Archives

Claves sobre as enfermidades da madeira nos viñedos galegos

As enfermidades da madeira é un dos retos do viñedo hoxe en día, pero que son e que causa estas afeccións das cepas? Esa é unha das preguntas na que aínda queda moito por avanzar, tal e como apunta o investigador, fitopatólogo e doutor enxeñeiro de montes Pedro Mansilla, un dos maiores expertos no estudo das enfermidades da vide en Galicia. As enfermidades da madeira en viñedo están causadas por un conxunto de fungos -normalmente interveñen varios tipos de fungos na mesma planta- e cuxos síntomas son un decaemento da vide que pode chegar mesmo a provocar a morte. “A clave é coñecer o ciclo biolóxico dos fungos que provocan estas enfermidades, no que aínda avanzamos pouco, o que fai que se estean dando tratamentos a cegas”, valora o experto.
As enfermidades da madeira poden estar causadas por ata 10 fungos, o que provoca que haxa multitude de síntomas e sexa difícil diagnosticalas a simple vista
O feito de que as enfermidades da madeira poden estar provocadas por varios tipos de fungos dificulta detectar os síntomas. “Con frecuencia interveñen ata 10 fungos na mesma planta o que leva a que aparezan un cúmulo de síntomas”, explica Mansilla. Así, realizar un diagnóstico visual resulta moi difícil. Porén, as novas técnicas de diagnóstico cada vez máis rápidas e eficaces convertéronse nun bo aliado para detectar enfermidades da madeira. “Agora coas PCR e a tecnoloxía molecular podemos diagnosticar unha enfermidade causada por enfermidades da madeira en menos dunha semana, cando antes levaba meses”, concreta o investigador.

Posibles causas

O investigador Pedro Mansilla apunta algunhas das causas posibles que orixinen as enfermidades da madeira: -Deficiencias no coidado sanitario nos viveiros: As plantas levan un pasaporte sanitario que garante que están libres de determinado número de patoloxías, pero non de enfermidades da madeira, xa que ata o de agora na Unión Europea non se esixe devandito documento. Así, os viveiros poden ser unha das vías de contaxio deste tipo de enfermidades. -Cambios no manexo do viñedo. A realización de podas mecánicas agresivas pode propiciar a aparición destes fungos. Mansilla recomenda evitar realizar grandes cortes na poda. -Eliminación da autorización de uso do arsenito sódico en viñedo. As restricións de utilizar este composto inorgánico, altamente tóxico, e o feito de que non haxa alternativas eficaces provoca maiores dificultades para controlar as enfermidades da madeira.

Principais enfermidades da madeira

As enfermidades da madeira poden estar causadas por ata 10 fungos diferentes, pero entre eles destacan 5 deles, os máis habituais nos viñedos. O experto sinala tamén os axentes implicados en cada unha delas. -Síndrome Yesca. É un complexo de fungos coñecidos desde a antigüidade, xa que gregos e romanos xa deixaron constancia da súa presenza. En 1920 xa se identificou que entre os axentes implicados para a aparición de Yesca estaban Phellinus igniarius e Stereum hirsurtum. Na década dos noventa sumáronse outros axentes á lista de fungos implicados na aparición da yesca como Phaeroacremonium aleophilum, Phaeomoniella chlamydospora, Fomitiporia punctaca e Eutypa. -Botryosphaeria. Son fungos oportunistas que permanecen en estado de lactación ata que teñen boas condicións para desenvolverse. Na planta penetran por feridas e aperturas naturais e atacan a talos, ramas e follas. “Son patóxenos moi virulentos en casos de estrés biótico ou abiótico”, explica o investigador. -Eutipyose. É outro dos fungos que se inclúe na lista que causan enfermidades da madeira no viñedo. Neste caso os axentes implicados son Eutypa lata (teleomorfo) e Lybertella blepharis (anamorfo). Cepa afectada por Eutypa. -Brazo negro morto. Neste caso os axentes que interveñen son Ascomycetes como Diplodia sp, Fusicoccum sp, Neofusicoccum sp e Dothiorella sp. -Enfermidade de Petri. Entre os axentes implicados atópanse Phaeomoniella chlamydospora Phaeoacremonium, Cadophora sp. Entre as plantas novas é máis habitual detectar enfermidades de Petri, Pe negro, así como podremia na zona do enxerto e necrose de sarmentos novos. Mentres, nas plantas adultas adóitase detectar necrose da madeira, podremia esponxosa da madeira, síndrome Yesca, Eutipiose e brazo negro morto.

Enfermidades da madeira en Galicia

En Galicia, Mansilla realizou un estudo sobre a incidencia das enfermidades da madeira en viñedo no que se incluíron mostraxes nas 4 Denominacións de Orixe, así como tomas de mostras en viveiros. Nas plantas adultas analizadas, o fungo que máis detectaron foi Phaeomoniella chlamydospora, un dos axentes implicados nas Enfermidades de Petri ou no complexo de Yesca. Tamén detectaron en gran medida a presenza de Sphaeropsis malorum. No caso dos viveiros, nos patróns detectaron sobre todo Cylindrocarpon spp, fungo causante do pé negro en viñas novas, que tamén está asociado coa enfermidade de Petri. Este fungo é tamén o máis frecuente illado en patróns na zona de inserción de raíces. Tamén detectaron Phaeoacremonium aleophilum e Phaeomoniella chlamydospora. En raíz, tamén destaca a presenza de Phytophthora cinnamomi en raíz. Mentres, nos enxertos dos viveiros o que máis detectaron foron Sphaeropsis malorum e Phomopsis vitícola.

Futuro da loita contra as enfermidades da madeira

O fitopatólogo Pedro Mansilla apunta algunhas das claves que poden ser decisivas nun futuro na loita contra as enfermidades da madeira nos viñedos. 1) DIAGNÓSTICO PRECOZ: Avanzouse moito coa tecnoloxía molecular e coas PCR que poden identificar a enfermidade para así aplicar un tratamento específico. 2) CONTROL BIOLÓXICO: O uso das trichodermas está a ofrecer moi bos resultados como medida de prevención en plantas de viveiro. Aínda que, se as plantas xa están infectadas hai máis interrogantes sobre a súa eficacia. “Preferentemente que as trichodermas procedan dos nosos viñedos, pois terán maior eficacia”, indica Mansilla. Aínda que, polo momento non é posible conseguir trichodermas autóctonas comerciais. 3) VITICULTURA DE PRECISIÓN. 4) USO DE PRODUTOS BIOESTIMULANTES para dar resposta ao estrés biótico e abiótico da planta. “O que máis traballamos son micorrizas, en concreto con endomicorrizas, que melloran a absorción de nutrientes e auga por parte da vida”, explica o investigador. Ademais, se o potencial de inoculo no chan é medio/baixo as micorrizas ofrecen moi bos resultados, pero se é alto poden acabar por matar á planta. Ademais dos microorganismo antagónicos como as micorrizas, tamén se utilizan como bioestimulantes extractos vexetais (algas, cítricos, aguacate) ou extractos de procesos fermentativos (encimas, metabolitos secundarios…) 5) CORENTENAS: Mansilla recomenda estar atentos a todas as corentenas que se decreten. Neste momento en Galicia decretouse unha corentena pola flavescencia dourada.

 Medidas de prevención

A curto prazo, existen prácticas que contribúen a reducir o risco de incidencia das enfermidades da madeira. Recollemos as máis significativas segundo o experto: -Podar con tempo seco. -Desinfectar as ferramentas. O investigador recomenda utilizar auga osixenada para este fin, xa que é un método que garante que se faga un corte limpo. O experto incide en que o alcol, se non se queima despois, non proporciona unha correcta desinfección da ferramenta e pode seguir habendo risco.   -Selar as feridas cun cicatrizante é unha práctica que aínda xera certa controversia, con partidarios e detractores dela. Mansilla considera que é moi recomendable e proba diso é que ten unha fonda tradición, xa que antigamente utilizábase o barro a modo e selador para as feridas. “Búscase que as esporas que caian non teñan a ferida aberta para penetrar así na madeira”, explica o experto. Na actualidade, poden utilizarse solucións como o propio composto de cobre que se utiliza para tratar as viñas. Neste caso, para que sirva a modo de cicatrizante debe reducirse a cantidade de auga para que quede unha pasta espesa. Tamén hai produtos específicos cicatrizantes que inclúen funxicidas, aínda que estas solucións teñen un prazo de seguridade que respectar. Ademais, hai que controlar se se fan fendas nos cicatrizantes, en cuxo caso, habería que aplicalo novamente. -Destruír os restos de poda. Os expertos desaconsellan a trituración e incorporación ao terreo. -Empregar material de cultivo san. Mansilla recomenda realizar análise do material empregado. “Cando recibimos unha partida de plantas do viveiro debemos coller unha mostra representativa (por exemplo 10 ou 20 plantas por cada 1.000 exemplares) e enviala ao Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (Lafiga) para a súa análise. -Mellora xenética para buscar variedades de vide resistentes. Aínda que é unha liña de traballo interesante, resulta complicada e os resultados son a longo prazo. -Deixar descansar os terreos de monte antes de plantar viñedo. Nas novas plantacións de viñedo en monte é recomendable deixalo descansar e destoconar ben antes de plantar o viñedo. Pola contra hai un risco alto de que haxa problemas de Armillaria mellea. “Se o terreo antes estaba con piñeiros teremos Armillaria spe, que non lle afecta á vide, polo que non teriamos problema”, explica o investigador. Ademais, como medida preventiva funciona moi ben o uso de trichodermas.

Xornada en Monforte sobre “As enfermidades do viñedo: Estratexias de protección razoada”

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra-Courel, en colaboración coa Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura, organiza o vindeiro 19 de maio, venres, unha xornada técnica en Monforte de Lemos sobre “As enfermidades do viñedo: Estratexias de protección razoada”. A formación correrá a cargo de expertos de renome nacional no estudo das principais enfermidades fúnxicas que afectan ao viñedo en Galicia (mildeu, oídio e black rot, así como enfermedades de la madera), como Pedro Mansilla, Rosa Pérez Otero, Alfonso Lucas Espadas ou Nuria de Prado. A xornada celebrarase no Salón de reunións do Restaurante Manuel Bistró (Monforte  de Lemos) a partir das 18:00 horas. Aforo limitado. Necesaria previa inscrición a través do código QR ou no seguinte enlace: https://forms.gle/ffoSrKTdM3BmBDRP7

Velaquí o programa da xornada:

 

Claves no proceso de enxertado das viñas

Un dos retos da viticultura actual é conseguir cepas resistentes a enfermidades e volver contar con viñedos lonxevos, que poidan vivir 100 anos como outrora, despois de que nos últimos séculos experimentouse unha redución da lonxevidade das viñas. As perspectivas apuntan a que en 2050 os viñedos durarán pouco máis de 50 anos, cando ao remontarse a 1850 as cepas de media alcanzaban os 200 anos. Enfermidades da madeira como o pé negro, a iesca, a eutipiose ou o decaimento por Botryosphaeria son algunhas das causas para que as viñas sequen antes. Unha das claves para lograr incrementar a lonxevidade das viñas é conseguir cepas cun sistema vascular san. O enxerto, aínda que foi o gran esquecido durante anos, é unha das ferramentas para logralo, tal e como lembra Gonzaga Santesteban, investigador e director do Departamento de Agronomía, Biotecnoloxía e Alimentación en Universidade Pública de Navarra, unha comunidade na que se produce entre o 25 e o 30% de todos os enxertos de vide de España. Gonzaga lidera, ademais, o proxecto europeo Vites Qualitas (EFA 324/19), no que se estuda a importancia de dispoñer de plantas enxertadas de calidade e dunha boa poda para aumentar a rendibilidade e lonxevidade dos viñedos.
Coñecer o proceso do enxerto e as súas peculiaridades pode axudar a mellorar a lonxevidade dos viñedos
Na súa participación na xornada técnica organizada pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia ( Evega) e a Axencia Galega de Calidade Alimentaria ( Agacal) sobre o enxerto e o portainxerto, Gonzaga apuntou algunhas claves para mellorar esta práctica. Ademais, o investigador lembrou que o enxerto foi a táboa da salvación do viñedo fronte á filoxera.

A evolución á hora de producir enxertos

Gonzaga insiste na necesidade de coñecer mellor o enxerto, en especial por parte dos viticultores e adegas, xa que lles ofrece información extra sobre a evolución que terá o seu viñedo. Neste sentido, o sector do viveiro, como provedor de planta e de enxertos, é unha peza fundamental para a evolución do viñedo. Execución do enxerto en omega no taller. // Fotografía cortesía de Vitis Navarra. O investigador pon tamén o foco na transformación que experimentou o sector nos últimos anos. “Nas últimas décadas producíronse enormes cambios na produción de planta enxertada, tanto a nivel técnico como empresarial”, sinala Gonzaga Santesteban.
“Producíronse enormes cambios na produción de injertos tanto a nivel técnico como empresarial”
Un dos principais cambios, do mesmo xeito que ocorreu con outros procedementos da agricultura en xeral ou da viticultura, é que se pasou dun procedemento moi manual a contar cun maior grao de mecanización. Ademais, durante moito tempo, o máis frecuente era enxertar no campo ou o enxerto en fenda en taller. Con todo, nos últimos anos fíxose unha aposta clara polo enxerto en Omega. Outro dos cambios significativos que se produciron á hora de realizar enxertos foi a introdución das cámaras de calloxénese, que substitúen ao proceso tradicional no que o callo se realizaba en campo. Comparación do bo e mal aliñamento do material no momento do enxerto. A primeira imaxe é un exemplo dun enxerto omega ben aliñado. As tres imaxes seguintes son enxertos omega mal aliñados. // Fotografía cortesía do proxecto Vites Qualitas EFA 324/19. En definitiva, todos estes cambios conseguiron proporcionar uns mellores rendementos aos enxertos en particular e ao viñedo en xeral, posto que os métodos tradicionais de enxertado deixaban uns rendementos limitados. Porén, a produción de plantas enxertadas é un proceso complexo e tentar maximizar os rendementos pode levar en ocasións a unha perda de calidade das plantas producidas. 

O proceso de enxertado

Aínda que poida parecer que o enxertado, realizado en viveiros é un proceso alleo aos viticultores, Gonzaga insiste en que os produtores deben coñecer o proceso de produción, sobre todo pola información que pode proporcionarlle en aspectos como a sanidade e a calidade das cepas.

Fase 1. Campos de plantas nai

O proceso de enxertado comeza nos campos de plantas nai. Nestes campos cultívanse variedades de portainxerto, normalmente cruces de especies de vide americana. É importante que nestas parcelas se tomen as medidas de prevención sanitaria, como protexer as feridas de poda da planta e a desinfección de ferramentas, para evitar contaxios de enfermidades entre as plantas. 
Nos campos de plantas nai deben extremarse as medidas de desinfección para evitar a aparición de fungos
As cepas adoitan cultivarse en 'cabeza de mimbreira', o sistema máis habitual en España, aínda que hay plantacións realizadas en espaldeira en outros países, de climatoloxía máis chuviosa. Nesta fase Gonzaga Santesteba sinala que un dos puntos críticos podería ser o sistema de condución. "A cabeza de mimbreira podería aumentar o risco de infección por fungos do solo, porén non dispoñemos aínda de estudos que o demostre", concreta. "Son plantas con moitos cortes e feridas por ano, polo que a hixiene de ferramentas pode ser clave para evitar a entrada de fungos", apunta o experto. Tamén debe prestarse atención ó marcado e retirada de plantas enfermas, xa que pode ser un factor de risco por ser fonte de inóculo de patoloxías. En canto ó remprazo das plantas, tal e como indica Santesteban, "o normal é que se faga entre os 15 e 25 anos das cepas", explica. 

Fase 2. Procesado en viveiro e enxertado

Tras a recollida e transporte do material vexetal, a segunda fase iniciarase no viveiro. O primeiro paso é o procesado das plantas, no que se procede á eliminación de netos, zarcillos e zonas non agostadas. É un proceso que adoita realizarse en grandes naves, de maneira que se protexa as cepas das inclemencias meteorolóxicas.
Na fase de conservación é moi importante evitar que a planta se deshidrate e conservala en condicións hixiénicas e en frío
A continuación, é quenda para realizar o estaquillado do portaenxerto, que deberán ter uns 40 centímetros de largo e entre 7 e 15 milímetros de grosor. É neste momento tamén cando se procede ao desxemado dos sarmentos de onde se obterán as estacas, para evitar a aparición de regromos da vide americana no viñedo. Corte lonxitudinal dun enxerto en omega, no que se aprecia a conexión entre a vide americana e a vinífera. // Fotografía cortesía do proxecto Vites Qualitas EFA 324/19) Nesta fase de procesado realízase o taqueado de púas de Vitis vinífera, que deben conter unha xema e ademais terán que ter un calibre e un estado adecuados para garantir o éxito do enxerto. Unha vez procesadas, é fundamental a conservación do material. Deben permanecer entre un e tres meses en frío, en cámaras e contedores con unha boa hixiene. “Hai que evitar situacións de anoxia, é dicir de falta de osíxeno, pero sobre todo é importantísimo evitar a deshidratación da planta”, detalla Gonzaga. Na fase de enxertado é necesario extremar as medidas de hixiene. “Asegurar un bo calibrado da púa e a estaca é o que condicionará o éxito do enxerto e a calidade das plantas producidas. Tras producirse a calloxénese do enxerto, é momento de volver plantar estas cepas xa enxertadas.

Fase 3. Campos de enraizamento

Antes de volver plantar as cepas enxertadas, é preciso realizar un tratamento previo das plantas con fungicidas e hormonas de enraizamento. Trátase dun proceso que se realiza a man e que condicionará o éxito dos novos enxertos. Nestes campos, debe dispoñerse de sistemas de rega por goteo. Ademais, adoitan aplicarse herbicidas e acolchado para o control das malas herbas, ademais de fungicidas e outros tratamentos para garantir o desenvolvemento da planta. O arranque realízase de forma mecanizada, cun tractor e apeiros especiais para este labor. É fundamental que se faga un control de calidade exhaustivo para asegurar de que se produciu un bo enraizamento e que as plantas contan con raíces ben desenvolvidas. Unha vez arrancadas e clasificadas as cepas é convinte que o viveiro someta as plantas a unha proba de ‘ palanqueo’, exercendo presión sobre o enxerto, para certificar que este está consolidado. Campo de enraizamento co material enxertado acabado de plantar. // Fotografía cortesía de Vitis Navarra.

Recomendacións á hora de comprar plantas enxertadas

Á hora de adquirir plantas enxertadas, Gonzaga recomenda prestar atención á calidade e sanidade da planta. “As plantas de calidade son aquelas con calidade xenética, sanitaria e fisiolóxica”, comenta. Para garantir a calidade xenética, é preciso prestar atención á elección do portaenxerto, a variedade e os clons, buscando que coincida a identidade do material solicitado co adquirido, algo sinxelo de verificar mediante análise xenético. En canto á sanidade, as plantas deben estar libres de enfermidades víricas como o Entrenudo curto, Enrolados 1 e 3 e Xaspeado. Non se pode pretender que as plantas non teñan presenza de fungos asociados a enfermidades da madeira da vide, pero si que debe observarse si aparecen zonas da planta con necrose extendidas. Por último, hai que verificar un aspecto ás veces olvidado, a calidade fiosiológica das plantas, sendo preciso comprobar que se realizou unha unión de calidade no punto do enxerto, cunha correcta vascularizacion entre púa e portaenxerto.
 

Máis información: Claves para o enxerto das viñas

 

Recomendan renovar os tratamentos contra o mildio

As néboas que cubriron boa parte do territorio galego durante esta última semana xeraron unhas condicións propicias para a aparición de mildio. Ademais, a previsión de chuvieiras para os próximos días leva a que dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, recomenden no seu último boletín sanitario renovar os tratamentos fronte a esta enfermidade. Os técnicos insisten tamén en que, aínda no caso de xa ter aplicado un tratamento contra o mildio, a protección pode verse reducida se finalmente se rexistran chuvias, co que sería recomendable repetilos nos próximos días. “Se o tratamento foi feito só con cobre e se rexistran chuvias abundantes, é probable que se lave e haberá que tratar novamente. Se a intervención foi cun produto penetrante unido ó cobre, o tempo de protección reducirase”, concretan os técnicos de Areeiro. Ademais, para previr unha maior afección dos viñedos, consideran prioritario levar a cabo labores culturais como despuntes, esfollas e rozas, para facilitar a ventilación das viñas e reducir a incidencia do patóxeno.

Alerta por mildio larvado

Nesta última semana, en Areeiro recibiron un gran número de avisos de profesionais que detectaron nos seus viñedos danos por mildio larvado en moitas viñas. Nalgúns casos, con ataques de máis do 25% dos acios, mentres en xeral a folla estaba sa. Porén, nas parcelas examinadas polo persoal da Estación Fitopatolóxica polo momento non se apreciaron este tipo de danos e só observaron manchas nos gromos terminais, pero as uvas, en xeral, atópanse nun estado excelente. O persoal especializado de Areeiro valora que estes danos detectados nos viñedos se deban a un inadecuado mantemento das viñas nalgún momento da campaña, tendo en conta que os episodios reiterados de humidade e altas temperaturas provocaron un gran desenvolvemento de vexetación que dificulta a ventilación dos acios. Tamén sinalan que estes danos por mildio larvado se poden deber a unha elección inadecuada do funxicida ou as condicións de aplicación pouco convenientes para conseguir que o produto protexa a viña. Mesmo, danos identificados inicialmente como mildio resultaron ser consecuencia de golpes de calor. Aínda que as condicións meteorolóxicas rexistradas nesta semana son propicias para a aparición de oído, o estado fenolóxico no que se atopan os acios fan que sexan xa pouco sensibles a esta enfermidade. “Só observamos síntomas puntuais nalgúns grans de viñas onde xa se observaran danos previos”, concretan os técnicos. Con todo, inciden en avaliar a eficacia dos tratamentos xa dados e se as viñas presentan síntomas recentes recomendan aplicar un novo, que será probablemente o último que precisen nesta campaña. Tamén están a rexistrarse unhas condicións favorables para o desenvolvemento de black rot, porén apenas detectaron polo momento danos por esta enfermidade. Pese a iso, naquelas viñas máis sensibles a este patóxeno recomendan manter aínda a vixilancia e, no caso de incrementarse os danos, aconsellan aplicar un último tratamento contra o patóxeno. Polo momento, as viñas tampouco presentan danos por botrite, mesmo aquelas variedades máis propensas. O risco increméntase co aumento dos niveis de azucre nas uvas se se combina con condicións meteorolóxicas favorables como as desta semana. Así, dende Areeiro inciden en manter un bo estado sanitario das uvas e incrementar a vixilancia onde haxa danos ou feridas nos acios. Na Estación Fitopatolóxica tamén aconsellan supervisar as viñas para evitar danos de Lobesia botrana, pola incidencia directa das penetracións das eirugas na aparición das podres. Por agora apenas capturaron exemplares, pero recomendan manterse alerta. Tampouco detectaron ata o momento moita presenza de cicadelios. Por outra banda, recomendan cortar as plantas afectadas por enfermidades da madeira e que non sexan recuperables, retirando os restos da madeira da contorna dos predios para evitar a transmisión destes patóxenos.

Últimos avances en prevención e control de enfermidades da madeira en viñedo

Uno dos principais medios de dispersión da maioría dos fungos causantes das Enfermidades da Madeira en Viñedo (EMV) é a través do material de propagación. Non existen medidas de control curativas, polo que é de suma importancia a utilización de planta coa maior calidade fitosanitaria posible. De feito, estudos realizados en España demostraron a infección de plantas nai de vide con diversos fungos da madeira e a súa presenza en distintas fases do proceso de produción de planta inxertada en viveiro.

1) A importancia dos viveiros para evitar a propagación das enfermidades da madeira

A prohibición, a principios da última década, de produtos químicos como os bencimidazoles carbendazima e benomilo, altamente eficaces para o control das EMV en viveiros, xunto coas altas restricións ás que se enfrontan actualmente os funxicidas químicos na maioría dos países do mundo, polos seus efectos nocivos para a saúde humana e o medio ambiente, fan moi complexo o manexo destas enfermidades. Os tratamentos de termoterapia con auga quente (TAC) de até 53ºC durante 30 minutos reducen significativamente a presenza dos axentes patóxenos causantes de EMV sen que se vexa afectada a viabilidade da planta, aínda que a súa efectividade non é total. A TAC non está implantada na produción de planta polos viveiros para o control das EMV, pero si está a ser utilizada para eliminar outros axentes fitopatóxenos, como o fitoplasma causante da flavescencia dourada ou a bacteria Allorhizobium vitis. Ademais, a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) recomenda o tratamento por TAC de 50°C durante 45 minutos para eliminar a bacteria Xylella fastidiosa, axente causal da enfermidade de Pierce, e as súas subespecies, do material de propagación en viveiros de vide. Nos últimos anos púxose de manifesto o potencial de diferentes microorganismos, sobre todo fungos do xénero Trichoderma, para combater os patóxenos da madeira en viveiros de vide. Cabe destacar a eficacia do produto Vintec® (Trichoderma atroviride SC1), comercializado por Belchim Crop Protection, o cal é o único produto rexistrado en España para uso en viveiro contra fungos da madeira da vide. En estudos recentes demostrouse que a aplicación de Vintec® en viveiros reduce significativamente a incidencia dos fungos da madeira. A inoculación de planta enxerto en pre-plantación con actinobacterias (Streptomyces spp.) reduciu significativamente a infección por fungos asociados á enfermidade de Petri e o pé negro en campos de viveiro. Outro punto importante para o control das EMV é o solo dos campos de propagación dos viveiros, no que residen importantes fontes de inóculo destas enfermidades. A rotación de cultivos, que de forma estándar realízase en viveiros consistente na substitución do cultivo cada 2 a 4 anos por un cultivo de cobertura, non é efectiva fronte aos fungos causantes de EMV, polo que se expuxeron novas estratexias para o seu control. A biofumigación con mostaza branca reduce o inóculo de Dactylonectria torresensis en chan, así como a incidencia e severidade de pé negro en planta enxerto, polo que se debe considerar como unha ferramenta máis para o manexo integrado da enfermidade.

2) A plantación e os primeiros anos de cultivo

Os plantóns deben ter un grosor adecuado, cun callo ben cicatrizado na súa base e no cal de distribúan uniformemente as raíces (Figura 1a). A plantación debe realizarse correctamente, procurando que as raíces queden cara abaixo, non dobradas cara arriba. A aparición de síntomas no terreo definitivo relacionouse co estrés a que se somete a planta para a súa entrada en produción, polo que con frecuencia recoméndase evitar o cultivo intensivo nos primeiros anos tras a plantación.

3) Valoración da eficacia dos produtos para protexer as feridas de poda

En plantacións adultas adóitanse recomendar medidas de loita de carácter xeral, como retirar e queimar os restos de poda (Figura 1b), e protexer as feridas de poda con produtos autorizados. Neste sentido, existen catro produtos autorizados para protexer as feridas de poda no rexistro de produtos fitosanitarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, tres baseados en axentes de control biolóxico (ACB) e un baseado en materias activas funxicidas: Esquive® (Trichoderma atroviride cepa I-1237), Vintec® (T. atroviride cepa SC1), Blindar® (T. asperellum cepa ICC012 e T. gamsii cepa ICC080) e Tessior® (polímero líquido, piraclostrobin 0,5% e boscalida 1%). Aínda que se obtiveron resultados prometedores co uso de ACB, estes non foron consistentes, observándose diferenzas na eficacia dependendo, entre outros factores, da ACB e a súa cepa específica, o patóxeno obxectivo, o método de aplicación, o tempo de exposición á ACB e mesmo os cultivares de vide e portainxertos suxeitos a estudo. Por outra banda, a maioría dos estudos realizados até o momento leváronse a cabo en condicións controladas, polo que se fai necesaria a realización de máis ensaios en campo para coñecer a efectividade real destes produtos. Neste sentido, algúns grupos de investigación en España están a avaliar a eficacia de varios produtos para protexer as feridas de poda en viñedo. Recentemente, en dous viñedos adultos do D.O. Valdeorras (Galicia), avaliouse a eficacia de varios produtos biolóxicos (Esquive® e Vintec®), químicos (Enovit Metil®) ou combinación de materias activas funxicidas cunha barreira física (Master+Song® e Tessior®), para a protección de feridas de poda contra infeccións artificiais causadas por Pa. chlamydospora (yesca da vide) e D. seriata (decaemento por Botryosphaeria). Nas condicións de cultivo deste estudo a aplicación de Tessior® e Master®+Song® proporcionaron unha porcentaxe media de control da enfermidade causada por P. chlamydospora (51% e 67%, respectivamente) e por D. seriata (82% e 60%, respectivamente) significativamente maior que os outros tratamentos. Resultados similares obtivéronse nun estudo recente levado a cabo nun viñedo novo en California, onde a combinación piraclostrobin e boscalida (Pristine® en EE.UU.; Bellis® en España) ou metil tiofanato e miclobutanil (Topsin® + Rally®) cun polimero líquido baseado nunha resina (Latron B-1956®) resultaron ser os produtos máis eficaces para protexer as feridas de poda contra a infección por fungos da madeira.

4) A importancia da época de poda

Respecto da época de poda, investigacións recentes levadas a cabo en Cataluña, Galicia, Navarra e na Rioxa suxiren que a poda debe adiantarse canto antes no tempo xa que desta forma conséguese minimizar o risco de infeccións naturais. Porén, a dinámica de dispersión do inóculo aéreo dos patóxenos asociados ás EMV e, por tanto, o risco de infección pode variar moito entre anos e localizacións en función das variables ambientais. Recentemente desenvolveuse un modelo epidemiolóxico capaz de predicir a dispersión de Phaeomoniella chlamydospora (yesca da vide) en función das condicións ambientais que, actualmente, atópase en fase de validación. Os modelos predictivos aplicados sobre os diferentes patóxenos asociados ás EMV resultarán moi útiles para identificar os períodos de risco de infección. Durante os períodos de risco poderíase, por exemplo, evitar a poda ou proporcionar unha adecuada protección ás feridas. Estes modelos debidamente validados poderán incorporarse aos sistemas de apoio á toma de decisións relacionadas cunha xestión eficiente das EMV. Outro aspecto importante relacionado coa poda é que nunca debe realizarse despois dunha choiva, medida de gran importancia cando exista risco de infección por E. lata e por fungos pertencentes á familia Botryosphaeriaceae. Cando durante a poda se detecte algún tipo de necrose ou podremia débese ir cortando até atopar tecido san. Nalgúns casos, especialmente en plantas afectadas por eutipiose ou decamento por Botyrosphaeria, pódese rexuvenecer unha cepa a partir dun brote basal (Figura 1c).

5) Emprego de variedades, clons e portainxertos máis tolerantes á enfermidade

A sustentabilidade ambiental da produción vitícola é unha esixencia do consumidor e a lexislación cada vez restrinxe máis o uso de funxicidas que se utilizaron tradicionalmente, o que está a aumentar o interese polo uso de variedades, clons e portainxertos máis resistentes ás enfermidades. A utilización de cultivares e portainxertos resistentes é un elemento crave para a xestión integrada das EMV, ás cales son moi susceptibles os cultivares e portainxertos de mellor adaptación pedoclimática e interese comercial (ex. cultivar Tempranillo e portainxertos 110 Richter, 140 Ruggeri, 41 Berlandieri, 1103 Paulsen). Os estudos realizados en España mostraron que o portainxerto 161-49 Couderc era o menos susceptible entre cinco portainxertos de vide previamente inoculados con patóxenos causantes da enfermidade de Petri. Lamentablemente, este portainxerto foi recentemente retirado do mercado en Francia debido aos problemas observados de produción de tilosas no sistema vascular, e outros síntomas como perda de vigor ao cabo de 3-4 anos tras a plantación, variación no diámetro do tronco e disfuncións na anatomía do sistema vascular. Actualmente, existen investigacións en curso financiadas con proxectos nacionais nas que se pretende identificar material vexetal tolerante ás EMV mediante bioensaios con condicións que aseguran o desenvolvemento óptimo da enfermidade. En concreto, está a investigarse en bancos de xermoplasma de variedades comerciais e minoritarias, clons de “Tempranillo”, e portainxertos.

Autores: 

Sonia Ojeda, Beatriz López-Manzanares, Rebeca Bujanda, David Gramaje Instituto de Ciencias de la Vid y del Vino (ICVV) María del Pilar Martínez-Diz, Emilia Díaz-Losada Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA)

Guía para identificar as enfermidades da madeira en viñedo

Actualmente, as enfermidades da madeira en viñedo que presentan unha maior incidencia en planta nova en España son a enfermidade de Petri, o pé negro da vide e o esmorecemento por Botryosphaeria. Esta última enfermidade tamén pode afectar a vides adultas, xunto coa esca e a eutipiose (figura 1).

Enfermidade de Petri:

Os síntomas en campo da enfermidade de Petri e o pé negro son difíciles de distinguir e poden confundirse con síntomas causados por factores abióticos como xeadas ou déficit hídrico, ou outros factores bióticos como o ataque por nematodos. Nos primeiros anos tras a plantación obsérvase atraso na brotación, escaso desenvolvemento, achaparramento, entrenós curtos, clorosis e amarelamento. A enfermidade de Petri está causada por fungos pertencentes ao xénero Phaeoacremonium, e as especies Phaeomoniella chlamydospora e Cadophora luteo-olivacea. Afectan principalmente á parte basal do patrón, colonizando os tecidos xilemáticos, de modo que ao realizar cortes transversais e lonxitudinais da madeira aprécianse pequenas punteaduras ou estrías necróticas, respectivamente, correspondentes aos vasos afectados pola enfermidade, observándose en ocasións exudacións gomosas (figuras inferiores 2 B e C). Figura 2. A) Síntomas de decaemento en plantas novas de vide; cortes transversais (B) e lonxitudinais (C) dun portainxerto novo de vide mostrando necrose xilemática.

Pé negro:

A enfermidade do pé negro caracterízase por afectar o sistema radicular e á base do patrón, provocando lesións necróticas que resultan nunha redución da masa radicular (figura 2D e E). Esta enfermidade está causada por especies pertencentes aos xéneros Campylocarpon, Cylindrocladiella, Dactylonectria, Ilyonectria, Neonectria e Thelonectria. D) redución da masa radicular en plantas afectadas; E) corte transversal dunha planta nova de vide afectada por pé negro.

Enfermidade do decaemento por Botryosphaeria:

A enfermidade do decaemento por Botryosphaeria, causada por 26 especies da familia Botryosphaeriaceae, caracterízase por producir necrose sectoriais da madeira dos brazos ou do tronco principal das plantas que causan a súa desecación e morte (figura A e B). A) síntoma en campo do decaemento por Botyrosphaeria: desecación de sarmentos e morte do brazo; B) necroses sectoriais na madeira que toman cor marrón escuro e consistencia dura.

Esca:

A esca está causada polos fungos Phaeomoniella chlamydospora e Phaeoacremonium spp., e por varios fungos basidiomicetos, sendo o máis frecuente Fomitiporia mediterranea. Esta enfermidade pode presentarse externamente baixo dúas formas segundo a súa evolución: lenta e rápida ou apopléxica. Na primeira, as follas mostran coloracións nas zonas internerviais, que posteriormente evolucionan a necrose (figura 3C). A produción redúcese e os acios mesmo chegan a pasificarse prematuramente. Estes síntomas poden manifestarse de forma crónica nalgunhas plantas e de forma totalmente errática noutras, de maneira que aqueles desenvólvense un ano pero non o seguinte. Na forma apopléxica, que se dá sobre todo no verán, prodúcese a morte repentina da planta (figura 3F). As seccións transversais dos troncos afectados mostran unha variedade de síntomas internos da madeira, como estrías necróticas no xilema, ás veces rodeadas por unha decoloración da madeira de cor rosa a marrón (figura 3D). En estados avanzados da enfermidade, adoita observarse unha podremia seca e esponxosa da madeira nas zonas centrais do tronco ou brazos (figura 3E). C) síntomas externos de esca asociados á forma lenta ou crónica: coloracións internerviais en follas que toman progresivamente unha coloración avermellada nas de uva tinta; F) síntomas externos de esca asociados á forma rápida ou apopléxica: morte repentina da planta; síntomas de esca en madeira de vide: punteaduras necróticas no xilema (D) e podremia esponxosa de cor branca amarelado (E)

Eutipiose:

A eutipiose, causada polo ascomiceto Eutypa lata e outros 23 fungos diatripaceos, caracterízase por unha necrose sectorial de cor marrón escura nas seccións transversais da madeira. As plantas afectadas desenvolven brotes débiles, con entrenós curtos, follas máis pequenas algo deformadas, cloróticas e con necrose xeralmente marxinal (figura 3G e H). Os síntomas foliares poden aparecer de 3 a 8 anos despois da infección e variar dun ano a outro. Os acios maduran de maneira desigual, son pequenos e, en casos severos, os froitos pasifícanse e morren. (G) e H) síntomas externo de eutipiose: brotes débiles, con entrenós curtos, follas máis pequenas e algo deformadas, cloróticas e con necrose, xeralmente marxinais.

Autores: 

Beatriz López-Manzanares, Sonia Ojeda, Rebeca Bujanda e David Gramaje, do Instituto de Ciencias de la Vid y el Vino (ICVV) de La Rioja.

María del Pilar Martínez Diz e Emilia Díaz Losada, da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA-AGACAL)

“Os viñedos duran cada vez menos porque se poda mal”

Nas últimas décadas a incidencia das enfermidades da madeira provocou un descenso crecente na vida media dos viñedos, sendo cada vez máis difícil que as plantas alcancen idades lonxevas. Unhas malas prácticas de poda e a xeneralización do cordón royat, un sistema de condución que mal aplicado incrementa as enfermidades da madeira da vide , están en boa medida detrás desta problemática. Así o defende Roc Gramona, director técnico da Academia de Poda, o primeiro centro de España que ofrece formación para mellorar a poda do viñedo. En concreto, ofrecen por toda a xeografía española cursos de formación: un inicial de operario de poda e outro de técnico de poda, específico para persoas con certa experiencia. Ademais, a Academia de Poda ofrece tamén servizos de asesoramento para o enxertado da vide e de poda de respecto. Falamos con este enólogo e responsable de I+D en Bodegas Gramona do seu interese polo mundo da “poda responsable” do viñedo e de como pode axudar a lograr unha viticultura máis sustentable. -Como xurdiu o teu interese polo mundo da poda do viñedo? Son enólogo de formación e onde estudei, en Tarragona, na Facultade de Enoloxía da Universidade Rovira i Virgili, a parte de viticultura tócase pouco. O interese xurdiu na nosa adega familiar, casa Gramona, en Sant Sadurní d´Anoia. O meu pai coñeceu en 2010 a  Marco Simonit e Pierpaolo Sirch, os divulgadores en Italia da coñecida como poda de respecto, para reducir a incidencia das enfermidades da madeira. Viñeron á nosa adega, onde nos impartiron unha asesoría durante 2 anos. Eu nunca podara a vide e tiven a sorte de que me fun formando con eles na poda de respecto. Posteriormente, tamén continuei a formación co máster en poda da Universidade de Bordeus. Non creo que haxa un único creador de poda de respecto: en España na viticultura tradicional xa se facía desde antigo coa poda en vaso, onde aínda atopamos cepas centenarias en pé franco, ou co sistema de vara e polgar en Xerez. Hai sistemas de poda tradicional que son sustentables posto que respectan os fluxos de savia da planta. En Francia tamén foron pioneiros na recuperación de sistemas de poda que permiten aumentar a lonxevidade das cepas, e neste sentido destacaría a François Dal, divulgador da técnica coñecida como Guyot Poussard. Agora estamos a aprender o que temos desaprendido coa chamada viticultura moderna, podes ver un viñedo vello e o ben que se facían os cortes de poda. -Es o director técnico da Academia de Poda. Que é e por que decidistes impulsala? O meu pai en 2010 era presidente de Innovi, o cluster do sector vitivinícola catalann. En 2014 impartíronse unhas xornadas de formación en poda a través do INCAVI, o Instituto Catalán da Viña e o Viño, e espertaron gran interese. Isto levounos a darnos conta de que en España, a diferenza de Italia ou de Francia, non había escolas de poda de viñedo. Da man de  Marco Simonit e Pierpaolo Sirch fomos creando a academia, primeiro a través de cursos entre 2014 e 2017. Esa primeira formación ía orientada a formar persoal cualificado para poda, unha necesidade importante para as adegas. A partir de 2018 eu encárgome da dirección e tentamos impartir formación fóra de Cataluña, empezando a traballar en Ribera del Duero e en Rioja, e agora xa impartimos tamén formación en boa parte das DO´s de España. -Que tipo de formación demándavos máis o sector vitivinícola? Por unha banda, cualificación do persoal temporal para a poda de viñedo. Esa sería a parte principal, pero agora o que máis nos demandan viticultores e adegas é formación para coñecer a poda de respecto. -Que se demanda hoxe para un bo podador ou enxertador en viñedo? Hai demanda destes postos de traballo? Hai poucos enxertadores e poucos bos podadores quizais porque se recortou demasiado en custos, o prezo do viño en moitas zonas mantense baixo e cada vez os viticultores e adegas teñen menos contacto cos traballos da viña, de forma que a poda subcontrátase a empresas de servizos agrícolas.
“A idade media dos viñedos está a diminuír alarmantemente porque se poda mal”
Porén, estamos a ver que a idade media do viñedo está a diminuír alarmantemente, quizais porque se están podando mal e porque se dedica menos tempo á viña, ademais de pola extensión nas últimas décadas do sistema de condución cordón royat, que obriga a realizar periodicamente rebaixes e, por tanto, grandes cortes na cepa. Para min un bo podador é un bo observador ano tras ano das súas vides e que aplica unha metodoloxía de poda de respecto, coñecendo o que está a provocar na planta cada vez que a poda. Se non investimos en podar mellor os nosos viñedos seguirán deteriorándose cada vez máis, con menos lonxevidade e maior incidencia das enfermidades da madeira. -Cal sería o país referente para ti en boas prácticas de poda e boa formación dos profesionais e por que motivos? Destacaría Francia e Italia e iso tamén está relacionado porque son tamén os países con maior prezo medio do viño e onde máis se valora, investindo máis nos labores do viñedo como a poda. -Que erros comúns detectades que nas prácticas de poda no viñedo español nas últimas décadas? O erro principal é a mecanización do viñedo e a implantación dun sistema de condución como o cordón, que é un sistema moi limitante a nivel de ramificación. E se non deixas ramificar e crecer algo a planta cada ano debes realizar de forma periódica grandes cortes de rebaixe. O cordón está a prexudicar moito a nivel mundial á viticultura, porque ademais “contaminou” aos outros sistemas de condución, que imitaron a moda de realizar rebaixes e de non deixar madeira de respecto nos cortes de poda, un aspecto estético que considero estúpido como é facer os cortes rasos.
“O cordón royat está a prexudicar moito á viticultura a nivel mundial”
-Desde a Academia de Poda insistides nos principios da poda responsable. Cales son as claves para unha poda que permita ter viñedos máis lonxevos e sans? O máis importante é permitir a ramificación da planta, permitindo un crecemento anual da vide, sen facer rebaixes de grandes dimensións. O segundo principio é ordenar os cortes, realizándoos no mesmo lado da planta, de forma que o fluxo de savia sexa limpo e continuo no outro lado. Outro aspecto crave é realizar cortes de pequenas dimensións: facer cortes de madeira dun ano, respectando a coroa, e como moito en madeira de dous anos. E por último, deixar madeira de respecto cando podamos, sobre todo cando é madeira de segundo ano, para evitar que a desecación do corte penetre na planta e dificulte o fluxo de savia. -En canto aos sistemas de condución, Cal sería para ti o máis respectuoso cunha poda responsable? A nivel de poda curta o mellor é o vaso, pois non tes limitación practicamente de espazo en canto á ramificación da vide. É certo que é menos mecanizable e non se pode vendimiar a máquina, pero si se pode despuntar e realizar os labores agrícolas a máquina sen problema En sistemas de poda longa destaca o noso autóctono de vara e pulgar, e nos foráneos destacaría o Guyot Poussard, que se respecta o fluxo de savia e permite o crecemento anual da planta.
“Dos sistemas de condución da vide quedaríame co vaso”
En canto ao emparrado, non o coñezo moito pero creo que se lle pode aplicar sen problema unha poda de respecto, sen facer rebaixes e deixando ramificación. -Sen embargo, o vaso dificulta a mecanización do viñedo. Existen vías intermedias que conxuguen poda responsable e mecanización dos labores? Pódese aplicar un sistema de ramificación en cordón, deixando crecer os pulgares, ou a palmeta, como punto intermedio entre cordón e vaso. -Estamos nos meses de poda do viñedo. Cales serían os momentos óptimos para podar? Se hai lúa ascendente e hai exceso de vigor é cando se debe podar. Se pola contra, interésanos que a planta acumule reservas buscariamos podar en lúa descendente. En canto ao mes, quizais principios de xaneiro sexa o mellor mes, sen buscar temperaturas demasiado frías, pero tampouco esperar a primavera, pois as temperaturas máis elevadas e maior humidade repercuten nunha maior incidencia das enfermidades da madeira, como a esca. A clave para reducir estas patoloxías é reducir os cortes e o seu tamaño e seguir unhas pautas de hixiene, desinfectando os equipos de poda.

Máis información:

Poda da viña: As claves para lograr cepas lonxevas

“Para controlar a yesca en viñedo a clave é minimizar as infeccións nas feridas de poda”

A Yesca foi definida como a nova filoxera do século XXI polas elevadas perdas económicas que provoca nos viñedos. A prohibición do arsenito sódico complicou aínda máis a loita contra esta patoloxía. Para coñecer máis sobre esta enfermidade e as medidas de prevención que podemos adoptar, entrevistamos a Mónica Berbegal Martínez, doutora Enxeñeira Agrónoma, investigadora e profesora asociada na Universidade Politécnica de Valencia. É unha das expertas máis destacadas na aplicación da epidemioloxía e biotecnoloxía como ferramentas de apoio á toma de decisións na xestión de enfermidades causadas por fungos fitopatóxenos, como o da yesca. Como xorde o teu interese investigador pola yesca en viñedo? Desde o ano 2001 traballo no Grupo de Investigación en Fungos Fitopatóxenos do Instituto Agroforestal Mediterráneo na Universitat Politècnica de València (UPV). Este Grupo ten unha ampla experiencia no estudo de enfermidades fúnxicas da madeira da vide (EMV), incluíndo a yesca. A miña incorporación á investigación sobre EMV é máis recente e sobre todo motivada pola necesidade de mellorar o coñecemento sobre a bioloxía e epidemioloxía destas enfermidades, un tema no que pensaba que podería achegar parte da miña experiencia previa como fitopatóloga. Que importancia ten esta enfermidade na viticultura neste momento e por que é tan difícil controlala? A yesca é unha das enfermidades fúxgicas da madeira da vide (EMV) e desenvólvese sobre todo en planta adulta. En España a súa incidencia media é variable, pero pode xerar perdas económicas anuais elevadas. Segundo estimacións recentes, o custo anual de replantar o 1% de vide do cultivar Tempranillo debido ás EMV, por exemplo na Rioxa, estímase que ascende a 7,16 millóns de euros anuais. A dificultade de desenvolver estratexias de xestión efectivas, converten ás EMV nunha das prioridades en investigación para o sector vitivinícola e de uva de mesa en todo o mundo. A redución na dispoñibilidade de materias químicas efectivas é unha causa importante do impacto que estas enfermidades están a ter na sanidade vexetal das viñas, pero tamén é consecuencia dos cambios experimentados na viticultura durante os últimos anos. Cales son os factores que favorecen a aparición desta enfermidade na vide? Entre outros poden destacarse: unha explotación máis intensiva; a realización de podas máis curtas; ou a mecanización de prácticas do viñedo, en especial a poda e o abandono das prácticas de protección das feridas de poda. Que recomendacións de manexo darías por tanto aos viticultores para reducir a incidencia da yesca? En plantacións adultas adóitanse recomendar medidas de carácter xeral, como retirar e queimar os restos de poda e protexer as feridas de poda con produtos autorizados. Creo que toda actuación debe integrarse dentro dunha estratexia de xestión global, que inclúa diferentes medidas enfocadas a minimizar as infeccións a partir das feridas de poda no viñedo desde o momento da plantación. E no caso dos viveiros, ¿Que papel xogan na propagación desta patoloxía? Un dos medios de dispersión da maioría dos fungos causantes das EMV é a través do material de propagación. Non existen medidas de control curativas, polo que é fundamental a utilización de planta coa maior calidade fitosanitaria posible. De feito, estudos realizados en España demostraron a infección de plantas nai de vide con diversos fungos da madeira e a súa presenza en distintas fases do proceso de produción de planta inxertada en viveiro.
“Non existen medidas de control curativas contra a yesca, polo que calquera acción debe basearse na prevención”
No mercado existen nestes momentos diferentes produtos para o control das enfermidades fúnxicas da madeira da vide (EMV). Como valoras a súa efectividade? Como xa comentei, non existen medidas de control curativas polo que calquera acción debe basearse na prevención das infeccións desde o momento en que se establece o viñedo. Neste sentido, o certo é que as opcións son limitadas aínda que as hai. Por exemplo, para a protección de feridas de poda, existen catro produtos autorizados no rexistro de produtos fitosanitarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación: tres baseados en axentes de control biolóxico (ACB) e un baseado en materias activas funxicidas. En xeral, os resultados obtidos co uso de ACB son prometedores, aínda que algo inconsistentes polo que se necesita realizar máis ensaios de campo para caracterizar mellor a eficacia destes produtos en distintas condicións ambientais e agronómicas. O seu recente relatorio no Instituto de Ciencias da Vide e do Viño (ICVV) da Rioxa tratou sobre "Avances no desenvolvemento dunha ferramenta para a xestión sustentable da yesca da vide". Pode explicar cales son estas últimas innovacións e que mellora supoñen respecto da situación actual? Neste traballo analizamos os factores climáticos asociados á dispoñibilidade e dispersión do inóculo aéreo de Phaeomoniella chlamydospora que é un dos fungos implicados na Yesca. Esta información utilizouse para desenvolver un modelo epidemiolóxico que nos permita predicir os períodos de risco de dispersión deste inóculo en función das condicións climáticas. O que pretendemos é que unha vez validado, podamos utilizar este modelo como ferramenta de apoio á toma de decisións relacionadas coa xestión da enfermidade. Por exemplo, que en función das condicións ambientais axúdenos a decidir o momento óptimo de poda ou de protección de feridas para minimizar o risco de infección. Isto supón unha mellora xa que poderiamos optimizar a eficacia dos tratamentos de protección. Cando prevé que estean dispoñibles para os viticultores? Actualmente o modelo atópase en fase de validación e o obxectivo é que forme parte da plataforma para a xestión sustentable dos viñedos vite.net desenvolvida por Horta (https://www.horta-srl.it/es/). Horta é unha empresa spin-off da Università Cattolica del Sacro Cuore (Piacenza, Italia), que participou tanto no desenvolvemento do modelo e está a participar na súa validación para a súa futura implementación. Acumulas unha ampla traxectoria en investigación en fitopatoloxía, non só da vide. Resulta agora máis complicado controlar as enfermidades nos cultivos?  Por qué? Nunca foi fácil, conseguiuse en moitos casos, pero poida que á conta dun abuso na aplicación de tratamentos fitosanitarios. A dificultade actual radica en que temos novos retos que afrontar relacionados coa xestión sustentable, con poucas materias activas autorizadas dispoñibles hai que reducir o número de tratamentos aplicándoos no momento óptimo. Isto require dun maior coñecemento das enfermidades e os patóxenos que as causan, monitorizar o inóculo, os síntomas e as condicións ambientais, coñecer ben o modo de acción das materias activas e tamén os diferentes formulados para utilizar os produtos máis adecuados en cada situación, etc Sintomas de yesca . Coa Comisión Europea reducindo as materias activas para controlar fitopatoloxías, ¿por onde cre que virá a solución para controlar e previr as enfermidades nos cultivos? É certo que se están reducindo as materias activas pero cada vez dispomos de máis ferramentas que nos poden axudar na xestión de enfermidades. Por exemplo, modelos de predición integrados en sistemas de alerta de risco ou DSS, redes de estacións climáticas, e tamén novas técnicas que facilitan a detección e cuantificación do inóculo en diferentes tipos de mostras ou o seguimento dos síntomas. En que outros proxectos de investigación está a traballar nestes momentos? En canto a EMV participamos xunto con varios grupos de investigación europeos nun proxecto financiado pola UE denominado Biovine (www.biovine.eu) no que se pretende desenvolver novos sistemas vitícolas baseados no aumento da diversidade vexetal e funcional do viñedo. Para iso, estúdase como as cubertas vexetais poden aumentar a biodiversidade contribuíndo ao control de pragas e enfermidades. Ademais, tamén participamos nun proxecto nacional sobre o desenvolvemento de novas estratexias de manexo integrado das EMV, concretamente na avaliación da sensibilidade de diferentes portainxertos de vide obtidos a partir de coleccións e bancos de xermoplasma.

“Os abonos orgánicos son moito máis beneficiosos para o solo que os químicos”

A fertilidade dos solos é un dos eixos tanto da agricultura como da gandería actuais e mantense o debate sobre as actuacións máis aconsellables para garantila. Afondamos, da man o enxeñeiro agrónomo procedente de México, Jesús Ignacio Simón Zamora, na utilización dos abonos orgánicos. Simón Zamora é un dos especialistas, recoñecido a nivel mundial, no emprego deste tipo de abonos. É o fundador e director da empresa Gaia , centrada na asesoría do uso e elaboración de abonos orgánicos e outros produtos empregados na agricultura ecolóxica, como os fungos entomopatóxenos, as bacterias benéficas, os biofertilizantes ou os caldos minerais, ademais de complexos minerais naturais como as fariñas de rochas. Abordamos co experto o emprego de abonos orgánicos e doutras solucións de fertilización respectuosas co solo tanto na agricultura en xeral como na viticultura. De feito, Simón participou recentemente nunha xornada sobre viticultura rexenerativa, organizada por un grupo de viticultores en ecolóxico en Ribadavia. Con el tratamos tamén a incidencia que determinados tratamentos empregados mesmo na agricultura ecolóxica poden ter para os solos. -Por que elixir hoxe en día un abono orgánico para os cultivos? Na actualidade, recuperar os solos converteuse nunha tarefa imprescindible. A deterioración do chan e a súa fertilidade leva a proporse non só empregar abonos orgánicos, senón a necesidade de cambiar de prácticas agrícolas. É preciso comezar a pensar en non renovar os solos, desbotar o uso de herbicidas do tipo do glifosato, entre outras prácticas. -Ó falar de abonos orgánicos, son produtos totalmente respectuosos co medio ambiente? Os abonos orgánicos non só son respectuosos, senón que axudan a rexenerar o medio ambiente.
“A deterioración do solo lévanos a propornos non só empregar abonos orgánicos senón cambiar prácticas agrarias”
-Conséguense producións competitivas con estes abonos fronte ás solucións químicas? Aínda que estea moi estendida esa crenza de que se conseguen mellores producións con fertilizantes químicos é preciso cuestionar se as colleitas foron realmente rendibles con químicos. Seica sacar uns quilos máis en bruto fai un cultivo competitivo? Temos que pensar nos custos que isto realmente ocasiona. A agricultura con velenos e fertilizantes químicos é máis barata ou económica? -As propostas de fertilización química gañaron terreo ós abonos orgánicos e levan anos sendo moi populares e empregadas, pero están a ter moitas contrapartidas? Provocan un desgaste do solo aínda que se utilicen axeitadamente? Para abordar esta cuestión é preciso botar unha ollada ó que se fixo crer acerca das ‘bondades’ da agricultura convencional. Apúntase a que este tipo de agricultura ten un menor custo, pero a realidade desa afirmación é que non se consideraron os custos reais de recuperación dos solos que este tipo de prácticas implica. Un fertilizante químico altera a vida do solo pero, ademais, xa provoca que ese cultivo sexa dependente ó proporcionarlle todo de xeito soluble á planta.
“Os abonos orgánicos rexeneran os solos, non os degradan como fan os químicos”
Tamén é preciso valorar que se precisa moito combustible fósil para producir fertilizantes químicos, mentres que para conseguir o abono orgánico non é necesario ningún gasto de combustible, ó contrario este tipo de abonos xera enerxía, no canto de consumila. Ó mesmo tempo, os abonos orgánicos rexeneran os solos, non os degradan como ocorre cos químicos. -Hai unha tendencia a recuperar os abonos orgánicos? Claramente o emprego dos abonos orgánicos converteuse nunha corrente mundial logo de ser recoñecidos pola comunidade agronómica tanto europea como americana. Temos que ser conscientes de que sen materia orgánica os solos están perdidos. -Ademais dos abonos orgánicos, hai alternativas como o uso de bacterias benéficas que tamén se consideran unha opción respectuosa co medio ambiente e que son utilizadas por agricultores e gandeiros. Que beneficios achega este tipo de bacterias? Os microorganismos convertéronse no recoñecemento á vida do solo. Estes microorganismos mobilizan nutrientes, coidan ás plantas de enfermidades, descompoñen materia orgánica residual e convértena en humus e moitas outras calidades máis.
“Quérese conseguir un solo estéril no canto de promover solos vivos, con diversidade de microorganismos”
-Que frea que non sexan unha opción máis popular? Hai riscos a longo prazo para os chans ou os cultivos coa utilización destas bacterias? Pode producirse tamén unha descompensación do equilibrio do chan por utilizalas? Só é medo. A mesma industria dos químicos promove este medo fomentando a esterilidade dos solos. Fálase de inocuidade e quérese conseguir un solo estéril no canto de promover solos vivos, con diversidade de microorganismos actuando neles. -Apúntase en que a solución á falta de produtividade dos terreos é lograr un chan diverso, como se consegue? A fórmula é realmente moi simple. Abonda con promover no solo o aumento de materia orgánica, microorganismos e emendas de fariña de rocas que complementen a fertilidade. -Insiste na importancia de optar por organismos autóctonos fronte a outras alternativas que presentan as grandes empresas para conseguir solos de calidade. Que desvantaxes detecta nestas solucións comerciais que prometen rexenerar os solos? Os microorganismos autóctonos ou nativos axúdannos a rexenerar o microbioma do solo e realízase dende os microbios que evolucionaron co mesmo. Se nos atemos ós microbios de laboratorio, aínda de empresas grandes, terán que pasar anos para que se aclimaten ás condicións do solo no que se engaden, por iso é tan importante contar contar con microorganismos autóctonos. -En que medida os complexos minerais naturais poden ser unha solución para atallar pragas como o nematodo da pataca? Apostamos polas fariñas de rochas por ser unha fonte de nutrientes. Ademais, este tipo de complexos contribúen a que proliferen os fungos que atallan a diversos nematodos.

“Os abonos verdes son das mellores opcións para os solos”

-Centrándonos na viticultura, que valoración fai dos abonos foliares? Cales son os máis efectivos en viñedo? Existen varios tipos de abonos foliares. Adoitamos recomendar os feitos a base de microorganismos acidolácticos e as fermentacións. -Que influencia teñen os tratamentos con cobre en viñedo na fertilidade do solo? Tense comprobado que un exceso de cobre pode chegar a contaminar o solo. -Como valora os abonos verdes? Sen dúbida son unha das mellores propostas para incrementar tanto a materia orgánica como a saúde dos solos. -Un dos maiores problemas do viñedo neste momento son as enfermidades da madeira, como a iesca. Que papel cre que pode xogar a xestión do solo na prevención ou na loita contra este problema? O incremento da poboación de microorganismos dun solo pode chegar para reducir a presenza de diversas enfermidades. Aínda que, tamén hai preparados de caldos minerais que poden axudar a reducir o seu ataque.

¿É aconsellable incorporar os restos de poda á viña?

Nos últimos anos xeneralizouse a práctica de triturar as vides da poda para incorporalas superficialmente ao viñedo, básicamente por motivos económicos -abarata os custos respecto a apañalas- e tamén medioambientais. Antigamente estas vides adoitábanse recoller en feixes para combustible nas lareiras -tamén para quentar fornos ou forxas-, aínda que tamén se enterraban en gavias nas viñas como abono, xunto a esterco, toxo...etc. Porén, a propagación nas últimas décadas das chamadas “enfermidades da madeira”, a principal causa de morte de videiras neste momento, pon en cuestión estas prácticas. Recabamos a opinión de tres expertos na materia: Rosa Pérez Otero, da Estación Fitopatolóxica do Areeiro; Francisco Rego González, investigador xubilado da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) e Joaquín Martínez Rodiño, responsable técnico de viticultura e mecanización en Adegas Martín Códax.

Rosa Pérez Otero: “Dende o punto de vista fitosanitario o mellor é queimar as vides”

Rosa Pérez Otero advirte de que “desde o punto de vista fitosanitario, non é recomendable a incorporación de restos de poda ao solo porque estes restos constitúen fontes de inóculo non só para algúns dos fungos implicados no complexo de enfermidades de madeira , senón tamén de Armillaria, por exemplo”. “E hai que ter en conta que a maioría destes fungos poden conservarse neses substratos durante largos períodos de tempo, co que a incorporación continuada de restos leñosos agrava o problema”, engade. A xefa da unidade de Fitopatoloxía da Estación de Areeiro recoñece que “a recollida e queima dos restos non é unha labor barata para o viticultor pois require de man de obra e medios materiais, pero desde o punto de vista sanitario é o máis recomendable”.

Francisco Rego González: “É imprescindible realizar un ensaio sobre os efectos de incorporar os restos da poda ao viñedo”

Francisco Rego González, investigador xubilado da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), e con moitas décadas de experiencia no cultivo da vide, recoñece que “o que poda dicir sobre este tema é só unha opinión persoal, porque falta realizar un estudo serio, con ensaios a 10 ou 15 anos, para ver os efectos que ten sobre o viñedo incorporar os restos de poda”. “Evidentemente que queimar as vides sería a medida máis hixiénica, e se se opta por tritularalas e incorporar eses restos superficialmente, hai un proceso de metabolización que acaba aportando materia orgánica e nutrientes ao solo”, explica. Neste sentido, recorda que “antes os viticultores incorporaban as vides á viña: primeiro abrían as gavias e deixaban pasar tempo para que a terra se osixenase, e logo incorporábase esterco ben compostado, toxo e vides e non había tantos problemas de enfermidades da madeira porque tíñase máis coidado á hora de facer os cortes na poda e tamén porque en cada viña había un ecosistema propio, con miles de bacterias”. A este respecto, o ex-investigador da EVEGA advirte que, na súa opinión, o problema das enfermidades da madeira “máis que a incorporar ou non as vides, débese a un cúmulo de factores, que van desde facer mal os cortes na poda, compactar demasiado o solo, e sobre todo, a alteración do ecosistema por organismos que veñen de fóra a través de plantas que non se sabe de onde proceden e poden traer tipos de armillaria, de escoriose ou esca diferentes”. “Cando alteras o ecosistema por organismos que veñen de fóra é onde poden aparecer problemas”, conclúe.

Joaquín Martínez Rodiño: “Levamos 15 anos triturando as vides na viña e non temos máis problemas de enfermidades da madeira”

Joaquín Martínez Rodiño, responsable técnico de viticultura e mecanización en Adegas Martín Códax, explica que levan 15 anos triturando as vides de poda e asegura que “non observamos un incremento das enfermidades da madeira con respecto a cando sacabamos todos os restos de poda e os queimábamos”. “Para evitar problemas fitosanitarios, cando detectamos unha planta que manifesta síntomas de enfermidades da madeira marcámola xa durante a primavera ou verán. Esas son as que primeiro podamos, e delas si que retiramos todos os restos de poda e os queimamos, un proceso que supón unha media de 20 horas máis de traballo por cada hectárea de viñedo”, explica. Os demáis restos de poda son triturados finalmente e incorporados ao solo para a súa descomposión. “Facémolo así por un tema económico de aforro de custos, pero tamén medioambiental de sustentabilidade, pois estamos fixando carbono, incorporando materia orgánica ao solo e evitando emisións de CO2”, argumenta.

Presentan Vintec, a solución contra as enfermidades da madeira en viñedo

A multinacional Belchim presentou ante máis de 200 técnicos e viticultores en Agrovid, a Feira para o Cultivo da Viña, celebrada en Valladolid, o seu novo produto para reducir os danos das enfermidades da madeira.

Trátase de VINTEC, un produto a base de “Trichoderma atroviride SC1”, un fungo rexistrado por Belchim no Ministerio de Agricultura. Aplícase inmediatamente despois de podar sobre os cortes de poda, sobre todo en cortes grosos, dificultando notablemente a entrada na planta das esporas dos fungos que provocan as enfermidades da madeira. Estas patoloxías son as que máis perdas están a provocar neste momento nos viñedos, e de feito algún experto xa as clasifica como a “Phyloxera” do século XXI.

Neste sentido, VINTEC é bio-funxicida totalmente natural que nos diversos ensaios realizados mostrouse altamente eficaz fronte á Esca (Phaeomoniella chlamydospora e Phaeoacremonium aleophilum) e eutipiose da vide (Eutypa lata), tanto en plantacións adultas como en viveiro.

Ademais, é un produto de fácil aplicación xa que está formulado en gránulos dispersables en auga, lista para usar, e sen necesidade de remollo.

Como actúa fronte ás enfermidades da madeira?

Fonte: BELCHIM

1 – Colonización da madeira: As esporas da cepa “Trichoderma atroviride SC1” presente no VINTEC xermolan en contacto coa auga e aséntanse na madeira. As feridas recentes son ricas en nutrientes como a celulosa que favorece o desenvolvemento de SC1. A cepa SC1 medrra máis rápido que os patóxenos e evita que se desenvolvan.

2 – Penetración na madeira: O micelio da cepa SC1 penetra moi rapidamente nas feridas de poda e desenvólvese nos primeiros centímetros. A protección da madeira vese reforzada por unha presenza predominante da cepa SC1.

3 – Produción de encimas lítias: Unha vez asentada, a cepa SC1 produce encimas lítias como as celulasas e proteasas. Estas encimas degradan as esporas e o micelio dos fungos que provocan as enfermidades da madeira.

Por que VINTEC reduce os danos de enfermidades da madeira no viñedo?

1) Un estudo realizado durante 6 anos en viñedos de Cabernet Sauvignon de Bordeus (Francia) confirma que mediante o uso de VINTEC lógrase unha redución moi importante da mortalidade de cepas por mor de enfermidades da madeira.

En concreto, comparouse unha parte do viñedo na que non se realizou tratamento de VINTEC e outra na que se aplicou o produto de BELCHIM unha vez ao ano, xusto despois da poda.

O resultado é que na parcela sen tratamento ao cabo de 6 anos soamente o 48% das vides estaban sas ou presentaban niveis baixos de esmorecemento da viña, ao redor dun 15% das plantas morreran e o resto presentaba síntomas medios ou fortes de enfermidades da madeira.

Porén, a situación no viñedo tratado con VINTEC era notablemente mellor: soamente o 5% das plantas morreron e o 70% da vide estaba sa ou con niveis baixos de síntomas de debilitamento da viña.

Fonte: BELCHIM

2) Estudo en España en viveiro e en viñedo: Belchim tamén presentou en AGROVID os resultados dun estudo de 3 anos, realizado en colaboración co Grupo de Investigación en Fungos Fitopatóxenos do Instituto Agroforestal Mediterráneo da Universitat Politècnica de València.

Este estudo foi moito máis amplo xa que puxo a proba a eficacia de VINTEC fronte ás enfermidades da madeira tanto en viveiro, coma no viñedo.

Tratamento en viveiro:

O estudo avaliou en primeiro lugar a capacidade de VINTEC para reducir as infeccións por fungos da madeira no material de plantación de vide durante o proceso de propagación nun viveiro comercial.

O ensaio realizouse en 2015 en Viveros Villanueva e a conclusión é que o produto de Belchim reduce as infeccións de forma evidente: dun 8% de  Botryosphaeria pasouse a un 2,5% e dun 6% de enfermidade de Petri a un 2,5%.

Fonte: BELCHIM

1 ano despois da plantación en viñedo:

O seguinte estudo da Universitat Politècnica de València, realizado en 2016, foi comprobar se o material tratado con T. atriviridae SC1, o fungo de VINTEC, resultaba eficaz como axente de control biolóxico durante dúas campañas (aplicando Vintec despois da poda), fronte ás enfermidades da madeira.

Fonte: BELCHIM

Os resultados tamén son positivos: Despois de 1 ano da plantación do viñedo, en Requena (Valencia), as vides tratadas con VINTEC en viveiro seguen presentando moita menor afección por enfermidades da madeira que as que non foron tratadas: un 7% con Botryosphaeria, fronte ao 16% das non tratadas, e un 2% con enfermidade de Petri fronte ao 8% das que non recibiron Vintec.

Eficacia despois da poda:

Por último, o estudo do Grupo de Investigación en Fungos Fitopatóxenos do Instituto Agroforestal Mediterráneo da Universitat Politècnica de València, comprobou se VINTEC era eficaz en viñedo aplicándoo despois da poda.

O estudo, realizado en 2017 no mesmo viñedo de Requena, confirma que “o primeiro tratamento despois da poda segue mantendo a redución das infeccións por enfermidades da madeira, cun tratamento despois da poda o segundo ano da plantación”.

Fonte: BELCHIM

Como se aplica?

Vintec aplícase unha vez ao ano despois de facer a poda e pódese aplicar tanto con mochila como con pulverizador.

A pulverización haina que dirixir cara ás feridas de poda, cunha dilución en auga que permita non exceder o punto de escorremento. Débese aplicar en días sen choiva ou xeadas para que o produto penetre correctamente na ferida de poda.

Cultivo Dose Prazo de Seguridade(días) DOENZAS
VIDE
(inclúe uva de mesa e de vinificación)
0,2 Kg/ha Non precisa Yesca (Phaeomoniella chlamydospora y Phaeoacremonium aleophilum) y Eutipiosis de la vid (Eutypa lata)
VIVEIROS
(plantas nai, patróns e tanos)
0,2 Kg/hl Non precisa Esca (Phaeomoniella chlamydospora e Phaeoacremonium aleophilum) e Eutipiosis da vide (Eutypa lata)

Vantaxes de VINTEC®:

– A cepa específica T.A. “SC1” traballa no seu medio natural
– Rendibilidade: alta concentración
– Persistencia de acción durante o período de risco
– Flexibilidade na aplicación
– Fácil de usar

Como adquirir VINTEC?

Máis información: https://www.belchim.es/index.php/vintec

Claves para previr as enfermidades da madeira en viñedo

As Enfermidades fúnxicas da Madeira da Vide (EMV), coñecidas desde hai séculos, son unha preocupación sanitaria e económica para o sector vitivinícola mundial. Provocan perdas importantes de produción e defectos de calidade no viño. A loita é difícil, debido á gran variedade de axentes patóxenos e á complexidade das súas bioloxías. A principal vía de contaminación son as feridas de poda, por tanto as medidas de protección centraranse en evitar a entrada dos patóxenos. Neste sentido, as estratexias de loita deberán ser sempre preventivas.

Como identificar as enfermidades da madeira en viñedo?

Existen multitude de enfermidades da madeira en vide, todas elas provocadas por distintos tipos de fungos, sendo as máis comúns a Esca/enfermidade de Petri, o decaemento por Botryosphaeria e a Eutipiose. Velaquí as principais enfermidades da madeira: -En plantas novas, de menos de 10 anos: Enfermidade de Petri: causada polos fungos Phaeomoniella chlamydospora, Phaeoacremonium spp, Cadophora luteo-olivacea Pé negro: Campylocarpon spp., Cylindrocladiella spp., Dactylonectria spp., Ilyonectria spp., Neonectria spp., Thelonectria spp. Decaemento por Botryosphaeria: provocada polo fungo Botryosphaeriaceae spp. -En plantas adultas, de máis de 8 ou 10 anos: Esca: Phaeomoniella chlamydospora, Phaeoacremonium spp., Cadophora luteo-olivacea, Fomitiporia mediterranea Eutipiose: Diatrypaceae spp. Decaemento por Botryosphaeria: Botryosphaeriaceae spp.

Medidas de pevención das enfermidades da madeira:

Actualmente non existen produtos curativos, polo que hai que partir de material de plantación san e realizar unha serie de prácticas de cultivo preventivas. En novas plantacións: Utilizar material vexetal san, de alta calidade fiosanitaria e bo aspecto: - Grosor adecuado do patrón. - Callo basal ben cicatrizado. - Distribución uniforme das raíces. - Zona do enxerto sen roturas. - Cobertura uniforme de cera. Realizar unha plantación adecuada: - Sen causar feridas na planta. - Procurando que as raíces queden cara abaixo. - Evitando solos compactados e/ou alagados. Evitar forzar a entrada en produción ou situacións de tensións. Unha vez establecida a plantación en campo, a principal forma de infección destas patoloxías é a través das feridas de poda, principal vía de entrada da maioría destes fungos. En plantas adultas: -Marcar as cepas afectadas no verán para podalas as últimas no inverno. -Podar con tempo seco, evitando as feridas grosas e deixando transcorrer 4 días sen podar despois dunha choiva ou unha nevada. Se se realizan grandes cortes, realizalos o máis verticais posible. -Inmediatamente despois de podar aplicar un produto protector sobre os cortes de poda, sobre todo en cortes grosos, con obxecto de dificultar a entrada na planta das esporas destes fungos. -Desinfectar as tesoiras tras a poda das cepas afectadas, con obxecto de evitar a dispersión da enfermidade. - Con obxecto de eliminar inóculo, arrincar as cepas mortas e eliminar os brazos atacados cortando até tecido san. - A madeira morta ou os restos de poda das parcelas afectadas débense retirar das mesmas, eliminalos ou queimalos, xa que estes fungos poden sobrevivir sobre eles varios anos constituíndo unha importante fonte de inóculo destas enfermidades. - Unha cepa atacada de eutipiose pode rexenerarse a partir de gromos de abaixo no tronco (escardas) que agromasen de madeira sa, cortando logo por encima deles.

Facer podas temperás, unha estratexia para previr as enfermidades da madeira do viñedo

As afeccións fúnxicas da madeira da vide son unha das principais ameazas para os viñedos na actualidade. As enfermidades de Petri e do Pé negro, nos viñedos novos; e a Eutipiose, o decaemento por Botryosphaeria e a Iesca, nas cepas adultas; son algunhas das afeccións máis prevalentes. A falta de tratamentos efectivos cos que combatelos efectos, xunto co elevado número de patóxenos asociados a elas, fan que se converteran nun dos retos para a viticultura.

Non existen tratamentos curativos para erradicar a infección provocada polas enfermidades da madeira da vide

“A día de hoxe non existen estratexias de control curativas, nin químicas nin biolóxicas, que sexan capaces de erradicar a infección provocada polos patóxenos fúnxicos asociados ás enfermidades da madeira da vide”, explica Pilar Martínez, investigadora da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), que está a abordar na súa tese o estudo destas afeccións.

Os primeiros resultados do seu traballo, que foron presentados no Congreso Internacional de Enfermidades da madeira da vide en Canadá, amosan que facer podas temperás podería ser unha estratexia para previr estas enfermidades.

Adiantar a poda a novembro

“Observamos que a incidencia das infeccións foi, en xeral, moi baixa tras podas temperás realizadas a mediados do outono, no mes de novembro, en comparación coas podas tardías, feitas a finais do inverno, no mes de febreiro, nas que aumentou a presenza destes patóxenos”, concreta a investigadora.

Aínda que estas conclusións son provisionais, xa que se basean nos resultados do primeiro ano de estudo, ofrecen unha vía de prevención fronte ós efectos destas afeccións. Ademais, céntranse nunha fase do ciclo da vide, a poda, na que de forma natural se producen infeccións por estes patóxenos nas feridas realizadas á planta, causando, có tempo, a aparición destas enfermidades.

O estudo realizouse en viñedos de Valdeorras, Ribeiro e Rías Baixas para tentar abarcar as distintas áreas climáticas de Galicia

Os resultados obtidos abren a posibilidade a variar a época de poda no viñedo, que en moitas zonas de Galicia adoita atrasarse ó final do inverno. Porén, a investigadora incide en que os resultados se centran nunhas zonas concretas e que é preciso combinar outras prácticas preventivas. “Baixo as condicións climáticas e ambientais das áreas concretas galegas nas que se está levando a cabo o estudo, poderíamos recomendar realizar podas temperás, que combinadas con outras medidas de control, poderían reducir as infeccións”, matiza a investigadora.

As investigacións foron realizadas en distintos viñedos situados en tres das cinco denominacións de orixe (DO) galegas. En concreto, leváronse a cabo no Ribeiro, Valdeorras e Rías Baixas. “Na medida do posible, tentamos abarcar as distintas áreas climáticas e vitivinícolas de Galicia”, concreta a experta.

Prevención e control, as únicas ferramentas para reducir danos

Hoxe en día, non existe ningunha solución para atallar os efectos destas enfermidades. “As únicas medidas que podemos empregar actualmente son de prevención e control”, explica Pilar Martínez. Neste sentido, estanse a empregar estratexias cun enfoque interdisciplinario no que se integran distintas medidas.

Óptase por medidas de prevención e control físicas, como a termoterapia con auga quente, con outras alternativas biolóxicas que implican o uso de axentes de biocontrol.

O tratamento das feridas da poda ou a eliminación dos restos vexetais infectados son prácticas coas que reducir os riscos

Prácticas culturais axeitadas como a protección das feridas da poda ou a eliminación dos restos vexetais infectados, tanto no viveiro como nos viñedos, contribúen tamén a reducir o risco de infección.

Recomendacións

A experta incide na importancia que teñen estas enfermidades no viñedo. “Viticultores e viveiristas teñen que ser conscientes de que as probabilidades de que fungos asociados ás enfermidades da madeira infecten as súas vides son moi altas”, apunta. Estas afeccións implican un impacto económico e perdas de rendemento substanciais polo que, Martínez recomenda non esperar a ter o problema para comezar a atallalo.

A experta aconsella empregar prácticas de manexo integrado de prevención e control, que contribúan a reducir as infeccións por estes fungos para conseguir minimizar o impacto económico que causan. A investigadora recorda que é moi importante mellorar a calidade fitosanitaria das vides producidas nos viveiros.

En canto ós viñedos, Martínez incide en coidar as plantas dende o momento da súa plantación, evitando realizar podas severas e protexendo as feridas, para así tentar previr ó máximo as infeccións por estes fungos.

Enfermidades da madeira do viñedo no mundo

Atopar tratamentos para as enfermidades da madeira do viñedo está a resultar unha tarefa complicada debido á complexidade destas afeccións. Actualmente, hai 133 especies de fungos asociadas con estas patoloxías en todo o mundo, o que dificulta o coñecemento en profundidade de todas para atopar solucións.

A isto engádese que estes patóxenos viven tanto nos solos, como é o caso de especies asociadas coa enfermidade do Pé negro e dalgunhas das asociadas coa enfermidade de Petri, mentres que outros dispersanse principalmente a través de esporas transportadas polo vento, a choiva ou insectos, como acontece cos asociados, coa Iesca, o decaemento por Botryosphaeria, a Eutipiose e algúns dos asociados coa enfermidade de Petri.

Hai 133 especies de fungos asociadas con estas patoloxías en todo o mundo

Ademais, varios patóxenos poden infectar á vide ó mesmo tempo, o que fai complicado identificar a infección. Mesmo, hai casos nos que as vides contraeron a enfermidade de novas e non desenvolven os síntomas ata que son adultas, logo dun período latente.

Tal e como explica Martínez, a incidencia destas enfermidades é moi elevada en todo o mundo e a tendencia vai en aumento. Aínda que, polo momento hai pouca información sobre o impacto que estas enfermidades teñen tanto nos viñedos galegos como nos españois. Porén, os datos manexados pola Organización Internacional da Viña e do Viño (OIV) destacan que en España a incidencia destas enfermidades en vides de entre 15 e 18 anos está próxima ó 10%.

A tendencia observada tanto polos viticultores como polos investigadores evidencia que a incidencia destas enfermidades aumentou nos últimos anos. Un estudo realizado nas rexións vitivinícolas de Castela e León no ano 2007 amosou que a presenza destas enfermidades pasou dun 1,8% no 2001 a un 7% no 2006.

A incidencia das enfermidades da madeira do viñedo é moi elevada en todo o mundo e está en aumento

Tamén a nivel internacional se está a observar este incremento. A OIV tamén reportou que a presenza destas enfermidades en Italia sitúase entre o 8 e o 19% para vides na mesma franxa de idade que no caso español. A incidencia da Iesca acada cifras de entre o 60 e o 80% en viñas adultas en zonas do centro e o do sur do país. A situación é similar en Francia, onde aproximadamente o 13% dos viñedos son improdutivos, con perdas estimadas de arredor dos 1.000 millóns de euros no 2014.

Martínez, que agora mesmo se atopa continuando a súa investigación en Canadá, refire que unha enquisa realizada nese país, constatou que na provincia da Columbia Británica o 90% dos viñedos tiñan síntomas dalgunha enfermidade da madeira da vide. Mentres, en California, as perdas atribuídas a estas afeccións son cando menos de 260 millóns de dólares americanos ó ano. En países coma Australia estímase que a Eutipiose é responsable de perdas para a industria vitivinícola de ata 8.300 millóns de dólares australianos.

Coidados da viña: Advirten das enfermidades da madeira no viñedo pola suba das temperaturas

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, advirte no seu último aviso fitosanitario deste venres da aparición de posibles enfermidades da madeira motivadas polo calor dos últimos días. Segundo indica o persoal técnico do centro , as temperaturas tan elevadas rexistradas desde o mércores sen dúbida favorecerán a expresión de novos síntomas. Neste sentido, aconsellan eliminar os brazos afectados despois da floración no caso de ter unha área afectada restrinxida, e débese facer sempre en tempo seco, desinfectando moi ben a tesoira e aplicando un funxicida sobre o corte. A técnica Rosa Pérez sinala que as condicións de clima soleado dos últimos días favoreceron o avance na fenoloxía das viñas, de xeito que xa só quedan algúns acios que aínda non abriron as flores, mentres que na maioría teñen flores abertas, en formación de froitos, ou mesmo nalgunhas viñas máis adiantadas incluso acios cos grans do tamaño da cabeza dun alfinete.

Rozar a herba e recortar os gromos demasiado crecidos

En canto ás patoloxías non se observaron novos síntomas de Mildio, que está freado nas viñas ou en fase de avanzada curación. Dadas as previsións climatolóxicas para os vindeiros días, a recomendación é non necesario renovar os tratamentos a corto prazo, revisar as viñas (en especial as que tiveron maior incidencia de síntomas nestes días) e estar pendentes da evolución do tempo, tanto no que se refire a precipitación como a temperaturas nocturnas: se estas baixan, como prevén a maioría de axencias, dos 10 ºC, o risco será menor. Outra recomendación é rozar a vexetación acompañante das viñas, aínda moi alta nalgunhas parcelas, e recortar os gromos que teñan un desenvolvemento exaxerado para favorecer a ventilación das plantas e reducir así o risco de patoloxías. Esta labor debe ser moderada ao estar aínda o acio iniciando o seu desenvolvemento. Algunhas viñas teñen gromos novos demasiado longos. Foto: Estación do Areeiro