Archives

Inquedanza pola morte de 4 vacas por un raio ao pé dun parque eólico

Catro xovencas apareceron mortas ao pé do parque eólico Sotavento, que se ubica nos concellos de Monfero (A Coruña) e Xermade (Lugo). O suceso tivo lugar o pasado domingo á tarde, durante unha tormenta que descargou lóstregos na zona, polo que a principal hipótese é que un lóstrego matou ós animais. O Sindicato Labrego, que se fai eco do caso, ao afectar a un afiliado seu, demanda unha actuación da Xunta sobre este episodio. “Solicitamos ás Consellerías de Medio Rural e Industria a desenvolver as accións precisas para aclarar a orixe e circunstancias nas que tivo lugar este suceso, que podería ter afectado a tres gandeiros que se atopaban traballando na contorna”, demandou a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, ao tempo que instou á Xunta de Galicia “a facer valer o principio de precaución, activando a paralización cautelar de tódolos polígonos industriais eólicos actualmente en construción, até que sexa aclarado este incidente”. Así mesmo, solicitou que “se dea inicio á elaboración dun informe independente realizado polas universidades galegas ao respecto das situación actual do noso territorio no tocante ao abano de interaccións que teñen lugar entre os polígonos industriais eólicos e as condicións meteorolóxicas, abondando os seus efectos sobre a poboación, animais, patrimonio e recursos naturais”. “Ademais da súa condición de ser considerados “un branco natural para o raio” -debido especialmente ao seu deseño e materiais empregados para a súa construcción-, no ano 2014 o grupo de investigación Raios, Electricidade Atmosférica e Alta Tensión, dirixido polo profesor Joan Montanyà, da Universitat Politècnica de Catalunya, demostrou que existe unha relación directa entre o movemento das turbinas dos aeroxeradores dos parques eólicos e a xeración de descargas que en determinadas condicións atmosféricas dan lugar a raios”, alertan desde o Sindicato.

Ventonoso reclama unha nova lei eólica debido á ineficacia da actual

A Xunta acaba de introducir novas modificacións en materia eólica a través da lei de acompañamento, en concreto no que a distancias dos parques eólicos se refire, así como unha moratoria para a aprobación de novos proxectos. Para Ventonoso, colectivo impulsado por Unións Agrarias e que aglutina a propietarios afectados por parques eólicos, ambas modificacións deixan sen abordar cuestións claves e a porta aberta a que se sigan introducindo novos proxectos mesmo no período de excepción. Para o colectivo, estes cambios evidencian a necesidade de contar cunha nova normativa. “A Lei Eólica de Galicia está sistematicamente modificándose pola lei de acompañamento. Estase remendando unha lei que non ten arranxo, xa que estase vendo que non é efectiva”, valora José Antonio Diéguez, presidente de Ventonoso. Reclaman ademais que a nova norma busque unha implantación respectuosa da enerxía eólica. “Non queremos que haxa abusos na implantación da enerxía eólica, pero tamén vemos que é unha oportunidade de desenvolvemento para o rural. Nestes máis de 10 anos de traxectoria, esta lei non conseguiu unha implantación da enerxía eólica, xa que implantáronse só uns 700 megavatios, o que amosa que é unha lei inoperante”, reafirma Diéguez.

Distancia insuficiente

Unha das principais modificacións que se presentaron é a distancia mínima dos parques eólicos ós núcleos de poboación rural. Esta será de 500 metros ou a cifra resultado de multiplicar por 5 a altura total do xerador. Coa nova norma escollerase a distancia que sexa maior desas dúas alternativas. Mentres, en Europa estase a apostar por un distanciamento maior.
Coa nova regulación quedan desprotexidas as casas habitadas que estean illadas dos núcleos urbanos, xa que abondará con gardar 200 metros de distancia
Dende Ventonoso apuntan a que nesta nova regulación quedan desprotexidas as casas habitadas que estean illadas dos núcleos urbanos, xa que nestes casos abondará con gardar 200 metros. “Tendo en conta as novas dimensións dos aeroxeradores estamos caendo nun risco innecesario, posto que de derrubarse podería caer encima desa vivenda”, explican dende o colectivo. O outro cambio introducido pola Xunta é unha moratoria para a presentación de proxectos de novos parques eólicos durante os vindeiros 18 meses. “Esta medida non fai máis que evidenciar a incapacidade da Administración galega para xestionar, xa que a lei obrígalle a presentar unha valoración dos proxectos nun prazo de 20 días”, detalla Diéguez. Con todo, dende o colectivo ven máis preocupante a posibilidade de que neste prazo se sigan a tramitar determinados proxectos, posto que a modificación contempla esta posibilidade, en función da incidencia que poidan ter os proxectos. “A Xunta resérvase deste xeito un as na manga para poder aprobar determinados proxectos, co que se volve unha moratoria á carta”, valora. Ademais, o prazo desta moratoria tamén fai desconfiar a Ventonoso dos intereses reais da Administración ó coincidir xusto despois das eleccións municipais. “Non hai seguridade xurídica para a implantación real da enerxía eólica en Galicia, xa que estase a producir un parcheo constante da lei con medidas populistas”, conclúe o presidente de Ventonoso.