Archives

Medra a produción de leite nos dous primeiros meses do ano un 3,66% en Galicia e un 3,41% en España

Nun contexto de estabilidade de prezos do leite nos dous primeiros meses do ano, a produción disparouse un 3,66% en Galicia e un 3,41 en España, respecto ao mesmo período do ano pasado. Así se recolle no informe do Ministerio de Agricultura de entregas do sector lácteo correspondente a febreiro. En canto aos prezos a media en España en febreiro foi de 0,515 euros o litro, cunha lixeira caída con respecto aos 0,517 de xaneiro. En Galicia a media foi de 0,490 euros o litro, cunha leve baixada respecto aos 0,.495 do mes anterior. O dato máis salientable é o incremento da produción tanto en Galicia como en España: No conxunto do Estado as entregas ascenderon a 606876 toneladas, que sumadas ás de xaneiro supoñen un 3,41% por riba do mesmo período do 2023 (a suba sería do 3,23% sen a produción galega). En Galicia a suba interanual da produción nos dous primeiros mese deste ano foi do 3,66%, con 500612 toneladas de leite entregadas neste período fronte ás 482919 do mesmo período de 2023. En canto ás calidades do leite en febreiro foron dunha media en España de 3,79 de graxa e de 3,38 en proteína. Galicia continúa por riba en sólidos do leite, cun 3,86 de graxa e cun 3,39 de proteína. En leite ecolóxico, as cotizacións medias no campo foron en febreiro de 0,636 euros o litro, en tanto en Galicia foron de 0,626, cunha baixada respecto a xaneiro (0,641 e 0,631 euros o litro, respectivamente).

Descarga aquí o informe do FEGA

Galicia comeza o 2024 con incremento na produción de leite

Galicia e España comezaron o 2024 cun incremento da produción de leite con respecto ao 2023 e cun prezos sen cambios con respecto a decembro. Así se recolle no informe do Ministerio de Agricultura de entregas do sector lácteo correspondente a xaneiro. En canto aos prezos a media en España foi de 0,517 euros o litro, cunha lixeira caída con respecto aos 0,521 de decembro. En Galicia a media foi de 0,495 euros o litro, sen cambios con respecto ao mes anterior. O dato máis salientable é o incremento da produción tanto en Galicia como en España: No conxunto do Estado as entregas ascenderon a 629248 toneladas, un 1,15% por riba do mesmo mes do ano pasado (621538). En Galicia a suba interanual da produción foi do 1,37%, con 255187 toneladas de leite entregadas en xaneiro fronte ás 251728 do mesmo mes de 2023. En canto ás calidades do leite en xaneiro foron dunha media en España de 3,87 de graxa e de 3,42 en proteína. Galicia continúa por riba en sólidos do leite, cun 3,94 de graxa e cun 3,43 de proteína. En leite ecolóxico, as cotizacións medias no campo foron en xaneiro de 0,641 euros o litro, en tanto en Galicia foron de 0,625. Por último, a destacar que España baixa por primera vez das 10.000 explotacións con entregas de leite: En xaneiro foron 9951 (626 menos que hai un ano), das que 5619 corresponderon a Galicia (358 menos que en xaneiro de 2023).

Descarga aquí o informe do FEGA

As ganderías galegas facturaron 1.531 millóns de euros por venda de leite no 2023, un 17% máis

As arredor de 5800 ganderías galegas de vacún de leite facturaron no 2023 un total de 1531 millóns de euros por venda de leite, un 17% máis que no ano anterior, segundo se recolle no último informe da Asociación Galega Terra e Leite, unha entidade sen ánimo de lucro integrada por investigadores e representantes do sector produtor e industrial. Esta facturación histórica -225 millóns de euros máis que no 2022- foi posible grazas a que Galicia superou por vez primeira a barreira dos 3 millóns de toneladas de leite producido, pero sobre todo debido a que o prezo medio tamén foi o máis alto dos rexistrados, unha media de 52,54 euros por litro de leite para o conxunto do 2023. Se lle sumamos os ingresos pola venda de animais -arredor de 76 millóns de euros- polas axudas da PAC -entorno a 96- e por variación de inventario e outros ingresos- a facturación total das ganderías galegas de vacún de leite roldou o ano pasado os 1740 millóns de euros.

Evolución das produción de leite por comunidades autónomas: Aumenta sobre todo en Galicia, Navarra e Castela A Macha

Segundo o informe de Terra e Leite -elaborado partindo da información publicada na páxina web do MAPA e do Milk Market Observatory-, no ano 2023 en España producíronse 7.281.862 toneladas de leite, o que supuxo un incremento con respecto ao ano 2022 do 0,10% -a variación sería negativa se se descontase a produción galega-. En Galicia, as entregas alcanzaron no 2023 as 3.001.683 t, despois de incrementárense con respecto ao 2022 nun 1,02%. Galicia segue incrementado o seu peso e xa presenta o 41,22% do total das entregas a nivel español. Por comunidades autónomas, Galicia liderou o incremento nas entregas, seguida de Navarra e Castela a Mancha, mentres que a produción baixou especialmente en Asturias e Cantabria.

O leite en Galicia págase 2 céntimos menos por litro que a media española

En canto ás cotizacións do leite en orixe, o informe de Terra e Leite expón que o prezo medio ponderado do leite pagado os produtores en España no ano 2023 foi de 54,69 c/L, o que o sitúa un 17,79% por riba dos 46,43 c/L do ano 2022. No caso de Galicia o prezo medio ponderado do leite no ano 2023 foi de 52,54 c/L, un 16,03% superior aos 45,28 c/L do ano 2022. O informe de Terra e Leite conclúe que o prezo medio ponderado de Galicia sitúase 2,15 c/L por debaixo do prezo medio ponderado do conxunto do España (-3,93%). En canto á evolución das cotizacións, despois da senda alcista que experimentaron ao longo do ano 2022, os prezos medios do leite en Galicia alcanzaron o seu valor máximo no mes de febreiro do 2023 (58,90 c/L), para a partir dese mes comezar a descender ata o mes de agosto. A partires deste mes, os prezos estabilizáronse ao redor dos 49 c/L, coincidindo co momento no que os prezos en Europa comezan a aumentar, pechando o mes de decembro nos 49,50 c/L. Se o comparamos co prezo medio do leite en Europa (UE-27) expresado en c/Kg, o informe explica que iniciou un pronunciado descenso desde xaneiro do ano 2023 ata acadar o mínimo no mes de agosto (43,41 c/kg). Desde esa data os prezos recuperáronse con certa intensidade ata alcanzar no mes de decembro os 46,61 c/kg. Este prezo é un 3% inferior ao de Galicia (-1,45 c/kg), e un 8% inferior ao prezo medio de España (-4,7 c/Kg).

Mellora da rendibilidade das ganderías de vacún de leite no 2023

O Ministerio de Agricultura acaba de publicar o seu informe periódico sobre a situación do sector de vacún de leite en España no que conclúe que a rendibilidade das ganderías de vacún de leite mantívose con datos récord en positivo no 2023, especialmente no primeiro trimestre, cunha marxe de beneficio por litro de leite que veu roldando os 8 céntimos de media.

Lixeira suba do prezo do leite en novembro e produción estancada, agás en Galicia

O Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) ven de publicar o informe sobre entregas e prezos do leite de vaca correspondente ao mes de novembro no que se confirma o incremento da produción con respecto ao mesmo mes de 2022, principalmente en Galicia. Os prezos soben tamén lixeiramente con respecto a outubro. Así, a media foi de 0,522 euros o litro a nivel estatal -en outubro foi de 0,517- mentres que en Galicia o prezo medio en novembro foi de 0,492 euros o litro, prácticamente o mesmo que en outubro (0,491) Polo que respecta á produción, as entregas en novembro no conxunto de España ascenderon a 575141 toneladas, o que representa unha lixeira suba en relación ao mesmo mes de 2022. No acumulado xaneiro-novembro a produción de leite en España mantense estancada, cun levísimo repunte do 0,04% respecto ao mesmo período do ano pasado. Pola contra, en Galicia a produción de incrementouse no mesmo período de 2023 nun 1,07% , con 237689 toneladas producidas en novembro, unhas 2500 máis que no mesmo mes de 2022. Por último, e no relativo ás calidades do leite, a media en novembro situouse no conxunto do Estado no 3,89 % de graxa e 3,45 % de proteína. En Galicia, como ven sendo habitual, os sólidos lácteos foron superiores en graxa, cun 3, 96%, mentres que a proteína media quedou nun 3,44%. O prezo do leite ecolóxico subiu respecto a outubro e situouse nos 0,648 euros o litro en España e os 0,636 en Galicia.

Descarga aquí o informe completo do FEGA.

Que tendencia de produción e prezos seguirá a gandería na UE ata 2035?

Menos vacas e menos produción de leite, pero con máis valor engadido, da man de lácteos funcionais e sostibles. Tamén un menor consumo de carne de vacún e porcino, compensado por un aumento da demanda da carne de ave. Son algunhas das tendencias que se marcan nun informe que acaba de elaborar a Comisión Europea sobre as perspectivas agrarias para 2035. Como é habitual, é un informe suxeito a numerosas incertezas, como se pode comprobar con anteriores informes, que envelleceron peor que o leite por factores económicos, ambientais ou xeopolíticos. Gandería de leite: produción e prezos A produción de leite crecerá a nivel mundial un 1,6% anual na próxima década, pero por contra, na UE espérase unha redución de entregas cada ano dun 0,2%. O sector verase limitado na UE por estritas políticas ambientais e de benestar animal, se ben un elemento positivo é que é esperable a produción de leite con maior valor engadido para as granxas, procedente de sistemas extensivos, liñas ecolóxicas ou con menores insumos externos. A cabana de vacas de leite espérase que se reduza un 13% no período 2023-2035, aínda que a produción apenas se resentirá porque se espera un aumento medio de rendementos dun 0,9% anual por vaca. En canto a prezos, tras os picos de prezos de 2022 e 2023, a previsión é que o valor do leite no campo siga a liña da inflación na próxima década coa inflación, polo que en realidade o valor real do leite espérase que se manteña plano. Produción e consumo de lácteos O consumo interno absorberá na próxima década ao redor dun 88% da produción e espérase que se manteña estable, cunha baixada de só un 0,1% anual. A peor parte, segundo a previsión, lévana os produtos lácteos frescos (-0,7% anual) e o leite líquido, así como o leite enteiro en po. Na parte positiva, espérase un aumento da produción de queixo e soros, en boa medida polo tirón das exportacións de ambos os segmentos. A manteiga tamén ten boas perspectivas, igual que o leite en po desnatado. Para o ioghurt, entre tanto, prognostícase estabilidade, quizais con lixeiros incrementos, da man de produtos funcionais (por exemplo os proteícos) ou de consumo cómodo (bebibles). A tendencia a produtos funcionais e segmentados tamén se deixará notar no leite líquido, onde se espera que o envellecemento da poboación fortaleza as liñas de leites con vitaminas e minerais engadidos. É previsible tamén que os consumidores máis novos se decanten por produtos con menos graxas e azucres, así como adaptados a intolerancias, como as gamas sen lactosa. Exportacións lácteas A UE consolidou nos últimos anos a súa posición como líder mundial en exportacións lácteas, en empate técnico con Nova Zelandia, sumando a UE e Nova Zelandia case a metade das exportacións mundiais. Na próxima década, as exportacións continuarán sendo importantes na UE e representarán ao redor dun 12% da súa produción. Con todo, é de destacar que o mercado mundial do leite se desacelerará pola esperada redución da demanda chinesa. En parte, compensarase con maior demanda doutros países, como os do Sueste asiático ou norte de África, aínda que estas rexións tamén é previsible que aumenten a súa produción interna na próxima década.

O consumo de carne seguirá á baixa

O consumo de carne de vacún na UE experimentou unha diminución en 2023 debido aos elevados prezos, a escasa oferta e unha crecente preocupación pola sustentabilidade. Proxéctase que esta tendencia á baixa manterase, levando a unha redución no consumo per cápita de carne de vacún, que dos actuais 10 Kg./ano pasará a 9,5 kg, representando unha diminución do 6,9%. Estas cifras, aínda que diferentes, levan o mesmo ton en termos produtivos: estímase que a produción de carne de vacún na Unión Europea diminuirá un 9,2% en comparación coa media dos anos 2021-2023. En canto á carne de porcino, o informe da Comisión Europea manifesta que cuestións como as preocupacións ambientais e sociais, ou a composición relativamente máis graxa da carne de porco afectarán o seu consumo. É por iso que se proxecta un menor consumo per cápita de carne de porco na UE, coa previsión de que diminuirá anualmente a razón dun 0,7%, alcanzando oa 29,7 kg en 2035. Esta cifra representa unha caída significativa do 7% en comparación cos xa baixos niveis rexistrados no período 2021-2023. Por último, aínda que se prevé que o ritmo de crecemento do consumo de aves de curral na UE se desacelere, a tendencia á alza seguirá a razón do 0,3% anual de aquí a 2035, situando o cociente anual per cápita en 24,9 kg, en comparación cos 23,7 kg actuais. A Comisión Europea explica o repunte co prezo relativamente alcanzable, a imaxe máis saudable da carne de ave en comparación con outras carnes (especialmente a de porco), a facilidade de preparación e a ausencia de restricións relixiosas asociadas ao consumo de aves de curral.

Medio Rural reúnese coas industrias lácteas tralos anuncios de novas baixadas de prezos no campo

O prezo do leite no campo atravesa nos últimos meses unha tendencia á baixa, se ben ese descenso a nivel europeo semella ralentizarse este outono. Con todo, de cara a decembro as industrias anuncian novas baixadas de 2-3 céntimos. Ante este escenario, Medio Rural vén de manter un encontro coas industrias no que lles trasladou a necesidade de apostar por unha estabilidade de prezos a longo prazo, unha liña que entende que beneficiará ó conxunto do sector, granxas e industrias. O conselleiro do Medio Rural, José González, apelou á responsabilidade da industria para garantir unha estabilidade no sector lácteo que propicie a súa sustentabilidade e a remuda xeracional nas explotacións. Segundo explicou o conselleiro, esta reunión forma parte da rolda de contactos que vén mantendo a Xunta con todos os axentes sectoriais. Neste caso, falou da necesidade de trasladar unha serie de mensaxes clave aos compradores de leite en Galicia. En primeiro lugar, José González dixo non compartir, “en absoluto”, as análises da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil), que sinalaron aos prezos actuais do produto en orixe como un suposto lastre da competitividade da industria. Fronte a isto, asegurou que o que verdadeiramente lastraría ao sector lácteo sería a escaseza de gandeiros e de produto. Un prezo do leite que cubra os custos de produción e a rendibilidade necesaria é fundamental, remarcou o conselleiro, “porque os gandeiros son como calquera outro empresario”. González referiuse tamén á importancia dunha estabilidade dos prezos a longo prazo. Advertiu que dita estabilidade en prezos e beneficios é esencial para asegurar a sustentabilidade do lácteo e para garantir a remuda xeracional no agro galego. Algo que -dixo- se lle traslada unha vez máis á industria, para insistir en que só cun reparto equitativo dos beneficios entre todos os axentes é posible asegurar esa estabilidade. Rendibilidade das explotacións Por todo isto, o titular de Medio Rural fixo de novo unha chamada á responsabilidade e á unión de todos os axentes -gandeiros, distribución e industria-, definindo ese acordo de fondo como clave para garantir a sustentabilidade do sector. Neste mesmo sentido, invitou á Organización Interprofesional Láctea (Inlac) a elaborar unha campaña publicitaria para fomentar o consumo de leite con orixe español, “leite que defenda os intereses dos nosos gandeiros”. O conselleiro puxo hoxe en valor o feito de que o lácteo galego non deixa de medrar en produción nos últimos anos, amosando unha extraordinaria profesionalidade e competitividade. Así, indicou, Galicia conta con explotacións cada vez máis competitivas, concentradas e de maior tamaño, sendo a CCAA española na que máis medrou a produción.

A UE calcula que a produción de leite manterase estable no 2024, con boa evolución do mercado

A Comisión Europea lanzou un estudo sobre as perspectivas a curto prazo para os mercados agrícolas da UE no 2023 e 2024. Estas perspectivas teñen en conta a información macroeconómica máis recente e a evolución e expectativas dos mercados nacionais e internacionais. No sector lácteo, a principal conclusión é que espérase que a produción se manteña estable no 2024, cunha boa evolución do mercado. Se ben os prezos do leite cru na UE non deixaron de baixar desde principios de ano, as entregas de leite mantéñense bastante estables, con perspectivas dun lixeiro descenso no segundo semestre, co que se pecharía o ano cun + 0,3 % en comparación co ano pasado. As condicións meteorolóxicas foron máis favorables que no 2022, o que axudou a reducir os custos de alimentación e contribuíu a unha mellor calidade dos silos. Esa mellora da alimentación axudou a aumentar o contido de sólidos lácteos do leite (+0,2 %) e apoia un incremento do 1 % no rendemento lácteo. A mellora do rendemento lácteo por vaca fai que a penas se estea a notar a baixada de cabana gandeira que houbo este ano, motivada polo descenso de prezos do leite e o aumento dos insumos. A baixada da cabana podería rondar o -0,6 %, pero a produción manterase máis alta que o ano pasado. As entregas de leite na UE foron un 0,7 % superiores entre xaneiro e xullo, en comparación co mesmo período de 2022, cunha evolución moi dispar entre países, e calcúlase que o ano rematará cun +0,3 %. Para o 2024, prevese que a oferta de leite da UE se manteña relativamente estable (+0,2 % interanual). Neste contexto, os altos custos da enerxía e dos fertilizantes, combinados coa diminución dos prezos do leite cru, a inflación alta na UE e en todo o mundo, e o aumento dos tipos de interese crean incerteza sobre as marxes dos produtores de leite en 2024. O informe da UE evitou facer pronósticos sobre os prezos do leite, pero o debuxo que fai da situación é de estabilidade, xa que as entregas de leite estanse moderando e percíbese unha tendencia de mellora do mercado internacional. O estudo sinala que a demanda mundial de produtos lácteos segue sendo relativamente escasa, cun mal comportamento do mercado chino, pero espérase que o descenso dos prezos dos produtos lácteos na UE, unido a unha alta dispoñibilidade de leite, favoreza a recuperación dalgunhas exportacións, especialmente de leite en po (+15%) e tamén de queixo (+1,5 %) e de soro de leite (+4,5 %). Entre tanto, o consumo interno rematará este 2023 con estabilidade, segundo a previsión da UE, que sinala que categorías como leite líquido e nata mesmo poden rematar o ano cun aumento de vendas (+ 0,7%) polo menor prezo dos lácteos en comparación coa inflación das carnes. Nese aumento de vendas, hai que ter en conta tamén un trasvase das primeiras marcas cara as marcas brancas, máis económicas e cun aumento da demanda por parte dos consumidores. Altas demandas de queixo A produción de queixo da UE segue sendo a opción preferida na transformación do leite tamén no 2023. En consecuencia, a súa produción podería aumentar un 1 %. Isto, apoiado polos competitivos prezos de exportación da UE, podería contribuír ao crecemento das exportacións da UE (+1,5 %), mentres que o consumo interno (-6 %) probablemente seguirá limitado polas presións inflacionistas, que tamén afectarán as importacións, en particular de queixos de calidade superior. Tamén se espera que a produción de soro de leite da UE creza máis no 2023 (+1,2 %). Isto débese ao aumento das exportacións da UE grazas á recuperación da demanda en China, mentres que o consumo interno podería baixar. Pola súa banda, se ben a produción de leite desnatada en po da UE diminuíu lixeiramente entre xaneiro e xullo (en termos interanuais), as exportacións rexistraron unha forte recuperación, apoiadas principalmente pola forte demanda de Arabia Saudita e Marrocos.

Descenso no consumo de carne de porcino e vacún, suba na avícola

O informe da Comisión Europea aborda tamén o consumo de carne, que se prevé que caía un 1,5 % no 2023, debido á inflación dos prezos e a unha menor oferta no mercado. Por especies, espérase que a produción de carne de vacún da UE siga diminuíndo no presente ano nun -3,1 %, debido a un axuste estrutural no sector da carne de vacún polas baixas marxes. As importacións da UE poderían descender debido á baixa produción en Reino Unido. Así mesmo, as exportacións da UE seguen combatendo cos altos prezos internos. En canto á produción porcina, cómpre destacar que tamén está á baixa. Unha cabana reprodutora máis pequena, así como a peste porcina africana (PPA) provocan un descenso dun 6,6 % no 2023, a pesar da baixada dos prezos dos pensos. A demanda interna sostida e a menor demanda de China frean as exportacións da UE nun 16 % no 2023. Pola contra, a produción avícola da UE podería beneficiarse dunha recuperación do 3,3 % en 2023 por ser unha das proteínas animais máis baratas dispoñibles. Doutra banda, os prezos das aves de curral da UE restan competitividade ás exportacións. Por último, a cabana ovina da UE, historicamente baixa, fai que os sacrificios descendan un -1,8 % en 2023. A demanda sostida e os altos prezos internos favorecen máis importacións de Nova Zelandia e Reino Unido (+15 % en 2023).

Baixan os prezos e a produción de leite en agosto, agás en Galicia

As entregas de leite de vaca en España caeron no mes de agosto respecto ao ano pasado, nunha situación de baixada tamén dos prezos. Galicia mantense como a excepción en canto á produción, cun incremento interanual respecto a 2022. Así se recolle no último informe do Ministerio de Agricultura correspondente ao mes de agosto e que foi feito público este luns . En concreto, no conxunto de España a produción de leite en agosto ascendeu a 600.918 toneladas, cun descenso respecto ás 602.011 toneladas producidas no mesmo mes de 2022. Pola contra, en agosto as ganderías galegas produciron 251.805 toneladas de leite, cifra superior a agosto de 2022 (248.593 toneladas). En canto aos prezos en orixe, en agosto situáronse en España nunha media de 0,518 euros o litro, cunha baixada respecto a xullo (0,530 euros o litro), mentres que en Galicia a media foi de 0,49 euros o litro, tamén por debaixo do mes precedente (0,513 euros). Por volume de entregas, as ganderías máis pequenas cobran de media 0,7 céntimos menos por litro que as de maior tamaño, tal e como reflicte o informe do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA): Polo que respecta ás calidades, a media española do leite entregado en agosto foi do 3,66% de graxa e do 3,29% de proteína, mentres que en Galicia a porcentaxe de sólidos foi superior non só en materia graxa (3,78%), senón tamén a nivel proteico (3,31%). Por último, en canto ao leite ecolóxico o prezo medio en agosto foi de 0,636 euros o litro en España e de 0,625 en Galicia.

Descarga aquí o informe completo do FEGA

As industrias lácteas anuncian novas baixadas dos prezos do leite para os contratos do outono

Dada a incertidume do mercado lácteo nos últimos anos, industrias lácteas e granxas están apostando por asinar contratos a curto prazo, no entorno dos catro meses de duración, para evitar que os seus prezos queden fóra do mercado. O temor das industrias é o de comprometerse en prezos que o mercado non vaia permitir nuns meses, en tanto as granxas, que hai un ano viviron contratos de ata 60 céntimos, tampouco queren perder oportunidades que poidan xurdir. Este escenario leva á situación actual, na que tralos contratos asinados a inicios do verán, toca de novo renovar contratos este outono. Como adoita ser habitual, unha das primeiras industrias en mover ficha, de cara ós contratos que se renovan en decembro, é Lactalis, o principal operador en Galicia. A láctea francesa, con fábricas en Vilalba e Lugo, aposta por unha baixada de arredor de 3 céntimos, mantendo a fórmula do 75% do leite a un prezo base de 44 céntimos e o outro 25% ligado ó leite en po. A fórmula, tendo en conta as primas de benestar animal, leite AA e volumes, pode deixar o prezo final no entorno dos 44-46 céntimos. A proposta de Lactalis é a 12 meses, pois é algo ó que obriga a actual lexislación. Haberá que ver se as granxas optan por asinar esta oferta, pola estabilidade que ofrece a un ano vista, ou por esperar a decembro e asinar un contrato a curto prazo nunha situación de mercado que pode ser puntualmente mellor. Nas ofertas que están chegando ás granxas, a tendencia a baixadas de 2-3 céntimos é similar na maioría de contratos que se están coñecendo. É o caso da lucense Leche Río, que está a presentar contratos no entorno dos 44 céntimos, cando ata agora tiña granxas que chegaban a cobrar ata 48 céntimos. Nos contratos de Río, con todo, hai que ter en conta que é unha empresa que se distinguiu nos últimos tempos por manter contratos nun amplo arco de prezos, sen unificar ata o de agora unha tarifa única para as súas granxas proveedoras. Outras industrias que se viñan movendo nos prezos medios do sector, caso de Celta, presentaron unha proposta de baixada de 1 – 1,5 céntimos. Quedan todavía por coñecer propostas de contratos de firmas de referencia, como a asturiana Capsa (Larsa). Entre as empresas que máis viñan pagando o leite no campo, caso de Pascual, que estaba a 51 céntimos, apostouse tamén por unha baixada de 3 céntimos para os novos contratos, que entran en vigor en outubro e novembro. Quedan por coñecer tamén os movementos doutras industrias que se moven na zona alta de prezos, como Entrepinares. Ante esta situación, as organizacións do agro advirten de que a situación de mercado aconsella, “polo menos”, manter prezos. No sector chámase a atención ademais sobre o diferencial entre os contratos que están presentando as industrias en Galicia e nas comunidades veciñas. Á ‘sospeitosa habitual’, Capsa, sinalada polas organizacións agrarias por manter prezos superiores en Asturias ós ofrecidos en Galicia, únense outras industrias que operan en Castela, como Lactogal (Celta) ou Lactiber (Naturleite en Galicia), que están ofrecendo contratos na Meseta a prezos superiores dos que se pensa que van plantexar en Galicia.
Óscar Pose. Unións Agrarias

“Se as industrias queren que baixe a produción e ter menos oferta de leite, están no camiño correcto”

Óscar Pose, responsable de Ulega, a organización de produtores de Unións Agrarias, advirte de que a situación de mercado aconsella cando menos manter os prezos do leite no campo. “A primeira impresión que temos é que nos están facendo propostas á baixa para finalmente manter os prezos nos contratos que se asinen en decembro”, apunta Óscar Pose. “Se atendemos ós prezos nos supermercados, vemos que o leite de marca branca baixou 3 céntimos no verán, pero as primeiras marcas non baixaron nada, a pesar das reducións de prezo que xa houbo no campo, e os produtos elaborados mesmo subiron, segundo os últimos datos que temos do Ministerio. Por tanto, hai que concluír que industrias e supermercados están mellorando marxes comerciais, en tanto apretan ás granxas”, lamenta. Pose lembra que España é un país deficitario en leite, pouco dependente do mercado de produtos industriais (leite en po, manteiga), “que é certo que non está no seu mellor momento”, polo que chama ás industrias á reflexión. “En Francia é certo que está baixando o prezo do leite, pero en paralelo segue caendo a produción. Se as industrias o que queren é que baixe tamén a produción en Galicia, están escollendo o camiño correcto”, ironiza.
José Luis Pérez. Agromuralla

“Os custos de produción seguen altos, os contratos do leite deberían referenciarse ós custos das granxas”

A asociación de gandeiros Agromuralla critica á actitude das industrias e esixe ás Administracións públicas unha resposta. O seu presidente, José Luis Pérez Barreiro, considera que “non hai motivos xustificados para esta nova baixada”, sobre todo, di, cando os custos de produción das explotacións seguen altos. “O prezo do gasóleo para a actual campaña de ensilado do millo disparouse até 1,30 euros o litro, a palla segue polas nubes, a electricidade está volvendo a subir”, enumera. Por iso, desde Agromuralla defenden que os contratos de compra do leite se referencien aos custos das granxas. “Ten máis lóxica que referenciar os contratos ao mercado e ademais é o que di a Lei”, lembra Pérez Barreiro, que pregunta “que teñen pensado facer a Xunta e o Ministerio para facer cumprir a Lei da Cadea dunha vez por todas?”. Tres baixadas consecutivas “As empresas véñennos cunha nova baixada de 2-3 centimos. Pero o problema é que non se trata dunha baixada illada, senón encadeada a outras que xa sufrimos este ano. Levamos xa tres renovacións con contratos á baixa este ano, cunha perda total de máis de 10 céntimos”, calcula. O presidente de Agromuralla asegura que coa nova baixada de prezos anunciada para os últimos meses do ano “as granxas van empezar a entrar en perdas”. “Estamos no límite da rendibilidade, porque xa perdemos toda a revalorización que se produciu no 2022 e o leite está volvendo aos prezos de hai ano e medio, previos á subida do verán pasado”, di. Pérez Barreiro apela á responsabilidade das empresas compradoras para o mantemento do sector produtor, porque, asegura, “se volvemos outra vez aos números vermellos caerá a produción e pecharán máis explotacións”.

Aumentos de entregas no conxunto da UE

No periodo xaneiro – xullo, a produción medrou un 0,8% no conxunto da UE, se ben en países concretos como Francia ou Italia minguou. En paralelo ó aumento da produción, os prezos caeron arredor dun 25%, quedando en 43,7 céntimos no mes de xullo. A tendencia ó aumento de produción mantense tamén a nivel mundial, cun + 0,2 % no conxunto das grandes áreas produtoras, incluíndo Estados Unidos, Nova Zelanda, Australia, Arxentina e a propia Unión Europea. Como elemento positivo para as granxas, un informe da Comisión Europea sinala que os custos de alimentación animal evolucionan á baixa desde abril do 2022. No lado dos consumidores, a Comisión percibe unha tendencia ó aumento de consumo de marcas brancas e ofertas, pola inflación que sofre a cidadanía, e que vai en detrimento de primeiras marcas, produtos ecolóxicos e premium.

Galicia produciu un 0,15% máis de leite no primeiro semestre mentres que en España baixou un 0,5%

As gandarías de vacún de leite galegas produciron no primeiro semestre do ano un 0,15% máis, mentres que no conxunto de España a produción baixou un 0,5%. O descenso na produción de forraxes pola seca en boa parte das Comunidades Autónomas xunto a uns prezos do leite á baixa explican este estancamento. En concreto, e segundo os datos de declaracións de leite publicados este xoves polo Ministerio de Agricultura, entre xaneiro e xuño producíronse en España 3,753 millóns de toneladas de leite, un 0,5% menos que no mesmo semestre de 2022. En xuño o dato interanual foi positivo: A produción foi de 614700 toneladas, un 0,1% máis. En canto a Galicia, no primeiro semestre as gandarías produciron 1,515 millóns de toneladas de leite, un 0,12% máis que no mesmo período do ano pasado. En xuño a produción galega foi de 250878 toneladas, o que supón un incremento do 0,35% se a comparamos con xuño de 2022. Polo que respecta aos prezos, xuño confirma a tendencia á baixa dos contratos lácteos: En España situouse nunha media de 0,534 euros por litro, mentres que en Galicia o prezo medio pagado ao produtor foi de 0,517 euros. No leite ecolóxico o prezo medio foi de 0,644 euros o litro a nivel español e de 0,627 no caso galego.

Prezo dispar en Galicia segundo o temaño das ganderías: 

Por último, as calidades medias do leite entregado en xuño foron de 3,66% de graxa e de 3,30% de proteína, uns sólidos que en Galicia se elevaron a 3,75 e 3,31%, respectivamente.

Descarga aquí o informe das declaracións de leite de xuño

Galicia lidera o repunte da produción de leite en abril, malia a baixada de prezos

Os prezos do leite en España baixaron en orixe en 3,5 céntimos por litro en abril, o que non impediu que a produción volvese incrementarse, tras varios meses de baixadas interanuais. Así se recolle no informe do Ministerio de Agricultura de entregas do sector lácteo. En canto aos prezos a media en España foi de 0,56 euros o litro, o que supón unha baixada de 3,5 céntimos por litro respecto a marzo. En Galicia a media foi de 0,533 euros o litro, cun descenso maior con respecto ao mes anterior (0,585). O dato máis salientable é o incremento da produción interanual, tras encadenar varios meses consecutivos de baixadas: No conxunto de España as entregas ascenderon en abril a 635655 toneladas, un 0,65 % máis que no mesmo mes do ano pasado . En Galicia a suba interanual da produción foi do 1,56%, con 256568 toneladas de leite entregadas en abril fronte ás 252619 do mesmo mes de 2022. Se miramos o dato acumulado de xaneiro a abril, en España a produción de leite nese período caeu un 0,88% respecto ao mesmo periodo do ano pasado, mentres que en Galicia mantívose estancada (un -0,04%). En canto ás calidades do leite en abril foron dunha media en España de 3,76% de graxa e de 3,36% en proteína. Galicia continúa líder, xunto con Asturias, en sólidos do leite un mes máis a nivel estatal, cun 3,85% de graxa e cun 3,38% de proteína. En leite ecolóxico, as cotizacións medias no campo foron en abril de 0,646 euros o litro, en tanto en Galicia foron de 0,614.

Descarga aquí o informe do FEGA

As importacións lácteas a España dispáranse nun momento de mercado en fráxil equilibrio

O mercado lácteo está nervioso, sen unha perspectiva clara do que pasará nos próximos meses. Logo de cinco meses consecutivos de aumento das entregas de leite a nivel da UE, os prezos comenzaron a descender a inicios de ano, tras tocar teito en decembro. O que suceda nos próximos meses dependerá de se o crecemento das entregas continúa sendo modesto e de se a demanda se mantén forte. É o escenario que debuxou estes días o Observatorio do Sector Lácteo europeo nunha das súas reunións plenarias. O caso español comparte a incertidume xeral, pero con particularidades propias. En España, igual que nos países veciños, Portugal e Francia, as entregas de leite mantéñense en descenso. Cos datos de xaneiro e febreiro, a produción española sitúase un 2,1% por baixo da do mesmo periodo do 2022. Con menos oferta de leite no campo, o sector gandeiro razoaba estes días que non era comprensible o descenso do prezo do leite que propoñen as industrias lácteas para os novos contratos coas granxas. O problema é que industrias lácteas e cadeas de distribución están compensando a menor produción de leite en España cun significativo aumento das importacións de lácteos. En xaneiro, entraron en España 25.300 toneladas de leite e nata (concentrado ou sen concentrar). Son máis do dobre das importadas en xaneiro do 2022. Desde o fin das cotas no 2015, só un mes de xaneiro, o do 2016, supera ese volume de importacións. O aumento das compras de queixos ó exterior é un segundo factor a considerar, pois as importacións de queixos en xaneiro deste ano, 26.117 toneladas, son as maiores dun mes de xaneiro en toda a serie histórica, cun aumento de arredor de 4.500 toneladas en relación a xaneiro do pasado ano. O asunto é mesmo máis problemático que o aumento das compras ó exterior de leite e nata, se se teñen en conta os volumes en leite equivalente e outros aspectos, como a facilidade de transporte e distribución ós puntos de venda.

Escenario actual do sector e perspectivas

Así as cousas, as perspectivas do sector lácteo en España semellan ligadas ó que vaia sucedendo en Europa. Analizamos o escenario que se presenta para os próximos meses.
  • Aumento da produción mundial. En xaneiro, a produción aumentou un 1% na UE en relación ó mesmo mes do 2022. É o quinto mes de subas consecutivas de entregas de leite. Tamén está medrando a produción en Estados Unidos, outro dos grandes produtores mundiais, e Nova Zelanda semella igualmente na senda do crecemento, o que contrarresta as menores entregas de Australia e doutros países do Sur.
    Canto tempo continuará ese aumento da produción?. Pois é difícil de pronosticar. Hai que ter en conta que os prezos do leite no campo están baixando, cunha caída de 3,6 céntimos en Europa entre decembro e febreiro, o que previsiblemente levará a menores entregas. A maiores, é previsible que aumenten os sacrificios de vacas e a consecuente redución da cabana gandeira, pois hai sacrificios retrasados do 2022 e bos prezos da carne de vacún maior. No outro lado da balanza, este inverno houbo bo tempo para a produción de pastos en Europa e os custos de alimentación evolucionan á baixa. A previsión do Observartorio do Sector Lácteo europeo é que as entregas medren lixeiramente no primeiro semestre e baixen no segundo, en especial no último trimestre do ano.
  • Alimentación animal. Os prezos aliviáronse nos últimos 4 meses, pero seguen sendo un 75% máis altos que no 2020 e nos anos previos. A cebada, o trigo e as oleaxinosas semellan á baixa, en tanto a soia e o millo mantéñense aínda fortes.
  • Outros custos. O barril de petróleo abaratouse arredor dun 33% en relación ó verán pasado, o que permitiu controlar os custos enerxéticos. Parte dos fertilizantes, como a urea, están baixando tamén, en tanto outra parte mantense estable.
  • Exportacións. As perspectivas de exportación son boas este ano. Pénsase que a UE pode aumentar as vendas ó exterior de queixos, manteiga e, en especial, de leite en po.
    China no 2022 reduciu as súas compras, pero a previsión é que no segundo semestre do 2023 recupere peso, se ben haberá que ter en conta factores como a evolución da Covid en China e a situación económica do país.
  • Prezos dos produtos lácteos industriais. Os prezos do leite en po e da manteiga continuaron baixando este primeiro trimestre do ano, en ambos casos arredor dun 12%, pero mantéñense aínda nunha boa situación de prezos, entre un 7 e un 10% por riba da media dos últimos cinco anos.
    En queixos, a situación é mellor, con case tódolos queixos cotizando a prezos superiores ou case iguais ós de hai un ano e con valores entre un 28 e un 42% maiores ós da media dos últimos cinco anos. Os stocks europeos son normais en tódolos produtos lácteos industriais.
  • Inflación. A inflación en España non está tendo repercusión nunha menor compra de lácteos, pero si que se detecta que os consumidores se decantan máis por produtos máis baratos e marcas brancas. No 2022, houbo un menor consumo de lácteos no fogar, pero hai que ter en conta que o 2021 estivera marcado polos peches da hostelería e por un consumo anormalmente alto no fogar.
  • Leite ecolóxico. O prezo do leite ecolóxico sitúase en España en 64,1 céntimos (60,1 de media en Europa), polos 60,3 que acadou o leite convencional en febreiro. Iso supón unha prima de 3,8 céntimos adicionais, que é exactamente a diferenza media que hai en Europa no campo entre leite convencional e ecolóxico.
    Os catro maiores produtores de leite ecolóxico en Europa (Alemania, Francia, Austria e Dinamarca) copan un 81% da produción, cun diferencial importante de prezo entre países: dos 66 céntimos de Dinamarca ós 51 de Francia.

Aumento da produción de leite na UE en xaneiro

As entregas de leite na UE no mes xaneiro de 2023 están un 1% por enriba das entregas de xaneiro de 2022, segundo recolle o Observatorio Lácteo da UE no seu último informe. Por países, a produción aumentou un 3,6% en Alemaña, un 4,7% nos Países Baixos, un 1,6% en Polonia e un 0,9% en Dinamarca; mentres descendeu un 1,4% en Francia e España, un 2,4% en Irlanda e un 3% en Italia. No resto de zonas produtoras, EEUU incrementou a súa produción un 1,3% o pasado mes de xaneiro a respecto dun ano antes, mentres Nova Zelandia sofre un descenso dun 2% e Australia dun 6,1%. En canto aos prezos pagados en orixe, o prezo medio europeo en febreiro foi de 54,75 céntimos, o que supón un descenso dun 2,8% con respecto ao mes de xaneiro (56,31) e máis dun 5% con respecto a decembro, no que os prezos tocaron teito na UE con 58,36 céntimos.
Os prezos tocaron teito na UE en decembro con 58,36 céntimos e desde entón acumulan dous meses de forte caída
O prezo de España en febreiro (58,16 céntimos), atópase entre os máis altos entre os principais países produtores da UE, só superado por Alemaña (58,65) e sensiblemente máis alto que en Francia (49,02) ou Polonia (46,40), mentres Italia sitúase en 57,17; Portugal en 54,37; Países Baixos en 56 e Dinamarca en 57,36 céntimos. O prezo da leite spot en Italia segue baixando ata os 46,3 céntimos o litro a semana pasada (19/03/2023). Sobre os custos de produción, o Observatorio Lácteo Europeo fala dunha diminución dos custos de alimentación e enerxía das granxas (-3,2% e -0,6% respectivamente) na semana 11 en comparación coas 4 semanas anteriores. Caída dos produtos lácteos industriais En canto ás cotizacións dos produtos lácteos industriais, neste mes de marzo prodúcese un descenso xeralizado:
  • Prezos da manteiga na UE: 495 €/100 kg, -0,1% nas últimas 4 semanas
  • Prezos UE leite desnatado en po (SMP): 256 €/100 kg, -2,9% nas últimas 4 semanas
  • Prezos UE leite enteiro en po (WMP): 350 €/100 kg, -0,5% nas últimas 4 semanas
  • Prezos do queixo cheddar UE: 449 €/100 kg, -1,4% nas últimas 4 semanas
A nivel internacional, Oceanía mantén prezos máis competitivos en manteiga e leite entero en po (WMP), mentres que EEUU ofrece prezos máis baixos en leite desnatado en po (SMP) e queixo cheddar.  A última poxa Fonterra, celebrada esta semana (GDT 21/03/2023) finalizou cun descenso do 2,6% no índice xeral de prezos. Baixan os prezos de todos os produtos: manteiga (-3,0%), AMF (-3,8%), cheddar (-10,2%), LDP (-3,5%) e LEP (-1,5%). Exportacións de produtos lácteos da UE As exportacións de manteiga da UE a China diminuíron un 38% no mes de xaneiro, mentres aumentaron un 97% aos EEUU. En canto ás exportacións de queixo, reducíronse a Xapón (-35%) e aumentaron a Suíza (+2%) e EEUU (+2%). En xaneiro de 2023, as exportacións de leite desnatado en po (SMP) da UE subiron a China (+69%) e baixaron a Indonesia (-58%) e Iemen (-57%). As exportacións de leite enteiro en po (WMP) da UE reducíronse a Omán (-24%), China (-54%) e Senegal (-57%). Oferta e demanda internacional As exportacións de produtos lácteos de EEUU de queixo e LDP aumentaron en xaneiro de 2023 (+16% e +15%, respectivamente), mentres as exportacións de manteiga e WMP diminuíron (-13% e -44%). En canto a Nova Zelandia, todas as súas exportacións aumentaron: manteiga (+11%), queixo (+9%), SMP (+65%) e WMP (+1%).
As importacións de manteiga por parte de China caeron un 22%, mentres as de queixo aumentaron un 9%
No lado da demanda, as importacións chinesas de queixo (+9%), soro de leite en po (+72%), caseínas (+1%) e lactosa (+29%) aumentaron en xaneiro de 2023 a respecto do mes de xaneiro de 2022, mentres que as importacións de manteiga (-22%), LDP ( -29%), WMP (-80%) e leite condensado (-80%) baixaron.

Descarga aquí o último informe do European Milk Market Observatory

Os contratos do leite a curto prazo gañan peso no campo pola incertidume do mercado

Este mes, as industrias lácteas están dándolle unha volta ás propostas de contrato que lle van presentar ás granxas. A maioría das empresas ten que renovar os acordos de suministro de leite a inicios de abril, polo que, coa lexislación na man, xa lle terían que ter presentado a proposta ás granxas a finais de xaneiro, pois hai que facelo con dous meses de anticipación. Pero ante a incertidume do mercado, as industrias apuran os prazos. A primeira en mover ficha foi Lactalis, a principal industria en volume de recollida en Galicia, que lle presentou ás granxas un contrato de prezo base a 47,5 céntimos + primas, o que daría un prezo final máximo de arredor de 51 céntimos. É unha proposta que suporía unha sensible baixada para a maioría das ganderías da industria, que nestes momentos están cobrando o leite no arco dos 54 – 59 céntimos, segundo os datos que manexa o sector. Desde Unións Agrarias, o responsable da súa organización de produtores, Óscar Pose, califica a proposta de Lactalis de “globo sonda”. “É certo que estamos nunha situación de incertidume do mercado, pero nestes momentos non hai elementos que xustifiquen esa proposta de baixada de prezos. “Os prezos do leite mantéñense altos no supermercado e a manteiga segue en niveis altos de prezo, a pesar das baixadas das últimas semanas. Tamén hai que dicir que na primavera pasada, cando a manteiga estaba en récord histórico de cotización, aquí non se notou nos prezos no campo”, valora.
"O prezo medio do leite no 2023 probablemente será superior ó prezo medio do 2022. Haberá axustes, pero non existen motivos para grandes baixadas", valora unha fonte ligada ás industrias lácteas
No sector, pénsase que a proposta de Lactalis ten máis que ver cun formulismo para cumprir co prazo legal de presentación dunha oferta, dous meses antes da renovación, que cunha proposta real. “As propostas en serio da maioría de industrias chegarán a inicios de marzo, pois agora hai moitas incógnitas no aire”, valora unha fonte ligada ás industrias lácteas. A incertidume do mercado, con tendencia ó aumento da produción e a baixadas de prezo nos produtos lácteos industriais, preocupa nas industrias, que están a anticipar no campo perspectivas de baixadas de prezos. “Non vemos motivos para xustificar unha baixada de prezos. Falta leite no campo e se as industrias baixan prezos, máis que vai faltar”, subliña o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez.
"Falta leite no campo e os custos de produción seguen subindo" (José Luis Pérez, Agromuralla)
O mesmo escenario é recoñecido por unha fonte ligada ás industrias, que sinala que “falta leite no campo” e que, malia a incertidume de prezos para o 2023, “este ano rematará probablemente cuns prezos medios no global do ano superiores ós do 2022. Non son de esperar grandes baixadas”, conclúe. O pasado exercicio destacou pola importante suba de prezos a partir da primavera, pero os primeiros meses do ano rexistráranse cotizacións baixas, polo que a previsión é que este 2023 traia un mellor balance para as granxas. “Falta fan bos prezos do leite porque os custos de produción seguen subindo. Estes días aínda nos comunicaron unha suba do prezo da soia, co que probablemente teñamos que baixar o seu uso na ración”, sinala José Luis Pérez. Contratos trimestrais Así as cousas, coas incógnitas que hai a día de hoxe no mercado, a previsión do sector pasa por unha primavera con contratos trimestrais ou cuadrimestrais xeneralizados.
"Asinamos con Celta un contrato trimestral ós prezos actuais no campo. A perspectiva coa maioría das industrias é a de contratos a curto prazo" (Óscar Pose, Ulega)
“En febreiro, tivemos que renegociar contratos dun grupo de gandeiros con Celta, e fíxonos unha proposta anual dun contrato á baixa, polo que ó final optamos por chegar a un acordo de 3 meses ós prezos actuais no campo” -sinala Óscar Pose-. “A sensación que temos é que as industrias non queren comprometer contratos anuais pola incertidume do mercado. A Lactalis trasladámoslle unha proposta de contrato anual, referenciado a custos de produción e a outros indicadores, pois somos partidarios de darlle estabilidade ás granxas, pero é probable que finalmente haxa tamén que negociar con eles contrato a máis curto prazo”, valora o responsable de Ulega, a organización de produtores ligada a Unións Agrarias. As industrias, por lei, teñen que ofrecer contratos anuais, pero as granxas poden renunciar a esas propostas e chegar a acordos a máis curto prazo, como os trimestrais que xa se veñen facendo nos últimos meses por parte de empresas como Celta, TGT e outras. Últimos movementos á alza As últimas subas de prezo do leite chegaron en decembro da man de Larsa e de Inleit, que se meses atrás estaban en cotizacións por baixo da media, optaron en decembro por equiparase a outras industrias e situarse mesmo en prezos de cabeza. Con todo, o cambio en Inleit durou pouco, pois a finais de xaneiro xa lle comunicou as súas granxas unha baixada de 2 céntimos no leite de xaneiro, no que semella un punto de inflexión para todo o sector.
Inleit xa anunciou unha baixada de 2 céntimos no leite de xaneiro, logo dunha suba de prezos previa en decembro
“O movemento de Inleit é discutible –valora Óscar Pose-, pois aínda que a suba de decembro situábase por riba do asinado no contrato entre Inleit e as granxas, había cando menos un acordo verbal para esa suba, algo que non existiu para aplicar agora a baixada a mes vencido”, cuestiona. Outro tema que segue suscitando malestar no campo é o alto diferencial de prezos que existe mesmo entre granxas das mesmas industrias, caso por exemplo de ganderías de Reny Picot ou Río que asinaron un contrato anual na primavera pasada e que, nalgúns casos, aínda non viron actualizados os seus prezos ós valores de mercado actuais.