Archives

“Que xente allea ao campo entre a traballar no sector é unha necesidade, pero tamén unha gran oportunidade”

Quico Ónega, investigador do Laboratorio do Territorio da USC, é un dos responsables do proxecto Terra Activa, grupo operativo centrado na investigación e apoio aos novos entrantes na agricultura. En que consiste Terra activa e como xurdiu? Nas últimas décadas tíñamonos centrado moito en analizar os obstáculos dende o lado da oferta de terras, pero cada vez máis o problema en grandes áreas de Galicia é do lado da demanda, porque os xefes de explotación. son moi maiores e non existe relevo xeracional, polo que, ou se fai algo ou moitas terras van quedar abandoadas. Vimos a oportunidade de plantexar esta temática no marco da convocatoria do ano pasado do plan estratéxico da PAC dirixida a crear Grupos Operativos para desenrolar proxectos de innovación e desenvolvemento. Decidimos presentarnos para dar apoio e soporte aos chamados novos entrantes, pero non de xeito directo senón a través das entidades públicas e privadas que potencialmente poden axudar a estes novos. A contía é 177.644 euros e conta con fondos autonómicos, estatais e europeos. Que son os grupos operativos, quen forma parte e que obxectivos ten? Os Grupos Operativos son sempre colaborativos entre diferentes axentes do ámbito da investigación e innovación pero tamén produtores do sector primario para que haxa unha verdadeira transferencia de coñecemento, ou mellor dito, unha colaboración efectiva en pé de igualdade entre os parceiros para levar unha idea á práctica. Non se trata de que os investigadores lle digan aos produtores como facer. Trátase de que xuntos traten de levar á práctica algunha idea ou concepto do que xa existe coñecemento teórico. No noso caso as entidades colaboradoras serían a Escola de Formación Agraria de Fonteboa (EFA Fonteboa), o Laboratorio do Territorio da USC, Fundación Juana de Vega, a cooperativa Horsal e o GDR Mariñas-Betanzos e outros tres colaboradores que non son beneficiarios directos, Slow Food Compostela, Granxas Lousada SC e Eloy Galván, produtor das Mariñas. O primeiro obxectivo sería investigar e coñecer se efectivamente este fenómeno de incorporación de xente de fora do sector se está dando en Galicia e en que condicións, que necesidades teñen e como se lles pode dar apoio para que podan levar a cabo os seus proxectos no rural. Un segundo obxectivo sería xerar esas ferramentas de apoio aos chamados novos entrantes, pero non de xeito directo senón para as organizcións e institucións que poidan colaborar con eles potencialmente, porque pensamos que así tería máis impacto. O que intentamos, por exemplo, é que un grupo de desarrollo rural monte unha oficina ou ventana de apoio específica para os novos entrantes. Nestes tres anos esperamos crear unha serie de guías e recursos que unha entidade poda usar se quere apoiar ou asesoras aos novos entrantes no seu territorio. Sería dirixido a grupos de desenvolvemento rural, cooperativas, ONGs, a propia administración autonómica… Que a Consellería de Medio Rural utilice estes materiais en oficinas rurais sería o ideal. Un último obxectivo implícito sería por enriba da mesa o debate sobre a definición concreta de novos entrantes, a súa importancia e as súas problemáticas, que son ben diferentes ás dos fillos dos agricultores que collen explotacións familiares e xa mamaron esa cultura desde pequenos.
“As problemáticas dos entrantes son ben diferentes ás dos fillos dos agricultores que collen explotacións familiares”
Que se entende por novo entrante e que características e necesidades presentan? É unha persoa que se incorpora á agricultura por primeira vez, sen experiencia previa na agricultura, frecuentemente con experiencia noutros eidos e procedente da cidade. Na reforma da PAC do 2023 xa se fala explicitamente deste concepto de novos entrantes e da necesidade de apoialos. Tradicionalmente existían dúas liñas de axudas: subvencións para agricultores mozos, deseñadas a fillos de agricultores e as de mellora de explotacións agrarias. Nesta nova reforma recoñécese a importancia de telos en conta, considerando que as axudas clásicas estaban pensadas nun modelo de relevo familiar e aparece unha nova liña de axudas para maiores de 40 anos que non cumplen os requisitos de agricultores mozos e que se incorporan por primeira vez ao sector primario. Unha cousa destacable dos nosos estudos é que dos case 100 novos entrantes que localizamos nos últimos 10 anos, a metade está adoptando modelos de produción agroecolóxica, o que pulveriza os rexistros xerais de Galicia onde non chega nin ao 10% do sector. Estes modelos de produción priorizan moito a conservación do solo, a biodiversidade e boa xestion da auga e dos recursos naturais, o que significa que está entrando no sector xente con interese na xestión sustentable que apostan por un modelo de produción principalmente ecolóxico, sexa con certificado ou sen el. Dos 100 casos analizados en Galicia, 64 eran homes sendo o rango de idade máis común dos 26 aos 35 anos. Pouco máis da metade optan por produción vexetal, pouco máis dun cuarto pola produción animal e menos dun cuarto pola produción mixta. Dentro dos homes, o 65% optou pola explotación animal. En canto ás problemáticas xa se teñen feito estudos noutros sitios, pero este fenómeno e relativamente recente. Hai liñas comuns que atopamos, como o tema do acceso á terra, formación, acceso a financiación, o integrarse nun sector e nun lugar novo, a falta de contactos e de coñecementos, a relacion cos diferentes axentes e as súas dificultades, especialmente para a xente que ven do mundo urbano. Nestes casos pode haber problemas de integración social pero o máis normal é que os novos entrantes acaben sendo axentes dinamizadores do territorio, especialmente nas zonas máis deprimidas demográficamente, xa que moitas veces son familias con posibilidades de relevo xeracional. Outra dificultade que non pensamos que sería tan problemática e acabou sendo o principal problema mencionado polos novos entrantes foron as dificultades coa burocracia.
“Máis da metade dos novos entrantes optan por produción vexetal”
Por que existe tanta crítica á burocracia? É un problema tan grande? Cando falamos de agricultura, a realidade administrativa e burocrática é moi complexa porque é unha actividade que abrangue moitas áreas, polo que é moi difícil coñecer todas as normativas e nos obliga a pasar por un montón de sitios diferentes para obter informacións sesgadas porque hai cuestións que teñen que ver coa actividade económica e a fiscalidade, outras con normativas medioambientais e de manexo da terra, da auga, dos recursos naturais, con cuestións urbanísticas, de benestar e saúde animal, trazabilidade, comercialización, laboral, … Ás veces parece que hai unha mala intención dos que mandan que o queren poñer difícil pero penso que ten que ver con que é unha actividade que toca moitos ámbitos… É unha consecuencia inmediata e intrínseca da propia actividade. Precisamente as administracións deberían esforzarse en plantexar un ámbito administrativo sensato, porque ás veces nos pasamos de rosca e os propios gandeiros non ven as normas sensatas e saen a rúa a protestar, como é lóxico. Como a actividade agraria toca tantas áreas, as AAPP deberían facer un esforzo moito maior en ordear e darlle coherencia á normativa. Pola contra, recurren ao DOGa ou ao BOE practicamente para todo. Ademais, o sector agrario é tan diverso que é dificil facer unha norma que teña en conta esa diversidade, o cal complica tamén a súa aplicación real (para exemplo, o Decreto ‘dos puríns’). Para alguén que empeza de cero e que non é consciente de toda a normativa e aspectos administrativos que ten que aprender a cumplir cando vai comezar a súa explotación, non hai quen o informe de forma simultánea e integral, ten que ir a moitos sitios e se entera tarde de moitas normas. O primeiro tema é enterarse de todo o que nos afecta e despois valoralo. Isto non é nada fácil. Ti fas un plan pero non eres consciente dos límites legais ou os descubres tarde e xa tes que cambialo e ao mellor xa invertiches diñeiro. Tendo en conta o que se vai sabendo, este colectivo é máis probable que apoie as iniciativas de protección ambiental. É dicir, de partida amosan sensibilización por unha xestión responsable dos recursos naturais. Que apoie unha norma en concreto, tamén vai depender de como estea planteada. Esto non significa que no sector ‘tradicional’ non haxa sensibilidade, pero si é certo que é máis difícil mudar prácticas xa establecidas.
O principal problema mencionado polos novos entrantes foron as dificultades coa burocracia.
Cal é a situación demográfica de Galicia respecto ás explotacións agrarias e por que son importante as axudas aos novos entrantes? Salvo pequenas excepcións, a situación a nivel autonómico, estatal e europeo é moi delicada, e vai a peor. En Galica, temos algúns datos que son preocupantes aínda que atopamos grandes diferencias según a zona. No 2020 só o 8% dos xefes de explotación tiñan menos de 40 anos a nivel galego e a nivel español o dato é moi similar. Unhas 230 mil hectáreas son xestionadas por maiores de 60 anos e só 100 mil xestionadas por menores de 40 anos. A agricultora europea, e especialmente a galega, é familiar, o que significa que o relevo nas explotacións é intrafamiliar. Continúan as explotacións que xa había, pero non se abren novas, no mellor dos casos. Se o xefe dunha explotación é maior de 55 anos e non ten relevo, o máis probable é que xa non o vaia ter. É dicir, non chega con convencer aos fillos dos agricultores e gandeiros a que continúen, temos que centrarnos tamén en que aparezan novos agricultores que non veñan do sector, sexa collendo explotacións xa en marcha ou creando novas explotacións. Ou se comeza a incentivar máis a creación de moitas máis explotacións das que xa hai ou quedarán moitas hectáreas abandoadas en pouco tempo. É certo que o impacto cuantitativo dos novos entrantes é moi modesto de momento, pero ten un gran potencial cualitativo, ademais dunha vía indispensable para garantir o relevo na agricultura galega e europea, e unha oportunidade de emprego para persoas que busquen alternativas laborais. Isto pasa en toda Europa salvo algunhas excepcións como Polonia ou Austria, onde os xefes de explotacións menores de 40 anos supera o 20%. Seguimos coa idea de que Galicia é un país agrario, pero que explotacións quedan realmente? Moi poucas e localizadas en cada vez menos áreas. A relativa concentración xeográfica é moi relevante. O sector lácteo, por exemplo, vaise concentrando cada vez máis en menos áreas moi especializadas. Según o IGE, no 2022 o 75% das vacas de muxidura estaban en 44 municipios (14% do total)… Algo parecido pasa co viño, que se concentra na zona de DO e máis da metade da SAU censada polo Censo Agrario se concentraría en pouco máis de 40 municipios. O sector intensivo ten outras dinámicas, non xestiona tanta terra para o cultivo, pero precisa de terra para xestionar os puríns. O obxectivo político a nivel UE na década dos 80 ou dos 90 era ter menos explotacions pero máis grandes e competitivas, pero dalgun xeito nos pasamos de rosca. Asumíase que o axuste estructural era a vía para a ‘modernización’ do sector agrario. De novo, o problema é que o sector agrario europeo é moi diverso como para aplicar as mesmas políticas por igual, e en zonas como Galicia, o axuste significou en boa medida abandono e despoboamento. Para buscar posibles solucións sería interesante analizar as políticas que se están adoptando noutros países europeos, pero isto daría para facer outro artigo a parte.

Xornadas de emprendemento e innovación en empresas de economía social do sector agroalimentario

A Fundación Juana de Vega, no marco das axudas da Rede Eusumo para a realización de actividades de promoción e impulso do cooperativismo e da economía social, organiza unha serie de xornadas de divulgación de aspectos relacionados co emprendemento innovador no sector agroalimentario, poñendo o foco nas entidades de economía social.   As primeiras das catro xornadas previstas para 2024 terá lugar en colaboración co Centro de Promoción Rural – EFA Fonteboa (Coristanco) os días 17 e 24 de xaneiro. Esta xornada na EFA Fonteboa contará cunha parte de divulgación do emprendemento en economía social no sector agroalimentario e charlas sobre aspectos innovadores de mellora da competitividade das empresas agroalimentarias. Tamén haberá unha mesa redonda con entidades sociais do sector agroalimentario que aplican a innovación nos seus plans de negocio, así como cunha visita a unha entidade de economía social.  As xornadas teñen tres grupos destinatarios:  1. Produtores primarios locais que queiran incrementar a rendibilidade da súa explotación con novas ideas de negocio vinculadas a pequenas transformacións a escala artesanal para obter produtos alimentarios de calidade.   2. Propietarios ou traballadores de pemes agroalimentarias interesados en abordar novos desenvolvementos innovadores.   3. Alumnos e alumnas das escolas participantes (a gran parte deles menores de 30 anos) que poden ser futuras persoas emprendedoras, ben como remuda das explotacións familiares ou como traballadores das entidades do sector agroalimentario.   

Enlace á inscrición

Últimas prazas no Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega

Este martes, 5 de decembro finaliza o prazo para inscribirse na edición 2024 do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega. O programa ofrece asesoramento e formación gratuíta por parte de expertos tarnto a emprendedores como a empresas xa creadas dos sectores agroalimentario, forestal, marisqueiro e pesqueiro, bioeconomía e proxectos de base tecnolóxica relacionados cos anteriores que se desenvolvan en Galicia. En concreto, o programa ofrece dúas modalidades de aapoio: · Emprendemento: Colaboran no desenvolvemento de novas ideas, converténdoas en proxectos innovadores e competitivos. Tamén para sucesións ou recuperación de negocios familiares. · Crecemento e Consolidación: axuda a autónomos, pemes e micropemes a mellorar o funcionamento de empresas existentes a través da titorización na toma de decisións para reorganización estratéxica, investigacións de mercado, plans de financiamento, comerciais ou de márketing, etc.

Descarga aquí o programa e o formulario de inscrición

Listado de galardoados nos premios de Desenvolvemento Rural de Galicia

O conselleiro do Medio Rural, José González, vén de entregar os premios da Xunta ó Desenvolvemento Rural nas distintas categorías Mocidade Verónica Ledo e Natalia González, da Sociedade Cooperativa Galega Educalecrín, creadoras e directoras do proxecto “A educación como base para valorar a nosa terra”. Un proxecto no que participan dúas mozas, xunto cun equipo formado por educadoras sociais, psicólogas ou biólogas, entre outras, e que está orientado á formación ecosocial. Paisaxe rural O premio recaeu na adega 'A man de Prado', con Denominación de Orixe Ribeira Sacra, que mantén o cultivo tradicional das cepas, dispostas en bancais sobre o Canón do Sil, preservando “o bo facer da zona”, asegurou José González. Neste sentido, o titular do Medio Rural puxo de relevo as axudas que se porán en marcha no vindeiro 2024 para investimentos non produtivos por valor de dous millóns de euros. Estes apoios centraranse na mellora da paisaxe rural tradicional e os seus elementos representativos, así como na conservación ou recuperación de especies relacionadas co medio agrario. Posta en valor da terra agraria Johnny Trigas, co proxecto “Terra de Boborás Apicultura”. Interese social No eido do interese social, a Asociación Centro de Desenvolvemento Rural O Viso foi a galardoada polo seu proxecto integral de intervención comunitaria na comarca da Limia, cuxo fin é facer do rural non só un medio visitable, senón tamén habitable e habitado. Turismo Na categoría de Turismo o premio recaeu na iniciativa Tirolinas da Minas, de Xesteco Consultoría. Neste senso, José González destacou que “poñer en marcha actividades” coma esta “é fundamental para dinamizar a economía rural”. Agrogandería No ámbito do sector agrogandeiro, o conselleiro agradeceu o labor de ProPlantae Sanidade Vexetal polo proxecto premiado “Provide”, pois este laboratorio biotecnolóxico de sanidade vexetal e I+D+i non só contribúe ao desenvolvemento sostible e á protección do medio ambiente, senón que tamén fomenta a sustentabilidade e a calidade do rural. Muller E no que atinxe á categoría de mulleres, resultou premiada Nuria Sotelo pola iniciativa “A Casa Vella”, unha veterinaria que abandonou a súa profesión para dedicarse á creación escénica como bailarina, a súa verdadeira paixón. A súa obra mestura a danza coa natureza e o desexo dun rural vivo que poña en valor o papel das mulleres. Innovación tecnolóxica Por último, na categoría de innovación tecnolóxica, o premio recaeu no proxecto “FRUTODS: Ecodeseño e innovación tecnolóxica no rural galego”, de Solucións Conceptuais e Innovación.

Aberto o prazo para inscribirse no Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega

A Fundación Juana de Vega vén de abrir a inscrición na edición 2024 do seu Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias co obxectivo de seguir impulsando unha maior profesionalización do medio rural galego a través do acompañamento a novos emprendedores e a empresas en activo que precisen redefinirse ou medrar. O programa é unha iniciativa que a Fundación Juana de Vega apoia con fondos propios desde 2012 e que, nestes doce anos, leva acompañado unhas 110 iniciativas, das que un 80% se converteron en marcas consolidadas e recoñecidas no mercado e polos consumidores. Entre outras, está Galo Celta (produción de ovos e carne avícola), as cooperativas A Carqueixa (extensivo de vacún no Courel) e Fabas de Lourenzá (hortícola con denominación de orixe), Trasdeza Natur (froitas e hortalizas ecolóxicas e deshidratados con enerxía solar), Niufly (drons para vixiar cultivos e aplicar tratamentos ) ou as adegas Terras de Asorei e Pagos de Brigante. “O medio rural galego -apuntan desde a Fundación- é un espazo de oportunidades cun gran potencial en todos os sectores produtivos para abordar os retos que nos presenta o futuro”. “A través deste programa mostramos o noso firme compromiso para apoiar, acompañar e formar ás persoas que queiran contribuír a xerar riqueza e benestar social desde Galicia”, sinala a entidade. Neste sentido, e proba do éxito deste veterano programa, é que máis do 92% das empresas acompañadas ata o momento manteñen a súa actividade aos tres anos de vida, unha cifra superior á media de supervivencia das empresas emerxentes en España. No programa poden participar proxectos e negocios dos sectores agroalimentario, forestal, pesqueiro e marisqueiro, bioeconomía, iniciativas de base tecnolóxica e servizos relacionados con estes campos, que se desenvolvan en Galicia e poñan en valor os recursos do territorio. As inscricións para ambas modalidades poderán realizarse ata o martes, 5 de decembro na web https://programadeapoyo.juanadevega.org, onde tamén é posible consultar as bases.

Dúas modalidades, tres fases e doce intensos meses

Igual que en anteriores edicións, o PAEA conta con dúas modalidades. A primeira, denominada “Emprendemento” está orientada á creación de novas empresas, sucesións ou recuperación de negocios familiares. Busca colaborar cos emprendedores no desenvolvemento das súas ideas, converténdoas en proxectos innovadores e competitivos. A segunda, “Crecemento e consolidación”, está dirixida a empresas existentes. Pretende axudar a autónomos, pemes e micropemes para mellorar o seu funcionamento a través da titorización na toma de decisións. Entre outras accións, poderán mellorar o control de xestión, facer estudos económicos, revisar a organización estratéxica, realizar investigacións de mercado, plans de financiamento, comerciais ou de márketing. O XII PAEA constará de tres fases. Na primeira, que se desenvolverá en xaneiro de 2024, levarase a cabo a selección de proxectos cun máximo de 24 candidatos para analizar as propostas presentadas. Ao finalizar, elixiranse a 5 emprendedores e a un máximo de 6 empresas en funcionamento. Na segunda fase, entre febreiro e xullo de 2024, os seleccionados recibirán formación, titorización e asesoramento de cara á implantación na última parte do ano. De setembro a decembro do 2023, recibirán asistencia xurídica, apoio na tramitación de axudas, captación de recursos financeiros ou en calquera outro tipo de necesidade para garantir o éxito da iniciativa.

Premio e demoday XI PAEA en novembro

Por segundo ano, a Fundación Juana de Vega convoca tamén o Premio Juana de Vega ao Emprendemento Agroalimentario, na categoría de “Emprendemento” valorado en 3.000€ . O gañador poderá usalo en 30 horas de sesións de apoio con mentores especializados. A finais do próximo mes de novembro está previsto organizar un evento para presentar os proxectos do XI PAEA, durante o que tamén se fará entrega do I Premio Juana de Vega ao Emprendemento Agroalimentario.

Aberto o prazo de inscrición para a III edición do programa de incubación de proxectos de emprendemento, RR_dTerritorio

A Fundación Roberto Rivas acaba de abrir o prazo de inscrición para a III edición do programa RR_dTerritorio, unha iniciativa de incubación de proxectos de emprendemento con enfoque social e innovador para transformar o interior de Galicia. Para participar no programa é necesario inscribirse a través da páxina web www.rrdterritorio.com, que estará aberta desde o día 10 de abril ata o día 10 de maio ás 00.00 horas, ambos os incluídos, período durante o cal se poderán presentar as candidaturas.
O programa desenvólvese de maio a setembro e consta de 260 horas de formación en liña con visitas e actividades presenciais
A convocatoria está aberta a calquera persoa que estea a pensar en emprender en Galicia, agora ou no futuro, e queira formarse para facelo. En particular, o programa enfócase a persoas mozas e que se atopen en comarcas do interior de Galicia, de modo que as candidaturas priorizaranse en función deste e outros criterios establecidos nas bases. Contido formativo O programa ten unha duración total de 260 horas, repartidas entre os meses de maio a setembro de 2023, nun formato en liña complementado con algunhas actividades presenciais. A formación iniciarase o luns 22 de maio de 2023 e as persoas participantes aprenderán de forma 100% aplicada, incluíndo as seguintes temáticas:
  • Deseño de propostas de valor
  • Viabilidade económica e financiamento
  • Marketing en liña e redes sociais
  • Comunicación e pitch
  • Economía circular e sustentabilidade
  • Economía social
  • Emprendemento con propósito
Ademais, o apoio e acompañamento personalizado estruturarase a través de mentorías en liña a cargo do equipo de formadores, tanto individuais como de equipo. O programa contará tamén con visitas a empresas e a outros axentes, co obxectivo de coñecer casos inspiradores e innovadores, así como para detectar as principais necesidades e recursos que hai no territorio e que poden ser de utilidade para emprender. Rede Eusumo As actividades presenciais terán como referencia o espazo da Fundación Roberto Rivas denominado “A Moda” Rural Lab, en Silleda, e incluirán encontros de traballo xunto con outros destinados ao lecer e a comunidade.
O programa RR_dTerritorio forma parte da Rede Eusumo de colaboración impulsada pola Xunta
Na súa terceira edición o programa ofrece a oportunidade de formarse e capacitarse para emprender, a través do deseño e desenvolvemento de cinco ideas de negocio viables, innovadoras e sostibles, partindo das oportunidades detectadas no territorio e elixidas conxuntamente as persoas participantes. Nas edicións anteriores deste programa participaron xa máis de 30 persoas, que desenvolveron proxectos de emprendemento en sectores tan diversos como a biotecnoloxía, o uso de drons, a cosmética baseada en produtos locais, os licores e produtos artesanais, a agricultura ecolóxica, o turismo sostible e os servizos persoais no territorio.

Últimos días para inscribirse no programa da Fundación Juana de Vega de apoio a empresas agroalimentarias

A Fundación Juana de Vega convoca a XI edición do PROGRAMA DE APOIO A EMPRESAS AGROALIMENTARIAS, un programa de formación e mentorización orientado a axudar aos emprendedores no deseño e implantación dos seus proxectos empresariais, así como para empresas existentes que precisan abordar proxectos de mellora ou de expansión. ­ Quen pode participar? ­ Poderán participar no programa, iniciativas nos campos agroalimentario, forestal, marisqueiro e pesqueiro ou outros sectores da bioeconomía, así como proxectos de base tecnolóxica e servizos relacionados cos anteriores, que se desenvolven no ámbito xeográfico da Comunidade Autónoma de Galicia. ­ -Emprendemento: Poden participar aquelas persoas que queiran crear novas empresas ou poñer en marcha iniciativas empresariais. ­ -Crecemento e Consolidación: Poderán participar aquelas empresas que, estando en funcionamento, necesiten de asesoramento a nivel empresarial ou estratéxico. Será un requisito indispensable que os proxectos teñan un responsable de desenvolvemento dentro da empresa, que será o encargado de participar no programa. ­ ­O prazo de inscrición está aberto ata o 30 de novembro. ­

Presentados os proxectos do X Programa de Emprendemento rural da Fundación Juana de Vega

Acto de presentación de proxectos este xoves na Fundación Juana de Vega Un proxecto de valorización dos produtos da horta descartados que non chegan ao mercado, impulsado por Hortícolas Javier Miranda: o tratamento mediante solucións biolóxicas das enfermidades fúnxicas do viñedo que aporta ProPlantae; a agricultura de precisión con drons na que está especializada Beniu; e iniciativas de comercialización de leite ecolóxico (Granxa Ameixeira), de elaboración de cosmética apícola (Yaramel Cosmetics); de produción de viños na comarca de Betanzos (Pagos de Brigante) e na Ribeira Sacra (Proencia); de xestión de terras abandonadas (Ventura Souto) e de eidos como o agroturismo (Abrigadoiro de Rexa) ou a alimentación de mascotas (Chichiña), desenvolvéronse no último ano ao abeiro do programa de emprendemento rural da Fundación Juana de Vega.  O seu director, José Manuel Andrade, destacou este xoves no acto de presentación destas iniciativas as posibilidades que ofrece o rural galego en campos aínda pouco aproveitados, como o hortícola, o dos froitos vermellos, a planta ornamental, aromática e mediciñal ou o aproveitamento das 46.000 hectáreas de soutos que hai na comunidade para a creación de emprego e actividade económica e animou a todas as persoas que queiran desenvolver un proxecto de emprendemento en calquera eido do sector agroalimentario a aproveitar o apoio que presta unha entidade que neste 2022 cumpre 150 anos de vida. 
Máis de 50 iniciativas empresariais naceron nos últimos 10 anos ao abeiro da Fundación Juana de Vega
A Fundación Juana de Vega oferta con éxito o apoio ao emprendemento rural deste fai máis de 10 anos. De feito, nas dez primeiras edicións deste programa participaron un total 100 iniciativas empresariais procedentes de toda a comunidade autónoma, das cales o 56% materializáronse en empresas. Ademais, o 92% delas mantiñan a súa actividade aos tres anos de vida, unha cifra moi superior á media de supervivencia das empresas emerxentes en España, segundo destacou o director da Fundación, José Manuel Andrade.  Inscricións ata o 30 de novembro Está en marcha xa a undécima edición do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias (PAEA) co obxectivo de axudar aos emprendedores no deseño e implantación real das súas iniciativas empresariais e tamén a negocios xa en funcionamento que precisan abordar proxectos de mellora ou expansión.  As inscricións para ambas modalidades poderán realizarse ata o 30 de novembro na páxina web da Fundación Juana de Vega, onde tamén é posible consultar as bases.
Poden presentarse tanto iniciativas de nova creación c0m0 empresas xa existentes
No programa poderán participar proxectos e negocios dos sectores agroalimentario, forestal, pesqueiro e marisqueiro, así como iniciativas de base tecnolóxica e servizos relacionados con estes campos, que se desenvolvan no ámbito xeográfico de Galicia e poñan en valor os recursos do territorio. O XI PAEA conta para isto con dúas modalidades: a primeira, denominada Emprendemento está orientada á creación de novas empresas, mentres que a segunda, Crecemento e consolidación, está dirixida ao desenvolvemento de empresas xa existentes. 

A Fundación Juana de Vega convoca o XI Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias e impulsa un novo premio para elixir o mellor proxecto de emprendemento

A Fundación Juana de Vega convoca a undécima edición do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias (PAEA) co obxectivo de axudar aos emprendedores no deseño e implantación real das súas iniciativas empresariais e tamén a negocios xa en funcionamento que precisan abordar proxectos de mellora ou expansión, unha revisión da súa estratexia ou ben lanzar un novo produto. O propósito final é contribuír a acadar unha maior profesionalización do medio rural galego. O XI PAEA conta para isto con dúas modalidades. A primeira, denominada “Emprendemento” e orientada á creación de novas empresas, busca colaborar cos novos emprendedores no desenvolvemento das súas ideas empresariais, converténdoas en proxectos de negocio e materializándoas despois en empresas reais, innovadoras e competitivas, minimizando o risco de fracaso. A segunda, “Crecemento e consolidación” e dirixida ao desenvolvemento de empresas xa existentes, pretende axudar a autónomos, pemes e micropemes para mellorar o seu funcionamento a través da titorización na toma de decisións nas áreas de negocio que o requiran. Entre elas, revisar a súa definición e organización estratéxica, realizar unha investigación de mercado, crear un plan de marketing ou comercial, desenvolver unha estratexia online, revisar os seus plans de financiamento, facer un estudo económico ou mellorar o seu control de xestión. Este ano, ademais, a Fundación impulsa o I Premio Juana de Vega ao Emprendemento Agroalimentario, no cal un xurado experto elixirá o mellor proxecto entre os participantes na categoría de “Emprendemento”. O premio consiste nun cheque por valor de 3.000 euros que o/a gañador/a poderá usar en sesións de apoio con mentores designados durante un período de 5 meses.

Inscricións ata o 30 de novembro

As inscricións para ambas modalidades poderán realizarse ata o 30 de novembro na páxina web da Fundación Juana de Vega (programa.juanadevega.org), onde tamén é posible consultar as bases. No programa poderán participar proxectos e negocios dos sectores agroalimentario, forestal, pesqueiro e marisqueiro, así como iniciativas de base tecnolóxica e servizos relacionados con estes campos, que se desenvolvan no ámbito xeográfico de Galicia e poñan en valor os recursos do territorio. O XI PAEA consta de tres fases. A primeira, que se desenvolverá en xaneiro de 2023, consistirá na selección de proxectos, que se realizará a través dun obradoiro de ideas empresariais de 10 horas de duración e cun máximo de 24 candidatos para analizarán as propostas e os candidatos, e elixirase a 5 emprendedores e un máximo de 6 empresas xa existentes para pasar a seguinte fase. A segunda fase, de febreiro a xullo, suporá o desenvolvemento dos proxectos seleccionados, que recibirán formación, titorización e asesoramento. A última parte é a posta en marcha das iniciativas, entre setembro e decembro do 2023, e o seu obxectivo é apoiar e facer seguimento da empresa na implantación do seu proxecto. Para iso, os seleccionados recibirán asistencia xurídica, apoio na tramitación de subvencións ou axudas, na captación de recursos financeiros e en calquera outro tipo de necesidade para garantir o éxito da iniciativa. A Fundación oferta con éxito o apoio ao emprendemento rural deste fai máis de 10 anos. De feito, nas dez primeiras edicións do PAEA participaron un total 100 iniciativas empresariais procedentes de toda a comunidade autónoma, das cales o 78% materializáronse en empresas. Ademais, o 92% delas mantiñan a súa actividade aos tres anos de vida, unha cifra moi superior á media de supervivencia das empresas emerxentes en España.

Feira de outono das emprendedoras do rural este venres en Lugo

Este venres, 28 de outubro, celébrase en Lugo a Feira de Outono das Emprendedoras do Rural, unha xornada divulgativa na cal se fará visible o peso das mulleres no ecosistema do emprendemento rural ao través de diversas intervencións e charlas. A cita será no Mercado Municipal da Rúa Quiroga Ballesteros ao longo de todo o día. Ademáis, das intervencións e charlas de mulleres que xa son referencia no eido empresarial e rural, na feira tamén se porá de manifesto o rol que a universidade e as institucións públicas deben xogar para fomentar o desenvolvemento rural ao través da figura das emprendedoras. O evento contará cun espazo onde varias empresas e iniciativas lideradas por mulleres exporán os seus produtos e servizos. Velaquí o programa:

Máis información

Aberta a inscrición dun curso en liña de emprendemento no rural

O Ministerio de Agricultura abriu o período de inscrición da sétima edición do curso de emprendemento no medio rural, dirixido a todos aqueles emprendedores interesados en desenvolver o seu proxecto empresarial no medio rural. Os participantes neste seminario, que se impartirá en liña, recibirán información básica sobre os pasos a seguir para emprender, aprenderán a desenvolver o seu plan de negocios, adquirirán nocións sobre comunicación, cooperación e xeración de sinerxias con outras iniciativas, e desenvolverán competencias para poñer en marcha o seu proxecto empresarial. O curso, que comeza o próximo 13 de setembro, está estruturado en catro módulos, cada un deles dunha semana de duración. Estarán impartidos por profesionais cunha ampla experiencia no mundo empresarial, do emprendemento e da comunicación. O período para a inscrición neste curso, que é completamente gratuíto, finaliza o próximo 6 de setembro. As persoas interesadas en participar poden consultar o programa e realizar a súa solicitude de inscrición a través do espazo habilitado na web da Rede Rural Nacional para o Curso de emprendemento no medio rural.