Archives

Xornada técnica en Sober sobre o sobreinxerto na viña

O Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra-Courel organiza para o vindeiro xoves, 29 de febreiro, en Sober (Lugo), unha xornada sobre sobreinxerto en viñedo, unha técnica para cambiar de variedades nunha viña moito menos custosa que a replantación. A temática ven motivada polo crecente interese de adegas e viticultores da DO. Ribeira Sacra, principalmente, por reinxertar as cepas de Mencía con variedades brancas, sobre todo godello, ante as incertezas sobre o mercado dos viños tintos, que nesta denominación de orixe representan arredor do 80% da produción. A xornada, que se celebrará a partir das 19:00 horas no centro sociocultural de Sober, contará con dous expertos de referencia na materia: Vicente Sotés, catedrático emérito de viticultura da Universidad Politécnica de Madrid, e Esteban Ponce de León, responsable de viticultura de Bodegas Marqués de Riscal, unha das adegas pioneiras en España na aplicación da técnica do sobreinxerto a gran escala.

Curso de enxertos de xema en froiteiras

O Sindicato Labrego Galego (SLG) organiza este mes no concello lugués da Pontenova un curso sobre enxertos de xema en froiteiras. A formación impartirase en horario de 16:00 a 20:00 horas os días 19, 20, 21 de setembro Para máis información ou inscricións chamar ao 679 192 000 ou escribir un correo a meira@sindicatolabrego.gal

Curso de enxerto de froiteiras no verán

O vindeiro 2 de setembro, sábado, impartirase en Miñotos, no concello lugués de Ourol, unha xornada formativa sobre enxerto de froiteiras no verán. Esta actividade, organizada pola Deputación de Lugo, a Reserva da Biosfera Terras do Miño e o Sindicato Labrego Galego, impartirase no Centro Social de Miñotos en horario de 16:00 a 20:00 horas. Podes inscribirte neste formulario: https://forms.gle/Ja9quXKKRuguW41p6, Para máis información podes enviar un email a froiteirasdenoso@sindicatolabrego.gal ou chamar ao 630970132

Xornada técnica sobre enxertado de castiñeiros

O vindeiro martes, 11 de outubro, terá lugar no concello ourensán de Riós unha xornada técnica sobre enxertado de castiñeiros. A formación, organizada pola Consellería do Medio Rural, será impartida por Miguel Ángel Vázquez de la Mata, responsábel de Viveros Castanea Sativa. Para inscribirse é preciso enviar un email a jose.manuel.novoa.blanco@xunta.gal ou chamar ao 988 386 516

A Feira Rural de San Sadurniño contará este sábado con 61 postos e un amplo programa de actividades

A Feira Rural de San Sadurniño deseñou un amplo programa de actividades para o sábado 27 de agosto. O evento iniciarase ás 10 da mañá e pecharase ás 8 da tarde. Haberá mercado desde primeira hora da mañá -produtos frescos, alimentos transformados, viveiros de planta e flor, artesanía e artigos de segunda man- distribuído polo arboredo da Finca A Cortiña, na que se celebra a feira. En total, haberá 61 postos (15 agroalimentarios, 19 de artesanía, 4 de viveiros, 1 de maquinaria, 18 de manufacturas, segunda man e oportunidades, e outros de entidades ligadas ó rural. Entre as actividades paralelas cóntanse as visitas á horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos, con prácticas de poda e enxertado, os obradoiros de lambetadas con froita para a rapazada, a exhibición de manexo de ovellas con cans e o concurso morfolóxico da Raza Can de Palleiro, Tamén haberá música tradicional o vivo, postos para xantar e, por suposto, unha das accións de referencia da Feira, un concurso de froita autóctona, que se desenvolverá ao longo da mañá e no que cumprirá inscribirse o mesmo día. Pode consultarse todo o programa da feira neste enlace. O exitoso concurso de froita de San Sadurniño premiará os mellores lotes de castes do país colleitados nas comarcas do Eume, Ferrolterra, Ortegal e Betanzos. O certame ten como obxectivo continuar promocionando a recuperación das variedades autóctonas, ademais de difundir o seu potencial para a venda en fresco ou como produtos elaborados. Imaxe do anterior certame de froita autóctona. Por este motivo, ademais do concurso-exposición, dentro da feira tamén están previstas dúas visitas guiadas á horta de conservación Carlos Fornos, con obradoiros de poda de verán e técnicas de enxertado e, como novidade este ano, degustacións de zumes, confeituras e mesmo conservas de horta producidas no Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla, partindo de materia prima local. As inscricións no certame da froita haberá que facelas o propio día da feira e os tres primeiros premios decidiranse mediante unha táboa de valoración das características organolépticas e morfolóxicas de cada lote concursante. Cada persoa poderá presentar cantos lotes de froita queira, sempre que cada un deles sexa da mesma variedade e teña un peso mínimo de 2 quilos, aínda que o xurado pode admitir cantidades inferiores se a súa rareza ou o tamaño das pezas o xustifican. Os lotes deberán proceder de hortas tradicionais das comarcas de Ferrol, o Eume, Ortegal ou Betanzos, vir presentados en cestos (non se admiten caixas con denominacións comerciais) e as bases establecen que por cada unidade familiar só se poderá percibir un premio. A Comisión de Inscrición estará formada por dúas persoas expertas da AGFA do Eume, mentres que ao xurado se sumará tamén unha persoa en representación do Concello. Para facer as valoracións contarán cunha táboa de puntuación que, entre outros factores, valorará se se trata de variedades antigas ou en perigo de extinción, o seu tamaño, se a pel presenta ou non defectos, a cor, o grao de maduración, o sabor, a textura da carne, etc. As bases completas poden consultarse nesta ligazón. O documento tamén reflicte os horarios do concurso. As inscricións cómpre facelas na carpa principal de 10:30 a 11:30h e, inmediatamente despois de pechar o tempo para anotarse, o xurado iniciará a valoración de cada lote. A comunicación do fallo e a entrega dos premios faranse sobre as 13:30h. Se houbese algunha reclamación, a entrega posporase media hora. As persoas participantes levarán como agasallo un pé dunha froiteira do país e os tres primeiros premios recibirán cadanseu bono de 75 euros para gastar nun establecemento do Concello. Os cestos premiados quedarán na feira e sortearanse entre o público ás 14:00 e ás 19:45h, engadíndolles en cada sorteo varios lotes preparados pola AGFA do Eume Visitas guiadas O concurso da froita autóctona non é a única actividade relacionada coa difusión do noso patrimonio vexetal. A AGFA do Eume programou dúas visitas guiadas á horta de froiteiras Carlos Fornos, unha ás 11:30h que leva asociado un obradoiro de técnicas de enxertado e outra ás 17:30h na que tamén se tratarán as podas de verán. As inscricións haberá que facelas no posto de información do Concello. Cómpre sinalar que o programa infantil desta edición da Feira Rural tamén está vinculado coa froita, xa que ás 12:00h e ás 17:30h van desenvolverse dous talleres para a rapazada nos que prepararán lambetadas sás e saborosas empregando mazás, peras, pexegos e outras pezas, preferentemente de castes do país. Para anotarse é necesario pasar tamén polo posto de información do Concello ata uns minutos antes do comezo de cada quenda. Centro de Transformación A Fusquenlla Dentro da promoción do potencial de desenvolvemento socioeconómico que ten o rural, a feira significará a posta de longo oficial do Centro de Transformación A Fusquenlla, situado en Moeche. Alí xa se levaron a cabo dous cursos sobre técnicas de conservación de horta e froita nos que se produciron os primeiros lotes de produto, principalmente marmeladas, pezas confeitadas en almibre, zumes e conservas de horta. O sábado 27 poderemos probar algunhas das delicadezas elaboradas e informarnos sobre como entrar a formar parte deste proxecto colaborativo que nos ofrece os medios e a formación necesaria para darlles aos excedentes da terra -e ao mel- un maior valor engadido. Pódese ampliar información na súa web: afusquenlla.gal.

Curso en Guísamo sobre enxerto de primavera en froiteiras e plantas ornamentais

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, programou un curso sobre enxerto de primavera. A acción formativa desenvolverase entre os días 9 e 13 de maio no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo, no concello coruñés de Bergondo. O curso celebrarase en horario de tarde, entre as 16.30 e as 20.30 horas. Está destinada a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozas e mozos do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector. A formación ten unha duración de 20 horas e nelas abordarán as técnicas dos distintos enxertos a realizar tanto na fruticultura como nas plantas ornamentais, leñosas e semi-leñosas. O curso será tanto teórico como práctico. Na primeira parte explicarase a utilidade e a necesidade de facer enxertos, así como os distintos tipos de técnicas que se poden realizar tendo en conta os parámetros que se deben considerar, en función das clases de madeira (duras e brandas) ou da compatibilidade entre distintas especies vexetais. No terreo práctico, os alumnos -coa supervisión e tras as demostracións pertinentes por parte dos mestres- realizarán os distintos tipos de enxerto adecuados á época de realización do curso. Así, prepararán os elementos a enxertar, tales como xemas e púas, e colocarán e atarán os distintos elementos sobre o patrón.

Inscrición

As persoas interesadas en asistir ó curso deben descarga as solicitudes de asistencia e remitilas cubertas ao enderezo electrónico cfea.guisamo@edu.xunta.gal para formalizar deste modo a inscrición. Tamén poden solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 881 881 043. A formación inclúese dentro do plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 da Consellería de Medio Rural, que pode consultarse aqui.

Claves no proceso de enxertado das viñas

Un dos retos da viticultura actual é conseguir cepas resistentes a enfermidades e volver contar con viñedos lonxevos, que poidan vivir 100 anos como outrora, despois de que nos últimos séculos experimentouse unha redución da lonxevidade das viñas. As perspectivas apuntan a que en 2050 os viñedos durarán pouco máis de 50 anos, cando ao remontarse a 1850 as cepas de media alcanzaban os 200 anos. Enfermidades da madeira como o pé negro, a iesca, a eutipiose ou o decaimento por Botryosphaeria son algunhas das causas para que as viñas sequen antes. Unha das claves para lograr incrementar a lonxevidade das viñas é conseguir cepas cun sistema vascular san. O enxerto, aínda que foi o gran esquecido durante anos, é unha das ferramentas para logralo, tal e como lembra Gonzaga Santesteban, investigador e director do Departamento de Agronomía, Biotecnoloxía e Alimentación en Universidade Pública de Navarra, unha comunidade na que se produce entre o 25 e o 30% de todos os enxertos de vide de España. Gonzaga lidera, ademais, o proxecto europeo Vites Qualitas (EFA 324/19), no que se estuda a importancia de dispoñer de plantas enxertadas de calidade e dunha boa poda para aumentar a rendibilidade e lonxevidade dos viñedos.
Coñecer o proceso do enxerto e as súas peculiaridades pode axudar a mellorar a lonxevidade dos viñedos
Na súa participación na xornada técnica organizada pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia ( Evega) e a Axencia Galega de Calidade Alimentaria ( Agacal) sobre o enxerto e o portainxerto, Gonzaga apuntou algunhas claves para mellorar esta práctica. Ademais, o investigador lembrou que o enxerto foi a táboa da salvación do viñedo fronte á filoxera.

A evolución á hora de producir enxertos

Gonzaga insiste na necesidade de coñecer mellor o enxerto, en especial por parte dos viticultores e adegas, xa que lles ofrece información extra sobre a evolución que terá o seu viñedo. Neste sentido, o sector do viveiro, como provedor de planta e de enxertos, é unha peza fundamental para a evolución do viñedo. Execución do enxerto en omega no taller. // Fotografía cortesía de Vitis Navarra. O investigador pon tamén o foco na transformación que experimentou o sector nos últimos anos. “Nas últimas décadas producíronse enormes cambios na produción de planta enxertada, tanto a nivel técnico como empresarial”, sinala Gonzaga Santesteban.
“Producíronse enormes cambios na produción de injertos tanto a nivel técnico como empresarial”
Un dos principais cambios, do mesmo xeito que ocorreu con outros procedementos da agricultura en xeral ou da viticultura, é que se pasou dun procedemento moi manual a contar cun maior grao de mecanización. Ademais, durante moito tempo, o máis frecuente era enxertar no campo ou o enxerto en fenda en taller. Con todo, nos últimos anos fíxose unha aposta clara polo enxerto en Omega. Outro dos cambios significativos que se produciron á hora de realizar enxertos foi a introdución das cámaras de calloxénese, que substitúen ao proceso tradicional no que o callo se realizaba en campo. Comparación do bo e mal aliñamento do material no momento do enxerto. A primeira imaxe é un exemplo dun enxerto omega ben aliñado. As tres imaxes seguintes son enxertos omega mal aliñados. // Fotografía cortesía do proxecto Vites Qualitas EFA 324/19. En definitiva, todos estes cambios conseguiron proporcionar uns mellores rendementos aos enxertos en particular e ao viñedo en xeral, posto que os métodos tradicionais de enxertado deixaban uns rendementos limitados. Porén, a produción de plantas enxertadas é un proceso complexo e tentar maximizar os rendementos pode levar en ocasións a unha perda de calidade das plantas producidas. 

O proceso de enxertado

Aínda que poida parecer que o enxertado, realizado en viveiros é un proceso alleo aos viticultores, Gonzaga insiste en que os produtores deben coñecer o proceso de produción, sobre todo pola información que pode proporcionarlle en aspectos como a sanidade e a calidade das cepas.

Fase 1. Campos de plantas nai

O proceso de enxertado comeza nos campos de plantas nai. Nestes campos cultívanse variedades de portainxerto, normalmente cruces de especies de vide americana. É importante que nestas parcelas se tomen as medidas de prevención sanitaria, como protexer as feridas de poda da planta e a desinfección de ferramentas, para evitar contaxios de enfermidades entre as plantas. 
Nos campos de plantas nai deben extremarse as medidas de desinfección para evitar a aparición de fungos
As cepas adoitan cultivarse en 'cabeza de mimbreira', o sistema máis habitual en España, aínda que hay plantacións realizadas en espaldeira en outros países, de climatoloxía máis chuviosa. Nesta fase Gonzaga Santesteba sinala que un dos puntos críticos podería ser o sistema de condución. "A cabeza de mimbreira podería aumentar o risco de infección por fungos do solo, porén non dispoñemos aínda de estudos que o demostre", concreta. "Son plantas con moitos cortes e feridas por ano, polo que a hixiene de ferramentas pode ser clave para evitar a entrada de fungos", apunta o experto. Tamén debe prestarse atención ó marcado e retirada de plantas enfermas, xa que pode ser un factor de risco por ser fonte de inóculo de patoloxías. En canto ó remprazo das plantas, tal e como indica Santesteban, "o normal é que se faga entre os 15 e 25 anos das cepas", explica. 

Fase 2. Procesado en viveiro e enxertado

Tras a recollida e transporte do material vexetal, a segunda fase iniciarase no viveiro. O primeiro paso é o procesado das plantas, no que se procede á eliminación de netos, zarcillos e zonas non agostadas. É un proceso que adoita realizarse en grandes naves, de maneira que se protexa as cepas das inclemencias meteorolóxicas.
Na fase de conservación é moi importante evitar que a planta se deshidrate e conservala en condicións hixiénicas e en frío
A continuación, é quenda para realizar o estaquillado do portaenxerto, que deberán ter uns 40 centímetros de largo e entre 7 e 15 milímetros de grosor. É neste momento tamén cando se procede ao desxemado dos sarmentos de onde se obterán as estacas, para evitar a aparición de regromos da vide americana no viñedo. Corte lonxitudinal dun enxerto en omega, no que se aprecia a conexión entre a vide americana e a vinífera. // Fotografía cortesía do proxecto Vites Qualitas EFA 324/19) Nesta fase de procesado realízase o taqueado de púas de Vitis vinífera, que deben conter unha xema e ademais terán que ter un calibre e un estado adecuados para garantir o éxito do enxerto. Unha vez procesadas, é fundamental a conservación do material. Deben permanecer entre un e tres meses en frío, en cámaras e contedores con unha boa hixiene. “Hai que evitar situacións de anoxia, é dicir de falta de osíxeno, pero sobre todo é importantísimo evitar a deshidratación da planta”, detalla Gonzaga. Na fase de enxertado é necesario extremar as medidas de hixiene. “Asegurar un bo calibrado da púa e a estaca é o que condicionará o éxito do enxerto e a calidade das plantas producidas. Tras producirse a calloxénese do enxerto, é momento de volver plantar estas cepas xa enxertadas.

Fase 3. Campos de enraizamento

Antes de volver plantar as cepas enxertadas, é preciso realizar un tratamento previo das plantas con fungicidas e hormonas de enraizamento. Trátase dun proceso que se realiza a man e que condicionará o éxito dos novos enxertos. Nestes campos, debe dispoñerse de sistemas de rega por goteo. Ademais, adoitan aplicarse herbicidas e acolchado para o control das malas herbas, ademais de fungicidas e outros tratamentos para garantir o desenvolvemento da planta. O arranque realízase de forma mecanizada, cun tractor e apeiros especiais para este labor. É fundamental que se faga un control de calidade exhaustivo para asegurar de que se produciu un bo enraizamento e que as plantas contan con raíces ben desenvolvidas. Unha vez arrancadas e clasificadas as cepas é convinte que o viveiro someta as plantas a unha proba de ‘ palanqueo’, exercendo presión sobre o enxerto, para certificar que este está consolidado. Campo de enraizamento co material enxertado acabado de plantar. // Fotografía cortesía de Vitis Navarra.

Recomendacións á hora de comprar plantas enxertadas

Á hora de adquirir plantas enxertadas, Gonzaga recomenda prestar atención á calidade e sanidade da planta. “As plantas de calidade son aquelas con calidade xenética, sanitaria e fisiolóxica”, comenta. Para garantir a calidade xenética, é preciso prestar atención á elección do portaenxerto, a variedade e os clons, buscando que coincida a identidade do material solicitado co adquirido, algo sinxelo de verificar mediante análise xenético. En canto á sanidade, as plantas deben estar libres de enfermidades víricas como o Entrenudo curto, Enrolados 1 e 3 e Xaspeado. Non se pode pretender que as plantas non teñan presenza de fungos asociados a enfermidades da madeira da vide, pero si que debe observarse si aparecen zonas da planta con necrose extendidas. Por último, hai que verificar un aspecto ás veces olvidado, a calidade fiosiológica das plantas, sendo preciso comprobar que se realizou unha unión de calidade no punto do enxerto, cunha correcta vascularizacion entre púa e portaenxerto.
 

Máis información: Claves para o enxerto das viñas

 

Curso básico de enxerto de froiteiras en Chantada

A asociación Montes Baixos, en colaboración co Sindicato Labrego Galego, organiza os vindeiros 25 e 26 de febreiro en Chantada (Lugo), un curso básico de enxerto de froiteiras. A formación o venres impartirase en horario de 16:00 a 19:00 horas e o sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas. O curso será impartido por Antonio Villarino Rego, coordinador do proxecto Froita da Mariña. O prezo do curso é de 40 euros, cun desconto para as persoas afiliadas ao SLG. A inscrición debe realizarse antes do 23 de febreiro. Para máis información ou inscribirse chamar ao 666 935 548 ou enviar un correo a chantada@sindicatolabrego.com

Calendario 2021-22 de podas e enxertas na viña

Para a elaboración deste calendario seguimos as indicacións do calendario lunar, do mesmo xeito que xa facían os nosos avós, que nunca podaban sen ter en conta a lúa, así como para outras moitas tarefas da viña e do resto de cultivos. Os líquidos internos das plantas ascenden e descenden coa lúa. Deste xeito, coa lúa ascendente temos máis seiva na parte da planta que está por encima do solo; mentres que coa Lúa descendente os líquidos internos das plantas descenden, e a maior parte da actividade da planta realízase nas raíces. Precisamente iso é o que buscamos podando en Lúa descendente, que a actividade da parte aérea sexa a menor posible. A poda é moi traumática para a planta, polo que se non a facemos na lúa axeitada os cortes provocarán choros nas vides. Ademais, a parte do trauma do propio corte e da variación que producimos na estrutura natural da planta, cunha poda en mala época tamén estamos a xerar un baleirado das reservas que a cepa acumulou no outono, despois da vendima, reservas que son moi necesarias para na primavera ter unha boa brotación. Será tamén conveniente protexer os cortes de madeira de máis de dous anos. Para iso, podemos aplicar despois de finalizar a xornada de poda un caldo sulfocálcico ou calquera preparado a base de arxila, borralla de leña, bosta de vaca ...

Calendario de poda e enxerta 2021-22:

Decembro 2021 Este ano o período de poda en decembro coincide moi ben para recuperar viñas que estean moi fracas, ou para impulsar o crecemento de novas plantacións de máis de 4 anos xa asentadas, posto que se xuntan dous dos movementos da lúa, descendente e minguante, co cal a parada da planta é case total (pouca seiva na parte aérea da vide), deste xeito imos alongar moito o ciclo vexetativo da planta, sempre a condición de que non sexa un sitio xeadeiro. Días de poda: 20, 21, 22, 23, 24, 25, 26, 27, 28, 29, 30, 31. Lúa descendente e tamén minguante. Xaneiro 2022 Días de poda: 17, 18, 19, 20, 21, 22, 23, 24, 25, 26, 27, 28, 29. Lúa descendente e tamén minguante. Febreiro Días de poda: 12, 13, 14, 15, 16, 17, 18, 19, 20, 21, 22, 23, 24, 25. Lúa descendente e minguante a partir do día 16. Días de enxerta: 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 10, 11, 26, 27, 28. Lúa ascendente. Marzo Días de poda: 12, 13, 14, 15, 16, 17, 18, 19, 20, 21, 23, 24, 25. Lúa descendente, podemos seguir uns días máis, xa que estamos tamén en lúa minguante até o 31 e non vai subir aínda a seiva. Deste xeito, poderíase aínda podar nos días 26, 27, 28, 29, 30, 31. Días de enxerta: 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 9, 10, 11. Lúa ascendente.

Xornada técnica da Evega sobre enxertos e portaenxertos en viñedo

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, centro dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), organiza o vindeiro 5 de novembro unha xornada técnica co título “A PROCURA DO EQUILIBRIO VEXETATIVO- PRODUTIVO E A DURACIÓN DO VIÑEDO: O ENXERTO E O PORTAENXERTOS” Esta actividade desenvolverase baixo a modalidade ON LINE no marco do “Xantar 2021. Feria Internacional de Turismo Gastronómico”. Na mesma colaboran Expourense e a Fundación Juana de Vega. As prazas dispoñibles son 100. O prazo de inscrición rematará o día 2 de novembro agás que se esgoten antes as prazas.

Programa:

09:45 – 10:00 Proba de preprodución, presentación da xornada e do proxecto VINIoT “Servizo de viticultura de precisión baseado en rede de sensores IoT para a transformación dixital de pemes no espazo SUDOE” desenvolto pola Evega. 10:00 – 10:45 O enxerto, ese gran descoñecido. Relator: Dr. Luis Gonzaga Santesteban. Responsable da Área de Viticultura da Universidade Pública de Navarra. 10:45 – 11:00 Pausa-café 11:00 – 11:45 Resposta produtiva-vexetativa da variedade Albariño fronte a distintos portaenxertos. Unha experiencia da EVEGA. Relator: Beatriz Castiñeiras Gallego. Técnico da Evega. 11:45 – 12:15 Táboa redonda 12:15 – 12:30 Conclusión e peche da xornada. Moderador: Emilia Díaz Losada

Procedemento  de inscrición:

1.- Inscrición previa xuntando a folla de inscrición cuberta e remitíndoa a evega.medio-rural@xunta.gal. 2.- A dita inscrición confirmarase a través do enderezo electrónico e o enlace ao evento subministrarase con 24 h de antelación. Pode descargar o formulario de inscrición neste enlace.

“O enxerto aínda é un gran descoñecido dentro da viticultura”

“A calidade do enxerto en vide pode ser un factor clave non só na lonxevidade da planta senón tamén na súa resistencia fronte aos efectos do cambio climático”. Así o asegura Diana Marín Ederra, investigadora do programa de doutoramento en Biotecnoloxía na Universidade Pública de Navarra (UPNA), e unha das maiores expertas en España no estudo desta técnica milenaria de propagación e mellora vexetal. Con ela conversamos sobre como avaliar a calidade dun enxerto e sobre os cambios que se aveciñan no sector viveirista. O teu programa de investigación en Biotecnoloxía na Universidade Pública de Navarra céntrase no enxerto en vide, e recibiu o recoñecemento do XIII International Terroir Congress celebrado de maneira online en Australia. Que te levou a centrar o teu traballo investigador no enxerto en vide? No ano 2015 realicei o meu traballo fin de grao sobre “Caracterización ampelográfica de accesiones de vide (Vitis vinífera L.) del Banco de Germoplasma de la Universidad Pública de Navarra”, baixo a dirección do profesor Bernardo Royo, e así empezou a miña carreira na investigación. Máis adiante, xa como parte do grupo de Viticultura e Fruticultura avanzadas da Universidade Pública de Navarra (UPNA), expúxose a posibilidade de enfocar a miña liña de investigación no enxerto, baixo a dirección de Gonzaga Santesteban e dentro do proxecto Vit-Foot (liderado por Vitis Navarra e tendo por socio tamén a Viticultura Viva). Desde o principio pareceume unha opción moi atractiva, sobre todo dada a importancia do sector dos viveiros de vide en Navarra e a repercusión que podía alcanzar na zona. O enxerto aínda é un gran descoñecido dentro da viticultura e actualmente converteuse nunha das liñas de investigación prioritarias do grupo e do resto de socios. Cando se poderían datar as orixes do enxerto en vide e cal foi a evolución histórica das técnicas dominantes de enxerto en vide en España? Algúns escritos do século IV a.C., como “Parva naturalia” de Aristóteles ou “De causis plantarum” do seu discípulo Teofrasto, xa fan mención ao enxerto intencionado en moitas especies vexetais. Algunhas fontes mesmo o datan a principios do primeiro milenio a.C. En canto á vide, as escrituras de Columela do primeiro século d.C. xa falan do enxerto da vide en fendidura (ou de púa) realizado en campo. Tamén fai mención ao enxerto de escudete e ao enxerto de taladro. As escrituras andalusís (S.X - S.XIV) tamén citan para a vide ese tres tipos de inxertado.
“O enxerto da vide popularizouse en Europa por mor da invasión da praga filoxera a finais do século XIX”
O que está claro é que o enxerto en vide volveuse realmente popular por mor da invasión filoxérica que devastou os viñedos europeos a finais do S.XIX. Inicialmente o enxerto realizábase manualmente en campo, pero co desenvolvemento do sector dos viveiros xeneralizouse o enxerto de mesa en taller, primeiro o enxerto inglés e despois outros como o enxerto en fendidura, o inglés mecanizado (coñecido tamén como raio de xúpiter), o enxerto en V ou o omega, que actualmente supón a maior parte dos enxertos realizados en viveiro, polo menos en Europa. Como valorarías a calidade do enxerto en vide que se realiza en España e que oportunidades de mellora detectas? É unha resposta complexa xa que é imposible facer un xuízo xeral de toda a planta que se produce en España. Con todo, partindo da base de que todo viveirista ten por obxectivo producir planta de calidade, o coñecemento de moitos deles, aínda que amplo, é puramente autodidacta e empírico. Por unha banda, si que houbo innovación no proceso, pero por outra aínda hai moito descoñecemento sobre a parte máis fisiolóxica e molecular do enxerto. Tamén parece existir certo receo a probar aspectos novos, como pode ser a produción de plantas en maceta. Isto suporía un cambio enorme no proceso produtivo e, por suposto, un aumento do prezo da planta que non sei se os viticultores estarían dispostos a asumir. A produción de planta en viveiro é o primeiro elo da cadea, pero creo que non se lle deu o protagonismo suficiente. Na miña opinión, se o sector ten que sufrir un cambio, o primeiro que hai que facer é concienciar aos viticultores da importancia de comprar planta de calidade. O bo de todo isto é que o sector aínda ten moito camiño por percorrer. Para iso, ten que apoiarse na I+D+i, e as administracións e entidades financiadoras teñen que apoialos con axudas económicas, sobre todo aos pequenos viveiros que teñen menor capacidade. Nas últimas décadas xeneralizouse o enxerto en Omega. Que puntos a favor e en contra destacarías desta técnica? Os aspectos positivos son moitos, empezando pola súa facilidade de mecanización e que non necesita atado, o que permite unha elevada produtividade en viveiro. Tamén é un enxerto sinxelo de realizar, polo que calquera cunha pequena formación previa pode realizar este tipo de enxerto en taller. Ademais, polo que puidemos ver en laboratorio, se un enxerto omega está ben feito, apenas produce zona de madeira necrosada. Se lle damos a volta ao aspecto da sinxeleza e a rapidez, este pode ser unha arma de dobre fío xa que isto fai que calquera poida traballar nun viveiro producindo plantas a unha velocidade enorme sen ter excesivo coidado na súa realización. En distintos ensaios que realizamos con enxertos en omega respectando ou non a igualdade de diámetros entre púa e portainxerto, atopamos unhas diferenzas de taxa de éxito de até un 15%. Cremos que este valor é suficiente para xustificar o extra de tempo dedicado ao bo calibrado dos materiais. Que relación existe entre calidade do enxerto e lonxevidade da vide? Sábese que os factores que afectan á lonxevidade das plantas son moitos e, no que respecta ao enxerto, o certo é que aínda non existen estudos científicos a longo prazo con conclusións claras. O primeiro que debemos facer é definir que é unha planta de calidade. Para nós unha planta de boa calidade fisiolóxica é aquela que ten un enxerto sólido, cun desenvolvemento de callo uniforme, vasos vasculares ben aliñados, sen zonas de madeira necrosada, e cun sistema radicular suficiente e ben distribuído. Partindo diso, a nosa hipótese é que se non se cumpren esas condicións é máis probable que a planta teña problemas no futuro, sobre todo en relación cunha maior afección por fungos da madeira, e, como consecuencia, unha menor lonxevidade.
 “Hai unha relación estreita entre calidade do enxerto e posible afección por enfermidades da madeira no futuro”
Co obxectivo de ter datos a este respecto, hai uns anos instalamos un ensaio dentro dun viñedo da adega Quaderna Vía, onde establecemos un total de 1.120 plantas inxertadas mediante distintas técnicas, tanto de taller (Omega de boa calidade, Omega de mala calidade, Inglés manual, Raio de xúpiter, fendidura e V) como de enxerto en campo (t e chip). O obxectivo deste ensaio é mantelo a longo prazo para poder extraer conclusións respecto diso sobre como inflúe o tipo de enxerto e a súa calidade na lonxevidade das plantas e a súa afección por enfermidades da madeira. Tamén relacionas a calidade e o tipo de enxerto coa mellor adaptación do viñedo ao cambio climático, e en concreto á seca. Poderías explicalo? Un enxerto de boa calidade fisiolóxica ten un mellor desenvolvemento do sistema vascular. Cremos que iso podería facilitar o fluxo de savia entre o solo e a parte aérea, o que sería beneficioso nun momento de escaseza hídrica. Por outra banda, os fungos adoitan aproveitarse deses momentos de tensións nos que a planta é máis vulnerable, polo que un enxerto de mala calidade con maior presenza potencial de fungos da madeira, sería tamén un aspecto desfavorable. Que técnicas de enxerto consideras que cumpren mellor estes dous fins: maior lonxevidade da planta e mellor resistencia á seca? Aínda que haxa certas hipóteses, non temos aínda estudos concluíntes como para responder a esta pregunta. O que si cremos é que un enxerto ben feito, sexa do tipo que sexa, é determinante na resiliencia da planta ante diferentes factores de estrés, e como consecuencia na súa lonxevidade. Unha das achegas da túa investigación que foi máis recoñecida é a utilización de medidas de condutividade hidráulica como método para avaliar as conexións vasculares entre patrón e vástago. Que destacarías desta técnica? A utilización de medidas de condutividade hidráulica para avaliar as conexións vasculares en vide é bastante nova. Para o seu cálculo probamos distintas metodoloxías, unhas servíndonos de dispositivos máis complexos como o XYL´EM (traballado en conxunto co grupo do Dr. José. M. Torres-Ruiz do INRAe de Clermont-Ferrand) e o HPFM (en colaboración co equipo da Dra. Felicidad de Herralde do IRTA), ou métodos máis sinxelos como o gravimétrico (co equipo do profesor Gregory Gambetta do ISVV de Bordeaux). Respecto deste último, o máis interesante é que é moi sinxelo de implementar en calquera laboratorio e que apenas se necesita material moi específico. Dentro do proxecto Vites Qualitas o meu grupo de investigación vai seguir profundando nesa técnica. En xeral, aínda que aínda estamos na fase inicial, observáronse diferenzas significativas entre os distintos métodos de inxertado, e parécenos interesante a coherencia atopada entre os valores de condutividade hidráulica obtidos en laboratorio e os datos de vigor obtidos en campo. Cales son os erros máis comúns que detectar á hora de realizar enxertos en vide? Cremos que un calibrado adecuado do material é determinante na taxa de éxito obtida en viveiro. Doutra banda, sen entrar en consideracións moi técnicas, unha das cuestións máis facilmente detectables (e con moitas implicacións para o desenvolvemento da planta) é a solidez do callo. Persoalmente sorpréndeme que non todos os viveiros avalíen de maneira sistemática a calidade da unión mediante a proba coñecida como “palanqueo” ou proba do pulgar. Esta proba consiste en aplicar forza cos dedos ou coa man á zona do enxerto, e descartar aquelas plantas cuxa unión rompa. Aínda que supoña un esforzo extra e teña certas limitacións, esta sinxela comprobación permite descartar moitas plantas mal inxertadas e evitar sustos durante o primeiro ano de implantación en viñedo.
“Sorpréndeme que non todos os viveiros avalíen de maneira sistemática a calidade da unión mediante a proba coñecida como palanqueo ou proba do pulgar”
Algo máis que queiras engadir? Actualmente a normativa respecto da certificación de material producido en viveiro está a ser modificada a nivel xeral para todos os cultivos, en relación sobre todo coa nova normativa de sanidade vexetal que vén desde Europa. Sábese que moitas pragas están asociadas ao material de plantación, polo que cada vez débese ter un maior autocontrol por parte dos produtores. Ademais, desde o ano pasado os viveristas teñen a obriga de realizar cursos de formación e deben cumprir algúns requisitos que antes non eran obrigatorios. Creo que isto a medio-longo prazo será un factor positivo para o sector, do cal os viveiristas débense aproveitar para diferenciarse por ofrecer un produto de calidade.

Taller de prácticas: “Enxertos en Froiteiras”

A Oficina Agraria Comarcal de Lugo organiza os vindeiros días 20 e 21, venres e sábado, un Taller de prácticas: Enxertos en Froiteiras Esta acción de transferencia, de carácter gratuíto, ten prazas limitadas e está destinada as persoas fruticultoras e en especial ás persoas mozas incorporadas nesta orientación produtiva. Está incluída dentro do plan de transferencia do agro galego 2019:

Programa:

XORNADA TEÓRICA: Na aula de formación do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo. Venres, 20 de setembro de 16.00 a 21.00 XORNADA PRÁCTICA: Nunha parcela de froiteiras en Lugo. Sábado, 21 de setembro: Mañá: de 9.00 a 14.00 Tarde: de 16.00 a 21.00 INSCRICIÓN: Presentar as solicitudes na OAC de Lugo antes das 14.00 h do día 19 de setembro, por fax: 982294937 ou mail: xbruna@xunta.es

Descarga aquí a ficha de inscrición.

Cuntis inicia un programa de cursos sobre o castiñeiro

Cuntis acolle ó longo dos próximos meses un Proxecto de xestión integral para o aproveitamento sostible dos soutos de castiñeiros. É unha iniciativa na que se levarán a cabo varios cursos, tanto presenciais como de formación mixta, cunha parte online. A primeira edición destas sesións formativas comezou onte e prolongarase ata o 7 de maio, os martes e xoves en horario de 16.00 a 21.00 horas. Estas accións teñen como obxectivo capacitar ós alumnos en métodos eficaces de aproveitamento para recuperar o cultivo do castiñeiro. Nestes cursos abordaranse distintos aspectos relacionados coa ecoloxía e a xestión sostible dos soutos de castiñeiros. O docente, José Carlos Brea, será o encargado de tratar, entre outras, as seguintes cuestións: - Labores de poda e enxerto dos castiñeiros. - Fitopatoloxías dos castiñeiros. - Recolección, conservación, transformación e comercialización das castañas. - Estratexias de emprego relacionadas cos castiñeiros. - Outras actividades asociadas co cultivo da castaña: apicultura, cultivo de plantas aromáticas e micoloxía. Estes cursos de formación, que se imparten no Centro de Ocupación Formacional de A Ran, en Cuntis, teñen unha duración de 50 horas e están destinados a persoas desempregadas inscritas como demandantes no servizo público de emprego. Na modalidade mixta, impartiranse 10 horas presenciais no centro e as 40 restantes de xeito online. As seguintes edicións do curso formativo, tanto na modalidade presencial como semipresencial, prevese que poidan comezar a finais de abril, aínda que polo momento non están fixadas as datas, xa que están a confeccionarse os grupos e os horarios, en función da demanda que se está rexistrando. Os cursos contan con 20 prazas e para poder impartirse, deben contar cun mínimo de 15 inscritos. Tamén dispoñen de varias prazas a maiores para aquelas persoas que puntualmente queiran asistir como ouvintes a algunha sesión, aínda que tamén será preciso anotarse por cuestións organizativas. As persoas interesadas poden solicitar máis información no correo electrónico cfoaran@concellodecuntis.es ou nos teléfonos 986 548 708 / 986 532 579 en horario de 9.00 a 14.00 horas. Tódalas accións formativas son gratuítas e están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Xornada sobre enxertos en froiteiras autóctonas

O Sindicato Labrego Galego organiza para este sábado, 16 de marzo, en Melide, unha xornada de enxertos en froiteiras autóctonas.

Esta xornada, que comezará ás 16:00 horas, enmárcase dentro do proxecto de recuperación de froiteiras autóctonas, especialmente variedades locais de maceiras e de pereiras, na Terra de Melide e na comarca de Arzúa, no que está a colaborar o Sindicato Labrego Galego.

Todas as persoas que participen, ademais de aprender a enxertar, poderán levar para casa as froiteiras para plantalas onde queiran. Para participar é preciso inscribirse chamando ao 686 936 429.