Archives

A estabilidade no tempo dá comezo á campaña de ensilado de herba en toda Galicia

As máquinas comezan a rumbar estes días por toda Galicia. A chegada do bo tempo, logo da inestabilidade vivida nas últimas semanas, está a lanzar ás explotacións agrogandeiras, ás empresas de servizos e aos parques de maquinaria das cooperativas de cheo á campaña de ensilado de herba. Cun par de semanas de atraso con respecto a outros anos nalgunhas zonas, o corte da herba dará paso á preparación das terras para labrar o millo, que de momento iría no seu tempo. A previsión meteorolóxica fala de estabilidade para a vindeira semana, o que axudaría a axilizar os traballos e non acumular máis demoras. A estratexia de sementar antes e con ciclos máis longos estase a estender como unha forma de tentar minimizar os efectos da seca no verán, mesmo en zonas de costa, como aconteceu o ano pasado na Mariña de Lugo, con mermas importantes na colleita de millo forraxeiro.
Cada vez máis explotacións apostan por facer un único corte de herba con leguminosas e adiantar a sementeira do millo
Cada vez máis as explotacións leiteiras que sementan millo están a apostar por facer un único corte de herba no mes de abril. Por un lado porque reduce o risco que supón ter que ensilar un primeiro corte en febreiro ou marzo en anos nos que a climatoloxía non axuda, coma este, e tamén porque deste xeito se reducen á metade os custos de ensilado. A introdución de leguminosas nas mesturas, unha práctica fomentada desde Bruxelas a través da PAC, leva tamén en moitos casos a facer un só corte, xa que vezas, chícharos ou trevos non medran en condicións de humidade e baixas temperaturas e necesitan, polo tanto, a chegada do bo tempo para desenvolverse. As mesturas gañan peso fronte ás pradeiras monofitas Debido ao seu aporte en proteína na ración e aos seus beneficios agronómicos, as especies mellorantes estanse a abrir camiño nos últimos anos, ben en mesturas con gramíneas ou cereais de inverno para ensilado, ben como abono en verde para fixar nitróxeno atmosférico e aportar materia orgánica ao chan.
As especies mellorantes estanse a abrir camiño impulsadas pola PAC
O monocultivo de raigrás, habitual nas pradeiras galegas anos atrás, está deixando paso a unha variedade maior de especies, tanto a trevos e outras leguminosas (chícharos, vezas) como a brassicas como os nabos. A entrada en vigor o ano pasado na PAC das esixencias de rotación de cultivos e as primas por introdución de especies mellorantes motivou cambios nas decisións de sementeira e nos cultivos escollidos para a rotación anual, o que provocou que houbera escaseza de semente e que esta se encarecera.

"A tendencia cada vez máis é ir a un só corte e nós apostamos por mesturas de cereal con leguminosa"

O parque de maquinaria de Irmandiños comezou xa a semana pasada a campaña de ensilado O peso do silo de herba na ración varía dunhas ganderías a outras, en función das distintas estratexias nutricionais seguidas e tamén da maior ou menor dispoñibilidade doutros ingredientes. Por iso, na zona da Mariña a campaña de ensilado da herba terá máis importancia este ano, debido á escasa colleita de millo lograda no pasado outono, o que obrigou mesmo a importar doutras zonas para cubrir as necesidades das explotacións e do CAVI de Irmandiños, o centro de mestura húmida que CLUN ten no municipio de Barreiros. A cooperativa leva anos apostando por sementar en inverno mesturas de cereal con leguminosa nas terras que xestiona directamente e que traballa co seu parque de maquinaria. "Este ano aumentamos un pouco e botamos unhas 220 hectáreas, todo con estas mesturas nas que predominan as leguminosas, cun 51% de semente de chícharo e veza e despois avea ou triticale", explica José Ramón Loza, responsable de maquinaria e cultivos na zona.  A abundancia de choivas até agora ralentizou o crecemento das leguminosas, polo que houbo que agardar para que este tipo de pradeiras puidesen chegar ás máximas producións e calidades, sobre todo en canto a nivel de proteína no silo. "A produción sitúase de media entre 15 e 16 toneladas de materia verde por hectárea e en canto a proteína, pasamos normalmente do 16%, movéndonos entre o 16 e o 18%", detalla José Ramón. 
Moitas explotacións da comarca necesitan unha boa colleita de herba para suplir a escaseza de silo de millo
Aínda que para o CAVI nas fincas de xestión directa só botaron cereal con leguminosa, o parque de maquinaria de Irmandiños tamén labrou en outono pradeiras de raigrás en parcelas de socios da cooperativa, en ocasións mesturado con veza e trevo para cumprir cos condicionantes da PAC.  "Hai xente que fai dous cortes porque necesita máis forraxe, aínda que a tendencia cada vez máis é ir a un corte só, tamén no raigrás con trevo ou veza, para non retrasar a sementeira do millo. Nunha pradeira en raigrás podes estar en 10-11 toneladas por corte, polo que con dous cortes lograrías 20-22 toneladas e máis ou menos a mesma proteína que no cereal con leguminosa. O que gañas é máis quilos e outra diferenza con respecto ás nosas mesturas é que o raigrás tolera mellor as condicións de estrés por humidade, polo que se adapta mellor a terreos máis encharcadizos", indica o responsable de maquinaria e cultivos de Irmandiños. 
O raigrás tolera mellor as condicións de estrés por humidade, polo que se adapta mellor a terreos máis encharcadizos que o cereal
Máis cara ao interior, na zona da Terra Chá, o raigrás segue a ser maioritario pero o encharcamento que viven aínda moitas fincas en concellos como Cospeito non permiten polo momento entrar coa maquinaria para segalo e ensilalo. O mesmo acontece en moitas parcelas da Pastoriza e tamén nalgunhas das principais zonas leiteiras da provincia da Coruña, pero a previsión meteorolóxica para os vindeiros días fala de altas temperaturas e algo de vento, o que axudará a enxugar o terreo. Irmandiños comezou a ensilar a semana pasada (entre o xoves e o venres segaron e picaron 100 ha) e esta semana teñen tres máquinas traballando. "Xa metemos 80 hectáreas para o CAVI e o groso prevemos ensilalo a semana que vén", explican. Despois comezaría xa a preparación das terras para labrar o millo. Prevén botar en total nesta campaña entre 1.200 e 1.300 hectáreas, contando as 350 que labran para o CAVI e as que sementan para os socios, o que supón un lixeiro aumento con respecto á campaña pasada.  José Ramón insiste na necesidade de adiantar todo o que se poida a sementeira debido ao cambio nas condicións climatolóxicas, mesmo en zonas como A Mariña nas que as precipitacións non eran até o de agora un factor tan limitante. "O ano pasado foi terrible, o que se labrou cedo aínda se foi librando, pero no que se botou despois a colleita foi moi escasa", lembra. 

“Hai que deixar secar un pouco as fincas antes de meterse, senón levas moita terra para o silo”

Ganxabar comezou a segar o segundo corte nas pradeiras permanentes este venres Jesús Otero, técnico de Ganxabar, a cooperativa de gandeiros das comarcas de Xallas e A Barcala, que contan con planta de alimentación en conxunto para o gando en Mazaricos, recomenda empezar o ensilado polas fincas máis enxoitas para permitir que as máis molladas vaian secando logo das chuvias das últimas semanas e permitan entrar coa maquinaria. “Nós empezamos este venres á tarde cortando as fincas máis secas e que están a pradeira permanente e despois continuaremos polas que están a rotación con millo, que hai que deixar secar un pouco antes de meterse porque senón levas moita terra para o silo e iso complica o ensilado”, recoñece. Ademais, o paso da maquinaria cando o chan mantén aínda moita humidade acaba facendo moitas rodeiras, algo que é contraproducente desde o punto de vista agronómico. “As que están a pradeira permanente non interesa estropealas e nas que van ir a millo esa compactación do chan tampouco convén”, afirma.
Ganxabar ensila sempre a herba tras dous días de presecado
O corte actual, que é o segundo, “vai no seu momento”, afirman, polo que “se se fai un bo presecado a calidade do silo vai ser boa”. Acostuman ter a herba tirada 2 días, o mesmo que farán desta volta. “Cortamos o venres e empezaremos a meter o domingo”, explican.   Se a climatoloxía axuda, na pradeira permanente farán aínda dous cortes máis, un a mediados de maio e outro a finais de xuño. Fixeron xa un primeiro corte de limpeza que ensilaron en febreiro, e despois aproveitaron uns cantos días que viñeron de bo tempo para abonar, fai agora xusto 40 días.   “O corte que imos facer agora está abonado de fai 40 días, como despois veu frio non houbo temperatura para que a herba disparara, polo que nin está pasada nin se deitou coa auga dos últimos días”, aseguran.
A herba vai no seu tempo; a calidade do silo vai ser boa
Nas instalacións do centro de forraxes, Granxabar ensilará este ano unhas 600 hectáreas de herba, sumando a pradeira permanente e as mesturas de raigrás con leguminosas (tanto trevos como veza), que empezarán a segar a partir do día 15. A maiores, os socios de Ganxabar sementaron outras 100 hectáreas de cultivos mellorantes para abonado en verde, que a partir da próxima semana empezarán tamén xa a triturar para despois incorporar á terra, coa idea de empezar xa a labrar o millo nas vindeiras semanas. “As fincas que se poida vanse botar xa este mes a millo. Zonas como Landeira levarán un ciclo 600 e despois a maioría irán con ciclos entre 450 e 500”, explica Jesús.

“A herba está bastante retrasada por culpa dos encharcamentos e a falta de temperatura”

Pradeira para ensilar na zona de Chantada O parque de maquinaria da cooperativa Aira, un dos máis importantes de Galicia, ensila na comarca de Chantada tres veces máis herba que millo. Jorge Meiriño é técnico da cooperativa na zona e explica que a campaña vai este ano cuns 15 días de retraso con respecto ás datas habituais. “Estamos aínda empezando a ensilar cando outros anos xa levabamos un par de semanas cortando. Por agora non vai adiantada a herba, está retrasada por culpa dos encharcamentos e a falta de temperatura nas últimas semanas”, di.
Non se deron feito nin sequera os primeiros cortes de principios de marzo, non o permitiu a climatoloxía
Ao non estar aínda a forraxe para segar, as precipitacións caídas en marzo non lle fixeron mal nin van prexudicar a calidade dos ensilados. “A herba que ten moita folla calquera auga a deita pero despois recupérase rápido. O problema dáse só cando está encañada, antes de espigar, que se a tira xa non se levanta”, aclara Jorge.
Este ano empregáronse máis trevos anuais para cumprir coa PAC
No sur de Lugo o máis habitual é facer un só corte de ensilado. “Aquí a practica de dous cortes de herba e despois millo apenas se fai, as xeadas afectan ao crecemento da forraxe no inverno e despois xa non dá tempo a facer dous cortes, porque se agardas polo segundo sementarías o millo moi tarde e nesta zona non convén porque despois aféctalle a seca no verán. Aquí case todo o mundo vai xa a un corte só, agás a xente que non sementa millo, que adianta o primeiro corte e fai dous”, explica o técnico de Aira. A cooperativa fixo este ano tres mesturas diferentes para os seus socios para cumprir coa PAC no 10% das parcelas nas que era necesario sementar especies mellorantes. Unha das opcións consistía en veza (70%) e avea (30%); outra era unha fórmula cun 45% de raigrás e un 55% de trevo encarnado e veza; e a terceira levaba 20 kg/ha de trevo violeta e 15 kg/ha de raigrás italiano.

Recomendacións prácticas para mellorar a calidade do silo de herba

A nutróloga Ana Rama, durante a súa intervención nas Xornadas de Vacún de Leite organizadas por Seragro A nutróloga e enxeñeira agrónoma Ana Rama Andrade asegura que é posible mellorar a calidade do silo de herba co que contan a maioría das explotacións gandeiras. Nas últimas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro deu algúns consellos para logralo. Comezou definindo que se considera unha herba de calidade, desde tres puntos de vista: calidade nutricional, conservación e calidade hixiénica. “Nutricionalmente un silo de herba busca aportar proteína á ración; polo tanto, canta máis proteína teña o silo mellor, pero como mínimo un 16%; con niveis de fibra non demasiado altos, de arredor do 38-44% de fibra neutro deterxente (FND), porque a medida que esas porcentaxes son máis elevadas perdemos inxestibilidade e dixestibilidade, é dicir, capacidade de comer quilos de silo e de dixerilos por parte do animal; e con unha materia seca de entre o 24 e o 30%, aínda que non hai unha materia seca ideal, xa que en función de como sexa a herba vai ser máis interesante que vaia máis ou menos húmida, porque esa humidade vainos axudar a compactar a herba e un silo ben compactado vai ser moito máis estable unha vez aberto, porque xa sabemos que o osíxeno é o inimigo dos silos”, asegurou.
Cando a herba se pasou un pouco necesitamos que vaia máis húmida para lograr que quede ben compactada no silo
A humidade define a fermentabilidade dun silo. “Que un silo estea ben fermentado váinolo dicir o valor de pH que aparece nas analíticas que facemos habitualmente. Realmente non hai un nivel de pH ideal, porque depende da materia seca que teña o silo, pero moveríase, no caso do raigrás, entre un 4 para os silos máis húmidos e un 5 para os máis enxoitos. No caso de silos de leguminosas, eses valores deberían ser inferiores xa que fermentan peor”, aclarou Ana.
Canto máis húmido é un silo máis baixo debe ser o pH para que a fermentación sexa correcta
A conservación vese prexudicada por dúas cousas: por un exceso de humidade e polo contido de cinzas, que define a calidade hixiénica dun silo. “Niveles de cinzas superiores ao 10% indican que hai contaminación por materiais estranos (cañotas do millo, terra, restos do triturado da herba no inverno, etc)”, advirte. Ademais, as cinzas son a principal fonte de clostridium nos silos de herba. 
As cinzas deben estar por baixo do 10%, pois son a principal fonte de clostridium nos silos de herba
As analíticas realizadas polo Servizo de Alimentación de Seragro durante os anos 2022 e 2023 a 1.589 mostras de silo de herba mostraron niveis medios de cinzas superiores ao 10% en 939 mostras, con niveis medios de proteína do 14% e unha materia seca do 30%.
Son nutróloga e sei de primeira man que a calidade da herba da maioría das explotacións é mellorable
“O silo ideal non é o mesmo para todas as granxas: unhas necesitan un silo de herba con máis fibra para non depender tanto da palla e outras moitos kilos por necesidades de alimentación, polo que un silo de herba nova co 20% de proteína pode que non sexa o mellor para todas as explotacións”, afirma Ana. Pero matiza: “o que si que teñen que ser todos os silos é aptos para o consumo, é dicir, que non teñan terra, que non estean demasiado mollados e que non teñan niveis de ácido butírico que os fagan tóxicos para os animais”. A disculpa do tempo Á hora de ensilar, ás veces hai circunstancias que non están nas mans do gandeiro para facer un bo silo, como por exemplo a climatoloxía, aínda que Ana recomenda aproveitar os días que veñen bos para ensilar, aínda que a herba sexa algo máis pequena, en vez de agardar e que despois se pase por non vir tempo para ensilar. “Ás veces non é que non haxa bo tempo para ensilar, senón que non vos gusta a herba que tendes cando fai bo tempo”, díxolle aos gandeiros presentes na súa charla.
Se non temos paredes débense facer silos anchos e non silos altos tipo pirámide de Exipto
“Este ano, dos 61 días dos meses de marzo e abril houbo sitios nos que choveu 35 días pero noutros só 20. En Santa Comba, por exemplo, o 2023 foi un mal ano para ensilar en marzo pero a primeira semana de abril fixo bo tempo”, aclarou. Recomendacións para a sementeira da pradeira tralo millo Abonado con xurro mediante un sistema de tubos colgantes antes de labrar a pradeira Nas fincas de rotación con millo, a nutróloga de Seragro considera imprescindible “desfacerse das cañotas do millo dalgún xeito antes de sementar a herba, porque non van desaparecer por si soas no inverno”, asegura. “Hai que eliminalas, porque é unha fonte importante de contaminación nos silos de herba”, afirma.
As cañotas do millo hai que eliminalas, porque son unha fonte importante de contaminación nos silos de herba
Os tocos do millo débense eliminar sempre antes de aplicar o cal ou o xurro na parcela. Pódese optar por desbrozalas ou por fresalas. “Débese encalar e despois botar o purín por enriba, enterralo para evitar as perdas de nitróxeno por volatilización e labrar a herba, por esta orde”, aclara. En canto ao laboreo, recomenda empregar un subsolador para romper a sola de labor, facilitando a drenaxe das fincas, e garantir que se traballan ben os últimos 15-20 centímetros superficiais para romper e enterrar os tocos do millo. Encalar en outono para facilitar a absorción do nitróxeno na primavera  “O momento de encalar é este, porque o efecto do cal non é inmediato, como o do abono, pode tardar de 3 a 4 meses en función do produto que utilicemos, e así xa o deixamos incorporado para cando abonemos a pradeira na primavera e labremos despois o millo”, indica. “Se queremos que o nitróxeno que botemos en marzo para ensilar a herba faga efecto temos que facer o encalado con antelación porque se non corriximos o pH a planta non vai ser capaz de aproveitar o abono que lle botemos”, engade.
O momento idóneo para encalar é este, ao labrar a pradeira, porque o seu efecto non é inmediato, como o do abono
“Nas fincas nas que labremos leguminosas temos que ter en conta que non imos poder abonar no inverno, polo que temos que ser más xenerosos coas doses de purín no momento da sementeira da pradeira”, propón Ana. Cando botamos o xurro en herba que está moi grande e despois non conseguimos que se lave porque non chove, teremos risco de que haxa enterobacterias (como Escherichia coli, Mycobacterium, Salmonella) no silo, que dan lugar a unha gran perda de propiedades e enerxía da forraxe ensilada. Cando abonamos con mineral para o segundo corte non é necesario agardar 10 días a que a herba rebrote para botalo, como acontece no abonado para o primeiro corte, porque xa hai normalmente máis temperatura ambiental. Sementeira e trituración invernal da herba Sementeira da pradeira mediante o pase dunha grade rotativa con sementadora incorporada Para a sementeira da herba podemos facer un só pase ou dous, en función da maquinaria da que dispoñamos, pero tendo claro que “debemos adaptar a velocidade de traballo á máquina que temos”. “Se traballamos a terra coa fresadora o ideal son velocidades de traballo baixas, entre 4 e 6 km por hora se queremos que quede ben, aínda que a fresadora ten un defecto, que é que crea suela de labor, sobre todo as que teñen as cuchillas cun ángulo de 90 grados”, explica.
Debemos adaptar sempre a velocidade de traballo á máquina que teñamos
Na grade rotativa tamén se precisan velocidades de traballo lentas, mentres que na grade rápida pódese traballar a velocidades superiores a 10 km/h. Aconsella sempre pasar un rolo para aplanar a superficie e evitar segar terróns no momento de ensilar. Unha cousa que hai que ter en conta á hora de sementar a pradeira é a humidade que hai no terreo. “Se a terra está moi seca a planta non xermina, polo que debemos aproveitar a sementar despois de botar o xurro, para aproveitar a humidade que este aporta á terra”, recomenda. Deberiamos triturar sempre a pradeira, a non ser que leve leguminosas. “O triturado non podemos facelo cunha herba demasiado grande, porque senón quedan restos que despois van para o silo”, advirte.
Se a herba está moi grande temos que segar e tirar, non serve triturala, porque despois non apodrece e acaba indo para o silo
A nutróloga de Seragro destaca as vantaxes dese corte de limpeza. “Co triturado lógrase acabar de destruír os restos dos tocos do millo que quedaron despois da sementeira e tamén nos desfacemos das malas herbas que naceron durante o inverno. A herba despois de triturar rebrota con moita máis vitalidade, mesmo empastece, e inicia un novo ciclo vexetativo, polo que a calidade do silo é moito mellor. Se non fixeramos iso cando ensilamos no mes de abril herba sementada a comezos de outubro esa herba é vella, ten xa pé e zonas podres, polo que se non queremos ensilar herba nese estado temos que triturala”, aclara. Cando facer os ensilados? O momento idóneo para o ensilado é xusto antes de que as gramíneas inicien o espigado e nas leguminosas en canto empezamos a ver flores no cultivo. Á hora de ensilar, a altura de corte da herba debería estar entre os 7-8 centímetros, porque deste xeito aumentamos o nivel de azucres na planta e reducimos o risco de levar contaminación para o silo.
O momento idóneo para o ensilado é xusto antes de que as gramíneas inicien o espigado e nas leguminosas en canto empezamos a ver flores no cultivo
Ana defende que as ganderías deben dispoñer dun calendario anual que sirva de guía para os distintos traballos a realizar nas pradeiras (triturado, enxurrado, abonado mineral e ensilado) que debe ser elaborado en función das características da finca e de se se trata dunha pradeira permanente ou anual. No caso de parcelas en rotación con millo, a data de sementeira do cultivo de verán condiciona as datas de ensilado e os traballos anteriores. "Se queremos labrar o millo en torno ao 15 de maio e queremos facer dous cortes de herba, o triturado debería facerse na primeira quincena de febreiro e a partir de aí botar o xurro e 10 días despois o abono mineral para facer o primeiro corte sobre o 20-25 de marzo e o segundo 35 días despois, entre o 25 abril e o 1 de maio", calcula. Esas datas orientativas poden ser variadas lixeiramente en función do crecemento da herba ou de como veña o tempo. "Se queremos labrar o millo o 1 de maio en vez do 15 de maio, temos que correr 15 días cara atrás as datas de todos os traballos, aínda que corremos o risco de ter peor tempo para algunhas labores. E se vén un inverno moi frío quizais teñamos que retrasar a sementeira do millo, porque o tempo non o podemos cambiar, senón que temos que adaptarnos a el. Pola contra, se vén un inverno cálido e a herba está grande teremos que ensilar antes. O que case sempre sae mal é non aproveitar para ensilar se vén bo tempo", di.
Se facemos un só corte de herba temos menos presión polos prazos
"Se abonamos para o primeiro corte e vén tempo frío ou chuvioso que fai que a herba non medre, cando se cumpren os 40 días non debemos agardar máis, eu aconsello cortala igual, aínda que teñamos menos quilos, e abonar para o segundo corte, porque o único que fai esa herba se lle damos máis tempo é espigar", asegura.  
Temos que adaptarnos ás condicións climáticas; o que case sempre sae mal é non aproveitar para ensilar se vén bo tempo
Para decidir que máquinas empregamos debemos diferenciar dúas épocas claras de ensilado "porque cando ensilamos na segunda quincena de abril ou maio a herba é moi diferente a cando ensilamos en abril", argumenta. "Cando ensilamos a partir do 15 de abril ou en maio cortaremos cunha segadora agrupadora e deixaremos menos de 48 horas de presecado antes de picar a herba cunha colleitadora/picadora a un tamaño de corte que debe estar entre 2,5 e 3 cm de longo, porque canto máis picada vaia a herba máis doada é de estender e de pisar", explica. O ideal é ao segar deixar xa a herba xunta para non ter que andar co fileirador, "que o único que fai é levantar porquería", di. E non deberían pasar máis de 48 horas desde que segamos ata que ensilamos porque senón perdemos os azucres que necesitamos no silo para unha axeitada fermentación. Se transcorridas esas 48 horas a herba vai aínda moi húmida, haberá que aplicar conservante químico. "É mellor nestes casos non pasarse co presecado, porque cando ensilamos nestas datas tardías a herba xa non é tenra e precisamos un certo nivel de humidade para que nos axude a compactar o silo", indica.
Nos ensilados temperáns (finais de marzo e primeira quincena de abril) débese segar e deixar a herba tendida no chan 24 horas para que seque
Pola contra, cando ensilamos en marzo ou na primeira quincena de abril o problema pode ser o contrario xa que a herba é moi tenra, ten moita humidade e a climatoloxía non acostuma axudar a facer un bo presecado. "Se fai bo tempo podemos cortar cunha segadora agrupadora co acondicionador a tope deixando a herba en fileiras igual que se segaramos en maio e seguindo despois os mesmos pasos: picadora con corte miúdo e sen que pasen máis de 48 horas entre segado e ensilado e se hai moita humidade, uso de conservante químico", detalla. "Neses casos non temos risco de mala compactación aínda que a herba vaia moi seca porque é tenra e as herbas tenras compactan igual aínda que vaian secas", aclara. Se non veñen días de sol e non corre o vento, temos que segar e deixar a herba estendida no chan durante 24 horas para que seque e logo xuntala cun anciño fileirador (cando a xuntamos non debemos levar as púas do fileirador moi abaixo para non levantar cinzas) e ensilar igualmente sen que pasen máis de 48 horas desde que segamos. O picado da herba debe ser máis longo (5 cm), sendo preferible a recollida cun remolque picador no canto de cunha colleitadora, que machaca máis a herba, e faise imprescindible case sempre neste tipo de ensilados temperáns o uso de conservante químico.
Temos que facer silos de boa calidade pero, sobre todo, silos que non sexan tóxicos
As recomendacións posteriores cando a herba chega ao silo pasan por "estender capas finas, de 15 cm como máximo, non superar coa herba a altura das paredes do silo e pisar, pisar e pisar", aconsella Ana. Finalmente hai que tapar ben e poñer peso na capa superior. “Temos que tratar de facer silos con boa calidade de forraxe, pero, sobre todo, temos que facer silos que non sexan tóxicos, é dicir, sen cañotas que quedaron da colleita do millo, sen terra, sen herba podre mal triturada e sen exceso de humidade”, resume a nutróloga de Seragro.

Elección das variedades de semente e do número de cortes en función do aporte que teña o silo de herba á ración na explotación

Público asistente ás Xornadas Técnicas de Vacún de Leite deste ano Á hora de elixir as variedades de sementes a labrar temos que ter en conta o destino final da pradeira e o obxectivo nutricional buscado con esa herba. Para a escolla miraremos cal é o cultivo principal da ración na nosa granxa. “Partimos da base que sempre é importante facer silos de herba bos, pero se é o elemento principal da alimentación das nosas vacas, é imprescindible contar con boas forraxes de herba, polo que nestes casos o normal é ter pradeiras permanentes e a variedade que mellor se adapta é o raigrás inglés, optando por variedades diploides e tetraploides en función das características da finca”, explica Ana. “Outra opción para as pradeiras permanentes é o cultivo da alfalfa, que tamén é moi persistente”, engade.  
En función dos quilos de herba que necesite para a miña ración tomarei unha decisión ou outra sobre o número de cortes a realizar
Se a nosa ración é metade millo  e metade herba, a cantidade de silo de herba que leva segue sendo elevada, polo que é importante que teñamos herba de calidade e estimar canta cantidade imos precisar. “Neste caso podemos ter unha parte da nosa superficie con pradeiras permanentes e nas parcelas onde rotemos con millo sementaremos pradeiras anuais de raigrás híbrido e italiano ou unha mestura de leguminosas con raigrás ou con cereal. De todas estas posibilidades a que máis marxe de manobra nos dá é o raigrás híbrido, porque é o que máis tarde espiga, polo que dispoñemos de máis días para ensilalo en bo estado”, afirma. En función dos quilos de herba necesarios para a ración, a explotación deberá tomar a decisión de cantos cortes realizar na pradeira. “Se por exemplo metemos 20 kg de silo de herba na ración e temos 100 vacas, necesitaremos 730 toneladas de silo de herba ao ano. Se dispoñemos só de 36 hectáreas de superficie, precisaremos obter un rendemento de 20.000 kg/por hectárea de herba. Para lograr eses quilos nun só corte teremos que agardar a que a herba sexa moi grande, polo que a calidade sería baixa. Nese caso habería que descartar o raigrás híbrido e as mesturas de cereais e leguminosas, porque a maioría das leguminosas non rebrotan, e irnos a varios cortes de raigrás italiano, por exemplo.  Se pola contra dispoñemos de 49 hectáreas, o rendemento necesario para obter esas mesmas 730 toneladas de silo sería de 15.000 kg/ha, polo que poderiamos irnos a un só corte. E o que menos perigo ten indo a un só corte é o raigrás híbrido, porque tarda máis en espigar e temos menos risco de que se nos pase se non vén bo tempo para ensilar”, explica Ana.
En zonas frías ou moi húmidas, nas que non damos entrado ás fincas, temos que irnos a un só corte e elixir variedades que espiguen o máis tardío posible
Por último, nos casos nos que o silo de millo constitúe a base principal da ración, a calidade da herba condiciona menos a obtención de boas producións leiteiras. Neste caso optaríase por pradeiras anuais en rotación co cultivo de millo e a gandería podería optar por facer un só corte de herba. "Podémonos permitir facer silos de herba un pouco máis pasados, para non depender tanto da palla, pero non ensilar leña", matiza. Diferencias entre os distintos tipos de raigrás Entre as gramíneas, unha das máis habituais é o raigrás inglés (Lolium perenne), que ten unha persistencia de entre 4 e 5 anos, un crecemento lento (sobre todo o primeiro ano), un espigado tardío (iso implica que imos ter moitos máis días para ensilalo en bo estado) e unha maior porcentaxe de follas ca de talo, polo que é moito máis doado conseguir forraxes de boa calidade con raigrás inglés, asegura.  Pola contra, o raigrás italiano (Lolium multiflorum) ten un ciclo anual, crecemento rápido, espigado precoz (o que implica que se pasa con máis facilidade e temos máis dificultades para collelo no momento óptimo), e ten maior porcentaxe de talo que de folla, polo que “para conseguir silos de boa calidade con raigrás italiano hai que ser rápidos”, afirma Ana. En canto ao raigrás híbrido (Lolium hibridum) seria unha mestura dos dous, pois “pretende ter a persistencia do inglés e o crecemento rápido do italiano, polo que en función do que busquemos escolleremos raigrases híbridos que se asemellen máis a un italiano ou a un inglés”, recomenda. Dentro dos raigrases hai que diferenciar tamén entre os diploides e os tetraploides, que foron creados artificialmente coa pretensión de ter maior produción e conseguir follas máis anchas. Teñen maior vigor de establecemento pero son menos persistentes e teñen tamén maior potencial de produción, aínda que son máis esixentes tanto en auga como en fertilización fronte ás variedades diploides, que teñen maior rusticidade (resistencia á seca e ao frío) e son ideais para o pastoreo. “Os raigrases tetraploides teñen maior palatabilidade pero sempre debemos elixir variedades que sexan resistentes á rolla”, indica a nutróloga de Seragro.
As calidades do triticale e o westerwold debería condenalos á extinción
En calquera gramínea, leguminosa ou cereal o contido nutricional do quilo de materia seca diminúe a medida que avanza o desenvolvemento desa planta pero, pola contra, obtemos maior rendemento, “pero se esperamos tanto para que o rendemento sexa máximo, o aporte á ración será baixo”, advirte.

Traballar unha forraxe “de precisión”

A evolución das gandarías de leite nos últimos tempos está a ser frenética. Os sistemas cambian, a produción por vaca elévase ano tras ano, a análise de datos pasa a ser un tema clave e a xestión óptima dos recursos alimentarios na granxa é un aspecto crucial para que as explotacións manteñan producións elevadas.

Todo isto implica cambiar o enfoque de traballo desenvolvido tradicionalmente nas granxas, para enfocalo na procura dun concepto que por unha banda debe ser global e interconectado, pero por outro deba considerar a cada explotación como un sistema independente. Neste sistema os resultados de cada variable produtiva (coma se dun ecosistema se tratase) teñen unha influencia medible que afecta positiva ou negativamente ás demais.

Un dos desafíos máis importantes na produción leiteira é a precisión na formulación das racións, xa que esta categoría supón historicamente ao redor do 50% do custo de produción medio da granxa tipo. Ademais, nestes momentos nos que o mercado das materias primas atópase en niveis elevados de prezos é de vital importancia, para a rendibilidade das explotacións, a obtención de forraxes da máxima calidade que permitan ás explotacións gandeiras alcanzar, en base a eles, a maior produción dos seus animais.

Co obxecto de ofrecer o mellor servizo aos seus clientes de vacún leiteiro, De Heus está a traballar en varias liñas. Por unha banda, conta cun laboratorio propio na súa planta de produción de Orkoien (Navarra), deseñado coa tecnoloxía máis punteira e cun obxectivo claro: obter datos fiables e completos en tan só 48 horas, que ofrezan a maior precisión nos resultados.

Por outro, e para ofrecer a cada granxa unha solución específica, crearon Laboexpert, un sistema que profesionaliza todo o proceso polo que pasa unha mostra até chegar á recomendación nutricional concreta máis acertada en cada caso.

A forraxe, vista en detalle

Na cornixa Cantábrica, o silo de herba é un alicerce importante da produción leite e a aplicación de Laboexpert permite arroxar luz acerca da evolución da calidade desta forraxe nos últimos anos.

Este sistema engloba as actividades de toma de mostra, envasado, envío de mostra, recepción de análise e importación de resultados a Feed Expert. A través de Laboexpert e QS podemos crear facilmente unha rastrexabilidade da mostra e o que é máis importante, unha base de datos que nos permite analizar o Big Data xerado por máis de 13.000 mostras analizadas no noso laboratorio propio coa tecnoloxía máis alta e o persoal altamente cualificado.

O silo de herba na nutrición do vacún de leite cumpre un papel principal, xa que é decisiva en catro dos seus parámetros: materia seca, proteína, fibra e dixestibilidade.

Este conxunto de variables indicará a calidade final da ensilaxe, xa que a súa sinerxía é clave na cantidade de forraxe que poderán consumir os animais e na asimilación dos seus nutrientes da maneira máis eficiente.

A materia seca

Esta variable atopa o seu punto óptimo cando oscila entre o 25-35%, cifras adecuadas para que a fermentación e posterior conservación do silo sexa correcta unha vez aberto. Así, podemos atopar dúas realidades, con referencia á materia seca. Unha materia seca moi baixa provoca unha gran perda de nutrientes polos lixiviados e a acidez provocada pola humidade, o que dificulta a fermentación e a consecución dun correcto pH de estabilización, clave para evitar posteriores fermentacións indesexables. E, pola contra, unha MS elevada afectará basicamente ao desensilado, xa que con silos moi secos o seu compactación é moi complexa e ao abrilos é máis factible a respiración, o que provocará fermentacións indesexables, coa súa posterior deterioración.

En Galicia neste ano 2023, a materia seca media das mostras analizadas no noso laboratorio é do 28,9%, o que indica que estamos nun punto óptimo, pero cabe destacar que temos valores moi dispares con silos moi húmidos e outros secos, provocados por unha primavera con moitos días de choiva e humidade intercalados con semanas solleiras. Esta “inseguridade climatolóxica” xeraba unha complexidade engadida á hora de decidir cando cortar, xa que en moitos casos cando a planta estaba no seu momento óptimo de corte o clima era inestable, obrigando a segar sen poder facer un presecado adecuado ou esperar a poder facelo, a risco de penalizar calquera dos outros parámetros de ensilaxe, antes mencionados.

 

A dixestibilidade

Cada vez somos máis conscientes da vital importancia que esta variable ten na calidade do silo. Este parámetro está a mellorarse actualmente grazas a que os agricultores, que cada vez dan máis importancia ás variedades que sementan e están a realizar cortes máis temperáns, o que lles permite obter ensilaxes máis dixestibles. Neste sentido, o uso de variedades de raygrass inglés híbridas e de floración tardía está a darnos máis tempo para facer un corte no momento óptimo. Se a isto sumámoslle o uso dunha mestura de variedades diploides e tetraploides, poderemos combinar un maior crecemento cunha maior cantidade de folla, respectivamente, o cal é ideal.

A evolución do racionamento leiteiro, tanto en explotacións con PMR (Partial Mixed Ration) -alimentación disociada como é o caso dos robots de muxido-, como con sistemas TMR, -Unifeeds completos-, esixe un gran coñecemento sobre a dixestibilidade das forraxes da propia explotación. Tanto a dixestibilidade da forraxe ao momento de mostraxe como a evolución dos parámetros durante o período de ensilado son claves. Este parámetro do ensildo marcará a cantidade de alimento que un animal é capaz de inxerir e, sobre todo, en muxido robotizado é determinante para o seu bo funcionamento, debido ao efecto negativo de saciedade que provocan os silos de baixa dixestibilidade nos animais: os silos de baixa dixestibilidade poden afectar o número de muxidos e á rutina voluntaria, facendo que os gandeiros teñan que empuxar moitas vacas ao robot.

Neste sentido, as medias (DIG MO =73%) indican que imos mellorando neste parámetro, aínda que é un proceso lento e difícil pola gran influencia do clima, que condiciona ou dificulta á hora de corte.

A fibra

Como ben se dixo antes, os parámetros de calidade dun ensilado no que nos estamos enfocando están en sinerxía entre si e a dixestibilidade está directamente condicionada polas fibras das forraxes, onde debemos facer referencia á Fibra Neutra Deterxente (FND), composta esta por celulosa, hemicelulosa e lignina.

En referencia a isto, hai que recalcar de novo a importancia da variedade de herba a utilizar, xa que as últimas (híbridas e inglesas) teñen menor cantidade de fibra por ter maior proporción de follas que as italianas, que medran máis rápido e fillan antes. Iso si, o momento do corte ten un efecto directo porque, se nos atrasamos, as plantas conterán unha maior cantidade de lignina dentro a FND que farán que diminúa a dixestibilidade así como o seu valor nutricional, sendo o nivel de degradabilidade da FND o que nos marcará dá cantidade de enerxía e proteína que este achegará ao animal para a súa produción leiteira.

A proteína

Por último, e non por iso menos importante, temos que falar da proteína da forraxe, unha calidade que no caso do ensilado de herba ten un peso moi grande na decisión de utilización na ración por parte dos gandeiros. A cantidade e calidade da proteína deste, do mesmo xeito que os anteriores parámetros, depende das variedades e do momento do corte. No caso das variedades, entre as que máis achegarán está o raigrás inglés, pero con diferenza os cultivos que máis achegarán son as leguminosas, polo que para obter unha maior cantidade de proteína, o ideal sería sementar unha mestura de ballico inglés e leguminosas.

Esta alternativa, por suposto, como todo na vida,ten un punto complicado: a dificultade que teñen as leguminosas para a súa implantación e a súa intolerancia, nalgunhas variedades, ao abono acolchado con xurros.

Pero os datos medios obtidos nas nosas mostras recentes indican un valor de Proteína Bruta (PB) de 12,2%, o que reflicte unha mellora respecto ao ano anterior que foi do 11,5%. Algo estamos a facer ben.

En definitiva, estamos a ver unha gran evolución na produción de ensilaje por parte dos nosos gandeiros, que están a mellorar moito a calidade das súas forraxes.

É certo que en ocasións o clima non axuda a elixir o óptimo momento de corte, pero o principal é que cada vez son máis conscientes de que para conseguir mellores rendementos é necesario contar con silos de mellor calidade. E non serve unicamente ter en conta os valores de proteína, senón tamén os de dixestibilidade, contar con valores baixos de cinzas, e realizar un proceso de ensilado correcto.

Traballar con precisión é fundamental para conseguir mellores producións, calidades e, en definitiva, gandarías máis rendibles.

“O rolo de silo de herba xa se paga a 45 euros debido á menor produción deste ano”

Un momento da protesta dos produtores de Suprema este luns diante da Subdelegación do Goberno "Non é certo que aquí non haxa seca; estamos recollendo un 40% menos de forraxe", asegura Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema. Os produtores de vacún de carne están a compatibilizar estes días a campaña de ensilado de herba coas protestas polos baixos prezos dos xatos e o reparto "discriminatorio" das axudas da PAC e a seca.  "Hai unha merma considerable nalgunhas zonas. Houbo menos herba e veu máis retrasada, polo que a segunda corta para silo xa non se vai facer e os prados que deixamos para herba seca van fundir moito menos que outros anos", afirma Santiago. 
Os rolos de silo estanse vendendo xa a 45€ e aínda van subir máis cando chegue o inverno
Iso obrigará ás ganderías a reducir o número de cabezas ou a depender de insumos externos, o que aumentará os custos de produción das granxas. "Os rolos de silo estanse vendendo a 45€ e cando chegue o inverno aínda van subir máis e a palla está a 170€. Con ese prezo é inviable encamar os xatos", di. 
Coa palla a 170€ é inviable encamar os xatos
Ante esta situación, os produtores de Suprema considéranse "dobremente prexudicados". "Por un lado só imos poder cobrar o 25% das axudas para paliar os efectos da seca e, por outro, imos ter que mercar moito máis caros os insumos que precisamos para alimentar o noso gando", argumentan.  A protesta trasládase á Deputación de Lugo O sonido das chocas, as bucinas e os petardos volveuse escoitar este luns diante da Subdelegación do Goberno en Lugo, onde a asociación Gandeiros Galegos da Suprema mantén a súa protesta desde hai máis dun mes e despois de que a semana pasada decidiran levantala de diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo tralo anuncio da Consellería de Medio Rural dunha axuda directa por quilo de carne producido.  
Hai máis dun mes que os produtores de carne de Suprema se manifestan contra a nova PAC, a protección do lobo e os baixos prezos dos xatos 
"A AICA, a protección do lobo, a prima por vaca nodriza da PAC e o reparto da axuda pola seca é cousa do Ministerio e en ningún destes aspectos houbo avances", lembra Santiago Rego, que traslada a pelota ao tellado da Deputación de Lugo. "Queremos que o presidente da Deputación nos reciba antes do venres. Se o ministro ou o delegado do Goberno non atenden as nosas demandas queremos saber de qué lado están os alcaldes do PSOE, queremos que dean a cara antes das eleccións", insisten. Se esa xuntanza non se produce esta semana, o venres as protestas dos gandeiros trasladaranse á sede da Deputación. 

O Ministerio anuncia que a axuda pola seca será ingresada antes do mes de outubro

As demandas dos produtores de Suprema recibiron resposta a semana pasada por parte do Ministerio, pero esta non satisface aos manifestantes, que se consideran "discriminados" no reparto de axudas. "Vemos no BOE que en Estremadura ou Andalucía van cobrar 157€ por vaca mentres en Galicia só cobraremos 39€", lembra Santiago Rego.  O Ministerio anuncia na súa resposta que as axudas pola seca serán ingresadas antes de outubro. "A nova liña de axudas para paliar os sobrecustos producidos tanto pola situación de Ucraína como pola seca estímase que ascenderá a 6,2 millóns de euros e o Ministerio vai intentar que cheguen aos gandeiros galegos antes do vindeiro mes de outubro", avanza o departamento que dirixe Luis Planas.  En relación á nova PAC, o Ministerio descarta que se poidan comparar as axudas por vaca de leite (158€) e de carne (85€) e considera que o cumprimento dos ecorreximes por parte das ganderías en extensivo "non supoñen unha grande complexidade".
A gandería é a actividade máis vulnerable e afectada polo incremento das poboacións do lobo en España, recoñece o Ministerio de Agricultura
Sobre a protección do lobo, Luis Planas traslada a responsabilidade ao Ministerio de Transición Ecolóxica e recoñece que "a gandería é a actividade máis vulnerable e afectada polo incremento das poboacións do lobo en España" e móstrase partidario dunha "xestión adaptativa das poboacións de lobo" e dun "maior entendemento entre os actores involucrados: caza, gandería, Ministerio de Transición Ecolóxica e mundo urbano".  Na súa resposta, o Ministerio de Agricultura involucra tamén á Xunta no cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria: "A competencia de control de cumprimento da Lei da Cadea é compartida entre a AICA e as 17 Autoridades de Execución das comunidades autónomas". 

Egalis™, inoculantes para ensilado para maximizar a protección de nutrientes e da materia seca

Os ensilados, tanto de herba como de millo, constitúen o núcleo da alimentación da maioría das ganderia de vacún de leite, e cada vez máis tamén en vacún de carne. Con todo, non todo o ensilado producido chegará a converterse en alimento. Desde o cultivo da forraxe até a súa colleita en fresco e o posterior almacenamento, o valor do alimento diminúe e a cantidade física tamén, até nun 25%! Isto pode prexudicar o rendemento dos animais e aumentar os custos de alimentación.

Egalis™ é unha nova gama de inoculantes para ensilados de alta calidade de Alltech® que maximiza a calidade dos nutrientes, reduce as perdas de materia seca e incrementa o rendemento dos animais. Isto significa que disporá de máis ensilado para alimentar aos animais, de mellor calidade; e menos preocupacións sobre o desperdicio de alimento. A través dunha maior palatabilidade e inxesta de materia seca, Egalis contribúe a unha produción de leite e carne máis rendibles.

Egalis™ Ferment

Adecuado para o seu uso en todo tipo de forraxes, desde ensilado de herba até cultivos enteiros, Egalis Ferment impulsa de maneira eficiente e rápida a fermentación a un pH final estable. Está composto por Lactiplantibacillus plantarum e Pediococcus pentosaceus, que traballan sinérgicamente para obter o pH final requirido, independentemente da materia seca ou a capacidade amortiguadora da forraxe.

Beneficios. 

Maximiza a protección dos nutrientes
Reduce a perda de materia seca
Máis ensilado para alimentación dos animais

Egalis™ Rápid

Especificamente formulado para todo tipo de ensilaxe de millo ou millo e sorgo, Egalis Rapid promove a fermentación láctica e mantén simultaneamente a materia seca, a dixestibilidade e a palatabilidade. Está formulado aproveitando o rápido crecemento de Pediococcus pentosaceus e Lacticaseibacillus rhamnosus.

Beneficios: 

Permite obter máis materia seca
Promove a dixestibilidade no ensilado final
Optimiza a eficiencia das vacas leiteiras e do vacún de carne

Egalis™ Stability

Adecuado para o seu uso en todo tipo de forraxes, especialmente en casos de quecemento ou de alto contido en materia seca, Egalis Stability axuda a inhibir o crecemento de fermentos e mofos e mellora a estabilidade do ensilado na ración. Está formulado utilizando Lactiplantibacillus plantarum e Pediococcus pentosaceus en combinación co sorbato de potasio, altamente antifúnxico.

Beneficios: 

Axuda a que o ensilado mantéñase máis fresco no silo, na ración total mesturada (TMR) e durante o tempo de consumo da ración.
Permite obter máis materia seca
Promove a dixestibilidade e a produción de enerxía no animal

Campaña de ensilado de herba 2023: Menor produción pero boa calidade

Este ano a climatoloxía non axudou para que a herba medrara e estase a notar nos silos. As xeadas do inverno e a falta de chuvia no comezo da primavera mermaron considerable a cantidade de forraxe colleitada, aínda que a calidade está a ser boa. A campaña de ensilaxe de herba avanza en toda a comunidade condicionada polas precipitacións dos últimos días e coa vista posta na sementeira do millo, que xa se iniciou nas zonas máis madrugadoras, como a Mariña de Lugo ou o Xallas na provincia da Coruña, naquelas fincas en rotación con herba nas que non se espera a un segundo corte. A estratexia de sementar antes e con ciclos máis longos estase a levar a cabo tamén en zonas do interior como unha forma de tentar minimizar os efectos da seca no verán, como aconteceu o ano pasado en áreas do centro e sur de Lugo, ou na comarca do Deza, con mermas importantes na colleita de millo forraxeiro.
O monocultivo de raigrás, habitual hai uns anos, está deixando paso a unha variedade maior de especies
A entrada en vigor da nova PAC está a motivar tamén cambios nas decisións de sementeira e nos cultivos escollidos para a rotación anual. As especies mellorantes ábrense camiño, ben en mesturas con cereais de inverno para ensilado, ben como abono en verde para fixar nitróxeno atmosférico e aportar materia orgánica ao chan. O monocultivo de raigrás, habitual hai uns anos, está deixando paso a unha variedade maior de especies, tanto trevos e outras leguminosas como chícharos, vezas ou fabas a brassicas como os nabos. Analizamos como se está a desenvolver a campaña de ensilado en distintas zonas de Galicia:  

“Está habendo producións baixas por falta de auga e moita desigualdade nas parcelas”

Ensilado de raigrás e trevo anual na zona de Chantada nunha parcela en rotación con millo Jorge Meiriño é responsable de cultivos da cooperativa Aira na zona de Chantada, onde os efectos da seca se deixaron notar este ano na herba. “Empezamos a colleitar hai 10 días, aínda que coas chuvias da fin de semana parouse un pouco de segar ata que mellore o tempo e se estabilice, pero estamos tendo producións baixas, similares ás do ano pasado, cunha media de 15 toneladas por hectárea en verde”, calcula. Nesta zona do sur de Lugo está a notarse moita desigualdade nas parcelas. “As fincas máis profundas, que son normalmente nas que se fai rotación con millo, comportáronse moito mellor que outras nas que xa se estaba secando a herba. Volve a haber unha seca enorme, peor ca do ano pasado. A capa freática está moi abaixo. Aquí o chan é franco areoso, non hai arxila, e pérdese moi rápido a auga”, explica Jorge.
Este ano non se puideron facer cortes de limpeza polas xeadas
“Ás pradeiras este ano castigounas a xeada no inverno e despois faltoulles auga”, di. As xeadas fixeron tamén que non se puideran realizar os habituais cortes de limpeza, polo que a calidade da forraxe estaría nun 6 sobre 10, indica. Un só corte nas terras de millo O ensilado estase a producir máis ou menos nas mesmas datas doutras campañas. “Non se pode agardar máis. Aquí xa non imos facer segundo corte, porque estamos a finais de abril e hai que tentar sementar o millo a principios de maio. Non se pode facer moito máis tarde porque estamos limitados pola precipitación e o ano pasado aguantaron as parcelas que se sementaron cedo”, lembra. O parque de maquinaria de Aira traballa moita máis superficie de herba que de millo. “Podemos estar falando do triplo, porque nos últimos anos moitas ganderías aumentaron superficie agraria e deixaron de sementar millo”, argumenta.
O segundo corte é cada vez máis complicado, teriamos que ter un mes de tempo fresco e precipitacións para que a herba non espigue
Por iso, di, os segundos cortes só se poden facer en parcelas onde non se vai a botar millo. “O segundo corte cada vez é máis complicado, dependes moito máis da climatoloxía. Ten que chover e vir tempo fresco para que a herba non espigue”, di Jorge.

“O silo vai ter bastante humidade porque o tempo non permitiu facer bos presecados, pero a calidade vai ser boa”

Na comarca do Xallas e a Barcala, na provincia da Coruña, tamén apostaron este ano por facer un só corte. “Había unha pequena porcentaxe de socios que facía dous cortes, pero co frío do inverno veu todo retrasado e vaise facer un corte só nas fincas con millo”, explica Adrián Cundíns, o responsable de Fonxabar, a cooperativa para xestión en conxunto de forraxes e alimentación do gando das ganderías da zona de Santa Comba e Mazaricos. Forxabar vai ter tamén unha merma na cantidade de forraxe nos silos, aínda que os motivos son distintos ca no caso de Aira. “Aquí non foi por escaseza de precipitacións, senón por todo o contrario, retrasouse polo frío e por moita auga. Este foi un ano atípico e malo para o crecemento da herba”, asegura Adrián.
Foi un ano atípico e malo para o crecemento da herba. Co frío veu todo retrasado e imos facer un corte só nas fincas con millo
En Forxabar ensilaron o raigrás permanente hai tres semanas e as parcelas en rotación con millo o xoves pasado. “Ao ser un corte só, foi un corte longo, con moitos días na terra, e o rendemento foi bo”, explica. Tamén a calidade será boa. “O silo vai ter bastante humidade porque o tempo non permitiu facer bos presecados pero a calidade en xeral vai ser boa”, asegura Adrián. Levantando  a pradeira para sementar o millo En Forxabar basean a ración que reparten ás ganderías leiteiras socias no ensilado de millo, polo que traballan máis hectáreas a este cultivo que a herba. “De forraxes van 40 kg na ración e deles o 75% é millo e o 25% herba”, explica Adrián. Este ano teñen previsto sementar unhas 800 hectáreas a millo. Unha parte delas xa as teñen labradas, aquelas nas que non fan rotación con herba, mentres que nas ensiladas o pasado xoves comezarán nos vindeiros días. “Estamos empezando a levantar para o millo. Con estes días de auga está todo un pouco parado. Xa temos sementado máis ou menos a metade, onde non houbo rotación, e agora fáltanos o que ensilamos a semana pasada. Estamos agardando a ver se estabiliza o tempo, porque choveu moito a fin de semana e vainos retrasar ata o final desta poder poñernos coa terra. Se chove seguirá retrasándose a sementeira”, conta.   Aposta polo cultivo verde nas rotacións A entrada en vigor de novas esixencias na PAC para o período 2023-2027 está a provocar cambios no esquema habitual de rotación millo-herba levado a cabo polas ganderías de vacún de leite de Galicia. “Nós xa fixemos este ano algún cambio. Metemos máis leguminosas. Unha parte do que ensilamos foi só con trevo, 2 ou 3 variedades de trevo, con boa implantación. Noutra parte das terras fixemos cultivo verde, con especies mellorantes como nabo ou outras brassicas, e con chícharos, un tipo de faballón ou calquera leguminosa que entre no rango de forraxeiras e que estea dispoñible no momento da sementeira”, indica.
Non hai moita dispoñibilidade de sementes para facer abono verde, porque son especies que non teñen moito aproveitamento e non se colleitan
“Non hai moita dispoñibilidade, é unha problemática que se vai dar de cara a este ano. Como son variedades que non se colleitan e non teñen moito aproveitamento a non ser para abono verde non hai moita oferta. Os prezos da semente o ano pasado foron desorbitados”, explica Adrián. Aínda que, como consecuencia da excepcionalidade acordada trala guerra en Ucraína, nesta campaña está en suspenso a obriga de cumprir coa boa práctica da rotación de cultivos para poder cobrar as axudas da PAC, prevese que nos vindeiros anos non se poidan deixar baleiras as terras do millo, polo que estratexias como as seguidas este ano por Forxabar converteranse en habituais. “Tal como están os prezos hoxe da sementeira penso que non cubre para cobrar o eco-rexime, pero se é unha obriga xa non é cuestión de que cubra ou non, haberá que facelo para adaptarse ás novas esixencias da condicionalidade e poder cumprir para cobrar a PAC”, argumenta.

“Coas mesturas de cereais de inverno e vezas obtivemos producións maiores en comparación cos primeiros cortes de raigrás”

“Na nosa zona o único limitante que houbo foi falta de chuvias, na Mariña pega moito o nordés e non medrou moito a herba”, explica José Ramón Loza, responsable de maquinaria e cultivos de CLUN, que dispón na Mariña de centro de alimentación (CAVI) e parque de maquinaria pertencente a Irmandiños. “A nivel xeral os primeiros cortes foron moito menos produtivos ca outros anos, acusouse a falta de chuvias de principio da primavera. As calidades están sendo boas pero as producións mermadas”, describe. Na Mariña acostuman facer dous cortes nas pradeiras de raigrás antes de botar nelas o millo. “Xa estivemos abonando para os segundos cortes e con estas chuvias esperamos obter un segundo corte un pouco máis produtivo que os primeiros”, asegura José Ramón. 200 hectáreas de cereal con veza Irmandiños sementou este ano perto de 200 hectáreas de cultivo de inverno a base de cereal e leguminosa, que xa ensilou nas instalacións do CAVI en Vilamartín (Barreiros). “Por aquí estase implantando moito a mestura de cereais de inverno e vezas e con esas fórmulas obtivemos unha produción algo maior, en comparación cos primeiros cortes de raigrás”, indica. A maiores das parcelas que a cooperativa labra directamente, habería que sumar a herba que mandan os socios que non están dentro do servizo de Xestión Integral das terras e que son unhas 150 ha de raigrás e outras tantas de prado natural (nos dous casos a 2 cortes) e 50 ha de cereal-veza (a un só corte).
O cereal ensilámolo por separado, pero os prados naturais imos mesturándoos no silo co segundo corte de raigrás
“Os prados naturais aínda non empezamos a segalos, a previsión é comezar de cara á semana que vén para ir mesturando co segundo corte de raigrás. O cereal si que o ensilamos por separado, pero no caso do prado natural intercalámolo nos silos con cultivo de raigrás”, explica José Ramón. A cooperativa sementará este ano unhas 450 hectáreas de millo, das que a día de hoxe xa levan botadas unhas 70. “Xa temos levantadas as terras onde botamos o cereal de inverno, nas que facemos un só corte. Empezamos a sementalas a semana pasada cunha máquina e a partir de agora incorporamos xa a segunda”, detalla.  

As 15 claves para unha boa conservación dos silos de herba

Estamos na segunda quincena de abril, época na que se concentra o ensilado da herba en moitas comarcas gandeiras. O elevado prezo da soia ou da colza fixeron que a herba volvese recobrar valor nos últimos tempos pola súa alta producción de proteína e os seus efectos beneficiosos como cultivo de inverno na rotación co millo.

Para seguir avanzando na mellora do ensilado de herba, e así garantir unha boa conservación e calidade do mesmo, Antón Camarero, técnico de ADIAL, en colaboración con XESGA, está a difundir entre os gandeiros e técnicos unha serie de 15 “pastillas de herba” nas que explica de maneira moi gráfica e sinxela os aspectos clave a ter en conta. Son os seguintes:

Dez claves para mellorar o ensilado de herba

“Facer un bo ensilado de herba é moito máis que segar e meter no silo a herba”. Así de contundente se amosa o responsable técnico da Cooperativa O Rodo, Daniel Rodríguez, á hora de falar do ensilado de herba. Precisamente a cooperativa agrogandeira de Rodeiro (Pontevedra), organizou recentemente unha xornada formativa para os socios na que, entre outros temas, ofreceron algunhas recomendacións á hora de realizar os ensilados, a ter en conta xa na próxima campaña de ensilado, que está a piques de comezar. “Se se quere ter unha forraxe de calidade hai que prestar atención a moitos factores, non só durante o ensilado”, explica o técnico. Así, nas últimas semanas, o técnico estivo a facer visitas nas ganderías socias da cooperativa para incidir na importancia de realizar un encalado axeitado para lograr forraxes de calidade e unha boa produción. Xornada técnica organizada na Cooperativa O Rodo na que entre outros temas se abordou o ensilado de herba. Recollemos algunhas das claves que apunta o técnico Daniel Rodríguez para mellorar os ensilados de herba:

1. Elección da semente.

A elección da semente debe adecuarse ás condicións edafoclimáticas de cada zona. Para os produtores de Rodeiro, o técnico recomenda optar por variedades que teñan un espigado tardío. Están a empregarse mesturas de raigrás con veza ou trevos, que axudan a incrementar a calidade da ración. “Introducir unha leguminosa co raigrás permítelle fixar nitróxeno para as gramíneas”, recorda o técnico.

2. Encalado das terras.

O encalado das terras é moi importante, dada a acidez media das terras galegas, con pH moi baixos que poden atoparse entre 4,2 e 5. Cos pH tan baixos só se adoita aproveitar arredor do 43% do Nitróxeno que se lle aporta á terra. “Co aporte de cal pode chegar a ter un pH de 6,5 ou 7 para que todo o nitróxeno que lle proporcionemos sexa o máis eficiente posible”, explica. O técnico incide na importancia de ter en conta minerais como o Calcio ou o Magnesio, xa que son determinantes para o aproveitamento do Nitróxeno. Na Cooperativa acostuman a traballar cun cal de orixe mariña, que como destaca Rodríguez ten unha reactividade carbónica co terreo moi eficiente. “Botándoo un mes antes de segar a herba xa fixo efecto para o ensilado, mentres que con cales de canteira, tardan máis en verse os efectos e haberá que esperar para as seguintes cortas ou para o ensilado do millo”, concreta. Ambas son solucións axeitadas para conseguir corrixir o pH da terra.

3. Fertilización.

Á hora de fertilizar a pradeira, Rodríguez pon especial atención en conseguir un abonado equilibrado, aportando distintos minerais que permitan o desenvolvemento óptimo da herba e o aproveitamento do abono que se lle proporciona. “De nada nos serve facer un gran aporte de Nitróxeno se non lle temos Magnesio e Xofre, xa que a absorción de Nitróxeno estará limitada”, indica. Rodríguez tamén recomenda planificar o ensilado da herba en base á fertilización que se fai da pradeira. Así, con algúns dos fertilizantes máis empregados, entre os 25 e 28 días estaría aproveitado ese abono. Mentres, se se opta por abonos con liberación máis lenta poden facer falta arredor de 40 días para o seu aproveitamento. “O día que se fertiliza a herba xa se pode fixar a data de ensilado, tendo en conta o fertilizante que se lle botou”, apunta.

4. Momento do corte da herba.

Escoller o momento axeitado para o corte da herba resulta tamén decisivo para lograr un silo de calidade. No caso do raigrás, o corte debe realizarse xusto antes do espigado, cando a concentración de azucres na planta é maior. “Para lograr un ensilado eficiente precisamos unha boa cantidade de azucres, que despois contribúen a ter unha forraxe máis dixerible”, detalla o técnico. A choiva é un dos factores que adoita condicionar a sega da herba. Rodríguez é partidario de adiantar a sega se hai previsión de precipitacións para as datas que se tiña previsto ensilar. “Se temos previsto segar a semana do 4 de maio e dá auga para eses días, é preferible ensilar a finais de abril antes que esperar a que volva escampar. Deste xeito, se son terras en rotación co millo poderemos adiantar a sementeira e se procuramos unha segunda corta o rebrote da herba comezará antes”, valora o técnico. A altura e o momento no que se corte a herba son claves para conseguir forraxe de calidade.

5. Altura do corte na pradeira.

Ó igual que acontece co millo, a altura do corte da herba vai condicionar o rendemento do ensilado, xa que ó segar alto pérdese cantidade de herba no silo, pero gáñase en calidade da forraxe. “Segar alto non é só gañar en calidade, tamén para favorecer un rebrote máis rápido da herba se se quere facer segundas cortas”, indica. O técnico ademais recomenda evitar os cortes moi baixos para reducir a presenza de terra nos silos, xa que provocan contaminacións pola presenza de clostridium, o que afecta á saúde dos animais. Rodríguez recomenda segar a unha altura de 6-7 centímetros do chan.

6. Manexo da herba no prado.

Tan importante coma a altura á que decide cortarse a herba é o tratamento de presecado que se lle fai no prado á herba. Debe prestarse atención ó manexo que se fai da herba á hora de estendela ou enrolala, para evitar que acabe levando terra para o silo. “De nada nos serve cortar alto se despois xuntamos terra cando enrolamos”, explica.

7. Presecado.

As primeiras horas trala corta son fundamentais para o secado das gramíneas. Nas dúas primeiras horas é cando máis auga se consegue que perda a herba, xa que os estomas (parte da planta que está en contacto co ambiente) permanece aberta e facilita o secado. Así, mentres os estomas permanecen abertos chegan a perderse uns 100 litros de auga por tonelada cada hora. Porén, cando os estomas se pechan redúcese a 20 litros por tonelada á hora. Recoméndase a sega con acondicionado ou un uso áxil de maquinaria acondicionadora (hileradoras e similares) nas dúas primeiras horas trala sega.

8. Picado da herba.

Á hora de ensilar, o tamaño da herba é outro dos aspectos a ter en conta, xa que contribúe á conservación da forraxe. “Ó picar a herba, mellor se compacta despois no silo”, recorda o técnico. Recomenda o uso do picador ou remolque autocargador sobre todo nos primeiros cortes. Nas segundas ou terceiras cortas, cando a herba ten máis talo e resulta máis difícil o seu picado, pódese optar xa pola colleitadora.

9. O silo.

O estado do silo tamén inflúe na conservación da forraxe. Rodríguez recomenda empregar plásticos nas paredes dos mesmos para garantir que o silo das beiras teña a mesma calidade que o resto e evitar deste xeito as perdas de forraxe. Tamén insiste no emprego do rolo de pisado e en facer capas finas para conseguir unha axeitada conservación da herba. Á hora do pisado, cómpre encher en forma de U para non danar as lonas dos laterais e unha vez que o pisador se atopa na cima da herba debe facerse unha U invertida, para que as augas decorran e non se acumulen na parte superior. Tamén é importante que non sobresaia a herba por encima das paredes, xa que iso limitará o pisado desa zona e dificultará a conservación. “É fundamental pisar, pisar e volver pisar o silo”, insiste o técnico.

10. Selado e conservación do silo.

Para a conservación do silo, ademais do emprego de conservantes, é necesario asegurar o selado do silo, para o que aconsella empregar o film protector, previo ó plástico e á lona protectora. Tampouco hai que descoidar o mantemento que se fará despois do silo, unha vez aberto, xa que vai influír na calidade final da forraxe que inxiren os animais.

Efecto do compactado do silo de herba en trincheira sobre a calidade do ensilado

O sector lácteo é un piar estratéxico na industria agroalimentaria. A cadea de produción, transformación e comercialización do sector lácteo representa un importante volume de negocio cun gran impacto económico e social xa que xera unha gran cantidade de postos de traballo e riqueza nas comarcas nas que se asenta.

Claves prácticas para ter en conta

Yolanda Trillo, membro do equipo de consultores de Dellait afirma que “para conseguir unha calidade de ensilado óptima, un dos pasos clave durante o seu procesado é a extracción de aire para favorecer ao máximo as condicións internas de anaerobioses necesarias para a fermentación láctica da herba picada”.

Esta extracción de aire lógrase mediante o compactado do material forraxeiro por pisado, xeralmente co uso de maquinaria pesada. Trillo salienta que “se a herba non está ben cortada, ten unha lonxitude excesiva, ou a maquinaria non ten o peso suficiente por tonelada de forraxe, o compactado será insuficiente”.

“O corte da herba ou o peso da maquinaria son dous aspectos decisivos para ter en conta no compactado” (Yolanda Trillo)

Existen grandes variacións na densidade de ensilaxe nos silos en trincheira -entre paredes-; segundo algúns autores, entre 133 e 269 kg de materia seca (MS)/m3 (Craig et ao. 2009) e entre 173 e 229 kg de MS/m3 (Spiekers et ao. 2009). Os valores máis altos observáronse na parte central inferior e os máis baixos, nas capas superiores e nos laterais.

O equipo Dellait reporta que “varios estudos atoparon maiores perdas de MS nos silos de trincheira que nas rotopacas de silo”. As perdas de MS nos silos en trincheira adoitan deberse ao desenvolvemento de condicións aeróbicas durante o enchido, a conservación e o desensilado ao momento de alimentar. Aínda que outros autores atribúeno á maior densidade de MS e o selado máis compacto que se consegue polo plástico elástico nas rotopacas que no silo en trincheira.

Con todo, moitas granxas de tamaño grande decántanse polo sistema de conservación en silos en trincheira polo seu menor custo. Polo xeral, e para ter maior flexibilidade no ensilado e a alimentación das vacas, unha granxa adoita ter polo menos dous silos.

A maneira de compactar inflúe

Un estudo realizado en Noruega (Randby et ao. 2020) planificou a comparativa entre o efecto do compactado do silo en trincheira mediante un tractor convencional ou cunha pa cargadora. Para iso, preparáronse dous silos de fleo, festuca, trevo violeta e trevo branco que se cortaron en condicións de tempo asollado sen precipitación.

Un compactouse cun tractor de granxa que pesaba 8.3 toneladas e o outro cunha pa cargadora de 14.5 toneladas. Unha vez cheos, ambos os silos cubríronse con plástico negro groso cunha permeabilidade ao osíxeno de 180 cm3/m2 que se fixou sobre as paredes laterais e o extremo dentro do ensilado.

A maior densidade de ensilado obtívose co compactado por pa cargadora

Despois de encher o último remolque en cada silo, as máquinas compactadoras actuaron 30 minutos máis, e en 24 horas colocouse unha capa de plástico fino de 0.04 mm con permeabilidade ao osíxeno 940 cm3/m2 sobre toda a superficie do silo, que se fixou manualmente na raia que quedou entre o ensilado superior e o plástico groso que colgaba das paredes. Colocáronse neumáticos usados por toda a superficie para aumentar o peso e o compactado da forraxe.

Silo de millo ben conservado en Granxa O Cancelo.

Neste estudo, o compactado por pa cargadora conseguiu unha maior densidade de ensilado (8.7% máis) que a de tractor (224 fronte 206 kg de MS/m3). Durante o período de conservación, os volumes de ensilado reducíronse lixeiramente máis nos silos compactados por tractor que por pa cargadora. Tampouco houbo diferenzas na composición química nin na dixeribilidade de ambos.

En canto ao efecto sobre a composición microbiolóxica, observáronse maiores concentracións de fermentos no silo compactado por tractor que no silo compactado por pa cargadora. Isto pódese explicar por unha maior exposición ao aire debido ao menor compactado durante o enchido do silo compactado por tractor.

Naqueles silos compactados con tractor percíbense maiores concentracións de fermentos

A pesar de que o aumento da densidade do ensilado reduce a entrada de aire na masa do silo durante ao momento de alimentar, non se observou que houbese un maior efecto desta maior densidade sobre a estabilidade aeróbica. Os neumáticos que se colocan na parte superior non exercen presión nas zonas próximas ás paredes laterais e traseira do silo; co que é importante aumentar o número de pasadas co tractor preto das paredes para aumentar a densidade nestas zonas.

Este estudo concluíu que os vehículos máis pesados, como as pas cargadoras, conseguen un compactado máis eficiente con maiores densidades e menores perdas de MS que os tractores convencionais.

As pas cargadoras conseguen un compactado máis eficiente

Desde Dellait, asesoran ás gandarías en todos os aspectos crave. Cun equipo multidisciplinar composto por consultores, científicos e analistas de datos combinan un amplo coñecemento do sector xunto cunha dilatada experiencia en nutrición e saúde animal, calidade de leite, prácticas de manexo e intelixencia empresarial.

Claves para mellorar a calidade do silo de herba

As Xornadas Técnicas de Vacún de Leite Seragro 2021 serviron como marco de referencia para conseguir un silo de herba de calidade.. Alexandre Udina, veterinario especialista en ensilado de forraxes, lembrou que o ensilado enfróntase a unha serie de problemáticas como unha mala fermentación ou unha inestabilidade aeróbica. Os responsables no primeiro caso son a presencia de bacterias, e no segundo caso os fungos materializados en mofos ou levaduras. Na súa intervención nesta xornada, Udina centrouse no ensilado de raygrás. O veterinario expresou que “este tipo de herba ten unha ensilabilidade media, isto é, máis fácil de ensilar que unha leguminosa, pero máis difícil que un millo”. O ‘lolium perenne’ ou raygrás inglés ten máis folla e menos tallo, o que dá lugar a un alimento máis nutritivo e fácil de compactar que o raygrás italiano.  A fermentabilidade deste tipo de raygrás ten un contido de azucres que actúan, dun xeito positivo, como substrato das bacterias lácticas para producir ácido durante a fermentación láctica; o tipo máis “interesante e compensado” segundo expresa Udina. Pola contra, a proteína actúa coma un tampón para o proceso, resistíndose a unha caída do Ph, ademais de ser un depósito de clostridios para producir ácido butírico e aminas bióxenas.  

Pautas previas ao ensilado para evitar riscos na fermentación

  A fertilización do campo ten o seu efecto no contido de ácido butírico no silo de herba e, polo tanto, influíndo na nutrición dos animais. “Se fertilizamos a pradeira con puríns ou feces frescas os niveis de butírico vanse disparar no silo”, advirte Alexandre Udina. Ademais, o veterinario especialista no ensilado destaca que “é moi importante a fertilización nitroxenada e aplicar ese nitróxeno correctamente”. Este compoñente ben utilizado aumenta os niveis de nitratos no ensilado, facendo diminuír o contido de ácido butírico.
“Se o forraxe contén menos de 1g nitrato/kg MS o risco de mala fermentación aumenta” (Alexandre Udina)
A proporción de nitratos pode desencadear unha mala fermentación O manexo e aplicación dos xurros, xunto aos montículos de terra nos campos -provocados polas toupas-, afecta directamente á aparición de clostridios. O purín inxectado reduce a contaminación sobre as follas de herba. A nivelación da terra é outro dos métodos para evitar a contaminación por butírico no ensilado de raygrás mediante unha “redución dos niveis de cinzas (terra), clostridio e butírico que mellora a calidade do silo”, especifica Udina. Existen outras cuestións previas á fermentación do silo que afectan ás mesmas a través dunha inestabilidade aeróbica. Os residuos de millo que despois da súa recolección quedan no pasto e mesturados coa herba afectan ao ensilado. “Procesar ou desbrozar os restroballos de millo é importante para reducir o crecemento dos fungos no silo”, detalla o veterinario. Localizar o momento óptimo de corte do raygrás é outro punto que destaca na súa intervención nas xornadas Alexandre Udina. Dúas semanas antes do espigado é o momento idóneo para cortar a herba, e así mesmo alcanzar un equilibrio entre calidade e cantidade. A produción, a proteína, e a capacidade de dixestión da materia prima varía moito entre o inicio da folla e o espigado. A altura de corte da herba e a aplicación dun pre-secado do forraxe son as últimas pautas previas ao ensilado que o veterinario aborda. Axustar a máquina a unha altura de máis de 6cm para sacar os mínimos residuos posibles é fundamental. Por debaixo desa medida a proporción de terra no silo vai ser maior e, polo tanto, de menor calidade. A partir desta fase é necesario proceder cun acondicionado da herba para conseguir o óptimo de materia seca en silo, que é entre un 25 e un 35%. Neste proceso cómpre “facer un pre-secado de 24/48h evitando o volteado, facendo fileiras anchas e usar rotativas acondicionadoras que eviten a contaminación do solo”, adianta Udina. A altura de corte ten o efecto sobre os niveis de cinzas do silo O picado, xunto ao compactado e ao peche, son partes finais do proceso. A lonxitude de picado ten un efecto directo sobre a concentración de ácido butírico no silo. Por debaixo dos 3cm é o óptimo, correspondéndose cunha concentración media de 3,7g/kg Ms. Sen embargo, cunha leve variación do picado, os resultados dispáranse: entre 3,1 e 6cm de lonxitude de corte os niveis de ácido multiplícanse ata case por tres, achegándose aos 10g/kg Ms. O lonxitude de picado é fundamental para evitar que os niveis de ácido butírico se disparen Na fase de compactado débese ter en conta a densidade e a altura de capa. Ademais do tamaño do picado e do uso de tractores de pisado, outro aspecto fundamental é a altura de capas. “Se facemos capas de 5 a 10 cm sempre estamos polos 200-225kg/m3 de media que é o obxectivo de densidade que debemos procurar nun silo de herba”, afirma Alexandre Udina. Outro dos consellos que engade o especialista é que se deben evitar as ‘barrigas’ no silo, isto é, que a herba ensilada non sobresaia moi por riba das paredes porque dá lugar a partes con diferente nivel de compactado. O cerrado do silo comprenderíase como a parte final. Neste momento débese facer un peche efectivo tendo en conta certas zonas problemáticas. Na súa presentación, Udina fai fincapé na necesidade de poñer un plástico entre as paredes e o silo para que non se acumule auga e non se produza un proceso de putrefacción. En canto os materiais, o uso de plásticos para o selado aconséllase que sexa de catro capas: un plástico interior de film transparente, un exterior bicolor, sacos de area e lona de protección.  

Fermentación e apertura do silo

  Unha vez pechado o silo interesa que o proceso de fermentación se inicie o antes posible. O obxectivo, tal e como o describe o veterinario especialista en ensilado, “é facer un ‘iogur’ de herba, é dicir, que os azucres da planta se transformen en ácido láctico, que así mesmo nos reducirá o pH producindo unha acidificación”, explica Udina. Que función ten esta parte do proceso? Procúrase parar a respiración da planta, reducir a actividade proteolítica, inhibir os microorganismos daniños e aumentar a capacidade de dixestión do forraxe. A fermentación no silo de herba pode ser de varios tipos diferentes. A única que resulta interesante é a láctica, concretamente a variable homoláctica que aporta unha proporción moi alta de materia seca e enerxía, aproximado 100/99 MS/enerxía. Outros tipos de fermentación que resultan negativos son aquelas que se producen por clostridios, levaduras ou enterobacterias, as cales dan lugar a unha gran perda de propiedades e enerxía do silo. “Cando vemos unha serie de liñas no silo máis escuras, que normalmente cheiran mal, débese a unha mala fermentación que orixina un ‘silo frío” (Alexandre Udina) A apertura do silo implica a entrada de osíxeno. Poida que ata esa fase se producira unha boa fermentación pero que despois existan problemas de estabilidade aeróbica relacionado coa constitución do mesmo ou unhas malas pautas de consumo. Ademais, a distancia de arriba do silo ten un efecto sobre a súa estabilidade. Conforme existe unha maior distancia de arriba do silo, o nivel de compactado aumenta e menos aire pode entrar, dando lugar a un tempo de espera alto para chegar a unha estabilidade aeróbica. Tamén é importante o avance diario da fronte do silo, para o cal Udina aconsella uns 30cm de avance, ou polo menos, non estar dous días ou máis con esta parte sen tocar. Efecto de distancia de arriba do silo sobre o nivel de compactado e as consecuencias na estabilidade aeróbica A maior quecemento do silo, maior desenvolvemento de levaduras. Unha vez aberto o silo cómpre determinar os graos do seu interior. O que debe suceder para unha correcta estabilidade aeróbica é que o rectángulo central-alto rexistre maior temperatura que a periferia. Se pasa o contrario é sinal dunha inestabilidade que está favorecendo o avance ou aparición de levaduras, o que leva a unha perda de propiedades.

Posibilidade de aplicación de aditivos

  O obxectivo de calquera gandería co ensilado é alcanzar a máxima calidade. Para isto, Udina aclarou unha serie de pautas que axudan a conseguir este obxectivo, como un tempo de pre-secado curto ou unha lonxitude de corta e picado determinada. No proceso, tanto previo á conformación do silo como de fermentación, “pode haber deficiencias do forraxe que cómpre compensar, como unha baixa materia seca, un baixo nivel de nitratos, ou mesmo carencias a nivel tecnolóxico, como un compactado insuficiente ou un avance lento da fronte do silo”, explica o veterinario especialista en ensilado. Ao igual que no ensilado existen dous grandes tipos de problemas relacionados coa calidade da fermentación e coa estabilidade aeróbica, aínda que existen aditivos que melloran estas dúas partes do proceso a través da inhibición de bacterias patóxenas, de levaduras ou fungos. A combinación de ambos tratamentos pódese levar a cabo para mellorar o conxunto do ensilado. Durante a fermentación, pódese incluír nitrito-hexamina ou ácido fórmico para reducir as perdas de materia seca, así como os niveis de butírico. Na segunda fase, pódese utilizar un ‘lactobacillus buchneri’, mellorando o tempo de estabilidade aeróbica que vai ter un silo, e achegándose a unha mellora de 6 días de media, dependendo da materia prima.

“Un bo silo de herba é a forma máis económica e razoable de subir a graxa no leite”

Antón Camarero, ademais de técnico de ADIAL, é un apaixonado da ciencia. Os seus “silo aprende”, talleres teórico-prácticos, serviron para que centos de gandeiros galegos melloren a calidade e a conservación dos seus silos, tanto de millo como de herba.

Falamos con el sobre estes últimos, os silos de pratenses, aos que augura que recuperarán a súa importancia como alimento equilibrado, san e a bo prezo na ración do gando vacún leiteiro, máxime nun contexto de subida da proteaxinosas coas que se elaboran os pensos.

Estamos en plena campaña de sementeiraq das pradarías de inverno, aínda que non son poucos os gandeiros que deciden non intercalar estes cultivos. Por que si é recomendable rotar o millo con pradaría de inverno?
Moitos gandeiros desisten de cultivar herba, seguramente debido a que lles deu moitos problemas no pasado. Os silos demasiado secos poden sufrir quecementos por crecemento de fungos que poderían mesmo ser produtores de micotoxinas. Os silos demasiado húmidos poden fermentar mal en lugar da fermentación láctica que é a desexable, medran os clostridios. Creo que cos conservantes actuais pódense facer silos de alto valor nutritivo e seguros. A estratexia é facelos con certa humidade, diría que entre un 25 e un 35 % de materia seca. A humidade axudará a que quede ben compactado e evitarase o crecemento de fungos, mentres os conservantes evitarán o crecemento de bacterias indesexables: clostridios, colis, listerias etc.

“Un bo silo de herba é moito máis completo que o silo de millo”

-Nos últimos anos considerouse á herba moitas veces como a irmá pobre do millo forraxeiro, dedicándolle menos superficie e coidados. Está xustificada esta minusvaloración da herba?
Non, un bo silo de herba pode subir dun 20% de Proteína Bruta e isto aforra o uso de proteaxinosas na ración: torta de soia, colza ou xirasol que son as materias primas máis caras. En moitos casos o silo de herba alcanza as 0,9 UFL / kg de materia seca, igual que o millo, pero sen achegar tantos almidóns e a ración é menos propensa a producir acidose. Un bo silo de herba é moito máis completo que o silo de millo e digamos que menos complicado e máis san a nivel ruminal.

-Que beneficios lle pode achegar un bo silo de herba a unha gandaría de vacún de leite, en momentos como estes de altos prezos dos concentrados?
Un silo de herba de calidade é unha boa fonte de proteína e de enerxía. Permite dar menos concentrado en xeral e máis particularmente substituír as proteaxinosas, desta forma usaremos menos penso na ración e este será máis barato

-É moito máis difícil lograr un bo silo de herba que de millo? por que?
O silo de millo fermenta sempre ben: ten pouca terra, moderada humidade e proteína e moitísimos azucres,. Os silos de herba, pola contra, sempre teñen máis terra, máis proteína bruta e menos azucres. Se a humidade é moi alta comprometemos máis a fermentación e se é baixa, máis dun 35% de Materia seca, compactará mal e quentarase durante o consumo.

-Incides en que un bo silo de herba comeza xa na sementeira. Cales son os fallos máis comúns que se adoitan cometer e que aspectos deberiamos coidar especialmente?
Mentres no millo a ninguén se lle ocorre sementar con grans da anterior campaña si se fai coa herba, a famosa “nabiña”: sementes de raigrás que se recollen deixando espigar a herba antes do seu henificado co que conseguimos un feno demasiado pasado e unhas sementes cruzadas con todos os raigrases que están ao redor.

Hai gandeiros que parece que sempre aproveitan as escasas situacións de bo tempo na primavera para ensilar, están atentos e se hai que adiantarse uns días, sacrifican algo de produción pero cóllena a tempo. Ao contrario, outros parece que nunca as aproveitan e tras uns días de bo tempo, volve un mes en que non para de chover e cando escampa a herba está pasada e encañada con baixo valor nutritivo e que non compacta polo que se quenta durante o consumo.

-En canto á elección da variedade de pratenses. Son iguais todas para garantir unha boa ensilabilidade e cantidades e calidades nutricionais? Cales recomendaría?
Os híbridos de raigrás inglés e italiano tardíos, ou os ingleses puros para pradarías permanentes. Os tetraploides son máis produtivos e con máis proporción de folla que os diploides, estes últimos son máis axeitados para o pastoreo. Aconsellaría elixir as variedades serodias pola súa marxe de manobra como xa dixemos..

“Aconsellaría elixir variedades de raigrás serodias para ter marxe de manobra á hora de ensilar”

-Segue sendo habitual sementar semente de pratenses cultivadas na propia explotación Que vantaxes e inconvenientes ten esta práctica?
Vantaxes , supoño que o prezo pero ten moitos inconvenientes . Son hibridacións impredicibles e múltiples, de baixa calidade. Descoñecemos o seu comportamento e isto complica o manexo, non sabemos o seu momento óptimo de curta ou mellor dito temos velocidades de espigado distintas en cada unha das plantas . Isto agrávase máis se se vai facendo ano tras ano. As sementes certificadas están seleccionadas para alta produción e calidade, ademais coñecemos o seu comportamento, as variedades tardías tardan en espigar ou mesmo non espigan. Isto permítenos ter unha “marxe de manobra”: Os días bos adoitan ser escasos na primavera temperá , estas variedades tardías permítennos esperar a que chegue o bo tempo sen perder demasiada calidade .

-En canto ao encalado e o abonado,
O encalado con emendas calcarias en terreos acedos como en Galicia é unha práctica imprescindible e básica. En terras cun pH acedo os nutrientes minerais son pouco asimilados pola planta, aínda que os acheguemos no abonado.

Debemos de facer analíticas de terra en cada parcela cada cinco anos aproximadamente e así saberemos as necesidades de cal, potasio e fósforo.

O nitróxeno debemos de achegar unhas 90 unidades na implantación, 120 unidades despois do corte de limpeza e outras 90 unidades un dez días despois do primeiro corte

Que recomendacións deberiamos seguir para garantir bo rendemento pero tamén reducir a posible contaminación dos silos con esporas de fungos?
É importante antes do ensilado en terras que se alternan con silos de millo rozar as canas que quedan no campo. Estes “cañotos” á intemperie crían fungos e as súas toxinas, se as incorporamos ao silo co corte de herba, meteremos todos estes indesexables.

A compactación é a principal recomendación para evitar a circulación de aire dentro do silo. O grao de compactación está determinado polo picado, a permanencia da planta verde: “stay green”, o peso dos tractores e o grosor das capas. Isto último factor é clave na actualidade: as máquinas son cada vez máis eficaces, o que se cultivaba en tres días, hoxe faise en tres horas e así é moi difícil ter tempo para compactar con capas finas, de menos de 10 centímetros..

“Un bo silo de herba é a forma máis económica e razoable de subir a graxa no leite”

-Se a climatoloxía acompaña, recomendarías realizar un ensilado dun corte de herba no outono? En que condicións?
Si o recomendaría con bo tempo, temos boas experiencias. Cortaría alto, a máis de 7 cm para evitar incorporar terra, tamén utilizaría unha boa dose de conservante (nitrito sódico) . Posteriormente faría unha análise fermentativa para asegurarme de que obtivemos un silo baixo en butírico, libre de clostridios, antes de fornecelo ás vacas ou ás xovencas segundo a calidade fermentativa.

-Nun contexto no que o prezo dos cereais parece que se vai a manter elevado durante polo menos o próximo ano, que futuro ves para o cultivo de pratenses para a alimentación do gando vacún leiteiro en Galicia?
Creo que o ensilado de herba vai á ir a máis, por suposto faranse silos de calidade cun mínimo dun 15% de PB e con menos ou non moito máis dun 30% de FAD.

-Cales son as principais vantaxes que achegan os produtos de ADIAL para lograr unha boa conservación dos silos?
Temos unha gama moi ampla de produtos : químicos e biolóxicos, funxicidas , bactericidas e mixtos , sólidos e líquidos , sales e ácidos . Destaco a molécula de nitrito sódico para o silo de herba que é moi efectiva para o clostridio e as súas esporas, formas de resistencia destes xermes. Ademais, a súa aplicación é sinxela pois non irrita os ollos nin garganta, nin corroe a maquinaria.

-Algo máis que queiras engadir?
Creo que un bo silo de herba é a forma máis económica e razoable de subir a graxa no leite. Considerar que ter unha boa porcentaxe de graxa non soamente ten un interese económico, tamén é un bo índice para avaliar a saúde ruminal.

Pasto Siambasa: principais características da forraxe e claves para o seu cultivo

O pasto Siambasa (Panicum maximun cv Mombasa) comeza a abrirse camiño como unha alternativa a ter en conta na produción de forraxes en gandarías de Galicia e da cornixa cantábrica, aínda que é aínda unha gran descoñecida para moitos produtores. Cooperativas como Delagro afrontan xa a súa terceira campaña traballando con esta gramínea e destacan as súas boas producións, fácil manexo e adaptabilidade do cultivo. "Estivemos facendo probas con outros cultivos, pero os mellores resultados lográmolos co pasto Siambasa", apunta Gustavo Espinosa, director comercial de Delagro durante unha xornada online centrada neste pasto celebrada recentemente e que contou tamén co asesoramento de persoal de EsSeeds, firma integrada por produtores e especializada na comercialización de sementes de cultivos cos que lograr un aforro nos custos de produción. Non son as únicas vantaxes que ofrece esta versátil forraxe con boas propiedades, tanto para o seu cultivo destinado ao pastoreo ou á obtención de silo ou herba seca, que é xa popular en zonas de Andalucía, Castela ou Cataluña. Ademais de lograr producións de entre 26 e 28 toneladas por hectárea de materia seca en parcelas con regadío, é unha planta moi rústica e de fácil manexo.
É habitual conseguir producións de entre 26 e 28 toneladas por hectárea. É unha planta rústica, de fácil manexo e que permite un cultivo sustentable
Outro dos seus principais atractivos é que, polo momento, no seu cultivo en España non se detectaron pragas que lle afecten. Iso convértea nunha forraxe moi sustentable ao reducirse ao mínimo o uso de fitosanitarios e exponse como unha alternativa para cumprir as esixencias marcadas desde Europa encamiñadas a unha produción cada vez máis respectuosa co medio ambiente. Tamén se perfila como unha opción para as producións en ecolóxico. Siambasa en distintas fases de desenvolvemento. // Foto Delagro.

Características principais

A Siambasa é unha planta ideal para a produción de forraxe pola súa elevada relación de talo-folla, é dicir, a cantidade de folla é case o 90% desta gramínea. O seu crecemento pode alcanzar os 1,8 metros de altura, en función das condicións meteorolóxicas e o manexo que se realice. Trátase dunha variedade cunha alta tolerancia á seca, aínda que en zonas do sur de España para o seu cultivo é necesario contar con sistemas de rega, por iso preséntase tamén como unha alternativa viable para o seu cultivo en Galicia aínda que sexa en secaño. "Nun campo de Albacete no verán, unha avaría no sistema de rega deixou a herba 32 días sen auga, xa dabamos a colleita por perdida, pero ao regala de novo recuperouse", explica Jesús Rabarillo Rueda, agricultor e técnico de EsSeeds especialista neste cultivo.
Resiste a seca, non se tomba nin encama. Ten un rápido crecemento e rebrote que axuda a eliminar a presenza doutras herbas na parcela
A experiencia en rexións como Cádiz, sometida a fortes ventos, demostrou que tamén é un cultivo que soporta moi ben estas condicións meteorolóxicas. "Fai un efecto látigo e non se tomba nin se encama?" detalla Rabarillo. Desde EsSeeds apuntan que é un cultivo moi polivalente, xa que permite diferentes aproveitamentos, posto que é unha variedade cun rápido crecemento e rebrote. "Ofrece unha maior marxe de manobra á hora da súa sega, xa que non se pasa", valora. Tampouco contén microtoxinas, o que permita un pastoreo ou corte máis temperán, xa desde os 40 centímetros. Pradeira de Siambasa en Cuntis (Pontevedra) nunha campaña pasada. // Foto. Delagro. Ademais, o ancho de folla da Siambasa proporciona unha gran sanidade á parcela non só en canto a pragas senón de herbas non desexadas. "Ao ser unha planta con tanta capacidade forraxeira evita que agromen outras malezas existentes na parcela", apunta o técnico. Ao mesmo tempo, ao ser un cultivo que cobre moito o chan tamén axuda a manter a humidade no chan.

Valores nutricionais

O seu alto aporte nutricional fai que sexa unha alternativa de forraxe moi atractiva tanto para producións de leite como de carne. "A Siambasa está a medio camiño entre o millo e a alfalfa e con boa dixestibilidade", valora Rabarillo. Lógrase un aporte de proteína de entre o 14 e o 16%. En canto á enerxía, esta variedade proporciona un 0,87 UFL por quilo. "É unha forraxe moi completa e a sinerxía que ofrece dos nutrientes permite un maior aproveitamento polo animal", indican desde EsSeeds. Ademais, é moi palatable e dixerible cunha taxa de dixestibilidade do 83%. "A vaca asimila tódolos nutrientes que adquire a través da forraxe", apuntan. A experiencia en granxas que introduciron a Siambasa na ración en lugar de alfalfa amosa que non houbo baixadas na produción.

Recomendacións no cultivo

Á hora de sementar a Siambasa, desde EsSeeds recomendan ter unha terra branda e ben traballada, solta e libre de maleza, dado que esta planta ten unha semente pequena, unhas 680.000 sementes por quilo, e a existencia de torróns pode dificultar a súa xerminación. Dado o tamaño da semente tamén é preciso axustar a sememtadeira e por este motivo tamén é aconsellable que a semente quede superficial, soterrada menos de 1 centímetro, para acelerar o proceso. Utilizar un rulo compactador mellora a calidade da sementeira. Dado o reducido tamaño da semente apenas se precisan uns 10 quilos por hectárea.
Recomendan sementala cando as temperaturas mínimas superan os 8 ou 10 graos. En Galicia aconsellan esperar até maio para plantala
Por outra banda, en función do manexo que se faga da parcela, tamén se pode recorrer a sementeira directa. En España, a Siambasa é un cultivo anual, xa que a comezos de outono coa chegada do frío é habitual que haxa unha parada vexetativa da planta. Hai produtores que optan por combinala con produción de veza ou cereal, de modo que no momento de sementeira resúltalles mellor opción sementala directamente no canto de labrar a terra. Para xerminar, esta variedade de gramínea precisa determinadas condicións de luminosidade e que a temperatura non sexa inferior a 8 graos centígrados. "Unha sementeira temperá non significa que adiantemos o proceso. O cultivo da Siambasa ten os seus tempos", comenta o técnico. En base á experiencia sobre o terreo, desde Delagro recomenda que a sementeira en Galicia se faga a partir de mediados de abril ou comezos de maio. "En zonas de costa temos visto que pode adiantarse sementeira, pero é aconsellable esperar até o 10 de maio", comenta Antonio Fernández, técnico de Delagro. Estapas de desenvolvemento do cultivo da Siambasa. // Fonte EsSeeds. En canto ao abonado, desde Delagro aconsellan un plan axustado ás necesidades da parcela e en base a analíticas previas. "Ao tratarse dunha planta con moita biomasa é preciso ter en canta as extraccións, o contido do solo e os aportes que tivo nos dous últimos anos", explica Gustavo Espinosa. O abonado debe ser en base a nitróxeno en coberteira aplicando uns 150 quilos e optar por NPK e micronutrientes para o abonado de fondo, cuns 250 quilos. Aos 15 días de sementala, é o momento de avaliar se é preciso realizar algún tratamento fitosanitario puntual pola presenza doutras herbas que poidan competir coa Siambasa. En Galicia, para atallar a aparición de herbas de folla ancha a aplicación de produtos como MCPA con 2,4D a última hora da xornada ou ao despuntar o día está a ofrecer moi bos resultados. Á hora de tratar a aparición de plantas de folla de punta recomendan realizar cortes de limpeza para aproveitar o rebrote da Siambasa, dado o desembolso económico que supón optar por herbicidas selectivos.
É fundamental que a herba se segue a unha altura de 10 centímetros para favorecer o rebrote da planta
A sega é a etapa máis importante neste cultivo. O corte da planta debe facerse a unha altura mínima de 10 centímetros desde o chan para conseguir un rebrote óptimo. "Deixar eses 10 centímetros ao segar ou pastorear permite que a planta sufra menos estrés e o rebrote sexa máis rápido. Ademais, desta forma conséguese unha maior calidade forraxeira, posto que entre o 80 e 90% da forraxe será folla", concreta o técnico. Naquelas parcelas de Siambasa dedicadas ao pastoreo, é imprescindible controlar a carga gandeira da parcela para manter esa altura mínima. En zonas de regadío poden chegarse a conseguir até 5 cortes de herba. En Galicia, recomendan realizar un primeiro corte de limpeza, cando a herba se sitúa entre os 40 e 50 centímetros e desta maneira conseguir obter outros dous cortes con moi boas producións. A planta precisa de entre 25 e 30 días entre corte e corte para alcanzar unha altura de 1 metro, aínda que estes prazos tamén se poden acurtar en función da fertilización da parcela.

Ensilado de herba 2021: boa calidade pero menos cantidade ó adiantarse a campaña

Os días solleiros do mes de marzo fixeron que a campaña de ensilado de herba se adiantase en boa parte de Galicia. Mentres os últimos anos era habitual que o ensilado se levase a cabo en moitas das zonas gandeiras a finais de abril e en maio, nestes días xa se realizaron os primeiros cortes naquelas pradeiras nas que se agarda sacar varias cortas de silo ou nas terras en rotación para o millo. Co adianto do ensilado está a verse unha baixada da cantidade de herba en comparación da recollida noutros anos. As baixas temperaturas e os ventos do Nordés destes primeiros meses do ano afectaron ó desenvolvemento e crecemento da herba. Pese a verse reducida a cantidade, a herba estivo a ser ensilada en boas condicións e, á espera dos resultados das primeiras analíticas, todo apunta a que se están a lograr silos de boa calidade. A evolución dos próximos 20 días será clave á hora de valorar a campaña de ensilado. Se as chuvias se prolongan agora poden presentarse dificultades para recoller a herba tanto para aqueles gandeiros que xa fixeron o primeiro corte e abonaron a parcela á espera dunha nova sega, como para os que decidiron agardar aínda a que medre un pouco máis a herba. Facemos un repaso polas principais zonas gandeiras de Galicia para coñecer como avanza a campaña de ensilado nestes primeiros días:

A Mariña: “Non está habendo grandes producións, como moito recolléronse uns 9.000 quilos por hectárea”

Na cooperativa Os Irmandiños, unha das tres que integra Clun, a campaña de ensilado comezou hai xa 15 días, centrándose naquelas parcelas nas que se prevé facer dous cortes para ensilado, sobre todo en prados de raigrás. “Agora haberá un pequeno impasse, xa que se estivo abonando, e, se o tempo acompaña, o segundo corte nestas pradeiras agárdase para finais de mes”, explica José Ramón Loza García, responsable de maquinaria da cooperativa. Estes primeiros cortes puideron realizalos en boas condicións, porén hai pouca cantidade de herba e están pendentes aínda dos resultados das analíticas para valorar a calidade do silo. “Como moito estivéronse recollendo uns 9.000 quilos por hectárea, non houbo grandes producións”, detalla Loza. As chuvias dos últimos meses, xunto co frío e os ventos do Nordés foron as responsables de que nestes primeiros cortes non haxa gran cantidade de herba. “As condicións meteorolóxicas non lle permitiron á planta desenvolver todo o seu potencial para este primeiro corte, pero é preciso levalo a cabo para que o segundo corte veña con forza e para que non se atrase nin o segundo, nin a sementeira do millo”, valora. No Centro de Alimentación de Gando Vacún (Cavi) que a cooperativa xestiona en Ribadeo xa fixeron o primeiro corte dunhas 50 hectáreas de raigrás. Agora agardan realizar entre esta semana e a seguinte o ensilado doutras 100 hectáreas nas que sementaron mesturas de cereais con leguminosas ou veza e quédanlles tamén outras 50 hectáreas de pradeiras naturais. “O cereal tivo unha boa implantación, aínda que quedou algo retrasado polo frío, os ventos e as chuvias. Logo do abonado foise recuperando ese crecemento. Agardamos ter unhas 6.000 toneladas de materia verde”, especifica o responsable de maquinaria.

Centro e Sur de Lugo: “A campaña está a vir moi adiantada e con pouca cantidade de herba”

Nas comarcas do centro e o sur de Lugo, este ano a campaña vén adiantada. Na cooperativa Aira, con 13 delegacións repartidas por boa parte da provincia lucense e con presencia tamén en terras do Deza, en Pontevedra, estiveron xa a ensilar naquelas pradeiras nas que se prevé facer varios cortes ou botar millo. “Este ano a campaña comezou moito antes, o bo tempo fixo que a xente se decidise a comezar co ensilado máis cedo”, concreta José Ángel Cobas Barreiro, responsable de maquinaria en Aira. En ganderías de Taboada, Chantada ou Pol, os traballos de ensilado da herba levan xa varias semanas. Tamén na zona de Guntín, onde a cooperativa incrementou este ano os seus servizos, logo de renovar o seu parque de maquinaria, comezaron a ensilar xa a semana pasada. Mentres, en Sarria, onde Aira dispón dunha planta de forraxes húmidas, o ensilado aínda tardará en arrancar. “Contamos comezar nas próximas semanas, para deixarlle o tempo preciso para que o abonado teña efecto na pradeira”, prevé Cobas. Nos primeiros ensilados están a lograrse silos cunha boa calidade, pero a cantidade de herba viuse reducida notablemente. “Estamos a sacar arredor dun remolque ou remolque e medio por hectárea, cando outros anos se chegaba a 3. Temos menos cantidade de herba, pero ata agora recolleuse nunhas moi boas condicións e son silos dunha boa calidade”, explica o responsable de maquinaria.

No Deza: “Os próximos 15 días van ser decisivos para a campaña. Os primeiros silos teñen boa calidade e cantidade”

Nunha das principais comarcas leiteiras do centro de Galicia, o Deza, o ensilado aínda está comenzando. Na cooperativa Cobideza, con sede en Lalín e delegacións en Vila de Cruces e Silleda, iniciaron a semana pasada os primeiros cortes de herba. Nesta campaña teñen previsto segar unhas 400 hectáreas de herba. Polo momento, os cortes que se realizaron deixaron un balance satisfactorio tanto en cantidade como en calidade. “Por agora están sendo bos silos, pero estes 15 días de abril serán decisivos para a campaña”, explica Kiko Mosquera, responsable de maquinaria da cooperativa. Se as chuvias son moderadas e permiten que a herba vaia medrando e ó mesmo tempo se vaia ensilando a campaña resultará un éxito, mentres que se se prolongan as chuvias “pasaranos como outros anos: moita herba, encamada e sen ser posible ensilar en boas condicións”, recoñece Mosquera. Nesta zona a campaña comezou con máis dun mes de adianto. “O habitual é que comece a finais de abril e se faga en maio, xa que normalmente non viña marzo tan seco”, indica.

Xallas e Barcala: “O ensilado puido facerse en boas condicións, hai pouca cantidade de herba pero é un dos silos de mellor calidade dos últimos anos”

Na cooperativa Ganxabar, en Mazaricos (A Coruña), este ano o ensilado adiantouse case 15 días con respecto das últimas campañas e está bastante avanzado. “Ensilamos xa unhas 170 hectáreas de pradeiras permanentes e agora estamos cunhas 160 hectáreas que temos para facer un só corte e logo sementar millo”, concreta Adrián Cundíns, xerente da cooperativa asentada na comarca do Xallas. O frío do inverno tamén reduciu a produción de herba nesta zona, pero o bo tempo das últimas semanas permitíulles facer un ensilado nunhas condicións óptimas e conseguindo acceder coa maquinaria en parcelas nas que outros anos resultaba moi complicado. “A nivel técnico o ensilado puido facerse moi ben. A produción viuse un pouco afectada polo frío do último mes, que tampouco axudou a que os abonos permitisen un bo crecemento, pero estanse logrando silos de moi boa calidade”, apunta. Así, aínda que a produción das pradeiras é máis modesta que a lograda na campaña pasada, está a ser unha das mellores dos últimos anos no que á calidade dos silos se refire. “Ó ser máis pequena a herba ten moita calidade, moita proteína, moi boa dixestibilidade e pouco caño. As perspectivas son moi boas para a calidade do silo, aínda que non sexa o mellor ano en canto a rendemento. En termos xerais contamos que será unha boa campaña, xa que nós procuramos máis ensilados de calidade, por riba da cantidade”, concreta. En dúas ou tres semanas retomarán tamén o ensilado nas parcelas que teñen pradeira permanente. “A intención nestas terras é facer 3 ou 4 cortes, en función de como veña o ano”, conclúe.

Aira inviste máis de 1,5 millóns de euros en renovar e ampliar o seu parque de maquinaria

A cooperativa agrogandeira Aira, con sede central en Taboada (Lugo), acaba de pechar a compra dun lote de maquinaria renova e amplia o seu parque. A compra da maquinaria, que comezou a fraguarse a finais do pasado ano,supón un investimento de máis de 1,5 millóns de euros. A cooperativa adquiriu un lote de equipos entre os que se inclúen oito segadoras, delas unha segadora autopropulsada e dúas mariposas, unha colleitadora modelo Claas 970 de 10 filas, dúas colleitadoras Claas 960 de 8 filas, oito tractores e 10 remolques. No conxunto tamén se inclúe outra maquinaria coma arados e sementadoras, que contribúe a mellorar as prestacións do parque. “A compra pretende reforzar o parque de maquinaria que temos a día de hoxe tanto en Chantada coma en Pol e permitiranos tamén mellorar os servizos que ofrecemos ó socio ó poder establecer dous novos puntos con maquinaria fixa en Sarria e Guntín e incrementar as prestacións para a comarca do Deza, ó dispoñer de máis maquinaria na delegación de Aira en Silleda”, explica José Enrique Otero Díaz, director de Subministros e Servizos na cooperativa. Tanto o parque de Sarria coma o de Guntín contarán xa nesta campaña de ensilado de herba cun equipo fixo integrado por unha colleitadora, tres tractores e outros tantos remolques. Dende a cooperativa sinalan que a creación destes parques auxiliares con maquinaria propia e fixa tanto en Guntín coma en Sarria busca mellorar as prestacións que se ofrecen ós socios nestas zonas para poder atender a demanda existente e complementar os servizos que xa se viñan prestando nestes concellos coa colaboración de distintas empresas, coas que se seguirá a traballar.

Revisión e posta a punto

Toda a maquinaria foi adquirida á firma lucense Ramudo de Bretoña SL. “Estamos terminando a revisión e posta a punto da maquinaria para a campaña de ensilado de herba”, concreta José Ángel Cobas Barreiro, responsable do parque de maquinaria na cooperativa. Boa parte das máquinas xa se atopan nas propias instalacións da cooperativa preparadas para os traballos de sega e ensilado da herba, que está a comezar de xeito paulatino nestes días nas distintas delegacións de Aira.

Parque de maquinaria

A operación permite que Aira siga a consolidarse como unha das principais cooperativas en Galicia tanto en volume de facturación como en servizos ós socios. A compra de maquinaria permite que nestes momentos a cooperativa dispoña dun amplo equipo pensado para tarefas fundamentais para os gandeiros como son ensilado tanto de herba como do millo, alimentos básicos nas racións do gando vacún de leite, e cada vez máis tamén do de carne. O incremento do parque de maquinaria supón tamén un incremento do cadro de persoal da cooperativa. Así, está prevista a contratación de 8 profesionais especializados na condución deste tipo de maquinaria que se engaden á trintena de empregados do parque de maquinaria da cooperativa, unha cifra que se incrementa durante as campañas co aumento da carga de traballo. Polo momento, xa se contrataron 5 traballadores. Con esta adquisición, Aira pasa a dispoñer dun parque de maquinaria no que destacan 11 colleitadoras, o que o convirte no máis grande de Galicia en volume de maquinaria. “Cada vez as campañas son máis concentradas, queremos que todos os gandeiros realicen o ensilado no momento óptimo dos cultivos, xa que isto tradúcese nunhas mellores producións (cuantitativa e sobretodo cualitativa) e reducións de custos”, detalla José Enrique Otero Díaz.“Tentamos reducir ó minimo o tempo que pasa entre a recollida dos forraxes de inverno e o cultivo do millo para que os socios poidan optar por ciclos de millo máis longos que tamén lles proporcionen mellores resultados, polo que é fundamental contar con maquinaria dispoñible para afrontar ese volume de traballo”, puntualiza. Para optimizar a produción de forraxe para os socios, ademais dos equipos e cadro de persoal propio, Aira conta con autónomos e empresas de servizos para reforzar o incremento puntual do volume de traballo.