Archives

O SLG denuncia a Erimsa por presuntas ilegalidades en terreos agrícolas de Frades

O Sindicato Labrego Galego vén de presentar diante da Fiscalía unha denuncia contra a empresa Erimsa por levar a cabo actividades mineiras no concello de Frades “sen que consten as licenzas preceptivas para poder levalas a cabo”, segundo o sindicato. Os feitos denunciados remóntanse ao outono de 2017, cando Erimsa fixo traballos extractivos dende o 27 de outubro na parcela 502, polígono 572, na parroquia fradense de Abellá. Con data 27 de novembro de 2017, o SLG puxo estes feitos en coñecemento do Concello de Frades, solicitando do goberno municipal que, unha vez comprobados os feitos, actuasen en consecuencia. “Ese mesmo día, denunciouse todo isto diante da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU). A día de hoxe, o Concello de Frades aínda non contestou, e a APLU manifestou, recentemente, que as actividades denunciadas non precisaban autorización autonómica previa á licenza municipal, desentendéndose da posible infracción”, informan dende a organización agraria. Diante do “silencio” do Concello de Frades e do “absentismo da APLU” dende o Sindicato Labrego Galego tomaron a decisión de poñer estes feitos en coñecemento da Fiscalía. “Trala denuncia a empresa si solicitou as autorizacións” Tralas denuncias do SLG “curiosamente, e dándonos a razón o Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 26 de xaneiro de 2018 publicaba que Erimsa solicitaba de Augas de Galicia a autorización de obras nos lugares de Regueiro e Trigueira, parroquia de Galegos (San Martiño, Frades) e tamén a autorización para realizar cribado de terreo nas parcelas 571 e 572 do polígono 502 do catastro de Frades, no lugar de Regueiro, dentro da zona do río Samo”. O cribado consta das fases de escavación de terra vexetal, amoreamento temporal da terra vexetal escavación e cribado de materiais, carga do material a extraer, recheo do oco da escavación, estendido de terra vexetal e, finalmente, revexetación das parcelas. “O problema -denuncian- é que ese cribado de terreo xa fóra realizado antes de solicitar as licenzas para facelo”. Diante disto, o Sindicato Labrego Galego pediulle á Fiscalía que se requira da APLU a documentación referente a este caso “e explicacións sobre o seu absentismo nesta denuncia”. Tamén pide que se requiran todos os documentos relacionados con este suceso ao Concello de Frades, á Policía Autonómica , “que presenciou os feitos denunciados”, á Dirección Xeral de Minas e á propia empresa Erimsa.

Informe de Medio Rural sobre a mina de Erimsa en Mesía: “rexeitamos o proxecto con rotundidade porque danará gravemente a produción agrogandeira”

A asociación ecoloxista ADEGA ven de facer público o informe da Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias sobre o proxecto da mina de seixo de Erimsa nos concellos coruñeses de Mesía e de Frades, e que afectaría a 761 hectáreas de uso agrícola. O informe preceptivo, pero non vinculante, é de maio do pasado ano pero non transcendeu ata hoxe. A postura de Medio Rural é clara á hora de rexeitar o proxecto mineiro. "Esta Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias non pode por máis que pronunciarse en contra do proxecto sinalado, ao considerar que os importantes efectos negativos que se causarían sobre a produción agrogandeira da zona, afectarían grandemente aos concellos de Mesía e Frades, por ser esta un piar fundamental da súa actividade económica, social e cultural, manténdose a dita afectación negativa no tempò tralo remate das actuacións”, conclúe o documento. “É por elo que desde a Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias rexeitamos o proxecto con rotundidade, e recomendamos que non se permita a realización dos traballos referidos”, aclaran dende o departamento que dirixe Belén do Campo. A Direción Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias tamén subliña que nas parcelas afectadas pola mina investíronse millóns de euros (20 millóns, só en Mesía) en concentracións parcelarias e outros 608.000€ en axudas ás industrias agroalimentarias e para a comercialización dos seus produtos. Sen embargo, este non é o único informe que ten que emitir a Consellería de Medio Rural: tamén se teñen que pronunciar a Dirección Xeral de Ordenación Forestal e outros departamentos da Administración galega. A este respecto, o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois, informou o pasado mes de xuño no Parlamento Galego que “o goberno da Xunta, unha vez finalizado o proceso de avaliación do impacto ambiental e respectando a lei, poñerá en equilibrio os intereses agrarios, mineiros e ambientais, e pronunciarase outorgando a concesión mineira ou non”. Adega espera que os restantes departamentos da Xunta rexeiten o proxecto mineiro Diante deste informe, ADEGA demanda da D. X. de Enerxía e Minas que denegue o proxecto de explotación de seixo de ERIMSA para a concesión "Xanceda 7138" e similares, nos concellos de Mesía e Frades.. “Agardamos que tanto Medio Rural como outros departamentos autonómicos (Augas, Medio Ambiente, Patrimonio...) fagan o mesmo e informen negativamente sobre o outro proxecto mineiro, a mina de cobre de Touro-O Pino, que ameaza non só á comarca senón tamén á Ría de Arousa”, advirten dende a organización ecoloxista. Por último, lembran que “tanto o proxecto de Mesía como o de Touro, tramitáronse antes de que o PP aprobara a "Lei de Depredación", e os informes preceptivos dos distintos departamentos da Xunta son aínda determinantes”. Porén, Adega recoñece que “nada impide que estas empresas depredadoras, con concesións mineiras por ducias de anos, volvan presentar os seus proxectos nuns meses, o que xa implicará a súa tramitación express sen máis condicionantes que os que industria decida”.

Descarga aquí o informe de Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias sobre o proxecto da mina de seixo de Erimsa 

Medio Rural oponse ao proxecto mineiro de Erimsa na comarca de Ordes

A Consellería do Medio Rural emitiu un informe desfavorable ao proxecto mineiro de Erimsa que afecta a varios concellos da comarca de Ordes. Así o confirmou este venres no Parlamento de Galicia o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois, en resposta a unha pregunta do deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Xosé Luís Rivas, sobre o posicionamento da Consellería en relación ao proxecto da empresa mineira para extraer seixo en fincas agrícolas dos concellos de Mesía e de Frades, principalmente. Neste sentido, Pérez Dubois limitouse a sinalar que a Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias emitiu un informe “desfavorable” o pasado 4 de maio á solicitude de concesión mineira de Erimsa para o proxecto denominado Xanceda. O director xeral de Desenvolvemento Rural non quixo informar das razóns polas que a Consellería do Medio Rural oponse a este proxecto mineiro, cuxa solicitude foi publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 6 de marzo. Si subliñou que o departamento que dirixe Ángeles Vázquez “velará polo interese agrario do territorio, máxime cando se trata dunha zona de alta actividade gandeira”. En todo caso, Miguel Ángel Pérez Dubois sinalou que aínda está pendente de emitir o informe da Dirección Xeral de Ordenación Forestal e doutros departamentos da Administración galega. “A día de hoxe a solicitude está en fase de tramitación e non finalizou a fase de presentación de informes. O goberno da Xunta, unha vez finalizado o proceso de avaliación do impacto ambiental e respectando a lei, poñerá en equilibrio os intereses agrarios, mineiros e ambientais, e pronunciarase outorgando a concesión mineira ou non”, limitouse a lembrar o representante de Medio Rural. Bng: “O sistema de extracción de Erimsa non é compatible co medioambiente e coa actividade gandeira” Pola súa banda, o deputado o BNG, Xosé Luís Rivas lembrou que “o sistema de extracción de Erimsa non é compatible co medioambiente e coa sustentabilidade da actividade agrogandeira en Mesía e Frades”. “Iso é o que ten que valorar a Consellería do Medio Rural”, subliñou o deputado nacionalista, quen tamén advertiu “do poder de Erimsa, que está a realizar presión casa por casa para recoller firmas e dividindo aos veciños”. Xosé Luís Rivas tachou de “neocolonial” o sistema de explotación da compañía mineira, xa que “o seixo expórtase en bruto a Noruega, e na zona non deixa ningún valor engadido”. Neste sentido, advertiu de que o proxecto mineiro de Erimsa “só no concello de Mesía afecta a 26 granxas, cuns 90 postos de traballos directos, fronte aos como moito 7 ou 10 temporais que vai crear o proxecto mineiro”.