Archives

O Colexio de Enxeñería Forestal garante a súa continuidade

O Colexio Profesional da Enxeñaría Forestal de Galicia (COETFG) celebrou unha asemblea, que contou con case un cento de profesionais colexiados de toda Galicia representados, na que nomeou unha xunta xestora. Para iniciar o proceso presentouse unha candidatura completa, que recibiu o respaldo unánime dos participantes e que ten como obxectivos: devolver a plena operatividade á entidade e organizar o proceso electoral para elixir xunta de goberno o antes posible. O equipo que conforma a xunta xestora está formado por tres enxeñeiras e dous enxeñeiros, que non estiveron anteriormente na dirección. Tamén contan con persoas voluntarias como suplentes, por se fose necesario. Na actualidade, o colexio está formado por máis de seiscentas enxeñeiras e enxeñeiros e dende 1997 está funcionado como un colexio autónomo e desvinculado do Colexio con sede en Madrid e do Colexio Catalán. Segundo explican, isto permitiu proporcionar ás persoas colexiadas numerosas vantaxes á hora de desenvolver o seu traballo diario, ao participar de forma directa na elaboración da lexislación autonómica e nos plans de desenvolvemento rural e medio ambiente, ademais de ofrecerlles apoio directo e personalizado. O portavoz da xunta xestora agradeceu a resposta recibida e sinalou que é unha “mostra clara do apego” que o colexio conseguiu crear entre as e os enxeñeiros forestais. Quixo transmitir tranquilidade adiantando a súa intención de dar continuidade a este proceso transitorio, presentando unha nova candidatura na seguinte fase legal. Tamén animou á presentación de máis candidaturas, como “mostra da boa saúde” que ten a masa social deste colectivo, que é tan importante no sector medioambiental e forestal de Galicia. Un colectivo clave “Os enxeñeiros forestais están implicados na maior parte dos procesos técnicos que teñen que ver co medio ambiente e o medio rural de Galicia, sendo o colectivo que mantén un contacto máis estreito e directo cos propietarios forestais e as súas asociacións, así como coas distintas administracións, empresas de servicios e actores do sector forestal – industria”, destacan. Poñen de manifesto que tamén son claves na tramitación de axudas da Unión Europea que proveñen dos fondos FEDER e NextGenerationEU, e conforman un elemento catalizador e estratéxico no desenvolvemento do Plan forestal de Galicia 2021 - 2040 e no proceso de descarbonización para acadar a neutralidade climática en Galicia antes do ano 2050. “A profesión sen dúbida vive un momento de enorme desenvolvemento, cunha amplitude de ámbitos profesionais que superan con creces a outras enxeñarías ou grados, o que fai imprescindible contar cunha entidade que, de xeito responsable e comprometido, agrupe, defenda e apoie os intereses das e dos profesionais”, indican.

Vintecinco anos do Colexio de Enxeñería Forestal de Galicia

O Colexio de Enxeñería Técnica Forestal de Galicia (Coetfg) vén de cumprir 25 anos, un aniversario que a entidade celebrou cun encontro dos seus socios. O obxectivo era dobre, facer un repaso pola traxectoria do Colexio, con importantes fitos na súa historia, e marcar desafíos de futuro para a profesión e para a propia entidade. Antes de que se crease o Colexio de Enxeñería Técnica Forestal de Galicia (Coetfg), a finais da década dos 90, os titulados galegos estaban englobados no Colegio que existía a nivel estatal, que era único. Como daquela non existían os sistemas dixitais, todos os trámites tiñan que facerse con papel e a única formación que se impartía era presencial. Tratábase dunha situación que os colexiados de Galicia vían pouco práctica e naquel entón, 38 persoas xuntáronse para poñer en marcha o Coetfg. “Foi unha aposta complexa, que no seu día xerou reticencias, pero que se demostrou moi útil en tarefas como a xestión de visados e o acompañamento ós colexiados”, repasa a xerente do Colexio, Patricia González. Desde o seu inicio, a entidade foi dando pasos progresivos, primeiro coa apertura dunha sede física e logo coa creación dunha sede dixital, un fito no seu día, pois foi a primeira dun colexio profesional en Galicia e a terceira en España. Consolidada a súa liña de servizos, na actualidade e de cara ó futuro o Colexio oriéntase a defender as atribucións da profesión ante a Administración e a sociedade. “Cando se pensa na enxeñería técnica forestal, existe con frecuencia a impresión de que a nosa cualificación límitase a actuar no ámbito forestal e no de incendios, cando en realidade hai outros ámbitos, como o mediaombiental, o industrial ou o de prevención de riscos laborais que entran dentro das nosas competencias”, subliña a xerente do Coetfg, Patricia González. “Dar a coñecer os servizos que pode prestar a profesión, tanto ante a sociedade como ante a Administración, é e será unha das grandes batallas que temos por diante”, conclúe Patricia González. O encontro do Coettg, que se celebrou o pasado sábado no Pazo de Adrán (Calo, Teo, A Coruña), estivo presidido polo actual equipo directivo, encabezado por Santiago García (decano), Mercedes Rois (secretaria) e Beatriz Carrera (vogal). A xornada incluíu unha mesa coloquio entre tódalas persoas socias asistentes, na que se debatiu sobre o desenvolvemento da profesión e as súas orientacións de futuro. Asimesmo, de cara a dinamizar a labor da entidade, acordouse a creación de grupos de traballo internos, que fomenten a participación e sirvan de apoio ó Colexio.

Renovación da xunta de goberno do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia (Coetfg) vén de renovar a súa xunta de goberno, que tomou oficialmente posesión dos cargos este pasado 18 de xuño, tralo proceso electoral realizado en maio. Desde o Colexio destacan que a nova xunta “integra experiencia e destreza cunha visión renovada e cargada de ilusión e confianza”. Sinalan asímesmo que o equipo está conformado por “profesionais en activo que exercen dende áreas moi diversas e configurando deste xeito un equipo multidisciplinar e cun amplo foco cara a profesión”.

A nova Xunta de Goberno está formada por:

  • Santiago García, en calidade de Decano. Enxeñeiro Forestal e Técnico Superior en prevención de riscos laborais, que actualmente desempeña funcións de Coordinación de Seguridade e Saúde en obras relacionadas coas Enerxías Renovables. Promotor da constitución do COETFG e socio cofundador deste colexio profesional; liderou a entidade dende o cargo de Decano durante distintas etapas, participando ademais noutros cargos ao longo da vida do Colexio.
  • Mercedes Rois, en calidade de Secretaria. Enxeñeira Forestal, Doutora Enxeñeira de Montes, colexiada do COETFG dende 1999, conta cunha ampla experiencia profesional no Instituto Forestal Europeo, con sede en Finlandia, e actualmente exerce a profesión en Galicia como consultora independente no eido da bioeconomía forestal.
  • Anxos Corral, en calidade de Tesoureira. Enxeñeira Forestal colexiada dende 2004, con experiencia profesional no ámbito da consultoría forestal no eido da construción en madeira e execución de obra. Actualmente compatibiliza a súa actividade profesional no eido dos seguros coa labor docente. En distintas ocasións ten participado activamente na organización e deseño de distintas actividades postas en marcha polo colexio.
  • Beatriz Carrera, en calidade de Vogal. Enxeñeira Forestal e Enxeñeira de Montes, colexiada dende 2006, exerce a profesión libre dende unha consultaría técnica centrada no eido da Topografía. Colaboradora activa en numerosas actividades do COETFG.
  • Francisco Javier Turrillo, en calidade de Vogal. Enxeñeiro Forestal, promotor da constitución do COETFG e socio fundador deste colexio profesional. Dende fai mais de 25 anos desempeña a profesión na Administración Pública Galega, e actualmente no cargo de Xefe de Área Técnica do Servizo de Actuacións Preventivas da Subdirección Xeral de Prevención, na Dirección Xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural.

O equipo directivo do COETFG, composto pola Xunta de Goberno, está apoiado no traballo profesional da Xerencia, a cargo de Patricia González, que conta cunha traxectoria de máis de 20 anos no desenvolvemento da entidade. Outra das patas do Colexio é a Asesoría Xurídica. encabezada por Simón Carballal. con participación tanto na constitución da entidade como na súa traxectoria.

O Colexio apunta como retos máis inmediatos da nova xunta o de consolidar e reforzar a entidade, incrementar a súa presenza e liñas de colaboración con distintas administracións e entidades representativas do sector e acadar unha maior implicación do colectivo.

Outro dos eixos centrarase en avanzar na defensa da profesión , en áreas como son as atribucións profesionais, a defensa de condicións de emprego dignas, fomentar vocacións, acadar unha igualdade real no desempeño da profesión en calquera das súas áreas, así como a adecuación e adaptación dos servizos colexiais ás novas demandas e a nova realidade tecnolóxica.

Por último, o Colexio lembra que todo isto “sería imposible sen a confianza e o apoio do colectivo de Enxeñeir@s Forestais, que no seu día a día realiza unha labor encomiable en defensa da profesión, ademais das aportacións e colaboración que continuamente achega ao seu colexio”.

Radiografía da formación en Galicia en enxeñerías agroforestais e da súa saída laboral

Nun país como Galicia onde o sector primario representa unha fonte de riqueza clave para o futuro, e sobre todo cunha gran potencialidade de creación de máis postos de traballo e de valor engadido, a formación en enxeñerías técnica forestal e agrícola, e agronómica representan un gran nicho laboral e xogan un papel clave para a economía galega. Analizamos a continuación cal é a radiografía da formación en Galicia nestas disciplinas e cal é o seu grao de inserción laboral:  Hai máis ou menos estudantes nestas enxeñerías? A evolución do número de novas matrículas no primeiro ano dos graos de enxeñería agrícola e forestal mantiveron tendencias diferentes na Escola Politécnica Superior de Lugo e na Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra. Descensos e estabilidades relativas son as dúas formas predominantes que adoptan as tendencias en cada un dos casos. As liñas da gráfica reflexan a evolución de matrículas da rama de agrónomas e forestais desde o 2010 á actualidade A gráfica fai referencia á evolución de matrículas de primeiro ano na Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra desde o 2010 á actualidade No caso de Pontevedra, obsérvanse picos de aumento e descenso en certos cursos académicos, hibridando unha etapa de descenso das matrículas cunha recuperación das taxas iniciais nos últimos anos. Mentres, no caso lucense rexístrase un lixeiro descenso, máis marcado na enxeñería agrícola, y períodos de cierta estabilidad. Tomás Cuesta, director da Escola de Lugo, xustifica en parte esta baixada coa demografía, facendo alusión “a un menor número de rapaces e rapazas nos ámbitos rurais, que repercute nun menor número de estudantes en calquera nivel educativo dentro dos espazos de interior”. Baixo estes feitos, Juan Picos, director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, explica que “en xeral, as enxeñerías percibiron unha redución do número de matrículas, debido ao descenso de demanda do alumnado de ABAU -Proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade-”. A esta afirmación, Picos súmalle que “existe un dominio das enxeñerías máis tecnolóxicas e da información, en detrimento daquelas máis tradicionais ou mesmo civís, onde se encaixan tanto a forestal como a agraria”. Ante esta inclinación “parece existir unha connotación de antigüidade cara este tipo de titulacións”, comenta Juan Picos. O punto de vista en torno ás perspectivas de futuro de Cuesta, Picos e Fernando Enjamio, decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, seguen unha mesma folla de ruta. Os tres profesionais concordan en que cada un dos seus ámbitos de pertenza teñen ampla potencialidade a nivel laboral, e a tendencia que seguen é dun fortalecemento debido á evolución das políticas medioambientais a nivel mundial e de xestión do territorio. Igualmente, Juan Picos fai referencia ao ‘Informe dos sectores estratéxicos para o investimento en Galicia’, polo cal o sector forestal se posicionaba nos cinco primeiros con maior importancia. 

Mercado laboral

As enxeñerías agraria e forestal teñen altas taxas de emprego en Galicia. Segundo os datos ofrecidos por José Antonio Rivas, secretario técnico do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos, do total de persoas colexiadas actualmente en Galicia, tan só un 2,45% figuran como desempregados. Esta porcentaxe é moi reducida, e deixaría case un 98% de ocupación no sector. No ámbito forestal, a absorción de profesionais no mercado é alta. Segundo detalla Juan Picos, “a demanda de profesionais técnicos forestais para o ámbito laboral, no noso caso, é alta, e mesmo hai moitas veces que non conseguimos localizar a xente para determinados postos de traballo que nos chegan de empresas”. Ademais, Picos agrega que, nun proxecto de impulso forestal co que está colaborando a nivel galego, as empresas teñen “certa preocupación por acceder a xente formada”. Fernando Enjamio avanza que “as perspectivas de futuro son moi boas para as titulacións que envolven o medio rural e, en xeral, aquelas que procuran unha xestión do territorio e do medio ambiente”. Unha realidade que transmite Tomás Cuesta é que “alumnos e alumnas da Escola de Lugo colócanse aproximadamente un 90%”. O sector agroforestal está atravesado por novas tendencias e novos retos que implican cambios importantes a nivel laboral. “Unha rama con cada vez máis importancia no mercado laboral é xestión medioambiental; a mitigación do cambio climático e xestión do co2 son dous paradigmas que fan que a figura do profesional da enxeñería técnica forestal sexa cada vez máis necesaria no ámbito laboral”, detalla Fernando Enjamio. As cuestións de sustentabilidade e medio ambiente afectan da mesma maneira ao ámbito agrícola, polo que, “é necesario que estas ramas da enxeñería continúen estando presentes en producir e transformar”, avanza Cuesta.

Saídas laborais e camiño á especialización

A Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e Agricultura publicou o estudo ‘Regional assessment of forest education in Europe’ sobre as titulacións forestais e a muda social cara o virtual e tecnolóxico que se está producindo a nivel mundial. Juan Picos, colaborador desta investigación, manifesta que “unha das conclusións que se extrae é que este tipo de enxeñerías son imprescindibles para un correcto desenvolvemento do territorio", e afirma que "é necesario un esforzo para que recuperen terreo”. Segundo Tomás Cuesta, “poida que haxa certa desvirtuación do ámbito rural e que afecte en certo modo as titulacións técnicas agrarias e forestais, pero a demanda laboral de profesionais do sector é máis alta que a oferta”.Por este motivo, Picos reivindica que “é o momento de apostar por este tipo de titulacións porque cada vez hai máis empresas que reclaman persoas formadas nestas ramas”. “O campo de traballo é moi amplo, vai desde as cousas máis habituais, ás novas tecnoloxías e novos subprodutos derivados da madeira”, destaca pola súa parte Fernando Enjamio.  No ámbito da enxeñería agrónoma, os datos que ofrece o Colexio de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia reflexan altas taxas de ocupación entre as persoas colexiadas. A pesar de que un 18% dos profesionais non teñen unha información completamente actualizada nas bases de datos da entidade, os profesionais autónomos, xunto ao persoal das administracións públicas, e aos profesionais libres supoñen a maior parte das actividades que ocupan o persoal do ámbito. A docencia sería o seguinte posto que máis profesionais agrónomos colexiados ocupa, chegando a un 9,65%. Porcentaxe de ocupacións por actividade de profesionais colexiados en Galicia As enxeñerías forestais teñen unhas saídas laborais moi amplas. Segundo Fernando Enjamio, “estas saídas foron trocándose afrontando novos camiños, novos retos, e novas saídas”. Dentro destas novas tendencias, o director do Colexio de Enxeñeiros Forestais destaca a pegada “da xestión forestal e a ordenación territorial, con principal importancia da xestión medioambiental, do CO2, do impacto ambiental, da paisaxe e das enerxías renovables”. As novas tecnoloxías están cada vez máis presentes, e cada vez ten maior protagonismo “como, por exemplo, o uso de drons en inventarios madeireiros ou mesmo no sector da construción en madeira”, detalla Enjamio.
“Temos un futuro interesante nun mercado que está esixindo novos produtos máis acordes ao medio” (F. Enjamio)

Necesidades para avanzar 

Os Plans de Estudo de calquera grao universitario do territorio requiren dunha intervención do Ministerio de Educación para unha modificación. Partindo desta premisa, Juan Picos aporta que “é necesario saber aproveitar a oportunidade do entorno para aplicar na docencia, e adaptarse ás novas necesidades existentes do ámbito laboral”. Para isto, Picos fai fincapé na “iniciativa que ten que ter a docencia para saber adaptarse á situación, e nas actividades complementarias que se realizan para conseguir achegar máis a formación ao ámbito profesional”. Outra das cuestións que se formula é a necesidade de apego destas ramas das enxeñerías técnicas á sociedade. Enjamio anuncia que “hai que tratar de levar á sociedade dun xeito atractivo a estas formacións”, e así mesmo, “achegar a profesión aos diferentes niveis educativos para concienciar, en certo modo, da súa importancia para a evolución da sociedade”. Tomás Cuesta determina que “Galicia ten unha potencia en materia prima polo que é importante transformala cun valor engadido”. Para proceder, Cuesta fai referencia a que o seu ‘campo de batalla’ vai ser a “calidade e a dixitalización, de cara a procurar unha agricultura intelixente en base a automatismos, mecanización, e demais, para intentar transformar o produto”.