Archives

A composición dos viños do Ribeiro: análise e oportunidades

Un estudo realizado pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega-Agacal), as universidades galegas e outros centros estatais aborda a análise de viños do Ribeiro para coñecer máis sobre a súa composición e as oportunidades que se lle presentan, ó ter maior información sobre o seu perfil químico e aromático. Un dos eixos deste traballo foi avaliar a composición química básica, ó tempo que fixeron unha análise microbiolóxica, un proceso realizado dende a Evega. En concreto dispoñían de 163 viños brancos e 57 tintos procedentes de adegas particulares e proporcionados a través do Consello Regulador do Ribeiro. Foron viños das campañas entre 2017 e 2022. Nesta análise química avaliaron aspectos como a acidez total e volátil, a presenza de ácido láctico, málico e tartárico, a cantidade de azucre ou o grao alcohólico, entre outras. Unha das análises significativas foi a da presenza de aminas bióxenas nos viños, xa que estas aminas son compostos nitroxenados derivados dos aminoácidos por descarboxilación, que resultan tóxicas. Algunhas delas poden provocar dor de cabeza, palpitacións ou tensión nas persoas máis sensibles. Presenza de aminas bióxenas nos viños do Ribeiro. Nos viños atoparon as aminas putrescina, histamina, tiramina e cadaverina entre outras, pero a amina con maior presenza foi a putrescina, seguida da tiramina e a histamina. A presenza destas aminas deuse tanto nos viños brancos coma nos tintos, sendo maior o contido nos tintos. Aínda que non hai un límite legal para o contido de aminas bióxenas no viño, na Unión Europea hai recomendacións para o contido de histamina de non superar entre 2-10 miligramos por litro. Os viños do Ribeiro atópanse por debaixo destes valores.
“É recomendable escoller bacterias láctica para a fermentación maloláctica que non produzan aminas bióxenas nos viños”: Pilar Blanco, investigadora do Evega
“Estas aminas poden proceder da propia uva ou da fermentación maloláctica, por iso é recomendable escoller bacterias lácticas que non as produzan”, explica Pilar Blanco, investigadora do Evega e coordinadora do proxecto.

Recomendacións para previr alteracións químicas dos viños na adega

A investigadora Pilar Blanco apunta algunhas recomendacións básicas que poden axudar a previr alteracións de orixe microbiana nos viños. -Manter unhas condicións hixiénicas axeitadas na adega. - Procurar que a uva entre en boas condicións. -Evitar paradas fermentativas, procurando ter viños cunha concentración de azucre por debaixo de 2 gramos por litro. -Manter un sulfitado axeitado, de entre 25 -30 miligramos por litro. -É importante garantir unha conservación axeitada: manter os depósitos en cheo, pechados e a baixa temperatura. -Debe realizarse unha filtración micróbica dos viños antes de realizar o embotellado.

Quedan residuos nos viños?

Outro dos aspectos que se abordou nesta investigación é a presenza de residuos nos viños derivados do uso de tratamentos fitosanitarios no viñedo. Neste sentido, o investigador e profesor da USC, Isaac Rodríguez Pereiro, recoñece que non existe unha lexislación sobre os niveis máximos de residuos en viño e tampouco unha relación entre a presenza de residuos no viñedo e os solos que poida relacionarse co viño. “Non hai unha correlación directa entre residuos de uva e viño, nin entre persistencia ambiental e transferencia ó viño”, sinala Rodríguez. Con todo, coñécense de forma aproximada os factores de transferencia de certos compostos da uva ó viño durante a vinificación. O investigador apunta que o carácter sistémico, a alta persistencia e a polaridade son variables que favorecen o paso de residuos da uva ó viño. Concentracións medias e valores máximos para residuos de funxicidas e insecticidas en viños da D.O.P. Ribeiro. A maior parte dos compostos atopados no viño son residuos de funxicidas (55%), seguidos de residuos de insecticidas (29%). Aínda así, como sinala Rodríguez, os valores máximos foron da orde de 200 nanogramos por mililitro de compostos como Carbendazim, Dimethomorph, Fluopicolid ou Metalaxyl. “Atopáronse niveis inferiores ó 10% de niveis máximos de residuos permitidos en uva”, explica o investigador.
“No Ribeiro faise un bo seguimento das normativas sobre os residuos máximos permitidos e os compostos autorizados”: Isaac Rodríguez, investigador USC
Ó mesmo tempo, tamén sinala que é posible que haxa marxe para reducir a presenza de compostos como o Metalaxyl, pero “en xeral, no Ribeiro faise un bo seguimento das normativas sobre os residuos máximos permitidos e os compostos autorizados”, explica Rodríguez.

O perfil aromático

Ó igual que analizaron a súa composición química, a investigación tamén abordou a avaliación da composición aromática destes viños. Desta labor encargouse a investigadora do CSIC, Mar Vilanova de la Torre, no Instituto de Ciencia da Vide e do Viño – ICV da Rioxa. En total, analizaron 145 mostras de viños de diferentes colleitas (2017-2021) e dos vales do Avia, Miño e Arnoia. Todos eles avaliáronos no ano 2022, polo que algúns dos viños tiveron unha evolución na propia botella dende o 2017, mentres outros foran embotellados só uns meses antes. Desta análise amósase que os viños do ano 2017 e 2018 en brancos e o 2018 e 2020 en tintos foron os de maior concentración de compostos aromáticos. No 2018 deuse a maior concentración de terpenos e C13-norisoprenoides, tanto en viños brancos coma tintos. “Estes compostos primarios proceden da uva e é moi interesante que estean en grandes cantidades, posto que aportan aromas florais e afroitados ós viños”, explica Vilanova.
“Os viños brancos e tintos do val de Arnoia conteñen maiores concentracións de compostos volátiles responsables do aroma”: Mar Vilanova de la Torre, investigadora do CSIC en Logroño
Ademais, a nivel de vales, os viños brancos e tintos do val de Arnoia conteñen maiores concentracións de compostos volátiles responsables do aroma, caracterizados pola maior parte das familias de compostos. “Nos brancos atopouse unha maior concentración de terpenos e C13-norisoprenoides no Val de Avia e nos tintos no Val de Arnoia”, explica a investigadora.

Na procura da pegada dactilar dos viños do Ribeiro

O proxecto completouse co desenvolvemento dunha ferramenta innovadora para a protección da marca. “Queriamos ter unha ferramenta que axude a controlar o canal de produción e distribución do viño e ofrecer así unha trazabilidade completa ó cliente, ó tempo que se protexe a marca”, explica Eva López Rituerto, responsable do Laboratorio de RMN da Estación Enolóxica de Haro, na Rioxa.
Desenvolven unha ferramenta para establecer unha pegada dactilar dos viños que permite comprobar a orixe e amosar a súa trazabilidade
Este método bota man dunha mostra de viño coa que se obtén un espectro tan complexo que se lle coñece como pegada dactilar do viño. Estes espectros úsanse para construír modelos de orixe e variedade, cos que se comprobará a coherencia dos viños con eles. Este método ofrece unha vía para evitar fraudes en compras a granel de viño, na etiquetaxe ou no proceso de elaboración do viño. “É preciso que os viños da base de datos sexan autentificados primeiramente polo Consello Regulador, de xeito que se poida ter unha comparativa válida”, explica a experta. Aínda que nesta primeira fase só traballaron cun modelo para a identificación de viños brancos, buscan estender o uso desta ferramenta e contar con modelos tamén para os tintos, de maneira que se poidan identificar os viños da DO Ribeiro.

Como afecta o uso de fitosanitarios nos viñedos á saúde dos solos?

O emprego de pesticidas é un dos temas que preocupa no campo e tamén en Europa, como poñen de manifesto as novas normativas comunitarias que procuran unha redución do seu uso de cara ó 2030. Con todo, as campañas europeas de control do uso de pesticidas amosan unha tendencia estable e controlada, con pequenas variacións pola entrada ou saída das listaxes de produtos autorizados polas Administracións ou en parte debido ás campañas publicitarias das casas comerciais. Co uso que se fai na actualidade en cultivos coma os viñedos de pesticidas para a loita contra patóxenos, cabe preguntarse que impacto está a ter o seu uso nos solos e na súa saúde. Este foi un dos obxectivos que procura un traballo no que participaron distintos centros de investigación como a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega-Agacal) e as universidades galegas como a USC (Grupo de Cromatografía e Quimiometría) e a Universidade de Uvigo (Grupo de Investigación Pranta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación), e no que avaliaron solos de viñedos do Ribeiro.
Analizaron os solos tanto na época de maior aplicación de produtos fitosanitarios coma no inverno, para coñecer se quedan residuos
En concreto, o estudo realizárono en parcelas cun manexo convencional e ecolóxico e tomaron mostras en xullo do 2022 e en febreiro deste ano. “Eliximos facelo en dúas datas para ter rexistros no pico de aplicación dos produtos fitosanitarios (xullo) e tamén mostras da época na que case non se aplican tratamentos, para ver se hai presenza deles nos solos”, detalla Isaac Rodríguez Pereiro, profesor da USC e un dos investigadores implicados. Os investigadores Isaac Rodríguez e Pilar Blanco durante a presentación dos resultados do estudo ó sector. Recolléronse mostras de solos a dúas profundidades diferentes e observáronse diferenzas entre os valores obtidos en función da profundidade e en función do tipo de manexo que se está a aplicar nas parcelas. “As propiedades relacionadas con contidos totais de diferentes elementos coma o carbono, o nitróxeno, ferro ou cobre non presentaban diferenzas entre os manexos. De feito, os niveis de cobre son altos en todos os sistemas de manexo probablemente polo recorrente uso dende hai décadas de funxicidas de base cúprica”, explica Flora Alonso Vega, profesora da Uvigo e outra das investigadoras implicadas no proxecto. Porén, ó avaliar propiedades dos máis vinculados coa fertilidade ou a calidade dos mesmos, atoparon valores máis favorables naquelas parcelas manexadas en ecolóxico en comparación coas manexadas en convencional. Así, os valores medios de pH, as concentracións de catións intercambiables coma o calcio, potasio e magnesio, ou as de micronutrientes coma o manganeso e o zinc, foron maiores nos solos manexados baixo un sistema en ecolóxico. “Estas tendencias poderían confirmarse transcorrido máis tempo de aplicación do manexo en ecolóxico”, indica a investigadora Flora Alonso.

A presenza de compostos nos solos do Ribeiro

Analizar a presenza de restos de produtos fitosanitarios nos solos supuxo un reto para os investigadores posto que algún dos principios activos presentes nas formulacións comerciais resulta difícil medilos no medio, xa que son lábiles en condicións naturais. Ademais, para analizar a presenza dalgúns deles tamén se requiren metodoloxías específicas e relativamente caras, como apuntaba Rodríguez Pereiro. A heteroxeneidade das parcelas tamén foi outro condicionante e que mesmo pode ter impacto na análise dos resultados, como sinalan os investigadores. Así é que contaban con parcelas con máis de 2 hectáreas de viñedos e outras onde apenas se chegaba ós 400 metros cadrados e nas que se adoitaba facer un manexo ecolóxico. “Nalgunhas destas parcelas de menor tamaño detectamos a presenza de compostos nos solos que non se empregaban nesas viñas, polo que nos leva a pensar a que puideran chegar alí por mor de transporte aéreo”, detalla Rodríguez.
Detectaron restos de 22 funxicidas e 2 insecticidas. En boa parte das parcelas a presenza destes compostos está en cantidades moi baixas
Nestes dous anos de investigación analizaron a presenza de 53 compostos, entre os que se atopan os máis presentes nos produtos fitosanitarios empregados nos viñedos. Deses 53 compostos atoparon restos de 26 deles nas mostras analizadas. A maioría son funxicidas (22), mentres que dous deles son insecticidas e outros 2 restantes son compostos de transformación dalgúns dos funxicidas empregados no viñedo. “Nas parcelas cun manexo ecolóxico había valores moi baixos, en torno a 10 nanogramos por gramo de terra, mentres que nalgunhas das parcelas en convencional detectáronse valores de 2.000 nanogramos por gramo”, detalla o investigador.
Na época de repouso no viñedo a presenza de restos de fitosanitarios nos solos chegou a reducirse a unha quinta parte
Nesta análise dos solos, ademais de detectar os funxicidas empregados durante as campañas de xeito directo, resulta significativa a presenza dun funxicida, o Carbendazim, cuxo uso leva anos prohibido. “Pode haber algún funxicida dos empregados na actualidade que se transforme neste principio activo”, apunta. Tamén destaca que na época de repouso do viñedo a presenza destes compostos redúcese significativamente, sobre todo nas parcelas cun manexo convencional, posto que nas de ecolóxico a súa presenza é xa mínima. Así, nas mostras tomadas en febreiro deste ano aprécianse valores totais de 500 nanogramos por gramo, cando en plena época de tratamentos pode chegar a situarse nos 2.500 nanogramos por gramo. Concentración de compostos nos solos segundo os distintos tipos de manexo. Do mesmo xeito que se reduce a cantidade de restos fitosanitarios tamén se reduce o número de compostos identificados durante os meses de inverno. “A pesar desa redución aínda hai parcelas nas que se detectan ata 11 compostos a niveis relevantes”, detalla Rodríguez. Esta redución dos compostos e da cantidade atopada débese fundamentalmente ás condicións ambientais, así coma ás propias características do composto. “Non todos os compostos teñen a mesma persistencia”, explica o investigador. Cómpre ter en conta ademais, que pese a que 2022 foi un ano seco, a partir de setembro rexistráronse precipitacións por encima dos 700 milímetros, o que pode provocar que haxa problemas de escorrentas nas capas máis superficiais dos solos analizados.

O impacto na saúde dos solos

Outro dos aspectos que analizaron nesta investigación foi o impacto que ten o uso de fitosanitarios na propia saúde dos solos e o que condicionan a presenza de microorganismos nel. Cómpre ter en conta que o papel dos microorganismos nos solos é fundamental para cuestións como a regulación do clima ou a saúde das plantas. En concreto, os microorganismos estimulan o crecemento da planta e aumentan a súa resistencia a situacións de estrés ou enfermidades. A presenza de microorganismos é tamén clave para a viticultura. “Dende a viña á adega, os microorganismos xogan un papel importante na produción e calidade do viño”, argumenta Pilar Blanco Camba, investigadora da Agacal-Evega, e coordinadora do proxecto. Na análise dos solos do Ribeiro determinou que existen distintos terroirs microbianos na DO Ribeiro nas áreas xeográficas dos vales do Miño, Avia e Arnoia. Ademais, nas parcelas cun manexo ecolóxico do viñedo detectáronse máis especies exclusivas que nas parcelas cunha xestión convencional.
O manexo do viñedo afecta directamente á saúde do solo e ós beneficios que este lle proporciona á planta fronte situacións de estrés e enfermidades
“Nos viñedos cun manexo sostible aprécianse redes microbianas mellor conectadas, con maior interacción e cooperación para unha maior resistencia e resiliencia fronte a condicións de estrés”, detalla a investigadora. Así é que o manexo que se fai da parcela inflúe directamente na composición do solo, na presencia de bacterias e fungos. Os solos analizados amosan unha menor diversidade de bacterias, pero niveis de fungos semellantes ós manexados noutras zonas xeográficas próximas coma Portugal.

Xornada sobre fertilización sustentable e estado nutricional dos solos vitícolas galegos

Viña Costeira, Cooperativa Vitivinícola Arousá, Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (AGACAL-EVEGA) e Universidade de Santiago de Compostela (USC), a través do grupo de Proxectos e Planificación, integran o proxecto piloto Viñ@SoStible. Esta iniciativa exporá os traballos levados a cabo ata o momento nun acto que terá lugar no Pazo de Toubes o 23 de novembro ás 10:00 horas. Para asistir é necesario facer previa inscrición, xa que conta con 60 prazas. O proxecto xurdiu en 2021 co obxectivo de valorar a viabilidade de obtención de viños de calidade altamente sustentables en base ao emprego de subprodutos vitivinícolas como mellorantes da fertilidade do chan. Traballaron con dous coprodutos susceptibles de valorizar, como son os restos de madeira procedentes da poda da vide e o bagazo resultante dos procesos enolóxicos. Así mesmo, abordarán o proxecto Fertisos no que se atopa a EVEGA. Esta iniciativa naceu 2022 coa finalidade de deseñar un novo programa de fertilización orgánica sustentable para cultivos de secaño e regadío mediante o emprego de diferentes tipos de xurro procedentes de explotacións gandeiras. O evento contará cos relatorios dos catro integrantes, aos que se suma a colaboración da Fundación Empresa Universidade de Galicia. Ademais, haberá unha relatora invitada que profundará sobre os retos da fertilización dos viñedos galegos. O proxecto dispón dun orzamento total de 187.499 euros e ten subvencionados 149.999 euros. Está financiado pola convocatoria de axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxía no ámbito agroforestal, cofinanciadas nun 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Curso en Ribadumia sobre elaboración de viños e derivados

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, centro dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), organiza, entre o 6 e o 17 de novembro de 2023, un curso sobre “ELABORACIÓN DE VIÑOS E DERIVADOS”. Esta actividade desenvolverase nas súas instalacións de Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía, situada en Rúa Leiromeán, 18 (Ribadumia – Pontevedra). No mesmo colabora a Fundación Juana de Vega. As prazas dispoñibles son 15. Os interesados deberán preinscribirse na actividade a través da páxina web da Consellería do Medio Rural na seguinte ligazón.  Velaquí o programa:

Descargar díptico

 

Curso gratuíto en Ourense sobre técnicas para mellorar o cultivo da viña

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organiza un curso sobre técnicas de cultivo para o sector vitícola. Os cursos realizaranse entre o 21 e 31 de agosto e do 6 ao 8 de novembro en horario de tarde, nas instalacións da Evega. Estes cursos realízanse tamén coa colaboración da Fundación Juana de Vega. Ao longo deses días, sucederanse relatorios impartidos por expertos e expertas da Consellería sobre temas relacionados co cultivo de viño. Trataranse cuestións como a plantación do viñedo, o correcto mantemento do solo, a detección de enfermidades e o uso de fitosanitarios. O curso contará un taller práctico sobre a poda e enxerto. Este curso está orientado a agricultores, viticultores e gandeiros activos con producións con orientación comercial; titulares, asalariados ou contratos a proba dunha explotación agraria; persoas en idade laboral con expectativas de incorporarse ao sector primario ou á industria transformadora; investigadores e público xeral. Os obxectivos son que os asistentes se formen sobre temas fundamentais que se poidan poñer en práctica, como as pautas a seguir para establecer o viñedo, coñecer a posibilidade da diversidade varietal galega, como establecer pautas axeitadas para o manexo do solo cara unha viticultura sustentable, coñecer as técnicas de manexo -enxerto, formación da planta, poda e sistemas de condución- e introducir ao uso sustentable de fitosanitarios. Os cursos contan cun número limitado de 20 prazas e os interesados poden preinscribirse a través desta ligazón ata o 15 de agosto. A inscrición será confirmada a través de correo electrónico.

Ligazón á inscrición

Innovación no viñedo: ferramentas para verificar variedades ou optimizar o uso dos fitosanitarios

Un robot con certo aspecto humanoide afánase por colleitar un acio de uvas. A imaxe inclúese na presentación do investigador e catedrático da Universidade Politécnica de Cataluña Emilio Gil, no I Foro Uva e Viño, celebrado recentemente no Pazo de Toubes, en Cenlle (Ourense). O robot vese aínda como unha ferramenta moi afastada para utilizar nos viñedos galegos de forma habitual, a tenor dos chascarrillos que suscita entre os asistentes, pero o investigador afánase en reivindicar que pode non estar tan lonxe como se cre. “Os meus colegas están a traballar xa para que este robot sexa un aliado na vendima da uva de mesa. Poida que o que agora se ve moi afastado nuns anos sexa unha realidade”, apuntou no Foro de Cenlle, organizado por Isagri. A innovación nos viñedos está moi ligada á eficiencia e numerosos estudos céntranse en achegar solucións directas e prácticas a problemas cos que se atopan os viticultores e adegas no seu día a día. “Os viticultores son receptivos a integrar novas tecnoloxías e innovacións nos seus viñedos unha vez que llas mostras, pero é difícil que eles a soliciten inicialmente, en parte pola elevada idade da maioría dos nosos viticultores socios”, explican desde a adega Viña Costeira, que en colaboración coa Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) levou a cabo distintas investigacións tanto en adega como nos seus viñedos.
“Investigación, formación e tecnoloxía deben ir da man. Ademais, temos que conseguir que os avances tecnolóxicos cheguen aos viticultores”
Á marxe dos avances que se van producindo, expertos como o investigador Emilio Gil inciden na importancia de que a investigación, formación e tecnoloxía vaian da man para asegurar unha transmisión do coñecemento e que os avances cheguen realmente ao campo ou a adega. “Ollo coa tecnoloxía, se non hai transmisión e formación. Temos que conseguir que os avances tecnolóxicos cheguen aos viticultores e ao sector. Podemos botar man de tecnoloxías desde os satélites, aos drons ou os móbiles que todos levamos encima”, insiste.

Verificar as variedades

Un dos traballos de investigación nos que están inmersos na Evega é a autenticación varietal, polos beneficios que pode significar para os viticultores, xa que ás veces xorden dúbidas sobre as variedades que hai na parcela, tanto nas novas plantacións como nas antigas. Na Evega teñen unha ampla experiencia na identificación de variedades, de feito foi pioneira na creación dun banco de xermoplasma a finais da década dos 80 para ter rexistrado o potencial xenético da Vitis vinífera, no que se incluían 67 variedades, das que se contaba con 15 variedades exclusivas de Galicia, tal e como informou a investigadora Emilia Díaz, unha das expertas destacadas da Evega. No marco destas investigacións sobre variedades impulsaron e colaboraron en distintos proxectos para a recuperación de castes, algúns centrados en variedades galegas. “Esta recuperación buscaba tamén introducir estas variedades dentro da canle da comercialización, para iso debía estar rexistrada e deben realizarse unha serie de estudos para incluíla no potencial vitícola da comunidade autónoma”, explica Díaz. Neste sentido, incluíronse recentemente Albilla do Avia e Ratiño e están a traballar en incluír algunhas máis como Carabuñenta.
Desenvolveron unha tecnoloxía que lles permite identificar as variedades xa en campo cun sistema sinxelo de amplificación
No marco de traballo por identificar variedades e atendendo á demanda dos viticultores, na Evega buscan autenticar as variedades xa en campo, dunha forma rápida. “Un dos nosos retos era desenvolver unha tecnoloxía sinxela, de maneira que non fose necesario para a súa identificación nin o instrumental nin persoal tan cualificado como requiren as análises de ADN tradicionais”, explica Díaz. Así, están a traballar nun sistema que lembra aos test empregados para o diagnóstico de Covid-19. “É unha tecnoloxía que nos permitirá autenticar as nosas variedades en calquera sitio, en campo, en viveiro…” detalla a investigadora. Só se precisa un pequeno aparello, un sistema de amplificación, unido a un teléfono móbil. Débese tomar unha pequena mostra do talo ou da xema da planta que permite a súa identificación. “Nin sequera é necesario que a planta teña follas para a súa identificación”, concreta.
Empezaron a traballan na identificación de cepas de Albariño, pero esperan ampliar o modelo para que poidan incluírse todas as variedades identificadas
Nun primeiro momento comezaron a traballar na identificación de cepas de Albariño, pero esperan ampliar o modelo para que poidan incluírse todas as variedades identificadas. “No caso da vide temos un sistema de marcadores moleculares moi amplo que pode permitir identificalos”, indica. Tamén están a traballar sobre a selección de variedades comerciais que ofrezan unha maior resistencia fronte ao cambio climático. Seleccionaron un total de 25 variedades e contan coa participación de adegas galegas como Martín Códax que plantará 2 parcelas experimentais.

Optimizar a xestión

A innovación chega ás veces de man de ferramentas que permiten un mellor manexo dos apeiros e solucións que temos xa dispoñibles, buscando unha produción máis sostible. É o caso, por exemplo, da ferramenta móbil Dosaviña, desenvolta pola Unidade de Mecanización Agraria da Universidade Politécnica de Cataluña, que permite optimizar a aplicación de tratamentos fitosanitarios.
A aplicación Dosaviña indica a dose de fitosanitario a aplicar ao viñedo en función do estado da planta e o tipo de equipo empregado
“Dosaviña permite determinar o volume óptimo de aplicación en función das características estruturais da vexetación e o tipo de equipo empregado”, explican desde a Universidade. Así, Dosaviña permite seleccionar os parámetros adecuados para unha correcta aplicación: velocidade de avance, presión de traballo, tipo e número de embocaduras. “Non ten sentido estar a traballar con recomendacións xenéricas de cantidades de produto sen axustala ás características da parcela, a rexión ou sen ter en conta a maquinaria empregada”, detalla Emilio Gil, un dos impulsores da ferramenta. Ademais, para o desenvolvemento desta aplicación, do mesmo xeito que noutros proxectos que están a levar a cabo, realizaron probas en parcelas de distintas zonas de Galicia. A aplicación inclúe tamén viñedos en espaldeira, como os empregados en moitas parcelas galegas.
Utilizar a aplicación Dosaviña permitiu un aforro de entre un 15 e 40% de produto fitosanitario tanto en grandes adegas como nas de menor tamaño
“Comprobamos que utilizar esta ferramenta permite un aforro significativo nas adegas que pode ir desde un 15 a un 40% de produto fitosanitario e non só en grandes adegas, senón en adegas de diferentes tamaños”, explica o investigador. Esta ferramenta está dispoñible de forma gratuíta e aberta para os viticultores. Ademais acaba de ser recoñecida como unha das aplicacións máis innovadoras. Cabe destacar que esta APP está pensada non só para viñedo, senón tamén para outros cultivo arbóreos.

Xornada da Evega sobre “As estratexias de sustentabilidade ambiental na vitivinicultura”

O vindeiro 10 de novembro a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), centro dependente da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), organiza a xornada técnica “As estratexias de sustentabilidade ambiental na vitivinicultura”. A xornada celebrarase na Aula Espazo Evega, dentro da celebración da Feira Xantar (Feira Internacional de Turismo Gastronómico) ubicada na Fundación Feiras e Exposicións de Ourense (Expourense) As prazas dispoñibles son 70 e o prazo de inscrición remata o 5 de novembro de 2022 ou se se esgotan as prazas.  Velaquí o programa

Podes descargar aquí o programa e a folla de inscrición.

Xornada sobre as variedades tradicionais de vide galegas

A Estación de viticultura de Galicia (EVEGA) e o Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte de Lemos organizan unha xornada de transferencia para divulgar as actividades realizadas no eido da vitivinicultura.  Para participar nas xornadas é preciso enviar a solicitude de participación cuberta (Anexo G) ao seguinte correo electrónico: cesar.crespo.vazquez@xunta.gal. A xornada de demostración trata de pór en valor e dar a coñecer as características básicas diferenciadoras das variedades de cultivo tradicional galego e os distintos clons que a día de hoxe están presentes nos campos de demostración do CFEA de Monforte de Lemos como doantes de material certificado.  O programa é o seguinte: Data: 26 de outubro de 2022 Lugar: CFEA de Monforte de Lemos Rúa Alfredo Brañas s/n 27400 Monforte de Lemos (Lugo) 10:00 - 10:30h Recepción de participantes.  10:30 - 11:30h Relatorio: As variedades de cultivo tradicional galego: Como diferencialas.  11:30 - 13:00h Identificación das variedades e clons en finca. 

Curso sobre identificación e control de pragas e enfermidades na vide

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, organiza un curso práctico de formación profesional e adquisición de nocións básicas en identificación e control de pragas e enfermidades na vide. A formación celebrarase na Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia do 29 de agosto ao 2 de setembro, cunha duración total de 16 horas. Terá horario de tarde, das 18:00 ata ás 21:00 horas; excepto o día 2 que comezará ás 17:00 horas. O taller aborda tanto aspectos teóricos como prácticos sobre a eficacia das medidas de control e prevención de pragas e enfermidades na vide. Así mesmo, pretende ensinar diferentes métodos e ferramentas en materia de control de pragas, prácticas no campo de recoñecemento de síntomas e danos das pragas e das diferentes enfermidades nas vides. Esta iniciativa está dirixida á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira. As persoas interesadas poden inscribirse e obter máis información consultando o curso no Plan de Formación que a Consellería de Medio Rural está a impulsar. O coordinador poñerase en contacto coas persoas inscritas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitida. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 886 15 94 10 ou enviarse un correo a evega.ribadumia.medio-rural@xunta.gal.

Ferviña, ferramentas para mellorar a fertilización do viñedo

Estase facendo unha fertilización axeitada do viñedo? Esa é a pregunta que serve de punto de comezo para o grupo operativo Ferviña, que busca mellorar o abonado que se viña realizando e conseguir ferramentas que contribúan a poder optimizar e adaptar a fertilización ás necesidades dos viñedos. Os resultados do proxecto e as ferramentas desenvolvidas no seu marco foron presentadas recentemente nunha xornada celebrada no Mosteiro de San Clodio, en Leiro (Ourense) e na que participaron viticultores e investigadores expertos. Coñecer en profundidade os abonados que se estaban a realizar nos viñedos e como inflúen na calidade da colleita obtida, é o primeiro paso para traballar na optimización desta fertilización. Para iso contan coa colaboración de varias adegas das que obtiveron non só a información sobre os aportes que se estaban a realizar ó solo senón dos contidos destes solos. Por unha banda analizaron datos de viñedos de Treixadura da adega Viña Costeira, situada na Denominación de Orixe Ribeiro. Por outra banda, contaron cos datos das cepas da cooperativa Paco &Lola, do Salnés, con viñedos de Albariño. Dispoñer destes datos permite establecer patróns de fertilización adaptados ó terreo, tendo en conta as necesidades puntuais dos solos, ademais dos aportes que se realizaron noutras campañas. Traballar na mellora da fertilización permite, entre outros beneficios, reducir as doses, custos e o impacto ambiental que pode supoñer un aporte extra de abono nos viñedos, ó tempo que se preserva a fertilidade do solo. “Mellorar a fertilización dos solos non só permite mellorar a calidade dos mostos senón que se volve unha ferramenta útil ante o escenario do cambio climático. Un bo manexo do abonado pode permitir reducir o impacto do cambio climático nos viñedos”, detalla Juan Carlos Vázquez, investigador e técnico da Evega que participou no estudo sobre o terreo e que foi o encargado de presentar os resultados durante a xornada de Leiro. Manexar toda esta información sobre o abonado tamén resulta complexo, por iso desenvolveron unha aplicación que facilite a consulta destes datos e axude a establecer patróns de abonado para cada parcela.

O abonado nas viñas das Rías Baixas e o Ribeiro

No grupo operativo fixeron unha radiografía dos viñedos e solos de dúas zonas moi diferentes entre si, como son as Rías Baixas e o Ribeiro. Así, recolleron información durante os anos 2019 e 2020, o que lle permitiu obter máis de 8.000 valores analíticos sobre fertilidade.
“A calor extrema rexistrada no 2020 servíunos como preámbulo do escenario que pode traer o cambio climático, de xeito que poidamos ir adaptándonos a él”: Juan Carlos Vázquez, da Evega
Ademais, a disparidade meteorolóxica que se rexistrou nestes dous anos permitiulles dispoñer dun maior abano de información. Mentres o 2019 foi un ano con valores habituais, no 2020 rexistrouse unha vaga de calor, chegando a ser o máis cálido na serie histórica dos últimos 50 anos ata ese momento, o que motivou importantes episodios de estrés hídrico nos viñedos. “A calor extrema rexistrada no 2020 serviunos como preámbulo do escenario que pode traer o cambio climático, de xeito que poidamos ir adaptándonos a el”, concreta Vázquez. Coa análise dos solos e da fertilización prestaron atención a parámetros que son prioritarios nas adegas. Fixeron analíticas do estado do solo, foliares e dos mostos, para relacionar os tres aspectos. Fixáronse en cuestións como a acidez total, os graos Brix, o nitróxeno facilmente asimilable, os ácidos málico e tartárico, o Potasio, Calcio, Magnesio, nos mostos, ou o aporte de materia orgánica, calizas e minerais, entre outros valores.
“Atopámonos que moitos solos estaban moi fertilizados. Nalgúns nutrientes valores algo máis altos que os valores que tiñamos como referencia eran favorables, pero noutros resultaba prexudicial para o viñedo”: Juan Carlos Vázquez, da Evega
Estes estudos sobre o terreo permitiron ter maior información sobre os abonados que se están facendo, que en ocasións poden resultar contraproducentes para o desenvolvemento da cepa e a uva ó non se adaptar con precisión ás necesidades que ten o solo e a planta. “Atopamos que moitos solos estaban moi fertilizados. Nalgúns nutrientes, ter valores algo máis altos dos os valores que tíñamos como referencia resultaba favorable, pero noutros era prexudicial para o viñedo”, sinala Vázquez. Nas análises realizadas nos viñedos das Rías Baixas atoparon patróns concretos a ter en conta á hora de planificar o abonado, xa que pode ter consecuencias directas nos viños que se obteñen. Así, ó aumentar o pH dos solo ata valores básicos (pH maior de 7) tamén se incrementaba o pH dos mostos. “Cómpre ter en conta este tipo de cuestións, xa que resultan moi desfavorables na elaboración de viños de colleitas producidas en anos moi secos, onde os mostos xa se atopan en niveis altos”, detalla Vázquez. Os mellores valores de calidade de colleita, tendo en conta todos os parámetros dos mostos, dábanse en solos neutros e lixeiramente ácidos, con pH entre 6,5-6,8. Unha boa provisión de Magnesio no terreo resultaba favorable para os viñedos do Salnés, xa que nos anos húmidos conseguía baixala acidez e nos secos contribuía a incrementala. “Os solos cunha boa fertilización de Magnesio conseguen equilibrar os mostos en función da anada”, concreta o investigador. Porén, mentres que o Magnesio neste tipo de solos consegue equilibar a acidez, un aporte excesivo de Potasio tradúcese no efecto contrario, xa que nos anos moi húmidos baixa o grao de alcohol e nos secos increméntao. Outro dos factores determinantes sobre a calidade dos mostos é o aporte de materia orgánica, que ademais da fertilización tamén axuda a manter a humidade do solo e paliar o estrés hídrico das viñas. “Neste tipo de solos francoareosos, o nivel alto de materia orgánica (5 ata 7%) resulta favorable para a obtención de mostos máis equilibrados. Como no Magnesio, a materia orgánica compórtase coma un factor que balancea os equilibrios dos mostos”, apunta. Tamén é de destacar que a materia orgánica aumentou o nivel de Nitróxeno facilmente asimilable en mosto (NFA), mesmo na campaña 2020 con niveis medios baixos.
No Salnés os mellores rendementos produtivos e de calidade detectáronos en terreos de secaño con niveis medios de potasio, magnesio e nitróxeno
No Salnés os mellores rendementos produtivos e de calidade detectáronos sobre todo en terreos de secaño con niveis medios de potasio, magnesio e nitróxeno. Estes terreos de secaño ofrecían tamén mellor equilibrio entre grao e acidez, nas dúas campañas de estudo. Nas viñas do Ribeiro apreciaron importantes diferencias á hora de fertilizar os viñedos con respecto ós patróns de abonado do Salnés. Así, nas parcelas do Ribeiro  apenas se encalaba para corrixir a acidez dos solos e a achega de materia era máis baixa. De feito, o pH dos solos no Ribeiro é máis baixo que o das Rías Baixas, situándose en torno a un pH 5-6. “A partir de valores de pH moi baixos, ó incrementalo ata valores de 6,5-6,8 conséguese incrementar a acidez do mosto a valores máis axeitados”, explica Vázquez. Este aumento da acidez permite que nos anos de maior estrés hídrico se poida agardar máis tempo para facer a vendima, conseguindo un incremento do grao alcohólico. O aporte de materia orgánica tamén resultou positivo nos viñedos do Ribeiro, ó permitir incrementar a acidez. “Así, con solos diferentes, climas distintos e variedades de uvas diferentes vimos que o aporte de materia orgánica resultaba positivo nos dous casos para conseguir un balance e equilibrio entre grao e acidez”, sinala o investigador.

Mapa web da fertilización dos viñedos

Para a análise desta información, o grupo operativo desenvolveu unha aplicación web cartográfica sinxela a base da incorporación dos datos históricos que foron recollendo. Deste xeito, a aplicación permite ó viticultor consultar a súa parcela en concreto e dispoñer de información sobre a fertilización e as características do solo en cada ano. “O obxectivo é visualizar os datos todos que se foron recollendo e que estes resultasen de utilidade para as adegas”, explica Javier Cancela Barrio, profesor e investigador da Universidade de Compostela encargado de presentar as ferramentas informáticas coas que manexar o volume de datos históricos recollidos sobre a fertilización nestas zonas. Máis alá de ofrecer só información sobre os procesos de abonado xa realizados, tamén se achegan recomendacións sobre a fertilización que precisaría esa parcela.

A experiencia das adegas colaboradoras

Tanto Viña Costeira, no Ribeiro, como a cooperativa Paco &Lola, no Salnés, consideran o estudo de interese, ó permitir seguir avanzando nunha fertilización máis adaptada ás necesidades dos viñedos. No caso de Viña Costeira o estudo permitiulles comprobar que boa parte dos solos estudados, nos que se incluía un total de 60 parcelas de ensaio, tiñan un pH ácido, con valores baixos nalgúns nutrientes e a necesidade de subir ese pH dos solos. “O proxecto deunos un punto de partida para mellorar a fertilización dos nosos solos”, concreta Carlos Alberte, director técnico de Viña Costeira. No caso da adega da DO Rías Baixas, que integra a 442 viticultores, no estudo proporcionaron 90 parcelas de ensaio todas elas en emparrado e con cepas de Albariño. “Os resultados e avances deste traballo permítennos poder axustar os parámetros á nosa realidade. Ferviña permitiunos xestionar un gran volume de datos e afinar nas recomendacións de abonado” sinala Daniel Durán, técnico de viticultura na cooperativa do Salnés, Paco &Lola.

Xornada en Ourense sobre últimos avances en fertilización e aplicación de auga ozonizada para control de pragas do viñedo

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, centro dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), organiza o vindeiro 27 de xullo un taller práctico sobreNOVAS APORTACIÓNS AO DESENVOLVEMENTO DA VITICULTURA GALEGA”. Esta actividade desenvolverase no Mosteiro de San Clodio (Estrada a Pazos de San Clodio, s/n (Leiro - Ourense), en xornada de mañá (9:00 a 11:00h). No mesmo colabora a Fundación Juana de Vega. As prazas dispoñibles son 100.

Programa:

8:30 – 9:00: Recepción de asistentes. Entrega de documentación. 9:00 – 10:00 : Fertilización do viñedo: FERVIÑA Relatores: Juan Carlos Vázquez Abal. Técnico da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL-EVEGA) Javier Cancela Barrio. Profesor Titular da Universidade de Santiago de Compostela Técnicos das adegas Cooperativa Arousana e Viña Costeira -10:00 – 11:00 A auga ozonizada e control de enfermidades: VITIOZÓN Relatores: Emilia Díaz Losada. Técnico da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL-EVEGA) Javier Cancela Barrio. Profesor Titular da Universidade de Santiago de Compostela Técnico da adega Martín Codax A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) desenvolve investigacións en colaboración con diversas adegas e empresas do sector vitivinícola para mellorar a xestión tanto da viña como da adega. Respecto á sanidade do viñedo realizáronse investigacións relacionadas coa utilización da auga ozonizada e a súa aplicación para o control de patóxenos causantes das enfermidades endémicas que afectan ao viñedo a través do proxecto piloto VITIOZÓN desenvolvido en colaboración coa adega MARTÍN CODAX. Polo que respecta ao control da fertilización do solo foi o principal obxectivo do grupo operativo FERVIÑA, desenvolvido en colaboración coas adegas Cooperativa Vitivinícola Arousana e Viña Costeira, e a súa finalidade foi establecer rangos de concentracións de macro e micronutrintes co obxectivo de obter viños de calidade. Neste sentido, o obxectivo da xornada consiste en dar visibilidade aos resultados das experiencias desenvolvidas pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, para que poidan ser de utilidade ao sector vitivinícola en xeral. As persoas interesadas en asistir a esta xornada de divulgación poden inscribirse ata o día 25 de xullo a través da páxina web da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia https://evega.xunta.gal Remitirase o formulario cuberto ao correo electrónico viniot.agacal@xunta.gal

-Descargar díptico

-Descargar folla de inscrición

Recomendan aplicar fitosanitarios protectores nas cepas afectadas polo pedrazo en Sober

As tormentas dos últimos días están a causar estragos en cultivos en distintos puntos de Galicia. Unha das zonas afectadas foi o concello de Sober, onde unha tromba de pedrazo rexistrada o pasado domingo provocou importantes danos nos viñedos. Este xoves desprazouse ata a zona o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, para coñecer de primeira man os danos ocasionados. Con el estaban o director da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), Juan Casares, técnicos da Oficina Agraria Comarcal de Monforte de Lemos, o presidente da denominación de orixe Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, e o alcalde de Sober, Luis Fernández. Precisamente, os técnicos da Evega e da OAC estanse encargando de orientar ós produtores prexudicados sobre os tratamentos que deben levar a cabo nos viñedos con maior celeridade e sobre as prácticas máis aconsellables, co obxecto de minimizar as perdas. Así, os técnicos da Xunta recomendan aplicar ata o vindeiro sábado 4 de xuño diversos produtos fitosanitarios protectores, co fin de evitar máis danos e tendo en conta as previsións meteorolóxicas para estes días. Na medida do posible, tamén recomendan realizar a poda en verde das cepas, rebaixando a lonxitude dos gromos máis desenvolvidos en aproximadamente 1/3 da súa lonxitude. Neste senso, cabe sinalar que os técnicos da Consellería do Medio Rural fixeron un primeiro percorrido pola zona e constataron que nunha superficie dunhas 11,5 hectáreas as vides quedaron sen follas nin acios. Tamén houbo afeccións, aínda que en menor medida, noutras 74,8 hectáreas adicionais. Con todo, o director apuntou que haberá que agardar uns días máis para que se manifeste o total dos estragos.
Aconsellan ós produtores e adegueiros afectados solicitar asesoramento coa OAC de Monforte e Castro Caldelas
Así, José Luis Cabarcos comprometeu na súa visita todos os mecanismos ao alcance do Goberno galego para que técnicos especializados poidan asesorar convenientemente aos viticultores na recuperación dos viñedos danados. Nese senso, os produtores e adegueiros afectados poidan resolver dúbidas e solicitar asesoramento no teléfono 982 889 112, correspondente á OAC de Monforte. Cabarcos tamén sinalou que estas recomendacións fitosanitarias serán enviadas á oficina agraria comarcal de Castro Caldelas, por proximidade tamén ás zonas afectadas, cuxo número de teléfono é o 988 788 827.

Seguros agrarios

Doutra banda, dende a Consellería de Medio Rural tamén recordaron que este ano destinaron 7 millóns de euros, un 17% máis que o orzamento do ano pasado, ás axudas para fomentar os seguros agrarios. Cabarcos incidiu na necesidade de asegurar os cultivos fronte a incidencias deste tipo, lembrando que os danos en explotacións debido a fenómenos meteorolóxicos extraordinarios están cubertos polas pólizas agrarias. “Coas axudas da Xunta para impulsar a contratación destes seguros perséguese que os produtores poidan obter rendas dignas malia sucesos como o rexistrado, aportando estabilidade á xestión das súas explotacións”, sinalou o responsable de Agacal. Cabe sinalar que o prazo de contratación das liñas de seguro está aberto ata o 15 de novembro, segundo a liña da que se trate, e que a axuda correspondente se recibe no momento da contratación. Así, a Xunta concede estas axudas de forma directa ós agricultores e poderán ser beneficiarios os asegurados que sexan titulares de explotacións agrarias galegas, sempre que subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do Plan 2022 e de liñas gandeiras dos plans 2021 e 2022, formalizadas este ano.

-Consulta aquí a orde do DOG sobre as axudas para contratar os seguros agrarios. 

Como o portaenxerto inflúe sobre o viño: o caso da variedade Albariño

Na Denominación de orixe Rías Baixas, a maior parte das plantacións de Albariño conduciánse en emparrado e o portainxerto máis empregado para este tipo de solos era o 196-17C e en menor medida o 110R. Nos últimos 20 anos, coa reestruturación do viñedo, incrementouse a superficie plantada en espaldeira, como un sistema máis adaptado á mecanización, pero non houbo esa mesma evolución no que a portainxertos se refire.   "O portainxerto segue sendo o gran esquecido do viñedo. A elección do portainxerto para estas novas plantacións realízase  por tradición ou baseándose nas características teóricas dos mesmos, a falta de estudos particulares para cada zona de produción", sinala Beatriz Castiñeiras, técnica da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega). "Encómiase ao terruño e a cepa, esquecendo que o portainxerto asegura o lazo entre os dous e que o seu uso na viticultura xurdiu como unha solución de loita biolóxica fronte á praga da filoxera e á resistencia a parásitos do solo e nematodos", recorda Castiñeiras.  Neste contexto, na Evega levaron a cabo un campo de ensaio nas Rías Baixas no que estudaron o efecto de 4 portainxertos sobre a variedade Albariño nun sistema de formación en espaldeira para coñecer a resposta agronómica e enolóxica do viñedo. No ano 2007 realizaron a plantación do campo de ensaio con 4 clons de Albariño sobre 4 portainxertos (196-17C, 101-14MG, 3309C e SO4), sobre unha espaldeira simple cun marco de plantación de 2,50 x 1,20 metros, o que supón unhas 3.333 cepas por hectárea, con 3 repeticións por portainxerto e clon e 5 plantas por repetición.
Os resultados do estudo pretenden ser unha ferramenta para os viticultores de cara a elección do portaenxerto, de xeito que se amplie, con datos contrastados, o abanico de variedades de portainxertos a empregar nas novas plantacións
"Os resultados obtidos do estudo, pretenden ser unha ferramenta para os viticultores á hora de seleccionar o portainxerto para as súas novas plantacións en base a datos contrastados, de maneira que se amplíe o abanico de portainxertos empregados", detallou Castiñeiras durante a presentación da experiencia nunha recente xornada técnica organizada pola Evega e Agacal.  "A diversidade varietal de portainxertos empregados en Galicia é moi estreita, e esta estratexia pode pór en risco a viñedos polas condicións ambientais, que se ven modificadas co cambio climático, e tamén pola evolución das pragas de solo para adaptarse a estas novas condicións", explica a técnica.

A selección do portaenxerto

Castiñeiras lembra que á hora de seleccionar o portainxerto é preciso escoller o que mellor se adapte ás condicións edafoclimáticas nas que se vai a desenvolver, buscando que sexa afín á vinífera e se é posible, mellore as aptitudes propias da vinífera. Ademais, para unha decisión correcta, resulta imprescindible coñecer o tipo de solo da plantación, polo que se require unha análise física e química do terreo, xa que este adoita limitar as funcións do portainxerto. "A elección do portainxerto é unha decisión clave que o viticultor ten que ter moi presente, posto que vai condicionar o éxito ou o fracaso da plantación, moderando o vigor, se o que se busca, é a obtención de viños de calidade", detalla Castiñeiras. Neste traballo de investigación, seleccionáronse catro portainxertos en base ás características e condicións edafoclimáticas da parcela, á afinidade coa variedade Albariño e ó vigor: -Portainxerto 196-17C, de vigor medio-alto, bo comportamento e desenvolvemento en solos acedos, resistente a solos secos e tolerante a terreos húmidos e compactos. Moi empregado na zona das Rías Baixas e outras zonas vitícolas de Galicia. -Portainxerto S04, de vigor medio alto, tolerante a solos húmidos e acedos, con baixa resistencia á seca . É unha opción que absorbe mal o magnesio e favorece o fenómeno de desecación de raspón. Seleccionárono neste estudo por ser empregado na zona, en solos frescos e en sistemas de emparrado. -Portainxerto 3309 C, de vigor medio, como alternativa apropiada para solos profundos, fértiles e permeables, que tamén se adapta a terreos soltos e acedos, con maior sensibilidade a terreos húmidos e moi secos e ás carencias de potasio. É un portainxerto que logra afinidade cun gran número de viníferas. -Portainxerto 101-14MG, cun vigor moderado, é unha opción adecuada para solos soltos, tolerante ao exceso de humidade e a terreos compactos, pero sensible á seca. Ademais dos portainxertos, na investigación da Evega, utilizáronse clons de Albariño con diferentes perfís procedentes da propia selección clonal do cultivar Albariño, presente na Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia. "Para poder valorar a influencia do portainxerto sobre a variedade de Albariño, escolléronse clons con perfís diferentes, co obxectivo de establecer unha parcela policlonal, que representase o material vexetal que poden ter os viticultores nas súas plantacións", especifica Castiñeiras.
Estableceron unha parcela policlonal, con clons de Albariño de diferentes perfís, para valorar a influencia do portainxerto
Optaron por empregar os clons A-57 e A-60, que teñen unha produción e formación de azucre alto e acidez por baixo da media. Tamén utilizaron o A-158, cunha produción media-baixa e unha formación de azucre e acidez alta. O estudo completárono co A-006, que ten unha produción e formación de azucre baixos e acidez alta. Para avaliar o comportamento dos 4 portainxertos seleccionados, realizaron o estudo da fenoloxía e o estudo de parámetros de fertilidade. Así, analizaron a porcentaxe de xemas francas brotadas e número de acios por xema franca brotada. Analizaron tamén, parámetros agronómicos de produción (quilos por cepa, número de acios por cepa e peso do acio). Referente ó desenvolvemento vexetativo, estudaron o peso de madeira de poda (quilos por cepa) e o equilibrio entre produción e vigor calculando o Indice de Ravaz. Para avaliar a calidade do mosto analizáronse os parámetros de grao alcohólico probable, pH, AT, acedos tartárico e málico, potasio e NFA. Tamén realizaron microvinificacións na propia adega da Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia, para analizar os parámetros e calidade do viño resultante para cada un dos portainxertos obxecto de estudo. Finalmente, analizaron estatísticamente os datos estudados durante o período 2011 até 2016.

Os resultados obtidos

No estudo fenolóxico, o equipo de investigadores que participou na experiencia destacou que os portainxertos SO4 e 196-17C, conseguiron unha floración máis tardía e o portainxerto 3309C chegou ao envero máis atrasado que o resto dos portainxertos estudados. Mentres, o 101-14MG foi o portainxerto máis adiantado na floración e no envero. "O ciclo da variedade sobre cada un dos portainxertos en estudo é importante á hora de seleccionar aqueles que consigan a maduración da variedade antes do inicio das choivas equinocciales de outono, que en Galicia se producen a partir de mediados de setembro e favorecen o desenvolvemento da Botrytis cinerea", explica Castiñeiras. En parámetros de produción, destacaron os resultados logrados co portainxerto 3.309C, cunha produción por cepa de 2,95 quilos, un rendemento de 9.821,30 quilos por hectárea, así como uns 33,16 acios por cepa, cun peso medio do acio de 115,15 gramos. Co 3309C obtiveron valores de produción por encima da media, cun incremento do 5%. Tamén logrou bos valores o portainxerto 101-14MG, cun incremento próximo ao 3%. Os portainxertos 196-17C e SO4, en cambio, obteñen valores de produción por baixo da media. Referente ao peso do acio e ao número de acios por cepa, os portainxertos 101-14MG e 3309C obtiveron valores por encima da media. En parámetros de fertilidade, as porcentaxes de xemas francas brotadas, lograron valores superiores cos portainxertos 101-14MG, 3309C e 196-17C, fronte ao índice de brotación co portainxerto SO4, que obtivo o valor de taxa de brotación máis baixo e inferior á media. O número de acios por xemas francas brotadas, mostrou valores superiores nos portainxertos 101-14MG e 3309C. Na analíse do desenvolvemento vexetativo, co Indice de Ravaz, os portainjertos 3309C, SO4 e 101-14MG tiveron os valores máis altos, sendo os máis equilibrados a nivel de desenvolvemento vexetativo. Mentres, o portainxerto 196-17C presentou un valor máis baixo, como consecuencia dunha menor produción. Outro dos aspectos que valoraron foi a calidade do mosto, aínda que non detectaron diferenzas significativas entre os distintos portainxertos, si observaron tendencias estables. Así, co portainxerto 101-14MG e o 196-17C lógranse mostos de maior gradación, con valores de acidez e málico por baixo da media. Co portainxerto 3309C conséguense mostos de menor gradación, menor acedo málico e valores de potasio, e mostos de maior acidez, acedo tartárico e NFA. O portainxerto SO4 obtén mostos de menor grao e NFA, valores altos de acidez, acedo málico e potasio.

Portainxerto máis equilibrado

Na comparativa, o portainxerto cun comportamento 'máis equilibrado' para unha plantación de Albariño, conducido sobre unha espaldeira simple, é o 101-14MG, tanto en parámetros de fertilidade, agronómicos e enolóxicos, como logrando mostos equilibrados. Castiñeiras tamén destaca que na plantación, o portainxerto 196-17C, aínda que agronomicamente non se comporta de forma equilibrada, presentou unha boa taxa de brotación e a nivel enolóxico obtiveron mostos equilibrados.
O portainxerto SO4 resulta ser o menos aconsellable para un viñedo de Albariño sobre un sistema de formación en espaldeira
Co portainxerto 3309C, a nivel agronómico e de fertilidade, a variedade compórtase de forma estable e equilibrada, con todo enoloxicamente presenta mostos con menor concentración de azucre e valores máis altos de acidez. Entre a selección de portainxertos que estudaron na Evega, o portainxerto SO4 resulta ser o 'menos aconsellable' para utilizar sobre un sistema de formación en espaldeira. "Foi o menos estable e equilibrado tanto a nivel enolóxico como agronómico", concreta a técnica.

Xornada técnica da Evega sobre enxertos e portaenxertos en viñedo

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, centro dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), organiza o vindeiro 5 de novembro unha xornada técnica co título “A PROCURA DO EQUILIBRIO VEXETATIVO- PRODUTIVO E A DURACIÓN DO VIÑEDO: O ENXERTO E O PORTAENXERTOS” Esta actividade desenvolverase baixo a modalidade ON LINE no marco do “Xantar 2021. Feria Internacional de Turismo Gastronómico”. Na mesma colaboran Expourense e a Fundación Juana de Vega. As prazas dispoñibles son 100. O prazo de inscrición rematará o día 2 de novembro agás que se esgoten antes as prazas.

Programa:

09:45 – 10:00 Proba de preprodución, presentación da xornada e do proxecto VINIoT “Servizo de viticultura de precisión baseado en rede de sensores IoT para a transformación dixital de pemes no espazo SUDOE” desenvolto pola Evega. 10:00 – 10:45 O enxerto, ese gran descoñecido. Relator: Dr. Luis Gonzaga Santesteban. Responsable da Área de Viticultura da Universidade Pública de Navarra. 10:45 – 11:00 Pausa-café 11:00 – 11:45 Resposta produtiva-vexetativa da variedade Albariño fronte a distintos portaenxertos. Unha experiencia da EVEGA. Relator: Beatriz Castiñeiras Gallego. Técnico da Evega. 11:45 – 12:15 Táboa redonda 12:15 – 12:30 Conclusión e peche da xornada. Moderador: Emilia Díaz Losada

Procedemento  de inscrición:

1.- Inscrición previa xuntando a folla de inscrición cuberta e remitíndoa a evega.medio-rural@xunta.gal. 2.- A dita inscrición confirmarase a través do enderezo electrónico e o enlace ao evento subministrarase con 24 h de antelación. Pode descargar o formulario de inscrición neste enlace.