Archives

Claves para entender os cambios na etiquetaxe do viño

Actualmente, os regulamentos do viño esixen que a etiquetaxe inclúa unha información obrigatoria, que se pode combinar entre etiquetaxe física e dixital. A través da plataforma Vitivin, Sara Rius, directora de Rius&Rius Assessors, ofreceu recentemente unha charla para abordar os cambios da etiquetaxe de viños e bebidas aromatizadas a base de viño. Rius lembrou que os regulamentos veñen desde 2011, "cando xa era obrigatorio que todos os produtos alimentarios incluísen a lista de ingredientes e a declaración nutricional". Con todo, até 2021 non se incluíron as bebidas alcohólicas a esta regulación. A experta aclara que non haberá prórrogas, posto que pasaron dous anos de transitoriedade, e actualmente están pendentes de que a Comisión Europea aclare algúns "conceptos que están no aire". Datos que se deben incluír na etiquetaxe física. Imaxe da presentación na plataforma Vitivin Hai mencións obrigatorias que xa debían figurar no mesmo campo visual, como son: categoría/DOP/UPG, grao de alcol, procedencia, embotellador e volume de alcol. No caso de espumosos, neste espazo tamén debe aparecer o contido de azucre; e no de gasificados a adición de híbrido carbónico. A isto, co novo regulamento, engádese o valor enerxético, a declaración nutricional, alérxenos e ingredientes. Ante a posible dúbida de que é un ingrediente, Rius recorre á definición que se inclúe na Lei: "Calquera substancia ou produto, incluídos os aromas, aditivos alimentarios e as encimas alimentarias e calquera constituínte dun ingrediente composto, utilizado na fabricación ou a preparación dun alimento e que siga estando presente no produto acabado. Os residuos non se consideran ingredientes". Os que se deben incluír son: proteína, hidratos de carbono, graxas, fibra, sodio e todas as vitaminas e minerais. Pódense indicar cunha analítica; con factores de conversión a base azucre, alcol e outros parámetros (empréganse fórmulas) e con valores medios coñecidos ou efectivos dos ingredientes utilizados. Outra información que debe aparecer na etiquetaxe é o tipo de uvas utilizadas, se se utiliza mosto de uva concentrado e os alérxenos (que teñen que figurar na etiqueta física). "Os alérxenos deben aparecer dunha maneira rechamante, en negriña, con outra tipografía ou noutra cor, para que destaquen", recalca. Ademais, tamén se inclúen os aditivos, que aparecen clasificados por categorías (reguladores de acidez, estabilizadores?). "Ás veces, segundo o lote poden variar, polo que se dá a opción de indicar "poden conter" para así non variar en cada lote". Pola contra, os coadiuvantes tecnolóxicos non se teñen que declarar a menos que causen alerxias ou intolerancias, por exemplo, o fermento e as bacterias son auxiliares tecnolóxicos e por tanto non é necesario declaralos. En canto ao valor enerxético, na etiqueta física permítense tres opcións: Utilizando unicamente palabras e símbolos; palabras, símbolos e imaxes; por último, presentando por proporción ou unidade de bebida. Etiquetaxe dixital Hai dúas opcións para a etiquetaxe. Por unha banda, está que toda a información se inclúa na etiqueta física; polo outro, que na etiqueta física se indiquen os alérxenos e o valor enerxético, ademais dun QR que leve a unha lista completa de ingredientes e a declaración nutricional. Datos que se deben incluír na etiquetaxe dixital. Imaxe da presentación en Vitivin Na opción da etiquetaxe dixital, o código QR debe estar no mesmo campo visual que outras mencións obrigatorias, conter a información no idioma do país de comercialización e estar dispoñible durante toda a vida útil do produto. Ademais, está prohibido que a plataforma utilizada recompile ou faga seguimento de datos do consumidor, nin que se utilice para ofrecer información comercial ou da adega. Por último, pódense utilizar tres enfoques: un código QR estático (non pode modificarse), dinámico con opción de redireccionamiento futuro e utilizar un dominio propio para os códigos QR, incluída a función de redirección dinámica.

Cómo englobar toda a información dos viños nun código QR?

Marc Martín, CEO de Noudata, expuxo todo o relativo á aplicación nd Label A adaptación á nova normativa de etiquetaxe dos viños leva a que nas etiquetas se incorpore un código QR, que recolla certa información de carácter nutricional e dos ingredientes que compoñen o viño. A normativa pode atoparse no regulamento 2021/2117 da Unión Europea e xa está en vigor. Desde a plataforma Vitivin realizaron unha xornada da man de Marc Martín, CEO de Noudata, unha empresa de servizos informáticos e desarrolladores de software de trazabilidade específicos para adegas. No seu relatorio presentou unha posible solución para as bodegas, que lles permita adaptarse e axustarse á norma. Desde a entidade crearon a plataforma nd Label que permite deseñar todo o contido que debe aparecer no código QR. A plataforma estará actualizada para cumprir coa normativa e os cambios que vaia incorporando. Uso da plataforma Para acceder á aplicación hai que rexistrarse e o primeiro que se visualiza é a lista de produtos que a persoa teña ao seu nome. Cando se entra na ficha dunha das botellas obsérvase un panel dividido en tres partes: "Á esquerda están os distintos apartados para incorporar a información que queremos que apareza no código QR; no medio podémonos mover con scroll para cubrir a información e á dereita temos a vista previa do que o usuario vai ver unha vez que se efectúe a lectura do código QR", explica o CEO. Na primeira información é necesario indicar o nome do produto, colocar unha imaxe e informar da categoría do mesmo, así como o nome da compañía vendedora do produto e o país de procedencia. Tamén é necesario incluír o código de barras, o D.O. a cor do produto e o grao alcohólico. Todo o demais é opcional. Pódese informar as variedades do produto e indicar a porcentaxe ou ordenar as variedades en función do que consideren. Engádese toda a información obrigatoria e de interese, que será a que lea logo o consumidor Logo está a información nutricional, que é obrigatoria, onde se introducen os diferentes parámetros dos compoñentes e automaticamente o sistema calcula as Kilocalorías. Tamén se pode engadir todo de maneira manual. Referente aos ingredientes, hai unha táboa na que se selecciona cada un deles e unha vez gardado, pódense ordenar en función dos intereses. Para complementar a información pódense engadir aspectos como premios ou a sustentabilidade. "Isto achega valor engadido ao produto e á empresa". Finalmente, créase o código QR e pódese descargar para envialo á imprenta e xerar a etiqueta. A partir de aquí, o cliente xa pode facer a lectura e visualizar toda a información en cada unha das fichas. A información pódese consultar en diferentes idiomas, posto que a propia plataforma a traduce. Xeración do código QR que se pode descargar en diferentes formatos "A idea é ir coa normativa dunha forma rápida, áxil e visual. Cremos que a plataforma é bastante útil e atractiva", subliña Martín. Para poder acceder á plataforma é necesario facer un rexistro para o que hai que pagar.

Xornada sobre a etiquetaxe dos alimentos este mércores en Santiago

Este mércores, 30 de novembro, celebrarase en Santiago de Compostela unha xornada técnica sobre “As etiquetaxes frontais nos envases alimentarios, un avance para o consumidor”. A xornada, organizada pola Unión de Consumidores de Galicia e GADISA, celebrarase no hotel NH Collection da capital galega, e en representantes tanto dos consumidores, como da distribución, da industria alimentaria e da administración analizarán os avances e os aspectos para mellorar de Nutriscore, a nova etiquetaxe frontal dos alimentos. O aforo da xornada é limitado. Pode realizarse a inscrición nesta ligazón.

Influencia sobre o sector do viño de varias reformas lexislativas inminentes a nivel europeo

A Comisión Europea avanza en cambios normativos en distintos ámbitos, desde o agrícola ao ambiental ou o da saúde pública, que poderían ter unha incidencia negativa no consumo de viño na sociedade europea e, por tanto, prexudicar ao sector produtor e transformador. Un recente webinar organizado pola Asemblea de Rexións Europeas Vitícolas analizou estas posibles ameazas. “Son moitos os expedientes lexislativos que nos próximos meses verán a luz e que terán impacto no sector: o Plan Europeo de Loita contra o Cancro, a revisión das políticas de calidade e promoción dos produtos agroalimentarios, a reforma do Regulamento das Indicacións Xeográficas e a lexislación sobre etiquetaxe nutricional (Front-of-pack)”, enumera a AREV, unha asociación formada por 50 rexións produtoras de viño en Europa, entre elas Galicia, “A AREV está a favor dun debate equilibrado baseado en feitos científicos. O consumidor debe ser informado a través de estudos científicos e non debe ser condicionado por alarmismos e prohibicións ideolóxicas”, defende a entidade con sede en Bruxelas e presidida na actualidade, en quendas rotatorias de dous anos, polo presidente de Castela-A Mancha, Emiliano García- Page.

Plan Europeo contra o Cancro

A UE está neste momento en proceso de elaboración do Plan Europeo de Loita contra o Cancro, un proxecto normativo que podería afectar de forma directa ao sector do viño. “O cancro é unha preocupación sanitaria de primeira orde na UE e a relación entre consumo de alcol e cancro está claramente establecida. O consumo de alcol ten incidencia no cancro de garganta e noutro tipo de cancros e hai que sensibilizar á xente sobre ese risco", defende John-F. Ryan, director xeral de Saúde Pública da Comisión Europea.. Segundo os datos da Organización Mundial da Saúde de 2018, baseados en diagnósticos médicos de causas de falecemento, 92.000 persoas terían morto durante ese ano na UE por cancros debidos a consumo de alcol. "Non son cifras menores, pero a xente non relaciona consumo de alcol e cancro, coma si fai co tabaco. A sensibilización é baixa neste momento e o obxectivo da Comisión é lograr a redución do 10% do consumo de alcol en 2025, en sintonía cos obxectivos da OMS”, detalla.
Segundo a OMS o 4% dos cancros en Europa débense ao consumo de alcol, cunha incidencia maior en homes
Dentro deste proceso normativo, o Parlamento Europeo votou en sesión plenaria o pasado 15 de febreiro o informe da Comisión Especial de Loita contra o Cancro (Beating Cancer, BECA), no que se identifica o consumo de alcol como un factor de risco de sufrir esta enfermidade. Este informe especifica que en Europa estímase que o 10% de todos os casos de cancro nos homes e o 3% de todos os casos de cancro nas mulleres son atribuíbles ao consumo de alcol e lembra que o consumo de alcol é un factor de risco para moitos tipos de cancro, como o da cavidade oral, a faringe, a larinxe, o esófago, o fígado, o colorrectal e o de mama feminino. Consumo moderado vs consumo excesivo Pero a presión de deputados de distintos países e de diferentes familias políticas logrou introducir no texto do informe BECA finalmente aprobado no Parlamento o pasado 15 de febreiro unha diferenciación entre consumo moderado e excesivo ou nocivo de alcol.
O Plan da UE para loitar contra o cancro centrarase no consumo abusivo, aínda que a demonización do viño e outras bebidas alcólicas podería ter consecuencias sobre o consumo en xeral
“Suprimíronse algúns aspectos que demonizaban o consumo de viño. Grazas a esta modificación, o Plan da UE para loitar contra o cancro centrarase no consumo abusivo”, explica Irène Tolleret, eurodeputada francesa e copresidenta do Intergrupo Parlamentario sobre Viños, Licores e Alimentos de Calidade no Europarlamento. Efectos antioxidantes beneficiosos do viño Segundo a Comisión Europea, 4 de cada 10 casos de cancro son evitables, aínda que só unha parte serían achacables ao consumo de alcol (4%) fronte a factores como o tabaquismo (30%) ou a obesidade (20%), cunha contribución maior á incidencia global do cancro. “O cancro é unha enfermidade multifactorial, na que participan a predisposición xenética, factores ambientais, o tabaquismo, os hábitos alimentarios, o estilo de vida e tamén a frecuencia e modo de consumo de bebidas alcólicas. Os consumidores excesivos teñen un risco maior de padecer cancro, do mesmo xeito que para os fumadores o alcol multiplica os riscos, ou o consumo de alcol mesturado con carnes vermellas”, admite Pierre-Louis Teissedre, presidente da Comisión de Seguridade e Saúde da Organización Internacional da Viña e o Viño (OIV), quen sen embargo asegura que “o viño é un produto especial porque ten alcol pero ten tamén defensas antioxidantes”.
O compoñente fenólico do viño ten un efecto beneficioso sobre a saúde e as enfermidades crónicas. O viño hai que consideralo un aliado se o seu consumo é moderado e está ligado á alimentación
“O viño hai que consideralo un aliado da nosa saúde se está ligado á alimentación e a un consumo moderado. Quen bebe viño tinto nas comidas (21 vasos de viño á semana, 3 ao día) non teñen un maior risco de sufrir cancro, cun efecto positivo ademais sobre enfermidades dexenerativas e cardiovasculares. Por iso deberían facerse recomendacións diferenciadas para o consumo de viño e as demais bebidas alcohólicas”, defende.

Regulamento de Promoción de Produtos Agrícolas

Regulamento (UE) nº 1144/2014 sobre accións de información e promoción relativas a produtos agrícolas no mercado interior e en terceiros países establece na actualidade axudas para accións de sensibilización dos consumidores no mercado interior da UE. Produtos como o viño beneficiábanse ata o de agora destas accións de promoción. Mais isto podería variar. “Nestes momentos está en revisión a política de promoción dos produtos agroalimentarios. A sensibilización dos consumidores debe ter en conta as políticas da UE para promover dietas sas, menos carne procesada e unha redución no consumo de alcol. Estas políticas están en revisión en sintonía coa Estratexia Da granxa ao garfo e a Comisión fará unha proposta lexislativa no segundo trimestre de 2022”, avanza John-F. Ryan.
A Comisión pretende que produtos como a carne ou o viño saian do Regulamento de Promoción Agrícola para centrarse en potenciar os produtos ecolóxicos
O sector do viño teme a súa exclusión do novo Regulamento de Promoción de produtos agrícolas e desde as rexións produtoras presiónase para que non sexa así. “A discriminación da carne e o alcol nas campañas de promoción é algo que nos preocupa, porque sería renunciar ao crecemento destes sectores. Vai haber moitas tensións e desde o Intergrupo do Viño pedimos sensibilidade á Comisión. O viño forma parte da nosa cultura europea e pretender un consumo cero de alcol é un ataque á cultura europea. As que se levan a cabo na actualidade son campañas de promoción de consumo moderado que evitan o consumo excesivo”, argumenta Irène Tolleret.

Etiquetaxe frontal obrigatoria

Unha nova regulamentación que se aveciña no ámbito da UE con incidencia directa sobre o sector do viño é a que ten que ver coa etiquetaxe frontal obrigatoria de produtos de alimentación. “A Comisión propón poñer etiquetas nos produtos alcólicos para finais de 2023”, anuncia o director xeral de Saúde Pública da Comisión Europea. “A Comisión está a preparar unha proposta de etiquetaxe nutricional, que implicará tamén o marcado das bebidas alcólicas, xa que é necesario harmonizar a etiquetaxe das bebidas alcólicas coa etiquetaxe doutros produtos alimenticios. A etiquetaxe frontal recoñécese como unha ferramenta para o control de problemas de obesidade, cancro e enfermidades cardiovasculares”, argumenta.
A etiquetaxe frontal que se anuncia para todos os produtos alimentarios para 2023 estenderase tamén aos produtos alcólicos
Pero a adopción desta etiquetaxe frontal obrigatoria non está exenta de controversia. Sistemas de marcado como o Nutri-score dividen aos produtores debido á cualificación que obterían produtos como o viño, os queixos ou a carne. “Están a avaliarse distintas posibilidades dentro da Directiva de información aos consumidores, sobre a que se traballará este ano, sobre como se etiquetarán os produtos, sobre valor enerxético e ingredientes; non temos unha decisión final tomada, estamos a avaliar distintas posibilidades. Temos que ter en conta as consecuencias sobre algúns produtos e algunhas zonas concretas onde se producen”, admite John-F. Ryan.
O sistema Nutri-score propón poñer unha letra F en negro ao viño
“É oportuno aprobar unha etiquetaxe frontal obrigatoria única para todos os países da UE pero debemos buscar aquela que sexa máis adecuada, que non penalice uns produtos e beneficie a outros. Os algoritmos do Nutri-score a min non me gustan”, insiste a eudiputada socialista Clara Aguilera. O Nutri-score propón poñer unha letra F en negro ao viño, polo que a súa compañeira no Intergrupo do Viño, a eurodeputada francesa Irène Tolleret, advirte: “a introdución do aviso nas etiquetas podería ter un impacto moi negativo sobre o sector”. “Esperamos unha proposta da Comisión en 2023, pero consideramos que a información máis importante no caso do viño é o grao alcólico e os sulfitos, máis aló da información nutricional”, argumenta.

Cambios no Regulamento das IXP e DOP

Outra normativa comunitaria que está en revisión nestes momentos é a relativa aos distintivos de calidade diferenciada a nivel europeo. Espérase que nas próximas semanas (durante o mes de marzo ou abril) a Comisión faga pública a súa proposta para a reforma do actual Regulamento (CE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro de 2012, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios, que inclúe as Denominacións de Orixe Protexidas (DOP), as Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) e as Especialidades Tradicionais Garantidas (ETG). A través dunha carta aberta asinada pola Asemblea de Rexións Europeas Vitícolas (AREV), xunto á Asociación de Rexións Europeas de Produtos de Orixe (AREPO), ambas organizacións mostraron recentemente a súa preocupación pola aparente dirección que está a tomar a próxima reforma da política das Indicacións Xeográficas (IX), en canto á posible derivación da xestión dos pregos de condicións á Oficina de Propiedade Intelectual da Unión Europea (EUIPO). As entidades asinantes solicitaron á Comisión Europea, e máis directamente á Dirección Xeral de Agricultura (DG AGRI), que siga participando na xestión da política das IXP e DOP para que estas se manteñan no ámbito agrícola ou agroalimentario, polo transfondo que conlevan, máis aló de tratarse dunha marca, nome ou signo.

Redución de pesticidas, PAC e cambio climático

O sector do viño saíu gañando na reforma da PAC para o período 2023-2027, considera Irène Tolleret. “Temos unha boa PAC e evitamos o risco que había para as plantacións”, asegura a eurodeputada francesa e copresidenta do Intergrupo Parlamentario sobre Viños, Licores e Alimentos de Calidade no Europarlamento. Con todo, os produtores de viño europeos terán que modificar a forma de producir nos próximos anos para adoptar prácticas máis respectuosas co medio ambiente e que maximicen a captura de carbono. “O sector vitivinícola terá que aumentar a súa resiliencia aos inconvintes climatolóxicos derivados do cambio climático con novas técnicas agronómicas e novas variedades. O cambio climático implica que temos que ser o máis pragmáticos posible”, defende Tolleret.
O problema pode estar en que se obrigue a unha redución de produtos fitosanitarios sen alternativa
Ademais, dentro do marco da PAC e da Estratexia Da granxa ao garfo, a UE avanza cara a unha nova regulación sobre o uso de pesticidas. “A sociedade demanda unha redución dos pesticidas que causan maiores afectacións sobre o medio ambiente. A produción vitivinícola pode verse afectada por estes cambios normativos. O problema pode estar en que se obrigue a unha redución de produtos fitosanitarios sen alternativa”, engade Clara Aguilera.

Cursos sobre etiquetado e envoltorio de produtos agroalimentarios

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previsto celebrar no Pazo de Quián, no lugar de Sergude (Boqueixón), tres cursos sobre a visión estratéxica no etiquetado e no envoltorio de produtos agroalimentarios. Os cursos celebraranse os venres en horario de tarde (16:00 a 20:30 horas) e os sábados (9:00 a 20:30 horas). O primeiro curso celebrarase os días 15, 16, 22 e 23 de outubro. A segunda convocatoria será os días 5, 6, 12 e 13 de novembro; mentres que a última entrega será os días 19, 20, 26 e 27 de novembro. O obxectivo principal destes cursos é analizar as claves para aumentar o valor do produtos dende a visión estratéxica do etiquetado e do envoltorio do propio produto agroalimentario. Neste senso, trataranse temas como os tipos de impresión, tendencias e custos; ademais de impartir coñecementos sobre o etiquetado, acabados, cuños e as diversas posibilidades de impresión. Durante as catro sesións que conforman cada un destes cursos, tamén se abordará o uso do vidro e da madeira, as posibilidades creativas e solucións de exportación e o peso que teñen os selos de calidade na difusión e promoción dos produtos. Esta acción de transferencia está dirixida a gandeiros e agricultores titulares de explotacións, a mozos e mozas que desexen incorporarse a ditas actividades, a traballadores agrarios, a técnicos relacionados co sector e a estudantes da rama agraria. Todos os interesados en acudir poden solicitalo enviando un correo electrónico ao enderezo maria.j.gonzalez.gonzalez@xunta.gal, tras cubrir a solicitude que poden descargar nesta ligazón . Se precisan solicitar calquera información adicional, poden chamar ao teléfono 981 54 02 62.

‘Nutri-score’, un semáforo dietético na etiquetaxe de alimentos que xera receos en España

Nas últimas semanas volveuse a avivar o debate en torno ao sistema de etiquetaxe frontal Nutri-score, que o goberno español pretende incorporar aos alimentos nos primeiros meses deste 2021. A valoración que algúns alimentos básicos da dieta mediterránea ou atlántica obteñen cos parámetros deste sistema está a suscitar as críticas e receos dos expertos en nutrición.
O sistema Nutri-score propón un sistema de cores e letras para clasificar os alimentos.

Un semáforo nutricional

O sistema Nutri-score é unha etiquetaxe utilizada en países como Francia ou Bélxica que se focaliza na cantidade de calorías, azucres, sodio e graxa saturada que contén o alimento. É un algoritmo que atribúe puntos positivos e negativos en relación coa cantidade destes nutrientes nunha sorte de semáforo nutricional, de 5 cores (do verde a vermello) e 5 letras (da A á E). Desta maneira, os alimentos clasificados coas letras A e B (en cor verde) serían os máis saudables, mentres que a letra E e D (en cor vermella e ámbar) atoparíase entre os máis prexudiciais. Trátase dun semáforo similar ao utilizado noutros ámbitos, como á hora de avaliar a eficiencia enerxética dos aparellos eléctricos.
Un dos exemplos máis comentado nos últimos días está a ser o caso do xamón ibérico, valorado segundo este sistema como menos saudable que os refrescos polo seu contido en sal e graxas, sen chegar a ter en conta outros factores que son determinantes, segundo os expertos, á hora de clasificar un alimento. Tamén o aceite de oliva atopouse nunha situación similar, o que motivou que desde o Ministerio de Consumo anunciasen xa que quedará fóra, xa que o algoritmo non recolle os seus beneficios nutricionais.
"É necesario mellorar os criterios nutricionais de implantación de Nutri-score en España": Ascensión Marcos, presidenta de Fesnad
Este luns, a Federación Española de Sociedades de Nutrición, Alimentación e Dietética (Fesnad) presentou nun webinar as principais conclusións da análise deste sistema de etiquetaxe. Aínda que o colectivo móstrase a favor dunha etiquetaxe frontal que amose ó consumidor información clara sobre o valor nutricional dos alimentos, o sistema Nutri-score tampouco convenceu aos nutricionistas. "É necesario mellorar os criterios nutricionais de implantación de Nutri-score en España", explica a doutora e presidenta de Fesnad, Ascensión Marcos Sánchez. As súas principais deficiencias: non é todo o claro que debese á hora de ofrecer información nutricional e tampouco se adapta á dieta mediterránea, segundo reiterou a experta. "A etiquetaxe frontal debe ser comprensible, práctica, neutral e adaptada aos hábitos alimentarios e as guías alimentarias da poboación á que vai dirixida, e isto non ocorre con Nutri-score", detalla Marcos.
Critican que o algoritmo enmascara os puntos desfavorables, o que xera dúbidas ao consumidor
O cálculo do algoritmo que guía o etiquetado de Nutriscore é un dos puntos máis conflitivos deste sistema. "O cálculo realízase a partir da cantidade de enerxía e dalgúns nutrientes por 100 gramos ou 100 mililitros e da porcentaxe de presenza de certos alimentos, sen considerar a porción nin a frecuencia", detalla a presidenta de Fesnad. Ademais, "o algoritmo non está ben ponderado, e a presenza dalgúns puntos favorables enmascara os puntos desfavorables, o cal non é cientificamente razoable e xera dúbidas ao consumidor", indica Marcos.

Mellorar os criterios nutricionais

Outro dos aspectos nos que inciden desde Fesnad á hora de valorar este sistema é o feito de que se avalíe con criterios distintos os alimentos e as bebidas. Ademais, tampouco se considera o grao de procesamento dos alimentos, o que deixa con mellores puntuacións a elaboracións procesadas fronte a alimentos frescos. Dase o caso tamén que un mesmo alimento obteña igual puntuación aínda cando foi sometido a algún proceso que altera o seu valor nutricional. "Observamos que os anacardos naturais tiñan a letra C, pero os fritos tamén tiñan a C", indica a doutora. Os nutricionistas tamén cuestionan que o sistema Nutri-score non distingue a calidade e procedencia da proteína dos diferentes alimentos. Tampouco diferencia a cantidade e calidade da graxa presente, xa sexan acedos grasos monoinsaturados e poliinsaturados. Os lácteos son outros dos alimentos nos que o sistema Nutri-score non chega a valorar o achegue nutricional e os beneficios da graxa láctea, deste xeito sempre obteñen unha mellor valoración os produtos desgraxados. "Este sistema non considera o valor esencial de minerais, vitaminas, nin doutros compostos bioactivos, con funcións fisiolóxicas imprescindibles para unha boa nutrición", sinala Marcos.
Nutri-score tampouco ten en conta a cantidade de nutrientes no seu conxunto, só estima os ingredientes
Fesnad tamén apunta que outro inconveniente deste sistema é que non valora a cantidade de nutrientes no seu conxunto, senón só dos ingredientes. Ademais, este semáforo nutricional tampouco achega información detallada que poida axustarse ás necesidades de determinados grupos de poboación española, con carencias nutricionais. En base á análise da etiquetaxe Nutri-score realizado desde a Federación de Nutrición propoñen realizar algunhas melloras no algoritmo para que se inclúan aspectos como a valoración do equilibrio social, económico e ambiental do produto, así como a frecuencia coa que debe aparecer na dieta ese produto. Introducir algúns cambios sobre os elementos de cálculo da etiquetaxe podería mellorar a puntuación dalgúns alimentos como o aceite sen necesidade de excluílos do Nutri-score, tal e como apuntan expertos como o consultor en regulación alimentaria Antoni García Gabarra. Este especialista avoga ademais por un sistema unificado en Europa, seguindo o exemplo de EEUU que conta cun sistema único para todos os seus estados.
Propoñen implicar a profesionais da saúde, produtores, administración e consumidores antes de implantar este sistema
Pola súa banda, desde a Fesnad reclaman ademais, que antes de implantar este sistema de etiquetaxe se realice un traballo previo no que se involucre tanto a profesionais da saúde, como a produtores alimentarios, desde agricultores e gandeiros á industria, ademais da administración e os consumidores. Marcos incide na importancia de desenvolver campañas de educación nutricional de forma continuada "para lograr que o consumidor sexa capaz de tomar decisións informadas co fin de realizar a compra e o consumo de alimentos e bebidas máis saudable", conclúe.

Como se etiquetan os produtos alimentarios no mundo?

Produtos como os queixos ou a carne poderían ver prexudicada a súa imaxe A Unión Europea avanza cara a un sistema único de etiquetaxe no que será obrigatorio incluír na parte frontal do envase dos distintos produtos agroalimentarios un código de cores indicativo do seu nivel saudable, ademais de conter na parte posterior, coma na actualidade, información máis detallada sobre as características nutricionais dos alimentos. A Comisión Europea acaba de facer público un informe no marco da Estratexia Da granxa á mesa no que estuda novas maneiras de informar mellor aos consumidores sobre o valor nutritivo e saudable dos alimentos e no que recomenda a incorporación á lexislación comunitaria dun código visual semellante ao utilizado xa en máis de 40 países de todo o mundo. A etiquetaxe nutricional na parte frontal dos envases ten como obxectivo axudar aos consumidores a tomar decisións de compra de alimentos ao facilitar información nutricional na primeira ollada, e cada vez concíbese en maior medida como ferramenta para apoiar estratexias de prevención de enfermidades non transmisibles relacionadas coa alimentación, como a obesidade, a hipertensión ou a diabetes. Con todo, esta diferenciación, que pretende identificar claramente alimentos pouco saudables como bebidas azucaradas ou produtos transformados con altos contidos en sal ou graxas saturadas e incentivar desta forma a súa reformulación por parte dos fabricantes, poderían acabar sinalando tamén a outros produtos agroalimentarios tradicionais, como os queixos, os embutidos ou mesmo á carne, prexudicando desta forma a súa imaxe e a súa demanda. "Debe sinalarse que algúns produtos alimenticios agrícolas non poden reformularse facilmente debido á súa composición ou ao seu carácter tradicional", advirte a Comisión.
"Debe sinalarse que algúns produtos alimenticios agrícolas non poden reformularse facilmente debido á súa composición ou ao seu carácter tradicional", advirte a Comisión
O Executivo comunitario pretende mellorar a información e trazabilidade dos alimentos e a comisaria de Saúde e Seguridade Alimentaria, Stella Kyriakides, defendeu o día 20 de maio durante a presentación en Bruxelas do paquete de medidas incluídas na Estratexia Da granxa ao garfo que se trata de "unha estratexia preventiva para a saúde da poboación" que contempla a información aos consumidores e as recomendacións sobre os niveis nutricionais durante a fase de comercialización como unha parte fundamental xunto á redución de pesticidas, antibióticos e abonos químicos na fase de produción. "Dado o potencial dos sistemas de etiquetaxe na parte frontal dos envases para axudar aos consumidores para tomar decisións sobre alimentos tendo en conta a súa saúde, parece apropiado introducir unha etiquetaxe nutricional da parte frontal dos envases harmonizado e obrigatorio a nivel da UE", indica o Executivo comunitario, que con todo non dá datas concretas para á adopción deste modelo e limítase a anunciar que "ao seu debido tempo, a Comisión elaborará unha proposta lexislativa en consonancia cos obxectivos da Estratexia Da granxa ao garfo e cos principios de mellora da lexislación", un cambio normativo que podería formularse en 2022 segundo o calendario do Plan de Acción da propia Estratexia, onde das 27 medidas previstas máis da metade, un total de 14, teñen que ver coa etiquetaxe, trazabilidade e fomento do consumo de produtos máis saudables.   Na normativa actual a etiquetaxe frontal ten carácter voluntario Desde decembro de 2016, o Regulamento sobre a información alimentaria facilitada ao consumidor (Regulamento UE 1169/2011) esixe que a gran maioría dos alimentos envasados inclúan información nutricional, normalmente na parte traseira do envase, con miras a que os consumidores poidan adoptar decisións saudables e conscientes á hora de comprar. Esta información pode complementarse cunha repetición voluntaria dos seus elementos máis importantes no campo visual principal, é dicir, a parte frontal do envase, co fin de axudar aos consumidores a consultar rapidamente a información nutricional esencial ao comprar un alimento.
A información nutricional visible na parte frontal do envase pretende que os consumidores adopten decisións alimentarias máis saudables e que as industrias reformulen os seus produtos para convertelos en máis sans
A proposta inicial de Regulamento sobre a información alimentaria facilitada ao consumidor presentada pola Comisión en xaneiro de 2008 establecía a obriga de facilitar información detallada sobre o valor enerxético e as cantidades de graxas, ácidos graxos saturados, hidratos de carbono, azucres e sal na parte frontal dos envases dos alimentos transformados pero finalmente na redacción definitiva do ano 2011 optouse por eliminar o carácter obrigatorio, aínda que se permitía crear sistemas nacionais voluntarios para informar sobre estes elementos a través doutros formatos de presentación (por exemplo, formas gráficas) aprazando unha posible harmonización nun futuro. Sen embargo, o aumento das taxas de sobrepeso e obesidade na maioría dos Estados membros da UE (calcúlase que en 2014 o 51,6 % da poboación da UE de 18 anos ou máis sufría sobrepeso) e os seus riscos sanitarios e de saúde pública asociados (estímase que na Unión Europea máis de 950 000 mortes e máis de 16 millóns de anos de vida perdidos poden atribuírse a riscos relacionados cunha alimentación pouco saudable) fixeron que o interese das autoridades públicas comunitarias pola etiquetaxe nutricional na parte frontal dos envases aumentase desde a adopción do Regulamento hai case unha década. Simplificar a información e facilitar a comprensión A introdución de formas gráficas comprensibles na parte dianteira do produto, opcional nestes momentos, ten como finalidade simplificar a información ao consumidor en relación á achega enerxética ou de nutrintes do alimento en cuestión e "non deberá inducir a erro ao consumidor, non será ambigua nin confusa e basearase nos datos científicos pertinentes", establece a normativa. Calquera forma adicional de expresión ou presentación adoptada nun determinado Estado ou territorio debe ser comunicada e remitida á Comisión Europea, que advirte de que "algúns dos sistemas de etiquetaxe na parte frontal dos envases deseñados polos Estados membros ou por operadores de empresas alimentarias non corresponden ao disposto no artigo 35 do Regulamento sobre a información alimentaria facilitada ao consumidor". No seu ditame do 4 de xullo de 2018, o Comité Europeo das Rexións pide á Comisión Europea que, "tras o exame dos actuais sistemas de etiquetaxe de alimentos, propoña un sistema único de etiquetaxe cromática obrigatoria a nivel europeo, no que a cor se definiría en función da concentración sobre unha base de 100 g, indicado na parte dianteira dos envases dos produtos alimenticios en toda a UE, que proporcione ao consumidor información clara sobre o contido de azucre, sal e graxas, co fin de fomentar hábitos alimentarios máis saudables". Necesidade de unificación e harmonización "A confusión dos consumidores no relativo aos sistemas de etiquetaxe constitúe un obstáculo considerable para a súa adopción e a súa utilización efectiva. A coexistencia de diferentes formatos de etiquetaxe na parte frontal dos envases nos establecementos de compra podería xerar unha maior confusión para os consumidores e tamén debido a que os sistemas voluntarios non esixen que se utilicen etiquetas na parte frontal de todos os envases, o que podería facer que os consumidores perciban os produtos con etiquetas na parte frontal como menos saudables que os produtos sen etiquetas", xustifica a Comisión Europea. Non existen directrices específicas sobre mellores prácticas en materia de etiquetas nutricionais para a parte frontal dos envases a nivel internacional, aínda que en maio de 2019 a Organización Mundial da Saúde publicou o proxecto de principios reitores e manual marco para a etiquetaxe na parte frontal dos envases con miras a promover unha alimentación saudable, polo que se crearon diversos logotipos. Posto que a proliferación de etiquetas diferentes podería xerar problemas para o comercio internacional, o Comité do Codex sobre Etiquetaxe dos Alimentos acordou en outubro de 2017 empezar a traballar na elaboración de directrices para harmonizar os devanditos sistemas, algo no que se está traballando nestes momentos. "O emprego de diferentes sistemas de etiquetaxe na parte frontal dentro do mercado interior podería xerar custos para as empresas, así como confusión e falta de confianza por parte dos consumidores", advirte tamén a Comisión Europea.

Unha década de retraso

De conformidade co Regulamento sobre declaracións nutricionais e de propiedades saudables nos alimentos (Regulamento CE 1924/2006), a Comisión debía fixar perfís nutricionais para 2009, pero aínda non se estableceron polo elevado nivel de controversia que xera este tema, o que quedou de manifesto nas opinións diverxentes e polarizadas que se expresaron en 2009 cando a Comisión tratou de fixalos. "Está a levarse a cabo unha avaliación do Regulamento sobre declaracións centrada, entre outras cuestións, na creación de perfís nutricionais, e máis concretamente na cuestión de se segue sendo adecuado establecer perfís nutricionais para evitar declaracións atractivas en alimentos demasiado salgados, graxos ou azucrados, ou se deberían buscarse alternativas para lograr estes obxectivos", indica agora a Comisión no seu informe sobre etiquetaxe de produtos dentro da Estratexia Da granxa ao garfo. Desde a adopción do Regulamento sobre a información alimentaria facilitada ao consumidor (Regulamento UE 1169/2011), o Parlamento Europeo non adoptou ningunha resolución específica sobre a etiquetaxe na parte frontal dos envases, aínda que en 2014, representantes gobernamentais da UE acordaron o Plan de Acción da UE contra a Obesidade Infantil 2014-2020, un plan voluntario que se refire á creación de sistemas de etiquetaxe alimentaria de fácil comprensión para os consumidores e o Consello Europeo pediu en 2017 aos distintos Estados membros e á Comisión que fomentasen a etiquetaxe voluntaria de alimentos para contribuír deste xeito a deter o aumento do sobrepeso e a obesidade infantil. Sen embargo, a adopción deste modelo parece entrar nunha nova fase na actualidade. No Pacto Verde Europeo, adoptado pola Comisión Europea o 11 de decembro de 2019, anúnciase que no marco da Estratexia Da granxa ao garfo proporanse accións para axudar aos consumidores a elixir dietas saudables e sostibles. Unha decisión controvertida Dietistas, expertos de distintos países e asociacións de consumidores están a favor da adopción no conxunto da UE dun sistema de etiqueta frontal mediante código de cores, mostrando a súa preferencia polo modelo Nutri- Score. O 8 de maio de 2019 rexistrouse a Iniciativa Cidadá Europea PRO-NUTRISCORE, que pide á Comisión "que impoña a etiquetaxe simplificada Nutri-Score nos produtos alimenticios". Nos últimos anos empresas fabricantes de bebidas flexibilizaron a súa negativa a este sistema de etiquetaxe, pero existen sectores concretos que seguen opoñéndose á súa adopción, como empresas que traballan con produtos cárnicos transformados, dificilmente reformulables para obter unha etiqueta positiva. Os representantes europeos dos agricultores e gandeiros e as cooperativas consideran que facilitar información nutricional permite aos consumidores levar unha alimentación máis saudable e equilibrada. Con todo, opóñense aos sistemas que utilizan códigos de cores centradas exclusivamente nos nutrintes negativos, debido a que consideran que deste xeito se deixa de lado a achega nutricional xeneral de produtos agrícolas ricos en nutrintes esenciais.

Cambios de hábitos nos consumidores e nos fabricantes

A maioría dos consumidores considera que a etiquetaxe na parte frontal das embalaxes é útil (por exemplo, o 71% dos participantes nunha enquisa levada a cabo nos Países Baixos ou o 78% nunha levada a cabo en Alemaña). O número de consumidores que afirman mirar as etiquetas que figuran na parte frontal é moi elevado (por exemplo, o 60% nun estudo realizado con consumidores belgas), fronte ao escaso número que se fixa nas táboas nutricionais traseiras. "Aumentar o tamaño das etiquetas axuda a chamar a atención con maior rapidez. A atención tamén é maior cando o envase do alimento contén menos información á marxe da etiqueta e cando o tipo de etiqueta e a súa localización no envase permanecen sempre iguais, de igual forma que as cores, que se identificaron claramente como unha característica importante, chaman máis a atención cando se logra un contraste entre a etiqueta e o envase", asegura a Comisión Europea.
Símbolos directos na parte frontal do produto permiten tomar unha decisión rápida de compra
"A maioría dos estudos suxiren que os sistemas valorativos que utilizan códigos de cores, e especialmente códigos de cores combinados cun indicador graduado, axudan aos consumidores de diferentes idades, niveis socioeconómicos e contextos culturais a recoñecer os produtos máis saudables", argumenta o Executivo comunitario no seu informe. Os estudos sobre a intención de compra indican que as etiquetas na parte frontal dos envases poden mellorar a calidade nutricional das decisións alimentarias e as cestas da compra, aínda que existen outros factores que inflúen nos patróns de compra, por exemplo o prezo.
Produtos como queixos ou embutidos poderían saír mal parados da nova regulamentación ao pasar a lucir distintivos que desincentiven a súa compra
As etiquetas Nutri-Score e as de formato do tipo semáforo son as que xeran melloras máis frecuentes e de maior alcance para as decisións alimentarias dos consumidores en aras dunhas opcións máis saudables nos diferentes países, segundo diversos estudos. Pero as etiquetas frontais poden ter tamén efectos non desexados para a alimentación. Por exemplo, percibir un alimento como saudable podería aumentar a súa inxesta ao reducirse a sensación de culpabilidade. E tamén efectos sobre os produtores de determinados alimentos, xa que produtos como queixos, embutidos ou produtos cárnicos poderían pasar a mostrar etiquetas que desincentiven a súa compra.
As etiquetas nutricionais frontais convertéronse nun elemento máis de márqueting nos produtos
A introdución de etiquetas na parte frontal dos alimentos pode servir tamén como incentivo para que as empresas e fabricantes de alimentos reformulen os produtos existentes ou cren outros novos con miras a obter unha clasificación máis favorable na etiqueta, usando en ocasións doses de graxas, azucres ou sal máis baixas ou buscando determinados ingredientes sustitutivos, aínda que Bruxelas advirte de que "poida que as pemes teñan máis dificultades que as grandes empresas á hora de reformular os seus produtos debido a unha menor dispoñibilidade de recursos financeiros, tecnolóxicos ou humanos". Existen probas de que as etiquetas na parte frontal dos envases realmente inflúen na composición dos produtos. Por exemplo, a adopción deste tipo de logotipos nos Países Baixos, Canadá e Nova Zelandia conlevaron melloras no perfil nutricional dos produtos alimenticios comercializados nestes países.

Redución do desperdicio e a desigualdade alimentaria

No ano 2017 máis de 950.000 mortes (un de cada 5 falecementos producidos na UE) debéronse a enfermidades consecuencia de dietas non saudables, alerta Bruxelas. "Está claro que a transición non sucederá sen un cambio na dieta das persoas. Con todo, na UE, 33 millóns de persoas non poden permitirse unha comida de calidade cada dous días e a asistencia alimentaria é esencial para unha parte da poboación en moitos Estados membros. O desafío da inseguridade alimentaria e a asequibilidade corre o risco de medrar durante unha recesión económica, polo que é esencial tomar medidas para cambiar os patróns de consumo e frear o desperdicio de alimentos. Aínda que ao redor do 20% dos alimentos producidos desperdícianse, a obesidade tamén está a aumentar. Máis da metade da poboación adulta ten sobrepeso, o que contribúe a unha alta prevalencia de enfermidades relacionadas coa dieta (incluídos varios tipos de cancro) e os custos relacionados coa atención médica", detalla a Comisión Europea.
Un de cada cinco quilos de alimentos producidos e procesados na UE acaba no lixo
Guiada pola determinación de cumprir a meta dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas de reducir á metade de aquí a 2030 o desperdicio de alimentos per cápita no comercio minorista e nos consumidores, a Comisión propoñerá en 2023 obxectivos xuridicamente vinculantes para reducir o desperdicio de alimentos en toda a UE.
A Comisión propoñerá obxectivos xuridicamente vinculantes para reducir á metade o desperdicio de alimentos per cápita a nivel minorista e de consumo para 2030 en toda a UE
Tamén se fomentará a demanda sostible mediante o desenvolvemento dunha etiquetaxe de alimentos sostibles da UE e tendo en conta a etiquetaxe do benestar animal para vincular os esforzos de sustentabilidade nas explotacións agrícolas coa demanda dos consumidores. Revisión da lexislación sobre materiais en contacto con alimentos O envasado de alimentos desempeña un papel chave na sustentabilidade dos sistemas alimentarios. "A Comisión revisará a lexislación sobre materiais en contacto con alimentos para mellorar a seguridade alimentaria e a saúde pública (en particular para reducir o uso de produtos químicos perigosos) e apoiará o uso de solucións de envasado innovadoras e sostibles (reutilizables e reciclables) utilizando materiais respectuosos co medio ambiente", anuncia. En 2017 os residuos de envases alcanzaron en Europa un máximo de 173 quilogramos por habitante, polo que os produtos dun só uso eliminaranse progresivamente e propoñeranse novos obxectivos para reducir os residuos de envases. Prevese que o consumo de plástico se duplique nos próximos 20 anos, representando en 2050 o 20% do consumo de petróleo e o 15% das emisións de gases de efecto invernadoiro.
Segundo unha enquisa recente do Eurobarómetro, a cantidade crecente de residuos xerados é unha das tres principais preocupacións ambientais dos cidadáns da UE
O Plan de Acción da UE para unha Economía Circular presenta novas iniciativas ao longo de todo o ciclo de vida dos produtos, dado que na actualidade a industria europea só utiliza un 12% de materiais reciclados. Estas normas, recentemente adoptadas, reducirán a utilización de plásticos dun só uso, que representan o 70% dos residuos atopados nas praias europeas.

Da pechadura sueca, o semáforo inglés, a batería italiana e o nutri-score francés ás estrellas australianas e a advertencia en negro chilena

Na década de 1980, algúns Gobernos empezaron a deseñar etiquetas nutricionais para a parte frontal dos envases no marco de estratexias destinadas a evitar a obesidade e outras enfermidades non transmisibles relacionadas coa alimentación. Pero é a principios do século XXI, coincidindo co aumento xeneralizado da obesidade e coa maior presenza de alimentos transformados nos mercados, cando o número de iniciativas de etiquetaxe na parte frontal dos envases ten aumentado de maneira significativa. Paralelamente aos sistemas adoptados polos Gobernos, a Asociación da Industria Europea de Produtos Alimenticios e Bebidas elaborou o sistema das cantidades diarias orientativas, posteriormente denominado etiqueta de inxestas de referencia, que se introduciu en 2006. Esta etiqueta facilita información numérica sobre a cantidade de enerxía e nutrintes contida nunha porción do alimento correspondente e a porcentaxe da inxesta diaria de referencia que representa.
O sector da alimentación e as bebidas desenvolveu a nivel internacional distintas variantes do sistema de inxestas de referencia para nutrintes específicos que están a ser amplamente utilizadas por empresas de todo o mundo
Este sistema utilízase en toda a UE pero algúns minoristas (por exemplo, en Portugal e en España) crearon a súa propia etiqueta nutricional para a parte frontal dos envases utilizando un formato do tipo semáforo, que engade cores á etiqueta de inxestas de referencia. Na actualidade, máis de 40 países de todo o mundo teñen vixente algún sistema de etiquetaxe nutricional na parte frontal dos envases. Aínda que a maioría dos países introduciron estas etiquetas frontais con carácter voluntario, algúns xa as fixaron como obrigatorias. No informe elaborado pola Comisión Europea descríbense os principais sistemas de etiquetaxe nutricional na parte frontal dos envases que se están utilizando ou desenvolvendo actualmente na UE, así como algúns dos sistemas empregados a nivel internacional. O logotipo nórdico da fechadura O logotipo da fechadura, creado pola Axencia Nacional de Alimentos de Suecia e introducido neste país en 1989, foi o primeiro logotipo para a parte frontal dos envases implantado na UE. A fechadura é unha etiqueta voluntaria e gratuíta cunha forma verde simbólica que identifica a elección máis saudable dentro de 33 grupos de alimentos concretos (por exemplo, pan, queixo ou precociñados) en función de criterios nutricionais como o nivel de graxa, azucres, sal, cereais integrais ou fibra.
A fechadura verde na parte dianteira dos envases creouse en Suecia en 1989 e hoxe está implantado ademais en Dinamarca, Lituania, Noruega e Islandia
Este logotipo non pode utilizarse en produtos cun valor nutricional baixo, como os aperitivos salgados ou os refrescos. Dinamarca e Lituania introduciron a etiqueta da fechadura en 2009 e 2013, respectivamente. Esta etiqueta tamén foi adoptada por países non pertencentes á UE, como Noruega e Islandia. O sistema francés Nutri-Score En outubro de 2017, Francia adoptou o sistema Nutri-Score tras unha serie de estudos experimentais a gran escala. Nutri-Score, baseado no modelo de creación de perfís nutricionais da Axencia de Normas Alimentarias do Reino Unido, indica a calidade nutricional xeral dun alimento concreto. Esta etiqueta utiliza unha escala de cinco cores, desde verde escuro para os alimentos da máxima calidade nutricional ata laranxa escuro para os alimentos de menor calidade nutricional, asociados con letras desde o A ao E. O algoritmo utilizado para calcular a puntuación nutricional ten en conta tanto os elementos negativos (azucres, ácidos graxos saturados, sal e calorías) como os positivos (proteínas, fibra, froita, verduras, legumes e froitos secos).
O Goberno español anunciou en novembro de 2018 a súa intención de adoptar o sistema ideado en Francia
Bélxica tamén adoptou o Nutri-Score en marzo de 2019 e o pasado mes de marzo Alemaña notificou á Comisión un proxecto regulamentario nacional sobre o uso de Nutri-Score. España anunciou en novembro de 2018 tamén a súa intención de adoptalo, do mesmo xeito que os Países Baixos (novembro de 2019) e Luxemburgo (febreiro de 2020). O semáforo inglés e a batería italiana En 2013, o Reino Unido introduciu oficialmente un sistema voluntario de etiquetaxe para a parte frontal dos envases, coñecido como sistema "semáforo", despois de anos de investigación e consultas coas partes interesadas. O sistema combina códigos de cores con inxestas de referencia porcentuais e compleméntase cunha guía adoptada polas autoridades do Reino Unido que facilita información sobre o contido de graxas, ácidos graxos saturados, azucres e sal, así como o valor enerxético do alimento por ración ou porción. Utilízanse cores para clasificar o contido deses nutrintes como "baixo" (verde), "medio" (ámbar) e "alto" (vermello).
O sistema de semáforo do Reino Unido ten carácter voluntario en Corea do Sur e obrigatorio en Ecuador
Á parte do Reino Unido, soamente algúns países introduciron formatos do tipo semáforo para nutrintes concretos, ben con carácter voluntario (por exemplo, Corea do Sur) ou obrigatorio (por exemplo, Ecuador). A India tamén está a considerar establecer unha etiqueta obrigatoria. En xaneiro de 2020, Italia notificou á Comisión un proxecto de decreto no que se recomendaba o uso do sistema voluntario "NutrInform Battery" na parte frontal dos envases. O sistema, baseado na etiqueta de inxestas de referencia, inclúe o símbolo dunha pila na que se indica a cantidade de enerxía e nutrientes contida nunha porción, expresada como porcentaxe da inxesta diaria. Este sistema aínda non está presente no mercado da UE.

Estrelas positivas en Australia e etiqueta negativa en negro de Chile

En Australia e Nova Zelandia aplícase o sistema graduado "Health Star Rating" (cualificación das características saudables mediante estrelas), un sistema voluntario de etiquetaxe na parte frontal dos envases que asigna aos produtos entre media e cinco estrelas dependendo do saudables que sexan en función dunha serie de nutrintes e outros compoñentes tanto negativos como positivos. O método de advertencia en negro de gran formato de Chile, introducido en 2016, é un sistema obrigatorio baseado en nutrintes que indica que produtos teñen un elevado contido de enerxía, azucres, ácidos graxos saturados ou sodio. Quizais sexa un dos sistemas máis impactantes e está a reportar resultados moi positivos segundo as autoridades chilenas. Outros países suramericanos como Brasil, Perú e Uruguai, así como Canadá e Israel deseñaron ou están a deseñar sistemas de alerta similares. Logotipos de elección saudable Outros Estados optan por mensaxes en positivo. Algúns países asiáticos (por exemplo, Malaisia, Singapur e Tailandia) utilizan logotipos positivos de elección saudable con diferentes formatos e criterios (algúns baséanse nos criterios de Choices International). O logotipo "Healthy Choice" ("Elección Saudable") consiste nun tick propiedade da Choices International Foundation que identifica as opcións máis saudables dentro dun grupo de alimentos, pero utilízase en todos os produtos, incluídos os aperitivos e os refrescos. As empresas que abonan a cota de afiliación á organización Choices poden utilizar o logotipo nos produtos que cumpran os requisitos. Este sistema está a utilizarse dentro da UE en Chequia e en Polonia. O Goberno dos Países Baixos adoptou o logotipo en 2013, pero retirouno en 2017.
Países africanos como Nixeria e Zimbabue tamén introduciron logotipos de elección saudable
Finlandia adoptou o símbolo do corazón coa expresión "Mellor elección" no ano 2000, definindo criterios para a utilización deste símbolo (contido de graxa, sal, azucre ou fibra) para nove grupos de alimentos esenciais. O dereito para utilizar a etiqueta concédeno expertos nomeados pola Asociación Finlandesa do Corazón e a Asociación Finlandesa da Diabetes e require o pago dunha taxa. En Eslovenia, a Asociación para a Saúde Cardiovascular introduciu en 1992 o logotipo "Alimento protector" (tamén chamado "pequeno corazón"), promovido polo Goberno e que se utiliza en alimentos envasados que cumpren determinados criterios nutricionais. Como parte do programa nacional de 2015 "Vivir san", o Instituto de Saúde Pública de Croacia está habilitado para conceder o dereito para utilizar este logotipo a aqueles alimentos que se axusten a determinados criterios nutricionais. Que son os perfís nutricionais? A creación de perfís nutricionais é a categorización de alimentos en función da súa composición nutricional utilizando criterios previamente establecidos. Ten diversas aplicacións en distintas partes do mundo, por exemplo, regular a comercialización de alimentos para nenos. Os perfís nutricionais tamén se utilizan comunmente nos sistemas de etiquetaxe nutricional na parte frontal dos envases. A maioría dos sistemas de etiquetaxe na parte frontal dos envases baséanse en criterios de creación de perfís nutricionais que poden ser simples limiares nutricionais (por exemplo, para definir cando se asignará nun sistema a cor verde, a ámbar ou a vermella), ou algoritmos máis complexos a través dos que se calcula unha puntuación global, aínda que os criterios de creación de perfís nutricionais non figuran nas etiquetas como tales. Os criterios dos perfís nutricionais poden aplicarse a todos os grupos de alimentos ou ser específicos de grupos de produtos concretos. Na UE, o concepto dos perfís nutricionais tamén se utiliza no contexto das declaracións nutricionais e de propiedades saudables dos alimentos, no que por perfil nutricional enténdese un limiar máximo de nutrintes como a graxa, o sal ou os azucres por encima do cal se limitan ou prohiben as declaracións nutricionais e de propiedades saudables, evitando de tal modo unha mensaxe sanitaria positiva para os alimentos cun contido elevado destes nutrintes.

Critican que a nova norma de etiquetaxe do mel non cumpre as demandas dos apicultores

A pasada semana o Goberno anunciaba a aprobación en Consello de Ministros do novo decreto de etiquetaxe do mel, unha norma que obrigará a algo tan básico como que na etiquetaxe do mel se indique o país ou países de procedencia, un cambio que permite a lexislación da Unión Europea e que xa aplicaron estados como Francia ou Italia. Porén, a información que transcendeu da norma aprobada en Consello de Ministros non cumpre coas demandas dos apicultores e asociacións de consumidores, xa que non se obriga a indicar a porcentaxe de mel que procede de cada país, así como se este foi sometido a pasteurización. Neste sentido, distintas organizacións esixiron ao Goberno que cambie a norma antes de publicala no Boletín Oficial do Estado e que non ceda aos intereses das industrias envasadoras e ás presións de países como China, principal exportador de mel e sucedáneos á Unión Europea. Así, desde a Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG), o seu responsable do sector apícola, Pedro Loscertales lamenta que "o Ministerio de Agricultura deixou ao consumidor co mel nos beizos. Que non se inclúan porcentaxes de cada país nos casos que haxa mesturas suporá que, un mel cunha porcentaxe de mestura do 1% colleitado en España e do 99% producido en China, teña a mesma lenda na etiquetaxe que outro cun 49% de mel español e 51% chinés, cando son produtos substancialmente diferentes". Os apicultore tamén reclaman que se indique se o mel foi sometido a tratamentos de quecemento por riba de 45°C ou microfiltrados que eliminen o pole intrínseco do mel. Os produtores e as organizacións agrarias xa sinalaron que seguirán reivindicando como o levan facendo hai máis de 15 anos para que a etiquetaxe do mel recolla a realidade do produto e non "se engane aos consumidores".

6 exemplos de fraude nos produtos alimentarios galegos que permite a administración

Loitar contra a fraude dos produtos que se venden como galegos ou como caseiros e que non o son, incumprindo os controis e as garantías en materia sanitaria, así como as súas obrigas fiscais, resultará clave para non perder nos próximos anos a boa imaxe que teñen os alimentos galegos. Así de contundentes se manifestaron os representantes de distintas Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas reuníronse este martes pola mañá en Santiago, convocados pola Unión de Consumidores de Galicia, para crear o primeiro grupo de traballo co obxectivo de desenvolver liñas de actuación conxuntas nos próximos meses. Unha maior implicación das administracións, especialmente dos concellos e da Consellería de Sanidade, para facer cumprir a lei, loita contra a fraude na etiquetaxe, garantir o dereito dos consumidores á información ou posta en valor dos produtos alimentarios galegos con selo de calidade foron algunhas das liñas que se plantearon. A esta primeira xuntanza celebrada esta mañá no Consello Económico e Social (CES) de Santiago de Compostela asistiron o secretario do Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia, Alfonso Alcaide; a secretaria do Consello Regulador da IXP Mel de Galicia, María de Diego Roldán; a secretaria do Consello Regulador da DOP Queixo Tetilla, Mari Sé Mosteiro Zapata; o secretario Xerente do Consello Regulador da DOP Arzúa-Ulloa, Óscar Pérez Ramil; o presidente do Consello Regulador da DOP Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara; o presidente e a secretaria do Consello Regulador da IX Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, José Antonio Feijoo Mateo e Carmen Otero; o vicepresidente do Consello Regulador da DOP Pemento de Herbón, Jose Manuel Ferro Lago; o presidente da IXP Faba de Lourenzá, José Cuadrado Oural; o Presidente de AFAPAN (Asociación de Fabricantes de Pan da Provincia de Lugo), César Fieiras; representantes da APROINPPA (Asociación Provincial de Panadería e Pastelaría da Provincia de Pontevedra), José García e Pablo Cendón; e o vicepresidente de Fegapan (Federación Galega de Asociacións de Fabricantes de Pan), Marcial Grela. O grupo de traballo, que volverá reunirse a finais de febreiro, estará aberto a todas aqueloutras entidades que propoñan as xa integrantes e tamén a aquelas que soliciten a súa participación.

Os exemplos das irregularidades cos produtos galegos de calidade

1) O pan que se vende como galego no resto de España pero non o é Os representantes dos panadeiros, que nas próximas semanas está previsto que conten por fin coa Denominación de Orixe Pan Galego unha vez que se publique no Boletín Oficial da Unión Europea, destacaron as enormes posibilidades que abre este distintivo de calidade para o pan elaborado en Galicia. “Non só será clave para loitar contra o plaxio do pan que se vende como galego no resto de España, senón tamén para impulsar e facer atractivo o cultivo do cereal en Galicia, creando riqueza e fixando poboación no noso rural”, destacou César Frieiras, da Asociación de Fabricantes de Pan da Provincia de Lugo. Ademais, alertou da “utilización continua do pan como produto reclamo, cun prezo irrisorio, por parte da distribución”. Na mesma liña incidiu Marcial Grela, quen puxo as súas esperanzas en que a DOP Pan Galego “sirva para loitar contra ese pan que se vende como galego pero que non o é, e está incluso elaborado en Valencia, así como para potenciar o cultivo do cereal na nosa terra, máxime cando xa temos dúas variedades de trigo autóctono certificadas”. 2) Os queixos ou o mel que se venden como caseiros sen ningún control sanitario O prestixio dos queixos galegos con Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida vese ameazado en boa medida por todos aqueles que se venden en feiras e mercados, así como directamente á hostalaría, como produtos caseiros e artesanais, sen que o leite pase o control sanitario, co conseguinte risco para a saúde humana, e a menores prezos que os legais, ao non pagar impostos. “É unha situación claramente ilegal, sobre todo nos mercados municipais, nos que os concellos deben intervir e denunciar estes casos porque é a súa competencia garantir que os alimentos que se venden na vía pública están etiquetados e son salubres. E senón delegar na Xunta. Pero desgraciadamente son contados os concellos que cumpren a lei”, explicou Mari Sé Mosteiro Zapata, secretaria do Consello Regulador da DOP Queixo Tetilla, unha situación que tamén sofren na DOP. Queixo Arzúa-Ulloa.
 “Temos un gran problema cos queixos que se venden nas feiras e mercados ambulantes, e os concellos miran para outro lado”
A fraude, segundo explicaron, esténdese tamén á restauración, que merca estes queixos caseiros e sen etiqueta. “A única vía efectiva é denunciar, foi o que fixemos en varios locais de hostalaría de Santiago, despois de enviarlles cartas advertíndolles de que as sancións poden ascender a ata 30.000 euros”, engadiu. Dende o Consello Regulador da IXP Mel de Galicia, a súa secretaria, María de Diego Roldán, tamén contou que un dos grandes problemas aos que se enfrontan “é todo o mel que se venden sen etiqueta, aínda que co Decreto de Produción Primaria si que se avanzou bastante na etiquetaxe”. Sen embargo, recoñece que “segue habendo moito mel foráneo que se vende como galego, e moito mel que pon a etiqueta de Mel de Galicia, cando non pode empregar ese nome se non está na IXP”. 3) O viño que se vende como “Ribeiro Turbio” prexudicando á Denominación de Orixe Ribeiro Aínda que con variacións, os danos que provoca apropiación do nome de Galicia nos produtos alimentarios galegos avalados por un selo de calidade como son as IXP ou as DO, tamén se estende ao mundo dos viños. Así, Juan Manuel Casares Gándara, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, relatou o caso dos viños que se venden empregando o nome Ribeiro ou como Ribeiro Turbio, sen etiqueta do Consello Regulador, e prexudicando a imaxe dos viños desta DO. Ante esta situación, explicou que “este ano, e por primeira vez na historia do Consello Regulador, puxemos en marcha un protocolo para denunciar estas situacións fraudulentas, que se dan tanto en Galicia como no resto de España”. “E dos 6 casos que nos fixeron chegar dende hai unas semanas, 5 xa rectificaron despois de recibir unha carta dos nosos avogados”, explicou. Neste sentido, o presidente da DO Ribeiro defendeu realizar unha labor de educación, especialmente entre os consumidores e os hostaleiros, sobre as garantías que aportan os precintos de calidade. Ademais, Juan Manuel Casares fixo un chamamento á necesidade de “romper o círculo vicioso de que a administración non intervén porque non hai unha denuncia, e de inspeccionar únicamente a aqueles produtores ou industrias que están rexistradas”. 4) “Os hostaleiros mercan o pemento de Marrocos ou Murcia a granel e véndeno como de Padrón” O vicepresidente do Consello Regulador da DOP Pemento de Herbón, Jose Manuel Ferro Lago, expuxo a situación de competencia desleal á que se enfrontan, “tanto debido aos propios veciños que producen pemento pero que non están dados de alta na IXP e que tiran cos prezos, vendendo o kilo a 2 euros ou menos fronte aos 3 que costa o da IXP, e a veces incluso sen estar dados de alta na seguridade social, como sobre todo á hostalaría, que emprega as poucas bolsas que che compran para enchelas co pemento de Marrocos ou de Murcia que compran a baixo prezo e venden como de Padrón”. Igualmente, criticou a falta de colaboración dos concellos para facer cumprir a lei: “¿Como se entenden que o Concello de Padrón permita que nas Festas da Pascua, no mes de marzo, cando en Galicia, e menos no noso concello, non se produce pemento, case todas as pulperías e restaurantes ofrezan pemento de Padrón no seu menú?”, preguntouse. 5) “A IXP Faba de Lourenzá está nunha situación moi difícil pola competencia dos que venden por fóra” José Cuadrado Oural, presidente da IXP Faba de Lourenzá explicou a difícil situación pola que atravesan debido a que os 39 produtores inscritos padecen a competencia desleal en prezos doutros 250 que tamén a producen e venden, moitos deles persoas xubiladas. “Véndena a menos prezo, porque en moitos casos non pagan ningún tipo de imposto, e aprovéitanse da fama da Faba de Lourenzá. Isto está levando a que haxa produtores que se estean planteando saír da IXP porque así non teñen os controis e as auditorías de calidade que realizamos”, relatou. “E isto -advertiu- desanima claramente á xente que quere emprender na agricultura. 6) “Vender aguardente ou licor de garrafón á hostalería para que recheen as botellas só pasa en Galicia” Por parte do Consello Regulador da IXP Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, os seus presidente e secretario, José Antonio Feijoo Mateo e Carmen Otero, lembraron que a súa é unha das IXP máis afectadas pola competencia desleal, e en moitos casos ilegal -ao non pagar impostos e pasar controis sanitarios- dos chamados licores e augardentes caseiros. “É unha práctica ilegal que fan destilerías galegas e que é seguida por hostaleiros galegos. De feito, Galicia é a única Comunidade onde estas empresas lle venden en garrafas á hostalaría, a prezos moi baixos, para que reenchan as botellas con este produto de malísima calidade e dubidosas garantías sanitarias para o consumidor”, advertiu José Antonio Feijóo Mateo. Neste sentido, o presidente da IXP Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia alertou de que “de seguir así imos deixar que acaben coa fama de Galicia como produtora de alimentos e bebidas de primeira calidade”.

Petición unánime do Parlamento Galego dunha etiquetaxe clara do mel

A Comisión de Agricultura do Parlamento aprobou este martes por unanimidade unha proposición non de lei presentada polo grupo do Bloque Nacionalista Galego pola se demanda ao Goberno Central unha nova norma sobre etiquetaxe do mel na que se indique claramente o país ou países de procedencia. En concreto, o texto aprobado demanda ao Goberno Central, con competencias na materia, que “na etiquetaxe do mel indicaranse de forma obrigatoria o país de orixe do produto e as porcentaxes de mestura, no caso de que proceda de varios países”. Actualmente a normativa europea establece que debe figurar únicamente se é mel da Unión Europea ou de fóra da UE, aínda que deixa marxe aos estados membros para que esixan que tamén aparezan os países ou país de orixe, algo que xa é obrigatorio en países como Francia ou Italia. Que indique tamén se foi pasteurizado Ademais, e a través dunha enmenda do Grupo do Partido Popular, a iniciativa tamén pide que “se indicará tamén se se trata dun mel sometido a un proceso de quecemento por riba dos 45ºC". É dicir, se o mel foi sometido a pasteurización, un proceso que impide que cristalice, pero que reduce as súas propiedades nutritivas e saudables. O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación xa se comprometeu en decembro a introducir todas estas demandas do sector apícola e das organizacións de consumidores no novo Real Decreto que se está elaborando para clarificar a etiquetaxe de mel, e que nestes momentos atópase en fase de consulta pública. Tanto as organizacións agrarias, como UPA ou a COAG, así como asociacións sectoriais como a Asociación Galega de Apicultura ou a Agrupación Apícola de Galicia leven meses realizando unha campaña informativa para concienciar á opinión pública e presionar ao Ministerio de Agricultura sobre a necesidade dunha etiquetaxe clara e transparente do mel.

“Gran parte do licor e augardente que se vende como galega non o é”

O Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia acaba de presentar os seus datos de 2018 que confirman o seu lento pero imparable ascenso: 385.000 litros de produto certificado o pasado ano, un 16% máis que en 2017 e un 78% máis se que compara cos datos de 2011. Porén, estas boas cifras ven embazadas por uns prezos baixos en relación á calidade do produto -”temos unha augardente en Galicia da mesma calidade cando non mellor que os italianos ou o portugueses pero que se vende a un prezo 4 veces inferior”, lamenta- e sobre todo a fraude estrutural con centos de miles de litros de augardentes e licores que se venden como galegos pero que non o son. Tanto en litros certificados como en contraetiquetas o crecemento do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia é imparable. A que o atribúe? É certo que temos un crecemento sostido, pero hai que lembrar que partiamos de cifras de cualificación moi baixas e seguimos en cifras moi inferiores ao que debería estar certificado baixo a IXP Orujo de Galicia.
“O licor de herbas galego con IXP ten un enorme mercado en España”
Os medios do Consello Regulador son limitados e centrámolos en realizar unha labor continuo de divulgación, tanto entre a restauración, distribución e entre os consumidores en xeral de que mercar unha augardente ou un licor coa etiqueta da IXP Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia é a única garantía de que proceden de uvas galegas e de que son produtos de calidade, algo que para nada se garante cos chamados licores caseiros, que ademais dunha fraude fiscal supoñen en moitos casos un claro risco sanitario. En que denominacións vitivinícolas galegas certificades máis augardente e licores? Sen dúbida na Denominación de Orixe Rías Baixas, onde se concentra o 90% do produto amparado pola IXP, quizais debido a que a mentalidade destas adegas é máis empresarial e son conscientes de que na súa carta de produtos, xunto a uns bos viños, teñen que ter unhas augardentes da máxima calidade. ¿Que porcentaxe do augardente galego está certificado pola IXP Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia? É difícil coñecer o dato exacto pero a porcentaxe aínda é demasiado baixa. Boa parte do bagazo galego é destilado en Galicia, pero non todo serve para elaborar augardentes amparadas pola IXP, que esixe altos estándares tanto do punto de vista físico-químico (contido de etanol...etc) como organoléptico. En resumo, para poder levar a contraetiqueta da IXP a augardente ou licor non debe ter ningún defecto. ¿En que produto detectades desde o Consello Regulador máis posibilidades de crecemento? O licor café é unha bebida que se vende fundamentalmente en Galicia e no pasado 2018 experimentou un pequeno incremento na certificación; a caña ou augardente branca descendeu lixeiramente e onde se concentrou o incremento foi no licor de herbas, que é onde detectamos un maior potencial de crecemento e que representa a maior parte da produción certificada. Trátase dunha bebida que se consume en toda España e onde o produto galego amparado pola IXP ten un potencial de crecemento enorme. Neste sentido, animaría ás empresas a que realicen un esforzo comercializador porque hai un gran mercado. ¿Nótase esta evolución positiva das certificacións nos prezos? Lamentablemente non. Unha grappa italiana ou mesmo unha bagaçeira portuguesa pódense vender a 90 euros a botella de 1 litro, mentres que o galego está na contorna dos 18 euros. Calquera augardente amparado polo Consello Regulador Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia ten unha calidade como mínimo, igual, aos italianos ou portugueses, pero o seu prezo é 4 ou 5 veces inferior.
“As nosas augardentes galegas teñen a mesma calidade que un italiano ou portugués, pero un prezo 4 veces inferior”
¿Como diferenciar unha augardente galega certificada da que non o está? A maior garantía sen dúbida é a etiqueta da IXP, pero mesmo nunha cata a cegas nótase a diferenza enorme de calidade. Na última edición do Salón de Gastronomía Xantar, en Ourense, organizamos desde o Consello Regulador unha cata, e ao finalizar unha traballadora da hostalaría achegóuseme para dicirme que era a primeira vez nos seus anos de traballo en que catara un licor de herbas que lle resultara agradable e lle sentara ben. Pasounos tamén casos de prescriptores estranxeiros aos que lles serviron no restaurante unha augardente galega supostamente caseira e resultáralles resultado infame. Pero cando veñen ás adegas e proban unha amparada pola IXP quedan sorprendidos pola súa calidade. ¿Segue sendo a gran materia pendente a loita contra a augardente que se venden como galega pero que non o é? Sen dúbida, e onde máis se comete a fraude é nos propios bares e restaurantes galegos, que tiran pedras contra o seu propio tellado. Deberiamos estar orgullosos como galegos dos nosos produtos e teriamos que lembrar que é moi difícil que vendamos fóra o noso cando non o defendemos e consumimos na nosa terra.
 “O problema coa fraude témolo en casa: son galegos os que o elaboran e galegos os restaurantes que o venden”
É inconcibible que nos restaurantes che regalen o chupito de augardente, no que te xogas a súa saúde se é ilegal, e che cobren o café, cando por 2 euros podes tomar un chupito dunha augardente legal, certificada pola IXP, e da máxima calidade. Como mostra de como está a situación, hai adegas galegas que se negan a vender as súas augardentes e licores en Galicia porque logo énchenlles as botellas para facelas pasar como súas. En canto aos elaboradores, en Galicia hai destilerías que elaboran licores e augardentes con bagazo galego, pero tamén con moito augardente que traen de fóra e ás veces mesmo mesturándoo con alcol. Eses produtos, por moito que paguen impostos a Facenda, están a se servir do nome de Galicia na etiqueta para vender un produto que non é galego 100%, nunha práctica que bordea a legalidade e que constitúe un engano ao consumidor. O problema témolo na casa: a maior parte das empresas que venden augardentes e licores pseudogalegos ou pseudocaseiros son galegas e a administración non pode mirar para outro lado. ¿A administración está a cumprir as súas obrigas? Até hai pouco o mercado galego estaba asolagado de augardentes e licores ilegais, constituíndo un problema de saúde pública, algo que só pasa en países poucos desenvolvidos. É algo que como sociedade deberíanos avergoñar e obrigar a actuar con firmeza. É certo que a Consellería de Sanidade realizou inspeccións e impuxo centos de sancións en locais de hostalaría das provincias da Coruña e Pontevedra, pero en Ourense só impuxo 2 ou 3, cando é suficiente con darse unha volta para comprobar que circulan amplamente estas augardentes e licores ilegais. ¿Por que non actúa a Xunta?

Grupo Reboreda Morgadío defende que cumpre a lexislacion de etiquetaxe de viños

Ante a información publicada por Campo Galego o pasado 18 de decembro baixo o titular "Viño Galego elaborado con uva de Castela: A fraude que non cesa", unha das empresas aludidas na información, Adegas Campante, S.A e Adegas do Miño, S.L, ambas as pertencentes ao Grupo Reboreda Morgadío, ao entender que se está danando a súa imaxe con esta información solicitan exercer o dereito de rectificación nos seguintes termos: "-Grupo Reboreda Morgadío (en diante GRM) cumpre estritamente a normativa vixente en materia de etiquetaxe contida nas normas comunitarias Regulamento (UE) No 1308/2013 Do Parlamento Europeo e do Consello de 17 de decembro de 2013 polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derrogan os Regulamentos (CEE) no 922/72, (CEE) no 234/79, (CE) no 1037/2001 e (CE) no 1234/2007 e Regulamento (CE) nº 607/2009 da Comisión de 14 de xullo de 2009 polo que se establecen determinadas disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 479/2008 do Consello no que incumbe ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, aos termos tradicionais, á etiquetaxe e á presentación de determinados produtos vitivinícolas. - Adegas Campante, S.A. non compra uva en ningún lugar de España fóra da D.O. Ribeiro. A etiquetaxe dos produtos que comercializa, en canto cumpren estritamente, as normas de etiquetaxe apuntadas non poden inducir a confusión aos consumidores nin poden ser constitutivas de fraude para os mesmos. - Adegas Campante, S.A. aposta decididamente polos viños de calidade do Ribeiro desde a súa fundación en 1940, sendo a adega con máis plantacións propias de uva na D.O. e dispondo no mercado dalgunhas das marcas máis antigas e prestixiosas da DO.. Ribeiro. - Os viños que embotella Adegas do Miño, S.L. non están acollidos á DO. Ribeiro. As súas etiquetas nin incorporan a bandeira galega nin a palabra Galicia. Utilizan unha denominación en lingua galega por ser a propia dos membros das sociedades, dos traballadores da mesma e porque entenden que se están exercendo con eles os dereitos contidos na Lei 3/1983, de 15 de xuño, de normalización lingüística de Galicia. - As marcas que se citan na noticia non están sometidas ás normas de etiquetaxe propia da Denominación de Orixe Ribeiro, nin utilizan a palabra Ribeiro na súa etiqueta, nin pretenderon nin pretenden dar a entender aos seus consumidores que teñan a súa orixe na zona do Ribeiro. - A marca Os Portapazos obtivo o premio Gran Baco de Ouro correspondente a 2018 outorgada pola Unión Española de Catadores debido ás súas especiais calidades, sendo recoñecido así un esforzo realizado pola Empresa para abrirse paso no mercado dunha extraordinaria competencia no sector vitivinícola, obendo a súa comercialización, dunha empresa galega, a través dunha cadea de prestixio internacional".

¿É legal vender un viño ou alimento como galego sen ser producido en Galicia?

A venda de produtos alimentarios como galegos, e en especial o viño, a augardente ou a empanada, pero que non foron producidos e incluso nin elaborados en Galicia é unha práctica que segue a ser bastante común no resto do Estado. Neste sentido, dende a Unión de Consumidores de Galicia recordan que a lexislación é moi clara á hora de considerar ilegal e sancionables estas prácticas. Velaquí as referencias normativas sobre cuestións relativas a etiquetado e orixe dos produtos alimenticios e do viño. Reglamento (CE) No 1493/1999 DEL CONSEJO, de 17 de mayo de 1999 por el que se establece la organización común del mercado vitivinícola. Artigo 48 Reglamento (UE) N o 1169/2011 DEL PARLAMENTO EUROPEO Y DEL CONSEJO de 25 de octubre de 2011 sobre la información alimentaria facilitada al consumidor   Artigo 17 A) Ley 24/2003 de la Viña y del Vino. Artigo 18.5, ou artigo 39 1 f) RD 1334/1999, de 31 de julio, por el que se aprueba la Norma general de etiquetado, presentación y publicidad de los productos alimenticios. Artigo 4 A nivel de Galicia o Decreto 124/2010. de 15 de xullo, polo que se regulan as mencións relativas á orixe ou procedencia galega no etiquetado, presentación e publicidade dos produtos alimentarios. Artigo 4

A Unión de Consumidores denuncia que é fraudulento vender como galego viño que non foi producido en Galicia

O secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), Miguel López Crespo, considera fraudulento e denunciable a venda de viño como galego cando non foi producido nin elaborado en Galicia. En concreto, en declaracións a Campo Galego, Miguel López Crespo recorda que “é preciso distinguir entre se a etiquetaxe dun produto alimentario indica producido, o que se refire á orixe da materia prima, ou elaborado en, referido ao proceso de elaboración do mesmo”. Neste sentido, distingue tres situacións: “Se a uva procede de fóra de Galicia pero foi elaborado por unha adega galega e na etiqueta así o indica, elaborado en Galicia, non se estaría cometendo unha infracción legal, aínda que dende o noso punto de vista da Unión de Consumidores de Galicia si que habería unha práctica comercial desleal, pois induce a erro ao consumidor. Cando o viño non foi nin elaborado nin producido en Galicia non se pode incluír na etiqueta ningunha destas palabras, e no caso do nome de produto e emprega un nome ou imaxe que evoca a que é galego entendemos que se está cometendo un fraude, pois o que se persegue é confundir ao consumidor despertando a conciencia de que é un produto galego, cando nin foi elaborado nin producido aquí. E cando fai referencia a unha Indicación Xeográfica Protexida ou Denominación de Orixe, como a palabra Ribeiro ou Rías Baixas sería claramente ilegal, fraudulento e punible”, explica.
“A normativa europea é clara en canto a indicar a orixe e se non se cumpre cos alimentos é pola presión dos lobbyes”
Miguel López Crespo conclúe que “dende a Unión de Consumidores de Galicia defendemos que consumidor debe ter pleno dereito á información e cando consume un produto ten dereito a coñecer de onde procede, e non só onde foi elaborado”. “O mesmo cando falamos de determinados alimentos. Se a normativa europea obriga a etiquetar a orixe dos produtos e dos ingredientes principais non é comprensible que se queiran establecer excepcións para alimentos como o viño, o leite ou o mel, a non ser pola presión de determinados lobbies moi poderosos”, conclúe.

Viño galego elaborado con uva de Castela: A fraude que non cesa

Ante la información publicada por Campo Galego el pasado 18 de diciembre bajo el titular “Vino Gallego elaborado con uva de Castilla: El fraude que no cesa”, una de las empresas aludidas en la información, Bodegas Campante, S.A y Adegas do Miño, S.L, ambas pertenecientes al Grupo Reboreda Morgadío, al entender que se está dañando su imagen con esta información solicitan ejercer el derecho de rectificación en los siguientes términos: “Turbiño”, “Os Portapazos”, “Viño Blanco”....o nome soa a galego, algúns levan na etiqueta a bandeira de Galicia e mesmo pode ser elaborado por adegas galegas, pero a uva procede de Castela ou doutras rexións de España. A venda destes viños de mesa a baixo prezo -mesmo a menos de 2 euros a botella- segue sendo unha realidade estendida, sobre todo no sector da hostalaría e en comunidades do Levante español, como Valencia, Cataluña ou as Illas Baleares Desde as asociacións de consumidores, consellos reguladores e viticultores consideran que esta situación é fraudulenta, pois prexudica a imaxe dos viños de Galicia, asociándoos a viños baratos e de baixa calidade, e ademais supón un engano para o cliente, pois na maioría dos casos a uva, a materia prima, non é galega. Os argumentos cos que as empresas de distribución chegan a vender estes viños rozan ás veces o esperpento. Así, unha distribuidora de viño  de Asturias, vende o seu “Viño Blanco” turbio galego destacando que foi elaborado “seguindo a tradición e cultura galega”. Galicia Gourmet (sic), unha distribuidora de produtos para hostalaría radicada en Xinzo de Limia (Ourense) destaca do seu viño “Turbiño”, elaborado por unha adega galega, que “estes viños aínda que saísen turbios, eran do gusto dos poboadores de Galicia. Nos últimos anos, o viño galego turbio tomou auxe en certos restaurantes españois, até o punto que se elabora e comercializa para satisfacer a demanda dos galegos”. Conclúe que o viño turbio “considérase unha bebida tradicional galega”, tal cal. Bodegas Leopoldo distribúe en Alacante estes viños turbios galegos entre o sector da hostalaría, onde recoñecen que existe unha demanda consolidada para este tipo de caldos.

O caso de “Os Portapazos”

Un dos casos máis soados foi o de “Os Portapazos”, un viño elaborado por Adegas do Miño para a cadea de supermercados Lidl. Un viño económico, feito cun coupage de viños que proceden de Castela, Valencia e Cataluña e que foi elixido como un dos mellores viños brancos españois da colleita 2017 na última edición dos premios Baco, que organiza a Unión Española de Catadores. Dáse a casualidade de que o viño é elaborado en Toén (Ourense) por Adegas do Miño, que forma parte do grupo galego Reboreda Morgadío, ao que pertence tamén Adegas Campante, que elabora “Turbiño”.

Xoán Cannas (Instituto Galego do Viño): “A solución pasa por formar aos clientes e ao persoal de restaurantes e supermercados”

Xoán Cannas, director do Instituto Galego do Viño (INGAVI), considera que “para entender esta situación hai que remontarse a mediados do século XX, cando desde Galicia, e desde a comarca do Ribeiro en concreto, apostouse por variedades de vide foráneas e moi produtivas e alimentouse esta imaxe de viño galego turbio e barato, sobre todo na zona de Levante”. “Sen embargo -engade- co cambio de modelo de viticultura en Galicia, orientado cara ás DO e cara aos viños de calidade, nestes momentos eses viños non son elaborados con uva galega, a pesar de querer pasar como de Galicia, e en moitos casos elabóranse fóra da nosa comunidade”. Neste sentido, Xoán Cannas recoñece que a principal preocupación “é a imaxe de marca Galicia que están a crear estes viños”, algo que tamén estende especialmente a DO´s como Ribeiro pero tamén Rías Baixas. A solución, ao seu xuízo, pasa por “crear máis cultura do viño e unha maior sensibilización entre os consumidores”. “E creo que iso empeza por formar aos camareiros dos restaurantes e aos responsables de sección de viños nos supermercados, para que eles transmitan os coñecementos aos clientes que compran viños e non se lles engane”, conclúe.

Viñoteca Vide Vide: “Deberíanse regular máis os viños de mesa e a granel para garantir a orixe da uva”

Desde Vide, Vide! , unha recoñecida vinoteca e distribuidora de viños de Santiago de Compostela, aseguran que “cando abrimos si que nos viñan turistas, sobre todo da zona de Valencia, demandando viño turbio galego”. Cren que a situación en Galicia está superada “porque en consumidor de aquí si que valora os viños de calidade”, polo que consideran que “deberíase realizar un traballo de mercadotecnia e de promoción nesas comunidades onde máis se produce esta situación”. En todo caso, lembran que “para o consumidor que bebe viño todos os días é necesario ofertarlle unha alternativa, polo que habería que regular máis tanto o viño de mesa como o viño a granel para que garantir ao consumidor a procedencia da uva”. “No noso caso, vendemos tamén viño a granel de colleiteiros e pequenas adegas, pero controlando que as uvas sexan de Galicia. Despois hai un mercado de viños a granel a prezos moi baixos e onde non se garante ningunha orixe, e nese mercado non entramos”, engaden. En todo caso, desde Vide Vide! auguran que o mercado de viños de calidade a granel “ten moito futuro, sobre todo en formato de Bag in Box, un tipo de envase no que o viño se conserva até 4 meses unha vez empezado, e que en Denominacións de Orixe como Bierzo, xa autorizan este tipo de envase, polo que igual aquí as DO´s tamén deberían consideralo”.

Iniciativa do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro para perseguir a fraude

Etiquetas que garante que o viño é do Ribeiro O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro puxo en marcha un novo e pioneiro programa de loita contra a fraude na marca vitivinícola de viños que se venden utilizando a palabra Ribeiro e que non levan a etiqueta nin están sometidos aos controis do Consello Regulador. E xa están a obter os primeiros resultados. Para poder implementar esta estratexia, o Consello Regulador aprobou en pleno dous meses atrás un protocolo de actuación elaborado polo gabinete xurídico. Este documento inclúe, por unha banda, información legal sobre a marca e a identidade do Ribeiro, e, por outra banda, unhas instrucións de actuación para todo aquel que detectase algún caso de fraude. Entre esas pautas, recoméndase notificar ao Consello do caso, co maior número de probas posibles, fotografías e direccións. Unha vez que o Consello o recibe, o gabinete xurídico comunica ao local ou páxina unha advertencia da fraude cometida, exhortando a que eses actos cesen, e en caso de non chegar a un acordo, procederíase a levalo a xuízo. Polo de agora detectáronse e conseguiuse unha rectificación en seis casos de utilización fraudulenta da marca Ribeiro en España, sen que o proceso chegase aos tribunais. Os diferentes casos detectados consisten na utilización de viño de mesa anunciado en numerosos restaurantes como un produto de marca Ribeiro, que non está acollido dentro da Denominación de Orixe. Outro dos casos é o coñecido como viño turbio, que se vende como produto de marca, detectado sobre todo en locais de restauración do levante peninsular. Tamén se atoparon mostras desta fraude en páxinas de distribución en internet e nalgúns locais nos que se vendía produto a granel facéndoo pasar por viño do Ribeiro. Juan Casares: “Os máis prexudicados por esta situación son os nosos viticultores” Para Juan Casares, presidente do Consello Regulador, “esta situación afecta á imaxe e ao prestixio dos viños do Ribeiro e sobre todo á parte máis débil da cadea, que é o viticultor, xa que se lle acaba pagando menos pola uva”. “Ese viño non é do Ribeiro e o peor é que por cada botella que se comercializa é unha botella menos de viño do Ribeiro que se vende. É a primeira vez na historia do Consello Regulador que se pon en marcha un protocolo específico para loitar contra a fraude na utilización da marca Ribeiro, e creo que é así como conseguiremos mellores condicións de vida para todas as persoas que traballan no sector do viño nesta DO”, subliña o presidente. “A única garantía de que un viño é galego, e do Ribeiro en concreto, é que leve a contraetiqueta do Consello Regulador, pois só así se garantirá que a uva foi producida aquí e elaborada en adegas de aquí”, conclúe.