Archives

Escenario da industria do eucalipto en Galicia tras a sentencia do caso Ence

Se o fallo do Tribunal Supremo sobre a continuidade da planta de Lourizán se confirma como definitivo, péchase unha incertidume de décadas sobre o futuro da instalación, con independencia de que continúe o debate social e político. Ence tiña nos últimos anos bloqueados novos investimentos produtivos en Pontevedra, á espera de definir o futuro da planta, pero xa anuncia 130 millóns de investimentos en Lourizán nos próximos dez anos. A sorprendente decisión do Tribunal Supremo, que anulou sentencias previas da Audiencia Nacional contrarias á ampliación da prórroga da planta, autoriza a continuidade de Ence Pontevedra ata o ano 2073. Contra esa decisión, en principio só cabería recurso ante o Tribunal Constitucional, se algunha parte afectada considera que se violan dereitos fundamentais, se ben semella un camiño complicado. Así as cousas, Ence ten camiño aberto para redefinir o seu plan de investimentos, que nos últimos anos se centrara na factoría de Navia (Asturias), onde mesmo contemplaba a posibilidade dunha nova liña de pasta de papel coa maquinaria da planta de Lourizán. A seguridade xurídica que lle dá agora a sentencia do Tribunal Supremo levou xa a Ence a anunciar 130 millóns de euros en investimentos para Lourizán nos próximos dez anos. A compañía aínda non precisou que novos desafíos produtivos abordará na planta, se ben a priori pódense destacar tres posibilidades: ampliación da capacidade produtiva da planta, creación dunha biorrefinería de lignina, coa que valorizar a parte da madeira que non se emprega para pasta de papel, e/ou abordar unha segunda transformación da celulosa en produtos de papel tisú (papel hixiénico, rolos de cociña, etc.). Biorrefinería de lignina Son todos proxectos que Ence tivo nalgún intre enriba da mesa. Hai pouco máis de tres anos, o propio departamento de I+D da compañía plantexaba a posibilidade dunha biorrefinería de lignina en Pontevedra se a planta de Lourizán obtiña seguridade xurídica de continuidade. Ence incluso tiña potenciais clientes interesados nalgúns dos produtos que podería elaborar con lignina, como espumas ‘verdes’ para a industria da automoción ou adhesivos. O procesado da madeira nunha biorrefinería abre múltiples posibilidades de valorizar un subproduto, a lignina, que ata o de agora Ence simplemente queimaba. Coa lignina pódense obter produtos que sirvan de base á industria alimentaria (aromas, bioaceites, xilosa, etc.) e farmacéutica, así como composites (bioplásticos). Segunda transformación da celulosa A celulosa que produce Ence Pontevedra oriéntase na súa maior parte á exportación cara outros países de Europa, onde se transforma principalmente en produtos finais de papel tisú (hixiénicos, cociña, panos de papel, etc.) e, en menor medida, noutras liñas (papel de embalaxe, de imprenta, etc.). Unha opción que acaricia Ence desde antigo é a de acometer unha segunda transformación da celulosa, de cara a lograr maior valor engadido. A compañía anunciou a mediados do 2022 que proxecta unha nova planta nas Pontes (A Coruña) coa que buscaría elaborar produtos finais de papel tisú en base a papeis e cartón reciclados (70%) e a celulosa da planta de Pontevedra (30%). A instalación concíbese cuns obxectivos modestos, pois segundo anunciou Ence, produciría arredor de 100.000 toneladas de fibra ó ano, polo que pódese estimar que o consumo na instalación das Pontes de celulosa da planta de Pontevedra rondaría un 5-10% da produción desta. Cómpre salientar ademais que o proxecto esperta incógnitas no sector, pois a materia prima dispoñible en España para reciclar (papel, cartón) xa é absorbida por plantas existentes, que mesmo importan do resto de Europa un 27% das súas necesidades de materia prima. O transporte da celulosa de Pontevedra ata un segundo ciclo nas Pontes supón tamén un sobrecusto produtivo e loxístico, en comparación con plantas doutras empresas da competencia, como as portuguesas, que producen nunha mesma unidade produtiva a celulosa e os produtos finais, o que aforra custos loxísticos e tamén produtivos (primeiro, o secado da celulosa para, nunha segunda fase, proceder ó seu diluído en auga). Se é certo que Ence descarta abordar un primeiro ciclo de celulosa nas Pontes, como manifestou, unha alternativa podería pasar pola recuperación dun proxecto de segunda transformación para Pontevedra. A secretaria xeral de Comisións Obreras en Galicia xa se pronunciou hoxe a favor desta opción dun segundo ciclo en Pontevedra, en detrimento do proxecto das Pontes. Biomasa Outre elemento que chama a atención do proxecto de Ence para As Pontes é a planta de biomasa que deseñou para acompañar a instalación, pois só a planta de biomasa absorbería un investimento de 155 millóns de euros, máis do 40% do investimento total previsto. Da dimensión da planta de biomasa proxectada dá conta o feito de que superaría o investimento que se anunciou no seu día para a planta de Greenalia en Curtis (135 millóns de euros). A planta de biomasa das Pontes tería a vantaxe dun maior aproveitamento da enerxía, pois non só produciría electricidade, como a de Greenalia, senón que utilizaría o calor obtido para os procesos da planta de papel. En calquera caso, a Unión Europea está poñendo en cuestión o papel da biomasa como fonte de enerxía renovable. De retirarse a biomasa da categoría de renovables, os posibles apoios europeos a esa instalación estarían en cuestión, pois Europa é máis partidaria de potenciar unha economía circular, na que toda a madeira teña novos usos, quedando a queima como última opción. No seu día, Ence tamén barallou unha planta de biomasa en Pontevedra, se ben finalmente descartara ese investimento. Fibras téxtiles Outro dos proxectos de transformación do eucalipto en Galicia corresponde á planta de fibras téxtiles proxectada por Altri en Palas de Rei (Lugo), que fabricaría lyocell. A compañía lusa agarda á confirmación de fondos Next Generation para a instalación. Pola súa parte, Ence ten proxectos en Navia (Asturias) para a fabricación doutra fibra téxtil, a viscosa, aínda que en Galicia polo de agora descartou entrar nesa liña. En calquera caso, todos estes proxectos, tanto o de Palas como o de Navia e o das Pontes están pendentes de se reciben ou non fondos públicos Next Generatión. Se non fose o caso, a súa viabilidade sería complicada.

Valoracións sobre a continuidade de Ence

As reaccións á continuidade de Ence non se fixeron esperar no ámbito político e forestal. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, felicitouse pola nova e declarou que “gaña a sensatez e a legalidade”, en tanto desde o BNG, oposto á continuidade da planta, confirman que buscarán vías para proseguir a pugna xudicial contra a planta. O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera (BNG), ironizaba así sobre a sentencia do Supremo: “Quen ten padriño, bautízase”, afirmou, en alusión á presenza de ex-altos cargos do PP no Consello de Administración de Ence e á suposta falta de independencia do poder xudicial. Por parte do PSdeG, produciuse unha reacción máis intermedia, avogando por unha industria do papel moderna que continúe reducindo o seu impacto ambiental no entorno. No ámbito forestal, houbo felicitacións públicas á continuidade de Ence por parte do Clúster da Madeira e da Federación de Aserraderos y Rematantes de Galicia, que sempre se pronunciaran publicamente a prol da continuidade da planta. Desde os colectivos de propietarios forestais, o proceso da planta de Ence víñase seguindo de esguello, pois había o convencemento de que, en calquera escenario, o eucalipto galego mantería unha forte demanda. De tódolos xeitos, desde Asefoga, o seu responsable, Jacobo Feijoo, sí que valora en positivo “a seguridade xurídica e a estabilidade para o sector forestal e para os traballadores de Ence” que aporta o fallo do Supremo.
https://www.campogalego.gal/seis-cuestions-que-abre-planta-de-altri-en-palas-pros-contras-e-oportunidades/

O gorgullo, ¿unha ameaza para o eucalipto que está baixo control?

“O gurgullo do eucalipto veu para quedarse. É unha praga coa que temos que convivir”, coinciden en sinalar tanto asociacións forestais como empresas e Administración. A día de hoxe, tamén é bastante unánime a opinión de que a loita biolóxica, mediante a solta do parasito Anaphes nitens,foise confirmando como unha vía eficaz para combater o avance do Gonipterus platensis Marelli, principal praga do eucalipto globulus. “As medidas para controlar a praga están moito máis monitorizadas e sistematizadas que hai uns anos e o impacto real que está tendo a praga sobre os eucaliptais é moito máis reducido que hai 8 ou 10 anos, cando os danos eran terribles”, indica o presidente da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), Jacobo Feijoo.
“Se se continúa co nivel de soltas dos últimos anos, parece que a praga manterase controlada” (Francisco Dans, director da Asociación Forestal de Galicia)
Co comezo da primavera, chega tamén unha das épocas nas que se levan a cabo soltas nas principais zonas afectadas pola praga, aínda que dependendo da incidencia de gurgullo que se detecte, estes traballos poden comezar xa no mes de febreiro e comezos de marzo. Dende a Consellería de Medio Rural están xa coas primeiras soltas de Anaphes, que se iniciaron en canto se detectaron no monte as postas do Gonipterus. “Si se continúa co nivel de soltas dos últimos anos, realizadas tanto pola Consellería de Medio Rural como por outras entidades parece que a praga se está mantendo controlada”, indica Francisco Dans, director da Asociación Forestal de Galicia.
Tanto no 2019 como nestes primeiros meses do 2020, non houbo grandes defoliacións en Galicia
Os datos facilitados pola Xunta con respecto ó ano pasado e a estes primeiros meses do 2020 apuntan a unha incidencia moderada da praga en Galicia. “Tanto o ano pasado como nestes primeiros meses non tivemos grandes defoliacións nas plantacións galegas”, explica Joaquín Martel Muñoz-Cobos, xefe do Servizo de Saúde e Vitalidade do Monte da Consellería de Medio Rural. Porén, pese á redución de danos que se detectou nos últimos tempos, seguen producíndose brotes esporádicos de gurgullo en determinadas zonas. “Nos últimos anos observamos que hai unha maior afección da zona máis setentrional de Galicia, dende o Ulla cara ó norte, a zona de Ortegal e da Mariña lucense”, indica Francisco Dans. Ás veces, os danos mesmo se localizan en puntos moi concretos e de forma puntual. “Temos detectado danos puntuais, mesmo en comarcas onde a praga está controlada aparecen montes afectados”, apunta Feijoo. Bolsas con ootecas parasitadas con Anaphes nitens. // Grupo operativo Gossge.

As soltas

Este ano, dende a Xunta volverán colocarse unhas 10.000 bolsas de ootecas parasitadas por Anaphes. Cada unha delas conta cunhas 50 ootecas parasitadas que se colocan en 4.000 puntos de solta, distribuídos por toda Galicia. En función do comportamento da praga, a Administración ten delimitadas 4 zonas diferenciadas en Galicia: a Mariña lucense, a zona norte da Coruña, o resto da provincia da Coruña e Pontevedra. “Este ano non tivemos moita incidencia da praga en ningunha destas zonas. Tivemos algúns avisos dende a zona norte da Coruña, pero nós nos nosos inventarios non detectamos problemas polo momento”, concreta Martel. Tanto o comezo deste ano, como durante o 2019, non se detectaron importantes danos polo gurgullo nas plantacións de eucalipto globulus en Galicia. “Si se manteñen as condicións meteorolóxicas similares ás do ano pasado, todo apunta a que tampouco teremos moitos danos este ano, aínda que a evolución das condicións climáticas é determinante para a praga”, detalla Martel.
Este ano a Xunta colocará 10.000 bolsas de ootecas en 4.000 puntos de solta distribuídos por toda Galicia
Ademais dos puntos de solta, a Xunta conta con 174 parcelas, nas que teñen disposta unha malla, que lles permite levar un control da evolución da praga. Con estes puntos de control, 122 deles establecidos en zonas prioritarias, tamén avalían a porcentaxe de ootecas, os sacos de ovos, que están parasitados trala solta de anaphes. As parcelas funcionan asimesmo como inventarios que lles axudan para determinar o momento ideal da colocación das ootecas parasitadas. Exemplar de gorgullo do eucalipto. Aínda que a Xunta segue a ser quen lidera a loita biolóxica contra o gurgullo en Galicia, nos últimos anos realizáronse soltas por parte de empresas como Ence, entidades como a Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón (Aspapel) e mesmo comeza a ser unha opción para comunidades de montes e propietarios particulares.
No marco do proxecto Gossge realízanse soltas nunhas 6.600 hectáreas de montes galegos, asturianos e cántabros
No marco do proxecto Gossge, Grupo Operativo Gonipterus, leváronse a cabo no último ano soltas en 4.400 hectáreas repartidas entre Galicia, Asturias e Cantabria; as tres comunidades implicadas no proxecto. Esta primavera, teñen previsto realizar soltas en 2.200 hectáreas, boa parte delas na comunidade galega. En concreto, farán soltas en 1.300 hectáreas de eucaliptais galegos, en 600 hectáreas de montes de Cantabria e noutras 300 hectáreas de plantacións asturianas. “Aínda que o proxecto abarca a cornixa cantábrica, estase facendo un importante esforzo en Galicia, xa que é a que ten maior cantidade de plantacións de eucalipto”, explica José Causí, director forestal de Aspapel.

Garantir a bioprodución

Nestes momentos, unha das preocupacións dende o sector é garantir e optimizar a bioprodución de Anaphes nitens para poder levar a cabo medidas de control biolóxico conxuntas ás que realiza a Administración. “A capacidade da Xunta para asumir a loita biolóxica contra o gurgullo é limitada, xa que o número de hectáreas de eucalipto en Galicia é superior ó que abranguen dende a Administración”, recorda Francisco Gómez, enxeñeiro técnico e responsable técnico na empresa Toxo, servizos agroforestais e medioambientais, que comezou recentemente a producir ootecas parasitadas de Anaphes nitens.
“Detectamos que hai interese en dispoñer de 'Anaphes' por parte de comunidades de montes”: Francisco Gómez, enxeñeiro técnico
Polo momento, nesta empresa de A Baña (A Coruña), que comezou a especializarse na loita biolóxica hai pouco máis dun ano, cada semana producen ootecas para parasitar unhas 30 hectáreas. “Aínda que levamos pouco tempo con esta produción, detectamos que hai interese en dispoñer de anaphes por parte de comunidades de montes, porque xa se demostrou que se consegue reducir moito as perdas”, explican dende Toxo. A bioprodución de Anaphes nitens é un dos eixos do proxecto Gossge, no que están implicados tanto a Xunta como distintas entidades do sector tales como Aspapel, a Asociación Forestal de Galicia, Asefoga ou distintas empresas forestais como Ence, que se está encargando de proporcionar esta bioprodución.
Nas investigacións do proxecto Gossge, Ence determinou que unha luz difusa contribúe á cría e conservación de 'Anaphes'
Á par da produción do parasito, no proxecto Gossge tamén están a probar técnicas para optimizar o proceso. “Nestas investigacións vimos como pequenos cambios, como a cría dos anaphes cunha luz difusa, pode supor importantes melloras”, apunta Causí. Tamén desenvolveron novas bolsas de papel e de materiais biodegradables para a colocación das ootecas parasitadas. Ademais, continúan realizando estudos para tentar alongar o ciclo de vida dos ovos parasitados e multiplicar a capacidade de parasitación contra a praga.

O prezo da loita biolóxica

Unha das limitacións que ten a loita biolóxica contra o gurgullo está a ser o prezo. Aínda que hai variacións, o prezo das bolsas de ootecas sitúase entre os 45 e os 65 euros por hectárea. “De tódolos xeitos, as plantacións de eucalipto aseméllanse cada vez máis a un cultivo agrario polas limitacións da superficie dispoñible, o que obriga a facer un coidado delas para que sexan rendibles e a loita biolóxica comeza a verse como un investimento para conseguir esa produtividade”, explica Francisco Gómez.
O proxecto Gossge busca reducir os custes da producción do parásito que se emprega na loita biolóxica
Aínda que a época de maior incidencia do gurgullo é a primavera, os especialistas recomendan ter vixiadas as plantacións e valorar unha segunda solta durante o outono. Por iso, os custos ó ano poden rondar entre os 90 e os 130 euros. No proxecto Gossge tamén están a centrar esforzos para reducir estes custos para que sexan máis accesibles para os propietarios. Nos últimos traballos conseguiron reducir os gastos case a unha oitava parte.

Coordinar esforzos

Á marxe das melloras prácticas que o proxecto Gossge está conseguindo, outro dos obxectivos do grupo de traballo é a coordinación entre entidades na loita contra o gurgullo. “É moi importante unificar criterios e xerar protocolos de actuación en conxunto fronte á praga”, comenta Martel. Unha opinión que comparten outros socios do proxecto como Aspapel, Asefoga ou a Asociación Forestal de Galicia.
“É importante unificar criterios e xerar protocolos fronte á praga” (Joaquín Martel Muñoz-Cobos, xefe do Servizo de Saúde e Vitalidade do Monte)
Nesta liña están realizando prospeccións e medicións do avance da praga, empregando novas tecnoloxías como o uso de drons para o control de danos. “Polo momento temos que seguir traballando porque os datos que obtivemos cos drons aínda teñen certa distorsión, pero é moi importante conseguir un método rápido, obxectivo e barato que nos aporte información sobre o estado da praga”, recoñece Causí dende Aspapel. Precisamente, os escasos danos detectados nos últimos meses en Galicia están ralentizando novas medicións. Ademais, o uso de drons tamén se baralla como método de aplicación de tratamentos de forma selectiva, igual que continúan as investigacións para incorporar 3 novos produtos respectuosos co medio ambiente para o tratamento do gurgullo. “Non podemos agardar a que as restricións do 2030 nos tratamentos nos deixen sen ningunha outra ferramenta para o tratamento do gurgullo nos casos máis graves”, indica Causí.
Valoran o uso doutros parásitos con maior taxa de supervivencia invernal e a creación de alertas sanitarias
No proxecto Gossge tamén se contempla a creación de sistemas de alertas sanitarias para mellorar o control sobre o gurgullo. “Sería moi positivo poder dispor de alertas sanitarias, ó igual que se empregan noutros sectores como a viticultura, para que as accións teñan unha maior eficacia”, apunta Jacobo Feijoo. Ó mesmo tempo, no proxecto tamén se está priorizando a eficacia na xestión dos datos para centrar esforzos naqueles parámetros que poidan resultar de maior utilidade contra a praga. “É moi necesario seguir facendo investimentos en I+D+i para poder anticiparnos á evolución da praga”, reivindica Francisco Dans. O emprego doutras variedades de parasitos como o Anaphes tasmaniae, procedente de Tasmania (Australia) e cunha maior taxa de supervivencia invernal que o nitens, é outra das liñas nas que se está traballando. Porén, as investigacións aínda se atopan nunha fase inicial.

Recomendacións ante o gurgullo

Outra das liñas do proxecto Gossge é a difusión de coñecementos sobre o gurgullo entre os profesionais forestais. De feito, distintas organizacións forestais galegas tiñan programadas actividades formativas no monte para a primavera, que se viron interrompidas pola pandemia do coronavirus e as limitacións de movemento decretadas polo estado de alarma. Julio Ruiz Cagigal enxeñeiro técnico forestal e técnico na Asociación Forestal de Galicia, aporta algunhas recomendacións claves a ter en contra polos propietarios forestais fronte ó gurgullo: -Recoñecer a praga. “O máis importante é saber identificar os danos que causa o gurgullo na árbore para poder actuar”, explica Julio. Así, é fundamental non confundir as defoliacións que causa o gurgullo, nas súas diferentes fases, con outros depredadores. Cando os danos se producen na ramas máis altas resulta máis complicado identificalos. Mesmo poden confundirse os danos cos novos brotes e follas. “Cun pouco de práctica chega a diferenciarse ben a presenza de gurgullo”, explica. -Valorar a afección da plantación. Unha vez constatados danos polo gonipterus cómpre realizar unha valoración do grao de afección. É recomendable optar polos servizos de persoal técnico que poida recomendar os pasos a seguir en función dos danos e da cantidade de insecto que haxa. Os profesionais encárganse de estimar as bolsas de ootecas parasitadas que se precisan para a superficie afectada. -Escoller o mellor momento para as soltas. Unha das claves para conseguir unha maior eficacia no tratamento do gurgullo é determinar o momento máis axeitado para a solta. Aínda que se adoita facer na primavera, é preciso ter a certeza de que hai presenza de gurgullo na plantación, xa que senón os anaphes non sobrevivirán ó non ter ovos que parasitar. -Colocación das bolsas. Á hora de colocar as bolsas de ootecas parasitadas de Anaphes nitens é fundamental a súa disposición na parcela. Unha das recomendacións é situalas próximas a camiños ou zonas de paso ou cortalumes. Tamén se deben colocar en árbores novos, que non teñan máis de 7 ou 8 anos. Os expertos aconsellan que se fagan as soltas en días soleados, para evitar danos nas propias bolsas antes de que eclosionen os Anaphes. Ademais, é preferible que as bolsas se coloquen en zonas soleadas. -Tratamentos químicos, como último recurso. Aínda que a loita biolóxica co parasito Anaphens nitens é un método máis respectuoso co medio ambiente que outros tratamentos fitosanitarios, en ocasións, cando os danos son moi elevados é preciso optar por unha loita integrada na que se empreguen medios químicos. Neste caso, a aplicación debe facerse por especialistas e naqueles casos máis graves.

-Consulta aquí o manual de actuación frente ó gurgullo desenvolvido no proxecto Gossge. 

Ence anuncia que reforestará 5.400 hectáreas incendiadas ou abandonadas

A compañía pasteira Ence vén de anunciar a posta en marcha dun proxecto para a recuperación e reforestación de 5.400 hectáreas na provincia de Pontevedra. A iniciativa centrarase sobre todo en superficies que foron afectadas polos lumes do 2006 e que quedaron abandonadas desde aquela. Ence prevé chegar a acordos con comunidades de montes e propietarios forestais para afrontar os traballos de recuperación e reforestación das terras. En moitos casos, haberá que eliminar en primeiro lugar madeira queimada que aínda continúa no monte. Os rebrotes e a extensión do mato nos últimos anos nas zonas calcinadas constitúen un risco potencial para novos lumes, a parte de non xerar ningún aproveitamento produtivo. Esa situación de abandono, que en boa medida se debe á falta de recursos dos propietarios para recuperar os terreos, é a que trata de correxir a iniciativa anunciada por Ence.
Ence prevé adiantar un investimento de 7 millóns de euros. Plantará eucaliptos, piñeiros e frondosas autóctonas
A empresa ten previsto adiantar un investimento de ata 7 millóns de euros para a reforestación de áreas que foron pasto das lapas ou que, sen ter sido queimadas, están en situación de abandono. A recuperación das terras farase, con carácter principal, a través da plantación de eucaliptos e piñeiros e tamén se prevé a plantación de frondosas autóctonas como carballos, bidueiros e castiñeiros. As superficies reforestadas certificaranse ademais de acordo coas esixencias do selo FSC. Investimentos Ence prevé un investimento total de 7 millóns de euros e calcula que os traballos de recuperación e reforestación de terras permitirán crear 67 empregos, directos e indirectos. En canto ás rendas forestais que se poden xerar, a compañía cífraas en 42 millóns de euros nos dez anos que dure o proxecto. Desde Ence lembran tamén que só na provincia de Pontevedra hai decenas de miles de hectáreas forestais abandonadas, polo que entenden que a súa posta en valor contribúe a unha mellor xestión do territorio e á xeración de riqueza.

Ence creará en Galicia tres plantas de produción de biomasa

Ence anunciou que prevé crear en Galicia tres centros de bioenerxía dedicados á produción de estelas de madeira de piñeiro e de eucalipto. As novas plantas, para as que se prevé un investimento de 20 millóns de euros, apuntan á entrada de Ence nunha nova gama de negocio, a produción de biomasa para a súa combustión en caldeiras, unha liña que medrará un 40% en Europa nos próximos 15 anos, segundo as estimacións do sector forestal. A compañía mantén abertas numerosas incógnitas sobre a iniciativa, xa que non aclara a localización das plantas nin facilita detalles sobre as características da madeira para procesar ou sobre o seu destino. Ence si desvincula a creación das tres plantas de estelas da concesión que recibiu este ano para montar unha central de biomasa para a produción de enerxía eléctrica. En Galicia, recibiron concesións gobernamentais para centrais de biomasa tanto Ence como a empresa García Forestal, aínda que a compañía pasteira precisa que a central de biomasa é outro proxecto aparte e que previsiblemente procesará a biomasa que necesite en planta, non en centros externos. Pellets e estelas No panorama industrial da biomasa en Galicia destacaba ata agora Biomasa Forestal (As Pontes) como principal empresa do sector, con numerosas empresas de menor dimensión repartidas por toda a comunidade adicadas á produción de pellets ou estelas. O sector da biomasa galega gañará agora previsiblemente dimensión coa entrada de Ence. De cara ao propietario forestal, a biomasa constitúe unha alternativa á industria do taboleiro para a madeira de menor calidade, como puntal de piñeiro, de escaso diámetro e non apto para o aserrado. Servizos Os tres centros de bioenerxía que anunciou Ence completarán a súa actividade cunha oferta de servizos dirixida aos propietarios forestais. As instalacións ofrecerán maquinaria forestal en aluguer, así como formación na súa utilización. Tamén comercializarán sementes e plantas de eucalipto.

O eucalipto nitens busca quen o queira

O monte galego ten a medio prazo un problema co eucalipto nitens. Non hai compradores á vista para esta madeira, da que se estiveron plantando nos últimos exercicios máis de 10.000 hectáreas ó ano na comunidade, segundo as estimacións do sector forestal galego. Ence, o comprador de referencia, depende do eucalipto globulus para manter a súa posición competitiva no mercado global. O eucalipto nitens só representa un 5-10 % das súas compras e a compañía advirte de que non poderá asumir moita maior cantidade no futuro. O nitens expandiuse nos últimos anos en Galicia pola súa maior resistencia á praga do gorgullo e pola súa actitude para altitudes superiores ós 400 metros, onde o eucalipto globulus, o tradicional na comunidade, non prospera. As cortas actuais do nitens representan arredor dun 15% do total de cortas de eucalipto, un volume que é asumido pola industria do papel e, en menor medida, pola da madeira. O problema chegará nos próximos anos co aumento das cortas de nitens.
Non hai compradores á vista para toda a madeira de nitens que hai plantada en Galicia
Cando se plantou a madeira que agora se está talando, hai 12-15 anos, só se puñan en Galicia unhas 3.000 hectáreas de eucalipto nitens ó ano. Na actualidade, a cifra supera as 10.000 hectáreas ano. Cando toda esa madeira entre en turno de corta, a cuestión é quen a vai mercar. Polo de agora non hai respostas. O sector forestal, que organizou este outono unhas xornadas para debatir as estratexias de futuro para o monte galego, advirte da necesidade de novos procesos industriais que asuman tal volume. As xornadas, organizadas pola Plataforma tecnolóxica Devesa, serviron para deixar clara a inviabilidade dun uso masivo do nitens na industria do papel de Galicia e Asturias. Unha ponencia de Gabriel Toval, ex-director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, puxo de manifesto a delicada situación á que se enfronta a cadea galega da madeira – pasta de papel. Competidores de Galicia no mercado global Producir unha tonelada de celulosa en Pontevedra ou en Navia con eucalipto globulus, a madeira que aporta maior calidade, ten un custo de 371 euros. Os competidores de Galicia no mercado global son capaces de producir a tonelada de celulosa a menos de 300 euros, en boa medida polos menores custos da madeira. Chile pode producir a 270 euros, tamén con globulus; e Brasil a 251 euros, con eucalipto urograndis. Ou sexa, Galicia non é capaz de competir por prezo. Ten que competir por calidade.
Ence produce a tonelada de celulosa a 371 euros. Os seus competidores, a menos de 300
“A madeira de globulus é fundamental para a competitividade de Ence, xa que é a que nos aporta maior calidade. Podemos consumir ata un 5-10% de madeira de nitens, pero se subimos esa porcentaxe, teríamos problemas” -advirte o director de ordenación forestal de Ence, Alejandro Oliveros.- “Os custos de producir pasta con eucalipto nitens tamén son maiores, entre outros factores porque para conseguir unha tonelada de pasta con eucalipto nitens precisamos de 3,7-3,8 toneladas, cando con globulus son suficientes 2,8 toneladas”. Esa diferencia implica unha perda da capacidade instalada nas fábricas. Unha planta como a de Navia, que pode producir 500.000 toneladas ó ano de celulosa, baixaría a 392.000 no caso de usar nitens, segundo a análise de Gabriel Toval. Esa merma suporía, segundo Tovar, unha perda de cota de mercado e de credibilidade a nivel internacional. “Ence necesita que se plante globulus alí onde sexa posible e que haxa un control eficaz das pragas” -defende Alejandro Oliveros-. “O propietario forestal ten que saber as nosas necesidades e ten que valorar a quen lle vai vender a madeira que planta no monte”, conclúe.
"A competitividade de Ence depende da calidade que nos aporta a madeira de globulus" (Alejandro Oliveros, Ence)
Impacto no prezo da madeira O problema ó que se enfronta o nitens a uns anos vista é, por tanto, de falta de demanda, se ben a cuestión do prezo é outro factor a ter en conta. Ence xa aplicou este ano unha significativa baixada nas súas tarifas para o eucalipto nitens de entre 6 e 12 euros por tonelada en relación ó globulus, unha tendencia que a análise de Gabriel Toval, un reputado experto independente, confirma como lóxica. Para manter o custo de produción da pasta de papel en 371 euros por tonelada, Ence non pode pagar máis de 23 euros por metro cúbico de eucalipto nitens en pé sen casca (sen Ive) -segundo a análise de Toval-, o que traducido a madeira en pé con casca se situaría nos 16,5 euros por metro cúbico, fronte ós 33 euros metro cúbico (30,5 por tonelada) que ten agora o globulus.
O mercado do eucalipto nitens dependerá da exportación ou de novos procesos industriais
Ese menor prezo pode compensarse en parte pola maior produtividade media do nitens, actualmente uns 30 metros cúbicos de madeira por hectárea e ano fronte a uns 17 do globulus, pero a cuestión, máis que o prezo, é a falta de demanda. Buscar vías de exportación e agardar a chegada de novos procesos industriais que poidan utilizar o nitens son as perspectivas ás que se enfrontan os propietarios forestais galegos. Melloras na cadea Entre tanto, Toval advirte tamén da necesidade de reforzar a competitividade da cadea eucalipto globulus – pasta de papel. Precísase de melloras na xenética das plantas, nas técnicas silvícolas e no procesado industrial da materia prima, segundo sinalou Gabriel Toval na súa ponencia para as xornadas da plataforma tecnolóxica Devesa. O traballo de Toval foi alí presentado por outra persoa, xa que o investigador non puido asistir por problemas de saúde.

Láser para medir a madeira dunha parcela

A Cátedra Ence vén de iniciar un proxecto de investigación baseado na aplicación da tecnoloxía láser para a medición da madeira existente nas masas forestais. Esta innovadora tecnoloxía, denominada LiDAR, consiste en realizar inventarios forestais sobre a base da emisión/recepción de raios láser nunha parcela forestal determinada. A Comisión da Catedra Ence, integrada pola Universidade de Vigo e Ence, tomou a decisión de apostar pola investigación do uso da tecnoloxía LiDAR na súa reunión semestral de seguimento. Esta tecnoloxía baseada no uso do láser permite desenvolver modelos predictivos sobre os principais parámetros dos montes arbolados. Deste xeito, obtense información clave para a xestión destas masas forestais e os seus potenciais aproveitamentos sostibles. A tecnoloxía LiDAR, cuxos usos tamén están sendo desenvolvidos en lugares como Estados Unidos, Canadá ou os países de Escandinavia, representa o paso de técnicas de inventario forestal do século XIX ás do século XXI. Ademais, suporá a base da avaliación dos recursos forestais de calquera territorio, sendo extremadamente útil na toma de decisións sobre política forestal. Bolsas de traballo en Ence A Comisión Mixta Universidade de Vigo-Ence responsable do seguimento da Cátedra Ence decidiu así mesmo continuar apostando pola concesión de bolsas de traballo en prácticas, dirixidas a alumnos e alumnas da Escola de Enxeñaría Forestal, que realizarán tanto na factoría pontevedresa, como nos montes que a empresa xestiona. Igualmente, a Comisión acordou continuar a dinámica xa establecida na realización de foros de debate de alto nivel técnico sobre temas forestais vangardistas, coa celebración de un simposio sobre a implantación da Estratexia Forestal Europea, recentemente aprobada pola Unión Europea. A Cátedra ENCE, que conta con casei dúas décadas de historia, sendo o resultado dun convenio de colaboración entre a compañía e a Universidade de Vigo, con obxecto de abordar tarefas de difusión de coñecementos técnicos, transferencia de tecnoloxía e proxectos de investigación. Neste tempo ten dado múltiples froitos, sendo recoñecida na actualidade nos ámbitos forestais tanto nacionais como internacionais.