Archives

Alerta pola presenza dos primeiros síntomas de black rot nas viñas galegas

Primeiros sítomas de Black Rot. Foto: Estación Areeiro A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, recomenda seguir mantendo un alto nivel de vixilancia das viñas ante a presenza dos primeiros síntomas de black rot e o avance do mildio. Tamén aconsella controlar a vexetación para evitar que reteña humidade e dificulte a aireación na contorna das vides. Desde a publicación do último aviso fitosanitario, a mediados desta semana, téñense detectado os primeiros síntomas de Black rot en plantas abandonadas do Condado. Aínda que non apareceu nas vides tratadas, o tempo húmido favorece a este fungo polo que Areeiro aconsella, no caso de aplicar tratamento antimildio, empregar un produto tamén con efecto fronte ao Black rot. No caso de non ter que tratar o mildio, o centro dependente da Deputación recomenda aplicar funxicida dirixido ao control do Black rot. No que respecta ao mildio, Areeiro detectou que as manchas van en aumento na comarca do Salnés e que se teñen detectado xa indicios en predios do Rosal e O Condado. Neste último caso, soamente se detectou unha mancha, moi incipiente, pouco visible e sen frutificación aparente. O centro dependente da Deputación recomenda, de forma imprescindible, controlar a vexetación para evitar que reteña humidade e dificulte a aireación na contorna das vides, sobre todo en plantas novas ou nas formacións máis baixas. Ademais, nalgunhas viñas estase a observar falta de brotes ou escaso desenvolvemento da vexetación o que apunta ás enfermidades da madeira. Areeiro aconsella, no caso de que os síntomas estean restrinxidos, unha poda do brazo afectado despois da floración e en tempo seco, desinfectando a tesoira e aplicando un funxicida sobre o corte.

Recomendan aplicar tratamento ante as primeiras manchas de mildio detectadas nas viñas

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, recomenda aplicar tratamento antes as primeiras manchas de mildio detectadas nas viñas. Na viña de Areeiro apareceu xa a primeira mancha, nun bordo da folla, pero tamén se teñen atopado no Salnés debido, principalmente, ás condicións favorables ao avance do patóxeno rexistradas entre a primeira semana de abril e mediados de mes. Deste xeito, o centro dependente da institución provincial aconsella aplicar un tratamento o antes posible nos predios que non o recibiran antes ou naqueles que estean xa fóra do período de protección teórico da intervención anterior. Tamén recomenda que sexa un tratamento cun funxicida sistémico, pois é suficiente cunha hora sen choiva trala aplicación para que penetre na planta e, ademais, protexa os novos crecementos. Areeiro recorda que tanto a lexislación como as boas prácticas agrícolas indican que non se deben aplicar tratamentos se o vento é superior a 3 m/s. Ademais asegura que deben empregarse boquillas antideriva e a baixas velocidades do ventilador ou realizar a intervención con pistola e preto dos brotes, para evitar a dispersión do produto fóra da área a tratar.

Comezan as obras para acondicionar a Estación Fitopatolóxica de Areeiro

A Deputación de Pontevedra inicia este luns dúas actuacións para acondicionar as instalacións da Estación Fitopatolóxica de Areeiro. Trátanse da rehabilitación e reforzo da estrutura da casona e da mellora do acceso ao laboratorio de fitopatoloxía, unhas obras que levaban xa anos sendo demandadas e nas que o Goberno de Luis López investirá preto de 130.000 euros. Nestes momentos a casona está insuficientemente illada e amosa danos e incidencias nos elementos estruturais da fachada principal, ademais de filtracións no muro posterior, o que impide garantir os niveis adecuados de seguridade, habitabilidade e salubridade para o desenvolvemento das actividades que alí se desenvolven. Deste xeito, a través da reforma, na que se investirán 40.000 euros, vanse acometer as actuacións dirixidas á substitución dos elementos estruturais que presentan danos e patoloxías e emendar os danos producidos polas filtracións, impermeabilizando as fachadas este e sur da súa primeira planta. No que respecta ao laboratorio de fitopatoloxía o investimento ascende a 90.000 euros e permitirá substituír un dos núcleos de escaleiras de acceso á primeira planta, que presenta deficiencias. Tamén se realizarán reparacións estruturais diversas no voladizo e piar, substituiranse os cortaventos de acceso e adecuarase o espazo baixo a nova escaleira para almacén. A Estación Fitopatolóxica Areeiro é un centro de referencia cun alto prestixio a nivel nacional e internacional debido ao seu labor no ámbito da sanidade vexetal, na investigación e experimentación sobre cultivos forestais, agrícolas ou ornamentais como a camelia, e tamén na defensa e conservación do patrimonio vexetal da provincia. O centro conta con laboratorios dedicados ao diagnóstico e investigación das pragas e enfermidades dos vexetais, á edafoloxía e a estudos de cultivos.

Continúa a vixilancia ante síntomas de mildio nas viñas

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, aconsella manter o nivel de vixilancia para actuar a tempo no caso de que se detecten síntomas de mildio nas viñas. Esta recomendación faina a pesares de que non se observaron incidencias e que os prognósticos das diferentes axencias meteorolóxicas para os vindeiros días non son favorables ao desenvolvemento do patóxeno. Tamén aconsella considerar renovar a protección naquelas viñas que xa recibiran unha aplicación, debido ás choivas producidas. Areeiro recibiu información da aparición dunha mancha esporulada no Salnés, concretamente no concello de Vilanova de Arousa, na zona de Baión, e doutra sen esporular en Arbo. A detección, só destas dúas manchas, pode explicarse polo escaso desenvolvemento das viñas e polas temperaturas nocturnas frescas. Bolboreta do buxo e enfermidades nos cítricos Areeiro pide manter un nivel alto de vixilancia da bolboreta do buxo, xa que a subida de temperaturas favorece a actividade das eirugas. Deste xeito, tanto en sebes tratadas como nas que non o están, hai que realizar revisións periódicas para valorar se cómpre renovar o tratamento xa realizado ou acometer a primeira intervención. Debido á climatoloxía húmida, os froitos de moitas especies cítricas están a murchar na árbore e é probable que caian prematuramente. Neste eido, é fundamental retirar e eliminar todos os froitos afectados (tamén os que se atopan na árbore) para reducir a incidencia de enfermidades nos cítricos.

Recomendan aplicar o primeiro tratamento contra o mildio nas viñas máis desenvolvidas

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, advirte da posibilidade de aplicar o primeiro tratamento contra o mildio, polo menos naquelas viñas que conten cun maior desenvolvemento da vexetación, debido ás condicións climatolóxicas pasadas e actuais, aínda que non aparecera a primeira mancha. Este aviso chega despois de que os captadores que o centro ten instalados nas viñas ao abeiro do proxecto europeo Plasmowine, detectasen xa esporas no ambiente, debido ás temperaturas das últimas noites, que foron superiores, favorecendo así o patóxeno. O persoal de Areeiro recomenda ademais que, para este primeiro tratamento, se empregue un funxicida que protexa tamén os novos crecementos das vides, pois na maioría das viñas as cepas aínda están a agromar, e que non se lave coa choiva, pois agárdanse precipitacións nos próximos días. Ademais, se a viña estivo infectada con ‘black rot’ na anterior campaña, é aconsellable utilizar un funxicida con efecto fronte a este fungo. Ante a escaseza de masa foliar, o centro dependente da Deputación aconsella facer os tratamentos con pistola e non con atomizador (ou evitar sen accionar o ventilador). Tamén no relativo ás viñas, Areeiro advirte de importancia de estar pendente das follas danadas pola sarabia e polos ventos dos últimos días, pois as feridas poden ser portas de entrada de certos patóxenos, e informa da aparición de caracois nalgúns predios.

Degustación en Fitur de té de camelia de Areeiro

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, compartiu este xoves unha degustación de té de camelia, unha bebida que se produce a partir das camelias que medran en xardíns da provincia pontevedresa, no stand que Turismo de Galicia ten instalado na Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se celebra esta semana en Madrid. Ao acto asistiron deputados do goberno provincial, así como representantes do sector turístico e público xeral que ademais de probar esta infusión 100 % Rías Baixas recibiron explicacións dos beneficios e sobre a elaboración desta infusión. Por outro lado, a Deputación ten a súa propia marca de té ecolóxico. Trátase do Té Areeiro, unha marca coa que a Deputación busca converterse nunha referencia na produción dun té de calidade elaborado na provincia e con produtos ecolóxicos e de proximidade a partir de brotes e follas da variedade de camelia sinensis, que se cultiva nos xardíns da estación fitopatolóxica do Areeiro, na parroquia pontevedresa de Lourizán. Unha iniciativa que supón ademais un paso adiante cara a diversificación e promoción do rural da provincia. No 2023 os xardíns do Areeiro acadaron a distinción de excelencia internacional en camelia e teñen en marcha un Plan Estratéxico do Té para promover un modelo de produción sostible deste cultivo, entre cuxas accións atópase o rexistro da marca “TéAreeiro”.

A Deputación de Pontevedra investirá 40.000 euros para rehabilitar a casa da Finca Areeiro

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente para contratar a unha empresa para a realización das obras de rehabilitación e reforzo estrutural da casona na Finca Areeiro. Luis López asegurou que este investimento, que ascende a 40.000 euros e ao que hai que engadir outros 90.000 euros que se van destinar a obras no edificio do laboratorio fitopatolóxico, “é unha manifestación clara do compromiso que temos con esta finca e co traballo que nela se realiza”. O obxectivo da actuación é arranxar complicacións existentes nos edificios pendentes desde facía anos. Deste xeito, no caso concreto da casona, á que se destinarán 40.000 euros, trátase de substituír elementos estruturais e emendar os danos producidos polas filtracións de auga nas fachadas este e sur do seu primeiro andar. No caso do laboratorio, onde se investirán 90.000 euros, rehabilitarase o acceso ao primeiro andar do edificio. “En resumo –asegurou o presidente Luis López- imos investir nestes meses 130.000€ para remodelar as instalacións da Finca Areeiro, un centro científico pioneiro que queremos que sexa, se cabe, aínda máis pioneiro”. A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, creada en 1981 trala adquisición da “Granxa Areeiro” por parte da Deputación en 1963, é un centro de investigación pioneiro en Galicia, dedicado principalmente a asesorar os agricultores da provincia no relativo á sanidade dos seus cultivos. O seu persoal proporciona información con solucións aos problemas fitosanitarios que, de non seren controlados, poden levar á diminución ou á desaparición dos cultivos, e analiza solos para poder asesorar sobre as correccións e fertilizantes adecuados para os cultivos. Entre as súas iniciativas figuran os limiares de tratamentos, as notificacións de primeiras deteccións de pragas, a análise de mostras, a elaboración de avisos fitosanitarios, un programa de doazón de especies vexetais para xardíns de acceso público, cursos formativos, proxectos de investigación ou un programa de visitas guiadas aberto a toda a cidadanía. Ademais este centro dependente da Deputación dedícase tamén aos usos produtivos da camelia, principalmente té e aceite, cunha área de cultivo que suma 500 m2 e 300 plantas. No 2023 os seus xardíns acadaron a distinción de excelencia internacional en camelia e tamén se ten impulsado un Plan Estratéxico do Té para promover un modelo de produción sostible deste cultivo, entre cuxas accións atópase o rexistro da marca “TéAreeiro”.

Areeiro traballa na prevención da entrada en Europa da HLB, unha grave enfermidade que afecta ós cítricos

A Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica Areeiro, está a participar no proxecto “Preventing HLB epidemics for ensuring citrus survival in Europe”, unha iniciativa do programa Horizon 2020 da Unión Europea concedido a un consorcio integrado por entidades de Europa, Brasil, Israel e China. O obxectivo é traballar conxuntamente para previr a grave enfermidade que transmite a 'Trioza erytreae' ou psila africana nos cítricos, coñecida como HLB. Este insecto foi detectado por primeira vez na Europa continental no ano 2014 por Areeiro, que na actualidade e no marco deste proxecto internacional, está a realizar ensaios para coñecer o seu comportamento e supervivencia, para analizar a eficacia de diferentes fungos para facerlle fronte. Areeiro, a través dun convenio de colaboración establecido entre a Deputación o CSIC e Koppert España, é a única entidade galega que forma parte do proxecto internacional que pretende previr a introdución e/ou a dispersión da HLB. Deste xeito, e no marco desta iniciativa, Areeiro desenvolveu xa un método de cría masiva en laboratorio da psila africana para producir suficientes insectos para realizar os ensaios e para coñecer o seu comportamento en canto ao seu desenvolvemento, supervivencia, lonxevidade, parámetros reprodutivos e condicións que limitan a súa expansión. Ademais, determinou o rango de hóspedes de trioza mediante ensaios de libre elección levados a cabo en insectarios cunha selección de diferentes especies de cítricos, co obxectivo de analizar as plantas máis resistentes, e estudou a eficacia en laboratorio de diferentes fungos para facer fronte ao insecto. Xunto ao centro da institución provincial, participan outras entidades españolas como o CSIC, o Instituto Valenciano de Investigaciones Agrarias, a Universidade Politécnica de Valencia e a Generalitat Valenciana, ademais de centros de investigación de Portugal, Francia, Italia, Reino Unido e Holanda entre os que se atopan o Instituto Politécnico de Bragança, a Universidade do Algarve, o Centre de Coopération Internationale en Recherche Agronomique pour le Développement, a Università degli Studi di Catania, o Consiglio Nazionale delle Ricerche, o Consiglio per la Ricerca in Agricoltura, o centro de l'Analisi dell’economia agraria, a University of Cambridge, a Durham University e a University of Amsterdam. Ademais, tamén forman parte do consorcio entidades de Brasil como a Empresa Brasileira de Pesquisa Agropecuária ou o Fundo de Defesa da Citricultura; de Israel como o Agricultural Research Organisation-Volcani Centre; e de China como a Hunan Agricultural University, así como empresas privadas como Koppert España e AMP Biotech.

Aconsellan manter a vixilancia da botrite ata a vendima

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar o último aviso fitosanitario previo á vendima no que, en liñas xerais, alude ao bo estado xeral das viñas, aínda que recomenda manter a vixilancia ante a botrite e advirte tamén da aparición masiva de acios afectados por golpe de calor. No que atinxe á botrite, persoal da EFA lembra que aínda que esta semana non se detectaron novos síntomas da presenza desta enfermidade, antes da vendima poderán detectarse novos acios danados, en especial se hai humidade, polo que non hai que descoidar a vixilancia nin os labores culturais que favorezan a aireación dos acios. Areeiro sinala que no Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura existen funxicidas sen prazo de seguridade, ou con prazos curtos ou moi curtos, que aínda poden ser utilizados en caso de condicións favorables, pero que é imprescindible respectar os prazos recollidos nas etiquetas. Areeiro sinala tamén no seu aviso que a calor destes días supuxo un estrés para as plantas, o que incrementou o número das que manifestan síntomas de alteracións da madeira e supuxo que haxa plantas pequenas con síntomas de seca. Ademais, as temperaturas máis elevadas e a luz solar intensa destes días provocaron a aparición masiva de uvas con golpes de calor ou de sol que poden ser confundidos con botrite, pero que na maioría de casos non o é. As uvas afectadas presentan unha cor semellante á que adquiren cando hai podres e, co tempo, estas uvas iranse deshidratando. En xeral, estes síntomas afectan á cara dos acios sobre a que incide directamente a luz solar, e as condicións de seca ou os esfollados excesivos e mal executados están tamén na orixe do fenómeno. Grans escaldados polo sol. // Imaxe. Estación Fitopatolóxica Areeiro. Por outra banda, respecto ao mildio, a EFA destaca que non se atoparon novos síntomas en follas nin acios rebuscos, que son os que a estas alturas da campaña poderían ter algunha sintomatoloxía. Tendo en conta as condicións meteorolóxicas para os vindeiros días, con posibilidade dalgunhas choivas débiles e a posterior mellora do tempo, o persoal da Estación indica que poden aparecer novas manchas ata a vendima debido ás posibles choivas febles destes días, pero xa sen incidencia na maduración pola frondosidade que teñen en xeral as viñas.
Trala vendima, naquelas viñas moi afectadas por mildio e onde siga o avance da enfermidade, recomendan aplicar un tratamento cúprico
Despois da vendima, e en especial naquelas viñas onde quede un elevado nivel de inóculo por ter sufrido este ano un ataque forte na floración, continuará o avance da enfermidade na vexetación, sempre que haxa condicións climatolóxicas favorables. Nestes casos, antes da caída da folla será conveniente un tratamento cúprico para garantir o bo agostado da madeira e limitar a incidencia da enfermidade na seguinte campaña. En canto á avelaíña da uva, non se detectaron máis danos nos acios nas viñas da rede de seguimento, pero a situación pode ser diferente noutras viñas, polo que a EFA recomenda manter a vixilancia ata a vendima debido á influencia que poden ter as perforacións das eirugas sobre as podres. En principio, estímase que non será preciso dar tratamento algún pola relativa proximidade da vendima, pero se nas revisións se atopan danos por riba do 3-5% de acios afectados nas variedades máis sensibles ou de 5-8% nas restantes, será conveniente realizalo elixindo insecticidas con prazo de seguridade curto, que en todo caso debe ser respectado. Por último, no caso dos cicadelidos, Areeiro advirte que seguen a ser recollidos nas trampas o Scaphoideus titanus, e lembra que controlalo é unha das poucas formas existentes para conter a grave enfermidade de corentena que transmite: a flavescencia dourada. No que se refire ás capturas de mosquito verde nas trampas instaladas nas viñas da rede de seguimento, estas foron baixas.

Recomendan aplicar no viñedo un tratamento contra a botrite tralas recentes choivas

Ante as infeccións por botrite detectadas esta semana, debido ó estado fenolóxico da uva (moi próxima á maduración) e as choivas que se rexistraron recentemente, a Estación Fitopatolóxica Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar un novo aviso fitosanitario no que aconsella tratar as viñas nas que non se tivese realizado ningunha aplicación con anterioridade. As precipitacións dos últimos días provocaron un rápido incremento do tamaño dos grans, o que nalgunhas ocasións fixo rebentar a súa pel. Isto, xunto coas perforacións nalgúns predios de eirugas de Lobesia e ataques de paxaros nas uvas, deron lugar á aparición de micelio en acios de moitas viñas. Por esta razón, Areeiro recomenda aplicar un antibotrítico se non se realizou este tratamento con anterioridade. O persoal sinala que no Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación existen funxicidas autorizados para o control desta enfermidade con características e prazos de seguridade moi diferentes, polo que debe ser considerado cada caso concreto segundo o estado de maduración da uva e a presenza actual de síntomas ou feridas nos grans. Por outra banda, o aviso volve referirse de novo á enfermidade da flavescencia dourada. Areeiro sinala que segue a haber capturas do Scaphoideus titanus nas trampas, agás nas viñas nas que se realizaron os tratamentos insecticidas recomendados, e lembra que combater este insecto é un dos escasos medios para loitar contra esta patoloxía. Neste senso, advirte de que as poboacións deste insecto vector que queden este ano estarán fortemente relacionadas coas da campaña seguinte e, polo tanto, coa dispersión da enfermidade. Respecto do mildio, o aviso sinala que coa entrada no pintado a uva xa non é sensible a este patóxeno, e só poden aparecer síntomas na vexetación e nos acios dos brotes netos, nos que apareceron precisamente nas revisións efectuadas esta semana. Coa previsión de altas temperaturas para os vindeiros días, o centro indica que en principio non será necesaria ningunha intervención máis que, opcionalmente, nos predios que tiveron fortes ataques nesta campaña se a densidade de manchas é tan elevada que pode provocar defoliación e comprometer a maduración en curso. Por último, o aviso da Estación Fitopatolóxica refírese tamén ás hortícolas. Lembra que os restos vexetais son o soporte que utilizan varias pragas e patóxenos para pasar o inverno, de xeito que neste momento, cando se están a levantar algúns destes cultivos, Areeiro aconsella que se eliminen estes restos para reducir a problemática que se poida ter o próximo ano.

Recomendan vixiar os danos por botrite nos viñedos

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro recomenda manterse alerta ante os danos por botrite que poden darse nos viñedos. O risco por mildio e oídio é cada vez menor, ó atoparse xa boa parte das cepas no pintado. No caso da botrite, o feito de que xa practicamente en todos os predios e variedades os acios se atopan na fase de pintado, estado no que son máis sensibles ó ataque deste fungo oportunista, motiva que haxa que manterse máis alerta ante posibles danos. Ademais, dende a Estación, dependente da Deputación de Pontevedra, recordan que o incremento da humidade, as temperaturas suaves, o incremento do azucre na uva, os acios compactos, os acios secos por mildio ou os danos nos grans favorecen a aparición deste patóxeno. Por iso, se non se aplicou aínda un antibotrítico, aconsellan facelo despois das choivas que se agardan para os próximos días, en especial se finalmente chove de xeito abundante, para evitar ou reducir as posibilidades de que se instale o fungo. Naqueles viñedos que foron tratados con cobre para previr ataques por mildio, este pode ser suficiente polo momento para frear a incidencia. As chuvias e as temperaturas mínimas elevadas tamén poden favorecer a aparición de novas manchas e lavarán os tratamentos aplicados contra o mildio. Aínda que o risco de contaxio é cada vez menor, recomendan renovar os tratamentos de cobre polo menos naquelas viñas onde non se tiveran dado antes ou onde se tiveran producido danos ó longo da campaña. Mentres, se as chuvias previstas son intensas reducirase o risco de aumento de síntomas de oídio en follas, pampos e acios rebuscos. Así, no último boletín emitido pola Estación só aconsellan aplicar un tratamento antioídio ó tratamento de cobre para o mildio naqueles predios con variedades que teñan a enfermidade.

Capturas do vector da flavescencia dourada

Dende a Estación Fitopatolóxica recomendan manterse alerta polo vector da flavescencia dourada, Scaphoideus titanus. Polo momento só o capturaron en trampas colocadas nas comarcas do Rosal e O Condado. Con todo, recordan a importancia dos tratamentos para frear o avance da enfermidade, posto que o insecto pode estar aínda presente ata ben entrado setembro. Ademais, deben cortarse e eliminarse as plantas de viña abandonadas, para evitar que se convertan en refuxio para o vector.

Mal do chumbo nas froiteiras

Como detallan no seu último aviso sanitario, xa están a detectarse froiteiras afectadas polo mal do chumbo. No caso de localizar danos, recomendan eliminar as ramas afectadas, se se trata dun ataque localizado, ou mesmo as árbores danadas, para evitar a expansión da enfermidade. Tamén aconsellan facelo xa no verán, para reducir o nivel de inóculo presente na parcela. Para reducir o risco de contaxio na planta, despois de cada corte hai que aplicar unha pasta funxicida e antes de podar a seguinte rama deben desinfectarse ben as tesoiras. Finalmente, todos os restos podados deben retirarse da finca. Estas mesmas recomendacións, poden aplicarse ás maceiras e pereiras que estean afectadas por cancro.

Recomendan manter a vixilancia das viñas ante o mildio, oídio e botrite

O último aviso fitosanitario emitido este venres pola Estación Fitopatolóxica Areeiro recomenda continuar a vixilancia da viña ante o mildio, oídio e botrite. O centro dependente da Deputación de Pontevedra advirte da importancia de aplicar tratamento debido ó aumento do oídio e tamén preparados antimildio naquelas viñas nas que, polo desenvolvemento da vexetación, non chegaron os tratamentos. Ademais, Areeiro advirte sobre o aumento da erinose de verán e sobre novos síntomas de enfermidades de madeira. No relativo o mildio non se ten detectado empeoramento nas viñas. Non obstante, naquelas zonas máis frondosas, onde non chegou o tratamento, si se teñen atopado novas manchas. Debido á previsión de posibilidade de precipitacións que se espera para os próximos días, recoméndase tratar as viñas cun funxicida a base de cobre. A falta de choiva dos últimos días favoreceu a presenza do oídio nas viñas. Areeiro detectou un incremento no número de acios afectados entre os cales, os máis danados son as variedades sensibles e en acios rebuscos. Debido a que o pintando non está completo, o centro dependente da Deputación recomenda aplicar un antioídio á par do funxicida de cobre. Tamén se recomenda o control e tratamento da viña ante o avance da botrite. En especial en viñas onde hai cepas de diversas variedades temperás, nas que o avance na fenoloxía conduce a un maior contido de azucre dos grans e hai máis afectación. Neste caso, así como en variedades sensibles, é aconsellable aplicar un tratamento dirixido aos acios. Como consecuencia da calor dos últimos días a sintomatoloxía das enfermidades de madeira acentuouse, así como o desequilibrio hídrico que está afectando a algunhas das viñas. Tamén segue a aumentar a erinose de verán.

Areeiro recomenda continuar cos tratamentos para o vector da flavescencia dourada

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, da Deputación de Pontevedra, advirte no seu último aviso fitosanitario da necesidade de continuar aplicando tratamentos fitosanitarios contra o Scaphoideus titanus, o cicadelido vector da flavescencia dourada. Inciden na importancia de facer estes tratamentos nos viñedos do sur da provincia de Pontevedra, dado o número de adultos recollidos nas trampas. “Aplicar tratamentos é unha medida imprescindible para tentar limitar o avance da flavescencia, ademais de eliminar e destruír as plantas abandonadas e prestar atención cando se merquen plantas”, recolle o aviso fitosanitario. Ademais, xa tiveron avisos dos síntomas de ataques destes cicadelidos nos viñedos. Con todo, alertan que moitas veces, os síntomas confúndense con déficits hídricos, carencias nutricionais ou acidez do solo, por iso as trampas son un método fiable para coñecer a incidencia do insecto e tratar só nos casos necesarios.

Vixilancia fronte ó mildio, oídio e botrite

Tamén recomenda manter a vixilancia de mildio e renovar os tratamentos no caso de que proliferen síntomas ou as precipitacións sexan abundantes nos próximos días. “A vixilancia debe ser elevada nas viñas con uva sa ou poucos danos, pero tamén naqueles predios onde xa se perdeu toda a colleita de cara a reducir os danos para a próxima campaña”, detallan. Aconsellan manter a vixilancia e renovar as aplicacións de tratamento contra o oídio, cuxos síntomas aínda poden seguir aparecendo ata o pintado. Aínda que non detectaron novos danos por black rot tamén aconsellan incluír materias activas contra este fungo se é preciso facer tratamentos contra mildio ou oídio. Esta semana detectaron os primeiros acios afectados de botrite nunha variedade temperá sensible, polo que recomendan prestar moita atención á aparición deste patóxeno, sobre todo baixo condicións de elevada humidade relativa ou choivas. Pola súa banda, as capturas de avelaíñas da uva seguen a ser baixas, pero Areeiro advirte que se ten observado xa a primeira penetración dunha eiruga nas parcelas de seguimento do centro. Ao respecto, anima a manter a vixilancia e facer seguimento ás trampas.

A Xunta actualiza a listaxe de parroquias nas que é obrigatorio tratar contra a flavescencia dourada

A Consellería do Medio Rural acaba de actualizar a listaxe de parroquias nas que é obrigatorio aplicar tratamentos insecticidas para a loita contra o Scaphoideus titanus, vector da flavescencia dourada da vide. A modificación produciuse despois de que nos últimos días detectaran a presenza deste insecto nas trampas colocadas para o seu seguimento en parroquias dos concellos de Crecente, As Neves, Salvaterra do Miño e Tomiño, en Pontevedra, e Padrenda, en Ourense. Por iso, é obrigatorio aplicar tratamentos en determinadas parroquias destes concellos, así como en lugares de Arbo e na Cañiza. Dende a consellería tamén recomendan realizar tratamentos insecticidas preventivos nas parcelas de viñedo situadas nas diferentes zonas de demarcación deste organismo nocivo. Esta zona demarcada inclúe parroquias doutros concellos pontevedreses como son o de Arbo, A Cañiza, A Guarda, O Rosal, Salceda de Caselas e Tui. Os tratamentos son de vital importancia para evitar a dispersión do vector. Scaphoideus titanus, vector da flavescencia dourada. Na páxina web da Consellería pode consultarse a listaxe das materias activas e formulados autorizados para estes tratamentos fitosanitarios, así como as parroquias onde é obrigado o tratamento ou aquelas onde simplemente é recomendado. Os tratamentos químicos deberán repetirse cada 15 días e realizaranse un total de tres tratamentos. Tamén terán que respectarse as indicacións de uso dos produtos que aparecen na súa ficha de rexistro, especialmente aquelas referidas aos intervalos de uso e número máximo de aplicacións. Tamén poden resolver as dúbidas na oficina agraria máis próxima. Antes de en Galicia, o vector da flavescencia xa fora detectado en Portugal, especialmente en zonas próximas á fronteira. Dada a situación, Portugal declarou unha zona demarcada lindeira con varios concellos fronteirizos de Galicia, polo que foi establecida unha zona tampón de 2,5 km coa fronteira.

Preocupación dende Areeiro polo avance do vector

O último aviso fitosanitario emitido pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, tamén incide na importancia de aplicar estes tratamentos contra o vector da flavescencia dourada. Nas últimas dúas semanas, dende Areeiro xa detectaran e alertaran sobre a presenza do cicadelio vector da flavescencia. Ademais, nos últimos días tamén localizaron insectos nas trampas na comarca do Rosal e na do Condado. “A enfermidade que pode transmitir este vector é moi grave e na Unión Europea é obrigatorio controlalo”, apuntan dende Areeiro.

Extremar a vixilancia por outros patóxenos na vide

Por outra banda, dende Areeiro tamén inciden na importancia de manter vixiadas as viñas nos próximos días pola previsión de precipitacións e altas temperaturas, que incrementan o risco de patóxenos como o mildio, oídio ou black rot. Aínda que moitas das cepas que foron tratadas apenas presentan danos por mildio, nos últimos días detectaron algúns predios e certa preocupación entre os viticultores pola aparición de mildio larvado nos acios. Así, aínda que nas variedades máis temperás xa hai os primeiros acios aproximándose ó pintado, estado no que se reduce o risco de danos por mildio, dende Areeiro recomendan facer un seguimento intensivo das viñas, para tratar se se detectan novos síntomas, en especial naquelas viñas que teñan un alto nivel de inóculo. Acios afectados por mildio larvado. // Imaxe. Estación Fitopatolóxica de Areeiro. Do mesmo xeito, aínda que os danos por oídio e black rot están a ser mínimos, aconsellan manter vixiadas as viñas. Ademais, se é preciso aplicar tratamentos contra o mildio, recomendan aplicar materias activas indicadas tamén para estes dous fungos. Nas súas revisións en campo, o persoal de Areeiro tamén detectou plantas con síntomas de enfermidades da madeira. “Algunhas delas xa están a sucumbir e por iso é mellor arrincalas e destruílas para evitar a contaminación das demais”, explican. Ademais, tamén detectaron plantas afectadas de golpes de sol debido a unha esfolla excesiva e comeza tamén a ser máis notoria a erinose de verán.

-Consulta máis información sobre a flavescencia dourada na web da Consellería de Medio Rural.