Archives

Convocadas as axudas para a instalación de enerxías renovables e de mellora da eficiencia enerxética no agro

Ata o 29 de maio pódense solicitar as axudas da Axencia Instituto Enerxético de Galicia (Inega) para proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables eléctricas e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria para o ano 2024 cofinanciadas polo FEADER.

1. Actuacións subvencionables

Serán subvencionables as seguintes actuacións que se executen en zonas rurais da Comunidade Autónoma de Galicia (consultar listaxe de parroquias elixibles) e presenten un investimento mínimo de 5.000 euros (IVE non incluído): a)    Proxectos de enerxías renovables eléctricas:  Serán subvencionables os custes dos investimentos necesarios para o desenvolvemento de instalacións que xeren electricidade a partir de fontes de enerxías renovables. En concreto, serán subvencionables as instalacións de xeración eléctrica mediante tecnoloxía fotovoltaica ou minieólica (aos efectos desta convocatoria considérase minieólica aquelas instalacións cunha potencia nominal inferior ou igual a 100 kW) asociadas a algún centro de traballo do sector agrícola primario na modalidade de subministración con autoconsumo. Os módulos fotovoltaicos deberán ter unha eficiencia enerxética igual ou superior ao 20 % para unha irradiación de 1000 W/m2 e a unha temperatura de 25 ºC. O investimento elixible máximo por potencia unitaria nominal da instalación será de 1.100 €/kW para instalacións fotovoltaicas e 2.500 €/kW para instalacións minieólicas, IVE non incluído.  Aos efectos destas bases considérase potencia nominal da instalación a potencia mínima entre a potencia nominal dos inversores e o sumatorio da potencia pico dos paneis/aeroxeradores instalados. En instalacións illadas da rede a potencia nominal coincidirá co sumatorio da potencia pico dos paneis/aeroxeradores instalados.  b) Proxectos de aforro e eficiencia enerxética Será subvencionable o sobrecusto de investimento necesarios para lograr un nivel máis elevado de eficiencia enerxética.  As actuacións deben xustificar un aforro enerxético mínimo en relación a situación inicial de 0,1 kWh de enerxía final por cada euro de investimento elixible. Non serán subvencionables a instalación de equipos de enerxía alimentados por combustibles fósiles, incluído o gas natural.

2. Características das axudas

A convocatoria conta cun orzamento de 1.276.330,00 € financiada con fondos FEADER desagregado en 1 millón de euros para proxectos de enerxías renovables eléctricas e 276.330 euros para proxectos de aforro e eficiencia enerxética. A concesión das axudas realizarase en réxime de concorrencia competitiva, asignando os fondos en función dos seguintes criterios de baremación: 1.  Características técnicas (ata 50 puntos) Para proxectos de aforro e eficiencia enerxética valorarase o cociente de aforro de enerxía por cada euro de investimento elixible (kWh de aforro/ € de investimento elixible),  Para proxectos de enerxías renovables valorarase:  A) Incidencia do custo enerxético na competitividade do centro de traballo: Valorarase a razón de 3 puntos por cada 1 % que representen os custos enerxéticos da empresa en relación cos custos totais no último exercicio do que se teña información ata un máximo de 30 puntos.  B) Instalacións renovables preexistentes. • Con instalación preexistente da mesma tecnoloxía renovable: 0 puntos. • Sen instalación preexistente da mesma tecnoloxía renovable: 20 puntos. 2.  Explotacións agrarias prioritarias (ata 20 puntos) Outórgase 20 puntos as explotacións inscritas na sección de explotacións agrarias prioritarias do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REAGA).

3. Localización xeográfica do proxecto (ata 30 puntos)

Valoraranse os proxectos en función da renda dispoñible bruta por habitante do concello no que se desenvolvan priorizando os que se ubiquen en zonas economicamente menos favorecidas. A puntuación mínima requirida para que o proxecto cumpra a finalidade da convocatoria e se considere subvencionable se establece en 30 puntos. 3. Presentación de solicitudes O prazo de presentación de solicitudes comeza o día 30 de abril ás 09:00 horas, e permanecerá aberto ata as 23:59 horas do 29 de maio de 2024.  So se admite a presentación electrónica.  Os interesados realizarán ás solicitudes a través da aplicación informática habilitada para encher os formularios normalizados e presentalos electronicamente xunto coa documentación complementaria dixitalizada que se indica nas bases reguladoras. 

4. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, os suxeitos que se enumeran a continuación: A) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, incluídas no sector de produción agrícola primaria. Considerarase sector de produción agrícola primaria as actividades incluídas na sección A e en concreto as clases da 1.11 a 02.40 do CNAE-2009 ambas incluídas. Tamén serán subvencionables as actividades contempladas no IAE que se correspondan con estas clases do CNAE 2009. Ós efectos destas bases terase en conta a definición de empresa recollida no anexo I do Regulamento 651/2014 no cal se considerará empresa toda entidade, independentemente da súa  forma xurídica, pública o privada, que exerza unha actividade económica. B) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía. Os centros de consumo nos que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases e, en concreto, desenvolver algunha das actividades recollidas no apartado anterior.

5. Período de execución e xustificación actuacións subvencionables

O prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez se teña efectuada a solicitude de axuda e rematará 15 de outubro de 2024. A xustificación por parte beneficiarios deberá realizarse a través da aplicación no prazo límite de 15 de outubro de 2024.

6. Contía máxima das axudas

A contía da axuda será do 30 % do custe elixible da nova instalación, cun máximo de 100.000 euros por proxecto e de 300.000 € por empresa, salvo no suposto de instalacións de autoconsumo colectivo no que se establece unha axuda máxima de 500.000 € por proxecto e de 500.000 € por empresa. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

7. Máis información

Para solicitar máis información pode poñerse en contacto no teléfono: 981 54 15 23 / 981 54 15 14.

Silleda acolle ata este sábado Enerxétika, a feira de enerxías renovables

A cuarta edición da feira de enerxía Enerxétika, conta con 270 firmas de 17 países, o que supón un 4% máis que na última cita, celebrada en 2022. Delas 110 son expositores directos de España, Portugal, Francia, México e Israel, un 23,6% máis. Podes consultar aquí o listado de expositores. Entre estes expositores estarán presentes empresas de enerxías convencionais e renovables e dos ámbitos da eficiencia enerxética, mobilidade sostible, material e equipos para instalacións, electrónica industrial ou servizos. Enerxétika 2024, que conta co patrocino de Red Eléctrica, incluirá un atractivo programa onde as xornadas serán unha peza clave. Serán preto de 70 que se agruparán en 27 xornadas que profundarán en temas como almacenamento de enerxía e transición enerxética en Galicia, a biomasa como unha oportunidade estratéxica para Galicia, política enerxética en Portugal, o mercado eléctrico chileno, hidróxeno verde, rehabilitación enerxética integral de edificios, mobilidade eléctrica, instalacións de autoconsumo ou xeotermia, entre moitos outros. Podes consultar aquí o programa completo de xornadas. Ademais, o programa volverá contar co SIE, o Salón de Innovación Enerxética, espazo que se centra en poñer en valor proxectos innovadores no ámbito da sustentabilidade, a eficiencia e as enerxías renovables, e que nesta ocasión mostrará 11 proxectos. Sumaranse destacados encontros sectoriais de entidades que apostan pola feira para reunirse e levar a cabo diversos actos. Por outra banda, a feira acollerá unha gran área divulgativa centrada nos distintos tipos de enerxía e a eficiencia enerxética. Incluirá zonas temáticas con demostracións, actividades, paneis informativos e espazos de proxección tanto para aprender sobre enerxía en xeral como para coñecer medidas de aforro e eficiencia aplicadas á nosa vida cotiá. Desenvolverá ademais un programa específico para escolares. Outra interesante proposta para público xeral será a posibilidade de probar vehículos eléctricos, híbridos e de hidroxeno de última xeración e prestixiosas marcas.

O Campo, unha explotación leiteira que atende ao gando e ao traballo agrario

  Maricarmen e o seu fillo Aarón na súa granxa de Viladonga (Castro de Rei) A simbiose gando-terra é un binomio perfecto. Permite pechar o círculo do aproveitamento de recursos: as forraxes alimentan ao gando e o xurro á terra. Se a iso lle sumamos ter maquinaria para facer case todos os traballos agrarios, o resultado é a gandería O Campo, situada na parroquia de Viladonga, no concello de Castro de Rei. Á fronte desta granxa está unha muller, Maricarmen Barreiro Irimia, que colleu a explotación hai máis de 20 anos do seu avó Federico. Tiñan daquela 30 vacas en produción, na corte na que hoxe está a amamantadora das becerras. Na actualidade, tras construír un establo novo que acumula xa dúas ampliacións, están muxindo 180 animais, con 320 cabezas totais.
Cando nacín aquí xa había vacas; eu collín a granxa do meu avó
Na súa mente está seguir medrando, se os prezos do leite seguen compensando. “A ver como segue isto, se pagan o leite como deberan animariámonos a ampliar”, di pensando na incorporación, dentro de dous anos, do seu fillo Aarón.   Unha explotación con relevo O Campo medra con paso firme porque “ao meu fillo encántalle isto”, di orgullosa Maricarmen. Aarón ten agora 16 anos e está a acabar a ESO. Despois ten pensado facer un ciclo de gandería e incorporarse á granxa familiar, na que hoxe xa bota unha man. “Gústame a maquinaria, pero tamén me gusta o gando”, conta. “Son cousas moi diferentes pero as vacas gústanme, é un traballo máis continuo e máis tranquilo”, opina. “Cando naces nunha granxa valo mamando desde pequeno, para min é un traballo bonito”, di.
As vacas gústanme; é un traballo máis continuo e máis tranquilo que o da maquinaria
Aínda que a gandería O Campo non acode a concursos, a Aarón gústalle axudar a preparar vacas, e leva dous anos asistindo ás xuntanzas do Clube de Xóvenes Gandeiros. Á súa nai gústalle que vaia, pero ela é máis práctica: “Aquí estamos para buscar a máxima rendibilidade; eu quero unha vaca que dea ben leite e boas calidades, non me importa o corpo que teña porque non a quero para mirar para ela, aínda que hai aspectos da morfoloxía que evidentemente son importantes, como por exemplo que teña unhas boas patas ou unha boa ubre. Se o pode ter todo mellor, pero senón priorizo a produción e os sólidos”, aclara. Aposta polos sólidos e 38 litros de media Maricarmen atende a granxa coa axuda de Aarón e de tres empregados, todos inmigrantes, un deles de Marrocos e dous irmáns de Guinea Ecuatorial. Os tres traballadores, que xa levan 5 anos na explotación, fan turnos de xornada continua: o que está pola mañá de 6 a 2 e o que está pola tarde de 2 a 9. Gandería O Campo moxe 2 veces ao día, ás 6 da mañá e ás 6 da tarde, e logra unha produción media por vaca e día de 38 litros, cun 3,95% de graxa e un 3,43% de proteína.
Entregan a Queserías Sarrianas, que lles baixou dous céntimos o prezo do leite no último contrato
Dispoñen de carro mesturador propio para facer diariamente as distintas racións de alimentación do gando. Fai unha para vacas de leite, outra para as secas e unha terceira para as xovencas de recría. Maricarmen é quen se encarga de facer o carro segundo as indicacións que lle marca o nutrólogo. Neste momento na ración de produción están metendo 37 quilos de silo de millo, 12 de silo de herba e 10,5 de concentrado. A incógnita dos robots Instalaron paneis fotovoltaicos en previsión á colocación robots de muxido no futuro Hoxe moxen nunha sala de 20 puntos pero non descartan automatizar esta tarefa no futuro se optan por seguir medrando e a man de obra escasea. Maricarmen considera que ese é un dos principais problemas que ten hoxe o sector, pero pensa que a nivel técnico e de manexo as granxas galegas están ao nivel, ou mesmo por diante, das de outros países europeos. “Creo que nalgunhas cousas, como en instalacións, por exemplo, a día de hoxe levámoslles nós vantaxe”, asegura.
É difícil atopar xente para traballar; nós tivemos unha época na que paraban pouco tempo
En previsión á posible colocación dos robots no futuro instalaron paneis fotovoltaicos, mediante unha subvención do INEGA. “Muxindo en sala non se lles saca o mesmo rendemento, pero cos robots son imprescindibles para que non se dispare a factura da luz”, considera Maricarmen.
Eu preferir prefiro a sala, porque nela ves todo: vacas coxas, vacas enfermas. É un sitio onde podes detectar moitas cousas
Ao contrario do que acostuma suceder nestes casos, Aarón prefire a sala aos robots. “Dime que se poño os 4 robots non se incorpora”, conta a súa nai. “Habendo xente para traballar é moito mellor a sala, porque acabas de muxir e sabes que acabache ata o día seguinte. Eu en condicións normais prefiro a sala, pero o malo é atopar a xente e cada vez vai ser peor”, xustifica Maricarmen. Aarón prefire as salas robotizadas ou o sistema de batch milking aos robots convencionais. “Levas as vacas a unha sala de espera, igual que para a sala de muxido convencional, e van entrando a muxirse soas, así tamén te aseguras que todas as vacas pasan e que non queda ningunha, porque un ou dous robots aínda os atendes, pero desde que tes tres ou catro, ou un volume importante de animais, a cousa complícase bastante e, ou estás sempre na granxa, ou é imposible”, di. “Como o muxido robotizado está cambiando e evolucionando moito cando el se incorpore e teña que tomar decisións neste sentido pode que xa haxa cousas novas”, engade a súa nai. Recría propia Ao igual que o traballo agrario ou a alimentación, nesta granxa fan tamén eles mesmos todo o proceso de recría, para o que acondicionaron unha ala da corte vella para poñer unha amamantadora para as becerras e mercaron o establo a un veciño que deixou as vacas para ter as xovencas.   Cando nacen as tenreiras fan o encalostrado e logo están unha semana en boxes individuais antes de pasar á amamantadora. Téñena desde fai uns 5 anos. Supúxolles aforrar traballo, pero non notaron un incremento considerable no crecemento das becerras e si un aumento nas enfermidades. “Antes de ter a amamantadora dabámoslles ás becerras leite de vaca e ían mellor; agora temos máis problemas de pneumonías. Penso que se xunta un pouco todo: por un lado a instalación, porque ao ser a nave vella é baixa e pouco ventilada, e por outro os problemas de contaxio que se dan ao mamar todas da mesma tetina”, di Maricarmen.
A amamantadora, cando vas a moito volume, tela que ter, porque as xatas dan moito traballo
Destetan a partir dos dous meses. “Se unha xata a vemos moi pequeniña deixámolas uns días máis”, explica Maricarmen. Despois van pasando polos distintos lotes ata o momento da inseminación, que fan entre os 13 e os 14 meses, novamente en función do seu crecemento. “Miramos máis o corpo que a idade”, explica. “Levámolas para inseminar xa na outra granxa e despois volven parir aquí, traémolas un mes antes e metémolas nun espazo onde temos a parideira, onde paren antes de pasar aos cubículos”, indica. As camas da nave principal son de area e fanas dúas veces ao día, coincidindo coa muxidura. Traballan con dous lotes de produción (primeirizas e multíparas) e as vacas dúranlles unha media de tres partos. Novas normativas e máis burocracia Maricarmen quéixase da carga burocrática que asumen as explotacións e que se vai incrementar coa entrada en vigor o vindeiro ano do Caderno Dixital, así como dos novos requisitos e esixencias derivados das últimas normativas aprobadas en materia de abonado, fitosanitarios ou medicamentos. “Agora póñeno todo moi complicado para producir e hai que pagar por todo. Agora non che pode o veterinario nin receitar un calcio; tencho que vir poñer el, e iso acarrea un custo. Eu a cada vaca que paría metíalle un calcio por rutina, de maneira preventiva. Pero hoxe, tal como está o tema dos antibióticos, non queren que curemos nin nos deixan previr”, quéixase.
Producir hoxe é moi complicado; non queren que curemos nin nos deixan previr
“Para min poñer un calcio nun parto é moi importante para non ter que curar despois, pero se por cada vaca que pare na granxa tes que chamar ao veterinario, deixa de ser viable”, afirma. O mesmo, di, vai pasar con outras normativas de recente aplicación, en materia de benestar animal ou fertilización, e sobre a próxima entrada en vigor do Caderno Dixital utiliza unha frase ben expresiva que resume o sentir de todo o sector: “menudo lío”.

O Trigueiro, unha empresa de servizos para diversificar ingresos e facer os traballos no momento óptimo

En paralelo á gandería, contan cunha empresa de servizos agrarios, O Trigueiro, que leva Toni, o home de Maricarmen, que ademais de atender as necesidades da granxa traballa para outras explotacións. “Antes traballabamos moito máis para outras ganderías desta zona, pero cada vez menos, porque a granxa nosa xa absorbe moitas horas de traballo da maquinaria e é difícil compatibilizalo, porque cando os demais queren botar o millo nós estámolo botando tamén, cando o queren recoller pasa o mesmo”, contan.
Priorizamos o traballo para nós e ás veces é difícil de compatibilizar co de fóra
Optan por priorizar as súas sementeiras e ensilados para que a calidade da ración sexa a axeitada. “A vantaxe de ter ti a maquinaria é que fas os traballos cando queres e como queres e nunca se che pasa ou se che molla a herba nin se che seca demais o millo e se hai unha praga cóllela a tempo, porque non esperas por ninguén”, argumenta Maricarmen. 95 hectáreas nas que fan dobre cultivo Traballan en total unhas 95 hectáreas para a súa explotación, todas na zona na que se atopa a granxa. Fan dobre cultivo de millo e herba en case toda a superficie. “Quedarán unhas 10 nada máis”, explica Maricarmen. “Esta é unha boa zona de millo, dase ben e logramos boas producións; este ano sacamos moito”, conta. Até agora botaban raigrás como cultivo de inverno, pero este ano empezaron a botar leguminosas para cumprir co ecorrexime de rotación con especies mellorantes da PAC.
Nesta zona dase ben o millo; sacamos boas producións
Nos últimos anos foron modernizando o seu parque de maquinaria e contan con tecnoloxía de última xeración, como tractores con sistema de autoguiado e aperos para facer agricultura de precisión (sementeira variable, dosificación de fitosanitarios), co que reducen custos e insumos. “É positivo para os cultivos porque ao non haber solapes os cultivos non levan máis sulfato nesas zonas e non se retrasa o seu crecemento”, conta Aarón.   Especializados en sacar a area dos pozos do purín Ademais da maquinaria para os traballos agrarios, O Trigueiro dispón tamén de camións, cos que transportan, por exemplo, area para as camas, e unha retroescavadora para retirala dos pozos de purín.
Contan cun parque de maquinaria amplo, co que fan todos os traballos da explotación, agás picar o millo
Contan cun parque de maquinaria amplo (tractores, segadoras, remolques para transporte de forraxe, cisterna de purín con tubos colgantes, estercador), co que fan todos os traballos da explotación, agás picar o millo, e tamén están especializados en sacar a area dos pozos do purín e distribuíla en fincas con moita arxila, onde axuda a mellorar a capacidade de drenaxe do solo.
https://www.campogalego.gal/instalar-paneis-solares-nunha-ganderia-de-leite-pode-aforrar-entre-o-45-e-o-60-da-factura-da-luz/

Son as plantas de biogás unha alternativa viable para o vacún de leite?

As ganderías con sistemas máis intensivos, como o porcino, foron das primeiras en incorporar plantas de biogás para a xestión dos xurros. Agora, tamén as granxas de vacún de leite están a fixarse neste tipo de instalacións, sobre todo ante as limitacións e o control dos xurros que se está a impoñer dende Europa. O reparto dos fondos europeos Next Generation reavivan o interese por avaliar estes sistemas, vistos a priori como un modelo de economía circular. Sobre a mesa, hai propostas de macroplantas comarcais, como as que baralla a propia Administración galega, e tamén existe a posibilidade de instalacións de autoconsumo para unha única gandería ou para un grupo de granxas próximas. Porén, os atrancos ou o fracaso dalgunhas das plantas impulsadas tempo atrás, como a planta de Sarreaus (Ourense), na que se investiran 22 millóns de euros, fai que haxa certas desconfianzas sobre a rendibilidade e as oportunidades reais que ofrece o biogás.

Que vantaxes poden proporcionar?

As plantas de biogás preséntanse como unha alternativa sostible en materia ambiental para a xestión do xurro. En teoría reducen as emisións asociadas ós xurros e representan ademais unha opción para as granxas que carezan de suficientes terras nas que aplicar o xurro a modo de fertilizante. “A emisión de metano que se levaría a cabo nas balsas de xurro trasládase ó interior da planta e pode aproveitarse”, explica Belén Fernández, investigadora do Programa Gestión Integral de Residuos Orgánicos (Giro) do Instituto de Investigación e Tecnoloxías Agroalimentarias (Irta) de Cataluña.
“A emisión de metano que se levaría a cabo nas balsas de xurro trasládase ó interior da planta e pode aproveitarse” (Belén Fernández, investigadora do IRTA)
O mesmo acontece co amonio presente nas excrecións. Aínda que parte do nitróxeno orgánico vai quedar na cama dos animais, se os xurros se tratan na planta, as emisións prodúcense no dixestor, de xeito controlado, no canto de emitirse directamente á atmosfera. “A vantaxe é que o nitróxeno amoniacal vai estar presente no dixestato, o material sólido resultante logo do proceso de tratamento, e pode empregarse como fertilizante, xa que este tipo de nitróxeno é o máis axeitado para o crecemento das plantas”, apunta Fernández. Con todo, para lograr estes resultados a investigadora incide que é preciso levar a cabo unhas boas prácticas na xestión dos xurros, para que realmente esas emisións se produzan no interior da planta e non previamente. De igual xeito, tamén cómpre prestar atención ó tratamento que se fai do dixestato obtido, xa que un incorrecto almacenamento deste produto pode provocar novas emisións contaminantes. Obtención de biogás O tratamento do xurro permite obter biogás, unha fonte de enerxía renovable e que pode empregarse para abastecer as necesidades da propia gandería, no caso das plantas de autoconsumo. Hai granxas intensivas cunha importante demanda de enerxía térmica, polo que o biogás pode empregarse para abastecer as caldeiras. Outro modelo son as plantas con sistemas de coxeración, que a parte de calor tamén proporcionan electricidade para autoconsumo e para vender á rede eléctrica. “Entre aqueles gandeiros mozos, cunha gandería moderna e unha visión empresarial da mesma, ven estas plantas como un xeito de implantar a economía circular, obter enerxía dunha forma máis limpa e mellorar a súa competitividade”, indica Javier Taibo, responsable da sección centrada nas plantas de biogás da empresa galega Norvento.
“Estas plantas vense como un xeito de implantar a economía circular, obter enerxía limpa e mellorar a competitividade da gandería” (Javier Taibo, responsable de área de Norvento)
Esta firma participou na posta en marcha de varias plantas, algunhas delas para o gando vacún de leite, como a instalada hai 5 anos nunha gandería de Cospeito (Lugo) con 150 cabezas. “Nesta granxa, a electricidade producida expórtase á rede, pero nestes momentos estamos recomendando outro tipo de aproveitamentos dentro da granxa no canto de vendela”, indica Taibo. A firma é tamén a responsable do proxecto da planta instalada no Centro de recría de Gayoso Castro, da Deputación de Lugo.

As macroplantas

Para o tratamento dos xurros do vacún de leite estanse a propoñer dous modelos de instalación: plantas de autoconsumo, instaladas na propia gandería ou para un grupo reducido de granxas que se atopen próximas, así como macroplantas comarcais que poidan atender as necesidades dun número máis amplo de ganderías. Neste modelo a maior escala atópanse iniciativas impulsadas por cooperativas noutras comunidades, como é a planta de Biogastur, en Navia (Asturias), de Central Lechera Asturiana (Clas), unha das pioneiras para o tratamento dos xurros de vacún. O proxecto atopouse con diversos atrancos técnicos, xa que a area das camas, que boa parte das ganderías empregaban, terminaba mesturada co xurro e ocasionaba problemas na instalación. Tamén se viu lastrada por problemas na xestión e mesmo permaneceu parada. A finais do ano pasado anunciábase a súa reactivación nos próximos meses e tamén novos cambios para facela máis competitiva. Así, aínda que estas instalacións estiveron pensadas inicialmente para producir electricidade con biogás, barallan agora a purificación do biogás para obter biometano, con posibilidades de inxección na rede de gas natural.
Leite Río impulsa unha planta para tratar os residuos de industrias alimentarias e xurros dos gandeiros ós que lles recolle o leite
En Galicia, Leite Río está a impulsar tamén unha planta na que tratar tanto residuos da propia industria como excedentes de xurros dos gandeiros ós que lles recolle ó leite. O proxecto, deseñado pola empresa Norvento, incorpora tamén a un xestor de residuos, Agroamb. "Trataríase dunhas instalacións da industria láctea que lle prestarían un servizo ós gandeiros naqueles momentos nos que teñan excedentes de xurros”, detalla Taibo. Na planta non só se tratarán os xurros das ganderías, senón que se incluiría unha mistura procedente de residuos da industria láctea e doutras industrias alimentarias da zona de Lugo proporcionados por Agroamb, que será tamén a empresa encargada de xestionar o dixestato sólido obtido da planta a modo de fertilizante, dada a súa experiencia na materia. Desde a Administración, a Xunta está a valorar desde hai un par de anos este tipo de instalacións. Inicialmente anunciara a creación de 4 plantas de tratamentos de xurros nas principais zonas gandeiras (A Limia, Deza, Mazaricos e A Pastoriza), pero o último anuncio foi a solicitude de fondos Next Generation para un Centro para o Impulso da Economía Circular, que sería unha instalación de tratamento de distintos tipos de residuos, entre os que se inclúen os xurros, xunto con plásticos, residuos industriais orgánicos, lixo mariño e residuos téxtiles.
A Xunta baralla construír un gran centro de tratamento do xurro e outros residuos orgánicos, plásticos e téxtiles cos que obter biogás e fertilizantes
Como produtos finais, obteríase biogás e fertilizantes que terían como principal destinatario o sector primario galego. Mentres, dos residuos plásticos e téxtiles obteríase material reciclado que se incorporaría como materia prima a outros procesos industriais. Cómpre lembrar que a administración autonómica tamén está a traballar nunha nova lei para a xestión integral das dexeccións gandeiras. “O obxectivo da norma é ordenar a produción, recollida, transporte e almacenamento, sempre partindo do feito de que os gandeiros van poder facer autoaplicación dos xurros”, indican dende Medio Rural. O sistema de macroplantas de coxeneración, que se extendeu a partir do 2000 polas principais áreas de gandería intensiva de España, naufragou hai case unha década polo fin das primas á produción de electricidade con biogás (Real Decreto 1/2012). Daquela pecharan case tódalas instalacións que estaban en marcha e agora queda no aire ver a rendibilidade que poden ter estas instalacións de cara ó futuro.
A inxección de biometano na rede de gas natural é unha das opcións que se abren para as macroplantas
A principal opción que se baralla é a reformulación das plantas de biogás para que, no lugar de adicarse a producir electricidade, se orienten a inxectar biometano na rede de gas natural. "A clave das plantas está en ver para que se destina ese biogás e conseguir que a planta tamén sexa sustentable a nivel económico. Coa depuración do biogas para obter biometano ábrense máis alternativas, mesmo pode empregarse ese biometano para a maquinaria pesada agrícola, o que podería ser unha solución a curto prazo para as cooperativas", detalla Belén Fernández. Outra posibilidade sobre a mesa é a obtención de hidróxeno verde a partir do biogás, se ben en todas estas opcións hai que ter en conta que o custo do biometano é moi superior ó do gas natural, polo que se trata dunha enerxía que en principio semella depender de incentivos públicos.
Planta de biogás de la Finca Mouriscade en Lalín.

A experiencia da planta de autoconsumo de Mouriscade

Unha das plantas de autoconsumo de biogás operativas actualmente en Galicia é a instalada na Finca Mouriscade, en Lalín (Pontevedra), dependente da Deputación de Pontevedra e desenvolvida polo centro tecnolóxico EnergyLab. Foi instalada no 2013 e tivo unha inversión de 360.000 euros. Esta é unha planta pensada para o tratamento biolóxico e produción de biogás a partir de residuos orgánicos. Tratan en torno a 1.000 metros cúbicos do xurro da gandería de vacún de leite da granxa da Finca ó ano, xunto cos restos das mostras do laboratorio, uns 200 quilos semanais de forraxes. A instalación está preparada para producir 30 Kilowatios por hora de enerxía eléctrica, que son utilizados para autoconsumo no centro, o que supón o 60% da enerxía nel consumida. Actualmente, a planta ten un custe de mantemento de 5.000 euros ó ano.
Na planta tratan ó ano uns 1.000 metros cúbicos de xurro e unhas 10 toneladas de forraxes
Esta planta conta cunha balsa de recepción onde o material de biomasa é almacenado, triturado, homoxeneizado e enviado ó dixestor a través dunha bomba. Alí, a materia orgánica é dixerida a través da fermentación anaerobia do mesmo, mantendo a materia orgánica a unha temperatura de 37 graos centígrados dentro do dixestor, durante un período de tempo próximo ós 25 días. Este sistema aliméntase co calor proporcionado pola microturbina, que queima o gas e produce enerxía eléctrica. Se é necesario, tamén contan cunha caldeira auxiliar que lle proporciona esta temperatura. “A través do axitador situado no interior do dixestor, é posible manter a biomasa homoxénea dentro do dixestor. Ademais dos sistemas anteriores, o dixestor conta con sistemas de control: lentes de mira, sondas de temperatura, nivel de biomasa, medidor de presión, toma de mostras, válvulas de seguridade e válvulas de drenaxe”, explican dende a Finca Mouriscade. Finalmente, o biogás producido almacénase no gasómetro, que está situado na parte superior do dixestor e inclúe cintas de apoio e nivel para medir a cantidade de biogás almacenado. Dende alí pasa ó recinto de coxeración onde, despois de ser secado e comprimido, recupérase na microturbina xerando electricidade e gases de combustión. Nesta planta, a electricidade utilízase para autoconsumo da granxa e os gases de combustión úsanse para quentar a auga no circuíto de calefacción do dixestor a través dun intercambiador de calor, sendo finalmente expulsados polas chemineas.
A fracción líquida aplícana nas fincas da gandería e a sólida úsana como cama para o gando mesturada con casca de arroz
Unha vez realizada a dixestión anaerobia da biomasa, o produto resultante abandona o dixestor e alcanza, por gravidade, o chamado pozo de dixestatos. Dende aí o dixestato é bombeado e procésase nun separador sólido-líquido tipo prensa. Así, trala filtración obtense unha fase líquida, que aplican nas fincas que xestiona a gandería, e unha fracción sólida, que utilizan para cama do gando. Esta fracción sólida é previamente deshidratada e esterilizada tras un proceso de fermentación. Nas camas mestúrana con casca de arroz, o que facilita a aireación da mestura e o seu secado. "Esta parte sólida tamén se pode utilizar como fertilizante, aínda que é preciso analizar o seu contido en materia seca, nitróxeno, fósforo e potasio para axustar as doses de fertilizantes segundo o cultivo a empregar, analizando as deficiencias do solo”, indican dende a Finca.

Condicionantes para a obtención de biogás

A produción de biogás está condicionada tanto pola calidade do xurro como pola presenza doutros residuos. “Pódese obter biogás estrictamente co xurro, pero o potencial de xeración é limitado. Por iso, canto máis variado sexa o aporte de materia orgánica máis biogás se vai producir”, explican dende Norvento. Os datos da planta de biogás de Mouriscade dan boa conta disto. Así, empregando só o xurro de vacún en estado estacionario conseguen obter 476 metros cúbicos de biogás semanais. Mentres, se ó xurro de vacún lle engaden os residuos tanto da granxa como do laboratorio (restos de pensos, silos e materias primas) conséguese obter ata 670 metros cúbicos á semana.
Canto máis variado é o aporte de materia orgánica, máis biogás se produce. En Alemaña están optando por especies que intercalar cos cultivos de forraxes das ganderías e que logo empregan nas plantas
Nas plantas de coxeración orientadas a producir electricidade para a súa comercialización, os produtores adoitan mesturar residuos de industrias alimentarias para que lles sexa viable a instalación destes motores de coxeración. “Nestes casos, o residuo maioritario segue a ser o xurro e entre un 5 e un 10% do caudal de residuos pertence a outro tipo de materiais”, detalla a investigadora Belén Fernández. En países do norte de Europa, onde se primou a produción de biogás fronte ó tratamento dos xurros, mesmo se chegou a producir cultivos forraxeiros en exclusiva para introducilos nestas plantas e conseguir incrementar a produción eléctrica. Porén, en países como Alemaña este esquema de plantas estanse a deixar de construír pola perda de superficie agraria que supón cultivar exclusivamente para producir electricidade. Ademais, están optando por implantar os coñecidos como ‘cultivos comerciais’, especies que non son para uso alimentario e que se intercalan cos cultivos principais, de tal xeito que serven para fixar nitróxeno e carbono no solo, á vez que se destinan ás plantas de biogás. Area Outro dos condicionantes que afectou xa ó funcionamento das plantas de biogás instaladas en España para o gando vacún é a area que se emprega para as camas das vacas. Neste senso, empresas coma Norvento optan por incorporar sistemas de desareación para separala do xurro previamente. “A area en suspensión no xurro pode xerar problemas nos equipos, por iso se propoñen sistemas como os empregados nas depuradoras, que permitan a decantación da mesma”, concreta Taibo.

A cara b

O investimento que requiren as plantas de autoconsumo para unha gandería é un dos seus maiores inconvenientes, a falta de ver se se habilitan apoios públicos para estes sistemas. O desembolso sitúase a partir dos 200.000 euros, segundo estiman dende Norvento. “Os deseños axústanse ás necesidades das granxas, facemos un traxe a medida para cada gandería, polo que tamén varían os prezos da instalación”, explican. En relación ás macroplantas baralladas pola Xunta, preocupa o impacto ambiental do traslado dos xurros para o seu tratamento. Así, no canto de esparexerse directamente no campo e empregalos como fertilizante, levalos ás plantas para este tratamento previo incrementaría a pegada de carbono e os gastos, no que para algúns sería “marear o xurro”, no canto de ser un exemplo de economía circular. “En Galicia, o camiño é apoiar a vinculación da gandería de vacas coa terra, aumentando a base territorial, de xeito que os xurros se continúen xestionando sen que supoñan un problema ambiental”, valora a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba.
Os custos económicos e ambientais do traslado do xurros ás plantas e un dos principais inconvenientes 
Tamén se amosan contrarios a este tipo de macroplantas dende Unións Agrarias. “Desde a Xunta estase apostando por unha Sogama 2, co agravante de que os gandeiros terían que pagar por levar alí os xurros. É un modelo que carece de sentido”, advirte Jacobo Feijoo, secretario de Desenvolvemento Rural da organización agraria.
Reunión da comisión creada na Limia para a xestión dos xurros e o sistema de rego desta comarca.

O biogás nos modelos intensivos de carne

En comunidades como Cataluña, as plantas de biogás son unha realidade implantada e vinculada a sectores intensivos de produción de carne como o porcino. En Galicia, a macroplanta de Coren en Sarreaus, na Limia (Ourense) operaba no modelo de coxeración de electricidade mediante biogás e foi tamén unha das que pechou a consecuencia do cambio de normativa estatal, coa supresión das primas no 2012. Tras anos paralizada, Coren levou a cabo un proceso de reconversión das instalacións para que poida volver a xestionar os xurros das ganderías da cooperativa. A compañía reivindica que se trata dunha planta pioneira en Europa, na que investiron 22 millóns de euros. Logo do peche destas instalacións, a cooperativa ourensá habilitou unha nova planta de biometanización para a xeración de biogás, na que investiu uns 3,5 millóns de euros. Na Limia, principal zona de produción porcina de Galicia, anunciouse nos últimos meses a construción doutra planta de biogás impulsada, neste caso, polo grupo Arrate Energy Corp, un proxecto que foi presentado na Deputación xa a finais de 2020. O potencial aproveitamento do biogás en Galicia fai que outras empresas como Reganosa tamén estean a procurar financiación dos fondos europeos Next Generation para a construción dunha nova planta de biogás, cuxa ubicación aínda non concretaron. No marco das iniciativas para mellorar a xestión dos xurros na Limia, o pasado venres constituíuse na comarca unha comisión interdepartamental entre Xunta e Estado para mellorar a sustentabilidade do sector agrario desta comarca. O plan foi elaborado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural coa colaboración da Fundación Juana de Vega e o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia-Arnoia. O obxectivo desta comisión é concretar accións e proxectos que contribúan a mellorar a xestión dos subprodutos gandeiros e das augas, evitando e reducindo a afectación medioambiental das prácticas agrogandeiras actuais.