Archives

Que opinan os propietarios forestais sobre o proxecto de Altri?

A planta de celulosa e fibra téxtil proxectada por Altri en Palas de Rei (Lugo) está nos últimos meses no foco do debate social e político polos seus posibles impactos ambientais. Desde a perspectiva forestal, a lóxica apunta a que os propietarios beneficiaríanse dunha maior competencia polo recurso (eucalipto), pero cal é a súa opinión sobre o proxecto?. Unha enquisa interna elaborada pola Asociación Forestal de Galicia entre os seus socios revela que os pareceres son diversos e plurais. Hai interese no proxecto dunha nova planta de transformación de eucalipto en Galicia?. Si, pero tamén hai preocupacións polo impacto ambiental da industria ou pola ecoloxía e ordenación do monte galego, onde o aproveitamento do eucalipto convive co das coníferas e as frondosas. Na asemblea da Asociación Forestal de Galicia, celebrada onte en Guitiriz (Lugo), fixéronse públicos os resultados provisionais da enquisa, que se mantén aberta e se completará nas próximas semanas. O 52,4% dos socios que responderon están de acordo coa instalación dunha nova industria de transformación de eucalipto en Galicia, pero tamén hai un 40% que se manifesta en contra e un 7,6 % que di non ter opinión suficientemente formada ó respecto.
Unha maioría de propietarios apoia unha nova industria de transformación do eucalipto en Galicia, pero considérase pouco axeitada a ubicación de Palas de Rei
Polo que se refire á localización da planta, ao 41% non lles parece axeitada a localización de Palas de Rei, ao 34,2 % parécelles ben e o 24,8 % non se pronuncia. É destacable esta última porcentaxe: unha cuarta parte dos propietarios prefire non opinar sobre a localización, o que apunta ó recoñecemento dunha falta de coñecemento obxectivo sobre os impactos da planta, máis alá do debate público sobre a cuestión, que en xeral percíbese que parte de premisas ideolóxicas. A Asociación Forestal de Galicia (AFG) subliña que os resultados da enquisa e os comentarios recollidos, como parte da mesma, reflicten a pluralidade de pensamento e a diversidade de opinións dos socios, tanto propietarios particulares como representantes de comunidades de montes. A AFG sinala asimesmo que, en calquera caso, hai consenso en que, de establecerse a industria, os controis do impacto ambiental deben ser extremadamente rigurosos, velando polo cumprimento da normativa nos ámbitos local, autonómico, nacional e da Unión Europea. En canto ó perfil das persoas socias que responderon a enquisa, un 76% das que contestaron manifestaron ter eucaliptos nas súas propiedades, en tanto outro 24% non traballa con esa especie.

A Asociación Forestal de Galicia impulsa a creación dunha decena de agrupacións de xestión conxunta do monte para superar o minifundio

Asemblea da AFG. A Asemblea da AFG en Guitiriz orientouse principalmente a facer balance da actividade da Asociación no último ano, así como das liñas de traballo en marcha. Unha das principais cuestións que se abordou é o traballo que está desenvolvendo a Asociación Forestal de Galicia para impulsar unha serie de agrupacións de xestión conxunta do monte. A creación das agrupacións é unha vía importante para mellorar a rendibilidade dos aproveitamentos en propiedades particulares, pois axuda a superar os problemas derivados do minifundio. A AFG comezou xa a apoiar a creación de arredor de dez proxectos de agrupacións de xestión conxunta nas catro provincias galegas, en distintas fases, desde iniciativas en fase inicial a proxectos xa consolidados. Entre os proxectos que se están poñendo en marcha figura en Lugo un en Momán (Xermade, Lugo), xunto cun proxecto de consolidación da Sofor de Monte Candedo (Meira, Lugo). En Pontevedra, están un en Barcela (Arbo, Pontevedra), un en Mondariz, un en Moalde (Silleda) e un en Saiáns (Vigo); en tanto na Coruña cómpre destacar o proxecto de consolidación da Sofor de Cuns (Serra de Outes), e en Ourense un proxecto de nova agrupación en Piñor. Contexto das agrupacións As agrupacións de xestión conxunta son un instrumento definido na Lei 11/2021 de Recuperación da Terra Agraria de Galicia. Trátase dunha figura orientada a promover, dun xeito voluntario, o manexo en conxunto de superficies forestais dun mínimo de 10 hectáreas, sen reestruturación da propiedade. Con este instrumento búscase superar problemas derivados do minifundio, de cara a avanzar cara a unha silvicultura máis profesional, con economía de escala e cunha planificación forestal e ambiental do territorio.

Mellora da fiscalidade forestal

Outro dos focos da Asemblea da Asociación Forestal de Galicia situouse nas necesidades estratéxicas do sector, en especial na mellora da fiscalidade forestal. A AFG incide en que a xestión do monte polos silvicultores é a mellor vía para reducir o abandono das masas e previr os incendios forestais. Por tanto, entende que é preciso que se incentiven os traballos silvícolas cunha fiscalidade máis atractiva. As propostas da AFG céntranse en tres liñas: 1. Permitir que tódolos propietarios forestais tributen as vendas de madeira no Réxime de Estimación Obxectiva (módulos). A actual fiscalidade forestal penaliza os aproveitamentos forestais de turnos longos, é dicir, cando as árbores teñen unha quenda de corta superior ós 30 anos, como é o caso dos piñeiros e das frondosas caducifolias. En aproveitamentos de turnos longos, aqueles propietarios que estean no Réxime de Estimación Directa pagan ata catro veces máis no Imposto da Renda que os que estean en Estimación Obxectiva. O problema de fondo é que os propietarios que tributan no Réxime de Estimación Directa están a tributar por un beneficio fiscal moi superior ó real. Esta é unha circunstancia que a AFG entende que desincentiva as plantacións de especies de turno longo, polo que, conxuntamente coa Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (COSE), iniciará unha serie de accións ante as Administracións públicas. 2. No caso dos montes veciñais, proceder a unha exención parcial do imposto de sociedades nos aproveitamentos forestais de turnos longos. Esta medida, igual que no caso anterior, introduciría maior xustiza fiscal e aportaríalle maior atractivo económico ás plantacións de frondosas caducifolias. 3. Establecer deduccións dun mínimo do 20% do IRPF para os investimentos no monte. A deducción do IRPF incentivaría os traballos de mellora e restauración dos montes.

Canta madeira se cortou no 2023 en Galicia?

O mercado de madeira en Galicia confirma a súa estabilidade, cun volume de cortas que superou os 9,2 millóns de metros cúbicos no 2023, na liña coa media do periodo 2018-2021, exercicios todos eles que superaron os 9 millóns de metros cúbicos. Os ingresos dos propietarios forestais por vendas de madeira situáronse no 2023 en 276 millóns de euros, segundo os cálculos da Asociación Forestal de Galicia, elaborados en base ás estatísticas de corta da Consellería do Medio Rural. Do total de facturación, 168,7 millóns de euros corresponden ó eucalipto, 101,3 millóns de euros ós piñeiros e 6,6 millóns de euros ás frondosas caducifolias, que máis alá do seu uso para leñas domésticas, continúan a ter un aproveitamento residual na industria da madeira. Logo dun ano excepcional de mercado no 2022, con altos prezos da madeira e boa demanda, as cortas experimentaron no último ano un lixeiro descenso, en consonancia coa menor demanda industrial e os menores prezos. Dos 10,7 millóns de metros cúbicos cortados no 2023 pasouse ós 9,2 millóns de metros cúbicos do 2022. O eucalipto descendeu en cortas arredor do 10%, en tanto no piñeiro as cortas reducíronse un 23% tras un excepcional 2022, que se pechara cos maiores volumes de corta da última década. Datos por provincias Os montes de A Coruña aportan o 45% das cortas totais de madeira en Galicia. Seguen Lugo, co 37%; Pontevedra, co 14%; e Ourense, con só o 4%. Por especies forestais, o 60% do eucalipto córtase na provincia da Coruña, en tanto Lugo é líder autonómico en cortas de piñeiro, con máis da metade do total. Lugo e Pontevedra destacan polo equilibrio de cortas entre piñeiro e eucalipto, pois Lugo ten un 50,5% de cortas de piñeiro, un 45,5% de eucalipto e un 4% de frondosas. En Pontevedra, as cifras son moi similares, co liderado neste caso do eucalipto: un 51% de cortas de eucalipto, un 45% de piñeiros e un 4% de frondosas. No caso da Coruña, as cortas de eucalipto representan un 78,5% do total, polo 17,5% do piñeiro e un 4% das frondosas. En Ourense, unha provincia con escasa actividade forestal, o piñeiro representa o 72% das cortas e séguenlle as frondosas, co 14%, e o eucalipto, especie pouco apta para esta provincia, co 13% das cortas. Distritos forestais En consonancia cos datos provinciais, os tres distritos líderes en cortas de piñeiro sitúanse en Lugo (Lugo – Sarria, Terra de Lemos e A Fonsagrada – Ancares), en tanto os tres líderes en corta de eucalipto están na Coruña (Ferrol, Santiago – Meseta interior, e Bergantiños – Mariñas coruñesas). Convén lembrar que todos estes datos de cortas corresponden a propietarios de montes privados (comunidades de montes e propietarios particulares), que suman o 98% da madeira cortada en Galicia, en tanto o restante 2% procede de montes de xestión pública, principalmente de montes veciñais con convenios coa Administración. Prezos da madeira En prezos, a rolla selecta de piñeiro, con maiores diámetros e calidades, situouse no último ano nos 70 euros, en tanto a rolla de 1ª e 2ª moveuse no arco dos 30 – 40 euros, e o puntal para trituración no entorno dos 20 euros. O eucalipto, pola súa banda, rondou prezos no arco dos 29-31 euros, segundo os datos recabados pola Asociación Forestal de Galicia. En tódolos casos, trátase de prezos medios en pé, sen Ive e con casca. A entidade lembra que nos prezos da madeira inflúe moito a dimensión da parcela a cortar e a accesibilidade para corta e saca da madeira. Multifuncionalidade do monte A maiores do percibido pola venda de madeira, a AFG apunta que os propietarios forestais completan os seus ingresos con outros aproveitamentos a ter en conta, como castañas, cogumelos, silvopastoreo ou servizos ecosistémicos (como venda de dereitos de carbono), entre outros. Todos estes ingresos prodúcense no marco dun manexo sostible do monte. A AFG subliña que a madeira e os restantes aproveitamentos son un recurso renovable, pois os propietarios forestais proceden á plantación ou á rexeneración natural de todas as superficies cortadas, o que contribúe a garantir a sostibilidade do recurso.

Posicionamento do sector agrogandeiro sobre a planta de Altri en Palas de Rei

Jacobo Feijóo, Miguel Tomé e Félix Porto, na rolda de prensa de UUAA este martes en Lugo A intención da pasteira portuguesa Altri e a madeireira galega Greenalia de crear unha planta de produción de celulosa e lyocell no municipio lucense de Palas de Rei crea división no sector agrogandeiro galego, pois mentres os sindicatos Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego, así como a Federación Rural Galega, se opoñen ao proxecto, a Asociación Agraria de Galicia e Agromuralla defenden que se trata dunha iniciativa positiva para a comarca que non ten por que poñer en risco a continuidade das explotacións da zona. O día 17 deste mes de abril remata o prazo para presentar alegacións ante a solicitude da empresa para lograr a Autorización Ambiental Integrada que lle ten que conceder a Xunta de Galicia, o primeiro paso documental que precisa Altri para seguir coa tramitación administrativa do proxecto e o sindicato Unións Agrarias anuncia que, igual que van facer outros colectivos, ten previsto presentar alegacións polas “dúbidas” que suscita e a falla de información da empresa en aspectos relevantes.
O día 17 de abril remata o prazo para presentar alegacións dentro do procedemento de Autorización Ambiental Integrada
“O proxecto actual non se parece en nada ao proxecto inicial de fibra textil sostible presentado fai 2 anos na Cidade da Cultura por parte de Altri e da Xunta e que tiña aspectos innovadores que convertían esa fábrica en única en Europa”, asegurou este martes en rolda de prensa en Lugo Jacobo Feijóo, responsable de desenvolvemento rural e sector forestal do sindicato.  “Inicialmente tratábase dun proxecto de alto valor engadido no que se ía producir tecido a partir de fibras vexetais, máis unha unidade de reciclaxe de fibra, o que ía axudar a todo o sector textil da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a ser máis competitivo e a dar ese salto de sostibilidade que ten que dar este sector, considerado o segundo sector industrial máis contaminante”, indicou.
A día de hoxe atopámonos cun proxecto que é distinto ao presentado fai dous anos: dunha planta de fibras téxtiles pasouse a unha celulosa estándar
“Pero o proxecto que temos hoxe enriba da mesa non é máis que unha celulosa estándar, onde un 70% da produción sería para pasta de papel e un 30% para lyocell, é dicir, fibra sen o produto ou tecido acabado”, detallou, polo que “non se dá unha integración nin co sector téxtil nin con outros sectores”. Por exemplo, no proxecto de Altri non se contempla tampouco a posibilidade de complementar a planta cunha biorrefinería que aproveite toda a parte que non é celulosa, é dicir, as lixivias do proceso, para convertelas en polímeros e outros produtos de alto valor engadido, como produtos biolóxicos alternativos a herbicidas ou fitocidas convencionais. Aspectos medioambientais “O proxecto actual plantéxanos moitas dúbidas medioambientais ante a falta de transparencia da empresa. Compartimos a preocupación de moitos colectivos polas emisións contaminantes á atmosfera e polo uso sostible dos recursos hídricos, xa que non se contemplan as medidas prometidas inicialmente para economizar o uso da auga”, alertou Jacobo.
Na documentación presentada non se contempla ningún aspecto innovador para reducir o consumo de auga nin a pegada medioambiental a respecto das fábricas actuais
“Non se pecha nin sequera o ciclo para producir papel en Palas de Rei, senón que hai que gastar enerxía para secar a pasta de papel e despois volver a humedecela en destino para transformala e facer o papel”, alerta. O cambio de uso da planta a respecto do proxecto anunciado inicialmente condiciona tamén o consumo de auga, xa que, explicou Jacobo, “o consumo de auga para facer fibras téxtiles é moito menor que para facer pasta de papel, non ten nada que ver”.
A produción de fibras téxtiles consume moita menos auga que a produción de pasta de papel
“O consumo de auga nunha celulosa é enorme porque hai un momento do proceso no que hai que facer unha dilución, mentres que para producir fibras non hai que facer esa manta e necesítase moita menos auga porque se utilizan disolventes orgánicos para separar as celulosas das hemicelulosas”, detallou. Abastecemento de materia prima UUAA expresou as súas dúbidas tamén en relación ao abastecemento da madeira de eucalipto necesaria para cubrir as necesidades da planta, un total de 1,2 millóns de metros cúbicos de madeira de eucalipto, o 20% da produción anual desta especie na comunidade, posto que “no momento no que se proxectou a planta non houbera aínda a sentenza clarificadora do Tribunal Supremo que despexou a permanencia de Ence en Pontevedra, polo que o escenario mudou, porque intuímos que no posicionamento estratéxico de Altri contábase con que Ence tivera que pechar, polo que terían garantido o abastecemento de materia prima”, argumenta Jacobo.
A planta de Palas de Rei consumiría o 20% da madeira de eucalipto producida cada ano en Galicia
O responsable do sector forestal dentro de UUAA considera, neste sentido, que “as dúbidas en relación a asegurar madeira de eucalipto suficiente son probablemente as están a retrasar a decisión definitiva de investimento por parte da empresa”, ademais do acceso aos fondos europeos Next Generation.
Non vemos encaixe nos fondos Next Generation porque non hai innovación de produto nin de proceso nin se trata dun proxecto de economía circular
“Non hai innovación de produto nin innovación de proceso nin se reduce tampouco a pegada ambiental dentro dun proxecto de economía circular, polo que temos dúbidas tamén sobre o encaixe que esta fábrica pode ter nos PERTEs industriais, que é unha condición que a propia Altri sempre puxo para seguir adiante co proxecto”, lembrou. Afectación sobre as explotacións agrogandeiras UUAA calcula que nun radio de 50 km arredor da planta (abarcaría un total de 83 concellos) habería neste momento unhas 9.600 explotacións (2.500 de leite e 7.090 de carne), que representan o 36,9% das existentes en toda Galicia e que dalgún xeito se verían afectadas pola presenza desta industria celulosa.   Félix Porto, coordinador sectorial de Unións Agrarias e responsable dos servizos xurídicos do sindicato, alertou da “difícil convivencia” das explotacións máis próximas, sobre todo das que están en produción ecolóxica, cunha industria das características da proxectada por Altri.
Transformouse un proxecto innovador nun proxecto clásico de produción de pasta de papel, nunha simple celulosa
“O proxecto que nos presentaron ao principio tiña aspectos atractivos, por iso non lle dixemos que non, pero non podemos apoiar o proxecto actual, que non se parece en nada ao que nos presentaron inicialmente, no que se falaba de producir 600.000 toneladas de fibras téxtiles ao ano cando hoxe do que se fala é de producir 400.000 toneladas de pasta de papel. É dicir, transformouse un proxecto innovador nun proxecto clásico de produción de pasta de papel, nunha simple celulosa. Polo tanto, estamos en contra do proxecto que nestes momentos temos enriba da mesa”, concluíu Félix. “O que máis preocupa nas explotacións ecolóxicas son as posibles emisións á atmosfera e o seu impacto na calidade dos pastos e tamén os problemas de acidificación dos solos por chuvia ácida que se puidera producir”, alertan desde UUAA.
O cambio de uso de terras agrarias para plantar eucaliptais é ilegal e desde xuño deste ano vai estar controlado mediante teledetección
En canto á posible presión que a nova celulosa puidera implicar para a transformación de superficies agrogandeiras en novos eucaliptais, Jacobo advertiu que a propia Lei de Montes do ano 2012 prohibe calquera tipo de forestación de terras agrarias tanto para plantar piñeiros como eucaliptos, ao igual que está prohibido cortar masas de frondosas para convertelas en eucaliptais. “Se alguén está pensando en facer algo disto ou ten esa tentación xa lle dicimos que non o faga porque desde xuño deste ano estará perfectamente controlado a nivel de teledetección a través do Inventario Forestal Continuo de Galicia”, dixo.

“Trátase dunha macroindustria de celulosa dez veces maior ca de Ence en Pontevedra que vai afectar a máis de 30 km á redonda”

O Sindicato Labrego alerta das consecuencias, afectacións e impactos que tería sobre a poboación e o territorio nun radio superior aos 30 km "unha macroindustria de celulosa dez veces maior ca de Ence en Pontevedra, de case 400 hectáreas de extensión”, como é o caso da proxectada por Greenfiber, unha sociedade participada ao 75% por Altri e ao 25% por Greenalia. Margarida Prieto alerta dos “prexuízos derivados da extracción de case medio cento de millóns de litros diarios de auga limpa do embalse de Portodemouros e o verquido diario de 30 millóns  de litros de auga con substancias químicas á Ría de Arousa sobre o medio ambiente e sobre as actividades económicas existentes no territorio”. “Dende o Sindicato Labrego Galego estamos poñendo tódolos nosos esforzos en parar esta xigantesca fábrica de celulosa. Non imos permitir que un macroproxecto industrial contaminante se instale no corazón do noso país e resulta até bochornoso pensar que en pleno século XXI, coa conciencia ecolóxica que se supón que temos como sociedade e, por ende, como institucións públicas, se poña sobre a mesa a posibilidade de destinar 250 millóns de euros do erario público para enriquecemento dunha empresa que vai degradar a calidade de vida”, di Margarida.
Segundo a documentación que está en exposición pública, a planta proxectada por Altri precisaría captar do encoro de Portodemouros máis de 40 millóns de litros diarios de auga
Neste sentido, o SLG pon a disposición da cidadanía modelos de alegación elaborados pola Plataforma Ulloa Viva e outras organizacións sociais e ecoloxistas para a súa presentación diante da Xunta de Galicia. Afectación sobre as Reservas da Biosfera Desde o SLG veñen de solicitar informes de afección ás tres Reservas da Biosfera situadas no radio de acción da macrofábrica de celulosa de Altri e Greenalia (a Reserva da Biosfera Terras do Miño, a Reserva da Biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e a Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e O Courel).
Desde o SLG poñemos a disposición da cidadanía modelos de alegación elaborados pola Plataforma Ulloa Viva
A designación das reservas de biosfera son competencia da directora xeral da UNESCO a través do programa intergobernamental MAB, sendo o seu Consello Internacional de Coordinación o que toma a decisión. “Preocúpannos por exemplo as posibles consecuencias para a da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, declarada pola UNESCO fai tres anos, no 2021”, advirte Margarida. Estas demandas de información e posicionamento por parte das Reservas da Biosfera engádense aos informes sobre as unidades produtivas agrarias prexudicadas requiridos polo SLG o pasado xoves 21 de marzo á Consellería do Medio Rural.

“Altri pon en risco a 4.000 explotacións e á denominación de orixe do queixo Arzúa-Ulloa”

Para a Federación Rural Galega, o proxecto de celulosa que a empresa Altri pretende instalar na comarca da Ulloa supón “un grande perigo para a actividade agropecuaria da zona, non soamente para a comarca da Ulloa, senón tamén para as comarcas de Arzúa, Terras de Melide, e O Deza”. “Estas catro comarcas contan con 4.087 explotacións pecuarias, o que supón un 18,6% do total das existentes en Galicia (21.980), e unhas 90.187 cabezas de gando vacún ou o que é o mesmo, aproximadamente o 21% das 430.232 existentes na comunidade. Todo este potencial produtivo vaise ver ameazado no caso de que ao final se acabe instalando esta macroplanta de celulosa no concello de Palas de Rei, o mesmo que a Denominación de Orixe do queixo Arzúa-Ulloa, con mais de 20 empresas transformadoras e a segunda en produción de queixo de todo o Estado español”, asegura Elías Somoza.
A creación da planta de Altri tería un efecto chamada para acrecentar a plantación de eucalipto en competencia directa coa terra agraria
Pero desde a Fruga pensan ademais que a planta de Altri non tería consecuencias unicamente na zona directamente afectada, senón que tería “graves efectos” sobre todo o sector agropecuario galego. O motivo sería o “efecto chamada para acrecentar a plantación de eucalipto en competencia coa terra agraria”, din. “Non debemos esquecer que a superficie agraria media por explotación na Galiza é de 7,93 ha, cando a media española é de 26,14 ha, e que desde hai xa bastantes anos Galiza vén perdendo terra agraria, entanto a superficie forestal vén aumentado e dentro dela a dedicada ao eucalipto”, insiste Elías. “Non é economía circular, senón economía de enclave” “Este proxecto de Altri quéresenos vender como modelo de economía circular, cando o que realmente é, é una economía de enclave. A verdadeira economía circular é aquela que pecha os ciclos produtivos. Debemos ter de conta que Galicia é a primeira produtora de leite do Estado español e unha das dez máis produtoras da UE, entanto a industria galega do leite soamente supón o 10% da española. Deste xeito sobre o 45% do leite producido en Galicia sae para fóra para ser transformado noutros territorios. Dotar a Galicia dunha industria láctea propia e competitiva si que sería economía circular”, argumenta o responsable da Fruga. “Todo indica que a política da Xunta de Galicia quere renunciar a utilizar con carácter produtivo o noso territorio, pondo en risco o futuro das explotacións agrarias desta zona e de proxectos de agricultura ecolóxica implantados nela”, quéixase.

“Se se cumpre a normativa non tería por que afectarnos ás granxas da zona”

Carlos Dablanca, membro da directiva de Agromuralla e socio da gandería leiteira SAT San Miguel, ubicada no mesmo concello de Palas de Rei, a uns 15 km de onde Altri quere instalar a súa planta, pon o foco no cumplimento da normativa para facer posible a continuidade da actividade agrogandeira na comarca coa presenza dunha industria deste tipo. “Din que as esixencias medioambientais son altísimas, pero é necesario que se vixíe para que se cumpra a normativa”, asegura. “Non pode ser que os requisitos para producir as granxas se estean a endurecer en materia de emisións ou outro tipo e despois se abra a man no caso dunha planta coma esta”, razoa.    En canto ao consumo de auga previsto por parte de Altri, Carlos considera que “primeiro hai que garantir o subministro á poboación e tamén ao gando, porque para nin primeiro son os animais antes que as plantas de celulosa e se hai auga para Altri tamén a ten que haber para as vacas”, reclama.
A produción forestal ten que ser compatible coa produción agrogandeira, deberían convivir perfectamente
Defende que a produción forestal ten que ser compatible coa produción agrogandeira. “Deberían convivir perfectamente”, asegura, e reclama “que se mobilice terra agraria que está parada ou abandonada”. “Na nosa parroquia, por exemplo, non temos concentración parcelaria e temos dificultades para atopar superficie produtiva axeitada”, recoñece. Risco de novas plantacións SAT San Miguel traballa neste momento unhas 140 hectáreas para cultivos como millo ou raigrás e ten dificultades para poder ampliar a súa base territorial na zona, pero Carlos non cre que a presenza de Altri empeore a situación.
Hai que mobilizar a terra que está parada e vixiar que non se fagan plantacións ilegais
“Se hai unha regulación e esta se cumpre, a presenza ou non de Altri non tería por que implicar unha maior presión sobre a forestación de terras agrarias na comarca. Sería un problema se a Xunta abrira a man ás plantacións de eucalipto, pero eu non concibo que se plante nunha zona agrícola, aínda que pasou nos últimos anos porque a Administración fixo a vista gorda”, di. Por iso, pide que se vixíe o cumprimento da Lei de Montes e da moratoria aprobada fai tres anos ás plantacións de eucalipto para evitar o avance sen control desta especie. “O problema son as zonas de monocultivo cando se dan en grandes extensións, como acontece en algunhas parroquias do concello de Palas que están xa masificadas de eucalipto porque a agricultura e a gandería desapareceron”, exemplifica.
O monocultivo de eucalipto é un problema, porque non hai barreiras naturais contra os incendios
“A xente planta porque abandona a gandería, non por que veña Altri, porque se non é Altri será Ence”, considera, e defende que o monte debe ter tamén unha vocación produtiva porque “onde hai plantacións arde menos”. “Na zona da Rede Natura da Serra do Careón, que divide o concello de Palas con Toques, cada 4 ou 5 anos hai incendios, en parte porque non deixan tocarlle ao monte e está abandonado”, di. Carlos é comuneiro do monte veciñal Berbetouros Norte, onde contan con distintos usos, desde produción de madeira (unhas 50 hectáreas a piñeiro e 5 a eucalipto) a aproveitamento agrogandeiro. “Temos unha gran parte do monte a pastizal desde fai 40 anos. Son en total unhas 54 hectáreas, porque agora vimos de transformar 20 hectáreas de forestal, que estaban a piñeiros, en pastos para os comuneiros”, explica. A maiores, tamén teñen alugadas 15 hectáreas durante 30 anos á empresa murciana Bioflytech que, logo de acometer un investimento de máis de 20 millóns de euros, está a comezar a producir distintos produtos a partir das larvas da mosca soldado, como graxa ou fariña de proteína. Carlos destaca que esta industria vai crear 50 postos de traballo. 

“Unha planta de nova creación vai ter moitas medidas de seguridade para preservar o noso medio ambiente, máis que ningunha outra xa existente”

Desde a Asociación Agraria de Galicia (Asaga) o seu presidente, Francisco Bello, mostra a súa “satisfacción” pola creación dunha nova industria forestal en Galicia. “Como organización agraria defensora tamén do sector forestal galego, Asaga non pode máis que apoiar e manifestar a súa satisfacción por que apareza en Galicia unha empresa innovadora que mellore o aproveitamento da materia prima forestal de Galicia para facer celulosa e biocel a partir de eucalipto”, afirma. “Todos os produtores forestais de Galicia teríanse que ver favorecidos, ademais da comarca da Ulloa, beneficiada polos postos de traballo directos e indirectos tan necesarios nesa zona, como en todo o rural galego”, asegura Paco.
Todos os propietarios de monte de Galicia veranse favorecidos por unha empresa innovadora que mellorará o aproveitamento da materia prima forestal
No que respecta á instalación en si da planta e á preocupación medioambiental manifestada desde algúns sectores, desde Asaga móstranse tranquilos. “Damos por seguro que unha empresa de innovación que vai crear unha nova planta de cero non só o vai facer cumprindo a normativa galega, estatal e europea en materia de medio ambiente, senón que vai ir máis alá do que obriga a propia lei. Por ser un proxecto innovador que parte de cero, vai tomar moitas máis medidas de seguridade para preservar o noso medio ambiente, máis que ningunha outra xa existente”, conclúe.

‘Fibra téxtil á galega: modelo de negocio’

O mercado de fibra téxtil natural, neste caso baseado en fibras obtidas de celulosa da madeira, preséntase coma un modelo auspiciado pola inxente demanda de consumo, derivada da “fast fashion” con “conciencia ecolóxica”, que obriga ao sector téxtil a procurar produtos alternativos aos derivados do petróleo. Con este modelo non se pretende axudar a parar unha demanda téxtil desaforada, que continuará a provocar un dos maiores impactos ambientais a nivel planetario e con graves problemas sociais, senón que a idea que subxace é continuar a consumir para manter os niveis económicos empresariais e as demandas de consumo, pero con fibras naturais, menos impactantes, pero a veces sen reparar moito en ver como se produce e o impacto que xeran. Tampouco parece que sexa un modelo onde a recircularidade, a reciclaxe e a incorporación de fibras téxtiles obsoletas e de corta vida teña un papel predominante na produción de novas fibras.
"Preténdese producir 'fast fashion' con fibras naturais con menor impacto ambiental, pero sen preocuparse moito en como se producen"
Modelo tractor e de enclave A priori, a confluencia da presenza en Galicia de materia prima forestal abundante para obter a celulosa precursora da fibra, xunto coa existencia de empresas multinacionais comercializadoras téxtiles, a posible asociación con empresas con tecnoloxías avanzadas e a existencia dun importante polo de fabricación téxtil no norte de Portugal poden artellar un marco de referencia de ámbito europeo en biotéxtil, se se entende como proxecto transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal. Porén, isto deixa algunhas cuestións cando a visión focaliza en Galicia:
  • Parece un modelo con dependencia de tecnoloxía e coñecemento externo, con escasa implicación do tecido empresarial innovador e de investigación local no desenvolvemente do proxecto.
  • Escasa integración con outras cadeas de valor engadido da industria da madeira en Galicia, non así no sector forestal, onde replica o modelo de aproveitamento de pasta de celulosa.
  • Falla de liderado político e sectorial galego para articular o proxecto. Desleixo da oportunidade para a creación dun consorcio público-privado con Xunta, empresas e propietarios forestais.
  • Impacto ambiental e mesmo socio-económico, aínda que sexa como a empresa Altri mesmo recoñece, “moderado”, e con necesidade de corrixir e controlar unha das zonas máis sensibles no interior de Galicia.
Modelo de xestión forestal Modelo de produción intensiva onde se precisa materia prima de crecemento rápido e baixa calidade para a trituración. Modelo baseado en monocultivo, de escaso diámetro e baixa calidade silvícola. Modelo que xa demostrou as complicacións que presenta para artellar un modelo de xestión forestal con silvicultura para a produción en cascada, mesmo con eucalipto, para obter madeira de calidade para outros usos con maior percorrido na cadea de valor e con maior vida útil, estes si, para dar tempo de captura de CO2 (madeira construción, mobles, carpintería). Situación do sector textil en Galicia. Cedida A priori, si se albisca unha maior competencia polo recurso, polo que se augura unha suba do prezo do eucalipto. Tamén é previsibile un descenso das exportacións da madeira en rolo de eucalipto, acorde cun aumento da demanda de consumo interno, nada desdeñable á vista dos consumos de madeira que presenta o informe de Impacto Ambiental de Altri. Ou non. Igual baixa, sempre é máis fácil poñer en común a dous que compran que a 600.000 que venden. En todo caso, parece previsible un incremento de produtividades por medio da silvicultura intensiva e mesmo con muda de especies: E globulus por E nites. Moratoria eucalipto Á vista dos datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia, subliña que “Galicia conta cunha superficie de 1,5 millóns de hectáreas arboradas: 620.000 hectáreas de frondosas, 422.000 ha de coníferas e 409.000 ha de eucalipto”. Esta moratoria estará en principio vixente ata o 2025. Aínda non se chega ás 420.000 hectáreas de eucalipto. Será o momento de eliminar a moratoria? Modelo de financiación Dada a necesidade de financiación pública que expón a empresa promotora, esta situación é unha oportunidade, e mesmo pode ser unha esixencia, para a creación dun consorcio público privado coa Xunta, empresas e propietarios forestais que procure:
  • A aposta e un modelo silvícola e produtivo con maior percorrido e xeración de riqueza, sostible e socialmente inclusivo, que dispoña dun aproveitamento en cascada do recurso forestal, favorecendo a sinerxía da loxística e acopio para o subministro de trozas de calidade a empresas locais que poidan aproveitala para produtos de maior valor engadido como madeira sólida.
  • Onde xogue un papel importante a procentaxe de incorporación de outras madeiras como frondosas (bidueiro) e a mesmo primen aquelas propostas onde a madeira proceda de actuacións exemplares de multifuncionalidade.
  • Onde se faga unha aposta pola investigación e a innovación local, con claro desempeño de actuacións de impulso e acompañamento de grupos e de centros de investigación galegos.
  • Unha clara definición como empresa tractora, onde sirva de panca de emprendemento para outras oportunidades de valorización de madeira e mesmo dos refugallos do propio proceso (lignina) como doutros sectores en clara simbiose co sector téxtil, en vistas a unha bioeconomía real e que transforme a fábrica na ansiada biorrefinería que precisa o sector forestal galego.
  • Onde se garanta a presenza de todas as voces na toma de decisións, sobre todo as que afecten a xestión do territorio.
Modelo local Sorprendente localización da planta en Palas de Rei. Unha zona moi sensible, dende o punto de vista ecosistémico e de territorio, sen experiencias de xestión de macro proxectos industriais e onde non está moi claro como pode inferir o proxecto na estrutura produtiva da zona (eminentemente gandeira e agrícola). Ou mesmo como establececer enlaces e sinerxías cos condicionantes socioeconómicos da comarca. Se non se teñen en conta estas cuestións, ao final a fábrica pode ser un gueto fabril, onde os traballadores poden vivir fóra da comarca, achegarse pola turilante nova autovía e marchar para as súas casas sen tomar un só café no pobo. Pero a empresa aduce que fará as cousas ben e mesmo mellor que o que se demanda por Lei. Tamén pode subvencionar as camisetas do equipo de fútbol de Palas de Rei. Situación do mercado téxtil no norte de Portugal. Cedida Curiosamente, dita localización foi desbotada por Ence cando se plantexaba a súa marcha de Pontevedra. A priori, o proceso produtivo e os consumos son moi similares entre Altri e Ence. Tamén lembro que hai outras zonas de Galicia máis preto da costa (a loxística por barco parece fundamental), pero tamén moi preto do recurso forestal, con ampla traxectoria na xestión de grandes infraestruturas industriais e con redes loxísticas robustas e probadas, con opción de fondos. Modelo de integración social Por outra parte, o proxecto adoece de certo desleixo da empresa Altri en partillar, con quen van a ser os seus veciños de por vida, como queren entrar na comunidade e veciñanza de Palas de Rei. Aquí podemos poñer centos de referencias, como as protestas, asambleas informativas, artigos de opinión de todo tipo de colectivos, non precisamente todos ecoloxistas, que se senten ameazados polo proxecto. Os efectos medioambientais están sendo avaliados e mesmo postos en solfa polo movemento ecoloxista galego, con ADEGA ou a Plafaroma Ulloa Viva como referentes que, ademais, de xeito ben xeneroso e impagable, adican o mellor do seu tempo para alegar contra informes realizados por un tropel de técnicos e expertos ben pagados e con todos os medios ao seu dispor. De momento, Altri xa recoñece que faltou comunicación para explicar o proxecto e mesmo agora propón charlas informativas polas parroquias [Nota: o artigo foi escrito antes da suspensión da rolda de charlas de Altri]. Non é menor a cuestión, sobre todo, cando a empresa solicita a todos os seus veciños axudas e financiación para construír a fábrica. Iremos a escoitalas. Parece necesario artellar un diálogo de escoita activa, non só un diálogo normativo e administrativo (menudo xeito de comezar unha veciñanza de moitos anos) coas persoas de entorno onde se pretende localizar a fábrica, e mesmo con afectados, que directa ou indirectamente se senten ameazados pola implantación, a excepción do alcalde que na lóxica da despoboación do rural defende a fábrica en base o discurso de creación de postos de traballo. Esta é unha realidade en moitas propostas e estratexias industriais e sectoriais, onde non se ten en conta e mesmo se desacredita as opinións que poidan ser contratrias as establecidas polos interesados [non teñen o coñecemento suficiente, están manipulados, son unhas ecoloxistas ultra perroflautas urbanitas]. Pero, porén, si solicitan que todos financien, auspicien e mesmo feliciten a súa estratexia ou a súa proposta industrial. “Yo traigo el progreso y la riqueza, apártate”. Conclusións Ja, picaches. Non teño conclusións. Só faltaba que dende a miña inxenuidade dese latricas sobre a conveniencia dunha actuación deste calado. Este é un asunto complexo e con moitas cuestións tecnolóxicas aínda por concretar pola propia empresa (agardamos con expectación as charlas parroquiais que prometen impartir) e, ademais un proceso longo que precisa moito tempo e recursos para analizalos e para poder opinar con “rigor e criterio”, como demandan dende a empresa e dende un goberno autonómico que xa ten claro que é bo para Galicia e un establishment lobista, con tan fondas raíces que mesmo naceu no territorio. E os votos parece que lle deron a razón a Alfonso Rueda, que apoia este proxecto. Ou non?

Comeza unha lixeira reactivación da demanda de piñeiro e eucalipto

Despois dunha segunda metade do ano 2023 cunha considerable redución no volume de cortas de piñeiro e eucalipto no monte por mor dunha situación de mercado ralentizada que mesmo obrigou ás fábricas a restrinxir a entrada de materia prima, o 2024 comeza cunha lixeira reactivación da demanda, aínda que polo momento non se trasladou de maneira importante aos prezos, salvo cunha tímida recuperación nos lotes máis grandes e con mellor saca. “Houbo subas nos volumes de pedidos que tiñamos reducidos, pero máis aló deses pequenos atisbos de incrementos de demanda, no prezo non houbo aínda marabillas”, recoñecen algunhas das empresas do sector. O eucalipto glóbulus está aínda por baixo dos 40 euros, mentres que a rolla de piñeiro móvese entre os 35 e os 42 euros dependendo da especie, chegando aos 45€ nas pezas de maior calidade. Tanto no caso do piñeiro como do eucalipto, a facilidade de saca e o tamaño da parcela condiciona tamén de xeito importante o prezo final a cobrar polo propietario forestal. A recuperación dos prezos do eucalipto faise agardar Aínda que se agardaba unha recuperación do valor da madeira de eucalipto en pé logo de que Ence decidira frear en novembro as baixadas de prezos, que no conxunto do pasado ano supuxeron uns 7€/tonelada, as subidas estanse a facer agardar.
O eucalipto baixou o ano pasado un 15%, mentres que o piñeiro fíxoo un 10%
Os propietarios individuais con lotes de madeira bos para vender directamente a Ence xa notaron un pequeno incremento de prezo, pero polo xeral o eucalipto glóbulus segue por baixo dos 40€, cunha diferenza duns 5 ou 6 euros menos de media no caso do nitens, dependendo da fábrica e dos dixestores que teña. Ence, principal destino para o eucalipto que se corta en Galicia, non chegou a establecer cupos o ano pasado para a entrada de madeira ás súas plantas, agás no caso da biomasa, pero optou por priorizar nas entradas de madeira o glóbulus fronte ao nitens, cunha maior penalización no prezo, que aínda se mantén.
Segue sen corrixirse a diferenza de 6 euros menos no nitens
O prezo a cobrar polo propietario forestal, xa con IVE e descontado o 2% de retención fiscal, está neste momento, no mellor dos casos, en 40€ para o eucalipto glóbulus pelado (34€ sen pelar) e 6€ menos para o nitens segundo a tarifa de Ence, que se mantén sen cambios desde novembro.
As importacións de pasta de papel e madeira desde suramérica están a retrasar a revalorización do eucalipto nos montes galegos
No caso do eucalipto para a exportación, tanto con destino a Portugal para Navigator como o que se envía aos países nórdicos, están a incrementarse os volumes de saída de madeira logo de meses de pedidos reducidos, aínda que as fábricas en Europa están agardardo o máximo posible para repercutir no prezo a suba xa experimentada na cotización da pasta de papel, que supera neste momento os 1.000 dólares, cando estivera a tan só 700 hai medio ano. Chegada de madeira en cargueiros desde Huelva e Brasil Se durante o 2023 a planta de Ence en Navia elexía glóbulus nas súas compras, agora que os parques de madeira da pasteira practicamente se baleiraron, está transportar en barco ao porto de Mirasol, en Ribadeo, eucalipto  desde Huelva, unha estratexia que xa levou a cabo noutras ocasións. Para surtir á planta de Pontevedra, sen embargo, Ence está a apostar por traer materia prima de Brasil en grandes cargueiros de máis de 40.000 toneladas que descargan no porto de Marín, segundo fontes do sector. Estas importacións non eran algo habitual até agora, pero os excedentes de eucalipto no país suramericano están a servir para ofertar madeira a prezo barato ás pasteiras europeas.
No porto de Marín descárgase a madeira de importación para a planta de Pontevedra e en Ribadeo a de Huelva destinada a Ence Navia
Ademais de pasta de papel, Brasil é tamén un importante exportador de madeira en rollo, fundamentalmente con destino a China, pero o mercado asiático atópase nestes momentos ralentizado e eses excedentes están a ser derivados a Europa. Volve a normalidade á industria do taboleiro A caída de prezos do piñeiro o ano pasado foi menor ca do eucalipto, pero houbo problemas para dar saída á madeira que se cortaba nos montes. Aínda que os principais aserradoiros locais en Galicia mantiveron as compras, o atranco fundamental estaba no puntal, onde houbo un embotellamento debido ao establecemento de cupos e restricións por parte de Finsa. Esa limitación no mercado do puntal acabou prexudicando tamén á rolla, xa que cando unha empresa forestal entraba nun monte atopábase con que tiña saída para a madeira de calidade pero non para a destinada á industria do taboleiro, o que limitou de maneira importante as compras e cortas de madeira de piñeiro en 2023.
Os aserradoiros locais en Galicia mantiveron a actividade no 2023 pero Finsa estableceu cupos que arrastraron a toda a cadea
Neste momento, sen embargo, a situación nas fábricas corrixiuse. As restricións impostas á entrada de madeira levantáronse fai un par de meses e Finsa está recibindo materia prima con normalidade desde principios de ano, o que está a servir para incentivar o mercado.
Comezan a animarse un pouco os pedidos e xa aumentou algo a demanda de especies como o radiata
Dependendo do tipo de piñeiro, da facilidade da saca e da distancia do monte ao aserradoiro, a rolla móvese na horquilla dos 35-45€, mentres que o puntal págase a 27€ a tonelada. O descenso sufrido pola madeira de conífera o ano pasado foi menor que a do eucalipto (entre 4 e 5 euros para o piñeiro fronte aos 7 do eucalipto), e produciuse ademais de xeito moito máis paulatino, o que deu tempo ás empresas forestais a reaccionar e axustar as súas ofertas. Procesadoras paradas Coa caída da demanda por parte das fábricas a maioría das empresas forestais estiveron traballando a medio gas nos últimos meses, mesmo reducindo as unidades de corta operativas porque “se tes cupos non podes apilar a madeira”, recoñecen.
A falta de demanda fixo que as empresas atenderan a feitura de montes menos produtivos, que levan máis tempo
Tamén se aproveitou por parte do sector para facer aqueles montes menos produtivos e nos que a saca levaba máis tempo. “Cando hai apuro priorizas os máis rápidos de cortar e de máis volume e é nestes momentos máis parados nos que aproveitas para facer limpeza e sacar de diante outro tipo de montes”, explican. Á espera dunha recuperación das compras de madeira no monte As empresas forestais agardan poder volver traballar con normalidade nos vindeiros meses aínda que neste momento as compras seguen aínda moi paradas. “É difícil comprar, basicamente porque a xente non vende; ten que acostumarse aos novos prezos e o propietario que pode esperar está agardando a ver que dirección colle isto”, recoñecen nunha empresa que compra na Mariña.
A xente non vende porque o propietario está agardando a ver que dirección colle isto
No inverno sempre hai unha redución das vendas de madeira por parte dos propietarios polas propias condicións meteorolóxicas á hora, por exemplo, de ir ensinar os montes, mentres que na primavera e o verán é cando máis se anima o mercado da madeira en pé, polo que se os prezos repuntan poderíase volver aos volumes habituais doutros anos, consideran. “Se o prezo mellora un pouco pode animar ao propietario a vender, porque é certo que a retracción desta volta foi enorme a partir de setembro, pero se non hai unha certa revalorización a cousa seguirá parada, porque se non tes unha necesidade acuciante de vender agardas a que se recupere o prezo”, indican noutra empresa.

Novos destinos para a madeira queimada

Na Mariña, a prioridade das cortas neste 2024 estará centrada en sacar a madeira dos montes queimados no gran incendio do pasado outono, que afectou a 2.300 hectáreas dos concellos de Ribadeo e Trabada, no maior lume producido en Galicia no 2023. Pero non foi o único que se produciu nesta zona. Fai só dúas semanas o vendaval tirou unha árbore sobre unha torreta eléctrica e provocou un incendio que se levou por diante outras 190 hectáreas neste municipio cunha importante produción de madeira e que conta con varias empresas adicadas ao sector forestal.
Fai dúas semanas o monte volveu arder en Trabada por mor dunha árbore que tirou o vento sobre un transformador eléctrico
Maderas Edelmiro López é unha delas. Sara Montero, a xerente da empresa, explica que xa empezaron a cortar madeira queimada e que están buscando novas saídas para ela en mercados fóra de Galicia. O lume de outubro queimou máis de 50 hectáreas de monte propiedade da súa familia, a maior parte de eucalipto nitens, que non se pode pelar. “Até agora nunca embarcaramos madeira con corteza queimada. Estámola mandando para Reino Unido desde o porto de Burela, tanto para uso papeleiro como para caldeiras de estelas”, conta. Perspectivas para este ano A curto prazo, Sara agarda unha recuperación do sector, tanto no piñeiro como no eucalipto. “Son optimista, porque os prezos baixos do eucalipto están durando xa moito e os ciclos no eucalipto son curtos, é un ciclo que dura normalmente 6-8 meses. As fábricas están non con escaseza pero si aumentando a demanda de madeira de eucalipto e a celulosa volve cotizar ben, aínda que é certo que tarda un pouco en trasladarse esa revalorización a todos os puntos da cadea”, explica.
Eu esperaba unha baixada moi grande do piñeiro o ano pasado e foi ao revés, o que baixou máis foi o eucalipto, porque de piñeiro comeza a haber escaseza
En canto ao piñeiro, “segue parado”, di, “pero confío que o mercado se recupere neste primeiro semestre, ao mellor non totalmente, pero si que haxa indicios de recuperación forte, sobre todo en material de aserradeiro”, prognostica. “Co piñeiro comeza a haber escaseza e a curto prazo vai ser importante o desabastecemento nalgunhas zonas. Durante moitos anos o piñeiro foi moi mal tratado en prezo para o propietario, e iso, sumado a uns coidados maiores (podas, entresacas), ademais do maior turno de corta, desincentivou a súa plantación”, recoñece.

Curso nas Pontes de xestión de frondosas caducifolias e eucaliptos

Dous cursos teórico – prácticos abordarán nas Pontes de García Rodríguez (A Coruña) a xestión forestal sostible das principais especies do monte galego: piñeiros, frondosas caducifolias e eucaliptos. As xornadas de formación están organizadas pola Asociación Forestal de Galicia, coa colaboración de Endesa, e divídense en dous bloques: • Frondosas caducifolias e eucalipto (26 de febreiro, 1 e 2 de marzo). • Piñeiros e outras coníferas (29 de abril, 3 e 4 de maio). O primeiro dos cursos, o de frondosas caducifolias e eucalipto (unha frondosa non caducifolia), iníciase este luns 26 de febreiro. A actividade está impartida por enxeñeiros de montes da Asociación Forestal de Galicia, que explicarán cuestións como criterios a ter en conta na elección de especie, os coidados silvícolas a aplicar na plantación durante o seu ciclo ou aspectos sobre normativas e incentivos. A xornada dedicada ás frondosas e eucalipto consta dunha parte teórica e outra práctica. A parte teórica terá lugar na sede da Asociación Seara no polígono industrial de Penapurreira, as tardes do 26 de febreiro e 1 de marzo, a partir das 16 horas. A parte práctica desenvolverase na entulleira da mina de Endesa a mañá do sábado 2 de marzo, para a que se poñerá a disposición das persoas participantes un servizo de transporte en autobús. A inscrición, gratuíta, pódese facer nos teléfonos 981 564 011 e 618 752 214, ou no enderezo de correo afg@asociacionforestal.org. O programa das xornadas de frondosas caducifolias e eucalipto é o seguinte: Luns 26 de febreiro 16 h – 17.30 h. Xestión forestal sostible e medioambiente. Producións forestais na comarca (Xosé Covelo, enxeñeiro de montes). 17.30 – 18 h. Pausa café. 18 – 19 h. Normativas e incentivos que afectan ó sector forestal (Jorge Bouzas, enxeñeiro de montes). Venres 1 de marzo 16 – 17.30 h. Elección de especie e modelos silvícolas (Braulio Molina, enxeñeiro de montes). 17.30 – 18 h. Pausa café. 18 – 20 h. A planta, plantación, coidados silvícolas e corta (Jorge Bouzas). Sábado 2 de marzo 9.30 – 14 h. Prácticas na entulleira da mina de Endesa (Jorge Bouzas e Enrique García, enxeñeiros de montes). Poñerase transporte a disposición das persoas asistentes.

A agrupación da comercialización da madeira e da xestión dos montes, claves para o sector forestal

A xornada informativa que reuniu hai uns días en Cedeira a asociacións e propietarios forestais das comarcas do norte de Galicia saldouse cun balance positivo. O encontro, orientado a presentar as axudas que a Consellería do Medio Rural vén de convocar para apoiar ás asociacións forestais, suscitou un importante interese no sector, polo que en Cedeira estiveron presentes a gran maioría das asociacións de produtores de madeira (Promas) do norte galego. A reunión, organizada pola Asociación Forestal de Galicia, contou coa colaboración da Asociación de Produtores de Madeira de Cedeira e da Asociación de Produtores de Madeira de Viveiro. O encontro permitiu constatar que as Promas e asociacións forestais comparten unha idea común: a necesidade de fortalecer o agrupamento da comercialización de madeira e da xestión dos montes. Na reunión de Cedeira participou o director xeral de Ordenación e Planificación Forestal, José Luis Chan, e o xefe do servizo de Montes da Coruña, Iñaki Bergareche, que resolveron tódalas dúbidas das asociacións de produtores de madeira en torno ás distintas liñas de axudas convocadas. O traballo en conxunto no monte preséntase como a vía para aumentar a rendibilidade das cortas de madeira, así como para impulsar boas prácticas nos aproveitamentos. As asociacións de propietarios teñen a vontade de investir en infraestruturas, como cargadeiros de madeira ou básculas, así como en persoal e equipos técnicos que permitan mellorar a xestión forestal. Iso tamén facilitaría contratar a explotación e comercialización conxunta da madeira. Por ese motivo, as axudas que vén de convocar Medio Rural son ben recibidas polas Promas, pois por primeira vez contan cunha liña de apoios para a prestación de servizos ós propietarios forestais, o que consideran que pode favorecer o asociacionismo forestal. De cara ó futuro, as asociacións de produtores de madeira tamén valoran como unha posibilidade a ter en conta a creación de agrupacións de xestión conxunta no monte, unha figura que permitiría un manexo forestal optimizado, superando as dificultades que provoca o minifundio. O presidente da AFG, Antonio Rigueiro ofreceulle ás Promas e ás asociacións forestais das comarcas do norte de Galicia todo o apoio técnico que precisen para tramitar as solicitudes destas liñas de axudas. Contexto As comarcas de Ferrol Terra, Ortegal e a Mariña lucense conforman a principal área de aproveitamentos forestais de Galicia. En conxunto, cortan arredor de 3 millóns de metros cúbicos de eucalipto ó ano, máis da metade de todo o eucalipto extraído anualmente do monte galego.

Xornada de presentación das axudas para a xestión conxunta de montes de eucalipto

Cedeira acollerá a tarde do mércores 24 unha xornada orientada a presentar as novas liñas de axudas forestais que veñen de convocarse. Os apoios teñen especial interese para apoiar ás asociacións de produtores de madeira (Promas) do norte galego, tanto para a comercialización conxunta de madeira como para valorar a posibilidade dunha xestión conxunta de montes de eucalipto. A xornada, que dará inicio ás 17.15 horas, conta coa organización da Asociación Forestal de Galicia, da Asociación de Produtores de Madeira de Cedeira e da Asociación de Produtores de Madeira de Viveiro. O acto diríxese a propietarios e xestores forestais, así como aos representantes das asociacións de produtores de madeira do norte galego. A asistencia é libre, con inscripción previa (tel. 981 564 011 / 618 752 214 ou no mail afg@asociacionforestal.org).

Programa

17.15 horas – Acollida Julio Aneiros, presidente da Asociación de Produtores de Madeira de Cedeira. 17.30 horas - Os retos da xestión dos montes de eucalipto Antonio Rigueiro e Francisco Dans, presidente e director da Asociación Forestal de Galicia. 18 h. - As axudas ás agrupacións de xestión forestal conxunta Daniel Rodríguez, responsable económico da Asociación Forestal de Galicia. 18.30 h. - As axudas de apoio ás Promas e outras asociacións de comercialización conxunta de produtos forestais José Luis Chan, director xeral de Planificación e Ordenación Forestal. 19 h. - Debate Contexto As comarcas de Ferrol Terra, Ortegal e a Mariña lucense conforman a principal área de aproveitamentos forestais de Galicia. En conxunto, cortan arredor de 3 millóns de metros cúbicos de eucalipto ó ano, máis da metade de todo o eucalipto extraído anualmente do monte galego.

Ence anuncia que xa pechou acordos de venda para toda a súa produción de celulosa de 2024

Ence anuncia que xa pechou acordos de venda para máis de un millón de toneladas de celulosa para este ano 2024, o que supón cubrir o máximo de produción das biofábricas da compañía para o presente exercicio. Principalmente, os acordos de venda alcanzados teñen por destino o mercado europeo, no que Ence ten importantes vantaxes competitivas loxísticas e de servizo ao cliente. A través destas operacións, a compañía logra aumentar a súa cota de mercado no continente, e mellorar o seu posicionamento en segmentos chave. Tal é o caso das especialidades, o packaging e, moi especialmente, o tisú, segmentos que representan preto do 90% das vendas contratadas. Neste sentido, dende Ence destacan o incremento de volume en segmentos en crecemento, como o dos papeis sanitarios. Ademáis, a compañía pon en valor o aumento das súas vendas de produtos especiais, englobados baixo a marca “Ence Advanced”, que achegan un plus de valor engadido nun mercado altamente competitivo. Trátase de celulosa especial destinada a multitude de aplicacións que permiten a substitución de fibra longa por fibra curta; e que se erixen como alternativas sostibles ás fibras sintéticas, como os plásticos, contribuíndo así ao avance da bioeconomía circular. Estes produtos representaron xa un 25% dos ingresos por venda de celulosa da compañía no terceiro trimestre de 2023. O obxectivo de Ence é que supoñan máis do 40% das vendas de celulosa en 2027. Doutra banda, dende Ence salientan que “os acordos de venda pechados para este ano evidencian a importante capilaridade da compañía, de tal modo que as operacións pechadas con clientes pequenos e medianos superan amplamente a metade das vendas da empresa”.

A baixada do eucalipto toca fondo e agárdase unha certa recuperación de prezos no medio prazo

O prezo da madeira de eucalipto semella ter tocado fondo, logo da brusca caída producida desde o mes de abril, e desde o sector apúntase a unha lixeira recuperación no medio prazo, como consecuencia da caída de stock nos parques de madeira que subministran ás plantas de Ence. Os prezos mantivéronse na banda alta até o mes de abril deste ano, logo do forte ascenso vivido en 2022, pero desde entón comezaron unha baixada paulatina todos os meses de entre 1 de 1,5 euros en tonelada até outubro. Ence, que pilota as baixadas e subidas de prezo en Galicia, freou os descensos en novembro, mantendo na actualidade o eucalipto glóbulos pelado no entorno dos 40 euros, cando na primavera rondaba os 47 euros, o que supón unha caída do 15%.
Ence deixou de baixar o prezo en novembro logo de 7 meses consecutivos de caídas
No caso da madeira con corteza, estase a pagar neste momento entre 31 e 33 euros, no caso de montes con óptimas condicións de saca. Ence prioriza a compra de madeira con casca debido ao seu aproveitamento enerxético e penaliza en maior medida neste momento o nítens e o regnans. A caída no prezo da materia prima débese ao descenso da cotización da pasta de papel. Ence non baixou produción nas fábricas, pero as marxes reducíronse notablemente. O mercado fóra de Galicia tamén se retraeu, e os envíos desde a nosa comunidade a pasteiras do norte de Europa ou Portugal, así como a Euskadi ou Zaragoza, minguaron.
No piñeiro os descensos foron menores aos do eucalipto, cunha baixada do 10% este ano
En canto aos prezos do piñeiro, os descensos foron máis suaves que os do eucalipto, acumulando unha baixada do 10% este ano. A rolla de primeira págase neste momento a 45 euros a tonelada. A problemática do piñeiro é distinta á do eucalipto e débese á dificultade para colocar a madeira cortada polas empresas forestais nos aserradoiros e fábricas de taboleiro desde o verán. Ao haber pouca saída de produto a madeira empezou a acumularse nos parques. As vendas están paradas As baixadas, tanto do piñeiro como do eucalipto, frearon en seco as vendas nos últimos meses. As cortas que se están a producir neste momento foron contratadas en moitos casos antes de que se consumara a caída de prezos, pero non está a haber novos contratos e as empresas forestais están a traballar xa a medio gas.
Está habendo cortas contratadas previamente pero non novos contratos
Como consecuencia, prevese un descenso importante a final de ano do volume de madeira sacada dos montes galegos neste exercicio, acabando o 2023 nos 9,5 millóns de metros cúbicos, fronte aos 11 millóns acadados no ano 2022. Os propietarios a día de hoxe están a optar por non poñer madeira no mercado, polo que se albisca unha caída na oferta de materia prima a curto prazo, que podería notarse máis no eucalipto, xa que segue habendo saída de celulosa, aínda que a un prezo un 40% inferior ao de fai ano e medio.
A medio prazo agárdase unha certa reactivación dos prezos do eucalipto a medida que o stock actual se esgote
Os parques de madeira que subministran ás plantas de Ence, que fai 6 meses estaban a tope de madeira, diminuíron xa o seu stock, polo que no sector agárdase unha certa recuperación do prezo do eucalipto no monte para a primavera.

Ence escúdase nunha caída do prezo da celulosa en Europa de máis dun 40% e di que non foi trasladada na súa totalidade aos propietarios forestais

Ence Terra, a división forestal da compañía, afirma que segue a manter os prezos de compra de madeira de eucalipto en pé en niveis similares aos de 2020, a pesar do importante descenso que sufriu neste exercicio o prezo dos produtos procedentes da madeira, como é o caso da celulosa, nos mercados internacionais.   Desde os máximos alcanzados en agosto de 2022 e os mínimos alcanzados en agosto de 2023, o prezo da celulosa en Europa caeu máis dun 40%, “pero este descenso non se transmitiu ao prezo da madeira”, asegura, un feito co que a compañía “pon de manifesto o seu compromiso cos propietarios forestais e o seu apoio ao sector”, di.
A pasteira insiste en que os prezos no monte se manteñen neste momento en niveis do ano 2020, previos á pandemia
“Aínda que o prezo da madeira de eucalipto en pé sufriu unha pequena corrección con respecto ao prezo do último ano, actualmente atópase en prezos similares aos rexistrados no ano 2020, manténdose as plantacións de eucalipto como unha alternativa de alto valor  para os propietarios á hora de sacar proveito das súas parcelas forestais”, afirma a empresa. O eucalipto gaña peso no conxunto das cortas Ence nega que este ano se vaia producir un descenso importante nas cortas de madeira de eucalipto en Galicia e prevé que se peche o actual exercicio por enriba dos 5,5 millóns de metros cúbicos cortados, “unha cifra similar á media dos últimos cinco anos”, destaca.   Ademais di, “as cortas de madeira de eucalipto, que se cultivan no 20% da superficie forestal de Galicia, aumentaron o seu peso relativo sobre o conxunto do total dos aproveitamentos de madeira da comunidade ata situarse en torno ao 60%, facendo do aproveitamento do eucalipto  un piar de crecente importancia para o sector forestal”, conclúe.
https://www.campogalego.gal/caida-xeral-da-actividade-na-cadea-forestal-madeira-no-2023/

Caída xeral da actividade na cadea forestal madeira no 2023

O consumo de madeira baixou a nivel internacional no último ano, un escenario que se acompañou dunha caída de prezos en coníferas e pasta de papel (eucalipto). Ese contexto negativo reprodúcese en Galicia, onde as cifras da cadea forestal madeira amosan unha ralentización xeral de cortas e facturación, como xa se viña constatando nos últimos meses. A excepción na comunidade é o sector da segunda transformación da madeira, que se mantén, en boa medida polo bo comportamento dos produtos de madeira para construción, un nicho que compensou a baixada do mobiliario e carpintería. As cifras provisionais do 2023 da cadea forestal madeira de Galicia presentáronse onte nun acto en Santiago, organizado pola Consellería do Medio Rural. A elaboración do informe anual da cadea, como outros anos, correspondeu á Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo. “Este ano, a previsión é que a facturación da cadea forestal madeira ronde a final de ano os 2.400 millóns de euros, uns 300 millóns menos que o ano pasado”, apuntou como conclusión xeral o director da Escola, Juan Picos. A menor actividade deixouse sentir en especial nas cortas e na primeira transformación da madeira (aserrado, taboleiro e pasta). Cos datos de cortas a 31 de outubro, a previsión é que as cortas finais do ano conclúan no entorno dos 9,5 millóns de metros cúbicos, cunha baixada de arredor do 15%, en comparación cos algo máis de 11 millóns de metros cúbicos do pasado exercicio. Por especies, baixaron tanto os piñeiros como o eucalipto, se ben o descenso das cortas foi máis significativo nos piñeiros, que poden rematar o ano cunha caída do volume de cortas próxima ó 25%, en tanto o eucalipto rondará o 12% de descenso. A nivel territorial, a redución dos aproveitamentos deixouse sentir en tódolos distritos forestais. Cos datos provisionais a 31 de outubro, en eucalipto, destaca a baixada de Santiago – Meseta interior e da Mariña lucense, en tanto en piñeiro o descenso principal produciuse en Lugo – Sarria. Contexto xeral Os datos de Galicia correspóndense co contexto xeral de mercado en Europa, marcado pola baixada de consumo e de prezos da madeira. Calcúlase que o consumo xeral de madeira aserrada, en especial de coníferas, baixou un 2%, con casos como o alemán, que se sitúa nunha caída do 14%. Hai tamén un descenso claro do mercado de embalaxe e palets, que en Galicia é fundamental para o sector do piñeiro. Entre tanto, no eucalipto, os prezos da pasta de papel desplomáronse este ano. Dos máis de 800 euros / tonelada ás que cotizaba a pasta de papel hai un ano pasouse ós 477 euros / tonelada do terceiro trimestre do 2023. A boa noticia é que tanto en piñeiro como en eucalipto hai motivos para un moderado optimismo. En eucalipto, o prezo da pasta de papel xa comezou a repuntar no último trimestre do ano, e a previsión de Ence é que no 2024 se continúe esa senda, cos prezos avanzando cara ós 600 euros / tonelada de pasta. En coníferas, a análise de Juan Picos subliña as perspectivas positivas da madeira para construción no 2025, de recuperarse a ralentización xeral que houbo na construción en Europa nos últimos meses. En Estados Unidos existe xa unha tendencia de mellora no consumo de coníferas para construción. Por parte galega, a Consellería do Medio Rural lembrou que a partir do 2024, introducirase progresivamente en Galicia unha porcentaxe de edificacións estruturais en madeira na obra pública, ata chegar ó 20%, un camiño que se agarda que siga tamén no futuro a iniciativa privada.

O camiño de futuro, gañar peso na transformación da madeira

As cifras de facturación do sector no 2023 deixan un dato para a reflexión. Nun contexto xeral de caída de actividade, o único segmento que mantivo cifras foi a segunda transformación da madeira, que se move nuns 600 millóns de euros, un 25% da facturación total da cadea. O resto de segmentos sufriron baixadas significativas, tanto os rematantes como a biomasa e o aserrado, así como o taboleiro e pasta de papel, É de destacar, ademais, que mobiliario e manufacturas da madeira foron gañando peso nas cifras de exportación, ata representar o 25% do total (polo 5% que tiñan a mediados dos anos 90). Ante esas cifras, o conselleiro do Medio Rural, José González, subliñou que o camiño pasa por “traballar para darlle o peso necesario ás segundas e terceiras transformacións en Galicia”. Para iso, cómpre compoñer unha folla de ruta clara e concreta para os seguintes anos, sinalou, en alusión á elaboración do Plan estratéxico da industria forestal-madeira. Na mesma liña, proximamente espérase unha declaración sectorial a prol do peche dos ciclos industriais da madeira en Galicia. Valor das árbores galegas Máis alá das cifras anuais, o informe anual da cadea introduce este ano a novidade de facer un cálculo sobre o valor das árbores existentes nos montes galegos (1,4 millóns de hectáreas). O cálculo, seguindo unha metodoloxía establecida a nivel ministerial, tivo en conta non só o valor da madeira, senón os valores ambientais (captura de carbono, control da erosión, reservorio de auga, lecer, caza, biodiversidade, etc.). A conclusión é que o bosque galego ten un valor de 43.000 millóns de euros. Desa cantidade, o principal valor é aportado polas frondosas (17.700 millóns de euros), que son tamén as que maior superficie ocupan, con máis de 600.000 hectáreas. Se ben a nivel industrial, o seu aproveitamento é escaso, con arredor de só o 3% das cortas anuais, os seus aportes como leñas domésticas e sobre todo, os seus aportes ambientais, depáranlle ese primeiro posto en valor. En segunda posición, sitúase o eucalipto, con 16.500 millóns de euros, e en terceira posición as coníferas, con 8.700 millóns de euros.

Récord de cortas do 2022

As cifras finais do 2022 sitúan as cortas en Galicia en 11 millóns de metros cúbicos, o que constitúe un récord. Desa cifra, máis de 10,7 millóns corresponden a montes privados (particulares ou veciñais) e a parte restante a montes de xestión pública. Por especies, en montes privados destaca o eucalipto, con 6,2 millóns de metros cúbicos, seguido dos piñeiros, con 4,25 millóns e das frondosas, con arredor de 300.000 metros cúbicos. Entre os piñeiros, hai case empate entre o piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) e o piñeiro insigne (‘Pinus radiata’), pois ambos rondan os 2 millóns de metros cúbicos, cunha lixeira vantaxe para o piñeiro do país. Hai tamén 155.000 metros cúbicos de piñeiro silvestre, característico da alta montaña, e 70.000 doutras coníferas. A continuación, lístanse os 20 concellos galegos onde máis cortas se producen. Destaca o dato de que só o concello de Ortigueira ten máis cortas que comunidades autónomas enteiras, como Aragón (211.000 metros cúbicos) ou Extremadura (203.000 metros cúbicos).

Ence Terra, a división que pasa a agrupar a actividade forestal do grupo pasteiro

Ence vén de presentar unha filial forestal, Ence Terra, coa que quere impulsar “unha nova visión da actividade forestal”. Ence Terra ten o obxectivo fundamental de aumentar o asesoramento aos propietarios e a colaboración cos rematantes e empresas de servizos forestais que operan coa pasteira. Na presentacion de Ence Terra, o director territorial en Galicia de Ence, Antonio Casal, definiu a creación da nova filial forestal do grupo como unha “aposta polo rural”. O obxectivo da empresa é ofrecer acompañamento ós propietarios desde a fase de plantación ata a corta. O director de Suministro de madeira en pé de Ence, José Manuel Tubío, sinalou que a idea é incluso orientar ós propietarios en cuestións como a posta en marcha de agrupacións de xestión conxunta do monte ou darlles facilidades ós herdeiros de propiedades para que continúen coa xestión das súas terras. “Algo que nos preocupa moito é o abandono. Vemos como ás veces cando cortamos unha parcela e lle preguntamos ó propietario que pensa facer nela a continuación, contéstanos ‘Nada’. Iso é preocupante”, advirte Tubío. A firma proxecta ademais reforzar a colaboración coas empresas de corta e de servizos forestais coas que traballa. “Teremos un departamento para mellorar a eficiencia das operacións e incluso lles ofreceremos máquinas de sustitución en caso de avarías”, apuntan. Ence declara tamén o seu compromiso de manterse como un “destino estable” do suministro da madeira, malia posibles crises ou peches temporais de plantas, como o ocurrido o pasado verán en Pontevedra por falta de auga. Imaxe do sector A colaboración coa innovación con Universidades e Administración será outra das liñas de traballo de Ence Terra. Un último eixo de traballo encamiñarase a accións de marketing para mellorar a imaxe do sector forestal e a atracción de traballadores, segundo explicou Félix Carbajales, director de Suministro Norte de Ence. A nova empresa estará domiciliada e tributará en Galicia, ao contrario que o seu grupo matriz, que tributa en Madrid. O volume de negocio que xerará é sustancial, pois Ence Terra ocuparase de tódalas compras de madeira en pé para as plantas de celulosa da empresa, así como da xestión do patrimonio forestal de Ence, tanto propio como xestionado en convenios coa propiedade. Acto de presentación de Ence Terra.

Os baixos prezos da celulosa levan a Ence a perder 24 millóns de euros no terceiro trimestre

A produción da empresa Ence – Energía y Celulosa rexistrou perdas por valor de 24 millóns de euros no terceiro trimestre do ano (-28 millóns de euros nos nove primeiros meses do ano) como consecuencia dos baixos prezos da celulosa. A pasteira sinala que a pesar da redución dos custos de produción, lograda mediante a redución do prezo da madeira e outras materias primas, iso non foi suficiente para compensar a baixada do prezo da pasta de papel. O resultado operativo do Grupo foi de -1,8 millóns de euros no terceiro trimestre e de 63,7 millóns de euros nos nove primeiros meses do ano. Os produtos diferenciados de Ence, mellor adaptados para substituír a fibra longa e ó plástico, e que aportan un valor engadido extra, representaron o 25% dos ingresos por venda de celulosa no trimestre. Crecemento e diversificación A firma sinala que a solidez do balance proporciona flexibilidade para aproveitar as oportunidades de crecemento e diversificación dos dous negocios do Grupo. No negocio da celulosa, Ence segue impulsando a venda dos seus produtos diferenciados e aprobou o investimento para a posta en marcha dun proxecto de produción de celulosa fluff na súa biofábrica de Navia (Asturias) para produtos hixiénicos absorbentes. Así mesmo, a compañía presentará en xaneiro de 2024 o seu novo Plan Estratéxico para os próximos 5 anos, que incluirá un plan de investimentos para a súa biofábrica de Pontevedra. Ademais, o proxecto que Ence estuda poñer en marcha na localidade galega das Pontes foi declarado proxecto estratéxico pola Xunta de Galicia no mes de xuño. Trátase dunha iniciativa innovadora para a produción de fibras recicladas branqueadas e biomateriais, que inclúe un proxecto piloto para a recuperación de fibras téxtiles. Todo isto, sen aumentar o consumo de madeira (xa que as súas materias primas serán recuperadas cartón, papel e fibras). No negocio de renovables, Ence Biogás ten como obxectivo desenvolver vinte plantas de biometano durante os próximos cinco anos e conta xa con 6 proxectos en fase de enxeñería, cuxa entrada en funcionamento está prevista para 2026. Tamén no negocio de Renovables, o Grupo conta cunha carteira de 140 MW cos que participar nas vindeiras poxas de biomasa e está a analizar varias oportunidades para a xeración de calor industrial renovable, a través da súa filial Magnon Servicios Energéticos.

Trabada, un concello “número 1” na xestión do monte que sucumbiu ante o maior lume do 2023

Parroquia de Barreiros, en Trabada, unha das primeiras zonas do incendio, nunha foto tomada o xoves 12 ás 19:00h Unha semana despois de que o lume arrasara os montes de Trabada, os afectados tratan de asimilar o sucedido, valorar os danos e planificar os traballos de repoboación e recuperación da superficie ardida. Ninguén dubida da intencionalidade na orixe do lume e todos aseguran que as condicións climatolóxicas que se daban o pasado xoves día 12, con vento forte de sur e altas temperaturas, foron determinantes para o fatal desenlace. O eucalipto é a especie predominante (practicamente a única) nos montes da Mariña. Desde hai máis de 50 anos os propietarios apostaron polo seu potencial de crecimento. As cortas de eucalipto, que acadan na comunidade 5,6 millóns de metros cúbicos anuais, suman 1 millón de toneladas só na Mariña lucense.
Arredor dun 20% das cortas de eucalipto galegas prodúcense na Mariña
A zona de Trabada conta, a diferenza do que sucede no resto da comarca, con concentración parcelaria nos montes, boas pistas de acceso, balsas de auga, cortalumes e outras medidas antiincendios, pero que se mostraron totalmente inservibles para frear o avance das lapas. O lume cruzou ao veciño concello de Ribadeo e obrigou a cortar a autovía A-8, que mesmo atravesou debido á súa virulencia. De nada serviron os medios aéreos despregados nin as cisternas dos gandeiros. Porque ao contrario do que acontece noutros lugares de Galicia onde arde o monte, nesta zona non hai abandono: segue habendo explotacións leiteiras e ao monte sácaselle rendibilidade económica. É unha situación ben distinta á de Ourense, o tradicional buraco negro dos lumes na comunidade. O maior lume do ano en Galicia As máis de 2.300 ha ardidas, segundo o reconto provisional da Xunta, equivalen a máis dunha cuarta parte da superficie total do concello de Trabada (82,71 km cadrados). Só o ardido neste lume é case a mesma superficie que fora queimada até o momento en toda Galicia este ano: 2.600 ha. Non é o primeiro lume importante que se produce no municipio de Trabada, pero si o máis devastador da súa historia. A comezos da década dos 80 outro incendio arrasara 400 hectáreas en tres horas en Fórnea e Vilar. O da pasada fin de semana iniciouse na zona do Bizarro e avanzou cara o lugar de Barreiros e desde aí o vento de sur levouno cara a Penacova (onde se desaloxaron as vivendas por mor do fume e a cercanía do incendio) e Trabadela, na parroquia de Sante; cara O Castro na de Vidal; e San Fernando, en Valboa; para logo irse expandindo cara ás parroquias de Cedofeita e Arante, xa en Ribadeo, con conatos e focos secundarios tamén en Alto de Fórnea e Noceda.
Trabada é un concello eminentemente forestal e gandeiro e tamén arderon pastos
Por parte da Xunta foron despregadas 114 brigadas, 78 motobombas, 6 avións e 3 helicópteros pero as fortes rachas de vento obrigou aos medios aéreos a deixar de voar e os tractores coas cisternas do purín dos gandeiros da zona tomaron o protagonismo para loitar por terra contra as lapas que avanzaban sen control. Arderon tamén numerosos pastos e a discontinuidade que estes provocan na masa forestal non foi suficiente nesta ocasión para deter o avance do lume. O cambio climático muda o perfil dos lumes A riqueza xerada polo monte e a humidade habitual da Mariña alonxaran até agora o perigo do lume dos montes da comarca. Pero as circunstancias cambiaron. “Estamos ante un cambio climático que afecta tamén aquí”, recoñece a alcaldesa de Trabada, Mayra García. “Evidentemente, nada ten que ver como era antes o clima, cando a especie chegou a esta zona, con como é agora”, afirma en relación ás plantacións de eucalipto que hai no municipio. Por iso a rexedora agarda que a Xunta de Galicia, xunto cos propios concellos afectados, que teñen solicitado unha xuntanza con Medio Rural, fagan “un traballo conxunto de planificación e de ordenación das plantacións no territorio”.
Na maior parte das zonas había concentración parcelaria, polo que arderon grandes pezas de monte
A inmensa maioría do monte queimado eran plantacións de eucalipto, agás en Valboa, onde tamén ardeu piñeiro, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia. O monte na maior parte do territorio está concentrado. De feito, agás en Vidal, o resto de zonas ardidas eran zonas de concentración parcelaria, polo que arderon grandes pezas de monte, como unha de 400 ha entre O Castro e Vidal e outra de 200 en Mondigo.
Trabada é un concello eminentemente forestal, pero tamén gandeiro, cun bo número de gandeirías leiteiras, concentradas sobre todo na parroquia de Sante
A alcaldesa non ten dúbidas da intencionalidade do lume e confía en que “a investigación dea os seus froitos e poida caer o peso da lei sobre quen orixinou este dano tan grande”. O lume tamén afectou a infraestruturas como traídas de auga e desde o Concello temen agora que os traballos de saca da madeira queimada dos montes poidan provocar danos nas pistas e estradas municipais. A saca non vai ser inmediata Javier Barcia, de Maderas Barcia, de Lourenzá, tiña madeira mercada en varios montes que arderon, tanto na zona de Trabadela, O Bizarro e Vidal, en Trabada, como en Vilaframil, en Ribadeo. O monte que lle colleu eran superficies grandes todas, mercadas a particulares. “Menos en Vidal as outras zonas de Trabada eran zonas de concentración de monte. En Ribadeo eran fincas máis pequeneiras; tiña varias mercadas na zona de Vilaframil, onde o lume chegou a cruzar a autovía. Estiven case toda a noite e impresionaba ver o lume. Entre a forza do vento e a temperatura, de 25 graos de madrugada, iso era unha bomba”, relata. É moi cedo aínda para decidir o uso final da madeira queimada. “Algún monte que igual estaba máis limpo e no que pasou rápido o lume quizais poidan salvarse os eucaliptos”, confía. Nos casos nos que hai que cortar a plantación, di, a saca non vai ser inmediata. 
A normativa esixe unha espera de dous meses para poder cortar madeira nun monte queimado
“Hai que tramitar os permisos e a normativa esixe un mínimo de dous meses desde que pasou o lume para entrar no monte a cortar”, explica. Ademais, “a madeira queimada ten que ir pelada e para pelala hai que esperar a que retoñen os eucaliptos para que pelen mellor, senón pelan mal”, di. A saca convértese tamén en moito máis “engorrosa” nun monte ardido. “Non dá gusto traballar coas máquinas no queimado, porque hai que andar limpando filtros todos os días”, asegura Javier. Destino da madeira queimada “Esa madeira ten que ir moi limpa para que cha queiran para celulosa”, di. “A que é madeirable hai que pelala pero a perda de valor neses casos non é moi grande se se dá aproveitado toda. O problema é que se está moi queimada, a primeira troza pérdese nalgunha árbore”, explica.
Para que a queiran para celulosa a madeira queimada ten que ir pelada e moi limpa
No caso de que o eucalipto non sirva todo para celulosa e teña que ir para taboleiro xa supón un 30% menos valor. “É distinto que teña que ir para astillar ou para biomasa, que vale tres veces menos”, admite. O problema da saída para biomasa é tamén de capacidade. “Esas fábricas recollen moito menos e ese mercado agora vaise saturar, porque asume menos cantidade de madeira que o da celulosa”, conta.
Se o destino é facer taboleiro o prezo cae un 30% e se vai para biomasa vale tres veces menos
“Isto é malo para todos, é malo para o propietario e é malo para as empresas forestais. Hasta cadrou todo mal, porque coincide coa baixada de prezo que tivo o eucalipto nos últimos meses”, conclúe. Pero os propietarios máis afectados son aqueles con plantacións máis novas. “Se ten menos de 5 ou 7 anos perdes todo, o custo da plantación máis o valor do tempo, porque son anos de crecemento que perdes”, enfatiza Javier. Fincas non madeirables que hai que repoñer Sara Montero é xerente de Edelmiro López SL, unha das empresas forestais asentadas no concello de Trabada e á que lle arderon máis de 50 ha, entre elas unha finca grande no Castro. “Nós en particular temos un reconto de entre 54 e 57 hectáreas afectadas, 37 delas nunha soa peza cara a Valboa que xa nos ardeu tres veces, unha das veces, cando aínda vivía meu avó, por un chispazo na liña eléctrica”, conta.
A madeira de menos de 10 anos non é polo xeral madeirable nesta zona e a súa extracción supón uns custos importantes
“Nesa finca a plantación podía ter uns 6 anos, polo que non é madeirable, pero para volver a plantar hai que cortar primeiro. Imos esperar a ver se hai rebrote, porque os traballos forestais de corta e saca desas árbores supoñen un custo importante”, di. Sara calcula un mínimo de 20€ por tonelada extraída o custo de sacar esa madeira delgada a un parque, polo que o importe total de sacar e repoñer a plantación ascendería a uns 3.000 €/ha. “Sería o custo de volver poñer a producir ese monte”, indica.
Os turnos de corta nesta zona son máis longos que na Terra Chá e lógranse boas producións, de 400 ou 450 toneladas por hectárea
 “Estamos esperando a ver se a Xunta saca algún fondo de compensación, ou se se tramita por parte dos concellos afectados unha solicitude de zona catastrófica para poder acceder a cartos da Unión Europea para que todo o monte que se queimou se poida volver a poñer en produción”, propón. “En Vidal non hai concentración coma noutras parroquias, temos minifundio e o lume afectounos a todos os veciños en maior ou menor medida. As plantacións de eucalipto aquí son moi importantes para a economía das familias”, destaca. “O monte estaba limpo” Sara insiste en que o monte que ardeu estaba coidado. “Os veciños en Trabada estamos concienciados de que hai que ter o monte limpo. Estaba desbrozado e había cortalumes pero era un incendio de copa que se propagaba saltando por arriba, iso é moi difícil de parar”, di.
Foi un incendio de copa que se propagaba saltando por enriba; iso é moi difícil de parar
Non ten tampouco dúbidas na intencionalidade da orixe do lume porque “houbo xa un conato de incendio en agosto en Barreiros que lograron apagar”, lembra. Pero desta vez, di, “deuse a tormenta perfecta polas condicións climatolóxicas que había”. Con afán construtivo, para evitar novos lumes no futuro, Sara propón mellorar o mantemento das infraestruturas de auga e a creación de novos depósitos. Tamén que por parte do Concello se merquen mangueiras e conectores para poder enganchalas ás cisternas agrícolas “porque se demostrou que foi o recurso máis válido para apagar o lume”, di.
As cisternas dos gandeiros demostraron ser o recurso máis válido para apagar o lume
“A axuda dos veciños foi a máis importante, mesmo máis que os medios públicos profesionais despregados. Foi incrible a unión e a mobilización da xente. O lume empezou ás 3 da tarde e os hidroavións voaron ata as 7 pero despois pararon polo vento e xa non volveron”, lembra. Entre 12 e 15 millóns de euros en perdas directas O concello de Trabada levaba 40 anos sin un incendio forestal importante. O último gran lume produciuse no ano 1982, lembra Daniel Villapol, de Maderas Villapol SA, e foi o detonante das concentracións de monte levadas a cabo no municipio. “Aquel incendio tivo lugar na zona do Vilar e saltou a Arante. Eran leiras moi longas pero moi estreitas. A raíz daquel lume decidimos ordenar o monte e facer as cousas doutra maneira. Foi indirectamente o que nos levou a facer a primeira concentración privada, onde se creou a SAT Costa e Granda, con 250 ha. Fora o primeiro exemplo de concentración privada e fixérase en 14 meses”, destaca.
O 67% do termo municipal de Trabada é monte e o lume calcinou o 15% da superficie forestal do concello
Hoxe, a maior parte do monte do municipio está ordenado. “Esta zona da Mariña é a número un á hora de traballar o monte en Galicia. O que ardeu estaba ordenado a todos os efectos, con pistas, cortalumes, balsas de auga e todas as medidas que hai que ter”, asegura. Como mínimo, calcula Daniel, as perdas directas por parte dos propietarios forestais afectados polo lume, uns 1.000, estarían entre os 12 e os 15 millóns de euros. “A desgraza é moi grande, unha verdadeira pena”, lamenta. Afectada un 10% da SAT Monte de Trabada Na parroquia de Trabada o lume afectou a unhas 130 ha, das 1.250 totais da SAT Monte de Trabada, constituída no seu día por 302 propietarios. Deles medio cento teríase visto afectado polo lume da pasada fin de semana, xa que dentro da superficie da SAT hai parcelación individual e cada un conserva a propiedade sobre as súas fincas, aínda que o plan de cultivos e toda a plantación trala concentración se fixo en conxunto. A maior parte da superficie queimada da SAT estaba plantada do ano 2007 e 2008, unhas 100 ha con clon de eucalipto glóbulus e 30 con piñeiro pinaster. “O piñeiro non queda outra que cortalo, xa que ao pasar o lume morre, porque aínda que non se queime, a calor colapsa a sabia e a árbore acaba morrendo", explica Daniel. Cos anos que tiña, uns 15 dun turno de corta total de 24-25 anos, o aproveitamento que se vai poder facer del vai ser limitado. “Fixérase unha poda baixa e unha limpeza hai 2 ou 3 anos e estaba prevista facer unha clara agora. No momento do torno no que está case todo vai ter que ir destinado a trituración, porque non dá aínda madeira de calidade para aserrado, polo que perde moito valor, aproximadamente entre 7.000 e 8.000€ por hectárea”, calcula.
As perdas no valor da madeira en plantacións de 15 anos son duns 7.000 euros por hectárea, tanto no caso do piñeiro como do eucalipto
No caso do eucalipto, “pode vivir tralo incendio, pero se lle afectou moito a calor volve brotar por el arriba e non se desenvolve ben, polo que hai que cortalo tamén", di. “Faltábanlle como mínimo 4 ou 5 anos para a corta, porque o clon de glóbulos na costa necesita entre 18 e 22 anos para chegar ao momento adecuado de rendemento e nestes últimos anos é cando realmente acumula máis toneladas, polo que as perdas son tamén importantes, de entre 6.000 e 7.000€ por hectárea”, indica. A maiores, di, cortar este eucalipto “ten maior custo de aproveitamento”. “Non vai descortezar ata a primavera que vén e vai perder peso. E parte del non valerá para celulosa, que é moi esixente con que non vaia nada manchado. Se ten que ir para taboleiro o valor é entre un 20 e un 30% menor”, aclara. Deterioro no chan para a vindeira plantación Daniel teme tamén que o lume producido e o medo a que se repita un incendio destas características nos vindeiros anos podan levar ao “abandono” do monte. “A xente nova está menos vinculada ao monte e a xente maior non sei se se vai animar a plantar. O temor a que se repita o lume vai estar aí e ao ser intencionado máis aínda, porque o risco é maior, polo que moita xente é posible que deixe de plantar ao velo como un investimento inseguro”, di. Plantar una hectárea de monte con eucalipto custa neste momento entre 1.600 e 2.000 euros, dependendo da dificultade, unha cantidade importante á que facer fronte por parte dos propietarios. “Vai ser difícil acceder a axudas da Administración para volver a plantar eucalipto polo que vai haber abandono do monte, porque vai haber xente que vai desistir de facer un investimento importante ante o risco. O lume vai desanimar á xente e o monte vai perder valor”, considera.
O monte vai ter unha produtividade menor cando se volva plantar nese solo queimado
Ao feito de ter que agardar alomenos 20 anos para recuperar o investimento realizado, súmase a menor produtividade do monte tralo incendio. “O solo nesta zona non é moi rico e hai un deterioro importante no chan polo lume, polo que a plantación posterior vai ter menor crecemento. Algunhas zonas pendentes van ter perda de solo, iso vai conlevar que a seguinte produción sexa menor”, advirte Daniel. O  valor da madeira pode multiplicar por 10 o custo da plantación, en función da especie plantada, o seu crecemento, a ubicación da parcela e o prezo que teña a madeira nese momento da venda, pero haberá que alongar máis anos o turno de corta para compensar o déficit de crecemento da nova planta nun solo desnudo e sen materia orgánica.  

 “O eucalipto non é a razón para que arda o monte, máis ben é a razón para que non arda"

Vacas nun pasto da zona de Barreiros (Trabada) con lume de fondo o pasado venres día 13 Desde a outra punta da comarca da Mariña, Manuel Galdo, presidente da Asociación de Produtores de Madeira de Viveiro (PROMAVI) pon o foco en non culpabilizar ao eucalipto do acontecido.   “O eucalipto non é o culpable, el só non planta o lume. Pero  se se planta cando está todo seco, o monte de eucalipto tamén arde. Ese sambenito de que o eucalipto arde máis sempre o temos os produtores de eucalipto, aínda que o eucalipto non é a razón de que arda o monte, máis ben é a razón de que non arda”, argumenta. “Afortunadamente nesta zona levabamos moito tempo sen o que se dera un gran incendio, que é aquel que supera o límite das 500 ha; levabamos na Mariña máis de 20 anos, cerca de 30, sen un lume desta consideración”, explica. Crear discontinuidade no monte Segundo a información achegada polo Pladiga 2023, o ano pasado arderon en Galicia un total de 51.642 hectáreas, das que 34.876 eran superficie de monte raso e as restantes 16.766 tratábanse de zonas arborizadas, unha parte mínima delas con eucalipto. Neste sentido, o informe forestal sobre o eucalipto na cornixa cantábrica, editado pola Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (Cose), desmonta o mito sobre os supostos riscos asociados á especie e centra a cuestión: o risco non é a especie, senón a falta de xestión do monte ou un mal manexo técnico. Por iso, desde as asociacións de propietarios forestais avógase por optimizar o seu cultivo, integrándoo en paisaxes rurais máis resilientes ante os incendios e os riscos asociados ao cambio climático.
As masas continuas de eucaliptais deberían ter outras franxas intermedias de caducifolias que amortiguen o avance do lume. Pero, é iso factible co actual modelo de propiedade do monte?
O manexo das plantacións de eucalipto, considera Manuel, é compatible co mantemento de franxas de frondosas caducifolias alí onde tecnicamente sexa aconsellable (vagoadas con regatos, entorno de vivendas e núcleos de poboación, proximidades de vías de comunicación, etc.), que exercerían unha función de atenuación do lume. Pero advirte, “nunha zona de concentración parcelaria pódese pedir que haxa iso, pero onde non hai concentración non. A parcela media en Galicia é de 2.000 metros cadrados; non se pode pedir habendo ese parcelario que haxa franxas de protección de frondosas”, argumenta. Cumprir a normativa en canto a distancias de plantación Manuel destaca a ordenación forestal de Trabada. “As plantacións que hai alí son o exemplo para toda Galicia. Houbo concentración parcelaria e as fincas son todas de 1 hectárea para arriba, cando o resto de propietarios de monte estamos contando aínda por ferrados”, compara. Outro dos aspectos nos que fai fincapé é no respecto ás necesarias distancias de plantación que marque a normativa en cada momento. “A lexislación que hai en vigor por parte da Xunta de Galicia estamos de acordo en que se aplique. As administracións, en plural, teñen que velar porque se cumpra”, insiste.
O Concello de Ribadeo levou a cabo nos últimos anos campañas de limpeza das faixas de protección arredor das casas
O Concello de Ribadeo levou a cabo nos últimos anos importantes campañas de cumprimento da normativa de distancias de plantación e limpeza das faixas secundarias no entorno dos núcleos de poboación, vivendas illadas, vías de comunicación e demais infraestruturas, mentres no caso de Trabada “había franxas de separación creadas polos pastizais, porque é unha zona de forte implantación gandeira”, destaca Manuel. “A distancia ás vivendas é o que debe primar. Neste caso houbo desaloxos pero non ardeu ningunha casa, como arderon noutras zonas de Galicia en anos pasados”, compara.
O monte na Mariña arde sobre todo en outubro, que é cando a maleza está seca
“O monte nesta zona da Mariña non estaba descoidado ou abandonado pero iso non evita que se o incendio foi provocado, con temperaturas de 30 grados, vendaval e todo seco despois dun mes sen chover, o monte arda”, recoñece Manuel. “O outono é nesta comarca a época máis complicada”, asegura. E considera que coas condicións que se deron o incendio era imposible de frear. “As pistas de acceso son fundamentais á hora de facer xestión forestal e tamén á hora de apagar o lume e aquí habíaas. Tamén había cortalumes, aínda que non hai cortalumes mellor que a autovía e cruzouna. Por iso o que podemos dicir é que afortunadamente choveu”, resume.  

Imaxes que deixa o incendio

I) Terreo forestal varios días despois do comezo do incendio. Estas tomas reflexan unha das primeiras zonas devastadas, comprendendo principalmente Barreiros, parte de O Bizarro e Trabadela. O vídeo finaliza en dirección ao avance do incendio cara a zona de Penacova, a cal tivo que se desaloxada no seu momento. II) Continuación do avance do lume desde os puntos de partida de O Bizarro e Barreiros. Nesta ocasión vense parcelas comprendidas entre Vidal e O Castro en paralelo á carretera LU-132. Esta toma finaliza nunha casa de Trabadela, unha máis das afectadas pola proximidade ao lume. O incendio continuou cara as zonas de Valboa, San Fernando, Cedofeita ou Arante polo que no vídeo tan só aparece unha parte da súa magnitude. III) Vista a pé da LU-132, a altura de Chao do Sevil, sobre o avance por vento de sur-sureste na primeira hora do incendio