Archives

É urxente investir en enerxía fotovoltaica nunha explotación gandeira?

Diante do barullo de datos de produción, de porcentaxes de aforro estimados, de importe de subvención, de prazos de amortización, etc; datos moitas veces distorsionados ou cando menos non sempre precisos, vaiamos ás certezas xerais.

Non pode existir nada máis barato, máis sostible, e máis eficiente que producir a nosa propia electricidade no tellado da propia nave onde temos o consumo. En termos comparativos con outros custos que temos na explotación sería como poder producir o noso millo e/ou forraxe na propia parcela onde temos a nave.

Resulta obvio que as explotacións ganderías demandan e van demandar cada día máis electricidade. Todas as melloras que poidamos introducir van levar consigo un aumento da demanda de enerxía. En fotovoltaica o aforro é inherente ó consumo, polo tanto, se imos ter consumo imos ter capacidade de aforro.

Imos co prezo. Sen dúbida variable, estao sendo e seguramente o será máis nun futuro. Acostumarémonos a subas e baixas, a renovar tarifas, a axustar potencias, a adaptar hábitos…mais nada novo para un gandeiro que o fai con moitos outros aspectos do seu traballo diario bastante máis complexos.

Pero sexa cal sexa o prezo, polo volume de consumo o custo vai a ser o suficientemente importante como para, a través do aforro que supón a propia instalación fotovoltaica poder amortizarse nun prazo razoable. Máis que razoable diríamos, se a comparamos con outros investimentos aos que temos que facer fronte nunha explotación.

E por último; podemos facelo. Noutros custos non temos marxe de manobra, non dependen de nós porque veñen dados e non temos máis capacidade de decisión que o prazo de pago no mellor dos casos.

E chegados a este punto a pregunta que nos queda sería: cando facelo? É neste apartado, baixo o meu punto de vista, onde resulta determinante poder solicitar as axudas. Vale que o investimento é amortizable sen axuda, pero neste momento seguramente con data de caducidade próxima (de aí o de urxente), vou poder percibir unha axuda que me reducirá os prazos de amortización á metade. Creo que non debemos desaproveitalo.

Pablo García

INOCUATECH

Máis información: 

627 903 058 

inocua@inocuatech.com

Gandería Gallardo SC: producir leite en intensivo coidando o medio ambiente

Francisco Gallardo e o seu fillo Adrián, na explotación familiar en Mazaricos Gandería Gallardo SC é un exemplo de explotación leiteira con relevo xeracional e novas instalacións que está a sentar as bases para producir leite cumprindo coas esixencias medioambientais que desde Bruxelas se están a impoñer para o sector. Francisco Gallardo e o seu fillo Adrián están á fronte desta gandería familiar situada no lugar de Outeiro, en Mazaricos. Adrián estudou en Fonteboa e incorporouse hai 4 anos á granxa familiar. Foi o momento no que decidiron construír un novo establo que lles permitise traballar máis cómodos e ter a posibilidade de seguir aumentando ao número de cabezas sen as limitacións de espazo, almacenamento de xurro e proximidade ás vivendas que tiñan até entón.
Na nave vella non había máis que anacos de galpóns e moito traballo; era facer algo novo ou abandonar
“Na nave vella, que estaba ao lado da casa, estabamos moi apertados. Non había máis que anacos de galpóns por todos os lados e moito traballo. Así que nese momento ou faciamos unha nave nova ou había que abandonar a actividade”, recoñece Francisco. Separáronse do núcleo de casas e construíron unha instalación nova con capacidade para unhas 110 cabezas e xa pensada para dobrar o número de animais. Mesmo a sala de muxido quedou dimensionada para iso, polo que unicamente terían que incorporar máis puntos de muxido sen mudar o sistema interno. “É unha sala de 16 puntos neste momento, pero ampliable a 24”, indican. En previsión, medrar A sala de muxido da granxa xa foi feita pensando na colocación de máis puntos no futuro Adrián ten un irmán máis pequeno, Samuel, que neste momento ten 12 anos. “Se el quere seguir tamén coa granxa habería que aumentar ao número de cabezas para que puidesen vivir os dous da explotación”, razoa Francisco. “Podemos dobrar a nave actual tanto para a parte de atrás como para o lado, polo que poderiamos chegar a 300 e pico vacas en produción”, explica. A intención a curto prazo non é chegar a muxir tantos animais, pero si traer para a nova nave toda a recría que teñen no establo vello, para teren deste xeito todo máis á man e máis cómodo á hora de traballar. “A nova nave xa foi feita pensando na comodidade para o día de mañá, tendo en conta a falla de man de obra”, destaca Adrián. Reunir todo o gando na mesma instalación tamén lles vai permitir ter máis controlados aos animais.
Sigo traballando de camioneiro varios días á semana; contamos con apoio familiar e o reforzo dunha persoa contratada para poder facelo
Neste momento atenden a explotación Francisco e Adrián, con axuda doutros membros da familia e o reforzo puntual dunha persoa contratada os días nos que Francisco mantén o seu outro traballo, de camioneiro, ao que adica dous ou tres días á semana. “Os domingos cubro as libranzas nun camión de recollida de leite, os luns levo vacas para os matadoiros de Bandeira e Ribadavia e algúns mércores vou con xatos ao mercado de Amio”, relata.   Produción estable con boas calidades O benestar animal é outro dos aspectos nos que poñen énfase nesta gandería Gandería Gallardo SC móvese nestes momentos nuns 32 litros por vaca ao día de media, cun 4% de graxa e un 3,50% de proteína. A calidade hixiénica sitúase en menos de 10.000 xermes e 133.000 células somáticas. Poñen moito énfase na limpeza da sala de muxido e as camas do gando son de carbonato mesturado con serrín (70% de serrín e 30% de carbonato).   Entregan o leite que producen a Leyma desde fai 6 anos, logo dunha mala experiencia previa con Lácteos Pérez Oliveira. “Antes vendiamos o leite á queixería da Pereira, pero cando foi á quebra deixounos con 4 meses sen cobrar, fora un pau duns 50.000€ naquel momento”, lamenta Francisco. 60 ha de superficie Normalmente fan un único corte de herba antes de labrar o millo en case todas as fincas Malia teren aumentado ao número de cabezas nos últimos anos seguen mantendo a suficiencia alimentaria da explotación, grazas a iren collendo tamén fincas en paralelo. Gandería Gallardo atópase nunha zona na que hai máis explotacións leiteiras, o que fai que o terreo estea buscado. Os prezos rondan os 10-12 €/ferrado (nesta zona son de 424 m2), aínda que existe variabilidade en función das características da parcela e a súa situación nun abano que se move entre os 8 e os 15€.
A finca que temos máis lonxe está a un cuarto de hora
Dispoñen de 60 hectáreas de superficie agraria, das que botan a millo 36. “Este ano botamos tamén 3 hectáreas a veza para cumprir coa PAC”, explica Adrián. “Facemos o ensilado a finais de abril para botar o millo, se se pode, a principios de maio”, explica. Habitualmente fan un só corte de herba para ensilar, agás nas leiras nas que a herba vai moi adiantada. “Neses casos facemos un primeiro corte polo San Xosé para ter outro igual a finais de abril. Senón a herba faise moi vella e colles fibra pero ese silo non vale para dar leite”, razoa.
Normalmente procuramos ir a un corte só de herba a finais de abril para botar o millo a principios de maio
Fan fincapé na calidade dos ensilados, tanto de herba como de millo, que comparten protagonismo na súa ración. A colleita de millo deste último ano foi moi boa nesta zona, duns 10.000 kg máis por hectárea, até chegar a unha media duns 63.000 kg/ha. “Nós botamos 6 hectáreas menos de millo que na anterior campaña e recollimos moita máis cantidade”, explica Francisco. Aínda que encheron os silos, non teñen pensado reducir a superficie labrada na vindeira sementeira. “Nunca podes baixar a garda, porque non sabes como che vai vir o ano”, advirte. E pon o exemplo da Mariña de Lugo, que mantén habitualmente boas medias de produción de millo e sen embargo o último ano, debido á seca, a colleita foi moi escasa. “As ganderías de aló viñan mercar millo aquí e tamén se venderon nesta zona moitos rolos de herba para Cataluña, onde tamén houbo moita seca”, conta Francisco. Parte dos traballos agrarios fanos eles mesmos e outra parte contrátanos. “Fomos investindo algo nos últimos anos en maquinaria e agora podemos facer nós máis cousas”, aclara. Mercaron, por exemplo, unha cisterna nova para sacaren o purín. É unha cisterna convencional, pero contan que non lles afecte a nova normativa de xurros que establece restricións para botalo co sistema de prato. “Nós temos case todas as fincas en pendente e de menos de 2 hectáreas”, din.

Mellora da calidade do xurro e uso de enerxías renovables

Cisterna mercada pola explotación para a aplicación do xurro, con sistema de prato invertido Francisco e Adrián son conscientes de que para poderen seguir producindo leite nos vindeiros anos, ademais de contar con instalacións axeitadas que favorezan o benestar animal, as explotacións van ter que cumprir cunha serie e esixencias medioambientais. E nese aspecto están convencidos de que “as ganderías familiares galegas podemos ser un exemplo de economía circular”. No seu caso, están a apostar tanto polas enerxías renovables como pola optimización na utilización do xurro producido na propia gandería, buscando reducir as emisións e a necesidade de insumos químicos. Para mellorar a calidade fertilizante do purín e reducir o seu cheiro Gandería Gallardo SC emprega a solución a base de bacterias que comercializa a empresa galega Bioprana. “Nós botamos no pozo os restos da comida e tamén o millo podre e as bacterias roen todo, queda todo líquido e dese xeito podemos botalo coa cisterna, non temos que andar botando esterco, e o purín ten máis materia orgánica tamén”, destaca Francisco.
O que gastas nestes produtos para mellorar o purín afórralo despois en fertilizante químico, porque tes que usar moitos menos abonos
A maiores, á hora de botar o xurro nas terras e pradeiras engádenlle, a través dun sistema de dosificación na propia cisterna, moléculas fixadoras do nitróxeno da marca Vizurra, que evitan o efecto lavado e a perda de nutrientes. “Aguántanche máis as pradeiras, mantéñense máis verdes e cando xea non lle ataca igual cas outras. Antes botabas o xurro e se che chovía perdías todo o que botaras. O que gastas nestes produtos afórralo despois en abono, porque tes que botar moito menos”, insiste. “Nós só usamos un pouco agora para a herba e despois para o millo, porque o millo ten que comer senón non hai produción”, asegura.
Vexo lóxico que se controlen máis os momentos nos que se bota o xurro
“Europa vai esixir agora este tipo de produtos mellorantes para o xurro, igual que quería facer cos inxectores, pero eu penso que usando este tipo de aditivos non serían necesarios os inxectores, porque as emisións redúcense moito. Eu vexo ben que se controlen máis os momentos nos que se bota o xurro, iso si. Por exemplo, sería ideal tres veces ao ano: nas pradeiras para ensilar, no momento de sementar o millo e cando levantas o millo e sementas a herba”, di. Pero iso implica “ter fosa con capacidade suficiente, algo que permite despois aforrar moitos cartos, porque doutro xeito estalo tirando seguido e cando che fai falla non o tes”, recoñece. O pozo de purín de Gandería Gallardo SC, con capacidade para case 2 millóns de litros de almacenamento de xurro, permítelles gardar o abono orgánico xerado polo gando para os momentos nos que é máis necesario, reducindo deste xeito as necesidades de fertilizantes químicos da explotación. “Temos capacidade de almacenamento para 6 meses”, destaca Francisco.
A cisterna fixo agora un ano que a mercamos; non ten inxectores pero agardamos non ter que cambiala e que nos sirva para seguir botando o xurro con ela
Hai un ano mercaron unha cisterna de 14.000 litros coa intención de botaren eles mesmos o purín. É unha cisterna convencional, sen inxectores, pero agardan poder seguir usándoa malia a entrada en vigor do Real Decreto de Nutrición Sostible de Chans Agrarios, por un lado dado que a maioría das súas fincas son de pequeno tamaño e teñen máis dun 10% de pendente e por outro lado porque conta cun sistema de prato invertido, que a Xunta vai autorizar como método de aplicación en Galicia. Autoprodución de enerxía Placas solares instaladas no teito da sala de muxido da explotación Outra das apostas desta gandería familiar nos últimos anos foi a instalación de paneis solares e baterías acumuladoras para autoabastecerse de enerxía eléctrica sen necesidade de estaren conectados á rede, unha decisión que tamén lles permite un aforro económico. 
Queren que botemos o gando fóra por benestar animal pero ese benestar animal acábase cando vén o lobo
Francisco e Adrián ven compatible a actividade agrogandeira co coidado do medio ambiente e a biodiversidade pero consideran necesario un control da fauna salvaxe. A carón da granxa dispoñen dunha carballeira á beira do río de case dúas hectáreas polo que, di Francisco, “se non fora polo lobo, no verán podiamos ter as vacas secas e as xovencas fóra porque teñen sombra e auga dispoñible”. “Desde Europa queren que botemos o gando fóra e cando veñen os de benestar animal facer as auditorías dinnos que iso puntúa moitísimo, pero o benestar animal haino mentres non vén o lobo”, razoa.
https://www.campogalego.gal/granxas-desconectadas-da-rede-electrica-unha-opcion-para-non-depender-do-prezo-da-luz/

Granxas desconectadas da rede eléctrica: Unha opción para non depender do prezo da luz

O autoconsumo eléctrico é xa unha posibilidade real para as explotacións gandeiras. Os avances logrados nos últimos anos na tecnoloxía empregada nos paneis fotovoltaicos e o desenvolvemento das baterías fai posible que unha granxa de polos, de porcos ou de vacas leiteiras poida estar totalmente desconectada da rede eléctrica.

En Galicia existen xa casos deste tipo, desenvoltos pola empresa Ecogal, unha das compañías líderes no sector das enerxías renovables. “Máis de 500 explotacións gandeiras teñen confiado nos últimos 10 anos nos nosos servizos para dotarse de instalacións de enerxía solar, a inmensa maioría delas están conectadas á rede, pero outra parte, que representa xa o 7% do total, son instalacións illadas da rede”, explica Manuel Varela, socio de Ecogal.

Boa parte das explotacións que optan por desconectarse da rede eléctrica son de porcino, pero tamén as hai no sector da avicultura, tanto granxas de polos e pavos como de galiñas (por exemplo, unha de 14.000 poñedoras totalmente illada existente en Rodeiro) e no vacún de leite, con casos de ganderías máis de 100 vacas totalmente autosuficientes enerxeticamente.

Cun investimento de 15.000€ logras unha instalación de porcos illada, porque os consumos enerxéticos son menores que en avicultura ou en vacún de leite

Non depender dunha compañía subministradora ten vantaxes, como a de non estar condicionado polas flutuacións de prezo do mercado eléctrico, cuxas subas moitas veces pon en risco mesmo a propia viabilidade das granxas polo encarecemento dos custos de produción.

Problemas frecuentes en Galicia: baixa potencia contratada e mal estado das liñas

Pero o feito de ser independente enerxeticamente tamén resolve outros problemas derivados do mal estado das liñas, as deficiencias de mantemento e a saturación dos transformadores, o que provoca en moitos casos caídas de tensión.

“Os paneis fotovoltaicos axudan moito nos finais de liña sobre todo, porque se consume a enerxía onde se produce e hai que ter en conta que as perdas por transporte son elevadas. E se se acompañan os paneis de baterías físicas, a estabilidade da rede mellora moito”, explican en Ecogal.

É habitual que haxa un desfase de máis do 50% entre a potencia de consumo e a contratada e iso limita moito o número de placas que se poden poñer

Un dos problemas frecuentes en moitas ganderías á hora de poñeren enerxía solar nos teitos das súas naves é o desfase entre o consumo real necesario e potencia contratada. “En Galicia atopámonos coa baixa potencia eléctrica contratada, sobre todo en granxas que levan 20 anos funcionando, e que foron aumentando tanto ao gando como ás máquinas que precisan no día a día pero sen incrementar a potencia”, indican.

Iso fai que o tamaño da instalación solar fotovoltaica non permita cubrir todas as necesidades da explotación. “É unha limitación importante porque non podemos instalar máis potencia da que teñen contratada e adecuar as instalacións para poder pedir un aumento de potencia xa supón máis gasto”, recoñece Manuel, que aclara que “é raro que poidamos instalar nunha granxa a mesma potencia de consumo que teñen contratada; o habitual é que teñan un desfase de máis da metade”, explica.

Estudo pormenorizado de consumos

A posta en marcha dunha instalación de enerxía solar fotovoltaica nunha gandería comeza sempre cun estudo de consumos da explotación, que é máis pormenorizado no caso das instalacións illadas. “Non tes plan B, polo que non pode fallar nada”, recoñece Manuel.

“Hai que facer un compendio entre medidas correctoras e instalación de placas fotovoltaicas. Nós o primeiro que miramos ao chegar a unha granxa son as medidas de eficiencia enerxética a implementar. Hai que axudar ao gandeiro a optimizar o seu consumo. Son pequenos investimentos comparados cos da propia instalación solar”, asegura.

Hai que axudar ao gandeiro a optimizar o seu consumo; o quilovatio máis intelixente é o que non se consume

“Moitas veces non se trata de producir moita enerxía, senón de reducir primeiro o consumo para que a necesidade de produción de enerxía sexa menor”, recomendan desde Ecogal, que fan fincapé na sensibilización social. “Hai que avanzar na cultura do aforro enerxético e a boa utilización da electricidade, ao igual que se fai co consumo de auga”, din.  

Medidas de eficiencia enerxética no muxido e enfriamento do leite

“O quilovatio máis intelixente é o que non se consume e unha gandería só con medidas correctoras pode correxir entre o 15 e o 20% do seu consumo. É un plus que nós lle ofrecemos”, explica Manuel.  

A sala de muxido e o tanque de frío do leite representan entre o 70 e o 80% do consumo dunha explotación leiteira. Por iso, din en Ecogal, é o primeiro punto onde hai que centrar os esforzos en materia de eficiencia enerxética.

A sala de muxido e o tanque de frío representan entre o 70 e o 80% do consumo eléctrico dunha explotación leiteira

“Hai moitos consumos ocultos nas granxas”, din. Por exemplo, “hai moitos motores de salas de muxido que non teñen aínda variadores de frecuencia e xeran moita enerxía reactiva que agora penaliza na factura. Iso cunha simple batería de condensadores, que custa 1.500€, pode correxirse. Esa granxa amortiza ese investimento en só 5 meses co que aforra na factura, porque ademáis de eliminar os cargos pola enerxía reactiva, o consumo tamén baixa porque o motor arrinca moito máis despacio”, explican.

No caso dos tanques de frío, unha medida interesante son placas as intercambiadoras que extraen o calor do leite que vén da sala de muxido, co que quentan auga ao tempo que arrefrían o leite, reducindo tamén o consumo do tanque.

ECOGAL

Teléfono: 982603270

Email: administracion@ecogal.es

Web: www.ecogal.es 

Francisco Gallardo (Gandería Gallardo SC): “Cargamos as baterías cos paneis solares e chéganos para todo o día”

Gandería Gallardo SC é unha explotación leiteira cun cento de vacas en muxidura ubicada no concello de Mazaricos que está totalmente desconectada da rede. Tomaron esa decisión polas dificultades que atoparon para o enganche do establo novo á liña eléctrica que lles pasaba xusto por diante, un problema que se repite con moita frecuencia en Galicia.

“Cando hai 4 anos fixemos a nova nave solicitamos o enganche á compañía eléctrica a unha liña que nos pasaba pegada. Puxemos dous postes, un para o enganche e outro para o transformador. Gastamos 23.000 euros, pero despois non lles valeu e querían 14.000€ máis”, quéixase Francisco Gallardo, que xunto ao seu fillo Adrián está á fronte desta granxa.

Gastamos 23.000€ para o enganche da luz. Puxemos todo o que nos mandaron (dous postes, un transformador) e despois non lles valeu e querían cobrar outros 14.000€

Ese proceso coincidiu ademais coa suba do prezo da electricidade, que chegou case a duplicarse, polo que optaron por paralizar o enganche á rede e seguir subministrándose dun xerador de gasóleo que mercaran como solución de urxencia.

“Como non nos daban enganchado empezamos a traballar cun grupo electróxeno e decidimos seguir con el. Desa maneira a nós non nos afectaba a suba da luz, porque con 1.500€ ao mes en gasóleo amañabamos, cando moitas granxas nesta zona chegaron a pagar 5.000 e 6.000 euros ao mes naquela época”, aclara Francisco.

Teñen unha potencia fotovoltaica instalada de 32 Kw, suficiente para o funcionamento de todo o establo

Pero para reducir o gasto en combustible e asegurar un subministro máis continuo e estable optaron o ano pasado por instalar placas solares e implementar distintas medidas de aforro enerxético na sala de muxido e a leitería coas que baixar o consumo.

Investiron en total 81.000€, dos que case recuperaron a metade a través das subvencións do Inega. “Polas baterías danche o 70% e polas placas no noso caso foi o 30%”, aclaran. 

Instalar máis baterías para aproveitar a produción dos paneis fotovoltaicos

Gandería Gallardo SC é unha explotación con relevo xeracional que ten previsto aumentar nos vindeiros anos o número de vacas en produción. De feito, instalacións como a sala de muxido xa quedaron previstas para iso.

Instalaron o sistema de placas solares e baterías de almacenaxe da enerxía producida no mes de setembro pasado

Ao aumentaren ás cabezas de gando tamén aumentará o consumo do establo, da sala de muxido e da leitería. Para ter cuberta esa demanda teñen pensado instalar máis baterías de almacenaxe da enerxía producida polas placas solares, xa que “moitas veces cortan a mediodía porque as baterías están xa a tope e non temos onde acumular máis”, recoñece Francisco.

“Cargamos as baterías coas placas solares e se non nos chega acende o xerador de maneira automática, pero a maioría dos días non é necesario que funcione, chéganos co que producen as placas solares”, explica Francisco.

Aforro importante

Poñer os paneis solares coas baterías supúxolles un aforro importante, xa que “o mesmo gasóleo que antes gastabamos nun mes chéganos agora para tres meses e no verán contamos con surtirnos unicamente das placas”, di.

O sistema compleméntase co xerador que xa tiñan na explotación, como garantía en caso de días anubrados ou con pouca produción de enerxía solar, e está totalmente automatizado, de maneira que se o nivel das baterías baixa do 20% acende o xerador para recargalas.

O mesmo gasóleo que antes gastabamos nun mes chéganos agora para tres, e no verán contamos con surtirnos unicamente das placas

Aínda que non sexa necesaria a súa contribución para cubrir o consumo enerxetico da explotación, o xerador está programado igualmente para que prenda 15 minutos todas as semanas como xeito de que o grupo electróxeno estea sempre a punto para entrar en funcionamento en calquera momento que sexa preciso. “Desa maneira non te atopas que cando o necesitas non arranque por falta de uso ou de mantemento”, razoa Francisco.

Medidas de eficiencia enerxética

En paralelo aos investimentos na produción e almacenaxe da enerxía fotovoltaica, fixeron tamén melloras en materia de aforro enerxético na gandería, sobre todo destinadas á redución de consumos na sala de muxido e ao aproveitamento da calor xerada polo tanque do leite.

“O maior consumo dunha granxa de leite é o de muxir e enfriar o leite. Os investimentos en reducir ese consumo desquítanse rápido, porque non é o mesmo que o motor da sala estea a 1.400 voltas que funcionando a ralentí a 300 e non é o mesmo que o tanque tarde hora e media en arrefriar o leite que o faga en media hora”, argumenta Francisco.

Coa instalación dunha batería de condensadores no motor da sala de muxido lograron reducir 12 kw ao día de consumo

“Nós puxemos un variador de frecuencia para o motor da sala de muxido e unha batería de condensadores, mentres que na leitería instalamos un intercambiador de placas, un recuperador de calor e un acumulador de auga quente, que almacena a auga quente que precisamos para lavar a sala de muxido ao mesmo tempo que o tanque arrefría o leite, reducindo tamén o consumo do tanque de frío, pois o leite entra nel a 18 grados en vez de facelo a 33”, explica.

Maior confort para o gando e máis produción

Teñen previsto tamén empregar a auga quente xerada durante o proceso de enfriamento do leite para os bebedoiros das vacas, de maneira que no inverno ao non estar tan fría beban máis e produzan máis leite.

Como nos sobraba enerxía, no mes de setembro tivemos os ventiladores funcionando todo o tempo e as vacas non notaron calor de ningún tipo

Dispoñer de enerxía a custo cero fai tamén que poidan ter en funcionamento, por exemplo, os ventiladores máis tempo sen medo a incrementar o consumo e a factura da luz, mellorando deste xeito o confort e a produción de leite das vacas pola minimización do estrés por calor do gando. 

“No mes de setembro facía calor e puxemos os ventiladores a funcionar en continuo para baixar a temperatura do establo aproveitando a produción de enerxía dos paneis fotovoltaicos, que nos estaba sobrando; se tiveramos que pagar a luz seguramente non os teriamos posto tantos días”, contan.

A Deputación de Pontevedra avanza na creación da oficina +Renovables

A Deputación de Pontevedra está a avanzar na creación de +Renovables, a oficina de transformación comunitaria para apoiar ás comunidades enerxéticas da provincia. Instalarase, de xeito piloto ata o 30 de setembro de 2025, no Viveiro de Empresas da Deputación en Barro e conta cun orzamento de preto de 750.000 € dos que a Unión Europea achega 500.000 € a través dos fondos NextGenerationEU. O principal obxectivo desta oficina, que ademais da sede de Barro contará con oficinas itinerantes, é fomentar e impulsar a creación e desenvolvemento de comunidades enerxéticas en todas as comarcas da provincia, sendo o medio rural, especialmente os concellos de reto demográfico, a súa prioridade. Para conseguilo, o proxecto contempla actividades de difusión, acompañamento, asesoramento, así como a creación dunha rede de comunidades enerxéticas provincial e diferentes iniciativas de formación e investigación. No que respecta á difusión está prevista a realización de charlas nos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes para dar a coñecer os servizos de +Renovables e a figura das comunidades enerxéticas, así como de dúas xornadas anuais (unha este ano e outra no 2025) para expoñer casos de éxito, problemáticas e oportunidades a carón das comunidades enerxéticas. Ademais, organizarase de cara ao vindeiro ano un congreso provincial para poñer en común a experiencia obtida polas comunidades enerxéticas creadas e para analizar desenvolvementos futuros. +Renovables tamén realizará acompañamento daquelas entidades interesadas en crear unha comunidade enerxética. Deste xeito, e unha vez formalizada a solicitude, realizarase un completo asesoramento tanto na fase de constitución das comunidades enerxéticas, como na de desenvolvemento do proxecto e na de explotación. Axudaráselles a deseñar un proxecto de xeración, ben térmico ou eléctrico, para dar cobertura aos participantes na comunidade enerxética, e tamén prestarase asesoramento económico sobre créditos e fórmulas de financiación. Ademais realizaranse estudos e informes previos e iniciais de cara á implantación de comunidades enerxéticas, desde estudos de análise de capacidade produtiva de enerxía ata económico-financeiros, para analizar a viabilidade financeira dos proxectos, ou informes legais e xurídicos. O proxecto contempla tamén a posta en marcha dunha rede de comunidades enerxéticas da provincia de Pontevedra e o observatorio provincial de comunidades enerxéticas, que recollerá datos dos proxectos para elaborar un inventario que permita calcular o aforro enerxético xerado polas comunidades, así como a redución da dependencia enerxética do exterior e o descenso nas emisións de gases de efecto invernadoiro. Ademais, +Renovables impartirá formación dirixida, inicialmente, a todo aquel persoal das entidades locais e comunidades enerxéticas, para que sexan capaces de xestionar e levar a bo porto os seus proxectos de produción e consumo de enerxía. Tamén contempla desenvolver actividades de formación en función das necesidades que vaian xurdindo entre as diferentes persoas implicadas na xestión destas comunidades.

“As estelas de madeira para combustible teñen unas posibilidades enormes de crecemento en Galicia”

Luis, xunto ao seu fillo Pablo, nas instalacións da empresa no Corgo Luis Balboa López empezou fai 15 anos facendo desbroces nos montes do entorno de Lugo pero soubo ir diversificando traballos para adaptarse ás demandas dos seus clientes e buscar nichos de mercado que lle permitiran aproveitar todo canto sae dunha plantación forestal.    A súa empresa, Transformaciones Galicia, é unha das poucas especializadas en produción e comercialización de serrín, viruta e estelas, unha fonte renovable de enerxía que permite aforrar custos con respecto a outros combustibles, como o gas ou o gasóleo. “Este era un mercado que estaba descuberto en Galicia e que está a medrar moito”, afirma José Antonio Sánchez Vázquez, que leva na empresa desde os seus inicios e que acaba de chegar de Austria, onde o sector leva anos asentado.
Os produtos derivados da madeira son o combustible máis competitivo que hai a día de hoxe como fonte de enerxía
A empresa dá emprego a 14 persoas e dispón de instalacións de almacenaxe de madeira e produto transformado en Lapio, no municipio do Corgo. Entre os clientes principais atópanse industrias que empregan a astilla de madeira como fonte de enerxía para plantas de coxeneración, secadeiros ou circuitos e depósitos de auga quente, así como colectividades e instalacións públicas, como por exemplo centros educativos ou sanitarios, que contan con caldeiras de calefacción central con este tipo de biomasa. “Nós servimos a catro hospitais: Polusa, Calde e os hospitais comarcais de Monforte e do Barbanza”, indica José Antonio. Un sector en desenvolvemento Industrias como Estrella Galicia, hoteis como o de Cabeza de Manzaneda ou o Alfonso IX de Sarria, spas e balnearios ou algunhas instalacións públicas son a día de hoxe lugares onde se poden ver caldeiras que funcionan con estelas de madeira, pero José Antonio demanda unha implicación máis decidida da Administración pública para que se produza un verdadeiro desenvolvemento do sector en Galicia.
En Galicia até agora era un mercado descoñecido, estase empezando pero as posibilidades de crecemento son enormes
“A Administración ten que dar exemplo nos edificios que dependen dela para que despois as comunidades de veciños se sumen. O ideal sería montar instalacións colectivas para varios edificios, como sucede por toda Europa”, asegura José Antonio. En Austria, por exemplo, estivo visitando un silo con capacidade para 20 camións que alimenta unha caldeira que xera auga quente e calefacción para todo un polígono industrial.
O ideal sería montar caldeiras centrais colectivas que desen servizo a varios edificios; aí é onde está o verdadeiro aforro
Nese tipo de caldeiras centrais colectivas, di, “é onde está o verdadeiro aforro”. “Iso é o futuro”, afirma, pero recoñece que “aquí non temos polo momento esa mesma cultura, non nos colle na cabeza que a estela é un combustible que non dá problemas e que é barato”, asegura. Un terzo do custo do gasóleo As estelas de madeira xeran un alto rendemento calorífico que permite reducir de maneira importante os custos enerxéticos a respecto doutro tipo de combustibles. “Supón un terzo do custo do gasóleo neste momento e é un material moito máis competitivo ca os pellets, porque ten menos transformación. En comparación coa aerotermia, a instalación é moito máis económica, xa que comparativamente ten un custo inicial moito menor”, indica. No caso das estelas, unha caldeira de 200 Kw, para dar servizo a 10 vivendas unifamiliares, sairía por 90.000 euros. O sistema viría montado nun contedor, o que facilita a instalación. “Unicamente habería que chegar e conectar tuberías”, asegura.  
Pasar de pellets a estelas supón reducir o consumo á metade; no caso do gasóleo o aforro é de dous terzos
“Os produtos derivados da madeira son o combustible máis competitivo que hai a día de hoxe como fonte de enerxía, un recurso sostible e renovable que permite facer unha verdadeira economía circular”, destaca José Antonio, que lembra que a UE vén de establecer a prohibición das caldeiras de gas e de gasóleo no 2040. “Quédannos 15 anos para adaptarnos”, advirte. Secado e cribado Contan cunha capacidade de almacenaxe a cuberto de 2.500 toneladas, que están dobando En Galicia hai unha ducia de empresas adicadas ao estelado de madeira pero é un sector que ten “pouca visibilidade”. Transformaciones Galicia conta na actualidade con dous equipos astillando en monte para servir directamente a plantas de enerxía, tanto eléctricas como caloríficas, de distintos clientes industriais que teñen instalados sistemas de coxeneración.
En Galicia hai unha ducia de empresas adicadas ao estelado de madeira pero é un sector que ten pouca visibilidade
A maiores dispoñen de planta de elaboración e almacenamento de estelas limpas, estelas secas e cribadas de maior calidade, destinadas a caldeiras de colectividades e comunidades, que é cara onde está a medrar o mercado. “Estamos neste momento dobrando a nosa capacidade de almacenamento, estamos nunhas 2.500 toneladas a cuberto e coa nova nave imos pasar a 4.500, porque a planificación que tiñamos feita para este inverno xa a temos toda comprometida e non temos capacidade para servir a novos clientes”, recoñecen.
A planificación para este ano xa a temos cuberta, non temos neste momento capacidade para servir a máis clientes
Precisan ademais traballar con varios meses de antelación á hora de preparar e anticipar os pedidos, xa que dentro dos parámetros esixidos para este tipo de produtos está que teñan un grao de humidade determinada, que logran mediante un proceso de secado natural.  “O produto que temos almacenado é seco, necesita de 6 a 9 meses de secado natural. A outra opción sería meter un tromel de secado, pero incrementas os custos do produto e a calidade resultante non é a mesma, porque o secado natural non estropea as ligninas”, conta José Antonio.
O secado natural require de 6 a 9 meses pero a calidade do produto é maior porque non se estropean as ligninas
Producen e comercializan unhas 12.000 toneladas de estelas ao ano e uns 1.200 metros cúbicos de viruta ao mes. “Coa viruta empezamos hai menos tempo pero a idea é triplicar a produción dentro dun par de meses, xa para esta primavera, e mesmo montar un secadeiro para garantir a humidade idónea do produto no inverno”, explican . Viruta para cama de animais Entre os clientes da empresa atópanse granxas avícolas, que usan as estelas como fonte de enerxía para a climatización das instalacións. Tamén lles sirven viruta para a cama dos polos e dos pavos nas naves de produción. Pero o forte incremento experimentado polo prezo da palla, empregada habitualmente na cama das ganderías leiteiras, por exemplo nos lotes de vacas secas ou na recría, ou nas de carne para estrar os xatos, está a facer que se incrementasen tamén moito os pedidos deste material para explotacións de vacún.
O incremento do prezo da palla está facendo que haxa moita demanda para vacas secas e recría nas explotacións de vacún
“Hai unha demanda tola, nós neste momento estamos co 100% da produción vendida, porque co encarecemento da palla foi un nicho de mercado que quedou descuberto totalmente”, admite José Antonio. O nivel de absorción da viruta é superior ao da palla, porque esa capacidade mantense durante máis tempo. Con respecto ao dry pellet, empegado sobre todo no sector equino, a viruta reduce o custo da cama á metade. “O trailer de viruta, cun volume duns 93 metros cúbicos, ronda os 2.000€”, explica. Un recurso Km0 Unidade de estelado en monte, que transforma a biomasa en produto destinado a instalacións de coxeneración Nesta empresa destacan os valores dos combustibles procedentes da madeira desde o punto de vista da sustentabilidade ambiental, e máis nun lugar como Galicia, onde a materia prima está moi preto do consumidor final, o que reduce notablemente o transporte.
O estelado permite valorizar as especies con menor demanda comercial, como poden ser o bidueiro ou o salgueiro
Ademais, este uso permite “valorizar” as especies con menor demanda comercial, así como aproveitar os refugallos das cortas de eucalipto ou piñeiro que se fan para outros usos. “Para estelas nós tan só utilizamos os restos de aserrado de piñeiro, xa que ao mesmo serradoiro que lle vendemos a madeira mercámoslle os casqueiros, e astillamos tamén moitísimo bidueiro, chopo ou salgueiro, que son as madeiras que menor valor teñen no mercado, xa que o carballo tamén se encareceu ao destinarse para leña. Nós procuramos que a materia prima que utilizamos sexa barata para que o prezo final do produto que facemos sexa tamén económico”, indican. Entre 100 e 110 euros/metro cúbico O prezo de venda das estelas de calidade estandarizada G-30, sempre por debaixo dun 25% de humidade e volumetría inferior a 3x3 cm, cunha marxe de erro ata 4,5 do 5%, rolda os 110€ cribada e os 100€ sen cribar. Eses serían os prezos no punto base, é dicir, na planta de fabricación e secado ubicada no Corgo, ao que habería que engadir o transporte até o lugar de consumo final e que pode variar moito en función da distancia ou da necesidade de soplado do material (envío por un conduto flexible mediante impulsión por aire) até o punto de almacenaxe.  
Se tes unha materia prima cara o prezo final dispárase porque os custos de procesado e secado son elevados, por iso usamos especies de pouco valor comercial
Para tratar de abaratar o máis posible o prezo do produto final traballan cunha planificación das campañas con varios meses de antelación e aproveitan especies con menor valor comercial. “Se tes unha materia prima cara o prezo final dispárase porque os custos de procesado e secado son elevados”, precisa José Antonio. Neste momento están servir material almacenado hai varios meses e comezando xa a estelar produto que será consumido o inverno que vén. “Non buscamos un mercado instantáneo senón planificado, para ter capacidade de subministro garantida aos nosos clientes”, di Luis. A madeira recén estelada pode ter un 40% de humidade e é necesario que baixe a un 25%. “Nese proceso prodúcense mermas dun 30%”, detalla. Para mellorar a calidade realizan un cribado de longos e nun prazo dun par de semanas van comezar a eliminar tamén finos. A normativa europea unifica as calidades en dúas categorías, P-16 e P-31, cun grao de humidade inferior ao 25% e longos por debaixo de 2,5 e 3,5 cm. Imposibilidade normativa de presecado da madeira no monte Zona de presecado da madeira para estelar nas instalacións de Transformaciones Galicia en Lapio Un dos hándicap cos que se atopa este sector en Galicia para o seu desenvolvemento, con respecto a outros países europeos, é que “por normativa nós non podemos almacenar máis dun mes o material no monte”, din. No verán en 30 días baixa moitísimo o grado de humidade, o produto cambia totalmente, pero no inverno é insuficiente, polo que o ideal sería poder facer acopios no monte durante máis tempo, piden. “En pleno verán, recén cortada, a madeira está a un 65% de humidade, mentres que no inverno despois de 2 ou 3 meses estibada á intemperie o grao de humidade pode ser do 30%. A humidade interior baixa e aínda que a madeira estea mollada por fóra non absorbe humidade cara ao interior”, explica José Antonio.
O ideal sería poder facer un presecado da madeira no monte como fan noutros países, pero aquí non é posible por normativa
Na zona de presecado ao aire libre das súas instalacións do Corgo almacenan unhas 15.000 toneladas de madeira pero, din, “o ideal sería poder facer un presecado da madeira e a biomasa no monte antes de triturala, como fan noutros países, porque a madeira que está fóra, aínda que estea á intemperie, non se vai humedecer máis polo feito de que lle chova, pero aquí non é posible por normativa, estamos limitados por iso”, quéixase. Outro dos problemas que hai en Galicia ten que ver coa pequena dimensión de moitas parcelas e os malos accesos para chegar a elas, que impide levar a moitos montes o equipo de trituración e os camións que teñen que transportar o material procesado.

Xestión forestal integral, para transformar superficies abandonadas en montes produtivos 

Ademais de especializarse na xestión de biomasa e na produción de materiais combustibles derivados de madeira, Transformaciones Galicia tamén se adica a facer todo tipo de traballos forestais, desde corta e saca de madeira a entresacas e outros traballos silvícolas, así como a plantacións ou desbroces, co obxectivo de ofrecer ao propietario forestal solucións adaptadas e integrais para a xestión dos seus montes. "Facemos a xestión completa dos montes, desde a compra de madeira en pé e a súa corta e transporte ao cliente final, ao aproveitamento da biomasa e a repoboación forestal para que esa parcela siga producindo”, explica Luis.
Transformaciones Galicia está especializada en compra venda de madeira, xestión de biomasa e repoboación
Cortan ao ano unhas 50.000 toneladas de madeira, das que unhas 35.000 son de piñeiro e o resto de distintas especies como chopo, bidueiro ou outras frondosas autóctonas. “O que menos traballamos é eucalipto porque para ser competitivo niso tes que cortar todo o ano eucalipto”, explica. “Neste momento xa se lle está dando valor á maioría da madeira de piñeiro”, aseguran. No seu caso, o 80% do piñeiro que cortan no monte vai para serradoiro e o 20% restante para taboleiro.
O 80% do piñeiro que cortamos vai para serradoiro; neste momento xa se lle está dando valor á maioría da madeira de piñeiro
Recoñece que colleron “anos moi bos para o sector forestal, con bos prezos na madeira e volumes importantes de cortas”, pero a situación cambiou. “A baixada no prezo da madeira que se deu a partir de setembro pasado aféctanos a todos. Das tres procesadoras que temos, unha está parada neste momento”, explica. O mercado retraeuse e as vendas dos propietarios forestais caeron en picado, aínda que o feito de traballaren pechando compras de lotes de madeira en pé con varios meses de antelación permítelles ter stock de materia prima de até case un ano. Aproveitamento de toda a árbore Transformaciones Galicia consegue facer un aproveitamento completo da totalidade das árbores que corta no monte. As mellores trozas destínanse a usos de alto valor engadido, como aserrado; as de calidade intermedia van por exemplo para taboleiro e os refugallos, canas, pezas con nós ou defectos e demais restos e biomasa teñen unha segunda vida convertidas en estelas de calidade. “Enseguida empezamos a ver o potencial que tiña a biomasa; era un mercado novo que aquí estaba desatendido. Optamos por diferenciarnos; nós non estamos no que está todo o mundo”, di Luis.
Empezamos facendo desbroces e cortando madeira, pero enseguida vimos o potencial que había no mercado da biomasa
“Empezamos facendo empacado de ramas no monte, como fan outras empresas, pero vimos que pola demanda do mercado final non é o mellor sistema, porque despois iso require novamente un procesado mediante triturado, polo que empezamos a apostar directamente polo astillado en monte”, explica. “Prohibir leva ao abandono do monte” “A corta de frondosas está bastante limitada neste momento”, aseguran, e defenden que “prohibir non é a solución, porque leva ao abandono do monte”. “Nós pensamos que cando hai unha parcela con pés de escasa calidade, porque naceron sós, están en situación de abandono ou non se levou a cabo unha silvicultura axeitada, o mellor é poder cortar esas árbores, facer un aproveitamento delas e volver plantar o monte”, consideran.
Estamos acondicionando fincas que levaban 30 ou 40 anos abandonadas, transformándoas en montes produtivos
 “Estamos acondicionando fincas que levan 30 ou 40 anos abandonadas, que o que teñen sobre todo son toxos e silveiras de tres metros de altura e algunha árbore polo medio que naceu soa, convertendo esas superficies en montes produtivos e ordenados, con plantacións de futuro”, argumenta José Antonio. Por iso non entenden que o aproveitamento de frondosas estea limitado ao 50% por normativa. “Só podemos cortar a metade das árbores, iso ás veces condiciona a viabilidade, e se fas repoboación non podes cambiar o cultivo”, explican.
Temos que cambiar o chip, porque prohibir non funciona, o único que xera é deixadez; o que hai é que incentivar a produción, que é a maneira de que se coide o monte
Defenden sen embargo que o aproveitamento para estes usos enerxéticos “é compatible coa obtención de madeira de calidade”. “É unha maneira de rendibilizar as entresacas e de favorecer a silvicultura”, din. É un sistema que está implantado en países do leste de Europa. “Lituania, por exemplo, ten moitas plantacións de bidueiro, ás que lle sacan unha ou dúas pezas para serra e o resto vai para estelar”, conta José Antonio. En Galicia, pola contra, di, “apóstase pola prohibición”. “Cando se cataloga un monte ou se inclúe en Rede Natura, unha carballeira, por exemplo, ninguén volve tocar eses carballos, non se podan nin se fai silvicultura. Son moi bonitos, si, pero en 30 anos empezan a romper por arriba e a pudrir e en 50 anos a metade deles están no chan, polo que non gañamos nada con esa protección. Temos que cambiar o chip, porque prohibir non funciona, o que hai é que incentivar a produción, que é a maneira de que se coide o monte. Prohibir o único que xera é deixadez”, asegura.

“Instalar paneis solares nunha gandería de leite pode aforrar entre o 45 e o 60% da factura da luz”

A factura da luz segue a ser un dos gastos fixos máis importantes nas explotacións leiteiras.  Ao incremento do prezo da enerxía engádese un maior consumo, a medida que as ganderías aumentan o seu tamaño e automatizan procesos como o muxido ou a alimentación do gando.

Neste contexto, a instalación de paneis fotovoltaicos é unha boa opción. Permite ás granxas producir unha parte da electricidade que consumen, reducindo o custo mensual e gañando en autosuficiencia de cara a futuras alzas de prezos.

Analizamos coa axuda da empresa Ecogal Renovables, algunhas das vantaxes deste tipo de investimentos nas explotacións, as diferenzas entre muxir en sala ou en robot á hora de consumir a enerxía producida e o uso de ferramentas como as baterías virtuais para optimizar o aproveitamento dos quilowatios xerados ao longo do día.  

10 anos de experiencia e instalacións en 500 granxas

Ecogal é unha empresa galega especializada en enerxías renovables, autoconsumo eléctrico e eficiencia enerxética que leva desde o ano 2012 instalando paneis solares tanto en vivendas como en naves industriais e explotacións agrogandeiras.

Os paneis solares instalados por Ecogal teñen 25 anos de garantía de produción, coa man de obra de substitución incluída na garantía

Coa garantía que dá traballar coas mellores marcas a nivel internacional, Ecogal é unha das empresas que máis instalacións fotovoltaicas leva feito na comunidade, con máis de 500 granxas tanto de vacún de leite como do sector porcino e avícola, aínda que as explotacións leiteiras concentran o 80% das instalacións, explica Manuel Varela, socio de Ecogal.  

No caso dunha gandería de leite, “unha instalación media en Galicia pode rondar os 15-20 kw/h para 100 vacas en muxidura”, conta. O custo total, sen subvención, situaríase entre os 15.000 e os 20.000 euros e “permitiría aforrar entre o 45 e o 60% da factura da luz da granxa, dependendo de onde estea situada”.

O custo sen subvención para unha explotación de 100 vacas en muxidura, con 20 kw de potencia contratada e un consumo de 42.000 kw/h/ano sería duns 20.000€

O número de paneis a instalar dependerá de factores como o número de animais ou o volume de consumo eléctrico da granxa. “O primeiro que facemos é unha análise dos consumos da granxa para compaxinar a curva de carga da explotación coa curva de produción da instalación fotovoltaica”, explica Manuel. A potencia que ten contratada a gandería tamén limita a instalación, xa que legalmente non é posible instalar unha potencia superior á potencia máxima admisible, que vén marcada no boletín eléctrico que ten a explotación.

Compensación de excedentes

Axustar a produción de enerxía ao consumo real da granxa permite sacar o máximo partido ao investimento realizado. Pero nas ganderías de leite danse picos de consumo en momentos concretos do día, que coinciden coa muxidura e o enfriamento do leite, que desequilibran esa balanza.

Para poder aproveitar a enerxía producida e non consumida en horas de menor demanda, existen distintas posibilidades. “Hoxe hai medios para aproveitar ao máximo a enerxía que produce a instalación ao longo do día, como pode ser a través da compensación de excedentes”, explica Manuel.

Non estamos con ningunha empresa comercializadora porque pensamos que non é compatible con prestar un servizo independente aos nosos clientes

Consiste en que a granxa verte á rede a enerxía xerada, que é mercada pola compañía eléctrica e descontada da subministrada. “No modelo normal de autoconsumo o habitual é que o que che sobra do mes cho compensen nese mes, pero xa hai máis de 50 compañías que che gardan os excedentes dun mes para poder gastalo o resto do ano”, detalla.

Estas opcións, coñecidas como baterías virtuais, permiten que os excedentes dos meses de máis produción se garden por exemplo para o inverno, cando o menor número de horas de sol fai caer tamén a xeración de enerxía lograda.  

Cunha boa compensación de excedentes é posible cubrir as muxiduras da mañá e a tarde coa enerxía producida ao mediodía

“Non estamos con ningunha empresa comercializadora porque pensamos que non é compatible con prestar un servizo independente aos nosos clientes, pero cunha boa compensación de excedentes é posible cubrir as muxiduras da mañá e a tarde coa enerxía producida ao mediodía”, asegura Manuel.

Colocación de baterías

A curto prazo, a colocación de baterías como complemento aos paneis fotovoltaicos converterase en imprescindible, opinan desde Ecogal. “A potencia que se está instalando en España está a ser moita e iso está a saturar a rede polo día e a provocar unha demanda brutal pola noite. Para compensar xeración e consumo as baterías son unha boa opción”, explica Manuel Varela.

“Estamos instalando moitísimas baterías físicas, que tamén están subvencionadas”, aclara. “Nunha explotación con 20 kw de potencia habería que poñer 60 kw de acumulación. O custo desa batería é duns 30.000 euros”, conta.  

As baterías, tanto físicas como virtuais, son un complemento indispensable para optimizar a rendibilidade da instalación

“As baterías físicas, acompañadas de baterías virtuais, permiten optimizar a rendibilidade da instalación. Son unha boa combinación, porque as baterías físicas acumulan polo día para descargar pola noite e se sobra enerxía acumúlase na batería virtual”, indica, polo que este sistema permite ás granxas rendibilizar os excedentes.

Peculiaridades das granxas con robot de muxido

As granxas de leite cada vez están máis tecnificadas: robots de muxido, robots para arrimar a comida, robots de alimentación. Esa mecanización e automatización dos traballos leva a un aumento do consumo eléctrico nas explotacións, que é posible compensar coa colocación de paneis fotovoltaicos.

A robotización das granxas leva a un aumento do consumo eléctrico

Dependendo do modelo, o consumo pode situarse entre 3 e 5 kw/hora por robot, o que equivale a  70-110 kw/hora ao día. “Os máis novos son moito máis eficientes, e reducen entre un 30 e un 50% o consumo con respecto aos modelos máis antigos”, explica Manuel.

“O consumo eléctrico no robot é máis alto que nunha sala, pero o que fai o robot é un autoconsumo instantáneo máis directo, e loxicamente o aforro é maior que mediante a acumulación, porque perdes un 20-25% de peaxe na compensación virtual, xa que as compañías eléctricas cobran a 13 céntimos a enerxía consumida e compensan a 11 céntimos a xerada”, detalla.

O robot fai un uso máis directo da enerxía producida, polo que se evitan as peaxes da compensación virtual

Con ratios de 58-62 vacas por cabina, os robots teñen consumos practicamente continuos durante todo o día, “porque ese robot vai estar parado só unha ou dúas horas fronte a 22 horas de consumo”, indica.

No caso de explotacións con robots de muxido, en Ecogal aconsellan facer uso de baterías físicas e virtuais, así como contar cun sistema de alimentación alternativo para maior seguridade, evitando deste xeito que o robot poida quedar parado por unha caída na liña.

Subvencións até o 31 de decembro

O equipo técnico de Ecogal encárgase de toda a tramitación das axudas e da instalación dos paneis fotovoltaicos

Neste momento están dispoñibles subvencións para a instalación de enerxías renovables nas explotacións agrogandeiras. Trátase de fondos europeos Next Generation que xestionan as comunidades autónomas (no caso de Galicia a través do INEGA) e que se poden pedir até o 31 de decembro.

Facemos instalacións chave en man, nas que acompañamos aos nosos clientes en todos os trámites

“Hai axudas importantes, é unha mágoa que as ganderías non as aproveiten porque as reducións na factura son importantes”, destacan na empresa Ecogal, que facilitan aos gandeiros todo o proceso. “Facemos instalacións chave en man. Acompañamos aos nosos clientes en todos os trámites e papeleos, tanto das autorizacións e permisos como das subvencións”, asegura Manuel.

A subvención é do 35% e pode chegar ao 50% para instalacións de menos de 10kw/h en concellos de menos de 5.000 habitantes

En función do tipo de instalación e do lugar onde estea ubicada a granxa as porcentaxes de axuda varían entre o 35 e o 50%. “Instalacións de menos de 10 kw teñen máis axuda e en concellos de menos de 5.000 habitantes teñen un aumento da contía da subvención dun 5% adicional sobre o custo elixible, que é de 1.188 euros por kw en instalacións de menos de 10 kw e de 910 euros en instalacións de 10 a 100 kw”, detalla.

ECOGAL

  • Teléfono: 982 603 270
  • Email: administracion@ecogal.es
  • Web: www.ecogal.es

Maricarmen Barreiro Irimia (Gandería O Campo): “Puxemos os paneis solares pensando sobre todo na posibilidade de poñer robots de muxido nun futuro”

Vista aérea da gandería O Campo, no concello de Castro de Rei, cos paneis fotovoltaicos instalados no teito

Maricarmen Barreiro Irimia está á fronte da Gandería O Campo, ubicada na parroquia de Viladonga, no concello lugués de Castro de Rei. Están muxindo a día de hoxe 180 vacas, pero non descartan seguir medrando cando o seu fillo Aarón se incorpore, dentro dun par de anos.  

Esta explotación investiu nos últimos anos na ampliación e modernización do establo e na incorporación de tecnoloxía para facer máis doado o traballo diario, como unha amamantadora para as becerras ou un arrimador da ración para as vacas en produción.

Pero todas esas melloras levaron aparellado un aumento do consumo de luz, que se converteu nun gasto fixo importante cada mes, con facturas próximas aos 2.000 euros.

Investimos 50.000€ e recibimos unha subvención polo 50% do importe

Para tratar de rebaixar esa cifra, optaron por instalar paneis fotovoltaicos nos teitos da nave principal. “Puxémolos hai dous anos, para intentar aforrar no custo enerxético da granxa. Naquel momento estaba a luz carísima, aínda segue hoxe, pero daquela aínda estaba máis”, lembra Maricarmen.

A instalación é de 63 kw/h, pensada para cubrir case o 100% do consumo da explotación, uns 80.000 kw/hora/ano. O custo total da instalación foi de 50.000€ e recibiron unha subvención do 50% do INEGA, polo que o investimento final ao que tivo que facer fronte esta gandería foi de 25.000€. 

“Paréceme un complemento imprescindible de cara aos robots”

Foi un investimento que fixeron pensando no presente, pero tamén no futuro da granxa. “Puxemos os paneis fotovoltaicos pensando sobre todo na posibilidade de poñer robots de muxido nun futuro”, explica.

“Neste momento as horas de muxir coincídennos de noite, porque muximos ás 6 da mañá e ás 6 da tarde, polo que non estamos usando a enerxía que xeran os paneis solares nin para muxir nin para enfriar o leite, que é cando temos os maiores picos de consumo. Por iso neste momento estámoslles sacando menos rendemento ca nos meses da primavera ou o verán, cando hai máis horas de luz”, indica.

Estamos mirando como aproveitar mellor a enerxía que producimos, porque neste tempo as horas de muxir, tanto pola mañá como pola tarde, coincídennos de noite

Para aproveitar mellor a enerxía que producen nas horas centrais do día, están a mirar distintas opcións para poder empregala nos momentos de maior consumo. “Levamos pouco tempo vertendo á rede e estamos mirando para vender os excedentes vía compensación, é dicir, por medio dunha batería virtual, ou ben colocar baterías físicas para facer uso da enerxía xerada durante o día nas horas nas que muximos”, explica.

A recente aprobación dunha normativa europea que regula a Autorización de Explotación vai facilitarlles a obtención dos permisos, xa que a partir de agora no prazo máximo dun mes, por silencio administrativo positivo, as instalacións fotovoltaicas cunha potencia superior aos 15 kw lograrán directamente a autorización, un trámite que antes moitas veces se retrasaba ou mesmo encallaba nalgunhas ocasións.

A Xunta crea unha sociedade pública privada para investir en proxectos enerxéticos e mineiros

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou hoxe a sociedade ‘Recursos Galicia’, unha entidade público privada da que a Xunta manexará o 30% das accións. ‘Recursos Galicia’ nace no marco do proxecto de Lei de Aproveitamento dos Recursos Naturais, presentado a pasada primavera. Daquela, a Xunta xa anunciara a próxima creación dunha sociedade mixta para investir en proxectos enerxéticos e mineiros. A posta en marcha da nova sociedade é agora xa un feito, cunha trintena de empresas que se comprometeron a aportar, conxuntamente coa Xunta, os 100 millóns de euros que se proxectan investir ata o ano 2027. A idea do Goberno galego é que ‘Recursos Galicia’ invista en proxectos eólicos, tanto terrestres como mariños, en proxectos mineiros, naqueles ligados coa concesión de augas, como os de enerxía hidráulica, e noutras enerxías renovables (biogás, solar). A Xunta subliña que ‘Recursos Galicia’ nace para investir en iniciativas que sexan de “interese público” para Galicia e destácase que o Goberno galego, malia ter só un 30% da sociedade, terá unha acción de ouro, é dicir, capacidade de veto sobre os proxectos nos que investirá a sociedade. A creación da sociedade mixta ‘Recursos Galicia’ concíbese como unha entidade matriz, segundo avanzara xa a Xunta na primavera, pois para cada proxecto concreto que acometa crearase unha empresa específica na que poderán entrar outros accionistas. O Goberno galego incidiu hoxe en especial na posibilidade de que Concellos ou empresas locais entren a participar en proxectos concretos que se poñan en marcha nos seus correspondentes territorios. Impacto social Con esta iniciativa, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quere enfrontar tamén a contestación social e medioambiental que adoitan xerar parte dos proxectos enerxéticos e mineiros. “Esta é a primeira pedra para garantir que a xestión da riqueza dos recursos naturais galegos se traducirá sempre en riqueza social para a comunidade”, defendeu Rueda na presentación de ‘Recursos Galicia’, que se fixo hoxe no Museo do Pobo Galego, en Santiago. Ao acto de presentación acudiron tamén a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, e os conselleiros de Facenda, Miguel Corgos, e Medio Rural, José González. Rueda entende tamén que a creación de ‘Recursos Galicia’ é importante para que a explotación dos recursos naturais teña unha repercusión económica maior na comunidade. “Non imos resignarnos a quedar á marxe do desenvolvemento das enerxías verdes en toda Europa: aspiramos a estar no centro”, aseverou, ao tempo que avogou por que os beneficios da explotación destes recursos repercutan no conxunto do pobo galego e se repartan colectivamente. A Xunta subliña a fortaleza da firma ‘Recursos Galicia’, que incorpora unha trintena de empresas que suman máis de 20.000 empregos directos e que achegan ao Produto Interior Bruto autonómico case 11.000 millóns de euros cada ano. Entre as empresas que participan en Recursos Galicia están Abanca, Finsa, Megasa, Valtalia, Copasa, Gesuga, o Grupo Nogar, Pérez Rumbao, Jealsa, Revi, Profand, Gadisa, Ence, Exlabesa, ARP Global, AIN Active, Severiano, Intaf, Genesal, Industrial Recense, Mecanizados Acebrón, Cover Global, Edigal, Tecdesoft, Ertec Iberia, Integria Energía Empresas, Eroxona, Sertogal, Twinleads, Wind1000, Epifanio Campo, Aceites Abril e Megaro Foods. En todo caso, o presidente da Xunta apuntou que as portas desta sociedade están abertas tamén para calquera empresa, sexa cal sexa o seu tamaño, ou Administración local que se queira incorporar aos proxectos específicos que irá desenvolvendo. A idea de Rueda é que Recursos Galicia deixe “beneficios para as comunidades locais”, que fomente o “autoconsumo de fontes renovables” e que se traduza en máis traballo para as empresas dos lugares nos que se acometan os proxectos. Sobre os proxectos de enerxías renovables e mineiros, o presidente da Xunta destaca que Recursos Galicia demostrará que “non son estranxeiros na terra na que se asentaron”, senón figuras “claves” na cohesión e no progreso da veciñanza.

Frigoríficos Bandeira pon en marcha unha planta de biogás

A introdución de enerxías sustentables e con escasa pegada de CO2 na industria alimentaria é un dos retos para o futuro deste sector. A xeración de biogás a partir de residuos constitúe un aporte que, por un lado permitirá un aforro económico e, por outro, contribuirá a reducir de maneira significativa as emisións prexudiciais para a atmosfera. Ese é o camiño emprendido pola empresa Frigoríficos Bandeira S.L. nas súas instalacións, coa creación dunha planta de biogás instalada por Norvento. Frigoríficos Bandeira S.L., compañía galega líder no sector cárnico, dedicada ao sacrificio e despezamento de gando bovino, está a levar a cabo un ambicioso plan de mellora das súas instalacións de Bandeira baseado na sustentabilidade e redución da pegada ambiental. Para iso, e da man de Norvento Enerxía e de Forestación Galicia, promove unha solución que abarca de forma integral a valorización de subprodutos procedentes do matadoiro, a xeración de enerxías renovables e o tratamento integral das augas residuais O proxecto impulsado por Frigoríficos Bandeira, que supón o investimento de case catro millóns de euros, permitirá valorizar enerxeticamente o seu efluente e subprodutos, así como un sistema de depuración para o tratamento do dixestato procedente da planta, permitindo pechar o ciclo da xestión dos residuos do matadoiro. Descarbonización do sector cárnico: explorando o biogás Está previsto que esta instalación bote a andar este mes. Calcúlase que esta nova planta terá capacidade para tratar 30.000 toneladas anuais de subprodutos orgánicos xerados no proceso produtivo de Frigoríficos Bandeira, incluíndo dexeccións gandeiras e augas do proceso. A dixestión anaerobia desta matriz residual xerará uns 7.000 MWh anuais de biogás, que serán utilizados para a xeración de enerxía eléctrica e térmica en forma de vapor, satisfacendo a case totalidade das necesidades enerxéticas das instalacións da empresa cárnica. En concreto, cubrirá o 80% da demanda eléctrica e o 100% da térmica. O proxecto de execución comprende tamén a instalación dun sistema de depuración, que se compón dunha serie de procesos, tanto físicos como químicos e biolóxicos, nos que se eliminará a carga contaminante do dixestato e outros efluentes líquidos ata conseguir unha vertedura final a rede de saneamento que garanta que se cumpran os niveis esixidos polas ordenanzas municipais. Cara á transición enerxética renovable en Galicia O obxectivo da instalación é reducir considerablemente as emisións de gases de efecto invernadoiro ou GEI ao evitarse a emisión de metano que, de forma natural, xera a descomposición de materiais orgánicos, especialmente os xurros e esterco, á vez que se alcanza a total substitución do combustible fósil actualmente utilizado por un gas renovable non contaminante. Así, estímase prospectivamente unha redución deste tipo de emisións, de máis de 400 toneladas de CO2 anuais. Ademais, a limitación do transporte de residuos ao xestionarse as mesmas na propia instalación, sen necesidade de acudir a centros ou entulleiras especializados, consegue minimizar simultaneamente a pegada de carbono e os custos de operación desta empresa líder en produtos cárnicos. Frigoríficos Bandeira apostou polo biogás como fonte de enerxía renovable e sostible xa que ofrece unha variedade de beneficios ambientais e económicos, incluída a xestión de residuos, a redución de emisións e a xeración de enerxía. ‘É un pracer poder colaborar en proxectos como este, que contan cun compoñente local e ambiental tan importante. O biogás preséntase como unha das opcións máis interesantes para a industria cárnica, axudando ás compañías á súa descarbonización, baixo os principios da economía circular, mediante o aproveitamento de subprodutos ou residuos como materias primas. Desde Norvento Enerxía seguiremos traballando para que o sector cárnico e outros moitos atopen o seu camiño na transición enerxética renovable’, sinala Juan Morilla, director de Operacións de Norvento. Pola súa banda, Fernando Vargas, xerente de Foresga, engade que ‘En Galicia temos o potencial e a capacidade para liderar a xeración nacional de enerxías renovables, e tamén debemos dar un paso decidido para a súa xeración a partir dos residuos das nosas industrias agro-gandeiras e de primeira transformación. Este proxecto de Frigoríficos Bandeira é un claro exemplo das posibilidades que se abren nestas industrias para a mellora da súa eficiencia enerxética e a redución das súas emisións de gases de efecto invernadoiro coa valorización dos seus residuos’. Isabel Martínez Cochón, directora xeral de Frigoríficos Bandeira, destacou que “Este proxecto demostra o noso firme compromiso por impulsar unha industria cárnica que aposta por un modelo produtivo sostible e respectuoso co medio ambiente. Pretendemos cubrir unha porcentaxe significativa das nosas necesidades enerxéticas con enerxía renovable xerada in situ e dar unha solución integral e competitiva aos subproductos derivados das nosas actividades. En resumo, desde Frigoríficos Bandeira queremos promover a sustentabilidade, a eficiencia enerxética e a responsabilidade ambiental dentro da industria cárnica”. Acerca de Frigoríficos Bandeira Frigoríficos Bandeira S.L., é unha compañía fundada no ano 1984, con sede en Bandeira (Silleda, Pontevedra), dedicada ao sacrificio e despezamento de gando bovino. Abastécese fundamentalmente, de gando vacún maior nado e criado en Galicia, tanto a través dun amplo grupo de provedores que traballan no sector como gandeiros, tratantes e entradores. Importa, exporta e comercializa toda clase de produtos cárnicos á vez que os distribúe por toda a xeografía nacional e internacional. Na actualidade, e como consecuencia dos constantes investimentos practicados en tecnoloxía punta, da formación continua do equipo profesional, de rigorosos controis de calidade e dunha moi coidada selección do gando, perfílase como unha das empresas punteiras no sector cárnico. (www.frigobandeira.com).

Xornadas formativas para o mantemento de instalacións térmicas renovables

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria prevé celebrar no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte de Lemos ata tres accións de formación profesional e adquisición de competencias sobre o funcionamento das instalacións térmicas renovables, e a súa adaptabilidade ao sector agrario. Os obradoiros impartiranse os días 5, 8 e 9 de setembro, desde as 10:00 ata as 14.15 horas. Os contidos que se abordarán nos cursos inclúen nocións relativas ao funcionamento e mantemento tanto da enerxía solar coma da biomasa. Tras isto, abordaranse a aerotermia e xeotermia das bombas de calor antes de finalizar a acción formativa cunha serie de cálculos básicos que se fan a diario nas instalacións. Estas iniciativas están dirixidas á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e da cadea forestal-madeira. Deste xeito, con estas accións formativas, enmarcadas dentro do Plan de formación continua 2022, a Consellería pretende achegar información sobre os elementos e funcionamento básico destas enerxías para que sexa o propio alumnado quen valore a súa capacidade de adaptación. Nesta páxina poden atoparse outros cursos, e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, está operativo o teléfono 982 889 103, ou pode enviarse un correo a ceca.monforte@edu.xunta.gal.

Que pasará cos eólicos en Galicia?

A avalancha de proxectos eólicos en Galicia do último ano está vencellada ás concesións dos puntos de conexión, isto é, aos puntos onde se evacúa a enerxía obtida dos aeroxeradores. Os puntos de conexión da rede eléctrica teñen unha capacidade limitada, polo que son cruciais para que as empresas poidan sacar adiante os seus proxectos. José Antonio Diéguez, presidente de Ventonoso, unha asociación que asesora ós propietarios afectados polos parques, subliña que “algúns dos puntos de conexión caducaron o ano pasado e outros caducan este ano, unha cuestión que levou a lanzar masivamente proxectos de parques eólicos para non perder eses puntos”. As empresas eólicas que solicitan un nó de conexión teñen que presentar un aval de 40.000 euros por megawatio solicitado, polo que no caso de non impulsar un proxecto de parque, a caducidade dos puntos suporía serias perdas para as compañías. Por iso, o sector embarcouse nos dous últimos anos nunha carreira por sacar adiante proxectos, boa parte dos cales non chegarán a ver a luz, segundo Ventonoso. “A nivel estatal, calcúlase que un 60% dos proxectos non van saír adiante”, sinala José Antonio Diéguez. De feito, xa houbo compañías que desistiron dos seus proxectos, aproveitándose de que o Goberno lles ofreceu devolver os avais se renunciaban ós puntos de conexión antes do 23 de xaneiro deste ano. “En Galicia, xa se desbotaron por esta vía arredor de 500 megawatios eólicos”, apunta Diéguez. As cifras do 2021 remiten a que a comunidade galega ten unha potencia instalada en parques de 3.800 megawatios. Nos dous últimos anos presentáronse arredor de 125 novos proxectos que chegarían aos 6.800 megawatios adicionais, se ben previsiblemente moitos non chegarán a bo porto. “O Goberno prorrogou 9 meses a concesión dos puntos de conexión no caso de proxectos maduros, pero en conxunto, haberá moitos proxectos que non dean concluído os trámites en tempo e forma. Houbo moita especulación en torno ós puntos de conexión porque sen eles non é posible sacar adiante un parque éolico”, conclúe Diéguez. Puntos de conexión e eólica mariña Os tres principais puntos de conexión que quedarían libres en Galicia serían Meirama, As Pontes e, polo momento, de xeito especulativo, Alcoa. A gran maioría dos parques que se están proxectando están dirixindo as súas redes de evacuación cara eses puntos. Pero, que está pasando agora? Segundo afirma Diéguez, “están plantexándose novos parques eólicos mariños que tamén precisarán puntos de conexión, que serán os mesmos que os dos parques eólicos terrestres”. Por tanto, o escenario actual apunta a un aumento dos proxectos eólicos no mar que sustituirían a parte das instalacións proxectadas en terra. “No mar, os parques teñen unha eficiencia e unha produtividade moi superior. Estamos falando de aeroxeneradores de ata 10-12 megawatios e máis eficientes que os terrestres, xa que o coeficiente de rugosidade para os ventos é case nulo; é dicir, o vento non se atopa con obstáculos e chega con toda a enerxía ós aeroxeneradores”, explica José Antonio Diéguez. O potencial da eólica mariña flotante é un dos temas que está tomando cada vez maior espazo no debate sobre as enerxías renovables, debido a que “a potencia xerada, nalgúns casos, podería chegar a ser similar á dunha planta nuclear”, compara o presidente de Ventonoso. “Unha cuestión clara é que a transición enerxética é imparable e que a enerxía eólica seguirá cobrando peso, acompañada en ocasións doutros proxectos, como o hidróxeno verde ou as centrais hidráulicas ‘reversibles’, que bombean auga a unha balsa superior cando hai sobrantes de enerxía e turbínana cando se precisa”, exemplifica Diéguez.

Comunidades enerxéticas e compensacións para a poboación afectada polos parques, novas tendencias

O Goberno abriu recentemente a posibilidade de que se desenvolvan pequenos proxectos de enerxías renovables impulsados por cooperativas, comunidades de montes, pymes, concellos ou grupos de veciños. As persoas involucradas nunha comunidade enerxética son á vez produtoras e consumidoras da súa propia enerxía. É unha vía, que segundo o Ministerio de Transición Ecolóxica, pode permitir “unha maior democratización do sistema enerxético e un importante aforro para o consumidor final”. Polo de agora, a creación de comunidades enerxéticas está pouco explotada, cunha vintena de proxectos en toda España. En Galicia, só hai un polo de agora, correspondente á comunidade de montes de Tameiga (Mos, Pontevedra), que instalou paneles fotovoltaicos de autoconsumo. “Un caso particular de comunidade enerxética poderían ser tamén os parques eólicos singulares que montaron no seu día algúns Concellos galegos, con pequenas potencias de 1-2 megawatios”, profundiza Diéguez. Compensacións no entorno Outra vía á que José Antonio Diéguez lle ve perspectivas de futuro é a das compensacións das compañías eléctricas no entorno. “Ata o de agora, as compañías eólicas só lle pagaban ós propietarios, pero houbo xa uns primeiros casos en Mazaricos nos que as empresas se plantearon pagarlle a luz ós veciños próximos ó parque. Estamos falando de zonas con poucas casas, nun dos parques son 8 casas, polo que é un pouco enganoso, pero de cara ó futuro é unha tendencia que podería medrar”, valora Diéguez.

Resoltas as axudas para enerxías renovables en granxas

A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia a resolución das axudas concedidas correspondente á convocatoria para proxectos de aproveitamento de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética, en empresas de produción agrícola primaria. Concedéronse un total de 420 axudas. As axudas concedidas repártense en tres liñas diferentes: proxectos de enerxías renovables térmicas, eléctricas e os de aforro e eficiencia enerxética. A dotación total conxunta suma máis de 3,7 millóns de euros, sendo as iniciativas eléctricas as que reciben a maior cantidade de diñeiro, a cal supera os 3,2 millóns de euros. As cantidades por subvención concedida, no caso das renovables térmicas varía entre os 4.200€ e os 52.500€; nas eléctricas oscila entre un mínimo de 1.235€ a un máximo de 100.000€, e nas iniciativas pola eficiencia enerxética e o aforro van desde os 2.500€ ata os 27.700€.

Que alternativas ó petróleo se presentan para a maquinaria agrícola?

O petróleo segue sendo hoxe a enerxía máis recorrente no agro, aínda que hai anos que se iniciou timidamente a transición verde na procura doutras alternativas máis sostibles e respectuosas co medio ambiente. Son xa moitas as granxas que botaron man de sistemas como os paneis solares para a produción de electricidade e comézase a procurar un aproveitamento e transformación do xurro con fins enerxéticos. Porén, a transformación enerxética aínda é unha materia pendente. Segundo os datos que manexa a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación (FAO), o sistema alimentario segue a empregar un 30% de toda a enerxía utilizada no mundo. Ademais, o petróleo segue sendo fundamental. En países coma Estados Unidos, da enerxía empregada no sistema alimentario, o 21% céntrase na produción agrícola. A crise de abastecemento de combustibles, que abarca dende o petróleo, ao carbón ou o gas, que se está a vivir nos últimos anos urxe agora a procurar alternativas viables para a produción agrogandeira. Que enerxías se empregarán a curto prazo para a produción alimentaria? Esta foi a pregunta en torno á que xirou a xornada técnica celebrada recentemente no Museo vivo e integrado do campo e da locomoción agraria (Muvicla), situado en Láncara, Lugo. Media ducia de expertos de distintos eidos realizaron unha radiografía da situación actual no agro e sinalaron algunhas das alternativas que xa se están a introducir no agro.
Entre as alternativas que se contemplan no sector agrario para o petróleo atópase o bioetanol ou o hidróxeno
Países coma Francia comezaron xa a apostar por empregar o bioetanol para a maquinaria agrícola. Tamén o uso do hidróxeno se amosa como unha alternativa a ter presente para os tractores do futuro. Ademais, a xestión do xurro e o seu aproveitamento abre a posibilidade a un combustible procedente do agro.

A crise de abastecemento de combustibles

Un dos condicionantes que está obrigando a procurar alternativas para o petróleo no agro é a crise de abastecemento de combustibles fósiles que se está a detectar nos últimos anos. “Estamos ante a tormenta perfecta, cun problema anticipado dende hai décadas, pero ante o que non se quixo reaccionar, xa que obriga a facer cambios moi profundos. Ademais, agardábase que a transición cara a enerxías renovables fose sinxela, o que non está a resultar así”, explica o investigador do CSIC, Antonio Turiel Martínez durante a súa intervención telemática na xornada de Láncara. A crise do petróleo iniciouse xa no 2014 cando deixou de ser rendible economicamente esta explotación e as compañías reduciron os investimentos que realizaban para buscar novos xacementos. Dende o 2018 agudizáronse estas consecuencias, afectando non só ó petróleo senón tamén ós sucedáneos que se foran introducindo. “No peor dos escenarios, entre o 2018 e 2025 podería producirse unha caída da produción do 50%. Abonda comparar outros momentos históricos como a redución do 4% coincidindo coa crise do 2008 ou a do 20% durante a II Guerra Mundial para darnos conta da importancia desta redución”, sinala Turiel. Unha das consecuencias máis directas é a escaseza de diésel, que xa se está a notar e que motiva o incremento dos prezos que está a experimentarse nos últimos anos.
As dificultades para abastecerse de petróleo, carbón ou gas están a traer consecuencias directas ó non se ter feito a transición a enerxías renovables
Xunto coa crise do petróleo, tamén se están a detectar limitacións noutros combustibles como o carbón, no que tamén se acadou o máximo de explotación no 2014; ou o gas, onde Europa acadou o máximo de abastecemento por terra, logo de que os dous principais provedores (Rusia e Alxeria) tamén tocasen o máximo de produción hai xa 10 anos. Aínda que para Turiel non cabe dúbida de que nun futuro toda a enerxía que se consumirá procederá de renovables, tamén sinala que moitas das alternativas que se están propoñendo agora non chegaron a desenvolverse por completo e mesmo pode que non cheguen a facelo. “Os vehículos eléctricos están lonxe de poder explotarse a unha escala masiva por cuestións como a escaseza de materiais que existe”, detalla o experto.
“Non é só desenvolver maquinaria que empregue novas enerxías, senón que estes combustibles deben estar dispoñibles. Debe haber unha loxística e seguridade de poder acceder a estes combustibles para os produtores”: Santiago Sousa, enxeñeiro agrónomo
Nesta mesma liña, o enxeñeiro agrónomo Santiago Sousa, incidiu na importancia de que o cambio de maquinaria con enerxías alternativas ó petróleo tampouco supoña dificultades para os gandeiros á hora da súa xestión diaria. “Estamos vendo avances significativos na maquinaria, cunha aposta pola tecnoloxía e amparados en mellorar a eficiencia, pero tampouco se debe de esquecer que esta enerxía ten que estar dispoñible, debe haber unha loxística e seguridade para repoñela”, sinala. “Unha explotación agraria ou gandeira ten que poder adquirir esa nova maquinaria, pero tamén mantela en funcionamento, non só pola eficiencia da máquina, senón pola seguridade desa enerxía”, destaca.

Alternativas que están xa a incorporarse

O bioetanol, a obtención de combustible mediante cereais como o millo ou o trigo, é unha das alternativas que se presentan ó uso de derivados do petróleo ou o carbón no ámbito agrario. Dende a Asociación Española de Bioetanol (Bio-E), creada recentemente, apuntan que o bioetanol pode converterse non só nunha alternativa como combustible para a maquinaria agraria senón que abre unha nova demanda para os produtos do campo, e pode servir para incentivar o uso de terras de pouca calidade e evitar o abandono. “O bioetanol pode contribuír a xerar e manter emprego no rural e crear unha industrial rural que engada valor ós produtos agrícolas”, detalla José Ramón Freire, director xeral e fundador de Bio-E. En Europa estase a comercializar un combustible que incorpora un 10% de bioetanol e que está presente xa en 16 estados. En países coma Bulgaria, Romanía, Dinamarca está a ter unha gran penetración. Francia tamén está a realizar unha forte aposta polo bioetanol nos últimos anos, comercializado com E85. “O bioetanol en Francia contribuíu ó desenvolvemento dos agricultores ó proporcionarlle unha maior demanda para as súas producións”, concreta Freire.
En Francia, o prezo medio do bioetanol no 2020 estaba nos 0,68 euros por litro, o que supuña un aforro do 35% para os usuarios
O prezo medio do E85 en Francia estaba nos 0,68 euros por litro no 2020, o que supuña un aforro do 35% para os usuarios, segundo os datos manexados por Bio-E. No país galo pasouse de contar cunha rede dunhas 1.000 estacións nas que se podía repostar este combustible, a pasar a sumar máis de 2.500 no 2021. Compañías como Total xa anunciaron que terán dispoñible o bioetanol en tódalas súas gasolineiras ó longo deste 2022.
“O combustible do futuro para a maquinaria agraria será o hidróxeno. Teremos tractores accionados con pilas de hidróxeno”
Outra das alternativas que para algúns dos participantes no debate se presenta como unha opción de futuro é o hidróxeno. “O combustible do futuro para a maquinaria agraria será o hidróxeno, tractores accionados con pilas de hidróxeno, xa que entre outras vantaxes é das poucas alternativas que ofrece a autonomía requirida para a maquinaria no agro”, sinala Gema Flores Fernández, enxeñeira agrónoma en Massey Ferguson. Dende o sector da maquinaria está a avanzarse na investigación do emprego do hidróxeno, aínda que existen polo momento moitas limitacións para a súa utilización no agro. Un dos principais retos é conseguir que proporcione a potencia precisa para mover apeiros de grandes dimensións. Á marxe de procurar combustibles alternativos ó petróleo, no sector tamén están apostando por lograr un aforro conseguindo máquinas máis eficientes e tecnolóxicas. “As empresas de maquinaria agrícola estamos tentando que os nosos tractores e maquinaria sexan cada vez máis eficiente e tecnolóxica, para reducir o impacto ambiental e que o produtor poida conseguir un aforro de combustible”, apunta Flores. Outra das alternativas fronte ó petróleo para o sector agrario pode proceder do aproveitamento e transformación do xurro en biocombustible. “A xestión do xurro permitiría resolver un problema para moitas granxas ó tempo que se aproveita para producir enerxía”, apunta a doutora en veterinaria Olga Iglesias. “Debemos de ser punteiros en Economía Circular co aproveitamento do xurro”, apunta.

Souto Frade SC, innovacións buscando eficiencia enerxética e calidade de vida

Marcos e José Manuel Feás están á fronte desta explotación, que moxe 115 vacas e está a medrar Na parroquia de Santiago de Frade, no concello de Taboada, Marcos e José Manuel Feás decidiron dar continuidade á explotación familiar investindo nos últimos anos máis de 700.000 euros en innovacións tecnolóxicas e aumentando a capacidade produtiva da granxa para, deste xeito, diluir os custos fixos. Contan con tres robots de muxido e un sistema autónomo de alimentación e, apoiados no parque de maquinaria da cooperativa Aira e na xestión da recría en conxunto con outras dúas ganderías da zona, buscan ter calidade de vida. “O que queremos con todas estas innovacións é ter un horario de traballo razoable, como o que pode haber en calquera outro sector, poder marchar da granxa ás 8 da tarde e non ter que volver até o día seguinte pola mañá como en calquera outro traballo”, din.
Na explotación traballan tres persoas a xornada completa
Na explotación traballan a xornada completa tres persoas: un dos irmáns, Marcos, e unha parella contratada; mentras que José Manuel compatibiliza a súa profesión como enxeñeiro técnico agrícola nunha asesoría con labores de apoio na granxa familiar. De tres muxiduras en sala á instalación de robots Souto Frade SC é unha gandería familiar que pasou de muxir 30 vacas a ter hoxe 115. “Até hai dous anos estaba tamén a miña nai na explotación, pero agora está xubilada e continuamos na SC o meu irmán e máis eu. Inicialmente eu non estaba na granxa, senón que estaba o meu irmán e os meus pais, pero ao falecer o meu pai, hai 11 anos, o meu irmán veuse un pouco agobiado ao estar el só, e foi entón cando eu decidín incorporarme para apoialo”, explica José Manuel.
Pasaron de 30 vacas en produción no 2010 a 115 a día de hoxe
Foi entón, arredor do ano 2010, cando comezaron a medrar, facendo unha primeira ampliación do establo para albergar un total de 80 animais en produción. “Empezamos a facer tres muxiduras diarias en sala con esas 80 vacas e foi cando empezamos a mirar o de colocar robots, pero para un iamos moi pasados de número de animais e para dous moi curtos, por iso foi cando xa fixemos outra ampliación, hai 5 anos, deseñando o establo para 120 vacas en produción”, contan. Ter un horario de traballo “razoable” “Teño que recoñecer que inicialmente eu non era moi partidario dos robots, e non os recomendaba ás explotacións ás que asesoraba; parecíanme unha desculpa para escapar do traballo. Pero funme dando conta de que os robots podían ser útiles; non servían para deixar de traballar pero si para traballar doutro xeito, porque ao mellor require estar máis enriba do gando pero dun xeito máis flexible”, admite José Manuel.
Inicialmente eu era antirobot, parecíame unha desculpa para escapar do traballo
Marcos e José Manuel contan cun empregado e entre os tres levan a explotación, que moxe hoxe 115 vacas. Marcos é quen está máis no día a día da granxa e fai o traballo coa maquinaria, mentres que José Manuel realiza principalmente labores de xestión. “Eu considérome medio empregado”, di. Maior volumen para diluír gastos fixos José Manuel é enxeñeiro técnico agrícola. Traballou en Icos e en Agaca e neste momento compatibiliza o traballo na gandería familiar co de asesoramento e elaboración de proxectos para outras explotacións dentro de Agroxest, a oficina técnica que montou en Monterroso xunto a un compañeiro de carreira, Eloi Pérez. José Manuel formouse como enxeñeiro técnico agrícola e é un entusiasta das innovacións tecnolóxicas José Manuel é un entusiasta das innovacións tecnolóxicas pero admite: “cada vez cústame máis poñerme co ordenador, prefiro vir para aquí para xunto das vacas”. Parte do seu traballo como asesor consiste en analizar as circunstancias concretas de cada explotación e valorar cal é a dimensión axeitada en cada caso para acadar unha maior eficiencia produtiva, un criterio que tamén emprega na súa gandería.
No mes de xaneiro porán a funcionar o terceiro robot con recría propia e a compra de 30 animais
Por iso este ano acaban de acometer unha nova ampliación do establo para instalar un terceiro robot. “Vemos que os que somos temos capacidade para atendelo perfectamente e que gañar volumen é tamén unha maneira de diluír custos fixos, porque o sistema de alimentación valeríanos igual”, indican. Alimentación automática A finais do 2019 montaron un sistema de alimentación automatizado pioneiro naquel momento en Galicia. “Eu xa vira algúns fóra de Galicia, en Holanda e Alemaña, pero aquí non había aínda ningún. De feito, naquel momento déronnos unha axuda de innovación. Agora xa hai algún máis. como o que montou Finca Asunción ou tamén SAT A Campa”, explica José Manuel. O custo ronda os 180.000 euros, fronte aos 150.000 euros que pode valer un carro autopropulsado, pero os gastos de mantemento e reparacións son menores, considera. “O único gasto é o consumo de luz, que poden ser 5 euros diarios, pero ao non levar motor de combustión penso que se aforra en pezas e avarías”, di. Malia contar con múltiples mecanismos de protección, este ano unha tormenta entrou polo cable da sinal wiffi estropeando unha placa base e obrigando a ter parado o sistema mentras non era substituída a peza, pero solventaron grazas ao servizo que lles prestou momentaneamente, durante dous días, o carro da cooperativa Aira. 8 repartos de comida ao día Souto Frade optou para automatizar a alimentación polo sistema que oferta a empresa Triolet, unha compañía que se adica á fabricación de carros mesturadores e que está considerada punteira tamén neste campo a nivel europeo, aínda que a súa tecnoloxía estaba nese momento pouco introducida en España.  “Había varios sistemas pero este era o que mellor se nos adaptaba e pensamos que acertamos”, din. Contaban cun hándicap á hora de instalar o sistema automatizado de alimentación e era o pouco espazo dispoñible para colocar a unidade de almacenamento de forraxe. “Noutros sitios cargan cada varios días, pero nós temos pouco sitio e temos que desensilar case todos os días. Cargamos cada día e medio ou dous días a unidade de almacenamento, pero se seguimos medrando un pouco máis teremos que cargar todos os días. É un traballo que non leva moito tempo e deste xeito ten a vantaxe de que a forraxe que reciben as vacas vai máis fresca. Desde que puxemos en marcha este sistema notamos que perdemos moita menos comida, antes estropeábase máis a ración, ás veces fermentaba no pesebre, e iso agora non pasa e iso tamén son cartos, porque é comida tirada”, razoan.
Desensilan diariamente e a unidade encárgase de facer 8 repartos de comida entre as 9 da mañá e a 1 da madrugada
Unha vez depositados os tacos de silo de millo e de herba, a propia máquina encárgase de mestúralo co resto de ingredientes da ración e de repartirlla ás vacas no pesebre ao longo do día e a noite, con 8 pasadas por xornada. “Polo día repartimos cada 2 horas e pola noite facemos un último reparto á 1 da madrugada e non volvemos repartir ata as 9 da mañá do día seguinte para poder ter o comedeiro baleiro a primeira hora e poder limpalo”, explican. “Vemos tamén que aínda que fixeramos máis comida non a comerían, quedaría tirada, porque a capacidade de inxesta das vacas é a que é”, aclara José Manuel. Aforro enerxético En paralelo á automatización da granxa, Souto Frade apostou por incorporar sistemas de produción de enerxía renovable. “Temos 20 Kw de placas solares para venda de enerxía desde hai 10 anos, porque puxémolas no momento no que estaba subvencionada a venda da enerxía, e outros 15 Kw para autoconsumo. E tamén instalamos un muíño de vento para autoconsumo”, explica José Manuel. “Temos un consumo aproximado duns 6.000 Kw ao mes e coa produción propia que temos logramos rebaixar nun 30% a factura eléctrica da granxa”, conta. Tanto os robots de muxido como o sistema automático de alimentación provocan un consumo constante, co que sacan un maior partido tanto ás placas solares como ao muíño de vento.
A subida desde o mes de xuño foi tremenda, pasamos de pagar 900 euros ao mes a 1.800 e se non fora polas placas solares estaríamos en 2.500
Sen embargo, o cambio tarifario producido no mes de xuño e a escalada de prezos da enerxía a partir do verán fixo que a súa factura se disparara, duplicando o seu importe ao pasar duns 900€ mensuais antes do verán a 1.800 na actualidade. “Foi unha barbaridade o que subiu a luz e se non fora polas placas solares e o muíño de vento que temos estaríamos en 2.500 ou 3.000 euros ao mes de gasto”, quéixanse. Obxectivo: estabilizar a explotación Ao estar medrando, Souto Frade SC insemina a todas as vacas con frisón pero fai un uso limitado do seme sexado. “Empregamos algo só nas xovencas”, explican. Para poñer a andar o terceiro robot teñen previsto mercar un lote de 30 animais no mes de xaneiro e sumarlle unha ducia de xovencas de recría próximas ao parto. “A idea non é completalo de golpe, porque iso supón un desembolso económico importante”, admiten.
Ao librarnos de parte do traballo de recría temos capacidade para atender o gando dun terceiro robot e deste xeito diluir os custos fixos
En todas as melloras que foron acometendo nos últimos anos José Manuel calcula que investiron entre 700.000 e 800.000 euros. “É certo que para dedicarte hoxe a producir leite a este nivel necesitas moito investimento e está claro tamén que é un sector no que arriscas moito para lograr pouco máis ca un salario normal, pero polo demais é coma calquera outro negocio”, di José Manuel, que considera que “coma en calquera outra empresa se esperas a ter o diñeiro para poder investir ou medrar o ritmo vai ser moito máis lento, as melloras hai que financialas para chegar a elas antes”, opina. Mellorar a ventilación Souto Frade SC partía dunha nave antiga que precisou de sucesivas reformas e ampliacións para poder acoller as distintas innovacións tecnolóxicas incorporadas e aínda que o resultado final é unha instalación funcional, arrastra certas eivas estruturais difíciles de correxir.  “É unha nave moi vella na que fomos facendo obras, pero a metade inicial foi construída hai 26 anos. Como é bastante baixa témola aberta para facilitar a ventilación e ao retirar o establo antigo para facer a última ampliación para o terceiro robot pensamos que imos lograr mellorar un pouco a circulación de aire e reducir o estrés por calor que sofren os animais no verán”, indican.
A pouca altura da nave fai que a efectividade dos ventiladores sexa menor, polo que estudan complementalos cunha liña de aspersores
Dispoñen ademais de dous ventiladores grandes para mover o aire que se acumula no teito da nave. Téñenos programados para que arrinquen a partir de 24 graos. “Este tipo de ventiladores cubren unha gran superficie e xeran un movemento continuo do aire pero aquí ao ser un establo tan baixo o seu efecto nótase menos”, recoñecen. Por iso están pensando en complementalos con nebulizadores para pulverizar vapor de auga. Colchoneta de auga con carbonato e serrín por enriba Ao igual que acontece coa altura do establo, a dimensión dos cubículos é outro dos hándicaps que arrastran pola antigüidade das instalacións. “A min gústanme as camas baleiras e cando como técnico fago un proxecto dunha nave é o que recomendo aos meus clientes, e logo cada un que escolla o material que queira. Pero no noso caso aquí as instalacións non se adaptaban ben a iso. Estivemos usando area dous anos pero tivemos que cambiar. A area sae moi barata como material pero logo ten outros inconvintes nos que a xente moitas veces non repara ou dos que non bota contas, polo que ao final se sumas eses custos o que aforras por un lado gástalo por outro. Porque hai máis desgaste nas pezas do robot e na arrobadeira e hai que sacar a area acumulada da balsa de purín e da cisterna”, relata José Manuel.
Ao usar por debaixo a colchoneta reducimos dous terzos do gasto da mestura de recheo, pasamos de gastar 1.500 euros de carbonato ao mes a 500
Por iso, Souto Frade optou por unha solución mixta de colchoneta + carbonato para poder eliminar a area sen disparar o gasto das camas. Escolleron unha colchoneta de auga que evita que as vacas se rocen, algo habitual con outro tipo de colchonetas. “Nestas colchonetas de auga as vacas están como flotando, non están en contacto co cemento, e por enriba delas recheamos cunha mestura de serrín con carbonato. Ao usar a colchoneta reduces moito o uso de material de recheo e deste xeito usamos aproximadamente un terzo do que usaríamos se o cubículo estivese baleiro, sen colchoneta”, calculan.
Aínda que non son o ideal, neste tipo de colchonetas de auga as vacas están como flotando e non se rozan tanto como nas outras
En canto ao mantemento, tamén aforran algo de traballo, porque é máis doado. “Dámoslles unha pasada estirando o material de recheo tanto pola mañá como pola noite”, explican. Con todo, e malia as vantaxes económicas e de man de obra, na nova ampliación optaron por facer cubículos máis grandes e camas sen colchoneta. “Ao instalar o terceiro robot poderemos facer dous lotes. Penso que para vacas grandes funcionan mellor os cubículos baleiros. Para primeirizas, por exemplo, pode valer este sistema de colchoneta con recheo, están cómodas, aínda que non sexa o ideal”, insiste. Posibilidade de producir leite A2A2 Nesta gandería de Taboada móvense ao longo do ano entre os 36 e os 37 litros de media por vaca e día con promedios de 3,1 muxiduras diaras por animal. A materia graxa sitúase en 3,60% e a proteína en 3,45% e recóllelles o leite a cooperativa Aira. A posta en funcionamento a partir de xaneiro do terceiro robot permitiralles poder facer un lote de produción diferenciado, ben por idade ou por outras características. “Teriamos doado, por exemplo, seleccionar aqueles animais da granxa que tivesen un perfil de leite A2A2 e mandar ese leite a un tanque distinto”, exemplifican.
Móvense ao longo do ano nunha produción media de entre 36 e 37 litros, cun 3,6% de graxa e un 3,45% de proteína
Aínda que non teñen xenotipada a súa cabana, José Manuel considera que un terzo das súas vacas poderían estar producindo leite con Beta Caseína A2, producida de xeito natural por vacas co xen A2A2, sen que estea a ser valorizada pola industria que lles recolle o leite. “O do leite A2A2 foi algo que parecía que ía arrincar pero agora vexo que está algo parado. A propia cooperativa Aira fixo un estudo previo con 2 ou 3 granxas para ver que porcentaxe de animais darían ese perfil e viña saíndo que arredor dun 40% da cabana gandeira produciría leite A2A2. Desta maneira, ao instalar o terceiro robot, se finalmente iso sae adiante porque existe demanda, nós estariamos en condicións de poder ofertar esa materia prima diferenciada sen necesidade de cambiar de vacas”, argumenta.

Recría en conxunto con outras dúas explotacións veciñas para poder seguir medrando

Instalacións de Granxa Renota, que comezou a recibir gando das tres ganderías no mes de xullo Tres ganderías de Taboada –Souto Frade SC, Novoa SC e Luis Miguel Rojo Vázquez (a antiga Millán SC)– mercaron este ano unha explotación en desuso e habilitárona para facer a recría en conxunto, desconxestionando deste xeito as instalacións das tres ganderías, o que lles vai permitir a cada unha delas aumentar o número de animais en produción e reducir os custos da recría, cunha xestión máis eficiente ca realizada individualmente. O modelo é semellante ao que implementaron xa outras ganderías galegas desde fai anos, como por exemplo SAT Xercas en Xermade ou Ganxabar en Mazaricos. O estudo técnico de funcionamento foi realizado polos servizos veterinarios da cooperativa Aira, establecéndose unha cota fixa mensual por compra da instalación, que foi mercada a partes iguais (un terzo cada un) polas tres explotacións socias, e un pago por animal e día de estancia, fixado en 2,10€/día, cos que facer fronte aos custos de alimentación e outros gastos variables.  
Granxa Renota (Recría Novillas Taboada) comezou a funcionar no mes de xullo
Todos os servizos son externos, tanto os de alimentación como os veterinarios, prestados pola cooperativa Aira e para atender o gando dispoñen dun empregado, ao que pagan o seu salario entre as tres ganderías coa cota establecida de 2,10 euros diarios por becerra. “Se hai que tomar unha decisión estratéxica importante nun momento dado tomarémola nós, as tres ganderías socias, pero nós non podemos estar pendentes do día a día do centro de recría se queremos centrarnos en atender as vacas en produción que temos nas nosas granxas”, xustifica José Manuel.
A nave foi mercada a partes iguais polas tres ganderías socias e para o funcionamento teñen unha cota establecida de 2,10 euros por animal e día
A intención das tres ganderías é poder facer o destete das becerras xa nas instalacións de recría, aínda que para arrincar a súa posta en marcha inicialmente optaron por facer a fase inicial de lactación en cada granxa e enviar logo os animais xa destetados á nave de recría en conxunto, con entre dous meses e medio e tres meses de vida. “O ideal sería levar para alí as xatas xa de pequenas, porque sufrirían menos, pero preferimos empezar de forma máis escalonada”, explican. Os primeiros animais entraron no mes de xullo nas instalacións, que acollen neste momento unhas 40 xatas das tres granxas, e todos os meses levan media ducia de becerras unha vez destetadas. Tres anos no Rancho Las Nieves Souto Frade fai o destete nas súas instalacións antes de enviar as becerras á nave de recría en conxunto Neste momento Souto Frade aproveita o establo dun veciño que se xubilou, situado a 300 metros do deles, para ter as becerras pequenas, á espera de ter plenamente operativas as novas instalacións de recría en conxunto. Anteriormente, durante 3 anos esta gandería fixo a recría no Rancho Las Nieves de Zaragoza pero pararon de mandalas polo alto custo. “Empezamos a mandalas cando montamos os robots porque non tiñamos sitio aquí, pero despois coincidiu que viñera aquela baixada tan grande no prezo do leite no 2015 e non daba o que ingresabas polo leite para pagar alí a recría das xovencas, e foi entón cando quedou libre o establo deste veciño e decidimos traer todo para aquí e facer nós a recría”, contan.
Visto con perspectiva quizais foi un erro deixar de mandalas a Zaragoza, porque nestes últimos anos freamos un pouco a evolución da explotación, alí adiantabas dous meses e medio en cada xovenca
“Isto é algo dinámico e hai que ir adaptándose ás circunstancias. Naquel momento non nos quedaba máis remedio, era mellor pechar a granxa que seguir así, polo que foi unha solución, pero visto con perspectiva de 4 ou 5 anos despois, aquela decisión foi un erro, porque en centros de recría deste tipo obtés mellores resultados. Facendo a recría nós aquí perdíamos dous meses e medio de produción de leite en cada xovenca con respecto a estar no Rancho. De vir parindo as xatas con 23 ou 24 meses pasamos a 27 meses”, recoñece José Manuel, que agarda poder mellorar eses niveis ao pasar a facer a recría en conxunto nas novas instalacións, “que son moito mellores que as que temos agora nós, un auténtico luxo para as xovencas”, di. Necesidades de man de obra A maiores da comodidade e amplitude da nova nave de recría, outra das claves estará en contar con persoal específico para atendela. “Ti podes saber toda a teoría sobre a recría, pero ao final se non dispós do tempo necesario sempre cometes algún erro e eses pequenos erros son os que te penalizan”, considera.
Se unha becerra pasa unha semana con pneumonía despois xa non medra como tiña que medrar, son esas cousas as que te penalizan na recría
“Moitas veces a diferenza entre unha vaca que chega aos 13.000 litros de produción e unha que anda nos 10.000 raspados son cuestións deste tipo, porque se unha xovenca non arrinca ben no primeiro parto logo nunca vai dar de si todo o que debería, ou se unha vaca enferma e tardas en detectalo perdiche boa parte da lactación”, indica José Manuel. “O manexo condiciona en boa medida a produción dos animais”, conclúe. Pero para iso, di, hai que dispoñer de man de obra, que é algo do que carecen moitas explotacións. “Eu xa sei que separar as vacas que están en celo evita moitas veces accidentes do gando no establo, pero nós aquí non o facemos”, exemplifica. 90 hectáreas de superficie Das tarefas de sementeira e ensilado encárgase o parque de maquinaria da cooperativa Aira A limitada man de obra e a necesidade de máis investimento en maquinaria que requeriría fai que Souto Frade subcontrate a maioría dos traballos agrícolas. Hoxe manexan unhas 90 hectáreas de superficie, das que traballan máis intensamente unhas 70, mentres que outras 20, de peor calidade, empréganas para recoller forraxe seco. “Cultivamos millo en rotación con raigrás nunhas 35 hectáreas e outras 35 adicámolas a pradeira permanente de raigrás”, explica Marcos. “Maquinaria temos moi pouca, dependemos case todo de traballos contratados”, engade, aclarando que a súa gandería traballa habitualmente co parque de maquinaria da cooperativa Aira.
Do traballo agrario da granxa encárgase o parque de maquinaria da cooperativa Aira
“A nosa explotación, contando coa superficie propia en si, teriamos só para 80 animais, pero dámonos conta que na zona onde estamos cada vez hai máis xente que se xubila e pecha a explotación e as que quedamos temos posibilidade de facernos con esa terra para poder seguir medrando”, din.

Ábrese o prazo para solicitar novas axudas para instalación de enerxías renovables en vivendas

A convocatoria inclúe enerxías térmicas e produción de electricidade para autoconsumo en vivendas

A Xunta de Galicia abre esta semana o prazo de solicitude de novas liñas de axudas dirixidas ao autoconsumo e enerxías renovables no sector residencial e terciario destinadas a particulares, autónomos, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas. En total, cun orzamento de 17,2 millóns de euros, o obxectivo é chegar a 3.000 beneficiarios e crear ao redor de 300 empregos e está destinada fundamentalmente a fomentar a enerxía térmica e fotovoltaica en vivendas. 

Estas novas liñas de axudas súmanse ás dirixidas ao autoconsumo e almacenamento enerxético en empresas, entre as que se inclúen as explotacións gandeiras, abertas no mes de outubro, polo que o orzamento total co que conta Galicia para fomento de enerxías renovables ascende a 37 millóns de euros.

Ás novas liñas de axudas poden acollerse tanto particulares como autónomos

En concreto, aqueles interesados xa poden solicitar os apoios ao autoconsumo e almacenamento eléctrico a partir de proxectos baseados en enerxías renovables, unha liña para a que o Goberno galego destina 11,5 millóns de euros. A intensidade destes apoios, de concorrencia non competitiva –é dicir, por orde de presentación de solicitudes–, varía en función da instalación pero calcúlase que poida permitir aforros nas facturas enerxéticas de 2,6 millóns de euros ao ano e mobilizar 28 millóns.

As subvencións están destinadas fundamentalmente a enerxía térmica e fotovoltaica en vivendas 

Por outra parte, durante esta semana tamén se abre o prazo para a solicitude de axudas de enerxía térmica residencial. En concreto, desde este mércores 15 de decembro, activarase a convocatoria para apoiar proxectos de xeotermia e hidrotermia e o xoves 16 abrirase a referida a iniciativas baseadas en aerotermia. Así mesmo, a partir do venres 17 poderán solicitarse os apoios para proxectos de biomasa e enerxía solar térmica.

Esta liña de axudas de renovables térmicas vai dirixida ao sector residencial e conta cunha dotación de preto de 5,7 millóns de euros e, aínda que a intensidade da axuda tamén é moi variable, os apoios poden chegar aos 13.500 euros no caso de instalacións xeotérmicas de circuíto pechado. O obxectivo é mobilizar ao redor de 10 millóns de euros e acadar aforros económicos de 500.000 euros ao ano.

Esta nova convocatoria está financiada con fondos Next Generation da UE destinados á recuperación económica trala pandemia provocada pola covid-19

As peticións de axuda presentaranse directamente polo solicitante, agás no caso de persoas físicas que non realicen actividades económicas ou unha comunidade de propietarios, que o farán a través de entidades colaboradoras.

Mitigar a escalada de prezos da factura da luz

Caldeira de biomasa nunha vivenda

A través destas convocatorias, a Xunta segue a impulsar o uso de enerxías renovables entre todo tipo de usuarios –fogares, empresas e administracións– co obxectivo de avanzar na transición ecolóxica. Así, estes apoios contribuirán á redución dos custos enerxéticos dos beneficiarios, nun momento de continua escalada de prezos na factura da luz que teñen que pagar familias e empresas; ademais da creación de emprego, a reactivación económica e a mellora ambiental que repercute na calidade de vida dos cidadáns.

As convocatorias, financiadas con fondos procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, súmanse ás abertas en outubro e dirixidas a empresas e explotacións agrogandeiras, que cun orzamento de 19,8 millóns de euros buscan fomentar tamén o autoconsumo e o almacenamento enerxético.

Desde o mes de outubro está aberto tamén o prazo para proxectos de autoconsumo e almacenamento enerxético en empresas e explotacións gandeiras

Deste xeito, entre as axudas para autoconsumo e fomento das enerxías renovables que se abren esta semana e as liñas que se convocaron en outubro para empresas, a Xunta, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, destina 37 millóns de euros, o que se traducirá nunha mobilización de investimentos público-privados de 98 millóns de euros, aforros económicos de 10 millóns ao ano e a redución de 33.100 toneladas de emisións anuais de CO2 –equivalente a plantar 1.655.000 árbores–.