concentración en Viveiro polos danos do lobo nas ganderías da Mariña

O problema de convivencia entre gandería e lobo está en aumento, sobre todo en determinadas comarcas como a Mariña lucense. Máis alá da oposición das granxas ó aumento de protección do lobo, a cuestión de fondo é o aumento de ataques que se veu experimentando nos últimos anos. Desde Unións Agrarias, convocante onte dunha protesta en Celeiro (Viveiro, Lugo), avogan pola adopción dunha serie de medidas inmediatas por parte da Xunta. O secretario xeral de Unións, Roberto García, propón en primeiro lugar que todos os danos do lobo se paguen en tempo e en coantías suficientes. “Das 2.200 cabezas de gando que se levan perdidas no 2021 polo lobo, hai 600 ataques nos que a Xunta se nega a pagar indemnizacións argumentando que non se acreditou de forma suficiente que foi o lobo o causante do ataque. O proceso tería que ser o contrario: pagar salvo no caso en que se demostre que non foi o lobo”, propone García. En segundo lugar, o secretario xeral de Unións defende as medidas de control, como a caza por danos, ou alternativas como o abandono de cadáveres de gando no monte, a modo de alimentación disuasoria, en zonas con problemas de ataques ó gando. “A cuestión é que coa nova protección do lobo, os condicionantes que se van pedir para a caza por danos van facer inviable esa opción”, reflexiona o secretario xeral de Unións, que lamenta o cambio de normativa. “Nós non queremos cazar o lobo, iso que quede claro, pero tampouco queremos que o lobo nos cace a nós. Estase ameazando o modelo de produción da gandería extensiva e non temos ferramentas para afrontar esta situación”, cuestiona o secretario xeral de Unións. Críticas á batalla política Por último, García demanda unha solución estable para as indemnizacións por danos de lobo. Tralo aumento de protección da especie, a Consellería de Medio Ambiente anunciou que ía a deixar de pagar indemnizacións, co argumento de que o cambio da normativa estatal supuña na práctica unha retirada das súas competencias sobre o lobo. Desde Unións consideran que a postura da Consellería non ten pés nin cabeza: “Iremos á vía xudicial se fose preciso. A Xunta debe renunciar a liortas políticas e asumir as súas competencias. Outra cousa é que o Ministerio poida e deba colaborar coas medidas que adopte a Xunta, pero ese é outro debate distinto”, valora Unións, que concentrou a un numeroso grupo de afectados ante a delegación territorial da Xunta en Celeiro.

Eslovenia, onde a gandería coida da paisaxe e atrae turismo

Que desafíos comúns encaran as granxas extensivas de Eslovenia, Francia e Galicia?. Ese é o punto de partida do proxecto europeo PastorEA, no que participan centros de formación agraria dos tres países. No marco da iniciativa, un grupo dunha ducia de técnicos e gandeiros galegos, coordinados pola EFA Fonteboa, vén de visitar granxas de pastoreo en Eslovenia para coñecer como traballan. Acompañámolos e coñecemos as súas impresións. O primeiro que chama a atención da gandería en Eslovenia é que é percibida no propio país como un factor clave para a conservación da natureza e o desenvolvemento local. Nunha das zonas máis turísticas do país balcánico, no parque nacional Triglav, en plenos Alpes, subliñan o importante papel que xogan as arredor de 500 pequenas granxas que manteñen actividade no interior do parque: “Os pastos, que suman un 10% da superficie do parque -máis de 8.000 hectáreas dun total de 83.000-, son fundamentais para a conservación da biodiversidade. O seu abandono e transformación en mato é un serio problema”, recoñecen. As montañas eslovenas caracterízanse por un mosaico ordenado no que se combinan terras de cultivo, bosques e pobos. Nos vales, os pobos, cunha coidada arquitectura tradicional, rodéanse de pradeiras e terras de cultivo, que dan paso a extensos bosques de coníferas e frondosas caducifolias no comezo das ladeiras das montañas. Vacas en pastos dun val. Na parte superior das serras, onde remata o arborado, no entorno dos 1.500 metros de altitude, aparecen de novo os pastizais, normalmente de propiedade comunal, que son aproveitados desde a primavera ata inicios do outono. Eslovenia é, xunto con Finlandia e Noruega, un dos Estados da UE con maior porcentaxe de superficie forestal, pois un 58% do seu territorio son bosques, pero a conflictividade entre usos da terra aparenta escasa, salvo o feito de que en teoría, por lei, non se permite o pastoreo baixo arborado, unha práctica que de autorizarse, podería contribuír ó control do mato e a reducir o perigo de posibles lumes, como recoñecen os propios técnicos eslovenos. Ovellas nun peche en montaña. Pastizais na alta montaña Unha práctica singular da gandería dos Alpes eslovenos é o mantemento da transhumancia estacional. Boa parte do gando sobe en conxunto dos vales á montaña a partir do mes de abril, ascendendo arredor de mil metros de altitude. Atrás quedan os prados do val que rodean os pobos, onde no verán recollerase a herba seca e faranse silos para alimentar os animais no inverno. No alto da montaña, consérvase mentres un sistema de cooperación veciñal para o coidado do gando. En función dos animais que ten cada granxa na montaña, os gandeiros repártense en turnos para coidar e muxir os animais. As comunidades dispoñen alí de cortes e instalacións axeitadas en común, incluíndo queixerías, nas que mestres queixeiros pasan o verán para elaborar pezas tradicionais co leite muxido cada día. Dimensión e actividades complementarias As granxas eslovenas son en xeral de pequeno tamaño, cunha media de 7,5 hectáreas de terra e 6,9 vacas. Con frecuencia, son granxas que traballan con varias especies de animais (vacas, ovellas, cabras e tamén cabalos), o que lles permite un aproveitamento maior dos distintos tipos de pasto. O pequeno tamaño das granxas compénsase con frecuencia coa ocupación dos gandeiros en traballos complementarios, como por exemplo en servizos públicos, en traballos forestais ou en actividades turísticas, de gran importancia no país.

Tres preocupacións comúns: depredadores, cambio climático e relevo xeneracional

A viaxe da delegación galega serviu para coñecer as particularidades das granxas en Eslovenia, pero tamén para constatar algúns problemas comúns que comparten con Galicia, como a protección do gando fronte ós ataques de depredadores, o impacto do cambio climático ou o relevo xeneracional.

Relevo xeneracional

Matevz Gartner, na queixería da súa granxa. A media de idade dos gandeiros en Eslovenia é de 57 anos. Como atraer á xente nova para que vexa na gandería unha actividade de interese, complementaria a outras ocupacións, é unha das preocupacións dos centros de formación agraria de Eslovenia. Durante a viaxe, visitáronse granxas xestionadas por gandeiros mozos, como a de Matevz Gartner, en Bohinj, que fai catro anos se incorporou á gandería familiar de 15 vacas simmental. Trátase dunha granxa que transforma en queixos toda a súa produción, arredor de 80.000 litros / ano, e na que traballan tres persoas da familia, se ben unha delas, a irmá de Matevz, compaxina ese labor cun traballo a media xornada en servizos turísticos.

Depredadores e fauna salvaxe

Eslovenia, un país de 20.000 quilómetros cadrados, equivalente a dous terzos de Galicia, ten presenza estable de catro depredadores que teñen certo impacto na gandería: oso pardo, lobo, chacal dorado e lince boreal. O que máis preocupa, pola dimensión das perdas que está a causar nos últimos anos, é o lobo. Desde o 2018, hai dous grupos familiares estables de lobos no parque nacional Triglav, en tanto outras áreas de Eslovenia tamén se ven afectadas por danos desde hai máis dunha década. A Administración indemniza ós gandeiros polas perdas confirmadas, pero non sempre é posible recuperar os cadáveres, pois na montaña, o habitual é que animais como ovellas e cabras pasten no verán de xeito libre, sen valados nin control humano, máis alá de periódicas visitas á semana e de colares GPS en parte do gando.
"Temos presuposto para financiar a estancia de pastores na montaña durante o verán para coidar os rabaños, pero é un traballo para o que é complicado atopar xente" (Parque Nacional Triglav)
Igual que en Galicia, un sentemento habitual entre os gandeiros eslovenos é que fronte ó lobo, a mellor solución pasa pola súa caza controlada, para a que poden pedir permiso en caso de danos. A Administración trata de promover tamén medidas de prevención, se ben cambiar as prácticas non é sinxelo. “Contamos con presuposto para financiar a estancia de pastores durante o verán na montaña, pero atopámonos con que non hai ninguén que queira pasarse tódolos meses da primavera – verán coidando o gando na montaña”, explican no Parque Nacional Triglav. Os centros de formación e de investigación avogan ademais polo uso de mallas eléctricas para a defensa do gando, que se combinan en ocasións con cans de defensa. É un tipo de manexo ó que non estaban habituadas as granxas eslovenas, pero o asentamento de poboacións estables de lobo leva a que se estea a avanzar nesas liñas de prevención. Outro serio problema provocado pola fauna salvaxe é o dos cervos, pois o seu pastoreo nas pradeiras provócalle importantes perdas ás granxas.

Cambio climático

Eslovenia é un país caracterizado por un importante volume de choivas e nevadas invernais, se ben durante o verán, os episodios de seca están a agudizarse, o que afecta ós pastos e tamén ós bosques, onde o escarabello da casca está a causar unha alta mortandade nas masas de coníferas.

Que é o que máis vos chamou a atención das ganderías en Eslovenia?

Integrantes da delegación galega e da francesa, durante as visitas de campo en Eslovenia. Preguntámoslle ós participantes da delegación galega que se desprazou a Eslovenia sobre as súas principais impresións. Varias son as cuestións comúns que apuntaron, como as sinerxias entre conservación da natureza, ordenación do territorio e gandería.
  • Jorge Filgueiras e Teresa Molina (Gandería Roidiz, As Pontes). “A nós impactounos a creación de economía a pequena escala a través da diversificación e da revalorización do produto por venda directa. Outra cuestión que destacariamos é como souberon sacarlle valor a un parque nacional como medio de vida; hai un coidado da paisaxe e unha estruturación do terreo que repercute en benestar para a xente. E unha última cousa a salientar é o apoio que lle dan ós gandeiros.
  • Pablo Lúgaro (Agacal, Medio Rural): "O que máis me sorprendeu foi comprobar como en Eslovenia saben ben da importancia do gandeiro para a conservación da paisaxe e o desenvolvemento do turismo".
  • Sergio García (Agaca): "Destacaría o sistema que teñen de agrupación de vacas de leite en alta montaña, que é xestionado de xeito cooperativo polos gandeiros, con turnos para o coidado das vacas e para muxilas".
  • Isabel Gómez (Traloagro, Friol): "Vese que hai un especial coidado das granxas de leite na zona do parque nacional, que é unha cuestión que chama a atención, e tamén son singulares as grandes superficies que empregan na montaña e o tipo de manexo".
  • Un momento dunha visita a pastizais de montaña.
  • Yolanda Gómez (Teixeiro e Pistón, Becerreá): "En comparación con Galicia, sorprende o ben ordenado que está o territorio a nivel de campo e bosques, así como o coidados que teñen os pobos a nivel urbanístico".
  • Amaia Santamarta (Ovica): "Para manter a actividade, combinan a gandería co medio natural e co patrimonio (arquitectura tradicional, etc.). A combinación deses tres elementos é unha fortaleza. Tamén o énfase que fan no apoio ós produtos alimentarios locais".
  • Joan Alibés (Beealia): "As ganderías en Eslovenia teñen problemas semellantes co lobo ós que poden ter as granxas galegas, pero aquí teñen axudas agroambientais especificamente para a convivencia co lobo, como por exemplo un pago por hectárea manexada con peches eléctricos. Percíbese tamén un decidido apoio da Administración do parque nacional en favor dos gandeiros".
  • José Gil (EFA Fonteboa): "É un país onde conseguiron involucrar ás granxas no parque nacional. Vimos que non prevalece o turismo ou a conservación da natureza sobre a gandería, senón que hai un equilibrio e un apoio ás granxas, que son capaces de vivir con pouca estrutura".
  • Santiago Crecente (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo): "As granxas eslovenas teñen as súas particularidades, pero son homologables a outras de Galicia. Quizais o que máis me chamara a atención sexa o manexo do bosque porque non vimos en ningún momento grandes superficies cortadas a feito. Fanse cortas menos masivas, o que mellora a paisaxe e representa un investimento no turismo".
  • Rosa Leis (EFA Fonteboa): "Destacaría como son capaces de manter a actividade de granxas tradicionais, pero á vez xerar rendas complementarias con outras actividades asociadas, como o turismo, que a nivel de desenvolvemento local é importante. Vimos tamén que hai sensibilidade con producir dun xeito ecolóxico, sexa con certificación ou sen ela".
  • Xan Pouliquen (Xestión Agrogandeira e Natureza): "Sorprendeume o nivel de conservación dunha agricultura tradicional que podemos chamar ecolóxica, respetuosa co ambiente e ecoloxicamente funcional. Tamén a imaxe que se nos transmitiu sobre o diálogo entre turismo e gandería".
  • Encontro co responsable dunha gandería de ovino ligada á Universidade.

Reunión de Unións con Tecores de Xallas e da Costa da Morte para impulsar cambios na Lei de Caza

Unións Agrarias reuniuse con representantes dos Tecores de Muxía, Santa Comba, Zas, Mazaricos e Camariñas para analizar a situación dos danos do xabaril na agricultura. Do encontro saíu o acordo de manter unha postura conxunta ante a Xunta en relación ós danos do xabarín. Tanto a organización agraria como os cazadores están a favor dun cambio da Lei de Caza que obrigue á Xunta a asumir a totalidade dos danos causados polo xabarín. Na actualidade, as indemnizacións por danos no agro correspóndenlle en teoría ós Tecores, salvo en zonas libres de caza, nas que é a Administración a que tería que asumilas. Na práctica, os Tecores carecen de recursos para afrontar o pago de indemnizacións, polo que os afectados ou ben se contentan coas axudas por danos que convoca a Xunta, que nalgúns casos só cubren parte dos destrozos, ou denuncian ó Tecor para pedir o pago de maiores indemnizacións. De feito, Unións anunciou recentemente que apoiaría ós gandeiros e agricultores que quixesen denunciar a un Tecor, en vista da dimensión que estaban acadando ós danos nalgunhas zonas. Iso xerou malestar nos Tecores, ata o punto de que un dos afectados por denuncias, como é o de Dozón (Pontevedra), decidiu excluír as parcelas dos denunciantes da superficie do Tecor. Unións lembra que a actual Lei 13/2013 de Caza de Galicia, no seu Artigo 62, establece a responsabilidade do pago dos danos da fauna cinexética aos TECOR e Sociedades de Caza, exonerando á Xunta, pero non está de acordo con esa situación. Por iso, a organización agraria declárase decidida a impulsar un cambio da Lei de Caza, conxuntamente cos Tecores. Así se plasmou na reunión mantida con Tecores do Xallas e da Costa da Morte. “Tanto os representantes dos cazadores reunidos como Unións Agrarias estiveron de acordo en que as sociedades de caza non teñen capacidade económica para facer fronte aos máis de 14 millóns de euros de perdas que se estima causa o xabaril na agricultura galega anualmente. Asemade, os colectivos reunidos coinciden en que o xabaril representa un problema social no rural galego, sendo xa o principal factor de risco da seguridade viaria, con máis de 3.200 accidentes de tráfico no ano 2019”, destaca Unións. A proposta do cambio da Lei de Caza quérese consensuar coa maioría de sociedades de caza posibles, unindo ademais outras cuestións, como a distinción entre a caza cinexética e a caza por control de danos; ou un papel máis activo da Consellería de Medio Ambiente na protección dos cultivos, especialmente durante a época de veda.

Como combinar o desenvolvemento das granxas de leite cunha maior sustentabilidade ecolóxica?

As granxas de leite galega enfróntanse a unha serie de desafíos medioambientais que se poden encadrar en catro puntos principais: terras, xestión de xurros, calidade das augas e fauna salvaxe. Sobre eses catro elementos xirou un debate organizado polo Centro de Investigacións Agraria de Mabegondo no marco do proxecto europeo ‘Dairy for future’. O primeiro obxectivo do debate foi analizar os desafíos ós que se enfrontan as granxas galegas de leite en materia de medioambiente. A segunda cuestión abordada foi a de como enfrontar eses retos sen mermar o desenvolvemento económico das explotacións e a súa competitividade no contexto europeo. Para dar resposta a ambas cuestións, participaron no debate unha vintena de profesionais do sector, entre eles gandeiros, técnicos, representantes de cooperativas e organizacións agrarias, investigadores e persoal da Administración. Resumimos a continuación, en vídeo e texto, as principais conclusións do debate, que aportou unha visión da situación galega no ámbito do proxecto ‘Dairy for future’, que é o espazo atlántico europe, onde se atopan as principais rexións produtoras de leite de Europa.

1) A singularidade galega: menos dispoñibilidade de terras para alimentar ó gando

Galicia sitúase no “top ten” das rexión produtoras de leite de Europa, pero ten un claro hándicap, en comparación coas demais rexións, para poder seguir medrando de forma sostible: a falta de terras para producir forraxes e cereais cos que alimentar ao gando. Concentración do vacún leiteiro no territorio Na comunidade, o sector lácteo foi desaparecendo dun número cada vez maior de concellos, quedando concentrado nun reducido número de comarcas. De xeito paralelo, o número de explotacións é cada vez menor, mentres que a produción de leite foi aumentando. Intensificación do sistema produtivo As granxas foron medrando en superficie agraria, pero non ao ritmo que medran en número de animais. Iso implica un aumento de carga gandeira e unha maior dependencia dos alimentos mercados. Dificultades para extensificar a produción. - Non hai territorio apto para facer pastoreo, motivado pola pequena dimensión e distancia das parcelas ás cortes. -As marcas de pastoreo da industria non se perciben como realmente de pastoreo. A maiores, obsérvase que é un sistema do que só se benefician as industrias, sen repercutir a penas nas granxas. - Tal e como están planteados ata o de agora na nova PAC os ecoesquemas ligados a pastos e sega, moitas granxas de leite non poderían acceder a eles, entre outras cuestións por unha carga gandeira superior á esixida. - Existen problemas nas declaracións da PAC no caso dos pastizais das comunidades de montes, o que vén motivado pola falta de plans de ordenación dos montes. Superficie agraria útil das grandes rexións europeas produtores de leite. / Fonte: Eurostat. Plantacións forestais en terras agrícolas As plantacións forestais en terras agrícolas compiten polo escaso solo de aptitude agraria que temos en Galicia. Autorizacións de granxas sen terra (porcino, aves) Están autorizándose ganderías “sen terra” de porcino e aves, que compiten polo solo agrícola, pois precisan esas terras para cumprir cos plans de xestión de xurros.

Que se pode facer para mellorar a base territorial das granxas?

  • Ordear o territorio, cunha visión de mosaico.
  • Cartografiar, clasificar e protexer os solos de aptitude agraria de Galicia por ser estratéxicos para a soberanía alimentaria do pais.
  • Protexer zonas aptas agronómicamente para a producción de leite en base a forraxes
  • Recuperar terras abandonadas, por exemplo, o Val de Lemos.
  • Ordear conxuntamente o solo agrario para todos os tipos de explotacións (granxas de aves e porcos).
  • Deslocalizar granxas de zonas onde a carga gandeira xa é elevada.
  • Incentivar a implantación de granxas en zonas cun número baixo de granxas.
  • A terra que estea sen utilizar debería pasar ao Banco de Terras.
  • Modificar a Lei de herdanzas para priorizar o uso agrario das terrras e a súa non parcelación.
  • Limitar o tamaño das explotacións por aspectos medioambientais (macrogranxas).

2)¿Sobran xurros nas granxas de leite?

Segundo o Balance de Nitróxeno da agricultura española, publicado polo Ministerio de Agricultura, dedúcese que nas explotacións galegas empréganse aproximadamente 17.000 toneladas de abono mineral nitroxenado, que podería practicamente aforrarse cunha boa xestión do xurro. Existe, por tanto, unha ampla marxe de mellora para cumprir sen problemas coas esixencias medioambientais de Europa, en especial coa estratexia ‘Da granxa á mesa’, que busca reducir as perdas de nutrientes nun 50% para o ano 2030, e co Acordo de París, polo que se pactou a diminución das emisións ligadas ó cambio climático. A reutilización de xurros como abono na propia explotación é un claro exemplo ademais de economía circular, que pon en valor a gandería ligada a terra, como é o sistema de produción do vacún na España húmida. A utilización de xurros contribúe tamén a aumentar a materia orgánica no solo, o que potencia o papel da agricultura como sumidoiro de carbono. No marco da iniciativa ‘4 por mil’, preténdese aumentar anualmente un 4 por mil o contido de carbono no solo. Valoracións sobre o volume de xurros nas granxas galegas
  • O xurro non é un residuo, senón un abono orgánico que non sobra nas granxas de vacún de leite, o que se comproba porque se seguen utilizando unha gran cantidade de abonos químicos.
  • Confúndese a miúdo o exceso de xurro nas explotacións coa falta de capacidade de almacenamento das fosas, que é o factor que pode provocar a mala xestión dos xurros a o seu uso a deshora. O ideal é que os xurros se apliquen no momento oportuno no que o precisan os cultivos, na primavera fundamentalmente.
  • Moitas fosas están aínda sen cubrir, polo que se perde capacidade de almacenamento, facendo menos eficiente a súa xestión. Auméntase o gasto de gasoil e o tempo no transporte.
  • Por estas razóns, as plantas de tratamento de xurro non se perciben como necesarias para as explotacións de leite galegas.
  • As granxas galegas en xeral teñen capacidade de aplicar na súa base territorial todo o xurro que producen.
Nitróxeno dispoñible no xurro por hectárea de superficie agraria. Galicia (en cor diferencial) é dos que menos ten. Encabezan o ránking Cataluña, Navarra, País Vasco e Andalucía. Á cola están Galicia, Asturias e Castilla y León. ¿Cales serían os efectos da prohibición do prato aspersor? - Moitas granxas poderían desaparecer, sobre todo as mais pequenas, debido á necesidade de cambiar de cisterna, e en moitos casos tamén de tractor, para poder incorporar os novos apeiros de aplicación. - Poden xurdir problemas de desgaste dos trituradores-distribuidores nas granxas que usan camas de area.

Que se pode mellorar na xestión dos xurros?

  • Aproveitar posibles apoios públicos para o redimensionamento das fosas existentes, xestión comunitaria e a cubrición das fosas. En especial cómpre ter en conta as axudas previstas no Real Decreto polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas estatais destinadas á execución de proxectos de inversión dentro do Plan de Impulso de la Sostenibilidad y Competitividad de la Agricultura y Ganadería (III), no marco do “Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia”.
  • Facer obrigatorias estas medidas de redimensionamento e cubrición das fosas ás explotacións cunha certa dimensión (nº de UGMs) e dependendo da pluviometría da zona. Terase que ter en conta tamén a idade dos titulares das granxas para valorar os problemas de amortización que se puideran ocasionar.
  • Aproveitar a nova PAC para crear medidas de asesoramento para a óptima xestión do xurro como abono, tal e como se contempla no borrador de ecoesquema de plan de xestión de nutrientes.
  • Nese sentido, o proxecto ministerial de Real Decreto sobre a Nutrición de Suelos Agrarios percíbese como unha ameaza, xa que o Real Decreto imporía en España unhas condicións obrigatorias que noutros países son subvencionadas como “medidas agroambientais”. Así, por exemplo, en Irlanda, a aplicación do xurro con apeiros de baixa emisión está subvencionado con 1, 25 euros por m3 aplicado.
  • Desde a entrada en vigor do Real Decreto, ademais, anularíase a posibilidade de obter fondos do ecoesquema de nutrición sostible.
  • A prohibición do prato debería ir ligada ás granxas de maior dimensión e carga gandeira, para que a medida sexa “proporcional”.
  • Habería que contemplar a posibilidade do uso do prato invertido nas granxas que fagan unha boa xestión do xurro, de maneira integral e ligada á base territorial.
  • Existen outras prácticas agrarias, tanto ou máis efectivas que os aparellos de baixa emisión, adaptadas ás granxas da España húmida. En todo caso de nada vale mercar eses aparellos se as fosas non están dimensionadas suficientemente ou cubertas, xa que seguiríamos botando o xurro en épocas inadecuadas.

3) Calidade das augas

Galicia é a única rexión entre as 80 primeiras produtoras de leite de Europa que non ten zonas vulnerables declaradas pola contaminación de nitratos procedentes de fontes agrarias. En todo o Estado, ademais de Galicia, son Asturias e Cantabria as únicas comunidades que non teñen zonas vulnerables. É un escenario diferencial da España húmida, en comparación coas zonas adicadas á gandería intensiva, tal como se pode visualizar no seguinte Mapa de Zonas Vulnerables publicado en España. Mapa de zonas vulnerables a nitratos en España. A paisaxe da España húmida caracterizada pola estrutura en mosaico, de pequenas parcelas irregulares, onde se intercalan sebes, árbores, muros de pedra ou vexetación de ribeira coa superficie agraria, ten un gran valor ecolóxico para o control da erosión, regulación do ciclo hidrolóxico, filtración de nutrientes e calidade da auga. Algúns países e rexións europeas produtores de leite, contemplan incluso “medidas agroambientais” para estes elementos da paisaxe, como é o caso de Irlanda; • Marxes de vexetación de ribeira sen cultivar (euros por metro): a) 3 metros: 0.90 euros b) 6 metros: 1.20 euros. c) 10 metros: 1.60 euros. d) 30 metros: 3.60 euros. • Mantemento de peches tradicionais de pedra: 0.70 euros.

Os bosques de ribeira, unha oportunidade perdida na actual PAC

Os elementos característicos da paisaxe da España Húmida, anteriormente mencionados, non están recollidos na lexislación española da PAC, e si nos demais países nos que son considerados como “Superficies de elevado valor ecolóxico” (SIES), contemplados no regulamento europeo da PAC. Por tanto, a regulación española da PAC perxudica ao mantemento de elementos da paisaxe que contribuirían e mellorar a calidade das augas. Capa de recinto considerado como non admisible (forestal), cando é claramente vexetación de ribeira (SIE) que protexe as augas do río Anllóns. / Imaxe do Sixpac.

A difícil convivencia coa fauna salvaxe

O debate da mesa de fauna salvaxe centrouse maioritariamente en dous animais, o xabaril e o lobo. O xabaril é un animal que causa grandes perdas ano tras ano aos gandeiros de vacún de leite, causando estragos en leiras sementadas a millo, tanto cando o millo é pequeno (obrigan aos gandeiros a resementar) coma cando xa está espigado. Tamén ocasiona grandes danos en prados e pradeiras, tanto despois de sementalos como nos xa establecidos. A maiores, o xabaril pode ocasionar problemas sanitarios, pois é un vector da tuberculose. Se chegase a España a peste porcina africana, a situación convertiríase en moi preocupante para o sector porcino. Por outra banda, o lobo pode ocasionar problemas, sobre todo ás gandarías que teñen as xovencas de menos dun ano fora, xa que pode atacalas. En menor medida, falouse doutros animais, coma o corvo, que causa estragos no millo, tanto arrincando e comendo os graos cando están saíndo como comendo as mazarocas despois. Tamén dos corzos, que poden ser vector de tuberculose, ou dos pombos, que cando entran nos aloxamentos gandeiros/silos, poden causar estragos e/ou transmitir enfermidades coas súas dexeccións.

Propostas para afrontar os danos

  • Facer un censo actualizado do número de animais (e mantelo actualizado). Cos censos actualizados xa se poden deseñar, dende Galicia, plans transparentes de xestión integral das poboacións, tanto de xabarís coma de lobos.
  • A financiación de peches perimetrais, pastores eléctricos e o seu mantemento, axudaría á convivencia co xabaril e o lobo. No caso do lobo, tamén serían adecuadas axudas para mercar e alimentar mastíns. Isto podería articularse a través do Plan de Desenvolvemento Rural.
  • Despois de invertir en xestión e prevención, os danos que non se consigan evitar, deberían ser abonados pola Xunta como responsable civil subsidiaria.
  • Apuntouse a idea da creación dun fondo da Xunta que garanta o pago de axudas a aquelas granxas que sufran danos pola fauna salvaxe, este fondo garantiría o cobro destas axudas, e non tería que estar supeditado a contía da liña orzamentaria aprobada cada ano.
  • Xa que os gandeiros que viven en zonas onde hai poboacións de xabarís e lobos soportan unha carga económica e de traballo extra, podería ser adecuada unha compensación pola convivencia con estes animais.