Archives

Primavera de Portas Abertas na Ruta do Viño de Valdeorras do 3 ao 5 de maio

 
De esquerda a dereita a secretaria da Ruta, Araceli Fernández; a vicepresidenta, Montserrat Rodríguez e a técnica da Ruta do Viño, Cristina Núñez. A vicepresidenta da Ruta do Viño de Valdeorras, Montserrat Rodríguez, presentou este venres a programación dunha nova edición da `Primavera de Portas Abertas, coa que a Axencia de Turismo de Galicia e as cinco rutas do viño participantes (Valdeorras, Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra e Monterrei) pretenden poñer en valor a oferta enoturística da Comunidade. Referíndose á programación prevista desde a Ruta de Valdeorras, a vicepresidenta salientou que se trata “dunha proposta de calidade que esperamos sirva para consolidar a tendencia a alza da participación rexistrada nas últimas edicións e coa que agardamos romper récords de visitantes”. Neste sentido, salientou que as previsións parecen confirmar o interese por esta Ruta, xa que practicamente están cubertas as prazas en todas as actividades. Durante a presentación da iniciativa esta mañá no Mosteiro de Xagoaza, Montserrat Rodríguez amosou o desexo do organismo de que a celebración desta Primavera de Portas Abertas`’ se converta “nun revulsivo para a comarca, dinamizando a economía da zona e desestacionalizando un turismo esixente e de calidade”.

Programación diversa e completa

A vicepresidenta da Ruta do Viño de Valdeorras destacou que por segunda vez consecutiva, “temos a responsabilidade de inaugurar as cinco fins de semana de divulgación das propostas enoturísticas que engloba ‘Primavera de Portas Abertas’”. Concretamente, será do 3 e 5 de maio e desde a entidade xa teñen preparada unha diversa e completa programación con 15 actividades que van desde visitas guiadas a lugares e espazos do patrimonio da comarca, xantares tradicionais, cantos de taberna, rutas en bicicleta, carreiras de orientación, visitas a espazos naturais e tamén ás antigas minas de wolframio da zona, entre outras e por suposto, as covas, tan singulares e identitarias desta ruta do viño. Neste punto, Montserrat Rodríguez quixo ter palabras de agradecemento para as 13 adegas participantes, que terán ocasión de amosar a excelencia, propiedades e matices dos seus viños máis definitorios e tamén para os establecementos da rede hostaleira e de restauración da comarca, que elaboraron paquetes deseñados concretamente para esta acción con propostas de aloxamento e restauración a prezos moi especiais. “Todos eles implicáronse neste programa”, subliñou poñendo en valor a programación pensada para o visitante onde un dos pratos fortes será un showcooking protagonizado pola recén galardoada mellor cociñeira no Galicia Forum Gastronómico, Begoña Vázquez, propietaria do Restaurante Regueiro da Cova. A restauradora mostrará aos visitantes “o seu bo facer sobre a base da cociña tradicional con toques vangardistas, acompañando os seus pratos cos excelentes caldos da nosa comarca”. O éxito desta convocatoria enoturística provocou que xa se cubriran todas as prazas dos autobuses fretados pola Ruta do Viño de Valdeorras que sairán de cinco cidades galegas (A Coruña, Ourense, Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela) e de Ponferrada. De todos os xeitos, os interesados en visitar algunha das trece adegas que participan nestas xornadas de portas abertas poden facelo desprazándose por medios propios. Poden consultar toda a programación en detalle así como as rutas dos buses do viño nas nas webs da Ruta del Vino Valdeorras e de Turismo de Galicia.

“Bodegas Marqués de Vizhoja vai plantar 50 novas hectáreas de viñedo en Rías Baixas e relanzar a oferta de enoturismo”

-Estamos en Bodegas Marqués de Vizhoja, nunha contorna histórica e rodeados dunha das maiores plantacións de viñedo de Rías Baixas. Cal é a historia que hai detrás desta adega? Bodegas Marqués de Vizhoja xurdiu no ano 1968 e aínda non existía a DO Rías Baixas e o meu pai e o meu avó elaboraban este viño, comprando tamén uvas na zona do Tea. Houbo un premio moi importante e o premio foi unha folla de parra, e de aí o meu pai viu que a folla ía ser o selo de Marqués de Vizhoja. Observou ao seu ao redor e viu que todo eran marqueses e condes e por iso decidiu que ía ser o marqués da vide e da folla. Cando fixo as etiquetas coa folla do premio, déronse conta que puxeron o D por unha Z e ao meu pai gustoulle máis e deixárono así. Foi un erro pero saíu xenial e fonéticamente escoitábase mellor. -Contades con 40 hectáreas de viñedo, poucas adegas en Rías Baixas poden presumir de contar con tanto viñedo propio. Como foi o proceso de adquisición e plantación de viñedo no voso caso? Estamos en Galicia, e por tanto na terra do minifundio. E en Arbo, máis minifundio aínda... Nós queremos concentrar case todos os viñedos ao redor da adega, como os pagos franceses. Ter un castelo, no noso caso, aquí en Galicia é un pazo, cos viñedos ao redor. Agora mesmo temos unha ampliación de 50 hectáreas novas nun terreo por riba da adega, é dicir, seguimos no mesmo municipio, no mesmo pobo. Iso non é nada fácil co minifundio galego, ás veces compramos terreos de 500 ou 1000 metros cadrados.. É unha das grandes problemáticas e agora mesmo creo que se está dotando dunha serie de ferramentas para que a parte do campo en Galicia podámola atender mellor porque do contrario a xente non vai vir ao rural. Logo temos a problemática dos incendios, aquí padecémolo moito, un ano queimóusenos media hectárea, pero iso pásanos a todas as adegas. -Nos últimos anos grandes adegas de fóra de Galicia están a tentar asentarse tamén na DO. Rías Baixas. Coas características da vosa adega supoño que teriades máis dunha oferta de compra....Pódesnos comentar algo? Como valoras o momento actual que está a vivir a DO? A DO está a vivir uns anos moi bos, está a facelo francamente ben, co formato, inducidos tamén polas adegas....E estamos a competir cun prezo para dar o caché que necesita Rías Baixas. A uva ten un prezo bastante alto para o que é a uva a nivel de España. As adegas de fóra claro que queren vir a Rías Baixas, é o branco español por referencia. Pero ninguén me veu chamar á porta para comprar a adega, supoño porque van buscando adegas máis pequenas e alcanzables de comprar que a nosa.
 As adegas de fóra claro que queren vir a Rías Baixas, é o branco español por referencia
-Descríbenos como son os vosos viñedos e que características destacarías... Nós fomos uns pouco pioneiros no de ir a espaldeira e non a parra. O meu pai foi das primeiras persoas que apostaron polo sistema de espaldeira en Galicia. Temos un chan e orientación moi boa, chan granítico, estamos rodeados dun val, por iso queremos todo ao redor do noso propio val, aos pés do Río Miño, o cal nos dá unhas pequenas humidades, e estamos no interior de Rías Baixas, éntranos un pouco da brisa do Atlántico a traves do Miño pero somos unha zona de interior e cremos que a zona de Tea e Arbo é a mellor zona da DO. Rías Baixas e por iso aquí queren vir outras adegas e estanse asentando ao redor de O Condado. -Estamos no arranque da colleita 2024. Como foron os labores de poda e as primeiras fases do ciclo vexetativo desta campaña? Esta campaña como todas, temos moi claros as nosas formulacións e protocolos de traballo, están suficientemente claro como temos que actuar pero ás veces a climatoloxía xóganos boas ou malas pasadas. Este ano ía todo moi ben ata que veu un xaneiro que parecía verán case, chegando a temperaturas de case 30º na zona e empezou co seu ciclo vexetativo, daquela os fríos están a paralo un pouquiño e agora empezan os primeiros brotes. A climatoloxía é a que nos vai a dar os pasos a seguir, pois os nosos protocolos de actuación van en función da climatoloxía. -A fertilización xoga un papel clave o a produción e calidade da uva. Que protocolos seguides? Todos os anos facemos moitas analíticas de campo, de zonas. Hai que facelas e sobre iso actuamos. Cos abonos, con todo, imos estudando a planta día a día e imos facendo cambios. O que non se usa desde hai moitísimos anos son herbicidas nin abonos naturais de cabalo, coello... Porque creo que hai restos que non son bos, antibióticos... Usamos unhas técnicas moi exactas para conservar o medio ambiente e ter un solo que se protexa a si mesmo, trátase de volver á cultura dos nosos avós, e iso non o consegues nin nun ano, nin en dous nin en tres. Tentamos ser o máis ecolóxicos posibles. -Empregades abonos e emendas de Ecocelta. Que vos levou a empregar os seus fertilizantes e que vantaxes valorades? É unha moi boa compañía que aposta por ser o máis natural posible e potenciar os nosos solos, e son un dos nosos provedores. -En canto ao laboreo do chan, que protocolos seguides para o control da cuberta vexetal? Creo que o mundo, xa non só falo de Galicia, está a darse conta de que hai que ter chans vexetais, non podemos arar os solos e deixalos secos. Pola contra, se deixamos capas vexetais hai humidade, natureza, insectos... Teñen que ter vida, se os deixamos desprotexidos todo vai ser deserto, e co cambio climático moito peor. Por iso hai que seguir protocolos dependendo das zonas, non é igual unha zona máis alta ou unha zona máis baixa, ou segundo o tipo de inclinación.. Pero reitérome en que ten que haber capa vexetal e natureza sempre. -Que estratexias seguides en Marqués de Vizhoja para controlar o mildiu? Como todas as adegas, sulfatamos, non nos queda outra. Pero hai unha cousa clave, en 12 horas somos capaces de tratar todo o noso campo e iso é algo importantísimo. Porque pode chover, entrar fin de semana...e como entre a espora é moi difícil combatela. O ano pasado houbo zonas que foi un verdadeiro desastre, houbo xente que como nós, tivo unha colleita magnífica, de feito a DO aprobou un aumento de produción en campo, pero houbo xente que non chegou a recoller nada, porque se tardas dous días e éntrache a espora, estás acabado, e máis se entra o fin de semana e empezas a traballar o luns. Xa non es capaz de erradicala. Iso si, hai que investir en campo, traer tractores, desbrozadoras...
Co mildio se tardas dous días en tratar e entra a espora, estás acabado
-Estamos nunha zona onde xa foi detectada pola Xunta a presenza da Flavescencia Dourada. Como valorades as medidas adoptadas para frear a súa propagación? É outra enfermidade máis. O que vive do campo ten que convivir con isto. Isto non é novo e xa vén doutros países que o están combatendo. A Xunta está a xogar un bo papel, está a pór detectores polas zonas do Río Miño, pois vennos a través de Portugal, e hai que estar moi atentos, vixiar e educar ao persoal que temos en campo para que eles tamén vexan como é e sobre todo traballar con trampas que hai que estar a controlar constantemente. É unha cousa moi perigosa e temos que estar todos moi de acordo nos protocolos a seguir, porque do contrario poden vir os viñedos abaixo e sería un desastre económico para todos. -Que outras técnicas aplicades para mellorar a calidade da uva? O primeiro, cada planta é cada planta. Ti tes que estudar á planta, cada planta é única, como as persoas. Hai plantas moi antigas e outras que son máis novas, temos de todo tipo de idades, é un protocolo de aprender a observar á planta para sacarlle unha boa uva. E logo hai que facer podas en verde, tirar acios ao chan, e iso doe ás veces un pouquiño, pero hai saber que cargas lle podemos dar a cada planta, especialmente despois da floración. -Que rendementos logrades nun ano normal nos vosos viñedos? Comprades tamén uva a viticultores? Si, compramos uva, pero sempre ao redor da adega. Non compramos uva de fóra do Condado do Tea. Os rendementos en campo van variando, cada ano é distinto. O ano pasado foi bo, pero unha media normal pode ser entre 8 ou 10 mil quilos por hectárea. Pero reitérome en que depende da climatoloxía, é moi complicado. Este ano non sabemos pero gustaríame sabelo. -O voso viño máis coñecido é Marqués de Vizhoja. Que destacarías da súa elaboración e características? Cantas botellas vides elaborando e onde están os seus principais mercados? É un viño fóra da Denominación de Orixe Rías Baixas por temas comerciais. É un viño afrutado, novo, un viño que nunca falla e que sempre che vai deixar quedar moi ben. Logo ten moi boa presentación e un prezo moi razoable, por iso véndense case 2 millóns de botellas. Logo está a Torre La Moreira, un albariño 100% que se elabora a partir das uvas das viñas de ao redor da adega e coas novas ampliacións. En canto a Señor da Folla Verde é o noso viño típico da subzona do Condado, é a nosa marca máis elitista, máis alto de gama e máis especial. -O prezo de venda ao público da botella de Marqués de Vizhoja está nos 4,65 euros. Como logrades ser tan competitivos en prezo mantendo a calidade? Con moito traballo, amor e ganas.
“A decisión de deixar o viño Marqués de Vizhoja fóra da Denominación de Orixe Rías Baixas foi por estratexia comercial pura e dura”
-Este viño tamén se atopa fóra de DO. Rías Baixas. Que vos levou a non amparalo baixo o Consello Regulador? No ano 1985 o meu pai adquiriu o que é a finca A Moreira e aí é onde decidimos montar as adegas Marqués de Vizhoja que antes as tiñamos en Vigo. Desde aí foron pasando os anos e apareceu a DO Rías Baixas e o meu pai nun principio non quixo meterse por estratexia comercial e un tema de prezos. Marqués de Vizhoja xa vendía unha boa cantidade de viño por medio mundo e decide deixar que ese viño de autor seguise o seu camiño, e facer dúas novas liñas comerciais: unha Torre La Moreira, que é 100% albariño, e un Señor da Folla Verde que é un viño típico da zona de aquí, no noso caso 70% albariño, 15% loureira e 15% treixadura. Esa foi un pouco a estratexia comercialmente, por iso temos viños dentro da DO e Marqués de Vizhoja está fóra da DO, foi estratexia comercial pura e dura. -Dentro de DO tedes "Torre La Moreira" e "Señor da Folla Verde". Que destacarías destes viños -elaboración, cata, número de botellas- e como está a ser a súa acollida no mercado? Torre La Moreira é 100% albariño, está na DO só se vende en hostalaría e tendas especializadas e anda nunha franxa de 8-10 euros. Señor da Folla Verde é un viño típico da zona de aquí, no noso caso 70% albariño, 15% loureiro e 15% treixadura. É o noso viño máis elitista, comercialmente andará entre uns 13-15 euros. Estes dous viños son elaborados 100% con uvas dos nosos viñedos e implican coidados diferentes. -Completades o voso portfolio coa elaboración de licores, con formatos novos. Que vos levou a dar este paso e que destacarías destes produtos? No mundo licores temos o que hai que ter: augardente, licor de herbas, licor café e a nosa famosa e recoñecida crema. Decidimos facer unhas monodoses para os carajillos e sobremesas. Na hostalaría reenchíanse moitas botellas e o consumidor non sabe o que está a beber por iso fixemos estas monodoses antichorreo, é un invento que recibiu moitos premios a nivel mundial, é unha cousa moi específica que non hai en moitos sitios e é a mesma tecnoloxía que se usa no mundo farmacéutico. Fixámonos nos monodoses das salsas nas hamburgueserías e pensamos en facer algo parecido pero cunha tecnoloxía que asegure a calidade do produto.
 “As nosas monodoses de licor de herbas, licor café e augardente garanten ao cliente a autenticidade do produto”
A crema é o que máis nos custou elaborar, é a única crema galega de 19º. Hai moitas cremas no mercado que parecen leite ou nata, entón quixen elaborar unha moi boa crema. -Bodegas Marqués de Vizhoja tamén aposta polo enoturismo, unha área de negocio en Galicia na que aínda queda camiño para a súa profesionalización. Que destacarías da vosa experiencia e cales consideras que son as claves para que sexa unha actividade rendible para unha adega? Estamos vinculados co enoturismo porque temos un marco impresionante, un pazo, viñedos ao redor, e traballamos moito o enoturismo. Agora témolo paralizado porque estamos a preparar o pazo e un proxecto moi importante a nivel enoturismo. É un turismo que está en auxe, polo que temos que seguir sendo punteiros, e máis coa contorna impresionante que temos aquí.
“Imos plantar 50 novas hectáreas de viñedo”
-En que proxectos de futuro estades a traballar? As novas 50 hectáreas que temos para poder plantar e tamén hai uns marcos de plantacións, variedades, algúns cambios en tema campo. E logo o gran proxecto de enoturismo que temos entre mans. -Como ves a adega dentro de 10 anos? Vai seguir sendo unha adega 100% familiar e seguirei traballando pois terei 60 anos, e seguirán formándose e traballando os meus sucesores para cando chegue o día do relevo. -Por último e non menos importante, a viticultura é unha actividade que xera moita riqueza e emprego no rural. De que cifras estamos a falar no caso de Bodegas Marqués de Vizhoja? O rural hai que asentalo, somos galegos, vivimos diso. Nós, como empresa, queremos loitar por asentalo. Estamos nunha facturación duns 7 millóns de euros, unha das adegas máis importantes de Galicia. Temos 30 traballadores e no novo proxecto entrará un bo número de persoas que amen a terra. -Algo máis que queiras engadir? Convidar aos consumidores que sigan consumindo Marqués de Vizhoja, viños da DO Rías Baixas e viños galegos, seguir triunfando no mundo enteiro.

EDV, unha adega da Ribeira Sacra que aposta polos viños brancos

Pablo, nun dos viñedos da adega familiar en Margaride Na aldea de Margaride, pertencente á parroquia de Quintá de Lor (Quiroga) está EDV Viticultores, un proxecto familiar de elaboración e comercialización de viño que está a medrar, coa plantación de vides de variedades como godello, treixadura, branco lexítimo ou loureiro e a construción dunha nova adega enfocada tamén cara o enoturismo. Na casa de Pablo, a Casa do Cosme, sempre se fixo viño, igual que na maioría das da zona. O seu pai, José González Losada, marchou de funcionario a Ponferrada pero mantivo as vides até que no ano 1999 Pablo decidiu que quería vivir no rural e apostou por profesionalizar a produción. “Cando empezamos tiñamos uns 5.000 metros cadrados en 3 ou 4 parcelas”, lembra Pablo. Hoxe traballan máis de 10 hectáreas (6,5 propias e 4 mediante outro tipo de tenza) e están a preparar o terreo para plantar outras 4 hectáreas, tres delas pegadas á adega pola parte de arriba.
Traballan 10 hectáreas e están a plantar outras 4. Fan diferentes tipos de viño, desde viño de mesa a viños especiais
Ademais de decantarse polos viños brancos dentro dunha Denominación de Orixe caracterizada polos tintos, EDV busca diferenciarse a través dos seus viños de garda e de barrica e a nivel produtivo, leva a cabo medidas culturais na viña para reducir o uso de fitosanitarios. Aposta polos brancos na terra dos tintos Pablo apostou sempre polas variedades brancas nos seus viñedos. “A primeira planta de godello que mercamos trouxémola no ano 1992”, destaca. Nas novas hectáreas que están a plantar o 95% van ser tamén castes brancas, sobre todo godello, pero tamén treixadura, branco lexítimo e loureiro. Na actualidade contan cun 85% de godello e cun 15% de treixadura.
A primeira planta de godello que mercamos trouxémola no ano 1992
A nova plantación dá sentido a moitos anos de traballo. Lograron facerse con 26 parcelas para xuntar nunha peza 4 hectáreas pegadas á bodega pola parte de arriba, entre as casas e o monte. É tamén deste xeito o mellor cortalumes que ten hoxe a aldea de Margaride, que se salvou por pouco do incendio que afectou á zona fai 3 anos. “Esta finca eran toxos e xestas, esa era a vexetación espontánea que tiña, e a capa de solo eran 3 dedos, pero o solo pode facerse encalando e abonando, o máis importante é a orientación, sobre todo pensando en poñer godello”, di.
O viticultor ten que buscar optimizar a parcela ao máximo
O deseño da plantación está pensada en optimizar a parcela e tamén en facilitar o traballo, sobre todo tendo en conta os problemas de man de obra, que xa se están a dar en momentos como o da vendima. “Nunha parcela profesional o que tes é que optimizala ao 100% sen perder os ratios de calidade”, defende. Entre liñas están a deixar entre 2,15 e 2,20 metros para poder mecanizar e optaron por colocar espalderas a 45 grados nos perímetros (suman 1 km todo ao redor da finca) e parrais a 3,5 metros de altura nas zonas de volteo da maquinaria para non perder eses espazos para a produción. “Esas zonas ocupan en total uns 7.000 metros cadrados, que equivalen a uns 8 o 9.000 quilos de uva, que pasado a cartos son uns 15 ou 16.000 euros”, calcula Pablo. Pensando na barrica Parte do viño elaborado por EDV pasa en barrica entre 4 e 14 meses Teñen previsto tamén arrincar uns 8.000 metros cadrados de mencía e restruturar as variedades tintas coa plantación de caíño, coa intención de “apoiar nos viños de garda e axudar á uva mencía nos procesos de barrica”, explica. “A nosa intención é reducir viños xoves e irnos máis a viños de garda e barrica e o caíño ten máis estrutura e máis corpo que a mencía e tamén máis taninos e máis color”, explica Pablo. “Penso que o futuro da Denominación de Orixe pasa por reducir os viños xoves e apostar máis pola barrica. A Ribeira Sacra ten viños para competir nese mercado con Borgoña, con Brasil, con Chile, con EEUU ou con grandes zonas de Italia”, asegura.
O mercado dos viños xoves estase a reducir; hai que buscar outras alternativas á hora de elaborar
“O mercado dos viños xoves estase a reducir; hai que buscar outras alternativas á hora de elaborar e posicionar no mercado outras alternativas porque a tendencia mundial non é a dos viños xoves e nós temos que entrar na Champios League dos viños tintos, non podemos seguir en Segunda División. Agora somos os primeiros da Segunda División e o que temos que tratar é de ascender e ir cara os primeiros postos da Primeira División”, compara Pablo. “Os grandes viños lógranse a base de mesturar uvas de distintas parcelas, onde cada unha delas aporta a riqueza que ten”, di. Con esa idea, fixéronse tamén cunha hectárea de terreo no Carballo, a 700 metros de altitude, tratando de buscar viños con menos graduación alcohólica e con máis acidez. “Con esa uva buscamos frescura, viños de 12 grados máis expresivos en boca”, explica. “O godello non se dá en todos os sitios nin vale para todo o mundo” Nova plantación realizada na ladeira situada detrás da adega, con orientación nordeste e o río Lor ao fondo. Margaride sitúase en primeiro termo e Freixeiro enfronte, na outra marxe Pero nese proceso para complementar a uva mencía Pablo alerta da complexidade que supón traballar con castes como o merenzao, o mesmo que pasa con algunhas variedades brancas. “Agora que está moi de moda o godello hai que pensar que é unha variedade que non se dá en todos os sitios e aquí na Ribeira Sacra hai que escoller moi ben onde se pranta”, di, porque “hai que ter moito coidado coas orientacións, coas isolacións e cos tipos de solos”. “Ao mencía válelle todo, pero ao godello non”, remarca. 
Ao mencía válelle todo, pero ao godello non; hai que ter moito coidado coas orientacións, coas isolacións e cos tipos de solo
“Nós estamos nunha desas zonas nas que se dá e temos experiencia de moitos anos manexando esta caste”, engade. Aínda así, recoñece, “non estamos no godello a un 70 ou 80% de produción como podemos estar nunha variedade tinta, estamos moito máis baixos”. Iso fai que os prezos da uva sexan máis altos a respecto da mencía, tanto pola menor produción como pola necesidade de maiores coidados. “Dun día para outro o godello cambia por completo e en menos de 24 horas podes perder a colleita, mentres que no mencía pasan 9 ou 10 días para empezar a notar os síntomas”, asegura.
Ti non podes meter á xente a unha variedade que descoñece e que require de moitas máis atencións cando aquí a maioría da viticultura é de fin de semana
Por iso, di, “ti non podes meter a un viticultor non profesional a unha variedade que descoñece e que precisa dunha profesionalización altísima porque hai que estar atendéndoa ao 100% cando aquí a maioría da viticultura é de fin de semana”, advirte. 40.000 kg de uva A produción actual de EDV é duns 40.000 quilos de uva ao ano nas súas parcelas, máis algo que compran a maiores a outros viticultores locais. Desa produción máis do 85% son variedades brancas e o 15% restante tinto. Pablo, persoa observadora e que gusta de traballar con datos, pon números ás producións medias na Denominación de Orixe e os seus custos. “O máximo que está permitido son 9.000 e pico quilos por hectárea de mencía e hai que andar detrás dos viticultores porque todos se van a 10 ou 12.000 quilos e sen grandes atencións, porque o mencía é unha variedade super agradecida”, asegura.
Coa mencía ou outra variedade tinta podes durmir tranquilo; o godello é para non durmir
Sen embargo, di, a produción máxima para o godello está establecida en 11.800 quilos, pero “o ano que consegues 8.000 es un fenómeno”, admite. “Cando se fala de que o godello se paga tanto hai que botar conta tamén dos custos de produción, porque duplicas tratamentos e duplicas traballo en viñedo facendo podas en verde, varando, atando, recortando, que é algo que non o fas na mencía. Por iso, a diferenza entre os 15.000€ por hectárea que lle podes sacar a unha parcela de godello con respecto aos 11.000€ dunha de mencía está niso, nos gastos a maiores, o traballo e as dores de cabeza”, razoa. Catador en certames internacionais Pablo leva uns 10 anos asistindo a catas internacionais, ás que acode tanto cos seus viños como tamén como catador e destaca a grande valoración que tanto os brancos como os tintos da Ribeira Sacra acadan en certames como CERVIM, considerado o máis importante para a viticultura heroica a nivel mundial. Acudir a estes certames sérvelle para facer contactos pero tamén para coñecer de primeira man como están a evolucionar as tendencias no sector do viño. “Fago unhas 8 ou 10 catas todos os anos, tanto en España como noutros países, como Francia, Italia, Alemaña ou Bélxica e iso permíteme estar ao día dos cambios no sector e ver como se está a traballar nas distintas zonas. Iso permíteme despois acabar de perfilar os nosos viños e tomar decisións na nosa bodega”, razoa. 
O ano pasado lograron un Gran Ouro en brancos e un Ouro en tintos en CERVIM en Italia
O ano pasado lograron cos seus viños 16 premios, entre eles un Gran Ouro en CERVIM en Italia para Inseparables godello e un Ouro para o Don Cosme mencía. Nos tintos, fan dous viños xoves (Don Cosme e Inseparables) e dous máis en barrica (A Conchousa e As Covas), o mesmo que nos brancos (os xoves Don Cosme e Inseparables e O Robledo e A Carreira, que maduran 4 e 14 meses en barrica respectivamente). A maiores, teñen a marca 40 años, na que os beneficios obtidos son donados á investigación contra a enfermidade dexenerativa do ELA. Diferenciación Inseparables godello e mencía de EDV, premiados en distintos certames nos últimos anos Nesa aposta pola diferenciación, a adega EDV destina o 50% da súa produción a viños de rotación anual e a outra metade e elaboracións especiais. “Nos brancos, por exemplo, temos un godello xove con moita intensidade aromática, moi doado de beber, e nas cepas máis vellas facemos viños máis estruturados e máis complexos en nariz que van estar 2 ou 3 anos en botella e que son viños de corpo como os que se fan en Francia ou en Italia. E nos tintos, o mesmo, mesturamos garnacha con mencía até nun 15% para sacar viños xoves e os viños máis estruturados métense a barrica. Buscamos viños de longo recorrido, que poidan estar 2 ou 3 anos en barrica pero que non evolucionen”, explican.
Os viños de rotación anual son os que che permiten pagar as facturas e os viños máis marquistas, con maior marxe, son os que che permiten investir na explotación
Eses viños especiais, di, “non teñen un mercado local tan doado, senón que se van sobre todo ao mercado nacional e internacional, posicionados en tendas gourmet e restaurantes cunha carta de viños máis complexa, pero aí hai que pelexar moito o mercado e saír fóra”, asegura.
En mercados onde a oferta supera á demanda vende o máis hábil
“A xente quere probar algo distinto, esa é a tendencia a nivel mundial e se queremos vender temos que irnos a iso”, defende. As Covas, por exemplo é un viño tinto elaborado por EDV no ano 2019 cun 85% de uva mencía moi madura de cepas vellas e un 15% de garnacha que deu un rendemento próximo ao 20% e que non se puido mecanizar o despalillado e que estivo despois 14 meses en barrica. “Foi unha aposta moi persoal miña, unha aposta arriscada porque ou che encanta ou non che gusta nada. Logrou xa dous Grandes Ouros e chegou a 99 puntos. É un viño que está aínda nervioso en cata, pero que xa se pode beber, pero hai que esperar aínda ao 2025 para que estea en plenitude. É dicir, son 5 ou 6 anos en total para que estea no momento óptimo”, salienta.
Se un viño non nos convence baixámolo de categoría e vendémolo como viño de mesa fóra da Denominación de Orixe para non devaluar as nosas marcas principais
Pero ademais deses viños top, tamén traballan no sector do viño de mesa fóra da Denominación de Orixe en formato bag in box. “Iso permíteche achegarte a un público que non quere gastarse 10 ou 12 euros nunha botella de viño e ao mesmo tempo seleccionar máis a uva e gañar calidade no resto dos nosos viños, porque cando un viño non nos convence para incluír na Denominación de Orixe baixámolo de categoría e vendémolo como viño de mesa”, explica Pablo. Deste xeito traballan os tres segmentos de mercado: o do viño de mesa, o do viño xoven e o do viño especial. Diminución no uso de fitosanitarios A nivel de viñedo, EDV leva moitos anos apostando por medidas culturais para reducir o uso de fitosanitarios. “Hai que modificar o xeito de traballar na viña, porque se podamos en febreiro é moi probable que nos chova en abril ou en maio, polo que imos ter floración con moita humidade e nos días bos moita infección por fungos; mentres que se podamos en marzo o ciclo da planta irá máis retrasado e a floración coincidirá máis cara a xuño, cando seguramente teremos mellor tempo e así podemos aforrar xa dous tratamentos”, argumenta. O cambio climático acelera os ciclos naturais da planta e axuda a que esas vides podadas máis tarde sexan capaces de coller ás outras e chegar ao mesmo tempo á vendima, di, e o feito de podar máis tarde tamén lles permite non ter que empregar tampouco produtos fitosanitarios antibotríticos, algo importante á hora de elaborar o viño, considera Pablo. “É o que che permite traballar máis tranquilo en bodega e, agás nos viños brancos, non usamos tampouco levaduras”, destaca.
Levamos máis de 20 anos sen usar herbicidas
Nos seus viñedos non empregan tampouco herbicidas. “Levamos máis de 20 anos sen usalos”, destaca Pablo. “Ou ben temos cubertas vexetais ou ben desbrozamos ou aramos, pero non usamos glifosato de ningún tipo”, explica. Outra das claves no traballo que fan na viña son as analíticas de solo para axustar mellor o abonado e as emendas que fan ao chan son sempre de abono orgánico. Apoiarse na tecnoloxía e no saber popular Ademais de reducir o número de tratamentos fitosanitarios que aplican, outro dos seus obxectivos e maximizar a súa eficacia cando os botan. Por iso van montar dúas estacións meteorolóxicas coas que poderán medir a humidade do solo, a humidade da folla e o punto de rocío. Tendo en conta as condicións orográficas e para ter datos fiables das distintas zonas, unha vai estar situada na zona alta da parcela, cun 30% de pendente, e a outra no fondo, preto do río, onde a finca é chan. Ademais de proporcionarlles datos valiosos e en tempo real a eles, estas estacións tamén van ser útiles a outros viticultores, xa que están dentro dunha rede de alertas que hai creada a nivel de toda Europa para ter unha previsión atinada de como vén o tempo.
O godello é moi caprichoso para o sol, non pode collelo o atardecer porque senón quéimao, por iso non se lle poden sacar as follas de poniente
As condicións climatolóxicas son especialmente relevantes no caso do godello. “Aquí temos 3 grados menos que en Quiroga, a planta hidrata a folla con ese orballo da noite, por iso aquí se dá o godello, porque non sufre ese estrés”, asegura. En variedades como o godello teñen tamén moi en conta a orientación con respecto á posta de sol, tanto no momento de facer a plantación como despois á hora de traballar con ela. “O godello é moi caprichoso para o sol, non pode collelo o atardecer polo lateral porque senón quéimao. A clave do éxito do godello é esa”, di Pablo. Por iso, explica, “ao godello non se lle pode sacar a folla no poniente”. “Son medidas que vas aprendendo a base de perder colleitas”, recoñece.  Variedades resistentes “Cada vez estamos tendo máis enfermidades e as plantas son menos resistentes, polo que cada vez son necesarios máis tratamentos, pero agora a Axenda 2030 pídenos que temos que rebaixar á metade o uso de fitosanitarios. Hai que dicirlle a Bruxelas que iso é imposible neste momento”, insiste Pablo, que mantén esperanzas en que se poida lograr máis a longo prazo a través da investigación en variedades resistentes. “Desde fai 2 ou 3 anos estanse facendo ensaios en España sobre variedades resistentes a enfermidades como o fungo do mildeu ou á cinsa, pero por moi prometedores que sexan os resultados hai que agardar polo menos 5 anos máis para que esas variedades estean dispoñibles para plantar e outros 10 para que acaden a súa produción máxima”, explica.  Pablo quéixase do conformismo do sector, máis aínda na zona noroeste, máis dependente do uso de fitosanitarios. “Na Mancha con dúas mans de azufre téñeno resolto e iso é barato e pódese botar sen problemas, pero en Ribeira Sacra estamos con 7 ou 8 tratamentos tranquilamente e se te vas ao Ribeiro xa son 10 ou 12 e nas Rías Baixas 17 ou 18 tratamentos”, indica.
Na Mancha con dúas mans de azufre teñen o ano resolto, pero na Ribeira Sacra estamos con 7 ou 8 tratamentos, no Ribeiro con 10 ou 12 e en Rías Baixas con 17 ou 18
“Temos as medidas máis restritivas da historia en fitosanitarios, pero mentres os viticultores franceses estaban cortando as autovías e eran parte activa nas protestas dos agricultores do país, nós estabamos na casa”, compara. “Estanse sacando as materias activas que funcionan. As que se retiran por alertas de saúde paréceme normal e lóxico, pero as que se sacan por capricho ou porque non son rendibles ás farmacéuticas xa non me parece ben”, protesta. O reto das enfermidades da madeira Uva mencía da adega nunha das últimas vendimas A finais do século XIX a filoxera afectou de cheo á zona de Quiroga. “Non quedou nada”, relata Pablo. A raíz do seu paso, pouco a pouco fóronse cambiando as variedades autóctonas prefiloxéricas por outras. “Despois da filoxera, as primeiras cepas que viñeron para aquí tróuxoas o avó do meu pai, non se sabe de que variedades pero é moi probable que foran alicante ou palomino”, conta.
Despois da filoxera, as primeiras cepas que viñeron para esta zona tróuxoas o meu bisavó
A filoxera, di, continúa presente. “Vese aínda na terra, segue sendo un problema que non está solucionado pero é secundario porque temos outros máis graves”, afirma. “As enfermidades da madeira son a gran filoxera do século XXI”, asegura. Actualmente, as enfermidades da madeira en viñedo que presentan unha maior incidencia en planta nova son a enfermidade de Petri, o pé negro da vide e o esmorecemento por Botryosphaeria. Esta última enfermidade tamén pode afectar a vides adultas, xunto coa esca e a eutipiose.
As enfermidades da madeira son a gran filoxera do século XXI
Pablo alerta da dificultade para atopar planta nos viveiros libre dos fungos que provocan estas enfermidades así como o reto que para o sector supón a falta de tratamentos efectivos para combatelas. “Non temos ningunha ferramenta eficaz para loitar contra elas e provocan danos moi importantes”, di, convencido de que van condicionar a rendibilidade das explotacións vitivinícolas nos vindeiros anos.   “Estase falando de crear variedades resistentes ao mildeu, á cinsa (oídio) e ao black rot, pero para iso temos tratamentos. Ao mellor hai que apostar por medidas culturais e deixar algún ano con menos tratamento, asumindo certas perdas na colleita, para que as plantas vaian perdendo resistencia e os tratamentos sexan máis efectivos. Pero para a esca ou para a virose non temos nada e esas enfermidades estanse a contaxiar nos viveiros polo que nos chegan as plantas xa enfermas. A nós certifícannos que a variedade é mencía e o patrón 110, pero non que ese patrón veña libre de enfermidades. Hai 8 ou 10 enfermidades víricas da madeira que fan que plantes as cepas hoxe e sequen aos 4, aos 6 ou aos 10 anos”, alerta.
É necesario investigar máis nas enfermidades víricas, porque para o mildeu e o oídio temos tratamentos; para onde non os temos é para a esca ou para a virose
“Estamos buscando unha cousa sen ter solucionada a outra. Eu penso que o primeiro que hai que solucionar é o de abaixo, o pé franco que vas poñer, o portainxertos, porque para as enfermidades de arriba temos tratamentos; para onde non o temos é para as da terra”. Pensando no futuro Don Cosme é un viño que pretende facer unha homenaxe á tradición EDV é un proxecto familiar que está a dar os pasos necesarios para garantir a súa viabilidade futura e o relevo xeracional, un reto ao que se terán que enfrontar nos vindeiros anos moitas das 96 adegas que hai na Ribeira Sacra. Ademais de Pablo e a súa muller Sandra, xa está incorporado tamén o seu fillo, Geovanni, que estudou Viticultura e Enoloxía, o mesmo que ten pensado facer Sandriña, a súa filla, que estuda nestes momentos Servizos, pensado tamén para complementar co turismo a parte produtiva.
No sector primario hai que traballar sempre a 10 anos vista
“Unha das intencións que temos coas obras que estamos a facer na adega é meternos de cheo no enoturismo; queremos profesionalizarnos tamén nese eido”, avanza Pablo. “Na aldea das Covas, pertencente á parroquia de Augasmestas, temos outra hectárea de godello que dá ao río Sil e hai unha ruta de sendeirismo que une esas dúas vertentes coa bodega”, explica. EDV é un proxecto que mira ao futuro pero que bebe da tradición. Por iso, acaban de cambiar a imaxe dunha das súas marcas principais, Don Cosme. O deseño foi feito mediante intelixencia artificial pero quere representar o pasado da produción de viño na zona. “É un home de costas. Ese home é o meu pai, o meu avó ou calquera persoa maior do sector primario de espalda ancha e trabada por traballar a terra”, di Pablo. Unha homenaxe en definitiva a toda unha historia, a dos homes e mulleres que mantiveron o rural vivo e a tradición do viño no val de Quiroga e en toda a Ribeira Sacra.  

É posible reconverter a Ribeira Sacra cara o godello?

EDV leva moitos anos apostando polo godello como caste principal na adega xunto coa mencía Neste momento no que semella que os viños tintos están a pasar unha crise, cando menos a nivel español, Pablo, que apostou polas variedades brancas desde os seus inicios, reflexiona sobre a posibilidade real de reconvertir unha zona de produción tradicionalmente vinculada ao mencía, como é a Ribeira Sacra, cara aos viños brancos. “Non considero que a solución para a DO Ribeira Sacra sexa que todos arrinquemos o mencía para plantar godello”, afirma. “Tratar de cambiar agora o sector ao branco pode supoñer meter aos produtores nun camiño sen saída, máis aínda tendo en conta que a idade media dos 1.200 viticultores da Ribeira Sacra é de 70 anos”, lembra. 
Non considero que a solución para a DO Ribeira Sacra sexa que todos arrinquemos o mencía para plantar godello
No territorio que abarca a Denominación de Orixe hai neste momento unhas 1.200 hectáreas amparadas polo selo de calidade, nas que se producen uns 5 millóns de quilos de uva tinta e un millón de branca, “dos que medio millón proveñen dos últimos 5 anos, porque os ratios fai unha década eran de 4 millóns de quilos de uva tinta e 200.000 de uva branca”, matiza Pablo. “Non podemos organizar unha charla e dicir que o camiño é o branco, temos que reflexionar por que os nosos antepasados fixeron esa distribución xa que, ou ben eran parvos e se lles esqueceu poñer godello ou, pola contra, eran listos, probaron e viron que non era efectivo poñe esa variedade nesta zona”, razoa.
Pasarse ao godello, onde as condicións de solo e orientación o permitiran, requeriría dunha profesionalización total dos produtores
Por iso, di, hai que ser cautos á hora de substituír unhas castes por outras en función da demanda puntual do mercado, aínda que estea subvencionada a inxerta e os dous anos de perda de produción, porque “pode ser tirarse a un pozo sen fondo”. “Queremos caer de novo no erro no que se caeu no ano 2000 da industrialización, no erro de arrincar variedades por que si para plantar outras por que si e que despois non sexan viables?”, pregunta. “Daquela arrincáronse variedades moi boas que se perderon e que hoxe se están empezando a recuperar, como a garnacha, que estaba implantada aquí sen problema, pero levamos 20 anos para desfacer aquel erro de plantar tempranillo, que hoxe se está a sacar porque non dá”, asegura, polo que insiste, “imos agora aconsellarlle á xente pasarse ao godello polo feito de que teñamos un problema puntual co mencía?”.
O que temos é que resolver o problema dos tintos e mellorar por ese lado, porque temos cepas cunhas idades brutais das que podemos sacar unha calidade única
As consecuencias diso, di, sería “deixar a Galicia sen tintos”, tendo en conta que a Ribeira Sacra é a única Denominación de Orixe de Galicia centrada principalmente nos viños tintos, polo que Pablo propón “aproveitar esta diferenciación no canto de pasarse á moda dos viños brancos”. “O que temos é que resolver o problema dos tintos e mellorar por ese lado, porque temos cepas cunhas idades brutais das que podemos sacar unha calidade única”, defende.“Hai que seleccionar máis porque o mercado fíxose máis exquisito e os mínimos de calidade que puxemos na Denominación de Orixe fai 30 anos hoxe xa non valen. O problema da Ribeira Sacra foi a masificación da produción sen saber dar o salto ao mercado, centrándose só nos viños xoves”, argumenta. Ademais, asegura, neste momento existe maior competencia porque se rebaixaron prezos noutras denominacións de orixe con viños tintos, como pode ser Rioja ou Ribera del Duero, onde se aumentou moito a produción, ao igual que en zonas de Francia ou Italia onde tamén teñen sobreprodución.
Borgoña arrincou 8.000 hectáreas de viñedo para plantar oliveiras e na Rioja vai pasar o mesmo
“Borgoña arrincou 8.000 hectáreas non fai moito tempo, tiveron unha subvención para iso e plantaron oliveiras”, explica. “E en España fálase de que na Rioja posiblemente tamén teñan que arrincar outras 8.000 hectáreas, pero de momento é un globo sonda e estaremos 2 ou 3 anos falando diso e cunha sobreprodución de viño nas bodegas que vai baixar os prezos e afectarnos tamén a nós, porque Rioja está copando o mercado con excedentes e tirando os prezos”, denuncia. “Os novos hábitos trala pandemia favorecen aos brancos” Na Ribeira Sacra, recoñece, tamén se están a notar eses problemas de acumulación de stocks nas adegas, aínda que considera que se trata dunha situación puntual. “Déronse dous anos dunha moi boa produción e vimos da pandemia, na que as adegas asumimos as uvas todas para non deixar ao viticultor tirado e cando comezamos a vender vimos que a cousa arrincou máis ralentizada, porque coincidiu co verán e as terrazas son máis de viños brancos, porque cando vai calor pídense cousas frías”, asegura.
Ralentizouse o consumo de viños tintos ou é que non fixemos os deberes para volver poñelos no mercado?
A incorporación da muller como consumidora de viños tamén está a axudar ao despegue dos brancos en detrimento dos tintos e Pablo é crítico coa estratexia seguida polo sector. “É moi doado botar os balóns fóra e buscar o culpable noutro lado pero tamén temos que ser obxectivos e mirar o que nós fixemos”, di.   “Ralentizáronse os tintos ou é que non fixemos os deberes para volver poñelos no mercado?. Porque durante a covid colléronse uns hábitos que non había antes, como o de maior consumo na casa e o do gusto por probar cousas novas e ante esas novas tendencias a estratexia das bodegas, as Administracións e as Denominacións de Orixe foi cero”, opina.
A Denominación de Orixe está neste momento nunha encrucillada importante e quizais teña sobre a mesa o maior problema nos seus 30 anos de historia
Ante a “lentitude” na saída de viños tintos as adegas teñen os depósitos ocupados, polo que Pablo considera necesario “buscar fórmulas para dar saída a ese stock de produto porque en poucos meses estamos vendimando de novo”, advirte.  “Eu penso que da Denominación de Orixe está neste momento nunha encrucillada importante e quizais teña sobre a mesa o maior problema nos seus 30 anos de historia, pero tamén toda a comarca da Ribeira Sacra, porque corremos o risco de perder adegas pero, sobre todo, a unha parte importante dos viticultores e, con eles, a imaxe para o turismo; o momento é crucial”, asegura Pablo. O cambio climático pon no mapa a Galicia Con todo, é optimista sobre o futuro do sector do viño en Galicia, entre outras cuestións polos efectos do cambio climático sobre moitas zonas produtoras a nivel mundial. “É certo que pola seca estamos nun lugar privilexiado, nunha das zonas óptimas para a produción de viños hoxe e nas próximas décadas”, di. “Por que as grandes firmas de viños en España se están á vir á zona noroeste, do Bierzo para aquí?”, reflexiona.
As grandes adegas de Rioja ou Ribera del Duero están comprando aquí porque co viño branco galego queren vender o seu tinto
Esa aterraxe en Galicia de importantes adegas procedentes da Rioja ou Ribera del Duero está a provocar tamén unha certa febre do viño branco galego. “Teñen no seu portfolio uns tintos moi bos dos outros lados e queren meter tamén un dos mellores brancos do mundo, porque iso é o que lles vai axudar a vender os seus tintos en mercados como os EEUU, porque ti tes 2 millóns de botellas de viño tinto e 300.000 de branco pero con esas 300.000 vas entrar para vender os outros 2 millóns de tinto”, razoa. “Esa mesma estratexia tamén se pode facer aquí na Ribeira Sacra co godello e o mencía”, asegura. Pablo chama ademais a atención sobre os riscos que leva aparellados a chegada ao sector do viño galego de grandes adegas foráneas. “Debemos coidar e manter o tecido produtivo, porque non é o mesmo que unha adega compre 100.000 quilos de uva a 10 pequenos viticultores ca que produza ela eses 100.000 quilos de uva porque non fixa poboación nin crea riqueza na zona de igual xeito. Ese foi o modelo que implantaron en Rueda ou en Ribera del Duero e alí todo vén de fóra, porque as grandes adegas teñen centrais de compras e non compran á tenda local. En Galicia iso de momento é diferente e non se debería perder”, defende.

A Ribeira Sacra e o seu potencial enoturístico, a debate este xoves na Adega Algueira

As diversas potencialidades da Ribeira Sacra e o turismo, tanto enolóxico como vacacional, son dous aspectos importantes para esta comarca, por iso se considera necesario renovar ideas sobre todas as posibilidades do turismo, sobre todo o enoturismo. Así, a Adega Algueira da D.O. Ribeira Sacra, subzona de Amandi, vén de ser recoñecida na VIII edición del concurso International Change Industry Awards, como a Mellor Experiencia Enoturística de España, galardón que premia o achegamento do viño ao gran público. Con estes antecedentes a adega é o lugar escollido para acoller unha charla coloquio que leva por título, “A Ribeira Sacra como destino enoturístico de excelencia”. O Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Monforte de Lemos organiza esta cita que conta coa colaboración da D.O. Ribeira Sacra. Así, este xoves, 23 de novembro, de 11:00 a 14:00 desenvolverase unha mesa coloquio na que se tratará de identificar nichos de mercado para o enoturismo na Ribeira Sacra, centrándose na innovación, na colaboración e na procura da excelencia. O obxectivo é involucrar ás adegas na orientación cara un turismo de calidade centrado no enoturismo e identificar oportunidades de emprendemento neste sector. A inscrición farase a través deste enlace. A actividade desenvolverase conforme ao seguinte programa: ⦁ 11:00h Recepción de asistentes e benvida ⦁ 11:15h Presentación do Polo de emprendemento e apoio ao emprego ⦁ 11:30h Mesa Coloquio: as empresas participantes contarán a súa experiencia no enoturismo e debaterán diferentes temas. Participantes: ⦁ D.O. Ribeira Sacra (moderador) ⦁ Adega Algueira ⦁ Ponte da Boga ⦁ Vista Sacra + Adega Castrofiz + Finca Quinteliña ⦁ Enoturismo Galicia ⦁ Mais que románico ⦁ Terras Gauda ⦁ Entre Vides ⦁ 12:30h Pausa-café ⦁ 13:00h Dinámica de proposta de solucións ás necesidades identificadas na mesa coloquio ⦁ 13:45h Exposición das conclusións de cada mesa de traballo ⦁ 14:00h Peche da xornada

Campaña de promoción dos viños da IXP Ribeiras do Morrazo

O Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra-Morrazo pon en valor a cultura do viño na IXP Ribeiras do Morrazo a través dunha bitácora de 14 pezas audiovisuais. Deste xeito, coincidindo co día mundial do enoturismo, ven de publicar un vídeo divulgativo da bitácora audiovisual da “RUTA DOS VIÑOS OCEÁNICOS" Trátase de 14 pezas audiovisuais para darlle voz aos legatarios do patrimonio, aos viticultores e a todos aqueles que posúen coñecementos, experiencias e vivenciais vencelladas á cultura do viño nas súas múltiples dimensións humanas, históricas, artísticas e culturais. A “Ruta dos viños oceánicos” que o GDR está a desenvolver, é un itinerario enoturístico  e cultural que percorre os atractivos turísticos dos concellos da IXP Ribeiras do Morrazo (Bueu, Cangas, Moaña, Marín, Vilaboa, Pontevedra, Poio e Redondela)  tendo a cultura do viño fío condutor.

A DO. Rías Baixas celebra este domingo o Día Mundial do Enoturismo cunha cata no castelo de Soutomaior

Coñecer ben os viños dunha determinada zona vai máis aló do seu simple consumo, hai que saber saborealos, olelos e sentilos. É por iso que se lanza a pregunta: Coñeces ben os viños de Rías Baixas? Neste sentido o Roteiro do Viño Rías Baixas propón poñer a proba os cinco sentidos na IX Cata Amateur Roteiro do Viño Rías Baixas. Que mellor maneira de celebrar o Día Europeo do Enoturismo que participar nesta atractiva cata no Castelo de Soutomaior. Dezaseis adegas asociadas con 20 referencias poderán aproba as habilidades de ata un centenar de participantes. Só tes que apuntarte na web: www.castelodesoutomaior.com. A cita desenvolverase este domingo, 12 de novembro, na contorna do Castelo de Soutomaior, e conta co apoio da Deputación de Pontevedra. Con esta actividade quérese poñer en valor a calidade dos viños de Rías Baixas, así como as súas posibilidades gastronómicas, culturais e turísticas. Xa que ademais de propoñer un reto aos concursantes, tamén contará con música en directo, cunha degustación de produtos de ANFACO e un paseo pola contorna do Castelo de Soutormaior. Todos os ingredientes necesarios para conmemorar o Día Mundial do Enoturismo. O concurso O IX Concurso de Cata Amateur, dará comezo ás 11.00 horas, poñerá a proba os sentidos das persoas asistentes coa degustación, nunha primeira parte, de cinco viños de Rías Baixas. O catador Nacho Costoya, quen conducirá este acto, ofrecerá as indicacións necesarias para unha correcta cata, centrándose nas distintas fases (visual, olfativa e gustativa). Sobre as mesas atoparanse referencias en grao sumo diverso, desde os monovarietal de uva albariño, plurivarietales, ata elaboracións especiais de crianza sobre leas. A segunda parte do concurso centrarase nunha cata a cegas na cal se degustarán 3 dos 5 viños previamente presentados. Aquí será onde os participantes poñerán a proba os seus dotes de cata, de maneira que deberán acertar as referencias seleccionadas para esta segunda volta. Participar pode ter premio Como non podería ser doutra maneira, o Roteiro do Viño Rías Baixas premiará a todos aqueles concursantes que saian vitoriosos desta edición. Todos os gañadores recibirán un pack, composto por un sacacorchos, unha botella de viños de Rías Baixas e unha bolsa de tea. Ademais, entre todos os gañadores sortearase un Enopack para dúas persoas, consistente en aloxamento a media pensión e visita a unha adega para dúas persoas no Roteiro do Viño Rías Baixas Música en directo e degustación de produtos A IX Cata Amateur Roteiro do Viño Rías Baixas incluirá música en directo que correrá a cargo de Dani Barreiro & Friends. Un espectáculo eclético para todos os públicos e todos os gustos. Ademais, a partir das 13 h., aqueles participantes que o desexen poderán visitar libremente o Castelo de Soutomaior. A xornada coa que se conmemorará o Día Mundial do Enoturismo finalizará cunha degustación de conservas achegadas por ANFACO- CECOPESCA, que unha vez máis mostra o seu apoio a esta asociación sen ánimo de lucro, do mesmo xeito que o fai a Deputación de Pontevedra nesta data tan especial. Por iso, o Roteiro do Viño Rías Baixas agradece a ambas as entidades o seu apoio a esta iniciativa que busca enxalzar non só a cultura do viño, senón tamén o turismo, a gastronomía que forman parte das Rías Baixas

A “Ruta dos Viños Oceánicos”, unha aposta polo enoturismo na IXP Ribeiras do Morrazo

Inaguración da exposición. Foto: GDR Pontevedra-Morrazo Este mércores 18 de outubro tivo lugar na sede do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Pontevedra-Morrazo, en Pontevedra,  a inauguración da exposición “A Ruta dos Viños Oceánicos”, un itinerario enoturístico e cultural pola Indicación Xeográfica Protexida, Ribeiras do Morrazo que esta a impulsar este GDR. A exposición está baseada nunha realidade histórica, antropolóxica e económica que xira arredor da tradición vitivinícola na comarca do Morrazo, así como nos concellos de Pontevedra, Redondela e Poio. Trátase dunha ruta inspirada nos principios definitorios marcados pola UNESCO para os Itinerarios Culturais e que une os diferentes concellos e comarcas cuxa arraigada tradición cultural tivo como protagonista os viños e as castes da IXP Ribeiras do Morrazo. A ruta xira en torno a tradición vitivinícola das terras da IXP Ribeiras do Morrazo, o forte carácter atlántico, o patrimonio material e inmaterial, a gastronomía e a cultura; e percorre os principais atractivos dos concellos de Bueu, Cangas, Moaña, Marín, Vilaboa, Pontevedra, Poio e Redondela. Ao acto de inauguración asistiron os alcaldes , alcaldesas e demáis representantes dos concellos do territorio, as adegas da IXP e numerosas persoas ligadas ao mundo do viño e do turismo. Na xornada ademais de dar a coñecer os valores da ruta , púidose desfrutar da actuación musical de Xabier Blanco e, por suposto, dos viños de Ribeiras do Morrazo.

Próximas actividades

Entre o 27 de outubro e 24 de novembro celebraranse 4 eventos temáticos, cunha mesa redonda ou faladoiro, una peza musical relacionada co tema do coloquio e catas comentadas para probar e coñecer mellor os viños de Ribeiras do Morrazo. Velaquí o programa:

A Ruta do Viño do Ribeiro congregou a unhas 800 persoas esta fin de semana

A Ruta do Viño do Ribeiro participou esta fin de semana nas xornadas de Portas Abertas nas Rutas dos viños de Galicia, e xa van 12 edicións, cun programa repleto de propostas enoturísticas para todos os públicos, contando con adegas, museos, restaurantes e aloxamentos, que recibiron aos visitantes durante 3 días e colgaron o cartel de completo, cubrindo as prazas ofertadas.

Os ViñoBus, que se consolidan como un elemento moi importante, facilitaron a participación do público procedente de diferentes puntos de Galicia. Segundo a organización foron máis de oitocentas persoas as que participaron nalgunha das actividades que se celebraron entre o venres e o domingo.

Segundo Juan Manueol Casares, presidente da Ruta do Viño do Ribeiro, “as actividades desenvolvidas, son xa un clásico no calendario promocional da Ruta do Viño, e supuxeron un gran investimento na promoción da Ruta do Viño do Ribeiro, co gallo de facer do Ribeiro un destino turístico de calidade e desestacionalizado.”

A Primavera de Portas Abertas celebrouse nos días do 12 ao 14 de maio durante os cales o público visitante participou na ampla oferta de actividades programadas:

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="80090" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>
  • Visita ás adegas adheridas á Ruta do Viño do Ribeiro e degustar os seus viños.

  • Gozar de experiencias enogastronómicas cos menús especiais que ofreceron os nosos restaurantes.

  • Descansar entre viñedos, xa que os aloxamentos participantes ofreceron prezos especiais nas súas estadías.

    <amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="80091" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

A organización repetiu a experiencia do ViñoBus, un recurso que facilita e promove a participación de público de diferentes puntos de Galicia. Sairon autobuses dende Vigo, Ourense, Santiago de Compostela, e A Coruña que percorreron, acompañados de guías turísticas profesionais, as diferentes adegas que participaron con actividades enoturísticas.

Nesta edición deuse especial importancia á promoción do patrimonio histórico, un recurso moi ligado á cultura do viño e a súa importancia neste territorio. Por esta razón, as rutas do viño bus incluiron visitas teatralizadas de lugares tan relevantes como, Pazos de Arenteiro, ou á Casa Museo de Antón Losada Diéguez.

Entre as actividades programadas, destacou a visita nocturna pola vila de Ribadavia, que tivo lugar o venres 12 de maio, onde os participantes coñeceron a historia da vila a través de anécdotas, persoeiros e contos relacionados co mundo do viño. Tamén é de destacar a iniciativa Ribeiro de Tapeo, celebrada o sábado 13 de maio na Igrexa da Madalena, en Ribadavia. Unha maridaxe entre petiscos cociñados polos restaurantes socios da Ruta do Viño do Ribeiro, e Viños de adegas da D.O. Ribeiro socios da Ruta. Unha actividade que foi un éxito e cubriu todas as prazas ofertadas.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="85896" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

O domingo 14 de maio, A Ruta do Viño do Ribeiro e o Concello de Ribadavia, organizaron a Andaina O Camiño do Viño. Ribadavia- Compostela// Etapa 1. Unha actividade centrada na identificación desta Ruta como o Camiño do Viño, co obxecto de por en valor a relevancia histórica do Ribeiro na cultura do viño de Galicia e a súa vinculación coa cidade de Santiago de Compostela. Os participantes sairon da Oficina de Turismo de Ribadavia, pasando por lugares sinalados como Santo André de Camporredondo, Esposende ou Pazos Hermos.

O Museo do Viño de Galicia, o Museo etnolóxico de Ribadavia e o Centro de interpretación do Castro de San Cibrao de Lás, tamén se uniron a esta celebración da Primavera de Portas Abertas, e acolleron aos visitantes que percorreron o Ribeiro nesta intensa fin de semana.

Xornadas de Portas Abertas na Ruta do Viño da Ribeira Sacra do 3 ao 5 de xuño

Durante cinco fins de semana de maio e xuño celébranse as 11 Xornadas de Portas Abertas nas Rutas do Viño de Galicia. Na Ruta do Viño da Ribeira Sacra as actividades desenvolveranse entre o 3 e o 5 de xuño. Contarase con visitas guiadas e gratuítas ás adegas: Adega Vella, Amedo, Bodega Ribada, Rectoral de Amandi, Casa Moreiras, Condado de Sequeiras, Ponte da Boga, Proencia, Ronsel do Sil, Val de Quiroga e Vía Romana. Ao finalizar as visitas ofreceranse degustacións de viños.

Nesa fin de semana contarase co Bus do Viño, con 4 saídas o sábado pola mañá, unha do Parque dos Condes de Monforte, dúas da Estación de Ferrocarril de Ourense e unha da Praza da Bretaña en Lugo. O día 5 haberá un Bus do Viño con saída de Monforte, outro desde a estación de ferrocarril de Ourense e outro desde a Praza de Bretaña en Lugo. A actividade ten un custo de 10 €/adult@ - 5 €/nen@ (de 3 a13 anos). O xantar non está incluído. As prazas son limitadas recomendando reserva previa na web da Ruta do Viño da Ribeira Sacra https://rutadelvinoribeirasacra.org/lista-actividades/es

Organízanse tamén cinco rutas:

  • Ruta entre oliveiras do Camiño de Inverno, con saída o día 4 ás 9:30 dende o aparcadoiro do Parque dos Condes de Monforte. O prezo é de 10 € / persoa con guía acompañante e transporte incluídos, para visitar viñedos da zona, unha almazara, a igrexa de San Salvador de Hospital e explotacións mineiras romanas, ademáis dunha adega. Contarase con xantar de produtos típicos con viños da D.O. Ribeira Sacra no Castelo de Torrenovaes.

    <amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="80090" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>
  • Entre viños e pinchos, con saída o día 4 ás 17.00 do aparcadoiro do Parque dos Condes. A actividade, que ten un prezo de 10€/persoa, conta con guía acompañante e transporte incluídos para visitar dúas adegas participantes nas Xornadas. Inclúese tamén a degustación duns pinchos no restaurante O Grelo de Monforte de Lemos.

  • Coñecemos o Miño da Ribeira Sacra, con saída o día 4 ás 16:00 do aparcadoiro do Parque dos Condes. A actividade ten un prezo de 10€/persoa para facer unha ruta en lancha desde Pincelo ata a fervenza de Augacaída, visitarase tamén unha das adegas participantes con degustación de viños e produtos da zona.

  • Ruta do Románico de Chantada, con saída o día 5 ás 10:00 desde o IES Val do Asma de Chantada en vehículos particulares que seguen ao coche do guía. Actividade gratuíta para visitar as igrexas de Santa María de Pesqueiras, Santa María de Nogueira de Miño e San Salvador de Asma.

    <amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="80091" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>
  • Ruta entre Sendeiros do Sil, con saída o día 5 ás 10:00 do aparcadoiro do Parque dos Condes de Monforte. O prezo é de 10 €/persoa con guía acompañante e trasporte incluídos para facer a ruta de sendeirismo PRG 213, a Ruta dos Bosques Máxicos de Castro Caldelas, 10 quilómetros de dificultade media-baixa. Visitarase Adega Vella para degustación de viños e pinchos.

Contarase con cata maridaxe de viños da Ribeira Sacra coa sommelier, Mercedes González. A cita no Centro do Viño da Ribeira Sacra o 3 de xuño a partir das 20:00. Para completar a programación nestas xornadas de portas abertas, os cativos terán tamén o seu espazo para obradoiros infantís que se desenvolverán o día 4 en horario de mañá en Chantada, tendo como escenarios a Praza de Galicia e a Casa da Música.

As 11 Xornadas de Portas Abertas na Ruta do Viño da Ribeira Sacra contan tamén con descontos nas visitas ao Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra e ao Ecomuseo de Arxeriz. Enoturismo Galicia ofrecerá as rutas guiadas en Segway.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="85896" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Para participar nas actividades de rutas, viñobús, catas e obradoiros infantís é necesaria inscrición previa a través da web https://rutadelvinoribeirasacra.org/lista-actividades/es. Ábrese o prazo de inscrición o día 16 sendo necesaria unha inscrición por persoa. Para máis información rutavino@ribeirasacra.org e no teléfono 698 167 991.

A Ruta do Viño do Ribeiro celebra a XI Xornada de Portas Abertas do 13 ao 15 de maio

A Ruta do Viño do Ribeiro celebra unha ano máis Xornada de Portas Abertas nas Rutas dos viños de Galicia, e xa van XI, cun programa repleto de propostas enoturísticas para todos os públicos, e como en anos anteriores o ViñoBus da Ruta do Viño do Ribeiro facilitará a participación do público procedente de diferentes puntos de Galicia. Segundo Juan M. Casares, presidente da Ruta do Viño do Ribeiro, “esta actividade, que é xa un clásico no calendario promocional da Ruta do Viño, supón o inicio do maior investimento en promoción da historia da Ruta do Viño do Ribeiro co gallo de facer do Ribeiro un destino turístico de calidade e desestacionalizado.” As xornadas celebraranse nos días 13 ao 15 de maio durante os cales o público visitante poderá participar nas actividades que habitualmente se programan como : Visitar as adegas adheridas á Ruta do Viño do Ribeiro e degustar os seus viños: ás 11:30, ás 12:30 e ás 17:00 horas, do sábado 14 e ás 12:00 horas do domingo 15 de maio. Gozar de experiencias enogastronómicas cos menús especiais que ofrecen os restaurantes. Descansar entre viñedos, xa que os aloxamentos participantes ofrecen prezos especiais nas súas estadías Ademais, a organización das XI Xornadas de Portas abertas quere repetir a experiencia co ViñoBus xa que este recurso facilita e promove a participación de público de diferentes puntos de Galicia. Sairán autobuses dende Vigo, Ourense, Santiago de Compostela, Pontevedra e A Coruña que percorrerán, acompañados de guías turísticas profesionais, as diferentes adegas que participan na xornada. Nesta edición dáse especial importancia á promoción do patrimonio histórico un recurso moi ligado á cultura do viño e a súa importancia neste territorio. Por esta razón, as rutas do viño bus inclúen visitas teatralizadas de lugares tan relevantes como, Pazos de Arenteiro, ou ao casco histórico de Ribadavia. Centrado na promoción do patrimonio vitícola da vila de Ribadavia está a primeira actividade que dará comezo á celebración desta edición da xornada, o venres 13 de maio ás 19 horas sairá da porta principal do Castelo de Ribadavia o Roteiro Ribadavia e o Viño que ofrecerá unha visita guiada polas principais rúas da vila, destacando os recursos patrimoniais da cultura o viño.

Programa:

O sábado 14 de maio: as rutas dos ViñoBus rematarán en Ribadavia onde a partir das 19 30h, poderán disfrutar da gastronomía que nos ofrecen os restaurantes socios da Ruta do Viño do Ribeiro, no Sábado de Tapeo con sabor a Ribeiro, que terá lugar no Na Igrexa da Madalena de Ribadavia e a entrada ten un custe de 8 euros. Caldaria, Gastro Bar O Birran, , Nautico Castrelo de Miño, e Sábrego Restaurante ofrecerán pinchos elaborados exclusivamente para esta xornada que serán acompañados de viños das adegas da D.O. Ribeiro socios da Ruta. O domingo 15 de maio: A Ruta do Viño do Ribeiro e o Concello de Ribadavia, organizan a Andaina O Camiño do Viño. Ribadavia- Compostela// Etapa 1. Esta actividade está centrada na identificación desta Ruta como o Camiño do Viño, co obxecto de por en valor a relevancia histórica do Ribeiro na cultura do viño de Galicia e a súa vinculación coa cidade de Santiago de Compostela. Este roteiro sairá da Oficina de Turismo de Ribadavia ás 10:00 para pasar por Santo André de Camporredondo, Esposende ou Pazos Hermos, incluíndo teatralización de escenas do camiño dos Arrieiros. Tamén os socios da Ruta do Viño do Ribeiro programan actividades a nivel individual para promover a particicpación do público, así Adegas Celme ofrecen unha cata vertical Celme e queixo, que inclúe, visita a adega con cata e degustación de queixos galegos, unha cata maridaxe con Celme tostado, e un taller para coñecer a elaboración do vermú artesanal desta adega situada en Castrelo de Miño, en todas as actividades é necesario reserva previa. Adega Cuñas Davia ofrece o venres, sábado e domingo unha Masterclass de coctelería cargo do chef Judicael Romero. Tamén Viña Costeira en Pazo de Toubes danos a oportunidade de disfrutar dun picnic entre viñedos que combina a visita ao pazo do S. XVIII coa degustación de produtos gastronómicos de tempada. Por último, lembrar que están abertos no seu horario habitual o Museo do Viño de Galicia e o Museo etnolóxico de Ribadavia que tamén se unen a esta celebración. Para todas as actividades e visitas ás adegas é necesaria a reserva previa. Toda a información sobre inscrición e reservas pódese atopar en www.rutadelvinoribeiro.com

“Apostei polos tintos do Ribeiro, cando todo o mundo estaba centrado nos brancos”

A carón do Avia ó seu paso por Leiro, e a poucos metros da antiga sede da Cooperativa do Ribeiro, a “pequena” adega de Xulia Mar Bande Pivida, como ela mesma fala dela, serve a modo de bastión pola recuperación e a diferenciación do viño do Ribeiro. Xulia leva toda unha vida abríndose camiño entre as cepas e no mundo do viño. Autodidacta e emprendedora, Xulia comezou hai máis de 30 anos e agora ten un proxecto consolidado e cargado de identidade. Seu avó, que era arrieiro, foi quen despertou esa curiosidade pola viticultura nela. O propio nome dos seus viños, Son de Arrieiro, é un recoñecemento a ese legado familiar. Os viños desta colleiteira son unha aposta continua por combinar tradición con innovación. Manter aquelas variedades tradicionais coas que traballaba seu avó levouna a recuperar castes case desaparecidas. Nun tempo no que os viños do Ribeiro só podían ser de ano, Xulia só elaboraba viños de garda. Agora volve rachar con convencionalismos e ten no mercado un rosado desta zona, aínda que sen o amparo da Denominación de Orixe (DO). Xulia é das que goza no viñedo e na adega, para quen traballar nisto “agás cando unha xeada ou a saraiba che leva todo” é un gusto e non unha obriga. Na súa adega e tras atender unha visita, coñecemos máis en detalle o seu xeito de traballar e as súas elaboracións. -Como comezaches no mundo das vides? -Foi cando meu avó, que era un gran apaixonado das vides, comezou a ter dificultades para manter o viñedo. Eu quixen botarlle unha man co coidado dos viñas, pero daquela non tiña moito tempo e tampouco atopei ninguén que fixera o traballo. Isto, xunto co feito de que xa me gustaban as vides, fixo que me decidise montar unha empresa de servizos para traballar nos viñedos. Comecei cuns amigos que estaban sen traballo e ó pouco xa tiña 25 empregados repartidos por toda Galicia e o norte de Portugal. Realmente co viño empecei xa daquela, vai facer 32 anos. Trala morte de meu avó, durante uns anos tiven que deixar aparcadas un pouco as súas viñas, porque non daba atendido a todo, xa que estaba empezando coa empresa e tiñamos moito traballo. Pero en canto puiden xa retomei os coidados do viñedo e propúxenme tamén manter aquelas variedades que traballaba meu avó e que non se vían xa por ningures e que a min me resultaban moi interesantes. -E coa adega, cando deches o paso? Por que te decidiches? -Meu avó, que era arrieiro, ademais facía un viño bárbaro e eu non atopaba ese tipo de uva en ningún sitio, polo que decidín recuperar as súas viñas e comezar a plantar. Ó principio fíxeno coa idea de vender a uva, pero co tempo decidín probar a elaborar o meu propio viño. No seu momento non aproveitei a sabedoría de meu avó e logo tiven que aprendelo pola miña conta. O primeiro ano que fixen viño faría uns 2.000 litros, que vendín a granel e o resto das uvas vendías directamente. Botei así uns 10 anos. Na campaña do 2015 foi cando me decidín a sacar o meu primeiro viño etiquetado como Son de Arrieiro. Era un xeito de non ter que vender as uvas e poder apostar polos tintos, nun momento no que todo o mundo seguía dicindo que o Ribeiro era só de brancos, algo que xa foi cambiando. A sorpresa veu cando o presentamos ós Premios de Galicia nese mesmo ano e resultou o mellor tinto de Galicia. Iso fíxome pensar que igual non o estaba facendo moi mal e tomalo máis en serio. Fixemos unha reforma na adega para incorporar un equipo de frío e seguir traballando nos viños que buscaba. -Tiñas claro que tipo de viño querías elaborar cando comezaches como colleiteira. Xa lograches dar coa receita de teu avó? -Eu tiña un viño na cabeza e creo que aínda non cheguei a el. Sabía que uvas empregaba meu avó, pero non as proporcións e tiven que traballar moito niso. Eu son autodidacta e tiven que traballar moito porque non tiña coñecementos sobre a elaboración do viño.
“Teño algún viño fóra da DO porque está elaborado con variedades autóctonas que por desgraza aínda non están amparadas polo Consello Regulador, pese a ser desta zona”
- Con que variedades traballas? -Agora mesmo teño un pouco de todo. De feito, mesmo teño algún viño fóra da DO porque está elaborado con variedades autóctonas que por desgraza aínda non están amparadas polo Consello Regulador, pese a ser desta zona. En tinto teño Carabuñeira, que é unha variedade que moi pouca xente coñece, Espadeiro (da que hai moi pouca), Raposeira e Ferrón. En brancos traballo con Albilla do Avia ou Lado, entre as variedades máis descoñecidas. Logo teño Sousón, Caíño, Brancellao, Treixadura ou Godello. -Por que te decidiches a apostar por elas? Que che resulta atractivo destas variedades? -Comecei a interesarme por elas un pouco por recuperar o patrimonio que tiñamos. Son variedades moi delicadas e que foron caendo en desuso por ser menos produtivas. Un ano tes colleita e outro pode que case non teñas nada. Moitos deixaron de ter estas variedades porque non se lograban grandes cantidades de uva cando, en pleno auxe do Ribeiro, as grandes adegas só buscaban ter quilos de uva. Fomentouse que moita xente perdera estas variedades e foi unha mágoa porque moitas delas son resistentes mesmo a enfermidades como a filoxera. Ademais, estaban adaptadas ás condicións de aquí. Para min o realmente interesante destas variedades é que son uvas de moita calidade e iso é o que che permite elaborar un viño diferenciado. -Como está sendo o proceso de recuperar estas variedades? -Teño a sorte que ó ter a empresa de servizos recorro moito viñedo e sempre atopas plantas interesantes. Mesmo teño levado á Evega plantas para que identifiquen porque non eramos capaces de saber que caste era. Tes que andar buscando por plantas en viñas moi vellas, como algunhas das que teño que teñen máis de 80 anos. De aí vas aproveitando algunha testemuña para poder ir enxertando. O malo é que antes non plantaban con criterio. Se secaba unha planta podían plantar unha cepa tinta no medio dunha parcela de branco. Así, agora resulta máis difícil facerte con elas. É un labor importante, pero que xa estou facendo para os que veñen detrás, realmente eu pouco proveito lle vou sacar. -Que superficie manexas? -Miñas teño sobre unhas 3 hectáreas. Foi moi difícil chegar a ter esta superficie. Partíamos de 3.000 metros herdados de meu avó e meus tíos. Para xuntar esta terra tivemos que mercar 178 parcelas, moitas delas de propietarios que estaban emigrados. Isto atrasou moitos anos o proxecto. Logo teño tamén sobre 8.000 metros cadrados de viñedos arrendados. Son viñedos moi vellos, normalmente con accesos complicados e que non se poden mecanizar.
“Fago coupage de variedades e de zonas porque cada caste compórtase de distinta maneira dependendo do sitio e dá un viño moi diferente”
-Onde tes estas viñas? -Fago coupage de variedades, pero tamén fago coupage de zonas. Así, teño viñas nas tres subzonas máis marcadas do Ribeiro, xa que se algo aprendín nestes anos coa empresa de servizos é que cada variedade compórtase de distinta maneira en cada zona e dá un viño moi diferente. Para min é moi interesante ter un pouco de todos os solos, así temos zonas de cuarzo, de granito, de xistos... -Tes pensado incrementar a produción? -Son máis de facer un produto diferenciado que de apostar por grandes cantidades. Ademais, o que plante agora vou ter que agardar uns 8 ou 10 anos para poder elaborar con esas uvas e xa me pillaría con 68 anos... Si é verdade que sigo collendo fincas que me resultan interesantes, de xente que se vai xubilando e que teñen variedades das que non teño.
“Ó día seguinte de coller as uvas entra un rabaño de ovellas no viñedo que xa se encargan de rozar e do abonado”
-Que manexo fas do viñedo? -Nós facemos viños naturais, apostando pola mínima intervención, aínda que non estamos en ecolóxico. Aquí é bastante sinxelo facer un viño ecolóxico en adega, pero na viña é practicamente imposible, segundo me demostrou a experiencia. Digamos que fago unha viticultura ecolóxica con sentido común, xa que non me podo permitir o luxo de perder toda a colleita, pois vivo disto. Facemos moi pouca intervención, de feito non aplicamos ningún herbicida. Temos un manto verde todo o ano, con vexetación espontánea, xa que o que naza en cada sitio indícache as carencias da terra co manexo que estás a facer e guíate un pouco sobre o que tes que facer. Damos moita rozadoira de mochila, cando hai moita vexetación. Ó día seguinte de coller as uvas entra un rabaño de ovellas no viñedo que se encargan de desbroce e abonado e botan alí 6 meses. Como imos a producións baixas, de 1,2 quilos por planta aproximadamente, chéganos con este abonado sen máis aporte. Tampouco empregamos insecticidas, nin acaricidas ou produtos sistémicos. -Estás ti soa na adega ou contas con colaboración? -Conto con Benigno Freijedo, a miña parella e a metade imprescindible deste proxecto. Eu son máis a que matina nas elaboracións, pero el encárgase en gran medida do coidado das viñas e de botar unha man na adega.
-Xa na adega, mimas especialmente algún proceso na elaboración do viño? -Na adega, cada viño ten a súa fermentación e os seus tempos e temperaturas, pero non podes facer moito máis para diferenciarte. O único que podes facer para buscar un viño diferenciado é traer un produto diferente á adega para que lle aporte matices. Logo, as mesturas son horas de estar probando combinacións que se me van ocorrendo e vendo se funcionan ou non. Tamén é verdade que todo o que fixen ata o momento non houbo nada que non sacara ó mercado. -Como son os viños que elaboras? -Son viños naturais e diferentes, alo menos esa é a pretensión. Buscamos que sorprendan ó consumidor, por iso optamos por as variedades diferenciadas e distintas zonas, xa que agora mesmo hai moita xente facendo moi bo viño. -Cantos viños comercializas nestes momentos? -Temos seis viños no mercado. Gústame experimentar e vou sacando distintas elaboracións. Todos eles son viños de garda, que alomenos pasan dous anos na adega antes de saír ó mercado. Os viños cos que comecei Son de Arrieiro, branco e tinto, son viños que botan cando menos un ano en depósito e outro na botella. Temos Son de Arrieiro sobre leas, que está 15 meses en crianza de leas e que sae da adega como mínimo con 3 o 4 anos. Logo temos Son de Arrieiro añadas (branco e tinto), unha elaboración de 6 anos en adega, un coupage de 3 ou 4 colleitas, dependendo das características de cada unha delas. Ó ser viños naturais, dependendo de como sexa o ano vai determinar moito o resultado, polo que eu tento xogar co que me aporta cada unha delas. Ademais, teñen un paso moi lixeiro por madeira. O ano pasado por primeira vez fixen un rosado, aínda que está fóra da DO, porque como din: 'é algo que nunca se fixo aquí'. Eu son das que digo que alguén debe ser o primeiro... A verdade é que encantou e teño xa o outro para sacalo e agardando que teña o mesmo éxito. A este púxenlle A argallada de Xulia, precisamente por non ter a DO e adícollo así ó Consello Regulador para ver se abren o abano e nos deixan medrar, xa que tamén é necesario. -Algunha novidade máis na que esteas inmersa? -Estamos traballando cun monovarietal que polo momento apunta moi ben, aínda que non me quero adiantar nin dar máis detalles polo momento.
“Tódolos meus viños son de garda. Paréceme moi interesante como evolucionan os viños do Ribeiro e creo que se perde moito vendéndoos pronto”
-Nunha terra como o Ribeiro, como resultou apostar por viños de garda? -Foi unha das cousas que a xente non entendía ó principio, sobre todo os viticultores do Ribeiro. Dicíanme que o Ribeiro é un viño para beber no ano, que senón derrámase. Agora iso cambiou e a tendencia é a ir agardando para vendelos e non perder no camiño todo o que poden aportar estes viños. Paréceme moi interesante como evolucionan e creo que se perde moito vendéndoos moi pronto. -Como ves o Ribeiro na actualidade? -O Ribeiro está nun moi bo momento, se o sabemos aproveitar coido que vai ser moi interesante. Estanse elaborando viños de moi boa calidade e iso nótase no mercado nacional e internacional, xa que cada vez vén máis xente para ver se é verdade o que contamos. Estamos despertando o interese fóra, nótase que a xente ven buscando o Ribeiro. Se hai unha remuda xeracional, que é o problema máis grave que temos, isto pode chegar a moi bo porto, porque o Ribeiro acaba de renacer.
-En que mercados teñen presencia os teus viños? -O noso é un viño que se comercializa para restauración e en tendas gourmet. Vendemos moito en Galicia e en Asturias. Temos moito na Coruña e Lugo e tamén vendo bastante en Ourense, aínda que foi onde máis tarde entrei e onde máis me custou. Fíxeno cun pequeno distribuidor do Porriño que está traballando moi ben, xa que se interesou dende o primeiro día por coñecer o produto. -Interésache o mercado internacional? -Agora estamos moi centrados niso, xa que é onde máis valoran economicamente os viños que facemos. É un xeito de facer viable o proxecto e afianzarse no mercado. Estamos en Holanda, Inglaterra e Canadá. Esta mesma semana cerrei unha venda cuns escoceses ós que lle encantou o noso viño tras estar na adega e probando elaboracións na zona. -Tamén tiveches xa contactos co mercado asiático... -Tiñamos un contrato pechado por 5 anos para comercializar boa parte da produción, pero o Covid-19 atrasouno todo, xa que para eles é un viño novo que aínda teñen que dar a coñecer ó mercado.
“Botamos máis dun ano sen vender unha botella de viño. Ó abrir de novo a hostalaría, en 2 meses vendémolo todo”
-Houbo outros inconvintes polo coronavirus? -O Covid-19 freounos en todo, agás na viña onde tivemos que seguir traballando. Botamos máis dun ano sen vender nin unha botella de viño, ó pecharnos a hostalaría. Ademais, pilloume coa páxina web a medio facer. Ó abrir de novo a hostalaría, en 2 meses vendémolo todo ata quedar sen viño preparado para sacar ó mercado. Non foi só que non se vendese o viño, agora temos dificultades para atopar dende botellas, ata etiquetas ou tapóns. Así teño o viño do 2020 aínda todo en depósito. -Cambiaron tamén as visitas á adega pola pandemia? -O Covid-19 fixo que moita xente se achegase por primeira vez á adega, xa que era unha alternativa de ocio segura. Nós reducimos moito o aforo da visita, cun máximo de seis persoas cando antes chegamos a ter visitas de máis dun cento. O pouco viño que sacamos na pandemia foi así, coas visitas da adega. Axudounos a saír do paso e deunos a oportunidade de ensinarlle o noso traballo e historia a xente que non houbera vido noutras circunstancias. Veu moita xente nova, fixemos cultura do viño, que é un dos retos do sector. Algúns dos premios recibidos nestes anos de traxectoria. -Acabas de recibir o premio Unha vida entre Vides da Consello Regulador da DO Ribeiro. Que significa para ti este galardón? -É o premio que máis ilusión me fixo porque nunca pensei que fora a optar a el. Cando me chamaron por teléfono para dicirmo non llo crin. Comecei a crelo cando o vin publicado nos medios. Non podía crer que me desen un premio desta importancia a min, que teño 53 anos, cando llo levan dado a xente cunha traxectoria moito máis longa ou mesmo xa a título póstumo. Un premio coma este é o máis bonito que che pode pasar cando estás loitando pola túa terra e máis aínda sendo como son crítica co traballo da DO. -Non foi o único premio que recibiches nestes primeiros anos de andaina. Como recibes estes premios?  -Nos últimos tempos xa recibimos unha ducia de medallas de ouro e dous grandes ouros. Os premios son moi importantes para vender o viño, axudan a dalo a coñecer. É un xeito de que lles pique a curiosidade por aproximarse ó teu produto. O que atopen dentro é o que fará despois que repitan ou non, pero os premios axúdannos a que o consumidor se achegue ó noso viño.

Adegas Granbazán, pioneiros na maceración da uva e a crianza en barrica en Rías Baixas

Construída nos anos 80, a adega Granbazán destaca ao lembrar aos Châteaux franceses rodeada de viñedos, situada en terras de Vilanova de Arousa e a escasa distancia de Cambados. A adega caracterizouse pola aposta decidido que fixo sempre polo Albariño. Foi unha das pioneiras na Denominación de Orixe Rías Baixas en comezar a macerar as uvas para os seus viños ou en aplicarlles unha crianza en barrica, técnicas empregadas noutras rexións e con outras variedades.

As orixes da adega están ligados á familia Otero, quen quixo esta estética francesa para a construción, que primeiro se caracterizou polas súas fachadas brancas e que en 2007 daría paso a un azulexo azul, que a fai aínda máis característica e que lembra máis ás casas indianas. En 2017, a adega e os seus viñedos pasarían a mans do murciano Pedro Martínez, propietario tamén das adegas Baigorri, na Rioxa alavesa, e que é o seu actual propietario.

A adega, propiedade do murciano Pedro Martínez, está centrada no Albariño e ofrece tamén unha oferta enoturística con visitas e a preparación de eventos

Ademais da elaboración dos viños, Granbazán leva 20 anos traballando coa vista posta no enoturismo e a restauración vinculada ao atractivo que supoñen os seus viñedos. En 2001 construíron unha nova edificación pensada especialmente para acoller celebracións e onde a cociña galega foi sempre protagonista. Tras un ano marcado pola pandemia e a redución de eventos, este verán retoman aos poucos a actividade con veladas nas que maridan os seus viños con sesións musicais, así como con vodas e banquetes.

A adega atópase rodeada de vides de Albariño e a menos dun kilómetro en liña recta do mar.

Os viños elaborados en Granbazán

A primeira colleita de Granbazán foi a de 1988, embotellada no 89 e da que aínda conservan algunha botella na adega. Precisamente, durante o percorrido dos visitantes ás instalacións tamén lles amosan a evolución que experimentaron ao longo dos anos e que pode verse tanto nas súas botellas como nas súas etiquetas.

Na actualidade, teñen 6 viños, todos eles elaborados en exclusiva con uva Albariño. Trátase do Albariño Contrapunto, os Granbazán Etiqueta Verde e Ámbar, Granbazán Veigalobos, así como Granbazán Limousin e Granbazán Don Álvaro de Bazán. Estes últimos son as elaboracións máis especiais da adega. Así, o Limousin termina a fermentación en barrica de carballo francés durante 4 meses e logo cámbiano para que permaneza outros 16 meses en tanque de aceiro antes de embotellalo.

Os principais viños elaborados pola adega e a evolución das súas etiquetaxes.

A fermentación en barricas de carballo francés, que realizan tanto para o seu Limousin como para o Granbazán Don Álvaro foi tamén unha marca da casa, xa que esta foi unha das primeiras adegas do Salnés en proporcionar dita fermentación a un Albariño.

O seu Limousin foi destacado xa en varias ocasións con algúns dos recoñecementos máis prestixiosos como o Concurso Mundial de Bruxelas, cuxo fallo da edición 2021 se coñeceu en días pasados, e que outorgou unha prata a un Limousin de 2017. Non é o único, xa que tamén un Limousin de 2015 fixérase xa cun ouro en 2018, edición na que conseguiron ademais a medalla dourada para un Granbazán Etiqueta Ámbar 2016.

Un dos Limousin, a colleita 2017, logrou nesta edición do Concurso Mundial de Bruxelas unha medalla de prata

Pola súa banda, o Granbazán Don Álvaro de Bazán, é o único que conserva na súa etiqueta o emblema do barco, empregado nos seus primeiros viños. “É o noso viño máis salino. É un viño moi indicado para peixes e mariscos”, apunta Carina Vázquez, responsable da área de enoturismo e quen guía ás visitas no seu percorrido polas instalacións.

O viño Don Álvaro de Bazán elabórano coas uvas procedentes das cepas máis vellas e da parte máis alta da leira principal da adega, situada en Tremoedo, segundo detalla Adolfo Picáns, director financeiro da adega.

O seu viño Don Álvaro de Bazán elabórano coas súas uvas máis especiais.

É un viño especial que só elaboran cando se logran as condicións óptimas para iso. “Houbo varios anos que non puidemos sacar o noso Don Álvaro de Bazán, así do 2015 pasamos á colleita do 2018”, detalla Vázquez. Este viño macera 18 meses sobre leas, para achegarlle unha dimensión extra de aromas e redondez en boca. “A adega segue fiel á tradición e principios das súas orixes nunha aposta pola calidade dos nosos viños, con producións máis limitadas”, reivindican.

Outro dos seus viños particulares é Granbazán Veigalobos, un viño elaborado principalmente coas uvas procedentes da Leira Cobas de Lobos, na parroquia de San Adrián, en Cambados. Trátase dunha parcela con 2,85 hectáreas cultivadas en parra galega sobre solo areoso xunto á ribeira do Río Umia. “Nestas condicións extremas e baixo a influencia do océano Atlántico brotan acios de lenta maduración, potente acidez e inigualable calidade aromática”, detallan desde Granbazán.

O principal mercado dos viños de Granbazán é Galicia aínda que case un 35% da produción ten como destino o resto de España e Europa, así como Estados Unidos ou Asia.

Maceración da uva

En Granbazán miman a uva no seu paso pola adega, para así contribuír a obter os mellores resultados do produto de calidade co que contan. “Despalillamos toda a uva que chega a adega, arrefriámola e comezamos o proceso de maceración. Fomos das primeiras adegas en Rías Baixas en ter depósitos específicos para a maceración, xa que tradicionalmente esta Denominación de Orixe sempre optou polo prensado directo”, explica Diego Ríos, enólogo da adega desde 2019.

Na primeira campaña de Ríos na adega, fai xa case 2 anos, toda a uva pasou por un proceso de maceración. Mentres, en 2020 lograron unha colleita máis abundante e optaron por tratar parte da uva na prensa directa. “O tempo de maceración depende da loxística do proceso, pero adoita roldar entre as 4 ou 6 horas como mínimo até as 12 horas en partidas especiais”, concreta Ríos.

Foron dos primeiros en macerar a uva, cando a maior parte das adegas facía un prensado directo.

Os depósitos están colocados na parte alta da adega para poder sacar o líquido sen necesidade de utilizar unha bomba. Tras o proceso de prensado é tempo do desfangado, unha fase máis angosta e que realizan de forma natural e estática, sen utilizar ningún tipo de engadido para conseguir que este proceso de decantación sexa máis rápido. As últimas colleitas (2019 e 2020), das que xa se encargou o enólogo, caracterizáronse por realizar proceso de decantación longos, que chegaron a ser de semana e media.

Case todas as fermentacións realízanas en depósitos de 15.000 litros. Neles tamén realizan os viños especiais e cunha produción máis reducida. Mentres, os outros dous viños son coupage para os que utilizan depósitos duns 45.000 litros para conseguir unha mestura homoxénea. “Do noso viño base temos unha produción dunhas 200.000 botellas aos que se suman unhas 170.000 botellas das edicións especiais”, explica o enólogo.

Granbazán caracterízase por incorporar tecnoloxía que poida facilitar o tratamento dos seus viños sen alterar a súa esencia e calidade. Así, traballan cun filtro tanxencial, unha tecnoloxía moi utilizada na industria alimentaria e tamén en países de Latinoamérica, co que asegurar un embotellado que evite as microfiltracións e garantir un maior control na adega.

Xestionan unhas 12 hectáreas de viñedos tanto nas proximidades da adega como en fincas nos arredores.

Os viñedos

A adega conta cunhas 12 hectáreas entre os viñedos situados nas proximidades da adega e a uva procedente de plantacións próximas. “Agrupamos a tódolos nosos provedores, que son até 80 familias distintas por parroquias ou por sector do que procede, de maneira que todas as fermentacións son partidas por separado”, detalla o enólogo.

Os viñedos da adega, así como boa parte dos viticultores traballan con parra alta. “Optamos pola parra alta pola humidade, xa que este sistema axúdanos a ventilar e mellorar a nivel fitosanitario, aínda que non o pareza estamos a un quilómetro en liña recta do mar”, apuntan desde a adega. Os viñedos aséntanse en solos graníticos areosos e optan por unha cuberta vexetal.

A adega ten previsto incrementar a superficie de viñedo e esta tempada comezou a acondicionar unha parcela próxima dunhas 5 hectáreas, na que teñen previsto plantar máis viñas de Albariño.

A adega está a incorporar prácticas máis sostibles para mellorar e conservar a biodiversidade de fauna e flora nos seus viñedos.

Coa vista posta na sustentabilidade

No manexo dos viñedos, Granbazán está a apostar pola sustentabilidade ambiental con actuacións que lles axuden a protexer a biodiversidade de flora e fauna. Entre outras accións están a levar a cabo actuacións no coidado dos solos, reducindo o uso de herbicidas ou pequenos cambios na xestión dos espazos verdes próximos aos viñedos, cos que conseguir maior diversidade de flora e fauna, que nalgunhas ocasións poden converterse en aliados para atallar algunhas das principais pragas do viñedo.

Nos seus viñedos eliminaron case por completo o uso de insecticidas

“O principal inimigo dos nosos viñedos é o mildio e para atallalo traballamos sempre cunha mínima planificación e previsión na medida do posible, ao ser unha patoloxía moi ligada ás condicións atmosféricas”, explica Carlos Fernández, técnico de campo da adega. Para atallar o mildio aplican tratamentos sistémicos e en campañas como a deste ano, con abundantes choivas que propiciaron o desenvolvemento da planta, tamén optan por solucións penetrantes. Na adega traballan actualmente unhas 20 persoas, un número que se incrementa considerablemente durante a vendima.

“Estamos a tratar de conseguir producións menos agresivas co medio ambiente, así eliminamos case por completo o uso de insecticidas”, apunta Fernández. No seu lugar optaron por tratamentos a base de feromonas. “Son tratamentos que, ademais de ser máis respectuosos co medio ambiente proporciónannos outros beneficios, xa que son alternativas que non precisan duns prazos concretos de aplicación como os herbicidas ou larvicidas para conseguir resultados óptimos”, detalla o técnico de campo.

Están a empregar tratamentos con feromonas cos que están logrando moi bos resultados.

Estes procedementos a base de feromonas buscan atraer aos machos e evitar a fecundación e a proliferación dalgúns dos insectos que causan danos no viñedo. Con este método tampouco queda ningún tipo de residuos na uva, co que se está logrando un viño de maior calidade. “Nós queremos ser un referente en aplicar tratamentos máis respectuosos co medio ambiente para que outros viticultores se sumen a estas prácticas ao ver os resultados. Ademais xa se viu noutras zonas os resultados positivos que ofrecen”, indican desde Granbazán.

A adega, que xa comezara a traballar por mellorar a biodiversidade dos seus viñedos con pequenas accións, deu un paso máis nos últimos meses e contou co asesoramento profesionalizado da multinacional Bayer para levar a cabo o proxecto Wildlife, un estudo pormenorizado da flora e fauna que habita nas proximidades das súas cepas. “Temos un gran interese en mellorar e conservar a biodiversidade que existe xunto aos nosos viñedos. Este foi o primeiro paso de man de profesionais para seguir mellorando”, explican desde a adega. O programa Bayerdiversity proporciónalles asesoramento profesional para mellorar e conservar a biodiversidade en zonas non produtivas.

Están a incorporar medidas para mellorar a biodiversidade. Estudan colocar pousadeiros para aves de rapiña que espanten ós estorniños

Nos seus viñedos contan cunha cuberta vexetal que lles axuda tanto á xestión das cepas e é fonte de biodiversidade. “Polas características do terreo sería moi desaconsellable labrar a terra, xa que as choivas terminarían arrastrándoa, por iso decantámonos polas cubertas vexetais”, explica o técnico de campo. Ademais, polas condicións climáticas da zona, esta cuberta apenas necesita mantemento durante 6 meses. “Na primavera, os viñedos énchense de paxaros como xílgaros ou verderolos que veñen comer as sementes das herbas”, detalla.

Agora queren ir máis aló e utilizar sistemas que melloren a presenza de aves que tamén contribúan á xestión do propio viñedo dunha forma sustentable. Así, están a valorar a colocación de pousadeiros para aves rapaces que poidan espantar ás bandas de estorniños, que supoñen unha ameaza para a uva madura. “Hai 10 anos, nunha das leiras dos nosos provedores, unha banda de estorniños reduciu a colleita de uva de 2.000 quilos a pouco máis de 500 nun só fin de semana”, lembra o técnico.

Curso sobre turismo enolóxico en Monforte

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, celebrará do 4 ao 7 de outubro en Monforte de Lemos un curso sobre o enoturismo, co fin de xerar unha bolsa de profesionais capacitados que comprendan o funcionamento dos destinos e das estruturas turísticas e que desenvolvan estratexias de comunicación co uso de novas tecnoloxías.

A iniciativa, que se impartirá en horario de 9:00 a 14:00 horas na sede do Consello Regulador da DO Ribeira Sacra, constará de 20 horas lectivas para desenvolver un total de sete módulos. Así, o primeiro xirará entorno ao concepto e evolución do turismo enolóxico. O segundo sobre o sector turístico e o turismo enolóxico en España. Seguidamente, abordarase o perfil xeral do turista para seguir coas principais canles de distribución do turismo enolóxico. O quinto módulo tratará sobre as redes sociais como ferramentas de comunicación e o uso das novas tecnoloxías. Tamén se analizará o produto enoturístico e, por último, abordarase toda o oferta que presenta este sector: viñoterapia, talleres de cata e roteiros do viño, entre outros.

O curso está dirixido a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="80090" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Para inscribirse pódese descargar a solicitude nesta ligazón e remitila cuberta ao enderezo electrónico formacion.agacal@xunta.gal. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 881 997 279.

 

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="80091" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

“Ribeiro, o teu mellor camiño”, a campaña para recuperar o enoturismo na DO máis antiga de Galicia

Esta mañá presentouse no Centro Cultural Marcos Valcárcel, centro dependente da Deputación Provincial de Ourense, a campaña “Ribeiro, o teu mellor camiño”, unha iniciativa promocional da Ruta do Viño do Ribeiro que busca potenciar o territorio vitivinícola coma destino enoturístico. Esta acción encádrase no programa de actividades que a Ruta do Viño do Ribeiro vén desenvolvendo dende o ano 2019 amparado baixo a marca enoturística “O CAMIÑO DO VIÑO. RUTA DO VIÑO DO RIBEIRO”. “Ribeiro, o teu mellor camiño” é unha aposta decidida por potenciar o territorio do Ribeiro; revitalizar unha comarca vitivinícola histórica e potenciala coma destino enoturístico. Para iso poñerase en valor o territorio, a paisaxe, os recursos arquitectónicos culturais e outros coma o termalismo, utilizando o viño Ribeiro, a paisaxe e o seu patrimonio histórico como fíos condutores. A campaña, segundo o presidente da Ruta do Viño do Ribeiro, Juan M. Casares, “valerase dunha coidada selección fotográfica e dun spot enoturístico que amosen todos os nosos recursos e potencialidades.” A campaña desenvolverase nas redes sociais Facebook e Instagram durante os meses de xullo e agosto e centrarase na captación de potenciais visitantes das sete grandes cidades da comunidade autónoma de Galicia. O público obxectivo achégase ao millón de persoas e fará un especial fincapé nos perfis de clientes con máis de 25 anos e interesados no viño e o turismo rural. Segundo o presidente da Ruta do Viño do Ribeiro, Juan M. Casares, “o obxectivo desta acción no curto prazo consiste en atraer visitantes ao territorio do Ribeiro para, cando menos, recuperar as cifras que se manexaban denantes da crise sanitaria.”

Outras accións da Ruta do Viño no ano 2021

Durante o mes de xullo desenvolverase outra acción en redes cun instagramer de especializado en temas de turismo e termalismo ao abeiro dun convenio coa Deputación Provincial de Ourense e Turismo de Galicia. A Asociación Ruta do Viño do Ribeiro celebrará tamén, no mes de outubro, a X edición da Xornada de Portas abertas das Rutas do Viño de Galicia que promove a Axencia de Turismo de Galicia. En derradeiro lugar estase pechando unha acción promocional directa en Madrid dirixida a prensa especializada e posibles operadores turísticos.

Ruta do Viño. Datos

Neste sentido, no período 2008/2019, pasaron polo Ribeiro preto de 120.000 persoas, tendo en conta os datos que se rexistran nas adegas. O mellor dato rexistrouse no ano 2018 onde os visitantes chegaron ás 14.277 persoas. O incremento medio de visitantes por ano sitúase no 12-14% tendo en conta que o incremento é ascendente desde o 2012, ano no que houbo o menor número de visitantes de toda a serie rexistrada. Actualmente integran esta entidade un total de 50 socios repartidos da seguinte forma: dez concellos, dezasete adegas, once aloxamentos, sete restaurantes, dúas empresas de servizos e as oficinas de turismo de Ourense e Ribadavia, ademais de o Consello Regulador da D.O Ribeiro que ostenta a presidencia. No tocante aos perfís dos visitantes, o Ribeiro é destino preferente en colectivos de 45 a 65 anos que supoñen o 47% dos visitantes, aínda que é certo que nos últimos anos, a franxa de idade que comprende os 30-45 vai aumentando ata situarse no 28%. Ata o momento da crise sanitaria, os nosos enoturistas viaxaban en parellas ou en grupo de non máis de 4 a 6 persoas cun nivel de renda medio, e proveñen sobre todo, no 90% de Galicia, un 8% do resto de España e un 2% de países europeos.