Archives

“Hai un problema serio en España coa contaminación por nitratos e debemos actuar”

A nova normativa establece condicións para a almacenaxe e a aplicación de estercos O nitróxeno é un dos nutrientes esenciais na agricultura. A súa presenza é fundamental para o crecemento e desenvolvemento das plantas e para lograr un rendemento óptimo dos cultivos. Pero o seu uso en exceso ten consecuencias negativas para o medio ambiente e para o peto dos produtores. Lograr un uso eficiente dos fertilizantes nitróxenados é o obxectivo da Rede Ruena, que conecta a empresas, Universidades e centros de investigación. Na súa última xornada online, distintos responsables dos ministerios de Agricultura e Transición Ecolóxica debullaron algúns dos aspectos relevantes das novas normativas que afectan á produción agrícola en España. Nunha parte desa nova lexislación, o Goberno español vai máis aló do que esixe Bruxelas, algo que Ignacio Atance, subdirector xeral de Planificación de Políticas Agrarias do MAPA, xustifica: “Somos un país netamente exportador e cun destino principal desas exportacións na propia UE. Iso fai que desde o Ministerio pensemos que debemos ir por diante na procura de solucións”, argumenta. O Ministerio de Agricultura tamén supera o solicitado pola Comisión Europea aos distintos Estados membros na vinculación da nova normativa aprobada como condición para o cobro de axudas da PAC no actual período. O pau e a cenoria Ignacio explica que o Goberno optou por acompañar os 32.549 millóns de euros dos fondos da Política Agrícola Común para o período 2023-2027 cun “paquete lexislativo” que inclúe tres Reais Decretos sobre o uso de tres insumos básicos na produción agrogandeira (fertilizantes, fitosanitarios e antibióticos) co obxectivo de “lograr unha evolución profunda do sistema produtivo”.
O paquete lexislativo de acompañamento da PAC inclúe tres Reais Decretos sobre o uso de fertilizantes, fitosanitarios e antibióticos
“O enfoque estratéxico que se persegue é o de combinar medidas regulatorias (sancionadoras) con medidas incentivadoras para axudar a que a agricultura española acade os obxectivos de desenvolvemento sostible”, indica. Datos individualizados de cada explotación O Caderno Dixital de Explotación (CUE), que entrará en vigor en setembro de 2024 para as explotacións de máis de 30 hectáreas de cultivo e un ano máis tarde para as demais, pretende “dispoñer de datos individuais” en relación ao uso destes insumos con respecto a niveis de referencia doutras granxas, da comunidade autónoma ou da media española.
O Caderno Dixital vai permitir dispoñer de datos comparativos de cada granxa
“No momento no que exista un mandato de redución obrigatoria por parte dun Regulamento comunitario, o feito de dispoñer de datos individualizados por explotacións permitiranos saber que explotacións terán a obriga de reducir, fronte a outras que xa fixeron este esforzo con anterioridade”, avanza Ignacio. “Tivemos propostas de facer un enfoque incentivador por parte dos ecorrexímenes primando a aquelas explotacións que fixesen un menor uso de fertilizantes ou fitosanitarios; o problema é que sen datos históricos iso non se pode levar a cabo”, aclara. Pero en futuras reformas da PAC ese podería ser o camiño. “As perdas de nutrientes son perdas económicas para o agricultor” María Luisa Ballesteros, da Subdirección Xeral de Medios de Produción Agrícola do MAPA é unha das responsables da redacción do Real Decreto 1051/2022 de Nutrición Sostible de Chans Agrarios e defende a necesidade dunha norma que persegue axustar as doses de fertilizante ás necesidades reais dos cultivos. “Ao chan soamente lle hai que aportar aquilo que supón un beneficio para o binomio solo-cultivo, non é un basureiro ao que se lle poida botar calquera cousa. E todo o que non supoña un beneficio para o chan é nocivo para el”, asegura, porque “todo o que exceda as doses que necesita o cultivo vaise perder en forma de emisións á atmosfera e en forma de lixiviación e contaminación das augas”.
De media en España hai un exceso de 39 kg de nitróxeno e 8 de fósforo por hectárea
Ademais, evidencia, “as perdas de nutrientes son perdas económicas”. “A fertilización é un dos principais gastos para un agricultor, polo que se conseguimos axustar as doses sen que se resinta a produción suporá mellorar os beneficios para o agricultor”, argumenta. “De media en España hai un exceso de 39 kg de nitróxeno e 8 de fósforo por hectárea. Iso supón perder 35€ por hectárea nestes momentos, pero cos prezos dos fertilizantes do verán de 2022 eran máis de 100€”, calcula Marisa. Recomendacións de abonado Esta responsable do Ministerio recoñece que “a Administración necesita dispoñer de datos fiables das explotacións”, pero asegura que “a función principal do Caderno Dixital non é informar á Administración, senón ao propio agricultor, porque o que non se apunta non se controla”, insiste. Para suplir a contratación dun asesor externo por parte das explotacións para a realización dos Plans de Abonado é necesario dispoñer dun programa informático de recomendacións de abonado, que pode estar integrado ou non no Caderno Dixital e debe ser aceptado pola comunidade autónoma.
O programa de cálculo de nutrientes do SIEX empezará a funcionar co nitróxeno e despois pasarase ao fósforo
O Ministerio empezará por controlar o uso do nitróxeno antes de pasar ao fósforo. “Os balances de fósforo non son tan sinxelos como os de nitróxeno. Por iso, o programa de cálculo de nutrientes do SIEX empezará co nitróxeno e despois pasarase ao fósforo, pero non temos datas para cando estará dispoñible”, avanza. Producir máis sen molestar ao medio ambiente A responsable ministerial pon o foco nos problemas de carácter ambiental dun exceso de fertilización e nas posibles sancións que iso pode supor. “A Comisión Europea puxo unha demanda contra España polo incumprimento da Directiva Marco da Auga. En materia de contaminación das augas os agricultores non seremos os únicos responsables, pero si que somos culpables en parte”, asegura. Do mesmo xeito, lembra, “estivemos a piques de ter un apercibimento como país por parte da Comisión Europea por superar os niveis e obxectivos fixados para as emisións de amoníaco”.
É necesario mellorar a imaxe que ten a agricultura e a fertilización para a sociedade
A agricultura e gandería en España son responsables do 96,4% das emisións de amoníaco á atmosfera e contribúe ao 11% dos Gases de Efecto Invernadoiro, segundo o Sistema Español de Inventarios do ano 2022. Pero reducir a produción de alimentos non é unha fórmula válida para diminuír as emisións nun contexto mundial de incremento de habitantes e desaparición de superficie cultivable. Segundo a FAO, a terra arable pasará de 0,28 ha/persoa en 1998 a 0,22 en 2030. “A poboación mundial aumenta, pero o chan diminúe, ben por degradación ou porque se usa para outras cousas, polo que temos que ser capaces de producir máis por hectárea, pero sen molestar ao medio ambiente”, defende Marisa.

As zonas vulnerables á contaminación por nitratos deberán estar declaradas en maio de 2025

Javier Álvarez Rodríguez, xefe de área na Subdirección Xeral de Planificación Hidrolóxica do Ministerio de Transición Ecolóxica, está encargado da xestión de Real Decreto Contaminación de Augas por Nitratos (Real Decreto 47/2022 do 18 de xaneiro). Trátase dun Real Decreto de transposición dunha Directiva comunitaria do ano 1991 cuxo obxectivo é a designación das augas, tanto superficiais como subterráneas, afectadas por contidos en nitratos non aceptables; delimitación de zonas vulnerables que se ven afectadas por escorrentía; establecemento de programas de actuación, elementos de corrección e medidas reforzadas; así como elaboración de informes cuatrienais de estado das distintas concas. O obxectivo xeral desta nova normativa é establecer as medidas necesarias para reducir a contaminación das augas superficiais, de transición, costeiras e subterráneas, causada polos nitratos procedentes de fontes agrarias e actuar preventivamente contra novas contaminacións.
A designación de zonas vulnerables foi unha das deficiencias do cumprimento da normativa que indicou a Comisión Europea
“Hai un problema serio en España coa contaminación por nitratos”, recoñece o responsable do Ministerio, o que obriga a actuar de maneira decidida para reducir eses niveis. A UE presiona nese sentido, asegura.  Entre as medidas a adoptar estaría a limitación das doses de abonado e dos períodos de aplicación permitidos, que xa se estableceron en comunidades como Cataluña. En Galicia, sen embargo, non se puxo en marcha aínda ningunha destas medidas, ao non ter sido designada até o de agora ningunha área agrícola como vulnerable, se ben a Limia está pendente dese trámite, que se terá que executar nos próximos meses. Retraso na declaración de zonas vulnerables Nos últimos anos déronse pequenos pasos, aínda que os retrasos acumulados xa derivaron na presentación, por parte da Comisión Europea, dunha demanda contra España por deficiencias na aplicación da normativa comunitaria en materia de control de augas contaminadas por nitratos. O último informe cuatrienal (2016-2019) fíxose público en decembro de 2021 cos resultados da rede de puntos de control e en maio de 2022 publicouse o mapa de identificación das augas que non cumpren cos niveis aceptables de nitratos. En 2024 haberá un novo informe cuatrienal dentro do procedemento periódico de avaliación e seguimento da eficacia das medidas adoptadas. Este traballo de revisión incluirá datos das mostraxes, modificación ou ampliación das zonas vulnerables así como novas designacións respecto ao informe de situación, mapas de augas afectadas por nitratos e eutrofización, plans de actuación para estas zonas, con medidas obrigatorias e preventivas e códigos de boas prácticas para as explotacións.
En 2024 farase público un novo informe cuatrienal cos resultados actualizados da rede de puntos de control
“Agora mesmo atopámonos no Estudo de Presións e Impactos (EPI), que daría paso á Declaración de Zonas Vulnerables, que deberían estar definidas e publicadas en maio de 2025”, avanza Javier. Algunhas comunidades autónomas, como a valenciana, ampliaron as súas zonas vulnerables como consecuencia da demanda en curso da UE. Recuperación de áreas contaminadas Unha vez que unha zona deixa de ser vulnerable, porque volve a niveis aceptables, será sometida a un control e seguimento especial e aplicaránselle niveis máis estritos. “Declaramos zona vulnerable con carácter xeral por enriba de 25 mg/l en augas superficiais e 37,5 mg/l en augas subterráneas, pero para saír da Rede Operativa e volver á Rede de Vixiancia esas zonas deberán estar por baixo de 17,5 mg/l en augas superficiais e de 25 mg/l en augas subterráneas”, explica Javier.
Considérase eutrofización en augas continentais cando hai niveis de fósforo total superiores a 35 mg/m3 e clorofila A superior a 8 mg/m3
O Ministerio está a traballar neste momento nun estudo de presións agropecuarias, urbanas e outras que poidan considerarse significativas sobre os impactos rexistrados nas augas dirixido a determinar a contribución de cada sector de actividade á contaminación das augas nas zonas sensibles e vulnerables. Este Estudo de Presións e Impactos será realizado cuatrienalmente pola Dirección Xeral da Auga do Ministerio de Transición Ecolóxica en coordinación coas comunidades autónomas. “Temos un complexo administrativo importante para a aplicación do Real Decreto, no que entran as comunidades autónomas, e non coñecemos realmente onde nos imos atopar as dificultades de aplicación. É un Real Decreto especialmente complexo, tanto polo contido como polo contexto no que se move”, admite Javier.

“Combinar o manexo de esterco e a biodiversidade do solo pode mitigar os riscos ambientais”

Na Unión Europea e o Reino Unido, a cría de animais xerou anualmente máis de 1.400 millóns de toneladas de esterco entre 2016 e 2019. Gran parte desa cantidade de esterco aplicouse directamente nas terras agrícolas. Con este volume, resulta o esterco unha bendición ou unha ruína?. Esa foi unha das preguntas ás que buscou resposta un traballo realizado por un equipo de profesionais da Comisión Europea, a Universidade Técnica de Munich e a Universidade de Vigo. “Nesta revisión exploramos o impacto do esterco dos animais de granxa na biodiversidade do solo ao considerar os factores que determinan os efectos do esterco e viceversa”, explica Julia Köninger, investigadora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, unha das profesionais implicadas na investigación.
“Ata o de agora, a miúdo ignoráronse os efectos sobre a biodiversidade do solo que ten o esterco”
Aínda que é ben sabido que a achega do esterco proporciona beneficios directos no solo, este aporte tamén pode ter as súas contrapartidas. Así, entre as vantaxes que ofrece, o esterco promove o crecemento das plantas, proporciona alimentos nutritivos aos organismos do solo, agrega diversidade xenética e funcional aos solos e mellora as propiedades químicas e físicas do chan. Con todo, o uso do esterco tamén pode causar contaminación ao introducir elementos tóxicos presentes nel como poden ser metais pesados, antibióticos ou patóxenos e contribuír á perda de nutrientes. Por este motivo, o traballo centrouse en analizar o potencial do esterco para mellorar a biodiversidade do solo, pero tamén os seus riscos ambientais á vez que avaliaron a política actual e futura da Unións Europea con respecto dos xurros e estercos.
“O manexo integrado do esterco pode reducir os perigos ambientais nun 65 % e duplicar a eficiencia dos nutrientes”
“Ata o de agora, a miúdo ignoráronse os efectos sobre a biodiversidade do chan que ten o esterco”, recoñece a investigadora. Con todo, unha das principais conclusións extraídas da investigación é a confirmación de que combinar o manexo do esterco coa biodiversidade do chan pode mitigar os riscos ambientais presentes e futuros. “O manexo integrado do esterco pode reducir os perigos ambientais nun 65 % e duplicar a eficiencia dos nutrientes pasando do 33 ao 70 %”, concreta a investigadora. Produción anual de esterco en millóns de toneladas na Unión Europea e Reino Unido durante o período do 2016 ó 2019 e distribución segundo os principais tipos de animais (porcino en rosa, vacún en verde e avícola en marrón).

Calidade versus cantidade

Á hora de considerar os efectos do esterco na biodiversidade do solo, os expertos sinalan que a calidade do esterco é máis importante que a cantidade. Isto débese principalmente ao feito de que a maioría dos métodos de procesamento do esterco non permiten filtrar adecuadamente os contaminantes. “Ata o de agora non é posible filtrar metais pesados e tamén se atoparon antibióticos nos dixestatos obtidos despois dun proceso de combustión anaeróbica para a produción de biogás e que son utilizados habitualmente como fertilizantes das terras”, explica Köninger. Ademais, na análise que levaron a cabo sobre a normativa europea actual nesta materia permitiulles comprobar que hoxe en día as lexislacións da Unión Europea descoidan tanto a calidade do esterco como os efectos do esterco na biodiversidade do solo. Neste sentido, para abordar o problema do esterco na Unión Europea, os investigadores recomendan priorizar a calidade do esterco sobre a cantidade. “Antepoñer a cantidade á calidade dana a biodiversidade do solo e, por tanto, os sistemas alimentarios sostibles”, sinala Köninger.
“Antepoñer a cantidade á calidade do esterco dana a biodiversidade do solo e en consecuencia os sistemas alimentarios sostibles”
Os investigadores inciden en que se teña máis en conta a calidade do esterco en futuras lexislacións, cun marco xurídico que evite a aplicación de esterco que conteña contaminantes.

Lograr esterco de calidade

Dado que a calidade do esterco parece ser determinante á hora de lograr a conservación da biodiversidade do solo é fundamental concretar que se entende por esterco de calidade e como se logra. “Para a biodiversidade do solo, o esterco de boa calidade implica un esterco que non estea contaminado con metais pesados (como o caso da presenza de cobre no esterco de porco), antibióticos, patóxenos e hormonas”, apunta a investigadora. O esterco de boa calidade pode mellorar a produtividade agrícola dos solos, xa que aumenta a actividade biolóxica. Os estercos proporcionan nutrientes para a vida do solo e aumentan a abundancia e diversidade de organismos. Máis aló destas achegas, o uso de xurro e esterco de calidade ofrece efectos ambientais positivos, como o aumento do carbono orgánico do solo. A maiores, mitiga os riscos de contaminación. Ademais do impacto positivo que o esterco pode chegar a conseguir no solo, contar con xurros de calidade permite reducir custos. “A xestión sostible do esterco pode contribuír a substituír parcialmente os fertilizantes minerais ao aumentar a biodiversidade do solo e, en consecuencia, a eficiencia dos nutrientes”, concreta Köninger. Estes beneficios poden resultar de moito interese nun contexto de guerra en Europa como o actual, onde os fertilizantes químicos experimentaron importantes subas, como recorda a investigadora. 
“Os preparados de esterco ou bioestimulantes de alta calidade a base de esterco poderían acelerar o paso cara a sistemas de produción de alimentos máis sostibles”
Tal e como recolle o traballo de investigación, o impacto positivo de dispoñer de esterco e xurros de calidade pode repercutir e ofrecer unha vía para lograr unha produción de alimentos máis sostible. “A substitución por esterco de calidade podería diminuír as dependencias das importacións de minerais potasio, nitróxeno e fósforo; por tanto, requiriríanse menos fontes de enerxía fósil”, lembra a investigadora. Ademais, minerais como o fósforo só se atopan nuns poucos países do mundo, entre eles Rusia, que se sitúa como o segundo país produtor, polo que a guerra de Ucraína está afectando ó acceso ó fósforo, cuxo prezo xa é moi elevado. Neste sentido, os preparados de esterco ou bioestimulantes de alta calidade a base de esterco poderían acelerar o paso cara a sistemas de produción de alimentos máis sostibles.

Coidar a biodiversidade, un investimento rendible

Para protexer a biodiversidade do solo e o seu importante papel para os servizos ecosistémicos e a fertilidade dos solos, os expertos recomendan combinar a aplicación de esterco de alta calidade con prácticas agrícolas que protexan e melloren a biodiversidade do solo. En concreto, Köninger lembra que se debe evitar realizar prácticas como o arado despois das choivas ou a aplicación de praguicidas para así conseguir mellorar a biodiversidade do solo.
“A propia biodiversidade do solo debe terse en conta ao avaliar as emendas do esterco para proporcionar mellores pautas sobre o uso do esterco e reducir os custos e os riscos ambientais”
“As prácticas de manexo do esterco a miúdo descoidan a biodiversidade do solo, pese a que os organismos do solo xogan un papel esencial na transformación do esterco no chan e a degradación de calquera compoñente tóxico potencial”, reivindica a investigadora. Constatouse que os solos cunha maior biodiversidade reducen o risco de propagación de xenes de resistencia antibacteriana, a lixiviación de metais pesados e patóxenos que chegan aos chans. “A propia biodiversidade do solo debe terse en conta adecuadamente ao avaliar as emendas do esterco para proporcionar mellores pautas sobre o uso do esterco e reducir os custos e os riscos ambientais”, conclúe a experta.

Agricultura permitirá aplicar purín con prato en terreos con máis dun 10% de pendente

O Ministerio de Agricultura excluirá ás explotacións con máis do 50% da súa superficie en pendente (superior ao 10%) da prohibición de aplicación de xurro con sistemas de prato, abanico ou canón, segundo a última redacción do proxecto de Real Decreto polo que se establecen as normas para a nutrición sostible nos chans agrarios. O novo texto, sometido a proceso de audiencia pública ata o próximo 5 de maio a efectos de solicitar a opinión dos cidadáns, así como das organizacións representativas do sector, flexibiliza a aplicación da norma en terreos en pendente ou de alta montaña, tal como reclamaban nas súas alegacións as organizacións agrarias e as comunidades autónomas da cornixa cantábrica.
As alegacións, observacións, suxerencias ou opinións ao borrador do Real Decreto deberán dirixirse antes do 5 de maio á dirección de correo electrónico MPAyOEVV@mapa.es
O novo Real Decreto afectaría os chans agrarios así como ás plantacións forestais de crecemento rápido e exclúense da súa aplicación os hortos familiares destinados a autoconsumo. O borrador que se atopa a exposición pública pretende "manter ou aumentar a produtividade dos chans agrarios, á vez que se diminúe o impacto ambiental da aplicación de produtos fertilizantes" e establece que se "priorizará o uso de fertilizantes orgánicos”, sobre todo os procedentes da propia explotación, aínda que fixa condicionantes e limitacións á súa utilización. Aplicación de xurro Con todo, o Ministerio flexibiliza nesta nova versión a súa proposta inicial de prohibir a aplicación de xurro con sistemas como prato, abanico ou canón, que estarán autorizados en terreos con pendente media superior ao 10% e sempre que o purín proceda da propia explotación. Ademais, cando a suma das superficies con pendente media superior ao 10% supere á suma das fincas que teñan pendente inferior, quedará exceptuado o total da explotación e poderá aplicarse xurro mediante estes sistemas tradicionais en todas as parcelas.
Será necesario acidificar o xurro ou utilizar inhibidores da ureasa ou da nitrificación para poder aplicalo con prato, canón ou abanico en zonas de pendente elevada
En todo caso, cando se aplique xurro mediante prato, abanico ou canón, será obrigatorio empregar polo menos una das medidas de mitigación de emisións de amoníaco previstas: enterrado nas 4 horas posteriores á súa aplicación, acidificación do xurro ou emprego de inhibidores da ureasa ou da nitrificación. No resto de explotacións, a partir da entrada en vigor do novo Real Decreto, deberá realizarse a aplicación do purín nas terras e pradeiras mediante tubos colgantes, que reducen nun 40% as emisións de amoníaco, ou mediante sistema de bandas de discos ou inxectores, que reducen as emisións nun 50%, segundo os cálculos do Ministerio. O esterco non poderá estar amontoado nas leiras máis de 5 días O borrador de Real Decreto indica ademais que “se evitará o apilamento temporal ao aire libre de estercos e outros materiais de orixe orgánica” e establece que de ser necesario para facilitar a loxística do estercado, deberán cumprirse as seguintes condicións:
  • O apilamiento só poderá realizarse fóra dos períodos de choiva
  • A humidade máxima do material que se pode amontoar será do 80%.
  • Só poderá haber unha pila en cada recinto, que non superará as 250 toneladas.
  • As pilas situaranse unicamente en lugares onde non haxa risco de infiltración e lonxe de correntes de augas como leitos, lagos, lagoas, e encoros, captacións subterráneas de auga para consumo humano, pozos e fontes
  • As pilas situaranse en terreos elevados
  • A distancia mínima da pila a explotacións gandeiras e/ou vivendas será de 300 metros, exceptuando a vivenda da propia explotación.
  • O apilamiento realizarase sempre dentro do recinto agrícola
  • As pilas non poderán permanecer nos recintos máis de cinco días
Medidas obrigatorias de mitigación de emisións O esterco deberá ser enterrado “canto antes e sempre nas primeiras 12 horas” mediante arado de vertedeira ou equipo que asegure un labor equivalente, agás se foi previamente compostado, se nas parcelas nas que se deposita se practica sementeira directa ou se están destinadas a pastos ou a cultivos leñosos con cuberta vexetal entre liñas (por exemplo viñedos). Neste caso a aplicación deberá realizarse antes do fin da parada invernal e non exista risco de contaminación dos acios. Cando se aplique en pasteiros, deixarase pasar como mínimo 21 días antes de que o gando poida entrar a pacer ou se segue a herba.
O esterco deberá ser enterrado antes de que transcorran 12 horas da súa aplicación
Do mesmo xeito, cando se apliquen produtos fertilizantes a base de urea, tamén deberá utilizarse polo menos un dos seguintes métodos paliativos: fraccionar as achegas de acordo coas necesidades do cultivo e realizalas naqueles momentos do ciclo do cultivo nos que o aproveitamento poida ser máis rápido; inxección dos fertilizantes no chan; empregar gránulos de urea recubertos dun polímero biodegradable, de forma que a liberación sexa máis lenta; realizar a fertilización nitroxenada mediante fertirrigación ou aplicar unha rega inmediatamente despois da fertilización (só se debe considerar esta técnica cando haxa necesidades de regadío, para non aumentar as perdas por lixiviación nin o consumo innecesario de auga) ou empregar inhibidores da ureasa co fin de retardar a hidrólisis da urea en ión amonio. Boas prácticas en materia de fertilización Co obxectivo de servir de orientación, o Ministerio de Agricultura fará públicas unhas guías con consellos sobre fertilización de chans agrarios e nutrición de cultivos e fixaranse unha serie de boas prácticas agrícolas mínimas que as explotacións deberán cumprir á hora de abonar e que as comunidades autónomas poderán complementar con medidas máis restritivas no caso de risco de contaminación de acuíferos por nitratos. Prohíbese, por exemplo, abonar terreos xeados, cubertos de neve ou asolagados, así como cando haxa unha alerta meteorolóxica por precipitacións torrenciais. A palla e outros materiais agrícolas ou silvícolas están excluídos especificamente do ámbito de aplicación do novo Real Decreto e poderán seguir incorporándose aos chans agrarios.
A urea poderá representar como máximo o 25% das necesidades anuais de nitróxeno do cultivo
Non se aplicará xurro, esterco ou lodos de depuradora nunha franxa de 5 metros ao redor de ríos, lagos, litoral costeiro ou pozos, fontes e captacións de auga para consumo humano. Dependendo do cultivo, non se poderá realizar fertilización nitroxenada en determinados meses do ano, salvo mediante sistemas de rega localizada. Os períodos de prohibición móstranse na seguinte táboa: Prohíbese o uso de produtos fertilizantes a base de carbonato de amonio e salvo no caso de cultivos hidropónicos, só poderá achegarse ata o 25% das necesidades anuais de nitróxeno dun cultivo mediante produtos fertilizantes ureicos. As abonadoras deberán manterse en bo estado e estar correctamente calibradas, para o que se establecerán revisións periódicas.

Información que os agricultores deben incorporar ao caderno de explotación tras efectuar un abonado

A persoa titular da explotación será a responsable de que no prazo máximo dun mes desde a data de abonado, xa sexa con fertilizantes químicos ou con achegas de materia orgánica, estas operacións estean correctamente reflectidas no caderno de explotación. Será obrigatorio realizar analíticas de chan (pH, nitróxeno, fósforo, potasio e materia orgánica nos primeiros 25 cm) cunha periodicidade mínima de 5 anos en regadío e 10 en secaño, así como do contido en nitróxeno, fósforo e materia orgánica do xurro e o esterco que se aplique, procedan ou non da propia explotación. Estes datos serán incorporados ao caderno de explotación, xunto coas doses e datas de aplicación. En caso de regadío, tamén as datas e doses de rega.
Cada explotación deberá contar a partir do 1 de setembro de 2024 cun plan de abonado, salvo no caso de explotacións con menos de 10 hectáreas de superficie
O uso de lodos de depuradora necesitará de informe do asesor da explotación no que se xustifique agronomicamente o seu uso. Nestas operacións, controlaranse os contidos máximos en metais pesados (cadmio, cobre, níquel, chumbo, zinc, mercurio e cromo) e outros contaminantes e impurezas, tanto dos lodos para aplicar como do chan que os recibe. Os lodos aplicaranse unicamente en terras sen cultivo implantado e non se poderán utilizar en leiras destinadas a cultivos hortícolas nin en cultivos frutícolas durante o período de vexetación, que se estende aos 10 meses anteriores ao comezo da colleita. Requisitos mínimos do plan de abonado O asesoramento técnico será obrigatorio un ano despois da entrada en vigor do Real Decreto en zonas vulnerables (delimitadas mediante o Real Decreto 47/2022 sobre protección das augas contra a contaminación difusa producida polos nitratos procedentes de fontes agrarias, que entrou en vigor o pasado 21 de xaneiro) e dous anos despois no resto do territorio. A obriga de asesoramento poderá cumprirse contratando a un profesional cualificado ou realizala o propio titular da explotación a través dun programa informático específico que achegue recomendacións de abonado. O plan de abonado incluirá o momento no que se pretenden achegar os distintos nutrintes, así como o tipo de abono, a forma de aplicación e a maquinaria utilizada. Prescribirá ademais as medidas para diminuír as emisións de amoníaco e de gases de efecto invernadoiro.
Será obrigatorio realizar analíticas de chan (pH, nitróxeno, fósforo, potasio e materia orgánica nos primeiros 25 cm) cunha periodicidade mínima de 10 anos
No caso dos cultivos herbáceos, o plan de abonado realizarase tendo en conta a rotación de cultivos, que deberá ser descrita no plan. No caso dos cultivos leñosos e nos pastos permanentes, o plan cubrirá os cálculos dun ano. As achegas efectivas de nitróxeno anuais por cultivo non poderán exceder en máis dun 10% os cálculos realizados, mentres as de fósforo e potasio non poderán exceder nun 20% a suma dos valores determinados para 5 anos consecutivos. As necesidades de nitróxeno e fósforo de cada cultivo calcularanse segundo a colleita que se prevé obter, considerada como rendemento medio da zona. Para o cálculo da dose, o Ministerio de Agricultura poñerá ao dispor dos agricultores un sistema de cálculo antes da entrada en vigor dos plans de abonado o 1 de setembro de 2024.

Cambio climático: como traballa o campo para reducir a súa pegada de carbono?

O cambio climático e os seus efectos é un dos maiores condicionantes da agricultura e gandería actual, por iso a redución da pegada de carbono e as prácticas sostibles ambientalmente son temas presentes tanto no día a día das granxas e explotacións agrícolas como nas políticas agrarias. Europa traballa sobre estes retos ambientais e climáticos con estratexias como o Pacto Verde, a iniciativa Da granxa á mesa e a de Biodiversidade para 2030. As novas políticas Agrarias Comúns (PAC) que se aplicarán entre 2023 e 2027 teñen tamén presente estes desafíos.

A agricultura xoga un papel fundamental para alcanzar a neutralidade do carbono no territorio comunitario da UE en 2050

Nesta liña, o Consello informal de Ministros de Agricultura da Unión Europea (UE), debatía a principios de febreiro sobre modelos agrícolas e forestais que contribúan a reducir a pegada de carbono, dado o papel fundamental do sector da terra e a agricultura para alcanzar a neutralidade do carbono no territorio comunitario da UE en 2050.

A versión inicial do Plan Estratéxico da PAC presentado por España a finais de novembro do pasado ano, coñecido como PEPAC, aborda a redución do impacto ambiental e inclúe entre os seus obxectivos a diminución das emisións de gases contaminantes de efecto invernadoiro (GEI), así como o aumento da captura de carbono. “O sector agrario é un sector moi vulnerable para os efectos do cambio climático. A adaptación é clave á sustentabilidade económica, social e ambiental”, recolle o PEPAC.

Agricultura baixa en carbono

En concreto, o PEPAC inclúe o Obxectivo Específico 4, que busca contribuír á atenuación do cambio climático e a adaptación aos seus efectos, así como á enerxía sostible e no que se definen as prácticas máis axeitadas para conseguir unha agricultura baixa en carbono. A nova PAC mira á gandería en extensivo non só por ser unha vía para lograr esta redución das emisións, senón porque é ademais unha forma de aumentar a materia orgánica e a capacidade de sumidoiro de carbono no solo, posto que a mitigación da pegada de carbono tamén se consegue mediante a captura de carbono atmosférico e a súa fixación nos solos.

“Neste sentido o ecoesquema sobre pastoreo extensivo fomenta esta práctica sostible de xestión da terra e os recursos pastables, ademais contribúe a impulsar as producións sostibles, pois ao establecer criterios de xestión evita tanto o infrapastoreo como o sobrepastoreo, achegando materia orgánica ao chan e contribuíndo á captura de carbono”, detalla o Plan Estratéxico da PAC.

A gandería extensiva, a agricultura de conservación e as cubertas vexetais son métodos incluídos no PEPAC para incrementar a captura de carbono

Xunto coa gandería extensiva, a agricultura de conservación, con sementeira directa e unha xestión sostible dos insumos de regadío, tamén busca minorar as emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera. “Este modelo agrícola consegue a mitigación mediante o aumento de carbono orgánico do solo e a optimización dos insumos de fertilización”, detalla o borrador inicial do PEPAC.

O mantemento de cubertas vexetais tamén é outro dos métodos incluídos no PEPAC para lograr a captura de carbono, á vez que contribúe a evitar a erosión e desertificación. “Mediante o impulso do pastoreo extensivo búscase aumentar o carbono orgánico do chan, obxectivo que tamén se procura coas cubertas vexetais espontáneas ou sementadas en cultivos leñosos”, recolle o PEPAC.

Ademais tanto a agricultura de conservación, como as cubertas vexetais espontáneas ou de cultivos leñosos, así como a rotación de cultivo cunha xestión sostible do regadío e o fomento da biodiversidade en terras de cultivo contribúen á mitigación do cambio climático pola boa xestión da fertilización e ó xerar deste xeito menos emisións de óxido nitroso e de amoníaco.

España conta xa cun rexistro de pegada de carbono, compensación e proxectos de absorción de dióxido de carbono, que recolle os esforzos das empresas e organizacións españolas no cálculo e redución das emisións de gases de efecto invernadoiro.

Redución de emisións

Á marxe da captura de carbono que poden supoñer determinadas prácticas agrarias, para diminuír a pegada de carbono están a centrarse esforzos en fomentar a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro. Neste sentido, as granxas levan tempo traballando tanto no cálculo da súa pegada de carbono como en estratexias que lle permitan unha redución deste impacto ambiental. Nos últimos anos, en España impulsáronse normativas relacionadas tanto directamente coa granxa como coa xestión do esterco.

No que respecta ás actuacións nas granxas, destacan as revisións das normativas de ordenación gandeira, con novas normas para as ganderías porcinas (RD 306/2020), avícolas (RD 637/2021) e prepárase tamén unha para o gando vacún que se atopa aínda en plena tramitación. Todas elas buscan a redución das emisións de amoníaco na granxa con estratexias centradas na nutrición, os aloxamentos dos animais e o almacenamento do esterco.

As novas normas de ordenación gandeira e a xestión dos estercos e xurros están a ser ferramentas claves para reducir as emisións de gases contaminantes no sector agrogandeiro

En canto á xestión dos estercos e xurros, desde o Ministerio de Agricultura están a traballar nunha base legal para a nutrición sostible nos solos agrarios. Esta estratexia inclúe un plan de abonado baseado nun balance de nutrientes e que debe ser realizado baixo asesoramento técnico especializado. Este programa tamén inclúe a xestión conxunta de auga e fertilizantes. Ademais recolle a obrigación de aplicación localizada de xurros, a limitación no uso de urea e outros amoniacais e o apoio a prácticas favorables á protección do aire e o solo, para conseguir desta maneira unha redución das emisións de gases ao lograr unha optimización da fertilización dos solos.