Archives

Xornadas sobre o cabalo e a conservación do medio natural o 16 e 17 de outubro en Mondoñedo

A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF) organiza para os vindeiros 16 e 17 deste mes a súa reunión de outono na vila lucense de Mondoñedo coincidindo coas San Lucas, a feira de gandería cabalar máis importante e antiga de Galicia. Neste sentido, a reunión centrará as súas xornadas en “O cabalo e a conservación do medio natural”, e celebrarase no Pazo de Santomé. A participación na reunión é de balde pero é preciso inscribirse antes do 13 de outubro, indicando día e intención de xantar ou non, chamando aos teléfonos 686620154 (Eloi) ou 628713263 (Victor). O coste do xantar será de 20 Euros. Nesta xornada colaboran coa SGPF o Concello de Mondoñedo, Vicepresidencia da Deputación de Lugo, CIAM-AGACAL, PURAGA e a Asociación As San Lucas Aquí podes ver o programa completo:

Volve a feira cabalar das San Lucas, en Mondoñedo, do 17 ao 22 de outubro

O Salón de Actos do Pazo de San Marcos acolleu a presentación da 867 edición das San Lucas de Mondoñedo, que contan unha edición máis co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo cunha achega de 20.000 euros. No acto interviron a deputada de Cultura Iria Castro, o deputado de Medio Rural Daniel García, o presidente da Asociación As San Lucas, Miguel Paz, e o concelleiro de Cultura de Mondoñedo, Alberto García, e contou coa presenza do concelleiro do BNG en Mondoñedo Eloi Cabanas e do xefe territorial de Política Social da Xunta de Galicia, Javier Vázquez. Iria Castro salientou “a raíz gandeira e popular das San Lucas, que se ven celebrando desde 1156 e que recolle o pouso cultural e social de séculos de relación co cabalo e co medio natural” e fixo fincapé na “espectacularidade coa que esa tradición se reflexa na tradicional baixada cos cabalos, que abre as festas”. A responsábel provincial  valorou “o traballo da organización” e reafirmou  ““o compromiso da  Vicepresidencia da Deputación de Lugo para colaborar co tecido asociativo e cos concellos en citas coma estas que poñen en valor a tradición ligada ao rural e á gandería”. A baixada dos cabalos a Mondoñedo na véspera das San Lucas abrirá o programa da Feira, que se extende o 17 ao 22 de outubro. 500 animais de gandeirías mindonienses baixarán dos montes próximos ata a cidade, pasando polo barrio dos Muiños, a rúa San Roque, a Fonte Vella e a Praza da Catedral (luns 17, 18.45 horas) para rematar no Campo da Feira, onde, ao día seguinte, se celebrará a Gran Feira Tradicional de Gando Cabalar. Arredor do cabalo, desenvolverase unha ampla axenda, coa entrega dos premios as gandeirías participantes na baixada e na feira (martes 18, 13.30 horas),  a segunda edición do Concurso de Andadura de Cabalo Marchador Galego, coa colaboración de Puraga, no recinto da granxa (martes 18, 16.30 horas), o espectáculo de doma nocturna, con especialistas en doma internacionais (xoves 19 e venres 20, 21.00 horas) e certames morfolóxicos, exhibicións de doma e certames de andadura ao longo das xornadas do sábado 21 e o domingo 22. Miguel Paz, presidente da organización, destacou que “o obxectivo é que todas as persoas amantes dos cabalos poidan disfrutar dunha ou outra maneira das San Lucas”. Na presentación deuse conta tamén do programa musical cun concerto de Xosé Manuel Budiño (sábado 22, 22.00 horas) e verbenas durante todos os días das festas.  

Resultados da feira de gando equino, asnal, ovino e caprino da Festa da Ascensión de Santiago

Hoxe celebrouse no recinto de Amio, en Santiago de Compostela, a tradicional feira de gando equino, asnal, ovino e caprino da Festa da Ascensión. Os resultados foron os seguintes: Así pois, o volume económico do mercado de hoxe pode estimarse nos seguintes valores totais:

Xornada formativa sobre a normativa a aplicar nas explotacións equinas

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar un curso en Boqueixón sobre a normativa de aplicación nas explotacións equinas e as obrigas dos titulares. O obradoiro celebrarase no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude o vindeiro sábado 12 de novembro en horario de 9,30 a 14,30 horas. O obxectivo desta formación é ofrecer aos alumnos a formación axeitada para que obteñan os coñecementos necesarios para cumprir coas súas obrigas normativas, ao tempo que afondará nas utilidades da Oficina Virtual Gandeira (OVGAN) para que o alumnado faga un bo uso dela. Este curso está dirixido á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira. A inscrición pode facerse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolles se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 881 867 327, ou enviarse un correo a cursos.agacal.sergude@xunta.gal

Xornada formativa en Boqueixón sobre coidado dos pés dos cabalos

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar a semana que vén en Boqueixón un curso sobre o coidado do pé equino. Impartida polo Centro de formación e experimentación agroforestal (CFEA) de Sergude, a acción formativa impartirase do 10 ao 12 de xuño e terá unha duración total de 22 horas. O obxectivo do taller é conseguir un persoal formado no tratamento de lesións podais equinas, así coma na ferraxe dos cabalos. Abordaranse aspectos tanto teóricos coma prácticos no relativo a desferrados, recortes, aplomados e colocación de ferraduras de emerxencia e exporanse as últimas tendencias sobre o descalzo equino. O obradoiro consistirá en formación tanto teórica coma práctica. Esta iniciativa está dirixida ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira. Así mesmo, o taller tamén pretende ofrecer unha oportunidade laboral á xuventude do medio rural galego. Para participar é preciso descargar a solicitude nesta ligazón https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas e remitila cuberta a cursos.agacal.sergude@xunta.gal. . Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 881 867 327

Os cabalos para vida acadan un prezo medio de 1.465 euros na Feira de Gando Equino do Apóstolo

O Recinto Feiral de Amio, en Santiago, acolleu este 25 de xullo, a Feira de Gando Equino, Asnal, Ovino e Caprino do Apóstolo. Nesta edición contabilizáronse un total de 464 animais: 219 cabalos e eguas para a vida, 184 eguas e cabalos para abasto; 17 burros, 22 reses de ovino menor e outras tantas de caprino menor. En canto ós prezos medios, os cabalos e eguas para a vida acadaron os 1.465 euros, mentres que no caso do gando para sacrificio baixou ós 807 euros. O prezo dos burros situouse nos 762 euros de media, o do gando ovino foi de 90 euros e o do caprino 50 euros por animal. O valor estimado do mercado ascendeu a 485.357 euros, dos que 469.323 euros corresponden ó valor das ventas de cabalos e eguas ( 320.835 euros procedentes de animais para a vida e 148.488 euros dos de abasto). As ventas de gando asnal supuxeron 12.954 euros, as de gando ovino foron de 1.980 euros e as de caprino de 1.100 euros.

Un cercado virtual para controlar o gando en extensivo sen valados nin pastor

Acoutar unha zona de pasto e que o gando permaneza nela de forma controlada ou que mesmo vaia avanzando a novas áreas, baixo a supervisión a distancia do gandeiro, todo elo sen necesidade de valados físicos ou eléctricos. Ese é o obxectivo do proxecto E-Barana, impulsado pola Escola de Negocios do Pirineo (Esnepi), que pretende facilitar o manexo da gandaría en extensivo. Analizamos en que consiste e as súas posibilidades en Galicia. A iniciativa céntrase na creación dun cercado virtual a través da xeolocalización de gando. Preséntase como unha alternativa fronte aos cercados físicos ou os eléctricos. É unha proposta que busca incrementar a viabilidade e rendibilidade das gandarías de extensivo, para que sexan unha opción de futuro no campo.
O proxecto E-Barana busca facilitar o manexo do gando en extensivo para que estas gandarías sexan unha alternativa viable
"Cando abordamos este proxecto tecnolóxico centrámonos en buscar a forma de axudar a mellorar as gandarías en extensivo, dado o importantes que son para o rural e polo seu valor estratéxico", explica Aurelio García, director do Esnepi.

Ter localizado o rabaño

O proxecto E-Barana permite establecer un cercado virtual mediante a fixación de coordenadas. Para iso, aos animais colócaselles un colar que permite a súa xeolocalización, de xeito que o gandeiro ten a posición do gando no seu teléfono móbil. O colar emite estímulos para conseguir que o animal non supere os límites marcados.
Os colares permiten a xeolocalización das reses e emiten estímulos para evitar que crucen os límites do cercado
O dispositivo produce primeiro ruídos molestos cos que disuadir ao animal de avanzar e atravesar o cercado virtual. Se o animal non desiste, increméntase a intensidade do son e, finalmente para disuadilo, recibe unha pequena descarga eléctrica similar á que producen os pastores eléctricos. "Estamos a traballar para evitar que o animal chegue a recibir a descarga", indica García. Trátase de conseguir que o animal asocie que se continúa nesa dirección, despois dos sons molestos, producirase a descarga e desista así de continuar. Tal e como apunta o responsable da iniciativa, é unha aprendizaxe similar á que o gando experimenta co pastor eléctrico, cando o asocian directamente coa descarga e evitan tocalo. Un dos animais ós que se lle colocou o dispositivo nas primeiras probas para estudar o comportamento.

Adaptación dos animais

Unha das fases claves do proxecto é conseguir que os animais se adapten á tecnoloxía e comprendan os estímulos. Nisto traballan desde a facultade de Veterinaria da Universidade de Zaragoza, un dos socios da iniciativa. Así, comezaron a colocar os primeiros colares en ovellas para estudar as súas respostas e adaptar o animal a esta tecnoloxía. As gandarías de ovino son precisamente un dos principais destinatarios deste tipo de cercados, dado o carácter destes animais e a implicación que requiren do gandeiro no seu manexo.
Están a realizar as primeiras probas con ovellas en pequenas contornas controladas para coñecer o seu comportamento
"Os rabaños de ovellas necesitan, polo xeral, a un pastor ou a un can que as custodie, nunca quedan soas, o que condiciona moito aos gandeiros", comenta García. Co cercado virtual preténdese darlle unha maior autonomía ao gandeiro ademais de incrementar a rendibilidade destas gandarías. Estas primeiras probas realízanse en pequenas contornas controladas con dobre valado, físico e virtual, con animais de gandarías da Asociación de Gandeiros da Serra de Guara, un dos integrantes do proxecto. Nos próximos meses tamén probarán con gando bovino das asociacións Monte Estós e Val de Broto, e con cabalos da Asociación de Criadores de Equino Hispano Bretón (Arahisbre), todos eles integrantes do proxecto.
Barallan a posibilidade de colocarlle os colares só aos líderes do rabaño para reducir os custos para o gandeiro
Na iniciativa tamén se inclúen outros socios, como a Reserva da Biosfera Ordesa-Viñamala, o Instituto Pirenaico de Ecoloxía do CSIC e o Concello de Nueno (Huesca). O estudo do comportamento dos animais abre a posibilidade de que non sexa preciso colocar os colares a cada res. "Estamos a probar se é suficiente pórllo aos líderes do rabaño co fin de minimizar os custos para o gandeiro e que sexa máis accesible", concreta García.

Máis que un cercado

Tal e como explican desde o Esnepi, o proxecto pretende ir máis aló dun cercado virtual e contribuír a mellorar outros aspectos claves para o manexo das gandarías de extensivo. Así, os colares tamén lle permiten coñecer ao gandeiro os movementos dos animais e detectar posibles incidencias se non se detecta actividade durante un período prolongado. Están a analizar o comportamento dos rabaños de ovellas con este sistema en zonas acotadas. Esta emisión continuada ten como contrapartida o gasto enerxético que provoca, por iso é un dos aspectos nos que están a traballar. Os dispositivos contan con baterías solares, o que lles permite unha autonomía que pode chegar a ser dun ano. Os impulsores da iniciativa tamén contemplan que sexa unha ferramenta útil para conseguir optimizar o aproveitamento dos pastos. "Agora mesmo resulta complexo planificar o pastoreo e conseguir aproveitar cada zona ao máximo sen que chegue a producirse un sobrepastoreo. Por iso estamos a estudar tamén como este sistema nos axuda a mellorar o manexo do gando", indica o responsable.

Gandaría 4.0

"O proxecto é unha aposta pola dixitalización completa da gandaría extensiva, de cara a equiparala aos sistemas que xa se incluíron nos últimos anos na intensiva e que a converteron nunha gandaría 4.0", comenta García. De feito, o proxecto enmárcase dentro das subvencións de Grupos Operativos do Goberno de Aragón e está financiado con fondos do Programa de Desenvolvemento Rural para Aragón 2014-2020. No Esnepi xa traballaron nun proxecto similar, o Ixorigué, que buscaba incorporar a tecnoloxía no manexo do gando co emprego de drons. Estaba pensado especialmente para zonas de montaña, onde a transmisión da información, pola falta de cobertura, supón un reto.

Unha alternativa para Galicia?

En Galicia, o proxecto suscita certo interese e desde distintos colectivos mantéñense atentos aos resultados prácticos que poida ter, de cara a súa posible aplicación nas gandarías galegas.
O minifundismo ou a falta de protección fronte o lobo son algunhas das limitacións que se poden presentar para o seu uso en Galicia
É o caso, por exemplo, da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (Sgpf), que, coñecedores da investigación, están pendentes da evolución do proxecto, aínda que apuntan a que a súa aplicación en Galicia pode ser máis limitada. "As condicións de Galicia non son as mesmas que as do Pirineo. Aquí contamos con parcelas moi pequenas onde as propias marxes do cercado virtual poden chegar a ocupar xa toda a leira", comenta Joan Alibés, presidente do colectivo. Con todo, valórase que este cercado poda chegar a aforrarlle ao gandeiro o tempo que emprega na colocación dos cercados eléctricos, como apuntan desde a cooperativa A Carqueixa, de Cervantes (Lugo). Montes veciñais A proposta pode resultar máis útil para manexar rabaños en grandes superficies como as das comunidades de montes, aínda que "hai moi poucos rabaños neses montes, a maioría son de particulares e con menos superficie", indica Alibés. Precisamente como unha opción para o control do gando en grandes superficies, na cooperativa A Carqueixa comezaron a utilizar un sistema de xeolocalización naquelas gandarías que realizan a transhumancia aos montes de León. "Empezamos o ano pasado mediante a xeolocalización dos animais líderes e agora estanos utilizando 3 gandarías", comenta Román Sánchez, xerente da cooperativa. A aplicación destes dispositivos é aínda moi limitada, sobre todo polos problemas de cobertura que están a rexistrar nalgunhas zonas.
A Carqueixa, nos Ancares, xa ten xeolocalizados animais de tres das ganderías que fan a transhumancia a León
O custo é outro dos aspectos que pode ser condicionante para a viabilidade do cercado virtual. "Hai que ver o desembolso que implica e se é necesario colocar un dispositivo a cada animal", sinala Alibés. Tamén hai que ter en conta que actualmente en moitas das gandarías de vacún en extensivo recorren aínda ao uso de chocallos, que tamén supoñen un desembolso, en moitos casos de ata 100 euros. Alibés tamén repara en que este cercado virtual modifica a conduta do rabaño pero non o protexe das incursións do lobo, un dos condicionantes máis importantes das gandarías de ovino e caprino en extensivo en Galicia. A adaptación do gando a este sistema de valado virtual é outro dos aspectos que máis dúbidas suscita. Sánchez alude a que este foi un dos problemas que se atoparon sistemas similares desenvolvidos en países nórdicos. Aínda que inicialmente a aplicación destes sistemas en Galicia poida ser reducida, valórase este tipo de investigacións, xa que "a base de investigar chegouse ao cercado eléctrico, que hoxe é fundamental para a gandaría", recoñece Alibés.

Prezos medios da Feira Cabalar de Santiago

Este mércores celebrouse en Santiago a Feira de Gando Equino, Asnal, Ovino e Caprino das Festas do Apóstolo. En total houbo unha afluencia de 559 animais, a gran maioría (505) eguas e cabalos, que se venderon tanto para vida (202), como para abasto (303), seguido do gando asnal (44 animais). A asistencia de gando ovino e caprino foi moi baixa: 10 exemplares de cada especie. En canto aos prezos, o volume de negocio da xornada chegou aos 513.227 euros, dos que 481.871 corresponderon ao gando equino, 29.656 ao gando asnal e 1700 euros a gando ovino e caprino. As cotizacións medias dos cabalos e eguas para vida foi de 1.328 euros por animal e no caso dos destinados a sacrificio 705 euros de media. Polo que respecta aos asnos, o prezo medio foi de 674 euros, 80 euros no caso do gando ovino e 90 por animal no gando caprino.

Exaltación da carne de poldro e do gando cabalar esta fin de semana en Muras

O concello lucense de Muras converterase esta fin de semana na capital do sector equino galego, cunha ampla oferta gastronómica, cultural e deportiva arredor do mundo do cabalo. A xornada de mañá sábado, comezará pola mañá cun roteiro de “Observación de cabalos no Xistral”. Pola tarde, continuarán as actividades con xogos ecuestres e olimpiadas rurais, organizadas pola Asociación Atila. Será ás 18:00 horas, e xa pola tardiña, ás 20:00 horas haberá petiscos con animación musical. O domingo celébrase a XXX Feira do Poldro e do Gando do Monte Pero o prato forte será o domingo 24 coa XXX Feira do Poldro e do Gando do Monte, que inclúe un amplo programa para todos os públicos con exposición de razas autóctonas, de maquinaria agrícola, postos de artesanía e alimentación ou unha exposición fotográfica polos trinta anos da feira. O programa é o seguinte: -10:00 horas: Apertura da feira. -10 a 11:00 horas: Calificación do gando. -11 a 14:00 horas: Actividades infantís. -11 a 19:00 horas: Paseos a cabalo para os máis pequenos. -11:30 a 13:00 horas: Exhibición canina e obradoiro de disco. -12:00 horas: Recoñecemento polos trinta anos de feira. -12:30 a 14:30 horas: Presentación e degustación da “Hamburguesa Gañidoira”, na carpa do Concello. -16:00 a 17:00 horas: Concurso morfolóxico de cabalos de Pura Raza Galega (Puraga). -17:00 horas: Exhibición de andadura libre, por parte de Puraga. -17:30 a 19:00 horas: Carreira de cabalos, organizada pola asociación Atila. -19:00 horas: Entrega de premios. Degustación de carne de poldro Ademais, o sábado e o domingo continuarán as III Xornadas de Degustación de Carne de Poldro, una produto de alto valor nutritivo que está recuperando o seu consumo. A degustación é gratuíta nos seguintes establecementos: Café Bar A Volta, Café Bar Santi e Picapán Casa Vituco. Entre as persoas que degusten as tapas nos establecementos colaboradores participarán no sorteo dunha entrada ao clube termal Spa Attica 21 de Vilalba, con comida ou cea incluída.

Resultados da Feira de Gando Equino do Apóstolo

O Recinto Feiral de Amio, en Santiago de Compostela, acolleu este luns, 25 de xullo, unha nova edición da tradicional Feira de Gando Equino, Asnal, Ovino e Caprino do Apóstolo. A esta edición concorreron un total de 365 reses: 184 eguas e cabalos para vida e 181 cabalos e eguas para abasto; 53 burros e asnos; 12 reses de ovino menor e 17 de caprino menor. En cando aos prezos medios, para as eguas e cabalos para vida a media por cabeza foi de 1.140 euros, que no caso de para sacrificio baixou aos 700 euros. No caso dos asnos, o prezo medio por cabeza foi de 500 euros; no gando ovino de 70 e no caprino de 80 euros por animal. En total, o valor estimado do mercado ascendeu a 365.160 euros, dos que 336.460 corresponderon á venda de gando equino.

Lugo convértese este fin de semana na capital do mundo do cabalo co VIII Salón Equigal

A Vicepresidenta Segunda da Deputación en funcións, Lara Méndez, inaugurou este venres no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, o VIII Salón Equigal, feira equina de referencia en Galicia. O organismo provincial colabora un ano máis na celebración deste certame, converténdose no principal patrocinador deste evento, posto que se enmarca na aposta da institución luguesa polos sectores estratéxicos da provincia: agricultura gandería, pesca, comercio turismo ou artesanía. Equigal tamén conta coa colaboración doutras administracións e empresas, como o Concello de Lugo, a Fundación Rof Codina, o Club Hípico Equigal, a Asociación Deportiva Lucense de doma ou Forraxes Lugo. En anteriores edicións esta cita acadou un volume de negocio superior aos 300.000 euros e recibiu a visita de maís de 8.000 persoas de toda a xeografía española, o que demostra a gran aceptación que supón este certame. A Vicepresidenta aproveitou para felicitar á organización por situar a Lugo nun dos mellores lugares do mapa equino de España. De feito, esta cita está considerada como a 2ª feira máis destacada do territorio nacional, soamente superada polo SICAV de Sevilla. Máis de 40 ganderías de primeira liña Lugo converterase na capital do mundo do cabalo co   que reunirá este fin de semana, 5, 6 e 7 de xuño, a milleiros de afeccionados ao mundo do cabalo e a máis de 40 ganderías de primeira liña, 29 das cales son galegas e destas 7 lucenses, e o resto procedentes de Sevilla, Lleida, Barcelona, Segovia, León, Valladolid, Salamanca, Asturias, Cantabria e Murcia. A axenda deste certame inclúe actividades pensadas para os profesionais, como os Concursos Morfolóxicos de Cabalos e Eguas de Pura Raza Española, e tamén dirixidas aos máis cativos, como un Espectáculo Carrusel Infantil. O programa contempla tamén un Carrusel de Hípica e un espectáculo ecuestre de Pura Raza Galega. Durante os tres días de feira celebrarase un mercadillo de libros antigos, descatalogados e de ocasión, no que se porán á venda máis de 2.000 exemplares. Horario O horario de apertura ao público do VIII Salón Equigal será de 16:00 a 21:00 horas o día 5 de xuño; de 11:00 a 21:00 horas o sábado e de 11:00 a 18:00 horas o día 7 de xuño. A entrada é totalmente gratuíta.