Archives

Investigadores galegos traballan para lograr semente de Faba de Lourenzá libre de patóxenos

Investigadores do grupo de Viticultura e Sanidade Vexetal da USC, que coordina a profesora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra, Cristina Cabaleiro Sobrino, avanzan na identificación e posible eliminación dalgúns dos principais patóxenos transmitidos pola semente (algúns virus e bacterias) que afectan ás plantas da Faba de Lourenzá e que poderían estar a impedir que os cultivos acaden o seu máximo potencial produtivo ao abeiro do proxecto piloto ‘Posta en valor da faba de Lourenzá: Sanidade da semente, cultivo e comercialización’, unha iniciativa de I+d+i que conta con financiamento europeo a través dos fondos Feder. O grupo de investigación en Sanidade Vexetal liderado por Cristina Cabaleiro comezou a traballar cos potyvirus da Faba de Lourenzá a principios de século XX e xa fixera algunha prospección en 2005, cando este equipo de I+D da EPS de Enxeñaría da USC puxo a punto os métodos de diagnóstico serolóxico. Dous anos despois deste primeiro achegamento á Faba de Lourenzá, este grupo de investigadores desenvolveu varios ensaios ao respecto, pero non foi ata 2015 cando, grazas ás pescudas desenvolvidas polo paquistaní Faruk Ahmad, -investigador que completou unha estadía no Campus de Lugo cunha bolsa Erasmus Mundus-, se puido constatar que a sintomatoloxía asociada aos virus observados no campo (plantas amarelas, mosaicos, deformacións de follas e brotes) estaba ligada principalmente á presenza do virus do mosaico común da xudía (BCMV) do grupo dos potyvirus.

Virus cada vez máis extendidos

Estes virus, explica Cabaleiro, no caso da faba teñen a particularidade, non frecuente en virus de plantas, de transmitirse por semente ademais de por vectores, o que complica enormemente o control da enfermidade. Dado que os agricultores utilizan semente propia ou fan intercambios, os potyvirus están cada vez máis estendidos, engade esta investigadora da USC. Un estudo presentado en 2021 pola enxeñeira técnica agrícola Sonia Expósito constatou xa ese aumento da presenza de potyvirus no campo ao longo do verán e a avaliación de lotes de semente confirmou algúns porcentaxes de potyvirus e tamén bacterias como Pseudomonas savastanoi pv. Phaseolicola (Psph) que, en anos con condicións favorables causa problemas de nascencia, relata Cabaleiro. Como variedade tradicional, a faba de Lourenzá parece ter certa tolerancia a estes virus, pero está pendente cuantificar as perdas, sinala a investigadora da área de Sanidade Vexetal da USC, quen precisa que o proxecto xa en marcha permitirá ensaiar e validar procedementos para facer posible a produción de semente libre destes patóxenos sistémicos, ao tempo que se proporcionará a técnicos e agricultores ferramentas para a identificación dos patóxenos e a selección da semente. “Dispor de semente libre de virus podería incrementar significativamente a produción e a calidade da Faba de Lourenzá”, subliña. Respecto da cronoloxía deste proxecto de I+D, Cabaleiro comentou que xa está previsto establecer en 2022 varias parcelas para produción de semente libre de virus, partindo de material seleccionado. Este traballo complementarase co ensaio de distintas técnicas destinadas a impedir a transmisión de virus polos pulgóns vectores. A transmisión da tecnoloxía de diagnóstico e defensa aos agricultores da cooperativa Terras da Mariña será o cometido a desenvolver en 2023, dixo.

Colaboradores

O grupo de investigación Viticultura e Sanidade Vexetal da USC contará neste proxecto a prol da posta en valor e mellora das producións de Faba de Lourenzá coa colaboración do Centro Tecnolóxico da Carne (Ceteca), a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), a cooperativa Terras da Mariña, a IXP Faba de Lourenzá, ademais de produtores da comarca da Mariña luguesa. As fabas de Lourenzá, un produto amparado pola Indicación Xeográfica Protexida homónima, son xudías secas separadas da vaina, procedentes da familia das leguminosas, da variedade local coñecida como ‘Faba Galaica’. Esta faba incluíuse no Rexistro de Variedades Comerciais, como variedade de conservación, (BOE do 10 de maio de 2018), logo dos traballos desenvolvidos na Misión Biolóxica de Galicia (CSIC). A área de produción desta legume é a comarca da Mariña luguesa, cuxa edafoclimatoloxía proporciona ao cultivo unhas características moi definidas, como a suavidade da pel ou un desenvolvemento homoxéneo das sementes. Daquela, a Faba de Lourenzá presenta unhas características cualitativas que a diferencian doutras variedades e que son moi apreciadas polos consumidores, conclúe Cristina Cabaleiro.

Un novo proxecto promove a profesionalización do cultivo de Faba de Lourenzá

Presentación do proxecto, no que participa a cooperativa de produtores de faba Terras da Mariña O proxecto Posta en Valor da Faba de Lourenzá: sanidade da semente, cultivo e comercialización celebrou a súa primeira reunión de presentación o pasado venres, 15 de outubro, na cooperativa produtora de Faba de Lourenzá Terras da Mariña, unha das entidades que desenvolve a iniciativa xunto coa Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), o Centro Tecnolóxico da Carne e a Universidade de Santiago de Compostela. O obxectivo principal do proxecto é profesionalizar o cultivo de horta da Faba de Lourenzá, mellorando a súa produción sen minguar a calidade e achegando valor no seu procesado e posterior comercialización. O proxecto engloba varios ámbitos, empezando pola avaliación da sanidade dos lotes de semente e o seguimento epidemiolóxico para atopar as mellores técnicas de cultivo, de protección e de selección da semente. Diminución da incidencia de viroses Para iso, traballa na creación dun kit de análise de potyvirus e Ps. Ph. que axude a mellorar a sanidade das plantas, diminuíndo a incidencia de viroses e a perda de produción que ocasionan. Busca, ademais, homoxeneizar a calidade da faba e crear un programa de trazabilidade e xestión integral deste produto, con datos dende a súa procedencia a ata a traxectoria dos lotes. No que respecta á comercialización, aspira a revalorizar a Faba de Lourenzá con novos produtos como o hummus de faba, que acheguen valor engadido mantendo unha produción sostible e respectuosa co medio e a tradición. O proxecto está financiado nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación.

Clun reúne en Ribadeo a máis de 80 socias con motivo do Día da Muller

Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) conmemorou o Día Internacional da Muller celebrando un acto en Ribadeo baixo o lema "O éxito da diversidade no rural". Máis de 80 socias participaron na sesión, que coincidiu coa clausura dos talleres de Comunicación Motivadora impartidos pola 'coaching' (adestradora) Marcela Parga nas 3 sedes de CLUN entre febreiro e marzo. O acto celebrouse no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias de Vilaframil, en Ribadeo. Na sesión participou, ademais, o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez Vázquez, o presidente de Clun, José Ángel Blanco Purriños, a vicepresidenta de Clun e coordinadora do grupo de Clun para o empoderamento feminino no rural Mulleres de Seu, Carmen Rodríguez Rodríguez, e o director xeral de Clun, Rafael Prieto.

Un exemplo a seguir

Na xornada participaron como relatoras a gandeira e socia de CLUN, Joaquina Abad Villares, e Isabel García Santar, de Terras da Mariña, unha cooperativa dedicada ao cultivo de fabas de Lourenzá e fabas verdinas, dous produtos amparados pola IXP Faba de Lourenzá. Ambas compartiron as súas experiencias e valoraron o éxito da diversidade no medio rural. Pola súa parte, a 'coaching' Marcela Parga, avogada e mediadora para España da International Coaching Community, pechou os Talleres de Comunicación Motivadora, nos que se abordou o feito comunicativo e as ferramentas necesarias para comunicarse con seguridade. Parga tamén analizou a evolución ao longo dos anos de Mulleres de Seu, que agora conta con máis de 150 socias gandeiras. Parga recordou a súa experiencia de formadora das socias cooperativistas desde os inicios do grupo no 2013. “Sodes todo un exemplo a seguir de empoderamento, esforzo, constancia e ilusión. Parabéns”, indicou Marcela Parga, animando ás presentes a continuar avanzando na súa formación. A coordinadora de Mulleres de Seu, Carmen Rodríguez, agradeceulles a tódalas socias o seu traballo e a súa participación salientando a importancia da educación emocional no empoderamento da muller do rural. Segundo indicou, “o obxectivo é acoller iniciativas, inquedanzas e experiencias de todos os puntos da xeografía e de todas as nosas socias, para conseguir unha ampla representación que responda aos intereses de todas; e que Mulleres de Seu sexa o paraugas que cubra o camiño da corresponsabilidade real, non só na Cooperativa, senón no agro e en tódolos ámbitos de relación de CLUN”, detallou. Así mesmo, avanzou futuras liñas de traballo e colaboración, entre elas coa Consellería do Medio Rural. Carmen Rodríguez quixo facer referencia ás mulleres que lles serven de inspiración no día a día e no traballo con Mulleres de Seu, como a atleta galega Ana Peleteiro, nova imaxe de Leite Únicla, marca de Clun. “Ana é unha muller valente, brava, galega e empoderada. É unha inspiración para o noso traballo e é un auténtico orgullo contar co seu apoio”, indicou. A vicepresidenta de CLUN tamén quixo lembrar o impulso para seguir no camiño do traballo que significan recoñecementos como a recente concesión das Medallas Emilia Pardo Bazán ou o premio Agader da Xunta de Galicia, ademais do premio de Cooperativas Agroalimentarias de España, entre outros. Xa por último, o presidente de Clun, José Ángel Blanco, pechou o encontro felicitando a Mulleres de Seu por todas as súas iniciativas e por ser “o eixo fundamental das actuacións da cooperativa en materia de responsabilidade social”.

Xornada sobre semente e técnicas de cultivo da faba de Lourenzá

O Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) Pedro Murias de Ribadeo (Lugo) organiza o próximo martes 5 de novembro unha xornada técnica centrada na Faba de Lourenzá. Na sesión abordarán a produción de semente certificada de Faba Galaica e expoñeranse os resultados das diferentes técnicas de cultivo da Faba Lourenzá.

Os interesados en participar deberán remitir a solicitude ó centro CFEA Pedro Murias no correo electrónico cfearibadeoarrobaxunta.gal ou ben nos teléfonos 982 828 554/52.

A continuación detallamos o programa da xornada:

10.00 – 10.30 horas. Recepción dos participantes e presentación da xornada.

10.30 – 11.15 horas. A variedade de Faba Galaica. Antonio de Ron Pedreira. Profesor de investigación da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC).

11.15 – 12.00 horas. Aspectos agronómicos e ambientais do cultivo da faba.
Paula Rodiño Míguez. Titulada Superior na Misión Biolóxica de Galicia (CSIC).
Juan L. Tejada Hinojoza. Profesor da Universidade de Perú. Misión Biolóxica de Galicia (CSIC).

12.00 – 12.15 horas. Pausa – café.

12.15 – 12.45 horas. Produción da faba en Galicia. Rafael Peláez Valle. Biólogo. Asesor agronómico.

12.45 – 13.15 horas. Diferentes técnicas de cultivo da faba de Lourenzá. José Cuadrado Oural. Enxeñeiro técnico agrícola. Presidente da Cooperativa Terras da Mariña. Presidente do Consello Regulador da IXP Faba de Lourenzá.

13.15 – 13.30 horas. Conclusións.

13.30 – 14.00 horas. Cata de Faba Galaica. Asociación de Cociñeiros da Mariña.

A faba, un cultivo con moitas posibilidades, celebra a súa feira en Moeche este sábado

Moeche busca recuperar o cultivo de faba, que noutro tempo tivo moitísima importancia nesta zona. Este sábado 19 de outubro celébrase a IV Feira da Faba de Moeche, coa que se quere recuperar o vigor que tivo no pasado este cultivo para convertelo hoxe en parte dun sector primario que aposte pola diversificación. Desde as dez da mañá xuntaranse na nave dos tecidos do recinto feiral de San Ramón ducias de expositores con faba da máxima calidade e o obxectivo común de superar o éxito de vendas e público do ano pasado. Tamén haberá degustación de fabada a prezos populares. Será ás 12 da mañá cando se empezará a repartir a fabada a un prezo de 3€  a ración, elaborada pola asociación Labacengos. Confirmaron xa asistencia produtores e produtoras de dentro e fóra de Moeche, como os agrupados na cooperativa Terras da Mariña (especializada na variedade con IXP Faba de Lourenzá e na verdina), Fabas O Castelo, Legumes e fabas Sanjurjo e Acastrexa (coa súa tradicional faba de ril), a quen seguramente se unirán nos próximos días algúns postos máis da zona. Ás dúas da tarde sortearase un lote de produtos da feira e contra as catro ou cinco da tarde darase por concluida a IV Feira da Faba de Moeche, na que haberá cantidade e variedade suficiente para mercar malia que este ano semella que non vai destacar por grandes producións, aínda que si pola calidade do froito. Os fabais que agora se están apañando para debullalos nesta zona da provincia da Coruña non están tan vizosos coma outros anos pero, en xeral, os bagullos veñen cheos e con faba limpa. Un cultivo tradicional vido a menos pero con moito futuro A cuarta edición da Feira da Faba de Moeche naceu co obxectivo de promocionar unha legume que noutro tempo supuña un importante complemento económico para as economías familiares desta zona. Ata hai relativamente pouco, as feiras do 11 e do 23 dos meses de outubro e novembro eran citas obrigadas para darlle saída ao excedente da comarca, que partía desde Moeche para o resto de Galicia. A prensa local publicaba hai uns 35 anos que neste tempo chegaron a comercializarse en San Ramón 60.000 quilos de fabas. Un dato significativo da gloria pasada da faba nesta zona, pero tamén un sinal do potencial que ten o norte da provincia da Coruña se se aposta por recuperar este cultivo.

Outros produtos do outono

A IV Feira da Faba de Moeche comezará sobre as 10 da mañá coa apertura dos postos no interior dunha nave do mercado que, como adoita ocorrer nas grandes citas, aproveitará todo o longo das instalacións para acoller a oferta de legume, pero tamén a dos expositores habituais dos sábados. Ao coincidir con día de mercado, a cita contará tamén con outros alimentos frescos e transformados (pan, queixos, peixe, produtos de tempada). Ademais de pan e doces das panaderías da zona, haberá tamén chocolates traídos desde Ribadeo por Bombones Moreno, mel e produtos apícolas da Casa do Mel de Goente, queixos da zona e tamén de San Simón da Costa (da Queixaría Prestes), chacinas ancareñas comercializadas por Embutidos Suarna, etc. Canda o alimento, o recinto tamén reserva espazo para a artesanía das Lolas da Cascarilla (bonecas feitas con plana de millo), para os artigos de coiro elaborados por Ana y Marcus, as bolsas e cestos de Stela ou a bixutería do posto de Bypi Artesanía. Programa complementario de actividades A feira rodearase ademais de propostas paralelas como unha exposición sobre o traxe galego, obradoiros para a rapazada e un espectáculo de iniciación ao baile tradicional, así como outras actividades. Así, ás 11:30 horas. desenvolverase un obradoiro de maxia e malabares conducido por La GuaGua. Tamén colabora co evento a asociación Val de Moeche traendo unha exposición de traxes tradicionais galegos da colección da veciña de San Xoán Loli Garrote, socia da entidade. Loli é filla do desaparecido folclorista Gonzalo Garrote, membro do Real Coro Toxos e Froles, do que foi percusionista en tempos de Manuel López Vergara e Constantino Bellón. Garrote foi ademais director artístico de honra do coro e fundador en 1968 da agrupación Terra Meiga. Para as 13:00 horas está previsto o comezo do espectáculo As Armadanzas na punta do pé, que chega a Moeche da man da Rede Cultural da Deputación da Coruña. As Armadanzas son Mercedes Prieto e Montse Rivera, quen levarán ao público ao mundo do baile tradicional galego-portugués cunha proposta pensada para participar nos bailes dunha e da outra beira do Miño animados con historias e contos entre peza e peza.

Os produtores de horta de Mondoñedo diversifican na procura de maior valor

Mónica Maestre comezou con invernadoiros e agora elabora conservas e ten a súa propia tenda Mondoñedo está disposto a desafiar o pesimismo. É un deses concellos do rural que está a incorporar nos últimos anos persoas ao sector primario, un sector que xunto ao turismo está chamado a ser un dos revulsivos dun municipio con tanta historia coma futuro. Os produtores de horta están a tirar do carro, decididos a diversificar para dar maior valor aos seus produtos de calidade. Un exemplo é a empresa mindoniense Hortas de Galicia, que produce produtos de tempada en varias fincas ubicadas xunto ao campo de fútbol Viñas da Veiga. Mónica Maestre e Jorge Losada puxeron este ano leituga, calabacín, repolo, brócoli, berenxena e varios tipos de pemento. Pero sen dúbida o seu forte no verán é o tomate. Teñen botados 10 invernadorios da variedade anairis, en total 5 hectáreas a tomate ás que hai que dar saída. E o mercado é cada vez máis esixente cos produtores. Demanda tomates, o mesmo que o resto de froitas ou hortalizas, cada vez máis perfectos visualmente, ás veces sen reparar tanto no sabor. Como sabor non lles falta aos que producen en Mondoñedo, Mónica e Jorge non teñen problema á hora de dar saída en pequenas tendas e supermercados aos que esteticamente entran nos cánones de beleza actuais, pero que facer co resto? Quilos e quilos de tomate de segunda que o mercado penaliza moito no prezo ou directamente rexeita. Por iso este ano idearon unha solución: facer conservas. Elaboran tomate frito, tomate natural triturado e marmelada de tomate Veñen de sacar ao mercado tres elaboracións en bote de cristal co tomate como protagonista, case único, porque non leva ningún tipo de conservante nin aditivo. Fan tomate frito, tomate natural triturado e marmelada de tomate. A materia prima é deles e a elaboración corre a cargo de Ribeiregas, a cooperativa que Dora e Luz teñen en Negueira de Muñiz. "Nós non temos a infraestrutura necesaria para facer as conservas así que contratamos con elas a fabricación, nós levámoslles os tomates, aqueles que pola súa morfoloxía teñen unha peor saída comercial, e elas transforman e producen sen engadir ningún tipo de conservante, colorante ou potenciador do sabor, porque os nosos tomates non o precisan, nós queriamos lograr unha conserva como a feita na casa, que mantivese a nosa esencia, que é esa", explica Mónica. A previsión de Hortas de Galicia é fabricar uns 5.000 botes nesta tempada para comercializar nos mesmos establecimentos onde venden as súas hortalizas. Sen ningún tipo de conservante a caducidade é de ano e medio, o que lles permite vender durante todo o ano un produto ao que doutro xeito terían que dar saída en cuestión de días. Sen embargo, Mónica lamenta "que non se valore a calidade" e conta que nalgún establecimento non quixeron vender as súas conservas porque consideraban que tiñan un prezo alto. "Non se pode comparar isto co tomate Solís, nin en calidade nin tampouco en prezo, claro", argumenta. Hortas de Galicia contacta cos seus clientes a través da redes sociais e abriu tamén unha tenda física cos seus produtos e con outros produtos de calidade galegos xusto fronte á Catedral de Mondoñedo. Pretenden deste xeito subministrar tanto aos seus veciños como aproveitar o aumento na chegada de peregrinos e de turistas que visitan esta localidade da Mariña. A empresa dá traballo xa a 5 persoas e pretenden seguir contribuindo a crear emprego na localidade.

A unión dos produtores de faba

Jesús, Rocío e Alfonso, na cámara onde refrixeran a faba fresca que lles traen os produtores Tamén se decidiron a diversificar e ampliar o seu negocio tres produtores de faba que se asociaron para poñer en marcha unha iniciativa coa que pretenden dar máis valor ás leguminosas que producen. Rocío Maseda, Alfonso Cartoy e Javier Monasterio crearon a Asociación Faba Verdina de Galicia e veñen de abrir unha nave no barrio de San Lázaro, á entrada de Mondoñedo, onde levan 15 días recibindo e procesando faba fresca, tanto a que producen eles mesmos como a que lles traen outros produtores da zona. "Vén xente de toda a Mariña e mesmo de fóra a traernos faba, desde Vilalba a Viveiro, ademais de produtores daquí da zona ou de Riotorto e A Pontenova", explica Alfonso. Reciben a mercadoría polas mañáns todos os días agás o domingo para que deste xeito a faba veña acabada de apañar e non lle perda peso ao produtor nin tampouco calidade a eles. Logo unha vez na nave selecciónana, pésana e envásana en bolsas de plástico refrixeradas e paletizadas en caixas que logo lles veñen buscar para conxelar.
Están a pagar a 5 euros o quilo aos produtores pero non saben se poderán manter ese prezo até final da campaña porque son as comercializadoras asturianas as que o acaban marcando
Teñen un acordo coas dúas principais distribuidoras asturianas de faba, Tierrina Vaqueira e Codilex, ás que lles subministran entre uns 1.000 e uns 1.200 quilos diarios. Xa levan enviadas unhas 15 toneladas de faba fresca con destino a Asturias, que segue a ser un dos grandes mercados da faba producida na Mariña. Até o momento estiveron pagando o quilo de faba a 5 euros ao produtor, pero Alfonso recoñece que non saben se poderán manter ese prezo até o final da campaña, que durará aínda un mes máis. Unha incertidume da que non teñen culpa. As comercializadoras son as que fixan os prezos nunha cotización que cambia case a diario para a bolsa de fabas, ao máis puro estilo da Bolsa do Ibex 35. "Márcannos os prezos e aprétannos. Nós somos tamén produtores e sabemos o que é iso, pero é a lei do mercado e é difícil loitar contra iso", recoñece Alfonso. As comercializadoras son tamén as que marcan os parámetros de calidade do produto e marcan as regras do xogo, por iso Rocío, Alfonso e Javier teñen intención de comercializar directamente ao cliente final todo canto poidan. A nave da Asociación, de 300 metros cadrados, está á entrada de Mondoñedo A nave que teñen alugada en Mondoñedo ten 300 metros cadrados e serve de base de operacións tamén para dar saída ao produto das súas explotacións, ubicadas en Vilamor (Mondoñedo), Santo Tomé (Lourenzá) e Sante (Trabada). Os tres producen faba verdina que queren comezar a comercializar baixo a marca Verdina de Galicia en saquiños individuais de quilo e de medio quilo, uns formatos pensados para chegar ao consumidor en tendas de barrio e tendas delicatesen. Xa contan coas primeiras producións deste ano, no que agardan chegar ás 15 toneladas de verdina entre os tres. Unha parte desta faba está aínda por apañar e a outra está no secadeiro e aínda sen mallar. Por iso decidíronse a procesar faba fresca, que vén máis cedo. "Para a verdina necesitabamos un centro de operacións onde envasar e almacenar e a faba fresca sérvenos para aproveitar esas mesmas instalacións minimizando así os custos anuais de mantemento", explica Alfonso. Pola mañán os tres traballan na nave recibindo, seleccionando e envasando a faba fresca e pola tarde cada un atende a súa explotación.

Implicación do Concello

O Concello de Mondoñedo estase a implicar para apoiar todas cantas iniciativas deste tipo xurdan no municipio coa intención de dar valor ás producións e crear postos de traballo. Con ese obxectivo impulsou a marca de calidade Horta de Mondoñedo, que aglutina aos produtores de horta do municipio e dá apoio técnico con xornadas como a celebrada o venres pasado no IES San Rosendo sobre as aplicacións do uso de drons en cultivos de horta e cultivos forestais. A alcaldesa mindoniense, Elena Candia, destaca ese apoio prestado polo Concello para a creación da marca de calidade Horta de Mondoñedo e na difusión dos produtos acollidos a ela e lembrou o proceso seguido. "En novembro de 2018 presentouse na Consellería o texto para regular o uso da marca Horta de Mondoñedo, que foi informado favorablemente o 4 de febreiro. En 2018 e 2019, deseñouse o logotipo, contribuímos á impresión das etiquetas, regalamos bolsas de papel co logo para promocionar a marca e difundimos vídeos a través das redes e na televisión autonómica", explicou. Engadiu ademais que "o seguinte paso é o impulso á creación da asociación de produtores de conservas de hortalizas de Mondoñedo. Os estatutos xa están rexistrados e unha vez constituída legalmente, impulsaremos proxectos como fixemos con Faba Verdina. Apostar pola nosa horta é unha aposta segura porque é apostar pola importante calidade dos produtos que temos", asegura a alcaldesa.

Cita ineludible esta fin de semana na Mariña na Festa da Faba de Lourenzá

A Festa da Faba de Lourenzá protagoniza a axenda desta fin de semana na Mariña cun variado e completo programa de actividades que xiran arredor dun produto que conta con Indicación Xeográfica Protexida e que se cultiva nos distintos concellos da comarca. A produción deste ano, algo máis escasa, vén moi desigual, con fincas que están para recoller e outras máis atrasadas por mor do tempo. O que non varía é a calidade do produto, un ano máis excelente. A Festa da Faba marca o inicio da campaña, que se mantén logo durante todo o mes nas instalacións do Mercado Gandeiro da localidade con venda ao por maior todos os domingos. Ademais de para promocionar o produto, a Festa da Faba serve tamén para que os fabeiros dean saída a unha parte importante da súa produción chegando directamente ao cliente final, sen intermediarios, lográndose vender en dous días máis de 8 toneladas de legume. A venda na Festa marca tamén un pouco a a cotización para toda a campaña, que se inicia coa recollida da faba fresca e da verdina e se mantén até finais de outubro coa faba seca.
A produción deste ano será algo máis escasa pero dunha calidade excelente
A produción de faba foi pouco a pouco substituíndo nos últimos anos a actividade agrogandeira no Val de Lourenzá. Unha visita calquera domingo deste mes de outubro ás instalacións do Mercado Gandeiro é boa mostra da reconversión vivida no sector primario na zona nas últimas décadas. Non fai tantos anos, en vez de fabas o que nese espazo se compraba e vendía era gando, tanto vacún como porcino ou cabalar, con feira de referencia na comarca todos os días 9 e 28 de cada mes. O mercado dos produtores da faba desta fin de semana, con stands de venda directa ao público na Praza do Conde Santo, complétase con actividades lúdicas (concertos musicais, degustación de tapas, showcookings) que contribuen ao éxito de público. O programa desenvolverase desde o venres até o domingo con actividades variadas que incúen música, artesanía, gastronomía, obradoiros infantís e deporte. A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, durante a presentación do programa A festa chega ese ano á súa 29 edición. Foi creada polo Concello de Lourenzá no ano 1990 como un xeito de apoiar aos produtores e promocionar a súa actividade e desde o 2001 está declarada Festa de Interese Turístico Galego. Á venda e degustación de fabas durante toda a fin de semana, nos últimos anos fóronselle engadindo diversas actividades complementarias. O sábado, por exemplo, haberá demostracións de artesanía e feira exposición de vehículos agrícolas e de coches e motos clásicas.
A Festa da Faba celébrase desde 1990 e desde o 2001 está declarada Festa de Interese Turístico Galego
Como vén sendo habitual, os establecimentos hostaleiros da vila ofrecerán tapas de fabas durante a festa e a Asociación de Cociñeiros da Mariña colaborará un ano máis preparando distintos pratos de fabas elaborados con pulpo, bacallau ou porco celta, nunha cita que serve para exhaltar tamén outros produtos galegos. Haberá, por exemplo, cata de viños da Ribeira Sacra e o concello convidado este ano será o de Ponteceso.

Unha ruta cultural e gastronómica

A Festa da Faba, que se celebra todos os anos na primeira fin de semana de outubro, marca o comezo da tempada deste produto. Está organizada polo Concello de Lourenzá, que conta ademais desde o ano 2004 cun Centro de Interpretación adicado á faba integrado dentro do Mosteiro de San Salvador, onde nun túnel do tempo polo que outrora pasaban os monxes un pode repasar mediante os distintos apeiros empregados a evolución da produción de fabas na localidade. Tunel do Centro de Interpretación Xunto á apertura do Centro de Interpretación da Faba, nos últimos anos foron distintas as iniciativas postas en marcha para poñer en valor esta produción local, que se está a converter nun foco de creación de riqueza a nivel local e nun nicho de creación de emprego para moitas familias que ven no cultivo desta leguminosa unha oportunidade laboral e un modo de vida. Desde a cooperativa Terras da Mariña, por exemplo, teñen un programa de visitas para escolares destinados a colexios e campamentos de cativos e están a desenvolver tamén nos últimos anos unha intensa labor de promoción e difusión do produto en feiras de toda Galicia e do resto do Estado.
Esta fin de semana durante os tres días que dura a Festa da Faba un tren turístico levará aos veciños e visitantes a percorrer a Ruta da Faba
Este ano comezou a funcionar ademais en Semana Santa e no verán unha Ruta da Faba, unha ruta turística que xira en torno a ese produto e que permite aos visitantes descubrir o proceso completo, desde as plantacións até a parte gastronómica e cultural. Esta fin de semana durante os tres días que dura a Festa da Faba un tren turístico levará aos veciños e visitantes a percorrer a Ruta da Faba.

Programa completo da Festa da Faba 2019

Prevese unha menor produción de faba de Lourenzá pero de mellor calidade

José Cuadrado, nas instalacións da cooperativa Terras da Mariña Os produtores de Faba de Lourenzá da comarca da Mariña están a iniciar a campaña de recollida cunhas previsións de menor produción con respecto a 2018 pero dunha calidade excelente. José Cuadrado Oural, Pepe, presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida e da cooperativa Terras da Mariña, estima que haberá "menos produción que o ano pasado pero coido que de mellor calidade". "É algo no que estamos mellorando cada ano", asegura.
A campaña vén moi desigual, cunhas fincas máis adiantadas e outras moi atrasadas
A IXP foi creada no 2008 e a cooperativa de produtores seis anos despois. Na actualidade forman parte da IXP 40 produtores nos 15 concellos da comarca da Mariña que abrangue (Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove), cunha superficie de cultivo certificada de 40,5 hectáreas. Deles, 5 produtores de Lourenzá, das parroquias de Santo Tomé e Santo Adrao (Xoias do Val, Fabas O Pontigo, Fabas Maruxa, Fabas Francisca e Fabas Alma do Val), e un de Cedofeita, en Ribadeo (Horta Valego), envasan con marca propia, ademais da propia cooperativa Terras da Mariña, que reúne a 16 produtores de toda a comarca e comercializa coa marca Mariña Selecta.
De 2010 a 2018 multiplicouse por tres a produción vendida baixo aa etiqueta da IXP, superando as 12 toneladas na última campaña, cun volume de negocio que supera os 100.000 euros
Aínda que o incremento da faba certificada foi unha constante nos últimos anos, esta segue aínda a ser a grande asignatura pendente da faba que se produce en Lourenzá. De 2010 a 2018 multiplicouse por tres a produción vendida baixo a etiqueta da IXP, superando as 12 toneladas na última campaña, cun volume de negocio que supera os 100.000 euros. Pero o presidente do Consello Regulador recoñece que "véndese aínda máis faba sen IXP que con ela". "Hai un problema de sobreprodución de faba que leva o nome de Lourenzá pero que sae sen a etiqueta da IXP", di. "É un problema de concienciación, tanto do consumidor, para que saiba o que está está mercando, como dos propios produtores", engade. Profesionalización Tradicionalmente o cultivo de faba na Mariña era un complemento a outras actividades familiares, tanto agrarias como de persoas adicadas a outros sectores. Hoxe aínda se calcula que existen máis de 200 produtores individuais en toda a comarca que non pertencen á IXP e que venden os seus excedentes a granel a uns prezos inferiores aos do mercado. A superficie destinada a produción de faba estabilizouse nos últimos anos, cun repunte no ano 2017 como consecuencia da prohibición de plantar patacas na comarca. A produción media está entre 1.500 e 1.800 quilos de faba por hectárea. En paralelo, nos últimos anos estase a dar unha reconversión no sector, entrando novos produtores que se profesionalizan en substitución doutros que tiñan simplemente na produción de fabas un complemento económico e que o van deixando, en moitos casos por cuestión de idade.
"Todos os esforzos van dirixidos a aumentar a venda de faba certificada e baixar a venda a granel" (José Cuadrado, presidente da IXP)
"Non estamos en contra de que un xubilado produza fabas, pero temos que conciencialos para que se non se suman á IXP, polo menos teñan a súa explotación dada de alta no REAGA e declaren as súas vendas como se fai en calquera outra actividade", reclama. E pide os mesmos controis para todos. "Parece que neste sector todo vale e todo o mundo se pode poñer a producir alimentos así sen máis e falamos de cousas moi serias, porque somos empresas que producimos alimentos e hai que garantir unha trazabilidade e un control no uso de fitosanitarios, tanto nas doses como nos prazos de seguridade, porque esas fabas vai comelas alguén. Nós estamos dacordo en que nos controlen e nos auditen para ter un produto de calidade, pero todo o mundo debe ter os mesmos controis que se nos esixen a nós", defende.
"Non estamos en contra de que un xubilado produza fabas, pero deben esixírselle os mesmos controis e condicións á hora de vendelas"
"Temos que intentar profesionalizar o sector o máximo posible. E buscamos sobre todo un relevo xeracional nas familias que se adican a isto, evitar o despoboamento do rural e sobre todo demostrarlles aos máis novos que aquí teñen unha alternativa de futuro, porque dependemos da xente máis nova para que o sector primario e o rural se revalorice e perdure no tempo", argumenta o presidente da IXP. Pepe é un deses exemplos de novos agricultores que apostan pola faba. Aprendeu a cultivalas dos seus pais e agora, con 35 anos, forma parte desa segunda xeración que quere profesionalizar o oficio. Igual ca el, o seu veciño Alfonso Cartoy tamén está a apostar pola faba en Santo Tomé, o mesmo que outros novos produtores incorporados nos últimos anos na comarca como Diego Geada, de Finca as Carballas de O Valadouro; Javier Monasterio, de Sante, en Trabada; Rocío Maseda en Mondoñedo ou Javier Miranda en Riotorto. Fraude na entrada de produto de Bolivia Están a detectar ademais, nas últimas campañas, a entrada de produto foráneo ao mercado galego, que chega sobre todo de países como Bolivia, e que pasa desapercibida a simple vista para moitos consumidores, pero que é de moita peor calidade. "Non ten a pel fina que caracteriza á faba de Lourenzá, nin a mantecosidade, nin a elevada capacidade de absorción de auga, superior ao 100%, que fai que a nosa faba teña ese comportamento excepcional na cocción. Pero moita xente merca esa outra faba que ven de fóra pensando que é faba de Lourenzá e iso afecta despois ao nome da nosa", explica.
"Está a entrar faba foránea que o consumidor merca pensando que é de Lourenzá", denuncian os produtores, que se ven abocados a vender parte da súa produción vía Asturias
"É importante concienciar ao consumidor", di Pepe, porque nos últimos anos son cada vez máis as familias que apostan polo cultivo da faba como unha opción de futuro e como a súa actividade principal e este intrusismo, tanto na produción e venda de faba a granel como coa venda de faba de importación, dificulta este proceso. O presidente da IXP recoñece, con todo, a dificultade para dar saída a toda a produción da comarca como faba certificada neste momento. Segue marchando moita faba de Lourenzá vía Asturias, a través dos compradores, intermediarios e distribuidores que durante décadas controlaron o mercado da faba en España pero "a idea é potenciar cada vez máis a venda certificada e baixar a venda a granel, que aínda é moi importante, e todos os esforzos van dirixidos a iso", asegura. "Estabamos acostumados a que nos viñeran mercar á casa, un sistema no que o intermediario puña as condicións. Temos que cambiar o sistema e sair nós a vender poñendo nós as condicións", defende. Mellora da semente Semente base de Faba Galaica cultivada nas instalacións da Misión Biolóxica de Galicia Os produtores de Faba de Lourenzá están tamén inmersos nun proxecto para a mellora da semente que cultivan. A cooperativa Terras da Mariña recibiu no mes de febrero sementes base da variedade Faba Galaica, colleitada polo CSIC tras máis de vinte anos de investigación. "É semente certificada que nos transfiere o CSIC. A cooperativa Terras da Mariña, que é a que recibe esa semente, multiplícaa para a súa posterior posta a disposición dos agricultores inscritos na IXP", explica Pepe. A intención é unificar a variedade da especie Phaseolus vulgaris L que se sementa na zona. Está permitido dentro da IXP o uso dun ano para outro de semente da propia explotación ou de reemprazo procecente doutras plantacións inscritas nos rexistros do Consello Regulador. "Pero a semente vaise deteriorando", recoñece o presidente da IXP, así que se trata de "garantir unha semente 100% e unificar a variedade para pechar deste xeito o ciclo da trazabilidade". Agardan deste xeito dar "un salto de calidade". A semente entregada en febreiro foi plantada na primavera en distintas fincas, que levaban cando menos 2 anos sen fabas, para evitar posibles contaxios ou contaminación cruzada da semente, e o resultado desa multiplicación distribuirase o vindeiro ano entre os produtores interesados en facerse con ela.
A Misión Biolóxica de Galicia entregará durante os vindeiros 4 anos fabas que a cooperativa Terras da Mariña reproducirá para entregar aos produtores da IXP. Trátase de unificar a variedade e lograr unha semente 100% libre de enfermidades
Segundo o acordo do CSIC, este proceso vaise repetir durante os vindeiros anos. A Misión Biolóxica de Galicia vai plantar nas súas instalacións semente base da mesma variedade de Faba Galaica libre de enfermidades e cun grao de pureza 100% que irá entregando á cooperativa Terras da Mariña para que esta a reproduza e a reparta entre os produtores. En paralelo ao proceso de mellora da semente estase a levar tamén a cabo un traballo de transferencia tecnolóxica en colaboración co Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias de Ribadeo para realizar campos de ensaio e demostración e a cooperativa pon a disposición dos socios servizos de carácter técnico e asesoramento permanente, ademais de facilitar tamén planta procedente de dous invernadoiros para semilleiros que teñen instalados en Santo Adrao (Lourenzá) e Arante (Ribadeo).

Terras da Mariña, unha cooperativa para traballar en conxunto

Integrantes da cooperativa procesando faba fresca para conxelar, que reciben a diario A cooperativa Terras da Mariña foi creada en 2014 coa intención de traballar en conxunto e estabilizar os prezos e comercializa anualmente 20 toneladas de fabas, un terzo delas dentro da IXP e o resto faba branca sen certificar ou doutras variedades, como verdina, faba pinta ou faba do caldo. Sen embargo, a produción estimada dos seus socios é maior, próxima ás 35 toneladas, xa que os integrantes teñen a liberdade de comercializar parte da súa producción ben directamente ou por outras canles. Ampliar o número de socios, diversificar producións, sacar ao mercado novos produtos elaborados listos para consumir e lograr estabilidade nos prezos, garantía e trazabilidade son algúns dos obxectivos nos que están a traballar en Terras da Mariña.
Os productores traballan coa incertidume dos altibaixos nos prezos e non teñen un prezo mínimo garantido de referencia cando fan a sementeira no mes de maio
Os altibaixos nos prezos son unha incertidume coa que traballan os produtores, que non teñen garantido un prezo mínimo ou de referencia cando fan a sementeira no mes de maio. "Os prezos sufriron bastantes variacións nos últimos dous anos, cunha baixada importante no prezo ao agricultor, aínda que semella que empeza a repuntar de novo. Un precio digno e estable que debera recibir o agricultor poderia ser entre os 6,50 e 7,50 € o quilo", considera. Ainda que Pepe non é precisamente unha persoa conformista e defende un prezo maior para o produto, recoñece que "se se lograra estabilizar nese intervalo o prezo varios anos xa seria un logro importante". Acabar coas fluctuacións nos prezos é precisamente unha das teimas da cooperativa desde a súa formación. Diversificación A idea da cooperativa Terras da Mariña é ir aumentando tanto o número de socios como a superficie destinada a fabas e, ao mesmo tempo, "ir poñendo tamén os ollos noutros produtos de horta que sexan compatibles". "Até agora a produción da cooperativa estaba centrada no monocultivo de fabas pero a partir deste ano queremos diversificar cultivos que xexan compatibles coa faba para diversificar tamén os ingresos dos socios e favorecer a rotación de cultivos nas terras", explica Pepe. No seu afán de poñer en valor os produtos galegos de calidade diferenciada, a cooperativa vai dar un paso máis unha vez recollidas as fabas deste ano e iniciar un novo proxecto de produción e comercialización de nabizas e grelos amparados pola Indicación Xeográfica Protexida Grelos de Galicia.
Cando apañen as fabas deste ano van plantar grelos que comercializarán dentro da IXP Grelos de Galicia coa intención de diversificar os ingresos dos socios e favorecer a rotación de cultivos
"É un produto con moita demanda e moi interesante tamén para optimizar as nosas terras e facer unha rotación de cultivos, compatible coa produción da nosa Faba Verdina, que se apaña antes, e incluso a Faba de Lourenzá, e permitirá poñer a producir fincas que están quedando en abandono e significará un complemento ás explotacións hortícolas", explica. Segundo as previsións que manexan, a gran maioría dos socios da cooperativa van participar na plantación de grelos, que está aberta tamén a outros agricultores ou gandeiros que non formen parte da cooperativa. Trazabilidade A produción por hectárea está entre os 1.500 e os 1.800 quilos de faba Aparte da aposta pola calidade, como cooperativa fan especial fincapé na trazabilidade e a seguridade dos seus produtos. A través dun programa de trazabilidade levan un control moi estrito de todo o proceso produtivo da faba para que os seus clientes poidan saber quen producíu esa faba, en que leira, que tratamentos e fertilizantes se usaron, a data de sementeira e recollida e cando foi envasada. Nunca mesturan as fabas dun socio coas doutro e dentro da produción dun mesmo socio, sempre envasan cada leira por separado, garantindo así que as fabas de cada envase responden a unha calidade uniforme e que todas se van a comportar de igual forma á hora de cocelas.
Cada leira envásase por separado e non se mesturan as fabas dun socio coas doutro
Por iso, levan un control extricto da trazabilidade para dar máxima garantía ao consumidor. A faba da IXP véndese envasada en saquiños dun quilo e só se permite envasar en sacos de 5, 10 e 25 quilos, tamén etiquetados, para vender á hostalaría, pero nunca a venda a granel, "porque nun saco aberto o consumidor non sabe se o que realmente contén é faba de Lourenzá ou doutra procedencia diferente", insiste. Posicionarse no mercado gourmet Terras da Mariña fai produtos elaborados con fabas baixo o selo Galicia Calidade Ademais da mellora do sector mediante a produción e venda en conxunto, a promoción representa para a cooperativa un piar fundamental no seu proxecto de futuro. "Producir faba de calidade é importante pero tamén é importante promocionar o noso produto, gañar visibilidade e mercado", defende Pepe. E para iso hai que "sair da casa". Nos últimos anos Terras da Mariña leva realizado múltiples accións de promoción da faba de Lourenzá en diferentes feiras dentro e fóra de Galicia. Pretenden posicionarse no mercado gourmet e delicatessen, "porque é onde merece estar este produto e é tamén onde maior rendibilidade pode obter o produtor", di, aínda admitindo que "son nichos de mercado que absorben pouco volume de produto".
Buscan estar en tendas delicatessen e en negocios de restauración de alta gama aínda que son nichos de mercado que absorben pouco volume
Unha das vías é a de introducir a faba de Lourenzá na alta cociña e nos negocios de restauración de media e alta gama. Importantes chefs galegos do Grupo Nove, como Héctor López, Lucia Freitas ou Yayo Daporta ou cociñeiros como Jorge López, David Maredo ou Bruno Pena, pertencentes á Asociación de Cociñeiros da Mariña empregan xa a faba de Lourenzá nas súas creacións e colaboran nas presentacións e showcookings organizados en diferentes puntos do Estado. A cooperativa forma parte de Galicia Calidade, un distintivo que agardan lles sexa útil tamén para a promoción exterior, que encetaron no último ano coa presenza en distintas feiras internacionais. A todas estas citas a cooperativa vai tamén cos seus produtos elaborados (ensalada de fabas de Lourenzá, fabas con bacallau, fabas con setas, fabas con pulpo e fabas con callos), cinco conservas en lata feitas a base de fabas da IXP e elaboradas dunha maneira totalmente artesá. Seguen traballando para ampliar esta gama de produtos en conserva e tamén probando novas aplicacións para esta legume, como por exemplo un pan elaborado con fariña de faba presentado este ano no Forum Gastronómico.

O Pontigo, pioneiros da faba de Lourenzá

“Cando eu empecei non había ninguén máis que botara fabas nesta zona. Empezei con 27 anos cunhas pouquiñas e hoxe teño 74. Levo toda a vida plantando fabas”, conta Teresa Recalde, de fabas O Pontigo, unha voz autorizada para facer un repaso pola historia deste cultivo que conta con Indicación Xeográfica Protexida propia. “Casei con 25 anos e ese ano botei unhas poucas fabas do caldo no medio do millo. Fun a primeira. Alguén tiña que selo”, réstalle importancia. “Cando empezei a botalas tiña vacas, pero despois deixei as vacas e dediqueime en exclusiva á faba. Foi a miña actividade principal até que me xubilei. Agora a explotación lévaa a filla”, conta. Genma continúa coa produción, pero mándanos falar con Teresa porque “a experta en fabas é ela”. Neste tempo tamén cambiaron as técnicas de cultivalas. “As primeiras botámolas arrastro, directamente no chan, plantadas solas como se fose millo pero apedrábanse moitas por estaren en contacto co chan. Logo pasamos a botalas no medio do millo, pero tampouco era gran cousa porque o millo chupáballes moito. Agora desde hai xa ben anos estácoas, fun a primeira que o fixo”, aclara. “Fixeran os de Extensión Agraria catro campos de ensaio, dous aquí en Santo Tomé e dous en San Adriano, estacándoas con varillas de ferro, pero o meu home traballaba nun aserradeiro e tiña unha pala e antes de ir a traballar poñiamos os paus e despois eu ía amarrando”, engade. As fabas bótanse en regos e estácanse en ringleiras. Case medio século de actividade deu lugar a un calendario adaptado ás características climatolóxicas e do terreo. “Cando chega a primavera preparamos a terra, abonámola e queda arada a finais de marzo porque o terreo ten que estar cocido cando botamos as fabas no mes de maio, a principios ou a mediados, dependendo do tempo. Aí fresamos a terra e sementamos directamente a faba nela. Fixen probas facendo semilleiro e trasplantando pero é máis gasto e máis traballo, así que volvimos a botalas directamente na terra. Antes botabámolas á man, faciamos o rego, pingabámolas e outros ían detras tapando, pero agora temos unha máquina para botalas que xa o fai todo. Despois atérranse e xa se tapa a herba que sae a carón delas coa terra. Antes sachábanse co sacho rego a rego pero era moitísimo traballo. Logo estacamos e poñemos a rede para que suban e imos amarrándoas. Xa quedan así até que se apañan, o único que facemos é pasar a grade de vez en cando entre os regos para que non saia herba”, detalla Teresa. A medio secar apáñanse e lévanse a cuberto, onde acaban o proceso “Quen máis traballo fai é Genma. Axúdanse ela e un primo, que tamén labra e fan os traballos a medias. Entre os dous vano facendo, eu so paso o tractor. Para as estacas si que hai que buscar xente e para apañar o ano pasado contratamos a unha persoa mes e medio”, conta. As terras déixanse logo descansar no inverno, unha vez apañadas as fabas e retiradas as estacas, polo mes de outubro ou novembro. “Ás veces se apañamos cedo botámoslles uns nabos que despois se fresan na primavera para abonar, pero son terras dedicadas só a fabas”, aclaran. Secado, conxelado, envasado e etiquetaxe As fabas conxélanse de secas durante unha semana para evitar que lles saia o gorgullo O que Genma e Teresa botan é todo faba branca. “Ao principio botaba algo de verdina, pero non teño moi bo sitio para curalas”, explica. Este ano teñen plantadas 5 hectáreas, unhas poucas menos ca outros anos. As terras son todas arrendadas. “Eu terreo non teño”, aclara. O proceso de secado comeza na pranta na propia terra e remata a cuberto na casa. “Cando o bagullo comeza a amarelear córtase a pranta polo pé e lévase para a casa. Tarda entre un e dous meses en acabar de secar, depende de como veña o tempo. Veñen da terra a medio secar e acaban de secar colgadas en 4 invernadoiros que temos para iso”, explica Teresa. Ao igual que as terras, os 4 invernadoiros non teñen outro uso máis que o de secar as fabas. “Antes labrabamos xudía e tomate, pero tiñamos que botar cedo para lograr ter os invernadoiros libres para cando viñan as fabas”, explica. O Pontigo envasa en saquiños de tea dun quilo e en sacos de 25 Cando están secas, as fabas descólganse, mállanse e pasan pola cámara de conxelación. “Metemos 1.000 quilos de fabas cada vez e témolas unha semana para que non lle saia o gurgullo”. Pasados sete días sácanse e unha vez desconxeladas quedarían xa listas para conservar e envasar e comercializar. O proceso implica a ausencia de tratamentos químicos para a conservación do produto. O Pontigo foi tamén dos primeiros en embolsar e vender coa súa propia marca un produto antes destinado maioritariamente a abastecer a maioristas asturianos. “Non me foi doado abrir camiño. Fun a moitas feiras, ás veces non sacaba nin para pagar o stand. Daquela a Faba de Lourenzá non tiña o nome que ten hoxe”, asegura.

"Eu para Asturias mando pouca faba pero aínda se depende moito dese mercado"

O ano pasado O Pontigo logrou unha produción de 9.000 quilos de faba branca seca. Malia a abundancia, o prezo mantívose. “Eu vendinas coma todos os anos, a 9 euros o quilo a granel e a 10 euros embolsadas en paquetes dun quilo baixo a IXP Faba de Lourenzá”, conta. Pero o ano pasado foi un ano “excepcional”. “Hai moitos anos que boto fabas pero coma o ano pasado non vin ningún. Houbo moita, moi boa, nada manchada e xa foi seca para a casa”, resume Teresa. “Este ano non vai ser tan bo, a calidade si, vai ser a mesma, pero a cantidade vai ser menor. Este ano non choveu cando tiña que chover. As primeiras naceron bastante ben, pero as segundas que se botaron naceron mal, houbo que reprantar e custoulles subir”, explica.
O pasado ano O Pontigo logrou unha produción de 9 toneladas de faba seca de moi boa calidade, que vendeu entre 9 e 10 euros o quilo. Este ano prevé unha menor produción
As colleitas veñen coincidindo coa Festa da Faba, que se celebra na primeira fin de semana de outubro, aínda que ao tratarse dun cultivo estacional varía dun ano para outro en función do tempo. “Este ano están xa máis secas e para a Festa da Faba vai haber xa cantidade, outros anos hai moi pouca para esa época, é cando comeza a haber”, aclara Teresa, que é asidua desde a primeira edición celebrada en 1990. “Na primeira Festa da Faba eramos só 4 stands. Dúas daquelas señoras xa morreron. Hoxe somos máis e véndese máis. Daquela nin colleita dabondo tiñamos”, lembra. A maioría dos produtores estrean a súa produción anual coincidindo coa Festa da Faba pero logo dispoñen do produto para seguir comercializando fabas durante os seguintes meses. “Nós témola despois durante todo o ano. Estamos acabando a do ano pasado, cando veña a nova xa non quedará nada”, indica. Adaptan a produción á clientela para ter a venda segurada Genma e Teresa adaptan a súa produción á súa clientela habitual para teren garantida a venda. “Temos os nosos clientes, algúns desde fai máis de 30 anos, e botamos adaptado a iso. No meu caso agora para Asturias van poucas, pero sen os compradores asturianos aínda a día de hoxe non se podería botar a superficie de faba que se bota no Val de Lourenzá, en moitos casos eles seguen sendo o principal cliente”, asegura.
"Na Mariña producimos fabas pero hai poucos restaurantes que as teñan na súa carta"
E fai un reproche: “Aquí na Mariña producimos fabas pero poucos sitios hai onde poder comer un plato de fabas. En Asturias tés fabada tanto no inverno coma no verán en todos os restaurantes”. O Pontigo dispón da maquinaria necesaria tamén para o envasado e etiquetado. Enche en saquiños de tea dun quilo co distintivo da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá destinados sobre todo a tendas e clientes minoristas, pero non logra vendela toda deste xeito e para restaurantes ou outro tipo de clientela vai en sacos de 25 quilos que non entran dentro da IXP.

“Pretendemos defender mellor o que producimos, parécenos xusto”

Rocío, Alfonso e Jesús, cunha caixa de faba verdina, en Santo Tomé, no Val de Lourenzá A unión de tres produtores de faba da Mariña, Alfonso Cartoy, de Santo Tomé, en Lourenzá; Rocío Maseda, de Vilamor, en Mondoñedo; e Jesús Monasterio, de Sante, en Trabada, alumea o nacemento da marca colectiva Faba Verdina de Galicia, coa que pretenden comercializar inicialmente unhas 5 toneladas desta legume. A verdina é quizais a menos coñecida das fabas cultivadas en Galicia pero está a gañar protagonismo nos últimos anos fronte á irmá maior, a faba branca comercializada baixo a IXP Faba de Lourenzá. Da familia Phaseolus Vulgaris, a coñecida tamén como faba do marisco é de moito menor tamaño e a súa característica cor verde lógrase apañando as vainas cando aínda están verdes e secándoas en penumbra. A faba verdina comezou a producirse na Mariña procedente de Asturias e a súa comercialización realizábase principalmente até agora a través de intermediarios asturianos, o que provocaba unha merma de prezo en orixe. É algo ao que queren poñer remedio Alfonso, Rocío e Jesús. "Trátase de defender o noso produto o mellor posible e buscar nichos de mercado que non están copados", explica Jesús, que engade que "non é unha guerra contra ninguén, nin contra os intermediarios nin contra a IXP, porque nos necesitamos todos".
A marca Faba Verdina de Galicia nace á marxe da IXP Faba de Lourenzá, que se centra só na faba branca
A marca Faba Verdina de Galicia nace á marxe da IXP Faba de Lourenzá, que se centra só na faba branca. "Son parentes pero non ten nada que ver unha faba coa outra. As dúas son leguminosas que veñen da mesma orixe, pero son variedades distintas. Os produtores nesta zona botan maioritariamente faba branca, pero eu boto das dúas para diversificar a produción e correr menos riscos, porque hai anos que ten mellor prezo unha e outros nos que vai mellor a outra, e tamén o fago para ter dúas referencias no mercado á hora de ir vender o produto ás tendas, por exemplo", explica Alfonso. Alfonso comercializaba até agora a súa produción de fabas baixo a marca Alma do Val, que vai seguir mantendo para a faba blanca. Este ano ten sementado máis de 6 hectáreas no Val de Lourenzá, das que máis da metade son faba verdina, que comezou a botar fai 3 anos. Rocío, ten sementadas 6 hectáreas de verdina e 8 de faba branca no Concello de Mondoñedo. A súa explotación, Murias Maseda, é unha das maiores produtoras de faba fresca de Galicia e comezou hai dous anos coa verdina. A terceira pata do proxecto, Jesús, pola contra, adícase só á faba verdina. Leva 5 anos cultivándoa e bota unhas 5 hectáreas "de maneira escalonada para que non veña toda xunta e dea tempo a recollela despois, porque a infraestrutura e a man de obra da que dispoño é a que é", explica. Este ano ademais, "van con moito retraso porque o tempo non axudou, cunha primavera húmida e con pouco calor", aclara. "O tempo faino todo" A faba verdina é de mata baixa e non precisa estacado A faba verdina seméntase directamente na terra fresada cunha separación entre os pés de entre 10 e 15 centímetros. A época de botala son os meses de maio e xuño. A verdina ten un ciclo máis curto, duns 90 días, mentres que á branca faille falta un mes máis. A calidade do solo da Mariña adáptase á perfección para a produción da faba. É tamén a climatoloxía. "É un cultivo de verán que necesita horas de sol e algo de auga de vez en cando, o que é un verán típico desta zona", indica Jesús, que aclara que "este ano fáltalles calor e se non hai calor non medrán, as plantas están achicadas e non se desenvolven". "O tempo faino todo", resume. Proceso de secado da faba, colgada e a escuras "O tempo e tamén o traballo", matiza Alfonso, porque "a faba require atendelas e facer as distintas labores (sementado, sachado, aterrado, etc) no seu momento óptimo, non vale deixalas porque se se escapan ou se a herba as domina despois é difícil reconducilas", di. A diferenza da branca, que hai que estacala, a verdina é de mata baixa, só levanta entre 30 e 50 centímetros do chan, e non precisa malla para trepar. Nese aspecto require menos traballo que a faba branca pero, pola contra, é máis delicada á hora de recollela. "A principal peculiaridade da verdina é o seu secado en penumbra, sen que lle dea o sol, para que manteña a súa cor verde característica, que é o que lle dá a gracia á hora de comercializala. Pero para iso cando se apaña a vaina ten que estar aínda verde, polo que hai que recollela no momento xusto, se te despistas enseguida blanquea e perde a cor verde", indica Alfonso.
Apáñase verde e sécase en penumbra dentro da vaina para que non perda a cor verde característica
Sécana, ben colgada boca abaixo ou ben no chan, nunhas instalacións creadas coa estrutura dun invernadoiro pero cuberto con pástico negro dos silos. Murias Maseda, por exemplo, dispón dun secadeiro deste tipo de 1.000 metros cadrados. Unha vez malladas, as fabas conxélanse a -20 graos centígrados durante un mínimo de 48 horas para evitar o gorgullo. "Logo desconxélase e pode aguantar varios anos sen problema", explica Alfonso. Os vaivéns do mercado "Temos que crer algo máis no que temos, o produto responde, temos un bo produto, non é que o digamos nós, senón que o dí o mercado, os cociñeiros, os consumidores, etc. pero non está valorado o que se merece", di Jesús. "É inxusto que se nos vaia o valor do produto a través dos compradores asturianos que nos viñan mercar a nosa verdina para despois vendela eles coa marca Verdina de Asturias", engade Alfonso. Esa foi a razón que os empurrou a crear a súa propia marca, Faba Verdina de Galicia, onde a trazabilidade é unha característica principal. Nace coa finalidade de garantir a orixe galega do produto e a profesionalidade dos produtores, ao tempo que lles axuda a comercializalo.
"O óptimo sería que antes de plantar tivesemos xa un contrato para a venda do produto a un prezo fixo determinado", defende Alfonso
"Un dos nosos cabalos de batalla como produtores son os vaivéns nos prezos. Dun ano a outro a oscilación pode chegar a máis de 2 euros o quilo, iso é algo que sempre penaliza ao produtor", argumenta Alfonso, que defende que "o óptimo sería que antes de plantar tivesemos xa un contrato para a venda do produto a un prezo fixo determinado". Jesús, Alfonso e Rocío encetan xuntos esta nova aventura esperanzados. "Estamos moi satisfeitos coa iniciativa porque a marca foi moi ben acollida por outros produtores", asegura Alfonso. Nunha primeira fase tratarán de afianzar e estabilizar a marca coa súa produción, pero a intención é abrila a calquera outro produtor que queira sumar. "É o inicio de algo que agardemos sexa algo sólido para que a xente se anime a entrar cando a marca xa estea asentada e afianzada no mercado", afirma Jesús. Marca rexistrada Logotipo da nova marca colectiva para a faba verdina Faba Verdina de Galicia é unha marca colectiva que pertence á Asociación de produtores de faba verdina creada en paralelo, que é a que impulsa a marca e vai ser a súa propietaria. A marca está a ser tramitada diante da Oficina Española de Patentes e Marcas para ser usada no conxunto do territorio español. "Somos simplemente tres produtores, sen o apoio do Concello de Mondoñedo e os coñecimentos en materia de marcas de Zoila Gulín, que é experta en propiedade intelectual, e que nos asesorou, este proxecto para nós sería imposible. Constituír e sacar a diante unha marca ten o seu aquel, é unha tramitación moi específica", conta Alfonso. A marca amparará inicialmente a estes tres produtores, que concentran a maior parte da produción galega profesional desta legume. Dentro de Galicia, a zona da Mariña é unha zona de referencia na produción deste tipo de fabas, debido á idoneidade do solo e a climatoloxía. En municipios como Riotorto ou Ribadeo tamén hai produtores de faba verdina. Os promotores do proxecto veñen de rexistrar a marca para España. Protexe dúas clases de produto: faba verdina fresca e seca. A marca conta cun regulamento no que se establecen aspectos como os obxectivos da marca ou os requisitos para obter a licenza de uso, entre outros. O proxecto reforza a imaxe dos produtos agroalimentarios en orixe para impulsar a súa xusta comercialización. A faba seca en Galicia move cada ano preto de 1.400 toneladas, que se reparten case a partes iguais entre as provincias da Coruña e Lugo. Cada unha delas conta con arredor de 35 hectáreas dedicadas a este cultivo.
É unha faba moi versátil que vai ben para cociñar con carne, peixe ou marisco
A produción da marca Verdina de Galicia estímase que poida alcanzar por enriba das cinco toneladas nos seus inicios. A faba verdina vaise comercializar en formatos de consumo de medio quilo e dun quilo dirixidos ás familias. Tamén se venderá en formato granel de 25 quilos debidamente identificado. "É unha faba usada para cociñar con marisco, pero queremos saír daí, porque non é unha faba exclusiva para iso, é unha faba moi versátil, que vai ben para cociñar con caza ou con peixe", asegura Alfonso, que destaca a textura e a cremosidade desta pequena gran legume.

A necesidade de man de obra, unha arma de dobre fío

Faba branca e faba verdina producidas no Val de Lourenzá O Val de Lourenzá é un territorio fértil no que historicamente sempre se botaron fabas. Pero foi a raíz das cotas lácteas cando moitos gandeiros atoparon neste cultivo estacional un complemento ás súas explocacións. A creación nos anos 90 da Festa da Faba a comezos de outubro foi o espaldarazo definitivo a esta produción que se dá moi ben en terras que manteñen a humidade. "O Val é todo chao pero as terras son moi pequenas. Iso dificulta traballalas", di Alfonso. En Vilamor Rocío ten terras máis grandes e Jesús o problema que ten en Sante é a pendente.
"Se se puideran mecanizar todos os procesos botarían hectáreas e hectáreas de fabas noutros lugares e acabarían con nós", di Alfonso
Coas súas diferenzas, os tres teñen algo en común: "a faba precisa moita man de obra, calquera delas, a branca para estacar, a verdina para recollela, a fresca para debullala. Esa necesidade de man de obra é unha arma de dobre fío, porque por un lado impide que poidamos medrar todo o que nos gustaría, pero por outro lado é o que nos salva, porque se se puidesen mecanizar todos os procesos botarían hectáreas e hectáreas de fabas noutros lugares e tirarían os prezos e acabarían con nós. A faba segue a ser hoxe na Mariña e en Asturias unha produción en boa medida artesá e basicamente manual en moitos dos seus procesos. Manter esa esencia é necesario para poder sobrevivir", argumenta Alfonso. Na maioría dos casos os que cultivan as fabas son pequenos produtores. "No Val de Lourenzá quedamos tres grandes: Fabas Maruxa, Fabas o Pontigo e máis eu", indica. Hai, iso si, outros moitos produtores non profesionais que teñen no cultivo de faba un complemento a outras actividades ou unha fonte de ingresos a maiores. Alfonso conta con rexistro sanitario propio e comercializa as súas fabas coa marca Alma do Val Non é o caso de Jesús, Rocío e Alfonso. Os tres apostan pola profesionalización. "Os tres somos agricultores profesionais, estamos dados de alta e pagamos os nosos impostos". Este será un dos requisitos que deberá cumprir todo aquel que queira vender baixo a marca Faba Verdina de Galicia. Alfonso e Jesús dedícanse só á faba, mentres que Rocío, aínda que ten nela a súa actividade principal, bota tamén outros cultivos. Dos tres, o único que dispón de rexistro sanitario propio é Alfonso, que ao ser envasador ten capacidade para comercializar el mesmo a súa produción. "Neste momento logro dar saída desta maneira tan só ao 30% da miña produción", recoñece. Unha cifra que agarda que se incremente logo do lanzamento da nova marca para a faba verdina. De maio a outubro está centrado en cultivar e o resto do ano dedícase a comercializar a produción. Reparte el mesmo os pedidos dentro de Galicia directamente a tendas e a restaurantes para non depender de intermediarios.

Semente da variedade autóctona “Faba Galaica” para os agricultores da Mariña

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) como titular, a través da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), da variedade de xudía de enrame Galaica, asinou este mércores en Santiago un contrato de transferencia e cultivo con Terras da Mariña Sociedade Cooperativa Galega. A Faba Galaica: investigación, rexistro e comercialización A Faba Galaica é unha variedade de xudía común seleccionada fenotípicamente na MBG (Pontevedra), concretamente no grupo Bioloxía de Agrosistemas, a partir de 2014 co criterio do mantemento da pureza varietal das actuais variedades pertencentes á clase comercial internacional "Fabada" que se cultivan tradicionalmente en Galicia e, en particular, na comarca de A Mariña de Lugo ao amparo da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá. Na década comprendida ente 1987-1997 o CSIC desenvolveu traballos de colección de xermoplasma de xudía gran e caracterizou e avaliou diversas variedades de "Faba" que, na actualidade, consérvanse na colección de xermoplasma da MBG. Tamén desenvolveu a liña de mellora PMB-0382 "Faba Galaica" a partir da variedade local PHA-0917. En 2015 iniciou os trámites para a inclusión da xudía de enrame-Galaica no Rexistro de Variedades Comerciais, como variedade de conservación, o que finalmente tivo lugar en virtude da Orde APM (477/2018, de 26 de abril (BOE do 10 de maio de 2018). No último trimestre de 2018 frutificaron os trámites do acordo que vén de subscribir o CSIC con Terras da Mariña Sociedade Cooperativa Galega e que derivou na sinatura dun contrato de transferencia de material e licenza de explotación da variedade vexetal. O acordo susténtase en que o CSIC ten entre as súas actividades a investigación, mellora e comercialización de variedades vexetais e é titular, a través da MBG, de dereitos legalmente recoñecidos sobre a variedade de xudía de enrame Galaica, mentres que a Cooperativa está interesada en proceder a unha adecuada explotación comercial sobre a devandita variedade. Por todo iso, o CSIC concede unha licenza de explotación a dita cooperativa. No contrato que subscribiron ambas as entidades regúlanse, entre outros aspectos, o uso da variedade vexetal, o ámbito territorial, os dereitos de propiedade industrial, as condicións financeiras e as obrigas de cada parte. "O máis destacable é que na MBG, en calidade de produtor-seleccionador, producirá a semente base, mentres que a cooperativa, en calidade de productormultiplicador e co apoio dos laboratorios da MBG, producirá semente para transferir aos produtores do IXP Faba de Lourenzá", destaca Antonio De Ron Pedreira, obtentor da variedade Galaica. O acto concluíu coa entrega por parte do CSIC, a través de Antonio De Ron Pedreira, á Cooperativa unha mostra de semente da variedade Galaica e a súa correspondente etiqueta oficial identificativa. Durante o acto interviñeron en representación do CSIC o delegado institucional en Galicia, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, e o xefe do grupo Bioloxía de Agrosistemas da MBG, Antonio De Ron Pedreira. Por parte da cooperativa o seu presidente interveu José Cuadrado Oural. Tamén asistiron, dada a súa implicación no proceso de xestación da Indicación Xeográfica Protexida (IGP), Vidal Martínez Sierra, exalcalde de Lourenzá (1997-2012) e ex deputado do Parlamento de Galicia (2012-2016) e Raquel Arias, deputada no Parlamento de Galicia e secretaria da Mesa do Parlamento desde 2016.

Murias Maseda, unha das maiores produtoras de faba de Galicia

Rocío Maseda comezou hai tres anos botando 5 hectáreas de fabas na parroquia de Vilamor, pertencente ao concello de Mondoñedo pero limítrofe con Lourenzá. Nesta campaña xunto ao seu home, Carlos Murias, teñen plantadas 12 hectáreas e son xa os máximos produtores de faba fresca de Galicia. "Optamos pola faba fresca porque pensamos que é o futuro da comarca. Supón máis gasto que apañala seca, porque require máis man de obra para a recollida e a apertura da baina, que ten que facerse á man, pero é máis rendible que a seca porque pesa o dobre", consideran. A explotación de Carlos e Rocío está a supoñer un pequeno revulsivo económico para a parroquia de Vilamor. A metade das fincas que cultivan son alugadas a outros veciños, aos que lles están pagando 500 euros por hectárea. Ademais, neste momento, en plena campaña, dan traballo a unhas 30 persoas, que traballan por peonadas en varias cuadrillas apañando e debullando as fabas.
Unha empresa asturiana págalles entre 5 e 6 euros o quilo de faba fresca e véndeas entre 10 e 11
"A faba fresca hai que sacala toda en dous meses, comezamos a mediados de setembro e rematamos en novembro", explica Carlos. Unha vez apañados os bagullos cando estes comezan a amarelear pero cando dentro a faba aínda está verde, ábrense un a un para sacar as fabas, que se pesan e embolsan. Pasan entrón a unha cámara de frío onde se conservan a 4 grados de temperatura. "Cada tres días veñen buscar as que tempos recollidas e lévanas para conxelalas", conta. O principal cliente de Murias Maseda é unha empresa asturiana, que llela paga entre 5 e 6 euros o quilo. Pero esa mesma faba unha vez conxelada duplica o seu prezo. "Os comercializadores véndena a entre 10 e 11 euros o quilo, o beneficio queda todo neles e iso non pode ser", considera Carlos.
Queren empezar a conxelar e comercializar directamente as fabas que producen para non depender de intermediarios
Por iso Carlos e Rocío queren empezar a conxelar e comercializar eles directamente as súas fabas, "para non estar baixo o xugo dos intermediarios". "Queremos empezar a facer venda directa o ano que vén e temos en proxecto a tres anos vista contar cunha nave no polígono para preparado e conxelado de toda a nosa produción e tamén para a recollida e procesado de fabas doutros produtores da zona", avanzan. "Na Mariña temos calidade, pero en Asturias teñen imaxe e marca" Aínda que pouco a pouco a faba que se produce na Mariña, baixo a Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, vai abrindo cada vez máis portas, a faba asturiana seque copando o mercado. "A faba que se produce na Mariña é de tanta calidade ou máis que a asturiana pero o nome téñeno eles e non somos capaces de competir de momento en imaxe de marca, coñecimento e introdución no mercado", recoñece Carlos. Ademais de faba fresca, o seu forte, cunha produción dunhas 20 toneladas anuais, Murias Maseda produce tamén outras 7 toneladas de faba branca seca e 3 de faba verdina. Teñen para iso un secadeiro de 1.000 metros cadrados. "Só o secadeiro custounos 30.000 euros e en estacas de madeira tamén temos moito diñeiro metido", conta Carlos, que estima en 80.000 euros o investimento feito nestes tres anos. "Eu son unha persoa moi dicidida", recoñece. Finca de 2 hectáreas con regadío Os nomes dos seus tres fillos, Diana, Víctor e Alba, identifican as distintas fincas que traballan Carlos e Rocío. Teñen todas máis dunha hectárea de superficie. "Senón é imposible traballalas de xeito eficiente", aseguran. Unha delas, de dúas hectáreas e situada na veciña parroquia de Masma conta con regadío. É outra das innovacións que introduciron nestes tres anos. "É unha finca máis seca que as que temos en Vilamor, que son máis húmidas e adáptanse moi ben para plantar fabas, e optamos por instalarlle regadío porque senón venche un ano seco e se non regas perdes todo", conta Carlos. Dispoñen de dous tractores de dunha máquina hidráulica para facer a plantación, pero a recollida é toda manual, igual que o desbagullado. "De momento non se inventou máquina algunha para iso", asegura Rocío. A faba é un cultivo moi estacional (de primavera a outono), polo que Murias Maseda conta tamén para complementar a súa actividade con 2.500 metros cadrados de invernadoiros, onde poñen tomate ou xudía, e plantan tamén ao aire libre repolo e grelo en inverno e leituga no verán. Esta explotación de Vilamor é un exemplo máis do rexurdir do sector da horta en Mondoñedo nos últimos tempos, apoiado desde o Concello mindoniense con iniciativas como a recente creación dunha marca de calidade. Hai tres anos que Rocio e Carlos comezaron a plantar fabas, pero no cultivo de horta Carlos contaba xa cunha bagaxe familiar importante. Os seus pais, Jaime e Manoli, levaban 25 anos plantando hortalizas e vendéndoas nos mercados da zona. Son fixos aínda todas as semanas en Vilalba, Castro ou Meira. Unha das fincas que Murias Maseda cultiva en Vilamor