Archives

A Xunta márcase como obxectivo para 2025 transformar en Galicia o 75% do leite producido

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, garantiu hoxe o apoio do Goberno galego na industrialización do sector lácteo da comunidade co obxecto de acadar o 75 % do leite transformado en Galicia para o ano 2025. “É un obxectivo ambicioso, pero realista xa que progresamos moito nos últimos anos”, argumentou en referencia á que Galicia xa industrializa arredor do 63 % do seu leite, á vez que se ten convertido na comunidade que produce o 42 % do leite de vaca de España. Rueda fixo estas valoracións na queixería do Grupo Entrepinares, cuxas instalacións en Vilalba (Lugo) visitou hoxe, acompañado do conselleiro de Medio Rural en funcións, José González. Precisamente, o mandatario galego en funcións gabou a implicación con Galicia de industrias lácteas como a de este grupo e amosou “toda a disposición” do Goberno galego en seguir apoiando con medidas iniciativas deste tipo que xeran riqueza e emprego local. En concreto, a Xunta destina 30 millóns en axudas ao sector para á transformación e á comercialización de produtos agrarios. E nesta mesma liña de pulo ao sector, Rueda apuntou o apoio do Goberno galego aos plans de crecemento destas industrias. Así, puxo como exemplo concreto a declaración de Iniciativa Empresarial Prioritaria do proxecto de ampliación en Vilalba da queixería Entrepinares que xa está en marcha cun investimento de 19 millóns de euros. Segundo indicou, esta ampliación permitirá atender “a demanda crecente que está a rexistrar” e suporá a creación duns 40 empregos directos, que se suman aos preto de 300 que o grupo xa ten en Galicia.  

Entrepinares renova contratos por 4 meses a 53 céntimos

A renovación de contratos do leite avanza en Galicia. Até esta semana practicamente ningunha empresa moverá ficha, pero nos últimos días todas as industrias están a apurar a sinatura de acordos de subministro coas súas granxas provedoras. As ofertas da maior parte das industrias inclúen baixadas de entre 6 e 8 céntimos, o que está a facer que o prezo medio en Galicia pase de estar próximo aos 60 céntimos a finais de 2022 a practicamente non superar os 50 neste momento na maioría dos novos contratos. Na parte alta sitúase unha vez máis Entrepinares (a queixería subministradora de Mercadona está a asinar estes días ofertas cun prezo base de 53 céntimos e unha vixencia de 4 meses) e Pascual, que está a renovar contratos por dous meses que se moven entre os 51 e 53,5 céntimos en función do volume de entregas.  A estratexia que segue Entrepinares, sen embargo, é a de igualar o prezo base a todos os seus gandeiros, unhas 170 explotacións en Galicia, independentemente do seu volume de produción, de maneira que a única diferenza entre o prezo final a cobrar por uns e outros estaría nos niveis de sólidos, que se endureceron no anterior contrato até un mínimo do 3,80% de graxa e do 3,20% de proteína.
Entrepinares segue apostando polos sólidos, pagando a décima de graxa a partir de 3,80% a 0,5 céntimos e a de proteína a partir de 3,20% a 0,8 céntimos
Unha décima por enriba ou por debaixo dese baremo supón 5 euros máis ou menos en tonelada no caso da graxa e 8 no caso da proteína. Esa é outra das novidades nos novos contratos asinados pola queixería de Vilalba, que segue apostando polos sólidos e incrementa de 0,7 céntimos en litro a 0,8 o valor da décima de proteína. Crecemento en Galicia nos vindeiros anos Entrepinares proxecta ampliar nos vindeiros meses a súa planta de Vilalba, que incrementará nun terzo a súa capacidade produtiva. As obras comezarán de xeito inminente, unha vez foron declaradas iniciativa empresarial prioritaria por parte da Xunta, e a nova instalación estará operativa no 2024. É a terceira ampliación da factoría desde a súa creación no ano 2010, coa que a empresa busca poder fabricar a maior escala en Vilalba queixo con mestura de leite de vaca, ovella e cabra. Entrepinares produce actualmente na súa planta, ubicada no Polígono de Sete Pontes, 40 millóns de quilos de queixo, fundamentalmente de vaca, e 10 millóns de quilos de derivados lácteos  trala construción dunha planta de tratamento de soro, unha torre de secado que permite facer tamén leite en po. O aumento da produción de queixo da empresa de Valladolid en Galicia nos últimos anos levouna a ampliar tamén o número de ganderías provedoras, chegando a recoller o pasado ano 192 millóns de litros de leite. De cara á actual renovación de contratos esa tendencia mantense, prevendo chegar neste 2023 aos 200 millóns de litros de leite, froito tanto da captación dalgunha granxa máis como do aumento de produción das xa existentes. A ampliación da factoría auguraría un incremento deste volumen de recollida nos vindeiros anos.

Baixada de entre 5 e 6 céntimos do Grupo Lence

Outra das industrias que comezou este venres a asinar contratos de renovación é o Grupo Lence, propietario de marcas como Río de Galicia e Leyma. As ofertas da empresa lucense inclúen unha baixada do 10%, entre 5 e 6 céntimos, o que deixa o prezo final por debaixo dos 50 céntimos, agás algún caso puntual de explotacións de gran volume de entregas. O Grupo Lence, que recolle uns 850.000 litros ao día (310 millóns de litros ao ano) conta con tres escalas de prezos en función do tamaño das súas 350 ganderías, o que deixa diferenzas de prezo de até 4 e 5 céntimos entre unhas e outras. A maiores destas primas por volume, estarían as de calidade hixiénico-sanitaria (a super A págase por baixo das 250.000 células somáticas e 30.000 xermes) e a de composición físico-química (0,3 céntimos a décima de graxa e proteína a partir de 3,70% de graxa e 3,20% de proteína).
Non se coñece aínda a oferta de Naturleite, que finaliza contratos o 31 deste mes
Non se coñece de momento cal vai ser a oferta de Naturleite, que finaliza contratos o 31 deste mes, nin tampouco a de Leche Celta, que remata o 30 de abril. Pascual, pola súa banda, ten granxas que acaban en marzo e outras que o fan o mes que vén. As primeiras están xa tamén a renovar estes días cun prezo que se move entre os 51 e os 53,5 céntimos, en función das primas por volume, certificación de benestar animal e dobre A, pero cunha duración de contrato de tan só dous meses. A empresa con sede en Aranda de Duero, que recolle o leite a unhas 80 explotacións en Galicia, é nese momento das que se atopan pagando máis o leite, con prezos próximos aos 60 céntimos nas granxas que finalizan, por exemplo, os seus contratos en abril. 

Finca Cabreira: “As decisións importantes que tomamos sempre van da man dos técnicos”

Manuel Candamio, xunto ás súas vacas na nave construída en 2018, a última ampliación realizada Gañar en eficiencia como forma de reducir custos e adaptar a produción ao tipo de leite que demanda a industria para incrementar beneficios nun sector cada vez máis competitivo e profesionalizado. Esa é a filosofía de traballo de Finca Cabreira, unha gandería que aposta pola optimización dos distintos procesos que require a produción láctea a través da tecnoloxía. Manuel Candamio está á fronte desta explotación situada en Outeiro de Cela (Irixoa), que muxe 185 vacas neste momento. Tras titularse en Empresariais pola Universidade de Porstmounth e traballar no sector inmobiliario, Manuel incorporouse en 2013 á granxa que ata ese momento rexentaran os seus sogros, Emilio Freire e Fina Calvo, que acababan de xubilarse. Fíxoo coa intención de garantir a continuidade da explotación, na que a familia investira toda unha vida de esforzo e diñeiro. “Aínda que eu nunca traballara como tal na granxa, na casa sempre se falaba da gandería, polo que estaba familiarizado co día a día e coñecía ao persoal técnico que viña á explotación. Apoiado por eles e polos meus sogros decidinme a coller a granxa. Aos poucos funme incorporando, deixáronme facer e cando me dei conta estaba metido de cheo”, indica. Primeiro obxectivo: dimensionar a explotación Baixo unha mentalidade máis empresarial, o primeiro obxectivo para poder pasar dunha explotación de carácter familiar a outra máis profesionalizada era alcanzar un volume suficiente, Así, aquela gandería que Manuel colleu no ano 2013 foi aumentando de tamaño ata duplicar a produción a día de hoxe.
Nunha década duplicaron a produción e profesionalizaron a xestión para gañar en eficiencia
De forma paralela, a granxa foi tecnificándose ata converterse nunha moderna explotación dotada con sistemas de toma de datos, pero que conserva en uso aínda construcións con máis de 50 anos de antigüidade, que foron adaptándose e modernizándose. “Aproveitamos todo o que había e fomos ampliando. Aquí pode verse a historia da gandería en Galicia: o establo máis antigo é o que está a carón da casa e o máis moderno o que está máis afastado”, detalla.
Viamos que para poder continuar na actividade tiñamos que seguir medrando e modernizándonos
“A última nave, construída en 2018, fixémola porque viamos que se queriamos vivir con certa dignidade todos os que estabamos aquí metidos, tanto nós como os traballadores, necesitabamos ter comodidade e confort. E o volume o que che dá é a capacidade de poder contratar a máis traballadores e organizar quendas doutra maneira”, explica. De man de obra familiar a depender de persoal contratado Pero aumentar de tamaño significa pasar a depender de man de obra externa, algo que non abunda. “Eu creo que a dificultade para conseguir man de obra, sobre todo cualificada, é un problema moi serio a día de hoxe nas ganderías”, recoñece. Ante esta carencia xeralizada de formación entre a man de obra dispoñible no mercado laboral, apostan pola formación e a cualificación na propia granxa. “Tes que optar por contratar man de obra sen cualificar e formala ti. A nós aquí gústanos facer cursos de formación para os nosos empregados. Fixemos cursos de inseminación, de manexo de tenreiras, de técnicas de muxido. Aqueles aspectos que temos interese en mellorar buscamos a alguén que saiba realmente do tema para que nos forme aquí na propia explotación, para que sexa tamén unha formación adaptada ás condicións que temos aquí na granxa”, conta.
Adoitamos facer catro ou cinco cursos de formación ao ano na propia explotación para mellorar en distintos aspectos que consideramos necesarios
Manuel recoñece que non é habitual no sector ver este tipo de iniciativas pero el considera a formación como un aspecto básico para mellorar o funcionamento da súa granxa. “É certo que moitas veces tes a sensación de que estás a formar a xente que se cadra dentro de pouco marcha, pero por iso non vas deixar de formala. Para min é unha satisfacción ver como evolucionan de forma positiva os nosos traballadores”, argumenta. Tecnificación da granxa para reducir necesidades de persoal Xunto á formación continua, a estabilización do persoal é outra das prioridades desta explotación. “Este é un traballo monótono, de sábados, de domingos e de festivos e hai que lidiar con todos eses inconvintes”, admite. Neste momento esta gandería conta con 5 empregados ademais de Manuel e apoiáronse na mellora das instalacións para poder gañar calidade de vida. “Estivemos a estudar as distintas tecnoloxías que había dispoñibles e que nos podían permitir modernizar a granxa e ao final quedámonos coas que nos podían permitir ser máis eficientes e facer o traballo de forma máis cómoda. Tal como temos hoxe a explotación, dúas persoas son suficientes para atender o día a día da granxa”, indica.
Hai unha necesidade evidente de man de obra nas explotacións
Esas dúas persoas non necesariamente teñen que ser as mesmas pola mañá e pola tarde. De feito, en Finca Cabreira traballan cun sistema de quendas de mañá e tarde que permite aos seus traballadores realizar xornada continua e librar dous días á semana, ben xoves e venres ou sábado e domingo. Paso de tres a dous muxidos Finca Cabreira dispón na actualidade dun rabaño total de 220 vacas adultas, das que están a muxir a día de hoxe unhas 185, con picos por enriba de 190 noutros momentos do ano. Tras facerse cargo da explotación, Manuel tomou a decisión en 2015 de pasala a tres muxidos, un sistema que mantiveron ata 2022, cando ao cambiar de empresa compradora optaron por regresar de novo ao sistema de dous muxidos. “Empezamos a entregar o leite a Entrepinares. Como nos paga mellor as calidades, convíñanos obter menos litros e máis sólidos”, explica.
Fixemos unha aposta polas calidades ao pasar de entregar a Leite Celta a facelo a Entrepinares
Coa volta a dous muxidos perderon produción, pero reduciron tamén as necesidades de man de obra da granxa. “Estabamos en 43 litros con 3 muxidos e agora cústanos traballo manternos en 37 litros, pero pasamos dunha porcentaxe do 3,40 de graxa a 3,80 e do 3,30 a 3,40 de proteína”, detalla. Segundo obxectivo: gañar superficie agraria “Nestes momentos o noso obxectivo é estabilizar a explotación e centrarnos en conseguir un leite da mellor calidade adaptado á industria que nos recolle e tentar rendibilizar iso ao máximo, pero a nosa intención non é crecer no número de cabezas porque para iso teriamos que aumentar tamén en terras”, admite Manuel. Sementan 60 hectáreas a millo, nas que nunha parte fan rotación anual con raigrás e noutra parte con chícharo para abono verde. A maiores, dispoñen doutras 12 hectáreas a herba permanente.
Sementan 60 hectáreas a millo en rotación con raigrás e chícharo
“A falta de superficie é para nós un condicionante. Se puidésemos dispoñer de fincas útiles de tamaño grande e a poder ser preto da explotación as nosas condicións de produción serían moi diferentes, pero aquí a media de superficie por finca está entre 1 e 2 hectáreas”, explica. A maiores do pequeno tamaño das parcelas está o problema do xabaril. “Fainos grandes desfeitas, é moi desesperante”, afirma. Con eses condicionantes, non logran ser autosuficientes en materia de alimentación. “Millo compramos algo todos os anos, non moito, pero procuramos acabar a campaña con todos os silos cheos, polo que compramos xa na finca o que nos falta para completalos, porque iso é sempre unha garantía, dáche tranquilidade para todo o ano. Dependendo da colleita podemos comprar entre un 5 e un 15%. Este ano compramos pouco porque nos sobrou do ano anterior e ao final a campaña foi mellor do que se esperaba e fomos salvando”, conta. Un dos motivos para non verse afectados pola seca foi labrar cedo. “Somos sempre dos primeiros en sementar nesta zona; poñemos ciclos 500”, explica. Parte do traballo agrario fano eles mesmos. “Nós aramos e sementamos o millo pero despois contratamos todo o traballo de ensilaxe. Tiñamos un tractor e unha serie de maquinaria que seguimos usando, pero posiblemente cando cumpra a súa vida útil non volvamos comprar outra para centrarnos en atender o gando”, indica. Sala de muxido de 40 puntos Finca Cabreira conta cunha sala de muxido con 40 puntos que montaron cando muxían tres veces ao día coa intención de axilizar o proceso e asegurar a súa operatividade en todo momento. “Realmente son dúas salas de 20 puntos cada unha que non comparten nada do sistema, nin a bomba de baleiro nin a de descarga. Desa forma, ao ter un funcionamento independente, se temos unha avaría nunha parte podemos seguir traballando coa outra. Cando estabamos en tres muxidos non nos podiamos permitir ter a sala parada por calquera contratempo porque en caso de necesitar facer calquera reparación podíaseche xuntar un muxido co outro. Desta forma, en caso de avaría sempre estamos cubertos e a sala sempre está operativa”, razoa Manuel.
Muxen ás 7 da mañá e ás 6 da tarde. Acaban en hora e media
Ao ter o gando dividido en tres lotes e unha sala de muxido cunha capacidade importante reducen a presenza das vacas na sala de espera. “A nosa idea era muxir moi rápido para non molestar moito tempo ás vacas. Nunha hora e media acabamos de muxir as 180-190 vacas que temos normalmente en produción”, explica.
A maquinaria do sistema de muxido está nun túnel baixo a propia sala para evitar que os equipos se mollen e se estraguen
Para a almacenaxe do leite dispoñen dun tanque vertical de 30.000 litros e a maquinaria da instalación de muxido está nun túnel baixo a propia sala, o que evita que as bombas se mollen, se manchen e avaríen. “Na parte de arriba só están as pezoneiras, desta forma evitamos que o resto do sistema se estrague. Tivemos que facer algo máis de obra á hora de montar a sala pero ese investimento ímolo recuperar na duración dos equipos”, asegura Manuel. Apoiarse en asesoramento externo Aínda que afirma que “todos os galegos levamos no noso ADN o manexo da vaca”, Manuel é dos que se deixa asesorar porque considera importante contar con apoio externo de carácter profesional, destacando o gran nivel dos técnicos que axudan no día a día ás explotacións en Galicia. Traballan con Seragro para nutrición, calidade do leite, reprodución e podoloxía e da xestión da granxa encárgase a Cooperativa Agraria Provincial da Coruña. “Aquí calquera cambio que se fai é consultado para que as distintas decisións que tomamos conten cun aval técnico detrás”, recoñece.
As decisións importantes que tomamos na nosa explotación sempre van da man dos técnicos que nos asesoran
Os insumos cómpranos á cooperativa O Plantel, situada en Pederne e formada por 200 socios da comarca de Betanzos, que lles proporciona tamén o servizo de carro mesturador. “Fano dunha forma rápida, económica e eficiente e é unha carga de traballo que estamos a delegar neles e que nos permite a nós ter máis tempo para centrarnos noutras cousas”, argumenta. En vacas de produción teñen tres lotes: postparto, vacas adultas e primeirizas. “Xogamos con alimentación diferenciada en cada un dos lotes en función das súas necesidades e do que esperamos obter, con menor inxesta e unha comida máis enriquecida en posparto; máis inxesta en vacas adultas e menor inxesta en primeiro e segundo parto”, explica. Redución do consumo enerxético Nos cubículos da última ampliación utilizan area como material de recheo e nos máis antigos serrín con carbonato, dado que as fosas máis antigas non se adaptaban ao uso de area. A nivel de instalacións, di, “acabamos de facer uns investimentos bastante grandes e creo que temos capacidade de mellora sen meternos a máis gastos”. “Cando logremos rendibilizar os investimentos realizados poderiamos propornos melloras nas instalacións de recría para ter máis cómodos aos animais e traballar tamén nós máis cómodos”, avanza. Hai un ano apostaron pola instalación de placas solares, cunha potencia de 150 Kw/h, e un sistema de baterías que lles permitiu amortecer o forte incremento do prezo da luz producido desde entón. Contan tamén con intercambiadores de placas e recuperadores de calor para aproveitar ao máximo a enerxía xerada no proceso de arrefriado do leite. Ademais de lograr un aforro enerxético conseguen estabilizar antes a temperatura do leite no tanque, o que redunda nunha mellor calidade hixiénica. Futuro do sector Un fillo de Manuel, de 21 anos, está xa incorporado á explotación e ao seu pai gustaríalle que dese continuidade ao proxecto, aínda que prefire “non forzarlo”. “O gran problema que temos as ganderías a día de hoxe é a incerteza. É difícil saber que nos podemos esperar dentro duns anos pero creo que haberá concentración de explotacións e que as que queden serán cada vez máis eficientes”, prognostica.
O sector lácteo ten todo o futuro do mundo pero para iso as granxas deberemos superar novas esixencias
“É evidente que hai futuro neste sector e eu creo que este traballo será máis respectado do que é hoxe, aínda que para iso haberá que superar toda unha serie de novas esixencias a nivel de PAC, de xurros ou de benestar animal”, asegura.  

Aposta pola dixitalización da explotación e a monitorización do gando

Á vez que modernizou as súas instalacións, coa construción dunha nova nave, a reforma das máis antigas e a instalación dunha nova sala de muxido, Finca Cabreira deu pasos tamén nos últimos anos na monitorización do gando, o que lles levou a cambiar rutinas de saúde, reprodución e manexo na granxa. “Terminamos fai agora tres anos unhas instalacións novas que nos obrigaron a tomar decisións, porque deixamos de ser unha explotación familiar, sen practicamente man de obra contratada, a ser unha explotación cunha dependencia case total da man de obra asalariada. Isto fíxonos pensar que debiamos incorporar toda a tecnoloxía que houbese dispoñible no mercado para que nos axudase a mellorar e a darlle futuro ao noso proxecto”, argumenta Manuel. O cambio ás novas instalacións provocou ademais unha situación “complexa” na granxa. “Empezamos a ter unha serie de patoloxías, que se manifestaban basicamente no período seco e despois tamén no postparto e chegamos a estar preocupados”, recoñece.
A forma de traballo na granxa foi cambiando e fómonos adaptando a esta nova tecnoloxía que nos axuda a tomar decisións no día a día
Aconsellados polos técnicos que asesoran á granxa en materia de nutrición e reprodución decidiron substituír os podómetros por colares de monitorización. “Fixemos dous grupos de animais dos cales queriamos recibir información, por unha banda preparto, vacas secas e postparto e doutra banda as xovencas”, explica. “O que noto moitas veces na nosa explotación é que os gandeiros nos dedicamos continuamente a apagar lumes inmediatos do día a día, cando deberiamos dedicarnos a ter un obxectivo claro a máis longo prazo. Este tipo de tecnoloxía é útil para apagar lumes, pero axúdache sobre todo a tomar decisións a máis longo prazo”, valora.
Instalar o sistema integral de monitorización foi un cambio estratéxico na nosa granxa
A nivel de xestión da granxa, a información que achegan os colares en materia de nutrición e benestar axudan ao gandeiro para tomar decisións, por exemplo á hora de establecer as rutas e horarios do robot encargado de arrimar a ración ou para saber se é necesario instalar sistemas de arrefriado que reduzan o estrés por calor do gando. “Instalar o sistema integral de monitorización foi un cambio estratéxico na granxa. Estabamos nun momento delicado, con problemas que desapareceron bastante rápido, pero boto de menos un programa que unifique todos os datos e que o saiba manexar todo o mundo”, conclúe. Cambio de podómetros por colares Traballan con tecnoloxía de Allflex para a toma de datos. “Agora mesmo temos os colares nos grupos máis críticos, que son vacas que se van a secar, vacas secas, postparto e celos de xovencas, pero a nosa idea é ir substituíndo os podómetros, a medida que se vaian gastando, por colares”, avanza.
Nas xatas os colares usámolos para detectar celos e en vacas secas para evitar posibles patoloxías
“A vantaxe do colar é que é máis eficiente en detección de celos e dános información adicional que o podómetro non nos dá, por exemplo en rutinas de grupo, inxesta, tempo de descanso, rumia, que combina en forma de gráficas moi fáciles de entender e que permiten tomar decisións no día a día”, destaca. “Nas xatas os colares queriámolos basicamente para detectar celos, porque aínda que xa estabamos a traballar con podómetros, obrigábanos a que o animal tivese que pasar por un punto en concreto para descargar a información”. O receptor estaba situado nun dos bebedoiros, pero ao dispoñer de máis dun, creábanse distorsións na detección, algo que os colares solucionan, porque non traballan coa necesidade de que o animal pase por un lugar en concreto”, explica. Datos dous meses antes do secado selectivo En canto ás vacas en lactación, empezan a tomar datos dous meses antes do período de secado. “Dous meses antes do secado o software vai cargándose de datos e facilitándonos información”, indica. “Nas vacas secas non tiñamos ningunha información delas máis que o ollo do gandeiro e moitas veces cando nos dabamos conta de que había un problema xa era unha patoloxía avanzada que requiría nalgúns casos o uso mesmo de antibióticos, por tanto, para nós era fundamental ter datos deste lote de vacas secas”, insiste. Nesta explotación de Irixoa realizan secado selectivo, co que reduciron considerablemente o uso de antibióticos. “Seragro envíanos mes a mes as directrices sobre que vacas secar e con que e non temos habitualmente problemas, aínda que o verán pasado si notamos o estrés por calor no gando e estámonos propoñendo instalar ventiladores, porque tivemos perdas de inxesta e produción, baixou a fertilidade e as mamitis clínicas disparáronse”, recoñece. No lote de vacas secas, onde os animais pasan un máximo de dous meses, están tamén as xovencas próximas ao parto. Tras parir pasarían ao lote de posparto, con capacidade para 40 animais. “Son as vacas que temos que vixiar máis e tamén son as que muximos primeiro e a medida que van entrando vacas paridas imos sacando as que levan máis tempo”, explica. Detección precoz de enfermidades postparto “Antes de dispoñer dos colares o seguimento ás vacas paridas era manual. “Colliamos a todas as vacas que parían e mirabámolas cada dous días, cubrindo a man unha táboa con información sobre o seu estado de saúde, o que supoñía maior carga de traballo e menor fiabilidade dos datos, ao depender da subxectividade do observador. Xurdíannos dúbidas sobre se a vaca rumiaba ou non e sobre se as feces estaban ben ou non”, exemplifica. “Non era unha información obxectiva e non nos permitía ter un criterio claro de cando chamar ao veterinario ou non”, indica. “Agora podemos centrar a nosa atención unicamente nos animais que realmente o necesitan, porque o software sácanos unha listaxe das vacas que teñen algún problema. Ao resto das vacas nin as molestamos. Chamamos ao veterinario só para que veña a ver ese animal en concreto e o que facemos é revisar co veterinario diante do computador toda esa información e eses datos do estado do animal que nos achega o sistema antes de ir ver á vaca e diagnosticar a enfermidade e se é pertinente darlle un tratamento. Moitas veces o programa está a darche alertas antes de que a vaca manifeste síntomas ou unha baixada do leite, como ocorría antes, e nese momento cun tratamento preventivo estamos a evitar xa o problema”, valora. Tras aplicar o tratamento necesario, o sistema permite tamén realizar un seguimento e comprobar a evolución día a día do animal. “Iso achéganos unha gran satisfacción, de ver que esa vaca foi collida a tempo e puidemos salvala”, razoa. Mellora dos índices reprodutivos Con 220 vacas e 175 xatas, a mellora da fertilidade do rabaño era outro dos obxectivos desta explotación coa instalación de tecnoloxía de monitorización do gando. “Os colares, fronte aos podómetros, permitíronnos unha maior detección de celos e unha mellora en materia de fertilidade. O máis importante é que nos di cal é o momento óptimo da inseminación, algo importante ao utilizar seme sexado, que son doses de touros de alto valor xenético e cun custo elevado”, aclara Manuel.
Os colares danche máis seguridade á hora de utilizar seme sexado
No establo construído polos seus sogros en 1997 teñen o lote de primeirizas, con 70 animais, e as xatas, divididas en dous lotes: as que están para inseminar e as xa preñadas. Colocan os colares para detectar o celo nas xatas de cara á primeira inseminación, que realizan aos 12 meses se o animal cumpre as condicións corporais necesarias, situándose a media da granxa ao primeiro parto en 21 meses. “Os colares axudáronnos a mellorar bastante nese aspecto”, asegura. Programa de xenómica A principios de 2022 empezaron tamén cun programa de mellora xenética de ABS, GENEadvance, que consiste no xenotipado de todos os animais e a fixación de criterios de selección que no seu caso pasan por máis sólidos e aumento da lonxevidade. “Queremos vacas que nos dean graxa e proteína e que nos duren máis tempo sen darnos problemas”, indica Manuel.
Poñen seme sexado na maior parte das xatas, salvo as descartadas tralo test xenómico, e no 40% das vacas
“Pensamos que este programa vainos permitir un avance moi rápido, porque te centras só naqueles animais que che interesa, descartando o resto, permitíndonos corrixir erros que a xenómica che identifica e que se cadra non eras capaz de ver co pedigree. Agora só usamos seme sexado e de carne e podemos optar a touros de elite que só entran neste programa”, destaca. Rendibilizar os machos Na antiga sala de muxido habilitaron un espazo para ter os machos de cruces cárnicos con azul belga. “Estas doses custan tres veces máis que unha dose normal de azul belga pero son animais que en cebadoiro teñen un comportamento superior aos outros en conversión cárnica, uns 300 gramos ao día máis de ganancia de peso. Temos xa dous cebadoiros interesados en traballar con nós”, indica.
Os machos son encalostrados e reciben os mesmos coidados que as femias, non facemos distincións
A súa intención é poder comercializar directamente os seus machos, mediante acordos estables con estes cebadoiros, ofrecéndolles animais cun óptimo crecemento e que isto redunde tamén nuns maiores ingresos para a granxa. “Estamos a analizar cal é o mellor momento para a saída dos animais, tanto para o cebadoiro como para nós, e posiblemente sexa despois do destete. Fariámoslle ese labor ao cebadoiro”, engade. Os machos son encalostrados e aleitados cos mesmos protocolos que as femias, sen facer distincións nos coidados. “Traballamos con Xesga nun procedemento serio de desinfección dos boxes que nos obrigou a facer algún investimento en canóns de escuma e cada 3 días cámbianse todos os caldeiros, desinféctanse e quedan colgados do revés para que sequen. Procuramos ser metódicos pero cun sistema moi simple para que se faga e se cumpra”, indica. Pasteurizador para o calostro e o leite Dispoñen de pasteurizador e quentador de costro, que teñen sempre conxelado. “Cando nace unha cría lévase para o box e ponse o calostro a desconxelar para aplicarllo con sonda canto antes. Despois sóbese á nai para sacarlle o costro, que se analiza e se é de boa calidade pasteurízase e conxélase para ter reservas nese banco de calostro conxelado co que traballamos. Desta forma garantimos sempre a calidade do calostro que proporcionamos ás tenreiras”, detalla.
Dispoñen de costro conxelado que aplican con sonda (4 litros) ás tenreiras recén nacidas
Teñen tamén un taxi que pasteuriza o leite para ofrecerllo ás tenreiras á temperatura e condicións hixiénicas idóneas, así como lavalouzas para os biberóns unha vez realizada cada toma. Aos tres meses empezan a destetar. “Temos un procedemento bastante claro para todo o proceso de aleitado, identificando as tomas con cintas de cor verde (un biberón de 3 litros pola mañá e pola tarde), azul (un biberón de 4 litros pola mañá e pola tarde), de novo verde e finalmente amarelo (un biberón de 3 litros só pola mañá) previo xa ao destete”, detalla. Realizan o proceso completo de recría na propia granxa, para o que tiveron de reformar distintas naves, tanto antigos establos como almacéns e outras dependencias para acoller aos animais coa maior comodidade posible. “A recría require espazo”, afirma Manuel. Ese será o próximo obxectivo de Finca Cabreira.

Entrepinares proxecta investir 19 millóns de euros en ampliar a planta de Vilalba

O Consello da Xunta declarou hoxe como iniciativa empresarial prioritaria o proxecto de Queserías Entrepinares para ampliar as súas instalacións en Vilalba. Cun investimento de 19 millóns de euros, a empresa busca instalar unha nova liña de fabricación de queixo no formato de tres quilogramos de peso, elaborado con leite de vaca, cabra e ovella, e nas variantes de tenro e semicurado, segundo informa a Xunta. A nova planta multimolde, anexa á actual, dará resposta á crecente demanda dun produto xa elaborado pola empresa, pero nas plantas que ten fóra de Galicia. Ata o de agora, Entrepinares enviaba leite de vaca ás factorías de Castela e León, pero coa nova liña, iso xa non será necesario. O que sí será preciso será a importación de Castela de leite de ovella e de cabra, xa que a actual produción galega é mínima, centrada sobre todo en queixerías artesanais, pero sen recollida industrial. A planta de Vilalba aumentará a súa capacidade de produción un 32%. A Xunta remarca que esta iniciativa de Queserías Entrepinares encádrase nun sector que ten un carácter estratéxico para o rural de Galicia, como é o lácteo galego, que representa o 1,5 % do PIB da Comunidade. Ademais, complementa a cadea de valor do leite, xa que contribúe a aumentar o valor engadido deste produto mediante a elaboración de queixos. O proxecto cumpre cos requisitos para recibir a declaración de iniciativa empresarial prioritaria, pois supera o volume de investimento mínimo fixado nun millón de euros (en concreto, serán 19.125.000 euros). A Xunta destaca ademais a creación de emprego mínimo (prevense 35 postos de traballo directo, indefinido e a xornada completa, o 57 % dirixido a mulleres) e a importancia estratéxica da iniciativa para a cadea láctea. Coa declaración de iniciativa empresarial estratéxica, os trámites burocráticos do proxecto aceleraranse, permitíndolle a Entrepinares unha maior axilidade no lanzamento da ampliación.

Entrepinares rompe o mercado do leite en Galicia cun prezo base de 57 céntimos en outubro

O prezo do leite en orixe segue a subir e podería aproximarse en Galicia aos 60 céntimos nos vindeiros meses. Entrepinares, a queixería castelán-leonesa con factoría en Vilalba, pagará o leite deste mes de outubro a 57 céntimos máis calidades, o que supón unha suba de 7 céntimos a respecto do mes de setembro. Os perto de 170 gandeiros que entregan o leite a Entrepinares están a recibir esta semana a chamada da empresa para lles comunicar a suba, que se fará efectiva mediante unha actualización da prima de sostibilidade. Así, a industria está a actualizar os contratos asinados na primavera e que non cambiarían a data de finalización, ao seguir vencendo o día 31 de marzo de 2023.
A suba non afecta á duración dos contratos, que seguen vencendo o 31 de marzo
A estratexia que segue Entrepinares é a de igualar o prezo base a todos os seus gandeiros, independentemente do volume de entregas, de maneira que a única diferenza entre o prezo final a cobrar por uns e outros estaría nos niveis de sólidos, que se endureceron no último contrato ata o 3,80% de graxa e o 3,20% de proteína. Unha décima por enriba ou por debaixo dese baremo supón 5 euros máis ou menos en tonelada no caso da graxa e 7 no caso da proteína.
A revalorización nos últimos tres meses é de 9 céntimos: prezo base de 48 en agosto, 50 en setembro e 57 en outubro
A revalorización acumulada desde o pasado 1 de abril nos contratos de Entrepinares é do 42,5%, desde os 40 céntimos de prezo base asinados nese momento aos 57 deste mes de outubro, o que supón unha suba sen precedentes no sector, acostumado a décadas de inmobilismo nos prezos do leite en orixe. Descoloca o mercado A decisión de Entrepinares reventa un mercado que se moveu á alza nos últimos meses, empurrado pola cotización en máximos históricos dos produtos lácteos industriais nos mercados internacionais e pola falta xeralizada de leite no campo, como consecuencia do aumento de custos e a conseguinte caída de produción.
Entrepinares foi unha das empresas que máis incrementou a compra de leite en Galicia nos últimos anos ata alcanzar os 200 millóns de litros anuais
O movemento de Entrepinares chama ademais a atención por tratarse dun proveedor de Mercadona, a cadea que marca tendencia na fixación de prezos nos liñais dos supermercados, cun efecto arrastre sobre o resto da distribución.
Mercadona estaba freando nas últimas semanas unha subida do brick de leite nos supermercados
De feito, a empresa valenciana propiedade da familia Roig estaba a ser sinalada nas últimas semanas como consecuencia da súa negativa a subir o prezo do brick da súa marca branca, Hacendado, dos 79 até os 83-84 céntimos, como fixeron o resto de cadeas da competencia, que despois recuaron coa excusa de non telo feito Mercadona, que controla o 30% das vendas de leite líquido no conxunto do España. A decisión de Entrepinares de levar a cabo de golpe unha suba de 7 céntimos  aos gandeiros non se entendería sen o respaldo de Mercadona, polo que semella que estaría secundando deste xeito esta nova alza de prezos en todos os elos da cadea, comezando polos produtores, ao igual que fixera hai un ano cando Naturleite, que envasa en Meira leite para Mercadona, fora das primeiras tamén en anunciar unha suba inicial de 2 céntimos, que acabou desencadeando unha revalorización en cadea do resto de empresas. A planta de Naturleite (Covap) pagou o leite do mes de agosto a un prezo base de 47 céntimos e tiña previsto unha suba dun céntimo para setembro e outro para outubro, pero está por ver se segue a estela de Entrepinares cun incremento de maior calado nos últimos meses do ano.

A 'febre do leite' provoca subas xeralizadas no resto de industrias

No mes de marzo, o momento no que se asinan en Galicia a maioría de contratos, prevíase un ano difícil nas explotacións, debido á escalada de prezos dos pensos, o fertilizante, o gasóleo ou a electricidade. Pero a suba de prezos en orixe que se foi producindo desde entón está a compensar con creces o incremento de custos de produción das granxas e facendo que o 2022 vaia acabar sendo un bo ano para os gandeiros de leite.
Hai pouco leite no campo e os produtos industriais seguen polas nubes
Tanto nos contratos que remataron o 30 de xuño, como nos que o fixeron este 30 de setembro, producíronse importantes alzas e disputa entre industrias por reter ou captar proveedores, o que aviva aínda máis os prezos. Ofertas de captación A febre do leite que se está a vivir está a provocar ofertas de captación por parte de empresas como a asturiana Reny Picot ou a galega Grupo Lence (Leche Río e Leyma), que colleron alguna granxa máis neste mes de outubro con contratos concretos a 52, 53 e mesmo 54 céntimos, aínda que estes prezos non son xeralizados, senón casos puntuais froito da negociación individual con algunhas ganderías.
Reny Picot, Grupo Lence, Innolact e Central Lechera de Lugo están a pelexar por novas explotacións
Na pelexa pola captación de novas explotacións está tamén Innolact (Quescrem), con planta en Castro de Rei e socia da cooperativa CLUN en Arquega; e primeiros compradores como Central Lechera de Lugo, con planta en Rábade; e mesmo novos actores como Central Lechera del Cantábrico, con domicilio social en León.    Contratos de curta duración En moitos dos casos, os novos contratos asinados son de curta duración, por un periodo de tres meses, o que permite ás explotacións aproveitar de xeito puntual as ofertas que lles chegan e non ter as mans atadas de cara ao futuro, dado que se prevé que a tendencia alcista continúe nos vindeiros meses, achegándose o prezo final aos 60 céntimos de cara a comezos do ano que vén.  
Desde as organizacións agrarias e de produtores están recomendando asinar contratos a curto prazo para poder renegociar prezos
Outras empresas con contratos asinados por un ano están a levar a cabo tamén subas motu propio aínda que de menor calado. É o caso de CAPSA, a cooperativa propietaria de Central Lechera Asturiana e que opera en Galicia coa marca Larsa. Anunciou unha suba de 2 céntimos que deixaría o prezo medio do seu contrato vinculado no 30% ao prezo dos produtos industriais en 47 céntimos.   Dispárase a diferenza entre as pequenas e as grandes explotacións Unha das consecuencias da negociación á carta con cada granxa que están a levar a cabo algunhas empresas é que se está a incrementar de xeito notable a diferenza entre as pequenas e as grandes explotacións, Lactalis, por exemplo, estase a mover nun rango de entre 46 e 52 céntimos en función do volumen de entregas. O mesmo ocorre en Leche Celta, que está a ofrecer 48 céntimos para outubro, 49 para novembro e 50 para decembro, con 3 céntimos menos no caso dos pequenos produtores.
Pascual e Inleit, que comezaran o ano sendo das que máis pagaban, están a quedar atrás con 48 céntimos en setembro
Á vista dos actuais movementos, semella que os tempos do coñecido como Cártel do Leite están superados e por primeira vez en décadas os gandeiros dispoñen de varias ofertas sobre a mesa e poden escoller a quen darlle o leite, aínda que con notables diferenzas de prezos nalgúns casos entre as granxas que están a asinar contrato neste momento e as que o fixeron hai meses.
https://www.campogalego.gal/mercadona-sobe-o-prezo-leite-tras-situarse-durante-semanas-por-debaixo-dos-80-centimos/

SAT Seixo de Ledoira, unha granxa de leite que non fai recría e que basea a alimentación no millo

José Manuel López, un dos catro socios da SAT, na nave das vacas en produción. Vai facer case 12 anos que José Manuel, Ángeles, Miguel e Pablo decidiron xuntarse para dar viabilidade e futuro ás súas pequenas ganderías familiares de produción de leite e desde entón non deixaron de medrar e de especializarse niso que mellor saben facer: coidar o seu gando. “Aquí entramos de cero o 28 de outubro de 2010 con 80 vacas en muxidura nada máis, xuntando as que tiñamos os 4 na casa”, explica José Manuel. El é de Frades, ao igual que Ángeles e Miguel, mentres Pablo é do veciño concello do Pino. As novas instalacións creadas froito da súa unión están na parroquia de San Martiño de Ledoira e nunha década transcorrida de traballo en común pasaron desas 80 vacas iniciais a muxir 200 animais a día de hoxe e con perspectivas de seguir medrando.
Nunha década transcorrida desde a súa unión pasaron de muxir 80 vacas a ter hoxe máis de 200 animais en produción, cunha nova ampliación prevista
De feito, están facendo xa outra ampliación con capacidade para 90 vacas máis, entre produción e secas, que esperan ir completando nos vindeiros meses. A súa capacidade de crecemento non depende, coma na maioría das explotacións galegas, do incremento da recría, xa que esta gandería tomou a decisión de non facela e mercar os animais necesarios para a granxa. Entregan a Entrepinares Zona da parideira da granxa, situada a carón da sala de muxido “Preferimos centrarnos en producir leite. As xatas dan traballo e tamén comen e nós queremos seguir aumentando en leite, porque sobrándonos comida e tendo quen cho recolla é unha tontería non aproveitalo”, argumentan.
A vantaxe que temos con Entrepinares é que non anda collendo gandeiros, senón que nos dá a posibilidade de medrar aos que xa lles entregamos
Entregan a Entrepinares, que está a aumentar a recollida de leite en Galicia pola vía de permitir ás súas granxas provedoras incrementar a produción, e en SAT Seixo de Ledoira decidiron sacrificar a recría na propia granxa para centrar as instalacións e as 100 hectáreas de superficie das que dispoñen en alimentar ás vacas de leite.
Nós en cemento gastamos pouco, os cartos preferimos levalos nós para a casa, o cemento non dá cartos e nós luxos aquí non temos
Esta é a primeira gran ampliación da nave de produción desde o ano 2011, despois de ter feito anteriormente unha zona anexa adicada a parideira, onde teñen as vacas próximas até o momento posterior ao parto. “Nós en cemento gastamos pouco, os cartos preferimos levalos nós para a casa, o cemento non dá cartos e nós luxos aquí non temos”, aseguran. Secas en cama fría con saída ao prado Zona de vacas secas, que se atopan en cama de compost e poden saír ao exterior Fan secados longos de entre dous e tres meses, con saída a campo. “As secas están ceibas todo o tempo, só se encerran se hai saneamento pero senón andan por fóra e entran a comer”, explican. Na ampliación para as secas van manter o sistema que xa teñen de cama de compost, pero para as vacas en producción van facer cubículos. “A vaca de leite é totalmente distinta, porque anda moito máis branda á hora de bostear e a cama quente daríanos máis problemas”, razoa José Manuel.
Van cambiar o carbonato con serrín das camas por substrato procedente de casca de piñeiro hixienizada
Nas camas de leite empregaban ata agora carbonato mesturado con serrín, nunha porcentaxe de 80-20%, pero o custo é elevado e a raíz de comezar a usar Calcimag Flow no purín van poder tamén aforrar niso, ao substituír o carbonato con serrín por casca de piñeiro tratada procedente da planta de Dermont en Vimianzo, onde a materia prima procedente da industria forestal é hixienizada a 300 grados de temperatura e molturada para a súa utilización como substrato.
Desde fai 2 anos empregan Calcimag Flow, unha emenda líquida para mellorar o poder fertilizante do purín
“Ademais do aforro económico imos mellorar as descargas, xa que o carbonato con serrín apelmaza máis e ás veces temos problemas”, conta José Manuel. Ao mesmo tempo, coa casca de piñeiro van seguir aportando materia orgánica ao purín, neste caso de orixe forestal. Para o encalado da terra, desde hai dous anos empregan Calcimag Flow, unha emenda caliza líquida para mesturar co purín que incrementa o nitróxeno dispoñible e fai medrar na fosa de xurro microorganismos que contribúen a descompoñer a materia orgánica para enriquecer tamén deste xeito o purín que logo incorporan fundamentalmente ás terras de millo e ao abonado das pradeiras antes do primeiro corte de ensilado.   Excedentarios en comida Silo de herba. Este ano sementaron 20 hectáreas cunha mestura de triticale con wester gold como cultivo de inverno Dispoñen de 100 hectáreas de superficie, nas que priorizan o cultivo de millo, a base da súa ración de alimentación do gando, que inclúe 41 quilos de silo de millo por tan só 7 quilos de silo de herba. “Estanos sobrando moita comida. Estivemos consumindo o silo de millo de hai dous anos, o do ano pasado aínda se abriu hai pouco”, explica José Manuel. Sementan entre 90 e 95 hectáreas a millo con ciclos longos para obter a maior produción forraxeira posible. Iso fai que sexa difícil compatibilizar cun cultivo de inverno, polo que tan só fan rotación nunhas 20 hectáreas para obter a cantidade mínima necesaria de silo de herba para equilibrar a ración.
Sementan ciclos longos para obter a maior produción posible de millo, sacrificando a rotación de cultivos
“Metemos ciclos longos, ciclos 600. Comezamos a sementar a finais de abril ou comezos de maio, dependendo de como veña o tempo, e vimos acabando a principios de xuño, porque facemos nós todo o traballo, andamos dúas persoas dedicadas a iso durante o tempo que dura a campaña”, conta José Manuel, que di que non o poderían facer se tiveran que atender á recría.
Nas campañas dúas persoas adicámonos a muxir e outras dúas ao traballo agrario
“Pagamos unicamente a picadora e os remolques para carrexar para o silo, o resto facémolo todo nós, tanto a preparación do terreo como a sementeira e a aplicación dos produtos fitosanitarios”, explican. Ensilan a principios de outubro e sacan “entre 45.000 e 48.000 quilos por hectárea de media nas 100 hectáreas que labramos”, detalla José Manuel. Coa colleita do ano pasado encheron un silo de 45 metros de longo, 4 de fondo e 22 de ancho.      Incremento de custos das materias primas A ración é elaborada a base de silo de millo e con fariña de millo e soia como materias primas do concentrado Contan co asesoramento de Coluga a nivel tanto de cultivos como de adquisición de insumos e debido aos altos prezos nos que se están a mover as materias primas neste momento nos mercados, están valorando facer grao húmido na propia explotación.
Estamos valorando facer grao húmido, pero non queremos ter que sacrificar silo para facelo
José Manuel é reticente por unha única razón: “O que non quero é ter que reducir o ensilado para facelo. Para iso necesitariamos botar outras 20 hectáreas de millo a maiores, porque o que non sería intelixente é sacrificar o silo para facer o grao húmido”, di.
Temos a soia pechada para todo o ano a 370€, esa foi a mellor decisión que tomamos, a máis rendible para a granxa
Para facer a ración empregan materias primas básicas (fariña de millo e soia) que mercan directamente en porto e mesturan na propia granxa grazas a un carro propio. “Desde que comezamos a facer iso notouse en todo, notámolo nas vacas e tamén no aforro no peto. Temos a soia pechada para todo este ano a 370€. Esa foi a mellor decisión que tomamos, a máis rendible para a granxa”, indica José Manuel. Dous lotes, de alta e baixa produción Unha das xovencas traídas de Francia, coas que cubren a taxa de reemprazo da granxa Fan dúas racións diferentes para as vacas en lactación, que teñen separadas en dous lotes en función da súa produción.  Nos dous casos levan 41 quilos de silo de millo, 7 quilos de silo de herba, máis os correctores e medio quilo de palla picada, e só se diferencian na cantidade de concentrado: 8,5 kg no lote de baixa produción e 10 kg no de alta produción. Como consecuencia da folga de transporte vivida hai uns meses durante un par de semanas quedaron sen subministro de palla e víronse obrigados a cambiar a ración. “Ese medio quilo de palla faille moi ben, porque lle saca humidade e fai que non compacte e os animais estaban mellor”, din.
Agora entraron moitas xovencas recén paridas e iso tirounos as calidades para baixo pero hai medio ano estabamos en 4,50% de graxa e 3,70% de proteína
Ao entregar a Entrepinares buscan sobre todo producir sólidos, aínda vendo reducidos os litros de leite. A media de produción da granxa nestes momentos é de 28 litros, pero cun 4,30% de graxa e un 3,56% de proteína. “Non estamos no noso mellor momento de produción, porque entrou moita xovenca ao establo ultimamente e iso estanos a penalizar tanto en litros de leite como en calidades. A mediados do ano pasado estabamos en 4,50% de graxa e 3,70% de proteína”, explica José Manuel.

"O que nos deixan os becerros azul belga sumado á venda das vacas de desvelle chéganos para comprar as xovencas"

A totalidade das vacas insemínanas con cruces cárnicos para rendibilizar a venda de becerros SAT Seixo de Ledoira comezou mandando as becerras ao Rancho Las Nieves de Zaragoza ao non dispoñer de instalacións para facer a recría. Pero o custo que tiña este servizo e as necesidades de persoal e alimentación que requerían unha vez voltaban preñadas para a explotación até o momento de pariren fíxolles cambiar de estratexia. “Agora non facemos recría. Poñemos a todas as vacas cruce cárnico e mercamos as xovencas para a reposición. Aforramos moito traballo e comida para poder seguir aumentando ás vacas de produción e economicamente sáenos mellor, porque co que nos deixan as vacas de desvelle e os becerros azul belga pagamos as vacas que traemos de Francia”, afirma José Manuel.
Inseminan a totalidade das súas vacas con azul belga e venden as crías, sexan machos ou femias, cun mes de vida
“Nós aquí inseminamos todo con azul belga e estamos usando doses triplas, nas que vén seme de tres touros distintos de raza azul belga na mesma pajuela. Estanos funcionando ben, ten máis fertilidade que as doses normais de azul belga”, asegura. Venden os becerros cun mes de vida Venden os becerros que nacen na explotación, tanto os machos como as femias de raza azul belga, con un mes de vida e déixanlles entre 290 e 350 euros. Teñen un acordo cun tratante, que lles cobra unha comisión de 15€ por animal e é a propia explotación a que realiza a venda e ingresa os cartos. O mesmo fan coas vacas de desvelle. "As vacas a nós dúrannos bastante, temos animais aquí dando leite de 8 partos. Pero estamos mercando porque queremos aumentar. No que levamos de ano entraron 6 e en todo 2021 e parte de 2020 entraron 100 cabezas", conta José Manuel. 
Nesta zona xa hai varias explotacións que utilizan este sistema e penso que agora, cos prezos que teñen os cereais, aínda se vai facer máis porque as xatas comen e o custo da recría é alto neste momento
"Se podemos mercámolas recén paridas. Traémolas todas de Francia ou de Holanda, pero en Holanda agora non chas venden recén paridas e en Francia tés o problema da lingua azul outra vez. Tes ese risco pero penso que compensa. Por aquí nesta zona xa hai varias explotacións que utilizan este sistema e penso que agora, cos prezos que teñen os cereais, aínda se vai facer máis porque as xatas comen e o custo da recría é alto neste momento", explica. "A nós unha vaca posta aquí producindo sáenos en 1.900€, cando antes custábanos a xovenca en Zaragoza 1.750€ e despois botabamos aquí tres meses con ela", argumenta. Xenética máis enfocada á produción de sólidos Unha das características que José Manuel destaca dos animais que traen de Francia é o seu nivel de produción de graxa e proteína. "Aquí agora empézase a mellorar no tema dos sólidos, pero estas vacas que veñen de fóra seguen traendo mellores calidades de graxa e proteína, que é algo que a nós, ao entregar a Entrepinares, nos interesa moito", asegura.
O que nos deixan os becerros azul belga sumado á venda das vacas de desvelle chéganos para comprar as vacas de reposición sen ter que tocar o que ingresamos pola venda do leite
Mercan frisonas puras, pero tamén cruces con parda alpina ou montbeliard. “Ao ir a producir calidades interésanos ese tipo de gando”, di José Manuel. Esta primavera a empresa que lles recolle o leite para facer queixos para Mercadona na súa planta de Vilalba subiulles 5 euros en tonelada á graxa e a proteína. "Agora en Entrepinares o prezo non é 90-10, é todo o leite ao mesmo prezo e xa rompemos o primeiro contrato que fixeramos este ano para asinar outro, este xa é o definitivo. Agora temos todo en primas, para non ter que seguir cambiando o contrato", valora José Manuel. 
  • Reportaxe elaborada en colaboración co Grupo Soaga

Queserías Entrepinares xa recolle o 6% do leite de Galicia

O Grupo Entrepinares segue incrementando a súa recollida de leite en Galicia para a elaboración de queixos e doutros derivados lácteos na súa planta de Vilalba. En concreto, o pasado ano recolleu 184 millóns de litros de leite a ganderías de Galicia, o que supón un 42% máis ca en 2018. Este leite é procesado na súa planta vilalbesa, da que saíron en 2021 un total de 81 millóns de quilos de queixo e e 10 millóns de quilos de derivados lácteos. O grupo castelán-leonés -proveedor de Mercadona- xa dá emprego en Galicia a 250 persoas e representa o 6% do leite recollido na comunidade. Estes datos foron presentados durante a visita esta mañá do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, á planta de Queserías Entrepinares en Vilalba, unha das empresas que veñen recibindo axudas nos últimos anos da Consellería do Medio Rural para apoiar a transformación e comercialización de produtos agrarios. Neste sentido, o mandatario galego avanzou que esta liña de axudas contará para este ano cun orzamento de 30 millóns de euros, un 15% máis que na última convocatoria. Feijóo recordou que para que o sector lácteo avance e se sitúe á vangarda é preciso a cooperación de todos os axentes da cadea de valor do leite –desde os gandeiros ata os consumidores, pasando pola industria e a distribución-. Ao respecto, pediu novamente á distribución que non utilice o leite como produto reclamo das grandes superficies. Ademais de apostar por aumentar a industrialización do leite. “E cara aí vai a estratexia de dinamización do sector lácteo galego, cuxo obxectivo principal é lograr transformar na Comunidade tres de cada catro litros que se recollen, é dicir, o 75% do leite producido”, precisou. Para acadar este fin, o presidente do Executivo galego avogou por aumentar o peso das denominacións de orixe de queixo galegas na transformación industrial láctea; por seguir impulsando a I+D+i e a profesionalización da industria; e pola captación de investimento industrial na Comunidade. Feijóo concluíu destacando o compromiso da Queixería Entrepinares con Galicia, unha fábrica que recolle máis do 6% do leite galego e que tan só en Vilalba dá emprego a 250 persoas.

Proxecto piloto no sur de Lugo para impulsar a creación de granxas de leite e de carne de ovino e caprino

Acto de presentación do proxecto piloto para o peche de ciclos produtivos en ovino e caprino impulsado por FAGA O Parador de Monforte de Lemos acolleu a presentación dun proxecto piloto para acadar o peche de ciclos produtivos en Galicia a través do aproveitamento de produtos cárnicos e lácteos de ovino e caprino, denominado Proxecto Rumiantes ou PRALEITE. O proxecto foi presentado no foro Nacer e Medrar, organizado pola Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA) co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración de Santander Agro para promover o networking e o intercambio de iniciativas emprendedoras entre empresarios e outros axentes do sector agroalimentario. Jaime López, como secretario da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e de FAGA, e José Tomé, como presidente da Deputación de Lugo, foron os encargados de presentar o Foro. Ambos coincidiron na necesidade de pechar ciclos produtivos no sector agroalimentario galego e no impacto que esto pode ter na loita contra a despoboación. En palabras de Jaime López, “non nos queda máis remedio ca mirar cara o rural”, e de José Tomé, “producimos pero non transformamos, e eso é unha pena; temos unas materias primas e uns produtos boísimos, pero temos que traballar para que o valor engadido se quede en Galicia”.
Estúdase a ubicación da primeira granxa deste tipo na zona sur de Lugo de cara a comprobar os resultados do estudo previo realizado antes de tratar de expandir o modelo por toda Galicia
Os veterinarios e diplomados europeos en pequenos rumiantes, hoxe exercendo na Universidade de Zaragoza, José María González Sainz e Teresa Navarro Rodríguez, foron os encargados de realizar o estudo de campo en Galicia e de desenvolver o proxecto Rumiantes ou PRALEITE (Proxecto piloto para a implantación de granxas de pequenos rumiantes de aptitude leiteira en zonas rurais do sur da provincia de Lugo). Interese da industria González Sainz presentou o proxecto a veterinarios, produtores integrados en OVICA e empresas transformadoras con interese na producción da tipoloxía de explotacións prevista no proxecto. Entroutros, estiveron presentes representantes de Naturleite, Suministros Megaro Foods, Entrepinares ou Galacteum. O proxecto xorde precisamente “por iniciativa da propia industria”, segundo destacou o presidente de FAGA e CEO de Megaro Foods, Carlos Cebrián. “Non nace coma un proxecto subvencionado, senón que somos as propias industrias as que temos interese na producción cárnica e láctea de explotacións de ovino e caprino, e eso garante a súa viabilidade”. “Este interese é o que nos leva a buscar ferramentas como a constitución dunha Fundación e o estudo especializado dun modelo de explotación que sexa viable e sostible en Galicia”, subraiou.
Somos as propias industrias as que temos interese na producción cárnica e láctea de explotacións de ovino e caprino, e eso garante a súa viabilidade
A realización do estudo técnico supuxo a visita a explotacións gandeiras por toda Galicia, e especialmente no sur de Lugo pola dispoñibilidade de hectáreas desaproveitadas, e a posterior definición dun modelo de explotación de ovino e caprino, alternativa ás de gando vacuno, enfocadas especialmente para producción de leite, aínda que se aproveitaría tamén a carne, un tipo de explotación que nestes momentos practicamente non existe en Galicia. A fin de garantir a súa implantación a futuro, con viabilidade e a longo prazo, para o modelo de explotación definido no proxecto PRALEITE estudáronse a fondo distintas vertentes: as necesidades de inversión e financiamento, número máximo de animais que se poidan atender para garantir a conciliación laboral e familiar e evitar o abandono das novas xeracións destas explotacións, así como investigación e innovación, ratios de rendabilidade e xeración de emprego, entre outros aspectos. Estúdase agora a ubicación da primeira granxa deste tipo de cara a comprobar os resultados do estudo e expandir o modelo por toda Galicia. Importación de leite de Castela e animais de desvelle de Extremadura No Foro tamén interviron, tras a presentación do proxecto, Luis Rivera e Miguel Viña, presidente e veterinario da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA) respectivamente, e representantes de Naturleite, Entrepinares, Suministros Megaro Foods S.L., Santander Agro e a consultora de innovación Medrar. Dende OVICA resaltaron que PRALEITE é un “proxecto ilusionante” porque “nace cunha base inicial moi forte, tanto polas posibilidades de financiamento e o interese da industria como por ter perfectamente estudiadas cuestións relacionadas coa sanidade, a alimentación dos animais ou a propia conciliación dos gandeiros”.
Na actualidade en Galicia hai moi poucas ganderías adicadas á produción de leite de cabra e ovella
Por parte das empresas destacouse, en todos os casos, o gran interese que existe na producción deste tipo de explotacións de poñérense en marcha, pois compañías como Entrepinares, Queserías Sarrianas ou Megaro Foods están traendo para transformar leite e carne de ovino de fóra de Galicia, tanto para a fabricación de queixo como para a exportación de carne de cordeiro. Pola súa banda, Naturleite, pertencente á cooperativa Covap e con planta en Meira, envasa leite de cabra e no polígono industrial de Reboredo, en Monforte, ubícase tamén Oviganic Ibérica, propiedade da compañía chinesa Yeeper Dairy, que procesa leite de cabra procedente de explotacións de Castela para fabricar produtos derivados destinados a alimentación infantil. Precisamente este interese da industria, que garantizaría a compra de toda a producción deste tipo de explotacións que se ubicasen en Galicia, “é unha garantía de éxito para o proxecto”, destacan dende FAGA.

Obxectivo: poñer a producir terreos en abandono e obter materia prima para a industria

Detras deste proxecto piloto para o desenvolvemento do sector ovino e caprino galego está a Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA), constituida en xaneiro desde ano co impulso da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), a Escola Galega de Carniceiros, Suministros Megaro Foods e Embutidos Montepicato.  Entre os seus obxectivos fundacionais atópase o fomento da cooperación entre os distintos estamentos da sociedade co fin de reactivar e relanzar o sector agroalimentario galego ou a promoción da innovación e a tecnoloxía para a consolidación do sector agroalimentario da comunidade e o impulso de novos produtos, canles de distribución, procesos e comercialización dos produtos agroalimentarios galegos.
A Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA) está impulsada pola Confederación de Empresarios de Lugo
Asemade, FAGA busca aglutinar e apoiar accións para facer fronte aos retos da industria agroalimentaria galega, promover iniciativas empresariais e transformadoras que redunden na promoción, a transformación, a modernización e a recuperación do sector agroalimentario da comunidade e a mellora do rendemento das explotacións e potenciar ou colaborar con estratexias que redunden en beneficio do sector agroalimentario galego. Do mesmo xeito, a Fundación Agroalimentaria Galega persegue captar e atraer investimentos nacionais ou internacionais e potenciar a peme agroalimentaria galega e o desenvolvemento do emprendimiento nas zonas rurais de Galicia. Tamén colaborar coas Administracións públicas e empresas agroalimentarias co fin de conseguir selos e denominacións de calidade diferenciada nas producións agroalimentarias galegas, así como para recuperar e pór a producir terreos en estado de abandono en Galicia, entre outros obxectivos. Tendo en conta estes obxectivos, a propia Xunta, a través da Consellería de Medio Rural, declarou a FAGA Fundación de interese galego e de interese para o desenvolvemento do rural de Galicia.

“Demos un paso adiante e ogallá todo o mundo o siga. O prezo que percibe o gandeiro non é viable”

Antonio Larrea, director de Naturleite, no seu despacho en Meira As 120 ganderías galegas que lle entregan a súa produción a Naturleite verán incrementado a partir do próximo 1 de agosto en dous céntimos o prezo que perciben polo litro de leite, un xesto unilateral da empresa, que busca un efecto contaxio no resto de industrias que faga que os produtores vexan compensado o actual incremento de custos de produción. As explotacións atópanse nunha situación "insostible", en palabras de Antonio Larrea, director de Naturleite, que envasa na súa planta de Meira 125 millóns de litros de leite de marca Hacendado para a cadea Mercadona. "Tal como está o prezo que percibe o gandeiro isto non é viable. Non só foi o custo de materias primas, que hoxe están moi altas e mañá poden baixar, pero subiu todo, a electricidade, gasóleo, abonos, plásticos", recoñece.
A suba de 2 céntimos aplicarase ao prezo base a partir do próximo 1 de agosto
Ante esta situación, di, "decidimos dar un paso adiante porque entendemos cal é a realidade que hai a día de hoxe, vémolo con moita claridade e rotundidade". "O noso ADN é gandeiro e sabemos que con 33 céntimos algunhas granxas poden cadrar os números, pero a maioría xa non", admite. Por iso, a empresa, pertencente á cooperativa andaluza Covap, aplicará unha suba lineal de dous céntimos no prezo base de todas as súas ganderías, que pasará de 30 a 32 céntimos, incrementando desta forma o prezo final desde os 33 aos 35 céntimos.
O Real Decreto 5/2020 obriga a asinar un novo contrato cando se produce unha modificación no prezo
A medida, que lle está a ser comunicada aos gandeiros, obrigará a asinar un contrato novo, rescindindo o anterior, que fora asinado fai só tres meses e que se mantén integramente salvo no relativo ao prezo de compra. Efecto contaxio Coa súa decisión, Naturleite busca o efecto contaxio no sector, aínda que Antonio Larrea prefire cinguirse unicamente ao seu movemento. "Non queremos sacar peito con isto, nin facer publicidade, nin ser exemplo de nada, só queremos que os nosos gandeiros cobren un prezo viable. Non queremos dicirlle aos demais o que teñen que facer, nós damos un paso e ogallá os demais o dean tamén, pero cada un na súa casa sabe o que debe ou pode facer, nós entendemos que era o que tiñamos que facer", asegura.
Nós damos un paso e ogallá os demais o dean tamén, pero non queremos ser exemplo de nada nin dicirlle a ninguén o que ten que facer
"Decidimos dar un paso porque senón isto non se move e ogallá todo o mundo o siga porque senón o sector non terá arranxo e irá de mal a peor", prognostica. "É un paso de xigante, que nos supón moitísimo diñeiro, entre 2,5 e 3 millóns de euros, pero con el tentamos dinamizar o sector", explica o director de Naturleite. "Mercadona veo con bos ollos" A planta de Meira envasa en exclusiva para a cadea de supermercados Mercadona, que apoia o movemento. "O noso cliente é consciente da realidade do sector e veo con bos ollos, está proactivo, pero a suba estamos a facela nós para que isto arrinque", aclara Antonio Larrea. "Estamos a correr moito risco dando este paso porque se non nos secundan quedamos no medio da nada. Nós estamos no medio entre o produtor e a distribución e o prezo vén cara abaixo, desde a distribución cara ao gandeiro. Nós ao facer isto trasladamos a presión cara arriba", indica.
A suba de 2 céntimos en litro ao gandeiro supón un custo engadido a Naturleite de 2,5 millóns de euros
Sobre se o xesto de Naturleite cos produtores verase apoiado cun incremento similar do prezo do litro de leite no lineal do supermercado, Larrea apela a un movemento compasado en toda a industria que faga moverse tamén ás grandes cadeas de distribución como Mercadona. "Non me pertence a min falar sobre iso, terán que ver eles, Mercadona, cal é o seu movemento a medio prazo, pero para iso temos que empurrar todos", insiste. Para dar ese empurrón, tanto a matriz Covap como Lactiber e Làctia, equivalentes a Naturleite en Castela e León e Cataluña, tamén aplicarán a partir do 1 de agosto unha suba equivalente de 2 céntimos. "Decidimos dar un paso uniforme en todas as nosas fábricas para ver se serve para dar o pistoletazo de saída", explica.
Covap, Lactiber e Làctia aplicarán unha suba equivalente en Andalucía, Castela e León e Cataluña
"Se te paras a analizar o que ocorreu nos últimos meses, nos que todas as partes (gandeiros, industrias e distribución) estivemos falando e participando no estudo do Ministerio sobre os custos do sector, o 80% estamos de acordo en que isto así non pode seguir porque non é sostible. Todos falamos moito pero ninguén dá o paso. A ver se isto serve de acicate para encarrilar as cousas, a ver se á parte de tomar conciencia, se producen feitos concretos", argumenta Larrea.
CALIDAD PASCUAL

“Construímos unha relación a longo prazo cos gandeiros, o 80% colabora con nós desde hai máis de 15 anos”

Calidad Pascual é a outra industria láctea que anunciou unha suba do prezo do leite ( 1 céntimo / litro), neste caso para o último cuatrimestre do ano. A empresa destaca que a decisión “é unha mostra máis do noso compromiso co campo e coas granxas, que son unha parte clave da nosa cadea de valor”, subliñan. A compañía incide en que sempre buscou construír cos gandeiros “unha relación a longo prazo, de tal xeito que o 80% das nosas granxas proveedoras colabora con nós desde hai polo menos 15 anos”. Pascual, que merca todo o seu leite en granxas de Galicia e do resto do Estado, xa se distinguía por ser unha das empresas que máis pagaba o leite no campo, no entorno dos 34 – 35 céntimos de prezo final, polo que coa suba reforza este liderazgo singular. A firma explica tamén que traballa continuamente coas granxas para mellorar a súa eficiencia, “a través de distintos programas e axudas, a fin de que os nosos gandeiros rentabilicen ó máximo todos os seus procesos produtivos, asegurando un produto da máis alta calidade”. Sobre a posibilidade de que a suba de prezos que van aplicar no campo repercuta no prezo do produto final no supermercado, Pascual sinala que periodicamente revisa o prezo de venda ó público de tódolos seus produtos, tendo en conta distintos parámetros e, “sobre todo, o poder manter un equilibrio xusto en toda a nosa cadea de valor, comezando polo gandeiro, que é o noso principal colaborador”. “O leite -conclúe Calidad Pascual- é un produto de primeira necesidade e sempre velamos por ofrecer un leite da máis alta calidade a un prezo que non banalice o produto, o que repercutiría negativamente no traballo e esforzo dos nosos gandeiros”.
https://www.campogalego.gal/suba-prezo-leite-bloqueana-os-supermercados/ https://www.campogalego.gal/duas-industrias-lacteas-anuncian-subas-nos-prezos-leite-para-compensar-o-aumento-dos-custos-de-producion/

Entrepinares prevé duplicar a súa produción de queixo na planta de Vilalba

O conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia, José González Vázquez, visitou hoxe as novas instalacións de Queserías Entrepinares en Vilalba, que supuxeron un investimento duns 10 millóns de euros, contando cunha axuda da Xunta de 3,6 millóns. O conselleiro puido coñecer de primeira man a nova factoría, de 20.000 m2, que permitirá duplicar o potencial de produción da compañía, a primeira de España en elaboración de queixos, uns 69 millóns de quilos, destinados na súa gran maioría a supermercados Mercadona, do que é interproveedor. A planta de Vilalba xerou ao peche de 2019 preto do 37% da produción total da compañía e con este plan de expansión chegará nos próximos anos ao 50% do volume do grupo. Entrepinares é unha das industrias que máis está a aumentar a súa recollida de leite en Galicia. Así o pasado ano recolleu 159 millóns de litros -por encima dos 150 que se marcou a compañía- , un 23% máis que en 2018, e que xa representa case o 6% da produción total galega. Actualmente 150 gandarías galegas venden o leite a Entrepinares.

A planta está equipada cunha tecnoloxía pioneira en España

Desde Entrepinares destacan que o seu quesería de Vilalba “supón un salto cualitativo do sector quesero en España e sitúa á factoría vilalbesa de Entrepinares ao mesmo nivel tecnolóxico que as empresas europeas líderes no sector”. Así, dentro da nova instalación introdúcense tecnoloxías que só están presentes nas fábricas máis vangardistas no sector quesero. Inclúense tecnoloxías que reducen o consumo de auga na elaboración do queixo. Desde o punto de vista da prevención de riscos, esta instalación é moito máis segura para os traballadores xa que a inspección visual é óptima e ten moi boa accesibilidade para tarefas de mantemento. A nova factoría, é modular e ten unha capacidade inicial de produción de 15.000 toneladas/ano e centrarase na elaboración de queixo de pasta prensada en barras e bloques. Adicionalmente o produto lonchearase e envasarase na mesma instalación. Por outra banda, o soro que se recolle é de alta calidade. A súa proximidade coa torre de soro, posta en marcha polo grupo Entrepinares en 2018, permite procesalo canto antes mantendo intactas todas as súas propiedades e ofrecendo un produto de gran valor engadido. Esta nova torre de soro destaca pola súa tecnoloxía punteira, a súa capacidade de produción e a súa versatilidade No último ano Entrepinares incorporou a 46 traballadores ao seu persoal de Vilalba para a definición, organización e posta en marcha da nova factoría e para o reforzo da torre de soro. Segundo José Manuel García Bejines, Director Xeral da compañía, “o bo facer do equipo de profesionais que dispomos en Vilalba está a axudarnos a cumprir prazos e a controlar unha instalación que, probablemente, sexa das máis avanzadas de Europa”. Entrepinares ten previsto contar con máis de 220 persoas traballando na factoría vilalbesa á finalización do proxecto.

Sobre Entrepinares

Entrepinares, empresa familiar valisoletana do sector agroalimentario, é o primeiro produtor nacional de queixos cun volume anual superior aos 69 millóns de kg. O grupo lácteo foi fundado no ano 1984 por Antonio Martín Castro, vinculado ao sector quesero por tradición familiar, e conta con catro centros de produción en Vilalba, Valladolid, Fuenlabrada e Toledo; un centro de envasado e loxística situado na capital valisoletana; e dúas plantas de transformación de soro situadas en Vilalba e Castrogonzalo (Zamora).

“O leite galego ten máis sólidos e por iso Entrepinares se asentou aquí e vai aumentar a recollida un 30%”

O grupo Queserías Entrepinares é un dos que máis forte está a apostar polo sector lácteo galego, cun investimento de 50 millóns na súa planta de Vilalba (Lugo), da que este ano sairán uns 17 millóns de quilos de queixo. As obras de ampliación, que lle permitirán duplicar a súa capacidade de produción, está previsto que finalicen en abril de 2020, e a torre de secado xa está a funcionar en probas. Grazas ás boas perspectivas de mercado, Queserías Entrepinares prevé aumentar nun 30% a recollida de leite en Galicia entre este ano e o próximo. Un aumento de recollida que se fará tanto cos 150 gandeiros de vacún de leite cos que traballan actualmente en Galicia como con novas gandarías coa que prevén asinar contratos. Así o avanza nesta entrevista José Manuel García Bejines, director xeral de Queserías Entrepinares. Que é o grupo Entrepinares e que produtos lácteos elabora? O Grupo Entrepinares está formado por 5 centros produtivos, con 3 fábricas de queixos en Vilalba (Lugo), en Valladolidad e en Fuenlabrada (Madrid). Temos tamén un centro loxístico en Valladolid onde acopiamos e cortamos a maioría dos nosos produtos, e tamén contamos con torre de soro en Benavente (Zamora). Fabricamos fundamentalmente queixos, sobre todo de tipo Manchego, tanto de ovella, cabra como de mestura. En Galicia fabricamos queixo untable e determinados queixos europeos, como o Havarti. Ademais, tamén traballamos os derivados lácteos, sobre todo soros e leite en po. Producimos uns 60 millóns de quilos ao ano e contamos cun cadro de persoal dunhas 850 persoas. En total, este ano prevemos facturar uns 290 millóns de euros. Recollemos leite a uns 1000 gandeiros, dos que 150 son gandeiros de vacún de leite de Galicia. Nesta comunidade prevemos recoller este ano uns 130 millóns de litros de leite, e en toda España uns 350 millóns de litros. Sodes provedores únicos de Mercadona ou tamén traballades con outros clientes? A nivel nacional traballamos só con Mercadona, pero tamén temos clientes de fóra de España, tanto de Europa, Estados Unidos, como en Latinoamérica e empezamos tamén a vender algo en Asia. De todos os xeitos, a exportación supón neste momento ao redor dun 3,5% das nosas vendas. Somos interproveedores de Mercadona desde o ano 2000 e imos cumprir agora 18 anos de vinculación. A relación é moi boa, pois trátase dunha alianza estratéxica sólida que nos permite medrar de forma sustentable e ofrecer cada vez mellores produtos. Apostamos por este acordo e espero que nos próximos anos sigamos no mesmo camiño. Como valorades a evolución da vosa planta de Vilalba? Empezamos a construíla no ano 2009 e comezamos a producir nela a comezos de 2010. O percorrido é moi bo e neste momento xa fabricamos nela uns 17 millóns de quilos. É unha planta que está orientada fundamentalmente á fabricación de queixos de leite de vacún. O proxecto de Queserías Entrepinares para Galicia é sólido e con previsións de seguir crecendo. Así, o ano pasado construímos unha torre de soro e para abril de 2020 queremos ter terminada unha ampliación da fábrica de queixos. A construción da torre de soro vainos permitir traballar todo o soro producido na fábrica de Vilaba e fabricar tamén leite en po. E unha vez finalizadas as obras de ampliación da planta poderemos practicamente duplicar a nosa capacidade produtiva actual.
 “A torre de secado da planta de Vilalba xa está a funcionar en probas”
Cando empezará a funcionar a torre de secado? A torre de soro xa está a funcionar, agora mesmo estamos na fase de arranque. O destino da torre é aproveitar o soro producido na queixería pero tamén está preparada para elaborar leite en po, tanto desnatado como enteiro. Ademais, temos un centro de mesturado dentro da planta que nos permitirá fabricar produtos específicos para determinados clientes. Como vai aumentar a recollida aos gandeiros en Galicia? Vai ser un aumento paulatino, de forma que se en 2017 recollemos uns 113 millóns de litros, este ano prevemos recoller 130 millóns de litros e para 2019 a previsión é chegar a 150 millóns de litros. E en función da evolución do mercado seguiremos incrementándoa, pero en principio todo parece indicar que o crecemento nos próximos anos vai ser importante.
“A ampliación da queixería de Vilalba vainos permitir duplicar a súa capacidade”
En 2017 estivemos a traballar cos nosos gandeiros para aumentar produción para que cada un se situase onde se atopase cómodo, e este ano si que estamos a incrementar o número de gandeiros. Por tanto, parte do crecemento virá por parte dalgúns dos nosos provedores actuais que precisan certo crecemento, e outra parte de novas ganderías. Como é o sistema de pago aos gandeiros? O noso criterio de prezo está baseado nos sólidos, co cal pagamos graxa e sobre todo proteína. E iso posibilita que os nosos gandeiros perciban uns prezos por riba da media. Tamén é certo que a calidade do leite que recibimos, tanto en extracto seco como en materia queixeira, é bastante superior á media. Que tipo de leite demanda Queserías Entrepinares? A media das gandarías que participan o proxecto CILAE (Entrepinares polo Ciclo Lácteo Eficiente) producen un leite cun 4% de graxa e ao redor de 3,45% de proteína. Trátase dunhas calidades que non se atopan facilmente noutras rexións de España. O gandeiro cobra un prezo por encima da media do sector e como industria permítenos ter un maior rendemento na produción de queixo. A tendencia é a pagar o leite máis por graxa e proteína e menos por litros. Ata agora a industria láctea en España estivo moi centrada no envaso de leite líquido, un produto de escaso valor engadido e cuxo consumo está a descender. Entrepinares é un exemplo de cambios na industria láctea española? Hai que primar aos gandeiros na produción de leite con máis sólidos, porque iso nos permitirá ás queixerías elaborar queixo con menos litros de leite e ser máis eficientes. Estades a traballar cos gandeiros coa mellora xenética? Estamos agora mesmo cos nosos gandeiros nun proxecto para mellorar o rendemento do leite en proteína, e en 2019 esperamos empezar unha nova fase para profundar en que tipo de proteínas interésanos para segundo que tipo de queixos. En canto ás razas, temos moitos gandeiros que traballan só con Frisoa e están a lograr uns niveis de sólidos moi importantes. Pero si é certo que hai outro tipo de razas que producen un leite máis orientado ao sector queixeiro. De feito, en Entrepinares xa empezamos a ter gandeiros en Galicia que están a apostar por razas para produción queixeira, como Jersey ou Montbeliard. Cada vez máis son os gandeiros que apostan por estas razas para producir leite con máis sólidos e que traballan de forma sincronizada co que demanda a industria. Creo que se chegará a un punto no que se elixirá a raza de vaca para producir leite destinado a elaborar determinados queixos.

“Entre este ano e o que vén imos aumentar un 30% a recollida e comprar leite a máis gandeiros” 

Xornada de Queserías Entrepinares en Vilalba cos seus gandeiros proveedores Que tipos de produtos lácteos están a ter máis demanda no mercado? De momento non traballamos con elaboración de manteiga, senón que vendemos a nata sobre todo a granel. A suba do prezo da graxa está a permitir unha evolución á alza do prezo do leite. Estamos a incrementar a recollida de leite grazas a que está a aumentar o consumo de queixos, e que compensa a caída do consumo de leite líquido. En queixos detectamos un certo repunte no consumo de queixos tenros, quizais motivado en certa media porque son produtos de prezos máis baixos. En parte son queixos de importación doutros países de Europa. Pero o crecemento de consumo prodúcese de forma sostida, aínda que non moi grande, en todas as categorías: tenros, semi, curados e untables. De cara aos próximos anos, ¿Que proxectos tedes previstos? De momento imos seguir centrados na produción en España. Os nosos principais proxectos son a construción da torre de soro e a ampliación da fábrica de queixos de Vilalba. En total, estamos a investir en Galicia uns 50 millóns de euros: 20 na torre de secado e 30 na ampliación. Por outra banda, estamos a investir uns 27 millóns de euros na ampliación do centro loxístico de Valladolid. Cando se suprimiron as cotas lácteas houbo certo temor a que a produción láctea en España se deslocalizara cara á contorna dos principais centros de consumo, e que rexións como Galicia, co 40% da produción española, visen reducido o seu peso. Compartes esa reflexión? Creo que se está producindo xusto o contrario. A tendencia é a fabricar produtos con máis valor engadido, normalmente máis fáciles de transportar que o leite, e iso fai que as industrias se asenten en Galicia. Hai determinados movementos no sector que evidencian que a produción se vai quedar en Galicia.
 “A calidade de sólidos do leite está en Galicia e por iso asentámonos aquí”
Creo que a produción láctea en Galicia ten percorrido. Ademais, a calidade da materia prima galega e da profesionalidade dos seus gandeiros fai que teñan un plus respecto doutras rexións. Hai pouco publicabamos un estudo que concluía que España é o estado da Unión Europea no que o leite ten menos proporción de sólidos. Queda moito camiño por percorrer na mellora do extracto seco do leite español de vaca? Si, pero iso non pasa en Galicia. Cando se miran os datos por países é certo, pero a situación concreta de Galicia é dunhas calidades moi boas do leite e é unha rexión capaz de competir en calidade do leite cos países de primeiro nivel. Influíu isto en Entrepinares á hora de elixir Vilalba para a vosa fábrica? Por suposto. A tendencia do consumo está moi orientada cara a queixos tenros, que son moi intensivos en uso de leite de vaca. E a calidade e a produtividade do leite de vaca está en Galicia. Creo que ao final iso vai favorecer ao sector lácteo galego. É recorrente a crítica de que os principais produtores europeos venden en España queixos a baixo prezo, e utilizan o mercado español como un sumidoiro. Tamén o detectades? En certa medida España é o sumidoiro de queixo barato. Basta con acudir aos lineais dos supermercados e ver como os prezos máis baratos son de queixos procedentes de Holanda, Francia, Dinamarca, Alemaña...etc. Non se interpretar se está subvencionado ou non, pero si que son queixerías moi grandes, moi eficientes, cuns volumes de produción moi grande e cunha recollida próxima ás queixerías. Isto permítelles ser moi competitivos no mercado. Pero creo que eses baixos prezos téñenos en España e tamén no resto de países nos que venden.
 “Xa temos gandeiros en Galicia con rabaños só de Jersey ou de Montbeliard”
Entra nos vosos plans elaborar queixos con Denominación de Orixe ou ecolóxicos? Non, a nosa vocación é elaborar queixos de consumo máis masivo. Tampouco temos previsto entrar por agora no mercado de produtos ecolóxicos. Si que estamos a traballar en novos produtos máis orientados á mellora nutritiva, con máis proteína e menos graxa. Queserías Entrepinares é neste momento a queixería máis grande de Galicia. Cales son os factores que máis inflúen na competitividade dunha industria queixeira? O principal é a eficiencia produtiva e tamén a innovación, de forma que se logre elaborar produtos distintos que enganchen ao consumidor. E por suposto unha calidade e seguridade alimentaria que se dá por feito e que debe ser a base. Produtividade, innovación e seguridade alimentaria son as claves. Por último, ¿Que cambios ves que se aveciñan no sector produtor nos próximos anos? Creo que indubidablemente vai haber unha concentración do sector produtor, con gandeiros que van converterse en practicamente industriais, profesionais cunha capacidade de produción moi alta. Cada vez menos gandeiros pero máis profesionais e máis produtivos.