Archives

Galicia agarda unha gran vendima que supere os 75 millóns de quilos de uva

Aínda non rematou agosto e a vendima comezou xa en tódalas Denominacións de Orixe. Nalgunhas delas foron adegas puntuais, pero noutras, como é o caso de Valdeorras, a comezos desta semana xa estaban realizando a recollida da uva unhas 30 adegas. Mesmo nas denominacións onde a vendima adoita comezar a mediados de setembro, coma Rías Baixas, están xa cos traballos nalgunhas adegas. As previsións de tódalas DO’s apuntan a un incremento da produción o que fai prever que en termos xerais sexa unha vendima que supere ás cifras do ano pasado, cando se acadaran os 70,2 millóns de quilos de uva recollida. Pese a que nalgunhas demarcacións, coma as Rías Baixas ou o Ribeiro houbo unha forte presión de mildio, hai unha gran calidade de uva e están entrando en adega acios en moi boas condicións, o que fai prever tamén moi bos resultados. Facemos un repaso polas cinco Denominacións de Orixe para coñecer as previsións que manexan nestes primeiros días da campaña.

Rías Baixas: Vendima récord de 46 millóns de quilos de uva

Nalgunhas subzonas da DO Rías Baixas xa comezou a vendima nestas últimas semanas de agosto e prevese que se vaian sumando máis adegas. A calor apurou mesmo as previsións iniciais do Consello Regulador, que apuntaban xa a un adianto da vendima a comezos de setembro, posto que o habitual nesta demarcación é que se inicie a mediados dese mes. Nas Rías Baixas prevese que a vendima deste ano alcance os 46 millóns de quilos de uva, unha cifra récord, bastante superior aos 40 millóns colleitados en 2022. Estímase que se logre un rendemento medio de 10.507 quilos por hectárea.
Aumento en 114 hectáreas na superficie vitícola respecto de 2022
En parte este incremento da produción débese ó aumento da superficie vitícola. En concreto, neste último ano sumáronse 114 hectáreas de viña, unha superficie que se reparte entre 22.808 parcelas atendidas por 5.033 viticultores.

Ribeiro: Agárdase unha vendima extensa, pese a comezar xa en agosto

No Ribeiro tamén se adiantaba o inicio da vendima e cinco adegas comezaban xa os traballos a pasada semana para recoller as uvas de maduración máis temperá, coma o Godello, dalgunhas parcelas situadas en zonas baixas. Xa nas súas inspeccións técnicas realizadas polo persoal do Consello Regulador en días previos apuntaban que algunhas variedades se atopaban nun excelente grao de maduración para a recollida. Aínda que comezou máis cedo ca outros anos, prevese que sexa unha vendima que se prolongue no tempo, case ata mediados de outubro, xa que algunhas variedades e nalgunhas comarcas de gran altitude as uvas aínda non acadaron o grao de maduración axeitado.
Prevese que nalgúns viñedos a vendima non se faga ata mediados de outubro
As previsións iniciais apuntaban tamén a que pode ser unha campaña con boa colleita en canto a cantidade se refire, aínda que puidera verse reducido o número de quilos final pola seca dos últimos meses. Con todo, podería volver situarse nas medias dos últimos anos ou superarse. O ano pasado nesta DO recolléronse un total de 10,3 millóns de quilos de uva.

Valdeorras: A calor da última semana apurou a maduración do Godello e boa parte das adegas comezaron a vendima

As altas temperaturas da semana pasada precipitaron o inicio da vendima na DO Valdeorras, onde as previsións iniciais apuntaban a que a recollida da uva comezase aínda nesta semana. Así, adegas como Godeval e Sampayolo iniciaban xa arredor do día 20 os primeiros labores de recollida da uva, sendo tamén das vendimas máis adiantadas. “Temos xa unhas 30 adegas coa vendima e agárdase que nesta semana se sigan sumando máis”, explican na DO. O calor deses días fixo que aumentase o grao alcohólico das uvas e se acadase o óptimo para a recollida. “Algunhas adegas comentábannos que neses 4 días incrementouse case 2 graos”, apuntan dende o departamento técnico do Consello Regulador. Nalgunhas zonas, as plantas tamén acusan xa certo estrés hídrico, con risco de deshidratación, o que motivou que non se agardase máis para a súa recollida. “O Godello está maduro e, salvo que haxa malas condicións que obriguen a paralizalos traballos, agárdase que se recolla como é habitual nun mes e medio, polo que a finais de setembro case teríamos rematada a vendima”, concretan no Consello Regulador. Faltan por comezar as cooperativas, que están ultimando a campaña, de xeito que se prevé que na próxima semana estean xa boa parte das adegas coa vendima.
Están tendo uns rendementos de 11.000 quilos por hectárea cunha uva excelente, cun sabor, acidez, grao alcohólico e pH moi bos
“Están entrando acios cun bo peso e unha boa calidade. Todo apunta a que sexa unha vendima espectacular, porque a pel da uva está resistente, a uva ten sabor e ten acidez e pH moi bos”, indican nas valoracións iniciais dende o departamento técnico. Tamén están a ter uns bos rendementos, que se sitúan arredor dos 11.000 quilos por hectárea, o que fai prever que se superen tamén os 7,5 millóns de quilos de uva entre brancos e tintos. Así, agardan recoller máis de 5 millóns de quilos de uva só das variedades brancas. Pese ás boas previsións xerais, algunhas pequenas adegas tiveron problemas co mildio que afectou de xeito considerable á produción. “Non foron despistes, senón que foron tratamentos cos que non se acertou e logo foi moi difícil de controlar”, apuntan. Aínda que son casos puntuais, as perdas polo mildio chegan a reducir á metade a colleita.

Ribeira Sacra: Comezou xa de xeito puntual a recollida de uva en variedades brancas e tintas

Na Ribeira Sacra as primeiras uvas recolléronse o 22 de agosto, pero nesta primeira semana de vendima só se fixeron traballos puntuais. “Polo momento só entraron 70.000 quilos de uva”, explicaban dende o Consello Regulador. Nesta semana, fixarase a data recomendada para o inicio da vendima, polo que nos próximos días arrancará o forte do traballo en boa parte das adegas. Así, recolléronse aquelas variedades que acadaron xa o seu grao óptimo de maduración. O que máis se recolleu por agora é Godello, cuns 26.000 quilos, así como Albariño. Con todo, non só hai recollidas xa variedades brancas, que adoitan madurar antes, senón que tamén se recolleron xa uvas de Mencía ou Merenzao.
Agardan que cheguen chuvias nestes días que contribúan á maduración da uva e a paliar a seca que acusan nestes meses
Ademais, a uva recollida ten unha moi boa calidade. “Esperemos que chova algo para que dea un último empurrón ás viñas que aínda que non maduraron”, apuntan dende o departamento técnico. Pese a que as cepas máis vellas teñen unha gran resistencia á seca, nesta DO non se produciron chuvias dende as treboadas de xuño e as plantas máis novas acusan a escaseza de auga e nalgunhas parcelas as viñas teñen xa as follas secas e mesmo hai acios con certa deshidratación. En canto a rendementos, as previsións iniciais apuntan a que se poidan situar preto dos 6 millóns de quilos que se obtiveron o ano pasado, xa que os ataques de mildio e a seca afectaron en certa medida.

Monterrei: Afronta unha das vendimas máis prematuras coa uva nunhas condicións sanitarias excelentes

“Estamos ante unha das vendimas máis prematuras nesta DO”, explican dende o departamento técnico da Denominación de Orixe Monterrei. O pasado domingo, día 27, comezaban a recollerse as primeiras uvas. Nesta semana foron incorporándose xa varias adegas e espérase que nos próximos días se sigan sumando boa parte das 28 adegas que integran a DO. Comezouse coa recollida do Godello, así como de parcelas con Merenzao, unha variedade coñecida na zona popularmente como Bastardo. Tamén se recolleron xa uvas de Mencía naquelas parcelas cun grao óptimo de maduración. Se as condicións climáticas non apuran os traballos de recollida da uva, agárdase que esta sexa unha vendima longa, xa que comenzou moi cedo e irá facéndose de xeito gradual, segundo vaian madurando as variedades nas distintas zonas. “Comézase nas zonas de val, onde a uva xa está madura, para ir subindo en altitude onde a maduración é máis tardía”, detallan.
Contan superar os 6,4 millóns de quilos de uva recollidos o ano pasado, xa que se está a incrementar a superficie de viñedo
Aínda que nalgunhas parcelas hai xa plantas con certo grao de estrés hídrico, as abondosas precipitacións de xuño e a capacidade de resistencia da planta, fan que as cepas vaian resistindo. O estado sanitario da uva a comezos da campaña era excelente. Agardan superar as cifras do ano pasado, no que se recolleran 6,4 millóns de quilos de uva, xa que se incrementou a superficie de viñedo. “A demanda constante dos nosos viños fai que tamén aumente o número de hectáreas plantadas”, apuntan. A demarcación conta a día de hoxe con 720 hectáreas de viñedo.

Campaña da pataca: prevese unha redución da colleita polas vagas de calor

As previsións da campaña da pataca na comarca da Limia non son nada boas. As vagas de calor que se sucederon ó longo deste verán afectaron de xeito notable á produción do tubérculo. Prevese menos cantidade de patacas e de menor tamaño, sobre todo nas variedades demandadas pola industria e que a día de hoxe son tamén maioritarias na comarca. “Está a ser un ano moi complicado polas altas temperaturas, sumado a que tampouco hai moita auga para a rega fan que sexa unha campaña difícil e agárdase unha redución da colleita”, valora Amador Díaz Penín, agricultor e presidente da Asociación de Produtores de Pataca da Limia.
Por cada semana que a temperatura estivo por encima dos 35 graos perdéronse arredor duns 10.000 quilos por hectárea en produción”: Servando Álvarez, director do Inorde
As estimacións que manexan dende o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) dependente da Deputación de Ourense, son semellantes ás que sinala o produtor. “Por cada semana que a temperatura estivo por encima dos 35 graos perdéronse arredor duns 10.000 quilos por hectárea en produción”, estima Servando Álvarez, director do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro pertencente ó Inorde. Este ano tamén se adiantou un pouco a campaña e a finais de agosto xa se están recollendo algunhas leiras de cedo. “Comezaron a arrancarse algunhas na zona de Monterrei, que veñen cun mes de antelación, sobre todo para tentar atender ó mercado galego, que está completamente desabastecido de pataca”, explican dende o Inorde. Haberá que agardar case un mes, para que os produtores se atopen en plena recollida da pataca. A recollida adoitan realizala arredor do 20 de setembro, pero como é habitual, estará moi condicionada pola meteoroloxía.

As variedades máis afectadas

As vagas de calor rexistradas este verán afectaron de xeito considerable ás plantacións de pataca. “Cando unha planta de pataca soporta máis de 30 graos, o ciclo vexetativo fréase e non se reactiva ata que baixa esa temperatura. Así, nas vagas de calor de case 20 días seguidos nesas temperaturas, as plantas só mantiveron a rama verde, pero non crearon tubérculos. A calor fixo que tuberizaran pouco e eses tubérculos quedaran pequenos”, explica Álvarez. Variedades como a Agria, empregadas maioritariamente para a industria de frito, están a ser as máis afectadas polas altas temperaturas que se acadaron na comarca da Limia este verán. As estimacións que barallan dende o Inorde apuntan a unha drástica redución da produción nestas variedades. "A día de hoxe a produción media da pataca de industria, que é a maioritaria na Limia, probablemente quede por debaixo dos 35.000 quilos por hectárea, no canto de situarse nos 50.000 que sería o agardado”, estima. A redución da colleita afectará sobre todo a aquelas parcelas que foron plantadas tarde. Mentres, en variedades como a Kennebec, aínda que se estima que as producións tiren á baixa, atópanse en cifras normais e semellantes ás doutros anos.
A día de hoxe un 70% da produción da Limia son variedades destinadas á industria e que se viron gravemente afectadas polas vagas de calor
A redución na colleita da Agria é aínda máis significativa polo peso que teñen estas variedades para frito na comarca. As variedades para industria foron gañando espazo fronte á Kennebec nos últimos anos. A día de hoxe un 70% da produción da Limia son este tipo de variedades con corte máis ben industrial. Un dos factores que está a contribuír á expansión das variedades para frito é que a pataca de carne branca, como a Kennebec, tivo moitas dificultades nas últimas campañas para saír ó mercado e as vendas caeron, polo que se seguiu apostando aínda máis polas variedades da industria, coa problemática de que son as máis afectadas polas altas temperaturas.

Cubrir custos de produción?

Á marxe das altas temperaturas, esta campaña ven marcada polo incremento dos custos de produción, disparados no momento da sementeira das patacas e que se mantiveron altos nos últimos meses. “Esta redución da produción xa sería un desastre nun ano normal, pero máis aínda neste, no que os custos de produción se dispararon”, valora Álvarez.
“Nesta campaña os custos de produción incrementáronse en torno a un 40%, tanto os insumos coma os abonos ou combustibles”; Amador Díaz, produtor de pataca
Os prezos dos insumos disparáronse. Así, os fertilizantes que na campaña pasada custaban arredor dos 30 céntimos por quilo este ano acadaron 1 euro. “Estímase que esta campaña os custos de produción se incrementaron en torno a un 40%, tanto os insumos coma os abonos ou combustibles”, sinala o produtor. Pese a que se esperaba que se plantase máis cereal este ano ó dispararse os custos de produción, a superficie plantada de pataca mantívose, puido variar arredor dun 5 ou 10%. “Mesmo se botou un pouco máis de pataca por temas de axustes de ciclos de rotacións das terras”, explican dende o Inorde. Así, nesta campaña plantáronse arredor dunhas 3.500 hectáreas de pataca na Limia. “Estamos nunha comarca na que a xente se dedica á pataca e pouca variación hai, xa que tampouco hai outras alternativas que sexan moi viables”, coincide en sinalar Amador Díaz. Agora, ás portas da campaña da recollida e comercialización da pataca, os produtores agardan que se acaden prezos axeitados. “A ver se os prezos nos permiten recuperar a inversión”, apunta Díaz, quen recorda que os céntimos nas patacas sempre son moi importantes, xa que esas variacións mínimas marcan a diferenza entre que sexa sostible economicamente ou non a colleita. Polo momento, nas zonas produtoras de pataca do sur e centro de España, que xa comezaron a colleita e venda, a campaña está arrancando con bos prezos e unha gran demanda de pataca. “O feito de que haxa menos cantidade de pataca tamén pode ser decisivo para os prezos que se acaden”, apunta Díaz. Falta saber se o prezo que se pague abondará para compensar o incremento dos custos de produción e a perda da pataca producida, e se a tendencia se manterá ata que se arranquen en Galicia, que son das últimas da tempada. Os prezos na campaña do 2021 situáronse en valores normais e as patacas comercializáronse en prazo, sobre todo nas variedades para a industria. “Ó final resultou un ano medianamente bo, con prezos aceptables, a excepción da variedade Kennebec, que foi moi complicado”, recoñece o produtor. Mentres as variedades como a Agria se venderon entre os 30 e os 35 céntimos, a pataca Kennebec, que compite con outras variedades brancas, tivo dificultades, xa que estas variedades provocan que se deprecie a Kennebec, posto que delas é a que ten un prezo maior.
Visita da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, á nova oficina para informar sobre as melloras no regadío.

Os novos pozos

A comarca da Limia segue a agardar polas melloras no sistema de regadío e neste últimos meses déronse xa pasos importantes para avanzar neste proxecto. A Xunta realizou xa un terzo dos 42 novos pozos de sondaxe de auga previstos na bisbarra. O obxectivo é que no 2026 estean funcionando. A Consellería de Medio Rural puxo en marcha esta mesma semana unha oficina para informar dos avances na mellora e modernización do regadío da Limia ós propietarios das parcelas e ás comunidades de regantes. A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitaron este martes as instalacións, situadas no Inorde. Como explicou Santé, poderán achegarse á oficina a entregar documentación os propietarios de predios xa adheridos ao regadío. Así mesmo, poderán solicitar información os que non se incorporasen ao regadío no seu momento, pero aos que lles gustaría adherirse cando estea ampliado, así como -en xeral- os que estean de acordo coa posta en marcha de polígonos agroforestais, que facilitarán a execución das obras de ampliación.  
“Contar con este sistema de rega vai marcar un antes e un despois na Limia”: Amador Díaz Penín, agricultor
O sistema de regadío permitiría sumar 4.000 hectáreas para a produción agrícola ás que xa hai na antiga Lagoa de Antela. “O feito de ter o regadío ábrelle ó agricultor unha maior diversificación. Poder facer unha maior rotación é moi importante nesta comarca e creo que contar con este sistema de rega vai marcar un antes e un despois na Limia”, valora o agricultor.

O bo estado das viñas evita os últimos tratamentos preventivos contra mildio e oídio de cara á próxima campaña

A poucos días xa para que comece a vendima de xeito xeralizado en toda Galicia, os viñedos atópanse nun moi bo estado sanitario debido, sobre todo, ó tempo seco e solleiro dos últimos meses. Tal e como recolle o derradeiro boletín fitosanitario para a campaña emitido este venres pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro, as elevadas temperaturas están a favorecer tamén a maduración dos acios. Nas uvas Albariña analizadas polo persoal técnico de Areeiro esta mesma semana, o grao alcólico sitúase por encima dos 11 graos, cun valor mínimo de 11,21 nunha viña do Rosal e un máximo de 13,11 graos nunha parcela solleira do Salnés. A baixa incidencia de patóxenos coma o mildio ou o oídio en boa parte da campaña e nesta recta final permite que tampouco sexa preciso aplicar un tratamento cúprico postvendima para reducir o nivel de inóculo para o próximo ano. Esta é unha práctica habitual para tentar reducir os danos de cara á próxima campaña nos anos de gran incidencia de ambas pragas. Tampouco se están a detectar danos por botrite en boa parte dos viñedos. A falta de humidade está a ser determinante para que non se propague a praga. Como sinalan dende Areeiro, nin tan sequera detectaron danos nos acios de variedades de pel fina, as uvas coa pel rachada ou aquelas con danos por paxaros ou pola vespa asiática, que serían máis propensas a sufrilos. A uva tampouco rexistrou danos pola avelaíña do acio nesta campaña. Pese a que a semana pasada se capturaran unha destacada cantidade de machos desta especie nas trampas que Areeiro ten distribuídas, esta semana o número volveu reducirse e segue sen ser preciso ningún tratamento.

Pendentes dos ácaros na vindeira campaña

Nesta última semana da campaña, o persoal de Areeiro observou un elevado número de viñas con gromos terminais de cor escurecida e entrenós curtos, síntomas característicos de ataques de trips e acariose. As análise revelaron que a maior parte deles estaban afectados por ácaros. Neste senso, dende Areeiro, recoñecen que este ano detectaron unha maior incidencia de acariose nas viñas, que achacan á particular climatoloxía rexistrada. Os profesionais de Areeiro apuntan a que será preciso estar pendentes dos ácaros na brotación da próxima campaña. Nesta recta final da campaña e dada a incidencia da calor, seguen a detectarse nos viñedos danos por golpe de sol nos acios, plantas ou brazos mortos por alteracións da madeira e síntomas de estrés hídrico. Ademais, esta semana detectaron un novo agromo de erinose e danos pola incidencia da vespa asiática.

“O clima de Galicia é privilexiado a nivel mundial para a gandería de vacún de leite”

Israel Flamenbaum, esta semana en Lugo, onde participou nas xornadas técnicas organizadas por Africor e Vaca Pinta Israel Flamenbaum foi durante 20 anos alto funcionario do Ministerio de Agricultura de Israel, onde investigou e desenvolveu sistemas para mitigar o estrés por calor das vacas e, tras xubilarse en 2008, creou a súa propia empresa e converteuse en consultor internacional de granxas de leite en lugares como EEUU, Brasil, México, Rusia, Turquía ou Italia. É tamén xefe do equipo científico de estrés por calor da Federación Internacional do Leite (IDF) e ten analizado datos de granxas de máis de 50 países de todo o mundo, unha experiencia que lle vale para afirmar que “non hai moitas rexións no mundo que teñan condicións climáticas tan favorables para a produción de leite coma Galicia". Con todo, advirte de que se están a producir cambios nesas condicións climáticas favorables para os que hai que estar preparados. “En Israel incluso as granxas que non teñen un funcionamento óptimo están nunha relación moito mellor que a maioría das granxas no mundo, porque levamos 50 anos traballando nestes temas. A min non me faltou diñeiro para facer investigación, foi por necesidade, porque se queriamos producir leite nun clima mediterráneo, non nos quedou máis remedio que solucionar estes problemas das altas temperaturas e de como afectan ás vacas, e hoxe estes coñecementos estámolos compartindo con outras rexións onde apenas se está empezando a traballar nestes asuntos, como sería o caso de Galicia", argumenta. Galicia, “un paraíso” para a produción de leite Tras analizar os datos produtivos y reprodutivos mensuais medios na provincia de Lugo de 2017 a 2021, facilitados por Africor, Israel asegura que “en xeral, Galicia é un paraíso para producir leite, non ten ningún problema relevante deste tipo na actualidade, pero as vacas están xa no límite e se vén unha ola de calor vana sufrir, como se demostra ao analizar os datos dos últimos cinco anos, nos que vemos que a ola de calor que afectou a Galicia en agosto de 2018, aínda que foi un fenómeno puntual, nótase claramente nos datos de produción e fertilidade das granxas”, afirma.  
Os gandeiros en Galicia están no inicio do problema, nós en Israel levamos 25 anos traballando nisto
Despois de analizar os datos do Control Leiteiro de 1.200 ganderías na provincia de Lugo, que suman 80.000 vacas e o 70% da produción total de leite da provincia, Israel asegura que “os datos promedio mostran que non hai demasiados problemas, pero non cabe dúbida que vostedes están xa nos límites”, di, polo que recomenda analizar caso a caso. Non é o mesmo estar en Ribadeo que en Monforte Israel defende analizar a situación concreta de cada granxa, en función da súa ubicación, as instalacións das que dispón e o seu nivel de produción. “Estou seguro de que en función da ubicación concreta da granxa e das súas instalacións hai explotacións que están xa perdendo cartos, porque as vacas de alta produción se están en establos antigos con menor ventilación van sufrir máis”, argumenta.
Os datos promedio en Galicia mostran que non hai demasiados problemas, pero non cabe dúbida que vostedes están xa nos límites e en función da produción, da ubicación e das instalacións estou seguro de que xa hai granxas perdendo cartos
“Un dos causantes de que se sufran xa a día de hoxe os efectos do estrés por calor en lugares frescos como é Galicia é o incremento de produción das vacas. Quizais estes efectos non sexan moi importantes hoxe pero si o serán mañá”, asegura. “Non teñen este problema hoxe, pero deben estar preparados para sufrilo no futuro, polo aumento da produción de leite por vaca e o efecto do cambio climático”, advirte.   En comparación con Valencia Para exemplificalo, nas xornadas organizadas por Africor Lugo e Vaca Pinta comparou os resultados de distintos parámetros (produción, pico de lactación, días en leite e fertilidade) das granxas en Galicia e en Valencia, e concluíu que existe unha enorme disparidade. 
En Israel se unha vaca está por baixo de 50 litros no pico de lactación é eliminada da granxa
É a mesma situación que se dá entre zonas cálidas e zonas frescas de EEUU ou China. En EEUU, por exemplo, hai unha grande diferenza entre os estados fríos do norte e os estados cálidos do sur. Nos segundos, as perdas de produción a consecuencia do estrés por calor nos meses do verán poden alcanzar o 40% dos ingresos previstos. En estados como Florida, sen sistemas de enfriamento as vacas pasan case o 50% do ano (de xuño a setembro) en condicións de estrés térmico, detallou. “En Galicia non vemos que haxa un efecto moi significativo na produción. Os días en leite promedio non varían moito entre verán e inverno e tampouco nos picos de lactación. Pero a media destas 80.000 vacas da provincia de Lugo analizadas indica que hai capacidade de mellora en moitos aspectos. Atopámonos con medias de produción entre 30 e 35 litros e con picos de lactación entre 40 e 45 litros. É moi baixo, en Israel se están por debaixo 50 litros no pico de lactación eses animais son eliminados da granxa”, asegura.
Os días en leite en Galicia son moi altos e iso está penalizando ás granxas
Tamén chama a atención, di, a cifra de días en leite en Galicia, que se sitúa ao longo do ano en cifras de entre 185 e 200 días, “cando deberían estar en 160 días todo o ano”. “Iso implica menor produción de leite. Non creo que sexa un efecto do estrés por calor, pero é algo a estudar, porque está castigando ás granxas galegas”, asegura. A nivel reprodutivo, no verán en Valencia, de cada 100 vacas, menos de 10 están preñadas, “e isto non o estamos vendo aquí en Galicia”, asegura. Pero engade: “En Galicia non vemos o efecto estacional pero lógranse durante todo o ano niveles moi baixos de fertilidade (a taxa de concepción media sitúase entre o 25 e o 30%), moi inferiores aos que logran en Valencia en inverno”, destaca. Ademais, na zona mediterránea, as ganderías baixan a produción media por vaca de 40 litros en inverno a 30 no verán e teñen una relación verán-inverno de 0,80, é dicir, unha perda de produción dun 20%, “que é un dato peor que as peores granxas en Israel, que teñen un descenso de produción dun 12% e dun 30% na fertilidade”, aclara. 4 litros menos de produción Público asistente ás xornadas organizadas por Africor Lugo e Vaca Pinta no auditorio da Facultade de Veterinaria Hai uns anos pensábase que o problema do estrés por calor das vacas afectaba só ás partes cálidas do planeta, pero un estudo presentado no ano 2015 por investigadores franceses demostrou que tamén o sofren, en maior ou menor medida, países europeos, cunha perda de produción que vai desde os 5,5 litros diarios na rexión do Piamonte en Italia, a 4 na cornixa cantábrica española (en concreto o dato foi medido en Asturias), 3,5 no sur de Francia, 3 litros en Polonia ou na República Checa, 3,1 en Suíza, 1,8 no norte ce Francia ou 0,7 no Reino Unido.
Un estudo feito en toda Europa determinou que en lugares das mesmas características que Galicia, en concreto en Asturias, a perda de produción é de 4 litros
Os episodios de calor provocan unha diminución do pico de lactación e da súa persistencia, diminúen en máis dun 6% a porcentaxe de graxa e de proteína e incrementan a concentración de células somáticas. Ao mesmo tempo, tamén baixa a detección de celos (que duran menos e son menos evidentes) e resíntese a fertilidade (empreñando peor as vacas e prolongándose desta maneira o intervalo entre partos). O estrés térmico provoca tamén unha diminución da inmunidade das vacas, enfermando máis (especialmente enfermidades pre e post parto do útero e do ubre). Cando sufre unha vaca estés por calor? As vacas atópanse en estrés calórico cando xeran máis calor do que poden disipar. Unha vaca de 40 litros de leite vai empezar a non poder disipar o calor que produce cando hai 23 grados centígrados no ambiente. Se a humidade é baixa, a vaca pode tolerar unha temperatura maior, de até 25 grados, “pero se a humidade é alta, como sucede en Galicia, a vaca sofre xa estrés calórico a partir de 20 grados”, asegura Israel.
Se a humidade é alta, como sucede en Galicia, unha vaca de 40 litros vai empezar a sufrir estrés calórico a partir de 20 grados
Os efectos son un incremento da temperatura corporal por enriba dos 39ºC e un aumento da frecuencia respiratoria. Para tratar de paliar esta situación, as vacas comen menos para baixar a súa temperatura interna e iso fai que diminúa a produción de leite, unha situación que tamén se ve agravada polo descenso da eficiencia nutricional, xa que o animal dirixe parte da enerxía que inxire a mecanismos de redución da temperatura corporal, no canto de ao sistema de produción de leite.
Situacións prolongadas de estrés por calor poden reducir a produción en 1.000 litros por vaca e lactación
É dicir, en situacións de altas temperaturas a vaca come menos e desaproveita unha parte do que come, polo que a produción se ve castigada dobremente. Segundo estudos realizados en EEUU, a eficiencia alimentaria en situacións de calor diminúe un 15%, cuantificou Israel. A vaca está máis inqueda e tende a estar máis tempo de pé, incrementa o ritmo respiratorio e diminúe o tempo de rumia. Factores que empeoran a situación Dous son os factores que están a agravar os efectos do calor nas vacas. Dunha banda, o cambio climático, que está subindo a temperatura media e incrementando a frecuencia das olas de calor. “Desde o ano 61 a hoxe a temperatura incrementouse en 1,5 grados centígrados de promedio no planeta. Iso era o esperado ata o ano 2030 pero xa o superamos a día de hoxe. A frecuencia de olas de calor está medrando moito nos últimos anos e iso está prexudicando ás vacas”, asegura Israel.
Vostedes aquí en Galicia teñen vacas de alta produción de leite e ese é un factor que inflúe no estrés por calor
Tamén empeora os efectos do estrés por calor o aumento na produción de leite por cabeza. “Unha vaca holstein con 45 litros de leite é un radiador con patas. Hoxe estamos nunha situación na que as vacas de alta produción non son capaces de regular o calor corporal sen a axuda do granxeiro”, afirma. ”Un estudo de hai anos demostrou que as vacas de 35 litros cando volvían a condicións térmicas normais non podían recuperar a produción, en contra do que facían as de baixa produción”, aclara.  

Enfriar o establo ou enfriar a vaca?

Sistema de refrixeración combinada sobre as camas e os pasillos de alimentación. Fonte: Cool-Cows Os avances nos sistemas de enfriamento logrados nos últimos 20 anos en países como Israel e a implementación do enfriamento intensivo nos establos pode contribuír a paliar os efectos do cambio climático e reducir as perdas causadas polo estrés por calor nas vacas. Pero Israel Flamenbaum insiste en aplicar de forma axeitada estes avances. “Os ventiladores sós, se os usamos sen auga, case non baixan a temperatura da vaca, fan outras cousas moi importantes, como é extraer o amoníaco ao mover o aire, pero desde o punto de vista térmico non é un sistema efectivo por si só”, asegura.
O enfriamento ten que ser unha combinación de aire e auga, só con aire non é dabondo
“O enfriamento ten que ser unha combinación de aire e auga, só con aire non é dabondo. Os ventiladores só poden disipar a calor dunha vaca que produce 10 litros de leite, pero non o xerado por grandes produtoras”, afirma. Por iso, di, os factores básicos para un enfriamento efectivo son agua, aire e tempo. “O tratamento de enfriamento ten un potencial limitado. En vacas con 22 litros o tratamento dura 5 horas, pero en vacas con 40 litros só dura 3 horas, iso quere dicir que temos que enfriar ás vacas máis a miúdo”, defende. Crear zonas de sombra En granxas situadas en zonas cálidas, Israel estálles recomendando facer 8 tratamentos de enfriamento das vacas ao día, cun total de 6 horas totais acumuladas. “Non hai que ter medo a aplicar máis tratamentos deste tipo. Non importa ter que levantar máis veces ás vacas, porque aínda que pareza que as estamos molestando, o que estamos facendo é mellorar o seu benestar e a súa produción.”, di.  
En zonas cálidas recomenda 8 tratamentos de enfriamento ao día cun total de 6 horas totais acumuladas de funcionamento
Para que o efecto do enfriamento dure máis tempo, Israel recomenda establecer sombras nos corredores e salas de espera, mediante teitos convencionais ou simples teas ou outros materiais que proporcionen sombra, mesmo para a radiación indirecta que entra polos laterais das naves a determinadas horas do día, para o que son útiles sistemas de lonas perforadas móbiles para poder abrir noutros momentos e permitir a circulación do aire.
En momentos de calor obrigar a unha vaca a estar fóra en pastoreo é un erro
“Cando as vacas teñen que camiñar longas distancias para ir a muxirse, como acontece en granxas grandes de México ou EEUU, estanse poñendo sombras nos pasillos para protexer ás vacas do sol directo. En momentos de calor obrigar a unha vaca a estar fóra en pastoreo é un erro, están mellor dentro do establo”, afirma. Enfriamento directo ou indirecto? “Para eliminar a calor que xeran as vacas temos dúas formas: o enfriamento directo, a base de empapar con auga á vaca e aplicar logo unha corrente de aire para que evapore a calor, ou o enfriamento indirecto, que consiste en enfriar o establo. Esta segunda opción é máis cara desde o punto de vista do custo e só é útil para lugares como Arabia Saudí, e zonas áridas de EEUU ou de Israel”, destaca.  
Cando o aire está moi saturado de humidade, como ocorre en Galicia, non temos posibilidade de evaporar máis auga
Con este sistema, a base de evaporar auga, en climas secos pódese lograr baixar a temperatura do establo até 10 grados, pero con altas humidades non é posible facelo en máis de 2 ou 3 grados. “Por iso non creo que sexa moi práctico ou convinte facer isto en Galicia, porque cando o aire está xa moi saturado de humidade non temos posibilidade de evaporar máis auga”, argumenta. Enfriamento forzado ou a demanda? Así pois, no caso de Galicia, Israel recomenda enfriar aos animais, ben con sistemas de enfriamento forzado, ben a demanda. Unha opción sería en determinados momentos do día, por exemplo aproveitando as horas de muxir (pero con iso só non sería suficiente, precisaríase unha frecuencia maior), levantar aos animais y pasalos polo sistema de enfriamento, que pode estar no patio de alimentación ou na sala de espera da sala de muxido.
O máis común é instalar os aspersores e ventiladores na liña do comedeiro e na sala de espera do robot ou da sala de muxido
Este sistema tamén sería adaptable a robot. “Eu desenvolvín o sistema de enfriamento para granxas robotizadas para DeLaval en Talavera de la Reina e funciónalles moi ben, sexa na liña do comedeiro ou no patio onde está o robot”, indica. Outra opción sería o enfriamento voluntario, no que o sistema funciona cando as vacas se achegan. “As vacas aprenden moi ben a acudir cando precisan esa axuda. En Talavera hai outra granxa que adoptou este sistema e estalle funcionando moi ben tamén, tan só baixan un litro do inverno ao verán”, asegura. Índice de relación verán-inverno e ITH “Hai 20 anos inventamos en Israel un índice de relación verán-inverno que analiza a relación entre xullo, agosto e setembro en comparación con xaneiro, febreiro e marzo. Se a relación está próxima a 1 quere dicir que non estamos perdendo capacidade de produción de leite e se esa relación baixa quere dicir que hai máis afectación de estrés por calor”, explica Israel. Fai fincapé no seguimento de datos, tanto antes da instalación dos sistemas de enfriamento como despois. “Non é suficiente con poñer aspersores e ventiladores, hai que comprobar que están facendo a súa función”, considera. Para iso realizan distintas probas por medio de dispositivos intravaxinais e colares intelixentes. “Monitoreamos as vacas para saber se somos capaces de manter a súa temperatura corporal por debaixo de 39 grados durante todo o día ou se temos que incrementar a frecuencia e intensidade do enfriamento”, explica.
O índice ITH determina condicións de estrés por calor por enriba de ITH 68
As novas ferramentas e dispositivos dixitais son unha axuda para iso. “Hai unha correlación moi alta entre a temperatura vaxinal e o ritmo respiratorio das vacas, polo que os colares que miden o xadeo son un sistema moi bo para monitorizar en todo momento a situación térmica da vaca”, di. Estes dispositivos permiten medir o ITH, que en lugares como Valencia ou Talavera entre maio e outubro, destaca, está por enriba do nivel crítico. Importancia dun mantemento axeitado dos equipos Israel destaca así mesmo a importancia dun bo mantemento do sistema e dos distintos equipos, tanto dos aspersores como dos ventiladores. “Se os ventiladores acumulan po reducen un 30% a súa eficacia”, exemplifica. "Non é só vender ventiladores, hai que visitar as granxas, estudar as súas necesidades, instalar los equipos, asesorar ao granxeiro na súa utilización e facer medición e seguimento dos resultados”, resume.
Cuanto máis frecuente é o mollado da vaca, máis baixa a temperatura
A velocidade do aire inflúe no resultado. “A nosa recomendación é empapar ben ás vacas con auga e a continuación cada 5 minutos crear unha corrente de vento cunha velocidade de 3 metros por segundo”, detalla. Un investimento “que se paga só” Israel Flamenbaum asegura que o investimento en medios de enfriamento e o seu uso axeitado pódese considerar “un dos mellores investimentos que pode facer un gandeiro”. “O investimento en enfriamento págase nun ano, máxime en dous. Díganme algún investimento en agricultura ou gandería que se pague nese tempo”, razoa. Calcula que para unha explotación de 200 vacas o investimento nos equipos supón uns 50.000 euros de investimento, uns 250€ por vaca, máis un coste de funcionamento anual de 25€ por vaca.
Non hai un mellor investimento para a produción de leite que o do enfriamento. O custo de instalación é de 250€ por vaca e recuperase en só un ou dous anos
Tendo en conta o incremento de produción logrado, unha parte dese investimento recuperaríase xa no primeiro ano, en función do nivel de incidencia do estrés por calor na granxa. “En Galicia vainos deixar o enfriamento 50€ por vaca, pero en Valencia ou Córdoba vainos deixar máis de 300€”, compara.
Arredor do 15% da enerxía que consume a vaca no verán dedícaa a mecanismos de enfriamento internos
En zonas con alta incidencia de estrés por calor, “as vacas que paren ao principio do verán e están enfriadas chegan a un pico máis alto de lactación (5 litros máis) e manteñen máis tempo esa produción”, asegura, polo que “o enfriamento do gando pode darnos até 1.000 litros máis por vaca”, asegura. Pola contra, en zonas coma Galicia, habería que valorar o custo do investimento necesario e o beneficio obtido. “Se vexo ás vacas uns días xadeando e non teño sistemas de arrefriado, non necesariamente quere dicir que estea perdendo diñeiro, porque hai que ter en conta o custo de instalación e funcionamento. O preocupante é cando estou perdendo moito diñeiro e non fago nada”, lamenta.  
En Galicia non creo que haxa un beneficio de máis de 50€ por vaca, pero vale a pena ter o sistema instalado porque con unha ou dúas olas de calor ao ano xa vai deixar diñeiro
“En Galicia non creo que haxa un beneficio de máis de 50€ por vaca, pero vale a pena ter o sistema e se vén unha ou dúas olas de calor ao ano xa se vai pagar o sistema e vai deixar diñeiro”, asegura. Por iso, recomenda aos gandeiros galegos “que non gasten cando non é necesario, pero que estean preparados co equipo instalado para utilizalo cando sexa preciso”. "O enfriamento intensivo mellora o benestar das vacas, aumenta a súa eficiencia produtiva e, por tanto, reduce o custo de produción e incrementa a rendibilidade da granxa, pero, ollo, todo isto coa condición de que exista un problema real de carga térmica", matiza.  Efectos a máis longo prazo Israel afirma que a maiores dos beneficios sobre a produción, o enfriamento ten outros efectos a máis longo prazo. “Hai que ter paciencia, porque os resultados non son inmediatos. Moitas veces os resultados do primeiro ano non son moi relevantes, hai que agardar ao segundo y terceiro ano para ver resultados”, asegura. “Cando arrefriamos ás vacas secas producen máis leite na seguinte lactación, porque se produce unha maior vasodilatación”, exemplifica. Por iso, di, aplicar tratamentos contra o estrés por calor incrementa a rendibilidade económica das granxas a curto e tamén a máis longo prazo. “O efecto da calor sobre a fertilidade ten lugar durante un período prolongado de tempo de arredor de 50 días. En Italia, nunha granxa cerca de Roma, case duplicamos a taxa de concepción cun bo arrefriamento das vacas. Iso reduce a taxa de eliminación”, destaca.

Coolcare: A protección de De Heus contra o estrés por calor en vacún de leite

A tensión térmica en gando vacún leiteiro é un problema común en España durante os meses máis calorosos. Ademais de polas elevadas temperaturas ambientais, as vacas de leite sofren aínda máis as consecuencias do estrés térmico debido á cantidade de calor que elas mesmas producen a través do seu propio metabolismo.

Os efectos do quecemento global converten nunha necesidade protexer aos animais da calor e non só nos meses de verán.

Como consecuencia da tensión por calor, os animais cambian os seus hábitos naturais para tentar aliviar o sufrimento, circunstancia que provoca varios efectos negativos en fervenza: diminución da inxesta, diminución da produción de leite, perda de condición corporal, caída dos índices de fertilidade e outros problemas. As acidoses fanse máis frecuentes e, como consecuencia, o leite producido presenta menor tenor de graxa. Todo isto desemboca en elevadas perdas económicas para o gandeiro.

A detección temperá dos síntomas de estrés é clave para previr o impacto en produtividade e saúde.   

A continuación, ofrecemos algunhas indicacións a ter en conta polo produtor para facer fronte á tensión térmica na súa explotación:

-Prever as condicións climáticas a través do índice THI (índice temperatura e humidade). Non só a temperatura é importante; a humidade relativa do aire agudiza os efectos da tensión por calor. Os niveis THI dentro das naves poden ser superiores aos do exterior, aínda que tamén é importante considerar a exposición directa ao sol en animais en pastoreo. Os sensores de THI monitorizan de forma continua este indicador, nalgúns casos sincronizados cos sistemas de ventilación forzada.

O valor THI a partir do cal se estima que existe perda de produtividade por tensión por calor é 68. Porén, na actualidade hai consenso en que ese valor debería ser de 62.

Observar os animais para detectar os primeiros signos. Algúns deles son:
-Respiración curta.
-Cocientes de respiración altos.
-Redución do tempo en repouso (deitadas) para favorecer a disipación de calor.
-Diminución da actividade ruminal. Por cada 10 puntos de THI, a rumia redúcese nunha hora e a produtividade en 2,5 kg de leite.

Como reducir a tensión térmica?

A forma máis eficiente de reducir a tensión térmica é a través da adaptación do manexo e da nutrición.

-Manexo: a nivel instalacións, débese procurar garantir a existencia de sombras, ventiladores, auga fresca e nebulizadores.

O manexo da alimentación é outra cuestión crave. Ter en conta a protección dos alimentos para evitar o seu quecemento e realizar dous unifeeds por día ou, na súa falta, cambiar o horario de unifeed único para a noite, son estratexias que melloran a inxesta de materia seca.

-Nutrición: Trátase de optimizar a utilización de nutrientes e a dixestión ruminal co obxectivo de preservar a saúde do rume. É importante tentar limitar os aspectos negativos da tensión térmica utilizando buffers, aumentando a enerxía na dieta e garantindo a correcta achega de vitaminas e minerais esenciais. A inxesta de auga e materia seca deberá ser potenciada recorrendo a aditivos e alimentos específicos.

Por último, o proceso natural de disipación de calor do animal a través da vasodilatación debe ser estimulado utilizando reguladores térmicos bioactivos.

As vantaxes de Coolcare

Neste sentido, Coolcare é unha solución nutricional completa deseñada polo servizo técnico de De Heus para diminuír os efectos da tensión térmica. Presenta un modo de acción múltiple baseada na integración dos elementos nutricionais que interveñen na redución da tensión térmica con aditivos que garanten que o TMR se manteña fresco por un maior período de tempo.

Sustancias activas:

– Buffers.
– Secuestrantes de toxinas.
– Minerais.
– Conservantes.
-Reguladores térmicos bioactivos.

Efectos positivos de Coolcare:

-Produción máis estable de leite.
-Maior inxesta de materia seca.
-Animais máis hidratados.
-Menos acidoses.
-TMR máis fresco.
-Mellor composición de leite.
-Mellor taxa de concepción.
-Animais máis saudables.

Recomendacións alimentarias:

-Agregue Coolcare ao seu TMR ou suplemente no pesebre en función das recomendacións do técnico de De Heus.

Para maior precisión na determinación da tensión térmica e da dosificación de Coolcare, utilice a app Coolcare, dispoñible para Android e iOS. Proporciona recomendacións nutricionais e de manexo para a redución da tensión térmica dos animais, con base nas condicións meteorolóxicas locais da súa explotación.

Descárguea xa!

COOLCARE ESTÁ DISPOÑIBLE EN TODA A REDE DE DISTRIBUCIÓN DE DE HEUS

Claves para xestionar as cubertas vexetais e optimizar os seus beneficios nos viñedos

A cuberta vexetal nos viñedos é unha das formas para combater a erosión dos solos, un dos grandes desafíos da viticultura actual, aínda que esta non é a única vantaxe que ofrece. O doutor e investigador do Instituto Agro, situado en Montpellier (Francia), Léo García, proporcionou algunhas claves sobre o manexo e os beneficios da cuberta vexetal no viñedo durante o Seminario Internacional de Viticultura: Avances e desafíos conxunturais organizado por Vitivin, a plataforma en liña especializada en ofrecer contido para profesionais do sector vitícola. Tal e como sinala García, as cubertas vexetais son unha alternativa en zonas nas que, tras fortes choivas, gran cantidade de terra dos viñedos é arrastrada, o que supón un problema grave en viticultura. Tamén son unha vía para mellorar a calidade do solo (matera orgánica, actividade biolóxica, ciclo de nutrientes) e afrontar os problemas derivados do cambio climático e os episodios de seca cada vez máis recorrentes. “O sur de Francia, España ou o sur de Chile estamos no mesmo barco para afrontar eses problemas de seca no viñedo”, valora García. É preciso ter presente que, comparado con outros cultivos, os viñedos tamén están sometidos a unha gran presión polo uso de fitosanitarios. Ademais, adoita procederse a realizar moito desherbado mecánico de maneira que os solos quedan espidos. O investigador sinala tanto as vantaxes que ofrecen as cubertas vexetais como os inconvenientes que pode carrexar en determinados momentos para o viñedo. García insiste na importancia de ter todos os aspectos en conta e axustar a estratexia para desenvolver no viñedo, é dicir non escoller unha estratexia fixa, xa que esa pauta pode non funcionar ben todos os anos.
A pesar das vantaxes que poida proporcionar as cubertas, García recomenda unha estratexia variable, que permita manexar as cubertas en función dos obxectivos do viñedo e do clima
“Unha estratexia fixa deixa grandes variacións entre os anos de cultivo de maneira, que en ocasións pódense lograr resultados positivos para índices ambientais como a escorrentía, pero outros verase afectada a calidade e a produción. Por iso, é fundamental adaptar a estratexia, o que permitirá lograr bos resultados en ámbolos dous aspectos ao axustar o manexo da cobertura (sementeira, a destrución ou o mantemento da cobertura) en función das necesidades do viñedo en cada campaña”, concreta o investigador. Servizos para o solo e a vide Ante estes retos da viticultura, as cubertas vexetais, preséntanse como unha alternativa para ter en conta. Trátase de cultivos de servizo, é dicir non son cultivos comerciais, xa que non se cultivan nin se venden. Estas cubertas axudan a mellorar as propiedades dos solos. “O obxectivo das cubertas é prestar servizos ecosistémicos para o agricultor e para a sociedade. Son unha panca para a protección, conservación e restauración do solo no viñedo”, explica o investigador.
“O obxectivo destas cubertas é prestar servizos ecosistémicos para o agricultor e para a sociedade. Son unha panca para a protección, conservación e restauración do solo no viñedo”
Á hora de avaliar o impacto que as cubertas vexetais teñen no viñedo, García detalla que optar por elas en lugar de labrar o solo contribúe a controlar o rendemento das cepas, á vez que achega unha maior biodiversidade e actividade biolóxica dos solos. “Esta é unha función moi importante tendo en conta que en viticultura o solo é o elemento central á hora do identificativo do terroir, así como de todas as denominacións de orixe protexida”, detalla o experto. As cubertas xogan un papel moi importante na conservación do solo, ao ser un mecanismo para o control da erosión, contribuír a mellorar as condicións físicas do terreo e a lograr un balance de auga e depuración e mellorar a infiltración de auga. “As cubertas achegan estabilidade estrutural, de maneira que evita que as partículas do solo se danen, así como que o solo estea demasiado compactado, xa que reducen a densidade aparente”, explica o investigador. Como demostran algúns estudos, ao saír do inverno hai máis auga no solo naqueles viñedos que tiveron unha cobertura vexetal durante o inverno, débese en gran medida a que se frea a escorrentía da auga. Auga dispoñible en viñedos con cuberta vexetal (verde) e solo nú (azul). Datos de Sergio Ibáñez Pascual Ademais, son ferramentas para incrementar a fertilidade do solo (“abonos verdes”) e que permiten a captura de carbono. Contar con cubertas vexetais é unha ferramenta que axuda á degradación de pesticidas e praguicidas.
“Os viñedos con cobertura vexetal teñen menos danos de mildio, con menos danos tanto na follas como no acio”
Optar por cubertas vexetais tamén axuda á regularización do vigor da vide e do microclima dentro das súas follas, e mesmo poden ser un aliado no tratamento de enfermidades fúnxicas, pragas e inimigos naturais do viñedo. “Estudos como o desenvolvido polo profesor Héctor Valdés Gómez amosan que os viñedos con cobertura vexetal teñen menos danos de mildio, con menos danos tanto nas follas como no acio”, detalla García. A competencia que exerce a cuberta vexetal provoca que o viñedo teña menos vigor, de modo que o microclima que existe dentro das follas é menos favorable tamén para o mildio. Como sinala García, cómpre ter presente que as cubertas vexetais tamén poden aumentar a humidade do aire no viñedo, o que favorece os ataques de fungos, de aí que sexa fundamental o manexo da cuberta.  Non é un efecto directo, pero a cobertura vexetal tamén contribúe á biodiversidade xeral dos viñedos, o que favorece a presenza de especies animais como os morcegos que son inimigos naturais dalgunhas das pragas que afectan á vide. “Ter biodiversidade ademais da riqueza natural pode ser unha vía de aforro de custos en tratamentos e por tanto de gañar diñeiro no viñedo”, explica o investigador. Nalgunhas rexións vitícolas, as cubertas vexetais dos viñedos son aproveitadas para a produción de forraxes para ovellas, o que abre unha vía para a diversificación no campo. Ademais, as cubertas tamén poden contribuír a incrementar o atractivo turístico dos viñedos ao crear paisaxes cun alto valor estético. Competencia pola auga e nutrientes O investigador Léo García incide en ter presente non só as vantaxes que proporcionan ao viñedo e ao ecosistema as cubertas vexetais senón tamén os efectos contraproducentes que pode xerar, de maneira que poida facerse un balance dos pros e contras que ofrecen. A competencia pola auga é un dos principais inconvenientes das cubertas vexetais. Os traballos realizados polo investigador Florian Celette en 2005 demostran que a cobertura vexetal permite reter a auga no inverno e evitar as escorrentías. Aínda que, estas mesmas cubertas poden favorecer o secado do solo en épocas como verán, ao existir unha maior competencia pola auga entre a viña e o resto de vexetais que crecen. Así, aínda que é favorable contar cunha cobertura vexetal debe valorarse que pode competir directamente coa viña pola auga, dependendo do período de presenza da cobertura vexetal.
“O portainxerto é unha das cuestións para ter en conta no futuro nos viñedos para adaptarse a retos como as consecuencias do cambio climático”
O rendemento dos viñedos é un dos factores determinantes tanto para os viticultores como para os investigadores e as cubertas vexetais tamén poden influír. Segundo distintas investigacións, os portainxertos sensibles ou cunha sensibilidade media á seca teñen un rendemento máis baixo coa cobertura vexetal que co solo espido. Con todo, se o portainxerto é resistente á seca, hai estudos que avalan que o rendemento pode ser máis alto con cobertura vexetal ou ben non hai cambios en comparación con solos espidos. “O portainxerto é unha das cuestións para ter en conta no futuro nos viñedos para adaptarse a retos como as consecuencias do cambio climático”, explica o investigador.
“Contar cunha cuberta vexetal ás veces mellora o rendemento e outras inflúe negativamente”
A calidade e a cantidade de uvas tamén pode verse afectada ou mellorada pola existencia dunha cobertura vexetal. “Contar cunha cuberta vexetal ás veces mellora o rendemento e outras inflúe negativamente”, comenta o investigador. A cobertura vexetal tamén pode competir directamente por outros nutrientes como o nitróxeno do solo. É importante identificar os períodos críticos para os servizos ecosistémicos. Dependendo do período do ano e do estado fenolóxico do viñedo interesarán uns servizos ou outros. Así, durante os períodos de choiva é moi importante controlar a erosión, pero cando a vide necesita nitróxeno é moi importante contar con nitróxeno e auga. “Hai distintos períodos de absorción do nitróxeno na vide e hai que ser moi preciso en canto ás dinámicas de mineralización do nitróxeno para que poida estar dispoñible para a vide cando o necesita. Así, principalmente ao redor da floración.
As cepas que sofren estrés hídrico ou por escaseza de nitróxeno na floración poden sufrir perda de rendemento non só ese ano senón tamén ao seguinte
A floración é un período moi importante. Demostrouse que as cepas que sofren estrés hídrico ou por escaseza de nitróxeno na floración poden sufrir perda de rendemento non só ese ano senón tamén ao seguinte.
Cubertas vexetais en viñedos.. Foto: Sergio Ibáñez Pascual Aproveitar as vantaxes que ofrecen as cubertas vexetais Para conseguir un óptimo aproveitamento da cuberta vexetal no viñedo, García recomenda prestar especial atención á elección da especie ou especies da cuberta. Pódese optar por sementar determinadas especies ou aproveitar os servizos ecosistémicos que prestan as cubertas espontáneas, herbas que crecen de maneira natural sen necesidade de sementalas. “En función das especies que teña a cuberta obteremos uns servizos ou outros no noso viñedo”, concreta. As especies teñen diferente eficacia para limitar a erosión do chan, así especies como Thymus serpylloides ou a Salvia lavandulifolia evitan en gran medida a escorrentía, mentres outras especies como a Lavandula stoechas, coñecida popularmente como tomiño borriqueiro, non conseguen suavizar a erosión. O mesmo ocorre coa achega de nitróxeno. Tamén se observan variacións se se opta por cubertas diversas ou se pola contra se escolle unha única especie. As leguminosas son unha alternativa moi interesante para achegar nitróxeno. “Particularmente nos solos vitícolas que non teñen moita materia orgánica ou nitróxeno mineral, as leguminosas desenvólvense e medran mellor, sendo máis interesantes para o viñedo, sobre todo cando se comeza con esta práctica”, concreta García.
En función das especies da cuberta obtéñense uns servizos ou outros no viñedo, por iso moitos viticultores optan por cubertas diversas, xa que é un método de conseguir eses servizos
As mesturas multifuncionais moitas veces son interesantes, xa que prestan máis dun servizo ao viñedo. “Moitos viticultores optan por cubertas diversas pola seguridade que lles ofrece contar con máis dunha especie para conseguir eses servizos”, explica o investigador. Á hora de sementar as cubertas, moitos viticultores optan por sementeira directa. Hai mesmo viticultores que desenvolveron as súas propias sementadeiras adaptando os seus equipos de fertilización, de maneira que logran labrar e sementar ó mesmo tempo. É un sistema que funciona bastante ben tal e como recoñece o investigador. Equipos empregados para a sementeira da cuberta en viñedos.. Foto: Sergio Ibáñez Pascual Na sementeira tamén é preciso un axuste da taxa de cobertura na parcela. Pódese optar por unha cobertura total do viñedo ou só en determinados espazos, ben sexa entre rúas ou na propia fileira do viñedo. O rendemento e o vigor da vide están relacionados coa porcentaxe de cobertura vexetal da parcela, tal e como demostraron os investigadores Delpuech e Metay en 2018. “Sen cobertura vexetal o rendemento é máximo e canto máis se incrementa a cuberta vexetal máis se reduce tanto o rendemento como o vigor. Aínda que é certo, tras varios anos este efecto poida que non se note”, especifica García. Outro dos aspectos para ter en conta no manexo das cubertas vexetais é a data e a destrución utilizada. García atópase nestes momentos inmerso nunha investigación sobre esta cuestión. Están a empregar tres métodos: segadora e cultivo do chan, ou ben utilizando a segadora sen labrar o chan ou destruíndo a cuberta co rolo. Ademais probou a destruír esta cuberta tanto ao final do inverno como na brotación da vide. Os primeiros resultados obtidos en 2020 e aínda pendente de novos datos, indican que “dependendo da ferramenta e da data de destrución pódense obter resultados diferentes para o viñedo para manexar a maleza, a auga do solo ou outros factores determinantes para o viñedo”, indica o investigador.

Webinar sobre a optimización dos sistemas para combater o estrés por calor en vacún de leite

Sistema de ventilación de SAT San Antonio, en Palas de Rei, que conduce o aire a través dun tubo perforado

MSD Animal Health organiza este mércores 14 de xullo ás 18:00 horas un webinar baixo o título Estrés por calor: optimización dos sistemas de arrefriado, no que distintos expertos e gandeiros exporán distintas alternativas para mellorar o confort do gando nos meses de verán e os seus beneficios en canto á produción ou a aspectos reprodutivos.

Sebastián Ruiz, Xerente de Emporvet, dará o relatorio 20 anos de revolución dos sistemas de control de estrés por calor en vacún de leite. Despois, o Dr. Israel Flamembaun, Consultor internacional en manexo de granxas de vacún de leite e CEO de Cow Cooling Solutions, falará sobre os beneficios produtivos e económicos ao optimizar o sistema de arrefriado.

Por último, o webinar finalizará cunha mesa redonda de discusión sobre os sistemas para combater o estrés por calor con tres produtores de vacún de leite: Ramón Morla, de SAT More Holstein; Anxo Arronte, de SAT Arronte; e Pablo Librán; de SAT Irmáns Librán. Este debate será moderado por Anxo Revilla, Director da Unidade de Ruminantes de MSD Animal Health.

Apoiar a profesionalización do sector

Todas aquelas persoas interesadas en seguir esta xornada poden facelo gratuitamente tras rexistrarse a través deste link para poder acceder a este webinar e aos seus contidos tanto en directo como en diferido. Se se queren coñecer outras experiencias de profesionais do sector e acceder a outra información de interese, pode facerse seguindo @vacunalavaca en Facebook e Instagram.

A través deste e o resto de webinars de Vacuna la Vaca, MSD Animal Health pon de manifesto a súa aposta por apoiar a profesionalización do sector e estar xunto aos profesionais, veterinarios e gandeiros, que fan que grazas ao seu esforzo e dedicación no día a día, sexa posible dispoñer de produtos de alto valor nutricional para as persoas, garantindo en todo momento a saúde e o benestar dos animais.

COOLCARE®: a mellor forma de previr o estrés por calor

O estrés por calor é un problema moi común nas vacas leiteiras durante os meses de verán. Especialmente as vacas de alta produción xeran moita calor a través do seu propio metabolismo e, por tanto, sofren de maneira máis intensa as consecuencias da tensión térmica.

Este problema provoca nos animais efectos negativos en cascada, tales como diminución da inxesta de alimento e por tanto da produción de leite, deterioración da condición corporal, perda de fertilidade e problemas de saúde en xeral. Ademais, as acidoses fanse máis frecuentes e, en consecuencia, o leite producido presenta un menor porcentaxe de graxa, co impacto económico que isto ten para a granxa.

COOLCARE® é a solución nutricional completa deseñada por De Heus para minimizar o impacto da tensión térmica e para garantir que o TMR se manteña fresco durante máis tempo. O produto está dispoñible en toda a rede de distribución especializada de De Heus.

COOLCARE® está composta por sustancias activas de alta calidade, así como vitaminas, minerais específicos, termoreguladores bioactivos, secuestrantes e conservantes. Grazas ao seu uso os animais inxeren máis alimento, están máis sans e hidratados, padecen menos enfermidades e acidoses, melloran taxas de concepción e a súa produción de leite é máis estable.

Como utilizar COOLCARE®?

COOLCARE® debe agregarse ao TMR ou engadirse como suplemento ao pesebre. Para unha maior precisión na determinación do estrés térmico ou na dosificación do produto, pode contactar cun técnico de De Heus, que lle proporcionará todas as recomendacións e consellos adaptados ás características e necesidades da súa granxa.

Ademais, a multinacional holandesa acaba de lanzar a nivel mundial COOLCARE® by De Heus, unha innovadora aplicación que pode descargarse gratuitamente para Android e IOS, onde atopará recomendacións nutricionais e de manexo para a redución da tensión térmica dos animais, baseándose nas condicións meteorolóxicas locais da súa explotación.

A nova app de De Heus serve para calcular o THI da granxa e a previsión de THI para toda a semana. Ademais, dispón de alertas automáticas e recomendacións técnicas de gran utilidade para o gandeiro.

Maneiras de reducir o estrés por calor

A forma máis eficaz de reducir a tensión térmica é centrarse tanto no manexo como na nutrición.

A nivel de instalacións, débese garantir a existencia de sombras, ventiladores, auga fresca e aspersores. O correcto manexo dos alimentos, evitando que se quenten ou buscando estratexias que melloren a inxesta de materia seca, tamén contribuirá a reducir a tensión por calor nas vacas.

En canto á nutrición, é importante limitar os efectos que pode ocasionar a tensión térmica utilizando buffers, aumentando a enerxía na dieta e garantindo a correcta achega de vitaminas e minerais específicos. Tamén debe fomentarse a inxesta de auga e aditivos especiais que permitan unha maior vasodilatación que facilite ao animal a liberación de calor.

THI: Un bo indicador da tensión por calor en gando vacún

A tensión por calor iníciase por unha combinación de temperatura e humidade. A partir de ambos, formulouse unha ecuación: o chamado índice THI (índice de temperatura e humidade), para avaliar o impacto da tensión por calor.

A tensión térmica prodúcese a partir dunha temperatura de 23 graos en combinación cunha humidade de máis do 40 por cento (THI ≥ 68). Canto maior é o THI, máis sofren os animais (ver táboa).

Estratexias en ganderías galegas para reducir o estrés por calor nas vacas

Nave de produción de SAT San Antonio, de Palas de Rei, que vén de instalar un sistema de condución de aire As altas temperaturas adoitan ocasionar problemas nas vacas de leite provocándolles unha situación de estrés que afecta á súa alimentación, produción ou mesmo á reprodución. É unha situación que se acusa máis en establos antigos, moitas veces pouco ventilados e de altura insuficiente. A súa adaptación en ocasións non resulta doada e a instalación de ventiladores resulta imprescindible para manter un mínimo confort interior para o gando. Pero hai outras medidas a nivel de manexo que tamén se poden adoptar e que resultan efectivas. As ondas de calor extremo son un fenómeno cada vez máis frecuente, tamén en Galicia, por mor do cambio climático. O estrés por calor no gando vacún é unha combinación de temperatura e humidade elevada, que se manifesta normalmente a partir dos 30 graos e dun 70% de humidade. Sen embargo, debido ao alto nivel de humidade relativa existente en Galicia, as penalizacións por calor nas vacas de leite comezan a notarse a temperaturas máis baixas ca noutras zonas con clima máis seco. Os animais de raza holstein, os máis habituais na produción de leite en Galicia, atopan a súa zona de confort térmico entre os 0ºC e 24ºC, podendo manter a súa temperatura corporal mesmo a temperaturas ambientais de -10ºC, polo que o frío non resulta un problema, pero si o calor.
Os animais de raza holstein, os máis habituais na produción de leite en Galicia, atopan a súa zona de confort térmico entre os 0ºC e 24ºC. Fóra deses parámetros, a vaca centra boa parte da súa enerxía en tentar regular a súa temperatura corporal
Os mecanismos fisiolóxicos da vaca para eliminar o exceso de calor prodúcense mediante convección (transmisión de calor a través do aire que rodea ao animal), condución (sucede cando un corpo quente entra en contacto con outro máis frío, nas vacas ocorre cando están en contacto coa cama, por exemplo) e evaporación (a través do aparello respiratorio, da pel e pola eliminación de ouriños e bosta). Ás vacas resúltalles doado regular a súa temperatura corporal mentres a temperatura do aire sexa inferior á súa, que adoita situarse nun valor medio de 38,5 graos centígrados, pero cando se sitúa por enriba destes valores, ou mesmo por baixo se existe un grado de humidade alto no ambiente, a vaca centra boa parte da súa enerxía en tentar regular a súa temperatura corporal.
O estrés por calor, que se manifesta con temperaturas elevadas e un grado de humidade ambiental alto, é unha das principais causas de descenso da produción en gando vacún leiteiro durante o verán, así como do contido en graxa do leite
É por iso que o estrés por calor é unha das principais causas de descenso da produción en gando vacún leiteiro durante o verán. Cando as vacas acusan unha situación deste tipo reducen a súa inxesta de materia seca, o que se deriva nunha menor produción de leite e este contén tamén menos graxa. Aínda que os animais en produción son os que máis acusan os efectos da calor, tamén as vacas secas e as becerras sofren deste estrés que afecta ao seu desenvolvemento, xa que hai un menor crecemento e prodúcese unha perda de peso e unha redución da condición corporal. Alimentación e auga fresca Hai que evitar que lle dea o sol á ración para que non queza e a auga debe ser fresca, limpa e abundante As vacas no verán comen menos. O descenso do consumo de materia seca por cabeza nos días de calor pode mesmo chegar ao 20 ou 30%, coa conseguinte perda de produción. Gardar as mellores forraxes para os meses do verán (as forraxes de menor calidade, con alto contido en Fibra Neutro Deterxente, producen máis calor no animal ao fermentar no rume) e desbotar aquelas partes do silo onde poida haber fungos, así como incrementar o contido en fibra dixestible e de calidade para evitar o risco de acedose rumial é sempre a primeira recomendación en materia de alimentación nos meses cálidos.
As forraxes de menor calidade, con alto contido en Fibra Neutro Deterxente, producen máis calor no animal ao fermentar no rume
Hai que poñer especial énfase no verán na mestura da ración, para evitar que a vaca escolla. De non ser así, como a inxesta é menor, pode producirse un desequilibrio metabólico por exceso de enerxía, algo que se dá sobre todo en ganderías con robot de muxido, xa que a inxesta en pesebre redúcese pero a cantidade de concentrado que suplementa o robot non diminúe. Para facer a ración máis apetecible pódense engadir ingredientes como pulpa de remolacha, bagazo de cervexa ou melaza, aínda que vixiando o nivel de zucres para manter o equilibrio da dieta. As vacas saliban máis cando teñen calor, polo que se produce unha maior perda de bicarbonato. Por iso debe reforzarse tamén o contido en minerais da ración, tanto de bicarbonato como tamén de potasio e sodio, debido tamén á perda pola saliba.
Debe procurarse preparar a ración con máis frecuencia e poñer especial énfase na mestura, para evitar que a vaca escolla e se produza un desaxuste metabólico
Debe procurarse preparar a ración con máis frecuencia, por exemplo dúas veces ao día, para ofrecerlle á vaca comida fresca, e servir a alimentación pola mañá cedo ou á tardiña, evitando depositala no comedeiro nas horas centrais do día e tamén que lle dea o sol ou queza e fermente. Xunto co alimento, é clave proporcionar aos animais auga limpa, fresca e abundante, con caudal suficiente e un mínimo de 10 centímetros de bededeiro por vaca e sempre con máis dun bebedeiro por lote para mitigar o efecto das vacas dominantes. A necesidade de auga acrecéntase tralo muxido e a limpeza dos bebedeiros tórnase esencial no verán. Adaptación da ración Gandería Mosquera Vaamonde SC, de Ordes, é a primeira en produción por vaca de Galicia, con 15.620 quilos de media ao ano, segundo o ránking de Fefriga do 2019. É un galardón no que repite xa por quinta vez desde que o lograra por primeira vez no 2013. O coidado individualizado a cada unha das súas 31 vacas en muxido é unha das claves destas cifras. Entre outros aspectos do manexo diario, Pablo Mosquera, responsable xunto á súa nai desta explotación, coida ao máximo a calidade das forraxes e adapta a ración nos meses de verán concentrando o seu valor nutricional.
Gandería Mosquera Vaamonde SC concentra a ración no verán para que aínda que as vacas coman menos en volume, a cantidade de materia seca inxerida non varíe e minimizar deste xeito as perdas de produción
"No verán as vacas comen menos, así que reduzo o volume da ración e concentro a cantidade desde o punto de vista nutricional, subindo a soia e baixando a herba, así a vaca inxesta a mesma materia seca con respecto ao resto do ano pero con menos volume e deste xeito a vaca non che baixa tanto ao leite no verán", razoa Pablo. Instalacións A nova nave de SAT Lodos e Pérez, na Pastoriza, acada os 10 metros de altura e está aberta polos laterais Xunto á comida e á auga, proporcionar á vaca sombra e ventilación son outros dous elementos esenciais no verán. A orientación da nave (en Galicia, unha orientación Nordeste-Suroeste protexe da exposición lateral e cenital aos ventos predominantes e reduce a incidencia solar no verán), o mesmo que a súa altura e a presencia de aperturas laterais e na cumbreira, axudan á ventilación natural.
A nova nave de SAT Lodos e Pérez, na Pastoriza, non precisa sistemas de ventilación forzada
Foi o que perseguiron na SAT Lodos e Pérez, no concello da Pastoriza, coa construción do seu novo establo. A nave parte de 7 metros de altura na parte máis baixa e acada os 10 metros na súa parte central. Trátase dunha estrutura metálica con aperturas no teito e totalmente aberta polos catro laterais o que fai que o aire quente non se acumule no seu interior. "Aquí non hai ventiladores porque non fan falta, non hai necesidade de mover o aire, ao ser a nave tan alta non se acumula o aire quente e non notas corrientes porque o aire igual que entra sae", explica Alfonso Lodos, un dos socios desta gandería ubicada na parroquia de Pousada.  Pero cando a circulación natural de aire non é suficiente, pódese suplir ou suplementar con sistemas de ventilación forzada. Trátase de manter o aire en movemento dentro das granxas, creando artificialmente correntes de aire no interior cando a refrixeración natural non é dabondo.
Nos ventiladores habituais, colocados en liña a unha altura de entre 2,5 e 3 metros sobre o comedeiro ou a zona de camas, e cunha inclinación de 30 grados, a distancia de separación entre eles será de 10 veces o seu diámetro
Para iso, os ventiladores deben ser os axeitados, en potencia e en número, de xeito que sexan capaces de proporcionar unha corrente de aire de cando menos 8 quilómetros hora na dirección do vento predominante. Deben estar colocados sempre fóra do alcance dos animais, o persoal ou a maquinaria usada no establo pero o máis baixos posible. Ademais da zona de comedeiro ou dos cubículos, debe habelos tamén na área de espera para o muxido. Aspersores de auga Nave de produción de SAT A Campiña, que conta cun sistema combinado de aspersores e ventiladores A maiores da colocación de ventiladores, pode optarse tamén pola instalación de pulverizadores de auga, unha combinación frecuente noutras zonas pero menos habitual en lugares coma Galicia, onde a humidade ambiental é xa de por si elevada e o uso de a aspersores pode ser mesmo contraproducente. Los aspersores adoitan colocarse en liña cos trabantes a uns dous metros de altura pero dirixidos cara o corpo da vaca e non cara o comedeiro. Os difusores contan cun programador e funcionan habitualmente entre 1 e 3 minutos cada 15 minutos, durante as horas centrais do día. Cando os aspersores están combinados cos ventiladores, os emisores de aire deben estar xusto por enriba dos difusores de auga. Aínda que este sistema é menos frecuente velo en Galicia, existen algúns exemplos de ganderías que o teñen en funcionamento. SAT A Campiña, ubicada na parroquia de Vilaxuste, en Portomarín, reconvertiu unha antiga granxa de polos dun dos socios para o establo das vacas en produción. Como o establo ten menos altura da recomendada, incorporaron un sistema de ventiladores e aspersores de auga para controlar a temperatura no seu interior.
SAT A Campiña dispón dunha combinación de aspersores de auga e ventiladores que acenden automáticamente canto a temperatura pasa dos 25 grados
Os días de calor abundan nesta zona do interior da provincia de Lugo, con temperaturas que pasan frecuentemente dos 30 grados, pero o sistema de ventiladores e aspersores de auga acende automaticamente cando a temperatura pasa dos 25 grados centígrados, segundo explica Ricardo Pérez, un dos tres socios desta SAT. No caso de empregar aspersores de auga, existen unha serie de recomendacións a ter en conta. A fundamental é que hai que asegurarse de que mollan á vaca, por exemplo mentres está comendo na cornadiza, pero de que a auga non caia na comida, pois isto provocaría a aparición de fungos e que coa calor a ración fermentase ao longo do día. Tamén poden pulverizar os pasillos, pero nunca a zona das camas, xa que incrementaría a humidade do material empregado nos cubículos supoñendo un risco elevado de mamite. Espera para o muxido Tamén regan as vacas na gandería Casa Devesa, ubicada na parroquia de Baamorto, en Monforte, onde a calor tamén aperta no verán. Pero neste caso non o fan na zona de alimentación nin na nave de produción, senón cando os animais están na sala de espera para muxírense, outro dos momentos críticos e dos puntos débiles de moitos establos en canto á refrixeración, pois ao xuntárense as vacas aumenta a calor.
En Casa Devesa regan ás vacas mentras se atopan agardando para entrar na sala de muxido
"Mentras agardan botámoslles auga por enriba para refrescalas e logo témoslles uns ventiladores que as secan", conta Francisco Javier Losada, propietario desta gandería monfortina que tamén emprega silo de pulpa de mazá para a alimentación do gando, que aporta humidade e fai máis apetecible a ración. Ventiladores de teito Ventilador de teito en Casa Devesa de Monforte de Lemos Outra das melloras nos últimos anos nesta explotación no aspecto do confort dos animais foi a adquisición duns potentes ventiladores de teito, con aspas de grandes dimensións, máis efectivos que os habituais ventiladores colocados en liña na maioría das explotacións.
SAT Herbón Núñez colocou potentes ventiladores sobre a zona de cubículos
Tamén dispoñen deste tipo de ventiladores suspendidos do teito en SAT Herbón Núñez, na parroquia de Pacios, en Baralla. É un sistema que nesta gandería introduciron logo dunha viaxe fai anos a Israel, onde José Manuel, un dos dous irmáns que levan a granxa, os viu funcionando nas explotacións daquel país, onde malia as altas temperaturas logran importantes producións de leite. Nesta SAT de Baralla están pendurados sobre a zona de cubículos e refrescan directamente aos animais cando están deitados nas camas, aínda que logran tamén chegar a cubrir coa renovación do aire a zona de alimentación. Os que eles instalaron son de orixe italiana e ademais de ter máis potencia e lograr mover máis aire, fan tamén menos ruído, destaca José Manuel, un factor tamén importante para contribuir á redución do estrés no gando. Secas e recría Aínda que adoita ser habitual centrar os esforzos en mitigar a calor dos animais en produción, non debe esquecerse o resto da cabana, pois os efectos son menos visibles e inmediatos que os percibidos no tanque do leite pero non por iso menos importantes. Os problemas derivados do estrés por calor non só afectan ás vacas senón ós xatos, xa que é habitual que as xestacións se acurten varios días e os becerros nazan máis febles e aumente a mortaldade das crías. Por iso, hai que extremar os coidados neonatais. Cando os boxes están fóra, no exterior das instalacións, é fundamental proporcionarlles sombra.
O peso dos xatos e a súa inmunidade é menor cando a vaca está estresada pola calor na xestación e cando a becerra se destina a recría estes efectos nótanse despois ao longo de toda a súa fase de crecemento
O peso dos xatos e a súa inmunidade é menor cando a vaca está estresada pola calor na xestación e cando a becerra se destina a recría estes efectos nótanse despois ao longo de toda a súa fase de crecemento, pois afecta ao seu desenvolvemento. As becerras que nacen nos meses de verán teñen un menor crecemento e prodúcese unha perda de peso e unha redución da condición corporal, que retrasa a idade de inseminación e, consecuentemente, o seu primeiro parto. Efectos reprodutivos e na saúde A estas consecuencias engádense outros efectos directos da calor centrados na reprodución do animal. A calor provoca unha diminución da lívido, a fertilidade e increméntase o risco de perder o embrión.
Os desequilibrios hormonais que xera a calor teñen efectos negativos na ovulación e na implantación e supervivencia embrionaria
As consecuencias sobre a saúde tamén son importantes. Co calor prodúcese unha inmunodepresión do gando, polo que é máis sensible ao efecto dos patóxenos, con repercusións sobre a saúde do ubre e a calidade do leite. Tamén adoitan darse máis trastornos de saúde como a retención de placenta, increméntanse as coxeiras, as metrites e as mastites. Por iso a importancia da posta en marcha de medidas e elementos correctivos que axuden a mitigar as consecuencias do estrés por calor nas explotacións de vacún de leite.

Dúas explotacións de Palas de Rei instalan un sistema que mellora a eficacia dos ventiladores tradicionais

O sistema colle o aire do exterior e condúceo ao interior da nave a través dun tubo perforado Nas naves de nova construción, un dos aspectos que xa se ten en conta é o da ventilación, con teitos altos e aperturas tanto laterais como cenitais que favorezan a saída do aire quente do interior. Pero os establos construídos décadas atrás moitas veces non foron feitos con estas premisas e é necesario adaptalos para mellorar o seu comportamento térmico. A estratexia habitual até o de agora nestes casos era a colocación de ventiladores en liña sobre a zona de comedeiro ou das camas a unha distancia entre eles que permita a creación dunha corrente de aire en horizontal atravesando a nave dunha parte a outra (a súa distancia de separación será de 10 veces o seu diámetro e cunha inclinación de 30 grados aproximadamente). Pero o volume de aire que son capaces de mover os ventiladores é limitado e o seu número multiplica a factura eléctrica.
Os ventiladores habituais multiplican a factura eléctrica, pois requírese un número importante deles para resultaren efectivos
Pero existen outros métodos máis modernos e eficientes en canto á mobilidade e distribución uniforme do aire ao longo do establo. Un deles é o que acaban de instalar dúas explotacións de Palas de Rei, SAT San Antonio e Gandería Chancela. Vén de Dinamarca e é unha innovación da empresa Cow Welfare consistente nun ventilador que toma o aire do exterior do establo conectado a un tubo plástico con buratos que o distribúe polo interior da nave, cun funcionamento semellante ao dos sistemas de climatización de aeroportos ou grandes naves industriais ou comerciais pero sen enfriar o aire, captándoo do exterior a temperatura ambiente. Cun único ventilador fóra é posible suplir toda unha liña de ventiladores interiores

"Este sistema mete aire limpo de fóra, por iso me gustou"

Gandería Chancela está ubicada en San Xurxo de Augasantas, en Palas de Rei. Esta explotación familiar, que conta con 135 vacas en muxidura, dispón dun establo construído fai 20 anos onde todos os veráns se notaban os efectos do calor no gando. "A nave ten seis metros ao cume pero non tiña moita saída de aire e cando viña o verán notabámolo moito. As vacas empreñaban máis mal, fai dous anos fora unha catástrofe. Agora atrévome a dicir que hai máis posibilidades de que empreñen", argumenta José Antonio Serén, que ten tamén unha empresa de servizos agrarios.  José Antonio estaba barallando distintas alternativas para mellorar o comportamento térmico do establo e nunha viaxe organizada pola Oficina Agraria Comarcal de Monterroso a Luxemburgo viu un sistema novo que pensou que podía adaptarse ás súas necesidades. "O funcionamento é sinxelo pero é efectivo, consiste nun tubo de lona cun ventilador na punta ao que podes darlle máis ou menos intensidade. O tubo ten buratos e vai soltando o aire no interior e repartíndoo de xeito uniforme. A vantaxe é que mete aire limpo de fóra, por iso me gustou, porque os ventiladores tradicionais o que fan é remover simplemente o aire quente que hai dentro da nave, pero este sistema renova o aire e a distribución é máis uniforme", explica. 
Antes de que melloraramos o comportamento térmico do establo as vacas no verán empreñaban mal, fai dous anos fora unha catástrofe
Este sistema innovador, pioneiro en Galicia, vén de Dinamarca e non é difícil de instalar, di José Antonio. En xullo do ano pasado Gandería Chancela puxo un primeiro tubo conductor enriba da liña de cubículos e o seu efecto notouse de xeito inmediato. "Dentro da granxa notas que refresca. O verán pasado as vacas xa o pasaron mellor", conta.  Pero a nave non tiña cumbreira e o aire quente que o sistema empurraba cara arriba non tiña por onde saír, así que no mes de setembro reformaron o teito para colocar unha cumbreira de policarbonato que ao mesmo tempo que permite saír ao aire quente dá claridade ao pasillo de alimentación.  Contentos co resultado, nesta explotación familiar de Palas colocaron este verán outra liña de conductos de aire, mellorando a efectividade do sistema. "Cos dous tubos funciona mellor porque reparte mellor o aire no interior da nave", di José Antonio.  A cumbreira de policarbonato está dotada dunhas planchas metálicas que melloran o efecto chimenea

"Había días con dous litros de diferenza por vaca"

Comprobado o rendemento do sistema de climatización instalado en Gandería Chancela, outras explotacións da zona de Palas tamén se decidiron a poñelo. É o caso de SAT San Antonio, ubicada en Vilar de Donas. Xurdida hai 20 anos da unión de 5 ganderías da zona, contan neste momento con 565 cabezas totais e unhas 270 vacas en produción.  "A SAT constituíuse no 2000 e metemos o gando no 2002. Nós xa construímos co máximo de altura que nos deixaban daquela e tiñamos un ventilador grande na zona de muxido, na sala de espera, e tiñamos pensado montar tamén ventiladores nas naves do gando. Non queriamos poñer aspersores porque o clima en Galicia xa é bastante húmido e nós nas camas usamos carbonato con serrín, así que humedecer é contraproducente. Pero optamos por este sistema porque só é necesario un ventilador por tubo e do outro xeito eran máis de 20 ventiladores os que tiñamos que poñer, co consumo diario que supoñen. Penso que non nos equivocamos, porque o aforro en luz é considerable. Desta maneira resolvimos con catro tubos e catro ventiladores, tres nas naves onde están os lotes de leite e un na zona de muxido. Vén de Dinamarca. Trae un libro de instrucións e instalámolo nós, é de fácil instalación, non ten moito problema", explica José Antonio Paredes, un dos socios desta explotación.
O sistema instalado na cumbreira, que resolve o problema de falta de apertura cenital que padecen moitos establos antigos, é creación da empresa local Talleres Santaballa
Para mellorar a eficacia do sistema SAT San Antonio tamén optou por substituir a cumbreira de chapa de uralita que tiñan por unha de policarbonato, que dá claridade e está dotada tamén dunhas chapas metálicas laterais que serven para que a circulación de aire existente sobre a cuberta non impida a saída do aire quente do interior da nave. "Trátase de mover o aire quente cos tubos que temos repartidos pola nave para que saia por arriba e o sistema da cumbreira mellora o tiro e o efecto chimenea", conta José Antonio. O sistema instalado na cumbreira é unha creación dunha empresa local, Talleres Santaballa, e resolve o problema de falta de apertura cenital do que padecen moitos establos antigos.
Gastamos 60.000 euros no cambio da cumbreira e na instalación dos catro tubos de ventilación pero é un investimento que logo se recupera
SAT San Antonio fixo os cambios este verán e gastou 60.000 euros na substitución da cumbreira e na instalación dos catro tubos de ventilación, pero José Antonio considera que é un investimento rendible. "Levamos pouco tempo pero xa se notou cambio. Antes chegabas ao mediodía e vías ás vacas todas amoreadas nas portas para coller aire. Agora están repartidas polo establo e móveste pola nave e non notas o aire quente coma antes. Nos días de calor había un litro de diferenza por vaca en cada muxidura, así que son case 1.000 litros cada dous días máis no tanque, polo que logo se paga o investimento feito", argumenta José Antonio.

Así se controla o estrés por calor das vacas nas granxas de Israel

As elevadas temperaturas na granxa son un factor que condiciona tanto o benestar do animal como a produción. A firma farmacéutica MSD Animal Health abordou recentemente nun seminario como enfrontan ó estrés por calor as granxas situadas en rexións de climas cálidos como Israel. A empresa contou con varios expertos e experiencias en gandarías que están a encarar con éxito estas situacións.

Os esforzos no país de Oriente Medio céntranse en contar tanto con métodos eficaces e economicamente rendibles para paliar as elevadas temperaturas como con dispositivos para coñecer cando a vaca está a sufrir estrés por calor.

O director do Departamento de Produción Animal do Ministerio de Agricultura de Israel, Gaby Adin, achegou durante unha xornada online organizada por MSD Animal Health algunhas das claves que teñen en conta no seu país para aliviar as altas temperaturas que adoitan rexistrar. No verán, nas zonas de costa e montañas, a temperatura media sitúase ao redor dos 30 – 35 graos, mentres que nos vales chega aos 40 graos.

MSD reuniu expertos de Israel que traballan con sistemas para mitigar a calor que se rexistra tanto de día como pola noite

“Nos últimos 40 anos comprobamos como tamén as temperaturas nocturnas se incrementaron, co que a vaca xa non consegue refrescarse pola noite e a produción reséntese se non se empregan sistemas que lle axuden a baixar a temperatura corporal”, detalla o experto.

Detectar o estrés por calor

A combinación de elevadas temperaturas e humidade provoca no animal efectos negativos que afectan á súa saúde e rendemento. “Cando a vaca supera os 39 graos de temperatura corporal ou ben ela ou nós deberemos de facer algo para que se reduza, xa que as súas consecuencias son similares a que estivese enferma”, declara Adin.

Cando a vaca está sometida a unha situación de estrés por calor o seu ritmo respiratorio supera as 60 respiracións por minuto. O consumo de alimento e a produción de leite nestas circunstancias tamén se reduce entre un 10% e un 15%. O mesmo ocorre coa fertilidade do animal, a calidade do calostro que produce ou o peso da cría.

O estrés por calor nestas gandarías reduce o consumo de alimento e a produción de leite entre un 10 e un 15%

Daniel Weisz, técnico agropecuario e director da Finca Kibutz Ein Ashlosha, unha gandaría de vacún de leite situada nas proximidades da fronteira con Gaza, case no comezo do deserto, revela que as perdas por calor poden supor ao redor de 3 litros por día, cando algún dos sistemas de refrixeración cos que contan se avaría.

Unha das ferramentas máis utilizadas para estimar a tensión por calor no animal segue sendo o Índice de Temperatura e Humidade relativa (ITH), que ten en conta ambos factores. Así, cando este índice alcanza un valor de 72 ou superior, o animal empeza a sufrir estrés por calor. Ademais, Adin traballou tamén con outros métodos, como a recompilación da temperatura rectal do animal cada 15 minutos, unhas medicións que ofrecen información dos picos de calor. “Aínda que coñecemos esta información a posteriori, axúdanos a estimar cada canto tempo debemos arrefriar ao animal”, detalla Adin.

Estes traballos leváronnos a cabo en 1980 con vacas cunha produción duns 9.000 quilos de leite ao ano e que permanecían atadas. A observación dos datos permitiulles determinar que cada 2 horas e 30 minutos necesitaban ser refrixeradas durante 45 minutos. O estudo repetiuse hai uns anos con vacas cunha produción de 12.000 quilos ao ano e o tempo reduciuse até ser necesaria a refrixeración do animal cada hora. “Arrefriar o animal cada hora pode ser moi problemático, polas implicacións todas que supón, pero estes estudos dannos unha idea de cal sería a frecuencia óptima”, explica o experto.

Utilizan sistemas de medición da frecuencia respiratoria do animal para estimar cando sofre tensión por calor

Un dos métodos que se están empregando nestes momentos en Israel é o control das respiracións das vacas mediante a instalación de dispositivos que monitorizan a frecuencia respiratoria a través de colares. “Permítenos identificar o momento do día no que a vaca necesita da axuda do gandeiro para arrefriarse”, apunta Rotem Rabinovich, técnico da firma Allflex, empresa que está a desenvolver estes sistemas en granxas de Israel.

“Ao monitorizar a frecuencia respiratoria e detectar que as súas respiracións son entre 60 e 70 por minuto, sabemos que nese momento o animal está a sufrir de estrés por calor, xa que só pode estar a respirar. Esa frecuencia respiratoria non lle permite xa nin comer nin estar remoendo”, concreta o experto. Este é o sistema que empregan tamén na gandaría que xestiona Daniel e no que se baseou para establecer os momentos en que arrefriar ás súas vacas.

Mecanismos para regular a temperatura na granxa

Nas gandarías israelís adoitan optar por combinar diferentes sistemas de ventilación e arrefriado dos animais para reducir a tensión por calor. Así, en granxas como a que xestiona Daniel dispoñen de sistemas de refrixeración directa, que combina duchas con ventiladores, que están colocados na zona de muxido e funcionan durante uns 45 minutos. “É importante que as vacas nunca volvan ao grupo molladas, por iso empregamos os ventiladores. Desta forma conseguimos reducir a súa temperatura e evitar outros problemas derivados da humidade como os fungos, a irritación da pel ou a aparición de mastite”, detalla o produtor.

Sistemas de refrixeración indirecta en granxas de Israel.

A estes, súmanse sistemas de nebulización, onde o achegue de auga é inferior, xa que o gasto de auga é unha das limitacións que teñen. Nestes casos tamén recorren ao uso do ventilador para potenciar o efecto da auga. Estes sistemas están colocados na zona dos comedeiros. Polo xeral, no verán na granxa arrefrían ás vacas, cos diferentes sistemas, 7 veces ao día. “Os máis importantes son os que se fan no muxido e pola noite, no comedeiro”, explica Weisz.

Optan por empregar ventiladores e duchas ou nebulizadores para reducir a temperatura corporal das vacas

Ademais, en Israel apostan pola instalación de grandes ventiladores en diferentes puntos da granxa e por construcións pensadas para climas cálidos, cunha altura de entre 12 e 13 metros nas zonas máis altas e de 5 metros nos costados. Inclúen sistemas de chemineas que funcionan como condutos para facer mover o aire quente de novo cara ao exterior. “Algunhas granxas mesmo contan con teitos móbiles para ventilar, pero que tampouco terminan sendo moi utilizados”, concretan desde o Ministerio de Agricultura.

As naves para o gando en Israel contan con teitos altos e estruturas pensadas para favorecer a ventilación.

Xunto a estes sistemas, a variación da ración do animal está a resultar un método para tentar reducir o estrés nas vacas en produción. O traballo doutoral de Adin aborda os resultados que se poden obter con estes cambios. As recomendacións neste sentido pasan por concentrar a enerxía e axustar a proteína, ademais de reducir tanto a forraxe basta como a súa calidade. Neste caso, Adin aposta por substituír parte da forraxe basta por subproductos facilmente dixeribles como a casca de soia ou a pulpa de remolacha (ao redor duns 2,8 quilos).

O experto recomenda ter en conta a perda de minerais, como sodio e potasio, que as elevadas temperaturas xeran ao animal, polo que adoitan agregar sal á ración. Tamén axusta a porcentaxe de humidade da dieta e insiste en proporcionar auga limpa e fresca ao gando en áreas accesibles.

Efectos da refrixeración directa ou da dieta fría tanto en vacas de produción como nas secas.

Adin concreta que a combinación dunha dieta fría e a utilización de sistemas de refrixeración son fundamentais para evitar o estrés por calor nas gandarías de vacún de leite.

Consulta aquí o video da sesión de MSD centrada no estrés por calor nas gandarías de vacún de leite.

Estrés por calor, pero ¿canto costa?

Ver que unha vaca non nos dá o que podería darnos debido á calor do verán nunca é prato de bo gusto, nin para o noso orgullo de criadores nin para a nosa conta bancaria, mesmo hai efectos a longo prazo nos que a miúdo non nos detemos o suficiente e que influirán negativamente na traxectoria produtiva das novas xeracións.

As becerras nadas de vacas que sufriron tensión por calor, unha vez empezan a muxirse, producirán menos leite que as nacidas nunha granxa ben refrixerada. Interesante ¿Verdade? Marcello Guadagnini, técnico de rumiantes de Elanco falou sobre iso neste webinar.

Para coñecer os seus consellos prácticos para combater o estrés por calor en vacunode leite pincha nesta ligazón

PM-ES-20-0280

Que se pode facer para reducir o estrés por calor nas vacas de leite?

As altas temperaturas adoitan ocasionar problemas nas vacas de leite provocándolles unha situación de estrés que afecta á súa alimentación, produción ou mesmo á reprodución. Aínda que os animais en produción son os que máis acusan os efectos da calor tamén as vacas secas ou os becerros sofren deste estrés que afecta ó seu desenvolvemento. Algunhas das claves para abordar esta problemática detallounas o profesor do Departamento de Ciencia Animal da Universidade de Florida, Albert De Vries, nunha videoconferencia da rede europea de gandeiros de vacún de leite, EuroDairy. O experto incide en que ás vacas resúltalles doado regular a súa temperatura corporal mentres a temperatura do aire sexa inferior á súa, que adoita situarse nun valor medio de 38,5 graos centígrados. Tamén cómpre que a humidade sexa baixa, así como que poidan protexerse da radiación directa do sol ou que durante as noites refresque. Cando algún ou todos estes factores, nos casos máis extremos, se ven alterados, a vaca centra boa parte da súa enerxía en tentar regular a súa temperatura corporal. Valores de temperaturas e humidade que poden provocar un estrés nas vacas.

Consecuencias da calor nas vacas leiteiras

Cando as vacas acusan unha situación de estrés pola calor reducen a súa inxesta de materia seca o que se deriva nunha menor produción de leite e este contén menos graxa. Tamén hai un menor crecemento e prodúcese unha perda de peso e unha redución da condición corporal. Ademais, tal e como sinala o profesor De Vries, tamén adoitan darse máis trastornos de saúde como a retención de placenta, increméntanse as coxeiras, as metrites e as mastites.
Coa calor, a fertilidade dos animais baixa e non se recupera ata un mes despois de que as temperaturas arrefríen
A estas consecuencias engádense outros efectos directos da calor centrados na reprodución do animal. A calor provoca unha diminución da lívido, a fertilidade e increméntase o risco de perder o embrión. Os problemas derivados do estrés por calor non só afectan ás vacas senón ós xatos, xa que é habitual que as xestacións se acurten varios días e os becerros nazan máis febles e aumente a mortaldade das crías. “Moitos gandeiros non son favorables ós partos no verán e buscan programalos para épocas máis frescas sobre todo en zonas como Florida onde durante 4 ou 5 meses as temperaturas están por encima dos 30 graos”, indica De Vries . De feito, o experto apunta que a calor provoca que a fertilidade dos animais baixe e non se recupere ata, alomenos, un mes despois de que as temperaturas arrefriasen.

Recomendacións nutricionais

Para atallar os efectos da calor a curto prazo unhas das maneiras nas que se pode incidir é no manexo e na alimentación do gando. O experto recompila unha serie de medidas que poden reducir o estrés dos animais e conseguir mitigar as consecuencias que este lle provoca: -Darlle a maioría da ración pola mañá cedo ou á tarde xa que son as horas nas que as vacas están máis activa. -Tratar de alimentalas coa maior frecuencia posible para proporcionarlle unha alimentación o máis fresca posible. “Aínda que isto non sexa un pasto, procuraremos que se asemelle o máximo posible ofrecéndolles comida fresca”, compara o profesor. -Increméntase o risco de acidose ruminal polo que é fundamental incrementar a fibra de calidade na ración. “A xente pensa que as súas vacas están comendo menos e o que fai é subir o contido enerxético da ración pero cómpre incrementar o aporte de fibra”, sinala De Vries. O experto avoga por incrementar desde un 28-30 a un 31 -34% a fibra na ración segundo a Neutral Detergent Fiber (NDF). -Se a calidade da forraxe é un problema, ás veces pode substituirse o amidón con fibra altamente dixestible como as cascas de soia. -Incluír algunhas graxas na ración, ata un máximo do 3%, pode incrementar a inxesta de enerxía posto que a enerxía do animal baixa co gasto que lle produce regular a calor. “En dietas cun alto contido en fibra aportar máis graxa pode axudar a manter a enerxía e mellorar a eficiencia pero cómpre ter coidado co aporte de graxas insaturadas”, explica De Vries. -Empregar fermentos ou un cultivo de fermento tamén pode mellorar a inxesta cando vai calor. -É preciso asegurar a inxesta de minerais claves para a vaca como o potasio, o sodio e o magnesio polo que se recomenda incrementar as doses: Potasio: ata un 1,5% de carbonato de potasio Sodio: ata un 0,5% de bicarbonato sodio Magnesio: ata un 0,35% na dieta. -Aínda que é unha recomendación básica, o experto lembra a importancia de que cada animal dispoña de auga suficiente xa que é clave para garantir a supervivencia do animal. Ademais de proporcionarlle auga limpa, fresca e abundante, De Vries apunta que é recomendable que cada vaca teña un bebedeiro con entre 12 e 15 centímetros de profundidade de auga. -Á hora de combater a calor é importante proporcionarlle espazos con sombra cando o animal esta no pasto.  Sacalas vacas comer fóra en comedeiros con cubertas para xerar sombra, unha vez muxidas, pode favorecer a regulación da temperatura.

Medidas a longo prazo

Nun horizonte a máis longo prazo, á hora de procurar solucións para os animais fronte á calor, o experto ten claro que se deben combinar catro elementos para conseguir resultados: sombra, ventilación, auga e tempo. “O mellor método para reducir a radiación solar é a sombra e para combater a perda por evaporación o mellor é combinar o remollo e a ventilación”, explica De Vries. Cando as vacas están en pastoreo, é fundamental procurarlle espazos con sombra. As zonas de arbolado adoitan cumprir esta función pero é preciso ter en conta que deben contar tamén con auga fresca e limpa e valorar que estes espazos poden rematar contaminados polos excrementos dos animais afectando mesmo ás augas. Emprego de aspersores para o rego de pradeiras e refrescar o gando en zonas de Norteamérica. En ganderías de pastoreo de Florida, aínda que non son moi habituais, os gandeiros colocan grandes aspersores nos prados para que á par que regan o campo tamén vaian arrefriando as vacas. Mentres, nas granxas optan por combinar distintos elementos como fixeron na granxa coa que conta a Universidade de Florida, cunhas 500 vacas. Neste caso dispoñen de ventiladores sobre as camas programados para que funcionen unha vez que a temperatura supera os 20º. “É habitual que en Florida, os ventiladores acaben funcionando arredor de 8 meses ó ano”, detalla o experto.
Ó combinar a ventilación e os aspersores pode reducirse máis dun grao a temperatura corporal das vacas
O experto incide en que para conseguir un funcionamento óptimo dos ventiladores é preciso dotar as instalacións de maquinarias potentes para conseguir unhas correntes de vento de 8 quilómetros por hora na dirección do vento predominante. Ademais, deben colocarse o máis baixos posible, fóra do alcance dos animais, persoal ou maquinarias. “É importante asegurar o mantemento e limpeza axeitada dos ventiladores porque senón redúcese a súa capacidade de ventilación ata nun 40%”, sinala o experto que tamén recomenda dispor destes equipos nos espazos de espera antes do muxido. Nesta granxa da universidade, ó igual que en boa parte das do estado, contan con aspersores sobre as liñas de alimentación que mollan á vaca durante 1 minuto e permanecen apagados 5 minutos. “O desperdicio de auga que se fai é moi importante xa que se precisa arredor de 3 litros de auga por minuto de remollo e boquilla”, concreta o experto. A combinación do uso de ventiladores e aspersores reduce en maior medida a temperatura dos animais. Hai tamén outros sistemas de arrefriamento dos animais que se centran en crear túneles de aire no canto de mollar ós animais pero que tamén combinan o rego e a ventilación. Trátase de manter o vento en movemento dentro das granxas, creando correntes de aire que combinan con aspersores para que este vento sexa máis fresco. Nestes casos empregan distintos peches parciais das granxas para conseguir manter unha ventilación nas instalacións. De Vries incide na importancia de reducir o uso de auga e electricidade á hora de mitigar a calor para conseguir granxas máis sostible cunha pegada ambiental o máis reducida posible. A longo prazo tamén se valora xa outras razas de animais que poidan soportar mellor a calor, como unhas vacas procedentes do Caribe, as Slick, que teñen un pelo moito máis curto que as frisonas. Estas vacas teñen unha produción menor, aínda que iso non condiciona que xa comecen a ofertarse pola súa resistencia térmica.

Sen esquecer as vacas secas

Aínda que adoita ser habitual centrar os esforzos en mitigar a calor dos animais en produción, De Vries insiste na importancia de prestar atención tamén ás vacas secas xa que os efectos da calor poden verse a máis longo do prazo do que inicialmente puidera parecer. De feito, o experto insiste en que se se arrefrían as vacas tan pronto como comezan a producir leite conséguese un incremento de ata 5 quilos máis de leite na lactación. Ademais, atendendo ós xatos, o peso dos animais e a súa inmunidade é menor cando a vaca está estresada pola calor na xestación. Pero, ademais, no caso das becerras isto pode traer efectos mesmo dous anos despois como unha menor produción de leite e dificultades na reprodución. Efectos do estrés por calor nas vacas secas. Segundo recolle De Vries, estímase que en Florida, as perdas por calor nas vacas secas poderían chegar ós 233 dólares por vaca e ano. Mentres, noutras zonas onde a época de altas temperaturas ronda os 3 meses estas perdas acadan os 68 dólares por vaca ó ano. Ó igual ca nas vacas secas, o manexo dos xatos tamén debe axeitarse para mitigar a calor. No caso das ganderías que teñan os animais en cubículos exteriores, é fundamental proporcionarlle sombra por encima deles así como permitir que os becerros teñan espazo para moverse para que eles mesmos poidan buscar sombra. Tamén é preciso maximizar os fluxos de aire nestas zonas e proporcionarlle auga abundante e alimento fresco e limpo.

Consellos de Alltech para reducir o estrés por calor nas vacas

O verán, e o estrés por calor que leva, poden ter un custo considerable na saúde e na produtividade do gando. A gama de solucións nutricións de Alltech como OPTISYNC® e YEA-SACC® axuda a minimizar o estrés por calor dos animais. Actúan favorecendo as condicións ruminais para mellorar a eficiencia do rume, o que permite unha maior dispoñibilidade de nutrientes necesarios para manter os índices produtivos e reprodutivos.

A continuación, atopará máis información sobre o uso de OPTISYNC® e YEA-SACC® durante épocas de estrés por calor, consideracións a ter en conta para reducir os efectos da tensión por calor nas súas vacas e consellos de manexo.

Como responden as vacas ó estrés por calor?

-Buscan a sombra e superficies frías.

-Diminúen a actividade.

-Aumentan o consumo de auga se está dispoñible.

-Diminúen a inxesta de materia seca a partir de 25ºC.

-Aumentan a temperatura corporal a partir de 39ºC.

-Incrementan a frecuencia respiratoria (>70/m).

-Cambios hormonais.

-Diminúe a función inmunitaria.

-Diminúe a eficiencia de fermentación do rume.

Como afecta á produción de leite?

Prodúcese unha baixada da produción láctea entre o 10% e o 25% ou máis por:

-Maior enerxía utilizada para o mantemento da vaca.

-Menor enerxía utilizada para a función reprodutiva.

-Menor inxesta de materia seca.

-Alteracións na dispoñibilidade dos nutrientes.

E á reprodución?

-Diminución da intensidade e a duración do estro.

-Diminución da taxa de fertilidade.

-Diminución do crecemento do folículo ovárico.

-Incremento de mortes embrionarias temperás.

Medidas sinxelas para corrixir o estrés por calor:

Jud Heinrichs, profesor na Universidade de Pensilvania especializado en vacún de leite, ofreceu durante unha xornada organizada por Alltech no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) unhas recomendacións prácticas para combater este problema. Son as seguintes.

-Garantir a dispoñibilidade de auga fresca, especialmente despois do muxido.

-Vixiar que a vaca non escolla a comida e que esta se manteña o máis fresca posible no pesebre, evitando que lle dea o sol ou que queza.

-Tratar de concentrar máis a ración desde o punto de vista nutricional. “Unha alternativa é engadir graxa -acedo palmítico, é bastante común-, pero no seu punto xusto para non comprometer a dixestibilidade da fibra”, subliñou. Na fermentación ruminal xérase tamén calor, polo que en situacións de tensión por calor ambiental pódense substituir os carbohidratos por graxa vexetal, co que se manteñen os niveis de enerxía pero redúcese a fermentación ruminal, e por tanto a calor emitida polo organismo do animal.

Tamén se poderían utilizar melazas no canto de graxas para incrementar a inxesta, pero habería que analizar o nivel de azucres na forraxe para manter unha dieta equilibrada.

Incluír bicarbonato na dieta para compensar a perda por exceso de salivación. A dose recomendable é duns 200 gramos por vaca e día.

-Uso de fermentos vivos para mellorar a actividade dixestiva do animal.

-Debido tamén á perda de saliva, aconséllase incrementar a achega de potasio e sodio na ración até 1,8 e 0,4, respectivamente.

-Asegurar os niveis de selenio, sobre todo en forma orgánica.

-Mellorar a ventilación, con posible uso de ventiladores.

-Uso de aspersores de auga, pero asegurando que a auga vai á vaca e non cae na comida, pois provocará a aparición de fungos e fermentos na mesma.

-Reservar as forraxes de mellor calidade para o verán. Desta forma a vaca reduce menos a inxesta e dixire máis facilmente a ración.

“·Garantir a dispoñibilidade de auga fresca e unha boa calidade de forraxes sería para min a mellor estratexia para combater o estrés por calor en gando vacún de leite”, concluíu Jud Heinrichs.

Os produtos de Alltech para reducir o estrés por calor:

OPTISYNC®:

-Aporte de proteína altamente asimilable en rume

-Contén extractos de fermentación que melloran a dixestibilidade da fibra e do amidón

-Óptimo aproveitamento do nitróxeno por parte da flora ruminal

-Axuda a reducir a excrección de nitróxeno ao medio ambiente.

-Reduce a inclusión doutras fontes de proteína e libera un espazo adicional na dieta.

YEA-SACC®:

-Mellora a dixestibilidade da dieta

-Promove a eficiencia do rume

-Axuda a controlar o PH ruminal

-Facilita o crecemento e desenvolvemento da flora ruminal

Medidas sinxelas para reducir o estrés por calor en vacún de leite

O estrés por calor é unha das principais causas de descenso da produción en gando vacún leiteiro durante o verán, así como do contido de graxa do leite. Jud Heinrichs, profesor na Universidade de Pensilvania especializado en vacún de leite, ofreceu durante a xornada organizada por Alltech no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) unhas recomendacións prácticas para combater este problema. Como punto de partida lembrou que “o estrés por calor é unha combinación de temperatura e humidade elevada, que se manifesta normalmente a partir dos 30 graos e dun 70% de humidade, e que as vacas sofren especialmente durante a espera na sala de muxido”. Sen embargo, en países como Galicia, cunha humidade elevada, de ata o 80% ou máis, as producións de leite xa poden verse penalizadas mesmo a partir dos 25 graos de temperatura. Os efectos do estrés por calor, maniféstanse, tal e como explicou Jud Heinrichs, en “unha menor inxesta de comida, perda de bicarbonato debido a unha maior salivación das vacas, descenso da actividade ruminal e tamén do PH do rume, o que leva a un descenso da produción de leite e de sólidos lácteos”. Ademais, no caso das gandarías que contan con robot de muxido o problema do estrés por calor pode agravarse, segundo o profesor da Universidade de Pensilvania, debido a que “baixa a inxesta en pesebre pero non no penso do robot de muxido, co que se produce un desequilibrio do PH ruminal por exceso de concentrado”. “Nestas situacións a relación de porcentaxe de materia seca de forraxe e de concentrado pode pasar dun 50/50 a un 40/60 por esta situación de estrés por calor, e iso leva a un PH acidótico”, engadiu o experto.

Medidas correctoras do estrés por calor:

Neste sentido, Jud Heinrichs propuxo as seguintes medidas de fácil aplicación en granxa para combater o estrés por calor: -Garantir a dispoñibilidade de auga fresca, especialmente despois do muxido. -Vixiar que a vaca non escolla a comida e que esta se manteña o máis fresca posible no pesebre, evitando que lle dea o sol ou que se quente. -Tratar de concentrar máis a ración desde o punto de vista nutricional. “Unha alternativa é engadir graxa -acedo palmítico, é bastante común-, pero no seu punto xusto para non comprometer a dixestibilidade da fibra”, subliñou. Na fermentación ruminal xérase tamén calor, polo que en situacións de estrés por calor ambiental pódense substituir os carbohidratos por graxa vexetal, co que se manteñen os niveis de enerxía pero redúcese a fermentación ruminal, e por tanto a calor emitida polo organismo do animal. Tamén se poderían utilizar melazas no canto de graxas para incrementar a inxesta, pero habería que analizar o nivel de azucres na forraxe para manter unha dieta equilibrada. -Incluír bicarbonato na dieta para compensar a perda por exceso de salivación. A dose recomendable é duns 200 gramos por vaca e día. -Uso de fermentos vivos para mellorar a actividade dixestiva do animal. -Debido tamén á perda de saliva, aconséllase incrementar o aporte de potasio e sodio na ración ata 1,8 e 0,4, respectivamente. -Asegurar os niveis de selenio, sobre todo en forma orgánica. -Mellorar a ventilación, con posible uso de ventiladores. -Uso de aspersores de auga, pero asegurando que a auga vai á vaca e non cae na comida, pois provocará a aparición de fungos e fermentos na mesma. -Reservar as forraxes de mellor calidade para o verán. Desta forma a vaca reduce menos a inxesta e dixire máis facilmente a ración. “Garantir a dispoñibilidade de auga fresca e unha boa calidade de forraxes sería para min a mellor estratexia para combater o estrés por calor en gando vacún de leite”, concluíu Jud Heinrichs.